ID
stringlengths
5
12
summary
stringlengths
0
1.73k
text
stringlengths
0
68.7k
NOS_58309
Malia unha polémica actuación arbitral,que supuxo a expulsión de Pablo Hernández nos inicios da segunda parte, o Celta foi quen de anotar 3 puntos diante do Espanyol en Balaídos. O Depor tamén asinou unha grande actuación no temíbel Camp Nou e remontou un partido que se lle puña de costas, facéndose cun valioso empate.
Até mediada a primeira parte non se viu fútbol de intensidade en Balaídos. Até o de entón, o partido discorría cun xogo impreciso que non conseguía inquietar ningún dos porteiros. Foi a partir dun lanzamento de córner do Espanyol, que puxo a proba Sergio, cando o encontro gañou ritmo. A partir de entón, os vigueses comezaron a encerrar o Espanyol na súa área e grazas a esa presión lograron un roubo que propiciou o primeiro gol. Nunha xogada persoal, Iago Aspas rematou picando o balón por riba de Pau López para adiantar o Celta no marcador. No último minuto, marcaba Bogondo para o Celta mais, aínda que a posición era correcta, o árbitro anulou o tanto. Deste xeito, os vigueses chegaban ao descanso con 1-0 no marcador. A segunda parte comezou mal para o Celta, pois Pablo Hernández viu a segunda amarela e ficou o equipo con 10 homes durante case 40 minutos. A expulsión do Tucu Hernández foi amplamente apupada polos vigueses, que criticaron a decisión do árbitro porque as dúas accións penadas con amarela foran dous saltos de cabeza limpos. Porén, os homes de Berizzo apenas notaron a expulsión e seguiron presionando un Espanyol que apenas era quen de chegar á área rival. O Celta aínda dispuxo de máis ocasións e seguiu xerando fútbol e abafando un Espanyol que se amosaba incapaz de reaccionar. A polémica arbitral continuou até os derradeiros minutos do partido, cando Hernán Pérez, que estaba amoestado, cravoulle os tacos a Sergio e non recibiu sanción ningunha. No tramo final, o porteiro evitou o empate do Espanyol após un saque de recuncho. A nota negativa do encontro foi a lesión de Nolito, que saíu do campo con molestias nos isquiotibiais. Á hora da edición desta información, os vigueses ocupan o 4º posto da táboa de maneira provisional. Celta: Sergio, Hugo Mallo, Cabral, Planas, Augusto, pablo Hernández, Bongonda (Borja Fernández, min.70), Orellana, Nolito (Pape Cheikh, min.86) e Iago Aspas (Guidetti, min.80) Espanyol: Pau López. Víctor Sánchez (Asensio, min.68), V. Álvarez (Burgui, min.53), Gerard, Pape Diop, Javi López, Hernán Pérez, Fuentes, Caicedo (Mamadou, min.48), Álvaro e Raíllo Goles: 1-0, min.42: Iago Aspas Árbitro: Fernández Borbalán, do comité andaluz. Expulsou con dupla amarela Pablo Hernández. Amoestou Hernán Pérez, Víctor Sánchez, Pablo Hernández, Augusto e Orellana. O Depor remonta un 2-0 no Camp Nou e consegue traer un punto para a casa O Deportivo, pola súa banda, asinou un meritorio empate e trouxo para A Coruña un punto que sabe a vitoria. Os coruñeses lograron remontar un partido que se lles puña de costas con dous golazos de Messi e Rakitic. Foi após os goles cando o Depor se veu arriba e foi quen de facerse cun punto con marcado carácter galego. Foron Lucas Pérez e Álex Bergantiños quen subiron o empate ao marcador. O primeiro gol do Barça chegou no minuto 38, no segundo lanzamento directo de Messi a porta, que bateu Lux pola escuadra. Lonxe de virse abaixo, o Depor seguiu presionando na área rival e imprimiulle un maior ritmo ao encontro após o descanso. De feito, os coruñeses apertaron a defensa culé con tres ataques con perigo en catro minutos. Rakitic conseguiu no minuto 61 o segundo gol para o Barcelona despois de bater Lux cun disparo desde fóra do área. Cando os culés parecían levar os tres puntos no peto, o Depor avisou cun disparo envelenado de Cardoso que foi dar ao pau e que Lucas Pérez meteu dentro da rede. Porén, a xogada estaba invalidada por fóra de xogo. Na seguinte acción, o coruñés non perdoou e bateu o meta chileno no minuto 77. O gol de Lucas Pérez deulle azos ao Depor, que conseguiu o empate no minuto 85 grazas a Bergantiños, que marcou após un centro de Lucas Pérez. Á hora da edición desta noticia, o Dépor sitúase no posto 6º da clasificación. Barcelona: Bravo; Dani Alves, Piqué, Mascherano, Jordi Alba (Mathieu, min.76), Sergio Busquets, Rakitic (Sergi Roberto, min.72), Iniesta, Messi, Luis Suárez e Sandro (Munir, min.68). Deportivo: Lux; Laure, Arribas, Sidnei, Navarro, Bergantiños, Fajr, Luisinho (Juan Domínguez, min.46), Juanfran (Cardoso, min.70), Jonathan (Luis Alberto, min.58) e Lucas Pérez. Goles: 1-0: Messi, min.38. 2-0: Rakitic, min.62. 2-1: Lucas Pérez, min.77. 2-2: Bergantiños, min.85. Árbitro: Sánchez Martínez (Comité Murciano). Amosoulle amarela a Luisinho (min.41) e Laure (min.72).
PRAZA_18294
O debate non debería versar sobre persoas, sobre baronías, sobre cotas de poder, senón sobre horizontes estratéxicos transformadores. Se conseguimos que este sexa o debate real, entón tamén podemos conseguir a recuperación da ilusión que hai anos este proxecto xerou. E pódese.
1- Do manifesto "Mover ficha" á actualidade Pasou xa moito tempo desde os inicios, nos que un número relevante de asinantes, nun prazo determinado avalaría a construción dunha nova organización política. Número e prazo víronse superados nas previsións, moi superados. Aquel manifesto non só quedou atrás no tempo, senón que, desgraciadamente, quedou moi atrás na política, sendo abandonadas pouco a pouco as súas ideas por unha moderación no discurso e na práctica e por un abandono tamén da súa clara mensaxe rupturista. Unha mostra abonda: unha das ideas máis exitosas daquel momento foi a da "casta"; hoxe en día semella que se está a mendigar a participación en gobernos dirixidos por parte "daquela casta". E no seu primeiro congreso estableceuse un modelo de partido, que tampouco se compadecía nada ben co que o antedito manifesto semellaba que nos propoñía. Resumindo, o modelo "populista" afastábase cada máis do pobo, establecendo un abismo entre a dirección e as bases, construíndo un partido de elites, as únicas capacitadas para debater entre elas e tomar as decisións políticas, que logo confirmaban plebiscitariamente as bases virtuais. No medio, os círculos, ninguneados; e de ser asembleas de debate, abertas, pasaron a ser lugares para charlar, pero sen capacidade de influencia directa na organización, pois non había ningún mecanismo que establecese algún tipo de conexión entre eles e a elite do partido. 2- O cemento identitario de Podemos: liderado carismático e emotividade Co modelo de partido instaurado en VistAlegre I, e coa anteriormente sinalada desactivación dos Círculos, irá esmorecendo pouco a pouco a vida interna política de Podemos; e coa desaparición da vida interna política, entón o que vai unir a Podemos, a esa base virtual de inscritos, non é tanto unha liña política, uns principios políticos, un modelo organizativo, senón que vai ser ese liderado carismático, como "significante baleiro". Cada vez máis se vai substituíndo Podemos por unha elite, e dentro da elite, polo liderado supremo. A ausencia de política, o establecemento da total verticalidade política, ao máis vello estilo, substituirá a esta pola emoción, á imaxe dos seguidores dun equipo de fútbol, como quería algún dos seus líderes: iso se quería en Podemos, a adhesión inquebrantábel, a asunción da pertenza, que non da participación, cegada e negada. E tamén unía a indignación; pero a indignación sen política non serve de nada. Ou, o que sería peor, se non damos contido político rupturista á indignación, outros poden darlle un contido radicalmente oposto, como está a facer a extrema dereita en toda Europa; e non só en toda Europa. Chegouse a dicer que en España non había extrema dereita porque había Podemos, porque Podemos canalizara a indignación politicamente cun proxecto de esquerdas. Entón, ou se recupera claramente ese proxecto rupturista, ou podemos deixar un camiño aberto para opcións radicalmente opostas no político e emotiva e irracionalmente máis fortes. 3, A anterior Asemblea Cidadá galega, coa política e o modelo organizativo ausente Na anterior asemblea cidadá galega presentábanse tres candidaturas á secretaría xeral e tres listas para o Consello Cidadán. O problema que resultou foi que a ausencia de debate fixo imposíbel saber porque se ía votar a unha ou a outra persoa, a persoas dunha lista ou doutra. Ao final, son as habilidades retóricas, as habilidades nas redes sociais as que decantan para unha beira ou outra as votacións, pois nin tan sequera en debates ou en entrevistas cruzadas quedou claro que diferenzas políticas había. Semella como se en Podemos se tivese medo a "entrar en política", ou a facer público que hai distintas opcións tácticas, de alianzas, de organización. Ao final, o que queda de todo vén sendo que todo se reduce a un conflito personalista, a unha loita polo poder, a unha ambición por situarse mellor dentro dos pequenos ámbitos de poder autonómicos ou locais, a ter un enlace máis directo cos que exercen a dirección política, a elite de Madrid. 4- Asemblea Cidadá Galega de 2018: máis do mesmo E se a anterior asemblea cidadá tivo esas características ás que acabamos de referirnos, esta que está a comezar vai polo mesmo camiño. E iso que as condicións agora reclamarían un debate maior e unha valoración dos últimos dous anos. De novo, en vez de chamar á política, de promover debates políticos, de manifestar as diferenzas políticas, tanto tácticas como de alianzas, de facer patentes os modelos organizativos, a súa ocultación o que se está a conseguir é que os verdadeiros activistas de Podemos, os que seguen a participar, dalgún modo, nos Círculos, estean alleos ao que se está a xogar nesta Asemblea Cidadá, reducida aparentemente a un puro enfrontamento personalista. E iso que, neste caso, era bastante doado; habería que facer un balance, rotundamente crítico, da práctica antiestatutaria da dirección anterior de Podemos Galiza; e tamén daquelo á que se uniu esta: a ausencia dunha dirección política. Pero toda esta desfeita non era ignorada pola dirección central, pola elite de Podemos no poder; e cando esta dirección, a galega, onde debía estar era no Comité de Garantías, resulta que a súa práctica, chamarlle política sería improcedente, recibiu toda a aceptación desas elites centrais. Moito xogo político daba o reiterado espectáculo da Secretaría Xeral, facendo unha consulta manipulada, cunha interpretación manipulada do resultado, cunha convocatoria aos fieis cando se lle impón desde Madrid a outra opción de confluencia e, finalmente, manifestando, cando había oportunidade de facelo, a súa non fidelidade ao proxecto, que se lle impuxera desde Madrid e que esa Secretaría asinara en Galiza. Esta situación debería dar lugar a un debate político sobre as futuras relacións de Podemos co resto das forzas do cambio, e en particular con En Marea. Ese debate político tampouco semella que estea á orde do día; e, mesmo, se todas as candidaturas participasen, ou non, da mesma idea de como confluír, ou non confluír, ou con quen, no seu caso, debería facerse patente para que a afiliación de Podemos a coñecese, coñecese os argumentos e puidese opinar, puidese debater e puidese coñecerse cal era a opción política maioritaria ao respecto entre a "militancia" de Podemos, entre as persoas que se manteñen activas. Pero a política se lle subtrae a todos aqueles que aínda participan en Podemos. As únicas persoas capacitadas para debater politicamente e para tomar as decisións correctas son as direccións; e unha vez decidida a política correcta, as bases, a xente, os inscritos, non teñen outra que confirmala. Os Círculos, os "militantes", condenados, unha vez máis, ao silencio, á irrelevancia. E, finalmente, aos inscritos se lles pedirá que elixan entre opcións; pero cun pequeno problema, por que van elixir unha ou outra, con que criterios, por que motivos políticos, se a política "nin está nin se lle espera"? 5- O debate: como cambiar o mundo, e con el Galiza, de base Pódese converter esta asemblea cidadá galega de Podemos Galiza nunha nova oportunidade perdida ou pode converterse no inicio nun cambio de tendencia da organización. Para que sexa isto último debemos ter claros os nosos obxectivos, construír unha organización rupturista, antineoliberal, que defenda o dereito de autodeterminación dos pobos, republicana, feminista, ecoloxista, comprometida cos intereses das de abaixo. Debemos debater sobre como orientarnos cara iso, o que significa promover as confluencias coas forzas do cambio, fóra de patriotismos de partido, no sentido de contruír un partido-movemento no que caiban todas as forzas e sensibilidades que tamén se presentan cambiar o mundo, e por tanto Galiza, de base. Temos que debater tamén sobre como reconstruír a vida interna política da organización, repensar o papel dos círculos como ferramenta de construción política fundamental, de debate e participación, o que debería levar a establecer os mecanismos horizontais de influencia real nas decisións de Podemos Galiza, abandonando o modelo verticalista imperante. Nese sentido, é necesario repensar o modelo para que Podemos Galicia acade máis autonomía e capacidade de decisión, para que non fique reducido a unha mera franquía de Madrid, senón que bote raíces reais no territorio en constante interacción cos movementos sociais. Unha ferramenta útil para unha transformación social radical. Precisamos que Podemos axude a construír un espazo do cambio que non se subalternice ao PSOE, que non se contente con servir de "muleta" deste partido de Réxime, senón que aspire a gañar non só no terreo electoral, senón a implusar e alimentar a mobilización social para arrancar máis dereitos e axudar a xerar un músculo social imprescindible. Precisamos un cambio, non un "recambio". O debate, por tanto, non debería versar sobre persoas, sobre baronías, sobre cotas de poder, senón sobre horizontes estratéxicos transformadores. Se conseguimos que este sexa o debate real, entón tamén podemos conseguir a recuperación da ilusión que hai anos este proxecto xerou. E pódese. Publicidade
NOS_41843
A CNT denuncia "fraude" no seu persoal temporal e pide paralizar a Oferta Pública de Emprego
O persoal temporal do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar afiliado á CNT decidiu en asemblea por ampla maioría convocar unha folga de 24 horas o día 18 de febreiro para defender os seus postos de traballo tras a comunicación por parte da Xunta dunha oferta de emprego público (OPE) o pasado decembro. O anuncio realizouse durante unha concentración de protesta diante dos servizos centrais deste organismo en Compostela na que o persoal berrou consignas como "As que estamos nos quedamos", "Fixeza xa", "Feixoo escoita, o Consorcio en loita" ou "Non ao ERE ás mulleres", referíndose neste último caso, á evidente discriminación por razón de sexo que se produciría de executarse o plan da Xunta. "Coa OPE unhas 1.200 persoas quedarán na rúa e 95% delas son mulleres cunha media de idade de entre os 40 e os 50 anos", relata Pablo Fernández, delegado da CNT, a Nós Diario. Este traballador entrou hai 13 anos por oposición cun contrato temporal como psicólogo de centro de día. "A lei permite 3 anos como moito e ao final as prazas son estruturais polo que estamos en fraude de lei", sentenza. En decembro, sobre este tema, o xulgado do social de Ourense ditaminou unha sentenza de fixeza para unha traballadora temporal que superara en 2007 un proceso de selección. Desde as Galiñas Azuis até os centros de día O persoal convocado á folga pertence ás escolas infantís da Galiña azul, centros de día, fogares residenciais e todos os centros de traballo da rede do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, incluíndo o persoal de servizos centrais. A folga convocada terá carácter indefinido no tempo, iniciándose o día 18 de febreiro de 2021. Este día 18 de febreiro de 2021 terá unha duración de 24 horas, comezando ás 00 horas e rematando ás 24 horas. Despois deste día 18 de febreiro de 2021, consistirá en paros de tres horas todos os xoves, comezando ás 8 horas e rematando ás 11 horas cada quinta feira. A convocatoria xurdiu, segundo este sindicato, tras seren solicitadas en varias ocasións reunións cos responsábeis da Xunta "sen que a día de hoxe se tivese resposta algunha por parte da Administración". A CNT apoiou tamén a participación na caravana de coches do domingo 31 de xaneiro ás 11h con saída do Pazo de Congresos de Compostela e que rematará na sede central da RTVG.
NOS_56022
O Goberno local e os grupos municipais do BNG, PSOE e da Marea, da man de colectivos sociais, veñen de poñer en marcha unha campaña contra a permanencia do complexo de ENCE en Lourizán e pola recuperación da ría de Pontevedra.
Todos os grupos políticos con representación no Concello de Pontevedra agás o Partido Popular veñen de emprender unha campaña multimedia baixo o lema "Ence fóra para sempre" co fin de acabar co complexo que a empresa ten na ría. Nos próximos días, tal e como informa o Goberno municipal, estrearase a web desta iniciativa da que tamén participan asociacións ecoloxistas, veciñais e profesionais . Ademais publicarase o Libro Branco sobre Ence, con preguntas e respostas sobre a realidade da empresa. Coa campaña preténdese mobilizar a cidadanía de maneira "explícita e contundente" para tratar de pórlle freo á inminente decisión do Goberno do Estado e da Xunta de prorrogar a concesión de Ence en Lourizán por 50 anos, un prazo que podería estenderse aos 60 anos coa actual Lei de Costas. "Só a presión social sobre Ence e o PP de Pontevedra e de toda a comarca será quen de impedir a prórroga", salientaron os portavoces das asociacións ecoloxistas Defensa da Ría e Vaipolorío na presentación desta campaña. O alcalde de Pontevedra, Miguel Fernández Lores, advertiu de que evitar a prórroga a Ence "é unha responsabilidade de todos e todas".
PRAZA_11036
Na primeira xuntanza de seguimento do pacto político para o inicio do mandato socialistas e Marea acordan iniciar xa a modificación do regulamento das escolas para que poidan ser de balde no curso 2020-21 e poñer en marcha o proceso para constituír a Área Metropolitana coruñesa
O pasado xullo A Coruña viviu un escenario político pouco habitual. A forza que viña de lograr a alcaldía, o PSdeG, pechaba un pacto coa que a viña de perder, a Marea Atlántica, composto por varias liñas políticas para o primeiro ano e medio do mandato. En virtude dese acordo os votos da Marea, que foran esenciais para a investidura da alcaldesa Inés Rey, xuntaríanse aos dos socialistas para diversos plans sociais e urbanísticos, varios deles coincidentes cos acordados polo PSdeG co BNG, no seu caso para todo o mandato.Na primeira xuntanza de seguimento do pacto político para o inicio do mandato ambas forzas comprometéronse a iniciar xa a modificación do regulamento das escolas para que poidan ser de balde no curso 2020-21Transcorridos os primeiros cen días do novo período municipal ambas forzas xuntáronse este martes para constituíren a "comisión de seguimento dos acordos" que contemplaba o devandito primeiro pacto. José Manuel Lage, voceiro do Grupo Socialista e do goberno; e María García, voceira da Marea, rubricaron na xuntanza un novo documento cunha ducia de prioridades entre as que destaca a activación da reforma para que a rede de escolas infantís municipais, composta na actualidade por nove centros, sexa gratuíta para a veciñanza no vindeiro curso, o 2020-21.Nomeadamente, ambas forzas comprométense a que "no mes de outubro se impulsará a modificación do regulamento das escolas infantís municipais" para concluíla "antes de febreiro de 2020". Esta reforma, xa apuntada no primeiro acordo, "suporá a gratuidade do ensino de 0 a 3 anos a partir do curso escolar 2020/2021", indica o documento, que contempla que "os orzamentos sucesivos conten coa partida económica necesaria" para sufragar a medida.Tamén en materia social o acordo contempla que, igualmente no mes de outubro, se constitúa "un grupo de traballo bilateral para a concreción das bonificacións no billete do autobús urbano para menores de 25 anos e maiores de 65 sen custo engadido para o Concello". O prazo para a entrada en vigor destes descontos sería "o primeiro semestre de 2020".No ámbito urbanístico e territorial PSdeG e Marea comprométense a activar no mesmo mes de outono o proceso de constitución da Área Metropolitana da Coruña. Así, o pleno do 3 de outubro dará luz verde ao inicio deste proceso, que implicará a comunicación do mesmo á Xunta e a fixación dun horizonte temporal para a aprobación do texto do "anteproxecto de lei, previsto para o primeiro semestre de 2020", no que se basearía a nova área.Socialistas e Marea acordan tamén a posta en marcha do proceso para constituír a Área Metropolitana e a empresa municipal de enerxía Igualmente, na liña do pactado en xullo PSdeG e Marea prevén que "entre outubro e novembro" o consello de administración da empresa municipal de augas "defina as liñas básicas do proxecto de constitución dun operador enerxético 100% municipal", ao xeito do creado en Barcelona no pasado mandato. Ao tempo, o mesmo horizonte do outono é o fixado para poñer en marcha a comisión sobre os terreos portuarios.Tanto José Manuel Lage como María García congratuláronse, nunha comparecencia conxunta ante os medios, congratuláronse da continuidade do diálogo entre as forzas da esquerda municipal e da súa concreción en medidas "progresistas". Neste sentido, ambas forzas admiten continuar abertas a unha eventual entrada da Marea no goberno municipal cara á segunda metade do mandato.
NOS_14985
Jordi Évole entrevistou o narcotraficante, que afirma que a última vez que falou co presidente da Xunta foi en 2001. O líder popular asegurara que cortara relacións en 1997.
Lo de Évole emitiu finalmente a entrevista con Marcial Dorado, un programa cuxa emisión en marzo se cancelara por mor da epidemia do coronavirus. A conversa entre o xornalista catalán e o narcotraficante arousán gravouse nun domicilio deste e durante un dos seus permisos. As fotos de Dorado con Feixoo publicadas por El País centraron boa parte do programa. "Coñezo a honradez de Feixoo, se podo votareino", afirmou Marcial Dorado na recta final do programa e despois de lle preguntar Évole se vai votar nas eleccións galegas. "Sabíao todo o mundo" As polémicas fotos foron atopadas nun rexistro da Axencia Tributaria na casa de Marcial Dorado. Este nega a filtración das mesmas ao país ("eu odio facerme fotos") e explica que a súa amizade co agora presidente da Xunta era algo evidente: "nin eu nin Feixoo andábamos ocultos, sabíao todo o mundo". Feixoo non bebe, non fuma, non ten vicios... sempre foi un vello Na conversa aparece Manuel Cruz, chofer da Xunta e personaxe escura morto nun accidente de tráfico. Foi a través del e nun xantar na Coruña, rememora, como coñeceu Feixoo. A partir de aí, navegacións en iate ("non é un iate, é un barco"), viaxes polos Picos de Europa, Portugal, Ibiza... "Feixoo non bebe, non fuma, non ten vicios... sempre foi un vello", asevera o arousán. "Se queres ser algo, afíliate ao PP" "Non me gustan os políticos", di, para aclarar que cando coñeceu Núñez Feixoo este era número 2 da Consellaría de Sanidade ("era un gran xestor pero eu non o consideraba un político"). Afirma que "cando eu o coñecín non estaba afiliado ao PP" e mesmo que lle dixo: "se queres ser algo, terás que afiliarte ao PP". Amizade O narcotraficante móstrase doído pola negación pública de Feixoo da amizade após ser publicadas as fotos. "Agora vese que é un político", di con amargura. "Eu considerábame amigo", prosegue, "se durmes na miña casa, se a miña muller che fai o almorzo... " Doído, afirma que a amizade rematou cara a 200-2001 porque "son eu o que me vou" e engade que en 2001 Feixoo chamouno para xantar xuntos. O que contrasta coas explicacións dadas no seu día polo presidente da Xunta, que aseverou que rachara toda relación co narco pasado mediados dos 90 ao saber das súas actividades. Afirma que "cando eu o coñecín non estaba afiliado ao PP" e mesmo que lle dixo: "se queres ser algo, terás que afiliarte ao PP".. Incide o arousán en que "xamais fixemos xuntos" e que Feixoo "non sabía a que me dedicaba", se ben naquel tempo, década dos 90, o seu nome xa aparece ducias de veces na prensa ligado a actividades ilegais. Visitas en prisión A conversa adquire maneiras de serie negra cando Dorado, que en 13 anos de cárcere en 22 prisións españolas non perdeu o seseo da Arousa; fala de visitas e ofertas de liberdade a cambio de "botar lixo". Así, indica que por 2 veces recibiu en prisión a visita de dúas persoas enviadas desde o PP de Madrid, apuntando que era un ministro como a persoa que estaba detrás desa visita, para preguntarlle se estaba disposto a "botar lixo" a cambio de certos beneficios. Preguntado sobre quen sería o destinatario dese "lixo", Dorado sinala que eran Mariano Raxoi e Núñez Feixoo. Mais esta non foi a única visita destas características. Así, explica que en 2005 "xente enviada polo PSOE a través dun ministro" (ao que previamente fixera chegar unha nota a través dun coñecido) reuniuse con el na súa casa. O obxectivo? Segundo o narco, querían que "botase lixo" contra Feixoo nun ano de eleccións galegas. "Dos bos" Dorado aproveita a entrevista para negar que sexa narcotraficante ("quero ser lembrado como o fillo da Ramona, non un narco"), indicando mesmo que de selo, "sería dos bos" e non estaría preso.
NOS_31583
A Coordenadora Nacional insta a desenvolver un encontro no mes de xullo que incorpore estes "novos continxentes". Pola súa banda, Mareas en común defende as primarias cun censo único.
O portavoz nacional de Anova, Xosé Manuel Beiras, compareceu publicamente este sábado (9 de xullo) no marco da Coordenadora Nacional da formación, reunida en Teo. Anova insta a incorporar Foro galego e o Chamamento de Vidán a En Marea e organizar un encontro este mes de xullo En declaracións á imprensa recollidas por Europa Press, Beiras sinalou a aposta de Anova en incorporar "novos continxentes" a En Marea, concretamente aqueles que xa amosaron a súa vontade de se integrar como Foro Galego e as persoas que asinaron o denominado Chamamento de Vidán. Neste senso, dixo, desde Anova queren "contribuír á interlocución con todos os espazos da cidadanía que están dispostos a se integrar nas mareas". "Sabemos que son moitos, incluídos continxentes de cidadáns activos ideolóxica e politicamente no nacionalismo de esquerdas". Ese proceso que visa, explicou Beiras, a "ampliación e reformulación" de En Marea debería culminar nun "grande encontro" este mesmo mes de xullo do que saia un novo órgao de coordenación de En Marea que incorpore xa estas persoas e/ou grupos incluídas tamén as Mareas en Común que este sábado se reuniron na Estrada. Beiras defendeu a incorporación de "algunhas aportacións" deste espazo "sobre todo no plano da metodoloxía". Candidatura de "consenso" A respeito da persoa que se candidatará á presidencia da Xunta de Galiza nos comicios de outono Beiras defendeu un candidato de "consenso" elixido polos "conxuntos colectivos" que fan parte de En Marea (Anova, Podemos, EU e as mareas municipalistas) e "non cociñado desde arriba" que, en todo caso, podería ser sometido á ratificación do conxunto das persoas que participan na Marea. Primarias con censo único Mareas en común acordaron este sábado no encontro de traballo desenvolvido na Estrada lanzar un chamamento ás forzas políticas que se insiren en En Marea para convocar unha asemblea constituínte da que resulte a candidatura ás eleccións de outubro. Neste senso, aprobaron un documento no que sentan as bases metodolóxicas de cara á configuración da candidatura, entre elas, a escolla através de eleccións primarias das persoas que comporán as listaxes e que prevén sexan desenvolvidas através dun único censo. Cuestións que se amosaron dispostas, segundo recolle Europa Press, a debater mais sen que se modifiquen "os elementos centrais".
PRAZA_14446
O equipo do Morrazo non puido cun rival que conta os seus partidos por vitorias.
O Cangas Frigoríficos de Morrazo caeu ante o Balonmán Aragón por 25-32 este sábado no Gatañal nun encontro da cuarta xornada da liga Asobal de balonmán. O conxunto aragonés, que conta os seus partidos por vitorias, demostrou ser un dos equipos a seguir na categoría e superou o Cangas, recentemente ascendido. O Cangas suma unha vitoria en catro partidos e sitúase no undécimo posto dos 16 equipos da competición. A vantaxe acadada polo Aragón no último tramo da primeira metade foi definitiva O Balonmán Aragón conseguiu unha vantaxe,ó final definitiva, no último tramo da primeira metade. Antes, o Cangas realizou un inicio prometedor. Ós 11 minutos gañaba 4-2 e o Aragón levaba 6 minutos sen marcar. A anotación era baixa, o que favorecía ó Cangas, segundo equipo menos goleador da Asobal polo de agora.Pero só foi un espellismo. Mariano Ortega, adestrador do Aragón, solicitou un tempo morto que cambiou o rumbo do partido. Nos 19 minutos restantes do primeiro período os aragoneses endosaron un parcial de 13-4 ós locais. O Cangas non acertaba nos seus ataques e era incapaz de conter ás internadas dos xogadores visitantes. Só o facían con faltas e ás veces con exclusións de 2 minutos. En ataque, o conxunto galego pasouse 10 minutos sen marcar entre o 14 e o 24 do primeiro acto. Entre mentres, o Aragón seguía ó seu ritmo. Os tempos mortos de 'Pillo', o adestrador local, tampouco conseguían variar a dinámica. En resumo, o Aragón xa se afastara no marcador ó descanso ata o 8-15. Os 8 goles amosan o desacerto ofensivo do conxunto cangués. O Cangas amosou unha mellor versión tras o descanso. Máis intenso, máis enchufado, máis loitador. Sobrepúxose á exclusión de Amarelle e aumentou o seu índice goleador. Pero o Aragón seguía marcando e mantiña a súa vantaxe no electrónico. Co paso dos minutos, incluso foi a máis. Conseguiu a renda máxima do encontro co 13-22. Reaccionou o Cangas grazas ós tantos do central David García, máximo goleador con 7 goles, e do extremo dereito montenegrino MarkoLasiça. Así, colocouse a cinco goles do Aragón no 18-23, e tamén máis tarde no 19-24 e no 20-25. Eran os mellores minutos do Cangas, tamén posibilitados por algunhas paradas de mérito de JaviSantana. Non obstante, os locais seguían sumando exclusións, seis ó longo de todo o partido por só dúas do Aragón. No tramo final, o equipo de Mariano Ortega volveu afastarse no marcador da man de Antonio Cartón, máximo goleador do partido con oito goles. O extremo dereito suma 29 tantos en catro partidos e é o máximo goleador do seu equipo na presente liga Asobal. Finalmente, o Cangas maquillou o marcador ata o 25-32 final. Sete goles abaixo para un equipo que terá que loitar para lograr a salvación na máxima categoría do balonmán español. Tamén convén subliñar que o Gatañal dedicou un sentido minuto de silencio a Juan Soliño, encargado do mantemento da pista e pai de dous xogadores do Cangas, Suso Soliño e Rubén Soliño, que faleceu recentemente.
NOS_10260
O número dous do PP galego, Miguel Tellado, fala da "deslealdade institucional" do Goberno do Estado con Galiza pola débeda do IVE.
O secretario xeral do PP na Galiza, Miguel Tellado, asegura a Nós Diario que o Estado "pechou" a vía do "diálogo" coa Xunta a respecto da débeda do IVE e que esta é a "principal" demanda que mantén o Goberno galego co Estado. "Despois diso falamos de todo o demais", asevera desde a sede popular en Compostela. —Por que non aceptou o Partido Popular reclamar a débeda do IVE cando o BNG o propuxo no Parlamento galego hai uns meses? Nós cremos que lamentabelmente temos que chegar á vía xudicial logo de esgotar todas as vías previas que o razoábel aconsellaba esgotar. Agora que a propia ministra recoñece que o Goberno non vai facer fronte a este pago, é o momento de acudir á vía xudicial. Entre Gobernos que manteñen unha relación de lealdade institucional o lóxico é esgotar as vías de diálogo e, cando esas vías se pechan por parte dunha das bandas, é preciso acudir á vía xudicial. —É esa "deslealdade institucional" da que fala o presidente da Xunta nas últimas semanas? É unha deslealdade institucional incluso porque o Goberno de Pedro Sánchez incumpre os seus propios compromisos. A ministra, nunha xuntanza en agosto de 2018, comprometeuse co presidente da Xunta a desbloquear esa cuestión. Non o fixo en ano e medio e agora, abertamente, din que non o van a pagar. —Levaría a Xunta aos tribunais un Goberno de calquera cor política? Creo que xa o fixemos, que houbo reclamacións ao Goberno de Mariano Raxoi coa mesma intensidade. A proba disto é que o Goberno de Raxoi contemplou nos orzamentos de 2018 o pago dese diñeiro do ano 2017, o que pasa é que houbo unha moción de censura unha semana despois da aprobación dos orzamentos e o novo Goberno non cumpriu con esas contas. Nós reivindicamos sempre o mesmo. —Que percorrido pode ter o recurso contencioso administrativo que presentará a Xunta após o requirimento previo? Correspóndelle á asesoría xurídica da Xunta estabelecer cal é a formulación xurídica para facer efectiva esta recomendación. Nós o que lamentamos é que o presunto líder do PSdeG se converta nun hooligan de Pedro Sánchez en lugar de defender os intereses da Galiza. Hai líderes socialistas noutros territorios do Estado que defenden mellor os intereses da Galiza que Gonzalo Caballero, e representantes socialistas aquí que se aliñan coa Xunta neste asunto. —Esta semana na Cámara Galega o deputado Alberto Pazos Couñago sostivo que o PP galego "nunca" vai pactar con Vox porque nunca "pactará contra os dereitos das mulleres". Porén, Vox nega a violencia machista e a súa formación xa ten pactos con este partido no Estado. Nós o que dixemos é que nunca pactaríamos o recorte de dereitos nin das mulleres nin de ningún outro colectivo. Temos claro o que somos e o que non somos e, desde logo, o PP da Galiza está instalado na moderación e no centro político. Proba disto é que representamos a esa maioría social de galegas que queren estabilidade. —Pero negar a existencia da violencia machista é de facto recortar dereitos ás mulleres. Nós non compartimos con Vox ese tipo de posicionamentos. A información íntegra pode ser consultada na edición en papel de Nós Diario, á venda nos quioscos, ou na súa lectura na nube
PRAZA_6015
Coa chegada "masiva" ao sistema educativo de persoas de extracción humilde (especialmente ao ámbito universitario) foi necesario establecer outros filtros para que o "statu quo" da estrutura de clases seguise intacto. É precisamente no acceso ao ámbito laboral cando comeza a observarse claramente a desigualdade de oportunidades.
