ID
stringlengths 5
12
| summary
stringlengths 0
1.73k
| text
stringlengths 0
68.7k
|
---|---|---|
NOS_3912 | O poeta galego estará hoxe na libraría Cartabón co seu libro Nos muros do mundo. | "A nosa sociedade ten a síndrome de Estocolmo". Esta definición é do poeta galego Amauta Castro (Barakaldo, 1981) e deitouna onte polo serán na libraría Couceiro de Compostela na presentación do seu libro Nos muros do mundo. Poeta e viaxeiro, como se define el mesmo, ten os seus versos espallados por publicacións varias como Dorna, Antoloxía Poética da Diáspora Galega, Olláparo, A Micro Pechado ou Andar21, neste último onde podemos descargar o seu libro de balde. Desde 2004 reside en Girona.Entre 2006 e 2009 fixo unha escolma dos seus versos que logo formarían parte de Nos muros do mundo. Son poemas que como el mesmo afirma "tiñan que publicarse para non seguir corrixindo, como diría Borges". Unha escolma incompleta "de combate". Poesía comprometida (Prestige, Beirut) nunha linguaxe coidada e con referentes tan diferentes como a literatura anglosaxona ou Alfonso Pexegueiro, María do Cebreiro, Otero Pedrayo, Gioconda Belli ou Lino Braxe. Para un futuro non inmediato Amauta Castro prepara unha nova obra "man a man cun ilustrador catalán".Hoxe sexta feira, 27 de abril estará na libraría cartabón de Vigo (Urzáiz, 125) ás 20:00 horas. |
NOS_11771 | Os nacionalistas critican que se lles "exclúa" da delegación que defenderá no Congreso a transferencia da autoestrada: "Asumen a defensa grupos que vetaron o debate, que subiron as peaxes ou que son incapaces de vincular o rescate da AP9 o seu apoio aos orzamentos do Estado", criticou a portavoz nacionalista, Ana Pontón. | O grupo parlamentar do BNG abandonou esta terza feira o Pleno do Parlamento como acto de protesta polo que consideran un "pacto entre PP, En Marea e PSOE" para "excluílos" da delegación que defenderá no Congreso da Lei de transferencia e rescate da AP9, aprobada pola Cámara galega en marzo de 2016, e da que o BNG impulsor e redactor do texto lexislativo. "É unha pinza que nós exclúe da defensa dunha lei escrita polo BNG desde a primeira a última liña", salientou a portavoz nacional, Ana Pontón. É unha pinza que nós exclúe da defensa dunha lei escrita polo BNG desde a primeira a última liña Antes da votación para reelixir as tres persoas que irán á Cámara baixa, Pontón tomou a palabra para afirmar que "o que se vai producir non é presentable en termos éticos e democráticos e deixa este Parlamento en moi mal lugar". A portavoz nacionalista criticou que van defender a lei "grupos que estiveron vetando o debate, grupos que estiveron subindo as peaxes e outros que nin tan sequera son capaces de condicionar o seu apoio aos orzamentos do Estado a que se produza o rescate da AP9". Anunciou entón que "imos abandonar o Pleno para non participar nunha votación que nos parece unha estafa porque a democracia é moito máis que aritmética". O BNG denuncia que PP, En Marea e PSOE "pactaron cambiar" a delegación que irá ao Congreso a defender a Lei de transferencia da titularidade e competencias da AP aprobaba o 15 de marzo de 2016, data na que o Parlamento tamén designou as persoas encargadas de defender a posición de Galiza en representación do PP, PSOE e BNG. |
PRAZA_8427 | Os de Abel Resino desperdician a ocasión de saír do descenso nun partido na casa, o primeiro de catro que tiña que gañar como fose para salvarse, e o primeiro unha vez pasados os choques cos grandes da liga | O Celta caeu esta mañá por 0-2 ante o Rayo Vallecano en Balaídos. Os visitantes sentenciaron o Celta en dúas das numerosas contras das que dispuxeron transformadas en gol por 'Piti' de tacón e por Delibasic. O Celta desperdiciou a ocasión de saír do descenso nun partido na casa, o primeiro de catro que tiña que gañar como fose para salvarse, e o primeiro unha vez pasados os choques cos grandes da liga. Así, suma o seu quinto partido sen gañar e queda penúltimo, a tres puntos da permanencia antes de afrontar dous encontros clave ante Mallorca e Zaragoza. O partido foi moi aberto, con moitos espazos ás costas de ambas defensas cando ambos equipos saían á contra. Contar o balón era fundamental, por iso dez xogadores, cinco de cada equipo, acabaron amoestados. Foi decisiva a velocidade dos homes de ataque do Rayo á contra con espazos nun partido no que Demidov marchou mancado no descanso tras unha carreira con Leo Baptistão. Por outra banda, no día do club no que os abonados podían retirar cantas entradas quixesen a metade de prezo, Balaídos rexistrou unha entrada de case 19.500 espectadores. O Celta desperdiciou a ocasión de saír do descenso nun partido na casa, o primeiro de catro que tiña que gañar como fose para salvarse, Álex López volvía ao once titular do Celta, mentres Pranjic pasaba á esquerda e deixaba no banco ao recuperado Krohn-Delhi. O partido comezou aberto e con intensidade. O Rayo avisou no minuto 5 cun a man que Javi Varas despexou providencial ante Leo Baptistão. Reaccionou entón o Celta con empuxe, e Park, que suplía na dianteira ao sancionado Iago Aspas, non atinou a rematar un centro de Cabral. Non obstante, no minuto 14 chegou o primeiro revés: Lass caza un balón na área, intérnase pola esquerda e sérvelle o primeiro gol a 'Piti', que remata de tacón na área pequena. A partir de entón o Celta asumiu o control do partido e o conxunto madrileño limitouse a contragolpear. Iso si, cada vez que roubaba e saía á contra sementaba o pánico en Balaídos. Primeiro Leo non chegou a rematar un mal disparo de Lass, despois desperdiciou un novo man a man ante Varas, obstaculizado por un Demidov que se mancou nesa xogada, e logo o meta celeste tivo que despexar un gran disparo desde lonxe do excéltico Trashorras, que volvía a Balaídos. Entre tanto, o Celta creou algunhas ocasións por medio de Park e Augusto. O surcoreano volveu estar desacertado de cara a gol, errando un disparo con todo de cara e un remate de cabeza só ante Rubén. Augusto tamén tivo o tanto nun disparo detido polo meta do Rayo. Jonathan Vila substituía o mancado Demidov no descanso, mentres o Rayo Vallecano saíu no segundo tempo querendo controlar o partido, como xa fixera no tramo final do primeiro acto. No minuto catro sucedéronse as ocasións en ambas porterías, primeiro cun disparo alto desde a frontal de Oubiña e despois cun tiro ao pau de Leo Baptistão tras unha mala cesión de Cabral a Javi Varas. A partir desde momento, baixou o Rayo e medrou o Celta grazas ao seu empurre. Mario Bermejo substituíu a Park e os seguintes quizais foron os mellores minutos do Celta no partido. Urxía a necesidade, esgotábase o tempo e había que empatar. O dominio non se traduciu en ocasións claras, pero Bermejo pediu penalti por agarrón no lanzamento dunha falta e Rubén despexou un bo disparo de Augusto. Abel esgotaba trocos metendo a Krohn-Delhi por Pranjic e o chegaba o festival de cartóns amarelos: seis en oito minutos do 19 ao 27 do segundo tempo. O Celta perdeu gas e o Rayo, que inquietou a Varas cun lanzamento de falta de 'Piti', volveu facerse co mando da situación. Delibasic entraba por Leo no segundo troco visitante e, catro minutos despois, no 38 do segundo tempo, poñía a sentenza rematando unha gran suba pola esquerda do lateral Casado. Cabral, que acudira a tapalo, habilitaba a posición do dianteiro serbio, que entrara só polo centro. A defensa adiantada proposta por Abel volvía facer augas, ao mesmo tempo que esvaecían as esperanzas de remonta. Nin sequera puido reaccionar o Celta ao trompazo, máis ben foi o Rayo quen tivo o terceiro nun novo man a man abortado por Varas no tempo de desconto. |
NOS_6496 | Vox, Junts e a CUP votan en contra da medida. | Como estaba previsto, o Congreso acordou prorrogar até o 10 de maio o estado de alarma, entre fortes críticas da oposición e co voto en contra de Vox, Junts e a CUP. O debate no pleno respondeu ao guión previsto. O Goberno estatal sabía que contaba cos apoios suficientes para sacar adiante a súa proposta de novas medidas excepcionais, co cal, a principal incógnita estaba en coñecer os termos da intervención do dirixente do PP, Pablo Casado, unha vez abertas as novas canles de comunicación con Pedro Sánchez. O presidente do Executivo español compareceu no Congreso coa mirada posta no cumio europeo de hoxe, onde se van avanzar as propostas en materia económica para o conxunto da Unión Europea. Pedro Sánchez, despois de agradecer o seu apoio aos grupos da Cámara que apoiaron a ampliación do estado de alarma, desenvolveu a súa oferta de pacto de reconstrución social e económica con todas as forzas políticas, axentes sociais, autonomías e concellos. Ao tempo, aproveitou a sesión para advertir que a saída que se está deseñando para o confinamento vai ser "lenta e gradual" para que sexa segura, sen descartar "pasos atrás e retrocesos". Pablo Casado interveu para a súa parroquia. O máximo responsábel do Partido Popular non dubidou en cargar duro contra o Executivo, sinalando que "non houbo prudencia, houbo incompetencia" e criticouno "pola mala xestión cando se tiñan podido evitar moitos falecementos só con aprobar o estado de alarma unha semana antes". A intervención de Casado non se pode desligar do resultado da súa xuntanza con Sánchez na segunda feira, onde o Partido Popular comprometeu o seu apoio á proposta do Goberno dunha alternativa de concertación para facer fronte á situación. Podemos aproveitou o debate para marcar perfil sobre esta nova versión dos Pactos da Moncloa. O portavoz do partido morado, Pablo Echenique, solicitou uns "acordos para saír da crise dun xeito diferente a 2008" e fixo unha defensa fechada da xestión do Goberno, cando as fendas entre os socios son cada día máis notorias. "Estase facendo todo o contrario que se fixo na anterior crise. Agora prohíbense os desafiuzamentos. Na anterior crise facilitouse o despido. Nesta crise protéxese o emprego cos ERTE e prohíbese o despido obxectivo por coronavirus", sinalou Echenique, afirmando que "o Goberno levantou un escudo social". Rego: "Non queremos que se confinen os nosos dereitos" As formacións nacionalistas amosáronse moi críticas coa xestión do Executivo. O portavoz do BNG, Néstor Rego, salientou que "non imos permitir que se confinen os nosos dereitos. E tamén por iso queremos deixar claro que apoiamos a continuidade por dúas semanas do estado de alarma, pero non apoiamos en absoluto a xestión que o Goberno está facendo desta crise". Criticou as propostas económicas por consideralas "insuficientes" e "nalgúns casos inxustas". "Tamén temos que dicir que somos moi críticos coa xestión que fixeron e están facendo desta crise", agregou. "Rectifiquen, porque ás veces acertan cando rectifican", afirmou Rego, "vostedes empezaron por centralizar as decisións, o que evidentemente foi un erro. A xestión demostrou a incapacidade do Estado, particularmente do Ministerio de Sanidade, de xestionar con eficacia", concluíu o nacionalista. |
