ID
stringlengths
5
12
summary
stringlengths
0
1.73k
text
stringlengths
0
68.7k
NOS_54350
O BNG exixe a PSOE e PP parar a moción de censura
A moción de censura levada a cabo entre o Partido Popular e concelleiros escindidos do Partido Socialista, coa que o pasado 11 de agosto arrebataron a Alcaldía de Castrelo de Miño ao Bloque Nacionalista Galego, repítese agora en Viana do Bolo, tamén gobernada polo BNG. Argumentando diferenzas co rexedor vianés, Secundino Fernández, ao que acusan de "ditatorial", dous concelleiros socialistas abandonaron o grupo municipal do PSdeG a finais de xullo. Porén, e a pesar de que este partido negaba as alertas do alcalde de que tales movementos respondían a un intento de moción de censura, finalmente esta colleu forma e levarase avante o vindeiro 1 de setembro en pleno. O alcalde, en declaracións a Nós Diario, responsabiliza desta operación o PSdeG local. "Xa o propio día da investidura non sabía se ía ser nomeado alcalde", lembra Secundino Fernández, sinalando a ausencia de pacto entre BNG e PSdeG desde o inicio da Lexislatura. A cerna do conflito sitúase, sinala o rexedor, en que os socialistas querían maior poder que o que lles correspondía por peso electoral e alternarse na Alcaldía, a pesar de ser a forza menos votada. "Aquí houbo un grupo municipal único do PSdeG e o PP, sempre votaron xuntos contra nós", lamenta Fernández, quen sinala que a pasada sexta feira houbo unha reunión entre as cúpulas locais e nacionais do BNG e PSdeG coa presenza dos dous edís tránsfugas. Acordouse na xuntanza, segundo relata o rexedor, traballar nunha proposta de cogoberno, mais na segunda feira, 17 de agosto, cando o BNG ía entregar a súa fórmula, souberon que os edís ex socialistas presentaban a moción co PP. Fernández cualificou a moción de "fraude á veciñanza". "Non votaron a candidatura do PSdeG para que chegasen a un pacto co PP", deixou claro o nacionalista, que sostén que el sempre estivo "disposto a dialogar" co resto de forzas de esquerda. "O PSdeG é o culpábel e vende os votos das e dos vianeses, procurando fórmulas que lles conveñen para non involucraren as súas siglas", sinala o rexedor nacionalista. Nese sentido, Fernández lembra que o pasado 30 de xullo el mesmo presentou unha moción en liña co pacto anititransfuguismo estatal, a cal foi rexeitada cos votos do PP e os dous edís ex PSdeG, e co abandono da sala pola concelleira que aínda continúa baixo as siglas socialistas "para non ter que votar", criticou Fernández. Un tránsfuga e o PP alternaranse na Alcaldía Os ex edís do PSdeG son Santiago Barxa e Abelardo Carballo. Este último chegou a ser portavoz municipal socialista. Co acordo do PP, Carballo ostentará a Alcaldía durante o próximo ano e medio, mentres que o ex alcalde popular Andrés Montesinos será rexedor o resto do mandato. Abelardo Carballo carga contra o alcalde actual por non repartir con el o Goberno, criticándoo por "seguir dicindo que cunha diferenza de cen votos, a Alcaldía é innegociábel", dixo Carballo a Europa Press. Pola súa banda, Montesinos xustificou a necesidade da moción de censura para sacar da "parálise" Viana do Bolo. O PSdeG expulsa os edís A pesar de que a dirección provincial ourensá do PSdeG asegurara hai dúas semanas a este diario que os dous edís non pactarían co PP, os socialistas expresan agora o seu rexeitamento á moción e aseguran que está "orquestrada polo PP" e o presidente da Deputación, Manuel Baltar, "co beneplácito" de Carballo e Barxa, aos que vén de dar de baixa do partido.
NOS_14173
Ducias de militantes e simpatizantes participaron en Castroverde nun acto político e de convivio que se enmarca na precampaña do Día da Patria Galega.
Reivindicación, convivio e festa combináronse este domingo en Castroverde, onde case 200 militantes, simpatizantes e cargos do BNG reuníronse para participar nun dos actos da precampaña do Día da Patria Galega e que contou coa presenza da viceportavoz parlamentar, Olalla Rodil, e o deputado Xosé Luís Rivas 'Mini'. Foi precisamente Rivas o responsábel da intervención política por parte da Dirección Nacional,animando a unha participación "masiva" na manifestación do 25X, que espera sexa histórica e se convirta no "pistoletazo de saída" para "abrir un novo tempo político" nas eleccións galegas de 2020. "É o momento de pasar a páxina deste decenio negro, o momento de abrir un tempo novo de esperanza no futuro, e aquí está a man tendida do BNG para sumar nesa dirección, cun proxecto serio, solvente que ten a cabeza, o corazón e os pés ben chantados neste país", salientou Rivas ao inicio do acto. O BNG diríxese, indicou, a esa maioría social que quere un cambio real que só o Bloque garante. O Bloque está a aproveitar os actos de precampaña de celebración do Día da Patria para reforzar a súa estrutura interna, desenvolvendo en paralelo unha proceso de afiliación co obxectivo de incrementar en 500 o número de militantes. Até o 25X organiza máis dun cento de actos, conferencias, mesas de debate, festas, encontros por todo o país, que da a oportunidade de falar directamente con moitas persoas e colectivos sociais.
NOS_7395
A galega clasifícase para a final nos 800 metros
A natación non é un deses deportes que copa titulares, pois, como un parruliño feo, en moitas ocasións resulta opacada por outras disciplinas con máis prédica como o todopoderoso fútbol, o baloncesto, o balonmán, o atletismo ou mesmo o hóckey, pero a novísima Paula Otero pretende rachar con ese statu quo a base de brazadas. Nada en 2004, a deportista do Club Natación Arteixo estreouse hoxe no Campionato de Europa de Natación que se leva a cabo en Roma (Italia) na modalidade de 800 metros -tamén competirá nos 400 e no 1.500- clasificándose para a gran final tras rematar terceira na súa serie. Logo dun comezo dubitativo desde a rúa '6', axiña logrou consolidarse nunha terceira posición que mantería até o final da carreira. Por diante da galega, que tardou 8.35.60 -rozando a súa mellor marca persoal- tan só remataron a alemá Isabel Gose (8.30.01) e a turca Deniz Ertan (8.33.43). O máis difícil aínda chegará no día de mañá, concretamente ás 19.27 horas da tarde, cando intentará dar a sorpresa e lograr unha medalla nunha final á que accede co sexto mellor tempo de entre todas as participantes. A Liga Galeg de Caiac Polo, en Cangas Sen saír do medio acuático, o cuarto torneo da Liga Galega de Caiac Polo chega a Cangas esta fin de semana para a disputa do Memorial Carlos Fernández, organizado polo Náutico de Rodeira en colaboración coa Federación Galega de Piragüismo. O campo de xogo estará instalado na dársena da lonxa, e a acción comezará o 14 de agosto, domingo, entre os cinco equipos participantes, que serán Penedo, Combarro -ambos nas categorías Sub-21 e absoluta- e Rodeira. O primeiro duelo será ás 9 horas da mañá e enfrontará Rodeira con Penedo.
NOS_38846
A intervención subsitúe a sesión de control ao presidente da Xunta desta cuarta feira.
O aínda presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, comparecerá finalmente de urxencia ante o Parlamento galego, após o Bloque Nacionalista Galego (BNG) exixir a súa presenza no pleno desta semana para explicar cal é a situación ante a crise de prezos e que medidas ten pensado adoptar o Goberno galego. O voceiro do grupo parlamentario do Partido Popular (PP), Pedro Puy, puxo de manifesto que o cambio na orde do día produciuse polo "deterioro" da situación desde a última xunta de voceiros parlamentares, na que nun primeiro momento o PP descartara a comparecencia de Feixoo ante os deputados galegos. A intervención do presidente popular na Cámara galega substitúe tanto a comparecencia desta terza feira por parte do conselleiro de Medio Rural, José González, que ía falar deste mesmo tema, e a sesión de control habitual da terza feira ao presidente da Xunta, algo que o presidente do Parlamento, Miguel Santalices, cualificou de "feito histórico". Pola súa parte, a viceportavoz da segunda forza parlamentaria, Olalla Rodil, sinalou que a situación é o "suficentemente grave" como para que Feixoo interveña no Parlamento galego, e ironizou co feito de que "temos a sorte de que hoxe está aquí (na Galiza)", en referencia á campaña que o presidente levou a cabo no Estado español como candidato á presidencia estatal do PP. O voceiro do Partido Socialista (PSdeG), Luis Álvarez, explicou que a formación sumábase a petición do BNG para a comparecencia de Feixoo pola "emerxencia" do momento, que xustifica esa presenza no Parlamento galego.
NOS_41060
Tres premios en menos de tres meses dánlle unha singular marca á novela Morgana en Esmelle de Begoña Caamaño. Ao recoñecemento da Asociación Galega de Editores que o nomeou mellor libro de narrativa do pasado ano e ao Premio da Crítica Española, súmase o Losada Diéguez en creación literaria.
A segunda novela de Begoña Caamaño resultou gañadora do premio Antón Losada Diéguez na súa XXVIII edición canda Onde o mundo se chama Celso Emilio Ferreiro (Xerais) de Ramón Nicolás na categoría de ensaio. Os premios convocados polos concellos de Boborás e O Carballiño, patrocinado pola Deputación de Ourense, valoran a mellor obra publicada entre as edicións co cal, por terceira vez a obra de Caamaño recoñécese como a mellor publicada en narrativa no pasado ano. Un xurado composto por Euloxio Rodríguez Ruibal, Dolores Vilavedra, Francisco Luis Fariña Busto, Avelino García, Xosé Henrique Costas e Goretti Sanmartín decidiu premiar a novela de Begoña Caamaño pola "súa orixinalidade no tratamento dun tema de longa tradición, non só na literatura galega senón nas literaturas universais". Segundo o xurado, a novela consigue "renovar a temática artúrica fuxindo de estereotipos e creando poderosas personaxes femininas. Por outra parte a obra combina un persoal estilo literario cun magnífico traballo lingüístico". Morgana en Esmelle foi escollida recentemente como mellor obra narrativa nos Premios da Crítica Española, na categoría de narrativa galega, fallados o pasado sábado día 13 en Ponferrada. Un mes antes, a novela de Begoña Caamaño recibira o premio da Asociación Galega de Editores, en ambos casos coincidindo con Manuel Álvarez Torneiro na categoría de poesía. Da súa segunda novela, a autora comentou recentemente nunha entrevista no semanario Sermos Galiza que se pode "ler con claves de contemporaneidade e propón outro tipo de modelos. A cultura ten que camiñar apegada á ética. Non podes estar calada diante do que pasa, tes que tomar postura, propor alternativas". A segunda novela de Caamaño publicouse despois de que a xornalisa se dese a coñecer como escritora con Circe ou o pracer do azul. En ambos títulos, a escritora revisita a historia literaria e mítica desde a súa escrita feminista.
NOS_36401
Namoradas, namorados de boa parte do mundo han trocar presentes este domingo para conmemorar o día de San Valentín, o santo que a igrexa deixou de celebrar.
Valentín tería sido un mártir vido a santo grazas á política do emperador Claudio II, cara á fin do século III. Nos primeiros censos de mártires, preparados nos comezos da era cristiá, hai polo menos tres con nome de Valentín. Un de orixe e condición descoñecida tería sido torturado e morto na África. Foi mártir e non pasou de aí. Os outros dous foron bispos que traballaron en Roma e, unha vez mortos, sepultados en diferentes locais da Via Flamínia. Un destes, ou os dous, foron santificados por Xulio IV, Papa. Un dos bispos con nome de Valentín parece ser que se dedicaba a amañar casamentos de soldados do imperio que logo pretendían librar da guerra aludindo a condición de casados. O emperador prohibira tal práctica, porque, segundo dicía, os casados, mesmo indo á guerra, tiñan menos rendemento que os solteiros. O caso é que nos corpos militares do emperador (non sei hoxe como sería) non se atende moito a sentimentos nin á saúde sexual dos seus soldados. E publicou un edito: "Por orde do emperador fago saber que Valentín, bispo, non poderá celebrar máis casamentos...". E pasou o que pasou. O bispo continuou coas súas prácticas, prendérono, levou uns paus e, finalmente, quedou sen cabeza. Uns séculos despois comezou o reparto dos seus restos (sempre foi moi rendíbel comerciar con ósos de santo) e mesmo en Madrid, na igrexa de San Antón, hai pouco tempo que o cura encontrou no sótao restos de Valentín. Tamén en Italia, na igrexa de Santa Praxedes hai fémures e algúns ósos menores. Ósos de santo. Mais tampouco o emperador tivo moita visón de futuro porque a xente seguiu xuntándose, casase ou non, seguiu intentando librar de guerras estúpidas e sobre todo seguiu facendo festas. Son as chamadas festas lupercais, en homenaxe a Fauno Luperco (referente a "lupus", lobo, ou Pan para os gregos). Esa entidade protexía os pastores e os rabaños e as festas eran celebradas por volta do 15 de febreiro de cada ano, cinco semanas antes do inicio da primavera. Para daquela o imperio xa non era imperio nin era nada. Por iso, cara a final do século V, o Papa Xelasio I decidiu reivindicar o día de San Valentín e pouco a pouco foi esmorecendo a festa de Fauno Luperco. Pero a igrexa nunca confiou moito nesta festa; El Corte Inglés, si. O caso é que en 1969 a Igrexa deixou de celebrar esa festividade e ese aniversario alegando dúbidas sobre a identidade e mesmo sobre existencia do santo. Un santo borrado dos santorais! Mais claro, isto trae un problema. É certo que na Galiza só un: os veciños da parroquia de San Valentín de Fene, se non hai santo, cando celebran a festa do patrón?. Ademais da brutal reconversión do naval, teñen tamén que soportar agora a reconversión festeira? Menos mal que chegou Francisco desde Buenos Aires e puxo algo de cordura neste asunto. E Valentín volve ao curral dos santos, dos santos celebrados. Unha iniciativa do Consello Pontificio para a Familia. Foi con máis de 20.000 parellas reunidas na Praza de San Pedro. PD. San Valentín, ademais de santo patrón dos amantes, tamén é dos doentes de epilepsia. E en Italia, en recoñecemento destas propiedades, dedicáronlle un selo de correos en 1988. Non cadran moito as cousas porque daquela xa non se celebraba o seu santo.
NOS_55911
O Rexistro Estatal de Emisións Contaminantes vén de publicar os datos dos gases producidos durante 2016 polas industrias e determina que Finsa, a factoría de chapas e taboleiros de madeira asentada en Santiago de Compostela, desprendeu 142.000.000 kg de dióxido de carbono (113% máis que o ano anterior). En canto aos residuos perigosos, a suba foi considerábel ao declarar 1.211 toneladas en 2016 fronte ás 709 de 2015.
Esta factoría emitiu tamén 1.200.000 kg de compostos orgánicos volátiles distintos do metano; 682.000 kg de óxidos de xofre; 25,7 kg de arsénico e cifras elevadas de metais pesados como cadmio, cromo, mercurio, níquel e benceno. Destacan tamén as 473 toneladas/ano de residuos perigosos que conteñen hidrocarburos, cando foron 165 toneladas no ano anterior, se ben rebaixou os residuos non perigosos a 4.091 toneladas (6.309 en 2015). A exposición repetitiva ou prolongada ás PM10 pode provocar efectos nocivos no sistema respiratorio. Os datos revelan que en Finsa medrou a emisión das PM10, en 108.000 (88.300 en 2015), que se definen como as partículas sólidas ou líquidas de po, cinsas, metais pesados ou asociados á combustión dispersas na atmosfera cun diámetro entre 2,5 y 10 µm (1 micrómetro corresponde á milésima parte de 1 milímetro). A exposición repetitiva ou prolongada ás PM10 pode provocar efectos nocivos no sistema respiratorio. Estas partículas precipitan na terra e poden afectar seriamente á saúde humana, animal e vexetal e mesmo intervir de xeito negativo nos acuíferos. O dióxido de nitróxeno, en concentracións de corta duración superiores a 200 mg/m3, é un gas tóxico que causa unha importante inflamación das vías respiratorias, advirten na OMS. Do mesmo xeito que o dióxido de xofre (SO2) que pode afectar ao sistema respiratorio e ás funcións pulmonares, aliás de causar irritación ocular. A inflamación do sistema respiratorio por presenza de deste gas no aire provoca tose, secreción mucosa e agravamento da asma e a bronquite crónica; mais tamén aumenta a propensión a contraer infeccións do sistema respiratorio. Segundo determina esta organización, os ingresos hospitalarios por cardiopatías aumentan nos días en que os niveis de SO2 son máis elevados. En combinación coa auga, o SO2 convértese en ácido sulfúrico, que é o principal compoñente da chuvia aceda. Pese a estes datos oficiais, na web de Finsa, afirman "promover de forma constante actividades de prevención da contaminación e estabelecer obxectivos de reducir progresivamente as emisións e descargas dos materiais ao medio ambiente, particularmente mediante a aplicación das mellores técnicas dispoñíbeis, cando sexa económica e tecnicamente viábel". En 2016 obtivo 798 millóns de euros en vendas e fixo investimentos por 57 millóns, segundo datos da propia factoría. Adega reclama un plan galego para diminuír as emisións da industria Para Adega, o Goberno galego debería promover un plan de diminución progresiva da contaminación (dióxido de carbono, chumbo, mercurio, cadmio, óxidos de nitróxeno, etc.) nas grandes industrias para protexer realmente os ecosistemas e a saúde, alén de poñer urxentemente en práctica as directrices da OMS para partículas (PM10 e PM2,5) xa que os niveis da lexislación actual son moi permisivos e duplican o recomendado. O Estado español deberá reducir un 88% o SO2 en 2030 A Unión Europea aprobou novos límites a partir de 2030 para as emisións destes cinco contaminantes atmosféricos: os óxidos de nitróxeno (NOx), o dióxido de xofre (SO2), os compostos orgánicos volátiles non metánicos (COVNM), o amoníaco (NH3) e as partículas finas. Finsa beneficiouse das bonificacións do 30% ás empresas que apostan por comprar novos espazos na Sionlla Hai un ano, o Consello da UE acordou modificar a normativa logo de que o Pleno do Parlamento Europeo aprobase novos teitos de emisión por cada estado membro. A directiva entrou en vigor o 31 de decembro de 2016 e, en concreto, o Estado español deberá reducir un 88% as súas emisións de SO2 a partir de 2030 en comparación cos niveles de 2005, un 62% las de NOx, un 39% as de COVNM, un 16% las de NH3 e un 50% as de partículas finas. Ampliación de Finsa Esta empresa de transformación de madeira ampliará as súas instalacións no parque empresarial da Sionlla, onde comprou unha superficie de 205.000 metros cadrados que suporán un investimento de 280 millóns de euros, segundo anunciou a conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, durante unha visita realizada á factoría a pasada semana. Vázquez destacou que a compra dos terreos do parque da Sionlla por parte de Finsa servirá para incrementar a capacidade de produción da compañía, que tamén dedicará parte das súas novas instalacións á innovación tecnolóxica. Finsa beneficiouse das bonificacións do 30% ás empresas que apostan por comprar novos espazos na Sionlla como unha das medidas impulsadas dende a Xunta para axudar a dinamizar o sector industrial en Galiza, explicou o conselleira durante a visita.
NOS_13401
En xullo, a empresa galega Gadisa instalou caixas de autoservizo nalgúns dos seus estabelecementos. A CIG advirte de que a medida é positiva sempre que o obxectivo sexa facilitar a laboura d@s traballador@s; substituíl@s sería "inadmisíbel".
A empresa galega Gadisa instalou no mes de xullo varias máquinas de autoservizo para que a clientela pague a compra que fai nos supermercados Gadis sen ter que pasar por unha caixa, isto é, sen necesidade de ser atendida por un ou unha traballadora. A mesma medida, que Gadisa implementou polo de agora só nalgúns supermercados, fuciona xa noutras cadeas de alimentación como Alcampo. No marco da Campaña polo Emprego, o sindicato CIG concentrouse diante dun Gadis ubicado en Compostela. Detrás dunha faixa en que podía lerse 'Sen emprego non hai futuro' --lema da mobilización nacional deste sábado e das Marchas polo Emprego que decorrerán durante toda a semana--, ducias informaron das consecuencias que pode carrexar a instalación destas máquinas, que contan co visto e prace de quen compra ao non ter que agardar para pagar. Porén, a central nacionalista advertiu de que a medida será positiva se o obxectivo é facilitar o traballo d@s caixeir@s, mais considera "inadmisíbel" que est@s profesionais sexan substituíd@s por un sistema de cobro automático. Cunha cifra de persoas no desemprego que na Galiza acariña as 300.000, o sindicato solicitou a colaboración da cidadanía para que non fagan uso destas máquinas autoservizo, que funcionan tamén en gasolineiras ou nas portaxes das autovías, para evitar que acaben substituíndo obreir@s destes estabelecementos.
NOS_22914
O número de positivos no Estado español confirmados por probas PCR continúa a aumentar diariamente desde o pasado 11 de maio. Onte, de facto, o Ministerio de Sanidade anunciou 549 novos contaxios. O director do Centro de Alertas, Fernando Simón, sinalou que nas vindeiras semanas poderá haber rebrotes.
A tendencia de mortes por mor da COVID-19 foi en aumento nos últimos días no Estado español, até que nesta sexta feira, 15 de maio, por fin, comezou a reducirse. O último parte publicado polo Ministerio de Sanidade sinalaba onte 138 novos falecementos. Este é o segundo dato máis baixo desde comezos de marzo, logo do rexistrado o 11 de maio, que deixaba 123 defuncións. Desde entón a cifra non parou de medrar diariamente até onte experimentar un lixeiro descenso. Pese a caeren as mortes, o que si segue a aumentar xornada a xornada é o número de contaxios activos rexistrados a través das probas PCR. Os positivos aumentaron na sexta feira en 549 (0,24%), elevándose a cifra total de casos no Estado español a 230.138. O 12 de maio rompíase a tendencia á baixa en contaxios, pasándose de 373 a 426 novos casos e, cada día, foi aumentando a propagación. Tamén medrou o número de hospitalizacións por complicacións da COVID-19, rexistrándose 346 novos ingresos en 24 horas, habendo así no Estado 124.571 persoas en hospitais por coronavirus. En UCI tan só se citaron 29 novos ingresos na sexta feira, sendo a mesma cifra que se notificou na quinta feira. O director do Centro de Coordinación de Alertas e Emerxencias Sanitarias, Fernando Simón, que detallou estes datos, anunciou en rolda de prensa a posibilidade de que nas próximas semanas se produzan novos brotes de contaxios. "O risco está aí. Sabemos que a inmunidade non é alta, polo que un repunte é posíbel", dixo Simón, remarcando que o rebrote mesmo "pode ser importante nalgúns puntos do Estado". Falsa seguridade na privada Fernando Simón tamén advertiu de que os tests de anticorpos da COVID-19 realizados por centros sanitarios privados "poden dar una falsa sensación de seguridade. As probas de anticorpos non son concluíntes. Os resultados negativos tampouco o son. Hai que ter moito coidado coa interpretación e ten que estar asociada a un criterio clínico", dixo Simón. Prorróganse até o 15 as restricións para viaxar na Unión Europea O Goberno español prorrogou a restrición ás viaxes non imprescindíbeis desde terceiros países á Unión Europea e entre países asociados ao espazo Schengen por razóns de orde e saúde públicas até o próximo 15 de xuño. A medida fora adoptada o pasado 17 de marzo polos membros do Consello Europeo para limitar a expansión da pandemia. Si poderán viaxar profesionais sanitarias ou do coidado de maiores que regresen de realizar o seu labor, o persoal dedicado ao transporte de mercadorías, militares, persoal diplomático ou consular e aquelas persoas que acrediten causas de forza maior ou motivos familiares imperativos. Ademais, esta sexat feira, 15 de maio, coñeceuse que as autoridades comezaron xa a tomar a temperatura a "todas e todos os pasaxeiros" que chegan ao Estado español en avión ou barco. Madrid e Barcelona fican na fase cero A Comunidade de Madrid e a cidade de Barcelona non pasan á fase 1 do desconfinamento, segundo anunciou esta sesxta feira, 15 de amio, o Ministerio de Sanidade. Si avanzan por completo Valencia, Andalucía e Castela A Mancha. En Castela e León pasan de fase 42 zonas sanitarias, que se suman ás 26 que estaban xa na etapa inicial. O ministro de Sanidade Salvador Illa discutiu con representantes das comunidades autónomas no Consello Interterritorial do Sistema de Saúde sobre a necesidade ou non de estabelecer o uso obrigatorio das máscaras entre a poboación nos espazos públicos. Porén, aínda non tomaron unha decisión definitiva a este respecto e Salvador Illa sinalou que todas estas medidas están en permanente estudo e revisión.
NOS_48395
Todo empeza na uva. Unha boa parte das características dun viño saen do interior dun bago e da pegada da súa contorna nel. O obxectivo de calquera viticultora ou viticultor deberá ser lograr unha boa uva, unha materia prima de calidade. Imos achegarnos máis en detalle a este aspecto nunha transición entre o factor variedade e o primeiro achegamento á viticultura como introdución ao factor humano que nos ocupará de aquí en diante.
De boas uvas pódense conseguir bos viños ou pódense estragar. De malas uvas poderán lograrse viños correctos pero nunca grandes viños. A composición dun viño vén determinada en gran medida pola composición da uva. Imos coñecela un chisco máis en detalle. Un acio de uvas está formado polo cangallo ou raspallo (moitas veces chamado raspón), que é o tramo final ramificado do talo leñoso, e polos bagos que aquel suxeita, o froito. Cada acio terá entre un 2-5% de cangallo e un 95-98% de bagos. O cangallo ten importancia cando se usa na vinificación pola súa achega aos viños, e poderá formar parte tamén do bagazo de destilación para facer augardente. Na elaboración de viños sempre foi moi usado a nivel tradicional, caendo en desuso coa profesionalización das adegas. O cangallo tamén madura (maduración fenólica), pero a un ritmo distinto e con posterioridade aos bagos (maduración alcólica). Nas zonas de maduración difícil dos bagos, a maduración do cangallo aínda é máis complicada, polo que o seu uso na vinificación introduce verdor e adstrinxencia nos viños. En zonas do Ribeiro era tradición vendimar co pé de perdiz, é dicir, cando o cangallo e os pámpanos tornaban a cor verde e escurecían nun ton entre vermello e marrón que lembraba a extremidade desta ave. Se estaba maduro o cangallo, o bago con toda seguridade. Hoxe moitos e moitas produtoras volven ser defensoras de incorporar cangallo maduro nas súas elaboracións, aínda parcialmente, por favorecer a osixenación durante a fermentación e corrixir a tendencia redutiva de certas variedades como a mencía. Un viño con raspón, ás veces, pode darnos a sensación na cata de ter crianza en barrica sen tela. Conseguir bos bagos de calidade é o primeiro paso imprescindíbel para poder facer un bo viño O bago leva a maior parte do traballo na composición do viño. É o froito da vide creado coa finalidade de garantir a supervivencia da especie, e por tanto ten a misión de protexer as sementes que leva no seu interior. Dependendo das variedades e doutras circunstancias conterá un 10-20% de pel ou follo, un 75-85% de polpa, e 2-5% de sementes. A vitis vinífera, a uva para viño, adoita ter unha proporción maior de pel e menor de polpa que outras especies do xénero vitis, como as uvas de mesa, máis grandes, carnosas e de pel máis fina e doada de comer. As nosas variedades atlánticas son especialmente de acios e bagos pequenos e apertados. A esencia está na pel No follo dos bagos agóchanse a maior parte dos elementos que outorgan distinción aos viños respecto doutras bebidas. Na pel están as materias colorantes (antocianos) que poden converter por exemplo un viño en rosado ou en tinto. Tamén atopamos unha parte destacadísima de compostos volátiles aromáticos (terpenos) que achegarán a cada viño o seu perfil aromático e de cata característico. Durante o proceso de maduración, a pel da uva vaise formando e conservando no seu interior compostos da súa contorna natural. Cor e aromas do viño, nada menos. A pel da uva tamén contén os famosos taninos que teredes escoitado ou lido en etiquetas con distintas adxectivacións (taninos suaves, sedosos, …). O tanino é un composto orgánico complexo con efecto adstrinxente, é dicir, produce sequidade. Concretamente ao meter un viño na boca pódenos secar as enxivas ou rascar a lingua ao seu paso. Causa unha reacción na boca que nos corta un instante a salivación. Os taninos saen de forma natural do raspón, da pel da uva, das sementes (das partes máis leñosas) e tamén da madeira das barricas. Tamén pode engadirse na adega como produto enolóxico. Notámolos especialmente nos tintos, porque o mosto está máis tempo en contacto co follo da uva na maceración e moitos pasan por barricas. Nunha cata de tintos quedará a boca máis "cargada" que nunha de brancos. No follo dos bagos agóchanse a maior parte dos elementos que outorgan distinción aos viños a respecto doutras bebidas Atopamos tamén no bago a pruína, unha substancia de aspecto ceroso que reviste a pel das uvas, e que refregamos con auga debaixo da billa nas uvas de mesa. Esta cera fórmaa de forma natural a vide como unha barreira máis de protección para as súas sementes. Fai que esvare a auga impermeabilizando o bago e complícalle a vida aos insectos. Para nós é unha sorte porque aínda adhire aromas e boa parte dos lévedos que axudarán a ferver o viño na adega. A polpa da uva está dominada polos mesmos elementos que priman noutras froitas e que tamén determinan moito o resultado final do viño: auga, azucres e ácidos. O principal compoñente dun viño será a auga non pola proximidade aos ríos, como transmite a retranca popular, senón por causa da polpa dos bagos. Os azucres (glucosa e frutosa) van ser o alimento dos lévedos na adega para formar alcol, para converter o mosto en viño. A cantidade de azucres do mosto vai condicionar o grao alcólico do viño. E os ácidos (málico, tartárico e cítrico) axudarán ao alcol a conservar o viño, achegarán un sabor máis ao noso gusto e equilibrarán a sensación doce para refrescar e que non queden planos. Na polpa tamén atoparemos compostos fenólicos, minerais, vitaminas e aromas. Como curiosidade cómpre saber que a maioría das variedades de uva teñen a polpa branca, tanto as uvas brancas como as tintas. A excepción son as tintas tintureiras, que pintan tamén na polpa. Habitualmente fanse viños brancos con uvas brancas, e viños tintos con uvas tintas; pero poderiamos facer branco coa maioría das uvas tintas. Por exemplo, algunhas elaboracións de Champagne utilizan a tinta pinot noir en viños espumantes brancos. Estes viños adoitan ser coñecidos co termo francés blanc de noir (branco de negra –tinta–) alén da zona en que se fagan. As sementes, cun protagonismo menor, contan na súa composición con taninos e lípidos. Como vedes, na uva está a xénese do viño. Estará condicionada na súa composición polos solos, polo clima e pola variedade. E será tamén modulada por unha man humana nas decisións e prácticas culturais na viña, e na súa manipulación e transformación enolóxica na adega. Xa comprendemos máis que buscar cando abrimos unha botella de viño e probamos. Xa sabemos os posíbeis motivos dalgunhas sensacións aromáticas e gustativas. Imos a por máis. A pegada das castes nos viños galegos Cada viño está sometido a número considerábel de variábeis diferentes que o fan único en orixe. Non é doado facer descricións xenéricas agás nos casos en que existe un intervencionismo enolóxico elevado de tendencia homologante, algo que aconteceu co esforzo das denominacións de orixe por unificar parámetros de calidade e de cata nos seus viños. Hoxe a tendencia non é a calidade homologada, senón a calidade diferenciada, unha calidade que bucea na tradición de cada zona, na expresión singular de cada paisaxe e na apertura de novos camiños desde o coñecemento. En calquera caso, é útil para calquera persoa afeccionada ao viño manexar algunhas nocións das notas que achega cada varietal a un viño, mais a estas alturas xa o abordaremos con plena consciencia de que a caste ou castes que leva non é único nin principal factor para condicionar a súa percepción sensorial. Convén ir familiarizándonos ademais con algunhas das máis vinificadas na actualidade.
NOS_21099
A líder do BNG felicítase de que o Goberno Sánchez levantase o veto sobre a transferencia —"é o ABC da democracia— mais á vez o insta a ir un paso máis alá, a se desmarcar do PP de Raxoi e apoiar, destarte, o traspaso á Xunta das competencias sobre a infraestrutura.
Que o Goberno Sánchez retire o veto sobre o debate é unha boa noticia, mais pode ser insuficiente se o PSOE non colabora para a iniciativa se debater canto antes no Congreso dos Deputados. "Levamos dous anos de retraso da iniciativa con mentiras, ilegalidades e un abuso de poder por parte do anterior goberno", dixo Pontón nun arquivo de son enviado aos medios. A portavoz nacional do Bloque pide que se aceleren os trámites para a iniciativa se debater no presente período de sesións (conclúe en decembro). Fai ben o Goberno Sánchez ao non vetar a tramitación da proposición de lei do Parlamento de Galiza —que deu curso a unha iniciativa orixinariamente do BNG— mais o relevante agora, enfatizou Pontón, "é saber cal vai ser a posición de voto do Goberno e do PSOE". "Sánchez", acrecenta a portavoz nacionalista, "ten de aclarar se vai votar a favor da transferencia ou vai manter o continuísmo das políticas de Raxoi de boicot, que só trouxeron peaxes máis altas". Teno fácil o Goberno Sánchez para mostrar a súa vontade política favorábel ao traspaso da AP-9, alegou Pontón. O único que tería de facer é "activar a negociación na comisión mixta de transferencias para que non perdamos máis tempo". Non estaríamos perante un transvasamento de competencias máis: a AP9 é unha "infraestrutura vital" para o país, que sofre agora "o elevado prezo dunhas peaxes" que estarían a "penalizar a competitividade das nosas empresas", razoou a portavoz nacional do BNG.
NOS_49916
Trinta casos relacionados con dúas variantes da variante brasileira na área de Vigo, en tres grupos distintos, todos eles de xente moza – menor de 30 anos- e nalgún dos casos sen relación coñecida co resto, "que é o que máis nos preocupa", di Feixoo.
Após a comparecencia de prensa do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, na cuarta feira 14 de abril, para dar conta das decisións adoptadas polo Comité Clínico e alertar do aumento da incidencia nas áreas sanitarias de Vigo e Pontevedra, saltaba aos medios a detección en Vigo de seis novos casos relacionados coa variante brasileira. Unha cifra que neste 15 de abril xa ascendía a 30 persoas contaxiadas, segundo informaba a Consellaría de Sanidade, "procedentes de tres agrupacións diferentes", como explicaba aos medios Feixoo, e con idades por debaixo dos 30 anos. Os positivos, relacionados con dúas variantes da cepa brasileira, nalgún dos casos carecían de relación coñecida co resto de contaxiadas, "que é o que máis nos preocupa", explicaba o presidente. "Esta situación obriga a redobrar esforzos de cribado, imos facer un estudo minucioso dos positivos e dos seus contactos e imos incrementar cribados de forma específica entre a poboación menor de 30 anos", sinalou o presidente da Xunta, que quedou pendente de que a autoridade sanitaria determine o cribado que cómpre facer. Cifras da Covid na Galiza Segundo a actualización realizada esta quinta feira, 15 de abril, pola Consellaría de Sanidade, con datos recollidos até as 18 horas da cuarta feira, os casos activos mantéñense en ascenso e suman 39 en 24 horas, fechando un semana de subida constante e elevándose aos 2.439. Así, son 199 os novos contaxios, o que supón un aumento de 41 desde a cuarta feira. A presión hospitalaria descende en dúas persoas e sitúase en 182 ingresadas, e un total de 25 enfermas continúan na UCI. Por áreas sanitarias, a presión hospitalaria baixa na de Vigo, así como na da Coruña, onde hai sete pacientes menos ingresados; mentres que se mantén na de Pontevedra-O Salnés; e sobe en de Ferrol, Santiago-O Barbanza, Lugo e Ourense. As infeccións activas aumentan en seis das sete áreas: Ourense, suma 13; Vigo, 10; Pontevedra-O Salnés, nove; Lugo, sete; A Coruña-Cee tres; e Ferrol unha máis; mentres que baixan na área de Santiago-O Barbanza, con catro menos.A pandemia deixa até o momento 2.371 persoas falecidas diagnosticadas con Covid-19 na Galiza, despois de informar Sanidade da morte dunha muller de 78 anos.
NOS_40039
A posta en escena do discurso de fin de ano do presidente da Xunta perseguía un obxectivo claro: tirar proveito político do contrato da furgoneta K9 obtido pola factoría viguesa de Citroën.
A equipa de asesores de Feijóo elixiu o Centro Tecnolóxico da Automoción de Galiza, en Porriño, para a escenificación do discurso de fin de ano do presidente da Xunta. O titular do goberno galego deslizou a mensaxe de que o clima criado polo seu goberno -a "estabilidade institucional", contraposta implicitamente ás alternativas da oposición- resultou en éxitos económicos en ámbitos como o da automoción -e aí evocou ás "19.000 familias" que se beneficiarán da fabricación da K9- ou o sector naval. A escolla non e baladí. Estamos en ano pre-eleitoral e a batalla de Vigo será unha das centrais nas municipais de maio. O PP quer rentabilizar o suceso de Citroën para desprazar a Abel Caballero (PSdeG-PSOE) da Alcaldía. Foi un discurso triunfalista, con ausencia absoluta de autocrítica. Un discurso tipicamente feijoniano. O seu goberno foi clarividente no limiar da recesión: "Galiza soubo anteciparse con terapias adecuadas cando aínda se dicía que a crise era ficticia", afirmou. E agora o seu goberno volta a acertar, subliñou, cando proclama que xa deixamos atrás o pior dos malos tempos: "Galiza sabe agora aproveitar os indicios de rexurdimento cando aínda teiman algúns en ver un panorama sen esperanza", dixo. Non podían faltar os consabidos ataques de Feijóo á opción nacionalista e tamén houbo dardos implícitos á emerxente Podemos Mais que outro as na manga gardaba Feijóo alén da K9? Nada moi concreto. Unha vaga referencia ao sector naval -"os nosos esteleiros están voltando á carga de traballo"- e a alusión a que en 2014 "batimos o récord de visitantes" no sector turístico, excepción feita do "Xacobeo 2010". Aliás, Feijóo avanzou que a economía galega poderá medrar en 2015 arredor do 2% e salientou que a débeda pública aumentou na Galiza menos que no promedio estatal. Aquí o presidente da Xunta omitiu dicer que desde que el goberna a débeda pública galega se multiplicou por tres. Alusión á lingua galega Non podían faltar os consabidos ataques de Feijóo á opción nacionalista -"ser galego non é ser excluínte, senón incluínte. Resultan difícil de entender os empeños por levantar fronteiras políticas alí onde non hai fronteiras humanas"- e tamén houbo dardos implícitos á emerxente Podemos (Feijóo distinguiu entre a "carraxe" construtiva -a indignación xusta ante a corrupción, veu dicer, aínda que omitiu pronunciar esa palabra- e a "carraxe" que "destrúe sen presentar os planos do novo edificio"). A coda final dedicoulla Feijóo á situación da lingua galega. Foi nun ton autocompracente e paternalista, sen facer ningunha referencia á perda sostida de galego-falantes que se está a producir baixo o seu mandato. E, como ao seu parecer non existe o problema, tampouco ofereceu ningunha solución. Limitouse a expresar que "Galiza é unha lingua" e que "o galego nos enriquece e mesmo nos facilita estar no mundo con boas ferramentas", unha velada alusión á lusofonía.
PRAZA_1505
Aínda que estaba previsto que Rocío Mosquera comparecese no Parlamento para informar sobre os recortes, finalmente foi o responsable de Asistencia Sanitaria do SERGAS, Ramón Ares Rico, quen interveu. SOS Sanidade Pública convoca unha concentración este xoves na Coruña
Estaba previsto que a conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera, comparecese este xoves no Parlamento para dar explicacións polo peche de camas hospitalarias -ao redor de 1.200- decretado polo SERGAS para este verán. Porén, finalmente foi o director xeral de Asistencia Sanitaria do SERGAS, Ramón Ares Rico, quen interveu. Un cambio que foi moi criticado polos grupos da oposición, chegando Montse Prado (BNG) a cualificalo de "estafa" e de "burla". Prado lembrou, igualmente, que esta negativa da máxima responsable de Sanidade a informar persoalmente dos recortes nos servizos hospitalarios se une á tardía comunicación pública da medida, que en 2014 foi publicada no mes de abril, pero que neste ano só foi confirmada a finais de maio, despois das eleccións municipais. A negativa da máxima responsable de Sanidade a informar persoalmente dos recortes nos servizos hospitalarios únese á tardía comunicación pública da medida, só confirmada tralas eleccións do 24M Ares Rico xustificou os peches, como xa fixeron outros cargos da consellaría noutras ocasións, nas vacacións das que gozan nestes meses os e as traballadoras dos centros. Unha explicación que foi rexeitada de plano por Montse Prado, que lembrou que "hai 7.000 enfermeiros e enfermeiras nas listas de contratación dos SERGAS", así coma "máis de 5.000 celadores e celadoras". A deputada do BNG sinalou que a non substitución das vacacións e o peche de camas están a provocar unha merma na calidade asistencial, unha realidade que para Prado responde a unha estratexia do PP para "desmantelar a Sanidade Pública". "Máis camas pechadas, aumento das listas de espera e desviación de doentes á sanidade privada, esa é a pretensión do PP para acabar coa Sanidade pública do noso país", dixo. Cada día, máis camas pechadas Todos os días chegan novas denuncias, dende as organizacións sindicais, pacientes e asociacións profesionais, sobre o peche de camas nos centros hospitalarios e os seus efectos no servizo ofrecido a os e ás usuarias. Na Área Sanitaria da Coruña, por exemplo, onde este verán os centros públicos ofrecerán 213 prazas hospitalarias menos, SOS Sanidade Pública denuncia que cada día o número de camas bloqueadas é maior, comezando a provocar un "novo colapso de urxencias", en palabras de Ramón Veras. A plataforma sinala que, se o 1 de xuño estaban xa pechadas 25 camas de Medicina Interna do Hospital Abente y Lago, progresivamente vanse bloqueando as camas das unidades que van pechar o 30 de xuño (como coidados paliativos, neuroloxía ou reanimación). "Estas camas non se pechan dun día para outro" -explican- "A medida que se dá de alta os pacientes que ocupan eses espazos, as camas bloquéanse e así continúan ata que definitivamente xa non se ocupan máis". SOS Sanidade Pública alerta do prexuízo que isto está a provocar nos e nas pacientes: "42 en espera de cama o luns pola mañá e 30 o martes, algúns deles xa levaban en espera de cama 2 ou 3 días. E iso que por agora aínda non están pechadas todas as camas previstas", din. "A medida que se dá de alta os pacientes que ocupan eses espazos, as camas bloquéanse e así continúan ata que definitivamente xa non se ocupan máis" Ademais do bloqueo de Neuroloxía (40 camas), Cirurxía plástica e Reumatoloxía (31 camas), Reanimación (18 camas), o peche do Hospital de día de adultos no Abente y Lago -que leva cirurxía sen ingreso de cirurxía xeral, mama, uroloxía, trauma, oftalmoloxía, dermatoloxía, colonoscopias con sedación- e do Hospital de día de adultos no Teresa Herrera -cirurxía sen ingreso de Otorrinolaringoloxía, maxiolfacial, xinecoloxía- provoca grandes atrancos. "O número total de cirurxías sen ingreso que se perden de facer diariamente ao pechar estas camas é 40", denuncian. "Non hai estacionalidade, non fan obras, non hai motivos para estes peches de camas salvo reducir gastos e non contratar substitucións do persoal", engaden. Dende a Plataforma explican que os pacientes dos servizos que van pechando e que precisen ingresar "terano que facer noutros servizos" onde a atención "non é igual que cando te atende a planta da especialidade que motivou a entrada no hospital". Deste xeito, o servizo de urxencias "xa colapsado habitualmente" ten menos camas a onde enviar aos pacientes, feito que obriga a aumentar camas de observación nas mesmas urxencias. "Os pacientes programados destas especialidades tamén vén aumentados os tempos de espera para ingreso", sinalan. Nos centros de saúde, engaden, "sucede algo parecido", pero no lugar de peche de camas "hai peche de axendas" cando falta o profesional ausente (vacacións ou por enfermidade). Cando non hai cita "o paciente vese obrigado a solicitar unha atención de urxencias se se encontra mal e considera que non pode esperar ata que hai cita na axenda", sinalan. Nos centros de saúde "sucede algo parecido", pero no lugar de peche de camas "hai peche de axendas" cando falta o profesional ausente (vacacións ou por enfermidade) A situación da Coruña, explicada polo miúdo polos representantes de SOS Sanidade Pública, reprodúcese nas restantes Áreas Sanitarias. No hospital de Lugo, por exemplo, están pechadas 34 camas nunha das unidades de Medicina Interna, provocando unha saturación de traballo e pacientes nas unidades que permanecen abertas, denuncia CIG-Saúde. SOS Sanidade Pública convoca unha concentración este xoves ás 20 horas no Obelisco da Coruña SOS Sanidade Pública convoca unha concentración este xoves ás 20 horas no Obelisco da Coruña. No acto, presentado por Isabel Risco, a Plataforma convidará a falar aos catro grupos municipais para que expresen a súa opinión sobre o peche de camas, a situación da sanidade pública e o seu compromiso coa mesma. O acto pecharase coa lectura dun manifesto.