A comezos deste novo século houbo moitos sociólogos que afirmaban que xa non tiña sentido falar de clases sociais diferenciadas nas sociedades occidentais modernas, dada por unha banda a mellora das condicións de vida en xeral, favorecida sobre todo polas estruturas redistributivas do Estado do Benestar, e por outra pola existencia de mecanismos tendentes a estimular a igualdade de oportunidades, con independencia da clase social ou económica de orixe. É dicir, "o teu traballo será a túa recompensa", un pensamento que está na base do sistema capitalista e da ideoloxía protestante (que favoreceu nos inicios o avance do capitalismo) como elemento central do imaxinario lexitimador no que o teu mérito (e non outras consideracións) é garante de éxito. A insistencia sistemática en negar a existencia de diferenzas e de clases sociais con base económica é unha falacia máis do sistema Como diría M. Weber, as clases sociais non veñen determinadas só polo nivel económico ou control da propiedade, senón tamén polos coñecementos técnicos; a maiores coñecementos técnicos, maior clase social. Pero a insistencia sistemática en negar a existencia de diferenzas e de clases sociais con base económica é unha falacia máis do sistema. Aínda que en épocas de bonanza as diferenzas entre clases sociais estaban algo esvaídas, hoxe en día está máis en voga que nunca falar de estratificación social. Vivimos nunha sociedade caracterizada por grandes desigualdades sociais, na que existen unha serie de discriminacións sistemáticas que hoxe fan que o mito da meritocracia xere cando menos serias dúbidas. Funciona unha serie de mecanismos que non permite un acceso igualitario a todo tipo de recursos: é dicir, non existe unha real igualdade de oportunidades e por suposto o que chamamos mobilidade social. Entre eses mecanismos están por suposto os filtros laborais e económicos, que son os que en última instancia ditaminan a túa posición na estrutura social, convertendo a formación na principal falacia de reprodución das desigualdades sociais no capital social Entre eses mecanismos están por suposto os filtros laborais e económicos, que son os que en última instancia ditaminan a túa posición na estrutura social, convertendo a formación na principal falacia de reprodución das desigualdades sociais no capital social. Tal como afirma o sociólogo Martín Criado, "as clases altas converteron a escola na súa baza central de reprodución social e os títulos escolares no seu medio de peche social". Algo que concorda moito cos ataques que o actual goberno está levando a cabo contra o ensino público (básico e superior). E que permitirá de novo que a formación e a titulación superior sexan un peche social á mobilidade social. Esta crise e estes recortes, por tanto, están evitando esa chegada "masiva" de "pobres" á educación. Coa chegada "masiva" ao sistema educativo de persoas de extracción humilde (especialmente ao ámbito universitario) foi necesario establecer outros filtros para que o "statu quo" da estrutura de clases seguise intacto. É precisamente no acceso ao ámbito laboral cando comeza a observarse claramente a desigualdade de oportunidades. O CV non é suficiente se non vai acompañado de contactos, de apelidos compostos ou dunha familia acomodada. Pero a resposta será que "non tes suficiente formación", "non tes a formación axeitada", "non sabes inglés" ou "non tes experiencia laboral". Coa chegada "masiva" ao sistema educativo de persoas de extracción humilde (especialmente ao ámbito universitario) foi necesario establecer outros filtros para que o "statu quo" da estrutura de clases seguise intacto Como ilustración, un botón: vai xa uns anos, cando rematei a carreira, un rapaz non especialmente brillante e sen formación posterior á licenciatura entrou a traballar como "adxunto" ao "mandamáis" dos RRHH dunha das grandes empresas de España. Para calquera de nós (aínda que soamente sexa levar cafés nese mesmo departamento) os requisitos serán ter nivel advanced de varios idiomas, máster de RRHH e experiencia laboral de varios anos no campo, xunto coa condición de ter rematada a carreira recentemente. Outro caso rechamante foi que unha das empresas máis importantes de informática do mundo tenen España nun posto de alto executivo unha persoa nova (e sen experiencia previa) coa carreira de antropoloxía social, pero aí está. Imaxinamos os requisitos que solicitarían para este posto se non somos "fillos de alguén"? A formación complementaria de pagamento é na actualidade un novo mecanismo de –utilizando os termos de Martín Criado– "peche social. Os máster millonarios ou dun par de centos de millares de euros que derriban barreiras de entrada (para a maioría dos mortais, infranqueables) e que fan que os "nenos ben" por medio dunha cantidade elevada de cartos teñan o pasaporte a un posto de traballo cómodo e case sempre de por vida –as grandes empresas de España, os grandes bufetes de avogados, así como consultoras utilizan este método de selección– asegurando así que quen entre na súa empresa sexa "de estirpe". Pero deixando os casos concretos á parte, este sistema de elites é o que está a perpetuar, xunto coas políticas de Mariano Rajoy, non só son as desigualdades sociais, senón que non sexa factible acceder ao ascensor da mobilidade social, cunha especie de "teito de cristal" para garantir que as clases sociais se queden onde é pertinente. Teño que dicir que seguramente Mariano Rajoy, de ler este artigo, diría que teño "envexa igualitaria", tal como afirmaba el mesmo no xornal Faro de Vigo no ano 1984. Isto non é máis que outra volta de porca ao "darwinismo social", no que non sobrevive sempre o máis capacitado, formado ou apto, senón o que ten máis cartos E falando de políticos, sen dúbida algunha se a meritocracia está a debate nalgún lugar é no ámbito da política. A ministra de traballo, dona Fátima Bañéz, non tivo carreira algunha fóra do PP, como o querido e recentemente imputado alcalde de Ferrol, don Xosé Manuel Rey Varela. Por non falar deses mozos de NNGG que en comunidades como Valencia están a ocupar postos de relevancia en cargos públicos, sen outro requisito que ser un "neno ben". Ese ámbito, que din eles que é pouco competitivo, o sector público, onde apousan os seus sagrados traseiros mentres falan de "competitividade", "emprendemento" e "formación" a toda persoa que desexe ser enganada. Isto non é máis que outra volta de porca ao "darwinismo social", no que non sobrevive sempre o máis capacitado, formado ou apto, senón o que ten máis cartos. "Todos os homes nacen iguais, pero é a última vez que o son" (Abraham Lincoln)
NOS_58091
A xestación subrogada ou ventre de alugueiro, as propias definicións indican un posicionamento, a debate. A nova entrega da sección 5x2, que Sermos Galiza impulsa para conmemorar o seu V Aniversario reúne Aurora González, da Asociación pola Xestación Subrogada, e Ximena González, activista do movemento feminista. VÍDEO NO INTERIOR
Sermos Galiza. Xestación subrogada ou ventre de alugueiro, até a propia definición que se empregue non é neutra, indica un posicionamento. Cal son os argumentos dunha e doutra sobre este proceso? Aurora González. Cremos que xestación subrogada é o termo a empregar porque é o que se utiliza nas leis e técnicas de reprodución asistida, é o termo xurídico. Falar de ventre de aluguer insulta as familias que tiveron que recorrer a esta técnica, tamén os nenos que naceron grazas á mesma. Hai dous tipos de lexislación sobre a xestación subrogada, unha de carácter altruísta e outra comercial. Pensamos que no Estado español se pode regular perfectamente esta primeira, a altruísta, garantindo sempre que as mulleres que se ofrezan para xestar para outros non estean nunha situación de necesidade económica, senón que a motivación sexa a de xenerosidade, boa vontade. A nosa proposta de regulación é a mesma que contempla para gametos a lei de técnicas de reprodución asistida, que tamén estabelece que sexa unha doazón altruísta e estabelece unha compensación polas molestias e danos que pode xerar para os donantes. Nós propoñemos que estea sempre supervisada pola administración pública, que comprobaría a situación socioeconómica, física e psicolóxica das mulleres que se ofrecen para ser xestantes. Ximena González. É certo que en función da terminoloxía que se adopte se escolle unha posición. Cando nos referimos a ventres de alugueiro non estamos minimizando as mulleres que se someten a esta práctica, senón que sinalamos o que se está a facer exactamente. Entendemos que non é un simple modelo de reprodución, é un modelo que pasa polo filtro do mercado. Na maioría dos casos, non hai altruísmo. Quen garante que non hai unha transacción económica? Quen decide cal é o límite da necesidade á que pode estar sometida unha muller para ir a esta práctica? Moito temo que vai ser o sistema capitalista quen decida e sabemos por experiencia que o sistema non decide nunca en favor das mulleres. Non é casual tampouco que a maioría das axencias que interveñen como intermediarias nestes procesos recoñezan que naqueles países onde está regulado por altruísmo non se atopan case xestantes, e naqueles países con máis necesidades económicas é onde esta práctica é unha saída. Por que non pensar en modelos de adopción? Mellor regulados, máis rápidos, máis doados, para que todas esas crianzas poidan ter acceso a un fogar. As nenas e nenos teñen dereito a unha familia. [Podes ler o debate íntegro no número 249 de Sermos Galiza, á venda na nosa loxa e nos pontos de venda habituais]
PRAZA_17705
VÍDEO | A portavoz nacional do Bloque defende ante os milleiros de persoas que secundaron a tradicional manifestación da formación soberanista que "as xeracións de hoxe" serán quen que protagonizaren o "salto adiante" do nacionalismo galego coa vista posta nas vindeiras municipais
O 25 de xullo de 1968 formacións soberanistas como a Unión do Povo Galego apostaron por recuperar a celebración do Día da Patria como xornada de reivindicación nacional e, na altura, de loita contra o franquismo. Unha faixa despregada na Alameda compostelá co lema 'Viva Galiza ceibe e socialista' foi mostra do que as autoridades da ditadura viviran como unha provocación a reprimir. A portavoz nacional do Bloque defende que "as xeracións de hoxe" serán quen que protagonizaren o "salto adiante" do nacionalismo galego coa vista posta nas vindeiras municipais Aquela primeira mobilización de hai medio século foi evocada este 25 de xullo pola portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, no acto central da formación co gallo do Día da Patria. Ante os milleiros de persoas que se congregaron na praza da Quintana ao termo da tradicional manifestación convocada polo Bloque, Pontón apelou as "leccións" da historia do nacionalismo galego, pero tamén a que sexan "as xeracións de hoxe" as que "dean un novo impulso ao proxecto de rebeldía e inconformismo" da organización, que se prepara para un "salto adiante" a comezar polas vindeiras municipais. A contorna do Bloque, asegura Pontón, destila agora "optimismo" e "esperanza". "Os que lle vían pouco futuro ao BNG levaron un chasco como esta catedral", ilustrou á beira do templo compostelán. "O BNG está ben vivo, ten por diante un futuro moi esperanzador" para afrontar os retos electorais, mantén, pero tamén para reivindicar a "cidadanía libre da Galiza" fronte ao aparello do Estado e unha monarquía que cómpre "abolir". Pontón, antes de iniciar o seu discurso na Praza da Quintana / BNG O Bloque é hoxe, di Pontón, "unha organización que se adapta aos tempos actuais e futuros" e por iso "unha parte moi substancial da sociedade galega está mirando cara a nós" O Bloque, reivindicou, é hoxe "unha organización que se adapta aos tempos actuais e futuros" e por iso "unha parte moi substancial da sociedade galega está mirando cara a nós" como "esperanza dun futuro mellor". Na formación que encabeza non hai "falsos acabados de galeguismo ou nacionalismo", afirma Pontón, senón unha "alternativa propia" que é tamén a mellor garantía do "cambio de rumbo urxente que Galiza necesita". A formación soberanista, dixo citando o desaparecido Bautista Álvarez, non cae no "radicalismo estéril" nin no "mimetismo con outras nacións" ou no "tacticismo ou asimilación coas forzas do sistema". Os concellos serán en 2019, augura, a primeira fase para ofrecer ao país "un proxecto que poña en valor as potencialidades propias" e permitirá "avanzar cara a un futuro mellor". "Non nos autolimitemos, sexamos inconformistas, dirixámonos ás maiorías sociais" como fixeron "as mozas e mozos que hai cincuenta anos nos uniron a este fío de amor polo país". O veterano Lois Diéguez e a moza María Alonso izaron unha bandeira galega coa estrela vermella O izado por parte do veterano Lois Diéguez e a moza María Alonso dunha bandeira galega coa estrela vermella nun mastro instalado no escenario da Quintana e o canto do himno galego culminaron un acto, un ano máis, inzado de berros de "Galiza ceibe, poder popular" tamén algúns a prol da independencia. As actividades do BNG polo Día da Patria continuaron como adoito, ata a fin da xornada, no recinto do Festigal.
NOS_10235
O deputado Pancho Casal presentou as 40 propostas de resolución neste debate do estado da nación e que abranguen desde a necesidade dunha estratexia perante o Brexit até un acordo social galego perante a mudanza climática.
As 40 propostas que o Grupo Mixto presentou esta quinta feira no debate do estado da nación enmárcanse na liña do discurso que o seu portavoz e líder de En Marea, Luis Villares, realizou no día anterior, coas tres "emerxencias" –climática, social e feminista- como eixo. Propostas para reducir a emisión de gases, para camiñar cara a modelos máis sostíbeis ou para declarar Galiza como zona de emerxencia climática foron algunhas das postas riba da mesa por este grupo. Como finalidade, acadar un acordo social galego contra a mudanza climática. Un plan de impulso á igualdade e contra as violencias machistas ou un plan de ordenación forestal son outras das propostas de resolución. "Hai que pasar das palabras aos feitos e os orzamentos son claramente insuficientes. Hai que facer un plan integral que vaia desde a educación afectivo sexual", defendeu Casal O Brexit, a recuperación de dereitos dos empregados e empregadas públicas, a independencia dos medios de comunicación públicos, ou o impulso á lingua galega son outras das cuestión que se tratan nas propostas do grupo mixto.
PRAZA_7599
As autonomías gobernadas polo PP (Castela-A Mancha, Galicia, Estremadura) están a seguir os pasos de Valencia e Madrid. Estas dúas comunidades, coas súas experiencias privatizadoras, iniciadas hai tres lustros, só conseguiron arruinar as contas públicas autonómicas e degradar a sanidade pública de xeito imparable.
A dereita non para de pregoar a súa letanía: cómpre privatizar para xestionar mellor. Mais se miramos arredor vemos que decenas de empresas privadas van á quebra e deixan miles de persoas sen traballo. Tamén podemos lembrar a privatización e liberalización do sector eléctrico, culminada por Aznar. Hoxe pagamos a luz máis cara de Europa e aínda lle debemos cartos ás compañías, arredor de 24.000 millóns de euros. Agora o capitalismo impaciente dirixe a súa ollada á nosa educación e á nosa sanidade Valencia e Madrid, coas súas experiencias privatizadoras, iniciadas hai tres lustros, só conseguiron arruinar as contas públicas autonómicas e degradar a sanidade pública de xeito imparable Os promotores da privatización saben que os modelos de concesión (PFI), utilizados previamente noutros países para a xestión hospitalaria (Reino Unido, Canadá, Australia), producen máis dano que beneficio: diferencias abismais entre os presupostos iniciais e os custes finais das infraestructuras, necesidade de rescate con fondos públicos, perda de control por parte dos organismos públicos, peche de servizos etc. En contra de todas as evidencias as autonomías gobernadas polo PP (Castela-A Mancha, Galicia, Estremadura) están a seguir os pasos de Valencia e Madrid. Estas dúas comunidades, coas súas experiencias privatizadoras, iniciadas hai tres lustros, só conseguiron arruinar as contas públicas autonómicas e degradar a sanidade pública de xeito imparable. Valencia foi a primeira autonomía en iniciar estes experimentos: Zaplana, en 1999 puxo en marcha o hospital de Alzira, presentado como o modelo do PP para a xestión sanitaria (o hospital tivo que ser rescatado e renegociado o seu cánon anual). Inauguraron máis hospitais con xestión privada (Torrevieja, Dénia, Manises, Elche) e agora andan a xogar co que denominan modelo de xestión compartida: pensan entregar a mans privadas todo o negocio existente arredor da sanidade en tres grandes paquetes (servizos xerais, servizos concertados e loxística). Nestes momentos o 20% da poboación, un millón de habitantes, depende de empresas privadas. A sanidade valenciana está considerada como a máis deficiente do Estado. Esperanza Aguirre seguiu o exemplo de Zaplana. Ata o momento da súa dimisión existían tres hospitais con xestión privatizada (Valdemoro, Torrejón e Móstoles) e outros sete centros semiprivados En Madrid, Esperanza Aguirre seguiu o exemplo de Zaplana. Ata o momento da súa dimisión existían tres hospitais con xestión privatizada (Valdemoro, Torrejón e Móstoles) e outros sete centros semiprivados. Tamén ela tivo que rescatar os seus hospitais PFI con diñeiro público e aumentar notablemente o canon anual. Unha vez saneados son agora postos á venda, pois o seu sucesor, Ignacio González, tenta impor un plan para privatizar totalmente a xestión de seis destes hospitais e de vintesete centros de saúde que atenden a un millón e medio de persoas. Fan xogos de palabras ("No es privatizar: lo que hacemos es externalizar la gestión") pero a decisión é firme. O conselleiro Fernández-Lasquetty afirmou: "No hay negociación posible: les recuerdo que nosotros somos el gobierno apoyado por un 53% de los madrileños". O presidente non electo mesmo se permite facer afirmacións chulescas: "con la sanidad privada las enfermeras estarán más buenorras". Recolléronse un millón de sinaturas contra da privatización, os sanitarios protagonizaron unha folga con grande seguimento que se prolongou durante todo o mes de decembro Houbo unha enorme resposta popular e profesional contra destas propostas. Recolléronse un millón de sinaturas contra da privatización, os sanitarios protagonizaron unha folga con grande seguimento que se prolongou durante todo o mes de decembro. Máis de trescentos directivos de hospitais e centros de saúde presentaron a renuncia aos seus cargos en sinal de protesta. Houbo manifestacións multitudinarias e numerosas concentracións nas que profesionais e usuarios expresaron a súa posición contraria ao proxecto do goberno autonómico. Mais, sen escoitar a ninguén, o Parlamento madrileño aprobou o 27 de decembro a Lei de Acompañamento dos presupostos de 2013 (outra vez utiliza o PP esta porta falsa para impor o seu criterio sen debate parlamentario) na que se habilita ao Servizo Madrileño de Saúde para ceder a empresas privadas a xestión de centros sanitarios. A imaxe dos deputados do PP participando na votación sen deixar de xogar cos seus móbiles quedará para a historia universal da infamia. Hai que paralos. Do contrario a onda privatizadora e o saqueo dos orzamentos sanitarios continuará tanto en Madrid como nas demais autonomías onde gobernan. Os profesionais e cidadáns continúan coas protestas e mobilizacións e cada vez son máis as voces discrepantes. Mesmo hai quen apunta que "a falta de transparencia e os intereses cruzados entre os que toman as decisións e os que se benefician delas converten esta norma en nula de pleno dereito, e non debe ser admitida polos profesionais nin pola poboación madrileña" (Luisa Lores). Eles teñen claro o obxectivo e non atenden a razóns. Pero hai que paralos. Do contrario a onda privatizadora e o saqueo dos orzamentos sanitarios continuará tanto en Madrid como nas demais autonomías onde gobernan.
NOS_44806
Nunha proposición de lei acordan tamén suprimir o apoio especial en catalán aos alumnos que se incorporen tarde.
ERC, Junts, PSC e os comúns puxéronse de acordo para dar resposta á sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Catalunya (TSJC, en catalán) que impón un mínimo de 25% de castelán nas aulas. Os catro grupos parlamentarios presentaron unha proposición para modificar o artigo 21 da lei de política lingüística, que di que o catalán debe utilizarse normalmente como lingua vehicular no ensino. A modificación consiste en recoñecer que o castelán tamén pode utilizarse como lingua de ensino fóra da materia de lingua castelá e que debe ter unha presenza garantida, sen falar de porcentaxes. E que a maneira de facelo deberá determinala cada centro no seu proxecto lingüístico, que debe ter en conta a realidade sociolingüística da contorna. Se o artigo 21.1 desta lei dicía isto: "O catalán debe utilizarse normalmente como lingua vehicular e de aprendizaxe no ensino non universitario", agora pasará a dicir isto: "O catalán, como lingua propia de Catalunya, é a lingua normalmente utilizada como lingua vehicular e de aprendizaxe do sistema educativo. Tamén se emprega o castelán nos termos que fixen os proxectos lingüísticos de cada centro, de acordo cos criterios que se establecen no apartado 3". E este apartado terceiro, no novo texto acordado, di que á hora de determinar a presenza do catalán e do castelán nas aulas "hai que ter en conta a situación sociolingüística e a evolución do proceso de aprendizaxe lingüística, oral e escrito, de acordo cos instrumentos de control, avaliación e mellora das competencias lingüísticas". E di que isto deberá facerse tendo en conta tamén o peso de cada lingua "nos recursos de aprendizaxe, incluídos os de carácter dixital e os usos lingüísticos do alumnado na aula e no conxunto do centro educativo". É unha forma de dicir que hai que ter en conta que o castelán xa ten un peso moi grande nos recursos educativos de tipo dixital, na interacción dos alumnos entre eles e cos mestres ou ben á hora do patio. Non se fala, pois, de porcentaxes, mais queda dito na lei que o castelán debe ter esa presenza. A pretensión é que o TSJC non teña argumentos para executar de forma forzosa a sentenza se, tal e como está previsto, varias entidades unionistas llo piden a partir de mañá. Porque agora o Goberno pode dicir que non houbo inacción á hora de garantir o coñecemento á vez do catalán e do castelán no ensino obrigatorio, e que o que fai é desenvolver a actual lei española de educación, a 'Lei Celaá', que non fala porcentaxes. Pais e nais da escola catalá obrigada a impartir 25% en castelán: "Son castelanfalante e quero que a escola ensine en catalán" E aínda hai outra mudanza. O acordo suprime o punto oitavo do mesmo artigo 21, que di: "O alumnado que se incorpore de forma tardía ao sistema educativo de Catalunya debe recibir un apoio especial e adicional de ensino do catalán". Os grupos prevén tramitar a modificación de maneira urxente. Isto significa que se aprobará por lectura única e que se podería introducir na orde do día do pleno seguinte, que empezará o 5 de abril. Esta proposición chega pouco antes da finalización do prazo de dous meses que tiña o Goberno da Generalitat para cumprir a sentenza do TSJC que impuña unha hora máis de castelán, cando menos, en todos os centros de Catalunya. O conseller de Educació, Josep González-Cambray, anunciou na terza feira que respondería á sentenza cun decreto para despregar a LAC e garantir a inmersión. Na práctica, este decreto, que aínda terá que esperar a un período de exposición pública antes de poder aprobarse, deberá despregar o que di esta proposición de lei que pactaron os catro partidos. Fontes do PSC confían en que o Executivo tamén acorde o contido do decreto, tras un proceso de negociación que durou semanas e no que tamén estivo implicada a ex consellera de Ensenyament Irene Rigau. De feito, Rigau participou en xaneiro nunhas xornadas organizadas pola Fundación Rafael Campalans sobre a lingua na escola. A CUP foi excluída do acordo sobre a preservación do modelo educativo actual que ERC, Junts, PSC e os comúns consideran que lograron coa modificación da lei de política lingüística. A CUP presentou na mañá desta quinta feira unha proposición de lei para modificar a LAC e introducir que o catalán debe ser a "única lingua vehicular e de aprendizaxe".
NOS_23895
O certame, centrado, sobre todo, en obras do XVI e XVII semellaba propicio para acoller un dos poucos textos teatrais deste período que se conserva en lingua galega: A Contenda dos labradores de Caldelas ou Entremés famoso sobre a pesca do río do Miño, de Gabriel Feixóo Araúxo
O Festival Internacional de Teatro Clásico de Almagro abreu de novo as portas ás compañías e ao público, con Portugal, nesta ocasión, como país convidado. Entre as propostas escénicas figuraba, nos días 2 e 3 de xullo, unha co-produción entre a Companhia de Teatro de Braga e o Centro Dramático Galego, estendendo unha vía de colaboración entre as compañías galegas e portuguesas, que xa ten dado algúns froitos substantivos nas últimas décadas. O certame, centrado, sobre todo, en obras do XVI e XVII semellaba propicio para acoller un dos poucos textos teatrais deste período que se conserva en lingua galega: A Contenda dos labradores de Caldelas ou Entremés famoso sobre a pesca do río do Miño, de Gabriel Feixóo Araúxo. Se Vidal Bolaño, no seu Mar revolto, remontou as augas internacionais do Atlántico para poñerlle letra á música das co-producións transfronteirizas que soaban no inicio do século, a CTB e o CDG afunden, agora, as redes nas augas fluviais miñotas, para contar e cantar as nosas historias comúns, como carta de presentación neste festival, que reúne dramas de Shakespeare, Calderón ou Lope de Vega. Con todo, por que representar un texto clásico no século XXI? Esta é a pregunta que formula, desde o escenario, Fran Núñez, actor e director artístico da montaxe. Confeso que, cando souben do proxecto, máis que o por que, intrigoume o como. Como se materializaría escenicamente este texto breve, de importancia histórica capital, pero de alcance dramático limitado? A resposta obtívena na estrea ao longo dos oitenta minutos que dura o espectáculo, no que se fala sobre fronteiras, recursos ou disputas, acollendo o espírito da contenda e actualizándoa á sensibilidade artística, política e cultural dos nosos días. A conxugación de metateatro, música (liderada pola voz e actuación do fadista Paulo Bragança), coreografía e humor posibilitan este entremés pop e contemporáneo de case hora e media. De modo que o tam tam, de coiteladas sobre o peixe ou do fluír das convulsas augas da raia, soou durante dous días sobre a vila manchega. Almagro respira, durante o mes de xullo, teatro por todos os cantos, imantados polo seu corral de comedias, o único que se conserva en toda a península, dos moitos que se construíron ao longo de finais do XVI e XVII. Os corrais posibilitaron a profesionalización do teatro, convertérono nun espectáculo de masas e descubriron o público, como categoría. Ese público -que Lope pretendía conquistar a través do aplauso vulgar, a contramán dos preceptos clásicos- será, de novo, quen acreditará a fortuna desta montaxe -durante o seu percorrido nos teatros galegos e portugueses-, que decorre ao ritmo das cantigas da peza: Sou do Minho, sou do Minho...
PRAZA_437
Todas as formacións que conflúen na iniciativa cidadá apostan por deixar a cabeza de lista a un candidato independente, Xulio Ferreiro, profesor de Dereito e único nome presentado para liderar a candidatura. En Ourense en Común, dez persoas aspiran a optar á alcaldía.
O profesor titular de Dereito Procesual da UdC, Xulio Ferreiro, será o candidato á alcaldía da Coruña da iniciativa cidadá Marea Atlántica. Á espera de que se publique a lista definitiva de aspirantes nas primarias, a de Ferreiro foi a única proposta para encabezar a listaxe electoral tras finalizar este pasado martes o prazo para se incribir. Será, xa que logo, un candidato de consenso, sen adscrición partidaria, opción pola que apostaron todas as formacións que apoian a confluencia electoral e que tan só achegarán aspirantes para completar a candidatura. Xulio Ferreiro é o único candidato a liderar a lista e, xa que logo, futuro aspirante á alcadía pola Marea Atlántica Xulio Ferreiro non milita en partido ningún e a súa elección é apoiada por Anova, CxG, EU, Equo, Podemos e todas as organizacións que decidiron confluír na iniciativa cidadá. De feito, conta entre os avais cos de militantes de todas estas formacións, que acordaron situar como cabeza de lista un cidadán "sen carné" e que tivese participado activamente no impulso da Marea, como é o caso de Ferreiro, que segundo fontes consultadas por Praza, é "un garante da unidade" pola súa capacidade conciliadora, característica que foi fundamental na súa elección, xunto co seu importante perfil académico e a súa participación en diferentes movementos sociais. O aspirante á alcaldía conta con avais de membros de Anova, EU, CxG, Equo ou Podemos A iniciativa cidadá destaca o feito de que todas as forzas políticas que conflúen apoiaran a proposta de situar como cabeza de lista unha persoa sen militación partidaria e que contara co aval da propia Marea Atlántica. En todo caso, e malia que non hai ningún outro candidato a liderar a lista, o nome de Xulio Ferreiro figurará nas primarias, nas que se poderá votar en branco ao aspirante a encabezar a candidatura. A proclamación definitiva das candidaturas para as primarias que se celebrarán o 7 e 8 de marzo será o vindeiro venres, aínda que xa se fixeron públicas. Así, diferentes formacións presentaron cadansúas listas de candidatos que, malia non contar con denominación partidaria, son as impulsadas por Podemos, Equo, Compromiso por Galicia e AGE (EU, Anova e Espazo Ecosocialista). Ademais, hai outra denominada Cidadanía en Común, que integra xente sen adscrición partidaria e activa na Marea desde os seus comezos. Nesta última destaca a presenza de Rocío Fraga, Xiao Varela, José Manuel Sande ou Santiago Lamelo. A lista impulsada por CxG (Ardentía) está liderada por Sonia Sainz Suárez, mentres que na que impulsa Equo (Onda Verde) é Daniel Díaz Grandío o que a encabeza. Por outra banda, na listaxe denominada Plataforma 14 de abril inclúese a Silvia Cameán, vencedora das primarias locais en EU ou Alberto Lema, dirixente de Anova na Coruña. Todas as formacións que conflúen na Marea apostaron por non aspirar a liderar a candidatura e deixar a cabeza para un independente No caso de Podemos, e aínda que o seu círculo coruñés deberá votar aínda se conflúe finalmente na Marea, os prazos obrigáronlle a achegar a súa lista (Somos Coruña) -liderada por Antón Fernández de Rota-, á espera dunha decisión que parece clara de apoiar a iniciativa cidadá. O único candidato a liderar a lista é Xulio Ferreiro, profesor titular de Dereito Procesual na UdC, que ten 40 anos e vén de renunciar á súa praza de maxistrado suplente na Audiencia Provincial de Lugo, ante a incompatibilidade deste cargo xudicial coa participación en formacións como a Marea. Militou na CIG antes de se iniciar na carreira xudicial, así como nos CAF durante a súa época de estudante, e forma parte da Rede Armela, grupo de investigadores de todo o Estado que traballan na igualdade social no Estado. Unha vez publicada a lista definitiva de candidatos, os cidadáns que participen nas primarias terán que elixir doce persoas, de xeito ordenado e respectando a paridade de xénero e as diferentes listas que se presenten poderán levar a cabo a súa campaña electoral desde o vindeiro venres e ata o próximo 6 de marzo. Será seis días despois, o 12 de marzo, cando se presente publicamente a lista coa que a Marea Atlántica intentará alcanzar a alcaldía da Coruña e que será liderada por un candidato de sen adscrición partidaria e de consenso. Ourense en Común tamén ten lista de aspirantes Ademais da Marea Atlántica, tamén Ourense en Común conta xa cunha lista de aspirantes ás primarias que se celebrarán na fin de semana do 14 e 15 de marzo. Neste caso, son dez as persoas que aspiran a liderar a candidatura, entre as que destacan o líder veciñal Miguel Doval, Xosé Mosquera, de CxG; Marcos Guimarey, que fora candidato por Iniciativa por Ourense; Carlos Miguélez, de EU; Lito Prado, de Anova; ademais de Carlos García Martell ou Javier Octavio de Toledo. Dez persoas aspiran a liderar a candidatura de Ourense en Común E mentres as iniciativas cidadás afrontas o seu proceso de primarias nestas semanas, a Marea de Pontevedra xa finalizou o seu. O pasado 7 de febreiro case 180 persoas participaron nunhas votacións nas que o escritor Luís Rei Nuñez, candidato de consenso e apoiado por EU, Podemos, Anova, Espazo Ecosocialista e varios colectivos sociais da cidade, resultou elixido como cabeza dunha lista na que se completaron 15 nomes. Os dez postos restantes e máis os suplentes serán aprobados en asemblea pola plataforma pontevedresa. A Marea Ártabra de Ferrol afronta tamén un código ético e un regulamento de primarias que se decidirá este mesmo mes, mentres que Compostela Aberta, en Santiago, prevé tamén que a principios de marzo se celebren unhas primarias nas que, como noutros casos, prevese que haxa votacións separadas para o cabeza de lista e para o resto de integrantes da futura candidatura. Luís Rei foi elixido como candidato da Marea de Pontevedra hai xa case un mes No caso de Lugo,a plataforma Lugonovo constituíu unha comisión formada por unha vinte persoas, que estará encargada de elaborar un código ético, comezar a preparar o programa electoral e definir como se desenvolverá o proceso de eleccións primarias. No caso de Vigo, a Marea decidiu xa que o prazo para a presentación de candidaturas ás primarias se abriría do 20 ao 26 de febreiro e que as votacións se celebrarían do 8 ao 15 de marzo. Anova decidiu acudir ás eleccións inserado nela, pero falta agora por ver o que ocorre con Vigo en Común e Gañemos Vigo, as outras dúas plataformas cidadás impulsadas na cidade.
PRAZA_19696
As mulheres estamos sendo assassinadas, e para esta crua verdade não existem motivos, nem pode haver manuais absurdos que tenhamos que acatar para defender-nos das agressões.
Cada vez que escutamos ou lemos na imprensa um novo caso de violência machista, semelha que estamos a viver a cena terrível dum filme de terror. Nesta situação, a única certeza que temos e que estamos a ser exterminadas, tanto física como psicologicamente. Inevitavelmente surgem-nos embates, sitiam-nos. Devemos estar alerta! Somos atacadas, violentadas, tanto de palavra, obra e omissão. Os violentos encontram-se em todos os estratos sociais: ditam resoluções judiciais insensatas em contra nossa, escrevem artigos discriminatórios, insultam-nos num parlamento ou usam-nos como idóneos personagens de corrosivos, misóginos monólogos de machistas. Mentes supostamente destacáveis, inteligentes, procuram rações absurdas e criam teses machistas com a única intenção de apoucar-nos. As vítimas, uma vez mais passam a ser as culpáveis das horríveis situações que se estão cingindo em cima das suas cabeças, das nossas cabeças. Quando rematará esta persecução injusta e inexorável? Devo dizer que me consta que existem grandes homens que estão com a nossa luta, e apoiam, mas ainda assim, ficam indivíduos enclaustrados nas cavernas, machos postulados nos catecismos, castradores de vontades, fomentadores de servidão. Amparados em pensamentos detratores que alimentam desigualdade, em doutrinas obsoletas usadas para a desvalorização. Obviamente, é necessário tratar pelo miúdo o "amor romântico" esse conceito-chave, que em muitos casos, inconscientemente, nos faz ver o sentimento como um direito de propriedade, de pertença, de domínio. Essa é uma absurdidade, que também aparece em alguns contos infantis com os que crescemos. O síndrome da princesinha que deve aguardar a chegada do seu príncipe, aquele que um dia a despertará com um doce beijo e serão felizes para sempre. Habitamos ainda numa escravidão. Há quem diz, que são os preceitos do Decálogo: A costela de Adão. Até que a morte nos separe... Eles procuram motivações insensatas para assassinar e nós morremos. Enquanto nos matam, o sistema oferece-nos figurações simbólicas, pesarosas. Belas palavras, promessas que não conduzem a nada. Seguem apertando-nos em cerco, não conseguimos divisar a saída do inferno. A que espera o governo para erradicar o problema?. A imposta incapacidade percorre-nos até a medula, subestima-nos, como se tivéssemos inépcia e precisáramos da tutelagem dos déspotas. Somos ainda cativas, abatem-nos para que acatemos. Mas não acatamos, não acato! Eu quero viver tranquila, poder passear pela rua sem medo, sem desconfiança das pessoas com as que me cruzo e o facto de ter este desejo não significa que seja uma hembrista, nem uma feminazi. Sou uma mulher à que lhe estão arrancando de cotio todos os seus direitos, e unicamente luta pelo que é de seu, a sua liberdade de ser e atuar. Neste jângal, semelha que só existe a razão da sem razão. O esperpento do pensamento da incoerência ao que, incompreensivelmente dão-lhe voz nos meios e nos cenários aos supostos artistas, jornalistas… que na realidade só são acochados machistas, que fazem alarde da supremacia do seu género e que revelam como arte: a violência e a falocracia. E é inquestionável que a vítima não pode ser culpável, é a vítima!. A ver se percebem o verdadeiro alcance do problema. Estes não são factos isolados. As mulheres estamos sendo assassinadas, e para esta crua verdade não existem motivos, nem pode haver manuais absurdos que tenhamos que acatar para defender-nos das agressões. Que é o que está acontecendo; estamos toleando ou que? Como é possível ter chegado a este despropósito? Não acredito!
PRAZA_13853
O número de desempregados aumenta en 53.500 persoas en España, alcanzando os case 5,7 millóns de parados, segundo a EPA. Galicia é unha das comunidades onde máis sobe o desemprego, con 10.300 persoas máis e un total de case 276.000. Dous de cada dez novos parados no Estado son galegos.
Desbócase o desemprego, que alcanza marcas históricas negativas. Así, o paro subiu no Estado en 53.500 persoas no segundo trimestre do ano respecto ao trimestre anterior, un 0,95% máis, situándose o número total de desempregados en 5.693.100 persoas, cifra inédita até o de agora para a economía española. En Galicia, o incremento tamén é brutal, aumentando o número de parados en 10.300 persoas, un 3,9% máis que o primeiro trimestre, alcanzando os 275.900 parados, cunha taxa do 21,1%. Así, na comunidade autónoma, o incremento da taxa de paro interanual foi dun 25,64% máis, habendo neste último trimestre 56.300 parados máis que no mesmo período do pasado exercicio. Case dous de cada dez novos parados no Estado neste segundo trimestre son galegos, estatísticas que son só un indicador do comportamento negativo dos datos no país durante os últimos meses en comparación co Estado. Así, a taxa global de desemprego está cada vez máis preto da media estatal, mentres o incremento no último trimestre superou en tres puntos o aumento en España. Por provincias, Pontevedra é a que alcanza unha taxa máis alta de desemprego, co 25,6% e con case 117.000 parados. Séguenlle Ourense, co 20,4% (27.600); A Coruña, co 18,6% (104.800) e Lugo, co 17,1% (26.600 parados). A taxa de actividade sitúase no 55,36% e a de paro no 21,07% no segundo trimestre en Galicia para ambos os dous sexos. No que se refire aos homes, con 546.000 ocupados e 152.100 parados, a taxa de actividade sobe ao 61,83% e a de paro tamén repunta ao 21,78%. Pola súa banda, as mulleres ocupadas son 487.700 e as paradas 123.800, polo que a taxa de actividade baixa ao 49,45% e a de paro tamén, ao 20,25%. O paro incrementouse en Galicia un 25,7% no último ano, con 56.300 parados máis A taxa de paro estatal situouse así a finais de xuño no 24,63%, case dúas décimas superior ao do trimestre anterior (24,44%), tal e como reflicten os datos da Enquisa de Poboación Activa (EPA) que vén de facer pública o Instituto Nacional de Estatística (INE). Os datos son os máis negativos e semellantes ás de 1994, cando a taxa de paro chegou ao 24,55%, o que era o valor máis alto desde a chegada da democracia. Ademais, a taxa é tamén a máis elevada da serie histórica comparable, que comezou en 2001. Así, no segundo trimestre destruíronse 15.900 postos de traballo, polo que o número de ocupados alcanzou os case 17,5 millóns de persoas, a cifra máis baixa desde o terceiro trimestre de 2003. A grave recesión na que se atopa España levou o emprego a un comportamento bastante peor que ao do mesmo período de 2011. Entre abril e xuño do ano pasado creáronse 151.400 empregos (agora destruíronse 15.900) e o número de parados baixou en 76.500 (agora aumentou en 53.500). Ademais, xa hai 1.737.600 fogares con todos os seus membros den traballo, mentres que o paro xuvenil segue subindo e xa alcanza unha taxa do 53,3%. Euskadi segue tendo a taxa de paro máis baixa do Estado, con menos do 15% Por comunidades autónomas, Andalucía é na que máis baixa o emprego (23.300 persoas menos), seguida de Castela-A Mancha (19.500 menos), Catalunya (19.100 menos), Galicia (16.800 menos) e Canarias (12.400 menos). Pola outra banda, os territorios onde máis aumenta a ocupación é Baleares (60.400 persoas), Madrid (7.500), Murcia (6.800), Castela e León (5.600) e Comunitat Valenciana (4.900). As taxas, no conxunto do Estado, oscilan entre o 14,56% de Euskadi e o 33,92% de Andalucía, mentres que a de actividade vai do 67,5% de Illes Balears e o 52,5% de Asturias. O descenso da ocupación afectou exclusivamente aos homes, con 30.600 empregos menos, xa que entre abril e xuño creáronse 14.600 postos de traballo ocupados por mulleres. Tamén o paro impactou por completo sobre os homes, con 70.000 desempregados máis, fronte a un descenso das mulleres en paro de 16.400 persoas. En comparación co mesmo período do ano pasado, o paro incrementouse no segundo trimestre en 859.400 desempregados, un 17,8%, mentres que os empregos destruídos alcanzan os 885.800 (-4,8%). HABERÁ AMPLIACIÓN
PRAZA_397
A pasada semana botou a andar un novo xornal dixital, especializado na actualidade das producións agrarias, gandeiras e forestais. Falamos cos seus responsables.
A pasada semana botou a andar Campo Galego, un portal especializado que quere recoller toda a actualidade dos sectores agrario, gandeiro e forestal do país, ademais de emprestarlle atención a iniciativas de investigación e innovación, accións asociativas ou a proxectos de desenvolvemento rural. Detrás de Campo Galego están dous xornalistas, Gonzalo Brocos e David González, acompañados dun equipo de colaboradores. Atopámolos traballado, en Gandagro (Feira Semana Verde), e dende alí cóntannos a xénese do proxecto, os seus obxectivos e a experiencia dos primeiros días. "Detectamos que había un nicho informativo que non estaba suficientemente tratado, pois os xornais xeralistas non ofrecen información abonda e non teñen seccións específicas, a pesar do peso tan importante que o agro ten na economía galega. Non había tapouco un portal informativo que se dirixise aos profesionais do sector abranguendo todos os aspectos da actualidade do campo, dende o leite, á horta, á gandaría, o sector forestal...", destaca David González. "Ademais"-continúa- "como nos dicía o xerente dunha explotación gandeira de Mazaricos, a visión que os medios dan do agro é moi urbanita, non hai conexión entre a xente que vive e traballa no agro e a xente que vive na cidade, a pesar do pasado e presente de Galicia e de que a maior parte das familias veñen da zona rural". "A visión que os medios dan do agro é moi urbanita, non hai conexión entre a xente que vive e traballa no agro e a xente que vive na cidade" Campo Galego quere contar o día a día do agro dende un punto de vista positivo, axudando a divulgar iniciativas exitosas e pioneiras, subliña David González: "Hai unha visión moi centrada en crises, en protesta, pero non se recolle o día a día, un sector moi dinámico, no que a xente se preocupa por mellorar e innovar a súa explotación continuamente". "Hai iniciativas novidosas que se están poñendo en marcha, o que lle falta ao sector para facerse visible é organización", conclúe. "Hai motivos para a reivindicación, por suposto" -engade Gonzalo Brocos- "pero hai moita xente que está moi contenta co seu traballo, que ten calidade de vida e que está desenvolvendo moitas experiencias de traballo asociativo e de innovación que é importante que se coñezan, tanto por parte da sociedade como por parte do colectivo de profesionais do sector. Moitas veces o único que se traslada nos medios é unha sensación de queixa permanente que desvirtúa a imaxe que a xente se pode formar do agro. Digamos que a parte come o todo". "Hai iniciativas novidosas que se están poñendo en marcha, o que lle falta ao sector para facerse visible é organización" "Queremos afondar en temas de innovación, tentar facer de transmisores e divulgadores da investigación agraria que se está facendo", comenta. "E tamén divulgar experiencias asociativas: A noticia que máis se leu nestes primeiros días foi a dun grupo de explotacións de Mazaricos que se xuntaron para producir forraxe en común", di. "Queremos contribuír a incrementar a autoestima da xente, vencendo o que algún autor denominou 'cultura do desánimo compartido'", sinala. "Queremos contribuír a incrementar a autoestima da xente, vencendo o que algún autor denominou 'cultura do desánimo compartido'" Entre os temas nos que o xornal se vai centrar nos vindeiros meses destaca, no sector leiteiro, a fin do sistema de cotas, que terá lugar a partir de abril, destacan. Porén, o portal recolle e recollerá a actualidade diaria de moitos outros sectores, coma a viticultura, o sector forestal ou información de servizo que sexa útil para os profesionais, por exemplo os últimos datos actualizados de cotizacións e prezos. A quen se dirixe Campo Galego? En primeiro lugar aos e ás profesionais do agro. Pero tamén vai dirixido a un público máis urbano, que cada vez demanda máis unha alimentación con produtos de calidade e de proximidade. A quen se dirixe Campo Galego? En primeiro lugar aos e ás profesionais do agro e en xeral a todas as persoas que viven no rural galego. Porén, os seus contidos poden interesar un público mesmo máis amplo. Por exemplo, lembra Gonzalo Brocos, a sección de agroalimentación vai dirixida a un público máis urbano, que cada vez demanda máis unha alimentación con produtos de calidade e de proximidade. E o mesmo sucede coa sección de horticultura, "pois hai moita xente, mesmo nas cidades, que ten horta na casa". Ou a actualidade do sector forestal, pois, en Galicia hai máis de 700 mil propietarios forestais, "un tema que afecta a case todas as familias", subliñan. "Algo ao que tamén queremos contribuír é a mellorar a imaxe do agro no conxunto da sociedade, a prestixialo tanto no rural como nas zonas urbanas. No propio rural, o traballo agrario é considerado moitas veces como a última opción, cando é un traballo que pode ofrecer maior calidade e nivel de vida que moitos outros", destacan. "É importante que se coñeza tamén todo o que achega o traballo no campo: seguridade alimentaria, xestión do medioambiente e impacto no nivel de renda do conxunto da poboación das principais comarcas rurais de Galicia, entroutras cousas", din. "Algo ao que tamén queremos contribuír é a mellorar a imaxe do agro no conxunto da sociedade, a prestixialo tanto no rural como nas zonas urbanas" A este respecto, rematan lembrando unha campaña de vallas publicitarias nas estradas que fixeron unha vez en Sudáfrica, que viña dicíndolles aos condutores algo así: "- ¿Vostede come tres veces ao día? - Agradézallo a agricultores e gandeiros".