PRAZA_15686 | Por fin, non venceron os que queren tanto a verdade e que de tanto querela queren apropiala TODA, pensou ao mesmo tempo que contaba os paxaros para controlar a súa ansiedade. Os paxaros calan porque saben que sempre trunfan os "poetas de recetario" e non os poetas que viven en voz baixa. | Nestes tempos confusos, salvo para os que viven na incerteza escoitando os días de mesta choiva a Caxade e a súa Danças das Moscas e para os que se preguntan sempre "quand partons nous vers le bonheur?"* e nunca collen o barco a tempo, o que polas tardes conta paxaros, seguindo o consello do doutor Rendor Homok**, cree (ou quere crer) que algúns estalles pasando o que lle acontecía ao poeta Jaime Gil de Biedma, que viviu en "sitios positivamente húmedos e insanos"*** cando lía unha paxinas de Carlos Bousoño a propósito de si hay una especial afinidad entre escribir un soneto y decirle a alguien que es un burro." Me hace pensar"****. Por fin, non venceron os que queren tanto a verdade e que de tanto querela queren apropiala TODA, pensou ao mesmo tempo que contaba os paxaros para controlar a súa ansiedade. Os paxaros calan porque saben que sempre trunfan os "poetas de recetario" e non os poetas que viven en voz baixa. Coda: *" Cando partimos cara a felicidade?.".Charles Baudelaire. Diarios íntimos. ** Rendor Homok ou Rendor Homo (Ata mil novecentos oitenta e oito, ao igual que o Keith Richards, deixou caer a ultima letra do seu apelido). Psiquiatra de orixe húngara, que mora en Santiago de Compostela . Vivo só porque aplicou o pe da letra o de "you¨ll never break it,darlin´. You won´t break This heart of stone. Oh, no, no, no You better go, you better go home" O SERGAS non lle homologa a titulación, polo que as malas linguas, a parte de chamarlle, parodiando a T.S Eliot cando definía a William Blake, " wild pet for the psychiatrists" , din que ademais de pasar consulta, de xeito ilegal, no seu domicilio na rúa Avenida de Ferrol, preto do Hospital psiquiátrico de Conxo , completa a súa precaria economía escribindo novelas para a outros colegas de profesión, ocupados na "praxe" medica legal. A derradeira novela, din esas mesmas malas linguas é "Tempo de pedra" do psiquiatra ourensán Ramón Area ( Editorial Canela, A Coruña, 2015). O autor, co galo de que remataran os comentarios e de evitar o que lle pasou ao doutor Carlos Castilla del Pino co seu " Discurso de Onofre", púxose en contacto co seu avogado.Por certo, de provincias e con certo parecido a Danny de Vito. Nó da altura, refírome. **O poeta de " Moralidades" viviu en Barcelona, Ourense, Oxford e París. Coincidirían na rúa do Paseo de Ourense, Jaime Gil de Biedma, vestido de militar e José Ángel Valente? Comentaríalle Jaime Gil de Biedma ao poeta ourensán , cando se viron en Colliure o vinte e dous de febreiro de mil novecentos cincuenta e nove, que el comprendeu mellor o da poesía da experiencia de Robert Langbaum, cando facendo o servizo militar en Ourense comeu un pincho de orella que lendo o seu libro? .Falaríanlle de Otero Pedrayo e Vicente Risco?. ****Diarios 1956-1985.Jaime Gil de Biedma. (Editorial Lumen, Barcelona,2015). Nestes días hai un poeta que anota no seu diario. "Levo dous días sen escribir un poema. A lectura dos xornais tenme entretido. Tema interesante. As cabalgatas de reis". |
NOS_39540 | A defensa solicitou a nulidade da vista oral que esta terza arrincou en Compostela ao introducir a fiscalía novos delitos que non foran imputados no escrito da acusación previo á apertura do xuízo. Fóra do edificio, centos de persoas mostraron a súa repulsa con respecto do que consideran unha tentativa de criminalizar os actos en defensa do idioma propio da Galiza | Aprazado sine die. Así quedou esta terza feira o xuízo político polo que sentaban no banco d@s acusad@s once cidadáns e unha cidadá galeg@s imputad@s polos feitos acontecidos o 8 de febreiro de 2009, hai case catro anos, durante a contramanifestación en defensa da nosa lingua realizada en resposta a unha acción convocada por colectivos afíns á ultradereita española, entre eles Galicia Bilingüe, Falange ou UPyD, co apoio do PP. A fiscalía pide até 45 anos e nove meses de cárcere, tres anos e oito meses para cada persoa. A vista oral arrincou pasadas as dez da mañá no xulgado do penal nº2 de Fontiñas, en Compostela, e suspendeuse apenas media hora despois a petición dos avogados da defensa ao se atoparen con novos delitos que non foran imputados durante a instrución. Polo medio e a pesar de que o xuízo era público, vetouselle a entrada aos medios de comunicación, reducindo finalmente o veto só aos gráficos. Aconteceu isto após proceder a secretaria do xulgado a citar as persoas encausadas, empregando o español como lingua por defecto e deturpando os nomes propios en galego. A fiscalía deixa @s imputad@s nunha situación de "absoluta indefensión" Así as cousas, após declarar a apertura do xuízo oral, a acusación acrecentou a listaxe de cargos, introducindo un delito de danos para dous dos encausados, A.A. e D.A.R., dos cales a defensa non estaba informada. Alegou o letrado "unha situación de absoluta indefensión" ao se introducir a petición de máis unha condena "no momento mesmo do xuízo" --a fiscalía introduciu o delito no escrito da acusación, mais non pediu pena algunha por eses feitos. A xuíza recoñeceu que "certamente existe unha omisión involuntaria e podería xerar indefensión" --a maxistrada expresouse só en español. Porén, apelou "á boa vontade das partes" para que o delito de danos quedase imputado desde hoxe e continuar coa vista oral. "Non é unha cuestión de boa vontade, é unha cuestión de legalidade", espetou o avogado da defensa dos dous encausados antes citados, que deu como opcións a nulidade ou seguir adiante coa vista e que os delitos acrecentados após a apertura desta non fosen imputados. Optou finalmente polo aprazamento do xuízo. O mínimo legal para que os avogados preparen a defensa son dez días, aínda que a xuíza adiantou xa que para daquela quizais a sala non estea dispoñíbel, polo que o caso vai de volta ao xulgado de instrución e o adiamento fica decretado sine die. Á saída dos xulgados, ao redor de cen persoas agardaban pol@s encausad@s reiterando a berros que Defender a terra non é delito. Tornar en delito a defensa da nosa lingua As mostras de apoio cos e coa imputad@s sucedéronse desde as nove da mañá, hora para a que estaba convocada unha concentración diante do edificio xudicial que foi secundada por centos de persoas baixo o ollar atento dunha ducia de axentes da policía española. Na Galiza, en galego, repetían, remarcando o carácter político do xuízo agora aprazado e que contará como entre as testemuñas coa propia Gloria Lago, presidenta do grupo Galicia Bilingüe, e de Rosa Díez, voceira de UPyD. Está prevista tamén a declaración, na segunda xornada da vista oral, de máis de vinte axentes da policía española. No terceiro día de xuízo tomaraselle declaración ás testemuñas de defensa e da acusación. Tiñan claro as persoas congregadas en Fontiñas a tentativa de criminalización da defensa da lingua por parte da xustiza española dos actos en defensa da nosa lingua, e recordaban que entre as 12 persoas procesadas polos feitos acontecidos aquel día de 2009 "non hai ningún españolista". Entre as persoas imputadas está o preso político Roberto Fialhega, 'Teto', que foi transladado desde o penal español onde cumpre prisión preventiva até o de Teixeiro, para poder asistir ao xuízo. Pasadas as nove e media entrou nos xulgados de Fontiñas nun furgón da Guardia civil acompañado dos aplausos d@s asistentes. Tamén procesado está R.S., abocado a deixar o seu posto de traballo, en Alemaña, para comparecer esta terza diante da xuíza ao lle negaren os días necesarios para viaxar a Galiza. O apoio mostrado ás persoas encausadas a través das redes sociais é notábel. Para alén dos centos de sinaturas individuais colocadas no manifesto 8F-Absolución, foron tamén moitos os colectivos que quixeron mostrar a súa repulsa pública contra este xuízo e a criminalización da defensa da lingua galega. Así, os colectivos ProLingua e A Mesa quitaron senllos manifestos, para alén de numerosos colectivos e centros sociais, organizacións políticas como BNG, AGE, Candidatura do Povo, Causa Galiza ou NÓS-UP. Na concentración desta terza había tamén representación dos sindicatos CIG e CUT. Na véspera ao xulgamento realizáronse sendas mobilizacións en Compostela e Vigo. Nelas participaron ao redor de 250 persoas.O video que se reproduce deseguido corresponde ao 8 de febreiro de 2009, onde se terían producido os feitos enxuizados: |
PRAZA_18585 | INTERACTIVO Como en Sada hai dous anos, os topónimos da zona afectada polas inundacións de Viveiro tamén falan de auga. A 'zona cero' da enchente é o barrio da Xunqueira, a rúa do mesmo nome e áreas próximas como Fontecova ou o Camiño das Aceas O Concello de Viveiro abre unha oficina para "facilitar a tramitación de axudas" á veciñanza afectada | O Concello de Viveiro abre unha oficina para "facilitar a tramitación de axudas" á veciñanza afectadaNo inicio da primavera de 2016 a vila de Sada sufriu graves asolagamentos. Algunhas das zonas máis afectadas foran as rúas da lagoa e do río, tamén a contorna das Brañas. En moitos deses lugares, cuxa toponimia remite á existencia de zonas húmidas ou inundadas, están na actualidade ocupadas por edificios ou, simplemente, por rúas por baixo das cales transcorren ríos canalizados.Como en Sada hai dous anos, os topónimos da zona afectada polas inundacións de Viveiro tamén falan de augaApenas dous anos despois, a pasada fin de semana, o escenario da catástrofe trasladouse a Viveiro, onde a inundación matou a Amparo, unha veciña de 82 anos . Repentinas precipitacións de ata 80 litros por metro cadrado en apenas dúas horas -na contorna das nove e as once da noite do pasado domingo-, un fenómeno relativamente excepcional segundo advertiu Meteogalicia, provocaron o crecemento practicamente instantáneo de ríos e regatos, que rebordaron e levaron por diante mobiliario urbano, vehículos e construcións diversas, ademais de arrasar as instalacións de numerosos baixos comerciais e vivendas.A 'zona cero' da enchente é o barrio da Xunqueira, a rúa do mesmo nome e áreas próximas como Fontecova ou o Camiño das AceasComo en Sada hai dous anos, a toponimia da zona afectada en Viveiro tamén fala de auga. A 'zona cero' da enchente é o barrio da Xunqueira -"terreo moi húmido onde abundan os xuncos", segundo o dicionario da RAG- e nel, a rúa do mesmo nome e outras próximas, como a da Fontecova. Non moi lonxe está o camiño das Aceas -"muíño situado nunha ría, que aproveita para o seu funcionamento a auga acumulada durante a preamar"-. Tamén se viu afectada a zona da Ribeira, onde este martes seguían os traballos de retirada da lama e arranxo dos numerosos estragos.Alén da rapidez e intensidade das precipitacións, na 'zona cero' dos asolagamentos de Viveiro e na súa área de influencia dáse outra circunstancia. Durante décadas, a man humana foi alargando as construcións da zona, dende edificios privados a viais públicos, en áreas susceptibles de ficaren inundadas en caso de chuvias moi intensas. Mesmo con canalizacións de regatos que desembocan no río Landro e na ría. Así é posible aprecialo ao comparar imaxes aéreas da zona tomadas hai apenas uns meses -no marco do Plan de Ortofotografía do Instituto Xeográfico Nacional- coas captadas entre 1956 e 1957 polo servizo cartográfico do exército dos Estados Unidos. A comparación de ambas imaxes amosa, ao tempo, o crecemento das explotacións forestais de eucalipto no monte máis próximo ás vivendas.Viveiro a finais da década dos 50 do século pasado e na actualidade. En destaque, a zona máis atinxida polas inundacións. Imaxes dispoñibles no servizo de mapas da XuntaA actividade madeireira forma parte, precisamente, das protestas veciñanza da zona -segundo recolle La Voz de Galicia na súa edición deste 20 de novembro- ao analizar o acontecido. Restos dos traballos forestais ligados ao eucalipto, explican, son guindados aos regatos da zona e dan en acumularse nos cauces, favorecendo que reborden en caso de chuvias torrenciais. A veciñanza tamén se laia da falta de "limpeza" nos leitos dos ríos, se ben Augas de Galicia apuntaba este luns que as inspeccións máis recentes na zona apuntaban a unha situación correcta do río Fontecova. |