NOS_17780
O BNG encara as eleccións do vindeiro 12 de xullo cunha folla de ruta para a reconstrución económica e social baseada en tres eixos: a saúde, o traballo e o benestar social das galegas.
A portavoz nacional do Bloque Nacionalista Galego (BNG), Ana Pontón, insistiu en que votar o 12 de xullo "en pleno estado de alarma" e nun proceso "imprevisíbel" de desconfinamento é "unha temeridade". Mais, unha vez anunciada a convocatoria electoral por parte do presidente da Xunta, asegurou que a súa formación "vai traballar desde o minuto cero para conseguir que a cita coas urnas traia o cambio galego que o país precisa para a reconstrución económica e social". "É unha temeridade e oxalá non haxa que lamentar esta decisión, de todo corazón o digo, pero a proba de que Feixoo está xogando con lume é que o propio decreto de convocatoria pode prever unha nova cancelación dando por feito a posibilidade dun reponte da pandemia que podería ter consecuencias moi graves porque o nivel de inmunidade da poboación galega fronte ao virus é mínimo, como sinalan os estudos epidemiolóxicos", explicou Pontón. Ana Pontón salientou que "se antes era necesario, despois da COVID-19 é imprescindíbel un cambio galego que permita poñer en marcha todo o potencial e toda a capacidade da Galiza, que aposte por unir este país en base a un grande acordo para a reconstrución económica e social". A alternativa do BNG, segundo adiantou, vai ter entre os seus grandes eixos "a saúde, o emprego digno e o benestar social". "Imos concentrar todos os nosos esforzos en explicar as propostas do Bloque para fortalecer os servizos públicos, en particular a sanidade, para a reactivación da economía en aras de recuperar os miles de empregos que están en risco, e imos explicar o noso modelo en materia de benestar social e os coidados sociais con especial atención á defensa do dereito a unha vellez digna", argumentou. As nacionalistas van estar centradas nas inquedanzas da maioría social: "O que hoxe preocupa ás galegas é como van pagar as facturas, como van chegar a fin de mes, como van facer para conciliar a vida laboral e familiar", manifestou Pontón, para sinalar que a xente nova está "desesperanzada", os sectores produtivos "en crise", o comercio local, a hostalería e o turismo "preguntándose polo seu futuro" e hai "un colectivo de 210.000 traballadoras por conta propia que non saben que vai pasar ao día seguinte". Debates electorais En relación á campaña electoral, que segundo o presidente da Xunta terá unha duración de 15 días que cada partido empregará "como considere", a líder nacionalista indicou que hai que ter en conta o contexto, mais iso non debe impedir trasladar á cidadanía as propostas, as alternativas e o modelo de país que cada forza política ofrece. "Espero que Feixoo non pretenda amordazar ao resto das forzas políticas despois de ter utilizado dunha maneira tan descarada aos medios públicos de comunicación, en particular á TVG", salientou Ana Pontón. Tomando como referencia o estado de alarma, detallou Pontón, desde o 14 de marzo ao 13 de maio, Feixoo "acaparou 1.463 minutos de emisión en directo na TVG". "O BNG non conseguiría esa cota de pantalla nin saíndo todos os días durante os catro anos de lexislatura", destacan na formación nacionalista. Neste sentido, Pontón reclamou que os medios públicos "xoguen un papel diferente" nestes comicios e propuxo que se realicen "cando menos dous debates na TVG, en horario de máxima audiencia, entre os candidatos e candidatas á Presidencia da Xunta". "No BNG estamos dispostas a ir a cantos debates se nos convoque porque é un dereito que teñen as galegas para coñecer cales son as propostas das persoas que aspiramos a presidir Galiza", aseverou.
NOS_28035
"Castelao continúa duplamente enterrado para a poboación galega, afirmou María Pilar García Negro, de Galiza Cultura, unha das promotoras da Iniciativa Lexislativa Popular para rematar coa ocultación da figura e obra do nacionalista para a que se recolleron máis de 11.000 sinaturas e que será debatida no Parlamento.
Representantes da comisión promotora entregaron esta terza feira no rexistro do Parlamento Galego máis de 11.000 sinaturas que avalan a Iniciativa Lexislativa Popular "sobre o dereito ao coñecemento e a contemplación da obra de Castelao polo pobo galego". A presidenta Galiza Cultura -entidade que agrupa as asociacións culturais-, María Pilar García Negro, o secretario xeral de CIG-Ensino, Anxo Louzao, o presidente da Mesa pola Normalización Marcos Maceira, e membros de asociacións culturais como Mª Antonia Pérez, de O Galo, Alberte Ansede, da Fundación Manuel María, ou Xoán Carlos Garrido, de Vagalume entregaron no rexistro do Pazo do Hórreo as sinaturas que permitirán que Castelao sexa o protagonista dun debate parlamentario sobre a necesidade de visibilizar a súa obra e a súa biografía. "A tres semanas de seren entregadas as medallas que levan o seu nome podemos dicir que Castelao continúa estando duplamente enterrado para a poboación galega. Queremos que se se utiliza o seu nome non sexa en van", explicou María Pilar García Negro ao tempo que defendeu a urxencia de mostrar a súa obra ara que sexa coñecida e apreciada. "O debate político que está a haber agora está perfectamente guionizado en moitas das páxinas que el escribiu" "Cómpre sacalo do enterramento duplo ao que está a ser sometido e ter en conta a actualidade do seu pensamento xa que o debate político que está a haber agora está perfectamente guionizado en moitas das páxinas que el escribiu", engadiu García Negro que lamentou que boa parte da súa obra non estea exhibida nin ao dispor do pobo galego. En especial, citou a obra "A derradeira lición do mestre", que se atopa en Arxentina e da que se pide o retorno na propia ILP. En canto ao resultado da tramitación parlamentar da ILP, García Negro mostrou a súa confianza en que "deputadas e deputados se comporten como xente ilustrada e que fagan honra ao patriota, pensador e artista sen o cal ninguén estaría agora como representante no Parlamento galego", dixo, destacando, neste caso que foi o propio Castelao o que "resgatou o Estatuto e conseguiu a súa tramitación parlamentaria e a aprobación nas Cortes". Centenario das Irmandades García Negro lembrou que Castelao é un dos impulsores das Irmandades da Fala polo que reclamou tamén para el unha maior atención de cara ao vindeiro ano, no que se conmemora o centenario da súa creación. A ILP demanda o "acceso público e aberto a través da rede de Internet a toda a súa obra dixitalizada para coñecemento e uso de todo o pobo galego" das case 4.000 obras da súa autoría. Desde a súa presentación pública, desde Galiza Cultura e as outras entidades promotoras desenvolvéronse actos por todo o país para buscar apoios e difundir o contido da ILP e, alén diso, a propia obra e figura de Castelao. Rexime cuartelario Antes de defender a ILP ás portas do Pazo do Hórreo, despois de ter rexistrado a ILP avalada coas sinaturas, García Negro lamentou non poder facer as declaracións aos medios de comunicación na propia sede parlamentar, habida conta de que as persoas alí presentes estaban na cámara de representación popular para promover unha iniciativa con máis de once mil sinaturas de avais, segundo o regulamento do propio Parlamento. García Negro criticou o "rexime cuartelario" da institución.
NOS_20543
Pontón propón un Fondo de rescate hipotecario para as familias.
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, propuxo esta segunda feira un fondo de rescate hipotecario no que a banca achegue 75% da contía, como unha maneira de "devolver" o que achegaron na crise anterior para o rescate das entidades. Este fondo estaría destinado a galegos e galegas con ingresos inferiores ao salario medio do Estado (26.832 euros anuais) e cuxa hipoteca teñan que dedicar un 30% dos seus ingresos mensuais netos. As hipotecas encareceron un 35% no mes de setembro pola suba do euríbor En rolda de prensa, a líder da oposición reclamou á Xunta que "tome a iniciativa" e se anticipe ante o "grave problema" que está a supor a suba dos tipos de interese para as 225.000 familias galegas que están a pagar unha hipoteca e que, por tanto, non se limite "a tomar nota" do que previsibelmente sucederá. Pontón advertiu de que a crise vai supor "apertar un buraco máis" no cinto para os galegos e galegas, que xa non "poden" soster nesa situación. Segundo os estudos, vai implicar de media subas de 200 euros mensuais, o que para algunhas familias pode significar perder as súas vivendas habituais. Dar un paso "á fronte" Recordou a portavoz nacionalista que mentres as familias viven afogadas co "descontrol "de prezos, a gran banca acumulou 16.000 millóns de euros de beneficio nos primeiros nove meses do ano, mais a día de hoxe "só devolveu unha parte ínfima" dos 90.000 millóns do rescate "que pagou a cidadanía hai apenas unha década" polo rescate bancario. Préstamos de 157.000 euros a 25 anos: estas son as condicións actuais das hipotecas concedidas na Galiza Para Pontón, "a Xunta non pode seguir arrastrando os pés nesta crise", polo que reclamou medidas como esta que expuxo o BNG. "Este é un momento no que toca rescatar ás persoas, pero motu propio a banca non vai devolver ni un euro, por iso toca que os Gobernos lexislen e adopten medidas en defensa da maioría social", concluíu.
NOS_3503
Remonta en Kharkiv (0-2) e pasa a oitavos da Europa League nun partido vibrante, de vertixe, que premia a crenza e perseveranza celeste.
Corría o ano 1998 e o Celta tiña pé e medio fóra da Copa da UEFA despois de caer derrotado en Balaídos (0-1) perante un Aston Villa que vivía unha época dourada. O pesimismo e o fatalismo roía o ánimo da afección celeste, sempre cunha pulsión ao derrotismo que, a deus grazas, foise correxindo nestes últimos anos (os celtistas do 4,01%). Villa Park estaba preparado para celebrar o pase do seu equipo a oitavos nun partido no que ao Celta case que se lle asignaba papel de convidado de pedra. O nabo. Os celestes asinaron un encontro memorábel, remontaron (1-3) e pasaron a eliminatoria. Goles de Juan Sánchez, Penev e, como non, Mostovoi. Ese espírito de Villa Park foi o que o Celta reviviu esta quinta feira perante o Shakhtar, remontando o 0-1 de Balaídos e gañando por 2-0. Desta volta, a armada celeste non desfaleceu e ao longo desta semana mantivo confianza e crenza no equipo, animándoo con iniciativas como a de #deseñapolocelta. Exhortaban os vellos petrucios de Balaídos: un equipo coas cores da bandeira galega e a cruz de Santiago no peito non pode saber o que é renderse. E abofé que non se rendeu. Foi un partido vibrante, intenso, de vertixe, no que Sergio e Pyatov estiveron exixidos e deron ambos os dous mostra do seu nivel. O Shakhtar saíu deixando claro por que é un rival de magnitude, cun contraataque preciso que manexa tan ben como a intensidade e o gosto por dominar o partido. Berizzo modificou levemente o deseño tradicional, cun Hugo Mallo de falso lateral para trazar un esquema no que Iago Aspas tivese máis liberdade. A primeira parte foi igualada. A segunda non careceu de intensidade, con ocasións por ambas partes. O Celta logrou o premio xa case fóra de tempo, cun penalti discutíbel sobre Guidetti que transformou Aspas. Había prórroga, cruzábanse os dedos. O Celta tivo cabeza, non toleou e leu mellor a prórroga do que o rival, que acusou o gol. Cabral dun testarazo marcaba o segundo tanto. O Celta remontara e clasificábase. 'хвилі приходять і йдуть...' (Ondiñas veñen e van...) Ficha técnica Shakhtar (0): Pyatov, Srna, Ordets, Rakitskyy, Ismaily, Fred, Malyshev, Marlos, Kovalenko (Stepanenko, min.72), Taison (Bernard, min.82), Blanco, Leschuk. Celta (2): Sergio, Hugo Mallo, Cabral, Fontàs, Jonny, Roncaglia (Jozabed, min.58), Wass (Bongonda, min.80), Pablo Hernández, Iago Aspas, Sisto (Rossi, min.84), Guidetti. Goles: Iago Aspas, 0-1, min.91 (de penalti); Cabral, 0-2, min.108. Árbitro: Slavko Vini, de Eslovenia. Amoestou Gustavo Blanco, Pyatov, Fred e Srna (Shakhtar); e Iago Aspas, Roncaglia, Jonny, Guidetti e Bongonda (Celta) .
NOS_38781
A senteza, pioneira na Galiza, declara a responsabilidade do banco entendendo que debería contar con sistemas de seguridade capaces de evitar o roubo de códigos de acceso por parte de terceiros.
Unha sentenza do Xulgado de Primeira Instancia número 11 da Coruña obriga o Banco Santander a pagar un total de 1.100 euros a un dos seus clientes por fraude bancario derivado de fallas no sistema de seguridade da entidade. Impulsan unha demanda conxunta para recuperar o diñeiro roubado polo 'phishing' A sentenza, en síntese, declara a responsabilidade do banco como provedor de servizos de pago polas perdas do cliente, entendendo que debería contar con sistemas de seguridade capaces de evitar o roubo de códigos de acceso por parte de terceiros. Sentenza pioneira En declaracións a Nós Diario, o avogado do cliente afectado, Ignacio Meizoso, manifesta que "esta é unha das primeiras sentenzas deste tipo na Galiza". Os erros nos sistemas de seguridade por parte de entidades bancarias, sobre todo no banco Santander, é "algo moi común", segundo indica Meizoso. Para alén diso, destaca que, noutros territorios do Estado, "o Santander chega a acordos extraxudicialmente para pagar aos seus clientes neste tipo de casos, mais na Galiza non o fai. Aquí a entidade obriga a ir a xuízo, facendo así que as persoas afectadas teñan que gastar diñeiro en avogados e outros gastos derivados de procesos xudiciais". O cliente ao que o banco Santander ten que pagar os 1.100 euros, foi vítima de phishing, un tipo de fraude consistente na captación ilícita de datos persoais principalmente relacionados con claves para o acceso a servizos bancarios e financeiros. A técnica do phishing utiliza o correo electrónico para pórse en contacto cos usuarios, utilizando mensaxes que imitan, case á perfección, o formato, linguaxe e a imaxe das entidades bancarias.
NOS_16262
Na vindeira sexta feira 26 estréase nas salas comerciais Nación, o último filme de Margarita Ledo, premiado no Festival de Cine Europeo de Sevilla e que xa se puido ver na pasada edición de Cineuropa. Nación aborda o tema da loita obreira desde unha perspectiva feminina que lle outorga ao filme un carácter de manifesto que revela e invita á rebelión; un aviso de como o capitalismo especulativo ameaza non só a economía produtiva e o benestar da cidadanía, senón tamén a identidade e os dereitos adquiridos ao longo de moitas batallas e vindicacións.
Quizais o grande achádego de Nación é a vinculación do termo "nación" ao feminino. Como chegou a ese concepto? A reivindicación do feminino ten a ver coa soberanía popular, coa igualdade de dereitos, en resumo, coa cidadanía. Todo o que está relacionado con esa lenta conquista da independencia persoal, do dereito ao traballo, da formación dunha identidade… está moi pegado á loita das mulleres e, claro, está vencellado a través dun dos aspectos centrais dentro da sociedade na que estamos: o dereito ao traballo asalariado, que é o que che permite a independencia e a participación na esfera pública. Poder saír do espazo doméstico e participar do social é a vía para vincular o feminino e a construción da nación. E tamén está aí a relación entre xénero e clase: as mulleres atopan na fábrica, no traballo asalariado, a vía para construír a súa identidade e a súa independencia. Hai algo no que habitualmente non nos paramos a pensar: as mulleres da xeración que retrata a película comezan a traballar moi novas, quizais con catorce anos, e axiña se organizan e estabelecen esa rede invisíbel entre todas elas para reivindicar todo aquilo que precisan a nivel cotián: o tempo para dar de mamar aos fillos, os economatos, a xornada continua… É moi importante nese sentido o encontro entre elas, o ir recoñecéndose e queréndose como corpos activos, que é, a fin de contas, a construción dese espazo público. Este é un filme que fala de mulleres traballadoras que reivindican o seu dereito ao traballo e, daquela, é un filme de clase e un filme feminista: as dúas cousas están entrelazadas. Esa é tamén a historia da Pontesa. Unha fábrica de envergadura que, dalgunha maneira, articula a nivel de traballo toda unha bisbarra, e vemos como a riqueza que produce acaba destruíndose á mantenta. A cambio de que? Da especulación. Se non conseguimos asegurar os dereitos de base, nunca poderemos considerarnos persoas completas. A reivindicación do corpo, que é por onde pasa todo, é a reivindicación dun corpo enteiro, completo. Un corpo individual e un corpo social. O corpo na pantalla de cinema ten que ser unha reivindicación do corpo na esfera pública: corpos non canónicos, corpos de idade, corpos que están en movemento… Corpos que se relatan a si mesmos para que nós partillemos tamén esa experiencia que nos vai transformar, que vai mudar a perspectiva coa que vemos as cousas e vainos obrigar a tomar partido. Nese sentido, o filme é case unha historia do capitalismo nas últimas décadas, que reflicte moi ben o paso da economía produtiva á economía especulativa. É xustamente iso, porque esa é tamén a historia da Pontesa. Unha fábrica de envergadura que, dalgunha maneira, articula a nivel de traballo toda unha bisbarra, e vemos como a riqueza que produce acaba destruíndose á mantenta. A cambio de que? Da especulación. Nun dos arquivos que recuperamos, unha das mulleres dío claramente: "Isto non lles rende o suficiente e agora queren construír pisos". E nese paradigma estamos. A Pontesa, que era unha fábrica modélica por moitas razóns, vai pasando de man en man e de corrupción en corrupción até chegar ao fechamento definitivo no ano 2001. Estamos nese capitalismo absolutamente destrutivo e corrupto: a lei está feita á súa medida. Cando traspasas a liña, cando creas unha rede e sabes cales son os teus dereitos, non volves atrás. No filme vemos como xorde, non sei se chamalo un suxeito revolucionario, que é inequivocamente feminino. Agora resulta moi evidente, tendo en conta que, se revisamos as imaxes das grandes loitas que se deron na Galiza –as Encrobas (Cerceda), Xove, Castrelo de Miño… até chegar a Pontesa–, a iconografía está ateigada desas estampas de mulleres facéndolle fronte á policía, ás forzas armadas. Todos os meus filmes, e neste dunha maneira moi evidente, traballo con tres tipos de arquivos: uns máis persoais ou domésticos, os procedentes dos medios de comunicación –eses que como sociedade deberiamos coñecer–, e os arquivos "oficiais". Neste caso, as sorpresas viñeron da parte da Televisión da Galiza, que é onde se poden ver ese tipo de enfrontamentos directos. Aí podemos ver o que se pode chamar a "épica das mulleres", das que falaba o outro día Encarna Otero nun coloquio –unha desas cousas que se ocultan, porque parece que a épica sempre é masculina, outro dos enganos cos que se constrúe o pensamento dominante. Pois ben, esas mulleres vense na rúa e saben por que están aí, non van dar un paso atrás. Eu o que fago en Nación é acompañar eses arquivos cos de militantes como Carlos Varela Veiga nos que se mostran mulleres moi activas. Son arquivos nos que podes atopar, por exemplo, mulleres organizando a entrada na praia de Baldaio (Carballo), naquel confronto que se deu en 1977 [cando se permitiu a extracción de area para a construción mentres se lles prohibía mariscar ás habitantes da zona]. Esa presenza dáse porque cando traspasas a liña, cando creas unha rede e sabes cales son os teus dereitos, non volves atrás. O que xa coñecen as mulleres é a condena ao mutismo, a non ter existencia. E cando iso se traspasa –que historicamente adoitou ser a través do traballo ou da emigración– non queres volver a aquela negación da túa identidade. É certo que isto estase combatendo nas rúas e que hai un medre da conciencia arredor das grandes mobilizacións feministas, mais iso non compensa a mingua da presenza das mulleres no mundo das relacións laborais. Esa recuperación das imaxes de arquivo das que falaba son un sinal dunha historia ocultada, dun relato que, se cadra, aínda está por escribir, e ao que as novas xeracións non teñen acceso. Non teñen acceso nin sinais de que todo aquilo tivese acontecido, que é o peor. É como se caese un veo sobre todo o que ocorreu. Por iso é importante ver o pasado no noso presente, porque está configurando todo o que somos e o que nos sucede, coñezámolo ou non. Nación comeza coa figura da esfinxe que expresa o seu desexo de "apagar a escuridade" porque desde a noite dos tempos a muller estivo condenada á escuridade. Iso foi transformándose a partir dos principios do século XX: moi lentamente, mais foron conquistándose espazos e dereitos. Mais, desde a aparición dese neoliberalismo feroz e destrutivo do que falabamos, corremos o risco da involución, regresa a ameaza da exclusión da esfera pública. Aparentemente, existe máis presenza da muller e multiplícanse as estatísticas que demostran que hai máis mulleres en moitos ámbitos. Mais o que describe a sociedade con precisión é saber quen toma as decisións, quen está nos postos de poder. Coido que neste momento todo isto é moi importante porque xa van alá moitos anos de perdas, de expulsión da muller do ámbito laboral, e iso vai producindo precariedade non só económica, senón tamén psicolóxica: a autoestima cae, pensas que tes que volver depender doutra persoa para seguir adiante… en suma, increméntanse a incerteza e a indefensión. É certo que isto estase combatendo nas rúas e que hai un medre da conciencia arredor das grandes mobilizacións feministas, mais iso non compensa a mingua da presenza das mulleres no mundo das relacións laborais. A festa é importante, pero se só filmamos a festa convertémonos en figuras que están constantemente posando nos rituais, e o real que hai detrás é moi diferente. A recuperación dos espazos de traballo, dos escenarios reais, proporciónanlle ao filme un plus de verosimilitude. Godard falaba das reticencias do cine para entrar nos lugares de traballo, para ver os corpos en acción facendo o que habitualmente fan. Godard insistía moito niso e creou esa liña de filmar os lugares de traballo. Mais é certo que o cine non entra habitualmente nas fábricas, nos espazos onde se desenvolve a vida laboral. Existe esa idea cristiá do traballo como punición e iso falsea a vida que se mostra no cine: parece que só se debe filmar a festa, o ocio. A festa é importante, pero se só filmamos a festa convertémonos en figuras que están constantemente posando nos rituais, e o real que hai detrás é moi diferente. O lugar de traballo, neste caso, era o lugar de organización, o que posibilitaba as vacacións, o que construía a autoestima e a sororidade, e o que permitía non depender de ninguén. No caso de Pontesa, contabamos coa vantaxe de que o edificio é sumamente atractivo, ten unha plasticidade moi soprendente. Ademais, era necesario visualizar o que a perda dese lugar significaba para eses corpos protagonistas. E, de feito, a entrada nese espazo, na sala das taquillas, converteuse na imaxe do filme. A partir de aí podiamos recuperar o berro das mulleres cando perden o traballo. Ese berro que aparece nunha escena en que fan unha acusación fortísima ao elemento masculino da fábrica que se alía coa patronal para botalas: unha acusación que no fondo é de falta de conciencia de clase. Engarzar as imaxes da saída das traballadoras de Cerámicas O Castro coas de "La Artística" de Vigo filmadas por José Gil en 1923, sinala ese papel da imaxe, do cinema, na construción dun relato colectivo que mesmo evoca o nacemento do cine, coa saída dos obreiros da fábrica filmada polos Lumière, aínda que, desta vez, en feminino. Eu pensaba en filmar fábricas en produción, como falabamos antes, e só atopei esta do Castro e Arcadia, en Arcade (Soutomaior). Ese enlace é a constatación da importancia do traballo industrial para as mulleres. Esas imaxes de José Gil, que é un dos nosos mellores cineastas, proxéctanse sobre o fondo sonoro da saída actual, o que transforma o plano nun palimpsesto que vincula pasado e presente e que reafirma a miña convicción de que as cousas puideron e deberon ser doutro modo. Outra cousa é que tivésemos forzas ou non para desviar os roteiros polos que foi a Historia e que non temos por que aceptar. Se falamos de identidade, resulta dunha gran violencia constatar como a lei está noutra lingua, como no xuízo as palabras da Lei están nun outro idioma que non é o das demandantes. A lei que supostamente vai xulgar se a súa demanda é xusta ou non, nin sequera lles fala na súa lingua e exprésase en castelán cunha naturalidade case agresiva. Conseguimos gravar nada máis que o inicio do xuízo, mais é importantísimo ter esas imaxes. E é importantisimo telas tal e como son: dous planos, un campo –a xustiza– e un contracampo –as demandantes–. Ese campo e contracampo están tan marcados que se converten nun deses elementos que non esqueces. Prodúcese un corte non buscado –até eu pensei que ese tipo de xuízos serían en lingua galega, aínda que só fose por respecto a quen demanda– pero constata unha realidade dun modo moi brutal. Asmulleres que emigraban eran persoas de restroballo, expulsadas da súa comunidade. E non só por unha razón económica. A recuperación da palabra da que falabamos enlaza directamente con outro filme seu, A cicatriz branca. Naquela película, esa recuperación da palabra foi a cerna, porque as mulleres protagonistas, as emigrantes, eran mulleres sen fala. Dun xeito diferente ás de Nación, porque estas xa aprenderan a falar a través dunha vida de traballo na fábrica. Mais as mulleres que emigraban eran persoas de restroballo, expulsadas da súa comunidade. E non só por unha razón económica. En A cicatriz branca, partín dunha frase –da que non consigo atopar a orixe, anoteina sen apuntar a procedencia e agora non son quen de lembrala– que dicía: "Sentiámonos libres porque non tiñamos o idioma para expresar que non tiñamos liberdade". Reflectía unha realidade terríbel: sentirte nunha situación que é falsa porque non tes as ferramentas para saber que non tes liberdade. Malia que en todos os meus filmes sempre estivo presente a mirada feminina, é a partir de A cicatriz branca que me decanto por un cine declaradamente feminista. E Nación segue ese ronsel. As miradas directas das actrices á cámara, que están presentes noutros filmes seus, adquiren aquí un significado máis potente –moi relacionado con ese tomar a palabra– en canto que semella que esas mulleres recuperan a fala para dirixirse especificamente ao público. Si, aínda que en menor medida, iso xa estaba en Santa Liberdade. Mais aquí está dun modo moi claro e moi premeditado e creo que cunha densidade significativa moi alta. Creo que son desas escenas dos filmes que che quedan na cabeza durante moito tempo e que eu, como directora, preciso que sigan dando voltas na mente do público. Aí a pantalla funciona como pasaxe cara a fóra, non como barreira. Nese sentido é determinante ese monólogo final de Mónica Camaño, falando das represaliadas na guerra, con esa frase, "elas somos nós", que indica a continuidade da Historia e da loita. Creo que Mónica Camaño fai un papel maxistral nesta película. Ela traballa comigo desde o primeiro filme e é unha actriz coa que me entendo moi ben porque ten a capacidade de mudar de rexistro nun momento, seguindo unha dinámica de traballo na que sempre pode aparecer algo novo que podemos integrar na película e obriga a variar todo o conxunto. Ese "elas somos nós", que se pode aplicar a todo o que trata Nación, resume un pouco a potencia que ten o filme, que reside en todos os rexistros que consegue anoar. Entrelazar tempos e materiais de orixes diferentes, arquivos con escenas actuadas, o relato e a presenza das protagonistas coa das actrices… Conseguir que todo ese material se funda para construír un relato creo que é o que lle dá o valor á película. Nesa coherencia que adquiren os materiais, ten moita relevancia a banda sonora de Mercedes Peón, que axuda a vertebrar as imaxes en moitas pasaxes moi significativas do filme, non se limita a unha ilustración máis ou menos acaída. É que Mercedes constrúe a partir das imaxes. Non compón unha banda sonora que logo se adapta, senón que escribe a partir das imaxes xa rodadas. Puidemos permitirnos este modo de traballar porque este é un filme de orzamento modesto e porque tivemos moito tempo para completar a película. Rematamos a rodaxe e entramos na primeira vaga da Covid-19 e, daquela, tivemos a oportunidade de facer as cousas con calma. Eu xa traballara con Mercedes Peón en Líster e na curta Cienfuegos e, por incríbel que pareza, esas foran as únicas bandas sonoras que compuxera até o de agora. Agora xa está facendo outras, mais creo que a xente tardou moito en decatarse do don que ten para este traballo. Antes falaba do berro das mulleres ante a perda do traballo. Nun momento dado, o filme recolle imaxes que contextualizan ese berro da muller e que dan unha nova lectura ás imaxes de, por exemplo, a romaría do corpiño. Claro, o lugar do berro era o lugar do histerismo. Cando xa vemos que o traballo rematou, que xa estamos no xuízo no que as traballadoras exixen que se cumpran os acordos aos que se chegou coa empresa, saímos cara ao isolamento, cara ao laio interpretado por Mónica de Nut que engarza co berro das que botan o demo pola boca. Iso lévanos á memoria e a un final que pode ser dramático mais que tamén é de renacenza. En todo caso, Nación tamén introduce unha visión moi poética da loita destas mulleres que se pode resumir moi ben na figura interpretada por Eva Veiga, esa esfinxe que outorga un carácter intemporal ao que se narra. Si, porque esa parte do imaxinario do desexo e da poética tamén axuda a atravesar muros, a "sobordar as cercas" como se di no filme. Se non, non se entende tampouco a resiliencia destas mulleres.
NOS_45640
Colectivos e organizacións advirten do dano irreparábel que iso suporía para o patrimonio marítimo de Galiza.
O proxecto de paseo marítimo da Seara, en Moaña, pon baixo ameaza a dous antigos estaleiros da zona: a carpinteiría de Casqueiro e o estaleiro de 'Carlagho'. Así o denuncian desde a Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial, así como de diferentes colectivos e entidades. Nun primeiro proxecto contemplábase "unha solución de madeira sobre pilotes para o paseo, respectando o patrimonio marítimo da zona": estes antigos estaleiros e rampas e escaleiras ao mar. Mais finalmente o proxecto que se pretende executar é, sinalan desde a Federación, "un paseo marítimo 'típico'" que vai supoñer a eliminación das rampas e escaleiras e a "eliminación da fachada e acceso o mar dos dous estaleiros". Con vida 'Calagho' está a ser usado por Sueste (agrupación cultural e recreativa centrada no mundo do mar) para reparar barcos tradicionais, organizar cursos, actos culturais... No que atinxe a Casqueiro, e segundo sempre a Federación galega, ten concesión até 2018. "Ambas instalacións son importantes elementos do patrimonio marítimo moañés". Ainda que a oposición en Moaña conseguiu parar no pleno o proxecto e paseo, "o alcalde pretende levalo adiante de todos modos, xa sexa chegando a un acordo ou aprobándoo na Comisión de goberno". FGCMF apunta que mesmo o arquitecto Juan Manuel Fernandez Rivas, quen tivo a idea inicial para o paseo, "presentou un informe sobre o actual proxecto do paseo onde deixa claro que de levarse a cabo tal como está previsto, o dano ao patrimonio marítimo sería irreparable".
NOS_4751
O presidente ruso nega que vaia atacar Ucraína mais advirte que se a poboación do leste dese país lle pide axuda "defenderíaos". Afirmou que "non hai presidente lexítimo en Ucraína até as novas eleccións" e criticou o papel de EUA e UE: "O derrocamento (de Yanukovich) foi moi ben orquestrado".
Vladimir Putin compareceu ante a imprensa internacional para falar da crise de Ucraína. Unha comparecencia na que defendeu que o seu país está a actuar "de maneira lexítima" en contraposición ao que aconteceu en Kiev: "O derrocamento do goberno ucraíno de Ianukovich) foi moi ben orquestrado". Foi, insistiu, "un golpe de estado anti-constitucional, unha toma armada do poder". E foi algo no que Occidente, ao seu xuízo, tivo moito a ver. ""Por que Occidente fixo un experimento en Ucraína sen pensar nas consecuencias?", preguntou. "Creo que EUA ten un departamento onde idea experimentos sobre os ucraínos como se fosen ratas" "Estados Unidos fórmase obxectivos xeo-políticos e despois arrastra a todo o mundo tras deles", manifestou, engadindo que os "EUA trata de fundir a quen non siga as súas regras". E, contundente, o presidente de Rusia manifestou a súa crenza de que "EUA ten un departamento onde idea experimentos sobre os ucraínos como se fosen ratas" . Mensaxe de tranquilidade, mais tamén de firmeza Vladimir Putin dirixiuse aos e ás ucraínas para transmitirlles que teñen "todo o dereito a decidir o seu propio destino", apuntando a que "a anexión de Crimea a Rusia non está contemplada" e que Rusia "non vai combater o pobo ucraíno". Como mostra, lembrou que en Crimea "non houbo nin un só disparo, nin unha vítima". Putin afirmou que @s ucraín@s estaban lexitimados para protestar contra Ianukovich. Mais o derrocamento do goberno foi ilexítimo e pon en risco a estabilidade do país Mais ao mesmo tempo o presidente ruso tamén mandou unha mensaxe clara a 'bos entendedores': "Se a poboación do leste de Ucraína pedise axuda, poderiamos usar recursos para defendelos". Recoñeceu que se reforzaran efectivos nos cuarteis militares "tras aparecer combatentes neo-nazis" e sinalou: "Non hai necesidade de usar tropas en Ucraína polo de agora".
NOS_23582
Caída nas vendas e consellos de seguridade aconsellan paralizar a extracción.
Varias confrarías da Ría de Arousa pedirán esta segunda feira á Consellaría de Mar que paralice a extracción marisqueira, tanto a pé como a flote. Unha medida que xa solicitaran a semana pasada mariscadoras do sur de Galiza e que cada vez máis confrarías valoran como a acaída. Pídenllo á Xunta ao ser esta quen ten as competencias exclusivas en marisqueo e para que as profesionais (case 4.000 na Galiza na modalidade a pé) poidan recibir axudas. A situación, recoñecen no sector, é preocupante. O feche da hostelaría polo coronavirus saca ao marisqueo un cliente crucial. "Era o que compraba o produto bo e de maior prezo, ese non o van comprar os fogares tal e como está a cousa", recoñecen. Constatan, ademais, que hai unha caída nas vendas en lonxa. Hai raleiros (mariscadoras a pé) que recoñecen que ante a ausencia de vendas ou o baixismo prezo do produto optaron por "devolver o marisco ao mar", perdendo así a xornada de traballo. E a isto engaden a cuestión de seguridade: insisten en que realizar estas tarefas non é o máis acañido cando as recomendacións son de confinamento seguir coa actividade é un "risco". O presidente das confrarías galegas e patrón maior de Ribeira, José Antonio Pérez Sieira, avisa da situación "complicada". "O sector moito máis non vai resistir", sentenza. A modo de exemplo, lamenta que "baixaron moitísimo os prezos" no "peixe que máis se come nas casas" . Apunta que se esperaba unha caída "importante" en especies máis vinculadas á restauración como sargo, linguado ou rodaballo, pero "non se contaba" a baixada das que teñen un consumo máis habitual. En canto ao marisqueo, a situación é aínda peor, pois especies como o percebe, ameixas ou ourizo están "paradas" en rías enteiras como a de Arousa "ao non haber" nin restaurantes nin vodas nin eventos, resalta o presidente da Federación Galega de Confrarías. "O marisqueo xa nada, é inviábel; pero na pesca se saes á mar e non cobres gastos é mellor amarrar o barco e quedar en terra", reflexiona. Con todo, subliña que se está mantendo o abastecemento de supermercados. A Asociación Mulleres do Mar de Arousa e a confraría de Vilanova de Arousa informan de que as mariscadoras a pé da ría "están a optar por quedar en casa", a pesar de ter permiso para manter a súa actividade, debido ao descenso "considerábel" da demanda.
NOS_22241
O impagamento do aluguer é hoxe, de lonxe, a causa maioritaria dos lanzamentos xudiciais na Galiza, o que se coñece como desafiuzamentos. Distintas entidades de corte social reivindican o apoio mutuo e a acción e a reivindicación como a mellor ferramenta, diante da ineficacia das Administracións ante un problema que é "estrutural, complexo e colectivo".
Na Galiza, catro de cada cinco lanzamentos –o acto polo que se desaloxa unha persoa por orde xudicial, sexa da súa vivenda ou doutra clase de inmóbel– son consecuencia do impagamento do alugueiro. O dato, que corresponde ao informe feito público no día de onte polo Tribunal Superior de Xustiza (TSXG), concreta que dos 445 lanzamentos practicados entre xullo e setembro, 362 (81,3%) foron derivados da aplicación da Lei de Arrendamentos Urbanos; dos restantes, cerca de 17% ten que ver con execucións de hipotecas. A tendencia vense advertindo desde principio de ano: no primeiro trimestre, os lanzamentos por impagamento de alugueiro xa supoñían 77,5% dos 648 totais, e no segundo foron 76,2%, con 501 dos 657. Malia que as cifras destes períodos, moi superiores ás do ano precedente, están afectadas pola folga xudicial vivida en 2018, que reduciu entre febreiro e maio dese ano o número de dilixencias, a porcentaxe si parece estábel, tendo en conta que xa o ano pasado os despexos por arrendamentos representaron 73% dos practicados. "Os despexos son un indicador claro do problema grave que temos coa vivenda, pero alén deles existen outras expresións desta falta de dereitos", reflexiona Diego Lores "O problema está en que se segue primando o dereito á propiedade sobre o dereito á vivenda, sexas particular, entidade financeira ou fondo voitre. Mentres esa concepción non cambie só terás casa en función do que poidas pagar", observan desde Stop Desafiuzamentos Compostela, onde lamentan a desmobilización social após o momento álxido do 15M. "Se non estamos na rúa non conseguimos nada", sinala unha portavoz, que prefire identificarse como integrante, e que ve nas persoas arrendadoras "outras vítimas da estafa do sistema", ao ter sido en moitos casos empurradas á especulación como mecanismo para asegurar os seus aforros. "A diferenza é que elas si teñen armas legais para facer valer o seu dereito á propiedade", opina. Información, apoio mutuo e denuncia colectiva "Os despexos son un indicador claro do problema grave que temos coa vivenda, pero alén deles existen outras expresións desta falta de dereitos, xente que non ten aloxamento perenne, que ten que ir cambiando entre casas de familiares, veciñanza e outros por non poder asumir o prezo do alugueiro por moito tempo. Hai que recordar que o crecemento do prezo da vivenda non se corresponde co dos salarios", reflexiona Diego Lores, membro da Oficina de Dereitos Sociais de Coia, en Vigo. Trátase dun espazo que ofrece información e alternativas sobre axudas sociais no barrio. "Esa información é para nós a escusa para relacionármonos coa veciñanza e buscar respostas colectivas a problemas que nos afectan a todas, respostas de apoio mutuo e denuncia de problemas que son sistémicos", expón o activista, que lembra as accións públicas que desenvolveron hai unhas semanas contra o desafiuzamento dunha parella con dúas fillas menores. A mobilización, "pero tamén moitas xuntanzas", levaron a que hoxe a alternativa habitacional para esta familia estea máis próxima, a través dun alugueiro social da Xunta. "Falar de vivenda é falar dun problema complexo, que atinxe a tres administracións –a central, a Xunta e distintos servizos municipais–. E o que atopamos é insuficiencia, ineficacia ou deixadez das políticas públicas que garantan este dereito", sinala. A nivel galego, os números falan de 1.709 lanzamentos en 2018 e outros tantos (1.750) no que vai de 2019. Para Lores, os díxitos teñen nomes propios e problemáticas concretas cando chegan á Oficina de Dereitos Sociais. Criminalización "Un dos compañeiros está agardando pola Risga, outro, un mozo, alterna empregos precarios e vive nunha casa ocupada, hai outra muller que ten recoñecida unha discapacidade de 99% pola Xunta e que vive entre casas de familiares e veciñas... Tamén se amosa moi crítico co papel das Administracións. "Cando o alcalde di que en Vigo 'quen durme na rúa é porque quere' está banalizando un problema que é estrutural, complexo e colectivo. Non se poden lanzar esas mensaxes que focalizan nun colectivo, criminalizan e simplifican. Botar a culpa aos colectivos é esquecer que os prezos do mercado do alugueiro medraron moi por riba dos salarios", advirte, e remítese tamén a datos recentes que indican que a Xunta acaba de denegar as súas axudas ao alugueiro á gran maioría das persoas solicitantes.
NOS_31974
Profesionais e colectivos de defensa do sistema de saúde público consideran "incomprensíbel" que o Sergas destine 659.000 euros a pagar cregos mentres na sanidade pública falta persoal e medios. Os servizos relixiosos, explican, entran na dimensión persoal e privada de cada quen e non deben ser sufragados con diñeiro de todos e todas. "Destinan 659.000 euros a cregos mentres xustifica recortes de persoal sanitario co argumento de que non hai cartos".
O Sergas ten orzamentada para 2018 unha partida de 658.664 euros destinadas a persoal relixioso, unha cifra levemente superior á que destinou á mesma finalidade en 2017 (652.000 euros). Neste 2018 son 52 as prazas de relixiosos: 41 a xornada completa e 11 a media xornada. Desde asociación e colectivos de sanidade pública consideran que os cartos públicos na sanidade pública debían ir, en boa lóxica, para a sanidade pública. Manuel G. Moreira, médico de familia e un dos voceiros da plataforma SOS Sanidade Pública ,incide na contradición de que se destinen 659.000 euros a contratar servizos relixiosos para a sanidade pública "mentres desde o Sergas se xustifica o recorte de persoal en cuestións económicas". A Consellería argumenta para eses recortes que non hai cartos abondo mais si que os hai para pagar capeláns. "Ese diñeiro ten que ir a garantir unha asistencia sanitaria a tempo e de calidade", explica Moreira. "Non podemos asumir que se recorte persoal sanitario" e haxa partidas económicas de diñeiro público para pagar servizos relixiosos nos hospitais públicos. Así, indica, a cuestión relixiosa entra no ámbito persoal de cada quen, polo que os servizos relixiosos na sanidade pública non deberían correr con eses gastos e custos. "Que demanda a sociedade?" Na mesma liña se expresa Xosé Dios, médico especialista en Atención Primaria e implicado en plataformas de defensa da sanidade pública. "É anacrónico e incomptensíbel", considera. "Dinnos que non hai diñeiro para médicos nin para enfermería mais si que hai para pagar sacerdotes", afirma. Considera "de sentido común" que os servizos relixiosos non se paguen con diñeiro público e refuta o argumento do Partido Popular [que defende pagar estes servizos na sanidade pública "porque o demanda a xente"]: "Eu creo que a xente o que demanda é un bo servizo de urxencias, bos especialistas, que non haxa estas listas de espera...". Xosé Dios vé "inxustificábel" que non haxa cartos para garantir que ás persoas doentes sexan operadas en prazo mais si para servizos relixiosos. En 2018 o Sergas destina a pagar capeláns nos hospitais 3% máis que hai catro anos. Son gastos que figuran como "atención especializada". Ao longo destes anos, oposición parlamentar e colectivos en defensa da sanidade pública pediron sen éxito que esa partida fose a outros destinos máis necesarios. O PP defende contra vento e maré que, en virtude daquel convenio asinado cando Romay Beccaría era conselleiro de Sanidade, eses miles de euros de diñeiro público vaian para pagar relixiosos.