NOS_15965
As eleccións galegas poderían mesmo ser en setembro e En Marea aínda non ten decidido quen será a persoa que encabece a súa candidatura. Anova reunirá esta cuarta feira a súa permanente.
Após retroceder case 3 pontos en percentaxe de voto e ceder un deputado e un senador o 26X, xa comeza a haber movimientos no interior das mareas orientados ás galegas. Non pode non habelos, tendo en conta que o calendario é o que é -Feijóo nen sequer desbota a hipótese de convocar as urnas a unha altura tan próxima como setembro- e que o resto de forzas políticas xa teñen feito os seus deberes. Esta cuarta feira, o alcalde da Coruña e líder da Marea Atlántica, Xulio Ferreiro, pronunciouse con clareza ao respeito. "Eu creo que é importante que vaiamos presentándolle á sociedade quen é a persoa que vai a ser o próximo presidente ou presidenta da Xunta de Galicia», dixo. Alegou aínda que «neste mes ten que estar [a candidatura], porque se nos bota enriba o periodo electoral e creo que é bo despexar incertezas». Ferreiro dixo ter na cabeza algúns nomes -"que apuntan alto"- mais non os explicitou. Si reiterou a súa idea de que deben ser persoas que reúnan o maior consenso posíbel. En entrevista no seu día con Sermos, o alcalde da Coruña afirmou que a persoa que lidere a lista non debe ser "de parte", o que implicaría que non debería ter militancia partidaria dentro das mareas (isto é, non debería pertencer nin a Podemos nin a Anova nin a Esquerda Unida). Por súa parte, fontes de Anova consultadas por Sermos cualificaron a escolla da candidatura de "tarefa urxente" e a resolver "nun prazo de dúas semanas", isto é, antes do Día da Patria Galega. Anova realizará esta cuarta feira unha reunión da súa permanente en que se definirá a súa folla de rota para as próximas semanas, coa candidatura para a Xunta como asunto estrela.
NOS_48082
O vindeiro 11 de marzo a fadista Ana Moura actuará en Pontevedra. Será ás 20:00 horas no Pazo da Cultura. A artista, que ofrecerá tamén un concerto o día 10 en Ferrol, fai parada nas cidades galegas dentro da xira mundial do seu disco Moura.
Este é o sexto traballo da portuguesa, que xa atinxiu o disco de ouro. Nel participan grandes nomes da música portuguesa como Samuel Úria, Jorge Cruz, Edu Mundo, Sara Tavares ou Carlos Tê, quen asina un tema enteiro do disco. Considerada como unha das cantantes de fado máis internacionais, é autora de Desfado (2012), o disco máis vendido en Portugal dos últimos anos e co que acumula até cinco discos de platino. No seu palmarés destacan dous Globos de Ouro, dous premios Amália e colaboracións con artistas como Prince, Rolling Stones, Caetano Veloso, Gilberto Gil ou Herbie Hancock. As entrada aos concertos custan entre 15 e 20 euros.
PRAZA_15223
Silencio. Sobran respostas para os parados. Quen frea descobre o engano de maneira inminente. Galopabamos sen razón; tropezando o desespero en cada atranco. Pero descubrimos como reter o paso; agora sabemos mofar o compás. Entendemos que obstruíndo a marcha inventabamos novos ritmos; propios e comúns. Cada folga sincronizou un pulso colectivo, afinando a harmonía popular. E o futuro despregou ante nós a súa partitura en branco…
O presente artigo escríbese sen tempo. Les? Logo aquel presente xa pasou. Neste intre temos máis présa que antes. Alterámonos. Chegamos tarde e arrastramos tarefas pendentes. Sen obviar que o estamos facendo mal. Moi mal. Chegamos tarde e arrastramos tarefas pendentes. Sen obviar que o estamos facendo mal. Moi mal Como mínimo, sintámonos culpábeis. Batamos os miolos contra as pedras e increpemos a propia existencia. Por que non falamos inglés a nivel nativo? A que agardamos para comezar co alemán? Que sentido ten a vida sen un curso avanzado de TIC? Se polo menos dispuxésemos dunha triple licenciatura… Ou, tan sequera, de dous traballos a xornada completa. Iso si, con marxe suficiente para rebentar o corpo no ximnasio. Non vaia ser que nos que nos dea por pensar… Non hai tempo para pensar Non hai tempo para pensar. Tal e como están as cousas, cómpre investilo en traballos precarios ou, mellor aínda, en formación. Na formación dun bo feixe de diplomas; en liña e presenciais, privados e públicos, de diferentes especialidades. Poden non ter relación entre si e, incluso, carecer de contido. O único importante é o papel final. Unha folla máis para a colección; como se o currículo fose aquel álbum de cromos que completamos de cativos. Só que, desta vez, ninguén cambia másters repetidos por dignidade laboral. Cara onde estabamos correndo? O xogo caeu na súa trampa. E nós con el. Mercamos os títulos dunha historia que non acontecerá. E vendéronnos as gañas de aprender. Despois da estafa, esquecemos que o saber é gratuíto e o emprego, un dereito inalienable. Ficháronnos como perpetua man de obra. Mais non nos permitiron comprender a partida. Se cadra, detendo a carreira, recordamos como reflexionar. Cara onde estabamos correndo? Quizais o circuíto que nos impuxeron non conduza a ningures. Nada proba que os compañeiros de pista sexan contrincantes e xamais se nos pediu opinión sobre o regulamento. Postos a cuestionalo, poderiamos preguntarnos con que se mide a cultura, cal é o baremo da solidariedade ou que certificación contempla o compromiso social. Iso sen contar que ningún ránking nos vai facer felices. Non existen postos que permitan prescindir de amigos, nin profesións capaces de substituír o amor. E se o acelerador atropelase a condición humana? Sobran respostas para os parados. Quen frea descobre o engano de maneira inminente Silencio. Sobran respostas para os parados. Quen frea descobre o engano de maneira inminente. Galopabamos sen razón; tropezando o desespero en cada atranco. Pero descubrimos como reter o paso; agora sabemos mofar o compás. Entendemos que obstruíndo a marcha inventabamos novos ritmos; propios e comúns. Cada folga sincronizou un pulso colectivo, afinando a harmonía popular. E o futuro despregou ante nós a súa partitura en branco… Podes perseguir cun instrumento a tesitura que entoa a autoridade. Ou escribir o amencer inédito da nosa sinfonía. Porque a cadencia dos tempos que vivimos tamén depende de ti.
NOS_5807
Xulgados de violencia de xénero en todas as cidades galegas, veto aos ventres de alugueiro e aumentar a un ano o permiso por maternidade e paternidade son tres das propostas da formación nacionalista para este 28A.
"Foi o BNG cando chegou ao Congreso en 1996 a primeira forza política no Estado en rexistrar unha lei para despenalizar o aborto, e foi tamén quen impulsou en Galiza unha Lei contra a violencia de xénero pioneira que marcou o camiño que, dez anos despois, iniciaron no Estado cun pacto que segue a orientación trazada polo BNG aquí". A portavoz nacionalista, Ana Pontón, defendeu o ADN lilá do Bloque para reivindicar a "coraxe do 8M" que faga posíbel levar unha voz "feminista e galega" ás Cortes españolas. O Bloque quixo que o seu primeiro acto de campaña tivese como protagonistas as mulleres e as súas reivindicacións de igualdade e dereitos. "Quero apelar a esa forza das mulleres capaz de mover o mundo para que este 28 de abril apostemos nun cambio que sitúe Galiza no mapa, con deputadas que van dar voz aos intereses, necesidades e a realidade das mulleres do no noso país", dixo Pontón, secundada pola candidata ao Congreso por Pontevedra, Carme da Silva, e medio cento de responsábeis políticas e simpatizantes ante a simbólica escultura das Marías na Alameda de Compostela. Reivindicou a nacionalista as mulleres que loitaron e abriron camiño para camiñar cara a unha igualdade real e plena para as mulleres, "desde pioneiras como Rosalía de Castro, as que participaron na loita antifranquista, as republicanas represaliadas e a todas as mulleres que, desde diferentes ámbitos, contribuíron a fortalecer o feminismo no noso país, chámense Begoña Caamaño, María Xosé Queizán, Pilar García Negro ou Encarna Otero. Todas elas nos conectan cun fío de sororidade que une as mulleres do mundo e que como galegas queremos reivindicar", concluíu. Xulgados de violencia de xénero en todas as cidades galegas, veto aos ventres de alugueiro e aumentar a un ano o permiso por maternidade e paternidade son tres das propostas da formación nacionalista para este 28A.
NOS_26909
O Consello de Contas cuestiona os concertos do Sergas coa sanidade privada. O conselleiro maior do Consello de Contas, José Antonio Redondo López, compareceu onte no Parlamento da Galiza para presentar os informes da entidade referidos ao exercicio 2019. Os orzamentos da Xunta da Galiza e do Sergas centraron boa parte da súa intervención e dos grupos parlamentarios.
O Consello de Contas da Galiza cuestiona os concertos asinados polo Servizo Galego de Saúde (Sergas) co sector sanitario privado. Segundo se recolle no seu informe de fiscalización da conta xeral do Sergas de 2018, ao que tivo acceso Nós Diario, "os concertos formalizados na área da Coruña cos hospitais San Rafael, Modelo e Quirónsalud A Coruña esgotaron as correspondentes prórrogas o 16 de xaneiro de 2016, continuando coas prestacións mediante autorizacións de uso desde esa data e durante o exercicio fiscalizado, adxudicándose un novo contrato durante o ano 2020". A situación repítese noutras áreas sanitarias da Galiza. Nesta liña indica que a "mesma situación atopábase na área de Lugo, que continuou con autorizacións de uso con Polusa e Ollos Grandes durante o exercicio fiscalizado e até 1 de outubro, data na que entrou en vigor o novo contrato". Outro tanto acontece en Vigo, no caso de Povisa durante o exercicio fiscalizado "o concerto modificouse en dúas ocasións, unha como consecuencia dos custos derivados dos medicamentos de alto impacto que supuxeron un incremento do concerto en dous millóns de euros, e outra como parte do programa especial de redución das listas de espera que supuxo un incremento dun millón de euros". Ausencias de contratos nos concertos do Sergas O Consello de Contas denuncia que "hai determinados servizos nos que non se emprega ningunha forma contractual" e en que se "recorre de forma reiterada ás autorizacións de uso, e na maior parte dos casos non se acreditan as necesidades urxentes que se pretenden atender, limitándose a enumerar servizos necesarios". Neste sentido, critica que se "aprecia a existencia de obrigas con entidades (algunhas delas incluídas no apartado "resto de entidades") que non están soportadas por un concerto ou autorización de uso". O ente fiscalizador pon o foco na opacidade dos instrumentos de xestión. A este respecto, destaca a existencia de contratos que "nacen de procedementos negociados cuxa xustificación, en particular os de cobertura xeral, non teñen amparo nun criterio de natureza contractual que conclúa a imposibilidade de promover a concorrencia na oferta". Nesta liña, advirte que "esta ausencia de concorrencia limita o proceso licitatorio aos termos acordados polas partes nun procedemento negociado". "En ningún dos casos analizados a tramitación se axusta ao previsto na normativa financeira, xa que tan só se limita a realizar os pagos, a pesar de ser necesaria unha autorización previa á realización do servizo facturado e para a que non hai constancia contábel", sinala o documento de fiscalización da conta xeral do Sergas, que salienta que "en case todos os casos acumúlanse varias facturas do mesmo provedor nun único documento contábel, non sendo posíbel o axeitado seguimento das obrigacións pendentes de imputar". 205 millóns de euros de euros en concertos en 2019 A Xunta da Galiza destinou en 2019 a concertos sanitarios 205 millóns de euros, sendo o de maior contía o asinado co hospital vigués de Povisa, que recibiu nesa anualidade 38% do total do orzamento. Malia o relevo que cobran os concertos asinados entre o Sergas e os operadores sanitarios privados para atender a demanda asistencial que non se pode cubrir coa dotación e recursos propios do sector público, as entidades de defensa da sanidade consideran que se están empregando como un mecanismo para avanzar no desmantelamento do sistema público, prescindindo do carácter complementario e subsidiario que a lei lles outorga aos concertos. O Consello de Contas advirte do funcionamento da administración sanitaria paralela. Así, en relación con Galaria, empresa pública do Sergas dirixida pola antiga conselleira de Sanidade Rocío Mosquera afirma que "o contrato programa de Galaria non está adaptado ao procedemento de reestruturación que está a realizar a entidade e coexiste con encomendas formuladas polo Sergas á entidade para o desenvolvemento de actividades concretas". Anteriormente, esta mesma entidade tivo como máxima responsábel María Luisa Brandt, quen tras o seu paso por Galaria foi nomeada en 2017 xerente do hospital de Povisa en Vigo. O funcionamento da Fundación 061 está no foco do organismo fiscalizador. A este respecto, o Consello de Contas sinala que " a situación financeira da Fundación 061 evidencia unha necesidade de revisión do modelo de control e seguimento por parte do Sergas".
NOS_9453
O G7 acusa Rusia de incrementar o risco nuclear.
O Organismo Internacional de Enerxía Atómica (OIEA) vén de confirmar que Ucraína asumiu a autoría dos bombardeos da pasada sexta feira e do sábado contra a central nuclear de Zaporiyia, a máis grande do continente, e que está controlada desde comezos de marzo por tropas rusas.Kíiv comunicou que o último "incidente de bombardeo" causou algúns danos na zona da instalación de almacenamento de combustíbel usado, amais de matar un garda de seguridade ucraíno, un día despois do ataque que afectara o sistema de subministración de enerxía externa da planta. A ONU advirte que un ataque á central nuclear de Zaporiyia sería "suicida" Baseada nestes datos, a OIEA sinala que "non hai ningunha ameaza inmediata para a seguridade nuclear". Nese sentido, Moscova continúa a reclamar que os expertos da entidade acudan á central a avaliar a situación, e solicitou á Organización das Nacións Unidas que non interfira.Amais, a voceira do Ministerio de Asuntos Exteriores, Maria Zajarova, fixo fincapé en que envían información actualizada e que as circulares da OIEA "desvelan de modo claro as accións criminais das Forzas Armadas ucraínas, cuxa Comandancia perdeu definitivamente a capacidade de pensar racionalmente". Evitar accións militares O director xeral da OIEA, Rafael Mariano Grossi, apuntou que estes ataques "incumpren varios dos alicerces indispensábeis de seguridade nuclear", así como que "calquera acción militar que poña en perigo a seguridade da central nuclear é completamente inaceptábel e debe evitarse". Malia o recoñecemento das autoridades ucraínas, o G7 -foro que agrupa Alemaña, o Canadá, os Estados Unidos, Francia, Italia, o Xapón e o Reino Unido- acusou Rusia de "pór en risco a rexión" por controlar a planta nuclear, e pediu que abandone as instalacións "inmediatamente". A incesábel ameaza do botón nuclear... É posíbel que alguén o prema? Reactívase o oleoduto fechado No que respecta ao corte no oleoduto que leva o petróleo ruso a Hungría, Chequia e Eslovaquia o 4 de agosto, interrompido por Ucraína aludindo que as sancións da Unión Europea a Rusia non lle permitían aceptar o pago da rusa Transneft polo tránsito, Moscova sinalou que Kíiv confirmou a reactivación da infraestrutura. O acordo para desbloquear a situación foi transmitido pola eslovaca Slovnaft, que afirmou que as refinarías de Budapest e Bratislava serán as encargadas de pagar polo tránsito a Ucraína.
NOS_16652
O director do Igape evita contestar a cuestións como os criterios de selección das empresas que conforman o organismo ou por que Abanca ten tanto peso nun ente de xestión, non de financiamento.
Igual que fixera cos proxectos europeos, a Xunta da Galiza evita agora dar explicacións sobre a nova entidade público-privada creada co fin de impulsar os novos proxectos tractores que se financiarán con cargo aos fondos europeos de reactivación económica. En resposta a unha pregunta oral da deputada do BNG Noa Presas na comisión parlamentaria de Economía, Facenda e Orzamentos, o director do Igape, Fernando Guldrís, evitou contestar directamente a cuestións como os criterios de elección das entidades que integran o ente público-privado e limitouse a dicir que "sería un erro non aproveitar o saber facer destas empresas". Para Noa Presas, a constitución desta sociedade é "a última chiringuitada do Goberno de Feixoo", un "escándalo" que constitúe o "chanzo definitivo" na externalización da propia Administración Pública. Segundo denunciou en sede parlamentaria, "unha cousa é a colaboración público-privada e outra a creación dun ente que, ademais de bloquear o debate político sobre o emprego dos fondos, substitúe as funcións do Goberno galego para darllas a un grupo de empresas que son as que van cortar o bacallau". Falla de criterios Coas súas preguntas, a formación nacionalista pretendía saber cales foron os criterios de selección das empresas que conforman este organismo (Abanca, Reganosa e Sogama), por que a Xunta, que controla 40% do capital, non supera o 50%, ou por que os nove integrantes do seu consello son homes. Na súa resposta, o director do Igape aclarou que a devandita sociedade "nace co obxectivo de buscar consensos" e que está "aberta" á participación doutras entidades do país. Segundo Guldrís, a sociedade que determinará cales das 354 iniciativas que optan a estes fondos, cun investimento total a mobilizar próximo aos 200.000 millóns de euros, desenvolverá o seu traballo "con rigor, transparencia e buscando implicar o tecido produtivo". Nada dixo dos criterios para a selección das empresas nin do peso relativo da Xunta no seu capital nin do feito de que non se cumprisen os criterios do que Presas cualificou de "Consellaría de Igualdade e postureo" para a constitución do seu consello de administración. Tan só defendeu que do modo en que está configurada "é como se garante a optimización de recursos e a sustentabilidade de proxectos a medio e largo prazo". Após escoitar a súa resposta, Presas lamentou que a Xunta "renuncie a planear cal vai ser o futuro deste país" e que privilexie a empresas "do oligopolio", como é o caso de Naturgy ─controla 49% de Sogama─ para capitanear a transición cara a unha economía máis verde, o que, segundo criticou, constitúe un "exemplo de greenwashing e capitalismo verde" . Por último afeou que o Executivo prescindise tamén do Consello Económico e Social para a selección de proxectos a financiar cos fondos Next Generation nun exercicio de "escurantismo" que constitúe "o colmo da desregulación", así como o feito de que Abanca teña control (posúe 38% da sociedade) nun organismo que, como lembrou, "non é investidor; é xestor".
NOS_34976
A empresa viña, desde o 24 de xullo, aplicando o convenio provincial, o que supuña importantes recortes de salarios e dereitos para os e as traballadoras. O comité de empresa acordou suspender a folga a partir das 22:00 horas do domingo após esta sentenza
A sentencia do Xulgado do Social número 5 de Vigo obriga á empresa a aplicar o convenio colectivo ao cadro de persoal, e non o provincial, como viña facendo desde o 24 de xullo. Un fallo xudicial que vén dar a razón aos e ás traballadoras do centro hospitalario, que desde o pasado 19 de xullo protagonizan unha folga indefinida. Obriga a empresa a suspender a aplicación do devandito marco laboral para retornar ao convenio propio que tiña o centro, en cumprimento da cláusula de ultraactividade A convocatoria de folga chegou despois de racharen as negociacións para o novo convenio entre os sindicatos e a patronal do centro, que pretendía impor grandes regresións salariais e en dereitos consolidados. Por mor da reforma laboral, e unha vez expirado o acordo, a dirección impuxo unilateralmente o convenio provincial, que supón entre o 40 e o 52% de mermas salariais, así como a supresión da maior parte de cláusulas propias que contiña o acordo de empresa, coa conseguinte involución en todos os sentidos. @s empregad@s, que decidirán en asemblea se continúan coa folga, coñeceron a sentenza mentres participaban nun mercadiño solidario para recadar fondos.
NOS_32368
A oposición aféalle que exerza ou non de presidente de Galiza segundo quen goberne no Estado.
Amagou, amagou e finalmente tivo que dar un paso adiante. Núñez Feixoo levaba días ameazando con ir aos tribunais para reclamar ao Estado que pague os 200 millóns de euros que debe a Galiza polo IVE mais non foi até esta cuarta feira, e despois de que desde a oposición forzas como o BNG lle exixisen "deixar de choromicar" e dar o aso, que anunciou o recurso á xustiza. Para a oposición, fica claro que Feixoo compórtase como presidente reivindicativo para Galiza dependendo de quen goberne en Madrid. O conflito polo IVE vén dunha lei aprobada polo Executivo de Mariano Raxoi e daquela Feixoo calou, lémbranlle. Feixoo dixo que seu Goberno "esgotará todas as posibilidades no ámbito xudicial" para "defender Galiza" e levará aos tribunais ao Executivo que dirixe o socialista Pedro Sánchez. "Esgotado o diálogo institucional, seguiremos esgotando todas as vías para defender Galiza no ámbito xudicial, esgotaremos todas as posibilidades legais", sentenciou despois de que, no marco da sesión de control, a parlamentar do BNG Olalla Rodil, que substitúe Ana Pontón, que acaba de ser nai, nas súas funcións de portavoz, o emprazase a ir aos tribunais. Despois dunha intervención na que o líder do PPdeG non aforrou críticas para o acordo subscrito por BNG e PSOE para investidura de Sánchez, Rodil ironizou con que o presidente ultimamente só acerta "cando rectifica" e "cando copia" ao Bloque. "Por moito que se envolva na bandeira galega agora, non poderá tapar unha década de submisión a Madrid e ao centralismo", advertiu. Desde o Grupo Común da Esquerda, pola súa banda, Antón Sánchez afirmou que "a palabra de moda da acción de goberno de Feixoo é recuar", lembrando a reapertura do salón de partos de Verín ou a fin do proxecto mineiro para Touro. "Nas mobilizacións pola sanidade pública bérrase moitas veces 'con este goberno, imos de cu'. Cando vostede recúa, o resto avanzamos", celebrou Sánchez. Gonzalo Caballero (PSdeG) considera que hai "unha maioría no país" que está "disposta a gobernar" e que vai desaloxar o PP da Xunta. O líder socialista afirmou que "temos que defender Galiza do seu Goberno e das súas políticas", que considera lesivas para a maioría social.
PRAZA_1912
Non é casualidade por tanto que nun ambiente como este no que a formación en igualdade e a inversión nas campañas de sensibilización e loita contra a violencia de xénero e a discriminación e case nula, as actitudes machistas e vexatorias contra a muller aumente sobre todo nos máis novos
Estamos inmersos na época do gran revisionismo/negación, xa sexa co holocausto, o franquismo e como non coa realidade da Violencia de Xénero. O instrumento da negación constitúe unha poderosa arma de invisibilidade da problemática, e por tanto da permanencia social desta lacra machista. Falo disto, porque con ocasión dos tráxicos feitos deste verán no que chegamos a 25 vítimas mortais, e nas que en España morre unha muller vítima de violencia de xénero cada dous días, temos visto como funciona e como participan nesta negación/invisibilidade medios de comunicación, autoridades públicas, etc. Os medios de comunicación teñen un papel moi importante nesta cuestión especialmente co emprego da "neolengua" ou cun uso maniqueo da linguaxe. Non faltan medios, como por exemplo a CADENA COPE ou 13TV que á hora de afrontar a cuestión de violencia de xénero buscan englobar a violencia machista, na violencia en xeral que vive a sociedade, relacionada coa perda de valores tradicionais/familiares, sendo unha expresión máis da violencia xeral propia de sociedade na que vivimos. Este tipo de argumentos non só son un erro, senón un paso atrás nun dos logros máis importantes do movemento feminista, xa que a violencia de xénero é un tipo de violencia específico, exercido contra a muller polo feito de ser muller e unha das principais causas de morte das mulleres en todo o mundo segundo a OMS. Este tipo de argumento buscan minimizar a cuestión fundamental deste tipo de violencia sustentada nun sistema sexo- xénero que perpetúa unha sociedade desigual na que a muller segue a sufrir unha sistemática discriminación. A linguaxe dos medios sen dúbida é o que xoga un papel máis importante nesa invisibilidade e no "encubrimento" do agresor, falando constantemente de mortes e non de asasinatos ou empregando termos coma "violencia familiar" ou falando de "mulleres mortas". A linguaxe dos medios sen dúbida é o que xoga un papel máis importante nesa invisibilidade e no "encubrimento" do agresor, falando constantemente de mortes e non de asasinatos ou empregando termos coma "violencia familiar" ou falando de "mulleres mortas". Pero non só os medios de comunicación participan nesta estratexia, as institucións públicas ou partidos políticos con responsabilidade de goberno tamén favorecen á "culpabilización" da muller ou axudan a minimizar esta lacra. O último exemplo ven de mans do PP que non contento cos recortes salvaxes que levou a cabo durante este catro anos nesta materia, agora a súa Fundación de muller, culpabiliza ás vítimas de violencia de xénero polos seu comportamento sexual. Pero lamentablemente non podo dicir que sexa algo que me sorprenda. As institucións públicas ou partidos políticos con responsabilidade de goberno tamén favorecen á "culpabilización" da muller ou axudan a minimizar esta lacra Un exemplo claro que tivemos na cidade de Ferrol foi a anterior concelleira de muller Verónica Casal (PP) que dende a súa chegada ao cargo, converteu os 25N en días contra a Violencia (de novo a negación específica da violencia de xénero) e isto complementado con agasallos abertamente sexistas; o último unha galleta co lema "sou doce, non sexas violento". Pouco que engadir, a unha concelleira de muller que no día contra a violencia de xénero emprega un agasallo que resume o que chamamos a "mística de feminidade" un piar fundamental da construción socio cultural da imaxe estereotipada da muller. Non é casualidade por tanto que nun ambiente como este no que a formación en igualdade e a inversión nas campañas de sensibilización e loita contra a violencia de xénero e a discriminación e case nula, as actitudes machistas e vexatorias contra a muller aumente sobre todo nos máis novos. Algúns estudos sinalan que entre o 12% e o 15% das mozas xustifica comportamentos sexistas e machistas das súas parellas considerando que son mostras de amor. Os celos, a ameaza, o paternalismo, a chantaxe emocional ou a posesión están a miúdo presentes nas relacións dos máis novos, establecendo a través dos micro- machismos e dos estereotipos relacións desequilibradas nas que as mulleres asumen un papel pasivo ou no peor dos casos de dominación. Todo isto especialmente favorecido polo emprego das redes sociais, nas que aparecen novas formas de acoso e violencia. É agora ante este panorama cando aparecen os "expertos" que falan das falsas denuncias, ou aqueles outros que tentan negar a necesidade da existencia de medidas de acción positiva ou a formación en igualdade dende a infancia e a adolescencia. E todo isto a pesares dunha realidade cruenta que trae case cada día un novo nome a aumentar na lista de vítimas da violencia machista. "O primeiro problema que temos todos, homes e mulleres, non é aprender senón desaprender" (Gloria Steinem)
NOS_8927
A escaseza de vivenda e o interese dos investidores polo sector como refuxio ante a elevada inflación quentan o mercado inmobiliario
A Galiza rexistrou o pasado mes de setembro 1.723 operacións de compravenda de vivendas, o que supón 28,5% máis que o mesmo mes de 2020 e o maior volume de transaccións nun mes de setembro desde o ano 2010. No conxunto do Estado español as cifras superan xa as de 2008, o ano en que estourou a burbulla inmobiliaria. Desta vez son varios os factores que levan a 'quentar' o mercado. Un deles o imparábel crecemento da inflación ─foi do 5,7 en outubro─, que fai que as persoas investidoras decidan pór os seus cartos no ladrillo para non perderen poder adquisitivo. A directora de Estudos e portavoz do portal inmobiliario Fotocasa, María Matos, sinala que o mantemento de tipos de interese baixos e a incerteza provocada pola pandemia consolidou os activos inmobiliarios como un refuxio para as persoas investidoras. "Esta conxuntura beneficiou as investidoras, que apostan pola compra de vivendas como activos atractivos, seguros e con rendibilidade a longo prazo", indica Matos. Nesta liña, apunta que tres de cada catro persoas que adquiren un inmóbel como investimento fano para destinalo a alugueiro de longa duración; 15% aposta no alugueiro de estancias curtas e só 10% non pensa en alugala. Con todo, Matos non cre que haxa perigo dunha nova burbulla inmobiliaria. En primeiro lugar, porque os prezos non están a subir de forma desorbitada e agora mesmo o prezo medio da vivenda de segunda man está case 40% por baixo dos anos do 'boom' inmobiliario. E, en segundo lugar, porque aínda que os bancos están a dar hipotecas e manteñen a billa do crédito aberto, son "moito máis cautos e comedidos que no pasado". Escaseza de pisos e material Outro dos factores que está a quentar o mercado é a escasa oferta e a falla de man de obra na construción, ao que se suma nos últimos meses a escaseza de materiais e materias primas, circunstancias que levan o portal Pisos.com a prever un encarecemento de 4 ou 5% nos prezos para o próximo ano. Pese a esta alza, o director de Estudos deste portal, Ferran Font, apunta que "non se esperan escenarios de sobrevaloracións abruptas", xa que a oferta como demanda buscan estabilidade. "Estes picos non hai que interpretalos como a antesala dunha burbulla, senón como a resposta lóxica da demanda retida durante o coronavirus", insiste Font. Aumento das hipotecas Un bo indicador do mercado é a concesión de hipotecas. En agosto ─último mes do que hai rexistros─ aumentou 62,9% respecto ao mesmo período de 2020. Porén, o cambio de actitude da banca está a limitar o acceso a esta vía de financiamento a moitas familias e, en especial, á xente nova. Neste senso, o director de Estratexia e Sustentabilidade da Asociación Española de Banca (AEB), Juan Carlos del Rieu, confirma esa maior dificultade pola actitude "máis prudente" das entidades, ao tempo que cita "a deterioración do mercado laboral" e "unha taxa de temporalidade salvaxe" como outros condicionantes para o acceso ao crédito, ao que hai que sumar os impostos ligados ás operacións.
NOS_32350
O desastre queda adiado... por agora. A selección española, moi criticada polas súas actuacións dentro e fóra do terreo de xogo, clasificouse para os oitavos de final após vencer Eslovaquia por 5-0, aínda que continúa transmitindo a impresión de estar por debaixo dos grandes favoritos.
O fútbol é un deporte tan grande que é compatíbel gañar un partido por 5-0 e non convencer, porque a goleada coa que a selección española esmagou á eslovaca e conseguiu a clasificación para os oitavos de final, a pesar dos 'olé' cos que o público festexou no tramo final do partido, non foi acompañada da solidez e a confianza que irradian os grandes favoritos do torneo. Comezou o combinado dirixido por Luis Enrique dominando, aínda que sen materializar en tiros a porta, até que no minuto 11 Hromada derruba Koke dentro da área e o colexiado sinala penalti após consultar o VAR. Logo do seu fallo ante Polonia, Gerard Moreno, cedeu o balón ao sinalado Álvaro Morata, que transmutado nunha sorte de rei Midas á inversa, pateou ás mans do arqueiro eslovaco e multiplicou o ruxe-ruxe nas bancadas dunha Cartuja que se temía o peor. Ante este escenario, os de Luis Enrique comezaron a ensaiar unha arte que non practicaran en todo o torneo: o disparo desde fóra da área, atopando recompensa nun tiro de Sarabia que un desorientado Hromada introducía na súa propia portería no 29. Con 1-0 no marcador os eslovacos trataron de adiantar liñas, pero o partido seguiu na mesma tónica e ao fío do descanso o aquitano Aymeric Laporte estabeleceu o 2-0 valéndose do seu 1,91 de altura na área rival. A segunda metade comezou igual que rematou a primeira, con gol de España, anotado por un Sarabia que acababa de entrar no terreo de xogo, mesma situación que viviu Pau Torres co cuarto tanto, que parecía o definitivo até que Dubravka metía o segundo gol eslovaco na súa propia portería. Forsberg anota o gol máis rápido da Eurocopa O outro partido do Grupo E, Suecia-Polonia, finalizou cun triunfo favorábel aos suecos por tres tanto a dous e, alén do resultado, deixou unha marca para a historia do torneo, pois Emil Forsberg anotou ao minuto e 22 segundos de xogo o segundo tanto máis rápido na historia da Eurocopa, só superado polo 1.07 que tardou o ruso Dmitri Kirichenko no 2004.
NOS_19957
Afírmano Adega e Mariña Patrimonio, que veñen de pedir á Xunta que corrixa os fallos.
Información errada da xeolocalización de bens do patrimonio galego poñen estes en perigo. Denúnciano desde Adega e Mariña Patrimonio. No pasado mes de abril, lembran, a Consellaría de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, a través do Instituto de Estudos do Territorio, en colaboración coa Consellaría de Medio Rural e a Consellaría de Cultura e Turismo, actualizaba o visor de aproveitamentos forestais da Xunta. Un dos principais obxectivos desta tarefa, que implicou un investimento de 1.100.000 euros, era o de actualizar a información xeográfica relativa ao Patrimonio Cultural de Galiza. Tratábase de revisar e mellorar a xeolocalización e delimitación dos BIC e doutros elementos do inventario do patrimonio cultural, como castros, mámoas ou petróglifos, para poñela a disposición de calquera usuario a través do visor xeográfico da Xunta na rede. A información contida neste visor ten carácter oficial, indican ambas as dúas entidades, "polo que unha correcta actualización da mesma facilitaría aos propietarios forestais a consulta sobre a existencia de elementos patrimoniais naqueles predios nos que se dispoña a realizar algún labor forestal, así como os trámites de autorización". Porén, Adega e Mariña Patrimonio afirman que detectaron que os límites marcados "dun considerábel número de xacementos arqueolóxicos non se corresponden cos seus límites xeográficos reais, poñendo en risco esas zonas arqueolóxicas que deberan estar protexidas". Recoñecen que os erros non son xeralizados mais mostran a súa preocupación polo feito de que "afectan unha considerábel parte do territorio galego e resulta especialmente rechamante que os límites de xacementos situados en concellos onde está aprobado o Plan Xeral de Ordenación Municipal non coincidan coa delimitación contemplada no catálogo de xacementos delimitados dos PXOM". Exemplo de Ribadeo Como exemplo ilustrativo poñen Ribadeo, onde, dos oito castros catalogados no seu PXOM, sete están mal delimitados no visor. Adega e Mariña Patrimonio veñen de solicitar á Consellaría de Medio Ambiente que retire de toda circulación pública, tamén do visor de aproveitamentos forestais da Xunta, que retire a información do visor e proceda a reparar "os erros de delimitación e xeolocalización atopados". Así mesmo, requiren á Consellaría de Medio Rural que non outorgue "autorizacións para cortas ou plantacións forestais naqueles predios nos que non estea garantida a protección e a correcta delimitación de xacementos e doutros elementos patrimoniais". "Podería darse o paradoxo de que os propietarios de monte que consulten o visor de aproveitamentos forestais da Xunta para determinar a presenza dalgún xacemento arqueolóxico nas súas fincas acaben sendo sancionados por infraccións en materia de protección patrimonial ao afectar algún xacemento mal delimitado pola Xunta"
NOS_53646
Camiño Escena Norte, un programa de intercambio escénico entre a Galiza, Asturias, Cantabria e Euskadi, comeza o 12 de setembro.
A terceira edición do programa de intercambio artístico e profesional Camiño Escena Norte achegará, a partir do vindeiro 12 de setembro e até o 10 de outubro, numerosas propostas escénicas de diversas disciplinas e formatos por nove localidades galegas. Camiño Escena Norte pretende expandir e dinamizar o sector escénico que se vertebra arredor do territorio que percorre o Camiño do Norte. Baixo o lema Volver camiñar, neste 2021 o programa consolidará a súa ambiciosa proposta de aposta pola creación de proximidade e contará -no marco do programa de exhibición Itinerario Constelacións- cun total de 11 espectáculos en xira e 37 sedes repartidas por Galiza, Asturias, Cantabria e Euskadi. O teatro que vén á Galiza No caso da Galiza, o público poderá gozar ao vivo de sete espectáculos que xirarán polas sedes que conforman a rede de produción escénica no territorio, que este ano ascenden a nove, logo da incorporación de Melide. Así, Arzúa, Lugo, Melide, Mondoñedo, Negreira, Ribadeo, Santiago de Compostela, Sobrado dos Monxes e Vilalba acollerán nove funcións das compañías asturianas A66 Producciones (Abre el ojo) e Meraki Cía (Amalgama); das cántabras Anabel Díez / El Tejo Producciones (La casa de Bernarda Alba), Babirusa Danza (La naturaleza del silencio) e La Machina Teatro (Olivia y las plumas); e das vascas Marie de Jongh (Ikimilikiliklik. Mi pequeña) e Ados Teatroa (Lloviendo ranas). Xunto ás funcións integradas no Itinerario Constelacións, Camiño Escena Norte espalla a súa actividade coa liña de programación Camiño Expandido, de xeito que as exhibicións se acompañarán de diversas actividades paralelas de mediación arredor dos espectáculos, como obradoiros de contextualización ou de movemento, ademais de encontros coas compañías ao finalizar as funcións. O teatro galego que sae No marco deste programa de intercambio e de promoción da diversidade lingüística e de formatos escénicos, tres compañías galegas levarán a Asturias, Cantabria ou Euskadi os seus espectáculos para amosar algunhas das producións máis recentes na nosa escena. É o caso de Elefante Elegante (Dreaming Juliet), Tanxarina (A galiña azul) e Nova Galega de Danza (Leira), esta última finalista dos Premios Max 2021. As localidades de Xixón, Mieres, Potes, Torrelavega, Castro Urdiales, Santoña, Santander, Eibar e Mutriku acollerán, ademais das funcións, diversos obradoiros e encontros co público.
NOS_40121
Marta, o seu compañeiro e os fillos de ambos pasaron a disposición xudicial e foron postos en liberdade con cargos.
A familia desafiuzada onte na cidade de Vigo e prendida por axentes da Policía española pasou esta sexta feira (12 de agosto) a disposición xudicial e foi posta en liberdade con cargos. Segundo explicou a avogada, Esther Lora, en conversa con Sermos Galiza, pai e fillo (19 anos) están acusados dun presunto delito de "atentado contra a autoridade" e "resistencia" por terse negado a abandonar o domicilio. Marta e a filla (24 anos) dun suposto delito de "resistencia". Segundo o auto policial os axentes aseguran ter sido agredidos polos dous homes, porén, a familia nega estes feitos e mesmo contan con senllos partes de lesións realizados por un médico forense nos que presentan mazaduras e negróns. O xulgado outorgaba 48 horas até se facer efectiva a orde de despexo mais foron expulsados da vivenda pola Policía antes de se cumprir o prazo Desde a Oficina de Dereitos Sociais de Coia e a PAH de Vigo denuncian a "violencia" coa que os axentes levaron a cabo o despexo, previsto 48 horas despois de lles ser notificado o auto de desafiuzamento por parte do Xulgado de Instrución número 1 de Vigo. Isto é, esta sexta feira pola mañá. Porén, a policía efectuouno a primeira hora --por volta das oito-- de onte. "Non nos deu tempo a xestionar un aprazamento" como tiñan previsto no prazo outorgado xudicialmente. Após pasar a noite nos cabouzos da comisaría saen en liberdade con cargos e coa obriga de pasar polos xulgados cada 15 días para asinar. "Non estamos acostumados a estes despexos con tanta violencia", sinala Esther Lora. Usurpación A familia foi despexada após a denuncia presentada polo propietario da vivenda acusándoa de "usurpación". Neste senso, malia non contar cun contrato de aluguer están en posesión de "recibos bancarios que acreditan o pagamento en concepto de renda", sinala Lora, polo que "delito de usurpación non hai", en todo caso, acrecenta, "por impago dalgúns meses" o que suporía un procedemento de despexo civil. "É todo rarísimo", asegura. Marta e a súa familia tentarán agora acceder ao domicilio para recoller os seus efectos persoais pois saíron da comisaría "co posto", mesmo en pixama.