NOS_15849 | A Atención Primaria da Galiza é unha das peores dotadas en persoal e recursos no Estado. A isto, contribúe de xeito decisivo que a Administración galega, canda a madrileña, sexa a que menos invista neste servizo, dedicando 2,3 puntos menos que a media estatal. A propia Xunta recoñece un empeoramento da situación. | A falta de persoal médico na Atención Primaria é un feito. Ás repetidas protestas demandando o restabelecemento dos servizos sanitarios suprimidos nos centros de saúde, súmanse agora os informes oficiais achegados pola Xunta da Galiza, que confirman unha caída na cobertura das persoas usuarias. A este respecto, o Instituto Galego de Estatística (IGE) recoñece a existencia de 2.625 prazas de facultativos na Atención Primaria en 2021, último ano con datos, significando, recentemente, o Goberno galego que 52 delas están sen cubrir. Os cadros de persoal en medicina están moi envellecidos en Atención Primaria. Segundo datos recollidos do Servizo Galego de Saúde (Sergas), 15,9% dos facultativos dos centros de saúde da Galiza superan 64 anos. Así, 17 deles rexistran 70 anos, 258 atópanse entre os 66 e os 69 anos e 169 teñen 65 anos, como consecuencia dun proceso marcado polos recortes orzamentarios e a falta de previsión por parte da Xunta da Galiza. Tanto é así que o Goberno galego, coñecendo as futuras dificultades de persoal, estabeleceu a xubilación obrigatoria aos 65 anos para estes profesionais entre 2013 e 2018. A situación non é mellor no grupo de entre 63 e 64 anos. Neste segmento de idade atópanse 14,4% das médicas e médicos galegos de Atención Primaria, situándose 211 en 64 anos e 174 en 63 anos. A este respecto, o voceiro de SOS Sanidade Pública, Manuel Martín, sinala a Nós Diario que "estes dados acreditan unha tendencia coñecida desde hai tempo, consecuencia da mala xestión do Sergas e do Ministerio de Sanidade". Falla de enfermeiras A especialidade de enfermaría atópase diante dunha situación semellante. O IGE certifica 2.316 enfermeiros e enfermeiras en activo na Atención Primaria galega no exercicio de 2021. Segundo os dados recollidos no Informe de recursos humanos da enfermaría 2020, elaborado polo Consello Xeral da Enfermaría, a ratio de enfermeiras no país é de 5,19 por cada 1.000 habitantes, fronte a 6,02 do conxunto do Estado. Só Murcia, con 4,59 profesionais por cada 1.000 habitantes, e Andalucía, con 5, rexistran unhas cifras peores que a Galiza, situándose nos postos de cabeza Nafarroa, con 8,6; Euskadi, con 7,69; e Melilla, con 7,14. A fenda da Galiza cos Estados da Unión Europea (UE) é aínda máis grande. Así, a ratio media para o conxunto da UE atópase en 7,68 enfermeiras por cada 1.000 habitantes, precisando aumentar o cadro de persoal do Sergas en 6.695 persoas para achegarse a esa porcentaxe. Outro tanto acontece cos países da Organización para a Cooperación e Desenvolvemento Económico (OCDE), con 8,18 enfermeiras por cada 1.000 habitantes, ficando, tamén, moi lonxe das cifras recomendadas pola Organización Mundial da Saúde(OMS). Cumprir cos estándares da OMS requiriría contratar 9.368 profesionais. A idade dos profesionais de enfermaría na Galiza é, tamén, moi elevada. Así, a información procedente do Sergas sinala que 9,8% enfermeiros e enfermeiras superan 65 anos de idade, con tres en 70 anos, 65 na faixa de 69 a 66 anos e 160 en 65 anos. Asemade, 15,3% atópase no grupo de idade de entre 63 e 64 anos, con 162 profesionais en 64 e 193 en 63 anos. Á cola en matronas A cousa non está mellor para as matronas. Segundo sinalan desde a Asociación Galega de Matronas, 85 das 152 matronas actualmente en exercicio na Atención Primaria van estar xubiladas nos próximos cinco anos, concentrándose o groso das baixas nas áreas sanitarias da Coruña, con 45; e de Pontevedra, con 27. Neste sentido, desde o colectivo consideran "urxente ofertar máis prazas de matrona e ofertar contratacións estábeis" e alertan da fuga de profesionais cara outros territorios. Os últimos datos sobre as ratios de matronas proceden do sindicato Satse. Así, nun documento referido a 2020, sinala que a Galiza ocupa o último lugar do Estado, con 12 profesionais por cada 100.000 mulleres, ficando a seis puntos da media estatal e moi lonxe das cifras presentadas por Cantabria, con 29 por cada 100.000, e Euskadi e Nafarroa, con 24 por cada 100.000. |
NOS_44903 | O financiamento centrará a primeira reunión que o presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, manterá coa líder do BNG, Ana Pontón, e co do PSdeG, Valentín González Formoso. A xuntanza, solicitada pola oposición, será, segundo desvelou esta quinta feira Rueda, na tarde da segunda feira. | O titular do Executivo galego, Alfonso Rueda, informou da data da reunión coa oposición esta quinta feira, na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta. Nela, e despois de que o presidente situase o financiamento como cuestión chave no encontro, a prensa interrogouno sobre a posición da Xunta e do Partido Popular nesta materia. Rueda afirmou que a súa "postura" respecto dos criterios de repartición do financiamento autonómico "non variou", e ao tempo, aproveitou para defender o anterior presidente do Executivo e actual líder do PP estatal, Alberto Núñez Feixoo, a este respecto. "A miña postura non variou e a de Feixoo, estou seguro de que tampouco", aseverou preguntado polos medios a respecto das declaracións de Feixoo en que, no marco da campaña electoral andaluza, está a defender que o financiamento autonómico deba "ser proporcional á poboación absoluta" de cada territorio. Esta postura do líder do PP contrasta coa que mantiña cando era presidente do Goberno galego cando defendía que había máis criterios a ter en conta no tocante ao financiamento, como o avellentamento ou a dispersión poboacional. Pontón e Formoso preparan o primeiro encontro con Rueda "O que está a dicir o presidente do PP é que hai que falar o antes posíbel de financiamento autonómico e tentar chegar a un acordo no cal todos poidamos chegar a estar máis ou menos satisfeitos", sinalou Rueda. Noutra orde de cousas, na reunión con Ana Pontón (BNG) e Valentín González Formoso (PSdeG), segundo avanzou o propio Rueda, tentará buscar o apoio de nacionalistas e socialistas para "pedir as competencias de Costas" ao Estado. O titular do Executivo galego explicou as "razóns" de por que "quere esta competencia" e argumentouno sobre a base de que "está en risco" a actividade económica, nun territorio que é o que "ten máis costa" en toda a península. "Agora mesmo, coa lexislación actual, hai moitas empresas que están a crear riqueza e que están en serio risco", advertiu. Tamén após o Consello da Xunta, o presidente informou da aprobación do Plan de seca da Demarcación Galiza-Costa, "co fin de ordenar e dar resposta aos períodos sen choiva e garantir o abastecemento de auga aos cidadáns". Explicou, ademais que o plan proporciona ás Administracións os instrumentos xurídicos para facer fronte aos procesos de seca. O novo plan presenta unha actualización que "busca mellorar a eficacia e afrontar os retos futuros, como as consecuencias derivadas do cambio climático". 35 parroquias en alto risco de incendio No Consello da Xunta tamén se debateu e aprobou o Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais (Pladiga). Durante a rolda de prensa, Rueda informou de que hai un total de "35 parroquias de alto risco de incendio". Durante a rolda de prensa, Rueda tamén foi preguntado sobre a sentenza condenatoria á CRTVG por vulnerar os dereitos de Carlos Jiménez, traballador da casa, pola súa participación nos Venres Negros. Sobre isto, Rueda dixo "non coñecer o contido da sentenza" pero, ao tempo, apoiou a liña e actuacións da propia CRTVG. Carlos Jiménez, expedientado pola CRTVG: "A sentenza do TSXG demostra que non debemos axeonllarnos ante o que é unha inxustiza" |
NOS_45972 | Un correo electrónico ás vítimas aponta a presións do executivo español para que non se faga público o documento. | Unha alegación de última hora do goberno español motivou o retraso da publicación do informe que sobre o accidente de tren en Angrois elaborou a Axencia Ferroviaria europea sobre a falta de indepencendia da CIAF, a comisión de investigación de accidenets ferroviarios. Europa Press tivo acceso a un correo electrónico no que así consta, e que foi remitido polo director executivo da acencia europea á plataforma de vítimas. O presidente deste organismo europeo decidiu inhibirse, ao existir a alegación, e o director executivo da axencia pide aos afectados un prazo a maiores de 15 días para determinar se o documento se fai público, como marcan as normas de transparencia da UE, ou non. O presidente da Plataforma Víctimas Alvia 01455, Jesús Domínguez, considera que a alegación do goberno está feita para impedir a publicación do documento. Confía en que finalmente se faga público para poder "coñecer a verdade". |
NOS_23120 | Dentro da enorme variedade de subxéneros nos que se desenvolveu a novela negra das últimas décadas, houbo lugar tamén para o espazo académico. | Crimes cometidos nas universidades ou nas súas inmediacións, con enigmas complexos resoltos co concurso do eruditismo e o coñecemento profundo que se presupón a eses lugares. Tres catorce dezaseis non inventa nada nese sentido, aínda que sempre podemos destacar o factor de traer algo diso á nosa realidade. Que o espazo da trama sexa o Campus Sur (hoxe Campus Vida) da Universidade compostelá dá un toque interesante ao punto de partida, algo que se complementa co recurso á cuestión matemática, unha disciplina que ten o seu fogar universitario tamén nesa zona. Tres catorce dezaseis | Rocío Leira | Xerais | 2020 | 144 páxinas | 12,30 euros en papel | 6,75 euros en epub O encontro casual de Silvia, alumna de matemáticas, co profesor Benavides, acaba por involucrala no perigoso xogo ao que foi convidado e que consiste en descubrir o autor dunha serie de crimes que están acontecendo na zona. Porén, é preciso algo máis que un certo aire local e unha idea de certa orixinalidade para construír unha boa novela. Rocío Leira destaca nesta peza como unha boa narradora, con capacidade para administrar ben unha trama que mantén o interese das persoas lectoras e que vai anoando os seus cabos soltos con bastante competencia e sen forzar moito a resolución. Sen perder de vista que estamos ante unha peza orientada a lectoras adolescentes, tamén a forma na que os enigmas están construídos resulta acaída: complexos, pero coa suficiente popularidade como para resultaren familiares para a maior parte do público. Tamén con capacidade de espertar curiosidades e completar información. Acontece así co papel de Pitágoras e a escola (ou seita) que dirixiu na súa época, a explicación sobre número áureo ou coa información que se dá sobre a criptografía, aínda que neste último caso poidamos percibir algúns erros menores. Sen dúbida esa mesma orientación á mocidade é a que fai que os crimes sexan pouco detallados, nada truculentos, aínda que o suficientemente estraños como para capturar o interese de quen le. Da mesma forma, a construción a través de capítulos curtos estimula a lectura, aínda que ese ritmo acelerado poida xogar á contra no que respecta a outras características da obra. Así, aínda que temos trazos que definen o suficiente aos protagonistas no esencial, hai elementos que non chegan a redondealos, deixándoos nunha certa precariedade que choca, especialmente chegando ao final da obra. Temos, con todo, unha obra audaz, capaz de propoñer un xogo interesante nun ámbito moitas veces detestado pola xente máis nova. |
NOS_52106 | As protestas son para reclamar un convenio para os máis de 16.000 traballadores que integran o sector do siderometal na Coruña. | Traballadores do metal da provincia da Coruña anunciaron esta sexta feira seis novas xornadas de folga e mobilizacións en demanda dun convenio. Trátase dunha convocatoria unitaria promovida polos sindicatos CIG, CCOO e UXT que decorrerá os días 7, 8, 9, 28, 29 e 30 de xuño. "Entendemos que debemos ser máis contundentes e abarcar máis empresas para poder saír deste conflito dignamente", apuntou o portavoz de CIG-Industria na Coruña, Eduardo Caamaño. As protestas son para reclamar un convenio para os máis de 16.000 traballadores que integran o sector do siderometal na Coruña e co obxectivo, segundo explicaron os seus representantes sindicais, de garantir o poder adquisitivo dos salarios e recoller melloras laborais e sociais. Tamén piden a subrogación de traballadores de empresas de mantemento. O metal mobilízase na Coruña por un convenio Os representantes sindicais anunciaron tamén que mentres duren as negociacións van tentar "prohibir totalmente as horas extras". Mesa de negociación O 1 de xuño está convocada unha reunión coa mesa de negociación. Así o apuntou Caamaño, quen asegurou que os sindicatos están "dispostos a negociar calquera cousa que sexa moito mellor" que o que presentaron na última cita —decorrida o pasado 6 de abril— que foi "totalmente infumábel". Pola súa parte, o responsábel de UXT-FICA Galiza, Juan Ramón Paseiro, pediu á patronal que "non se empecine en crear traballadores escravos". "Temos dereito a un salario e a un convenio digno e esta loita non vai parar até alcanzar ese obxectivo", concluíu. Actuación policial "desproporcionada" na folga do metal na Coruña "Esperamos que a patronal negocie de boa fe", indicou o responsábel de CCOO-Industria na Coruña, Arturo Julián Vázquez, quen engadiu que este convenio "non pode seguir secuestrado máis tempo". |