NOS_24482
Xosé L. Martín Freire era actualmente membro do Consello Confederal da CIG. Desde mozo estivo implicado na loita obreira e participou na constitución do Sindicato Obreiro da Construción.
Era coñecido por todos como 'Paio' e 'Paiosaco' mais o seu verdadeiro nome era Xosé Luis Martín Freire. Desde moi novo implicouse no compromiso de construír unha ferramenta nacional e de clase co movemento obreiro galego. Nesta loita, tomou parte na constitución do Sindicato Obreiro da Construción, formou parte destacada da CTG, e posteriormente da INTG e da CXTG, organizacións que converxerían na actual CIG. Foi o primeiro Secretario Comarcal da CIG da Coruña, destacado membro da Executiva Nacional da Federación de Servizos, e na actualidade era membro do Consello Confederal da CIG. A central nacionalista destaca a labor "deste incansábel loitador que contribuíu, dedicando boa parte da súa vida, a fortalecer e consolidar o sindicalismo nacionalista de clase".
NOS_35788
Figura retórica que, en todo caso, viña a significar "conseguir que o alumnado catalán se sinta tan orgulloso da súa identidade catalana como da súa identidade española", tal e como explicou o ministro de Educación, quen loou a política lingüística da Galiza por ter conseguido "a convivencia entre linguas". Aliás, negou terse "dobrado" perante os desexos da Conferencia episcopal
O estudantado da Galiza non hai que o "españolizar" porque aquí a Xunta de Galiza xa se encargou de por en marcha unha norma "que garante a convivencia entre as dúas linguas e permite rematar a ensinanza obrigatoria con competencias tamén en castelán". Unha situación semellante dase en Euskal Herría, segundo explicou esta segunda feira o ministro de Educación, José Ignacio Wert, nunha entrevista concedida á Cadena Ser en que explicou que aquel "interese" manifestado a respeito de "españolizar nenos cataláns" non foi máis que "unha figura retórica" que non se entendeu. O que quería dicir Wert é que a súa lei educativa, a LOMCE, persegue o obxectivo de que o alumnado de Catalunya se sinta "tan orgulloso da súa identidade catalana como da súa identidade española". Españolizar, vaia. Para alén de destacar o que para el son as virtudes da contrarreforma empregando conceptos como "competencia", "rendemento" e "esforzo" até o punto de sinalar que as avaliacións incorporadas ao final de cada etapa educativa "non son reválidas porque non son un test de coñecementos senón de competencias", dixo que a obriga de escoller un itinerario formativo aos 15 anos pretende ser "un camiño eficaz" con que "rescatar" aquel alumnado que ao chegar a esta idade abandona os estudos ao non querer seguir coa ESO, no canto de escoller unha formación profesional. "Tampouco é obrigatorio abortar e vostedes van reformar a lei do aborto" O momento álxido da entrevista foi cando Wert se empeñou en defender a presenza da relixión no ensino público como materia computábel para pasar de curso ou para optar a unha bolsa de estudos. "É unha materia opcional, a ninguén se lle obriga a estudala", dixo, ao que a xornalista replicou: "tampouco é obrigatorio abortar e vostedes van reformar a lei do aborto". O ministro saíu por onde puido e dixo que "eu xa teño bastante co que teño". Negou calquera presión ou trato de favor á Conferencia episcopal con esta promoción da relixión católica que se fará nas aulas: "non me dobreguei, só recollin achegas que me fixeron e o acordo coa Santa Sé", apuntou. Defendeu tamén o financiamento público dos centros privados-concertados que segregan o alumnado por sexo ("esa que vostede chama segregada mais que o correcto é chamarlle diferenciada", espetou, querendo corrixir á xornalista) e deixou entrever que non existe aínda un plan definido para impartir as aulas da alternativa á relixión, Valores culturais e sociais na primaria e Valores éticos en secundaria e bacharelato: "en primaria impartirana os mestres e na secundaria hai un amplo abano de profesionais que poderían facelo". Sen responder á pregunta inicial que lle foi lanzada, a motivación que levou ao Goberno español a mudar a lei educativa vixente, Wert despediuse informando de que "teño que ir inaugurar un centro de formación profesional".
NOS_46882
Permanece hospitalizada na Unidade de Críticos do Hospital Clínico da capital galega.
A.M.C, a moza de 21 anos de idade acoitelada esta segunda feira en Compostela presuntamente pola súa ex-parella, permanece hospitalizada e o seu estado é estábel dentro da gravidade. A muller recibiu, segundo sinalaron testemuñas, entre 15 e 20 puñaladas. A moza foi intervida das feridas recibidas en brazos, abdome e pernas. O ataque machista produciuse a plena luz do día no aparcamento de San Clemente, a escasos metros da Alameda de Compostela e da Comisaría da Policía Nacional. O agresor e a vítima foran parella, rachando a relación hai apenas dous meses. O agresor foi detido nas proximidades do lugar dos feitos grazas á colaboración cidadá.
NOS_39172
A sinistralidade laboral deixou no noso país entre 2004 e novembro de 2013 un total de 696 persoas falecidas, segundo dados do Instituto Galego de seguridade e saúde laboral (Issga). Malia descender nestes últimos anos, o índice ce sinistraldiade en Galiza é dos máis altos do Estado.
Desde 2004 até novembro de 2013 (último dato oficial) na Galiza morreron en accidente laboral durante a xornada de traballo un total de 696 persoas. Outras 7.075 sufriron feridas que a propia autoridade laboral cualifica como 'graves'. Uns números que, malia frialdade que se atribúe a todas as estatísticas, indican a pouco que se pare un neles unha realidade devastadora: Cada ano morren de media na Galiza mentres traballan perto de 70 persoas. E unhas 700 (media de dúas por día) resultan feridas de gravidade. E iso sen contabilizar aquelas e aqueles falecidos 'in itinere', é dicer, cando se trasladaban ou volvían de traballar. Os dados son do Issga, Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral, un organismo autónomo da Xunta de Galiza que ten como competencias, entre outras, a xestión e coordinación das políticas en materia de seguridade laboral. Sindicatos denunciaron que tan só en 2011 os fondos para loitar contra a sinistralidade laboral minguou en sete millóns de euros Por sectores produtivos, en todos eles a sinistralidade laboral traduciuse en accidentes mortais e graves. Desde 2005 até finais do ano pasado, 201 traballadoras e traballadores morreron durante a xornada de traballo no sector servizos. Na construción foron 160, no sector da industria 114 e no da pesca, 86. Renuncia da Xunta a loitar contra a sinistralidade laboral Os recortes e a austeridade dos gobernos coa desculpa da crise non axudan precisamente a revertar a situación. Mais os accidentes laborais non son exclusivos da época de crise. Tamén cando Galiza e Europa vivía 'en auxe' había sinistralidade. Mais coa crise, como denuncian os sindicatos, conflúen dous escenarios: o anteriormente mencionado de recortes en políticas e programas de prevención, por un lador. Factores que inflúen: exceso de xornadas de traballo, carencia formativa sobre seguridade no traballo, temporalidade no emprego (a incidencia é a tripla entre os asalariados con contrato temporal e os de contrato indefinido) Xa a finais de 2012 CIG, CCOO e UGT, alertando dos recortes nas partidas de prevención ou mesmo a mingua de autonomía e competencias de organismos adicados a traballar neste eido. Estes recortes provocaron, só na Galiza e en 2011, unha mingua de sete millóns de euros para loitar contra os accidentes no traballo A necesidade E, por outro, a suma de precariedade e temporalidade que vai da man da crise. "As condicións de traballo deixan de importar por mor da necesidade de ter traballo. O que importa é traballar, como sexa e onde sexa". No estudo do catedrático Vicente Castelló para o CES recompilaba que factores influían no risco de sinistros laborais: ter menos de 25 anos, levar máis de 2 anos traballando, exceso de xornadas de traballo, carencia formativa sobre seguridade no traballo e na empresa, tamaño da empresa e temporalidade no emprego (a incidencia é a tripla entre os asalariados con contrato temporal e os de contrato indefinido). Galiza está á cabeza de estatísticas dos territorios do Estado español en índice de accidentes laborais graves e mortais. E o Estado español está á cabeza dos países da zona euro nesa clasificación.
NOS_42924
O PP cualifica de responsábel a decisión da valedora, mentres que Leiceaga agarda elixir a proxima após o 28A, Villares solicita debater no parlamento a renuncia inmediata e Pontón acusa a PP e PSOE de pactar a dimisión en diferido e esixe a renuncia.
Milagros Otero tomara a decisión de renunciar como valedora do pobo após o Tribunal Supremo rexeitar o seu recurso, confirmándose así a nulidade do nomeamento dunha irmá do portavoz parlamentar do PP no Valedor do Pobo. Após este anuncio, Milagros Otero, remitiu ao Parlamento Galego unha corrección do documento pola que supedita a súa dimisión á elección dunha persoa que a substitúa no cargo, polo que a súa continuidade pode durar até o final da lexislatura. O PP considera loábel a decisión da valedora. Miguel Tellado, secretario xeral do PP; considera "loábel" e "responsábel" a decisión de Milagros Otero por non renunciar ao cargo até que o Parlamento escolla á persoa que a substitúa, argumentando que un cargo desas características non debe quedar vacante. Así mesmo, salienta a súa "magnífica xestión" e descríbeacomo unha valedora "sensíbel" coas problemáticas da cidadanía. O PSdeG quere escoller nova persoa despois do 28A. Xoaquín Fernández Leiceaga amósase favorábel de iniciar as conversas para a elección da nova persoa valedora do pobo tras a celebración das eleccións xerais do vindeiro 28 de abril. Asegura, en declaración aos medios, que no PSdeG son "partidarios de abrir unha nova etapa no Valedor". En Marea solicita debater no próximo pleno a renuncia inmediata da valedora. En Marea rexistrou unha petición no Parlamento para debater no próximo pleno dos días 9 e 10 de abril a renuncia inmediata da valedora do pobo, por perda de confianza política. Luis Villares considera que a valedora non pode permanecer "nin un minuto máis" á fronte dunha institución "que debe defender os dereitos da cidadanía fronte aos abusos das administracións cando ela foi condenada por abusar da súa posición de poder". Pontón acusa a PP e PSOE de pactar a dimisión "en diferido" da valedora e esixe o seu cese inmediato. O Bloque considera "inaceptábel" que a valedora continúe no seu cargo e avanza que presentará un escrito para reclamar que o vindeiro pleno debata e vote o cese inmediato de Milagros Otero. "Está absolutamente descualificada, pero a sensación é que estamos ante un novo pacto bipartidista PP-PSOE para dilatar unha situación que degrada á institución", denunciou Ana Pontón, portavoz do BNG. Para a formación nacionalista a dimisión de Otero debe ser inmediata e asegurou que non lles vale unha dimisión "en diferido" dunha persoa condenada "por enchufismo".
PRAZA_7983
Tres responsables de La Bressola, a asociación de escolas da Catalunya Nord que aplica o sistema de inmersión lingüística en territorio francófono conversan con Praza Pública sobre a súa experiencia pedagóxica. "Nunha escola de inmersión total o alumnado sae bilingüe total", explican.
La Bressola, escoles laiques catalanes de la Catalunya del Nord, é unha asociación que, dende os anos setenta, impulsa unha rede de escolas populares nos territorios administrativamente pertencentes á Francia que teñen o catalán como lingua propia. Na Catalunya do Norte atenden uns 800 alumnos e alumnas cada curso académico dende os dous anos de idade ata o remate do ensino obrigatorio, as xeracións das que depende a "supervivencia" da lingua catalá neste territorio, explican. Durante unha visita á asociación compostelá A Gentalha do Pichel para compartiren a súa experiencia a directora da asociación, Eva Bertrana, o seu director pedagóxico, Francesc Franquesa, e o membro da súa xunta directiva Joan Ridaura conversan con Praza Pública sobre o labor educativo das escolas a as semellanzas e diferenzas da súa realidade lingüística a respecto da galega. Parte das reformas lingüísticas desenvolvidas polo actual Goberno galego asentáronse nunha dicotomía entre inmersión e plurilingüismo na escola. Ten sentido, dende o punto de vista educativo e pedagóxico? Francesc Franquesa: Utilizando verbas que non son nosas, que son de Joan-Loís Blenet, presidente de Calandreta [Confederación Occitana de Escolas Laicas]: "ninguén pode aprender nada mollándose ata a cintura". É moi difícil aprender unha lingua e ser quen de utilizala sen estar no sistema de inmersión, onde debas utilizala para poder vivir dentro da escola. Nós somos partidarios do sistema de inmersión. "Aprender unha lingua, máis aínda cando é a propia, non é un impedimento para aprender outras" Joan Ridaura: O falso debate da dicotomía inmersión versus plurilingüismo é unha aberración, porque a aprendizaxe dunha lingua, máis aínda cando é a propia, non é un impedimento para aprender outras. É un falso debate. Esta dicotomía pode ser unha vía para, socialmente, tender a tratar a lingua propia como un idioma estranxeiro? Eva Bertrana: Cómpre termos en conta o tempo de exposición dos nenos e nenas á lingua. Se non é en inmersión, ese tempo fica moi limitado cando fóra da escola, no noso territorio todo se desenvolve en francés. Máis horas terán os nenos nun ambiente inmersivo en catalán, aínda que sexa de oito da mañá a seis da tarde, na aula, no comedor, no patio... Isto representa un terzo do tempo de exposición da persoa. No noso caso, a maioría das familias son francófonas, despois a televisión, as tendas... todo está en francés. É dicir, que o francés non está en perigo... igual que aquí non o está o castelán Eva: É, por así dicilo, a lingua do imperio e hai que compensalo cunha exposición á lingua propia, á do territorio. Quen coñece máis dun idioma ten máis posibilidades de acceder a outras linguas? "Un neno bilingüe ten máis facilidade para aprender outas linguas e é máis respectuoso coa diversidade" Joan: No caso que estamos falando, de escolas inmersivas cun entorno con outra lingua dominante, hai estudos de Jean Petit e doutros moitos que mesmo din que un neno bilingüe ten moitas máis facilidades para aprender outras linguas, ademais de desenvolver partes do cerebro que non desenvolven os nenos e nenas monolingües. Mesmo hai teorías que apuntan que os críos que teñen este bilingüismo natural son moito máis respectuosos coa diversidade que os monolingües. Quen sabe que isto, dependendo do entorno, é unha taula, unha table ou unha mesa, dalgún xeito saben que a verdade absoluta non existe. En Galicia creouse o programa das Galescolas dende a Xunta, que o actual goberno eliminou. Agora desenvólvense experiencias comunitarias a pequena escala, como a Semente en Compostela, como as valoran como vía, en ausencia de recursos oficiais? Francesc: Vista a realidade do territorio, parécenos imprescindible que existan estas vías. É moi positivo que sexan iniciativas populares, asociativas, cooperativas. No noso caso son escolas asociativas e aí está o outro debate típico, do público e do privado. Parece que só hai dous modelos e custa moito facer chegar este terceiro modelo, que non é nin público nin privado, que é popular e asociativo. Hai un traballo constante no que nós, despois de trinta anos, seguimos... Eva: ... xustificándonos. Cando interesa, as institucións públicas dinnos que somos privados. Custa moito facer entender esa terceira vía, de escola popular. A relación coas administracións públicas é difícil, polo tanto? Ou préstanlles apoio? "Cando comezamos a medrar, comezamos a molestar" Eva: Temos experiencia de trinta e sete anos. Durante os primeiros cinco anos víannos como catro chalados que queríamos facer unha escola. Tivemos decontado a posibilidade de termos locais municipais, ao cabo de dous anos. Pero o obxectivo insitucional era que, como estábamos chalados, dábannos un local e dicían "que empecen, van marchar e van caer e nós non teremos ningunha culpa". Despois, ao cabo de cinco, seis, dez anos... Cando vían que a cousa non caía e pedíamos axuda, xa fose en forma de financiamento ou doutro xeito, tivemos unha etapa de moita dificultade. Cando a cousa comezou a se facer grande comezamos a molestar. E está a terceira etapa, na que se decatan de representamos a 800 alumnos, o duplo de pais co duplo de votos, avós, tíos... e que é unha realidade que cómpre ter en conta, agrade ou non. Algúns cren máis e outros menos, pero agora hai unha boa aceptación do proxecto. Traballouse moito co noso método pedagóxico, ven que é un método que funciona e temos unha moi boa reputación Joan: Ao formarmos parte do territorio e da realidade norcatalá hai efectos secundarios moi positivos. Coa existencia da Bressola como asociación e con vontade de crecemento fixo que municipios que non tiñan ningunha liña bilingüe no seu municipio, ao pensar Bressola en implantarse, [o Ministerio de] Educación Nacional abre unha liña bilingüe. O efecto da Bressola non é só sobre os alumnos que nós acollemos, senón que acaba provocando un movemento de fichas nas institucións. En Galicia un dos debates máis intensos foi o provocado pola intención gobernamental de que as familias decisisen se querían galego ou non nas aulas. Como o ven, dende unha experiencia como a súa? Eva: En Catalunya Nord fixéronse enquisas que demostraron que máis da metade das familias querían que os nenos aprendesen en catalán, pero non se puxo en práctica. Joan: Dixeron que se abriría un maior acceso á escolarización en catalán sempre e cando as familias o solicitasen. Fíxeron unha enquisa hai uns doce anos para saber as porcentaxes e cando as viron, remataron as preguntas porque non lles interesaba o resultado. Francesc: Esas liñas bilingües son complementarias e positivas. É un traballo distinto, de menor alcance que o que facemos nós, pero axuda a construír e a dar unha certa normalidade á lingua dentro do territorio. "Xa non se trata da recuperación da lingua propia, senón da súa supervivencia" Eva: Nós temos unha demanda duns 100 alumnos ao ano que quedan na porta e as liñas bilingües veñen compensala. Fáltannos medios e locais e isto é complementario, aínda que a inmersión é imprescindible en Catalunya Nord, porque nos últimos trinta ou corenta anos o nivel de lingua baixou ata o punto de que xa non se trata da recuperación, senón da supervivencia, e iso depende da xeración que nós podemos formar no uso da lingua. Unicamente no sistema de inmersión se sae da latinización e se pon ao alcance a posibilidade de utilizar a lingua con naturalidade. Joan: Ás liñas bilingües teñen un handicap: que dependen de cada profesional que está por tras. Pódense atopar centros onde o alumnado só aprende un par de cancións en catalán e noutros con docentes con boa vontade e dinamismo que chegan a case un 50% do horario. Ante todo isto, podemos concluír que o alumnado que sae educado de escolas inmersivas non ten ningunha carencia, senón todo o contrario? Eva: Aínda que a escola sexa de inmersión total, o neno sae bilingüe total. Non sae falando catalán unicamente. O obxectivo é que o alumnado saia bilingüe, e a única maneira é que a escola sexa unicamente en catalán, non hai outro segredo. Manexamos outras posibilidades, pero non hai outra solución. "Os medos que se pretenden inculcar sobre a inmersión son falsidades absolutas" Joan: Os nenos en cuxo entorno teñen como lingua o catalán, saen tamén cun perfecto dominio das dúas linguas. Os medos que se pretenden inculcar son falsidades absolutas. Francesc: Hai casos de alumnos coa nai chinesa e pai inglés, que na escola falan catalán e con cinco ou seis anos falan francés, porque é imposible non falalo, dado o contexto. Non hai ningún risco posible de non aprendelo, é unha garantía absoluta. Web de La Bressola
NOS_48824
As xornadas de aprendizaxe seguirán en Catalunya e Nafarroa.
Representantes do Revitaliza da Deputación de Pontevedra e dos Concellos de Poio, O Grove, Sanxenxo, Vilagarcía, Valga, Soutomaior, Tomiño, A Guarda, Tui, Mondariz, As Neves, Ponteareas, A Cañiza e a Mancomunidade do Morrazo comezaron esta segunda feira en Euskadi a súa viaxe formativa para coñecer diferentes sistemas de recollida de residuos. Autoridades dos Concellos de Kripán e Usurbil explicaron ás galegas como melloraron as súas cifras de reciclaxe de 20% até 85% coa implantación dun sistema de recollida porta a porta, obtendo así taxas moi superiores ás que nestes momentos exixe a normativa europea vixente. Outra das paradas da comitiva tivo lugar no concello de Usurbil, que desde 2009 é o primeiro municipio de Euskadi en recollida selectiva, achegando niveis superiores a 80%. Neste caso unha das novidades é a implantación dunha 'taxa xusta' en 2014 e a ausencia de colectores para recoller ningunha fracción na rúa: todos os días a veciñanza saca a fracción correspondente nun caldeiro que está identificado por persoa usuaria e cantidade. Todas estas ideas serán incorporadas polo persoal político e técnico da Deputación de Pontevedra para estudar a súa implantación. A viaxe formativa do Revitaliza seguirá por Euskadi, Nafarroa e Catalunya con outras catro experiencias diferentes sobre residuos. Segunda edición da Facultade Ágora A Deputación de Pontevedra, a través do departamento de Mobilidade e Espazo Público, porá en marcha a segunda edición da Facultade Ágora para "formar ás persoas políticas e técnicas dos Concellos sobre como recuperar o espazo público con calidade". As dúas principais novidades desta nova cita son que as actividades serán "moito máis prácticas" e que estarán espalladas por diferentes puntos do territorio.
NOS_24625
O país conta con 2.716 autónomas e autónomos menos que hai un ano, co que Galiza se sitúa á cabeza do Estado na perda de persoas traballadoras por conta propia.
Galiza encabeza a perda de autónomas e autónomos no Estado, baixando nun 1,3% e pasando de termos 213.359 persoas traballadoras por conta propia no mes de abril de 2018 a 210.643 na actualidade. O informe presentado pola Asociación de Traballadores Autónomos de Galiza amosa que o país perdeu nun só ano a 1.461 autónomas e autónomos no sector da industria, ao que lle segue en número de baixas o sector do comercio con 1.319 persoas menos, a agricultura que perdeu a 988 persoas, a construción baixando en 333, hostalaría con 284 menos e os transportes baixando en 43. O país perdeu nun só ano a 1.461 autónomas e autónomos no sector da industria Desde ATA sinalan necesario "frear a continua perda de autónomos, xa que non pechamos un ano en positivo desde o 2014" e apostan pola consolidación do traballo das e dos autónomos, fomentando a substitución xeracional e implementando medidas para parar a sangría de baixas que se producen no Réxime Especial de Traballadores Autónomos (RETA), afirmou o presidente de ATA en Galiza, Rafael Selectos. Pola contra e malia o cómputo negativo, os sectores onde se rexistraron máis altas novas no mes de abril en Galiza foron nas actividades inmobiliarias (nun 1,6% e en 25 persoas novas), nas actividades artísticas (1% e 35 persoas), hostalaría (0,8% e 183 persoas), educación (0,7% e 41 persoas), administración (0,6% e 38 persoas) e información e comunicación (0,5% e 13 persoas).
PRAZA_19314
A competición dirixida a centros de de secundaria de toda Galicia terá lugar este sábado no Auditorio de Ferrol. A final española celebrarase en Logroño en marzo. 12 mil alumnos e alumnas de todo o Estado toman parte no evento.
Ferrol acollerá este sábado 18 a competición galega da First Lego League, organizada pola Universidade da Coruña a través da Escola Universitaria Politécnica, a Facultade de Informática e a Escola Politécnica Superior de Ferrol. A First Lego League é un programa internacional que promove a ciencia e a tecnoloxía entre mozos e mozas de 10 a 16 anos, a través dun desafío que os equipos deben solucionar. A competición de Galicia é clasificatoria para a gran final First Lego League España que se celebrará o 18 de marzo de 2017 en Logroño Na competición, os equipos presentan as súas propostas de solución no Torneo Clasificatorio correspondente. As entidades explican que "o proceso é moito máis importante que o resultado: baséase en que fan os equipos (proxecto científico e xogo do robot) e en como o fan (Valores First Lego League). O esencial é todo o que os mozos descobren e aprenden mediante a experiencia". O desafío que teñen que resolver nesta ocasión recibe o nome de Animal Allies. Nel, os equipos poñeranse na pel dos animais para descubrir que se consigue cando nos axudamos uns aos outros. A First Lego League Galicia terá lugar integramente este sábado de 9.30 a 14.30 no Auditorio de Ferrol. Na competición participan alumnos e alumnas de colexios de toda a comunidade (Ferrol, Fene, Valdoviño, Ortigueira, San Sadurniño, A Coruña, Culleredo, Ourense…, entre outras localidades). En total, están inscritos 23 equipos e 161 participantes. Un torneo internacional Máis de 250.000 estudantes de 88 países de todo o mundo participan no programa First Lego League, o maior desafío internacional para o fomento das vocacións científicas e tecnolóxicas entre os máis novos. España é o país de Europa con maior número de equipos (1.600), con 31 torneos clasificatorios e 12.000 participantes. A competición está presente en España dende o ano 2006, grazas ao impulso da Fundación Scientia en colaboración con universidades, parques tecnolóxicos e entidades de promoción da innovación. O obxectivo é fomentar as vocacións científicas e tecnolóxicas entre rapaces e rapazas en España e o desenvolvemento de competencias e habilidades necesarias para o futuro profesional e para dotar das "mellores oportunidades ás futuras xeracións de emprendedores, enxeñeiros e científicos do noso país". Nesta ligazón pódense consultar o horario e programa da competición deste sábado. Aquí os equipos participantes. E acolá como chegar ao Auditorio de Ferrol e os distintos espazos do recinto nos que será lugar o evento
NOS_57770
Coméntame o meu amigo Luís Cachafeiro unha expresión (Boca pecha non teme o que veña) dun dos protagonistas do conto de Ánxel Fole O tesouro. Ramón, o criado do pazo de Louxío, di nun momento: "A mellor palabra é a que está por dicir, como din os vellos. Boca pecha non teme o que veña". Efectivamente, a segunda frase asemella un refrán e Luís apunta ben cando a achega ao español En boca cerrada no entran moscas. A min gústame tamén máis a frase do Ramón, e vexo no dicionario de Eladio Rodríguez Boca pechada é forte coma unha muralla, un refrán que viría corroborar o carácter tradicional da frase do conto.
Coa palabra boca fórmanse en galego e na maioría das linguas un amplo feixe de locución idiomáticas e frases feitas que non podemos detallar aquí; fundamentalmente están centradas na boca como como lugar da comida (ser de boa boca, por exemplo) ou como lugar da fala (calar a boca). Así andar na boca da xente, na boca de todos ou de boca en boca é figurar nas conversas de moitas persoas, atraer a atención pública. Enchérselle a boca con algo ou ter sempre na boca unha cousa ou un asunto denota unha persoa estar falando constantemente diso. Dicir coa boca (ou a lingua) pequena é facer un comentario en voz baixiña, só para quen fala, ou sen facer moita énfase, como se non se tivese fe no que que se di. Pola contra, á boca chea significa falar dando a máxima publicidade, pregoar aos catro ventos. Un (ou unha) boca podre, boca rota ou boca rachada é alguén que fala con frases fortes, consideradas fóra de ton, expresións inconvenientes, mal vistas na sociedade. Naturalmente, en moitas locucións, mesmo figuradas, consérvase o sentido de boca como parte da cabeza: chegarlle a alguén a auga á boca é atoparse nunha dificultade extrema; dicir, contar, algo de boca a orella é falalo dunha maneira totalmente confidencial, dicir algo de boca para fóra é transmitilo sen restriccións, á luz de todos. E facer da boca cu é mudar totalmente de opinión, soster o contrario do que se mantiña antes, faltar á súa palabra; é equivalente á expresiva frase española Donde dije digo, digo Diego. O castelán no decir esta boca es mía sería en galego non dar chío, paralela ao español no decir ni pío. Reparemos na diferenza que establecemos cando utilizamos dicir/falar/dar fala, etc. e cando utilizamos botar. Comparemos O que tal botou por esa boca! con O que tal falou! A primeira frase ten unha carga negativa evidente, e a locución non precisaría utilizar a palabra boca: Non fixo máis que botar por ela todo o día. Por iso dicimos É un bota por ela falando dun presumido e fanfarrón E coa nesma retrucámoslle nós para llo recriminar: -Bota por ela, Xan de Varela!
PRAZA_488
ENTREVISTA Vén de saír do prelo Ecoloxía Política. Olladas desde Galicia (OBenComún) un volume colectivo con 17 traballos, coordinado por Xoán Hermida e Xan Duro. Preséntase este mércores en Compostela e o sábado na Coruña
Vén de saír do prelo Ecoloxía Política. Olladas desde Galicia, un volume colectivo coordinado por Xan Duro e Xoán Hermida que recolle 17 traballos sobre distintas temáticas medioambientais e sobre a relación que establecemos coa nosa contorna. O libro, publicado por OBenComún (selo editorial de Espazo Ecosocialista Galego) presentarase este mércores 4 en Compostela (ás 20 horas na libraría Couceiro) e o sábado 7 na Coruña (ás 12 horas na Casa da Fariña). Nas vindeiras semanas haberá actos de presentación en Ferrol (mércores 11), Pontevedra (xoves 12), Vigo (mércores 18), Ames (xoves 19), Ourense (xoves 26), Lugo (venres 27) e Ribadeo (sábado 28). A obra realiza unha serie de propostas para un modelo social e económico alternativo, nun contexto de superación do pico do petróleo convencional e de escaseza de materias primas, que obrigan ademais a unha presión cada vez máis insoportable sobre a natureza, e nun contexto tamén de crise global do sistema capitalista e de efectos sociais cada vez máis importantes. Entre os e as autoras dos traballos que compoñen a obra, atopamos a Ramón Fernández, Carolina Jack, Jose Manuel Sánchez, Xiao Varela, Xoán Doldán, Isabel Vilalba, Xosé Veiras, María Durán Beloso, Antonio García Allut, Xosé Santos Otero, Fernanda Couñago, Pablo Ángel Meira Cartea, Manuel Dios, Pepa Vázquez, Emilio Manuel Martínez Rivas ou María Xosé Vázquez Rodríguez. "Aínda que a nivel estatal hai bastante literatura sobre estes temas, sobre a ecoloxía política e os cambios que pode traer o futuro, non había un libro pensado dende a óptica galega ou adaptado á nosa realidade social e económica", destaca Xan Duro. O libro é fundamentalmente divulgativo e propón unha porta de entrada a moitos temas, escollendo aqueles que son centrais en Galicia, dende o transporte, os residuos, a pesca, o rural, a soberanía alimentaria... E tamén incorporando outras cuestións máis amplas, recorrendo á frase de pensa global, actúa local, como por exemplo as achegas sobre o mundo da cooperación ou a realidade da pobreza. Falamos con Xan Duro. "Cando a crise económica entra pola porta, o ecoloxismo sae pola fiestra" Hai máis conciencia ecolóxica na sociedade? Ou a crise económica e outras necesidades máis inmediatas relegan estas preocupacións a un segundo plano? En Galicia hai un momento clave para a eclosión dunha conciencia dos problemas medioambientais, que foi o accidente do Prestige. A partir de aí vai crecendo esa conciencia de que algo non vai ben, e de que a solución pasa por cambios de modelo. Pero para que esa conciencia se traduza en cambios de hábitos hai que dar aínda un paso, e moito máis nun contexto de crise económica. Cando a crise económica entra pola porta, o ecoloxismo sae pola fiestra. Daquela escoitas dicir que 'todas esas medidas medioambientais están moi ben, pero que agora o prioritario é crear emprego'. E cando se fala de crear postos de traballo, fálase sempre de facelo empregando a ortodoxia económica que dominou estas últimas décadas. Queda aínda dar o paso dende as grandes proclamas ás pequenas accións. E ata que se dea ese paso, as grandes proclamas serven para pouco. "Queda aínda dar o paso dende as grandes proclamas ás pequenas accións. E ata que se dea ese paso, as grandes proclamas serven para pouco" Ese paso custa máis cando require un esforzo individual, como usar menos o coche privado, ou un certo sacrificio social, como pechar a central térmica das Pontes ou trasladar ENCE? Hai un problema, que é enfrontar estes temas de forma moi compartimentada. Fálase de sacar a ENCE fóra da ría de Pontevedra, e daquela crece o discurso que alerta da perda de postos de traballo. Pero non se está falando de promover un novo modelo, de introducir en Pontevedra outro tipo de empresas e outro tipo de postos de traballo. Hai que traballar na construción de alternativas e aí as administracións teñen un papel que cumprir. Nós neste libro queremos axudar a esa construción de alternativas. Por moito activismo que teñamos os colectivos sociais, a realidade é que gran parte da capacidade de cambio reside nos poderes públicos e nos cartos públicos. Falta impulso dende a administración? Falta impulso dende a administración, si. Todo o relativo á educación ambiental está a nivel cero en Galicia, practicamente. Os cambio requiren un esforzo e un cambio de mentalidade, e se ademais o teu contexto administrativo e social non che pon as ferramentas necesarias para facilitar ese cambio de mentalidade, todo depende do voluntarista que sexas. "Por moito activismo que teñamos os colectivos sociais, a realidade é que gran parte da capacidade de cambio reside nos poderes públicos e nos cartos públicos" A gravidade de certas situacións, coma a escaseza de materias primas ou os efectos do cambio climático, sitúan as propostas (algunhas xa vellas) do ecoloxismo no primeiro plano do debate político? O ecoloxismo é unha proposta transversal de mudanza da nosa realidade e iso abrangue todos os temas. E cada día as propostas do ecoloxismo teñen máis centralidade, porque as predicións e alarmas lanzadas dende o ecoloxismo demóstranse certas e son asumidas cada días por máis colectivos e institucións. Non nos alegra ter razón, pero a realidade fai que as propostas do ecoloxismo estean cada vez máis no centro do debate. Como valoras o papel do ecoloxismo na política galega e española? O papel do ecoloxismo na política española e galega foi cativo nas últimas décadas. Eu sempre botei de menos non un partido verde, pero si ser capaces de artellar algún tipo de forza que puidese conxugar todas as propostas de mudanza social e económica da nosa realidade e chegar ás institucións cun proxecto distinto. Isto, en realidade, non se deu en ningún país, nin sequera en Alemaña, porque os Verdes, que son quizais a referencia neste aspecto, tampouco chegaron a acadar esa transversalidade que necesitamos. Hoxe en día a realidade non está compartimentada, está todo enlazado, e necesitamos un enfoque global. "Os militantes ecoloxistas deben dar un paso máis e mollarse, teñen que acceder ás administracións. E aí nacerán contradicións, pero sen contradicións non hai avance" En maio hai eleccións municipais e hai moitas cuestións que tratades no libro, dende a xestión de residuos ata a mobilidade e o transporte, nas que os Concellos teñen un papel clave. Como introducilas no debate? Creo que o único xeito é participando. O movemento ecoloxista ten que saír do seu espazo cómodo de denuncia, de proposta, de acción teórica. Os militantes ecoloxistas deben dar un paso máis e mollarse, teñen que acceder ás administracións. E aí nacerán contradicións, pero sen contradicións non hai avance. É o momento de participar no ámbito municipal, e hai moitas opcións nas que facelo, e é o momento de poñer sobre a mesa esas propostas alternativas. Semella que o tema dos residuos vai estar presente, aínda que fose por mor da suba de prezos de Sogama... O aspecto económico é sempre un dos grandes motores do cambio. O incremento de prezos de Sogama tocoulles os petos a moitas persoas, e aí creceu o debate sobre a xestión de residuos. No momento en que a escaseza de petróleo comece a provocar un incremento do prezos enerxéticos, tamén se acelerará o debate neste aspecto. Iso tardará un ano ou dez anos, pero vai obrigar a unha mudanza de modelo. O que nós queremos facer con este libro é promover que esta mudanza se faga de xeito ordenado e nun prazo máis amplo de tempo, para reducir os efectos sociais negativos. A outra opción é agardar a que todo explote e tomar decisións radicais por pura necesidade. "O que queremos facer con este libro é promover que a mudanza se faga de xeito ordenado e nun prazo máis amplo, para reducir os efectos sociais negativos. A outra opción é agardar a que todo explote e tomar decisións radicais por pura necesidade" Cando o litro de gasolina pase de 1,20 a 1,80 euros, o debate sobre mobilidade situarase no primeiro plano... ...Aí non vai haber nin debate, aí vai haber un cambio obrigado de usos de mobilidade. Porque non se poderá manter con eses prezos o actual ritmo de uso do vehículo privado. E o debate producirase a posteriori: mentres a xente busca solucións como pode, as administracións comezarán a pedir consello e alternativas. O que necesitamos é aplicar un cambio de paradigma dende xa, un plan a 10, 15 ou 20 anos. Pero é algo que as administracións hoxe nin contemplan. O actual goberno da Xunta anunciou a comezos da lexislatura un plan de mobilidade alternativa, un plan moi bo, elaborado por unha consultora con moita experiencia nestes asuntos. Porén, é un plan que nunca tivo orzamento, nunca se aplicou e que está metido nun caixón dende entón.
NOS_11910
Denuncian a actual situación de "abandono" deste servizo e exixen maior orzamento, persoal e medios.
"Denunciamos que a Atención Primaria sofre unha situación de abandono, marxinación e sometemento como consecuencia dos recortes de recursos e do abandono da promoción e prevención da saúde". Así comeza o manifesto que estes días están a impulsar e subscribir diferentes organizacións profesionais e sociais e que se presentará a mediados da vindeira semana. Un 'Manifesto en defensa e mellora da Atención Primaria na Galiza' que pide actuacións e medidas para reverter a actual situación. Os recortes, indican no escrito, afectan tanto aos profesionais ("sometidas a unha inaceptable situación de frustración profesional, sobrecarga de traballo e precariedade laboral") como a poboación usuaria ("soporta esperas irracionais para acceder a uns Centros de Saúde masificados, que non ofertan unha atención integral, comunitaria, participativa e de calidade"). Para poñer fin a esta situación, no manifesto fanse unha serie de propostas, que se resumen en oito puntos: de incrementar o orzamento de AP ata alcanzar o 25% do total a recuperar as Xerencias de Atención Primaria en mans dos hospitais, pasando pola reposición e incremento de todas as categorías profesionais e laborais perdidas polos recortes nos Centros de Saúde e Servizos de Urxencias (PAC), . Acabar coa precariedade laboral, reducir a burocracia innecesaria ou desenvolver instrumentos de participación social e profesional, son outras das demandas. "Consideramos que para alcanzar estes obxectivos e necesario combinar medidas de presión e de negociación: os sindicatos nas Mesas Sectoriais e os colectivos sociais e profesionais no Consello Técnico de Atención Primaria de Galicia. O Consello deberá ser o órgano onde analizar, debater e aprobar os cambios na AP coa creación de comisións especificas e un tempo de traballo concreto das mesmas".
NOS_16233
Os sindicatos tratan de buscar alternativas á saída de 1.963 empregados e empregadas en todo o Estado español.
O Banco Sabadell ten previsto fechar un total de 38 oficinas na Galiza, o que supón reducir a súa rede no país en 40%, ao pasar das 93 sucursais actuais ás 55 que quedarán após os feches. O banco, que vén de anunciar un expediente de regulación de emprego (ERE) para 1.900 persoas en todo o Estado español, prevé fechar un total de 320 oficinas en todo o territorio, das que 105 xa se clausuraron e 215 farano en outubro. Estes feches coinciden no tempo cos programados por Abanca, un recorte de servizos que golpea con forza nas zonas rurais, onde varios concellos quedarán sen oficina para que a súa veciñanza poida realizar as xestións financeiras. Pola súa banda, a representación dos traballadores de Banco Sabadell propuxo medidas alternativas a estes feches, como un plan de prexubilacións, baixas incentivadas e excedencias voluntarias. Foi na terceira reunión do período previo de negociación do ERE exposto pola dirección da entidade. En concreto, os sindicatos propoñen un plan de prexubilacións e xubilacións anticipadas e voluntarias para o colectivo de maiores de 55 anos, que sumarían ao redor de 2.000 persoas, así como a posibilidade de aplicar baixas e excedencias voluntarias incentivadas. Nesta liña, o comité tamén propuxo a recuperación de tarefas actualmente externalizadas e a recolocación de persoas noutras filiais do grupo bancario. Ademais, expuxo a posibilidade de ofrecer o teletraballo e esixiu o "reaxuste de salarios da alta dirección". Sobre este último punto, CCOO afirma que, antes os datos "catastróficos" achegados pola entidade, "non estaría de máis que fose esta alta dirección a que dese un primeiro paso". Vías alternativas Doutra banda, os sindicatos rexeitaron o plan social de recolocación exposto polo Sabadell. Segundo a representación sindical, a dirección do banco insiste na necesidade de levar a cabo o axuste exposto ─1.936 despedimentos─, aínda que mostra disposición a aplicar a voluntariedade como criterio prioritario "sen descartar a forzosidade en caso de non cubrir" as saídas expostas. Ademais, o banco estaría a explorar outras medidas alternativas que serán expostas nas próximas reunións. A seguinte será o vindeiro 14 de setembro.
QUEPASA_362
Este taller, que estará dirixido polo arquitecto urbanista José Fariña, comeza este mércores e desenvolverase ata o día 30.
A Fundación Juana de Vega a través da Escola Galega da Paisaxe en colaboración coa Fundación Eduardo Pondal e o patrocinio do Instituto de Estudos do Territorio da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda organiza o Obradoiro: Revitalizar a paisaxe rural. Aldea de Couto no marco das súas actividades co obxectivo de promover o estudo, a investigación, a formación, a difusión e o intercambio de coñecementos, e a sensibilización e concienciación da sociedade en materia de paisaxe. O obradoiro, dirixido polo arquitecto urbanista José Fariña, comeza mañá e desenvólvese ata o día 30. O obxectivo principal é divulgar este territorio e os seus recursos, incorporando o medio rural e a paisaxe coma obxectos de investigación, para a formulación de propostas de revitalización da aldea de O Couto e a súa contorna que poidan poñela en valor para mellorar a calidade de vida dos seus habitantes, considerar a innovación no agro como xerador de emprego e emprendemento, incrementar os valores ambientais e divulgar a cultura e os valores do medio rural. No acto de inaguración, previsto para este mércores ás 13.30 no Couto, participarán Ángeles Vázquez, conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda; Xosé Lois García Carballido, alcalde de Ponteceso; Isabel Aguirre de Urcola, directora da Escola Galega da Paisaxe Juana de Vega e José María Varela, xerente da Fundación Eduardo Pondal.
NOS_15009
Catalá ofreceu unha rolda de prensa para descualificar o proceso de participación en Catalunya, que dixo que só é "un acto de propaganda"
O ministro de Xustiza do Goberno español, Rafael Catalá, cualificou o proceso de participación cidadá no que votaron máis de dous millóns de persoas en Catalunya como "un acto de propaganda organizado polos independentistas, sen validez democrática e co obxectivo de ocultar o fracaso de Artur Mas". Así mesmo, o ministro -que ofreceu unha rolda de prensa por unha votación que prohibiu- advertiu que a Fiscalía segue solicitando datos e valora se se produciron responsabilidades penais para así nos próximos días "iniciar as accións legais que correspondan".