NOS_42545
Decidírono nunha asemblea asemblea extraordinaria o 18 de febreiro, mais a noticia non trascendeu até a comunicar esta segunda feira através da súa web. Equo deixa En Marea por non partillar "nin as formas nin os xeitos cos que foi tomando corpo a nova fórmula de partido instrumental". Equo si mantería a súa participación nas mareas municipalistas.
Desagrégase un dos componentes da autoproclamada unidade popular e faino por disconformidade con como está a evoluír o proceso de conformación de En Marea como partido instrumental. A xuízo da formación ecoloxista, a confluencia está a repetir "os principais defectos e taras" que xa tería amostrado na súa etapa como coligazón eleitoral "de tres partidos", en alusión a Anova, Podemos e Esquerda Unida. Equo -partido que no Estado ten tres parlamentares integrados no grupo de Unidos Podemos- desvínculase de En Marea e aposta en "fortalecernos na nosa andaina propia no ecoloxismo político e no ecofeminismo, facendo un chamamento á cidadanía galega a sumarse activamente ao noso proxecto de país". Críticas a forma en que se está a concretizar a configuración de En Marea como partido, mais gabanzas aos traballos das mareas municipalistas. Así se resumiría a posición de Equo: "Desexamos amosar o noso apoio e o noso orgullo polo bo traballa que están a facer as nosas xentes nas mareas municipalistas nos distintos concellos do país". A formación ecoloxista entende que En Marea non é o vehículo neste momento para aprobar materias pendentes "no escenario político actual como a posta en valor da radicalidade democrática, a horizontalidade, a participación en pé de igualdade e a transparencia". "Principios que están nos xenes das xentes de Equo Galicia e aos que non queremos nin podemos renunciar", alega. Equo ten unha política de alianzas variábel. No Estado mantén vínculos con Unidos Podemos. Na Galiza até agora con En Marea. E o pasado mes de maio constituíu con Espazo Ecosocialista -a organización que ten Xan Hermida como referente- o que deron en chamar unha Cooperativa Galega do Ecoloxismo Político.
NOS_12178
A próxima semana publicarase a listaxe de lugares de risco.
Os viaxeiros e viaxeiras que cheguen a Galiza procedentes de zonas de "alta" incidencia de coronavirus, xa sexa doutras partes do Estado ou do estranxeiro, deberán notificar "con carácter obrigatorio" os seus datos de contacto e tempo de estancia. Diso informou esta quinta feira despois do Consello da Xunta o presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feiixoo, quen destacou que esta medida ten como obxectivo o "diagnóstico precoz" e estar "preparados para detectar con carácter rápido" as persoas que estean infectadas. Así, as e os viaxeiros deberán notificar áás autoridades a súa viaxe a través do teléfono de atención do coronavirus (881 00 20 21) ou a través da web (coronavirus.sergas.gal). A próxima semana publicarase a listaxe de lugares de risco con datos "obxectivos". Os viaxeiros que estivesen polo menos 14 días nestes sitios deberán comunicalo, mentres que para o resto de visitantes será voluntario.
NOS_20415
Reproducimos a seguir a intervención de Xoán Costa, presidente do Consello de Administración da empresa, na festa de celebración do V aniversario de Sermos.
Amigas, amigos, en nome do Consello de Administración de Sermos Galiza, moi boa tarde Quero comezar propóndolles unha viaxe, no tempo e no espazo. Veñan comigo á Coruña. Cinco anos atrás. É sexta feira 8 de xuño de 2012. Ese día sae á rúa o número 1 do semanario Sermos Galiza. Antes, 26 de abril, o número 1 do diario dixital. Permitide que vos sitúe nun quiosque da Coruña, ás 8 horas. Nunha pequena mesa situada no exterior, hai un pacote con 5 exemplares de Sermos e, ao lado, outro con 3 exemplares de Le Monde Diplomatique. Collín o Sermos e, ao ir pagar, o quiosqueiro fíxome 2 perguntas. -Quen está detrás disto?, inquiriu A cuestión era fácil e foi case mecanicamente que lle respondín. E non é preciso que a diga aquí, a resposta, pois está na cabeza de todas e todos: detrás está a necesidade de restituír o galego nos quiosques, ausente na altura. E chegou, afiada, asubiando co vento do Orzán, a segunda das cuestións. E esta xa non foi tan fácil de responder. Especialmente vendo o aspecto do local: feixes de periódicos para devolver. Libros e discos que acompañaban. Na altura os informes de venda de prensa eran demoledores. Algúns periódicos baixaran até un 30 por cento as vendas e acudían a todo tipo de estrataxema para se manter. Mesmo a vender facas para cortar presunto! Na altura os informes de venda de prensa eran demoledores. Algúns periódicos baixaran até un 30 por cento as vendas Mais o home do quiosque agardaba resposta á segunda cuestión antes de me dar a volta do billete de 5 euros con que pagara o exemplar de Sermos. Non só quería saber quen estaba detrás, quería saber algo que eu dificilmente podería responder: -Canto vai durar?- espetou. Confeso que non puiden dar resposta. Desculpeime dicindo que chegaba tarde á clase e que xa falaríamos outro día, ao fin e ao cabo eu era cliente do quiosque e xa non era a primeira vez que tiñamos mantido conversas na beirarrúa sobre temas de actualidade. Nunca puiden darlle unha resposta a aquel home. Ao pouco o quiosque fechou. Mais se tiver ocasión a resposta sería o lema deste 5 aniversario: veñan máis 5. Sermos Galiza fai cinco anos. Neste período adaptamos o deseño gráfico, houbo altas e baixas no cadro de persoal, no Consello de Administración... Só unha cousa non mudou: o noso compromiso a prol dun espazo de comunicación galego entendendo por tal aquel que coloca o galego como única lingua de comunicación e Galiza como miradouro desde o cal ollar o proprio país e tamén o mundo. Ese compromiso, en galego e con Galiza, que animou a creación de Sermos Galiza como un proxecto de comunicación posíbel grazas, primeiro, ás aportacións de entidades e persoas que conformaron o capital social e despois ás traballadoras e traballadores, colaboradoras, colaboradores, de todo tipo e que non perciben ningunha compensación económica a cambio, anunciantes, persoas que fan doazóns, a todas aquelas persoas e entidades que constitúen o que chamamos Comunidade Sermos. Só unha cousa non mudou: o noso compromiso a prol dun espazo de comunicación galego entendendo por tal aquel que coloca o galego como única lingua de comunicación e Galiza como miradouro Algunhas desas persoas xa non están con nós, mais seguen entre nós. Quero concentrar nunha soa, en Francisco Carballo, a lembranza de todas elas. O Sermos de 2017 é resultado da aplicación das decisións da xunta de accionistas de 2016. Un Sermos que contempla de maneira diferente, e con ritmos diferentes, o diario dixital, o produto que máis visibiliza a empresa e polo tanto o submetido a máis visións críticas, e o semanario, hoxe mesmo suporte económico imprescindíbel. Intentamos en todo o momento adaptar ambas plataformas ao lema común: de intereses galegos. Obviamente a forma de se aproximar a eses intereses é diferente nun e noutro soporte, nun o noutro medio. Fixemos mudanzas no aspecto, creamos un consello asesor, editamos libros en exclusiva para os nosos asinantes, reestruturamos o sistema de distribución e venda, introducimos información de carácter máis local en torno ás sete cidades máis poboadas, local mais de interese nacional, porque Sermos non contempla unha Galiza parcelada. Como é lóxico, houbo mudanzas que non a todos gostaron, como a dobre capa do semanario, por exemplo; hai demandas das lectoras e dos lectores que aínda non podemos atender por carecermos dos recursos necesarios e porque temos claro que o prioritario é consolidar Sermos. Temos claro que o prioritario é consolidar Sermos Tamén hai críticas que se nos fan que, entendo eu, obedecen máis a tópicos do que a realidades. Poño por exemplo as palabras de quen pide un "sermos máis plural" Creo que os máis de 4500 artigos de opinión publicados, unha media anual de 900, asinados por case 300 persoas diferentes, algunhas aquí presentes, e só tomo de exemplo o diario dixital por non ter que contar eu o que aparece no papel, pode non ser suficiente mostra de pluralidade mais estou certo que non fica por debaixo dos demais medios. O pasado é necesario para entender o presente, para encarar o futuro. Infelizmente, o semanario segue a ser a única posibilidade para quen acode aos quiosques co ánimo de ler prensa galega. Eventos como a celebración do 5 aniversario deben servir para ampliarmos esta base lectora, para nos facer máis visíbeis e termos máis relevancia social, máis posibilidades de nos consolidar. Mais tamén aí seguiremos a afondar, porque non podemos seguir sendo un país visto desde fóra. Temos que ter mecanismos para ser nós quen defina e quen exporte a nosa imaxe de nación. Eventos como a celebración do 5 aniversario deben servir para ampliarmos esta base lectora, para nos facer máis visíbeis e termos máis relevancia social No próximo Veñan, que xa serán Veñan máis 10, teremos un Sermos que chegará a máis xente e que deberá ser o elemento nuclear dun espazo galego de comunicación. Nestes cinco anos tivemos como único norte sermos un meio de intereses galegos e as nosas perspectivas son camiñar na mesma dirección, isto é, non defraudar ningunha das persoas ou entidades que ten como horizonte dispormos dun medio de comunicación capaz de conciliar o rigor, a veracidade e a pluralidade, refugando falsas neutralidades e sen permanecermos nunca alleos á nosa realidade social. Amigas, amigos, grazas por investirdes en Sermos diñeiro, coñecemento, traballo, tempo, paciencia. Grazas por compartirdes ilusións, críticas, esperanzas, soños. Grazas e veñan máis 5!
NOS_23690
María Pérez é unha ilustradora galega que leva desde que ten seis anos dentro do mundo do debuxo e a pintura. As súas obras, que xogan co realismo e con certos elementos surrealistas, contan cunha gran técnica. O seu gusto pola natureza queda patente nas pezas que comparte coas súas seguidoras nas redes sociais. Tamén se ocupa de encargos que se lle poden facer a través das mesmas, cun resultado máis que satisfactorio. Ademais, a ilustradora tamén se dedica a confeccionar cadernos artesanais.
Cando comezou a dedicarse ao mundo do debuxo e a pintura? Cando tiña seis anos empecei en clases de pintura na miña vila. Con 14 ou 15 anos xa facía bastantes pezas e series de obras na miña casa. Xa en bacharelato decidín que quería facer algo relacionado co debuxo, polo que continuei pola carreira de Belas Artes. Nela toquei diversas técnicas e descubrín a ilustración dixital, que foi pola que me acabei decantando. Ese é o contido que subo a miña conta artística (@maria.fnz). Como é un método máis innovador, é no que traballo ultimamente. Desde abril do ano pasado, convertín o meu gusto polo debuxo nun proxecto máis persoal e non tan aleatorio. Por que decidiu comezar a compartir as súas obras de xeito público nas redes sociais? Xa había moita xente que sabía o que eu facía que me pedía que os compartise. O que pasa é que eu tiña moitas pezas e debuxos acumulados sen ensinar a ninguén, e nunca daba o paso de publicalos porque recoñezo que me daba bastante vergoña. Durante o confinamento pasei por unha época de bastante abafo, así que decidín abrir unha conta en Instagram para que os demais puidesen ver algunhas das miñas obras, o que ofrezo e o que fago. Comezaron a gustar, e como vin que a xente pedía máis seguín a subir de xeito máis ou menos casual até xaneiro, cando empecei a levar a conta dun xeito máis serio. Trata algunha temática en concreto nos seus debuxos? Ten algún obxectivo á hora de confeccionar as pezas? Adoito combinar a natureza co corpo das persoas. Tamén fago moito retrato, pero diría que o primeiro é o eixo fundamental do meu traballo. Gústame bastante a botánica. Penso que é por vivir nunha vila desde que era unha crianza. Estaba acostumada a regar as flores na casa, e comecei a facer murais relacionados coa natureza e coas estacións. Para min, buscar a maneira de incluír á natureza nas miñas obras é unha forma de conseguir que o debuxo reviva e teña a súa esencia. En canto a se hai algún obxectivo nas miñas obras, penso que hai un pouco de todo. Teño pezas máis reivindicativas sobre o pobo galego, sobre todo nos meus últimos traballos, pero tamén hai moitas veces que vexo algo que me chama a atención, tírolle unha fotografía e despois o represento a miña maneira. Que acollida en xeral teñen as súas pinturas? A verdade é que unha acollida moi boa. Eu traballo moito co realismo, e á xente impresiónalle cando fusionas o realismo con elementos surrealistas, como é o meu caso. En xeral gusta bastante o que fago. Tanto o que subo ás redes sociais como os óleos e pinturas que confecciono. Como lle gustaría verse dentro do mundo do debuxo? Acabo de rematar a carreira, e aínda que non sei onde vou traballar, si que me gustaría dedicarme a algo que estea relacionado coa ilustración, con maquetar, co deseño... É algo que descubrín durante o grao e me gustou moito. Estou bastante interesada en todo o que ten que ver co mundo dixital dentro do debuxo. Que lle recomendaría a alguén que comeza agora a debuxar? E a alguén que quere difundir o seu traballo en redes pero non remata de dar o paso? Que non teña vergoña e que se bote para adiante. A min sempre me deu moita vergoña mostrarme en público e realmente non tes nada que perder. O que tes xa o tes. Ninguén che vai dicir que o fas mal, senón todo o contrario, vante apoiar moito. A veces poden chegar oportunidades que non esperas, e iso pódeche abrir moitos camiños. Todo avanza pouco a pouco, pero a xente vaille gustando o que fas e iso da moitas oportunidades á hora de entrar neste mundo do debuxo.
NOS_8735
Denuncia falta de transparencia en datos.
O portavoz de Sanidade do PSdeG no Parlamento, Julio Torrado, demanda á Xunta que aclare cantos rastrexadores de casos de coronavirus hai na Galiza, xa que "ninguén o sabe". En rolda de prensa en Santiago, o deputado socialista lamentou que "ninguén sabe nada sobre a que é probablemente a figura máis importante na loita contra a Covid". De feito, afea que Feixoo fale de máis de 6.000 rastrexadores na Galiza e inclúa "todos" os médicos de familia, porque "obviamente non o son", o cal tacha de "desvergoña". "É difícil cualificar de rastrexador a alguén que non sabe que ten atribuída esa función", agrega. Tamén se pregunta cantos rastrexadores están destinados á área da Coruña, afectada polo maior número de casos actualmente, e se a Xunta considera rastrexadores a persoas que traballan nun 'call center'. Ademais, Torrado alerta de que "hai un déficit claro de información", "un problema de datos" ofrecidos por parte da Consellería de Sanidade, que non achega series e fai comparativas "terxiversadas" para unha lectura "máis positiva" das cifras. "Non se pode estar a enganar cunha cuestión así", advirte. Nun contexto no que se vive unha situación "preocupante", en termos de contaxios "igual" que hai tres meses, Julio Torrado afea a "desaparición" de Feixoo, pois "hai tres meses saía na televisión máis que Gayoso e agora case o fai menos que a oposición", o que considera "novo". Nesta liña, recrimina que a Xunta leva seis semanas sen convocar o Centro de Coordinación Operativa (Cecop). Censura que o Executivo galego está "a velas vir" e sen unha actitude proactiva ante a pandemia. E é que Torrado di que "dá a sensación de que as decisións se tomaban de maneira diferente hai unhas semanas".
NOS_31451
O Xulgado Contencioso-Administrativo número 2 de Lugo vén de condenar o Sergas por "expoñer a un risco vital elevado" a unha paciente após derivala a Madrid para abortar nunha clínica madrileña, onde finalmente perdeu o útero e a posibilidade de ser nai biolóxica.
O Sergas vén de ser condenado pola pésima atención a unha muller embarazada que presentaba unha alteración cromosómica no feto e a quen non lle autorizou o aborto até a semana 32. Unha vez autorizado, derivouna a Madrid, a onde tivo que desprazarse no seu propio coche, para que lle practicasen a interrupción voluntaria do embarazo. Aínda que nun primeiro momento a paciente foi derivada a un hospital privado, finalmente foi trasladada ao centro hospitalario La Paz por complicacións na intervención. Unhas intervencións que lle provocaron a perda do útero e da posibilidade de ser nai biolóxica. O xuíz condenou o Sergas a aboar 270.000 euros en concepto de danos e prexuízos e advirte na sentenza de que "a neglixencia médica está pois en todas partes", desde no atraso á hora de autorizar o aborto ao feito de a derivar a Madrid. "Inaceptábel obsérvese desde onde se observe", sinala o xuíz. A violencia obstétrica e a atención deficitaria que sofren as mulleres que abortan na área sanitaria da Coruña foi obxecto de varias denuncias por parte de distintas afectadas. Aliás, a Plataforma polo Dereito Aborto e a Marcha Mundial das Mulleres entrevistáronse a finais de setembro coa Fiscalía da Audiencia Provincial para lle solicitar que adoptase medidas e para requirir responsabilidades penais.
NOS_52110
A voceira popular Paula Prado di que @s deputad@s da Alternativa presumen de anti-sistema mais "despois queren conservar a toda costa o posto e os salarios".
Paula Prado, a portavoz do PP, non perde ocasión de fozar no problema provocado pola renuncia de David Calviño o seu escano. A portavoz popular afirma que as desavinzas e desencontros no seo de AGE van derivar na creación dun grupo mixto -ao que iría a militante de EU Carmen Iglesias Sueiro, ao non aceptar entregar a acta a súa organización-, circunstancia que "que vai ter un custo económico" para os cidadáns e "dana a política". Paula Prado criticou que @s integrantes de AGE "sexan os primeiros en ir de anti-sistema" mais que despois, dixo, "queren conservar a toda costa o posto e os salarios".
NOS_2121
Galiza sob o goberno de Feijóo: 5 anos perdidos, o pozo sen fondo da Cidade da Cultura, a crise de Anova ou unha análise sobre a Lei da seguridade cidadá nos seus primeiros ensaios; son algúns dos temas a debullar neste número. Xa á venda na nosa loxa.
'Feijóo: o lustro das desaparicións'. Baixo este título desenvólvese o tema central da semana. Cinco anos de propaganda para ocultar un tempo perdido para Galiza e no que o país abocouse un pouco máis ao precipicio. Os vetos do partido Popular ás iniciativas lexislativas apoiadas por milleiros de sinaturas e o Debate do Estado (#DEN2014) son outras das cuestións que se traran neste número 86. O sucedido en Anova tamén é motivo de información, así como todo o que aconteceu neste tempo con Alimentos Lácteos. Falamos con traballadores e con servidores desta industria. "Por unha carta sen data nin nome..." Entrevistamos a Julio Saíáns, independentista acusado de ser responsábel de finanzas de Resistencia Galega, que estivo un mes preso e ano e medio en liberdade provisoria para ser finalmente absolto de todos os cargos. Tamén entrevistamos os músicos bretóns de folk J.M. Veillon e Jacky Molard e a Uxía Vázquez, impulsora dun documentario sobre a escena galega. Mais neste semanario temos moito máis: A raíz dos protestos da LOMCE que percorreron o país debullamos como se aplica a nova Lei da 'patada na boca'. E tamén explicamos como o PP falsea os datos da Cidade da Cultura. Como é obrigado neste tempo, viaxamos ao Entroido da man do Colectivo Xea para coñecer os felos de Maceda. Revolta do metal O metal de Ourense revóltase contra a intención da patronal de facerlles traballar os sábados. Unha loita que che contamos neste Sermos Galiza. Tamén damos voz a Xoán Costa, presidente do Consello de Administración, que fala do novo salto de Sermos.
NOS_24824
O ministro Montoro fala de ''proposta inicial'' malia que a medida vai afectar desde xa a aquelas persoas despedidas a partir do 20 de xuño.
As indemnizacións por despedimento tamén van tributar. É dicer, que o perceptor das mesmas vai ter que pagar ao fisco por elas. Vai ser así a partir da entrada en vigor da reforma fiscal do goberno español. Afectará a todos aqueles e aquelas que reciban unha indemnización a partir de 2.000 euros por ano traballado. A decisión do executivo central vai afectar os despedimentos que se realicen a partir do 20 de xuño (a pasada sexta feira, data na que o Consello de Ministros estudou o informe sobre o anteproxecto de reforma fiscal). Montoro di que esta é unha achega "inicial" e que tenciona escoitar "os axentes sociais" Até o de agora as indemnizacións por despedimento só tributaban se eran superiores ao máximo fixado por lei: 33 días por ano traballado após a reforma laboral e 45 días por ano antes. O ministro Montoro apresourouse a dicir que esta proposta era unha achega "inicial" e que vai escoitar os "axentes sociais". A medida fai parte do paquete de accións contempladas na reforma fiscal do goberno español. Proponse unha rebaixa do IRPF en dous tramos, 2015 e 2016. Segundo economistas e expertos, aquelas persoas que teñan bases imponíbeis superiores aos 175.000 euros van ser os máis beneficiarios con esta reforma. Non os únicos. A isto engádese que vai haber unha rebaixa no imposto para grandes empresas, e que en campos como o patrimonio non se entra. Un 'esquecemento' que tamén se dá na loita contra a fraude.
NOS_11845
O descenso deuse en todos os sectores, nomeadamente no de servizos.
O paro rexistrado na Galiza baixou en 9.941 persoas en abril, un descenso de 5,5%, moi superior á media do Estado español, onde esa redución nas persoas rexistradas no desemprego é de 0,9%. Hai na Galiza un total de 170.778 persoas anotadas no paro, o que supón un 10,8% menos que hai un ano, en abril de 2020, un mes aquel marcado polo confinamento e a paralización de gran parte da actividade económica. A baixada deuse en todos os sectores mais con especial incidencia no de servizos, onde esa baixada foi de 8.839 persoas. No que atinxe a contratos laborais, asináronse máis de 65.000. A gran maioría delas (58.000), temporais. No conxunto estatal, o desemprego baixou en 39.012 persoas en abril (-1%), o seu maior retroceso neste mes desde o ano 2012, cando só descendeu en 6.632 persoas, segundo datos do Ministerio de Traballo, que destacou que nos dous últimos meses (marzo e abril) perto de 100.000 persoas abandonaron as listas do paro. A Seguridade Social gañou en abril unha media de 3.260 cotizantes na Galiza en relación co mes anterior, un 0,33%, por baixo da media estatal (que rexistrou un aumento do 0,7%), até situar o total en 1.001.994. En comparación cos datos de hai un ano, cando Galiza estaba en pleno confinamento domiciliario, a afiliación ascende un 2,79%, con 27.223 persoas máis de alta.
NOS_36847
A Unesco, que hai escasos meses rexeitou a candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade, aprobou a declaración deste conxunto natural con esa figura de protección. A incorporación destes terreos como reserva fai que perto do 35% do territorio galego teña este recoñecemento.
O Consello Internacional de Coordinación do Programa Man and the Biosphere (MaB) da Unesco vén de aprobar a declaración da candidatura da Ribeira Sacra, Serras do Oribio e Courel como nova Reserva da Biosfera. Na sesión decorrida esta cuarta feira na cidade de Abuja (Nixeria), o secretario do Comité Español do Programa Home e Biosfera da Unesco, Francisco José Cantos Mengs, agradeceu o recoñecemento internacional e sinalou que, con esta nova declaración, o Estado español vén a reforzar o compromiso co programa MaB e coa "conservación da biodiversidade e o desenvolvemento sustentábel". Cantos Mengs salientou que en España existen 53 reservas da biosfera, que ocupan o 12% do territorio. Nestas áreas teñen os seus fogares case dous millóns de persoas. A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, tamén tivo unha comparecencia telemática, fixo fincapé na importancia desta decisión quer para Galiza, quer para os 23 concellos que quedan integrados nesa contorna (onde viven unhas 75.000 galegas). Gran parte do territorio galegoNa súa intervención comentou que coa incorporación da sétima reserva da biosfera, a superficie que conta na Galiza con este recoñecemento increméntase até chegar a case o 35% de todo o territorio, pero tamén suporá que o 42% do país quede amparado baixo algunha figura de protección, "afianzando o recoñecemento e a riqueza do patrimonio natural galego en todo o mundo".De feito, a xa Reserva da Biosfera Ribeira Sacra e Serras do Oribio e Courel é a segunda máis grande no territorio, xa que abrangue unha superficie total de 306.534,77 hectáreas que se estende polos canóns do Sil e polo Río Miño e destaca pola súa gran beleza natural e pola riqueza cultural e etnográfica que atesoura. As outras zonas recoñecidas oficialmente pola Unesco son: Terras do Miño; Área de Allariz; Os Ancares Lucenses e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá; Río Eo, Oscos e Terras de Burón; Transfronteiriza Gerês-Xurés; e Mariñas Coruñesas-Terras do Mandeo. Esta última candidatura levaba, segundo Vázquez, catro anos de camiño. Finalmente a Unesco aceptou o recoñecemento tan só uns meses despois de que o Icomos, o seu organismo asesor, tirara para atrás a concorrencia da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade.
NOS_20457
Os últimos dados do INE amostram que a taxa de pessoas desocupadas em maio é só de 7%, com perspectivas de descer a 6,7% em junho
O Instituto Nacional de Estatística português acaba de fazer públicos nesta segunda feira os dados relativos à taxa de desemprego do último mês de maio. O paro fica em 7% da população activa, o valor mais baixo em 16 anos, anotado em outubro de 2002. Em cifras concretas, isto deixa o país luso com 347,1 mil pessoas desempregadas fronte a 4.805,0 mil pessoas trabalhadoras. Em pontos percentuais, os actuais registos deitados pelo INE batem todas as previsões, que antecipavam um descenso do desemprego menos acusado. O paro experimentou uma redução de 0,1 a respeito do mês de abril e 0,6 a respeito dos três meses prévios. Em termos inter-anuais, a cifra supõe uma queda de 2,2 pontos em comparação com o mês de maio de 2017. Em dados desglosados, 19,6% da população moça não tem trabalho fronte 5,8% da população adulta. O INE estima uma diminuição de 0,9 e 0,2% respetivamente nestes sectores. A taxa de desemprego portuguesa, 7 por cento, é notavelmente inferior à galega e à espanhola —13,99 e 15,28 por cento, respectivamente.
NOS_40977
O prezo máis alto desta vez darase entre as 16 e as 17 horas, cando será de 199,64 euros/MWh, mentres que o máis baixo rexistrarase entre as 3 horas e as 4 horas, cando cotizará a 143,06 euros/MWh.
O prezo medio diario da electricidade no mercado almacenista volveu subir esta quinta feira por cuarto día consecutivo, desta vez un 11,4%, até chegar aos 171,91 euros o megawatt hora (MWh). O prezo máis alto darase entre as 16 e as 17 horas, cando será de 199,64 euros/MWh, mentres que o máis baixo rexistrarase entre as 3 horas e as 4 horas, cando cotizará a 143,06 euros/MWh. Trátase do sétimo día no que o prezo da luz sitúase por baixo do limiar dos 200 euros, tendo en conta que o pasado venres acabou cun refacho de 16 días seguidos por encima dos 200 euros, segundo datos do Operador do Mercado Ibérico (OMIE). Coincidindo coa ponte de Todos os Santos, cando se rexistrou unha menor demanda por ser festivo, o prezo da luz baixou até 79 euros o domingo, mínimo desde agosto, e a 91 euros o luns. Estes datos contrastan cos 288,5 euros que se rexistraron o 7 de outubro, récord absoluto ata o de agora. A pesar da contención dos pasados días, a luz aínda se atopa nuns niveis moi altos respecto ao resto da serie histórica. En concreto, xusto hai un ano cotizaba en 38,8 euros, polo que o encarecemento no último ano é do 343%, é dicir, máis de catro veces máis cara. Respecto á semana pasada, o prezo cae un 16%. A media situouse ao feche de outubro en 200,06 euros/ MWh, é dicir, 44 euros por encima da media de setembro (156,14 euros/ MWh), sendo así o mes máis caro da historia ata o de agora. Cos tres primeiros datos de novembro, a media situaríase en 140,8 euros/ MWh. Segundo o último barómetro realizado pola Asociación de Empresas con Gran Consumo de Enerxía, o prezo medio do mercado diario no Estado español é un 15,9% superior ao de Francia e un 43,3% máis que en Alemaña. Considerando a evolución do mercado diario en 2021 e as cotizacións dos prezos futuros até fin de ano, o prezo medio estimado do mercado eléctrico español para este ano é de 103,73 euros/ MWh, un 16,7% máis caro que o do mercado alemán e un 3,3% máis caro que o mercado francés.
NOS_26387
O conselleiro de Sanidade tamén anuncia que as reunións en ambas zonas quedarán limitadas a un máximo de cinco persoas que non convivan. A semana próxima haberá restriccións aos eventos masivos e os que se celebren esta fin de semana deben ser comunicados á Xunta para que se poida levar un control das e dos participantes.
A Consellaría de Sanidade vén de decidir que implantará a prohibición de servir no interior dos bares no barrio da Milagrosa, en Lugo, e en todo o concello de Arteixo para tentar controlar os contaxios. A medida do Sergas tamén inclúe a restricións das reunións a cinco persoas en ambos lugares. Afectará só a aquelas persoas que non viven xuntas. Estas novas medidas tómanse ante o incremento dos positivos. O conselleiro Jesús Vázquez Almuíña puntualizou que no resto da cidade de Lugo restrinxiranse a un máximo de 10 participantes os encontros e a capacidade permitida nos estabelecementos públicos pasará ao 50%. Estes anuncios chegaron despois de que o responsábel do Servizo Galego de Saúde participase na reunión do subcomité clínico que se ocupa do seguimento dos gromos na Galiza. Entre o que avanzou Vázquez Almuíña, tamén destaca que desde a semana próxima vai haber novos límites a celebracións como bautizos, vodas e comuñóns na Milagrosa e en Arteixo. Fixarase un número máximo de invitadas. No caso dos eventos programados para esta fin de semana, haberá que comunicalos á consellaría para que poida facer un control.
PRAZA_5895
Dentro da lóxica marxista da agudización das contradicións, levando as forzas produtivas ao seu límite, cabe que para saír do capitalismo só quede acelerar o proceso, levalo ao extremo, e consumar o destino inevitable da súa obsolescencia
Vivimos na imparable aceleración histórica do capitalismo. Xa estaba en Marx a idea de que o capitalismo tende a traspasar os límites e a amplialos indefinidamente, e Deleuze nos falou da desterritorialización capitalista, que descodifica tanto ao traballo e ao traballador (reconvertido en precariado) como ao diñeiro (reconvertido en capital financeiro). Liberación dos fluxos que desfán os vellos códigos sociais e esquizofrenizan a sociedade; constitución dunha axiomática flexible, sempre preparada para adaptarse a novas circunstancias (totalitarismos, capitalismo de Estado nos países que se chamaron socialistas, Estados de benestar occidentais, o modelo autoritario do capitalismo chinés…) e para expandir os seus límites: pura velocidade de circulación -de capital, de traballo, e agora tamén datos nas autoestradas da información. Vivimos na imparable aceleración histórica do capitalismo. Xa estaba en Marx a idea de que o capitalismo tende a traspasar os límites e a amplialos indefinidamente Esa ampliación constante anula calquera afóra do capitalismo; como dícía Jameson –e repite Zizêk– "é máis fácil imaxinar a fin do mundo que a fin do capitalismo". Por tanto, dentro da lóxica marxista da agudización das contradicións, levando as forzas produtivas ao seu límite, cabe que para saír do capitalismo só quede acelerar o proceso, levalo ao extremo, e consumar o destino inevitable da súa obsolescencia. Son as teses chamadas aceleracionistas (por exemplo de Nick Land), que pretenden extremar as condicións do capitalismo por medio do neoliberalismo máis salvaxe –que precisa dun espazo off shore fóra de toda regulación política (os paraísos fiscais como condición para a circulación do capital), ou proclamar directamente a obsolescencia do humano da que falaba Günther Anders a propósito do programa nazi, ou como reclama desde un rexistro completamente distinto o body-art cibernético (Stelarc). Dentro da lóxica marxista da agudización das contradicións, levando as forzas produtivas ao seu límite, cabe que para saír do capitalismo só quede acelerar o proceso, levalo ao extremo, e consumar o destino inevitable da súa obsolescencia Por tanto non se pode menosprezar a potencia do sistema, nin pensar que con ser anti-sistema xa hai un programa. É difícil individualizar un enemigo, saír do sistema-mundo, desaparecer da rede (supoñendo que sexa unha posibilidade). Máis tamén cabe un aceleracionismo con aspiración de programa político e talante de esquerda (ver Manifiesto por una política aceleracionista, de Alex Williams e Nick Srnicek), que buscaría coa aceleración tecnolóxica non o delirio da desregulación total senón unha reprogramación social acorde co mundo das redes. Poden ser as redes un espazo liso á contra das segmentacións do poder? O futuro será cuestión de vectores e velocidade, de decrecemento e aceleración. Pero todo é moi incerto e desde logo non alentador, se consideramos a invasión publicitaria das redes. Tamén cabe un aceleracionismo con aspiración de programa político e talante de esquerda Cunha dificultade engadida: que para construír un novo suxeito político e ter perspectivas de superar o sistema sería preciso chegar a un extremo do capitalismo máis aló do que… e aquí non hai maneira de encher aínda eses puntos suspensivos. Jared Diamond ilustrou en Colapso as variadas razóns, económicas e tamén ecolóxicas e culturais, que levaron a distintas civilizacións a fracasar e ser engulidas no devir histórico. Pode que aí cheguemos, á fin desaparición dun ciclo longo, quen sabe se humano, no taboleiro de xogo das loitas futuras, de aquí a unhas poucas décadas.
NOS_41899
Galiza conta con catro representantes no torneo
A localidade murciana de Alhama acolle ao longo desta vindeira fin de semana unha nova edición do Campionato de España de Seleccións Autonómicas, no que Galiza se enfrontará aos combinados de Cataluña, Valencia, Castela e León, Murcia, Canarias e País Vasco. En total serán catro as representantes do país no certame estatal, sendo a baza máis importante para facerse co triunfo a que representa a internacional Eva Queimaño (Bidasoa Atlético), campioa de España Sub-23 do ano pasado en aire libre. A deportista do Real Club Celta conformará, xunto ao seu compañeiro no conxunto celeste e actual campión absoluto en pista cuberta, o lucense Adolfo Sáinz, a representación galega na categoría sénior. Xunto a ambas estarán tamén formando parte da selección nacional a subcampioa de España Sub-18, Lucía Sánchez del Valle (Escola Atlética Lucense) e o gañador na categoría Sub-20 do recentemente disputado Campionato da Galiza de clubs, Aitor Fernández Gayoso, quen defende as cores do Club Atletismo Narón. Desi Vila, aos Xogos A atleta galega Desirée 'Desi' Vila estará nos Xogos Paralímpicos de Tóquio 2021, despois de alcanzar a distancia de 4,17 metros na modalidade de salto de lonxitude T63 no mitin de Basauri (Euskal Herria). Con esta distancia, Vila non só sacou boleto para competir na histórica cita xaponesa, senón que superou en 10 centímetros a marca mínima esixida polo Comité Paralímpico Español. Tamén esnaquizou o vixente récord de España -que estaba en 3,81 metros- e asinou, todo ao mesmo tempo, a cuarta mellor marca mundial do ano, só por detrás das xaponesas Tomomi Tozawa (4,36) e Kaede Maegawa (4,25) e da suiza Elena Kratter (4,29).
NOS_49975
A cidade acollerá esta fin de semana, ademais, o Campionato de España de Tríatlón de Sprint.
Tras acoller o Mundial Multisport 2019, Pontevedra solicitará á Unión Internacional de Tríatlon (ITU) a organización da Gran Final do Campionato do Mundo de Tríatlon, un evento clasificatorio para os Xogos Olímpicos de 2024 que terán lugar en París, e dos de maior seguimento audiovisual a nivel mundial. O alcalde da cidade, o nacionalista Miguel Anxo Fernández Lores, asegura que é a proba "máis participada tanto pola elite como polos grupos de idade do tríatlon" e que, de acadar bo porto a solicitude que elaborou a Federación Española de Tríatlon (Fetri), Pontevedra sería "a única cidade do mundo na que se celebrou un Campionato do Mundo de Duatlón, un Mundial Multisport e un Campionato de Europa". A competición, segundo calcula o concello, traería á cidade "uns 4.000 ou 5.000 deportistas de distintas categorías". Non será doado conseguilo pois diante terán, segundo explican, "cidades das Bermudas ou Canadá". Campionato de España de Tríatlon Sprint Pontevedra reunirá esta fin de semana a máis de 1.350 atletas no Campionato de España Sprint. As probas terán lugar no río Lérez, a contorna da ponte dos Tirantes e o segmento en bicicleta será polas marxes fluviais para todas as modalidades: elite, grupos de idade e paratriatlón. Os deportistas sénior farán 750 metros a nado, case 20 quilómetros en bicicleta e 5 a pé; as categorías inferiores disputaranse en supersprint, con 250 metros de natación, 6,3 quilómetros de ciclismo e 1,5 a pé. Hoxe comezarán as categorías xúnior, xuvenil e cadete e pola tarde as de elite nunha saída única. Pola tarde as categorías masculina e feminina. O domingo serán as dos grupos de idade e o paratriatlón. O proxecto 'Pho3nix Kids Triathlon' de Gómez Noya Ademais, no marco do Campionato de España de Tríatlon Sprint, desenvolverase tamén a proba inaugural dun proxecto, o 'Pho3nix Kids Triathlon', que vén da man do campión olímpico Javier Gómez Noya. Nel participarán máis dun cento de rapazas e rapaces de categorías alevín e infantil, con idades comprendidas entre os 10 e os 14 anos, que afrontarán distancias adaptadas aos seus niveis: 150 metros de natación, 3 quilómetros de ciclismo e 1 quilómetro de carreira a pé.
NOS_3319
A campaña internacional Boicote-Desinvestimentos-Sancións conta con logros importantes no eido académico coma o apoio de Stephen Hawking e da American Studies Association's. Na Galiza, o documento foi subscrito por 250 persoas.
"O boicote académico porá Israel de xeonllos", recoñeceu Rivka Carmi, directora da universidade israelí de Ben Gurion, autoproclamada "orgullosamente sionista" e coa cal a Universidade de Santiago de Compostela mantén un protocolo de colaboración cuxos detalles nunca foron dados a coñecer malia que os intercambios entre o estudantado están a funcionar desde hai un ano, tal e como adiantou daquela o semanario Sermos Galiza. Co obxectivo de que a comunidade educativa galega se sume a un boicote que a nível internacional xa conseguiu apoios tan importantes como o de Stephen Hawking ou o da American Studies Association's, a campaña BDS --Boitote, Desinvestimentos, Sancións-- publicou un manifesto en que @s asinantes esixen "a fin da ocupación e o desmantelamento do muro que divide Palestina", cuxa construción foi declarada ilegal en 2004 por Nacións Unidas. Aliás, colocan tamén como condicións para manter as relacións co estado hebreo que este recoñeza os dereitos do pobo palestino, así como a promoción do dereito de regreso á súa terra das persoas que foron expulsas desde que en 1948 naceu o estado de Israel. En coherencia co sinalado até aquí, quen subscribe o manifesto comprométese tamén a non introducir no ámbito educativo liñas de actuación "que contribúan a perpetuar a opresión" directa ou indirecta da poboación palestiniana. Neste sentido, instan á USC a cancelar o convenio de colaboración coa universidade de Ben Gurion e rexeitan a inxerencia da Cámara de Comercio España-Israel nos centros de ensino de Tui, Ribadavia e Monforte, concellos para os cales pretendía elaborar material didáctico dirixido ao alumnado da Primaria. O manifesto en prol do boicote na comunidade educativa pódese ler e asinar nesta ligazón.
NOS_9512
Alertan de que Correos "obriga a reincorporarse" a partir do 25 de maio a persoal sensíbel ante a COVID-19 e da "inseguridade xurídica" que supón o feito de admitir votos sen sinatura, pois este sistema ficou inhabilitado na empresa.