NOS_38160 | Natural de Portosín, vivía desde hai tempo na Coruña, onde traballaba como peixeiro. Foi acoitelado na madrugada desta sexta feira cando saía de casa onde vivía coa súa compañeira para ir ao traballo. | Duarte Abad Loxo perdeu a vida esta sexta feira na Coruña, cidade onde vivía, cando saía de casa ben cedo para iniciar a súa xornada laboral. Foi apuñalado, nun suceso que está baixo investigación policial. O presunto asasino, curmán de Duarte, xa foi detido. Duarte Abad tiña 50 anos de idade. A súa morte causou un gran pesar e conmoción no independentismo e no soberanismo, campos no que comezou a militar ben mozo. Natural de Portosín, Duarte Abad foi condenado en 1989 por pertenza ao Exército Guerrilheiro do Povo Galego Ceive (EGPGC), cumprindo 13 anos de prisión en diversas cadeas do Estado español. Unha vez en liberdade, realizou o Doutorado en Historia, especialidade na que ten feito diversos traballos, nomeadamente sobre as Irmandades da Fala ou Francisco Tettamancy, entre outros. Traballou na hostalería da zona vella compostelá e posteriormente na Coruña como vendedor de peixe, tarefa que desenvolvía por diferentes puntos da comarca, motivo polo que encetaba a xornada laboral moi cedo. As persoas que o coñeceron e trataron destacan del o seu carácter aberto e afábel. "Era tan grande como boa persoa", descríbeno, "un neno grande" cunha enorme vitalidade e unha persoa moi comunicativa. Cualidadades todas elas á que engaden o seu firme compromiso cun país polo que sentía paixón. "Un patriota", resumen. O corpo de Duarte Abad estará a partir da tarde deste sábado no tanatorio Crematorio AGrela-Albia A Coruña. Nota: Por un erro na edición orixinal desta noticia aparecía a forma "A Grela" cando o correcto é "Agrela". Fomos advertidos da incorrección por un amábel leitor. |
NOS_12976 | Cando a ditadura xa caducaba e un novo tempo, incógnito, se enxergaba no horizonte, na prensa abríronse paso novas informacións e enfoques. De tempos con palabras prohibidas, "folga" ou "obreiros", a un novo espazo no que as empresas xornalísticas dubidaron quen ía ter no futuro o leme do poder. Testemuña daquela etapa, Gustavo Luca (Cedeira-Redondela, 1942) lembra a época e tamén como a cadea de prensa estatal, ligada á ditadura, con máis de 40 xornais, foi malvendida ou desapareceu por completo. | —Nos anos 50 e 60, quedaba memoria do xornalismo anterior á ditadura?Había un substrato de xornalistas da República que despois de 1945, por unha "amnistía" imposta polos aliados, aparecen pero arrombados nos arquivos, sen poder escribir… eu mesmo coñecín a un que foi subdirector de El Heraldo, informadísimo, que nos anos 60, dos que falo, non podía estar na redacción. As conversas políticas estaban proscritas –o que é absurdo no xornalismo–, e este home tiña unha capacidade de análise que sempre fun procurar e el agradecíao. Esa sería a novela dos periódicos que facían os gañadores e o que poderían facer os perdedores. —Cando chegamos aos anos setenta había unha cadea de periódicos e emisoras de radio do Estado, a "prensa do Movemento", que despois se desmontaría. O xornal central dese aparato, con símbolo fascista na capa, era o Arriba, estaba hipertrofiado con vinte e cinco redactores xefes. Hai un momento en que economicamente non son viábeis. Cando se revisa a situación con Adolfo Suárez, o Arriba, que tiña unha difusión mínima, foi o primeiro en fechar. Era unha cadea de corenta cabeceiras, formada sobre a base expropiada dos xornais dos sindicatos e partidos (o Hierro de Bilbao fora o xornal dos comunistas), ou no caso galego El Pueblo Gallego, que fora propiedade de Manuel Portela Valladares. En 1936, mentres non instauran organizadamente a censura, puxeran un militar na fronte ou un falanxista de carné. Era un xornal moi popular durante os anos da República e quedou en case nada. —A censura directa pasara, coa Lei Fraga de 1966, a un perverso sistema de autocensura, que se adentrou nos anos da democracia. A censura directa era un organismo cunha chea de persoal, algún ben coñecido, por exemplo alí traballou voluntario Camilo José Cela (1942-1945). Todo o material a publicar entre 1938 e 1966 pasou por alí. Fraga ve a oportunidade en 1966 de facer o mesmo doutro xeito, ofrecéndolle aos editores que consultasen o que potencialmente prevían polémico. Vivín os dous sistemas: a censura directa era esmagadora e podías botar horas esperando o visto bo, e moitas veces enchíase o xornal con calquera cousa porque non había tempo material para substituír o prohibido. O outro sistema, de autocensura, consistía en que rematado o xornal e xa impreso debían entregarse a control dez exemplares, e cando vían algo mal retiraban a edición. En Madrid e Barcelona comezaron a distribuír antes de recibir o visto bo, pero as multas era inclementes e as perdas cando non deixaban circular o xornal pódense imaxinar. Esa era a famosa Lei Fraga que el vendeu como "apertura" e era unha perversión: podía abocar a publicación ao fechamento. De feito houbo moitas suspensións por meses. Isto dura até a Constitución de 1978, aínda que en 1976 e 1977 era unha situación pre-democrática e había algo de espazo, pero tamén houbo multas e actuacións contra medios, sempre co precedente na memoria de cando fecharon o diario Madrid e dinamitaron o edificio (1973). Que por outro lado era un xornal conservador, gobernado por altos cargos do Opus Dei. —Nas revistas é onde máis se abre a liberdade, asoman opinións e enfoques informativos que pertencen a outra época. É interesante o que pasou con revistas como Cambio16 que foron antiditatoriais cos anos, e mediante xornalistas como Manuel Vázquez Montalbán, definiron un tipo de xornalismo entre a ironía, o pensamento político e a crítica. O que nos leva a pensar que na propia ditadura chegouse a producir un xornalismo diferente que buscaba en plena censura válvulas de escape na crónica e na reportaxe. Había un pensamento, que non é aceptábel, de que censura había en todas as partes e que a habilidade do xornalista consistiría en caneala con habilidade… xa me dirás o que era colar unha frase cada dous anos! —O nacemento de El País en 1976 aparece como símbolo de entender un novo tempo. Pero a presenza no grupo promotor de Fraga levanta as alertas de que se pretendía pilotar a comunicación do cambio político. Quen podía abrir espazo na inminencia da desaparición da censura? La Vanguardia negociou mesmo a desaparición do subtítulo de "La Vanguardia Española",… era un novo momento negociador. No caso de El País o que fai é atopar espazo para un xornal burgués que abrise o diálogo, porque ABC, Informaciones ou Ya quedaron moito máis pegados á ditadura. A presenza de Fraga podía interesarlles aos promotores como unha sorte de escudo fronte á persecución porque non se sabía como ía evoluír a dinámica constituínte. Polanco axiña controlou a dirección do proceso e a idea dun Consello de Redacción soberano sobre os contidos, seguindo o idealizado modelo de Le Monde, en realidade nunca funcionou. —Até case o ano 1980, a prensa de Estado tiña unha influencia demediada porque realmente chegaban aos quioscos galegos pola tarde. En Madrid facían dúas edicións e a que chegaba por avión a Santiago distribuíase contra o final da mañá ou xa á tarde. Iso dáballe un campo maior de lectores aos xornais galegos. —'La Voz de Galicia' cando a dirixe Francisco Pillado Rivadulla ou un tempo 'El Ideal Gallego' daban máis acubillo á información da oposición antifranquista. Atrevéronse a dar informacións cando a revolta estudantil de Santiago en 1968 -anterior a París– ou nas folgas obreiras do 72, e tiveron que resistir unha presión enorme e ameazas de fechamento. O público lector o que demandaba era información política e cultura do país e foi o que tirou das vendas deses xornais e o que lles deu credibilidade como produtos de información. Pero a partir dun momento eses xornais familiares recuaron ás posicións iniciais da dereita española. A maioría viña desacreditados pola súa complicidade total coa ditadura, e en certa altura algúns buscaron dentro da redacción aqueles xornalistas máis preparados e con capacidade crítica e déronlle un chisco de espazo. Outras cabeceiras simplemente contrataron algunha axencia, como Colpisa, que eran máis abertas e tamén a censuraron. Notaban que as vendas melloraban cando aparecían esas novas informacións e os xornalistas que destacaron nesa fase axiña foron perseguidos outra vez dentro dos xornais. —Outra peculiaridade esquecida é que os diarios saían seis veces á semana e despois estaban as Follas do Luns. Eran unha concesión que empezara cando a ditadura de Primo de Rivera, impoñéndose o descanso semanal. A noite do domingo os propios xornalistas facían un xornal para luns. Esa foi a orixe e eran propiedade das Asociacións de Prensa, que nos anos da República, polo xeral, tiñan un carácter de esquerda e un perfil reivindicativo. Despois do golpe militar do 36, pasaron a ser de representación social menor. Tiñan carácter provincial e facían xornais que no franquismo basicamente eran de vocación mendicante, algo vergoñoso. O presidente da asociación visitaba as empresas co discurso humillado de "ten que haber algo para os xornalistas" e se falaba cunha axencia de viaxes pedían uns bonos, ou un cadriño se anunciaba a exposición dun pintor..… A función básica era cubrir o espazo sen diarios e tiñan a exclusiva dese día, con catro ou oito páxinas coa parte do león para os deportes. En Madrid tiña máis peso e era máis elaborada, e só empezou con outros contidos nos anos finais do franquismo. Morto xa Franco algunhas Follas do Luns (lembro a de Madrid, a de Donostia ou a de Barcelona e nun período curto a de Vigo [Gustavo Luca dirixiuna no período final]) saíron das servidumes conservadoras e catoliconas e foron espazo de crítica e debate. —Os xornais galegos axiña se adaptaron politicamente á nova situación? Hai un momento, na fronteira da morte de Franco, no que as empresas perciben que non está claro o centro do poder. A maioría confiaron no seu instinto para detectar por onde ían os poderes caciquís, que estiveran sempre tan metidos no franquismo. Axiña ven que ía ser a UCD a que recollía ese testemuño do franquismo. —Algúns xornalistas da época aparecen socialmente como abandeirados da democracia. Unha parte da sociedade considera que houbo xornalistas que tiveron moito maior compromiso democrático que outras profesións liberais. Lembro nunha mesa redonda na que unha profesora acusou xenericamente: "Os primeiros que se renderon foron os periodistas", e eu retrucáballe "E ti que fixeches pola democracia? Porque lembro moitos compañeiros que estiveron nos xulgados, que reclamaron a obxección de conciencia, que pelexaban dentro das redaccións". Moita xente puxo nese compromiso coa democracia o seu salario como pago. —Téñolle ouvido contar unha anécdota do ano 77, moi dese tempo entre dúas augas políticas, cando vostede foi delegado de La Voz de Galicia en Ferrol. O anterior delegado era Francisco Valle Romero, e tiña no despacho un gran retrato de Franco. Pola miña conta decidín que había que pintar a redacción, que non ía estar eu debaixo daquel espantallo. Comentouse moito o asunto, e Valle aínda reclamou a reposición, porque dicía que Ferrol era unha cidade especial. |
NOS_40679 | Alexandra Fernández pregunta ao Ministerio de Interior pola "manía persecutoria" do cuartel de Gondomar coa lingua galega. | En Marea levou ao Congreso español o que considera "fixación" da Garda Civil de Gondomar contra o galego. Fíxoo a través de dúas preguntas dirixidas ao Ministerio do Interior. "Cre o Goberno que se xustifica esta actitude da Garda Civil de Gondomar cando os sinais de tráfico interurbanos levan instalados desde hai moitos anos?", pregunta a deputada Alexandra Fernández. A parlamentar explica que se trata de sinais de dirección prohibida que se identifican por si mesmas, que "só incorporan un texto en galego que recolle a excepcionalidade e que os veciños e as veciñas entenden sen problema. O que fai a Garda Civil é crear un problema onde non o hai, xeran un problema inexistente". Fernández lamenta "a fixación que este posto da Benemérita ten coa lingua galega que chega a extremos incomprensíbeis". |