NOS_55506
A hostalaría aumenta capacidade e horarios de cara a unha Semana Santa atípica que o sector prevé "boa dentro das circunstancias".
A Galiza segue a progresar no proceso de desescalada iniciado a finais de febreiro, após ficar practicamente confinada durante tres semanas por mor do descontrol da terceira vaga. Os datos avalían agora un maior alivio das medidas vixentes, mais a Consellaría de Sanidade advirte da posíbel chegada dunha nova ondada de contaxios nun futuro máis próximo que afastado. Neste contexto, a meirande parte dos concellos afrontarán a Semana Santa, previsibelmente, no nivel máis baixo de restricións, que entrou en vigor nesta sexta feira, nunha xornada festiva pola celebración do 19 de marzo que provocou unha gran cantidade de desprazamentos no país. Na rúa da Rosa de Compostela, Noela agarda o autobús a primeira hora da tarde para retornar a Brión aproveitando a data. Acepta as novas normas con resignación, consciente de que as restricións son "a única forma de deter a expansión da Covid". Ao mesmo tempo parte Adrián cara a Pontevedra desde a estación de ferrocarril, ateigada de xente, para "visitar a familia" após varias semanas sen abandonar a capital galega. Para el, a prohibición de quedar con persoas non conviventes nos domicilios "non ten sentido porque é contraria ás outras medidas", xa que estes encontros si se permiten en lugares públicos. Beneficio "irreal" para a hostalaría Os bares, restaurantes e cafetarías poden abrir desde esta sexta feira até as 21 horas, e nos concellos do nivel baixo aumenta a capacidade de atención no interior (50%, fronte a 30%) e nas terrazas (75%, fronte a 50%). Porén, o sector lamenta que este incremento "non é real", xa que o novo horario segue a impedir o servizo nocturno: "Paréceme unha tomadura de pelo como venden este cambio, porque na práctica atendermos a 50% supón facelo a 25%, porque podemos ofrecer o xantar pero non a cea, e un día festivo coma o de hoxe [pola sexta feira] nada ten que ver coa escasa afluencia dunha segunda feira ao mediodía", expón, en conversa con Nós Diario, o xerente da compostelá Casa de Xantar O Dezaseis, Avelino Martínez. Porén, apoia as restricións actuais porque prefire "avanzar amodo" na desescalada para non ter que dar "pasos cara a atrás" máis adiante. Na mesma liña apunta Xosé Santiso, rexente do Fogar do Santiso, que ten locais en Compostela (fechado temporalmente), Teo, Allariz e Oleiros. "A apertura da mobilidade é unha gran nova, porque nós nutrímonos sobre todo do turismo galego. Agardamos que o bo tempo acompañe para que a Semana Santa sexa boa dentro das complicadas circunstancias nas que nos atopamos", di. A Galiza que fica fechada Porén, non toda a poboación galega puido gozar nesta sexta feira da festividade do San Xosé. Os concellos de Maside, Paradela e Vilardevós, ao ficaren no nivel máximo de restricións pola alta incidencia da Covid, continúan fechados individualmente e as reunións entre persoas non conviventes están prohibidas en calquera espazo. Así mesmo, a hostalaría segue co enreixado caído e só pode entregar comida a domicilio ou ofrecer a recollida no local.
NOS_4031
Os grupos foron avanzando nestes días cales serán as súas estratexias para o debate do estado da nación desta cuarta feira, o último da lexislatura, e o último de Feixoo segundo o desexo unánime da oposición.
Feixoo chega ao último debate do Estado da nación da lexislatura dous corpos por detrás da oposición, din os datos das eleccións da pasada primavera. Mais el é un especialista en remontadas. Feixoo galopa con desvantaxe pero faralle sentir o seu alento a Caballero, que non pode ir o Parlamento cantar o temario como se alí bastase con meter cóbados para aprobar. Feixoo, canso do pasado, mira cara a próxima década O PP non quere perder moito tempo en "cuestións alleas a Galiza", dixo Pedro Puy a segunda feira, xusto antes de advertir os condicionamentos que supoñen "a situación política española e a situación da economía internacional. Puy insistiu en que o presidente mirará "cara adiante" no seu discurso, e onte a oficina da Presidencia precisou ese futuro: a próxima década, colocando como moutas "os tres próximos Xacobeos". O desgaste do PP é evidente se miren os números que se miren, e o propio líder popular tamén perdeu encanto. Xa non o reclaman en Madrid. Faise maior (58 anos) e non avanzou o que prometía na xerarquía do partido. Antes do debate marchou dar unha volta pola Arxentina para coller folgos. Veremos que trouxo. A oficina da Presidencia avanzou parte do cadro que pintará Feixoo con "doce medidas para doce meses [os que faltan até as eleccións]". Feixoo, un presidente con pouco futuro, venderá a ilusión dunha próxima década tan marabillosa como (tampouco) o foi esta. A oposición intentará desvelar o engano e pintará un cadro atroz da década de Feixoo. Iso enténdese ben na rúa, onde se sofre. Caballero, limitar danos O candidato (aínda non líder) socialista ten que vender 1) a si mesmo como alternativa a Feixoo, e 2) ao seu partido como alternativa ao PP. Caballero recortou a axenda esta semana. Leiceaga substituíno na rolda de prensa da segunda feira e na terza dedicou o día a preparar a súa intervención. Máis que propostas, o que se espera do aspirante socialista é que saiba devolver as lapadas que lle choveran en forma de críticas a Sánchez. O PP acusouno esta semana de ser un "pelota" de Sánchez. Necesita liberarse desa imaxe. A segunda tarefa parecía hai un mes moi sinxela. O PSOE ía con vento a favor. Pero agora o PSOE vén de facer algo que nunca fixera: empezar a traizoar o seu programa electoral antes de formar goberno, e por riba provocando unhas novas eleccións no Estado. Caballero non pode empezar a perder a vantaxe un ano antes das eleccións. Antón Sánchez, no peor dos papeis Cando hai un mes o Grupo Común da Esquerda decidiu reorganizar as portavocías, non contaba con presentarse neste debate en plena pre-campaña electoral e sen ter resolvido a cuestión da coalición entre os tres socios nin moito menos o acordo e a candidata ou candidato para as galegas de 2020. Antón Sánchez asume o rol de adversario de Feixoo convencido de que o presidente "intentará fuxir do debate real" para despois aplicar "a máquina de fume" dos medios de comunicación e cargar "a atención e toda a responsabilidade sobre a política estatal". Feixoo non vén render contas, explicaba na terza Sánchez camiño dunha concentración con deputadas e traballadores de Alcoa Coruña. "Pero nós botarémoslle as contas", advirte. Como portavoz dos comúns, repasará o estado do emprego, do sistema sanitario, do sistema financeiro, da ordenación do territorio, do medio ambiente… O relatorio completo dun horror que, teme o deputado, non vai deixar pegada nin en Feixoo nin nos medios de comunicación do país. Ana Pontón, coas mans libres A única líder consolidada na oposición pertence ao BNG. Polo de agora, Feixoo non teme a Ana Pontón. E o Bloque ten as mans libres. Non está condicionado polos límites da disputa política que, para as forzas estatais, están ben definidos polo que acontece en Catalunya. Nesa situación, Pontón é a única que pode opoñer un programa alternativo ao de Feixoo. Empezando pola reforma estatutaria, a reforma fiscal, a do financiamento, a da política enerxética, a da política ambiental, da lingüística ou a blindaxe dos servizos públicos. Pontón avanzou esta semana as liñas dun programa antagónico (e inasumíbel) polo PP (veremos se chega o caso, polo PSOE). Remarcar ese antagonismo coas políticas colonialistas de Feixoo é sinxelo. O difícil, como apuntou Antón Sánchez, é que iso vaia deixar pegada en Feixoo ou nos medios do país. Luís Villares, esperando a Errejón A urxencia de Luís Villares e os tres deputados que o acompañaron até o Grupo Mixto na ruptura cos antigos socios é demostrar que son un actor na política galega que merece a confianza de Íñigo Errejón para que Más Madrid expanda o franquiciado a Galiza e salve da desaparición electoral ao que queda de En Marea. Segundo o exposto na súa comparecencia de hai dous días, Villares parece que enfocará o discurso a demostrar o seu sentido "de Estado", ofrecéndose para contribuír "á gobernabilidade do Estado", con pé e medio no campo das demandas sociais. Galiza vive unha situación de emerxencias, reflexiona En Marea: a climática, a feminista, a das desigualdades, a das liberdades… Un discurso asumíbel por unha esquerda como a de Errejón e que non se diferencia moito tanto do dos seus antigos socios como para andar separados. Villares cabalgaba na primavera de 2016 con dous corpos de vantaxe sobre Feixoo. Nin o viu pasar… despois, sucedeu todo o demais. A oposición está nun punto moi parecido ao que estaba hai catro anos, co agravante de que Feixoo leva catro anos máis de presidente. Así as cousas, quen se atreverá hoxe a prender a primeira vela do enterro de Feixoo?
NOS_12097
Solicitan unha reunión co presidente da Xunta, Alfonso Rueda, para exporlle as súas demandas.
Persoal temporal dos centros públicos de residencias de maiores e persoas dependentes concentráronse hoxe fronte á sede da Xunta en San Caetano para demandar á Administración autonómica cambios nas súas condicións de traballo. Entre outros, piden que non os obriguen a coller contratos "de media xornada, de fin de semana ou de dúas horas" obrigatoriamente. Os traballadores e traballadoras denuncian que se non aceptan ese tipo de contratos "penalízanos durante moito tempo". Ademais, censuran que eses contratos van ligados a salarios duns 400 ou 500 euros cos que "é imposíbel ter unha vida digna". Non se pode vivir no século XXI con condicións de traballo feudais Por iso, demandan listas independentes para poder optar entre unha xornada continua ou unha media xornada sen que os penalicen. "Hai xente que por conciliación familiar ou por estudos necesitan este tipo de contratos, pero pedimos poder elixir, do mesmo xeito que se fai no Sergas, e que non nos penalicen. É moi duro que te metan seis meses na neveira", declarou Manuel Bóveda, un dos traballadores deste colectivo. Listas baleiras Ante esta situación, Bóveda sinalou que moitos compañeiros optan por irse ás listas do Sergas, xa que son técnicos en coidados e auxiliares de enfermaría e, deste xeito, engadiu, as listas de contratación para as residencias e centros de dependentes "quedan baleiras". En total, segundo Bóveda, están nesta lista de temporais "entre 500 e 600 persoas", aínda que especificou que esa cifra "non é real" porque "moitos están apuntados, pero optan polo Sergas e outros xa non están nas listas de contratación". A Xunta subvenciona con 100 millóns de euros ao ano as residencias privadas Sobre isto, denunciou que a Xunta ameaza con contratar a xente sen especialidade para suplir estes empregos e "abaratar o posto de traballo con xente non cualificada". Ademais, asegurou que a carga de traballo é "moi alta" e o persoal atópase "moi canso" após a pandemia. "Nós damos o mil x mil e eles castígannos con contratos deste tipo", lamentou. Reunión con Rueda Nesta mesma liña, Manuel Bóveda solicitou unha reunión con membros do partido de Goberno, así como co propio presidente da Xunta, Alfonso Rueda, para exporlle as súas demandas. O persoal temporal estuda facer unha folga nas residencias públicas en setembro Así mesmo, indicou que xa se reuniron coa secretaria xeral técnica de Política Social que, segundo detallou, trasladoulles que "non pretenden crear traballadores pobres", aínda que, en todo caso, a xestión dos seus contratos é responsabilidade da Consellaría de Facenda e Administración Pública. Goberno español e autonomías votan esta terza feira se aprobar o novo modelo de residencias Ademais, explicou que o colectivo enviou unha carta á Valedora do Pobo, que xa instou á Xunta a modificar as cuestións que demandan, pero, continuou, "fixeron caso omiso". "Non podemos máis", reiterou. Folga Por outra banda, avanzou que en setembro estudarán facer unha folga nas residencias, pero polo momento esperarán a que baixe a incidencia da Covid porque asegura que "está a ser bestial". "Cando isto se calme imos propor aos compañeiros unha folga nos centros públicos e residencias porque cremos que hai que cambiar as cousas. Non se pode vivir no século XXI con condicións de traballo feudais ou de antes da Revolución Industrial", proclamou.
NOS_19985
"Desde a metade da quenda desta noite (22:00 a 6:00 horas) a produción está parada por non abastecer Grupo Risco o aluminio de reciclaxe necesaria nin tampouco o aluminio primario (lingote LME) para mantela en marcha".
O comité de empresa de Alu Ibérica na Coruña denunciou que "desde a metade da quenda desta noite (22:00 a 6:00 horas) a produción está parada por non abastecer Grupo Risco o aluminio de reciclaxe necesaria nin tampouco o aluminio primario (lingote LME) para mantela en marcha". "Esta é a segunda vez que ocorre algo parecido, pois xa o 6 de outubro do presente ano a produción parouse un tres horas por falta de subministración de fuel, combustíbel necesario para manter acendidos os fornos de elaboración na fundición", advirte a representación dos traballadores nunha nota de prensa. Os traballadores da factoría, que até 2018 estaba en mans de Alcoa, anunciaron a semana pasada que levarán á Fiscalía o proceso de venda Ante esta comunicación, a dirección de Alu Ibérica responde que, dentro do plan industrial deseñado para a planta de aluminio da Coruña, "contemplouse a reparación e posta en funcionamento do segundo forno da planta, o denominado forno 1B, co obxectivo de aumentar a produtividade". "Esta reparación finalizou o pasado mes de setembro", sinala. O persoal pide á Xunta e ao Estado que interveña. Os traballadores da factoría, que até 2018 estaba en mans de Alcoa, anunciaron a semana pasada que levarán á Fiscalía o proceso de venda, primeiro ao fondo suízo Parter, e posteriormente a Grupo Riesgo. Denuncian que a súa situación é critica e animan ás administracións a dar o paso para garantir a continuidade dun sector estratéxico que dá emprego a centos de persoas no país. Desde o punto de vista do representante das e dos empregados "hai suficiente documentación e información para que se obre con contundencia". Así falou a respecto do acordo que existiu entre Alcoa e Parter e, máis tarde, entre Parter e o Grupo Riesgo.
NOS_40667
Por outra parte, o Goberno dos EUA aproba o maior paquete de axuda militar desde a década de 1970 con Vietnam do Sur.
Arredor de 8.000 militares do Exército do Reino Unido despregaranse nas próximas semanas en diferentes puntos do leste de Europa, "desde Finlandia até Macedonia do Norte", segundo vén de informar a axencia británica PA Media. O obxectivo desta despregadura de tropas no verán, que será un dos maiores simulacros desde a fin da Guerra Fría, é "combater a agresión rusa" de forma conxunta coa OTAN, que tamén realizará accións militares a través da Forza Expedicionaria Conxunta (FEC), formada por Dinamarca, Noruega, Estonia, Islandia, Letonia, Lituania, Países Baixos, Suecia e Finlandia. Estes dous últimos países, se ben non forman parte da Alianza, son "socios próximos" e están a estudar o seu posíbel ingreso. A OTAN porfía na incorporación de Finlandia e Suecia "A seguridade de Europa nunca fora tan importante. Nestes exercicios, as nosas tropas unirán as súas forzas ás dos aliados e socios da OTAN e ás da FEC nunha mostra de solidariedade e forza", subliñou o secretario de Defensa do Reino Unido, Ben Wallace. Biden aproba o maior envío militar desde Vietnam O presidente dos EUA, Joe Biden, vén de recorrer no Congreso estadounidense a unha lei [Lend-Lease], que significa que data de 1941, en tempos de Franklin D. Roosevelt canda a Segunda Guerra Mundial, para aprobar un novo paquete de axudas destinado a Ucraína, por valor de 33.000 millóns de dólares —máis de 31.300 millóns de euros—. Desa contía, arredor de 60% —uns 19.000 millóns de dólares— correspóndese con axuda militar, polo que Ucraína se converterá no país que máis armamento recibiu dos EUA desde Vietnam do Sur na década de 1970. "Aprobamos esta medida para seguir axudándoos, asegurándonos de que teñen as armas que precisan, a artillaría que precisan, o equipo que precisan... É urxente avanzar neste financiamento", dixo a portavoz da Casa Branca, Jen Psaki. Aliás, Psaki instou outros países a seguiren brindando axuda a Ucraína: "Esperamos que sigan dando un paso adiante tamén, xa que isto vai ser un esforzo sostido, unha guerra máis longa, como falamos antes. Imos precisar que outros países sigan prestando unha serie de axudas".
NOS_34422
En 2010 a páxina web de Julian Assange revelou 196 cabos do Departamento de Estado dos EUA sobre o atentado de 1985 que se saldou coa morte de 85 persoas pertencentes á comunidade hebrea en Bos Aires.
De acordo con Wikileaks, o fiscal Natalio Alberto Nisman, que apareceu morto o domingo 18 de xaneiro, no baño da súa casa, após un aparente suicidio, visitou con frecuencia a embaixada dos EUA, discutía con funcionarios norteamericanos detalles da causa e até lles facía chegar documentos legais antes de seren apresentados perante a xustiza do seu país. O xornalista Santiago O'Donnell publicou en Página 12 un artigo o 17 de Febreiro de 2013 en que mostra a súa convicción de que a causa contra "terroristas" iranianos como pretensos autores do atentado de 1985 [coñecido polo acrónimo AMIA (Asociación Mutua Israelita Arxentina)] foi impulsada e alentada polos EUA. "Distintos funcionarios estadounidenses mantiveron numerosos contactos co fiscal encarregado de levar adiante a pescuda, Alberto Nisman. Neses contactos, os estadounidenses deixaron claro que non dubidaban da culpabilidade dos sospeitosos iranianos acusados pola fiscalía e teimaron en que Nisman deixase de lado a chamada pista siria e a chamada conexión local porque seguir esas pistas podería debilitar o caso internacional conta os acusados iranianos". Como reaxiu Nisman perante as demandas norteamericanas? O'Donnell esclaréceo: "O fiscal sempre se mostrou solícito perante os pedidos e consellos da embaixada, a tal punto que moitas veces era el quen iniciaba o contacto, din os cabos, para pedir información". Nisman puxo dúas veces o foco na Casa Rosada, primeiro en 2008 en Carlos Ménem, agora recentemente en Cristina Fernández Kirchner Santiago O'Donnell é o editor da sección internacional de Página 12 e ten unha relación moi estreita con Julian Assange, até o ponto de que o criador de Wikileaks lle entregou persoalmente a información que vincularía a embaixada dos Estados Unidos coas investigacións sobre o AMIA. O xornalista arxentino reférese a este asunto nos seus libros Argenleaks e Politleaks. En declaracións recentes a Radio América, O'Donnell afirma: "Os cabos [revelados por Wikileaks] demostran que [o fiscal] non atuou con independencia da embaixada dos EUA (...). Antecipaba á embaixada o que ía facer e a embaixada lle dicía o que tiña de facer". No curso das súas investigacións, en 2008 Nisman puxo o foco por dúas veces na Casa Rosada. Primeiro, ordenou a detención do ex presidente Carlos Ménem, canda a do ex xuíz Juan José Galeano (a actuación contra Ménem bateu coa oposición do FBI). Xa en 2015, a semana pasada, o fiscal levantou acusacións contra a actual presidenta, Cristina Fernández Kirchner, canda varios membros do seu goberno e do seu partido. "Nisman díxome que toda a info lla dá Stiusso, que é o enlace coa CIA e o Mossad", afirma Santiago O'Donell, autor de Argenleaks e Politleaks A imputación é que Kirchner tería chegado a un pacto con Teherán para, a troca de favores comerciais, outorgar impunidade aos axentes iranianos que supostamente terían perpetrado o atentado. Naturalmente, o goberno arxentino nega as acusacións e afirma que un eventual acordo con Irán se condiciona á hipótese de que se puidese investigar os sospeitosos en chan iraniano, extremo este que está lonxe aínda de se concretizar. Fontes gobernamentais dan crédito á tese de que detrás das pesquisas de Nisman se achen os servizos secretos dos EUA. A este respeito, O'Donnell ten escrito que Nisman traballou durante anos con Antonio Stiles, máis coñecido como Jaime Stiusso, ex director xeral de Operacións da Secretaría de Intelixencia. Stiusso estivo 42 anos nos sumidoiros da intelixencia arxentina, incluíndo 7 anos durante a dictadura militar, período en que desapareceron 30.000 persoas na Arxentina. Stiusso está considerado como un espía moi próximo á CIA e ao Mossad. Así o apunta O'Donnell nunha entrevista na Radio Nacional arxentina: "Nisman díxome que toda a info lla dá Stiusso, que é o enlace coa CIA e o Mossad"- Circunstancias da morte de Nisman Mentres, continúan as pesquisas para esclarecer as circunstancias en que se produciu a morte de Nisman. Informa esta terza feira Página 12, nunha peza asinada por Raúl Kollman, que segundo a autopsia na morte de Nisman "non interviñeron terceiras persoas". Explica Página 12 que Nisman puido ver seriamente afectado o seu estado de ánimo, nas vésperas da súa comparecencia no Congreso, cámara lexislativa á que se comprometera a trasladar a súa denuncia contra Kirchner, após o ex secretario xeral de Interpol, Roland Noble, e o xuíz da causa, Rodolfo Canicoba, teren descualificadas -por falsas ou pouco fundamentadas, respectivamente- as denuncias do fiscal.
NOS_39191
O Goberno Rajoy non premia precisamente os 41 escanos logrados por Feijóo nas eleccións galegas de setembro de 2016. No seu primeiro orzamento nesta lexislatura, Montoro aplica as tesouras a Galiza e reduce os investimentos no noso país en 32 por cento a respeito das contas de 2016. 51 de cada 100 euros van para a alta velocidade.
O investimento programado polo Estado para Galiza en 2017 ascenderá a 924,6 millóns de euros, un sustancial descenso a respeito dos 1.363 millóns orzamentados en 2016. A queda é dun 32 por cento e deixa en mal lugar o goberno Feijóo, que non demostra ter un grande peso político á hora de influír nas decisións de gasto do Ministerio de Facenda. Son as contas máis baixas para Galiza desde 2004. Os orzamentos territorializados descen en todas as comunidades autónomas, con excepción de Canarias, que obtería perto de 8 millóns de euros máis do que en 2016, no que todo apunta como un aceno de Rajoy a Coalición Canaria e ao deputado de Nova Canaria eleito nas listas do PSOE e cuxo voto é preciso para as contas seren aprobadas na Cámara Baixa. No ránking estatal, Galiza é o quinto territorio do Estado en investimentos. En 2016 era o terceiro. Encabezan a clasificación Andalucía e Catalunya, con 1.156 e 1.149, respectivamente. A chuvia de millóns prometida a Catalunya non se corresponde coas contas. De facto, baixa o investimento a respeito de 2016, embora nunha cantidade mínima, só 30 millóns de euros menos.
NOS_50396
Medio milleiro de tractores e por volta de 1.000 persoas percorreron as rúas da vila polo futuro do leite na Galiza.
As explotacións gandeiras manteñen o almanaque de mobilizacións perante a crise que atinxe o sector. Desta volta, Lalín acolleu unha multitudinaria tractorada da que fixeron parte por volta de 500 vehículos e un milleiro de persoas. Reclaman actuacións das administracións galegas e española a prol dun prezo digno para o leite en orixe e solucións que garantan a viabilidade dun sector estratéxico para a economía galega. Na mobilización, que contou cun importante apoio social e político na vila pontevedresa, puidéronse ler faixas que ligaban o futuro do sector ao do rural e ao da propia veciñanza. Aliás, víronse representantes políticos e responsábeis públicos como o alcalde de Lalín, Rafael Cuíña (CxG) quen se subiu mesmo nun tractor para acompañar @s manifestantes; a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva (PSOE) ou o portavoz nacional do BNG, Xavier Vence. As explotacións gandeiras, o primeiro elo da cadea de valor do leite e o máis prexudicado pola crise que atinxe o sector, reclaman a intervención pública para garantir uns prezos dignos en orixe. Neste senso, instan a administración a adoptar medidas como as implementadas polo goberno francés que garantirá un incremento de 4 céntimos no prezo do litro distribuído para que repercuta nun aumento do valor en orixe. Porén, o goberno español rexeita a medida argüíndo que as leis de competencia o imposibilitan.
PRAZA_17445
Vigo acolleu este venres unha gran marcha contra a decisión xudicial tras as concentracións celebradas o xoves por toda Galicia O feminismo galego bótase á rúa contra a posta en liberdade de 'La manada'
O feminismo galego bótase á rúa contra a posta en liberdade de 'La manada' Os cinco integrantes de 'La manada' xa están na rúa tras abonar os 6.000 euros impostos como fianza polo tribunal para a súa liberdade provisional. Os tres primeiros membros saíron pouco antes das 18 horas deste venres e os outros dous acusados quedaron en liberdade pasadas as 19.30. Foron recollidos na porta do cárcere por vehículos que os estaban esperando. Vigo acolleu este venres unha gran marcha contra a decisión xudicial tras as concentracións celebradas o xoves por toda Galicia Tres dos condenados atopábanse na prisión de Pamplona, mentres que os outros dous acusados estaban no cárcere madrileño de Alcalá Meco. Os cinco quedaron en liberdade tras case dous anos en prisión desde que fosen detidos o 7 de xullo de 2016. O fallo, que aínda non é firme, condenou os cinco a nove anos de prisión por un delito de abuso sexual con prevalemento. A saída dos cinco está a reavivar e aumentar estes días as protestas nas rúas e en diversos ámbitos políticos, xurídicos e sociais. Tras as concentracións celebradas xa o xoves en diversas localidades galegas, este venres as rúas de Vigo acolleron unha gran marcha contra a decisión xudicial encabezada por unha pancarta co lema "A complicidade institucional é violencia criminal". O que estaba previsto que fose unha concentración acabou converténdose nunha manifestación polas rúas do centro da cidade. A vicepresidenta do Goberno central, Carmen Calvo, salienta que as mulleres están "perplexas e inseguras con algunha decisión dalgúns tribunais" Máis aló da reacción na rúa, o auto da Audiencia de Navarra tamén reviviu o debate sobre a xustiza na escena política mentres a Comisión que se encarga de revisar os delitos de agresión e abuso sexual ten ata o 15 de novembro para finalizar os seus traballos. Malia que o Goberno central repetiu durante o xoves e o venres que "respecta as decisións xudiciais", a vicepresidenta e ministra de Igualdade, Carmen Calvo, recoñecía na tarde do venres que as mulleres están "perplexas e inseguras con algunha decisión dalgúns tribunais". A xustiza volve estar no punto de mira mentres as asociacións profesionais de mulleres xuristas seguen reclamando perspectiva de xénero nas decisións xudiciais. Representantes de todo o espectro político coincidiron en pedir unha revisión do Código penal e utilizaron termos similares aos de Calvo.
NOS_25204
O pleno tivo que se suspender
As protestas que @s traballador@s das contratas do Concello de Vigo volveron levar ao pleno municipal obrigaron máis unha vez a o suspender. Malia os filtros impostos desde a alcaldía que rexenta Abel Caballero (PSOE) a través dunha "lista negra" en que figuraban os nomes de todas as persoas que fixeron parte das mobilizacións da segunda feira, ás portas da casa consistorial déronse cita á primeira hora desta mañá obreir@s que non estiveron na primeira protesta e que puideron acceder ás dependencias municipais "até rebentar o pleno". Desde fóra, a secretaria comarcal de CIG-Servizos, Tránsito Fernández, e o representante d@s traballador@s do Marco, Pedro Pérez, atenderon a chamada deste xornal. A entrada ao Concello foilles vetada a amb@s as dúas, en virtude dun decreto asinado polo rexedor "que non nos queren ensinar". Cualificaron o impedimento de acceder "a un edificio que é público" como unha decisión "totalmente inconstitucional" e "impropio" dunha Xunta de goberno que refusa recibir as centrais sindicais "e que nos nega o dereito a replicar". Despedimentos improcedentes e represión sindicalSegundo a información transmitida pol@s dúas sindicalistas, @s obreir@s mobilízanse polo recorte dun 20% na partida orzamentaria que o Concello destina ás contratas, recorte que carrexará, en consecuencia, unha redución tamén do 20% na prestación de servizos e no cadro de persoal. Porén, aliás desta cuestión, colocaron riba da mesa as sentenzas xudiciais a favor que acumulan @s traballador@s despedidas. A última, do Tribunal superior de xustiza da Galiza, declara "improcedente" a posta na rúa dunha empregada ao ter asinado con ela o IMD (Instituto municipal do deporte) un contrato de relevo, polo que a empresa fica condenada a pagar o conxunto da indemnización, que ascendería a 15 mil euros. "Viremos todas as veces que faga falta até que o Concello deixe de amparar a precariedade", apuntou Tránsito Fernández, recordando que o goberno local que lidera Caballero ten cinco conflitos laborais pendentes de resolver. Un recorte de 200 mil euros no orzamento é o que afectou ao Museo de arte contemporánea de Vigo, o Marco, que carrexou o despedimento de cinco gardas de seguranza e de tres traballadoras da limpeza que perderon tamén a xornada completa. Os sindicatos responsabilizan desta tesourada ao Concello de Vigo e á Deputación de Pontevedra. Outro conflito está no IMD, cuxo xuízo polo despedimento de 11 traballador@s se realizará nas vindeiras semanas. "Pedimos que se declaren nulos", apuntou Fernández, suposto en que o goberno municipal debería pagar as indemnizacións. A contrata para a recollida do lixo e xardíns, FCC e Cespa, iniciarán proximamente as negociacións para o convenio colectivo, proceso marcado polas reducións que ambas empresas pretenden tanto na contratación como nas condicións laborais. E a contrata de cemiterios e limpeza das dependencias municipais "está a piques de saír, e leva así seis meses", comentou a sindicalista da CIG en referencia ao atraso na resolución do concurso público. Respecto da limpeza nos centros de ensino, "continúa a represión laboral" nun servizo que ten adxudicado a empresa Linorsa.
QUEPASA_201
Coa posta en marcha do servizo de socorrismo, abriuse a tempada de praias en Carballo
Continúa o proxecto do Concello de Carballo de garantir neste mandato o subministro de auga a toda a zona costeira. E así se comproba co ritmo que avanzan as obras de extensión da rede de abastecemento de auga dende Razo ata Lema. Neste punto comezou a traballar a empresa adxudicataria, a carballesa Vázquez y Reino, a mediados de abril, e estes días xa están traballando na zona de Cambre. Son obras incluídas no POS+Adicional 2019, a través das cales se construirá a canalización principal ata Razo, así coma un ramal cara a praia e as conexións ás canalizacións existentes nos núcleos de Centeás, A Chamusqueira, O Igrexario e Castrillón.A mesma empresa executará tamén o proxecto das redes de abastecemento e saneamento dos núcleos de Cambrelle (Razo), Cambre e Outeiro (Lema), que se financia con cargo ao remanente de tesourería para gastos xerais do ano 2019 cunha partida de 416.971,86 euros, e que foi adxudicado por 375.953,74 euros. Con cargo ao programa POS+ deste ano tamén se levará a cabo a rede de abastecemento á Pedra do Sal, que suporá un investimento de máis de 3,2 millóns de euros. Este proxecto sairá a licitación tan pronto como a Deputación Provincial da Coruña dea luz verde, algo que está previsto que suceda a principios do verán. Praias Este xoves 10 de xuño entrou en servizo o equipo de salvamento nas praias, integrado por 32 socorristas que velarán pola seguridade dos usuarios e usuarias dos areais de Razo, Baldaio-Saíñas e Pedra do Sal durante os próximos tres meses. Co inicio da temporada alta do servizo de limpeza xa o día 1 e a posta a punto dos distintos espazos de uso público, nestes primeiros días quedará todo listo para que poidamos gozar do bo tempo á beira do mar. Este verán volverá a ondear a Bandeira Azul nas praias de Baldaio-Saíñas, Pedra do Sal e Razo. Ademais, as cinco zonas de baño do noso litoral que están controladas sanitariamente (Pedra do Sal, Razo, Arnados, Ría de Baldaio e Saíñas) acadaron a cualificación de excelente, segundo a clasificación sanitaria final do 2020 remitida pola Consellería de Sanidade.
NOS_45016
Non aceptou ningunha das 1.113 emendas que BNG, En Marea e PSdeG mantiveron vivas até o final.
Unha cousa é maioría absoluta e outra maioría absolutista, afirmou a deputada nacionalista Noa Presas no debate dos orzamentos. O PP optou por aplicar a segunda opción na sesión desta segunda feira no Parlamento de Galiza e sacou adiante en solitario os orzamentos para 2017 e sen aceptar ningunha das 1.113 emendas que as forzas da oposición mantiveron vivas até o final. Non foi ningunha sorpresa. O PP xa aplicara rolete no debate as emendas á totalidade dos orzamentos e nas comisións de debate. Para a oposición, o vivido esta segunda feira foi máis un exemplo da "soberbia" e da "arrogancia" que gosta de aplicar o Partido Popular botando man da súa maioría. Algo que nega o voceiro popular, Pedro Puy, que cualificou as contas da Xunta para este ano como "expansivas, prudentes, equilibradas" ao tempo que servían, asegurou, para que Galiza "continúe a medrar". Unha valoración para nada partillada pola oposición. O BNG lamentou que os orzamentos continuasen a apostar na política de recortes e de dar as costas á maioría social. Unhas 350 emendas dos nacionalistas mantivéronse vivas até este debate mais non foron aceptadas. "O PP decidiu non ceder", sinalan, lamentando o BNG que non se tivesen en conta propostas e achegas en aspectos como a creación de emrpego ou os servizos sociais. En Marea defendeu 129 emendas. O viceportavoz, Antón Sánchez, rexeitou os discursos do PP de que Galiza está en recuperación e afirmou que estaba na "consolidación dunha estafa". O orzamento da Xunta para o ano 2017 o que procura é "consolidar un modelo que afonda na desigualdade e na inxustiza, o modelo da perda de dereitos da maioría, da precariedade", denunciou Sánchez. Xoaquín Fernández Leiceaga, voceiro do PSdeG no Parlamento, considera que nas contas "falla ambición e falla confianza" e nas mesmas reflíctese que "non hai recuperación económica". Leiceaga criticou que nas contas para 2017 se careza de "impulso ao investimento".
PRAZA_21051
A xuíza ve probado que o Luisa Piñeiro e o ex-presidente da Deputación de Pontevedra, actual presidente da Federación Galega de Fútbol, participaron nun "plan" para pagar 86.000 euros adicionais á construtora dun campo de fútbol subvencionado pola Deputación por obras fóra do proxecto e, para facelo, subvencionaron traballos xa feitos como se fosen novos nunha adxudicación amañada
O Xulgado do Penal número 3 de Pontevedra vén de condenar a delegada territorial da Xunta en Pontevedra dende setembro de 2020, Luisa Piñeiro, a dous anos de prisión e oito de inhabilitación ao considerala "cooperadora necesaria" dun delito de prevaricación e autora doutro de fraude en 2013, na súa etapa como alcaldesa de Moraña polo PP. A sentenza, ditada este 5 de febreiro, considera probado que colaborou para cometer estes delitos co daquela presidente da Deputación pontevedresa e actual máximo responsable da Federación Galega de Fútbol, Rafael Louzán, a quen a xuíza lle impón a mesma condena, igual que ao funcionario que na altura exercía como director de Infraestruturas da institución provincial.A xuíza ve probado que Louzán e Piñeiro participaron nun "plan" para pagar 86.000 euros á construtora dun campo de fútbol subvencionado pola Deputación por obras fóra do proxecto e, para facelo, subvencionaron traballos xa feitos como se fosen novosO caso agora axuizado é unha peza separada da operación Patos, unha investigación de suposta corrupción que tiña na súa cerna á empresa construtora Eiriña. Esta empresa foi a adxudicataria das obras de construción dun campo de fútbol de herba artificial en Moraña -Louzán impulsou na Deputación ducias destes campos antes de acabar presidindo a Federación de Fútbol- que a Deputación acordara realizar mediante un convenio co Concello da vila, con Piñeiro como rexedora. O goberno de Louzán asumía o custo dos traballos mediante "unha subvención do presidente" por importe de case un millón de euros.Segundo defendeu a Fiscalía na súa acusación e a xuíza dá por probado, a construtora "realizou obras non contempladas no proxecto" e a finais de 2013 presentou na Deputación unha certificación "por importe de 86.816,47 euros" para cobralas. Pero "como se trataba dunha obra executada con subvención, a lexislación impedía rebasar o importe subvencionado" e a funcionaria encargada "sinalou que era ilegal", relata a sentenza, "ideouse un sistema artificioso, en fraude de lei, tendente a abonar á empresa Eiriña o importe que reclamaba".Foi así como, di o ditame xudicial, Louzán e Piñeiro, xunto co director de infraestruturas da Deputación, o administrador da construtora, un empregado e un arquitecto (todos eles tamén condenados na mesma sentenza), "elaboraron" e "executaron" un plan consistente en adxudicar á empresa un proxecto de "mellora de vestiarios e bancadas" do mesmo campo de fútbol. Todo, a cargo dunha nova subvención da Deputación, por importe de 86.311,84 euros, importe practicamente idéntico ao que a construtora pedía polo sobrecusto da primeira obra.A sentenza, que é recorrible, ve "un verdadeiro fraude" a creación da nova subvención e a adxudicación dos supostos novos traballos á mesma construtora tentando "dar apariencia de legalidade á contratación"Indica a xuíza que, á luz da documentación do caso e tamén das escoitas telefónicas practicadas, queda claro que esas supostas melloras no campo non eran máis ca un proxecto feito ad hoc para cobrar as devanditas cantidades. Ademais, considera comprobado que boa parte das obras incluídas no novo proxecto "xa estaban executadas con anterioridade" e isto é "apreciable a simple vista". Así, especifica a sentenza, Louzán "coñecía sobradamente non só que a maior parte das obras estaban executadas, senón tamén que as executara a empresa Eiriña". A xuíza agrega como proba o feito de que o daquela presidente da Deputación estivo presente "tanto nunha visita institucional como no acto de inauguración" do campo xunto co administrador da construtora. "Tal afirmación é extensible" á actual delegada da Xunta "polas mesmas razóns", conclúe.As condenas veñen dadas pola concesión dunha nova subvención para obras que parcialmente xa estaban feitas, o cal a xuíza considera "un verdadeiro fraude", pero tamén polo xeito en que os supostos traballos foron adxudicados a Eiriña. "Xa dende a creación da subvención (...) o propósito era que a empresa adxudicataria fose Eiriña" e por iso se tentou "dar apariencia de legalidade ao procedemento de contratación" ao que concorreron outras dúas empresas -como corresponde a unha contratación negociada sen publicidade-, se ben "todos os intervintes no mesmo estaban concertados para que se adxudicase á empresa Eiriña". Os responsables das outras dúas construtoras tamén son condenados, no seu caso a un ano de prisión e dous de inhabilitación.A sentenza do xulgado pontevedrés é recorrible ante a Audiencia Provincial. No caso de adquirir firmeza, a Xustiza tamén tería que ditaminar sobre o ingreso ou non en prisión dos condenados a dous anos de cadea, Piñeiro e Louzán, para quen a Fiscalía pedía cadanseu ano máis de cárcere, un total de tres. En casos semellantes de condenas a inhabilitación, cargos políticos tiveron que abandonar os seus postos cando a sentenzas aínda non eran firmes en aplicación da reforma da lei electoral de 2011; Piñeiro non agardou a dirimir esta cuestión xurídica e dimitiuResta saber tamén o que acontece coas condenas de inhabilitación, de 8 anos. A modificación da lei electoral, aprobada en 2011 para desenvolver a lei de partidos de 2002 converteu en "inelixibles" aos "condenados por sentenza, aínda que non sexa firme , por delitos de rebelión, de terrorismo, contra a Administración Pública ou contra as Institucións do Estado" cando nestas sentenzas se establecese "a pena de inhabilitación para o exercicio do dereito de sufraxio pasivo ou a de inhabilitación absoluta ou especial ou de suspensión para emprego ou cargo público". En aplicación deste precepto, cargos políticos inhabilitados tiveron que abandonar os seus cargos cando a sentenza non era firme -así lle sucedeu, por exemplo, a sete edís do PP de Santiago condenados en 2014 por unha sentenza que a Audiencia Provincial da Coruña revogou ao ano seguinte-. Se así fose neste caso, Piñeiro tería que abandonar o cargo de libre designación na Xunta para o que a seleccionou Alberto Núñez Feijóo hai menos de medio ano, cando en virtude dos estatutos do partido tiña que ter aberto un expediente interno e estar suspendida de militancia.Non obstante, a ex-alcaldesa de Moraña non agardou á dirimir esta cuestión xurídica e a últimas horas da tarde deste 5 de febreiro anunciaba a súa dimisión. Na mesma rolda de prensa anunciaba a súa baixa como militante do PP. Fíxoo despois de que o PP de Galicia asegurase a Praza.gal que xa se dera de baixa en vésperas do xuízo celebrado o pasado novembro, apenas un mes despois de ser nomeada delegada da Xunta en Pontevedra.
NOS_37494
O sindicato nacionalista aposta en seguir coa "reivindicación social" e en "non caer na desmobilización nin na resignación". Con este espírito tivo hoxe lugar en todo o territorio galego unha ampla cazolada contra os recortes en sanidade e contra as medidas "antisociais" do Goberno estatal e do galego.
No marco da "ampla cazolada" convocada pola CIG para protestar contra as medidas "antisociais" do Goberno estatal e da Xunta de Galiza, o secretario xeral do sindicato, Paulo Carril, insistiu esta sexta feira na necesidade de avanzar na reivindicación social: "A través da mobilización conseguiremos que os custos desta crise sanitaria, social e económica, non recaian, unha vez máis, sobre a clase traballadora e as maiorías sociais". "De non termos saído ás rúas, hoxe a sanidade pública galega estaría en condicións moito peores para afrontar esta pandemia", exemplificou Carril, que anima a canalizar "na denuncia social" a "impotencia que xeran nas traballadoras e nos traballadores a incerteza sobre o futuro dos seus empregos, sobre o cobro dos salarios e das prestacións, por non ter uns recursos económicos garantidos ou polo medo a ter que acudir ao posto de traballo sen contar coas medidas de protección adecuadas". No día de hoxe confirmábase o primeiro caso positivo en coronavirus dun traballador da fábrica de Alcoa en San Cibrao e outro posíbel caso en Nova Pescanova (Redondela). Carril criticou duramente "a xestión irresponsábel" por parte do Goberno español e "o desleixo absoluto" do Goberno de Feixoo e apelou ao "dereito a decidir" para "levarmos adiante políticas públicas a favor das maiorías sociais que ofrezan unha solución global e alternativas amplas para o conxunto da clase traballadora e que non deriven nela o impacto dunha crise da que non é responsábel". A CIG puxo a voz de alarma ante os convites a unha gran concertación social, e á renovación dos Pactos da Moncloa. Carril lembrou ao respecto "os desastrosos resultados que para a clase traballadora ten o diálogo social practicado por CCOO e UXT coa patronal e os diferentes Gobernos, recortando con cada novo acordo os nosos dereitos, precarizando as condicións laborais e de vida, e avanzando no desmantelamento e privatización dos servizos públicos e dos sectores estratéxicos". Propostas da CIG A CIG volveu reclamar un permiso retribuído por deber inescusábel, cun fondo público de compensación para as empresas, a intervención pública dos sectores estratéxicos da economía, como a banca ou as enerxéticas, e asegurar o financiamento público a través dunha reforma fiscal que grave as grandes fortunas e as grandes empresas. "Se algo evidencia esta crise é a incapacidade do privado fronte ao público. Hai que superar o neoliberalismo e iso pasa, inevitabelmente, polo que levamos anos demandando: derrogación íntegra das reformas laborais, das pensións e da negociación colectiva", concluíu o secretario xeral da CIG.
NOS_20392
As autoridades israelitas manteñen privadas de liberdade 7 das persoas que viaxaban no Marianne.