As oficinas de Correos xa recibiron as primeiras peticións de cidadáns para poder votar por correo nas eleccións galegas do próximo 12 de xullo. Hai de prazo até o 2 de xullo para realizar esta solicitude, mentres que o día 8 dese mes conclúe, salvo cambios que se poidan recoller, o tempo para exercer o dereito a través desta modalidade. Esta situación trouxo a preocupación dos representantes das traballadoras, un dos colectivos, como aseguran fontes sindicais, máis afectados pola crise do coronavirus e que neste momento contan cun 15% menos do cadro debido a esta situación, segundo fontes sindicais. Así, temen un "colapso" nas oficinas de correos, que ademais non estarían "adaptadas" para acoller peticións de forma masiva. Ademais, avisan de posíbeis problemas de seguridade legal, xa que os protocolos activados pola COVID-19 inhabilitan sistemas de firma que son necesarios, con todo, para exercer o dereito ao voto con seguridade xurídica. Fontes da empresa manifestaron a Europa Press que, "como é habitual", Correos "estará" en disposición de levar a cabo as actuacións que se "estabelezan tanto na normativa electoral como postal, así como o cumprimento das obrigas de servizo público xa impostas". Da mesma maneira, salientan que a empresa habilitará as actuacións necesarias que se "determinen no futuro a tenor das circunstancias imperantes", para "garantir" o normal desenvolvemento dos procesos electorais, tanto na Galiza como en Euskadi. Porén, fontes sindicais confirmaron a Europa Press que a propia empresa comunicoulles que pediron unha aclaración á Xunta Electoral sobre as solicitudes de voto por correo que se realizaron antes da pandemia con respecto ao anterior proceso electoral. No informe xurídico que emitiu no seu día o árbitro das eleccións xa se apuntaba a necesidade de retrotraer as eleccións ao momento cero, entre outros motivos, para incluír a aquelas persoas que cumprisen 18 anos durante este tempo. Correos obriga á reincorporación Para o secretario de Organización de CIG-Correos, Anxo Álvarez, é unha "temeridade" a realización deste proceso electoral. Ademais, indicou que "non hai nada que avale a seguridade sanitaria do sector postal, que é o máis afectado despois o sanitario", con 1.000 traballadoras contaxiadas en todo o Estado e 2.500 en corentena, dos 55.000 coas que conta. Anxo Álvarez explicou que "non hai medidas de prevención totais" para levar a cabo este proceso e puxo o acento en que actualmente hai oficinas de atención ao público que non contan coa xanela de metacrilato. De feito, indicou que houbo un concurso de pantallas faciais que quedou deserto. O sindicalista da CIG tamén alertou de que a empresa "obriga a reincorporarse" a partir do 25 de maio a persoal sensíbel ante a COVID-19 e preguntouse cantas traballadoras do servizo postal infectáronse na campaña de Francia, tendo en conta que si houbo informacións nas que se destacou "que moitos políticos se viron afectados". "Gustaríanos que se tivese en conta o que pode pasar", sinalou. Anxo Álvarez tamén alertou sobre a "inseguridade xurídica" dun proceso no que xa se están admitindo as solicitudes de voto por correo nun momento en que segue vixente o protocolo por coronavirus, con exención de firma. "Que validez pode ter un voto sen a firma? Estamos nesta incerteza xurídica", indicou. "Non pode ser o substituto" A xuízo da CIG, o voto por correo "non pode ser o substituto" do dereito a sufraxio en urna, e sinalou que se o groso do censo electoral optase por esta opción, sería "inasumíbel" para os servizos postais de Correos. Neste senso, apelou ao "colapso" que houbo nos pasados comicios das xerais no que o aumento da tramitación foi "un auténtico atasco", que supuxo á súa vez cambio de prazos a última hora. "Agora, no medio dunha pandemia, pode supor un colapso, cando hai xente que ten que esperar nas rúas e dáse a tesitura de que as oficinas dan para o que dan", advertiu. Complemento de productividade Por outra banda, Alberto Hortas, de CSIF, pediu que se "aumente o cadro" de persoal que había antes da pandemia. Este sindicato solicitou, a través dun escrito presentado á empresa, que o complemento de produtividade que se pagaba antes "debe aumentar" polo "risco" ao que se vai a expor o persoal que traballe nestes momentos. Consultados UXT e CCOO explicaron que están pendentes dunha petición de aclaracións que realizaron á empresa e están a avaliar a situación. José Antonio Pensado, de CCOO, explicou que, aínda que están a facer esta avaliación previa, a posición de partida "é clara" e é que "primeiro ten que prevalecer a saúde e a seguridade" das persoas.
NOS_11628
"Referendamos o noso compromiso con este proceso popular e amplo", afirmou após se reunir coa ANC, mas evitou comprometerse coa entrada de Barcelona na Asemblea de concellos pola independencia (AMI).
Ada Colau estará presente como alcaldesa de Barcelona na manifestación que decorrerá na Meridiana este 11 de setembro e que colle o relevo das masivas mobilizacións independentistas realizadas nestes últimos tres anos en Catalunya. A propia Colau recoñeceu que tomará parte na mobilización como rexedora da principal cidade catalá, unhas declaracións feitas após a xuntanza que mantivo coa ANC e Òmnium Cultural, as 2 entidades cidadás que están a pular polo proceso soberanista. "Viñemos aquí a reafirmar o noso compromiso con este proceso popular e amplo. Desde o Concello pensamos dar todas as facilidades e a nosa presenza institucional [na manifestación] está plenamente garantida", manifestou Colau. Na xuntanza tamén se tratou a entrada de Barcelona na AMI (Asemblea de concellos independentistas). A líder de Barcelona en Comú manifestara que ese paso tería que ser aprobado en referendo pola cidadanía. Desde ANC sinalaran que ían pedir aos edís independentistas da candidatura de BCN en Comú que votasen a prol de entrar na AMI. Na xunranza, houbo noas propostas e ideas sobre a mesa para intentar achegar posturas. Ada Colau, ademais, anunciou un "compromiso propio" de Barcelona de cara á "soberanía real". Ataques de Chacón A dirixente do PSOE Carme Chacón criticou á futura alcaldesa de Barcelona por, segundo ela, entregar a cidade ao proceso soberanista e advertiu que os socialistas non a apoiarán se opta por esa vía. Chacón falou dunha Barcelona integradora, universal e cosmopolita, o que dá a entender que sería antagónica dunha Barcelona que aposta na independencia de Catalunya.
NOS_15620
Namentres en Madrid centos de agricultoras e gandeiras saen as rúas para defender prezos xustos polos seus produtos, desde Galiza as organizacións sindicais permanecen nunha tensa espera.
As protestas que están a levar a cabo as agricultoras e agricultores estes días por distintos puntos do territorio español non están a ter especial seguimento en Galiza, un feito que pode chamar a atención, xa que unha das principais reivindicacións das organizacións convocantes (COAG, Asaja e UPA) é a de acabar coas inmensas marxes que existen nos prezos entre produtoras e distribuidoras. O problema, é que os sindicatos galegos non se senten reflectidas no resto de demandas que fan desde estes colectivos. Neste senso, Isabel Vilalba, secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego (SLG), sinala en declaracións a Nós Diario que a situación dos prezos "é compartida", pero os momentos de forza "son diferentes". "Na Galiza fomos moi fortes no lácteo en 2015, pero non fomos secundados no Estado español", lembra. Agora, os tempos son distintos e as protestas teñen máis que cos produtos hortofrutícolas e co aceite, este último afectado pola sobreprodución e os aranceis dos Estados Unidos (EUA). Despois, apunta, "non hai unha táboa de condicións comúns que puideramos debater" e existen "intereses encontrados" en aspectos como a dinámica de negociación da PAC. Desde o Sindicato Labrego apostan en "modelos sociais de agricultura que vaia as persoas en activo", xa que, ao contrario que en moitos outros territorios, Galiza ten máis cotizantes que beneficiaras da PAC. Por iso, considera unha "ironía" que Cayetano Martínez de Irujo se defina a si mesmo coma agricultor. Desde Fruga, o seu coordinador, Manuel da Cal, di que se non hai mobilizacións na Galiza é porque "somos uns adiantados". "Cando os outros estaban parados, nos xa nos mobilizábamos". Fala das mobilización que durante semanas sacaron aos tractoristas ás rúas das principais cidades galegas e que coincidiron no tempo coas marchas a Bruxelas para esixir prezos dignos para as produtoras de leite. Agora, o sector lácteo está "máis na dinámica de readaptación e de concentración de produtoras que na de defender os prezos". Na súa opinión, detrás desta situación está o propio modelo capitalista, no que o produtor "é a parte máis feble, a que sempre paga o pato". É pois "unha situación irresolúbel inherente ao sistema" que só se podería mitigar dando máis forza aos sectores produtivos. A información íntegra pode ser consultada na edición en papel de Nós Diario, á venda nos quioscos, ou na súa lectura na nube
PRAZA_2594
O expresidente da Deputación de Pontevedra inclúese na candidatura popular ao Senado como primeiro suplente mentres agarda polo desenvolvemento dunha acusación por suborno e mais pola instrución da Operación Patos. Trece candidaturas competirán nas xerais en Galicia
Rafael Louzán non comezou o seu ascenso no escalafón do PP tras anos nas Novas Xeracións ou como militante de base. Tampouco foi unha fichaxe estrela como os que nas últimas semanas adornan as listas dos partidos antes do 20-D. O inicio da carreira política do aínda presidente dos conservadores na provincia de Pontevedra comezou, na súa mocidade, como bedel do Concello da súa vila, Ribadumia, onde era considerado o protexido do alcalde, José Ramón Nené Barral, que en 2001 chegou a ser detido por presunto contrabando e sobre quen pairaron diversos procesos xudiciais -neste mesmo ano, a Fiscalía acusouno dun suposto delito de branqueo-. Tras as pasadas eleccións municipais Louzán tivo que abandonar a presidencia da Deputación de Pontevedra, que ostentaba desde 2003, aínda que se mantivo nunha retagarda que agora o sitúa nas listas do PP ao Senado malia aos seus, cando menos, dous asuntos pendentes nos tribunais. O que foi durante máis dunha década todopoderoso barón popular na provincia e na Deputación que gobernou Mariano Rajoy figura como primeiro suplente da número 1 do PP pontevedrés ao Senado, Marta Lucio. Louzán compaxina esta candidatura coa presidencia da Federación Galega de Fútbol, á que accedeu en decembro de 2014 tras unha campaña na que foi acusado de utilizar medios da Deputación para lograr que a súa candidatura triunfase fronte á do presidente que optaba á reelección, o alcalde de Cerceda, do PSdeG. Sendo xa presidente do fútbol galego e aínda da Deputación, Louzán tivo que sentar ante un xuíz de Cambados o pasado marzo para, en calidade de imputado, responder dun presunto delito de suborno continuado tras unha denuncia anónima. Segundo a Fiscalía de Delitos Económicos no ano 2008 un concelleiro e deputado provincial do PP, Severino Reguera, alugou tres baixos comerciais propiedade de Louzán no barrio vigués de Navia por un prezo moi superior ao do mercado. Un informe da Garda Civil calcula que daquela o importe medio dos alugueres na zona estaba en 7 euros o metro cadrado e Louzán recibiría 15, o que leva aos investigadores a sospeitar da orixe duns 50.000 euros. O barón popular sempre defendeu que a investigación polos alugueres é un "asunto privado" no que actuou ben O dirixente popular, que o pasado marzo se acolleu ao seu dereito a non declarar, sempre defendeu que este é un "asunto privado" no que, no entanto, o seu "proceder" sempre foi "bo". Nunca, afirmou naquela altura Louzán, tomou decisións na Deputación para "favorecer" ao arrendatario dos seus locais e nunca, como sospeita o Fiscal, recibiu sobrecustos como pago de favores. Segundo o Ministerio Público, "as dilixencias de investigación permiten soster que os feitos investigado podrián dar lugar (...) a un delito continuado de suborno" por parte do expresidente e da súa dona. Operación Patos A segunda imputación xudicial que Louzán ten pendente chegou pouco despois da súa saída da presidencia da Deputación, o pasado setembro. A investigación da coñecida como Operación Patos atribúelle a recepción de agasallos por parte dos presuntos xefes da trama e, sobre todo, o presunto amaño de contratos en obras da Deputación, entre elas, en tres dos seus cuestionadísimos campos de fútbol de herba artificial, infraestruturas deportivas que impulsou con profusión desde a institución provincial, chegando a financiar uns 70 antes de dar o salto, precisamente, á Federación de Fútbol. Louzán entraría no Senado se renuncia a titular da lista, unha extraballadora da Deputación de Pontevedra Alén destas imputacións, durante os últimos anos a acción dos tribunais ou as dúbidas da oposición rozaron a Louzán por outros asuntos como o sobrecusto nas obras do estadio pontevedrés de Pasarón, caso arquivado no referido á Deputación. No entanto, por esas obras foi condenado un empresario a pasada primavera ao considerarse constatada a existencia de facturación falsa en parte dos traballos realizados no complexo deportivo. Tamén existen receos, por exemplo, sobre a xestión do programa de Pousadas do Salnés, que agora tamén investiga o novo Goberno da Deputación. Este é o pano de fondo co que o nome de Rafael Louzán volve aparecer nunha candidatura electoral. Faino mentres formalmente é asesor do Grupo Provincial do PP na Deputación, nomeamento que lle permitiu non ter que reincorporarse á súa praza de conserxe en Ribadumia. Louzán só accedería á Cámara alta en caso de renuncia da titular do posto, directora dun museo e traballadora durante anos na Deputación pontevedresa. Se así fose, o expresidente converteríase en senador e, por tanto, en aforado, o que provocaría que fose o Tribunal Supremo o que se ocupase das súas causas pendentes se estas seguisen abertas.
NOS_6998
A evolución dos datos da pandemia e a súa incidencia na práctica deportiva leva meses preocupando ás federacións galegas. Agora a Secretaría Xeral para o Deporte vén de modificar en parte o protocolo Fisicovid aprobado en xuño coincidindo co inicio do curso escolar para tranquiliza clubes e entidades educativas.
As federacións deportivas galegas terán que actualizar os seus protocolos de actuación coa nova orde que recolle o Diario Oficial da Galiza (DOG) da pasada sexta feira 18 de setembro. A normativa actualiza as directrices ditadas polo Consello da Xunta do 12 de xuño e publicadas no DOG o día 13, coa chegada da coñecida como 'nova normalidade'. A partir de agora, na realización de adestramentos e na celebración de competicións dentro da actividade deportiva federada de competencia autonómica, aplicarase, respecto do uso da máscara, o recollido especificamente no protocolo das federacións deportivas, aprobado pola Secretaría Xeral para o Deporte. O uso da máscara é unha das mudanzas máis salientábeis nesta nova norma. O seu texto explica que "cando a actividade deportiva supoña contacto físico entre as persoas que a practican, deberá utilizarse a máscara". Estabelece, iso si, a excepción de que no mesmo protocolo, que ten que aprobar a secretaría xeral, se inclúan "medidas alternativas de protección específicas". Ademais, a nova norma mantén que, "sempre que sexa posíbel, durante a práctica da actividade deportiva deberase manter a distancia de seguridade interpersoal". No anterior decreto aprobado en xuño, a actividade federada de competencia autonómica podíase realizar de forma individual ou colectiva, sen contacto físico e até un máximo de 25 persoas simultaneamente no caso de adestramentos. Traballo desde as federacións galegas Desde a Secretaría Xeral para o Deporte, Javier Rico Díaz explica a Nós Diario que desde as federacións "levan meses traballando para que o entorno deportivo sexa o máis seguro posíbel". Por este motivo afirma que "todas as federacións teñen protocolos estandarizados que se desenvolveron a través de grupos de traballo" para adaptar as medidas a cada deporte. Asegura que a norma que agora se publica foi consensuada "vendo co inicio do curso como funcionaban os protocolos" e tras decatarse de que "había que dar un paso máis". Indica que falaron coas federacións para explicarlles estas medidas posto que elas eran "as que tiñan contacto na súa práctica diaria". A partir de agora irán "observando como evoluciona a pandemia sempre da man de Sanidade". En todo caso, está convencido de que "as federacións están a traballar de maneira intensa para controlar as actividades dos clubes e que haxa comunicación sobre situacións que se poidan dar". Protocolos propios para cada federación As 58 federacións deportivas galegas desenvolveron protocolos propios para cada unha delas co fin de adoptar as medidas necesarias para evitar a xeración de riscos de propagación da enfermidade Covid-19, así como a propia exposición a estes riscos para que a práctica do deporte segundo o estabelecido sexa segura. A nova norma indica que a práctica de actividade federada poderase realizar agora, de forma individual ou colectiva, de conformidade cos protocolos dos que deben dispoñer as federacións deportivas galegas, os cales deberán ser aprobados pola Secretaría Xeral para o Deporte. Nestes protocolos estabeleceranse as condicións para a realización de adestramentos e competicións, deberán identificarse as situacións potenciais de contaxio, atendendo as vías recoñecidas polas autoridades sanitarias galegas, e estabeleceranse as medidas de tratamento de risco de contaxio da Covid-19 adaptadas a cada un dos casos. Seguridade nas actividades extraescolares Algunhas federacións amosaron a súa preocupación ao inicio do curso académico ao ver que se atrasaba o inicio das actividades extraescolares. A desconfianza e a falta de información fixeron que algunhas asociacións de nais e pais (ANPA) non renovaran aínda algúns cursos doutros anos. Unha importante fonte de ingresos chégalles por esta vía e a incerteza da seguridade sanitaria no resto de actividades arrastrou tamén o deporte. Desde a Secretaría Xeral sinalan que están en contacto coa Consellaría de Educación, igual que coa de Sanidade. "Con este novo paso tentaremos volver á normalidade, nas escolas a xente tamén está pendente de ver como arranca o curso", explica Rico Díaz. En todo caso desde a Secretaría Xeral tranquilizan as familias asegurando que "o deporte é un espazo seguro" xa que "hai monitoras ou monitores que controlan as rapazas e oos rapaces, e ten medidas de seguridade que non teñen se van por libre nos parques, por exemplo", conclúe.
PRAZA_1067
As forzas políticas abren esta medianoite a campaña das eleccións municipais. Mapa no interior dos primeiros actos da carreira electoral.
Agora si. Tras semanas, mesmo meses de longa precampaña dende a vindeira media noite as formacións políticas poderán pedir formalmente o voto para as persoas que optan a configurar as vindeiras 314 corporacións municipais do país. Despois do terremoto político provocado por unhas eleccións habitualmente pouco relevantes, as europeas de 2014, as locais do vindeiro 24 de maio preséntanse como o primeiro gran termómetro para unha efervescente situación política que, segundo os inquéritos que se coñeceron ata o momento, se materializará en máis pluralidade e en máis necesidade de pactos para conformar gobernos, especialmente nas sete grandes cidades. As cidades son, precisamente, os espazos elixidos polos grandes partidos para lanzaren as súas respectivas campañas. Pola banda do PP Alberto Núñez Feijóo acompañará no inicio da carreira electoral os dous últimos conselleiros que converteu en candidatos: estará con Jesús Vázquez ás oito e media en Ourense e compartirá a 'pegada de carteis' con Elena Muñoz en Vigo. Mentres, Alfonso Rueda acompañará en Pontevedra a Jacobo Moreira. O socialista José Ramón Gómez Besteiro é o único dos líderes dos grandes partidos que abre a campaña en Compostela. Tras acudir ás oito do serán a Tui contra a media noite estará en Compostela para abrir a campaña na Praza de Praterías, lugar tradicionalmente utilizado polo BNG para abrir as campañas na cidade. O Bloque trasládase nesta ocasión á Praza Roxa, onde os socialistas colocaban habitualmente o seu primeiro cartel. En Compostela, precisamente, iniciou a xornada o portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, que xunto a Rubén Cela protagonizou un simbólico reparto de cafés na estación de autobuses da cidade, cuxa cafetaría o Concello mantén pechada. A pegada de carteis que contará coa presenza de Vence será a da Coruña, onde inaugurará a campaña co candidato, Xosé Manuel Carril, ao carón da sede da Reitoría da UDC, na Maestranza. Plataformas municipais e outras forzas No que atinxe ás novas candidaturas e plataformas municipais, os seus actos de inicio de campaña van dende a tradicional pegada de carteis ata outro tipo de actos máis simbólicos. Así, por exemplo, a Marea Atlántica comeza a campaña no seu local da rúa Pontejos cunha intervención do candidato á alcaldía coruñesa, Xulio Ferreiro, e a presentación do seu cartaz electoral. Pola banda de Compostela Aberta a candidatura que encabeza Martiño Noriega convoca o inicio de campaña no arco de Mazarelos, onde abrirá simbolicamente as portas da antiga muralla da cidade no marco das "trece chaves" nas que estrutura o seu programa electoral. Mentres, Lugonovo realizará un acto simbólico na contorna do Garañón, onde se ergue un polémico edificio, e despois realizará unha pegada de carteis. En Compromiso por Galicia o acto que contará coa presenza do secretario xeral do partido, Xoán Bascuas, será o de Compostela, que compartirá o primeiro acto da campaña co candidato, Xosé Antón López, na Praza 8 de marzo. No caso de Anova o único acto de seu nunha cidade é en Ourense, onde se presenta cos siglas de seu. Mentres, a vicevoceira de AGE no Parlamento e coordinadora nacional de Esquerda Unida, Yolanda Díaz, participará no comezo de campaña de Ferrol en Común.
NOS_49475
O Cineclube de Compostela celebra hoxe sábado a partir das 19:30 horas a súa Festa de XV Aniversario co primeiro filme de Woody Allen e a música de Emilio José e Os Indígenas, ademais da estrea de Atrás Tigre.
A festa vai dar comezo ás 19:30 coa proxección do primeiro filme de Woody Allen: Que foi, Tiger Lily? Nesta fita, Allen colle un filme de espías xaponeses para dobralo ao seu xeito e convertilo na historia do axente secreto Phil Moscowitz, contratado polo Gran Exaltado Alto Maxá de Raspur para buscar unha valiosa receita de ensalada de ovos que foi roubada, nunha trama inzada de chistes visuais, xogos de palabras e todo tipo de brincadeiras. As actuacións musicais ao vivo terán lugar a partir das 21:30, comezando coa agardada estrea en directo de Atrás Tigre, un proxecto pop nacido en Compostela no que conflúen as músicas e letras en galego de algúns nomes máis ligados á poesía, como Olalla Cociña ou Xiana Arias, que son o 50% da banda xunto con Pedro Carrasco e Carlín. A continuación, Emilio José -músico de cultor no indie patrio- presentará o seu novo disco Agricultura Livre (editado por Foenh Records), acompañado de Os Indígenas, banda formada por algúns membros de Os Amigos dos Músicos. Tamén actuará co DJ set Nistra, un dúo mariñao que emprega a tecnoloxía como ferramenta para experimentar coa ruptura de fronteiras entre xéneros. Para rematar a noite, DJ Chapaev.
PRAZA_1883
O novo goberno "desbloquea" os convenios con entidades sociais cuxa tramitación estaba "paralizada" e decide non asinar os que ían implicar financiamento municipal para a Red Madre e a asociación Centinelas.
O Concello de Santiago disponse a deixar de financiar grupos antiabortistas. Unha das primeiras tarefas que o novo goberno local da capital galega tivo que afrontar foi o "desbloqueo" dos convenios con entidades do ámbito social incluídos no ano 2015 e cuxa tramitación, segundo a edil de Políticas Sociais, Concha Fernández, o gabinete de Compostela Aberta atopou "paralizada". Todos eles tramitaranse con normalidade agás dous, o que segundo o ditaminado polo goberno do PP ían outorgar financiamento a dous dos autodenominados grupos provida: a Red Madre, promovida polo Foro Español de la Familia, e a asociación Centinelas. A decisión de non entregarlles cartos a estas dúas organizacións, que ían recibir 3.000 euros cada unha, responde, segundo explica a concelleira, a que a actividade de Red Madre e Centinelas traspasa unha "liña vermella política" do novo goberno. "Temos unha posición clara a prol do dereito a decidir das mulleres" e, polo tanto, o Concello non promoverá organizacións que a combaten. Por este mesmo motivo o equipo de Martiño Noriega valora xa "cal é a mellor forma" de proceder para que a Red Madre deixe de empregar como sede un piso de propiedade municipal. Como informou este diario, esa vivenda foi cedida no outono de 2012, con Paula Prado como concelleira, e é presentada polo grupo antiabortista como 'Centro Red Madre Santiago'. A concellaría estudará se é posible retirar o uso antes do fin de período de cesión que, en calquera caso, subliñan, remata en novembro de 2016 e "obviamente, non será renovado". O anterior goberno prevía financiar dúas entidades antiabortistas a unha das cales lle cedera tamén un piso de propiedade municipal Á marxe destes dous convenios, que fican sen efecto, o Concello santiagués completará a tramitación dos restantes 26 que se contemplaban con cargo aos orzamentos de 2015. Nove deles xa foron asinados e os demais serano en vindeiras datas. Mantéñense, indica Concha Fernández, "porque temos respecto polo traballo das entidades" e porque o seu labor "cumpre unha función social". En total suman un montante de algo máis de 490.000 euros e as entidades con maior achega son Cáritas (140.000 euros para dous programas), o Proxecto Home, a Cociña Económica e o albergue de Xoán XXIII para persoas sen fogar. O goberno local subliña que tivo que "desbloquear" a tramitación dos convenios por estar "paralizada" e saldou as cotas pendentes co Fondo Galego de Cooperación O anterior goberno, lamenta a edil, "tivo na súa man" a posibilidade de axilizar os trámites, pero "non foron quen de facer a xestión". Paralelamente, destaca, o Concello deulle luz verde a outra achega do ámbito social que "levaba tres anos" sen ser abonada, a do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, que recibirá 8.477 euros de Santiago "polas cotas atrasadas". Unha vez "desbloqueados" os convenios pendentes e suprimidas as achegas aos grupos antiabortistas a Concellería de Políticas Sociais disporase a reorientar este tipo de axudas para o vindeiro ano. A súa intención para por "racionalizar" o seu número e procurar que os proxectos financiados sexan "unha ferramenta" para que "o Concello e as entidades do social planifiquen, coordinen e complementen" as súas accións. Trátase, sinala, de que a política social non se centre "só en actuacións de emerxencia", senón tamén na "promoción de accións que teñan como criterio fundamental garantir a vida independente e digna das persoas" ata que os participantes en programas de asistencia social "poidan valerse por si mesmas".
PRAZA_1726
Dos 11 accidentes posteriores ao de Santiago xa investigados por Fomento, en sete concluíu que houbo "fallo humano", pero en tres mellorou ademais posteriormente os sistemas de seguridade
Mapa: Accidentes ferroviarios despois de Angrois O ser humano ten fallos e despístase, e ségueo facendo aínda que teña recentes as consecuencias fatais deses erros. Así o proban os accidentes de tren acontecidos en España nos dous últimos anos, tras o descarrilamento o 24 de xullo de 2013 dun Alvia na curva de Angrois, á entrada de Santiago, deixando 79 mortos e 150 feridos despois de que o seu maquinista se despistase e non frease a tempo logo de recibir unha chamada telefónica. Dos 11 incidentes xa investigados por Fomento dende entón, catro debéronse a avarías e sete a "fallo humano". Pero en tres deles entendeuse que, máis alá deses despistes, a seguridade era mellorable e implantáronse novas medidas técnicas. O do accidente de Angrois é un debate sobre o risco admisible nunha infraestrutura e o factor humano, segundo se está a comprobar na instrución xudicial da causa. Nin na liña de alta velocidade Ourense-Santiago na que se estrelou o tren nin a bordo do convoi había aquel día ningún sistema de seguridade habilitado para evitar ou paliar o despiste que sufriu o maquinista. Pero mentres Adif e Renfe, empresas públicas xestoras das vías e o tren, manteñen que a norma non obrigaba a iso e que o maquinista era o único responsable, as vítimas e o avogado do condutor, Francisco José Garzón, actualmente único imputado, insisten en que o seu fallo era previsible e que a normativa obrigaba a habilitar medidas para evitalo. Esas medidas implantáronse días despois do accidente, na curva de Angrois e noutro cento de puntos similares de toda España. Un fallo humano similar nun mesmo punto de entrada a Valladolid saldouse en 2010 cunha simple recomendación aos maquinistas para que prestasen máis atención e, tras Angrois, mellorando o sistema de seguridade para reducir o risco O impacto que supuxo a morte de 79 persoas non impediu que aos poucos días os maquinistas e xefes de estación de Renfe e Adif se seguisen despistando, provocando accidentes e situacións de risco. Se en moitos deles non houbo grandes consecuencias, malia os seus despistes ou erros, foi porque nas vías e nos trens xa había sistemas de seguridade que paliaron os seus fallos. Aínda así, nalgúns casos eses incidentes levaron a reforzar aínda máis as medidas con novos dispositivos ou configuracións máis seguras. É especialmente rechamante o acontecido nun punto á entrada de Valladolid pola liña de alta velocidade dende Madrid. Alí en 2010 un maquinista non freou cando debía e provocou un conato de colisión con outro tren en sentido contrario. O caso saldouse pedindo máis atención aos condutores e sen reforzar a seguridade da liña. En 2013 outro maquinista, no mesmo lugar, tampouco freou cando debía e novamente provocou outro conato de colisión con outro tren. Pero entón, dous meses despois do accidente de Angrois, ademais de pedir máis atención aos maquinistas, xa si se mellorou tecnicamente a seguridade da liña. Fallos humanos que propiciaron melloras nos sistemas de seguridade Torralba (Soria), 14 de agosto de 2013 Apenas vinte días despois do accidente de Santiago, o maquinista dun tren de mercadorías saltouse un sinal de parada na estación de Torralba (Soria) producindo un conato de colisión por alcance cun tren de media distancia que circulaba de Soria a Madrid por diante súa. Unha baliza asociada ao sinal incumprido freou automaticamente o tren, que quedou distanciado do que o precedía 1.873 metros. A Comisión de Investigación de Accidentes Ferroviarios (CIAF), dependente de Fomento, concluíu que houbo "fallo humano" do maquinista por "non concentrar a súa atención na indicación dos sinais". Malia iso, seis meses despois do incidente e sen esperar ás conclusións da CIAF, Adif mellorou esa seguridade e instalou unha segunda baliza previa á xa existente, polo que de repetirse un fallo humano similar o tren deteríase antes. Valladolid, 26 de setembro de 2013 O caso máis rechamante produciuse dous meses despois do accidente de Angrois na entrada a Valladolid pola vía de alta velocidade dende Madrid. Un maquinista despistouse por consultar o seu libro horario, como no caso de Angrois, e demorouse un minuto en comezar a frear para deterse ante un sinal que lle ordenaba parar. Cando o fixo, circulando a 149 quilómetros por hora, xa era demasiado tarde e aínda que aplicou o freo de emerxencia superou o sinal, cuxa baliza de seguridade asociada tamén se activou e detivo o tren. Este quedou parado a 959 metros doutro convoi que circulaba en dirección contraria. A zona do incidente é onde os maquinistas deben realizar a transición do sistema de control constante da velocidade ERTMS propio do AVE, que lles permite circular dende Madrid a máis de 200 quilómetros por hora, ao sistema convencional de control puntual ASFA, co que non poden superar esa velocidade. A CIAF admite na súa investigación que a velocidade elevada á que aínda debía circulaba por esa zona "podería dar lugar a que o maquinista, en caso de falta de atención, se aproxime ao sinal de entrada que indica parada a unha velocidade non axeitada". En 2010 a CIAF concluíu que a culpa era só do condutor, foi inhabilitado e o caso pechouse sen ningún tipo de mellora na infraestrutura. Tras Angrois, Adif modificou a configuración da transición do ERTMS ao ASFA Tres anos antes, en xullo de 2010, xa se producira un incidente similar exactamente na mesma zona e con dous trens circulando en sentido contrario. Entón o maquinista que accedía a Valladolid incumpriu varias veces as ordes que lle daban varios sinais sucesivos. Segundo declarou, circulaba a 250 quilómetros por hora "pendente do cambio de transición" entre os dous sistemas de seguridade. "Nun curto espazo de tempo e a unha velocidade superior a 200 quilómetros por hora non dá tempo a percibir a sinalización lateral do sinal avanzado debido á cantidade de información recibida polo sistema sobre o que hai que actuar", argumentou o maquinista, recomendando que "o cambio [de sistemas de seguridade] non debería coincidir co sinal". En 2010 a CIAF concluíu que a culpa era só do condutor, que despois de que as balizas de seguridade detivesen o tren seguiu realizando manobras prohibidas. Foi inhabilitado e o caso pechouse sen ningún tipo de mellora na infraestrutura. En 2013, dous meses despois de Angrois, malia considerarse que o segundo incidente se debeu tamén exclusivamente á "falta de atención na condución" do maquinista, Adif modificou a configuración da transición do ERTMS ao ASFA nesa zona para que agora se realice a moita menor velocidade e os maquinistas non corran tanto risco de non ver algún sinal. Briviesca (Burgos), 23 de xaneiro de 2014 Había programados traballos de mantemento entre Burgos e Miranda de Ebro, polo que os trens só podían circular por unha das dúas vías mentres os operarios actuaban sobre a outra. Porén, o xefe de estación de Miranda de Ebro equivocouse e bloqueou á circulación a vía equivocada, polo que un tren que circulaba a 147 quilómetros por hora atopouse de fronte cos traballadores. O maquinista aplicou o freo de emerxencia e fixo soar o asubío e os operarios retiráronse a tempo da vía, pero o tren atropelou as súas ferramentas a 126 quilómetros por hora e acabou deténdose 600 metros máis adiante. O xefe de estación foi sancionado polo seu "fallo humano", pero a CIAF recomendou igualmente a Adif que utilizase en máis ocasións un dispositivo portátil que permite aos propios operarios de mantemento bloquear a circulación de trens polo tramo de vía no que estean a traballar en cada momento sen depender de que o xefe de estación o faga correctamente. Fallos humanos que se saldaron sen melloras da seguridade Barcelona, 20 de setembro de 2013 Un tren de proximidade bateu contra outro que estaba parado na estación de Barcelona Sants provocando 24 feridos leves. O maquinista declarou que se distraera para consultar o libro horario do tren e non freou a tempo. A CIAF reprochoulle que non circulase "coa debida atención na condución" e ademais o fixese coa velocidade do tren prefixada a 28 quilómetros por hora e non controlándoa el manualmente nun lugar no que tiña esa obriga por ser o acceso a unha estación. Malia que houbo feridos e a que ningún sistema automático puido evitar o accidente, neste caso non se melloraron os sistemas de seguridade, só recomendouse aos maquinistas máis atención. Zalla (Biscaia), 27 de outubro de 2013 Un tren de Feve saíu da estación de Zalla (Biscaia) saltándose un sinal que llo impedía e provocando un conato de colisión co tren turístico Transcantábrico Gran Lujo que esperaba detido para entrar á mesma poboación. O maquinista declarou que sufriu un despiste e que "cando se decatou da indicación do sinal" pulsou o freo de emerxencia. Aínda que o tren circulaba a 29 quilómetros por hora, non logrou detelo sen superar o sinal, polo que a baliza de seguridade asociada a este activouse tamén de forma automática e acabou parando o convoi 12 metros máis adiante, a 191 metros do Transcantábrico. A CIAF concluíu que o "fallo humano" por "unha falta de atención na condución" foi a única causa do incidente e só recomendou que os maquinistas poñan máis atención. Había unha baliza para paliar ese despiste. Barcelona, 27 de outubro de 2013 O traballador de Adif foi sancionado e a CIAF recomendou "insistir nos cursos de reciclaxe ao persoal de circulación do risco que supoñen as condutas non conformes a norma O mesmo día, na estación Sant Andreu Arenal de Barcelona, o último vagón dun tren de proximidade a punto de deterse descarrilou e chocou lateralmente contra o apeadeiro provocando tres feridos leves. Había unha avaría nos sinais de entrada á estación que os bloqueara de forma permanente en indicación de parada, polo que o xefe de estación debía autorizar persoalmente a cada tren que as superase aínda que indicasen o contrario. Pero cando así o estaba facendo o tren implicado, o mesmo técnico de circulación activou un cambio de agullas que desviou a vía pola que circulaba nese momento o convoi e provocou o seu descarrilamento. A CIAF considerou que houbo un "fallo humano do persoal de circulación, ao realizar por erro o accionamento" dunha agulla de cambio de vías "sendo probablemente a súa intención" accionar outra distinta. "O devandito erro pode ser debido á carga de traballo que o persoal de circulación soportaba nese momento, pois debía autorizar rebordos ás circulacións de proximidade e á súa vez colaborar co persoal de instalacións na reparación da avaría existente", concluíu a investigación. O traballador de Adif foi sancionado e a CIAF recomendou "insistir nos cursos de reciclaxe ao persoal de circulación do risco que supoñen as condutas non conformes a norma, aínda que estas teñan por finalidade o intento de posibilitar a explotación ferroviaria" cando se producen avarías. Sant Vicenç de Calders (Tarragona), 10 de xullo de 2014 Un tren de mercadorías e outro de pasaxeiros que circulaban pola estación de Sant Vicenç de Calders (Tarragona) no mesmo sentido por vías paralelas que acababan enlazando protagonizaron un conato de colisión. O maquinista do mercadorías superou un sinal que lle ordenaba parar e a baliza de seguridade asociada a ela freouno de forma automática. O condutor asegurou que o sinal que el viu lle permitía seguir, malia que o rexistro informático indicou o contrario. A CIAF concluíu que se produciu "un erro de percepción da indicación do sinal, debido posiblemente a unha falta de atención na condución". A baliza automática asociada a ese sinal mal percibido evitou o accidente e a CIAF non recomendou ningunha mellora adicional nas vías. Accidentes cuxa causa foi unha avaría Salomó (Tarragona), 12 de agosto de 2013 Unha vagoneta de mantemento descarrila ao rompérselle unha peza. Bezana (Cantabria), 5 de setembro de 2013 Conato de colisión polo fallo dun relé que debía controlar o paso de trens por unha vía. Arcade (Pontevedra), 15 de abril de 2014 Un mercancías descarrilou posiblemente por algún fallo mecánico non identificado. Alpera (Albacete), 2 de xullo de 2014 Unha riada deixou no aire as vías do AVE ao paso dun tren, que tivo que deterse para non descarrilar. Ademais destas investigacións xa finalizadas, a CIAF ten aínda en curso outras 16 investigacións de accidentes e incidentes ocorridos no último año. A investigación do accidente de Angrois supuxo unha demora acumulada no resto dos seus traballos.
NOS_44870
Non hai como a choiva en vacacións para levarnos a ver as exposicións pendentes. En Compostela, ademais das imprescindibles de José Suárez (remata esta semana) e Con Fío en Galicia, onte inaugurouse 'Traballos e os días de Francisco Leiro' no Centro Abanca.
Esta mostra adéntrase na obra e no proceso creativo do artista de Cambados e amosa 12 pezas escultóricas de gran formato, cinco debuxos e unha sección que avanza un extracto do documental 'Sísifo Confuso', que dirixe Aser Álvarez. As obras pertencen ás coleccións de arte de Abanca e Afundación. Entre ellas poderemos gozar dalgunhas obras excepcionais como Muda o Cacho (1997) ou as catro Recolectoras (2003), como mostra da mellor produción en madeira do autor; pezas en gran formato que, máis aló da súa propia calidade técnica, alcanzaron un verdadeiro status simbólico, tanto na propia colección como na escultura galega contemporánea. Igualmente sobresaíntes son as obras o Fauno (2007) ou a Cabeza (1988). Esta última é un exemplo do seu traballo en granito, outro dos materiais fundamentais na produción de Francisco Leiro e máis propio da escultura pública. Xunto á serie de obras comentadas, a mostra complétase cun interesante material multimedia procedente do documental 'Sísifo Confuso'. Escrito e dirixido por Aser Álvarez para Arraianos Producións, este filme é o resultado de tres anos documentando e filmando o día a día de Leiro nos espazos en que desenvolve o seu traballo e a súa vida: Cambados, Madrid e Nova York. Será unha oportunidade única de contemplar o traballo de Leiro desde un punto de vista totalmente persoal e íntimo, cousa non sinxela nun artista que mesmo detesta falar e teorizar sobre a súa obra e que nunca antes tiña deixado que un equipo de rodaxe presenciara o seu proceso creativo.
NOS_13990
Ao líder independentista basco foille concedido un permiso extraordinario após o falecemento da súa sogra.