PRAZA_8521 | En democracia cómpre perseguirmos o delito por medios proporcionais e compatíbeis cos dereitos humanos. Mais na persecución de determinados actos de violencia política en Galicia -non máis admisíbeis nin menos delitivos polo feito de non causar danos persoais- hai tempo que se sobordou toda medida e proporcionalidade. | Confésolles que nunca acreditei na utilidade nin na xustiza da lexislación antiterrorista. Son dos que creo que cómpre acusar, xulgar e, se é o caso, condenar terroristas ao abeiro da mesma lei que rexe para os restantes delincuentes. Dez días de detención, no canto de tres, constitúen unha barbaridade xurídica. O mesmo ca o espallamento dos presos lonxe da súa contorna familiar e vital. Ou o mantemento dese Tribunal de excepción que é a Audiencia Nacional, que sucedeu ao Tribunal de Orde Pública franquista e vulnera, todos os días, o dereito constitucional ao xuíz ordinario legalmente presinalado. O alto o fogo de ETA é unha realidade obxectiva e a sociedade civil está preocupada por outra caste de problemas. Velaí unha boa oportunidade para derrogar esta lexislación excepcional O alto o fogo de ETA é unha realidade obxectiva e a sociedade civil está preocupada por outra caste de problemas. Velaí unha boa oportunidade para derrogar esta lexislación excepcional que, nos últimos anos, foille aplicada a varios mozos galegos. É evidente que calquera violencia política non pode xustificarse e ha ser castigada penalmente. Mais o que resulta un grave exceso son as longuísimas penas impostas e a duración da prisión preventiva atendendo á natureza dos feitos, a presunción automática da existencia dunha banda organicamente xerarquizada, o afastamento dos presos de Galicia ou a criminalización das entidades sociais ás que pertencen estas persoas. Porque o feito de que alguén cometa un delito non autoriza para incriminar automaticamente ás entidades sociais e políticas ás que o devandito individuo pertenza, como está a acontecer neste País. Na persecución de determinados actos de violencia política en Galicia -non máis admisíbeis nin menos delitivos polo feito de non causar danos persoais- hai tempo que se sobordou toda medida e proporcionalidade En democracia cómpre perseguirmos o delito por medios proporcionais e compatíbeis cos dereitos humanos. Mais na persecución de determinados actos de violencia política en Galicia -non máis admisíbeis nin menos delitivos polo feito de non causar danos persoais- hai tempo que se sobordou toda medida e proporcionalidade. A arrincadeira: Elvira Varela bao e Arturo Kress A Coruña homenaxeou, como republicana do ano, a profesora Elvira Varela Bao, que dedicou á súa vida a formar en valores de liberdade, galeguidade e responsabilidade varias xeracións de alumnos, aló no seu San Roque de Afora. Os país de Elvira, galeguistas e republicanos, sufriron a dura represión que caracterizou o trunfo franquista n'A Coruña. Elvira é nai do grande músico Arturo Kress, autor, entre outras da banda sonora de "El bosque animado" |
NOS_23454 | O pasaporte tamén será requirido para as persoas acompañantes de ingresados en hospitais e residencias e para entrar en ximnasios, piscinas cubertas e albergues turísticos. | O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) autorizou a Xunta a prorrogar en todo o territorio até o próximo 12 de febreiro a esixencia de presentar o pasaporte Covid de vacinación, recuperación ou proba diagnóstica negativa para acceder ao interior dos locais de hostalería e de lecer nocturno durante todo o horario de apertura. Autoriza ademais estender o uso do pasaporte para acceder a ximnasios e piscinas cubertas, a eventos multitudinarios, a lugares nos que se venda comida e bebida e a albergues turísticos. Ademais, a documentación será requirida ás visitas dos doentes ingresados en hospitais e residencias. Ao coidado da saúde pública A Sala destaca que esta medida se manterá "o tempo imprescindíbel para mellorar a situación epidemiolóxica" da Galiza, a cal "se revisa diariamente e se somete semanalmente á consideración do comité clínico". Ademais, salienta que o seu propósito é "defender a saúde pública malograda pola pandemia". No auto, os maxistrados aseguran que, tal e como se fundamenta no informe técnico achegado pola Xunta, a presentación do pasaporte Covid permite o mantemento de capacidades e o normal desenvolvemento de determinadas actividades "en situacións nas que se aprecia un incremento de risco de contaxio, polas características peculiares de actividade, que deben ser adecuadamente controladas, ou polas características de especial vulnerabilidade que concorren". Unha prevención necesaria A idoneidade da medida, segundo explica o tribunal na resolución, non queda invalidada polo feito de que o certificado Covid non elimine completamente a posibilidade de novos contaxios, xa que os informes científicos avalan que esta medida preventiva "permite reducir o risco" de transmisión do virus. O TSXG, ademais, lembra a sentenza do Tribunal Supremo do pasado mes de decembro na que insiste en que "a distinta gravidade actual da pandemia, a menor agresividade e a máis reducida ocupación hospitalaria e das UCI", non xustifican "prescindir das prevencións necesarias para evitar que se reproduzan os momentos críticos do pasado". Contra a resolución cabe presentar recurso de casación. |
NOS_24054 | Están en boas condicións. | Catro golfiños vararon esta quinta feira baixo a ponte da autovía do Barbanza en Taragoña, entre os concellos de Rianxo e Boiro. Até alí se desprazaron efectivos da Policía Local, Brigada de Obras, Protección Civil e Confraría, xunto cunha técnica da Cemma (Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños), informa Concello de Rianxo. "Os catro exemplares, cruzaron boa parte da ría desde Palmeira e semellan estar en boas condicións á espera da maré alta para que facilite os movementos". Os catro exemplares cruzaron boa parte da ría desde Palmeira 2019 deixou 475 varamentos de mamíferos mariños na costa galega. A maior parte dos varamentos na costa galega son de golfiños, aínda que entre os meses de decembro e marzo non é raro que se produza o dalgún exemplar de león mariño. "Chegan do norte de Europa. Durante esta época advertimos á veciñanza de que non pasee os cans soltos polas praias", afirmaba o biólogo Alfredo López. Só 10% dos animais mariños que fican pendurados na costa galega son atendidos con vida. A Cemma traslada ás tartarugas pequenas e aos leóns mariños durante quince días a unha unidade de coidados intensivos; instalacións temporais e desmontábeis. A partir de aí, cando xa precisan desenvolverse nunha piscina, son derivados o Instituto Galego de Formación en Acuicultura, en Arousa. |
NOS_48788 | O secretario xeral do partido no territorio e 19 membros do Consello cidadán demiten con críticas ao peso do "aparato" e ao "centralismo" da formación de Pablo Iglesias. | A demisión do secretario xeral de Podemos en Euskadi, Roberto Uriarte, dos membros do Consello coordenador (executiva) e de 19 integrantes do Consello cidadá supón un golpe para o partido liderado por Pablo Iglesias, que fica sen dirección en País Vasco. Unhas demisións que chegan, aliás, despois de que as sondaxes do propio goberno de Euskadi apontasen que Podemos podía ser terceira forza no territorio, con 4 escanos, empatados con EH Bildu. Uriarte argumentou a súa renuncia afirmando que Podemos estaba ser minado pola lóxica do "aparato", ao igual que os partidos que tanto critica, e polo "centralismo" do partido, que desde Madrid tece e destece nos territorios sen ter en conta bases e representantes nos mesmos. Listas Un exemplo diso son a confección das listas ás Cortes españolas polas provincias vascas. Madrid decidiu os tres primeiros postos das candidaturas de Bizkaia, Gipuzkoa e Araba, o que sentou moi mal en Euskadi, segundo medios vascos. De feito, cando Podemos-Euskadi ía dar unha rolda de impresa para presentar o seu cabeza de lista por Bizkaia, tivo que desconvocala após unha chamada dun alto dirixente de Podemos que lles dicía que por esa provincia ía ir outra persoa. En concreto, que iría Eduardo Maura, un estreito colaborador de Pablo Iglesias, e non López de Uralde (líder de Equo), decidido polo partido en Euskadi. Uralde, finalmente, irá por Araba. Podemos xa designou un comité técnico provisional, que se encargará, entre outras cousas, de coordenar a campaña electoral para os comicios do 20 de decembro. |
PRAZA_20272 | Este venres Santiago acolle a xornada colaboraTIC.gal, un espazo para amosar experiencias de colaboración entre os eidos das tecnoloxías abertas e o tecido empresarial agrogandeiro e forestal. | Santiago acolle este venres 16 de xuño a xornada colaboraTIC.gal, un espazo para amosar experiencias de colaboración entre os eidos das tecnoloxías abertas e o tecido empresarial agrogandeiro e forestal. O encontro, organizado por AGASOL (Asociación GAlega de empresas de SOftware Libre), terá lugar de 9.30 horas a 14 horas na Cidade da Cultura e pecharase cun xantar de networking. "Hai moitas explotacións e asociacións que non utilizan o software libre, xeralmente por descoñecemento, e con esta sesión trátase de que descubran as tecnoloxías abertas" "O software libre ten moito que achegarlle ao agro e sector rural galegos. Queremos amosar o mellor de nós mesmos e mesma, queremos escoitar experiencias de interese, queremos colaborar", destacan. "O obxectivo é coñecer como traballan empresas/axentes do eido rural e como o software libre pode achegar solucións e melloras nas mesmas. Hai moitas explotacións e asociacións que non utilizan o software libre, xeralmente por descoñecemento, e con esta sesión trátase de que descubran as tecnoloxías abertas", din No encontro, varios representantes de experiencias empresariais concretas, así como expertos a nivel teórico, falarán de experiencias nas que o software libre forma parte de iniciativas e proxectos no ámbito rural. Intervirá Fran Quiroga, que forma parte da liña de traballo do procomún rural do Laboratorio do procomún no Medialab Prado. Tamén, Carlos Ferrás, profesor na USC e fundador de Granxa Familiar, unha plataforma en software libre para a comercialización de produtos agrarios sen necesidade de intermediación de empresas distribuidoras. Estará igualmente Pablo Sanxiao, socio fundador de iCarto, empresa especializada no uso e desenvolvemento de tecnoloxías de información xeográfica, e activista do software libre. Finalmente, participará José Manuel Campos, de Ainfogra, unha iniciativa da Federación EFA de Galicia, que ten como como piar fundamental a difusión, formación e desenvolvemento en Software Libre orientado ao Medio Rural. Na Sesión Conecta, tres experiencias do eido do software libre e tres experiencias do rural contarán como traballan, co obxectivo de identificar espazos de colaboración e sinerxías Así mesmo, na denominada Sesión Conecta, tres experiencias do eido do software libre e tres experiencias do rural contarán como traballan, co obxectivo de identificar espazos de colaboración e sinerxías. En definitiva, para que o sector rural e as tecnoloxías abertas se coñezan un pouco máis. Procedentes do sector rural estarán Adegas Lagar de Costa, a Organización Galega de Comunidades de Montes (OGCCMM) e a Asociación Galega de Cooperativas Agrarias (AGACA). Procedentes do mundo do software libre participarán QGIS, Galirema e Librebit. Ciencia e tecnoloxía en Praza.gal ofrecida por <a data-cke-saved-href='http://taboleiro.praza.gal/delivery/ck.php?n=a9393ebb&cb=INSERT_RANDOM_NUMBER_HERE' href='http://taboleiro.praza.gal/delivery/ck.php?n=a9393ebb&cb=INSERT_RANDOM_NUMBER_HERE' target='_blank'><img data-cke-saved-src='http://taboleiro.praza.gal/delivery/avw.php?zoneid=126&cb=INSERT_RANDOM_NUMBER_HERE&n=a9393ebb' src='http://taboleiro.praza.gal/delivery/avw.php?zoneid=126&cb=INSERT_RANDOM_NUMBER_HERE&n=a9393ebb' border='0' alt='' /></a> |