Após 4 días do apreixamento do Marianne, o principal buque da III Flotilla da Liberdade, o Estado de Israel aínda mantén en prisión 7 das 18 persoas que detidas no asaltamento do barco. No concreto, segundo informa Ship To Gaza Sweden, trátase da xornalista rusa Nadya Kevorkova (RT-television) e @s 6 activistas de Suecia: Charlie Andreason, Gustav Bergström,a xornalista e escritora Kajsa Ekis Ekman, o activista e músico Dror Feiler, o cociñeiro do buque Jonas Kårlin e o capitán Joel Opperdoes. Segundo Ship To Gaza Sweden as persoas privadas de liberdade atópanse na cadea de Givon e poderían ser liberadas e deportadas ao longo da sexta feira após seren repatriadas na quinta o noruegués Herman Recksten e os dous cidadáns canadenses, Bob Lovelace e o maquinista Kevin Niesh. As informacións apuntan que o seu encerro se mantén logo de que se negasen a ser deportad@s individualmente. Exixiron facelo como grupo por seguridade. Ship To Gaza tamén difundíu nos últimos días as imaxes do asalto ao Marianne nas que se pode ver a soldados israelitas agredindo a tripulación da Flotilla, como narrou a portavoz do BNG en Bruxelas, Ana Miranda, en conversa con Sermos Galiza logo de ser deportada a Madrid.
PRAZA_10705
O Salón Internacional do Cómic, dirixido por Miguelanxo Prado, bota a andar o luns con Isabel Greenberg, David Sala, Albert Monteys, Tony Sandoval, Antonio Navarro, Jorge Coelho ou o ferrolán Abel Alves entre os e as artistas convidadas.
Este luns ábrese unha nova edición de Viñetas desde o Atlántico, o tradicional Salón Internacional do Cómic da Coruña dirixido por Miguelanxo Prado. Isabel Greenberg, David Sala, Albert Monteys, Tony Sandoval, Antonio Navarro, Jorge Coelho ou o ferrolán Abel Alves destacan entre os e as artistas convidadas desta 22ª edición do evento.Isabel Greenberg, David Sala, Albert Monteys, Tony Sandoval, Antonio Navarro, Jorge Coelho ou o ferrolán Abel Alves destacan entre os e as artistas convidadas desta 22ª edición do eventoNa programación destaca a presenza da creadora británica Isabel Greenberg, quen sorprendeu ao mundo editorial tanto coa súa primeira novela gráfica, a saga The Encyclopedia of Early Earth, coma coa súa fábula feminista The one hundred nights of Hero.Tamén a do autor mexicano afincado en Europa Tony Sandoval, a quen lle chegou o éxito coa súa personaxe Blacky, un gato con inquedanzas románticas e mesmo morriñento. Porén, sería tras saír do prelo El cadáver y el sofá (2007) cando Sandoval acadaría sona; unha obra á que seguiron Epidemia de melancolía(2011) e La serpiente de agua (2014), inspirada en Edgar Allan Poe.Cómpre salientar igualmente a presenta do francés David Sala, un creador que estudou na prestixiosa escola Emile Cohl e que confesa influencias tan diverxentes coma Alberto Breccia ou Stanley Kubric. Ao longo da súa carreira traballou cos máis importantes guionistas, coma Jorge Zentner (Replay e a serie Nicolás Eymerich, inquisidor). Sala triunfou no ámbito europeo da banda deseñada coa súa adaptación de El jugador de Ajedrez, a novela de Stefan Zweig.Estará tamén na Coruña o portugués Jorge Coelho, debuxante da extravagante serie policíaca John Flood, con guión de Justin Jordan. Tamén é o creador de Polarity, Sleepy Hollow e Forgetless. Debuxante de Marvel, é un dos responsables, xunto con Brian Wood, da serie Robocop: Citizens Arrest (Boom! Studios).Outro dos protagonistas será o catalán Albert Monteys, unha das sinaturas indispensable da revista El Jueves nos últimos anos. Autor da serie Tato, ou de Para ti, que eres joven, con Manel Fontdevila, traballou posteriormente noutros proxectos, como a serie dixital ¡Universo! coa que gañou o Premio Zona Cómic e o Premio Cómic Barcelona á mellor obra de autor nacional publicada no 2018.Viñetas botará a andar o luns ás sete da tarde e chegará ata o domingo 11Para rematar, o o debuxante e guionista ferrolán Abel Alves gañou o dereito a un espazo preferente no Salón. É autor da novela gráfica Sangre y sol editada en Uruguai e gañadora do Fondo Concursable para a Cultura de Uruguai 2014. No 2016 sae do prelo a novela gráfica Aram o Armenio, dedicada ao xenocidio armenio de 1915. O pasado ano publica Segunda Venida e, coa colaboración do Concello da Coruña, lanza ao mercado A tumba de Breogán, unha ficción histórica con personaxes como Eduardo Pondal, Emilia Pardo Bazán ou Murguía. Na actualidade prepara varios proxectos para o mercado español e estranxeiro.Por último, a poeta compostelá Yolanda Castaño trae a Viñetas os seus poemas ilustrados pola man de boa parte dos máis célebres debuxantes galegos: Norberto Fernández, Alberto Taracido, Cristian F. Caruncho, Jano, Fran Jaraba, Xulia Pisón, Paula Esteban, Fran Bueno, Xulia Vicente, David Rubín, Miguel Robledo, Manel Cráneo, María Ferreiro, Alicia Jaraba Abellán, Víctor Rivas, Kike J. Díaz, Xosé Tomás, Anxo Cuba, Los Bravú (Dea Gómez & Diego Omil), Yupiyeyo / María Álvarez Hortas, David Pintor, Kiko da Silva, Miguelanxo Prado, Roberta Vázquez, Xan López Domínguez, Siro, Xaquín Marín, Rubén Mariño, Pepe Carreiro, Santy Gutiérrez, Martín Romero, Ramón Trigo, Brais Rodríguez, Miguel Cuba, Cynthia Alonso, Abraldes, Miguel Porto, Dani Xove, Tokio e Fernando Iglesias Kohell.Viñetas botará a andar o luns ás sete da tarde e chegará ata o domingo 11. Sete días de presentacións, sinaturas, exposicións nas que a cidade se converte nun escenario de banda deseñada. Este ano, de feito, ademais das habitual figuras do cómic que como todos os veráns tomarán as rúas da Coruña e algún dos seus monumentos máis importantes, unha exposición convida aos transeúntes a camiñar entre viñetas pola Dársena (ao redor da sede da Autoridade Portuaria).Unha exposición convida aos transeúntes a camiñar entre viñetas pola DársenaEntre as restantes mostras programadas para este ano destaca a que acollerá o Pazo Municipal de María Pita, dedicada a Tintín. Ademais, a Sala Salvador de Madariaga acollerá a exposición dos orixinais da obra galardoada no 2018 co XIII Premio Castelao de Banda Deseñada, editado pola Deputación da Coruña: Canción para afundir flores no mar, de Oliver Añón Lema.Ademais das exposicións e os encontros cos autores convidados, a oferta do Festival inclúe obradoiros e presentacións editoriais na carpa instalada nos Xardíns de Méndez Núñez, así como a tradicional Feira da Historieta. Aínda que Viñetas 2019 permanecerá aberto só entre o 5 e mais o 11 de agosto, as exposicións de orixinais continuarán abertas ao público ata o 8 de setembro.
NOS_21389
Di Helena Villar Janeiro que non escolleu ser mestra. Nin autora de literatura infantil. Ambas as cousas xurdiron. Unha, nun tempo en que estudar, e máis se eras muller, era un luxo. Outra, ao ter fillos nunha cidade nos anos 80. Mais as dúas fixérona feliz e conformaron, tamén, a escritora que é. Que vai máis alá dos libros para a infancia. Poesía, narrativa para persoas adultas, xornalismo, ensaio, traducións e clases de galego por Internet. Todo co mesmo empeño que cando comezou. O Salón do Libro de Pontevedra homenaxeouna pola súa traxectoria.
Como foi a homenaxe do Salón do Libro? O ano pasado o Salón do Libro decidiu homenaxearnos a Kiko da Silva e a min. O acto ía ser o 14 de marzo e o 13 comezou o confinamento, entón houbo que agardar a este ano. Puxéronme un pequeno salón dentro do Salón que está moi ben, moi completo. Para min esta homenaxe é unha satisfacción persoal moi grande. Un recoñecemento a un traballo que comecei no ano 79 escribindo para os meus fillos. Despois converteuse nunha traxectoria que eu non agardaba e aínda hoxe cústame desengancharme… A infancia agora tende a dispersarse máis, polo que o libro segue a ser moi necesario tamén nese sentido. Eu non creo que haxa que fiar a aprendizaxe toda ao dixital. Falaba hai pouco da relevancia do libro en papel fronte ao audiovisual. Por que hai que seguir insistindo niso? O audiovisual venceu o espazo pero o libro vence moito mellor o tempo. O libro é máis propicio para a calma e a reflexión e ademais pódese reler. A infancia, por outra banda, agora tende a dispersarse máis, polo que o libro segue a ser moi necesario tamén nese sentido. Eu non creo que haxa que fiar a aprendizaxe toda ao dixital. Á parte de que as fontes dixitais tamén hai que aprender a filtralas. E digo isto con coñecemento, porque eu estou nas redes sociais. Dicía antes que empezara a escribir literatura infantil para os seus fillos. Supoño que tamén para o seu alumnado como mestra. En realidade non. Eu traballaba no medio rural, que ten esa grandeza de cultura para a infancia: contos, adiviñas, lendas… Mentres estiven nos Ancares eu non precisaba máis. Despois fun traballar a Ferrol e a Santiago, primeiro como profesora de lingua española e francesa, despois só de lingua española e despois de lingua galega. Tiven unhas alumnas moi boas, de colexios privilexiados. Lían case ao nivel do bacharelato de hoxe: os clásicos, como en galego Castelao, Carlos Casares, Rosalía de Castro… Así, eu seguramente se non tivese fillos nunca crearía literatura infantil. E tiña dous fillos en Santiago, lonxe das casas dos avós. Pero os meus fillos estaban lonxe daquela cultura e había que lles dar a correspondencia urbana. Penso, por certo, que os nenos falan a lingua que os pais queren: se cambian, se cadra a familia non está a facer abondo para que a reteñan. Eu comecei traducíndolle a María as cancións de Natacha de Juana de Ibarbourou. E despois, claro, cando che pedían que lles volveses contar o mesmo conto decatábanse de que non era exactamente o mesmo. Por iso comezamos a escribilos seu pai e mais eu. Agora teño unha neta de oito anos e, aínda que a situación da lingua é peor, ela ten máis facilidade porque a familia do pai e a da nai falan galego, as súas amigas falan galego… Tamén aprendeu castelán na escola e cando comete erros corrixímola porque non pode aprender mal ningunha das dúas. Agora teño, ademais, outra neta de dous meses e tamén escribo para ela… Comecei a escribir, en realidade, da man de Juan Ramón Jiménez Como fora para vostede? Na súa infancia falaban galego na casa? Tiñan libros? Eu era filla de xente pobre pero culta. A miña nai traballou durante once anos en Donosti e volveu para recuperarse tras un accidente. A súa intención, nun principio, era volver para Donosti pero despois quedou. A min empezou a falarme castelán pero ao nacer o meu irmán xa se deu por vencida e volveu para o galego. Ademais, eu na casa tiña tamén contacto coa clientela que era portadora de contos, historias, personaxes… Na casa había tamén un tomo de La Gran Enciclopedia de la Juventud que falaba de literatura e algúns libros de meu pai, ou libros que lle emprestaban a meu pai: Curros, Rosalía, Fole, Castelao… Na escola pouco aprendín, pero si na casa, cos meus pais e cos seus amigos. Aos 13 anos un día cheguei á casa e dixen que quería estudar. Meus pais aceptárono, sempre que traballase. Estudaba polas noites, despois fixen Maxisterio, despois a oposición de mestra e máis tarde Filosofía e Letras por libre pola especialidade de Pedagoxía. Pero comecei a escribir, en realidade, da man de Juan Ramón Jiménez. No 72 publiquei o meu primeiro libro de poesía, Alalás. Eu quería escribir en galego pero era absolutamente analfabeta na miña lingua. Lin un poema de Faustino Rey Romero, de Escolanía de Merlos, que me gustou tanto… Collín un coleccionábel de lingua galega que publicaba La Voz de Galicia. Fun aprendendo e comecei a escribir. Entre os seus primeiros libros, xa nos 80, estiveron tamén Rosalía no espello ou O día que choveu de noite, que xa é infantil. Unha cousa é cando se escriben os libros e outra cando se publican pero, si, despois de Alalás veu o libro de cancións para a nosa filla María, O libro de María. Entre os primeiros estiveron varias obras conxuntas con Xesús Rábade Paredes: Símbolos de Galicia, Morrer en Vilaquinte, O sangue na paisaxe, No aló de nós… Tamén estivemos no colectivo Cravo Fondo. En poesía, despois de Alalás e Rosalía no espello eu publiquei Festa do corpo, Álbum de Fotos e Nas hedras de Clepsidra, que foi premio Eusebio Lorenzo Baleirón. Nos anos 70 comezou certa apertura nas escolas cara ao galego, aínda que seguiu habendo sancións. Como viviu aquilo? Eu estiven no rural do 60 ao 75. O castelán era a lingua vehicular e a min nin se me pasaba pola cabeza dar a clase en galego. Pero polas lembranzas que teño podo dicir que a miña actitude lingüística era moi boa. Nunha das escolas nas que traballei, en Vilaver, Cervantes, viñan uns nenos portugueses, fillos dos serrantinos, para aprender matemáticas comigo nas clases que eu daba gratis polas noites para a mocidade que non estaba alfabetizada. Lembro, por exemplo, un día que falamos de se se dicía "merlo" ou "melro". Non sei, seguramente algunha vez falaba galego para que eles me entendesen. Cando estiven en Ferrol, no 75, xa se podía dar galego fóra do horario lectivo e sen cobrar e eu tiña as miñas alumnas de voluntarias. No 79 algúns centros comezaron coas clases de galego de forma experimental e eu xa tiven a miña clase de galego en Santiago. Despois do 80/81 xa foi obrigatorio. Pero si, cando me fixeron académica correspondente da Real Academia Galega foi tamén polo mérito de ser unha das primeiras profesoras de galego. Na miña poesía está a terra: eu volvo en outono para a casa con haikus e con cogomelos. Volvendo á poesía, nestes primeiros libros seus dos anos 80 e dos 90 hai moita presenza dos sentidos, do corpo, do sensual, da natureza… Digo porque o corpo é case un tópico da poesía dos 90, que identificamos con poetas novas. Eu sempre andei algo descolocada xeracionalmente. Un antólogo unha vez díxome: é que a ti non había onde meterte! Eu era unha feminista que escribía cun home, unha autora de literatura infantil que escribía para adultos… Sempre fun singular como autora e a literatura infantil, que me encanta, non representa todo o que fago porque fago máis cousas: narrativa para adultos, poesía, ensaio… Dicía antes que comecei a escribir da man de Juan Ramón Jiménez, da súa poesía intimista, ontolóxica, observadora da natureza… De feito custoume separarme da poesía de Juan Ramón e atopar a miña propia voz. Eu tamén son moi observadora da natureza. Non hai espectáculo máis fermoso. Na miña poesía está a terra: eu volvo en outono para a casa con haikus e con cogomelos. E tamén reivindico, si, o corpo, como en Festa do corpo. Está o sensual porque están os sentidos, xa que eu son unha amante das artes. De feito eu antes de poeta son música, pero cando conseguín unha bolsa para estudar música xa tiña 27 anos e a miña vida montada. Non é casualidade tampouco que Abe Rábade sexa músico: pola súa propia capacidade e por esa herdanza estética. Xa no ano 2000 publicou Pálpebra azul, de haikus, Remontar o río, que é unha marabilla como libro-obxecto e en 2018 Poesía mínima/Minimal Poetry (Alvarellos), que é tamén de haikus e moi fermoso como obxecto. Neste libro está a natureza, a vida, o tempo... Eu publicaba nas redes e un día chamoume Quique Alvarellos para proporme facer un libro. Fixen unha selección difícil, de entre mil e pico poemas. As fotos son miñas tamén. Eu publicaba moito nas redes sociais e usaba as fotos para chamar a atención sobre o contido. Son escritora e, por suposto, cidadá, e teño as miñas opinións que expreso nas redes sociais, que poden gustar máis ou menos pero agardo que sexan dignas, progresistas e respectuosas cos Dereitos Humanos. Poesía mínima recolle parte dos meus haikus, con tradución ao castelán miña e ao inglés de Paul Baker. É un libro que fala bastante da morte, de cando comeza a morte xa durante a vida. Tamén das ruínas, pois cando algo comeza a descarnarse parécenos desagradábel, mais tórnase fermosísimo cando é ruína total. Tamén do tránsito do tempo, da vida, do universo… Eu morrerei, pero quedarei nos camiños polos que andei. Entre as súas últimas obras de infantil, publicadas por Galaxia, están Fina a Pirata, que conta con moita naturalidade como unha nena se adapta a unha perna de madeira, e A fuga de Guillermo, sobre o amor entre un neno e unha "avoa" que lle axuda a ter a vida que merecía… A historia de Fina é moi natural porque eu coñecín esa nena. Un grupo de profesionais da medicina pediátrica pedíronme uns libros sobre nenos enfermos e, sobre todo, sobre nenos que tiveran algunha perda, como un membro. Eu lembrei a Josefina, que como no conto perdera a perna. Era unha nena que andaba todos os días seis quilómetros coa súa perna de pau, feita polo seu pai. Eu no conto imaxino o tipo de profesora que me gustaría ser para ela, porque non puiden darlle esa escola. Canto a Guillermo, eu pasei unhas vacacións na Residencia de Tempo Libre de Panxón [Nigrán] e alí coñecín un neno que parecía fugado dun conto. É, si, unha historia de amor de netos e avós, que é un tema moi presente nos meus libros: Viaxe a Illa Redonda, O avó de Pipa… A miña neta faime propaganda deste libro, que lle gusta moito. Os meus fillos tiveron unha relación moi entrañábel co seu avó e meu pai tivo tamén unha relación especial coa miña sobriña… Hoxe a sociedade está moito máis separada, mais penso que era moi rico cando convivían varias xeracións. A natureza fala na súa literatura infantil, na que ten bastantes protagonistas femininas. É que a natureza dialoga coas persoas. Na miña literatura fala a natureza e evócase o universo, e o silencio, e a eternidade, e invócase o que nos precedeu. A min gustaríame saber máis sobre os meus antepasados. O das personaxes femininas é porque escribía para a miña filla. Non tiña conciencia de que debía facelo así. Pero si fun educada por un pai que admiraba moitas mulleres republicanas das que me falaba: Hildegart, Rosa Luxemburgo… Eu estudei porque o pedín e meus pais aceptárono. Saín da casa xa con esa educación. Meu pai queríame xornalista e tamén por iso moito tempo despois empecei a facer algún artigo… Mais tamén teño protagonistas nenos porque tamén escribía para Abe. Cando gañamos o premio Rosalía de Castro por Símbolos de Galicia felicitárono só a el. E moitos outros detalles moi feos que a min me fixeron pasalo bastante mal. E non tivo críticas machistas, sobre todo cando empezou? Tiven. Festa do Corpo ergueu algo de poeira entre poetas masculinos. Xesús é un gran traballador e eu son máis dispersa pero teño ese pronto, esa luz ao crear... Facemos un equipo perfecto para escribir. Pero cando gañamos o premio Rosalía de Castro por Símbolos de Galicia felicitárono só a el. E moitos outros detalles moi feos que a min me fixeron pasalo bastante mal. Foi tan desagradábel que ao final deixamos de escribir xuntos. Escribiu ensaio, -Delas ou Feminino Plural, por exemplo- ademais dun monte de textos sobre múltiples autores: Fole, Casares, Valcárcel, Chao Rego, Lois Pereiro, Díaz Pardo… Ou sobre Rosalía, protagonista de varios dos seus libros. Delas e Feminino Plural son artigos sobre mulleres. Un dos temas que me preocupan é o maltrato, por exemplo. Eu son unha muller de hoxe e non podo non escribir sobre os temas de hoxe. Son declaradamente feminista. Participei, nese sentido, en obras colectivas coma Sempre Marzo, que é unha auténtica obra de arte… Mais teño, si, moitísima obra dispersa. Estou recollendo nun libro, Cantar para cantores, moitos deses textos. Sobre Rosalía fixen unha biografía infantil que tivo moito éxito e como tiven a sorte de traballar sete anos na Fundación Rosalía tamén escribín a introdución de varias publicacións sobre ela. Estou moi contenta de que a miña filla María sexa unha grande estudosa de Rosalía. A Fundación Rosalía non ten quizais a presenza social que podería ter… Non pode ser que Rosalía, ou Castelao, non teñan o status que merecen, que estean desasistidos polas institucións propias. Son símbolos que deberan ter institucións con cargo aos fondos públicos dun país que, como tal, se debe en moito a eles. Non perdo a esperanza de que un día sexa así. En narrativa ten O enterro da galiña de Domitila Rois e A tarde das maletas. Parte da súa narrativa foi traducida a outras linguas. A tarde das maletas era un dos libros cos que agasallaba o Castromil nas viaxes dos seus autobuses. Teño tamén O enterro da galiña de Domitila Rois, si, e toda a literatura infantil. Amor por catro, de literatura xuvenil, que penso que serve para a mocidade, familias e educadores. Teño libros traducidos como O caderno de Edua, O día que choveu de noite, Vermiño, O avó de Pipa, pero escribo pensando sempre na xente de aquí. Moléstame moito ver os pronomes mal colocados. E non estou nada de acordo coa idea de que o único galego malo é o que non se fala. Porque iso que significa, barra libre? Hai que aprender. Non se debe falar mal ningunha lingua. Dá clases de galego por Facebook. Desde que me xubilei tiña un problema moral, que era cobrar sen facer nada. A min a sociedade deume moito: a lingua, a cultura popular... así que considero que teño que devolverllo. Por iso montei o blogue Galego na rede, no que daba clase: programaba, puña exercicios e corrixía… Tamén polo Facebook e polo Twitter respondo as consultas que me fan. Ao final o blogue tiven que deixalo porque ocupábame todo o día, e ademais teño un blogue literario, Tirar do fío, e sigo escribindo libros, e fago traducións -fago traducións de revistas enteiras- e teño 80 anos. Mais si: moléstame moito ver os pronomes mal colocados. E non estou nada de acordo coa idea de que o único galego malo é o que non se fala. Porque iso que significa, barra libre? Hai que aprender. Non se debe falar mal ningunha lingua. Algún libro do que estea especialmente ou nada orgullosa? Non quitaría ningún. Uns poden gustarme máis, pero son todos libros meditados. Eu téñolle cariño a Nas hedras de clepsidra e a Festa do corpo. A verdade é que eu non escollín o que fixen. Estudei Maxisterio porque non había diñeiro para outra cousa, pero despois entusiasmoume ser educadora. Comecei e escribir literatura infantil para os meus fillos e despois encantoume ser cultivadora dela. Estou feliz de que me saísen as cousas tan ben, aínda sen elixilas.
NOS_37007
O ERE anunciado por Extel enmárcase nunhan deslocalización que destrúe traballos no país.
Esta quinta feira era a primeira xornada de paro nas mobilizacións convocadas no sector dos centros de chamada contra o bloqueo (de 22 meses) na negociación do convenio colectivo. Nun dos centros, Extel, na Coruña, esa mobilización tiña un sentido máis contundente, ao se dirixir contra o ERE anunciado pola empresa e que ameaza 900 postos de traballo na cidade. Un posíbel remedio)? Algo tan sinxelo, tan doado e tan marabilloso como pedir atendión en galego. Desde CIG e A Mesa pola Normalización Lingüística apoian unha campaña dos traballadores para solicitar atención en galego ao chamar ao 1004. "A ausencia da opción galego nos servizos de atención telefónico destruíu 2000 empregos entre 2010 e 2012", afirman. As grandes empresas de luz, auga, telefonía, banca, seguros e inclusive a administración pública teñen subcontratados os servizos de atención ao público a través de empresas de centros de chamadas. Non hai moito, estes centros estaban abertos por todo o país e era doado ser atendido ou atendida en galego. Porén, na última década os centros de atención á clientela na Galiza foron pechando en canto as empresas centralizaron o servizo en grandes centros de traballo. Desde o estoupido da crise, as grandes empresas incrementaron a deslocalización dos servizos de atención cara a terceiros países. "Destrúese emprego e o noso idioma perde un espazo común de grande importancia, o da relación entre nós e as empresas", lembran. Por iso, "ao solicitarmos ser atendidos en galego polas grandes empresas podemos recuperar o perdido".
PRAZA_20093
Editoras, librarías e autores premian "a excelencia do traballo literario realizado no ámbito editorial" o pasado ano en Galicia
Editoras, librarías e autores premian "a excelencia do traballo literario realizado no ámbito editorial" o pasado ano en Galicia O Teatro Principal de Santiago acolleu este sábado a II Gala do Libro Galego, organizada pola Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega (AELG), a Asociación Galega de Editoras e a Federación de Librarías de Galicia. As distincións, sen dotación económica, recoñecen "a excelencia do traballo literario realizado no ámbito editorial" ao longo do ano 2016 en Galicia. A gala foi presentada pola actriz Iria Pinheiro e contou coa actuación do grupo De Vacas. Estas son as obras gañadoras en cada categoría e os argumentos do xurado: Ensaio: Labrego con algo de poeta: biografía de Manuel María. De Mercedes Queixas. Editorial Galaxia. O xurado estima que é unha obra moi pedagóxica, de fácil lectura e moi divulgativa, con funcionamento moi exitoso nas librarías. Tradución: Historia do nobre Ponto, que foi rei de Galiza e de Bretaña. Anónimo. Tradución de Henrique Harguindey Banet. Rinoceronte Editora. O xurado valora nesta tradución a dificultade técnica de imitar o estilo doutra época e valora positivamente a idoneidade e necesidade a escolla esta obra para a tradución ao galego. Proxecto literario na rede: A Sega. Plataforma de Crítica Literaria. Valórase que aúna esforzos de crítica literaria e divulgación. Capacidade de artellar a varias mulleres facendo crítica, resaltando a vertente feminista da plataforma. Literatura infantil e xuvenil: Jules Verne e a vida das mulleres planta. De Ledicia Costas. Edicións Xerais de Galicia. Estimouse o proceso de transformación moi imaxinativo empregando o recurso da muller planta, a partir do que se teceu unha historia moi imaxinativa e plástica, que permite unha lectura moi visual. Iniciativa bibliográfica: Aulas sen paredes. De Rosalía Fernández Rial. Edicións Positivas. O xurado valora a metodoloxía empregada e a introdución de linguaxe non verbal. Trátase dunha obra que pon en valor un xénero que non soe ser a primeira escolla polo que se inclina o lectorado. Trátase dos poucos traballos de didáctica probada en galego. Iniciativa cultural ou de fomento da lectura: Ciclo Vermú entre libros (Libraría Paz). Valórase que é unha iniciativa con moito esforzo e reducido orzamento. Aposta por un modelo empresarial moi axeitado para dinamizar o mundo da libraría Libro ilustrado: Canta connosco. De Óscar Villán. Kalandraka Editora. Pola súa fluidez e narrativa do ilustrador. A súa plástica orixinal escapa da redundancia co texto, achegando un significado propio co seu deseño. Teatro: Moito Morro Corporation. Sociedade Limitada. De Carlos Labraña. Editorial Galaxia. Sobrancéase o feito de ser capaces de introducir nunha obra unha cuestión de actualidade. É un libro orientado a un público que non soe consumir este xénero, polo que se valora a necesidade de darlle valor ao teatro infantil. Destacan o labor do autor como escritor teatral. Xornalismo Cultural: Zig-zag Diario. Pola constancia da atención ao xornalismo cultural, sustentada na necesidade de espazos culturais dentro da televisión pública. É un proxecto que valora a cultura e, concretamente, visibiliza o sector do libro Narrativa: Todo canto fomos. De Xosé Monteagudo. Editorial Galaxia. Pola súa calidade, moi ambicioso que acada o seu obxectivo: reflectir a realidade dunha época. É unha grande novela con pouco recoñecemento. Poesía: O cuarto das abellas. De Antía Otero. Edicións Xerais de Galicia. Destácaseque crea un mundo propio a través de imaxes. Trátase dun diálogo coa literatura que conmove ao lectorado Ademais destes galardóns, entregáronse os premios honoríficos de cada unha das entidades convocantes. A Federación de Librarías de Galicia outorgoullo á Libraría Platero, de Ourense; a Asociación de Galega de Editoras recoñeceu a traxectoria como editor de Ánxel Casal e a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega concedeulle o galardón á Escritora Galega Universal á autora portuguesa Hélia Correia.
PRAZA_11488
O Programa de Adopcións Especiais da Fundación Meniños busca promover a adopción de nenos, nenas e adolescentes con necesidades especiais e que teñen máis dificultades para atopar un fogar. Este mércores celébrase o Día Internacional dos Dereitos da Infancia
Este mércores celébrase o 30 aniversario da Convención sobre os Dereitos do Neno, data que dá lugar que todos os anos se conmemore o 20 de novembro o Día Internacional dos dereitos da Infancia, como lembra a Plataforma de Organizacións de Infancia de Galicia neste artigo, no que destacan que "os nenos e nenas son ante todo presente e polo tanto non poden, non deben esperar".Son moitas as organizacións que traballan na protección, formación e coidado da infancia, sobre todo daqueles nenos e nenas máis vulnerables. Unha delas é a Fundación Meniños, que desenvolve en toda Galicia un Programa de Adopcións Especiais, que busca "promover a adopción de nenos, nenas e adolescentes con necesidades especiais" que por este motivo teñen "máis dificultades para ver satisfeito o dereito a vivir en familia". Trátase de nenos e adolescentes tutelados pola Xunta que superaron xa os 8 anos, teñen algún tipo de discapacidade ou enfermidade crónica, e tamén de grupos de irmáns. Para todos eles e elas é máis complicado seren adoptados."O Programa de Adopcións Especiais da Fundación Meniños trata de promover a adopción de nenos e nenas que teñen unhas características especiais que fan máis difícil que poidan atopar unha familia"A Fundación busca encaixar estes nenos e nenas con posibles familias que queren adoptar e, ademais, achega información, formación e apoio ás familias, tanto antes coma despois da adopción, proporcionando apoio técnico e psicolóxico para facilitar a incorporación dos rapaces e rapazas no novo ambiente familiar, e atender as necesidades que xurdan durante todo o proceso adoptivo. Falamos con Laura Quintana Morales, psicóloga e técnica do Programa de Adopcións Especiais.Cal é o obxectivo do Programa?O Programa de Adopcións Especiais da Fundación Meniños trata de promover a adopción de nenos e nenas que teñen unhas características especiais que fan máis difícil que poidan atopar unha familia. Son, ou ben maiores de 8 anos, ou ben presentan algunha discapacidade, ou ben son grupos de irmáns, ou ben contan con algunha outra dificultade aparente que se constitúe en obstáculo para atopar un fogar."Os nenos e nenas do programa son sobre todo nenos, polo que teñen moitísimas máis cousas en común que diferenzas cos nenos sen grandes dificultades"Moitas das familias que buscan adoptar teñen un 'ideal' de neno ou nena dos que estes rapaces non encaixan?Existen unhas expectativas da maternidade e da paternidade que fan que cando unha familia se achega para adoptar busque unha serie de características moi determinadas. En realidade, os nenos e nenas do programa son sobre todo nenos, polo que teñen moitísimas máis cousas en común que diferenzas cos nenos sen grandes dificultades. Os aspectos positivos e as dificultades da crianza son os mesmos que na maternidade ou na paternidade biolóxica ou noutro tipo de adopcións, só que nestes casos aparecen unha necesidades específicas que hai que cubrir. O que tentamos dende a Fundación é ter moitos encontros e entrevistas previas coas familias para falar das súas expectativas. Hai moita xente que se achega e di 'eu quero un neno san'. O que pasa é que tamén podes atopar todo tipo de situacións nas adopcións ordinarias, porque ao final trátase de nenos e nenas que foron abandonados. Os nosos nenos e nenas son máis maiores e polo tanto son máis conscientes dese proceso de abandono e poden verbalizar as súas situacións. Pero non hai grandes diferenzas cos nenos das adopcións ordinarias.Calquera familia é idónea para realizar este tipo de adopcións?O sistema de adopcións é pola vía ordinaria, que é a nacional. Polo tanto, as familias pasan antes pola Xunta e a Xunta é quen valora a súa idoneidade, tendo en conta diversos aspectos, dende a vivenda, á capacidade económica ou a súa estabilidade persoal. Polo tanto, cando chegan aquí xa sabemos que son familias idóneas, pero o que temos que analizar despois é se encaixan co noso programa. É dicir, se de verdade están dispostas a adoptar nenos e nenas con, en principio, máis dificultades. Non hai un perfil concreto, senón que depende das motivacións que teña cada familia."Os nenos deste programa necesitan o mesmo que todos os nenos: afectos, vínculos estables ao longo do tempo"En calquera caso, é moi importante para estes nenos e nenas atopar un fogar, non si? Aínda que os centros de protección funcionen ben, nunca poden substituír ao que unha familia e un fogar estable proporcionan?Si, porque os nenos deste programa necesitan o mesmo que todos os nenos: afectos, vínculos estables ao longo do tempo. Nos centros fan un labor moi bo e ofrécenlles afecto e vínculos, pero son sempre referentes temporais e os rapaces con conscientes disto. Nunha casa, en cambio, vai haber uns referentes que van estar aí sempre e podes permitirte o luxo de poder vincularte con esa xente que te coida, porque sabes que ese vínculo non o vas perder.Como é o proceso para atopar unha familia para cada neno ou nena?Nós dende un principio coñecemos os nenos por un lado e ás familias por outro, e buscamos que poidan encaixar. Temos que ter en conta as expectativas desas familias e os seus límites, por así dicilo. A partir de aí facemos moitas entrevistas e presentamos casos hipotéticos. Cando cremos que poden encaixar, facemos unha proposta á Xunta e aí comezaría o proceso que chamamos o plan de acoplamento. Ao neno ou nena dámoslle un álbum que elabora esa familia, coas súas fotos, coa súa historia..., para que os coñezan mellor. Despois facemos unha presentación oficial e pouco a pouco van pasando máis tempo xuntos. Neses momentos os nenos e nenas ás veces comezan xa a insistir: "cando vou para a miña casa?" ou "cando vou cos meus pais".O voso traballo remata aí ou seguides a facer un seguimento?Despois da adopción facemos un seguimento de dous anos, que é algo que non se fai na vía ordinaria. Este seguimento dálles moita tranquilidade ás familias e en ocasións amplíase máis no tempo, se xorde algún problema máis adiante e as familias solicitan a nosa colaboración. "Estes nenos e nenas son superviventes natos. Teñen unha capacidade tremenda para saír adiante nuns anos que son importantísimos para a súa constitución como persoas"Un dos problemas das adopcións ordinarias é a longa duración do proceso? Nas adopcións especiais é máis rápido?Ese é un mito que creo que hai que romper. Porque hai xente que se achega a nós dicindo que lles parece moito tempo os cinco anos que teñen que agardar pola vía ordinaria e preguntando se por esta vía a duración é menor. Pero sempre lles temos que aclarar que o proceso das adopcións especiais non é necesariamente máis rápido. Iso depende do que estea disposto a asumir esa familia, das súas motivacións e expectativas. As familias que están dispostas a adoptar un grupo de tres irmáns ou un neno ou nena cunha discapacidade posiblemente poden tardar menos tempo, pero noutros casos os prazos son semellantes.No artigo que hoxe publica a Plataforma de Organizacións de Infancia de Galicia destácase que "as carencias que se padezan nos primeiros anos da vida tenden a se arrastrar ao longo das seguintes etapas". Hai que redobrar esforzos para proporcionar a estes nenos e nenas o apoio que necesitan nesta etapa tan crucial?Cando coñeces a estes nenos e nenas, ao final daste conta de que son superviventes natos. Teñen unha capacidade tremenda para saír adiante nuns anos que son importantísimos para a súa constitución como persoas. Sobre todo no caso de nenos e nenas que sufriron a violencia por parte daquelas persoas que tiñan que protexelos, ou que foron abandonados por quen tiñan que coidar deles. Cuestiónanse a incondicionalidade do cariño, cuestiónanse que ese vínculo sexa permanente. Iso é no que nós temos que traballar con eles e elas, e leva tempo. Estes nenos buscan o que buscan todos os nenos: cariño, afecto e referencias. E que sexan abandonados, que teñan diagnósticos graves, que sexan vulnerables..., estas son condicións que eles teñen, pero non é o que os define. Son características, non a súa identidade.
PRAZA_2353
Justo Beramendi, Xavier Vence e José Antonio Portero presentarán o libro Tempos chegados?. Sobre o futuro político de Galiza cun debate aberto o mércores 28 de outubro ás 20:30 horas no espazo compostelán Vide Vide. A obra, coordinada por Carlos Taibo e Arturo de Nieves, analiza catro horizontes posibles para o país: o mantemento do Estado autonómico actual, a transformación do mesmo nun Estado federal, a independencia ou a súa auto-organización desde baixo, segundo un proxecto libertario.
Sexa cal sexa o modo de organización política preferido polos galegos e galegas, a súa escolla debe ser libre e informada. Desta premisa parte o libro Tempos chegados?. Sobre o futuro político de Galiza, coordinado por Carlos Taibo e Arturo de Nieves, que vén de editar Galaxia. Justo Beramendi, Joám Evans, José Antonio Portero e Xavier Vence analizan nesta obra catro horizontes posibles para Galiza: o mantemento do Estado autonómico actual, a transformación do mesmo nun Estado federal, a independencia ou a súa auto-organización desde baixo, segundo un proxecto libertario. Justo Beramendi, Xavier Vence e José Antonio Portero presentarán Tempos chegados? cun debate aberto o vindeiro mércores, día 28 de outubro, ás 20:30 horas no espazo enocultural compostelán Vide Vide. O acto, organizado conxuntamente por Editorial Galaxia e a agrupación cultural O Galo, contará tamén coa participación de Víctor F. Freixanes. "A forma de organização política duma sociedade não se deve fundamentar en inércias do passado ou em desinformaçãodo presente", explican Arturo de Nieves e Carlos Taibo no epílogo do libro, -que respecta a liberdade normativa de cada autor-, e no que subliñan tamén que "Galiza acha-se inserida num cenário de forte competência entre dous projetos nacionais rivais, uma competência que parece estar perdendo o nacionalismo galego face ao espanhol, atendendo à evolução dos sentimentos identitários", que se acompañan dunha "maior 'dereitazação' ideológica da sociedade galega". "Galiza acha-se inserida num cenário de forte competência entre dous projetos nacionais rivais, uma competência que parece estar perdendo o nacionalismo galego face ao espanhol" O catedrático de Dereito Constitucional José Antonio Portero decántase, neste libro, pola continuidade do Estado autonómico. "La cuarta propuesta", -di-, "conservar el modelo territorial actual abierto a reformas limitadas, parece la más conviente y probable para Galicia y España". Porque, ao seu ver, "el modelo se ha demostrado razonablemente positivo", ademais de garantizar "la unidad del Estado y el autogobierno de las comunidades". É tamén, para el, a opción máis probable xa que "cuenta con el mayor apoyo político y social de todas las que figuran en la agenda y con el menor índice de rechazo que se reduce, en realidad, al del BNG, ERC, el abertzalismo vasco, que incluye una de las dos almas del PNV y, desde hace poco, CIU". Portero defende, porén, un Estado das autonomías "abierto a reformas", como a supresión no artigo 152.2 da Constitución española da "obligación del sistema proporcional en las elecciones autonómicas". Considera, porén, "inconveniente", converter o Senado nunha auténtica cámara de representación territorial ao xeito do Bundesrat alemán porque "atribuiría poderes, a mi juicio, excesivos a las comunidades autónomas y, más concretamente, a sus diecisiete gobiernos". En relación con isto, tampouco apoia a federalización do Estado porque, -explica-, "no veo las ventajas de debilitar el Estado reduciendo sus competencias y sus posibilidades de intervención mediante la legislación básica o el empleo de sus facultades de coordinación y control". Así, -pensa-, "revisar el sistema de financiación para reducir la capacidad financiera del Estado, su poder de recaudación, redistribución, arbitraje, inspección y control, y para fijar los límites de la solidaridad no es deseable ni para el conjunto de España ni para Galicia en particular". O catedrático de Historia Justo Beramendi analiza tamén, mais desde outra perspectiva, a alternativa federal. "A confusión arredor do concepto", -asegura-, "é tan grande que mesmo permite a ilustres expertos en Dereito Constitucional afirmar sen rubor que o Estado español xa é federal". Pois se as unidades constituíntes están sometidas en última instancia a unha normativa básica superior e a autoridades que emanan do poder central, "entón non cabe falar de federación, senón dun tipo inferior de descentralización". Advirte, porén, de que "agás no que atinxe á promoción da identidade nacional, de pouco serviría ser un Estado federado ou un Estado independente dentro da UE, se ademais non desaparecesen a hexemonía da dereita española e en Galicia e o predominio do chamado neoliberalismo no conxunto da UE, porque todos os vicios políticos e todos os males socioecómicos continuarían igual ou peor, flutuacións coxunturais á parte". "A confusión arredor do concepto de federación é tan grande que mesmo permite a ilustres expertos en Dereito Constitucional afirmar sen rubor que o Estado español xa é federal" Ao contrario de Portero, Beramendi cre que continuar coa autonomía actual ou con outra "levemente ampliada pero que non alterase realmente a capacidade de decisión do parlamento e o goberno galego sobre aspectos fundamentais, malia ser de momento a opción preferida nas sondaxes, non me parece o mellor". Respecto dunha hipotética independencia fóra da UE, opina que "abocaría de entrada a un desastre económico e social" pois "Galicia, fóra do mercado ao que dirixe a gran maioría das súas exportacións, e privada do acubillo financeiro e monetario da UE, sería un estado crebado e inviable durante moitos anos, algo que só podería impedilo un fulgurante e poderoso pulo de desenvolvemento, innovación e inmigración que, milagres aparte, ninguén sensato sabe de onde sairía". En canto a unha Galiza independente dentro da UE, -engade-, "de obter xenerosas axudas e de usalas ben nunha primeira etapa de consolidación máis ou menos longa, podería chegar a ser un Estado tan viable como outros tamén pequenos que xa están dentro e gozaría dunha maior liberdade de acción para afrontar per se os seus problemas". Pero os atrancos para facer isto realidade, -matiza-, son a oposición a aceptar un socio novo por parte da UE, a partir do dereito de veto do Estado español, e a vontade nacionalista "minoritaria" en Galiza. Respecto á opción federal, debería, ao seu ver, reunir características "difíciles de conseguir" como "asentarse sobre as vontades claramente maioritarias dos entes federados", sempre que "os partidos maioritarios se convencesen de que o Estado das Autonomías está esgotado". Ademais, "a súa definición debería ser autenticamente laica" e tería que "actualizar a nómina de dereitos e obrigas comúns a todos os cidadáns", cunhas "normas precisas para garantir unha democracia de máxima representatividade e limpeza", alén dun "sistema de financiación pública auténticamente federal". Beramendi salienta por outra banda, en relación coas finanzas públicas que, no caso de independencia dentro da UE, "duplicaríanse os ingresos por impostos directos e indirectos, ao que habería que sumar o imposto de sociedades e, de haber unha reforma fiscal progresiva, toda esta partida aumentaría aínda máis. Pero desaparerían as transferencias do Estado, subiría o custo da débeda e habería que apandar co déficit da Seguridade Social e coas partes correspondentes a Galicia de funcionarios e servizos non transferidos, investimentos en infraestruturas, defensa, relacións exteriores, banco central, etc". "No caso de independencia dentro da UE, duplicaríanse os ingresos por impostos directos e indirectos, ao que habería que sumar o imposto de sociedades" O catedrático de Economía Xavier Vence ve isto mesmo dun xeito distinto. Subliña, en primeiro lugar, que "a realidade da hiperglobalización" fai que a reivindicación da soberanía "sintetice moitas das reivindicacións progresistas para a defensa dos intereses populares e da democracia" nun contexto no que "globalización neoliberal" leva ao "desmantelamento produtivo de moitos territorios, ao paro masivo e ao aumento das desigualdades, e tamén ao vaciamento da democracia, laminando a efectividade das decisións emanadas da vontade popular". Sobre a opción federal advirte que "no Estado español fálase con alegría e frivolidade dunha federación europea e dunha federación española, as dúas a un tempo, como se fosen perfectamente encaixábeis, pero hai que recoñecer que, usando os termos con certo rigor, unha e outra federación son dificilmente compatíbeis. A soberanía compartida no nivel superior impide o exercicio da soberanía dos niveis inferiores. Por esa razón é difícil pensar con realismo nun Estado español federal dentro dunha UE federal ou confederal". Así, -engade-, "aqueles que acrediten nunha federación ou confederación europea" e ao mesmo tempo nun recoñecemento "das nacións con dereito a Estado deberían entender que a única forma de facelo factíbel sería coa independencia desas nacións e a creación dun Estado propio, para logo proceder á súa federación ou confederación a escala europea". Respecto da cuestión económica, -indica-, "cómpre evitar o reducionismo das balanzas fiscais como criterio para discutir a articulación entre países ou territorios", pois habería que considerar outros fluxos e balanzas como "as compras públicas, o comercio, os capitais, o aforro-crédito, o capital humano e tecnolóxico e a localización das institucións públicas: o efecto capital". En calquera caso, nun Estado independente a supresión dos niveis administrativos que se derivan da existencia do Estado central: deputacións, delegacións do goberno e goberno central, -a parte que correspondese dos gastos-, xa suporía un aforro importante. A "ameaza económica", -afirma-, "a falta de confianza nas propias forzas para mellorar a calidade de vida e soster o edificio dun Estado novo son torpedos da insidiosa campaña do centralismo para frear ou desactivar a difusión da vontade soberanista". Nun Estado independente a supresión das deputacións, delegacións do goberno e goberno central, -a parte que correspondese dos gastos-, xa suporía un aforro importante Neste contexto, -apunta-, "o primeiro é que a creación de novos Estados non é algo estrambótico", pois en Europa creáronse 16 novos Estados en dúas décadas. Alén diso, "Galiza non é un país tan pequeno", xa que se atopa "entre os 100 máis grandes do mundo por poboación e entre os cincuenta máis grandes pola súa economía". Ademais, "os países máis pequenos de Europa teñen, en xeral, maior nivel de vida que os grandes e, ademais, os pequenos países europeos medran economicamente a maior ritmo que os grandes nas últimas décadas". E por último, "fronte ao argumento de que a creación dun Estado propio supón un custo excesivo para un país como o noso, o que realmente resulta moi custoso e ineficiente é o actual cadro institucional-administrativo con seis niveis superpostos: municipal, provincial, autonómico, delegación do goberno, goberno central e Unión Europea". Fóra do marco do Estado sitúase, porén, a proposta de Joám Evans, baseada no concepto de mancomunidade como "sistema em rede e nós através do qual se articula territorialmente um conjunto de assembleias populares omni-soberanas numa sociedade sem Estado (e contra o Estado, pois promove ativamente a sua não reemergência)". Segundo a estrutura rizomática proposta por Deleuze e Guattari, a mancomunidade "constitui um sistema de redes de nós independentes que interagem entre si, mantendo cada nó a sua autonomia frente à estrutura rizomática, mas participando dela sem criar laços de dependência. Sob a premissa de autossuficiência sem issolamento e da cooperação sem controlo, o indivíduo livre insere-se na casa aberta ou unidade convivencial; a casa autónoma articula-se na comunidade soberana a través da vizinhança, e a comunidade na conferação comarcal e na Mancomunidade bio-regional". "O indivíduo livre insere-se na casa aberta ou unidade convivencial; a casa autónoma articula-se na comunidade soberana a través da vizinhança" Desta maneira, "a autossuficiência funcional, a capacidade de produzir na base dos nós rizomáticos o mínimo para satisfacer as necessidades básicas do dia-a-dia (comida, aquecimento, teto, cuidados e interação social) sem depender de agentes ou recursos externos à comunidade, exclui as relações de dependência, sem eliminar por isso as possibilidades de intercâmbio, cooperação, ajuda mútua e solidariedade em âmbitos mais amplos, sempre concebidas como atividades voluntárias e não como parte de relações hierárquicas sustentadas na estratificação, exploração sistémica e desigualdade", o que supón individuos, casas e comunidades autosuficientes, sendo o nó básico a pequena comunidade autogobernada, que coincidiría coa parroquia civil ou a aldea no rural e co barrio na cidade. O autogoberno sustentaríase no concello aberto, asamblea de veciños na que participaría toda a poboación á que correspondería o exercicio lexislativo, executivo e xudicial, con cargos de responsabilidade designados pola comunidade, honoríficos, gratuítos e rotativos. Falta, no libro, -sinalan Carlos Taibo e Arturo de Nieves no prólogo-, alguén que sexa partidario dun Estado unitario e centralizado sen unidades autónomas , que podería representar a dereita nacionalista española, mais os coordinadores non atoparon a ninguén que quixese desenvolver esta perspectiva. Tampouco se afonda moito, -admiten-, na proposta confederal, -na que cada unha das partes conserva a súa independencia e soberanía-, que "bem poderia ser a fórmula principal chamada a permitir o desenvolvimento de moitas relações no âmbito outrora espanhol ou no mais amplo âmbito ibérico". Aínda que os coordinadores non se decantan por ningún dos modelos. Só apelan a un debate informado sobre a cuestión.