Arnaldo Otegi estivo este domingo en Elgoibar. Após catro anos privado de liberdade nunha prisión de Logroño, o líder independentista basco foi trasladado ao seu domicilio familiar por orde de Institucións Penitenciarias. Otegi recibiu un permiso extraordinario polo pasamento da súa sogra Julia Gorrotxategi Osoro. Se ben, non puido asistir ao enterro. Arnaldo Otegi estivo acompañado en todo momento por axentes da Ertzaintza de paisano. Através da conta que posúe na rede social Twitter e que é xestionada por familiares e amizades, Otegi difundiu unha imaxe súa co lema "unha hora na casa despois de catro anos". O líder basco foi detido e encarcerado en 2009 por impulsar mudanzas na estratexia da esquerda abertzale. Unha sentenza ditada pola Audiencia Nacional española e coñecida como caso Betaragune, que sería ratificada polo Tribunal Supremo en 2012 após un recurso de casación interposto polos avogados da defensa.
PRAZA_19036
Facenda nomeará funcionaria unha opositora que demandou tras ser suspendida nun proceso cheo de irregularidades. O Superior considera probada a "conxura do tribunal cualificador con burla das bases da convocatoria" que revela a "maquinación" para prexudicar uns aspirantes e favorecer outros.
A xustiza volve condenar a Xunta por irregularidades nos procesos de selección a prazas do seu corpo administrativo. Nunha sentenza dura, clara e con fortes reproches, o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) obriga a Consellería de Facenda a nomear funcionaria do grupo A1 unha opositora que fora suspendida xa que considera probada a existencia dunha "conxura do tribunal cualificador con burla das bases da convocatoria", así como "patente" o "panorama indiciario de maquinación evidenciado pola demandante". O TSXG, nunha dura sentenza, considera probada a "conxura do tribunal cualificador" para "burlar" as bases da convocatoria O modus operandi para o amaño destas oposicións foi tan ruín como evidente. Tal e como tamén se detalla na sentenza -feita pública polo sindicato CSIF-, a oposición constaba de varios exercicios cuxas cualificacións sumadas e ponderadas establecerían o resultado final da proba. No entanto, xa no segundo, o tribunal "declarou tantos aprobados como prazas convocadas". De 50 aspirantes que pasaran o primeiro exercicio corrixido automaticamente por unha máquina, quedaron 15 tras a corrección polo tribunal. "O tribunal cualificador, ben por inercia, economia procedimental, ignorancia ou erro... furtou a posibilidade aos restantes aspirantes de aprobar o segundo exercicio" aclara o ditame do TSXG, que asegura que "a sospeita vertida pola demandante de existencia dunha conxura [...] con burla das bases da convocatoria elévase [...] a convicción probada polo principio de facilidade probatoria en mans da Administración e polo patente panorama indiciario de maquinación evidenciado pola demandante". O tribunal suspendeu no segundo exercicio a xente necesaria para que só aprobasen tantas persoas como prazas convocadas Para levar a cabo esta "maquinación" da que fala o alto tribunal, cometéronse moreas de irregularidades á hora de avaliar os exercicios, ao vulnerarse criterios de cualificación da convocatoria, deixar de corrixir exames, non establecer solucións homexéneas e obxectivas ou usar criterios xenéricos susceptibles de aplicación arbitraria. "A valoración asignada á segunda proba é froito máis do voluntarismo que da razón científica" di o TSXG, que asegura que "resulta elocuente indicio de que [os exercicios] non foron obxecto de detida valoración". En definitiva, que aprobaron os que no tribunal cualificador tiñan previsto aprobar, tal e como asegura unha fonte coñecedora do proceso, que vai máis aló: "Pasaron apelidos moi coñecidos e relacionados con certo partido e quedaron fóra outros". Durante o proceso xudicial, foille aceptada á demandante unha proba pericial que acabou por ratificar as numerosas eivas na corrección dos exercicios. A Xunta é firme ao non ser recorrida pola Xunta malia que tiña opción de facelo: a demandante será nomeada funcionaria A sentenza é xa firme ao non ser recorrida pola Xunta, malia que tiña posibilidade de facelo. "Foi tan contundente e claro o ditame que nin se atreveu a facelo", din estas mesmas fontes. Agora, a demandante figurará como aprobada no segundo exercicio da oposición e aprobada no proceso selectivo, polo que conta xa con todos os dereitos administrativos e económicos inherentes. Obterá a súa praza de funcionaria do grupo A1 na Xunta, tal e como lle confirmou Función Pública, sen que iso afecte ás condicións co resto de compañeiros de promoción aprobados e cuxos nomeamentos permanecerán intactos. Desde a Consellería de Facenda lembran que "nun primeiro momento o TSXG deu a razón á Xunta" para, "con posterioridade, variou o seu criterio e deu a razón á recorrente". "A sentenza encontra insuficiente a motivación das puntuacións obtidas pola recorrente e decide aprobala outorgándolle a puntuación máis baixa dos aspirantes que obtiveron praza", aclara o departamento do Executivo, que advirte que o ditamen "non ten efectos sobre o resto de procesos selectivos que está a desenvolver con total normalidade" a Administración galega. O TSXG cre "sangrante" a situación da opositora nunha sentenza que non é a primeira que denuncia a arbitrariedade nas oposicións á Xunta Esta resolución, que considera "sangrante" a situación da opositora, súmase a outras tres anteriores diferentes tribunais recoñecían a arbitrariedade na actuación dos órganos de selección así como a indefensión dos opositores. Nunha desas sentenzas, o Supremo condenaba a Xunta por avaliar exames de oposición sen "criterios obxectivos". Desde o CSIF lamentan esta "esperpéntica situacion de desconfianza que xa está implantada entre os aspirantes a un posto de traballo na Administración Pública" e insiste na necesidade de creación da figura do Observador da Legalidade nos procesos selectivos, mediante a que os sindicatos, sen formar parte dos tribunais de selección, participarían "velando pola limpeza destes e a súa transparencia". Facenda advirte que "o Goberno central prohibiu dende 2007 a presenza de representantes sindicais nos tribunais de oposicións", aínda que no CSIF insisten en que non formarían parte del. Ademais, e ante os argumentos do Executivo de que non hai tantas denuncias sobre irregularidades, desde o sindicato responden con claridade: "Se non hai máis é porque agora é moi caro ir a un contencioso, un proceso que adoita saír por máis de 2.000 euros en gastos cando antes era gratuíto".
PRAZA_18712
Case 1.600 participan no primeiro dos referendos convocados nas tres universidades galegas por estudantes que se uniron á iniciativa espallada por todo o Estado. Máis do 90% dos participantes aposta polo fin do réxime monárquico para "instaurar a República"
Case 1.600 persoas participaron este martes no referendo sobre a monarquía organizado por estudantes na Universidade de Vigo, que se uniron así á convocatoria de consultas semellantes impulsadas xa en máis de 25 universidades de todo o Estado. En total, foron 1.584 os votos emitidos, dos que o 91% amosouse a favor de "abolir a monarquía como forma de Estado e instaurar a República". Case 1.600 persoas participaron nun referendo no que o 91% apostou por "aboliar a monarquía" e "instaurar a República" Foi o alumnado o colectivo que máis participou nun referendo que habilitou urnas en seis facultades e escolas do campus vigués e no que tamén participaron profesores, investigadores e outro persoal da comunidade universitaria. Á primeira das preguntas, 1.435 votaron a favor de instaurar a República, 124 optaron polo non, mentres que 25 votaron nulo. O 97% dos favorables á abolición da monarquía apostan tamén pola "apertura de procesos constituíntes para decidir que tipo de República" Á segunda cuestión, que no caso de votar afirmativo á primeira preguntaba sobre a idoneidade "da apertura de procesos constituíntes para decidir que tipo de República", o 97,2% optou tamén polo si (1.395 votos), fronte aos 31 que votou non e os nove votos nulos. Foi o 88% do total dos participantes o que optou por seren consultados tamén para definir que tipo de modelo de Estado republicano se insturaría. Unha muller vota durante o referendo sobre a monarquía organizado no campus universitario de Vigo / © UVigo Os organizadores da consulta compareceron en rolda de prensa ao rematar a xornada para destacar a importante participación, advertindo de que non quedou moi lonxe o número de votantes nas últimas eleccións a rector na Universidade de Vigo. "Isto demostra o grande interese da iniciativa, á que a xente se achegou con entusiasmo", dixeron. Ademais, chamaron a tomar nota sobre uns resultados que demostran que "gran parte da comunidade universitaria aposta por abolir a monarquía", algo que deberían ter en conta tamén, segundo dixeron, "os defensores deste réxime do 78". "Nós xa nos pronunciamos e queremos decidilo todo", remataron. Os campus de Santiago, A Coruña e Ourense celebrarán o referendo o vindeiro mércores 12 de decembro A consulta na Universidade de Vigo é as primeiras das organizadas en Galicia logo de numerosas asembleas en diferentes campus do país. Estudantes das tres universidades galegas uníronse a unha iniciativa que se espallou axiña por todo o Estado e na que tivo xa unha importante participación en centros universitarios doutras localidades. Os campus compostelán e os ferrolán e coruñés, da Universidade de Santiago e da Universidade da Coruña, celebrarán a consulta o vindeiro mércores 12 de decembro, ao igual que o campus ourensán da Universidade de Vigo.
NOS_46607
A maioría dos cidadáns da República e o 43% dos irlandeses do norte votarían hoxe por un país reunificado.
A maioría dos cidadáns da República de Irlanda e Irlanda do Norte cren que a illa estará unificada politicamente antes de 25 anos, unha enquisa da BBC polo centenario da 'partición'. O 49% dos irlandeses do norte votaría hoxe por permanecer no Reino Unido, mentres que o 43% apoiaría unha Irlanda unida e o 8% opta polo "non sabe". Pola contra, o resultado na República de Irlanda xa sería a favor da reunificación, cun 51% de votos a favor, un 27% en contra e un 22% que 'non saben'. Cando se lles pregunta se cren que Irlanda do Norte seguirá facendo parte do Reino Unido dentro de dez anos, 55% dos irlandeses do norte din que si, así como o 59% dos habitantes da República de Irlanda, pero, en contraste, o 51% dos cidadáns de Irlanda do Norte e o 54% do resto de Irlanda cren que en 25 anos vaise producir a reunificación. A enquisa realizouse durante o período de Semana Santa, cando houbo episodios de violencia en varias áreas unionistas polo descontento coa xestión fronteririza do 'Brexit', o desencanto cos Gobernos de Belfast e Londres e a sensación en sectores 'lealistas' que o proceso de paz derivou nun escenario no que o nacionalismo irlandés vai gañando.
NOS_16376
O período de consultas rematou sen acordo, informan desde a CIG.
Adolfo Domínguez pretende presentar unilateralmente un novo ERTE, unha vez finalizado o actual por causas de forza maior, baseado en razóns organizativas e produtivas. Segundo o sindicato CIG, con este expediente reduciríanse 35 postos de traballo e suspenderíanse os contratos doutros 940 en todo o territorio do Estado español, que inclúen todas as tendas e os Servizos Centrais do Polígono de San Cibrao. A duración que a empresa pretende para este expediente de regulación, indica a central, estenderíase até 30 de xuño de 2021, "polo que, a partires do 1 de xaneiro dese ano, o persoal pasaría a percibir só 50% da base de cotización, ante a negativa rotunda da empresa de complementar economicamente esta prestación." A CIG mantén que "a representación da empresa negouse a aceptar a práctica totalidade das reivindicacións que a representación sindical puxo por riba da mesa". Así, indican, "nin recuperación do 50% das vacacións e pagas extras non xeradas por estar en situación de regulación temporal; nin a achega dun complemento salarial que rebaixara a perda económica das traballadoras por estar cobrando prestacións do 70% da base de cotización".
NOS_12394
Unha acción popular, artística e combativa enche os valados de Navantia con prendas que simbolizaron "a dignidade" do naval ferrolán
Unha "burla negra", así calificaron este domingo en Ferrol a política da Xunta de Galiza co naval. O colectivo que noutrora encabezara a resposta d@s artistas á catástrofe do Prestige rexurdiu baixo o nome de Radio Buguina para se sumar ao movemento de solidariedade co naval galego. Nesta primeira acción artístico-combativa e popular, centos de persoas penduraron dos valados do estaleiro de Navantia para "cargar de dignidade" un sector estratéxico para Galiza que deixa xa máis de 2.300 postos de traballos destruídos. "A crise económica é a grande burla negra", denunciaron desde Radio Buguina "en Ferrol fai tempo que se sabe, que se sofre, que se engole a negra sombra" Xurxo Souto, Mercedes Peón, Manolo Bacalhau, Roberto Somozas e María Manuela acompañaron ao Comité de Navantia nesta xornada de loita da que tamén tomaron parte representantes do Bloque Nacionalista Galego, Alternativa Galega de Esquerda e do PSdeG. Desde as 11.00 até as 14.00h centos de persoas penduraron das reixas do estaleiro prendas de roupa que foron desde as tradicionais batas --símbolo do traballo-- até camisolas, pastalóns ou mesmo vestimentas das crianzas. Moreas de pezas que se viñeron a sumar aos buzos d@s traballador@s do naval. No acto, representantes do Comité de Navantia denunciaron que a Xunta de Galiza, o Goberno español e a Unión europea estean empregando a crise como "excusa" para deixar esmorecer un sector vital para a comarca e para o país. "A crise económica é a grande burla negra", denunciaron desde Radio Buguina "en Ferrol fai tempo que se sabe, que se sofre, que se engole a negra sombra", sentenzaron. Cunha taxa de desemprego do 32%, na comarca de Ferrolterra só un terzo da poboación traballa. O acto deste domingo, tiña por obxecto amosar a reixa de Navantia cargada coa dignididade daquel@s que non se renden e que camiñan xa cara á unha folga xeral comarcal que terá lugar o vindeiro 12 de xuño.
NOS_25268
As contas publicadas polos partidos políticos estatais este mes de agosto reflicten que a maior parte dos seus ingresos non proveñen das cotas dos seus afiliados, senón das subvencións públicas
As contas publicadas polos partidos políticos estatais este mes de agosto reflicten que a maior parte dos seus ingresos non proveñen das cotas dos seus afiliados, senón das subvencións públicas. Así, o PSOE e o PP só reciben 13,3 e 9,7% respectivamente dos seus recursos dos seus respectivos afiliados. O partido que maior porcentaxe ingresou por cotas é Vox, con case 30 por cento. O Partido Socialista, de acordo cos datos, é o que conta cun orzamento maior. En 2021 tivo un total de 79,3 millóns de ingresos da xestión ordinaria. Case un millón máis que o ano anterior. Desa cantidade, 46,24 millóns corresponden a ingresos de orixe pública, por subvencións anuais de gastos de funcionamento, achegas de grupos institucionais e subvencións para gastos de seguridade. Madrid é a comunidade autónoma máis beneficiada polo investimento estatal O financiamento de orixe privada ascendeu a 33 millóns e é aí onde están contabilizados os ingresos por cotas de afiliados, que ascenderon o exercicio pasado a 10,62 millóns de euros. Isto supón 13,38% dos ingresos totais. A citada cifra representa un incremento de 650.000 euros sobre os ingresos de 2020 por cotas de afiliados. Con todo, nas contas presentadas polo PSOE, produciuse unha redución de afiliados de 171.036 ao comezo de 2020 a 159.943 ao fechamento do pasado exercicio. É dicir, unha caída de 11.093 afiliados en dous anos. Afiliacións no PP A pesar de que declaran reducir o número de afiliados, que o PP sitúa a 31 de decembro de 2021 en 777.971, fronte aos 778.046 que tiñan o 1 de xaneiro dese mesmo ano. Os ingresos do partido liderado por Alberto Núñez Feixoo por achegas de afiliados e cargos públicos ascenden a 2,41 millóns de euros. En doazóns rexistran 5.660 euros. En canto a "outros ingresos da actividade ordinaria" rexistran 415.116 euros. O partido que porcentualmente se financia máis coas cotas dos seus afiliados é Vox, que recibe case 30 por cento dos ingresos dos seus seguidores. Así, dos 17,46 millóns de ingresos ordinarios que declara nas súas contas, 5,11 millóns o son de cotas de afiliados, o que supón 464.520 euros máis que en 2020. PSOE e PP fechan a porta a poder limitar a inviolabilidade de Felipe VI Ademais, este partido si rexistrou incremento de afiliados ao longo de 2020 e de 2021. Pasou de 52.406 hai dous anos a 63.468 a fechamento do exercicio pasado. O 'desastre' de Ciudadanos O partido encabezado por Inés Arrimadas xa reflicte nas súas contas o desastre que leva sufrindo desde as últimas eleccións xerais. Reflíctese, entre outros datos, nos ingresos por cotas de afiliados, que pasaron de 2,1 millóns de euros a 1,47 millóns, 14,64 por cento dos ingresos totais, que en 2021 ascenderon a 10,09 millóns de euros. Isto son 3,15 millóns de euros menos que os ingresos do ano anterior. Ciudadanos rexistra un total de 2,23 millóns de euros de orixe privada, onde se inclúen, ademais das cotas dos afiliados, os 726.960 euros de achegas dos seus cargos públicos, 26.157 euros de doazóns e legados e 6.176 da actividade ordinaria.
NOS_53264
Galaxia vén de reeditar A Cidade dos Césares, a novela de Víctor Freixanes que relatou a epopea das familias galegas que foron poboar a Patagonia no século XVIII. Historia, mito e literatura únense para desvelar un capítulo pouco coñecido do pasado e para crear unha das grandes novelas históricas da literatura galega.
Falamos dunha épica da xente do común que non ten nada de común: a finais do século XVIII, unhas cincocentas familias galegas, asturianas e da Maragatería foron enviadas nun barco que partiu do porto da Coruña para poboar as terras ao sur da provincia de Bos Aires. Os participantes na 'Expedición das Familias', como é coñecida polos historiadores, crearon varios asentamentos que tiñan como obxectivo último frear os avances dos ingleses, protagonizando calamidades e aventuras dignas das mellores epopeas clásicas. Hai trinta anos, Víctor Freixanes decatouse do potencial mítico e literario daquela xesta e escribiu A Cidade dos Césares, unha novela que logrou gañar o Premio de Novela Torrente Ballester -a primeira vez que se outorgaba a un texto en galego-, mais que, sobre todo, creou un monumento literario que, ademais, daba a coñecer as proezas daqueles expedicionarios. A novela vén de ser reeeditada por Galaxia e, malia o tempo transcorrido, mantén a súa vixencia e permanece como unha das pedras angulares da novela galega de segunda metade do século XX. "Para min foi unha grata sorpresa ver como despois de trinta anos a novela segue aí: non só aguanta a lectura, senón que medra", comenta o autor en conversa con Nós Diario. E o certo é que, despois das moitas novelas históricas escritas nas últimas décadas, A Cidade dos Césares mantén o pulso e mesmo se eleva como un cumio destacado do xénero. "Non sei se hoxe tería folgos para enfrontar un traballo como este. Xa non só pola concentración que esixe, senón, sobre todo, porque escribir unha novela tamén supón un desgaste físico notábel ", pregúntase. Víctor F. Freixanes: "Facer literatura é traballar o idioma, recrealo; reconstruír o mundo a través das palabras" A épica galega Freixanes exhibe un certo orgullo ao explicar que o material narrativo responde á realidade histórica -"o noventa e cinco por cento do que se conta está documentado, aínda que non deixe de ser literatura"- e enumera as moitas bibliotecas e arquivos que tivo que consultar para coñecer o detalle daquela expedición e escribir "a primeira crónica novelada da presenza dos galegos naquela parte do mundo", como escribe na Nota que precede a esta edición revisada. "Especialmente a Biblioteca de América da Universidade de Santiago de Compostela é un auténtico tesouro para documentar e estudar esa época", explica. "Alí atopas crónicas, diarios, cartografías... Estou convencido de que a grande épica do pobo galego é a emigración, hai nela unha materia para a ficción que non nos podemos permitir o luxo de desaproveitar". En todo caso, a novela mantén a súa natureza literaria, indo máis alá do xénero e pasando por riba do exhibicionismo da documentación no que caen, en ocasións, as novelas históricas cuxa intención didáctica acaba por anular os valores artísticos. "O que sucede moitas veces é que a documentación é tan potente que os autores corremos o risco de deixarnos arrastrar por ela. É preciso ter claro que unha cousa é o relato histórico e outra a ficción literaria. E, ao mesmo tempo, ser conscientes de que a Historia non é só o documento, senón tamen a capacidade que teñen os creadores dun pobo de recrear a súa propia realidade e de transmitila, de facela presente. Nese sentido, as miñas novelas sempre son froito dunha reflexión sobre o país, sempre son unha metáfora sobre a identidade colectiva da Galiza. Fascíname a recreación literaria do noso país como colectivo, e creo que iso pode verse en toda a miña obra". A Cidade dos Césares intégrase, ademais, nunha tradición perfectamente recoñecíbel: está concibida como un diálogo entre dous defuntos, protagonistas da trama, cen anos despois dos sucesos que se relatan na novela. "Hai un chamado realismo máxico galego que responde a ese salto vertixinoso que deu a Galiza dunha sociedade preindustrial á modernidade. Iso permite uns saltos entre ficción e realidade que se ven como naturais e que, obviamente, son unha ferramenta literaria de primeira orde". Diálogo co universal A edición revisada de A Cidade dos Césares mantén o texto na súa integridade. "O único que fixen fixen foi dar un certo respiro para o lector. Na primeira edición todo ía moi seguido e, como é unha novela coral e hai moito protagonista complementario, moitas digresións, moitos relatos dentro do relato, intercalei algúns epígrafes que introducen eses desvíos como se fosen capítulos que lle permiten á persoa lectora coller algo de aire. Pero o texto en si está respectado na súa totalidade". E tamén nese terreo sorprende a novela por un uso da lingua que non só non quedou desfasado senón que resulta renovado trinta anos despois, e enriquecido cunha panoplia de americanismos que agranda a verosimilitude do relato. "Eu sempre fun moi lector de Otero Pedrayo, sempre sentín unha grande admiración pola súa obra", declara Freixanes. "E preguntábame se sería capaz de facer o mesmo ca el cando escribiu Fra Vernero, no ano 1924. Parecíame un desafío e unha audacia fóra de serie. E eu pretendía xustamente iso: dialogar coa cultura universal desde a potencia interna da nosa lingua". A proxección exterior da cultura Freixanes relata na conversa como a historia protagonizada polos galegos é mal coñecida mesmo en Patagones, o único dos asentamentos fundados por aqueles poboadores que aínda sobrevive. "Cando visitei aquela zona para documentarme, incluso o Director do Instituto Arqueolóxico da cidade pensaba que os fundadores eran maragatos". "Sempre crin que nos vendemos moi mal", engade, "malia que temos unha capacidade creativa abraiante, non só na literatura, senón en calquera rama da creación. Un dos mellores investimentos da cultura galega sería o estabelecemento de plataformas de proxección exterior que desen a coñecer polo mundo, contextualizándoo, o que se produce aquí". Víctor Freixanes: "Temos que conseguir que o galego estea presente como lingua de uso nas cidades"
NOS_48323
A Xunta continúa a discriminar as razas autóctonas galegas. Así o denuncia FRUGA que constata que o goberno galego rexeita o 75% das solicitudes de axudas de razas autóctonas en réxime extensivo, unha convocatoria que fora creada no bipartito e que Feijóo anulara en 2012.
Fruga denuncia que a Xunta continúa a discriminar as razas autóctonas en réxime extensivo, rexeitando o 75% das solicitudes de axudas presentadas. Segundo sinalan, foi a campaña que promoveron con recursos e mobilizacións a que obrigou á Xunta a corrixir a situación e publicar a nova resolución que, no entanto, non incrementa o orzamento previsto de maneira que das 842 granxas que cumpriron o acordado só 213 recibirán axuda deixando o 75% fóra. A liña de apoio ás razas gandeiras propias fora iniciada no bipartito coa idea de promover a súa produción mediante o apoio dun pago de ate 156 € por animal reprodutor a cambio do compromiso durante cinco anos por parte das explotacións gandeiras de cumprir as medidas de fomento. Recursos e mobilizacións O PP no goberno galego, realizou un constante recorte até a a súa anulación no 2012 até o pasado mes de marzo no que a Xunta aprobou unha resolución que deixaba fóra das axudas ao 75% das solicitudes, o que provocou o inicio dunha campaña informativa por parte da Fruga para apoiar a presentación de recursos por parte das persoas afectadas contra a resolución. Unha masiva mobilización que se desenvolveu o pasado 18 de marzo en Lugo do sector vacún de carne esixía que se cumprira co pactado e se concederan a totalidade das axudas que cumprían as condicións. "O que a Xunta chama un "erro informático que afectou aos cálculos" foi en realidade unha chapuza, e agora ten que amañalo porque houbo quen o denunciou publicamente. Iso si, tenta arranxalo sen ter que gastar un peso", lamentan desde Fruga que esixe o aumento do orzamento para corresponder ás explotacións gandeiras que cumpriron as condicións estipuladas. "Esta corrección parécenos unha broma de mal gusto do Partido Popular, primeiramente recortan estas axudas ano tras ano, despois veñen uns atrasos inxustificados con aprobacións sen que haxa o envío dunha carta tal e como se debera facer, logo fan unha aprobación da campaña 2012 irregular e agora, que teñen que corrixir erros e que poden reparar a situación, miran para outro lado e deixan as cousas practicamente como estaban", denuncian, anunciando que non cexarán até que as explotacións reciban o que lles corresponde e anuncian novas medidas de presión contra o que entenden como unha nova agresión ao sector de vacún de carne.
NOS_45616
O escritor Miguel Anxo Fernán Vello participará en calidade de convidado do Goberno do Estado de Palestina ao Encontro Internacional de Escritores que durante seis días se desenvolverá na cidade de Ramala.
Organizado pola Asociación de Escritores Palestinianos, o Encontro Internacional de Escritores terá lugar durante seis días na cidade de Ramala, capital de Palestina. O escritor galego Miguel Anxo Fernán Vello será un dos participantes, convidado polo Goberno do Estado de Palestina. O Goberno do Estado de Palestina ofrecerá ás persoas participantes unha recepción oficial na que intervirá Miguel Anxo Fernán Vello, en nome dos participantes do Estado español. Pau Vadell, Pilar González España, Samir Delgado, María Victoria Caro Bernal son, xunto con Fernán Vello, os escritores e escritoras do Estado español que asistirán ao encontro. O palestiniano Murad Sudani e o iraquí Abdul Hadi Sadoun son dous dos escritores árabes que participan na convocatoria. O programa do Encontro inclúe unha visita a Gaza e, ademais de relatorios e debates sobre literatura, desenvolveranse espazos de lecturas poéticas bilingües. O escritor Miguel Anxo Fernán Vello ten obra súa traducida xa ao árabe.
PRAZA_705
O TS rexeita o recurso da RAG que pedía a anulación da norma, cuxos dous dos seus puntos claves xa foran anulados polo TSXG. O tribunal recoñece que o uso da lingua non é "igual ou equivalente ao do castelán" pero deslígao da política lingüística educativa da Xunta.
Foi a propia Consellería de Educación a que informou de que o Tribunal Supremo (TS) viña de desestimar o recurso presentado pola Real Academia Galega (RAG) contra o decreto do plurilingüismo. O departamento da Xunta aclaraba nun comunicado que o ditame do TS se sumaba "á doutrina ditada polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), que foi avalando a legalidade da mencionada norma, ao pronunciarse en contra dos recursos formulados desde distintas instancias". A Xunta di que a sentenza do TS únese ao "aval á legalidade do decreto" que lle deu o TSXG, que anulara dous puntos claves da norma Non foi tanto así, xa que o Superior xa anulara dous dos puntos máis polémicos do decreto, ao invalidar a consulta vinculante aos pais para a elección do idioma en Infantil, así como a posibilidade de que o alumno empregase a lingua que lle petase na aula. O que agora fixo o Supremo foi ratificar aquel ditame -que declaraba ilegais dous puntos claves da política lingüística do Goberno do PP na escola- e rexeitar a anulación total do decreto, tal e como pedira a RAG mediante un recurso de casación centrado en dous argumentos esenciais: no feito de que non foi consultada formalmente durante a elaboración do propio decreto e en que a norma da Xunta modifica, a efectos prácticos, a Lei de Normalización Lingüística, de rango superior. O Supremo non recoñece a RAG como órgano consultivo da Xunta O ditame do Supremo non recoñece a RAG como órgano consultivo da Xunta e aclara que non se "infere da normativa vixente que deba ter intervención e emitir preceptivamente informe en todos aqueles proxectos que se refiran ao uso do galego". E ademais, vén deixar clara a legalidade do decreto do plurilingüismo, aclarando tamén que a política lingüística que se leva a cabo en cada Executivo ten unha motivación política que determina tamén se é máis ou menos beneficiosa para o idioma, pero que non o invalida. Así, o Supremo asegura que o Goberno galego, en uso das súas competencias, ten dereito a establecer a súa política lingüística e afirma tamén, en contra do que consideraba a RAG -e outras moitas institucións e entidades galegas e europeas- que o decreto non conculca a Carta Europea de Linguas Rexionais e Minoritarias. Engade tamén que a distribución de horas entre galego, inglés e español no ensino é congruente co propio Estatuto de Autonomía e coa Lei de Normalización. O ditame do TS asegura que a distribución de horas entre galego, inglés e español é congruente co Estatuto e coa Lei de Normalización Non obstante, o TS non dubida en deixar claro que a situación do galego non é a idónea. "Non nega a Sala que o uso do galego na comunidade autónoma non pode cualificarse neste momento como igual ou equivalente ao do castelán", di a sentenza, que engade que "cumpriría aceptar" os resultados "reflectidos polo IGE [...] respecto da franxa comprendida entre nenos de 5 a 14 anos] e que lle achegou a RAG. Refírese ás estatísticas que sinalan que tres de cada catro rapaces e rapazas de menos de 15 anos é castelanfalante. Malia iso, o Supremo cre que "de aí non cabe extraer en modo ningún que o modelo implantado polo decreto que se revisa sexa o responsable desa situación ou que, como defende a RAG, o 'equilibrio' e a 'non discriminación positiva para obter a igualdade' sexa o culpabe do insuficiente coñecemento da lingua propia de Galicia". "Entendemos que a análise do impacto do decreto recorrido sobre uso de ambos os dous idiomas exixiría non só unh horizonte temporal maior que o empregado [...], senón tamén unha análise técnica máis precisa e completa do que se segue dos datos que os documentos achegan", engade. A sentenza recoñece a situación de desiguldade do galego pero di que "en modo ningún" se debe ao modelo implantado polo decreto Xa que logo, o TS asume a situación de desigualdade do uso do galego respecto do castelán, ten en conta as contundentes estatísticas do IGE sobre o tema, pero entende que o decreto do plurilingüismo e a diminución de horas lectivas en galego non ten nada que ver. De feito, incide tamén en que a Sala "non alcanza a identificar unha verdadeira discriminación material polo simple feito de que as materias técnicas, como as matemáticas, se impartan en castelán, metnres que as sociais se cursen en galego". E insiste en dicir que a opción do decreto "é lexítima, sen que poida cualificarse en absoluto de arbitraria, discriminatoria ou deliberadamente contraria aos fins de progresividade e igualdade que deben presidir a acción administrativa no ámbito educativo". A RAG asegura que a sentenza contén "opinión discutibles e consideracións de feito infundadas" A RAG asegura que "respecta e acata" a sentenza do Tribunal Supremo, pero di que "non pode deixar de sinalar que nela se conteñen opinións discutibles e consideracións de feito infundadas, a contrafío de diversos estudos académicos, ditames institucionais e informes expertos de carácter oficial". En todo caso, a Academia reafírmase "nas súas conviccións" de que a normalización do idioma "é un obxectivo irrenunciable da sociedade galega e de que a Xunta de Galicia está moral e legalmente obrigada a tomar medidas positivas para conseguila". Por iso, a RAG insta novamente a Xunta de Galicia e "ofrece a súa leal colaboración para poñer en marcha iniciativas de alcance real cara a ese obxectivo". Feijóo cre que o decreto é "o máis avalado" Desde A Mesa pola Normalización Lingüística lembran que a sentenza do TS "ratifica" a nulidade dos "puntos centrais nos que Feijóo baseou a derrogación do decreto do 2007: a posibilidade de os pais elixiren a lingua nas aulas e a non obrigatoriedade para o alumnado". A Mesa lembra que o TS tamén validou a inmersión lingüística en Cataluña A Mesa lembra como xa no 2009 o TS validou integramente o decreto 124/2007 "sen que iso impedise a súa derrogación posterior, de xeito unilateral e coa oposición do conxunto da comunidade educativa, organismos consultivos, e entidades sociais de todo tipo" e sinala que "existen outros precedentes xurídicos onde o Supremo avala modelos radicalmente opostos ao do PP en Galiza, como o da inmersión lingüística en Cataluña, nunha sentenza de 2013". "O goberno galego ten dúas opcións, a de regresar aos acordos tomados de xeito amplo, coa participación de organizacións sociais, sindicais, políticas, culturais, reflectidos no PXNLG, e tamén validados polo Supremo, ou agocharse detrás do TS para manter unha política unilateral e destrutiva coa lingua", sinalou o presidente da Mesa, Marcos Maceira. CIG-Ensino, pola súa banda, cre que "unha vez máis a Consellaría de Educación mente cando afirma no seu comunicado que o TSXG avalou no seu día a legalidade" do Decreto 79/2010, cando a realidade "é que o TSXG, en resposta a varios recursos presentados contra o decreto declarou ilegais aspectos fulcrais da norma". Feijóo, non obstante, cre que o decreto é o documento "máis visto pola xustiza" e "máis avalado" xuridicamente, polo que instou os grupos políticos e organizacións sociais a "non seguir discutindo sobre aquilo que está ben feito". Feijóo pide "construír de novo a política lingüística" sobre a "base sólida" que supón o decreto Nas súas declaracións, o presidente da Xunta instou a "todos os actores" implicados e a todos aqueles que creen que "o galego é a lingua propia de Galicia e que hai que protexela" a "empezar de novo a construír sobre bases sólidas" as políticas lingüísticas. Esa "base sólida", explicou Núñez Feijóo, é precisamente o decreto do galego, que o Tribunal Supremo considera "conforme á Donstitución, conforme ao Estatuto de Autonomía e conforme á Lei de Normalización Lingúística".
NOS_32658
'Romasanta, tras os pasos do lobisome' é o volume de Difusora das Letras no que Vítor Nieves achega unha escolma de pescudas realizadas a partir das indagacións do estadounidense Ivort Macsaw. Unha obra que tenta deitar nova luz sobre a historia do 'lobisome' e asasino en serie máis coñecido alén das nosas fronteiras.
"En 2009 unha auténtica revolución mediática ocupou xornais e espazos televisivos cunha noticia que sorprendía o público e crispaba os investigadores patrios: un americano resolvía un dos capítulos máis negros da historia galega. Ivort Macsaw descubría os restos dos corpos das vítimas de Romasanta que permaneceran escondidos durante case dous séculos". Deste modo explica Vítor Nieves a orixe do proxecto editorial que realiza con Difusora das Letras e do que é coautor, xunto ao estadounidense Ivort Macsaw. Romasanta, tras os pasos do lobisome é unha obra literaria e fotográfica que saíu do prelo a finais de 2020 "mais entre o confinamento e demais medidas restritivas nos primeiros meses do ano, non houbo distribución e conseguimos reactivala hai unhas tres semanas", conta para Nós Diario, Víctor Nieves. Trátase dunha libro no que se recolle "unha minuciosa escolma de textos" extraídos dos cadernos de Ivort Macsaw, antropólogo investigador da Lycan Foundation (Michigan, Estados Unidos de América). Transcricións de audios, documentos e recortes de prensa súmanse a unha selección de fotografías que, "malia teren sido feitas para o traballo de campo, son aquí presentadas como un fotolibro que, alén de ilustrar o texto, conseguen ter unha narrativa propia", destaca Nieves. O achado 200 anos despois A comezos dos anos 2000, Macsaw chega á Galiza na busca de pistas sobre Manuel Blanco Romasanta, e faino financiado pola fundación para a que traballa, a Lycan Foundation de Michigan. O investigador "sorpréndese do fácil que é chegar a determinadas pistas", conta Nieves, "pese a que xa decorreron dous séculos dos acontecementos". Mais a investigación débese interromper cando queda sen orzamento. Así e todo "move fíos na fundación para que volvan habilitar financiamento e realiza a segunda viaxe á Galiza", en 2009, que "é cando está máis tempo e dá con achados máis sorprendentes". E destes achados resulta en 2009 o estoupido, na prensa da Galiza e do Estado español, da descuberta por parte dun estadounidense dos restos óseos das vítimas de Romasanta. "Foi entón como cheguei eu ao seu traballo", lembra Vítor Nieves. "A toda a miña xeración ameazábannos co home do unto", unha figura abstracta como quen di "home do saco", e logo descobres que non era tan abstracta, neste caso, senón un dubidoso señor que asasinaba mulleres". Nese 2009, Nieves entra en contacto coa fundación Lycan e inicia unha pescuda e a escolla dos textos. Contra as mulleres "O que máis me interesaba era a visión dun americano que chega a un sitio para el completamente diferente e que afonda na identidade de xénero bisexual de Romasanta", expón Vítor Nieves. O editor tamén recalca que "cando se fala de Romasanta téndese a dulcificar a historia, pero era un asasino en serie que mataba mulleres". "Se se soubese iso a conmoción sería enorme, non só na Galiza", porque Nieves reafirma a relevancia de que Manuel Blanco Romasanta "non mataba persoas en abstracto, senón que mataba mulleres coas que tiña relacións". Nieves lembra que dos nove asasinatos polos que o condenaron "só matou algún home que realmente era fillo dalgunha desas mulleres que mataba". Así, para o investigador, o que fixo Romasanta "seguramente hoxe sería xulgado como violencia machista". A incógnita do xénero Manuel Blanco Romasanta (1809-1863) foi bautizado como Manuela Blanco Romasanta e "sábese e Macsaw afonda niso", apunta Nieves, "que os primeiros anos da súa vida se desenvolveu como meniña". Deste modo, non foi até a adolescencia, "cando certos trazos masculinos comezan a ser visíbeis", que Romasanta muda "a súa aparencia, a súa forma de estar" para ser Manuel. O coautor de Romasanta, tras os pasos do lobisome tamén lembra que, no final dos seus días, "cando está nas prisións do Castelo de Santo Antón, na Coruña, ou no cárcere de Ceuta, volve un pouco a ese inicio de muller, canto ao xénero, e solicita camisóns", para vestirse na cadea. "Estando só ou soa na súa cela volve visibilizar ou externalizar a parte feminina", reflexiona Nieves, que destaca que esta condición "nunca se relacionou con Romasanta, porque tanto nos filmes como nos documentais, píntano como un home rudo, musculoso...". "Mais os forenses que o analizaron no xuízo din que era unha persoa de metro e medio, moi afeminado e que exerceu profesións que eran e aínda son consideradas de mulleres, como costureiro", remata Vítor Nieves.
PRAZA_18589
Á hora da convocatoria espallada pola Fundación Franco a porta da igrexa mantívoche pechada e a Armada asegurou que desmentía tal evento
Durante anos foi habitual que cada 20 de novembro se celebrasen en Galicia, cando menos, dúas misas na honra do ditador Francisco Franco e do fundador da Falange, José Antonio Primo de Rivera, ambos falecidos nese día do mes. Unha adoitaba celebrarse en Lugo e outra, en Ferrol. A cerimonia na igrexa conventual lucense das Agustinas -e a súa correspondente esquela na prensa local- desapareceu hai tempo, pero a de Ferrol aínda pervivía. Á hora da convocatoria espallada pola Fundación Franco a porta da igrexa mantívoche pechada e a Armada asegurou que desmentía tal evento Así, para as doce e media do mediodía 20N estaba convocada unha misa na honra de Franco no templo castrense de San Francisco. A Fundación Francisco Franco, que honra a memoria do ditador, chamara a orar en Ferrol del Caudillo por "el alma de Francisco Franco, José Antonio Primo de Rivera y todos los caídos por Dios y por España". Pero desta volta a igrexa ferrolá non foi "del caudillo" e o pequeno grupo de partidarios do ditador que acudiran á cita quedaron sen celebración. Escudo franquista e busto do ditador no interior do Pazo de Meirás / Praza Pública O templo de San Francisco é castrense, do Exército, polo que depende formalmente da Armada. Á hora da convocatoria espallada pola Fundación Franco a porta da igrexa mantívoche pechada e este departamento militar asegurou á edición local do xornal La Voz de Galicia que desmentía tal evento. Non ía haber misa por Franco. E os franquistas laiáronse por seren vítimas dunha limitación á "liberdade de expresión". A cancelación do evento relixioso para honrar o militar golpista producíase despois de que o alcalde de Ferrol, Jorge Suárez, considerase "un insulto" á veciñanza semellante cita. "Nin respectamos nin compartimos" ningunha iniciativa promovida pola Fundación Franco, afirmou, agregando que "ninguén imaxinaría" que calquera recinto público poida acoller acto ningún "dunha fundación Hitler ou Mussolini". Tamén Esquerda Unida Ferrol anunciara que prevía pedir "as explicacións pertinentes" ao Ministerio de Defensa se a misa por Franco chegaba a celebrarse.