NOS_47976 | India e Bangladesh dan ás costas aos refuxiados rohingyas, que piden no medio dunha situación cada vez peor a implicacións das instancias internacionais para que traballen na súa repatriación, con garantías de non sufrir un novo intento de xenocidio como o de 2017. | Arredor dun millón de persoas do pobo rohingya sobreviven como refuxiadas despois do xenocidio que lanzou Myanmar en 2017, e que as obrigou a escapar do país para salvar as súas vidas tras máis de 25.000 asasinatos. Porén, neste lustro a súa situación foi deteriorándose aínda máis. Unha das poucas boas novas que recibiron neste tempo produciuse onte, cando Hardeep Singh Puti, ministro de Vivenda e Asuntos Urbanos da India, Estado que acolle aproximadamente 20.000 rohingya, anunciou que o Goberno proporcionaría pisos en Nova Deli, a capital, que irían acompañados de protección policial. "A India sempre acolleu aqueles que buscaron refuxio", ratificou. Porén, a boa nova durou pouco. O Ministerio de Interior, dirixido por Amit Shah, un dos principais asesores do primeiro ministro Narendra Modi, impugnou as declaracións de Puri e reiterou que "non deu ningunha instrución para proporcionar pisos aos inmigrantes ilegais rohingya". Amais, incidiu en que os "estranxeiros ilegais" permanecerán retidos nun centro de detención até que sexan deportados a Myanmar. Drama humanitario en Myanmar: a ditadura militar executa opositores e activistas por vez primeira en décadas Con todo, non é a primeira vez que o Executivo de Modi intenta envialos de maneira forzosa alí; en 2021 xa deportou varios centenares de refuxiados, o que recibiu as críticas da Organización das Nacións Unidas (ONU). Stéphane Dujarric, voceiro da Secretaría Xeral, asegurara daquela que "os refuxiados nunca deben ser devoltos contra a súa vontade ao lugar de onde veñen". O temor a ser entregados de volta ás autoridades de Naypyidaw levou milleiros de rohingya da India a fuxir cara á Bangladesh. Nos campos de refuxiados do país asiático localízase a meirande parte do pobo. Só no campo de Cox's Bazar hai máis de 870.000 persoas. No lugar, amais da violencia entre bandas denunciada polos refuxiados, produciuse un incendio a comezos de 2022 que arrasou boa parte das instalacións. Piden axuda á ONU Representantes dos rohingya reuníronse esta semana con Michelle Bachelet, Alta comisionada da ONU para os dereitos humanos, durante a súa visita a Bangladesh, a quen lle solicitaron que a institución actúe de maneira decidida. "Vemos que o rol da ONU só se concentra en recoller información, emitir declaracións e brindar meras garantías, non podo crer que unha plataforma tan poderosa precise tanto tempo para crear unha contorna segura para a repatriación", defendeu Khin Maung, voceiro da mocidade roghinya. Pola súa parte, Bangladesh respondeu as críticas pola situación humanitaria dos rohingya lanzando unha iniciativa moi cuestionada tanto polos afectados como polas organizacións de dereitos humanos, que consiste en enviar até 100.000 rohingya a unha illa deshabitada no golfo de Bengala, en contra da súa vontade e sen ter permitido saír dela. Até 30.000 foron desprazados alí até o de agora. Amais, a súa primeira ministra, Sheij Hasina, trasladou a Bachelet que os rohingya deben regresar a Myanmar. Entrementres, milleiros de refuxiados que permanecen nos campos saen periodicamente a manifestarse de forma pacífica, solicitando apoio para volver a casa e para que Myanmar teña que anular a lei de 1982 que lles quitou a nacionalidade birmana. Os golpistas en Myanmar condenan a Aung San Suu Kyi a catro anos de prisión Os militares birmanos aumentan a represión para manter o poder Máis de 2.100 persoas morreron a mans dos militares birmanos desde o golpe de Estado de comezos de 2021, sinala a Asociación para os presos políticos do país, que denuncia un aumento da represión, ao ser o Exército dirixido por Min Aung Hlaing incapaz de conter os grupos que se opoñen á ditadura. Amais manteñen en prisión a Aung San Suu Kyi, líder de Myanmar durante o xenocidio contra os rohingya. |
PRAZA_17823 | Obtivo o título tras vencer na prórroga á selección de Francia (28-24). A selección masculina acadou o subcampionato, caendo na final ante os franceses (10-15). Uxía Castro, xogadora do compostelán Estrela Vermelha, de 19 anos, foi elixida MVP do torneo, celebrado en Lorient. | Campioas e subcampións. A participación de Galicia no Campionato de Europa de fútbol gaélico, que tivo lugar no marco da programación do Festival Intercéltico de Lorient, saldouse cun incontestable éxito. A selección feminina obtivo o título tras vencer na prórroga á selección de Francia (28-24), mentres que a selección masculina acadou o subcampionato, caendo na final ante os franceses (10-15). Ambos os dous combinados galegos chegaron invictos a esta final. Uxía Castro, xogadora do compostelán Estrela Vermelha, de 19 anos, foi elixida MVP do torneo. As dúas finais, xogadas este domingo estiveron moi igualadas. Na final masculina ambos os dous equipos chegaron empatados ao descanso, pero un empurrón francés nos últimos 15 minutos fixo que o título ficara no seu poder. Pola súa parte, a final feminina rematou en empate; tras disputarse unha prórroga de 20 minutos, na que as forzas xa escaseaban, as galegas foron quen de alzarse coa vitoria. Para a Asociación Galega de Fútbol Gaélico, os resultados "consolidan a Galicia como unha referencia internacional dentro deste deporte, demostrando o crecente nivel do fútbol gaélico galego no mundo". "O obxectivo era acadar ambas finais e disputalas ata o final, e creo que o conseguimos. Se ademais nos traemos o título feminino, xa non podemos pedir máis", destacan dende a AGFG. "Agora toca mirar ao mundial de Dublín 2019", engaden. Os proxectos a curto prazo dos combinados nacionais galegos son, alén do campionato europeo e do Mundial de Dublín 2019, a posibilidade de realizar algún partido internacional amigable en terras galegas. A AGFG propuxo, así mesmo, o obxectivo de potenciar a base do fútbol gaélico, polo que se buscará nun futuro próximo poder contar con seleccións de categorías inferiores. Galicia e Francia xa se enfrontaran o pasado ano en Ourense, nun dobre amigable que xa demostrara a capacidade das seleccións galegas para competir ao máximo nivel. No 2015 a selección masculina acadou o subcampionato do mundo, sendo terceira un ano despois, nun torneo no que a selección feminina gañou a final de consolación. O EuroGames 2018 (Euro Gaelique 2018) é o primeiro campionato de seleccións europeas que se celebra e contou, xunto co galego, cos conxuntos nacionais de Bretaña, Francia, Alemaña e Gascoña (inicialmente inscrita baixo o nome de Occitania). O torneo nace con afán de ter continuidade no tempo e coa intención de ir medrando e sumando máis equipos nas edicións seguintes. Os resultados Campionato feminino. Formato: goles-puntos (total) Francia 0-7 (7) / 4-6 (18) Galicia Alemaña 0-2 (2) / 7-12 (33) Galicia Bretaña 1-2 (5) / 5-10 (25) Galicia Final: Galicia 4-16 (28) / 3-15 (24) Francia Campionato masculino Gascoña 0-4 (4) / 1-11 (14) Galicia Francia 0-9 (9) / 4-4 (16) Galicia Galicia 11-11 (44) / 1-2 (5) Alemaña Bretaña 2-3 (9) / 1-6 (9) Galicia Final: Galicia 2-4 (10) / 1-12 (15) Francia Os nomes das e dos seleccionados Convocatoria feminina: Leti (Fillas), Lucia (Estrela Vermella), Ánxela (Estrela Vermelha), Paula (Fillas), Lore (Herdeiras de Dhais), Sonia (Fillas), Laura (Fillas), Carme (Pontevedra), Alba (Auriense), Mery (Fillas), Naza (Herdeiras de Dhais), Laura Nercellas (Herdeiras de Dhais), Uxía (Estrela Vermelha) e Vane (Estrela Vermelha). Convocatoria masculina: Mancu (Irmandinhos), Julián (Fillos), Brais (Estrela Vermelha), Jacobo (Auriense), Juve (Irmandinhos), Bermejo (Estrela Vermelha), Kanario (Irmandinhos), Panzu (Irmandinhos), Santalla (Herdeiros de Dhais), Álex (Estrela Vermelha), Adriano (Estrela Vermelha), Couso (Estrela Vermelha), Leborán (Estrela Vermelha), e Víctor (Fillos). |
NOS_33064 | A Câmara dos Deputados do Brasil decidirá nas próximas semanas, se aceita ou não a denúncia contra o presidente Michel Temer. Governo ainda possui maioria, mas perde força e novas denúncias virão. | Michel Temer foi denunciado pela Procuradoria Geral da República acusado de corrupção ao comprar o silêncio do ex-presidente da Câmara dos Deputados, Eduardo Cunha, preso desde o fim do ano passado. A denúncia foi feita após o empresário Joesley Batista ter delatado o presidente para a Procuradoria. Batista gravou uma conversa do presidente aonde releva os planos de corrupção. Para a denúncia ser aceita no parlamento, são precisos 342 votos dos 513. Em entrevistas, Temer e seus assessores afirmam que o governo possui votos suficientes para impedir que a denúncia seja admitida, porém, o número de aliados está a diminuir a cada dia e possibilidade de a Câmara votar em massa contra o presidente aumenta. A perda de apoio está relacionada a novos escândalos. O procurador Geral da República, Rodrigo Janot, prepara uma segunda denúncia contra o presidente. E outros três políticos ligados a Temer, presos pela Operação Lava Jato (que investiga corrupção no Brasil há três anos) podem fazer delações contra o presidente em troca de redução da pena, a chamada delação premiada. São os possíveis delatores o ex-presidente da Câmara, Eduardo Cunha, e o ex-ministro Geddel Vieira Lima, ambos do PMDB de Temer, e o broker Lúcio Funaro, acusado pela Operação Lava Jato de ser o operador financeiro do esquema de corrupção do partido. Funaro já negocia os termos da delação, o advogado de Cunha já demonstrou interesse e Lima é conhecido no meio político por falar demais. Essas possíveis delações aumentam a instabilidade na política brasileira e parte dos deputados já fala numa eventual queda de Temer e a ascensão do atual presidente da Câmara, Rodrigo Maia do Partido Democratas. Se a Câmara dos Deputados aceitar a denúncia o caso irá para o Supremo Tribunal Federal que também precisa admitir o pedido. São 11 juízes e bastam 6 para a denúncia ser aceita. Nesse caso, Temer seria afastado por 180 dias enquanto o Supremo julga o caso. |
NOS_33835 | A portavoz nacional fixa como reto avanzar nas eleccións locais para estender os gobernos municipais do BNG, "exemplos de xestión que melloran a vida da xente". | O Bloque Nacionalista Galego celebrou este sábado o Consello Nacional, o máximo órgano entre asembleas, no que fixaron como reto prioritario preparar as eleccións municipais para "aumentar a nosa presenza en vilas e cidades de todo o país", tal e como demandou na súa intervención a portavoz do BNG, Ana Pontón. Pontón puxo en valor "a súa mellor carta de presentación" para conseguir ese avance: os gobernos municipais do BNG, "exemplos de que é posíbel transformar en positivo e mellorar a vida da xente". Ademais, a nacionalista lanzou unha mensaxe á militancia para traballar "desde xa" para "abrir un tempo novo e poñer en marcha a Galiza en grande que nos merecemos", e insistiu en que as eleccións municipais son "a primeira oportunidade para facelo". No seu discurso, do que informou o BNG nun comunicado, Pontón tamén fixo referencia á actual situación económica. Sinalou que o último dato do IPC "subiu máis na Galiza que no resto do Estado", a pesar de que o país conta con "as segundas pensións máis baixas e os salarios tamén están á cola". Nesta mesma liña, Pontón volveu insistir na necesidade dunha tarifa eléctrica galega e un cambio de lexislación que poña fin aos beneficios do "lobby eléctrico". Neste contexto, a líder nacionalista criticou que "nin Feijóo nin o PP son a solución, senón parte do problema" e postulou ao BNG como alternativa aos populares galegos con "traballo serio, propostas en positivo a favor de Galicia, honestidade, política con maiúsculas e seguir ampliando a nosa base social". Crise interna do PP A portavoz nacional tamén fixo referencia durante a súa intervención ante o Consello Nacional á guerra interna que saíu á luz esta semana no Partido Popular. Ana Pontón asegurou que se comproba así que "a corrupción no PP non se conxuga en pasado, senón en presente. É a marca do Partido Popular". Pontón cualificou de "gravísimo" o que se está vendo nos últimos días e acusou ao líder do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo de "sinalar o dedo e non a lúa" porque "no canto de reclamar que a Fiscalía investigue o caso, o que pide é que os trapos sucios se laven dentro de casa". Por último, a portavoz do BNG sentenciou que "mentres Feijóo dá consellos sobre como apagar incendios en Genova 13, os problemas en Galicia non deixan de medrar". |