NOS_38373
Apenas 260 das 3.351 interrupcións voluntarias do embarazo levadas a cabo en 2014 foron practicadas na rede pública, recoñece o Sergas.
En 2014 leváronse a cabo na Galiza 3.351 interrupcións voluntarias do embarazo segundo os dados fornecidos na Comisión de Sanidade polo director xeral de Asistencia Sanitaria, Jorge Aboal, en resposta á pregunta formulada pola deputada do PSdeG, María Ferreiro. Delas, só 260 (7,7%) foron practicadas na rede sanitaria pública. Ou, o que é o mesmo, o 92,3% dos abortos foron derivados a clínicas privadas. No concreto, explicou, a Arce (A Coruña), Castrelos (Vigo) e Isadora (Madrid), coas que ten asinados convenios. O Sergas di non dispor das cifras de 2015 As cifras correspóndense co ano 2014 pois o Sergas asegura non ter aínda os dados do 2015. Na súa intervención o director xeral de Asistencia Sanitaria, Jorge Aboal, recoñeceu que nos hospitais de Ferrol, A Costa (Burela) e Ourense non se practican interrupcións voluntarias do embarazo "por obxección de conciencia" d@s profesionais ao que a parlamentar socialista retrucou. "É un tema que queima", "non bote a culpa á obxección de conciencia". Neste senso, segundo o director da Área de Xinecoloxía e Ostetricia do CHUOU, José Luís Doval, na reportaxe publicada no semanario en papel nº184, continúa a existir un factor "ideolóxico" entre a comunidade sanitaria á hora de practicar abortos nun marco lexislativo, asemade, que permite obxectar á carta. "A lei permite obxectar caso por caso". En Ferrol, A Mariña e Ourense non se practican abortos por "obxección de conciencia", dixo Jorge Aboal Perante esta realidade, Doval reclama "estabelecer grupos profesionais" e "dous centros de referencia, un no Norte e un no Sur" que garantan a práctica das interrupcións da gravidez na rede pública pois, defende, "é moito máis caro mandalas fóra". A respeito dos abortos sen asistencia rexistrados no CHUAC e no Arquitecto Marcide de Ferrol, Boal asegurou que se están a desenvolver "auditorías". Porén, non o Sergas non dispón até o momento de nindún dado, segundo defendeu na Comisión de Sanidade. Ora ben, recoñeceu que "o protocolo" que seguen os hospitais galegos "é o mesmo" porque el propio o proporcionou. Desde o COF da Coruña, o seu director Xosé Anxo Vidal, asegurou recentemente que "o protocolo do Sergas non coincide cos protocolos internacionais aínda que o diga o señor Núñez, Feijóo para os amigos", dixo con retranca. "É falso, é mentira que se cumpran os protocolos internacionais".
NOS_4576
A central nacionalista rexeita os créditos brandos á exportación a través do ICO e reitera a necesidade de contar co fondo patrimonial de Pymar
A CIG rexeita as últimas decisións adoptadas polo Goberno español con respecto ao naval pois considera que van repercutir de forma negativa na recuperación do sector. A central sindical nacionalista amósase así contraria "a que se faciliten créditos brandos á exportación a través do ICO e reitera a necesidade de contar co fondo patrimonial de Pymar" Para a CIG, na situación actual a verdadeira proposta que necesitaría o sector "debería ser a recuperación de Pymar e a dotación de fondos estruturais que ao longo destes anos facilitou a maioría das contratacións actuando como aval e facilitando o financiamento". Neste senso, a recuperación do fondo patrimonial de Pymar precisaría "unha cantidade inferior aos 500 millóns de euros, que xa non están contemplados nos orzamentos do Estado, por tanto a verdadeira intención deste Goberno é a liquidación deste instrumento".
NOS_420
A finalidade da AJA com este tour é, dizem eles próprios,"a valorização e divulgação da importante obra musical e cultural do autor de Grândola e dar testemunho de seu exemplo solidário e de compromisso social"
A Associação José Afonso José Afonso (AJA) inicia esta semana uma série de apresentações na Galiza, que se desenvolveram em quatro vilas e cidades. A finalidade da AJA com este tour é, dizem eles próprios, "a valorização e divulgação da importante obra musical e cultural do autor de Grândola e dar testemunho de seu exemplo solidário e de compromisso social". Zeca Afonso dizia, manifestam desde esta associação, que não se sentia justificado como cantor se não estivesse justificado, sempre, como cidadão do mundo. " É bem conhecida a sua relação com a Galiza, onde se sentia como na sua casa, e seu interesse pela língua e cultura" Também é bem conhecida a sua relação com a Galiza, onde se sentia como na sua casa, e seu interesse pela nossa língua e cultura, que teimou em defender publicamente, e, ao mesmo tempo, declarando a necessidade de um intercâmbio cultural entre a Galiza e Portugal. "Por tudo isso, a AJA decidido na Assembleia Geral de 2011, nomear um diretivo galego e estabelecer uma ponte cultural estável que favoreça a presença da obra de José Afonso e esse intercâmbio cultural" Documentário e intervenções A apresentação da AJA consistirá em uma projeção de um documentário sobre José Afonso e uma mesa redonda, seguida de colóquio, com a participação de Paulo Esperança (vice-presidente da AJA), Judite Almeida e Joana Afonso (AJA) e Xico de Carinho (músico e diretor galego da aJA). Para rematar, será aberta uma roda de intervenções poético-musical sobre temas de José Afonso, de livre participação. Hora e lugar: Compostela: dia 5 às 19 h. Salão de Atos da Faculdade de Filosofia. (Praça Mazarelos, s / n). Gondomar: dia 6 às 20:30. Aula de Cultura Ponte de Rosas - Sede do Instituto de Estudos Minhoranos Vigo: dia 7 às 21h Espaço Cultural Negra Sombra para café Uf-R.Placer Bueu: dia 8 às 20h. Sala de exposições Amelia Domínguez Bua, (R.Eduardo Vicenti, 2)
NOS_2423
A reposición da Consellería de Cultura, a creación dunha Dirección Xeral do Libro e un Instituto de promoción da cultura galega son algunhas das iniciativas que a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega ven de demandar ás organizacións que concorren ás eleccións ao Parlamento Galego.
A AELG ven de facer público un pronunciamento diante das eleccións ao Parlamento galego no que se dirixe ás organizacións políticas que concorren co fin de demandar a inclusión nos seus programas de goberno de medidas de promoción da cultura galega diante dunha situación que entenden de "asfixia económica programada". No pronunciamento, a asociación que representa ao mundo das letras galegas, recolle unha seria de medidas para o novo goberno entre as que destacan a reposición da desaparecida Consellería de Cultura, eliminada na última reforma do goberno de Feijóo. Reclaman tamén a creación dunha Dirección Xeral do Libro e dun Instituto de promoción da cultura galega no exterior. Con respecto a iniciativas que naceron no anterior goberno e foron eliminadas ou devaluadas co PP, a asociación insiste na recuperación e posta en valor dos Premios Nacionais da Cultura Galega, a elaboración dun Plan de lectura e o apoio ao teatro galego. Reclaman que se desenvolva a Lei do Libro na condición do mundo editorial como industria estratéxica. Cando por vez primeiras editoriais e representantes do mundo literario galego non estarán presentes en Liber ou Franckfurt, a AELG reclama a participación en feiras e mercados internacionais. Fan tamén fincapé ao apoio efectivo aos medios de comunicación en galego e á restitución da lingua no ensino. A AELG diríxese tamén á cidadanía para que,á hora de decidir o voto teña en conta o "deterioro tanto do prestixio social como do uso oral e escrito da nosa lingua" e polo tanto "preste especial atención ás propostas e intencións ao respecto" expresadas nos distintos programas electorais.
NOS_31541
Na formación laranxa queren concorrer en solitario ás eleccións galegas, vascas e catalás, polo que non valoran apresentarse en coalición co PP. Porén, apostan por lograr pactos de Goberno co Partido Popular nas tres nacións e poñen Andalucía e Murcia como exemplos.
Nas eleccións aos parlamentos da Galiza, Euskadi e Catalunya, Ciudadanos quer concorrer cunha candidatura en solitario, segundo afirmou o secretario xeral da comisión xestora do partido, José Manuel Villegas. A formación laranxa desbota así posíbeis coalicións nas urnas co Partido Popular en calquera das tres nacións sen Estado. Villegas quer facer na Galiza un pacto de Goberno como o de Andalucía e Murcia Os comicios na Galiza e Euskadi serán en 2020, e neles Villegas quer que haxa papeleta laranxa, sen iren coaligados con outras forzas da dereita. En Catalunya, o líder de Cs pensa que podería haber unha convocatoria electoral coa resolución da Xunta Electoral Central que inhabilita como deputado o president da Generalitat, Quim Torra. Tamén nesa nación teñen o obxectivo de concorrer en solitario. Villegas marca como reto principal nos comicios da Galiza e Euskadi obter por vez primeira representación. "Podémolo facer como forza autónoma e hai que tentalo", tratando de "agrupar ao redor de Cs a todos eses españois que queren moderación, sentido común e respostas concretas aos seus problemas", afirma Villegas nunha entrevista concedida a Europa Press. Nas eleccións estatais de 10 de novembro Cs perdeu toda a súa representación pola Galiza Nas eleccións estatais do pasado 28 de abril Ciudadanos conseguiu dúas actas no Congreso dos Deputados pola Galiza, mais na repetición electoral de 10 de novembro ficaron sen ningún escano por esta nación. Villegas espera que o seu partido volva ser a forza máis votada nas eleccións ao Parlament de Catalunya, e que sexa posíbel sumar unha maioría non independentista. "Creo que o podemos conseguir", manifestou o líder de Ciudadanos, pese a levar as enquisas na súa contra para tal obxectivo. O secretario xeral da xestora referiuse tamén ao relatorio de Estratexia política de Ciudadanos elaborada para a Asemblea Xeral de marzo. Este documento da Comisión de Estratexia, aprobado no día de onte, sábado 25 de xaneiro, polo consello xeral di que Cs tentará pactar con partidos "constitucionalistas" para "non ter que depender de populistas nin de nacionalistas". No que se refire ao PP, Villegas reivindicou os gobernos de coalición que formaron xuntos en Andalucía, Murcia, Madrid e Castela e León.
NOS_29399
Publicamos a seguir o extracto da análise de Francisco L. Vázquez Vizoso, médico epidemiólogo, ex xefe de servizo de Medicina Preventiva do Complexo Hospitalario de Pontevedra. A análise fai parte do suplemento especial do Sermos Galiza sobre un ano de pandemia. Un especial de 56 páxinas, que acompañará o xornal o 13 de marzo.
A epidemia cebouse nos centros residenciais, e unha parte substancial da explicación radica no seu carácter de institucións pechadas, nas que viven "institucionalizadas" un elevado número de persoas que, no caso de contaxiarse co virus, teñen unha elevada probabilidade de morrer como consecuencia da Covid-19, debido á súa elevada idade, o 79% delas teñen 80 ou máis anos e a idade media sitúase entre os 85 e os 86 anos[i], e a que coa idade, vai medrando tamén a frecuencia de enfermidades que incrementan a vulnerabilidade das persoas. Outro elemento importante na explicación do elevado número de mortes nas residencias foi a inadecuación do paradigma científico de transmisión da Covid-19 que se manexaba ao principio da epidemia. Froito do avance do coñecemento científico, o paradigma do inicio da pandemia[ii] modificouse, e o actual paradigma[iii] asigna un papel destacado aos pacientes asintomáticos e aos aerosois. Isto provocou cambios relevantes nas medidas de prevención a adoptar, mais no camiño do cambio de paradigma ficaron moitas persoas infectadas e mortas por Covid, sobre todo en sitios como as residencias. A non dispoñibilidade de máscaras de protección, e en xeral de equipos de protección individual, por ausencia de stocks e tamén pola frecuente mesquindade das empresas, foi tamén outro factor importante á hora explicarse á importante mortalidade por Covid nas residencias. A análise ao completo poderás lela este sábado no Sermos Galiza Especial 'Radiografía da sanidade, un ano de pandemia'. Se non es asinante, reserva o teu exemplar no quiosque para non ficar sen el. Lembra que podes facerte subscritora ou subscritor nesta ligazón, e mesmo podes apoiar o medio sen se te facer asinante, na opción de mecenas ou amizade.
NOS_10586
O deputado boliviano Víctor Alonzo e o presidente do Consello Nacional de Política Indíxena de Arxentina, Daniel Segovia, presentaron esta sexta feira, 22 de novembro, as demandas e posteriormente ofreceron unha conferencia de prensa desde a casa das Nais da Praza de Maio.
O deputado boliviano Víctor Alonzo e o presidente do Consello Nacional de Política Indíxena de Arxentina, Daniel Segovia, presentaron esta sexta feira, 22 de novembro, dúas denuncias nos tribunais de Comodoro Py por delitos de lesa humanidade en Bolivia. Ambos os dous subliñaron que un dos obxectivos destas demandas é poñer o foco na desaparición das persoas opostas ao golpe de Estado e das que se descoñece na actualidade o seu paradeiro. Fixérono nunha conferencia de prensa organizada na casa das Nais da Praza de Maio. Alonzo, deputado pola cidade de Cochabamba e que se viu na obriga de abandonar o país tras o golpe, sinalou que «hoxe estamos aquí para denunciar o que non podemos facer de xeito libre en Bolivia». Pola súa banda, Segovia apuntou que «a partir de agora existen dúas demandas específicas do pobo arxentino e boliviano por crimes de lesa humanidade». «Goberno asasino» Tamén interviu a presidenta das Nais, Hebe de Bonafini, que fixo un «chamamento aos homes e mulleres do mundo para alzar a súa voz porque o que está pasando é demasiado grave e hai moito silencio». «As Nais denunciamos que a Organización dos Estados Americanos e as Nacións Unidas non están para axudar os pobos senón os Gobernos», subliñou Bonafini tras salientar que «hoxe en Bolivia hai un Goberno represor, asasino, torturador e non é legal que chame a eleccións». «É unha ditadura e por iso non teñen nin ética nin moral para chamar a eleccións», reflexionou.
NOS_56997
Adega denuncia o aumento de plantacións legais e ilegais desta especie sobre todo nas comarcas de Terra Cha, Quiroga, Terra de Lemos e Chantada.
Unhas horas despois de aprobar un novo Plan forestal galego, o pasado 25 de febreiro, a Xunta da Galiza anunciaba unha moratoria pola que se permitirán unicamente replantacións con eucalipto en territorios onde xa estaba esta especie. Esta moratoria "ficticia", segundo a cualifica a Asociación para a Defensa Ecolóxica da Galiza, "a día de hoxe non está a ter unha aplicación efectiva porque carece de regulamento e de orzamento" o que está a producir "un efecto rebote que está a intensificar e acelerar as plantacións ilegas e legais de eucaliptos para ocupar a máxima superficie posíbel antes de que se faga efectiva", denuncia a asociación. Os ecoloxistas aseguran que as plantacións de eucaliptos están a aumentar de xeito significativo "na contorna da cidade de Lugo e nas comarcas de Terra Cha, Quiroga, Terra de Lemos e Chantada". Alén, tamén afirman que estas son "manifestas polo volume de traballo das empresas do sector que están traballando nas plantacións até de noite". Unha moratoria que "chega tarde" Adega sinala que a moratoria anuncia pola Xunta "chega tarde, mal e arrastro" e que "pretende presentar o anuncio como unha vangarda dunha política forestal 'sostíbel' despois de rexeitar as iniciativas que temos levado a cabo desde a asociación". Paro os ecoloxistas "esta moratoria chega cando a expansión do eucalipto na Galiza está descontrolada e ocupa preto de 600.000 hectáreas, máis do duplo da superficie máxima recollida no Plan Forestal". A maioría das denuncias que os ecoloxistas levan feito sobre a cantidade de plantacións ilegais de eucalipto "son arquivadas pola Xusta sen xustificación aparente", aseveran Adega. Nova lei de residuos Pola súa banda, a asociación Amigos da Terra, ven de denunciar que a nova lei de residuos "é imposíbel de cumprir en canto aos seus obxectivos xa que estes marcan a reciclaxe do 50% dos residuos para 2025 cando a día de hoxe a taxa está en torno aos 20%". Alén, sinalan que as administracións deberían "pór en marcha medidas que minimicen a xeración de residuos incinerados" como resposta ao anuncio da empresa Sogama. Esta publicou a súa necesidade de construír outro vertedoiro para as escouras pola saturación do actual vertedoiro. Algo que desde a asociación cualifica de "previsíbel cando 46,6% da totalidade dos residuos son destinados á incineración".
NOS_44136
Convocada pola CGT para esta sexta feira.
A folga convocada en Renfe e Adif polo sindicato CGT implica a supresión de 43 trens de media e longa distancia na Galiza hoxe sexta feira, segundo informou o sindicato. En concreto, explicou nun comunicado, os afectados polas paradas na Galiza serán 34 trens de media distancia e nove trens de longa distancia, aínda que só en determinados tramos. Entre os máis afectados están as longas distancias a Pontevedra e Vigo, porque a composición do 'Train-hotel' en Madrid de Monforte a Vigo e o 'Intercity' de Ourense a Vigo non circularán. A central afirma que "non podemos permanecer quietos cando o futuro que pretenden é vender as e os ferroviarios e a compañía a un prezo de saldo, cando continúan negándonos o dereito a unha promoción interna integral, cando limitan e recortan salarios mentres obteñen beneficios millonarios, cando a redución da xornada laboral se aplica segundo criterios economicistas e non ao cumprimento dos obxectivos da lei en termos de conciliación familiar e laboral".
PRAZA_12102
Marzo de 2013 debe ser pois a data duns comicios, nos que se as previsións económicas se cumpren, serán nun escenario macroeconómico mellor, e a decencia política agradecería non ter caído nos "cantos de serea" dos que piden por interese propio "non cometer o mesmo erro nas datas que Touriño", ou "aproveitar que os partidos da oposición están en situación interna terminal…", porque do contrario o efecto búmerang pode facer que o mesmo motivo polo que o lanzaches, faga que remate batendo na túa propia faciana.
As crises sistémicas teñen por costume variar proxectos xa decididos, de xeito que a túa folla de ruta pase en cuestión de días de ser un salvoconduto pechado e lacrado, a un mero papel mollado. Algúns destacados politólogos desta terra, teiman nestes días sobre a posibilidade dun adianto electoral das eleccións autonómicas, baseando a súa argumentación nos efectos da crise sobre a decisión dos cidadáns cos seus sufraxios. No partido que sustenta ao goberno galego, as opinións son variadas en calquera dos seus estratos, aínda que mentres destacados alcaldes opinan que o mellor para a formación popular sería un adianto canto antes mellor, outros pensan que o outono pode ser vendido mediaticamente como un "adianto técnico", fórmula utilizada no seu momento xa por anteriores Presidentes da Xunta. Sempre que escoito en determinados cenáculos falar de datas electorais, doume conta que as prioridades partidarias son inversamente proporcionais ás do país. Nun contexto como o actual, é pouco defendible que tendo unha consolidada maioría absoluta, os representantes do pobo elixidos nas urnas, xoguen con posibilidades viciadas polo interese dunhas siglas políticas. O anuncio do Presidente da Xunta de non estar no debate esta cuestión, é unha verdade a medias, dende o momento no que podendo ser o seu lexítimo desexo, a realidade indica que existen todo tipo de presións para o contrario. Todos os datos apuntan a que até o derradeiro trimestre do ano, a recesión económica vai a provocar que a situación das contas públicas nas partidas de ingresos diminúan, co cal novos recortes farán que a axitación social que empezamos a ver estes días con forza, medre exponencialmente. Son tempos para políticos valentes e comprometidos, que deberan saber que a tesoira debe meterse no superfluo, mais nunca nos dereitos sociais que tanto custou conseguir, como son a educación e a sanidade pública. O contrario sería a política do seguidismo "panxermánico", a costa dos dereitos dos cidadáns. Marzo de 2013 debe ser pois a data duns comicios, nos que se as previsións económicas se cumpren, serán nun escenario macroeconómico mellor, e a decencia política agradecería non ter caído nos "cantos de serea" dos que piden por interese propio "non cometer o mesmo erro nas datas que Touriño", ou "aproveitar que os partidos da oposición están en situación interna terminal…", porque do contrario o efecto búmerang pode facer que o mesmo motivo polo que o lanzaches, faga que remate batendo na túa propia faciana. Ou non?
NOS_11716
Este segundo número centra a súa atención no rescate da banca española por parte de Europa.
Outros contidos deste número son unha entrevista a Carlos Aymerich, despois da presentación, o sábado pasado, de Abrente, a nova corrente do BNG, ou unha análise previa ao XIII Congreso da UPG, esta fin de semana. Tamén recollemos a reclamación de que a Igrexa paque o Imposto de Bens Inmobles, e en información internacional, as eleccións gregas desta fin de semana centran a atención. A denuncia contra a TVG por manipulación informativa, a mutilación dos proxectos que existían no ensino público infantil e as novas propostas que están xurdindo no ámbito privado, e a situación d@s coidadores/as das persoas idos@s son algunhas das claves de sociedade. En Cultura, ao fío da novela que levou o Premio Xerais Tonas de laranxa, de Manuel Lorenzo Baleirón e María Lorenzo Míguez, afondamos na literatura escrita "a catro mans" (ou máis), e entrevistamos á poeta Olga Novo. Viaxamos a Pena Trevinca na sección de Patrimonio, o Okapi no Courel coñece a Mamá Cabra, e na contraportada falamos con Lydia Botana, batería d@s Labreg@s do Tempo d@s Sputniks.
NOS_6531
Co Celta inactivo a causa dos choques internacionais, o Lugo, inmerso na dinámica máis positiva dos últimos anos, acaparou o foco de atención nunha xornada futbolística na que a Federación Española tomou a cuestionábel decisión de suspender os partidos de Rácing de Ferrol e Dépor por un baixo número de casos de Covid-19.
Chegaba o Club Deportivo Lugo á vixésimo quinta xornada ligueira coa decepción de saber que non poderá contar con Gerard Valentín, o seu xogador estrela, no segundo tramo da tempada logo de que a directiva encabezada por Tino Saqués fechase o seu traspaso á galeguizada Sociedade Deportiva Huesca de Insua, Ferreiro e compañía por unha cantidade de 400.000 euros, cifra que aliviará minimamente a delicada situación económica dun conxunto que perdeu dous millóns e medio de euros no exercicio 2020/21. Non obstante, e tal e como fixera xa nos triunfos ante Mirandés e Amorebieta, a escuadra albivermella volveu demostrar a solidez dun bloque que non depende dun só home para sobrevivir superando Burgos, un rival directo na loita pola salvación, por un gol a cero. Porén, e a pesar de que o técnico do Lugo, Rubén Albés, destacou a "dificultade" de facerse coa vitoria ante os casteláns, tamén recoñeceu que levan "moitos puntos", algo especialmente salientábel "tendo o segundo orzamento máis baixo da Segunda División". Aínda así non quixo situar o foco nunha loita polo play-off de ascenso que queda xa a só cinco puntos. Considerado como un dos adestradores "de moda", tamén botou balóns fóra cando, na rolda de prensa posterior ao partido, lle preguntaron pola posibilidade de cambiar de club. Luís Rubiales adultera a Primeira RFEF Máis revoltas baixan as augas na terceira categoría, a Primeira RFEF. Alí, a Federación Española de Fútbol presidida por Luís Rubiales tomou a ultimísima hora a determinación de adiar o choque entre o primeiro e o segundo clasificado, Deportivo da Coruña e Rácing de Santander, a causa dos casos de Covid-19 detectados no club cántabro. Boa parte da afección herculina criticou esta inédita decisión sinalando que busca ou ben beneficiar o Rácing ou prexudicar o Dépor, pois até o de agora a RFEF nunca suspendeu un choque no que houbese menos de sete positivos, e neste hai só tres, medida que, para evitar o agravio comparativo, obrigou a adiar tamén o choque do Rácing de Ferrol, afectado polo mesmo número de casos. Xa que logo, o único que xogou -e de que modo- foi un Celta B que confirma a súa candidatura ao ascenso cunha nova goleada: 4-1 ante o Bilbao Athletic.
PRAZA_18593
Establecementos de Vilagarcía e Cambados anuncian que non realizarán rebaixas este venres e pídenlle á poboación que apoie o comercio local, alertando de que o seu peche "provocaría un gran impacto económico" e un "efecto dominó", levando á "desertización do centro urbano"
Este venres chega o Black Friday, unha xornada de rebaixas e descontos que foi incorporada de forma moi recente no noso país procedente dos Estados Unidos, onde se celebra ao día seguinte do Día de Acción de Grazas. En realidade, hai comercios que estenden venres negro durante varios días, engadíndose ademais o luns seguinte o coñecido como ciber monday, con reducións de prezos nas compras online. Dende hai un tempo o pequeno comercio vén alertando do prexuízo que lles provoca o Black Friday, que as grandes cadeas utilizan como ferramenta para atraer clientes e moitas veces para desfacerse de inventario de tempadas anteriores. Ademais, critican o dano que estas rebaixas provocan na importante campaña de compra de Nadal. Dende hai un tempo o pequeno comercio vén alertando do prexuízo que lles provoca o Black Friday Nas últimas semanas as asociacións de comerciantes da Mariña levaron a cabo accións para concienciar a poboación sobre a importancia que o comercio local ten para a economía das vilas nas que se asenta. E tamén o Concello de Pontevedra lanzou a campaña Namorados dos días de cores para contrarrestar os efectos do Black Friday. No Salnés as tendas locais de Vilagarcía e Cambados tamén puxeron en marcha unha campaña para sensibilizar os e as habitantes destes concellos sobre as vantaxes de mercar no comercio polo miúdo, pechando os establecementos e apagando as súas luces, con mensaxes como "imaxina un pobo sen comercio", "ti fas posible o comercio local" ou "xuntos conseguiremos que o comercio teña vida". As tendas do centro de Vilagarcía pecharon para alertar do efecto que tería a desaparición do comercio local | Zona Aberta Esta semana, ademais, os establecementos asociados á Asociación de Comerciantes de Cambados e á Asociación de Comerciantes Zona Aberta de Vilagarcía posicionáronse de forma rotunda contra o Venres Negro, anunciando que non participarán nesta xornada de rebaixas e colocando carteis nos que se le: "Porque cremos en ti, que mercaches onte e o farás mañá, por todo iso non ao Black Friday". Alerta de que "a desaparición do pequeno comercio crearía un efecto dominó con outros sectores como a hostalaría", provocando "a desertización do centro urbano" e "un gran impacto económico" Zona Aberta destaca os efectos prexudiciais do Black Friday para a campaña de nadal que se inicia inmediatamente despois e cualifica a iniciativa de "falta de respecto" para as persoas que realizan as súas compras ao longo de todo o ano. Lembra, ademais, que xa hai unha tempada de rebaixas establecida (nomeadamente a partir de xaneiro e no verán) e lembra que nos Estados Unidos a existencia do Black Friday ten sentido porque non existen outros períodos de rebaixas. A entidade pide a concienciación e a colaboracións da clientela á que lle demanda que siga confiando "nas tendas de toda a vida". A asociación subliña "a importancia do pequeno comercio na vida dos distintos concellos da comarca". "Hai que lembrar as bondades dun sector que aluma a nosa cidade todas as noites e mantén bonitas nosas rúas todo o día", destaca e alerta de que "a desaparición do pequeno comercio crearía un efecto dominó con outros sectores como a hostalaría", provocando "a desertización do centro urbano" e "un gran impacto económico". Acción levada a cabo polo comercio local de Vilagarcía | Zona Aberta
PRAZA_19162
Gaña ocupados malia perder 8.300 no último trimestre pola fin da campaña de verán. O país perdeu 1.400 activos durante o ano pasado e o paro descendeu en 18.500 persoas até situarse a taxa no 16,3%.
Galicia sumou 17.100 empregos durante 2016 malia perder 8.300 no último trimestre do ano. A conta é doada: a fin da campaña de verán e o bo tempo levou por diante -outra vez- en Galicia milleiros de empregos no sector servizos, onde o número de ocupados diminuíu en 9.800 persoas nos últimos tres meses respecto do período anterior. Tan só no sector primario se incrementou a ocupación entre outubro e decembro, en 3.900, mentres que descendeu na construción (-1.700) e na industria (-700). Galicia crea 17.100 empregos en 2016 malia perder 8.300 no último trimestre pola importante baixada no sector servizos tras o verán Estas son algunhas das conclusións dos datos da Enquisa de Poboación Activa (EPA), que sitúan a taxa de paro en Galicia no 16,3% logo dun descenso durante o ano pasado en 18.500 persoas (-8,3%). A cifra total de desempregados no país queda nos 204.200, 2.500 menos que no anterior trimestre, un descenso do 1,2% e algo inferior ao que se dá no conxunto de España (-1,9%). En termos interanuais, a baixada tamén foi inferior á do Estado, dun 8,3% fronte ao 11,3% (-541.700 desempregados menos nun ano e unha taxa do 18,6% a nivel estatal). O paro descende en Galicia a un ritmo inferior ao do Estado, ao igual que a creación de emprego tamén é máis de vagar. Son agricultura e pesca as que tiran da ocupación ao aumentar nun ano en 11.800 persoas e un 18%. Na industria, o número de ocupados increméntase en 6.200 persoas e no sector servizos en 4.100. Pola contra, na construción perdéronse 5.100 traballos durante o pasado exercicio. A taxa de ocupación, ademais, diminuíu tres décimas neste trimestre, ata o 44,7%. Unha ollada ás gráficas permiten concluír como a ocupación aumenta aínda aos poucos, sen acadar aínda os ascensos dos anos previos á crise. O paro baixa máis agora pero a creación de emprego é aínda menor. Por sexos, diminúe tanto o paro masculino como o feminino, quedando as taxas de desemprego nun 15,6% no caso dos homes e nun 17% no caso das mulleres. En canto á poboación xuvenil, de entre 16 e 29 anos, a taxa de paro descendeu durante o trimestre 1,4 puntos ata situarse no 26,5%. En comparación co cuarto trimestre de 2015 diminuíu 5,6 puntos Ao tempo, o mercado laboral galego segue a minguar. No último trimestre, o número de activos baixou en 10.800 persoas e a taxa de actividade en catro décimas, até quedar no 53,4%. Durante 2016 perdéronse 1.400 activos. Así, a taxa de actividade é máis dun punto e medio menor que no último trimestre de 2008, co comezo da crise. Naquel mesmo momento, o número de ocupados en Galicia era de 1.196.400 persoas, 156.800 menos que na actualidade. O caso é que a caída da poboación activa e da poboación ocupada ratifican que a creación de emprego no último trimestre do ano foi nula. De feito, perdéronse 12.700 asalariados. O incremento do número de empregos por conta propia non compensou a caída, ao haber 5.000 persoas ocupadas máis deste xeito fronte a 12.700 menos por conta allea. Ademais, pérdese máis emprego no sector público ca no privado (7.700 persoas asalariadas menos no sector público e 4.900 menos no sector privado). Ademais, a estabilidade segue a ser unha quimera. Respecto ao trimestre anterior, en Galicia hai 3.100 asalariados menos con contrato indefinido, mentres que o número de persoas con contrato temporal diminúe en 9.600. Pero en termos interanuais, os asalariados con contrato indefinido permanecen estables e os de contrato temporal incrementáronse un 6,2%. Por outra banda, en canto aos fogares, no último trimestre de 2016 descendeu en 2.500 unidades o número de fogares nos que todos os seus membros activos están en paro diminúe, quedando en 69.600, un descenso do 7,3% con respecto a hai un ano. Ao tempo, o número de familias nos que todos os seus membros activos son ocupados aumenta en 600 unidades, o que supón unha suba do 2,7% en termos relativos.
NOS_15354
Estreleira leva meses a producir os 50 emblemas das comarcas do país coa axuda dos especialistas en heráldica e deseño gráfico, Héitor Picallo e Elena Penas.
O vindeiro domingo 26 de xuño, Projeto Estreleira quere escenificar en Ourense "os símbolos, a terra e a memória" cun desfile que conmemore a proclamación da República Galega en xuño de 1933 e da vitoria no referendo do estatuto nese mes de 1936. A marcha estará encabezada polas bandeiras sueva, do antigo reino, da serea e a bandeira da patria galega, xunto as que marcharán gaiteiros galegos e percusionistas portugueses (as coñecidas treboadas). A continuación, persoas voluntárias portarán as enseñas das 50 comarcas. E finalmente, un bloque que representará a loita con emblemas de colectivos galegos de todas as batallas de emancipación, desde o provincialismo até Nunca Máis. O público poderá sumarse: haberá repartición de bandeiras galegas para unirse á comitiva. Nace 'Proxecto Estreleira', unha iniciativa para a difusión dos símbolos do país Simboloxía innovadora Coa axuda dos especialistas en heráldica e deseño gráfico, Héitor Picallo e Elena Penas, Estreleira leva meses a producir os 50 emblemas das comarcas do país, reforzados coa lenda 'República da Galiza'. "Nalgúns casos, son reproducións de emblemas xa existentes e cunha tradición histórica, en xeral, o escudo do municipio máis importante da comarca que se emprega como emblema de toda a zona, como no caso de Pontevedra ou Vigo", explica Picallo a Nós Diario. "Máis noutros casos nos que faltaba esa tradición, elaboramos un escudo comarcal mediante a combinación de símbolos de varios concellos da comarca". A nova iconografia foi anunciada en redes sociais, e Estreleira comezou xa a distribuír parte dos brasóns en formato de adhesivos. Segundo explican desde Estreleira, esta será a primeira vez na historia do galeguismo que os emblemas locais protagonizan un acto nacionalista. Xurxo Longueira, de Estreleira: "O desfile de Ourense reivindica a nosa historia e os nosos símbolos nacionais, mais doutro xeito"
PRAZA_8199
O Consello Político Nacional de Esquerda Unida aprobou os documentos de base que agora serán debatidos polas asembleas comarcais no camiño á Asemblea Nacional da formación, que se celebrará o 27 de abril en Compostela.
Esquerda Unida avanza cara á súa Asemblea Nacional, que se celebrará o 27 de abril en Compostela. Este sábado o Consello Político Nacional aprobou por unanimidade o documentos político e económico e cunha soa abstención os estatutos, o documento de organización e a carta financeira. Agora todos estes textos serán debatidos e aprobados polas asembleas comarcais da formación, que até o 13 de abril presentarán emendas aos documentos e elixirán os delegados e delegadas que participarán na Asemblea Nacional, posiblemente o máis importante que a coalición celebrou nunca, pola actual situación de emerxencia social e polo propio crecemento da formación en Galicia. Antes da asemblea vai haber varios encontros sectoriais: un dirixido a sindicalistas, outro a mulleres e outro a colectivos sociais, "co obxectivo de abrir a asemblea a un debate na rúa e que a cidadanía faga as súas achegas criticas dende fóra da organización ao proceso que se inicia". Yolanda Díaz, Coordinadora Nacional, salienta que "temos a obriga de acertar na tese política, pola gravidade extrema do que está sucedendo no país" e sinala que "a tese política parte da premisa de que estamos en momentos terribles para a cidadanía por por da acción de goberno neoliberais a ultranza. As persoas están espidas ante a agresións que se están producindo contra as maiorías sociais e nós temos que incardinar o noso discurso na rúa e fortalecernos". "As persoas están espidas ante a agresións que se están producindo contra as maiorías sociais e nós temos que incardinar o noso discurso na rúa e fortalecernos" O aspecto organizativo é fundamental neste momento, segundo Díaz, que explica que "ao igual que sucedeu do debate a nivel federal a estrela do debate de hoxe foi como organizarnos de aquí en diante e como materializar o que poñemos nos textos: levar á práctica a nosa tese de que hai que organizar a rebeldía pois existe un forte conflito social presente ou latente en todas as capas da sociedade. A convicción que sae hoxe é que temos que afinar na materia organizativa porque somos conscientes de que aí temos eivas". Segundo Yolanda Díaz, o obxectivo é "chegar a todos os sectores sociais que están sendo agredidos".
NOS_10329
A gran travesía de Chiruca Magallás (Xerais, 2018) é a narración que lle serve a Xurxo Souto (A Coruña, 1966) para reclamar unha "talasocracia" na Galiza, o goberno do mar. É tamén o seu último libro e que esta quinta feira, 17 de outubro, presentará na Coruña para a comunidade senegalesa da cidade.
O acto será na asociación de veciños e veciñas da Agra do Orzán ás oito do serán. Souto exporá unha realidade que tamén relata na súa obra, a dos numerosos mariñeiros senegaleses que se embarcan na flota galega. "Na Gran travesía de Chiruca Magallás navegan Assar, Sédar e Mamadou, tres mariñeiros da Agra do Orzán", indica a convocatoria da presentación, "e un gran número de mariñeiros senegaleses traballan hoxe nos barcos galegos, unha realidade especialmente descoñecida que queremos divulgar". A velada rematará cuns petiscos senegaleses cociñados "por unha das máis famosas cociñeiras do barrio [da Agra do Orzán], Adama Gueye, propietaria do restaurante Agra do Orzán". "Agra do Orzán, tamén Agra Senegal, pois moitísimas familias que habitan o barrio proceden deste país africano", engade a nota de convocatoria.