NOS_24194
É un dos xéneros máis extremos das músicas pop. Denomínase black metal e deriva do heavy a forza de voces guturais e noise minimal. En Galiza e en galego conta con practicantes. Tres deles ofrecen un concerto este sábado, 29 de decembro, no Pub Transylvania de Vigo: Dioivo, Lóstregos e Mileth.
A escusa da cita é a presentación do primeiro disco longo de Dioivo, dúo vigues de guitarra -Jacobo Mouriño, tamén vocalista- e batería -Daniel Valladares-, de título II. Canda eles actuarán outras dúas bandas, os coruñeses Lóstregos e mais Mileth, en cuxas fileiras conviven músicos vigueses e de Burela, na Mariña. Ademais, haberá "unha enchenta de colaboracións". En concreto, pasarán polo escenario membros da escena galega procedentes de proxectos como Dantalion, Xhamain, Sans Soleil, The Savage Pears ou Second Chances. A discográfica andaluza Darkwoods encárgase da edición de Dioivo II. O primeiro elepé do dúo black metal sucede a dous EP e un single, dispoñíbeis en dioivo.bandcamp.com: Dioivo (2016), O Espertar (2017) e Sempre Pola Morte Esperas (2016). Este último emprega como letra o célebre poema de Rosalía de Castro, na que talvez sexa a máis singular das versións realizadas até agora a partir dos textos da poeta. O concerto, que tamén quere ser unha "homenaxe" ás bandas da tendencia que cantan en galego, será ás 21.00 horas e a antrada custa cinco euros.
NOS_15047
Primeira reunión do goberno de coligazón grego e primeiro titular: o gabinete Tsipras paralisa o proceso de privatizacións posto en marcha por Samaras.
Consciente das dificultades que ten por diante, o primeiro goberno anti-austeridade formado na UE resolveu adoptar xa na súa reunión constitutiva algunha das medidas estrela anunciadas por Tsipras durante a campaña eleitoral que o levou a ser eleito primeiro ministro. Destarte, o goberno grego formado por Syriza en coligazón con Gregos Independentes -a excisión de Nova Democracia contraria ao Memorando da UE- aprobou pór en marcha a lei que permitirá a restitución do salario mínimo, que voltará a ser de 751 euros após ser retallado no seu día polo goberno Samaras por exixencias de Bruxelas (até o situar nos 580 actualmente en vigor). Aliás, o novo goberno grego acordou paralisar as privatizacións en curso, entre outras a venda do 67% do porto de Pireu, ben como lle deu luz verde á distribución gartuita de enerxía ás familias en maiores dificuldades económicas, que tamén recibirán bolsas de alimentos. "Somos un goberno de salvación nacional e o noso obxectivo é restabelecer a seguranza e a dignidade dos gregos", dixo Tsipras á imprensa. O Goberno Syriza resitúa o salario mínimo nos 751 euros após o anterior goberno o colocar nos 580 A grande cuestión naturalmente é a negociación con Bruxelas. Tsipras está pola reestruturación da débeda (isto é, estender os prazos para o seu pagamento e obter xuros máis baratos). Está por ver que Bruxelas -e nomeadamente Berlín- aceite relaxar as condicións dos créditos. Nese sentido, o vicepresidente da Comisión europea, o finés Jyrki Katainen, afirmou hoxe que Bruxelas está disposto a abrir conversas con Atenas, mas ao tempo advertiu que a maioría das voces nos órgaos de goberno da UE son partidarias de que Grecia cumpra os compromisos pactados, isto é, que Syriza se ateña aos acordos asinados no seu día por Nova Democracia. A esta reluctancia de Bruxelas a negociar referiuse con certa dureza Tsipras. Dixo que a negativa da UE a negociar con Atenas podería conducir "a unha ruptura desastrosa recíproca". O seu goberno, esclareceu aínda o primeiro ministro grego, ten vontade de negociación, mais non de "continuar a política de submisión" de executivos anteriores.
NOS_41810
Supresión de profesorado, de unidades, de escolas, desconexión dixital e falta de recursos son algunhas das deficiencias que eivan a supervivencia do ensino nos ámbitos rurais galegos, segundo denuncian desde a comunidade escolar como "práctica habitual" da Xunta que agora, coas restricións derivadas da pandemia, dificultan aínda máis a educación pública lonxe das cidades.
A irrupción da Covid-19 na planificación do curso escolar, que tanta contestación está a espertar en contra do protocolo deseñado desde a Xunta sen escoitar nin profesorado, nin centros, nin familias, veu sacar á luz algúns dos reversos da realidade educativa galega, como os que sofre o alumnado dos ámbitos rurais. Durante o confinamento, vilas e aldeas foron unha das saídas da poboación urbana para afrontar unha situación inédita de illamento obrigado mais, pasadas as semanas críticas, estes núcleos seguen a acusar as carencias endémicas en servizos públicos básicos, como os sanitarios, os sociais e os educativos. Semella, segundo estima Fernando Lacaci, presidente da Confederación Anpas Galegas, unha pescada que morde a cola. "Que vai primeiro? No rural non hai colexios porque non hai alumnado ou non hai alumnado porque non hai colexios?", pregúntase, coa resposta xa preparada. "O rural abandónase por falta de futuro, e cando se fan desaparecer centros de ensino ou se procede ao agrupamento de aulas atendendo unicamente a criterios de ratio, cando se reduce o máximo o profesorado... o que se está a facer é contribuír á súa desaparición", reflexiona, nunha crítica ás políticas educativas do Goberno galego. A plataforma de familias de centros públicos censura que ese é o procedemento que aplica de forma recorrente a Consellaría de Educación no ensino do rural, sen que as circunstancias extraordinarias que impón o coronavirus nas dinámicas docentes teñan mudado estes recortes, como os que denuncia Anpas Galegas en colexios como o San Ramón de Moeche. Unitarias na corda frouxa En Brión, as familias das cinco crianzas matriculadas na escola unitaria da Luaña saben que, se non hai un cambio de última hora, o centro fechará no curso que entra por non chegar ao número mínimo de escolares, que a Xunta estabelece en seis. Como expón Lucía Forján, representante das nais e pais do centro, aínda que a Consellaría de Educación non fixo ningunha comunicación oficial, coñecen o futuro da escola porque a mestra si recibiu a comunicación da supresión da súa praza. "A zona alta de Brión está totalmente abandonada, non temos parques infantís e a unitaria é o único espazo que teñen as pequenas e pequenos para socializar", lamenta a portavoz, e apela á excepcionalidade da situación sanitaria –necesidade de distanciamento social e masificación dos servizos complementarios do CEIP de Brión (transporte, comedor escolar...)– para solicitar á Xunta unha moratoria á clausura do centro que non ten visos de prosperar. "Propuxémoslle a Educación que, no canto de obrigar a trasladar os nosos nenos a outra escola, aproveite as prazas libres da unitaria –con capacidade para 12 escolares– para aliviar outros centros que están masificados", expón Forján, en consonancia co apuntamento que fan desde Anpas Galegas ao aludir a eses centros próximos a vilas que están fechados ou a punto de fechar "e que poderían usarse para liberar outros máis saturados". "O que ocorre é que o mantemento ten un custo e a Xunta o que trata de facer é eliminar custos, mediante o agrupamento de alumnado en centros para facer desaparecer outros", observa Lacaci. O que ocorre en Brión non é excepcional, segundo fai notar Suso Bermello, portavoz nacional de CIG-Ensino, o sindicato maioritario no ámbito educativo galego. "Nas últimas semanas estamos asistindo, con total ocultación por parte da Xunta, ao fechamento de unidades e agrupamento de aulas para reunilas noutras máis amplas", expón, a través da información que o sindicato recibe, non da Administración, senón do profesorado cuxa praza se suprime, que é informado para que poida cursar petición de destino para o curso vindeiro. Segundo apunta o representante sindical, a verdadeira dimensión do recorte non se coñecerá até o mes de agosto, cando a Xunta publica no DOG a modificación do catálogo de postos de traballo, e as noticias que se reciben até agora chegan a contagotas. "O fechamento dunha aula nun centro de maior tamaño é máis difícil de controlar", advirte, antes de aludir á próxima supresión de "dúas ou tres" unitarias. "A Consellaría está a facer o que fai todos os anos, reducir aulas e postos, e o fai sen miramentos, como se estivesemos nun curso como calquera outro", critica Bermello. Aulas "burbulla" A CIG é, con UXT, CCOO e ANPE, un dos sindicatos que está a liderar as protestas contra o plan da Xunta para a adaptación do inicio do curso que vén ao contexto do coronavirus. Entre as moitas críticas ao documento, o sindicato nacionalista destaca a relativa ao que o documento denomina "grupos de convivencia estábeis" para as etapas temperás, aulas de até 25 menores cuxos membros poderán socializar sen manter distancia interpersoal estrita, a cambio de "evitar" a interacción con outros grupos e persoal. "Esas 'aulas burbulla' das que se gaba a Consellaría, e que son unha falacia, si que serían máis factíbeis nas escolas do rural, suprimindo unicamente o profesorado especialista (música, educación física e idiomas, en Primaria)", reflexiona Bermello. As dificultades que supón a aplicación do protocolo da Xunta coñéceas ben Camino Pereiro, directora do centro integrado Virxe de Cela de Monfero e parte da Nova Escola Galega, quen describe a carga administrativa e organizativa extra que ten que asumir o colexio contrarreloxo. "Entre a adaptación do documento, a adecuación das aulas e as instalacións, a separación de patios, o cambio de mobiliario, de horarios, a petición de permisos, de material... téñennos saturados en burocracia. Ao final o que importan son as persoas, mais parece que ás veces quedan esquecidas para cumprir normas estritas, incoherentes e contraditorias, antes que atender ao que é o importante, que agora é a saúde da comunidade escolar", lamenta. Se, como ocorre en máis centros de ensino do rural, a ratio de alumnado por aula non é un problema en Monfero, si o é a falta de conectividade, que nos últimos meses dificultou moito a docencia virtual. "E temos problemas coas competencias dixitais da poboación, sobre todo nos cursos máis baixos, pola falta de acceso a internet. As familias víronse desubicadas, sen saber como apoiar o alumnado con tanta variedade de recursos, medios e actuacións que requirían xestións telemáticas", explica a docente. "Nin o alumnado nin o propio sistema están preparados para a formación telemática, que ademais esquece moitas dimensións da educación. A escola é tamén acompañar, cooperar, sentir relacionarse... Formar persoas de forma integral", avalía. A oposición ao protocolo, tamén nas redes En Muimenta, Cospeito, a asociación de nais e pais A Granda si recorreu á comunicación telemática para expresar a súa oposición ao protocolo elaborado pola Xunta para a volta ás aulas. A través do cancelo #AulasSenCovid, esta ANPA leva días animando as familias a expresar nas redes sociais as súas preocupacións respecto a setembro. "A nosa idea, para evitar aglomeracións en mobilizacións físicas, foi idear un movemento virtual para amosar o noso desacordo ao protocolo, polas incertezas que xera nun colexio rural coma o noso", conta Susana Iglesias, vicepresidenta da asociación de nais e pais, que apunta a cuestións como as "desigualdades" que provoca a Xunta na xestión do inicio de curso ao deixar en mans dos centros "todas as decisións". "Estamos pedindo protección para o alumnado, investimento en educación, medios tecnolóxicos, formación, e ter en conta que estamos nunha situación excepcional", enumera, para salientar a falta de medidas cara ao alumnado vulnerábel –menores cardiópatas, con asma ou con diabetes, por exemplo– ou a ausencia de normas de adaptación para as crianzas que inician este ano o seu itinerario educativo. A contestación ao protocolo, que esta semana mobilizou centos de docentes, sindicatos, alumnado e familias nunha cazolada en Compostela, terá continuidade, despois de que a Consellaría de Educación oficializase o documento o mesmo día en que comezaban as protestas. Se os sindicatos impulsan unha nova convocatoria o 28, desde Anpas Galegas están chamando xa as asociacións a non organizar, de cara ao curso que vén, ningunha actividade extraescolar ou comedor escolar, como fórmula para visibilizar a posición de nais e pais fronte á planificación da Xunta.
NOS_1154
Hoxe remata o prazo de presentación de candidaturas para a persoa a quen se homenaxeará no Día das Letras do vindeiro ano. E todo apunta á escritora cacereña.
Hoxe mesmo, quinta feira, remata o prazo de presentación de candidaturas por parte dos académicos. A opción gañadora elixirase nun plenario o vindeiro sábado 17 de xuño. E segundo fontes non oficiais consultadas por Sermos, a persoa con máis posibilidades de conseguilo para o vindeiro ano é a profesora e escritora María Victoria Moreno, cuxa candidatura estaría promovida pola executiva entrante logo dun pacto coa dirección que capitaneaba Alonso Montero. Sen embargo, outras voces matizan as posibilidades desta candidatura. Vai ser determinante, a teor destoutra fonte, quen pase á segunda volta, pois -aseguran- se tiver que competir directamente cunha opción respaldada por un currículo literario de maior relevo, podería rematar caendo. A opción gañadora elixirase nun plenario o vindeiro sábado 17 de xuño Mentres, por parte do sector que non apoiou a executiva liderada por Víctor Freixanes, o seu respaldo irá cara as propostas do profesor Ricardo Carvalho Calero, a quen xa propuxeron en máis dunha ocasión, e do poeta de Dodro Eusebio Lorenzo Baleirón. Sinal de identidade A actual dirección da RAG, continuísta con respecto ao mandato anterior, levou o tema da incorporación da muller á Academia como un dos seus sinais de identidade. E, de feito, nestes catro anos levaron ao plenario a Marilar Aleixandre, agora na Executiva, e á poeta Chus Pato, que aínda non tomou posesión da súa cadeira en Tabernas. Nestas semanas previas á elección multiplícanse os apoios a uns e outros candidatos e candidatas. A campaña liderada pola plataforma feminista de crítica literaria A Sega continúa a reivindicar a presenza de máis mulleres tanto no plenario da RAG -onde agora mesmo hai seis e haberá en breve sete en canto entre Pato- coma nas figuras homenaxeadas, onde o resultado é aínda máis magro: só tres mulleres desde 1963 até hoxe: Rosalía de Castro (1963), Francisca Herrera (1987) e María Mariño (2007). Pero hai máis: o Concello de Dodro apoia ao seu veciño poeta, Eusebio Lorenzo Baleirón; e o de Pontevedra á propia María Victoria Moreno, que se asentou na cidade desde que chegou a Galiza. Desde o Bierzo seguen a reivindicar neste segundo centenario do seu nacemento ao poeta do Rexurdimento Antonio Fernández Morales. E desde Valdeorras a Florencio Delgado Gurriarán. Mestra e pioneira da LIX María Victoria Moreno Márquez (1941, Valencia de Alcántara-Cáceres - 2005, Pontevedra) foi unha mestra e escritora que chegou a Galiza en 1963, onde ficou para sempre e se integrou na súa cultura. A súa maior produción literaria foi no terreo da literatura infantil e xuvenil, onde foi unha pioneira, aínda que tamén ten publicado ensaio, poesía, tradución e narrativa para adultos. Ademais, colaborou en libros de texto e dirixiu a colección Árbore da editorial Galaxia. A Sega xa lle dedicou o seu II Día das Galegas nas Letras.
NOS_20189
Unha campaña contra o monocultivo de eucalipto na Galiza tornouse en viral ao informar da existencia de cando menos un coala na comarca de Ordes. A repercusión foi tal que medios de comunicación se fixeron eco da presenza destes marsupial no país aínda que se tratase dunha brincadeira con motivo do 1 de abril.
Na mañá da pasada sexta feira, coincidindo co 1 de abril –día popular das brincadeiras e enganos-, as redes sociais fervían coa información que daba conta da presenza de coalas no país. As fontes: medios de comunicación como Faro de Vigo, El Correo Gallego, El Diario, La Vanguardia ou a SER, entre outros, após recibiren o teletipo da axencia Europa Press. Todo xurdiu a raíz dun comunicado de prensa da suposta Mancomunidade da Farbuda, titulada "Veciños da comarca de Ordes alertan da existencia de coalas", un comunicado no que mesmo engadían as declaracións dunha enxeñeira agrónoma para tratar de lle dar maior veracidade ao feito. Xa desde principios de marzo, a páxina de Facebook deste colectivo publicara supostos documentos gráficos que testemuñaban a presenza do coala na Galiza e vídeos coas declaracións de veciños e veciñas. Iniciativa de Illa Bufarda Da produtora Illa Bufarda partiu a idea desta campaña que se tornou en viral. A través dunha nota publicada na súa páxina de Facebook, a produtora desmontou a brincadeira na noite da sexta feira –admitindo mesmo a invención da Mancomunidade da Farbuda- e explicou o motivo da iniciativa: concienciar contra o monocultivo de eucalipto no país. E non só iso, Illa Bufarda tamén pretendía facer reflexionar sobre o funcionamento dalgúns medios de comunicación, "que obriga a profesionais do xornalismo a producir noticias como se fose madeira de eucaliptal, sen contrastar fontes, nin indagar nos feitos, froito isto dunha precarización laboral imperante". O eucalipto ocupa o 30% da superficie forestal na Galiza Na nota informativa publicada na páxina de Facebook, Illa Bufarda expón que o eucalipto "provoca a perda de nutrientes do solo, diminuíndo a súa fertilidade, altos niveis de erosión sobre todo nas plantacións en pendente, redución da dispoñibilidade de auga, abrupta limitación da biodiversidade, elevada vulnerabilidade ao lume, radical deterioro da paisaxe e carácter invasor". Así, Illa Bufarda, que se chama coalas os humanos que involucionan, alerta de que os eucaliptos "fan empobrecer o noso solo e esquilman a nosa diversidade arbórea" e informa de que as plantacións de eucalipto supoñen máis do 30% da superficie forestal galega, fronte ao bosque autóctono, que representa só o 2%. Culpa disto a "política tardofranquista" que executa a Xunta de Galiza e advirte de que "cando espertemos tras a dura dixestión desta broza xa non teremos monte".
NOS_2526
Alén de Lúa Vermella, de Lois Patiño, que se proxecta hoxe por primeira vez no Estado, o Festival de Málaga estrea as últimas curtametraxes de Noemi Chantada ou Marcos Nine.
O Festival de Málaga constitúe unha das citas máis importantes do cinema a nivel estatal, cuxa 23ª edición deu comezo a semana -logo de adiar as súas datas máis de cinco meses por mor da pandemia- cunha importante presenza da creación galega. E isto malia que a situación de emerxencia sanitaria provocou unha redución da programación inicial de 25%. En total oito producións galegas forman parte das diferentes seccións oficiais. Lúa vermella, de Lois Patiño, terá a súa proxección dentro do programa de Zonacine, logo de ser estrada no Forum da Berlinale. A longametraxe de ficción vén de anunciar ademais que chegará á Galiza como un dos pratos fortes do Curtocircuíto (Compostela) en outubro. As curtametraxes veñen pisando forte Xoves de Comadres, de Noemi Chantada, fixo a súa primeira proxección dentro da Sección Oficial de Curtametraxes de Ficción. Trátase dunha peza que coloca os coidados no centro e que poderá verse na estrea na Galiza hoxe mesmo dentro da programación da Mostra Internacional de Cinema Etnográfico (MICE) organizada polo Museo do Pobo Galego. Outra das seleccionadas é Homomaquia, de David Fidalgo, incluída na Sección Oficial de Curtametraxes Animazine. logo dun longo percorrido por festivais internacionais e de ser candidata ao Goya. Esta peza, animada con máis de 8.000 debuxos feitos á man, conta a historia dun mundo onde os seres humanos, cun carácter primitivo e máis animal, son tratados por uns seres sombríos da mesma maneira na que na realidade tratamos os touros. Marcos Nine tamén estrea Carta Nº4, neste caso na Sección Oficial de Curtametraxes Documentais. Ambientada nunha campaña electoral, moi marcada polo contexto de crise de 2008, naceu como un proxecto de correspondencias co director Eloy Domínguez Serén, hai oito anos, aínda que non se rematara daquela. Cumpría distancia para facelo. Mare, de Guille Vázquez, atópase tamén na Sección Oficial de Curtametraxes de Ficción, unha obra baseada no cadro The Nightmare, de Henry Fuseli. Xunto a ela, Ata o ceo (Daniel Calparsoro), a autoetnografía íntima de A media voz (Heidi Hassan e Patricia Pérez Fernández), e Carne (Camila Kater) completan a escolma galega
NOS_213
Cinco días de conferencias, poemas, exposicións e concertos servirán á Deputación de Pontevedra para reivindicar a memoria antifascista. Entre a vindeira segunda feira e o 10 de novembro, o ente provincial quere "render homenaxe ás persoas e organizacións que loitaron pola democracia e a liberdade".
Os actos comezarán o 6 de novembro coa proxección do filme Aillados, producido pola asociación O Faiado da Memoria, e que trata da illa de San Simón no tempo en que funcionou como campo de concentración de presos republicanos. A Xunta de Feijóo encargouse, nada máis constituírse en 2009, de suprimir a denominación de Illa da Memoria creada pola bipartito e as correspondentes actividades de recoñecemento dos demócratas represaliados. A terza feira, Celso Xavier Milleiro Sánchez e Xosé Manuel Moreira Docampo presentarán a súa investigación Memorias de sal e terra. O ensino no Concello de Marín (1867-1940), editado pola Deputación. Ao día seguinte, Xosé María Álvarez Cáccamo, Lucía Novas, Elisabeth Oliveira, Marta Dacosta, Miriam Ferradáns e Luís Chapela ofrecerán un recital poético en que tamén haberá "micro aberto". O Pazo provincial acollerá a partir da quinta feira 9 de novembro a exposición Rexas. Mulleres baixo o terror franquista, curada por Montse Fajardo. "A mostra recoñece as mulleres vexadas e asasinadas pero tamén as que quedaron e sacaron adiante as súas familias", expón Fajardo. A sexta feira, un concerto da Orquestra de Cámara Galega pechará a semana da memoria da Deputación de Pontevedra. Os actos serán ás 20.30 horas no Salón de Plenos do Pazo en Pontevedra. "Queremos continuar o camiño iniciado o pasado ano, cando por primeira vez realizamos un acto de reparación para recoñecermos as persoas represaliadas tras o golpe fascista", explica Xosé Leal, deputado de Cultura e Lingua do organismo provincial, quen tamén sinala como a iniciativa axudará a que o edificio da Deputación "recupere o seu simbolismo, porque esta foi unha contorna de represión, non hai que esquecelo". O Pazo provincial foi cárcere e no Salón de Plenos houbo consellos de guerra contra os represaliados.
NOS_26008
Do 29 de maio ao 3 de xuño poderemos ver en Compostela filmes etnográficos de varios continentes, con cumprida presenza galega.
Alén do propio Museo do Pobo, que organiza esta Mostra Internacional de Cinema Etnográfico, outros espazos da cidade como o Salón Teatro ou o Teatro Principal acollerán as fitas, que proveñen de países como Bélxica, Brasil, Arxentina ou México, entre outros. Entre os filmes a concurso podemos atopar as longas galegas 'Esquece Monelos', de Ángeles Huerta; 'Entrar aos Vilares', de Cibrán Tenreiro; 'Adolescentes', de Ángel Santos; ou 'O Moredo, a resistencia do entroido ribeirao', de David Vázquez. Entre as curtas que se exhibirán, tamén podemos atopar obras de Daniel G. Alén, Sandra Sánchez, David CAstro, Xacio Baño, Alberte Branco, Claudia Brenlla, Margarita Ledo, Diana Toucedo, Begoña M. Santiago, Helena Girón e Samuel M. Delgado, Jaione Camborda ou Lucía Vilela. Alén das proxeccións, haberá unha mesa redonda e debate aberto no que participarán a antropóloga portuguesa Catarina Alves, o historiador do cine e activista Manolo González, o cineasta Pablo Cayuela e a etnomusicóloga Beatriz Busto.
NOS_16962
Para importantes sectores do conservadorismo español, Alberto Núñez Feixóo representa a última esperanza. Cun PP ao que moitos analistas consideran en fase implosiva e a nova dereita dura de Ciudadanos á alza, o aínda presidente da Xunta intensifica a súa tendencia a se deixar ver en Madrid. A estrondosa caída de Cristina Cifuentes parece despexarlle o camiño. Xornalistas e opinadores radicados na capital do Reino de España expoñen as súas consideracións sobre o relevo no partido de Raxoi. Un avanzo da reportaxe publicado no semanario #Sermos295
O tránsito de Feixóo á política española nunca acaba de se completar. Unhas inoportunas fotografías en que aparecía acompañado do narcotraficante Marcial Dorado freárono en 2013. Agora é o incerto futuro electoral do Partido Popular o que parece arrefriar as súas ansias. Que ninguén entre os que seguen a información política madrileña negan. "Alberto ten todas as posibilidades do mundo de suceder a Raxoi", considera Lucía Méndez, redactora xefa de opinión de El Mundo, "é un candidato imprescindíbel. E ningún coma el reúne as características precisas". Segundo explica contundente a Sermos Galiza, o presidente da Xunta "conta co apoio de todo o partido, non suscita ningunha crítica e é a única opción posíbel, se falamos en serio. O demais son ocorrencias". Sempre e cando, claro, Mariano Raxoi decida non repetir. "Con Raxoi nunca se sabe, pero agora parece que o PP está tocado. Algúns dos seus dirixentes afirman que a situación lembra a última etapa de UCD, a súa descomposición". Ana Pardo de Vera dirixe Público. Compara Feixóo con Ruiz Gallardón pola imaxe "progresista" que proxecta en Madrid: "Polo menos mentres Gallardón tivo unha boa xefa de prensa. Logo viuse que era un ultrarreaccionario". Eis unha das chaves da estratexia do líder do PP galego, a súa 'dupla vida'. O político de proximidade, 'enrollado', mesmo crítico en voz baixa co seu partido versus a apisonadora parlamentaria do Hórreo e a súa cada vez máis escasa rendición de contas ante á cidadanía, axudado polo seu estrito control da meirande parte da prensa. Nin da súa xestión na Xunta -mediocre, de atender aos dados obxectivos-, nin da súa ideoloxía real -plástica pero máis ben arrimada á dereita sen matices, como lembraba o ensaísta Antón Baamonde-, sábese demasiado na meseta. "Conseguiu facerse un personaxe en Madrid con frases e aparicións puntuais", indica Gonzalo Cortizo, adxunto á dirección de El Diario, "pero non existe un criterio profundo sobre el, sobre o seu traballo no Goberno galego, sobre a súa psicoloxía". [Podes ler a reportaxe íntegra no número 295 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]
NOS_16102
A Xunta bota man de profesorado funcionario de Lingua e Literatura Galegas de Secundaria, "sen garantir a capacitación axeitada para a formación lingüística da poboación en xeral, e pagándolle como horas extras". Así o afirman desde a Coordinadora de Traballadores de Normalización da Lingua (CTNL).
A Secretaría Xeral de Política Lingüística está intentando prescindir do profesorado específico dos cursos de galego para persoas adultas, que denunciou a súa precaria situación laboral, e quere botar man de profesorado funcionario de Lingua e Literatura Galegas de Secundaria, sen garantir a capacitación axeitada para a formación lingüística da poboación en xeral, e pagándolle como horas extras. Esá e a denuncia que fan desde a CTNL, a Coordinadora de Traballadores de Normalización da Lingua. A CTNL sinala que desde a Secretaría Xeral estase a chamar a profesores de Lingua e Literatura Galega de secundaria edas Escolas Oficiais de Idiomas para lles ofrecer a docencia dos cursos preparatorios para a acreditación do Celga, que computarían como horas extras. Para a Coordinadora esta decisión adóptase para non ter que recoñecer os dereitos laborais que o profesorado inscrito nas listaxes da propia Secretaría conseguiu a través dunha denuncia na Inspección de Traballo. De aí que, inciden, se estea actuando sen que haxa constancia por escrito. A CTNL quere mostrar a súa desconformidade con esta decisión, "tanto pola problemática laboral que supón e que afecta a máis de cincocentas persoas que están inscritas nas listaxes de profesorado e que levan moitos anos impartindo estes cursos, como pola perda de calidade da formación que supón prescindir do profesorado especializado nesa formación concreta".
NOS_50011
Embora os líderes populares din rexeitar as mostras de apoio ao franquismo dalgúns militantes de Nuevas Generaciones, o PP continúa amosándose compracente coas saudades fascistas dalgúns dos seus cargos públicos. O alcalde de Beade (Ourense), que mesmo posúe na casa do concello a imaxe do ditador, asegura nunha entrevista en El País que "ninguén do PP" lle "recriminou nunca honrar o franquismo".
Senén Pousa afirma, nunha entrevista publicada por El País, que "quen comete a estupidez de fotografarse facendo xestos nazis ou fascistas non merecen tomar parte do partido" --en alusión ás imaxes en que militantes de Nuevas Generaciones se deixan ver coa bandeira pre-constitucional ou facendo apoloxía de réximes totalitarios. Malia as súas declaracións, o rexedor deste concello ourensán non dubida en se fotografar coa imaxe do ditador e mesmo lembra que cada 20 de novembro "honra" a Franco cunha misa "e ninguén do PP se opuxo xamáis" subliña. Ao tempo, acrecenta que deixou de facelo porque militantes independentistas ían "montar lío" á igrexa. Orgulloso da súa admiración polo réxime franquista, este alcalde goberna desde hai 40 anos e asegura que a fotografía do ditador "non fai mal a ninguén" polo que rexeita quitala. "Cando marche", di, "sacarei todas as cousas". Desde o PPdeG din descoñecer os símbolos que o rexedor posúe no consistorio e el propio recoñece que "nunca ninguén do partido" lle dixo "nada por pensar así", embora desde a dirección salienten que ningún militante que faga apoloxía pública do réxime merece facer parte do partido.
NOS_26818
Descubrín alí unha performance realizada por Munari en 1969, cando o artista subiu ao campanile del duomo da cidade de Como para guindar ao ar centos de papeis con cortes, torsións ou pregados diferentes: unha choiva de velaíñas brancas encheu o ar da praza, cada forma describía unha traxectoria distinta, cada tipo precipitábase ao baleiro a diferente velocidade: velaí un espectáculo sobre a existencia do ar. Poesía aérea!
Aquel día Bruno Munari (1907-1998) foi a unha fábrica de medias de nylon: —Bo día, quería fabricar unha lámpada. /—Pero, señor, aquí non fabricamos lámpadas... / —Perda coidado, mozo, a partir de agora vannas facer. / Así comezaba, máis ou menos, o artigo no que Munari presentaba a súa lámpada Falkland (1964) no seu libro A arte como oficio, que eu lin fascinado con dezaoito anos por consello de Ventura Cores. A lámpada ten un deseño que procura a innovación formal e funcional na cerna propia do material elixido. Un traballo brillante! Hai anos entrei na tenda dun museo español sen moita esperanza de achar algo a bo prezo co que agasallar os amigos; de súpeto batín cun caderniño pequerrecho, dirixinme á vendedora e solicitei: —Quero mercar aquel libriño da vitrina, o que custa 5 euros / —Perdoe, díxome ela ofendida, nesta tenda non temos nada a 5 euros / —Claro que si: vexa vostede. / E rematei: —Quero levar tres exemplares. / Era un dos moitos Libro illegibile de Munari, unha edición barata, porque estos libros non están impresos, nin letras nin tampouco imaxes, compóñense só de follas con formas e cores distintas e a cada pase de páxina recibimos unha nova sorpresa plástica. Máxica gráfica (vídeo). Poema titulado "Sen razón": 1+1=2 / lonxe está o sentimento / do cálculo // amarelo + azul = centos de verdes / lonxe está a razón da arte. Xa era moi fan de Bruno Munari cando batín co seu libro de poemas nunha libraría de Roma. Botei o resto da viaxe saboreando Verbale scritto: o italiano déixase entender. Creo que foi en Londres onde merquei Air made visible (Facer visíbel o ar) e a pesar do meu escaso inglés, case nulo, trouxen aquel libro cheo de imaxes. Descubrín alí unha performance realizada por Munari en 1969, cando o artista subiu ao campanile del duomo da cidade de Como para guindar ao ar centos de papeis con cortes, torsións ou pregados diferentes: unha choiva de velaíñas brancas encheu o ar da praza, cada forma describía unha traxectoria distinta, cada tipo precipitábase ao baleiro a diferente velocidade: velaí un espectáculo sobre a existencia do ar. Poesía aérea! Lin moito a Munari, pero nunca vira unha exposición súa. Esta pagou a pena, achegueime á sede madrileña da Fundación Juan March: deseño e arte, emoción, feitizo e triplo salto mental do mestre. Xa foi, até o 20 de maio.
PRAZA_10653
A candidata proposta polos populares, a maxistrada Dolores Fernández Galiño, será votada o próximo mércores polo pleno do Parlamento co apoio dos socialistas, que a cambio volverán propor a persoa adxunta ao cargo
A candidata proposta polos populares, a maxistrada Dolores Fernández Galiño, será votada o próximo mércores polo pleno do Parlamento co apoio dos socialistas, que a cambio volverán propor a persoa adxunta ao cargoApenas unha semana despois de que a anterior Valedora do Pobo, Milagros Otero, formalizase a dimisión en diferido que presentara hai tres meses por facilitar un posto a unha sobriña de Fraga, o Parlamento de Galicia elixirá o próximo mércores á nova titular do cargo, a maxistrada Dolores Fernández Galiño. A celeridade coa que agora, tras tres meses de falsa dimisión de Otero, se votará a proposta de reemplazo formulada polo PP evidencia para En Marea, BNG e Grupo Mixto que os populares forzaron a continuidade no cargo de Otero á espera de conseguir un acordo para renovar a institución co PSdeG, que virían de pechar agora e co que os socialistas volverán propor a persoa adxunta ao cargo.Tras a última reforma legal da institución, o Valedor do Pobo está encabezado por unha persoa titular e unha adxunta, cargos que deben ser elixidos conxuntamente polo Parlamento nunha votación que require do apoio de cando menos tres quintas partes da Cámara, o que impide que o PP poida sacala adiante en solitario. En 2015 os populares propuxeron o nome de Otero cedendo ao socialistas a proposta do adxunto, Pablo Cameselle, ata daquela home de confianza de Abel Caballero. E o mesmo volverá pasar desta volta. Este venres, tras a reunión da Xunta de Portavoces do Parlamento que acordou incluír a votación da renovación do Valedor no próximo pleno, o vindeiro mércores, os restantes grupos criticaron que nin se lles consultase previamente a proposta e lamentaron que se repitan os "erros" pasados nesa institución. En Marea, BNG e Grupo Mixto critican que PP e PSdeG repitan "erros" do pasado e piden renovar a institución con "consenso"Para o portavoz do grupo parlamentario de En Marea, Manuel Lago, "o PP chegou a un acordo de reparto de cargos co PSOE, reeditanto o bipartidismo que hai tres anos elixiu a anterior Valedora, repartíndose os cargos dun xeito intolerable" e lamentou que "aí está o pecado orixinal que explica o desastre que foron estes tres anos". Sobre a proposta de Fernández Galiño o portavoz dixo que "esta persoa non é elixida polo conxunto do Parlamento, non representa a soberanía popular, representa a un grupo parlamentario". "A candidata do PP pactada co bipartidismo do PSOE non vai ter o apoio do noso grupo parlamentario", sentenciou.Desde o BNG a viceportavoz parlamentaria, Olalla Rodil, tamén cargou contra o que cualificou como "pacto de despachos" entre PP e PSdeG repetindo unha fórmula que deu "resultados nefastos", dixo. Rodil reclamou que se abra un proceso de negociación para renovar o Valedor do Pobo por consenso e non cunha "renovación a fume de carozo e sen negociación nin diálogo" tras meses de "empeño do PP de manter ao fronte" a Otero tras as sentenzas xudiciais na súa contra.Desde o Grupo Mixto Luís Villares tamén lamentou o "mal comezo" do secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, que se estreará tamén nese pleno da próxima semana no seu escano no Parlamento de Galicia. "Debería buscar consensos no espazo progresista amplo de Galicia", dixo, fronte ao que lamentou que opte por "buscar consensos na dereita para pactar co PP o nome da persoa que ocupará a Valeduría do Pobo". Leiceaga di que os socialistas traballan para que a persoa que ocupe o posto adxunto á valedora cumpra os "criterios" do resto de grupos da oposiciónAnte esas críticas, o portavoz parlamentario do PSdeG, Xoaquín Fernández Leiceaga, asegurou que a súa formación traballa para que a persoa que ocupe o posto adxunto á Valedora cumpra os "criterios" expostos polo resto de grupos da oposición, pero xustificou a postura socialista lembrando que o nomeamento require necesariamente dun acordo co PP. Leiceaga tamén considerou que a proposta popular de Fernández Galiño non ten significación política, algo no que coincidiu co viceportavoz do PP, Miguel Tellado, quen salientou a "preparación, profesionalidade e independencia" da candidata que propón o seu partido e, malia que a lei establece que o Valedor do Pobo depende do Parlamento, pediu quitar a institución do "debate entre os partidos políticos".
NOS_17188
País das Letras é un mecanismo pedagóxico para achegar a infancia á historia da literatura. Editado pola Mesa pola Normalización Lingüística e dirixidos a pequenas e pequenos a partir dos tres anos, procura o seu interese conectando autoras, personaxes e escenarios. Presentarase esta fin de semana no Culturgal, en Pontevedra.
"Detectamos a falta de materiais didácticos para o ensino infantil en galego", explica o presidente da Mesa Marcos Maceira, "e para contrarrestalo, publicamos obras como o Abecedario, o Libro dos peixes ou o Libro das aves. Non existía nada para achegar o coñecemento da literatura nas idades máis novas e decidimos facelo". País das Letras consta dun pasquín de pequenas biografías de escritoras e escritores. Entre Martín Codax (século XIII – XIV) e Begoña Caamaño (1964-2014), entre Breogán e Morgana, a literatura galega ábrese en toda a súa pluralidade. Unha lámina de Miguel Cuba sitúa cada autor e cada unha das súas creación nos escenarios da súa vida e das súas peripecias. A versión sen cor da mesma servirá para que o alumnado infantil pinte e coloree. A iniciativa didáctica da Mesa distribuiráse a partir de decembro en todas as librarías do país.
NOS_9013
Nun escenario no que as emisións dos medios de transporte están en cuestión pola súa contribución ao cambio climático, a Xunta mantén a súa aposta en fomentar o transporte por estrada mentres deixa de lado a mellora das comunicacións por vía férrea, que axudarían a mitigar a pegada ecolóxica do transporte galego. Eis un estrato da peza publicada no número 376 do semanario en papel Sermos Galiza.