PRAZA_1145 | Ela representábase como a xusta medida das cousas. Gustábanlle os clixés e non recoñecía as farsas. El sentía a retribución psicolóxica que a sociedade brinda cando agachas a cabeza e pasas polo aro. | V perdera un soño. Agora só aspiraba a tocar na súa voda co grupo de amigos, para demostrarse que trala gravata amarela vivía un home moderno, quería fundar o seu propio Libro de Familia, para mostrar ás institucións que era un home san e moral, 'normal', vamos, deses que poden doar sangue. S dende nena soñara con verter todo o seu desexo noutro, non nunha apertura, senón nunha proxección. Velaí a grande diferenza. Dende nena, co seu carriño de bonecas, intuíra que podía quererse a través dun ser alleo: narciso precisa reflectirse noutro, porque do reflexo das propias pupilas no espello só se obtén a visión do abismo. No pasado V quixera saltar o protocolo, pero non soubo ben nin como nin onde facelo. Quería ser creativo e ter unha vida bohemia, pero, oes, bohemia chic. Probaba con mulleres sensibles, coma el, con mulleres neuróticas, coma el, con homes vaidosos, coma el,... mais nada saía ben porque el non saía de si. Fora un enfermo de amor, deses que buscan relacións erróneas para que o cerebro segregue anfetaminas, porque non aprendeu a facelo el so. Ademais, V tiña medo de que todo fose ben, porque tiña pánico á perda. Así, a ferida narcisista nunca cicatriza e o córtex intenta, extenuado, integrar as emocións e os pensamentos en algo que se dá en chamar eu. S sempre mostrara moito discernimento: sendo bolseira xa gañara a admiración dos colegas de xornal con reportaxes sobre perruquerías caninas. Ela era a sensata, non como as compañeiras de prácticas, que non gastaban os cartos en zapatos de deseño. Ti es máis madura, dicíanlle os adultos profesionais, que confundían, como debe ser, a madurez coa domesticación. V recoñeceu a súa falla e estivo certo de investir, esta vez, a libido en algo seguro. O que precisaba a súa fisura existencial era unha inxección de aprobación social. V fora contratado por unha empresa de marketing, grazas a algún coñecido de medio-alto standing, e alí estaba S: só a laca de unllas rompía o gris da súa mesa. Pero non só foi perfecta a manicura, non, todo foi perfecto: mesmos horarios, mesmas expectativas vitais. El lograra facerlle un torniquete ao seu ego fisurado e desenvolvera un perfil baixo, sen moitas máis esixencias que facer diñeiro e unha interpretación correcta do rol social, be the man with the world at his feet. Ben, dilatáronse as súas pupilas e os seus subconscientes entenderon que as súas necesidades ían poder ser cubertas. O desexo dun nútrese co desexo do outro, they're going higher. A química púxose a funcionar e, Margaret Mead ao altar, os seus sistemas psíquicos representaron a trama cultural. A subxectivación non son ideas que temos, son ideas que somos e os mecanismos correctivos nunca dormen... A xente enfádase cando negas a consistencia de calquera sentimento, e é normal, porque séntense con intensidade: I was made for loving you, baby, you were made for loving me. Non é de recibo, claro, dicir que non é nada persoal nin singular e tampouco universal. -Quero que sexas a nai dos meus fillos, ofreceulle V, moi romántico, a S, live in dream, sunday girl! Ela ao principio contaba a experiencia coma se fose un sábado en Notting Hill. Despois xa a privatizaba, coma ben marca o réxime burgués, e a enmarcaba dentro do estrito cerco da parella. A partir de aquí do que o cerebro prové é algo máis parecido aos tranquilizantes. É cando se lle chaman afectos ás dependencias e todo vai seguido porque a canle por onde dirixir o desexo está perfectamente definida. Chámanlle instinto. -Ah, ti segues de teenager?, preguntoulle inocentemente a unha coñecida que buscaba axencias de viaxes. Ela representábase como a xusta medida das cousas. Gustábanlle os clixés e non recoñecía as farsas. El sentía a retribución psicolóxica que a sociedade brinda cando agachas a cabeza e pasas polo aro. V non esixía pureza nas relacións, pureza é xenerosidade de espírito, bastáballe con que cadaquén cumprise a súa función. Estaba programado para triunfar. Dun xeito ou doutro. Éxito ou revolución? Tíñao claro. Agora levaba un toque hipster, un toque apolítico, que significa non cuestionar a lei. Isto significa ser salvaxe: igual que o narrador non é o autor, o nomos non é a physis. O grande logro da sociedade do espectáculo é xerar superestrutura sen cultura, o único que importa é que a brillantina non falle. V quedaba algún sábado cos amigos para pasear aos bebés, 'pois ser macho non obriga a colocarse do lado do phallum'. Víase unha certa transferencia de códigos, pero ningunha subxectividade nova. V non sabía para que facía as cousas, ás veces tiñan un sentido e acotío o perdían, mais el sabía conter as palabras. Cada un fai o que pode, en cada momento. Pero sucede un día calquera que a grava enche os zapatos, I know there's something missing inside. S ben o vía, pero a mente é unha instancia infalible para velar o que non queremos constatar. Un día V, coas convulsións da metamorfose, morreu. Fuxindo do destino, iso que arrebata calquera categoría, topouse con el. Achegouse en espiral ao centro do sismo e vese nas galaxias que é o movemento natural. O escenario é frío sen bambolinas, si, e sentiu duelo ao despedirse, claro, pero o duelo só é melancolía por non ter onde pousar a libido. Un novo cosmos rebentará do caos, predicaron no deserto. Nada existe, e o principio de realidade tampouco: o réxime de verdade é réxime do poder. Is it time for storming weather? |
NOS_32418 | O presidente de Aclunaga, Fernando Alcalde, recoñece que de non se concretar en breve a construción deses dous buques, o sector "corre o risco de morrer no seu intento de chegar á beira" | Xa non son só os sindicatos e representantes dos operarios do naval galego quen amosan a súa fonda preocupación polos famosos floteis de Pemex, vendidos pola Xunta de Feijóo hai seis meses como cousa feita para os estaleiros galegos e dos que, porén, non hai realidade palpábel algunha nas bancas do naval. Tamén desde Aclunaga, o Clúster do Naval de Galiza, comezan a dar sinais de inquietude e preocupación. Nunha entrevista na Radio Galega, o presidente deste Clúster, Fernando Alcalde, se os tan prometidos floteis non comezan a se construír en breve, o sector mergullarase en ERE extintivo após ERE extintivo, Pois hai "máis de 10.000 empregos a piques de desaparecer". Alcalde recoñece que o sector naval "corre risco de morrer" se non hai xa carga e traballo nos estaleiros de Galiza. Aliás, o presidente de Aclunaga afirma que tanto tempo de espera dos floteis "é moito tempo, quizás demasiado", se ben tentou botar un cabo á Xunta dicindo que se movía nas marxes "do esperábel". Conflitividade Aclunaga tamén quixo enviar unha mensaxe a navegantes, ao afirmar que o que menos conviña ao naval galego era "conflictividade", quizás consciente de que a perda continuada de milleiros de empregos en Ferrol e Vigo nestes anos, que se acentuaría co escenario para os vindeiros meses, provocaría a mobilización dos traballadores. |
PRAZA_13364 | As oitenta persoas que xa se dirixiron ao colectivo coinciden en que foron "enganados" polos responsables das sucursais das entidades financeiras, principalmente Caixa Galicia e Caixa Nova. Celebrará unha nova reunión informativa este domingo na Casa da Cultura de Ferreira do Valadouro. | A plataforma que agrupa os afectados pola estafa das participacións preferentes na Mariña segue avanzando na súa constitución e no seu labor de difusión e información. Son case un cento as persoas da comarca que até o de agora lle comunicaron o seu problema concreto, despois dunha reunión, celebradada a pasada semana, á que asistiron ao redor de sesenta afectados e afectadas, a maior parte clientes das antigas Caixa Galicia e Caixa Nova. A plataforma celebrará unha nova reunión informativa este domingo ás cinco da tarde na Casa da Cultura de Ferreira do Valadouro A plataforma celebrará unha nova reunión informativa este domingo ás cinco da tarde na Casa da Cultura de Ferreira do Valadouro. Entre os estafados hai persoas do Valadouro, Alfoz, Burela, Cervo, Xove, Barreiros, Ourol, Viveiro, Trabada, A Pontenova, Riotorto, Mondoñedo, Lourenzá, Foz e Ribadeo. Advirten que "toda axuda será benvida" pero tamén de que "non permitiremos que ninguén intente utilizar este problema para gañar méritos de forma persoal ou ascender politicamente grazas aos nosos males, e un tema moi serio e que está causando moita dor na xente para que se queiran aproveitar do mesmo". Dende a plataforma din ter "a total seguridade de que hai moitos máis afectados", e por iso seguen facendo un chamamento a todo o mundo "a que revise os seus contratos, en moitos casos hai xente que está indo a entidade bancaria a preguntar e estanlle contestado que estean tranquilos que non é o caso, e moita xente sigue a confiar neles e marcha tranquila para as súas casas ata que se encontra con que lle fan falta os cartos e non os pode sacar". Dende a plataforma din ter "a total seguridade de que hai moitos máis afectados", e por iso seguen facendo un chamamento a todo o mundo "a que revise os seus contratos" Aseguran que "todos os afectados coinciden en algo, en que foron totalmente enganados polas persoas das entidades bancarias, en moitos dos casos directores e subdirectores, persoas de confianza das cales se fiaron totalmente e que lles aconsellaban este tipo de produto como algo fiable e seguro". A plataforma explica que "vendían este tipo de contrato como un prazo fixo pero coa vantaxe de que tiña un maior interés, era un producto totalmente fiable, seguro e sen riscos, co capital invertido totalmente asegurado e poderías dispoñer do diñeiro en calquera momento sempre que lle fixese falta, e que a única condición era a de avisar 15 días antes". Chama a todos os afectados a denunciar a súa situación, pois "non debemos de ter medo nin vergoña en contar o noso caso nin en recoñecer que fomos enganados" Por todo isto, a plataforma denuncia que se trata dunha "estafa bancaria en toda regra" e dun "abuso por parte dos empregados das entidades da confianza depositada neles polas persoas contratantes". E chama a todos os afectados a denunciar a súa situación, pois "non debemos de ter medo nin vergoña en contar o noso caso nin en recoñecer que fomos enganados, en tal caso os avergonzados teñen que ser nestes intres esa persoas que xogaron coa nosa confianza e o noso diñeiro", din. |
NOS_38765 | Adoptaron esta decisión nas asembleas realizadas a primeira hora da mañá nas diferentes estacións de autobuses. A quinta xornada de paro está a ter un seguimento masivo. | Os traballadores do transporte de viaxeiros por estrada aprobaron esta terza feira estender a greve a todos os días da semana a partir do vindiero 13 de xullo. É dicir, os paros pasarían a ser de segunda feira a domingo e non só terza e cuarta feira, como están a realizar agora. A decisión adoptárona por práctica unanimidade nas asembleas realizadas nas diferentes estacións de autocarro, como as de Compostela, A Coruña, Lugo, Ourense, Vigo, Ferrol e Pontevedra. A decisión adoptouse a proposta dos sindicatos e tivo lugar na quinta xornada de greve do sector, que está a ter, igual que as catro anteriores, un seguimento masivo por parte dos 7.000 traballadores do sector, segundo os sindicatos. A Xunta fixou uns servizos mínimos en 40%, se ben este cumprimento está a ser baixo. As negociacións entre a Consellería de Infraestruturas e os sindicatos convocantes (CIG, CCOO e UXT) continúan após a mantida esta segunda feira e na que, recoñecen ambas as dúas partes producíronse avanzos. Así, chegouse a un acordo de subrogación, que as centrais queren blindar co necesario financiamento. A cuarta feira acollerá unha nova xuntanza entre administración e sindicatos. De por parte, patronal e centrais terán unha xuntanza de conciliación esta terza feira no Consello Galego de Relacións Laborais, para abordar os convenios, un dos alicerces -canda a retirada do plan de transporte da Xunta- da greve. En ampliación |
NOS_54058 | As portas xiratorias son un dos asuntos máis escabrosos da política. A falta de regulación permite que políticas e políticos sentados nun despacho público pasen a dirixir empresas, facendo negocios mesmo en sectores que dependen moito das decisión gobernamentais. | Até 58 ex altos cargos políticos españois traballaban para compañías que cotizan no IBEX 35. Felipe González, Villar Mir, Josep Piqué son algúns dos nomes máis coñecidos. Galiza non é unha excepción. O caso máis relevante no país é o de José Antonio Carlos Del Álamo Jiménez, director xeral de Montes entre 1990 e 1996 e conselleiro de Medio Ambiente entre 1997 e 2003. A oposición enarbora regularmente o seu asento no Consello de Administración de ENCE Energía y Celulosa -onde comparte despacho con outros cargos conservadores como a exministra de Medio Abiente Isabel Tocino e o exsecretario de Estado de Augas Pascual Fernández- ao denunciar o trato de favor do PP á industria instalada na concesión pública de Lourizán. Con todo, o ex-gobernante ten outros moitos intereses empresariais na Galiza e non tan coñecidos. Negocios que ademais se benefician de adxudicacións de contratos por parte de administracións públicas. Así, por exemplo, Del Álamo é vicepresidente de Técnica y Proyectos SA (TYPSA). Esta consultora madrileña acaba de co-realizar parte da reforma da ponte de Rande, en concreto o deseño da ampliación, mediante un orzamento de 37 millóns do total dos 93 que custou a obra. TYPSA fixo esta obra a través da súa filial MC2 Estudio de Ingeniería, que controla ao 100%. [Podes ler a reportaxe íntegra no Sermos Galiza 281, á venda na loxa e nos quiosques] |