NOS_7204
En Pontoxo, nas Encrobas, onde está a igrexa e o busto en lembranza de Moncho Valcarce comezaron os actos da homenaxe popular na lembranza do crego nacionalista cando se fan vinte anos da súa morte. Vídeo da presentación no interior
Daba a misa en galego, a comuñón con pan de centeo e ribeiro do país, non cobraba polos oficios, loitou cóbado con cóbado cos labregos contra os responsábeis da súa explotación... Era cristiano, crego e revolucionario, como foron, noutros países e épocas, Camilo Torres, Ernesto Cardenal ou, tamén, por que non, Basilio Álvarez. Moncho Valcárcel, o 'crego das Encrobas'. Neste 2013 cúmprense 20 anos do seu pasamento. E neste sábado, 31 de agosto, a Irmandade Moncho Valcarce celebra, en colaboración co concello de Cerceda, a xornada en lembranza deste crego. Os Premios Moncho Valcarce pola Defensa da Terra e pola Promoción da Terra foron para Manuel Lugrís Rodríguez e o Museo do Pobo Galego "A túa semente segue viva" é o lema da homenaxe, e nesa mesma semente nestán Manuel Lugrís Rodríguez e o Museo do Pobo Galego, galardonados neste ano co premio Moncho Valcarce pola Defensa da Terra e pola Promoción da Terra Poesía, música, convivencia, lembranza Unha ofrenda floral no monumento dedicado a Moncho Valcarce ás 12 horas cunha homenaxe poética-musical na que estaba previsto que intervisen Pilar Pallarés, Manuel Lugrís, Xosé Fraga, Xulio L. Valcarce, Ramón Vilar, Xosé Elías Ramil, Baldomero Iglesias, Luis Liñares coa música de Xosé Taboada mais a gaita de Xosé M. Ares interpretando o himno galego dará paso a un xantar de irmandade no propio lugar. Á tarde é quenda da entrega dos Premios Moncho Valcarce pola Defensa da Terra e pola Promoción da Terra a Manuel Lugrís Rodríguez e o Museo do Pobo Galego nun acto que incluirá a dedicatoria a os todos os premiados e as actuacións das pandereteiras das Encrobas, Lydia Botana "Bolboreta", César Morán, Paco Campos, Xosé Taboada e A Quenlla. Nun local próximo podían verse videos e diversos materiais relacionados co cura das Encrobas. Militancia nacionalista Moncho Valcárcel iniciouse na militancia nacionalista na AN-PG, sendo candidato ao senado nas eleccións do 1977 polo BN-PG, formación pola que sería concelleiro en Culleredo. Desenvolveu un amplo e intenso labor no sindicalismo nacionalista desde as Comisións Labregas. O seu compromiso cos e coas labregas e na defensa da Terra levoulle mesmo a ser detido. "Non se pode ser cristián e ordenado presbítero, sen asumir un compromiso liberador, pois somos fillos dunha Terra oprimida, á que se lle negan os dereitos tan esenciais como o da autodeterminación, na que malviven xentes explotadas e marxinadas, devoradas por un neocolonialismo brutal".
QUEPASA_772
Vén de: Galicia escura, Fisterra viva: Historias de barcos e mariñeiros da ría de Corcubión (1). Galicia escura, Fisterra viva: Historias de barcos e mariñeiros da ría de Corcubión (2). Galicia escura, Fisterra viva: Historias de barcos e mariños: o "Liberto" e o motín (3).
Logo da pelexa épica na cuberta do bergantín 'Liberto', o capitán José Agramunt Figueroa ingresou nun hospital. Estaba acostumado a loitar contra as adversidades do mar e a superalas, con moita vontade de sobrevivir, pero agora apreciou que tocara fondo, e xa non se recuperaría. E, da intensa dor pasou á agonía e ao terrible final, falecendo o 2 de xaneiro de 1877 no hospital de Santa María Magdalena, de Almería, por mor das graves feridas sufridas logo de lograr sobrevivir milagrosamente seis días á sublevación da súa tripulación, morrendo sen haber arriado a bandeira do seu barco. E algún tempo máis tarde tamén faleceu de morte natural no cárcere de Cádiz, na prisión do Arsenal da Carraca, o contramestre Diego Rodríguez Sambade, cando esperaba ser sometido a un consello de guerra xunto aos seus compañeiros amotinados. Malia a nosa paixón por coñecer os detalles de vidas alleas e reconstruír biografías dos nosos devanceiros, pouco saberiamos de José Agramunt de non ser polo destino que lle agardaba, unha verdadeira traxedia, un episodio que non deixou indiferente a ninguén e produciu un efecto multiplicador nos medios de comunicación da época. A partir deste feito brutal, os tres procesados polo delito de sedición con asasinato e homicidio foron sometidos a un consello de guerra celebrado o 28 de xaneiro de 1878, dous anos despois: Luzárraga e Pidal foron condenados a cadea perpetua; e Otero a 14 anos e un día de prisión maior, outorgándolle a este último unha segunda oportunidade para poder refacer a súa vida. No entanto, o Consello Supremo de Guerra e Mariña revisou o proceso e o 9 de setembro de 1878 condenou á pena de morte por garrote vil aos tres encausados, así como a indemnizar á nai de José Agramunt con 5.000 pesetas, dato que nos podía sinalar que o corcubionés estaba solteiro, ademais de pagar os desperfectos ocasionados no buque. Unha sentenza que presuntamente reparaba ás vítimas -aínda que insolventes posiblemente os condenados- e impartía xustiza para os delincuentes, todo un exemplo e un aviso para as tripulacións da época. A sentenza foi publicada nos boletíns oficiais de todas as provincias marítimas e en todas as capitanías dos portos españois e lida en todos os buques de guerra en outubro de 1878 logo da misa e da lectura das leis penais, no primeiro día festivo. E foi executada en Almería en cuxas augas perpetrar o delito, querendo soster o principio de autoridade e disciplina que establecían as leis do mar. Para ese fin, os reos embarcaron no vapor de guerra 'Liniers' rumbo ao porto almeriense, onde foron encerrados no cárcere situado naquel entón na rúa Real da cidade. E pouco antes de que Teodoro Pidal fose agarrotado, quixo alzar a voz para preguntarlle ao seu compañeiro de infortunio, a Manuel Otero Vigo, que, segundo algunha persoa que lle visitou en prisión, tiña "unha fisonomía simpática". - Manuel, perdóasme?Ao que o outro contestou:- Non, non te perdoo, pois por ti véxome aquí. Unha resposta que merecería unha reflexión pero todo son incógnitas. Apenas obtivemos un par de datos fiables sobre Manuel Otero Vigo. Sabemos que naceu en Corcubión o 15 de marzo de 1859, fillo de Juan e de Juana e tiña 19 anos cando foi executado, 17 cando se produciu o motín a bordo e cando decidiu, ou foi empuxado, a dar un salto ao baleiro. O que si sabemos é que unhas poucas horas antes de morrer escribiu ao dorso dun escapulario a seguinte frase: "Manuel Otero aos meus queridos pai e nai como último recordo". A execución da sentenza Garrote vil (velezrubio-velezblanco.blogspspot.com) Case dous anos despois do asasinato de José Agramunt, ás 9,15 horas da mañá do 25 de outubro de 1878 foron executados os tres reos nun patíbulo de madeira levantado preto da praia das Almadrabillas, en presenza dunhas tres mil acodes que se congregaron no lugar. O primeiro executado foi Domingo Luzárraga, de 21 anos, que se sentou no banquiño para que o verdugo exercese o seu macabro traballo. A continuación tocoulle a quenda a Teodoro Pidal, de 18 anos e de orixe asturiano, para finalmente ser executado o corcubionés Manuel Otero Vigo que se resistiu con todas as súas enerxías a sentarse e a deixarse colocar a argolla, aínda que todos os seus esforzos foron vans. Os tres cadáveres quedaron expostos ao público ata as catro e media da tarde, no escenario no que se desenvolveu o espectáculo e a traxedia. O motín do "Liberto" levouse todo, e a todos, por diante e non sabemos que rendemento querían sacar da súa acción os amotinados. O motivo declarado polo que os cinco tripulantes puxéronse de acordo para asasinar ao seu capitán dá pé a meras especulacións. A declaración ante os xuíces de amotinarse pola escasa comida recibida abordo, cremos que esconde outros motivos que non é posible alcanzar na actualidade. Díxose que querían levarse o barco e o seu cargamento a Bos Aires, pero non está nada claro e pensemos o que pensemos nunca saberemos a realidade do acontecido. Pero, o que non hai dúbida é que coñecían o estrito das leis do mar, e que romper as regras tiña un único castigo, a morte, pero aínda así as infringieron. En homenaxe ao capitán falecido no motin do "Liberto", en Barcelona ao bergantín "San Salvador y Virgen de las Dolores" cambiáronlle o nome polo de "José Agramunt Figueroa", o que supón personalizar a lenda do navegante corcubionés que xa nunca puido regresar nin vivo nin morto á súa vila natal. Un tráxico final que lle fixo merecedor dun lugar de honor e dun epitafio para unha lápida hoxe inexistente. O bergantín "Liberto" foi desguazado dous anos máis tarde en Almería, morrendo tamén o barco na mesma cidade na que enterraron ao seu patrón. Toda unha triste epopeia. Escrito de pasamento do tripulante Manuel Otero-Arquivo Garea Aquiles Os outros nomes Ademais dos nomes dos barcos que citamos ata agora, hai que sinalar as polacras goletas 'Flor da Mar', de 27 toneladas e 'Langosteira', de 79; o bergantín goleta 'Amalia', de 85 toneladas e o 'Estrela', de 165; o lugre 'Calella', de 30 toneladas e a goleta 'Cisne', de 58... E para tripular todos estes buques estaban, ademais dos capitáns xa sinalados por Jerónimo Figueroa, moitos outros mariños. Segundo os registros locais, en 1851 a municipalidade de Corcubión contaba con 1324 habitantes, dos que 235 eran "homes de mar", representando un 17 por cento do total da poboación. Neses anos centrais do século XIX residían na localidade 17 pilotos e capitáns. E, 30 anos despois, en 1871/72 residían, 11. En 1880 quedaban en Corcubión só dous navieros: Francisco do Río Osorio e Francisco Porrúa, e en Fisterra, a viuda de Rodríguez. Nesa década soamente quedaban en Corcubión 10 pilotos e capitáns, entre eles Manuel Agramunt Figueroa, irmán do capitán do 'Liberto'; Laureano Riestra Figueroa, o filántropo do asilo de Corcubión; Francisco Porrúa Rodríguez; José Fernández Monterroso; Wenceslao Figueroa Domenech, irmán de Jerónimo; Maximino García Branco; Manuel Louro Quintana..., todo un puñado de heroes que se foron escurecendo na memoria pero que poboaron o Corcubión do seu tempo. Individuos con realidades moi diversas, persoais e profesionais, homes dun mar tan cheo de derrotas. A decadencia mariñeira seguiu imparable na vila do patrón de Venecia. No censo fiscal de 1900 figuran soamente 58 "homes de mar", sinalando o inicio do drástico descenso e desaparición progresiva da xente dedicada tanto á navegación de altura como á de cabotaxe e baixura. E 30 anos máis tarde, en 1930 o número de mariños/mariñeiros no censo baixou a 44, para recuperarse de forma transitoria no censo obreiro do 1933 no que aparecen 63. Oito anos despois, no censo fiscal de 1941 só aparecen 26, desaparecendo totalmente os pilotos e capitáns. Xentes que viviron verdadeiras epopeias, referentes dunha época do Corcubión mariño e mariñeiro, porque navegar por este vello mar que é a ría de Corcubión é facelo sempre pola historia, a cultura e a memoria dun pobo tamén. Un mar de augas cristalinas e area branca que rodea as illas Lobeiras e frea as súas embestidas e embates a solidez do malecón e a súa contorna litoral. Heroes de carne e óso que pasado o tempo perderon a relevancia social e en lugar de entrar na Historia, entraron no esquecemento. (Continuará...) Luís Lamela. Historiador e escritor corcubionés, un activo da recuperación da memoria histórica da Costa da Morte. Serie "Galicia escura, Fisterra viva" Galicia escura, Fisterra viva: Historias de barcos e mariñeiros da ría de Corcubión (1). Galicia escura, Fisterra viva: Historias de barcos e mariñeiros da ría de Corcubión (2). Galicia escura, Fisterra viva: Historias de barcos e mariños: o "Liberto" e o motín (3). Outros artigos de Luís Lamela Ferroatlántica e o fondo americano TPG. Luís Lamela: Ferroatlántica e un novo futuro.
PRAZA_9995
"A inmensa maioría dos votantes de Vox arrepentíronse de votar a esta formación", proclamou o presidente da Xunta na noite electoral
"Non son os resultados que buscabamos e non estamos satisfeitos". Alberto Núñez Feijóo, presidente da Xunta de Galicia e do PPdeG, recoñeceu a súa decepción por unhas cifras para os populares "malas sen paliativos". Ademais, culpou a "división do voto de centro dereita" porque "penalizou o Partido Popular" tal e como, encargouse de repetir, levaba advertindo semanas."A inmensa maioría dos votantes de Vox arrepentíronse de votar a esta formación""Temos que asegurarnos que isto non volva pasar nas eleccións municipais, europeas e autonómicas do 26 de maio", insistiu Feijóo, que dixo estar convencido de que "a inmensa maioría dos votantes de Vox arrepentíronse de votar a esta formación porque viron como os sues votos serviron para que teñen máis votos e máis escaños o PSOE"."Vox era un partido testemuñal e tivo moitos votos, se sumáramos a súa porcentaxe ao PP, o resultado sería moito máis potente", dixo Feijóo, que cre que os socialistas utilizaron moito e ben "o espantallo" da ultradereita. "O PSOE é o vencedor, desde o punto de vista estratéxico", engadiu, tras volver lembrar que "só" cos votos dos ultras o PP "tería gañado claramente ao PSOE"."Debemos mater o punto de encontro que foi sempre o PP: persoas máis de dereitas, máis de centro, máis reformistas, máis liberais e persoas que non están de acordo con este PSOE", rematou, tras sacar peito dos seus resultados malia o importante devalo, ao destacar que a porcentaxe de votos á formación conservadora era moito maior que no conxunto do Estado e tras poñer en valor tamén o reducido apoio a Vox comparado con outras autonomías.
PRAZA_3152
"No lado oculto, no ermo, ninguén dorme, non hai esquecemento nin sono". Son palabras de 'Ninguén dorme' (Laiovento), a última novela de Rexina Vega. Unha indagación, situada entre a poesía, a narrativa e o teatro, no feo, no inxustificable do ser humano. Cunha prosa que atravesa o corpo. Que esculca no desexo.
"No lado oculto, no ermo, ninguén dorme, non hai esquecemento nin sono". Son palabras de 'Ninguén dorme' (Laiovento), a última novela de Rexina Vega. Unha indagación, situada entre a poesía, a narrativa e o teatro, no feo, no inxustificable do ser humano. No que doe e se agocha tras a inxenua procura da seguridade, da previsibilidade. Nunha historia, porén, de seres marxinais, mancados, excluídos da sagrada confortabilidade dos privilexiados/as. Cunha prosa que atravesa o corpo. Que esculca no desexo. Na animalidade humana. Na ansia de transcender o devalo, o paso do tempo. Ou na incapacidade, tantas veces, de amar, de coidar o outro/a. A autora respondeu as nosas preguntas por correo electrónico."Fóra do sagrado ninguén dorme. Aquí todos teñen que cargar coas súas culpas", dise cara ao final do libro. "Ninguén dorme" é tamén un verso dun poema de Lorca. E unha frase de Macbeth: "Sleep no more". Por que ninguén dorme na túa novela?Cada vez que sentaba a escribir no ordenador tiña dúas bandas sonoras 'Nessum dorma', de Turandot e "Ciudad sin sueño" de Lagartija Nick e Enrique Morente, e púñaas unha vez e outra, de modo obsesivo. O texto de Lorca facíame entrar nese ton, entre alucinado e extraordinariamente desperto, consciente, que precisaba para contar esta historia. Porque quería falar do que no que non está ben, do que nos doe, do elefante no cuarto. Na faixa da versión en castelán, a miña amiga Valérie Tasso escribe:Nadie duerme: Un "huis clos" en el que la puerta cerrada se revienta bajo el ariete literario de Xina Vega, una jaula que se abre, que se destripa, que se desparrama, que se desborda, que se eyacula y que se dispara sobre la condición humana. Un encuentro que nos recuerda que Macbeth ("Sleep no more") siempre acaba de matar al rey y que el príncipe desconocido de Turandot ("Nessum dorma") acaba de proscribir, para siempre, el dormir. Un sórdido pastel de carne que se nos corta en la boca, que nos quiebra los molares y que nos impedirá, esa noche, conciliar el sueño"."Quería falar do que no que non está ben, do que nos doe, do elefante no cuarto"Por que foi publicado primeiro en castelán e logo en galego? (Supoño que houbo problemas para publicalo en galego).Acabei o libro nos anos máis duros da crise económica. Nese tempo deuse unha contracción brutal de títulos publicados en todas as literaturas do Estado. Aquí, en Galicia, penso que o devalo foi aínda máis acusado. Nesa situación, a miña casa editora, que xa se comprometera en publicarme deixou pasar o tempo. Logo de dous anos de espera perdín a paciencia, fixen algún intento con outras editoras sen resultados e xurdiume a oportunidade de publicar en castelán con Pepitas de Calabaza, editora coa que estaba colaborando noutro proxecto.O entusiasmo co que recibiron o meu texto traducido compensoume nun primeiro momento da frustración que sentía no sistema galego. Porén, eu non son unha escritora da literatura castelá, non teño ningunha intención de moverme, promocionarme ocupar espazo nese ámbito."Eu non son unha escritora da literatura castelá, non teño ningunha intención de moverme, promocionarme ocupar espazo nese ámbito"'Ninguén dorme' ten un estilo moi coidado, que se achega á prosa poética por veces. Niso, hai un cambio desde 'Dark Butterflay' (que era outro tipo de libro, como un diario). Estiveches moito tempo traballando en 'Ninguén dorme'? Pódese falar dunha "evolución " do estilo ou, simplemente, son proxectos diferentes?Non teño claro que, en canto a estilo, sexa moi diferente de 'Dark Butterfly', basicamente porque creo que unha autoría é unha mirada e unha música, dúas cousas que non podemos cambiar, como o timbre da voz. Con todo, o proxecto si que é distinto. Procuro sempre que o escribo me supoña un desafío. Na anterior novela probada cunha escrita fragmentaria co diario como fío condutor, en 'Ninguén dorme' intento unha 'nouvelle' que vaia dacabalo entre a narrativa, o teatro e a lírica."En 'Ninguén dorme' intento unha 'nouvelle' que vaia dacabalo entre a narrativa, o teatro e a lírica"Nada máis comezar a ler, fíxome pensar en certa literatura experimental ou mesmo no teatro do absurdo, e de feito a novela ten certa feitura teatral na maneira, ás veces, de introducir o escenario. A contracapa do libro cita varios autores/as que dalgún xeito poden ecoar na novela, e de feito poden atoparse nela algunhas palabras deles: "sombra do aire na herba", por exemplo. Onde quixeches situarte, respecto a isto? Interésanme moito as trabas ficcionais, as constricións na forma que dan lugar a que sexa a propia lingua a que constrúa discurso nos textos. Entre as trabas que elixín estaba a de respectar as unidades aristotélicas do teatro, unidade de acción, de tempo e de lugar. Outra das ideas que me roldaban era a de crear un gran palimpsesto, un lugar onde reapropiarme doutros textos, reescribilos. Detrás está a idea da hipertextualidade colectiva. "Todo o que non é tradición é plaxio", dise, e eu non podo estar máis de acordo. Todo esta dito, pero precisa combinarse doutro xeito cada vez que se fala."Outra das ideas que me roldaban era a de crear un gran palimpsesto, un lugar onde reapropiarme doutros textos, reescribilos"É un libro que fala moito do desexo. Entre outras cousas, como ansia de desaparecer (no outro/a) ao paso do tempo. Relacionado coa madurez, co medo a perder o poder da xuventude. En que medida este libro responde a unha necesidade de falar do desexo, do corpo, desde outra perspectiva?Quixen neste libro que o corpo fose o elemento central, a vivencia do corpo, a creación da subxectividade a través del. Hai cousas que se me escapan, non sempre tes conciencia exacta do que escribes, pero o que si sei é que busquei afondar nas pantasmas do desexo, metade construción social, metade pulsión psíquica. Quixen tamén poñer nome á experiencia de habitar un corpo de muller, un sexo biolóxico."Busquei afondar nas pantasmas do desexo, metade construción social, metade pulsión psíquica. Quixen tamén poñer nome á experiencia de habitar un corpo de muller, un sexo biolóxico"É curioso, a fisicidade do noso corpo, que tanto nos condiciona e obxectualiza, apenas ten rexistro literario, aínda hai aí todo un territorio para explorar. Aínda precisamos unha cartografía do corpo para podérmonos liberar del e convertérmonos de vez en suxeitos. Neste sentido destaco as voces que me acompañan e que introduzo na escrita desta novela: Angélica Lidell, Elfried Jelineck e Marta Sanz.Un dos personaxes é un africano que lles fai saber aos europeos, home e muller brancos e maduros, da súa prepotencia. Eles fálanlle desde a suposta superioridade. El pensa na inxenuidade dos brancos ao procurar a seguridade, a ausencia de dor, a previsión. Aínda que nun momento tamén asume a súa posición como subalterno e non se rebela contra o amo. Como xorde este personaxe e por que está na novela? Nas marxes están, para min, os núcleos de sentido dunha época. Nesta novela, na que convoquei personaxes subalternos, aparecéuseme de xeito natural a figura do emigrante africano. Probablemente sexa a maior traxedia do mundo actual, eses milleiros de homes, mulleres e nenos que morren continuamente preto das nosas costas. Ese é un gran elefante no noso cuarto do primeiro mundo. Facemos coma se non, miramos cara a outro lado. Estes seres que veñen doutro continente funcionan ademais con parámetros moi distintos aos nosos. Hai unha verdade vital moi afastada do capitalismo e que ten moito que nos dicir. O choque cultural é tan grande que optamos por facelos desaparecer. Pero están."Estes seres que veñen doutro continente funcionan ademáis con parámetros moi distintos aos nosos. Hai unha verdade vital moi afastada do capitalismo e que ten moito que nos dicir"A novela está poboada de personaxes que son outsiders, subalternos, seres marxinais ou máis ben marxinados. Coma a moza que se sabe obxecto, presa, e que tras fuxir da casa segue a ser obxecto dunha tremenda violencia. Tamén hai outsiders que o son malia teren sabas quentes. Por que e en relación a que escolliches personaxes marxinais? O que eu quería é observar a cara oculta da lúa, o patio traseiro. Quería entrar no feo, no desagradable, no que non podemos xustificar e xa que logo silenciamos. Nese sentido todos somos outsiders. A homoxeneidade, a norma, o camiño recto é unha entelequia. Somos complexos, tamén perversos. Esa é a condición humana. Creo que calquera podería verse retratado nalgún dos personaxes que fago mover aquí. É un fresco do noso cardume. Por iso a súa lectura pode resultar incómoda."Quería entrar no feo, no desagradable, no que non podemos xustificar e xa que logo silenciamos. Nese sentido todos somos outsiders"Tamén 'Dark Butterfly' falaba de personaxes marxinais (por outros motivos), con medo a ser marxinados e con conciencia de non querer deixarse dominar. Cal podería ser a conexión entre os dous libros, neste sentido?Se ben todos somos susceptibles de marxinación, é ben certo que hai xente coas cartas máis marcadas. Cando partes dunhas condicións máis duras ca media, cando estás por baixo, como é o caso da enfermidade mental da que trataba en 'Dark Butterfly', só queda loitar, desesperadamente, pola dignidade. Nada che vén feito. Ti es a demostración do que non vai ben nunha sociedade que continuamente se esforza por xustificar as súas bondades. A anomalía revela as contradicións, reta."Se ben todos somos susceptibles de marxinación, é ben certo que hai xente coas cartas máis marcadas"O home a e muller maduros teñen unha posición social, están a salvo. Senten complicidade, gratitute, benestar, por non estar coma a adolescente, ou coma o africano. Creo que o libro apela ao lector/a do noso contexto (social, cultural) tentando que recoñezamos que somos ou aspiramos a ser coma estes dous personaxes. É, nese sentido, coma una especie de hostia na cara. Que tipo de relación querías que o lector/a tivese coa novela? É o que che dicía antes. Quería ver o feo, o que nos resulta insoportable en todos nós, en especial naqueles de nós que estamos a cuberto. Hai unha enorme diferenza entre a xente que ten un lugar estable no mundo e a xente que está á intemperie, obrigada a cuestionarse e a reiventarse continuamente. A fraxilidade mantennos despertos."Quería ver o feo, o que nos resulta insoportable en todos nós, en especial naqueles de nós que estamos a cuberto"Sempre me fascinaron os amigos que, desde moi novos, tiveron acceso a un posto fixo para sempre xamais. Ao falar con eles decatábame de todo o que non se cuestionaban, do que daban por feito. Quería incidir no patetismo desa posición. Unha visión tremendamente autoindulxente. Envellecer sen ser patéticos, sen ser xordos e simples mentalmente é todo un reto."Envellecer sen ser patéticos, sen ser xordos e simples mentalmente é todo un reto"As mulleres na novela non se comportan como podería agardar o pacto social patriarcal. A moza que supura a violencia que sufriu conseguirá, dalgunha maneira, devolvela. A muller madura vence a ansia de dominación do macho co que se deita deixándose, simplemente, violentar, sen interesarse realmente por el (liberada do amor), nin temelo, porque ela ten claro o único que lle interesa del. É como se o puro sexo vencese todas as miserias do amor como imposición social. De que maneira estas dúas mulleres poderían representar iso, a ruptura do pacto patriarcal? A vivencia do corpo como corpo sen máis é liberadora. Teño para min que a sobredimensión do corporal ao que lle adxudicamos outros valores transcendentes (e aquí daría para un debate sobre o feminismo ben interesante) é a nosa prisión. Somos máis corpo que os homes, pésanos como unha lousa. Porén, se nos atrevemos, se decidimos reaccionar temos, necesariamente, que dinamitar."Somos máis corpo que os homes, pésanos como unha lousa. Porén, se nos atrevemos, se decidimos reaccionar temos, necesariamente, que dinamitar"Entre os albos dese labor dinamiteiro está, claro, o amor romántico. Aí temos un buraco que tira por nós cara ao fondo do pozo, que nos fai abaixarnos e pactar co indignidade. Non nego o amor, nego a construción do amor ligada a un modelo de produción. É como se todas estivésemos nun leito de Procusto, cos pés cortados.Na novela non parece haber amor posible, aínda que se repite o mantra social do amor como salvación. Hai encontros -a rapaza nova e o africano, por exemplo-, mais parece falarse máis da imposibilidade do amor. En que medida e por que é unha novela sobre esa imposibilidade, e que papel xoga o personaxe do camioneiro en relación con iso? Viña preparado para dominar pero non quere magoar, despois quere dominar pero acaba sendo dominado, logo tenta outra vez da peor maneira mostrar que o macho é quen manda… Hai unha ambigüidade nese personaxe.Contámonos moitas mentiras, continuamente, xustificámonos, sacrificámonos en nome de cousas que nos parecen bonitas e boas, pero que, na realidade, son mentiras que empregamos para permanecer dentro desa roda de gaiola de hámster que non vai a ningures. Todas e todos o facemos. O amor é unha forza poderosa, pero o amor real é universal, non excluínte. É o poder da empatía, da vibración e abrangue a totalidade da existencia. Xebrar esa potencia, depositala só nun individuo, crear vetos, normas, castigos é unha tolería que aceptamos."O amor é unha forza poderosa, pero o amor real é universal, non excluínte. É o poder da empatía, da vibración e abrangue a totalidade da existencia"En canto ao personaxe do camioneiro, interésame moito porque representa a animalidade no estado máis puro, é esa posición de votante de Vox, de fascista novo (cómpre recordar que os depredadores adoitan ser homes novos que, nun momento dado, atopan a xustificación para liberar os seus instintos biolóxicos de dominio). Nestas figuras masculinas animalizadas pódese ler a doxa dun tempo moi clariña. O que realmente a comunidade acepta, as catro verdades co que o común se move. Esa animalidade de homes sen poder, frustrados, que buscan o dominio sobre as mulleres, máis débiles bioloxicamente. Esa lei animal está en moitos dos casos de violencia machista, é un esquema, un programa."Se falamos de momentos sagrados, de acontecementos que nos trascenden, o sexo e a morte van de mans dadas"Nalgún momento fálase do sexo como verdade. E este é un libro moi descarnado, que fala (e quizais reivindica) da animalidade do sexo e da nosa animalidade como seres. Alguén falou de realismo sucio. Poderíase falar de erotismo. Mais o que supura é, sobre todo, violencia. Retrato da violencia, da mentira, quizais de certo grao de maltrato como algo case intrínseco ás relacións humanas, polo menos cando media o poder, a desigualdade. En que sentido fala este libro do sexo como verdade, no medio de todo iso?O sexo é unha ferida, provoca unha escisión, cuestiónanos de xeito integral, obríganos a un desexo permanentemente insatisfeito… ao tempo o sexo é un lugar de iluminación, de comuñón co mundo. Se falamos de momentos sagrados, de acontecementos que nos transcenden, o sexo e a morte van de mans dadas. A violencia, ligada ao ego, está, ten que estar, contra ela temos que loitar, ata desaparecer…
PRAZA_19328
Fomento accede a adiar unha semana a reforma da estiba que prevía aprobar este venres e atinxe a un colectivo de máis de 6.100 traballadores no Estado, uns 200 en Galicia. A UE obriga a variar o sistema de contratación nun sector sinalado polos seus salarios e que advirte da perda de dereitos e da entrega do negocio dos peiraos a grandes compañías.
As negociacións entre o Ministerio de Fomento, os estibadores e a patronal mudaron o guión a última hora. Houbo acordo que, cando menos polo momento, só supón adiar o conflito, que se ía traducir en paros parciais entre o 20 e o 24 de febreiro pola reforma do sector que o Goberno central prevía aprobar este venres tras impoñer uns servizos mínimos do 100%. O Executivo, nun último intento, deu en adiar unha semana a aprobación da reforma co obxectivo de que patronal e sindicatos volvesen sentar a negociar. Segue no aire, no entanto, o futuro dos máis de 6.100 operarios en 46 zonas portuarias. En Galicia, son uns 200 os estibadores, a maioría deles no porto de Vigo En Galicia, son arredor de 200 os estibadores afectados directamente -a maioría deles no porto de Vigo (150) e o resto repartidos entre Marín, Vilagarcía, A Coruña e Ferrol-, ademais dos traballadores eventuais. Están dispostos a ir á folga convocada pola Coordinadora de Traballadores do Mar, sindicato maioritario a nivel estatal, xunto a CCOO, UGT, CGT e a central galega CIG. As actuales mobilizacións son último capítulo dun conflito que comeza cunha sentenza do Tribunal da UE que dá a razón a Bruxelas e culpa a España de estar incumprindo as normas comunitarias sobre a liberdade de establecemento nos peiraos de interese xeral. Unha sentenza da UE deu comezo ao conflito ao considerar que o sistema de contratación actual nos portos vai contra as normas comunitarias A xustiza comunitaria considera que o sistema que rexe na estiba estatal vai contra as normas da UE e España xa foi ameazada cunha sanción de 21 millóns de euros. As empresas que operan nos peiraos públicos deben entrar no capital das sociedades de xestión de traballadores portuarios (Sagep) e contratar un dos seus 6.156 estibadores. O decreto lei do Goberno acaba con esta obriga e permite contratar libremente. Para isto, dá un período transitorio de tres anos. As compañías estibadoras -socias ou non da Sagep- terán que cubrir con traballadores destas parte das súas actividades: o 75% serán operarios da Sagep no primeiro ano, o 50% no segundo e o 25% no terceiro. As empresas que operan nos peiraos deben entrar nas sociedades de xestión de traballadores e contratar un dos 6.200 estibadores E despois? "Aos non contratados aplicaráselles a reforma laboral e os despedimentos páganos as autoridades portuarias; en definitiva, un ERE encuberto pagado con fondos públicos para logo pasar todos a unha bolsa de emprego, unha especie de ETT que non se sabe nin quen vai xestionar", explica Xavier Aboi, representante do sector do Mar da FGAMT-CIG. Os representantes dos traballadores insisten en criticar "a perda total de dereitos" dos operarios de levarse a cabo a reforma, que especifica a desaparición das Sagep ou a súa conversión en centros portuarios de emprego, algo así como unha empresa de traballo temporal. Os operarios poderían subrogarse ás estibadoras ou incluírse nestas novas entidades. Os estibadores piden que se garanta o seu traballo logo de que se disolvan as sociedades nas que agora se inclúen Un dos principais elementos de conflito xurdiu da pretensión dos traballadores de que se cree un rexistro onde se garanta a profesionalidade, experiencia e capacitación e de onde se contraten preferentemente os estibadores que levan anos exercendo o labor. Fomento negouse por ir contra a normativa comunitaria, polo que os sindicatos propuxeron pechar esa vía e garantir mediante outras o emprego para os operarios. Desde o Goberno formúlase agora que isto poida ser posible a través da negociación colectiva. As filtracións dos soldos "Para operar nos portos hai que ter e garantir unhas determinadas condicións", advirte Aboi, que como o resto de representantes sindicais advirte do ataque á estabilidade no emprego e aos convenios que se aplican a tal hora no sector. No decreto que prepara o Goberno detállase que serán aptos para prestar este servizo portuario aqueles traballadores que acrediten "máis de cen horas de traballo no servizo de manipulación de mercadorías en calquera estado membro da UE", á marxe dos que teñan a titulación necesaria. Os soldos base na estiba auméntanse polos extras derivados da perigosidade, a rapidez e as quendas en fins de semana ou á noite Desde que se anunciou a posibilidade de folga, foron varias as información que filtraron os soldos medios dos estibadores (disque máis de 60.000 euros ao ano) e nas que se acusou de nepotismo e privilexios aos seus traballadores. "Do que ninguén dixo nada foi das xornadas que traballan ou dos riscos que corren", di Aboi. A xornada destes traballadores dura seis horas e realízase en catro quendas rotatorias durante as 24 horas do día e de luns a domingos. Aínda que o salario base é unha cantidade máis que habitual, o soldo increméntase por diferentes pluses: a rapidez do traballo, a perigosidade, a nocturnidade ou os labores nas fins de semana. Segundo os sindicatos, as xornadas medias que un estibador fai en Galicia nun mes van desde as 24 ás 27. "Primeiro atacouse aos profesores, logo aos funcionarios e aos controladores aéreos e agora aos estibadores. Que delito cometen se traballan máis xornadas profesionais que a media, con primas por rematar antes e algún plus por diferentes conceptos logo de conseguir unhas condicións dignas?", pregúntase Aboi, que asegura que "non hai ningún estibador en Galicia que cobre eses máis de 80.000 euros dos que se fala". Á marxe das diferenzas, os sindicatos censuran que o novo ministro de Fomento, Íñigo de la Serna, rachase cunha negociación entre patronal e traballadores na que "só faltaba a sinatura". "Rachou con todo e obviou as propostas feitas", indica quen cre que o fondo do conflito é "o intento do capital e de grandes empresas con grandes bancos detrás por controlar os peiraos e abaratar custos". Os sindicatos ven no fondo o intento de entregar o negocio dos portos a grandes firmas e "favorecer os monopolios" "Queren acabar coa regulación laboral para facer dos portos un novo negocio para as grandes compañías, favorecendo os monopolios en contra do conxunto da sociedade, cando os portos deberan ser para crear riqueza e non miseria", di Aboi. Polos peiraos do Estado psa preto do 60% das exportacións e o 85% das importacións españolas, o que representa o 53% do comercio exterior coa UE e o 96% con terceiros países. Ante esta situación, o Goberno central intenta deter unha folga que pode paralizar un sector estratéxico.
PRAZA_15696
Un particular pon á venda nunha web a illa de San Vicente, na ría de Ortigueira, zona protexida e de enorme valor ambiental. O importe supón máis da metade do orzamento anual do Concello, que prevé nun futuro contactar con Xunta e Goberno central para intentar que pase a mans públicas
Unha pequena illa de 1,3 hectáreas, situada fronte á praia de Morouzos na ría de Ortigueira. Ese é o terreo que unha familia puxo á venda por 4 millóns de euros a través de internet. Situada en zona protexida e de enorme valor ambiental, forma parte dunha Zona de Especial Protección para as Aves (ZEPA) e dun Lugar de Interese Comunitario (LIC) que implican unha preservación especial. Malia que nin hai nin se agarda comprador aínda, a inmobiliaria recoñece chamadas interesándose por un lugar tan icónico para a comarca como descoñecido en moitos outros lugares. Un particular vende a illa de San Vicente, situada nunha ría con varias zonas de especial protección, por 4 millóns de euros Que San Vicente estaba en venda sabíase no Concello de Ortigueira hai tempo. "Xa hai un ano ou así que o anuncio está colgado nesa web, mesmo antes de que entrase este novo goberno local", di Vanesa Trevín, concelleira de Patrimonio e Paisaxe, pero tamén arqueóloga. "Sabía do tema hai tempo pero a nova saltou ás portadas agora, aínda que non hai novidade", explica. "Magnífica isla de forma ovalada con playas de suaves pendientes y bellos acantilados". Así describe aldeasabandonadas.com este terreo con amplas zonas de pastos, pero sobre todo piñeiros e eucaliptos, ademais de ruínas dunha casa de labor, cortes e restos de antigas murallas que se datan na época dos Templarios. Na Idade Media tería acollido un monasterio beneditino, uns restos que o Concello estaría encantado de procurar e investigar. O Concello de Ortigueira non pode asumir a compra e prevé iniciar conversas no futuro coa Xunta e o Goberno central A oferta, ademais, permite obter o Pazo de Brandariz, da mesma localidade ortegana, por 2,5 millóns de euros máis. Son, precisamente, os últimos descendentes dos últimos habitantes deste pazo os que poñen en venda todo o paquete. "Como cargo público, pero tamén como profesional da arqueoloxía, non me parece que teña moito sentido poñerlle prezo ao patrimonio, pero hai que respectar a familia", insiste Trevín, que asume como todos no Concello de Ortigueira que será difícil, polo menos de momento, que a illa pase a mans públicas. "O Concello non se pode permitir pagar un prezo tan alto; é desorbitado para un municipio que ten un orzamento anual que anda nos 7 millóns de euros", explica. Mercar a illa suporía bastante máis do dobre de todo o presuposto municipal. Mesmo para a Xunta e para o Goberno central o importe sería importante. Trevín non descarta, iso si, iniciar conversas no futuro con ambas as dúas Administracións para que, chegado ao caso, "San Vicente pase a mans públicas porque iso sería o ideal". O prezo que se pide pola illa supón máis da metade do orzamento anual do municipio ortegano Os grupos ecoloxistas ven necesario que sexa a xestión pública a que se faga cargo de espazos naturais coma este para asegurar así tamén a súa correcta conservación. É unha illa situada dentro dos límites de varios espazos naturais protexidos, a Zona de Especial Conseración de Ortigueira-Mera -na Rede Natura 2000-, a ZEPA e o Humidal de Importancia Internacional Ramsar. Isto é o que fai que a illa teña unha morea de vetos e limitacións, independentemente de quen sexa o seu propietaria. Nin edificacións, nin camiño, nin introdución de especies... O futuro, a medio prazo, debería ser o mesmo que o das Illas Cíes, que pasaron de mans privadas ás da Xunta. Iso sería o ideal, pero non parece doado.
PRAZA_8654
Para as mulleres que nos formamos nos noventa non hai pau máis grande que o dirixismo co que pretende controlar o destino das nosas vidas o Partido Popular con Ruiz Gallardón á cabeza.
Para as mulleres que nos formamos nos noventa non hai pau máis grande que o dirixismo co que pretende controlar o destino das nosas vidas o Partido Popular con Ruiz Gallardón á cabeza. Mulleres que traballamos como homes, coa inxusta particularidade, en moitos casos, de non ter abandonado un papel tradicional no que o coidado da casa e a familia corren, en grande medida, ao noso cargo. E agora, por se fose pouco, quérennos quitar o dereito a abortar libremente. O dereito á vida, di o Ministro de Inxustiza. O dereito á miña vida, digo eu. Para as mulleres que nos formamos nos noventa non hai pau máis grande que o dirixismo co que pretende controlar o destino das nosas vidas o Partido Popular con Ruiz Gallardón á cabeza Eliminar a Lei de Prazos aprobada polo goberno anterior co apoio dunha ecléctica maioría parlamentaria, e elaborar unha lei aínda peor que a que había antes desta baixo a maioría absolutista, sume a nosa liberdade xa non só como mulleres, senón como seres humanos, nunha escura miseria vital inaceptable, ao tempo que sobrepasa a delgada liña vermella máis alá da cal non hai democracia. E só existe un lugar dende o que se poida facer algo así: a hipocresía. Cando os conservadores defenden o papel tradicional da muller, fano pensando nas clases traballadoras (a plebe), pero xamais na aristocracia económica (de dubidosa orixe, por certo) á que eles pertencen na súa maioría. As fillas das elites dirixentes realizarán estudos superiores, terán acceso a bos traballos con excelente remuneración salarial e parirán fillos, moitos fillos, pero tamén contarán con recursos económicos dabondo para contratar persoas que se ocupen dilixentemente da súa prole. E, se algún día precisan abortar, non dubidarán en facelo, nas mellores clínicas e cos mellores profesionais. Iso si, todo en segredo, que logo os bispos e o rei disgústanse. Sabemos que por moi prohibidos que estean, os abortos seguirán realizándose en moitos casos. Pero as condicións en que teñan lugar as intervencións dependerán do nivel económico de cada muller Eis aquí onde radica a hipocresía do modelo social que intentan implantar. Porque sabemos que por moi prohibidos que estean, os abortos seguirán realizándose en moitos casos. Pero as condicións en que teñan lugar as intervencións dependerán do nivel económico de cada muller. O coidado abnegado da casa, dos fillos, da familia… están pensados para estratos sociais que non poidan permitirse outras alternativas. É a dobre vara de medir: para as pobres unha cousa e para as ricas, outra. Que nas civilizacións da Idade Antiga existisen cidadáns (habitantes con dereitos) e non cidadáns (habitantes sen dereitos: mulleres, escravos e estraxeiros), aínda podía coar, pero, francamente, na actualidade xa non. A nosa formación –e varios séculos de loita– abócanme a tratar de conservar a miña condición de cidadá. Decidir libremente sobre o noso corpo e estar protexidas legal e clinicamente perante a decisión que tomemos é un dereito fundamental que debe estar non só garantido pola lei, senón defendido sempre por quen nos goberna Decidir libremente sobre o noso corpo e estar protexidas legal e clinicamente perante a decisión que tomemos é un dereito fundamental que debe estar non só garantido pola lei, senón defendido sempre por quen nos goberna. O contrario é tratar de enmascarar unha realidade que existe, que está aí para ser compredida e regulada, nunca perseguida e estigmatizada. Que non nos veñan co conto da Igrexa e do ultracatolicismo, que tamén axudan, pois como lobby antiabortista funcionan moi ben. A realidade é moito máis complexa e dirixida do que podemos imaxinar: técese un novo mundo a respeito do que xa coñeciamos onde ser muller será máis doloroso e difícil. As políticas neoliberais deste goberno alónxanse dramáticamente do interese xeral e son antidemocráticas por iren contra as regras básicas da convivencia social. Éncheselles a boca coas verbas "liberdade individual" pero logo non a respectan. Éncheselles a boca coas verbas "liberdade individual" pero logo non a respectan O tema do aborto sempre se trata como un problema dunha minoría cando ninguén poder negar que vive rodeado de mulleres. Sería interesante que máis xente erguera a voz por un dereito tan básico como humano. Eu, como retruca Carmen Maura na película de 1991, tamén lle diría: Pénsao ben, consúltao coa túa muller e logo me dis.
NOS_7179
A Comisión Revolta Popular de Marzo de 1918 congrega numeroso público que se achegou a Sedes, Narón, para recuperar a memoria dos feitos que aconteceron hai agora cen anos. Lidia Romero, presidenta da comisión, destaca o carácter participativo dos actos que están a ter lugar.