A pasada semana a Xunta daba a coñecer o deseño da futura estación intermodal de Ferrol, unha infraestrutura cun investimento estimado de 40 millóns de euros que mellorará o entorno das actuais estacións, pero que pouco contribuirá á mellora da mobilidade das cidadás e cidadáns da comarca ferrolá, que seguirá a ter un tren dos menos competitivos da Galiza. No vídeo de presentación, o propio Goberno galego recoñece que a liña ferroviaria entre A Coruña e Ferrol non sufriu modificacións nos últimos 107 anos e que a súa incorporación ao eixo atlántico ferroviario suporía un investimento de cando menos 800 millóns para falar dun traxecto de 25 minutos, capaz de competir en tempo e prestacións coa autoestrada AP-9, que hoxe en día é a única alternativa para cubrir en pouco máis de media hora os preto de 40 quilómetros que separan ambas cidades. Sen redución de tempos non se podería falar dunha boa intermodalidade, recoñecen desde a Xunta. Madrid acolleu o Cumio do Clima, no que o transporte foi un dos temas que se abordaron. No caso da Galiza, o debate neste eido céntrase fundamentalmente na chegada do AVE, non tanto en artellar unha rede intermodal de transporte baixa en emisións que permita cumprir cos obxectivos marcados pola Unión Europea. O transporte por estrada é responsábel de 26% das emisións contaminantes e 42% das de óxidos de nitróxeno. Madrid quere en 2050 un parque de turismos e vehículos comerciais libre de emisións. Para acadar este obxectivo, ten previsto elaborar unha Estratexia de Mobilidade Sostíbel, Intermodal e Conectada, na que analizará as desigualdades no acceso a modos de transporte máis limpos e mellorar a planificación e eficiencia dos investimentos. Porén, o modelo da Xunta, igual que sucede coa vía entre a Coruña e Ferrol, non mudou co cambio de século nin ten visos de facelo. O pasado mes, o Goberno galego fiaba novamente ao transporte en autobús por estrada a mobilidade no territorio coa adxudicación dos contratos da primeira fase do seu plan, que inclúe 3.100 liñas nas que os vehículos percorrerán 61 millóns de quilómetros cada ano, máis do dobre do que viñan facendo até o de agora. Nada se fala dun ferrocarril de proximidade ou da creación dun ente público ferroviario, proposta histórica do nacionalismo galego, que contribúa a mellorar as comunicacións entre as principais vilas galegas, aposte nun medio propulsado por electricidade e retire das estradas os buses que cobren na actualidade traxectos como A Coruña-Santiago, Santiago-Pontevedra ou Pontevedra-Vigo que son máis competitivos en tempo e ecoloxía se se fan no tren. Primeiro, transporte público En declaracións a Sermos Galiza, o ex director xeral de Mobilidade da Xunta entre 2009 e 2013, enxeñeiro e profesor de Ferrocarrís na Universidade da Coruña (UDC) Miguel Rodríguez Bugarín cre que sería un "grande erro" replicar un modelo de tren de proximidade como os de Madrid ou Barcelona. Avoga por "ser cauto e analizar a situación". "O primeiro paso debería ser o fomento do transporte público e despois encamiñarse a medios de tracción eléctrica", apunta. [Podes ler a reportaxe íntegra no número 376 do semanario en papel Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]
NOS_9474
Manel Cráneo dirixe Demo editorial. Tamén é debuxante, guionista, editor, produtor, comisario de exposicións, podcaster e case calquera cousa que se lle ocorra. É, sobre todo, unha figura fundamental do eido artístico. Participou no senlleiro Colectivo Polaquia e leva xa máis dunha década traballando a prol do idioma e da nosa cultura desde a banda deseñada, creando e editando. El sempre di que "se non hai traballo hai que inventalo" e nós pensamos que se non houbese Manel, tamén habería que inventalo.
Demo Editorial fai 12 anos editando BD en galego. Como está sendo o percorrido por este carreiro e cal é o balance?Non nos podemos queixar, a verdade, agora mesmo Demo está nun momento estábel, foron anos de moito esforzo, sacrificio e traballo. Foi moi complicado porque nestes doce anos houbo dúas crises que superar, de feito, esta aínda non pasou. Ao pouco de nacer Demo chegou a anterior e houbo momentos de dúbida mais fomos resistindo buscando sempre fórmulas alternativas de financiamento e intentando facer unha xestión un pouco distinta. Nestes últimos tres anos parecía que comezaba a estar todo estabilizado, con ingresos constantes, a distribución empezaba a funcionar mellor, empezaba todo a ir un pouco ben e chéganos esta crise da Covid-19. Pero, xa digo, estamos ben. Tamén porque medrou o panorama e podemos permitirnos sacar un número determinado de novidades ao ano e ofrecer novos autores e autoras, á parte de ir rescatando algúns anteriores e ademais estamos vivindo un momento cara á normalización da BD como un xénero literario como calquera outro que ten o seu espazo no mercado. O ano pasado foi o máis duro da pandemia. Como lles afectou, baixaron o número de publicacións, notouse na venda de libros? Tivemos que facer moitos malabares, cando chegou o confinamento tiñamos varias novidades preparadas, maquetadas e listas para entrar no prelo e houbo que parar todo e, por riba, coincidiu que colleu o mes das letras e maio e abril son xunto co Nadal meses estratéxicos no noso sector. Só en agosto sacamos algunhas novidades para o Viñetas pero foi un fracaso, houbo pouco público e coas restricións de capacidade as librerías aínda non funcionaban de todo ben. Foi un dos anos que máis cartos investimos nas novidades, sacamos libros relativamente caros de producir, por exemplo, a biografía de Carvalho Calero, en colaboración coa AGAL, que foi unha magoa porque xusto o ano que lle adican o día das Letras Galegas é o ano da pandemia e aínda así fixemos unha tirada de 2.000 exemplares que se esgotou en menos dun ano. Un éxito. A pesar de ser un ano malo si que se foron conseguindo cousas. Recuperamos unha certa normalidade logo da edición atípica do Viñetas desde o Atlántico do ano pasado. Como afrontan esta cita? Pois a verdade é que prefiro levar unhas expectativas baixas. O ano pasado foi moi malo, a baixada foi dun 70% ou 80%. No noso caso fomos a perder cartos mais a meirande parte dos editores e libreiros decidimos participar por medo a que puidese perigar a continuidade da parte de feira do festival en anos vindeiros. Si que é certo, e isto hai que dicilo, que nesta feira non se nos cobra pola caseta e iso é unha axuda importante. Así que vou coa expectativa de que se perdemos polo menos que non sexa máis do que o ano pasado [risas], é mellor así e se sae todo ben, pois sairemos máis contentos. Tamén hai que ter en conta que 2019 foi un dos anos que máis se facturou, estabamos nun momento moi bo, estabamos estabilizados e isto xa funcionaba logo do traballo de anos, e de súpeto, chegou a pandemia. Hai que facer un chamamento ao público para que veña agora que as medidas son menos restritivas e que avanza a vacinación porque dependemos moito do volume de público. Durante moitos anos vostede participou activamente na organización do Viñetas desde o Atlántico mais nunca deixou de estar no mundo dos fanzines e, de feito, colabora co Autobán, o festival de autoedición que se realiza nas mesmas datas. É necesario para vostede e para Demo seguir mantendo esa conexión co mundo da BD máis underground? É fundamental. Nesa parte do mundiño máis underground é onde se están creando as novas formas e as novas autoras e autores e dentro desa parte máis alternativa da banda deseñada tamén é onde atopas as historias e as publicacións máis frescas, sen ningún tipo de condicionamentos nin censuras. Aí é onde está, realmente, o máis emerxente do panorama da banda deseñada e iso sempre hai que apoialo. Para os que xa levamos máis tempo é moi interesante estar aí e seguir conectados con esa frescura inicial. Nós tamén saímos do mundo dos fanzines e gústanos seguir cos pés na terra e estar enganchados a todo o que se vai cocendo nestes ámbitos. O Viñetas ofrece a parte máis maioritaria, máis comercial mesmo máis institucional e dentro da súa programación non está esta parte máis emerxente e alternativa que tamén é necesario que se vexa. Cal é a saúde da BD en galego, mudou a situación a respecto dos inicios da editora ou non? Penso que é boa, falta que iso se reflicta nas vendas de libros mais a nivel autoral isto vai para arriba. Penso que nos últimos 15 anos na Galiza o cómic vai medrando ben. O problema que temos é que o sector, que non sei se se pode chamar industria, non é quen de absorber o número de autores e autoras que hai, o mercado tampouco é tan amplo, hai que analizar a onde nos leva esta situación e se nos tocará emigrar como levan facendo tantos autores e autoras galegas. A realidade das linguas distintas do castelán é moi desigual, en Catalunya e Euskadi mantense ou aumenta lixeiramente a edición e na Galiza descende de modo alarmante. Demo coeditou O tesouro de Lucio en colaboración con Txalaparta e Tigre de paper. Semella este pode ser o camiño, a colaboración nun xeito de galeuzka da BD? Claro. Cando falaba das alternativas para poder financiarnos de xeitos novos, referíame a esta ou ao crowdfunding. Fixemos varias coedicións e temos máis en proxecto, a coedición o que permite é abaratar custos de produción para os editores, non é o mesmo meter no prelo mil exemplares que catro mil, iso permite un aforro importante e tamén beneficia os autores e autoras que cobran dereitos por tiraxes máis altas, o que significa máis cartos para eles. Por exemplo, no caso de O Tesouro de Lucio foron case cinco mil libros entre todas as linguas (800 en galego). Ademais hai un plus de visibilidade para o libro que tamén é importante. Son fórmulas das que eu estou moi satisfeito e nós imos seguir por esa liña. Ademais en Demo intentamos non acudir ás subvencións salvo cando é imprescindíbel, como na Covid-19, no noso caso aínda que falten as axudas públicas podemos seguir funcionando. É importante que a industria funcione por si mesma e se veñen as axudas, moito mellor, son necesarias, si, mais penso que deben ser boas e ben estruturadas e até agora non penso que sexa así. A filosofía de Demo foi sempre a de ser arriscada e editar autores e autoras inéditos e en galego, segue teimando nesa liña? Totalmente. Eu caio de cú cando vexo que temos moitos autores e autoras que triunfan fóra e que logo temos que pagar dereitos para publicalos aquí. Como no caso de David Rubín, do que editamos O salón de te do oso malaio en galego hai dous anos –e estamos traballando a ver se sacamos algo máis– pero son proxectos custosos de editar porque falamos de novelas gráficas cun bo número de páxinas, a cor etc. Aínda que David está empeñado en que a súa obra estea editada en galego e pon todas as facilidades, son libros caros e hai que ter coidado co que sacamos. A aposta de Demo vai ser sempre ir a autores e autoras galegos e intentar facer o asunto do revés, exportar nós. Xa conseguimos nalgún caso vender dereitos e agora co tema das coedicións tamén estamos conseguindo que os nosos autores e autoras saian fóra e, de cando en vez, tamén traducimos autores ao galego como foi o caso de O tesouro de Lucio de Mikel Belatz, pero se miras o catálogo de Demo, con máis de cincuenta títulos, a tradución de autores limítase a tres ou catro cousas. Teño unha materia pendente, que é ir a Angoulême (o festival de BD máis importante de Europa) e facer un esforzo maior para vender dereitos no estranxeiro. A túa nova aposta é obras feitas por mulleres que contan historias que empoderan mulleres, algo moi necesario na nosa BD. Hai unha muda na mirada na que o feminino toma máis protagonismo? Estamos diante dun cambio importante na BD? Si, totalmente. Para este Viñetas imos presentar unha obra moi fermosa de Inés Vázquez con protagonista feminina, ambientada no país, unha obra moi atmosférica, cunha cor moi traballada, unha peza moi fermosa. Levabamos tempo detrás de historias desas características. Fixemos a recompilación Licor café (2017) para ir abrindo eses espazos para autoras e autores novos e aí estaba xa Inés Vázquez. É unha liña que é unha teima persoal e penso que estamos conseguindo facer cousas moi interesantes. Está claro que a presenza feminina é unha realidade e, sobre todo, aquí a cousa non é que sexan autoras senón que teñen moita calidade. Xa che digo que é un empeño persoal. Hai que aumentar xa as voces femininas na BD e aí queda moito por traballar. Ten pensado aumentar o catálogo de BD infantil e xuvenil? Para o Viñetas levamos Montaña de Jorge Campos, que é un cómic infantil de mensaxe ecolóxica con moito humor e moi divertido e tamén Aldara. A lenda do cervo branco de Inés Vázquez, que é para público xuvenil. Para min é importante traballar este campo porque ademais son o futuro, hai que traballar a canteira non só no autoral senón tamén os lectores e lectoras. Co gallo do centenario da primeira vez que foi izada a nosa bandeira nun edificio oficial, aquí na Coruña, organizou e comisariou unha exposición sobre a bandeira. Como foi e que acollida tivo? Foi un dos proxectos máis fermosos que fixen como comisario e xa levo unhas cantas exposicións comisariadas. Tamén foi estresante porque cando nos deron o visto bo só tiñamos un mes e medio para montar a exposición. A idea inicial foi facer unha homenaxe para o centenario da efeméride con artistas locais que reinterpretaran a bandeira. Para que non houbese repetición de temas e pola premura do tempo fixemos un comisariado moi dirixido e así en función dos perfís de cada artista démoslle unhas pequenas liñas mestras buscando a Galiza moderna que queremos que sexa, fuxindo un pouco do máis clásico. Logo había unha segunda parte que era contar a historia da bandeira e aí traballamos toda a documentación histórica con Xosé Alfeirán. Paseino en grande na investigación e teño tantos datos que darían para unha novela gráfica. Despois de facer esta investigación si que de súpeto ves a bandeira doutro xeito, e eu non son moito de bandeiras, mais entendes a historia que hai detrás e o esforzo de moita xente. Como se buscou un símbolo e como unha boa parte da Galiza fixémola fóra. A cultura galega tal como a entendemos hoxe, realmente, xestouse cos inicios do nacionalismo galego e na diáspora e hai que valoralo. A emigración é moi importante para o rexurdir de Galiza porque cando estás fóra, iso da morriña existe e funciona.A acollida do público foi moi boa, esgotáronse as prazas na visita guiada e tamén os catálogos que se fixeron. A mágoa é que a exposición só estivo vinte e cinco días, así que agora estamos vendo de facer unha itinerancia porque isto é algo que ten que verse polo país. Tamén realizou unha peza de animación do Planeta Mincha. Agora que se acadaron as sinaturas para unha canle infantil unha serie Mincha sería un moi bo contido. Si, sería un bo contido, de feito, o proxecto está aí. Eu co Planeta Mincha sempre estou xestando cousas porque é como un caixón de xastre onde hai música, animación, libros etc. Teño aí un universo propio que me permite experimentar en diferentes facetas, pero insisto no de antes, nunca teño a o tempo que querería. Teño moitos proxectos parados, mesmo unha revista de contido infantil en galego. E aínda tivo tempo de facer un libro de humor gráfico, Corona-bios. O humor é unha boa ferramenta para exorcizar problemas como unha pandemia? Eu diría que é o mellor modo de facelo. O libro fíxeno durante o confinamento, púxenme a facer viñetas nos primeiros días porque había tal barullo de novas e era todo tan desconcertante, unha situación estraña que non dabamos crédito, entón, eu que sempre desafogo o meu espíritu crítico a través do humor comecei a facer as viñetas. Toquei temas que eran delicados mais sempre intentando facelo con certa elegancia. A miña familia insistía en que as subira a Instagram e así o fixen. Prometín facer un par delas cada día pensando que o confinamento ía ser un mes e cada vez que ampliaban eu xa toleaba [risas], fíxeno para desafogar e rematei escravizándome [risas]… Cheguei a realizar trescentas e pico viñetas, ou sexa que quedaron a metade fóra do libro, e foi difícil facer a selección. Para alguén tan inquedo coma min a etapa final do confinamento foi moi dura e isto axudoume, para min foi unha terapia. Está rematando a adaptación da novela A nosa cinza de Xavier Alcalá, hai data de saída? Quédanme unha ducia de páxinas e xa teño bloqueados no calendario uns días para pórme con iso en canto remate o Viñetas. O que pasa é que na editorial hai moito traballo que non se ve, toda esa parte de oficina, de burocracia, de papeis, chamadas, correos, preparar as edicións, hai moito que facer e fáltame tempo para os meus proxectos. E vou e aínda me poño a facer podcasts [risas]. Que nos pode adiantar do plan editorial do que queda de ano e do vindeiro? Para o final deste ano temos preparadas un par de novidades, a maiores das que saíran agora para o Viñetas. Para 2022 temos preparado o lanzamento de dous libros de autoras femininas e tamén imos seguir coa liña de biografías coas de dúas figuras moi importantes da nosa terra, que aínda non podo desvelar. Tamén hai algunha cousa máis que non sei se será xa para o ano 2023. Imos seguir traballando arreo porque para min Demo é traballar Galiza desde a banda deseñada tanto a nivel de autores e autoras como de temas de noso, e penso que temos unha materia pendente na BD cos temas galegos e aínda queda moito que contar neste país.
NOS_43943
Unha emocionada candidata demócrata afirma que "debemos aceptar o resultado" e chama a comezar a traballar desde xa por "un soño americano abondo grande para todos".
Hillary Clinton compareceu perante os medios case dez horas despois de se coñecer a vitoria de Donald Trump. A demócrata, emocionada, recoñeceu a dureza da derrota, unha derrota para a que non estaba preparada, mais tamén inzou o seu discurso de chamadas á esperanza e de se poñer a traballar desde xa para "mirar ao futuro" de Estados Unidos. Acabou, como é obrigado en EUA, co 'God bless you' (Deus vos bendiga) que tan transversal é nese país. Tivo referenzas para as mulleres, para os gais, para a mocidade...tres colectivos que os demócratas consideran que saíron especialmente perdedores destas eleccións. Clinton deixou claro que asumía os resultados, algo que hai unhas horas non semellaba tan claro. Tanto pola súa negativa a comparecer en público na noite electoral como polos ruxes ruxes recollidos por diversos medios sobre a posibilidade de que os demócratas puidesen impugnar os comicios. Co peso dos minutos, esvaeuse esa posibilidade. E Clinton deixouno claro na súa intervención: "Donald Trump vai ser o noso presidente", dixo. "Sinto non gañar estas eleccións polos valores que compartimos", comezou dicinco, para apelar a continuación aos presentes e aos seus votantes: "sei o decepcionados que estades porque eu tamén o estou". A candidata demócrata aseverou rotunda: "Creo en América. Se vós tamén, debemos aceptar o resultado e mirar para o futuro". Referiuse á mocidade para lles dicir que "esta derrota doa, mais nunca deixedes de crer que loitar polo ben sempre paga a pena".
NOS_10780
Varios millares de persoas ateigaron as rúas de Vigo para demandar carga de traballo para estaleiros e auxiliares e denunciar a responsabilidade do goberno galego e español na crise do sector
Vigo viviu unha manifestación masiva, con milleiros de persoas respaldando nas rúas olívicas a convocatoria das tres centrais sindicais (CIG, CCOO e UGT) na defensa dun sector, o naval, que representa 10.000 postos de traballo directos e 30.000 inducidos, alén do 30% da riqueza da comarca. Motivos dabondo para que a cidade respaldase os traballadores do naval cunha asistencia masiva á manifestación, que saiu ben pasadas as sete do cruzamento de Lepanto e Urzaiz para finalizar na Porta do Sol (tiña previsto rematar na delegación da Xunta mais alí decidiron facelo os e as 'indignadas'). Operari@s dos estaleiros e das industrias auxiliares, mais tamén familias ao completo, parellas moi xoves, moz@s e maiores, vigueses e procedentes de diferentes partes da comarca e da Galiza… A manifestación polo naval decorreu composta por milleiros de persoas de toda condición que coa súa presenza exixían solucións para o naval, mais tamén denunciaban as responsabilidades e culpabilidades dos gobernos español e galego ante unha realidade que dá calofríos: Desde o bloqueo do tax lease xa desapareceron máis de 8.000 empregos e unhas 200 empresas tiveron que fechar. A Policía local de Vigo cifrou en máis de 6.000 os e as asistentes a esta movilización, aínda que fontes sindicais elevaban a mesma até as 10.000. "Había anos que non se vía unha así en Vigo por unha cousa laboral e tivo que ser, coma non, polo naval", comentaba un manifestante, extraballador dos asteleiros vigueses. Na marcha estiveron tamén representantes das diferentes organizacións políticas, como BNG, PSOE, IU e mesmo PP. Un feito, a presenza de altos cargos do Partido Popular, que non deixou de xerar certa tensión entre non poucos manifestantes, algúns e algunhas das cales lle recriminaron a súa presenza na mesma. "Hai responsábeis" A actriz Uxía Blanco foi a encargada de ler un manifesto final, no que se exixiu ao goberno español que deixe de escudarse na responsabilidade da Unión Europea e faga valer as súas competencias para garantir carga de traballo para o naval. Incidiu así a actriz nunca das demandas máis seguidas na mobilzación, e que deixaba claro que "hai responsábeis" políticos de que se perdan milleiros de postos de traballo neste sector. Entre os asistentes á mobilización estaba Francisco Joquera, candidato do BNG á presidencia da Xunta. O nacionalista manifestou, unha vez finalizada a manifestación que ""a suspensión do tax lease tiña como obxectivo que os esteleiros franceses e holandeses se quedasen coa cota de mercado dos esteleiros galegos. Así de simples. Franza e Holanda continúan a desfrutar de reximes fiscais moi favorábeis. Galiza, en troca, non. Así non podemos competir en pé de igualdade". Jorquera demandou aos gobernos do Estado e galego que abandonen a súa pasividade e defendan con firmeza ante Bruxelas os intereses do naval galego.
PRAZA_11133
O conselleiro de Economía critica a ministra por "acudir a Galicia sen ningún tipo de proposta nin concreción" para a crise industrial de Endesa e Alcoa, cuxa planta en San Cibrao visitou xunto ao presidente da Xunta
A ministra de Industria, Comercio e Turismo en funcións, Reyes Maroto, lembrou este martes o "compromiso" que o Goberno de Pedro Sánchez mantén de aprobar o estatuto para a industria electrointensiva así que se conforme o Executivo logo das eleccións do vindeiro 10 de novembro."Comprometémonos a aprobar o estatuto electrointensivo nada máis se conforme o Goberno, polo que esperamos contar coa confianza dos españois", asegurou ante a prensa tras participar xunto ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, nunha visita ao complexo industrial de Alcoa en San Cibrao, ameazada tamén pola incerteza do mercado e as dúbidas da multinacional.Maroto insistiu en aprobar o estatuto electrointensivo en canto haxa novo goberno e culpou de non telo aínda ao adianteo electoral e ao "bloqueo político"Maroto insistiu en que o Goberno central puxo na axenda a necesidade dun "marco estable" para a industria electrointensiva pero que non se puido levar a cabo polo adianto electoral a abril e o "posterior bloqueo político".Ademais, a ministra avanzoulles aos traballadores que o Consello de Ministros aprobará os pagamentos por CO2 a vindeira semana, aínda que o comité de empresa advirte de que continuará coas mobilizacións ao entender que a solución ao conflito está moi lonxe "de estar garantida". Ao pouco de facer estas declaracións, o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, cargou contra a ministra por "acudir a Galicia sen ningún tipo de proposta nin concreción" para a crise industrial tanto na planta de Alcoa en San Cibrao como na térmica das Pontes. Na súa comparecencia no pleno do Parlamento galego, Conde criticou que a ministra "negue" a información sobre o borrador do estatuto pendente de aprobación para a industria electrointensiva, polo que reclama que "traslade" ese texto. Ademais, culpou do "caos enerxético" ao Executivo de Sánchez e dixo que "está a arrastrar toda a industria" de Galicia.O conselleiro de Economía cargou contra a ministra por "acudir a Galicia sen ningún tipo de proposta nin concreción" para a crise industrialA comparecencia tivo lugar pola situación da térmica das Pontes e Conde aproveitou para dicir que a reunión da pasada semana en Madrid "non cumpriu nin de lonxe as expectativas", cun Goberno "sen ideas e sen planificación", xa que "non ten nestes momentos ningunha alternativa viable que garanta" a continuidade industrial e traballo. ao tempo, advertiu de que non é viable substituír actualmente o carbón pola biomasa.Pola súa banda, Alberto Núñez Feijóo, tamén tras a súa visita a Alcoa xunto á ministra, lembrou que o persoal "non está en funcións" e reclamou medidas "con independencia do Goberno que estea en Madrid". "É necesario volver aos custos eléctricos que había antes do ano 2018, ese é o obxectivo; se non o conseguimos, seguirá habendo tensións", di FeijóoO presidente da Xunta reclama "enviar unha mensaxe de estabilidade" aos traballadores. "É necesario volver aos custos eléctricos que había antes do ano 2018, ese é o obxectivo; se non o conseguimos, seguirá habendo tensións", dixo tras lamentar a "situación comprometida" na que está a compañía. "Galicia non está en funcións e os traballadores tampouco, sexa cal for o resultado electoral, a posición da Xunta vai ser a mesma", advertiu. "Estamos preocupados, e temos que pasar da preocupación á ocupación. Dese estatuto, canto máis coñezamos o seu contido e alcance, máis poderemos mandar unha mensaxe de confianza", rematou tras queixarse, como o conselleiro Conde, de non ter acceso ao documento.
NOS_20803
Na cuarta feira, o presidente do Goberno galego admitiu que o Sergas sufrirá "momentos de tensión" no verán.
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, evitou esta quinta feira valorar a dimisión do xefe de Medicina Interna do complexo hospitalario universitario de Santiago de Compostela (CHUS), Antonio Pose, e afirmou que respecta "calquera manifestación de descontento" que poida haber na sanidade. Dimite o xefe do servizo de Medicina Interna do CHUS pola sobrecarga asistencial "Respecto calquera manifestación de descontento que poida haber e, ao mesmo tempo, agradezo tamén que cando as cousas se fan ben se recoñezan, como se fixo onte co acordo coas forzas sindicais", manifestou, en relación ás medidas acordadas cos sindicatos na Mesa Sectorial. Na rolda de prensa posterior á reunión do Consello da Xunta e preguntado pola dimisión do xefe de servizo de Medicina Interna do CHUS e os problemas na sanidade, Rueda non quixo pronunciarse sobre o ocorrido, e insistiu en que a Xunta "está a facer todo o que está na súa man" para pór solucións. Colapso nas Urxencias do CHUS: seis doentes graves nos corredores e 30 á espera de cama Segundo deu a coñecer onte o PSdeG no Parlamento galego, e confirmou despois Europa Press, Antonio Pose presentou a súa dimisión "por coherencia" ante a xerente da área sanitaria de Santiago, Eloísa Núñez, após manter unha reunión na que leu un documento que denunciaba os problemas de sobrecarga asistencial. Nun primeiro momento, o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, afirmou no pleno que se trataba dunha "xubilación", algo que foi negado a Europa Press por fontes próximas ao xa ex xefe de Medicina Interna do CHUS. Exixe medidas ao Goberno español Rueda sinalou o Goberno español e exixiu que as medidas que dependan do Executivo estatal "sexan tomadas canto antes". "É fundamental, mentres non se tomen, será moi difícil solucionar determinados temas", dixo. Rueda recoñece que a sanidade pública sufrirá "momentos de tensión" no verán Ademais, volveu afirmar que os problemas que se rexistran tanto na sanidade pública galega como no resto do Estado español non son "novos" nin "só ocorren agora". "Son problemas que había antes e que hai agora", apuntou. Rueda manifestou que o seu Executivo fala "con todos os sectores que queren falar" para buscar solucións, en "diálogo continuo". "Temos claras algunhas das solucións, aquelas que dependen de nós tomámolas e, as que non dependen, demandámolas", apuntou.
NOS_25894
Aproban na comisión do PXOM a revisión do plan. As catro forzas suman 13 concelleiros por 12 do BNG.
A finais de 2015 nacía impulsada pola oposición unha comisión especial que tiña como obxectivo reactivar a revisión do PXOM. PP, PSOE, Marea e Ciudadanos sumaban forzas (13 concelleiros) fronte ao criterio do goberno do BNG (12 edís), que non era partidario de retomar esa redacción até que a Xunta variase algunha das súas imposicións, nomeadamente a relativa aos criterios sobre ENCE ou ben as que constrinxían o desenvolvemento do rural. Pois ben, a oposición vén agora de sumar forzas e unir votos para pedir nesa comisión especial (que concluiu os seus traballos a finais de xullo) que se pule a redacción do novo PXOM. "Non é raro que PSOE, En Marea, PP e Ciudadanos cheguen a acordos para intentar obstaculizar e paralizar as políticas transformadoras que impulsamos desde o goberno de Pontevedra" O BNG, no seu momento, apostou en facer un novo Plan Xeral que substituíse o que estaba vixente desde 1989. Un equipo redactor elaborou este novo PXOM que, cando se chegou á fase de negociación coa Xunta, sufriu recortes e imposicións por parte da administración autonómica. "Impuxéronse criterios que cuestionaban o modelo urbano de Pontevedra que estabamos impulsando", sostén o concelleiro de Mobilidade Luís Bará. "Era peor do que estaba en vigor", aponta, de aí que se decidise manter o anterior e traballar para que novo non contemplase esas medidas que desde o goberno local entenden prexudiciais para cidade e cidadanía. Consolidar o Modelo Pontevedra Para Luís Bará, a decisión da oposición na comisión é un pretexto para "facer un ataque ao goberno local" e defende que o modelo de cidade polo que se leva anos traballando "está consolidado" e ten un amplo recoñecemento non só internacional, mais tamén da propia veciñanza pontevedresa. "Non é raro que PSOE e En Marea cheguen a acordos con PP e Ciudadanos para intentar obstaculizar e paralizar as políticas transformadoras que impulsamos desde o goberno de Pontevedra", manifesta o tamén candidato do BNG pola provincia de Pontevedra. Aponta que PSOE e "Podemos" non son quen a nivel estatal de chegar a un acordo para desaloxar Mariano Rajoy e o PP do goberno, "mais en Pontevedra si que se unen entre eles e co PP e Cs para procurar obstaculizar".
NOS_5605
O centro de atención á discapacidade Ricardo Baro xa ten 47 doentes, a maioría delas usuarias, mais tamén un número elevado de traballadoras. No que se refire aos xeriátricos, a Consellaría de Política Social informa de 226 casos positivos entre as persoas residentes e 88 dos cadros de persoal.
A Consellaría de Política Social vén de informar das últimas cifras de casos activos da Covid-19 na rede de residencias de maiores e nalgunhas instalacións de atención a persoas con capacidades diferentes do país. A peor evolución á alza estase a vivir na Ricardo Baro, unha infraestrutura xestionada pola Asociación de Pro Personas con Discapacidad Intelectual de Galicia (Aspronaga), en Oleiros. Nas últimas 24 horas tívose noticia de 10 novos contaxios entre xente beneficiaria desta instalación, así como dunha traballadora máis. Atendendo a este novo rexistro, hay un total de 47 persoas afectadas (10 delas pertencentes ao cadro de persoal). Por outra parte, segue habendo unha enferma entre as e os operarios en cada un destes centros de atención á discapacidade: A Braña (A Estrada), Castro de Rei, Juan Vidán Torres (Compostela) e Chapela (Redondela). Até 88 empregadas No caso concreto dos xeriátricos, a Consellaría de Política Social indicou que hai novas persoas afectadas: 2 empregadas da DomusVi Lugo (Outeiro de Rei), unha en Ballesol (Oleiros), unha no CRAPD I Vigo e unha quinta en San Simón (Teo). Fontes da Xunta indicaron que se retiraron do cómputo global, por dar negativo nas últimas probas de control practicadas, dúas operarias do Incio. Tamén foron baixa unha persoa do cadro de persoal de cada unha destas residencias: DomusVi Coruña (Oleiros), DomusVi Monforte e Saraiva Sénior (Pontevedra). Deste xeito quedan 88 casos activos entre as e os traballadores. A maioría teñen o seu posto no Incio (35); Outeiro de Rei (23); DomusVi Lalín (3), Ballesol en Oleiros (2); Volta do Castro, situada en Compostela (2); Nosa Señora do Socorro de Arnoia (2); San Simón (2) e Victoria (2), ambas no municipio de Teo; CRAPD Vigo I (2); e Doral, no concello de Mos (2). O resto repártense entre outros 13 centros residenciais repartidos por toda Galiza. 226 maiores O número de residentes que padecen a Covid-19 segue nos 226, malia que deron negativo tres da DomusVi de Lalín. Hai 138 afectadas no centro residencial de Outeiro de Rei; 58 no Incio; 26 na Orpea de Culleredo, 2 na DomusVi Lalín e unha quer no xeriátrico de Arteixo, quer no de Castro Ribeiras do Lea.
QUEPASA_539
A presentación do novo curso será este mércores. Están matriculados 65 alumnos e alumnas procedentes de 12 concellos da Costa da Morte.
O Centro Sociocultural de Baio acolle mañá mércores, a partir das 17.00 horas, a inauguración da segunda edición do Programa de Formación Universitaria para Maiores de 50 anos da Costa da Morte, nas que xa están matriculados 65 alumnos e alumnas procedentes de 12 concellos. O acto de inauguración das Xornadas contará coa presencia da Directora da Universidade Sénior, Dna. Matilde García Sánchez e de D. Manuel Muíño Espasandín, Alcalde de Zas e Presidente do GDR "Costa da Morte. Con estas Xornadas, a Universidade Sénior, o Programa Universitario para Maiores de 50 anos da Universidade da Coruña, en colaboración co GDR "Costa da Morte", da continuidade ao programa iniciado o pasado ano, cun programa de formación específico para os adultos maiores da Costa da Morte que se desenvolverá nos meses de marzo a maio, no Centro Sociocultural de Baio. O programa aséntase sobre unha idea fundamental: a Sustentabilidade e consta de tres módulos, impartidos por profesorado da Universidade da Coruña, que abordarán a través de sesións teóricas e sesións prácticas ou saídas de campo, as seguintes temáticas e calendario: MÓDULO I. Sustentabilidade Social e Económica. 27 e 28 de marzo, e 3 e 4 de abril de 2019 27 de marzo de 17 a 19 h. . Economía. Prof. Juan Manuel Sánchez Quinzá 28 de marzo de 17 a 19 h. Socioloxía. D. José Antonio Cortés Vázquez 3 de abril de 17 a 19 h. Patrimonio e Sustentabilidade. Prof. Fernando Agrasar Quiroga. 4 de abril, de 10:30 a 13:30 horas. Patrimonio e Sustentabilidade. Visita a Muxía. MÓDULO II. Sustentabilidade Ambiental. 10, 11, 24 e 25 de abril de 2019 10 de abril de 17 a 19 h. Sustentabilidade Ambiental Prof. Jorge Delgado Martín. 24 de abril de 17 a 19 h. Educación para a Sustentabilidade. Pegada Ecoloxica e Hídrica. Prof. Pedro Vega Marcote. 25 de abril. Novos materiais sostibles. Prof. Fernando Martinez Abella. 11 de abril de 10. 30 a 13.30 h. Sustentabilidade Ambiental. Visita a Caolines de Vimianzo (Cavisa). MÓDULO III. Saúde e Benestar. 15, 16, 22 e 23 de maio de 2019 15 de maio de 17 a 19 h. Educación para unha alimentación e nutrición saudable e sostible. Prof. Francisco Pita Gutiérrez. 16 de maio de 17 a 19 h. Actividade Física e Ergonomía. Prof. Isabel Raposo Vidal. 22 de maio de 17 a 19 h. Ferramentas para o control do estres. Prof. Jose Mª Rolón Varela. 23 de maio, de 17 a 19. Ferramentas para o control do estrés. Prof. Jose Mª Rolón Varela. Con estas Xornadas, a Universidade Sénior achégase un ano mais ás persoas maiores de 50 anos da Costa da Morte, respostando as súas inquedanzas e necesidades formativas como xa ven facendo desde o ano 2001, nos campus da Coruña e Ferrol, nos que preto dun milleiro de alumnos e alumnas cursan estudios na Universidade Sénior.
NOS_1917
Patricia Hermida é coautora xunto a Ángel Dieste do 'Manual de boas prácticas na xestión cultural para espectáculos ao vivo', publicado pola Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural e a Deputación da Coruña. En conversa con 'Nós Diario', Hermida fala da actual situación do sector da cultura.
Cales son as boas prácticas que deben facerse na xestión de espectáculos ao vivo? Iso é o que tentamos responder Ángel Dieste mais eu no Manual de boas prácticas na xestión cultural para espectáculos ao vivo, no cal partimos dunha base recollida no marco normativo e do desenvolvemento das actuacións que debemos realizar para chegar á execución dun espectáculo. A situación é moito menos práctica do exixíbel desde o traspaso das competencias nos anos 90 ás comunidades autónomas. Cada un dos territorios desenvolve as súas leis como considera oportuno e, a máis, existen outras leis que protexen dereitos inherentes á actividade, mais non son exclusivas dela. Isto fai que non teñamos un único corpo normativo sobre o que cinguirnos. En gran medida, este contexto determina as boas prácticas, xa que as normativas están para regular o marco efectivo das relacións entre as diferentes axentes da cadea de valor, mais o gran descoñecemento entre as diferentes incursións que hai nos diversos puntos da evolución até a consecución do espectáculo é o que moitas veces non permite que actuemos de modo axeitado. O que pretendemos co manual é estabelecer unha orde case cronolóxica dos pasos que debemos dar desde que temos a idea de levar a cabo un espectáculo até que rematamos e facemos esa análise do traballo realizado. En cada un deses pasos, que son os capítulos que compón o manual, pomos o foco sobre aquelas cuestións que consideramos que non se están a desenvolver ben ou onde interfiren outras leis. Á parte, debemos ter en conta que, por falta de coñecemento ou de nocións de como aplicar as normas, estas cuestións estanse a deixar atrás. En case todos os capítulos hai un aspecto crucial que tratamos ao final, onde pretendemos destacar unha sección importante para o desenvolvemento dos espectáculos e un apartado de sustentabilidade entendida desde calquera punto de vista. Que malas prácticas son as máis habituais na Galiza? Queda moito traballo por facer neste senso, porque ao longo da curta historia da industria cultural na Galiza déronse por boas prácticas que non contemplaban a profesionalización do sector. Na actualidade, que queremos colocar a industria cultural onde se merece, cústanos desenredar toda esta casuística que fomos fraguando ao longo dos últimos anos. Sería inxusto pór o dedo acusatorio enriba dun axente en concreto, porque sempre existen eivas a resolver entre as relacións dos mesmos. Mais por exemplo, entre provedores e empresas temos que fomentar o traballo en prezos de mercado, nunca por debaixo dun importe que non permita cumprir cos convenios, tanto por parte das traballadoras e dos traballadores do sector como, sobre todo, polo convenio das e dos artistas. Existe unha gran precariedade que temos que solucionar. Tamén detectamos malas prácticas en relación ás contratacións por parte das administracións públicas, cun uso case fraudulento de determinadas fórmulas recollidas na lei de contratación do sector público, onde non se cumpre nin se exixen os niveis de transparencia que veñen ditaminados pola Unión Europea e que debemos potenciar para que o diñeiro público poida chegar a todas as axentes da cadea de valor. Na situación actual, como afrontan as produtoras e as artistas do país as dificultades das restricións causadas pola pandemia da Covid-19? Nunha soa palabra: incerteza. O sector e a cultura precisan un plan real que nos permita desenvolver as nosas estratexias anuais como vimos facendo desde hai moitos anos para estudar viabilidades respecto ás ofertas e actividades que queiramos realizar. Botamos en falta un marco con garantías, tal e como hai noutros sectores, que pode ter as súas confluencias, mais non vemos ningún tipo de esforzo por avanzar neste sentido. Pasado un ano do comezo da pandemia, despois de ter garantido que a cultura non contaxia e que somos un dos sectores que máis medidas e mellor implantación das mesmas soubemos xestionar, creo que comeza a perigar non só o tecido industrial, que é preocupante, senón no sentido cultural, que é máis grave porque moitas propostas empezan a cuestionarse se merece a pena seguir adiante ou se poden sobrevivir a esta crise. O ano pasado as salas fecharon e os festivais tiveron que adiarse ou suspenderse na súa maioría, pensa que neste verán acontecerá igual? Desde logo as expectativas deste ano non son moito mellor que as do anterior. Acabamos de facer un ano desta situación e aínda non temos claro como actuar. Mentres prevalezan os criterios sanitarios aos económicos, moito me temo que polo menos este ano seguiremos nas mesmas condicións. A pregunta é cantos destes festivais ou salas, ás que se lles pediu un esforzo por comprender cal era a situación pola que pasabamos o ano pasado, van poder subsistir este ano? E máis, como imos responderlle que, aínda a estas alturas, repetindo outra vez a mesma situación, non podemos garantir que poidan desenvolver a súa actividade con garantías económicas para poder subsistir? Cal está a ser o papel das administracións para loitar pola situación da cultura? Se ben existen iniciativas salientábeis que permiten seguir dotando de carga de traballo as industrias e manter o esforzo por continuar coas programacións independentemente das capacidades, o que se precisa agora mesmo, e non se está a ofrecer, son garantías. Garantías para poder programar a medio prazo, pois non podemos vivir coa incerteza de planificar un evento de cara a agosto e non saber cales van ser as normas, as capacidades ou os protocolos a seguir nesas datas, cando falamos dun sector que normalmente traballa a ano vista. O que debemos exixir a todos os estamentos das administracións é que se ditamine un marco de desescalada real para a realización de actividades e que se coide a cultura, base fundamental para o futuro.