Sedes está a coller na xornada de hoxe, domingo, os actos que conmemoran a revolta popular de marzo de 1918, da que se fai o centenario e que deixou, cando menos, cinco mortes. Durante a mañá, o local social acolleu a palestra a cargo de Ana Pérez, Francisco Rodríguez, Joám Lopes e Lidia Romero. A propia Romero, afirma, en declaracións a Sermos Galiza, que a conferencia resultou participativa, "a xente do público interveu para contar algunha historia que tiña oído na casa e mesmo quen deu conta de familiares mortos na feira". "Foron moitas as persoas que viñeron buscando información", asegura. A presidenta da Comisión Revolta Popular de Marzo de 1918 afirma que o obxectivo principal desta xornada pasa por "recuperar a memoria", "aquí hai unha serie de feitos que, incribelmente, na comarca de Ferrol son totalmente descoñecidos". "Dun tempo a esta parte comezamos a interesarnos polo que acontecera e a verdade é que o que queremos é difundilo, máis que nada porque é a historia desta comarca e de Galiza", agrega. Alén da palestra, antes do xantar tivo lugar un recital poético a cargo do Colectivo Poético Moraima e após a comida desenvolverase o obradoiro da memoria, unha actividade pensada para promover a participación daquelas persoas que contan con información sobre a revolta de 1918 a través do pouso que deixou tras de si a transmisión oral. "Hai xente que ten oído falar do que aconteceu na feira e mesmo do monumento que se ergueu en 1933 para honrar as vítimas do día 13 de marzo de hai cen anos", afirma Lidia Romero, "con esta actividade queremos coñecer máis sobre o acontecido e mesmo poder contar con algunha imaxe gráfica en que se vexa aquel monumento". Tras a actuación musical de Xosé Luís Rivas "Mini", terá lugar a ofrenda floral no monumento que veñen de inaugurar para conmemorar a revolta. Monográfico De Nós O primeiro número do monográfico De Nós, editado por Sermos Galiza S.A., realiza un percorrido polos masacres máis significativos que tiveron lugar o século pasado na Galiza. É o historiador e ensaísta Francisco Rodríguez Sánchez quen dá conta da revolta que tivo lugar en Narón no artigo "Transancos, marzo 1918: revolta popular coas mulleres na vangarda". Alén dos feitos acontecidos na terra de Trasancos, a publicación recolle as revoltas de Salcedo, Oseira, Nebra, Sofán e Sobredo, con textos da autoría de Xosé Álvarez Castro; Xosé Ramón Ermida Meilán; Eliseo Fernández; Xan Fraga; Xosé Manuel Suárez Estévez; Antón Capelán Rei e Lucía Veciño Souto.
NOS_55069
Rogelio Groba. Os acordes da natureza nacía para conmemorar o 90 aniversario deste músico e compositor. A obra, de Fernanda Flores, percorre a vida e a obra do mestre, e a unión entre a música e a contorna, pois "a natureza impón a idiosincrasia", segundo afirma o mestre.
A sala de conferencias do auditorio de Ponteareas foi o escenario elixido para presentar o libro Rogelio Groba. Os acordes da natureza, unha obra biográfica e musical creada pola secretaria da Fundación que leva o nome do músico, Fernanda Flores. No evento, ademais de dar a coñecer a obra para as 60 persoas que puideron asistir, tamén se amosou o retrato que a artista local Aurora Quinteiro fixo do compositor e que xa forma parte da colección permanente do Museo de Ponteareas. Como non podía ser doutra maneira, a presentación deste novo volume da colección "Creadores ponteareáns", que edita o concello, tivo como punto final un concerto executado pola Orquestra de Cámara Galega, que interpretou pezas de Rogelio Groba, Schubert e Mozart, entre outros compositores. "Unha cousa variada e festiva, moi de Nadal, para pasar un bo momento e festexar, nunha etapa na que non é doado facelo", comentaba para Nós Diario a autora do libro, Fernanda Flores. A tamén xerente da Orquestra de Cámara Galega lembra que o ano 2020 "ía ser un ano especial porque o 16 de xaneiro o mestre fixo 90 anos". Naquela altura, decorreu un concerto homenaxe pero as demais actividades "quedaron nun caixón" por mor da Covid-19. "O Concello, moi vencellado coa Fundación e mais coa Orquestra", comenta Fernanda Flores, "achegou a idea do libro e foi o propio mestre Groba quen decidiu que fose eu a autora, porque di que o coñezo perfectamente e que entendo moi ben a súa cabeza e a súa maneira de ver as cousas". Nacía así Rogelio Groba. Os acordes da natureza, para amosar a unión entre a obra do compositor de Ponteareas e a propia natureza, que segundo el mesmo afirma, "a natureza impón a idiosincrasia". Un volume que fai un percorrido pola vida e a obra do músico e que incorpora dous directorios, un referido ao estilo musical de cada peza e outro que organiza cronoloxicamente a extensa produción de Groba. Como colofón, un disco con diversas composicións do artista. "Fixen un traballo de empatía", conta a autora, "coa xente coma min, que non se dedica á música, que non entende unha partitura e que cando escoita unha peza decide se lle gusta ou non, pero non entra en máis valoracións". "Son a única persoa que non é música dentro do que é a Fundación e a Orquestra e quizais por iso o mestre pensou que era eu a persoa axeitada para mostrar a súa traxectoria vital e musical", puntualiza Flores. Divulgar a música galega na figura de Rogelio Groba O 24 de outubro do pasado ano presentouse o audiolibro O neno Groba e música, creado pola guionista Lidia Fraga, o ilustrador Julio Seijas e a voz do actor Luís Iglesia. "Quixemos achegarnos ás crianzas e, a través delas, ás familias, e optamos por traballar con xente que non crease habitualmente para a infancia e que usase unha linguaxe actual", conta Fernanda Flores. "Cando fixemos a selección de músicas do mestre para este conto vimos que a natureza está presente sempre", lembra Flores. "É facilmente adaptábel calquera música que compoña o mestre Groba cun texto inspirado na natureza, porque cando unha escoita pensa que está feita para pensar o medio natural", engade, "el pon música á natureza galega". Para este 2021 a Fundación Rogelio Groba ten a intención de organizar un concerto na cidade da Coruña e "tamén charlas para que a xente coñeza o nome de Groba, porque é de xustiza, non é tan coñecido como debería ser, é unha mágoa pero é así", conta Fernanda Flores. "Groba debería estar en todos os libros de música dos nenos e das nenas galegas, como mínimo, e incluso a nivel estatal", explica ao diario. E sentenza a secretaria da Fundación, "o noso obxectivo é que Groba e a música galega soen en todas partes". Novos proxectos, festival e concertos para o novo ano Xaneiro de 2021 inaugúrase con dous novos discos, un deles resultado da gravación do concerto realizado hai un ano, Homenaxe 90 aniversario Rogelio Groba. Outro dos traballos que sairán é Rosalía-Groba, "que é marabilloso", di Flores, "coido que é a miña cantata favorita do mestre, Rosalía na catedral, interpretada polo Coro de Iruña e a Orquestra de Cámara Galega. Unha obra que inclúe a sinfonietta titulada "Rococó", de 15 minutos, e subvencionado pola Deputación da Coruña. "Na Fundación seguimos coa dixitalización de novas obras, porque o mestre segue a compor", conta Fernanda Flores, "unha das que creou o pasado ano é dedicada á Orquestra de Cámara Galega, que fixo 25 anos", mais tamén seguen con concertos fechados para 2021 e cunha nova edición do Festival Rogelio Groba. Rogelio Groba, creador incansábel Nado en Guláns, Ponteareas, en 1930, Rogelio Groba segue a compor e a crear músicas aos seus case 91 anos. Proximamente verá a luz o traballo titulado Rosalía-Groba, que inclúe a cantata Rosalía na catedral, interpretada polo Coro de Iruña acompañado da Orquestra de Cámara Galega.
NOS_25889
Entre as persoas encausadas pola decisión do xuíz Ismael Moreno está Fernández Moreda, ex-presidente da Deputación da Coruña, informa La Voz. Xa son 9 os conselleiros e altos cargos das antigas caixas imputados.
Os catro conselleiros que integraban a comisión de retribucións de Novacaixagalicia veñen de ser imputados pola Audiencia Nacional en relación os plans de pensións e indemnizacións millonarias que se auto-concederon os altos cargos da entidade, segundo recolle La Voz de Galicia. Trátase de Mauro Varela (co-presidente de NCG), Pilar Cibrán e Alfonso Zulueta. E o cuarto imputado é un coñecido da política galega: Salvador Fernández Moreda, do PSOE coruñés e que foi presidente das Deputación da Coruña. En declaracións a La Voz, Moreda afirmaba estar "sorprendido" pola decisión mais tamén "tranquilo" pois, afirma, son instrucións previas e non hai acusación formal contra el e os outros tres conselleiros. Por volta de 42 millóns de euros Segundo recolle La Voz, con esta decisión da Audiencia Nacional son xa 9 os conselleiros e altos directivos da caixa encausados no proceso.REclámaselles a devolución, lembra o xornal coruñés, pero de 8 millón de euros entre indemnización e plans de pensións, o entender que foron percibidas indebidamente. O total dos pagos rondaría os 42 millóns de euros.
PRAZA_18085
Houbo un día na intrahistoria da restauración borbónica –o seguinte ao das eleccións xerais de 1982– no que os de Floxás mesmo chegaron a pensar que ían cambiar os chanzos que configuraban o mundo. Home, alguns cambiaron. Pero a mudanza máis guai, a máis poente de todas, foi aquela que trocou a pana polo tergal na indumentaria que agochaba o fío do lombo dos novos okupas do poder.
«Daime o oubeo do can, a voz da estrela, / o silencio das toupas esfuracando a noite, / o vento salaiando nas caracochas» (Do poema "Daime", Calados esconxuros, Antón Tovar) Houbo un día na intrahistoria da restauración borbónica –o seguinte ao das eleccións xerais de 1982– no que os de Floxás mesmo chegaron a pensar que ían cambiar os chanzos que configuraban o mundo. Home, alguns cambiaron. Pero a mudanza máis guai, a máis poente de todas, foi aquela que trocou a pana polo tergal na indumentaria que agochaba o fío do lombo dos novos okupas do poder. Houbo outro día –o da véspera daquelas eleccións– no que os herdeiros do réxime se fartaron de aturar moquetes nas entrañas, coa mesma porta que antes se abría automaticamente ao arrimarlle a estampa de Adolfo Suárez. Ese día, na entreperna dos ucedistas de Floxás, comezaron a manar pingadas de suor, que se ían convertendo en ríos de auga salgada, a medida que aqueles tratantes de ideas comprobaban como caían as horas sen ver diminuír os feixes de sobres que debían acoplar nas cociñas da veciñanza. –E logo, que che trae por aquí, Paco? Queres tomar algo? –Non, grazas. Véñolle traer os votos, señor Pepe. Son cinco, non si? –Eu quero votar por Felipe e por Suárez, e o meu home sempre foi Pepe, que é iso de señor Pepe! –espetoulle Sinda, a muller do caguiñas que lle abriu a porta ao visitante. –Non hai problema, Sinda, xa lle meto a papeleta da Ucedé no sobre do Pesoe, e así contenta aos dous. –Pero Suárez xa non é da Ucedé –terzou o neto da Sinda e Pepe. –Ti cume e cala, motreco! –díxolle o avó– nós de política non entendemos. Quen entende diso é Paco, e el ben sabe o que temos que votar. Aí contra a media noite o rapaz substituíulle a papeleta da Ucedé, que a avoa tiña no chineiro, por unha do Partido Comunista. O día das votacións Sinda fíxolle un aceno ao Paco Pitachoca, e este pagoulle cun agariñoso sorriso. Pero ninguén soubo o que realmente acontecera. Realmente a avoa votou polo Bloque, ao depositar a papeleta que lle dera unha sobriña, estudante de Maxisterio na Normal de Ourense. Ah! O meu tío Lisardo pregúntase a miúdo, se mudaría algo na actitude destes chafalleiros que nos gobernan, para que a xente do común atope alunha razón para comprtarse cun certo grau de normalidade. Publicidade
NOS_58249
A ministra e Alfonso Rueda discrepan sobre as prórrogas.
A vicepresidenta terceira e ministra para a Transición Ecolóxica, Teresa Ribera, apremou esta quinta feira a Xunta a axilizar a tramitación dos parques eólicos na Mariña, que permitirían abaratar a factura da enerxía á planta de Alcoa en San Cibrao (Cervo). Así, lembrou que en xaneiro vence o prazo, polo que é "capital" acelerar os trámites, porque non haberá prórrogas. Ribera constatou, sobre estes parques, que xa llo pediu "ao presidente da Xunta, víñallo reiterando ao vicepresidente económico e á conselleira de Medio Ambiente, que é fundamental contar cunha valoración do órgano ambiental autonómico sobre posíbeis afeccións ambientais". "En todo caso, nos proxectos que son xestionados e avaliados pola Xunta, mais tamén naqueles proxectos de maior tamaño nos que a resolución depende da Administración do Estado, respectamos a competencia autonómica", dixo, pero agregou que "é moi difícil avanzar nesa avaliación cando non existe a información que se solicita ao órgano ambiental competente". "Resolver esta cuestión" Para Ribera, é "capital poder resolver esta cuestión cando antes", por razóns de garantía, dixo, para promotores e investidores e, no caso da Galiza, en particular, cunhas apostas importantes desde o punto de vista industrial. As declaracións da ministra tiveron contestación do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, que garantiu que o seu Goberno traballa "con toda a intensidade" para cumprir coa súa parte na tramitación dos eólicos ligados a proxectos industriais. A Xunta solicitara "sensibilidade" coa industria electrointensiva e pedira unha prórroga dos prazos fixados polo Estado a fin de garantir a correcta avaliación dos proxectos eólicos, mais Rueda explicou que a ministra ratificou que, aínda que había "moitas peticións" neste sentido, non ía ser posíbel.
PRAZA_11
Abre dilixencias de investigación penal por posibles delitos de prevaricación, suborno, tráfico de influencias e malversación de fondos públicos tras a denuncia interposta pola Asemblea Aberta do barrio vigués.
A Fiscalía da área de Vigo vén de admitir a trámite a denuncia interposta pola Asemblea Aberta de Coia contra o Concello de Vigo e a empresa Civis Global S.L. pola ubicación do pesqueiro Bernardo Alfageme na rotonda da Avenida Castelao da cidade olívica e contra cuxa localización levan semanas loitando os veciños da zona. A Fiscalía abriu dilixencias de investigación por "posibles delitos de prevaricación, suborno, tráfico de influencias e malversación de fondos públicos" A Fiscalía, segundo asegura a Asemblea Aberta nun comunicado, abriu dilixencias de investigación penal por "posibles delitos de prevaricación, suborno, tráfico de influencias e malversación de fondos públicos". Dentro destas dilixencias xa se libraron as primeiras citacións para tomar declaracións a finais do mes de xaneiro, segundo o colectivo cidadá. A denuncia presentada pola asemblea veciñal insiste no incumprimento do Concello de Vigo do procedementos e trámites legais esixidos ante unha obra destas características. "Non existe información económica nin se ten aberto procedemento de adxudicación; ademais, incúmprense as condicións da cesión da titularidade do barco, que sempre foron as de dedicalo a fins culturais e didácticos", aseguran. A denuncia pide á Fiscalía que se tome declaración ao alcalde Abel Caballero A Asemblea Aberta de Coia advirte que a denuncia pedía á Fiscalía que tomase declaración ao alcalde da cidade, Abel Caballero, ao concelleiro da área de fomento, David Regades, e tamén aos representantes legais da empresa Civis Global S.L. Os veciños e veciñas de Coia levan semanas impedindo o inicio das obras na rotonda da Avenida Castelao, unha actuación baseada na instalación alí do barco Bernardo Alfageme, propiedade do Concello, e criticada polo seu elevado custo. A pesar de que o pleno municipal -cos votos de PP e BNG- votou en contra das obras o pasado 22 de decembro (como xa fixera hai dous meses) e a pesar de que o convenio provincial da construción impide realizar estes traballos ata o vindeiro 7 de xaneiro, o Concello de Vigo semella empeñado en completar o seu proxecto. Por iso, grupos de veciños e veciñas do barrio levan tempo na loita.
NOS_50246
Antía Cal, mestra e pedagoga, pioneira da renovación do ensino na Galiza, faleceu onte, a piques de facer 99 anos. O seu labor á fronte do colexio Rosalía de Castro foi precursor da escola do século XXI, laica, mixta, igualitaria. Foi tamén introdutora, en pleno franquismo, do ensino do galego na educación.
As aulas do Colexio Rosalía de Castro tiñan portas corredizas. Non era estraño que, en calquera instante, na metade de calquera clase, se abrisen cun estrondoso golpe e entrase, como unha tromba, Tita, Antía Cal, a directora. Neses casos, o primeiro que pronunciaba era un "Perdoa X" (onde X era o profesor ou profesora que estivese impartindo aulas naquel momento) para, acto seguido, compartir con todo o alumnado algo que ela consideraba de suma importancia para a nosa educación: un artigo de opinión, unha noticia de prensa, unha lembranza evocada por un suceso recente. Lembro con particular claridade o día que entrou -como sempre, anunciada co golpe de porta e o perdoa...- emocionada tras ler un artigo de Gabriel García Márquez publicado en El País e titulado "Viendo llover en Galicia". Nel, o Nobel colombiano falaba da súa primeira visita ao noso país, dunha avoa -quizais galega- da que herdara a capacidade de fabular cunha "credulidade que lle permitía vivir nun mundo sobrenatural onde todo era posíbel", do sabor do lacón a través do que accedera a todo un mundo sensorial onde se mesturaban o gastronómico e o lendario. A Tita, aquel artigo transportábaa a un mundo onde o entusiasmo polas eloxiosas palabras cara ao noso país daquel escritor -que naqueles anos significaba moito- conxurábase co orgullo de ser galega. Un orgullo que se manifestaba nun longo monólogo onde convivían Cunqueiro e Rosalía, Dieste e Castelao, as cantigas de amigo e o coronel Aureliano Buendía. Con frecuencia, aquelas intervencións contaxiaban unha emotividade que a nosa adolescencia nos impedía recoñecer. Antía Cal, Tita, dedicou toda a súa vida ao ensino, no que foi pioneira da renovación pedagóxica, inspirada pola Institución Libre de Enseñanza e nas novas metodoloxías que se abrían paso en Europa. En pleno franquismo, en 1961, fundou o colexio Rosalía de Castro, un colexio laico, mixto, que introducía formas novidosas de ensinanza e que incluía o inglés -sempre impartido por profesores nativos- e, desde logo, o galego. No transcurso daquelas viaxes a Europa, Cal entrou en contacto coas novas correntes pedagóxicas que logo aplicaría no Rosalía de Castro A renovación pedagóxica Filla de emigrantes orixinarios de Muras, Antía Cal, Tita, naceu na Habana en 1923. Cando tiña nove anos regresou á Galiza e instalouse xunto coa súa nai e os seus irmáns en Vigo, mentres o pai permanecía traballando en Cuba. Por vontade paterna, estudou Comercio, mais tamén fixo Maxisterio por vocación e, ao rematar, estudou Filosofía e Letras en Santiago, especializándose en Xeografía e Pedagoxía. Casou co oftalmólogo Antón Beiras -irmán de Manuel Beiras e tío de Xosé Manuel Beiras- con quen tivo catro fillos. Antón era un coñecido militante e activista e ela mesma chegou a ter que ir declarar unha vez á comisaría por ter asinado unha petición para que non encarcerasen a Carlos Núñez (pai do famoso gaiteiro). O estrabismo dunha das fillas levounos a viaxar por varios países europeos en busca dunha solución e para facer unha investigación sobre esa enfermidade ocular. No transcurso daquelas viaxes, Cal entrou en contacto coas novas correntes pedagóxicas que logo aplicaría no Rosalía de Castro. Particular influencia sobre ela tivo a descuberta, en Xenebra, do pedagogo da Ilustración Johann Heinrich Pestalozzi, que avogaba por seguir o curso evolutivo da natureza da cativada, sen adiantarse a este de forma artificial. Posteriormente, contactou en Catalunya coas Escolas de Verán Rosa Sensat que a axudaron a mellorar a formación do profesorado da escola. Tita xa publicara en 1958 O libro dos nenos. Enciclopedia pro neno galego, unha obra de case catrocentas páxinas centrada na xeografía e na Historia universais e da Galiza. O libro foi premiado polo Lar Galego de Caracas, pero que permaneceu oculta durante sesenta anos, até que en 2018, grazas á intervención de Miguel Piñeiro, o editou a Deputación de Lugo. "Algunha vez téñolle pedido a Antón que me levase con el ás reunións de Galaxia, pois xa estabamos en Vigo, casados, pero el dicíame que non ían mulleres. 'Será porque non queren ir', retruquei, 'pero eu quero'. Nunca me levou", escribe. As dificultades de ser muller No seu libro autobiográfico Este camiño que fixemos xuntos (Galaxia), Antía Cal relata as moitas dificultades que se lle presentaron primeiro por proceder dunha familia humilde e, logo, por ser muller. "Algunha vez téñolle pedido a Antón que me levase con el ás reunións de Galaxia, pois xa estabamos en Vigo, casados, pero el dicíame que non ían mulleres. 'Será porque non queren ir', retruquei, 'pero eu quero'. Nunca me levou", escribe. E malia todos os obstáculos, logrou consolidar toda unha obra pedagóxica da que se beneficiaron ducias de xeracións de vigueses e viguesas. Foi unha precursora en todo o que tiña que ver co seu oficio, mais se cadra, a súa maior achega ao mundo do ensino constituína a súa dedicación a transmitirlle ao seu alumnado o amor por Galiza. Unha traxectoria recoñecida Nos últimos anos, Cal recibiu moitos premios que recoñecían a súa traxectoria: o Pedrón de Ouro, o Premio Trasalba, o Premio Otero Pedrayo da Deputación da Coruña, o Premio Ernestina Otero do Concello de Vigo ou o Premio Mulleres en Acción da Mostra de Teatro de Cangas (na foto).
NOS_31324
O presidente da Xunta de Galiza teima en atacar ao portavoz parlamentar nacionalista en cada sesión plenaria. Os "pactos con Bildu" e o "independentismo" son empregados por Núñez Feijóo para fuxir das preguntas achegadas por Jorquera.
"Non empregue as acusacións na súa quenda de réplica a sabendas de que non vou poder contestarlle". Francisco Jorquera aseguráballe hai semanas ao presidente da Xunta de Galiza que coñecía o seu proceder na quenda de preguntas que os grupos da oposición poden formular a través das súas portavocías nas sesións plenarias da Cámara. Alberto Núñez Feijóo acostuma a lanzar acusacións contra @s deputad@s da oposición na súa última intervención habida conta de que estes non poderán retrucarlle. O portavoz parlamentar do BNG sabe ben que a estratexia de Feijóo lle é útil para se safar das denuncias pola súa xestión de goberno. "Se non asume as súas responsabilidades dimita porque non é digno de ser presidente deste país" espetaba Francisco Jorquera esta cuarta feira no Parlamento a respecto do desmantelamento industrial que está a padecer Galiza verbo da falta de investimento pública e da inexistencia de financiamento nos principais sectores produtivos do país. "Barreras, Alimentos Lácteos, Navantia, Santa Bárbara... Cada empresa que abraza acaba na UCI", denunciaba o nacionalista. Porén, do presidente da Xunta de Galiza só obtivo máis unha comparativa coa "media do Estado" arredor das cifras de desemprego e crecemento económico. "A sociedade galega cada vez é máis consciente das súas mentiras señor Feijóo" insistiu o voceiro do BNG que no entanto, só recibiu por resposta o dedo acusador dun Feijóo que denunciaba "o xiro radical do BNG". Perante as demandas do nacionalista que exixiu a súa demisión, o presidente da Xunta apelou, sen vir moito a conto coa dialéctica parlamentar, á "independencia" defendendida pol@s nacionalistas para asegurar que con ela "non se van solucionar os problemas" os problemas de Galiza.
NOS_16636
Están acusados dun delito de administración desleal e apropiación indebida. CIG-Banca lembra que "son todos os que están mais non están todos os que son" e lamenta que a AN non a cite como parte malia ser esta central a que denunciou os feitos perante a fiscalía
A Audiencia Nacional vén de citar para declarar como imputados cinco exdirectivos de NovaCaixaGalicia. O maxistrado da AN Ismael Moreno atribúe a estes cinco directivos (Fernández Gayoso, García de Paredes, Rodríguez Estrada, Pego Alonso e Gorriarán Laza) un delito de administración desleal ou, alternativamente, apropiación indebida. Acusacións que derivan da adxudicación de prexubilacións e ocultar os importes destas ao consello de administración da entidade financeira. A raíz do acordo de fusión de Caixa Galicia e Caixanova, en maio de 2010, e a solicitude de apoio financeiro ao FROB, estes cinco altos exdirectivos comezarían a preparar a súa saída, acordando uns contratos e prexubilacións de cuxo importe non tería coñecemento o consello de administración. Estas decisións irían, ademais, en detrimento do propio patrimonio da entidade financeira. "Que se investigue a fondo" Clodomiro Montero, secretario nacional de CIG-Banca, lembrou que a citación da Audiencia Nacional se produce a raíz da denuncia presentada no seu momento polo sindicato nacionalista perante a fiscalía xeral do estado por estes feitos. De aí a estrañeza, apunta Montero, polo feito de que a Audiencia Nacional "non nos cite como parte". O sindicato incide en que esta citación ten que ir máis alá "e a investigación non debe quedar circunscrita só a estes cinco exdirectivos e os seus contratos, "senón que hai que afondar en que foi a xestión das caixas galegas". Montero ten claro, a respecto deses cinco ex altos directivos de NovaCaixaGalicia, que "son todos os que están, mais non están todos os que son", e afirma que en momentos en que se está a falar dun novo rescate para a banca hai que abordar cuestións como o futuro de NGB e o seu cadro de persoal e os e as afectadas polo calote das preferentes. Intereses do PP? A CIG-Banca lembra, aliás, que aínda que no Parlamento galego se aprobou no seu momento constituír unha comisión de investigación sobre as caixas, esta non chegou a crear, por mor do anticipo electoral. Neste sentido, Clodo Montero fala de "escurantismo e falla de transparencia do PP", o que xera dúbidas, apunta, "porque non hai que esquecer que Caixa Galicia condonou empréstitos cuantiosos ao Partido Popular".
NOS_32129
O SNP atinxiu 424 concelleir@s frente 394 de laboristas e 115 de conservadores
Nunha fin de semana con múltiplas citas electorais (presidencias en Francia e Grecia, en landers en Alemaña, municipais en Italia...) case pasa desapercibida a importancia das votacións nos comicios locais británicos. O sistema electoral escocés, de representación proporcional mixta, non está feito só para dificultar a formación de maiorías absolutas senón que semella terse elaborado tamén para dificultar calquera interpretación dos resultados en base a afirmacións rotundas de vitoria/derrota. Porén, nos comicios que veñen de se celebrar en Escocia (coincidindo cos realizados en Inglaterra e Gales), o nacionalista SNP atinxiuu un resultado que o seu lider, e ao tempo presidente escocés, Alex Salmond, cualificou como histórico. O SNP obtivo 424 concelleir@s frente a 394 alcanzados polo Partido Laborista e 115 dos tories (conservadores). Os liberal-demócratas tan só conseguiron 71 edís. A maiores, os nacionalistas fixéronse por maioría absoluta cos concellos de Dundee (cuarta cidade de Escocia, con case 200.000 habitantes) e Angus (uns 130.000 habitantes). Prazas as dúas que non obstentaban anteriormente. Os laboristas, pola contra, obtiveron maioría absoluta en Glasgow, cidade na que o SNP experimentou un importante incremento de votos que, porén, non lle permitiu acadar a Alcaldía, tal e como era a súa aspiración. Tamén Edimburgo foi para os laboristas, se ben os nacionalistas aumentaron a súa representación en seis concelleir@s e son a única organización que atinxiu representación en todos os distritos electorais da cidade. "O noso obxectivo nestes comicios era ter máis votos e máis edís que calquera outro partido. E conseguímolo", sentenciou Alex Salmond unha vez coñecidos os resultados. O presidente escocés tiña en mente nas súas afirmacións que esta cita electoral era a primeira que se celebraba tras o anuncio do seu goberno a comezos de ano de convocar para 2014 un referendo sobre a independencia de Escocia. Os resultados electorais afortalan ao Partido Nacionalista Escocés (SNP), mesmo en zonas onde até o de agora non tiña un peso de importancia. Un dato que os soberanistas non esquecen de cara a ir preparando unha consulta, sobre a independencia, que desde Londres se olla cada vez con máis preocupación, aínda que mantendo o respecto pola mesma e sen anunciar en ningún momento ningunha intención de entorpecela ou prohibila.
NOS_12669
Os festivais de cinema cada vez máis son encontros multidisciplinares. O de curtametraxes de Bueu, que celebrará a súa edición décimo segunda do 6 ao 14 de setembro, tamén. A programación musical ocupará un importante espazo no encontro, co catalán Enric Montefusco como cabeza de cartel.
AJB Collective, formada por membros da Asociación de Jazz de Bueu, ofrecerá o 6 de setembro, ás oito do serán nas inmediacións do Centro do Mar, o primeiro dos concertos do Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu. Ás dez e media, Caspervek Trio porá a banda sonora a Panorama de cinema mudo: 15 anos de pioneiros da sétima arte (1902-1917). Xa na fin de semana haberá sesións vermú. A do sábado estará amenizada por High Paw, prometedora cantante e guitarrista de reggae. O domingo 8, Iván Rodríguez Covers. E o sábado 8 de setembro á noite será o concerto de Enric Montefusco. Unha semana despois, o 14 de setembro, sábado, The Swinging Flamingos repasará as orixes do jazz e o blues e traerá ao Morrazo "as esencias das big bands estadounidenses".
PRAZA_3748
Mentres a chamada esquerda sistémica siga con políticas que manteñan os privilexios da igrexa no que ten á educación, fiscalidade, subvencións a fundacións, concertos... e a esquerda alternativa e/ou radical siga desartellada, continuarán pendurando as cruces do colo do ladrón, como dicía o poeta.
Namentras moitos de nós xa viviamos en confinamento por perigo de contaxio do Covid-19, as igrexas, catedrais, bancos e demais edificios relixiosos seguían abertos. Os fideis continuavan asistindo a misa mentres todo estava fechado agás locais de artigos de primeira necesidade como son os do ramo da alimentación. Cando nen sequer as persoas podiamos sair a pasear en soedade e debidamente protexidas, cando os nenos nen podían cruzar o limiar da porta da súa casa sometidos ao confinamento máis duro de todos os países do mundo, as igrexas e catedrais seguían oficiando misas. Será o incienso dos botafumeiros un antiséptico natural ou é que a inmunidade é cuestión de fe?.Parece ser que as igrexas fecharon ao fin, mais non deixaron por elo aos seus fregueses sós coa biblia. Non fora a ser que se deran á livre interpretación das escrituras e provocaran un cisma do calibre do dos protestantes no XVI. Así que puxeron servizos mínimos e celebran misas online. Si. Xa non estamos nos tempos en que a modernidade tecnolóxica era obra do demo como cando o bispo vía con malos ollos a chegada a Ourense da primeira locomotora e con ella as ideias da Ilustración. O Vaticano abrazou de cheo a realidade virtual e hoxe, calquera católico sen se mover do fogar pode prender unha candea por un defunto, enviarlle flores, visitar virtualmente calquera catedral ou museo catedralicio e mesmo asistir a unha misa online. O único que é melloravel é a consagración, porque ainda que o Opus Dei aconsella non asistir ás misas online en pixama e coidar a escenografía poñendo unha cruz ou unha imaxe da virxe perto do ordenador e prendendo unha candea aromática, o certo é que ainda non foron quen de ofrecer as teleostias. A telecinesia e o teletransporte seguen asociándose ao Malino malia que eu non descartaría a incorporación das fotocopiadoras 3D ás dióceses coas posibilidade que se abren na transubstanciación eucarística. Anque, sinceiramente, nos pisos patera e nas camas quentes non sei eu se conviría a presenza de ningúen máis por moi sacrosanto que sexa. De calquera modo, a relixión católica sempre estivo á avangarda da modernidade. De Constantino á Inquisición, foi perfeccionando, non só os instrumentos de tortura, senón tamén incorporándose antes cos laicos ás novas tecnoloxías. Os chamados centros de fomento foron pioneiros en ofertar aos nenos os videoxogos nos seus clubes elitistas e segregados. E hai que recoñecer que nisto, como en tantas outras cousas, gáñannos por goleada a laicos, agnósticos, ateos e incluso a aconfesionais.Por que non podemos asistir no confinamento a unha misa atea, poño por caso?. Ou en vez da segunda epístola aos corintios, onde Paulo se defende contra os falsos apóstolos, asistir a unha sinopse de Traballo asalariado e capital de Marx ou a un resumo das súas Teorías da plusvalía? Maiormente cando estamos cismando neses ERTES e escoitando aos grandes empresarios aproveitando este maldito virus para ratear máis dereitos á clase traballadora co asubío ás zocas do governo. Ou se cadra, implementar un programa online para os infideis onde se debatesen en videoconferencia obras marxinadas polas academias como O títere e o anano. O núcleo perverso do cristianismo de Zizek. Por qué non son cristián de B. Russell, Os ultras das Luces de Onfray, Calibán e a bruxa de Federici, Os enxeñeiros de Franco de Lino Camprubí...?Comprendo que non é doado competir coa igrexa católica que sempre fixo gala dunha infraestrutura inmelloravel e a expensas do Estado como as autoestradas de pago fácil, sobre todo no que ten á propiedade. Xa no s.XVI, proclamou que grandes extensións de América e Africa eran terra nullius, afirmando que anque os indíxenas residiran nesas terras recén descubertas, os países cristiáns civilizados tiñan dereito a ocupalas e darlles un bon uso. O mesmo que hoxe coas intitulacións e os capeláns das herdanzas nos hospitais públicos, acumulan riqueza mentres falan dun Cristo que non era dono das súas vestiduras e botava aos mercaderes do templo.Certamente, o máis curioso dos consellos do prelado do Opus para o confinamento é o dos retiros espirituais a imitación do seu fundador, Escrivá de Balaguer cando, en plena guerra civil provocada por uns golpistas apoiados pola igrexa, se agochara no consulado de Honduras no Madrid republicán, agardando por pasarse ao bando de Franco e aproveitando para aprender idiomas, (supoño que italiano e alemán), e reclutar os futuros tecnócratas que governarían co ditador, malia o caso Matesa e o pulso dos falanxistas. Porque a corrupción daqueles teares sen lanzadeira conseguira até botar a Fraga do ministerio da información á embaixada en Londres, non sen antes pasar pola Aguia das cerveixas. O poder da Obra foi e é tan enorme que nen o atentado mortal de Carrero Blanco nen a evasión millonaria probada de Vilá Reyes, indultado polo rei Juan Carlos, puido evitar o seu empoderamento a golpe de obra pública e o teatro desta Transición.Así que mentres a chamada esquerda sistémica siga con políticas que manteñan os privilexios da igrexa no que ten á educación, fiscalidade, subvencións a fundacións, concertos... e a esquerda alternativa e/ou radical siga desartellada, continuarán pendurando as cruces do colo do ladrón, como dicía o poeta.
NOS_21851
O colectivo de traballadoras e traballadores das bibliotecas galegas di "basta". Denuncian que están a vivir unha situación "terríbel" pola "falta de investimento" das Administracións Públicas, o intrusismo laboral ou o progresivo incremento de responsabilidades e carga de traballo "que recaen exclusivamente sobre os ombreiros das bibliotecarias".
O colectivo de traballadoras e traballadores das bibliotecas galegas di "basta". Denuncian que están a vivir unha situación "terríbel" pola "falta de investimento" das Administracións Públicas, o intrusismo laboral ou o progresivo incremento de responsabilidades e carga de traballo "que recaen exclusivamente sobre os ombreiros das bibliotecarias". A Asociación Profesional de Bibliotecarias Municipais da Galiza, a través do seu vicepresidente, Xosé Luís Alonso, revelan a Nós Diario que o persoal das bibliotecas se sinte "moi maltratado". "Estamos vendo como a Xunta está contratando persoal non especializado para facer traballos técnicos e, por tanto, con salarios máis baixos que non corresponden coa categoría profesional. Están cobrando menos que un auxiliar administrativo, pero teñen moitas máis responsabilidades", sinala. As declaracións do vicepresidente da Asociación Profesional de Bibliotecarios encaixan cos datos apuntados pola estatística sobre bibliotecas que o Instituto Nacional de Estatística (INE) publicou o pasado mes de decembro, que revelou que no período 2008-2018, o número de traballadoras especializadas descendeu 35,05%. "A lei -di Xosé Luís Alonso- é un pouco confusa, e os concellos, baseándose na autonomía municipal, fan o que lles dá a gana", critica. Máis traballo por menos cartos Xosé Luís Alonso aclara que esas "responsabilidades" son, no caso das bibliotecas máis pequenas, "o conxunto das tarefas que se desenvolven no recinto, como compras, catalogacións, organización de actividades ou trámites administrativos, entre outras moitas que se están cargando sobre persoas sen a titulación correspondente para aforrar cartos". "Á parte -continúa- está o tema dos horarios, porque o dun funcionario normal dun concello calquera vai de 8 a 15 horas, pero a unha biblioteca tes que ir pola mañá, pola tarde e tamén moitos sábados, e cada vez máis horas, porque os estudantes demandan que abramos todo o día, o que nos parece moi ben, pero contratando máis xente, porque o noso esforzo está infravalorado ou directamente non se valora nada". Alonso achaca a maior parte destas situacións á falta de investimentos, e responsabiliza as Administracións Públicas da "desfeita" que están vivindo. "Entendemos que non se pode vivir só das achegas da Xunta, e que os concellos tamén son responsábeis, mais moitas das nosas bibliotecas dependen das achegas, e sen elas non podemos facer nin sequera un calendario de actividades. E a Xunta recoñeceunos esta situación, pero non basta con recoñecela", apostila. Desde a Asociación Profesional de Bibliotecarios Municipais da Galiza desaproban a "maraña burocrática" que foi tecendo a actual Xunta da Galiza e ese "progresivo descenso" na cantidade das achegas, en contraposición coa situación existente nos tempos do bipartito. "Non só perdemos máis da metade dos fondos cos que contábamos con respecto ao ano 2008, senón que cada vez se nos esixen máis procedementos administrativos para obter esas axudas. Demandamos da Xunta da Galiza que facilite o acceso ás subvencións, para que as bibliotecas as poidan obter en tempo e forma, porque o ano pasado non chegamos a tempo ao Día das Letras Galegas", conclúe.
NOS_11627
Os celestes derrotan un Levante (1-2) que acumulaba meses invicto na súa casa.
O Celta conquistou en Levante a primeira vitoria da tempada e, tamén, o primeiro triunfo con Antonio Mohamed no banco de adestrador. Os celestes impuxéronse (1-2) nun partido no que souberon moi ben tirar proveito das súas oportunidades e no que brilou, sobre todas as cousas, as gañas e talento de Pione Sisto. O dinamarqués non empezara con bo ollo esta tempada nunha parte da afección celtista, que lle achacaba desleixo e desidia mais esta segunda feira 'redimiuse' no Ciutat de Valéncia: un gol, unha asistencia (a Maxi Gómez) e un tiro á escadra da portería levantina. Antonio Mohamed apenas realizou unha variación a respecto da equipa que se enfrontara ao Español: optou por Roncaglia no canto do anteirán Brais Méndez. O Celta gañou en verticalidade e deu un paso adiante en canto a potencialidade ofensiva. Unha aposta de risco fronte un rival, Levante, que levaba varios meses invicto na súa casa e que viña de inaugurar a Liga derrotando o Betis (0-3). Non achantou o Celta, e a área de Oier convertiuse por momentos nun coto de pesca celeste. Os valenciáns non baixaron os brazos e tamén quixeron ir polo partido, embora o temperá gol de Sisto (minuto 10) poñía as cousas difíciles. O 4-4-2 deseñado por Mohamed asentouse no control dos espazos. Xa non é o Celta que domina a maior parte do partido, que quere e ten a pelota. O Levante meteu o gol a alta dun cuarto de hora para rematar o partido e Mohamed apostou en retirar a Sisto por Yokuslu e debuxar un conservador 5-3-2 para amarrar a vitoria. Logrouse o triunfo, tres puntos, e a primeira vitoria co novo adestrador no banco. Ficha: Levante UD (1): Oier, Coke, Robert Pier, Postigo, Toño García, Jason (Raphael, min.59), Doukouré (Prcic, min.46), Campaña, Morales, Bardhi, (Rochina, min.70) e Roger. RC Celta (2): Sergio, Hugo Mallo, Roncaglia, Araujo, Cabral, Júnior Alonso, Lobotka, Beltrán, Iago Aspas (Boufal, min.67), Maxi Gómez (Dennis, min.90) e Sisto (Okay, min.81). Goles: 0-1, min 10: Sisto; 0-2, min.20: Maxi; 1-2, min.78: Morales, de penalti. Árbitro: Hernández Hernández, do comité canario. Amoestou Hugo Mallo, Boufal, Sergio, Campaña, Pier. Campo: Ciutat de Valencia.
NOS_43757
O TSXG sinala que a cuestión de cando o marisqueo está suxeito a autorización ou concesión está resolta pola Lei de Costas e a Lei 11/2008 de Pesca da Galiza, polo que "non é un extremo regulado polo PXEM".
O Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) desestimou o recurso de casación interposto polo Estado español para derrogar o auto do 21 de decembro de 2020 da Consellería do Mar polo que se aproba o Plan Xeral de Explotación Marisqueira (PXEM) para o trienio 2021-2023. . Mediante sentenza do 11 de marzo de 2022, a Sección Segunda da Sala do Contencioso-administrativo do TSXG sinala que "é imposíbel" manter, tal e como sostén o Goberno español, que era necesario un informe estatal para poder contar coa aprobación do plan. Contra esta sentenza aínda cabe recurso de casación ante o Tribunal Supremo. "Non é posíbel apoiar xuridicamente a exixencia dun informe estatal preceptivo e vinculante para un instrumento de ordenación dos recursos marisqueiros, cando a Administración Xeral do Estado non ten competencias nese nivel de planificación. Os serán merecedores dese informe serán aqueles aspectos que se estabelecen como competencia estatal, é dicir, as autorizacións e concesións", subliñan os xuíces. A argumentación da demanda, segundo a sentenza, é contraria á Lei de Costas, que non estabelece que o marco ao que debe axustarse a actividade marisqueira "deba ser sometido a un informe estatal preceptivo e vinculante, senón só actuacións concretas, e só aquelas, aínda que teñan relación co aproveitamento do dominio público marítimo-terrestre". No seu día, a conselleira do Mar, Rosa Quintana, afirmou que era "chocante e incomprensible" que o Goberno español "saque agora da manga" a esixencia dun informe á Dirección Xeral de Costas e á Xunta de Galiza para a aprobación do PXEM, un requisito que "nunca" se solicitou desde que estes plans entraron en vigor nos anos 90. "Competencia económica exclusiva" Asemade, a sentenza indica que o enfoque do Estado é "contrario á asunción da competencia exclusiva do marisqueo á Galiza, xa que a regulación das condicións de exercicio do marisqueo, na súa dimensión de planificación e programación, co contido do PXEM, forma parte do núcleo esencial desa competencia exclusiva". Os maxistrados engaden que a Administración Xeral do Estado pretende, neste caso, "ampliar a executividade dun informe vinculante máis aló dos supostos previstos na normativa legal". O TSXG sinala que a cuestión de cando o marisqueo está suxeito a autorización ou concesión está resolta pola Lei de Costas e a Lei 11/2008 de Pesca da Galiza, polo que "non é un extremo regulado polo PXEM". O PXEM, segundo o tribunal, é "un mero instrumento de planificación que parte desa realidade normativa, de constitucionalidade incuestionábel, e, nese marco, planifica as condicións temporais, espaciais e materiais para o desenvolvemento da actividade (en cuestións como como períodos, zonas, medios a utilizar, cotas de captura...), pero sen que este documento sexa o título habilitante para o exercicio da actividade, que será, segundo as distintas zonas, a autorización e concesión, que deberá ser obxecto de resolución distinta, en cuxa tramitación poderá reclamarse a intervención estatal mediante informe preceptivo e vinculante sobre aspectos de competencia estatal".