NOS_27115 | O país caribeño avanza, após a morte de Isabel II, a súa intención de converterse en república para "culminar o proceso de independencia" do Reino Unido. | O pasamento da raíña Isabel II do Reino Unido comeza a desencadear as primeiras reaccións na Commonwealth. O primeiro ministro de Antigua e Barbuda, Gaston Browne, vén de anunciar a convocatoria dun referendo republicano de aquí a tres anos. A nación caribeño segue así os pasos de Barbados, cuxa cidadanía votou o pasado ano a favor de abolir o réxime monárquico e constituírse en república parlamentaria, elixindo Sandra Mason como primeira presidenta do país. Gaston Browne asinou este sábado un documento que ratificaba o status de Carlos III como novo monarca e polo tanto xefe de Estado, mais uns minutos despois avanzou que impulsaría un referendo en Antigua e Barbuda. Carlos III, proclamado novo monarca do Reino Unido mentres agroma un republicanismo aínda minoritario "Este non é un acto de hostilidade nin supón diferenzas entre Antigua e Barbuda e a monarquía, mais é o paso final para completar o proceso de independencia, para garantir que sexamos realmente unha nación soberana", dixo Browne, en declaracións á canle ITV. A decisión xa lla trasladara o primeiro ministro ao conde de Wessex, Eduardo —o fillo menor de Isabel II—, nunha visita á illa o pasado marzo, na que lle pediu que botase man da súa "influencia política" para lograr unha "xustiza reparadora" que culminase coa proclamación da república. Falece Isabel II de Inglaterra, tras un reinado de 70 anos Tamén os dirixentes doutras nacións integradas na Commonwealth como Xamaica ou Belice informaron dos seus desexos de seguir os pasos de Barbados e, se todo avanza segundo o anunciado por Gaston Browne, de Antigua e Barbuda. Pola súa parte, as autoridades de Australia e Nova Zelandia oficializaron este domingo o ascenso á Coroa de Carlos III e proclamaron a súa "lealdade" ao novo rei. |
NOS_22433 | Baixo os lemas "renovábeis si, pero non así" e "eólica así non". | Na mañá ddo domingo tivo lugar unha andaina para protestar contra os proxectos de instalacións de megaparques eólicos na Serra da Groba. Baixo os lemas "renovábeis si, pero non así" e "Eólica así non", centos de persoas fixeron a pé e en bicicleta un percorrido de 9,7 quilómetros con saída no Alto da Mata e finalización en Loureza. Os e as manifestantes, convocados polo Instituto de Estudos Miñoráns, expresaron con esta acción o seu rexeitamento "ao modelo enerxético da Xunta da Galiza", que pretende instalar 44 aeroxeneradores repartidos en seis parques eólicos por toda a serra, así como catro subestacións de transformación e transporte. . O acto contou co apoio de organizacións como Adega, Ecoloxistas en Acción, Verdegaia e Greenpeace Galiza, así como formacións políticas como Podemos e o BNG, quen reclamará no Parlamento Galego "a máxima protección medioambiental para a Serra da Groba". A produción de enerxía eólica atópase na Galiza en máximos históricos. Segundo os datos fornecidos pola Rede Eléctrica Española, a potencia instalada atinxiu en 2020 os 3.829 megawatts (MW), sinalando a Asociación Eólica Galega (AEG) que a xeración de enerxía por esa vía situouse en 999,23 quilowatts (kW) por hora. Malia que a Galiza é o segundo produtor eólico do Estado e nesa mesma anualidade exporta 28% da electricidade xerada, as compañías enerxéticas teñen actualmente en tramitación no país máis de 10.000 MW, o que supón aumentar a potencia instalada en máis de 72%. |
NOS_32698 | Unha enquisa de Metroscopia confirma o cambia de escenario no Estado, onde do bipartidismo pasaríase a un sistema de catro partidos principais, con dúas forzas novas ocupando os eixes que antes monopolizaban populares e socialistas. @s de Pablo Iglesias serían @s máis votad@s. | Podemos volve aparecer como forza máis votada nunha eleccións xerais, se ben emite os seus primeiros síntomas de esgotamento e semella tocar teito, o que non eclipsa un resultado espectacular segundo a enquisa de Metroscopia que publica este domingo o diario El País, que confirma o novo escenario estatal, onde o bipartidismo desaparece e a formación de Pablo Iglesias e Ciudadanos aparecen como forzas en ascenso ante a decadencia de PP e, especialmente, PSOE. A suma de Podemos e Ciudadanos supera xa en votos á de PP e PSOE. Os primeiros consiguen un 27,7 de estimación e os segundos un 12,2; namentres que o partido de Rajoy ten un 20,9 e o de Pedro Sánchez afúndese nun 18,3. Este último dato semella revelador da crise socialista e do actual líder, que xa nin sequera atopa un espazo de apoio no diario de Prisa, que foi o seu principal defensor nun principio. Deste xeito, cada vez parece máis complicado que chegue a ser candidato se xorden outras opcións, como podería ser Susana Díaz. IU e UPyD seguen moi por debaixo das novas forzas que entraron no seu espazo; na enquisa non hai datos sobre nacionalistas Se PP e PSOE xa nin sequera terían asegurado o poder cunha grande coalición, outros prexudicados do inquérito son forzas que anteriormente recibían aos decepcionados do bipartidismo pero que están a ser superadas por Podemos e Ciudadanos. Unha é Izquierda Unida (que fica nun 6,5) e outra UPyD, cun 4,5. A enquisa céntrase nas formacións estatais e non ofrece datos sobre as nacionalistas. |
NOS_2457 | Apontan a reparticións de máscaras casa por casa por concelleiras ou á campaña de alcaldes e alcaldesas de Ourense, | A plataforma social Varanda Viva denuncia "prácticas caciquís e clientelares do PP na xestión local da crise do Coronavirus". A través dun comunicado manifesta o seu "rexeitamento pola utilización contrastada e confirmada de métodos clientelares por parte de cargos públicos do Partido Popular no desempeño das súas funcións institucionais". A plataforma cita reparticións en man por parte de concelleiras de máscaras "en vivendas concretas do rural", así como o de "lambetadas entre crianzas, mesmo vulnerando as normas máis elementais de confinamento e distanciamentos social". Engaden tamén a polémica campaña de alcaldes e alcaldesas do PP de Ourense, que sitúan no "intento de xerar deliberadamente unha confusión calculada entre institucións (Xunta, Deputación de Ourense, concellos) e o Partido Popular, co ánimo de provocar a falsa idea de ser este partido, e non as institucións representativas quen resolven os problemas máis urxentes da sociedade". Varanda Viva fai un chamamento "a todas as forzas políticas, e especialmente ao Partido Popular", para a "erradicación definitiva destas prácticas". |
NOS_48329 | Máis de 170 colectivos participarán o vindeiro 11 de decembro das 22 mobilizacións convocadas en diferentes puntos do país contra a "invasión eólica". A coordinadora 'Eólica, Así Non' defende que "outro modelo de renovábeis é posíbel" para que o vento galego "non fique en mans do oligopolio enerxético". | "Están a roubar a terra, que precisamos para producir. Será a extinción do rural galego". Con estas palabras deu nesta sexta feira a voz de alarma a coordinadora 'Eólica, Así Non', apoiada por 172 organizacións ecoloxistas, políticas e sociais de todo o país que rexeitan o actual modelo de desenvolvemento das enerxías renovábeis e urxen unha "reformulación total" do mesmo. Tras o éxito da manifestación na que milleiros de persoas percorreron as rúas de Compostela o pasado 5 de xuño, o tecido asociativo galego convoca 22 mobilizacións simultáneas en diferentes puntos do territorio para o sábado 11 de decembro, coincidindo coa conmemoración do Día Internacional das Montañas. 'Eólica, Así Non' chama á mobilización en Antas de Ulla, Becerreá, Bembibre, Bueu, Carral, Castro Caldelas, Cerdedo, Chantada, Coristanco, Ferrol, Folgoso do Courel, Foz, Gondomar, A Lama, Laza, Lugo, Marín, Mazaricos, Meira, Pontevedra, Vila de Cruces e Vilalba. "Os ecosistemas montañosos vense especialmente afectados por esta invasión eólica, e son fundamentais para a nosa vida xa que deles emanan fontes de auga e de alimento esenciais para o noso desenvolvemento como sociedade", salientou a vogal de Comunicación da Aasociación para a Defensa Ecolóxica da Galiza (Adega), Belén Rodríguez. Neste senso, lembrou que aos 209 parques eólicos xa operativos ou con autorización definitiva na Galiza cumpriría engadir os arredor de 300 que se atopan en diferentes fases de tramitación e que, de saíren adiante, elevarían a cifra ao medio milleiro. "Ocuparían boa parte de cumios, cordilleiras e outros espazos de gran relevancia natural e ambiental, e onde vive boa parte da nosa poboación rural, a máis esquecida e asoballada por estes proxectos. Son tantos que non somos capaces de alegar contra todos eles", dixo. A "falsa moratoria" da Xunta Paulo Carril, secretario xeral da Confederación Intersindical Galega (CIG), cualificou de "falsa" a moratoria eólica anunciada en outubro pola Xunta, que só afectará os parques que inicien os trámites a partir de xaneiro de 2022. "Pretende confundir e desmobilizar, e igual que aconteceu coa falsa moratoria do eucalipto, incentivará as promotoras a presentaren os seus proxectos axiña, antes de que remate o ano", criticou. A moratoria, defendeu o líder sindical, debe ser "inmediata" e ten que paralizar tamén "os proxectos en trámite", a fin de traballar na "reformulación e mudanza radical do modelo enerxético" para que este "se fundamente no aforro, o autoconsumo, a soberanía enerxética e a xestión pública destes recursos ao servizo da sociedade galega". "O vento non pode ficar en mans do capital e os oligopolios eléctricos", engadiu Carril. Cómpre salientar, así mesmo, que a moratoria do Goberno galego exceptúa "aqueles proxectos que teñan unha clara incidencia territorial pola súa entidade económica e social, posúan unha función vertebradora e estruturante do territorio e sexan declarados como tales polo Consello da Xunta". En representación do Sindicato Labrego Galego (SLG) interveu Margarida Prieto, quen salientou que as explotacións agrogandeiras galegas teñen "un importante problema de acceso á terra, cunha das medias máis baixas de superficie agraria útil do Estado". "Vannos roubar o monte, desertizalo e botar a xente do rural. A transición ecolóxica non pode producirse á custa de destruír os nosos bosques e convertelos nun espazo industrial. Non podemos permitir que se aprobe nin un só proxecto, por iso estaremos o 11 de decembro en todas as comarcas", sentenciou. Tamén Manuel da Cal, coordinador xeral da Federación Rural Galega (Fruga), incidiu nesta cuestión: "Todos estes proxectos de macroeólicos forman parte dun plan perfectamente deseñado pola Xunta, no sentido de esquilmar cada vez máis o rural, crear condicións negativas para vivir aquí, prezos baixos dos produtos... E a isto engádese a invasión eólica, que expulsará as e os labregos do seu territorio". O presidente da asociación de consumidores Acouga, Manuel Pérez, puxo o foco en que o actual modelo eólico "aféctanos a todos como usuarios", e destacou as "afeccións sobre a saúde humana" que provocan os muíños situados a escasos metros das vivendas. Aliás, Branca Villares, representante da veciñanza organizada de Guitiriz contra os parques eólicos promovidos no municipio, advertiu que "a vida nas aldeas sería case imposíbel porque minguaría a produción láctea das vacas, e a xente non podería ter unha vida digna convivindo con muíños de 200 metros de altura ao carón das vivendas". "Vivo nunha reserva da biosfera [Terras do Miño], e como consecuencia destes proxectos eólicos non só perderiamos os nosos acuíferos, senón que afectarían tamén numerosas especies protexidas. Somos unha das maiores reservas do Estado... Ímola dedicar aos muíños?", cuestionou. Campaña de 'crowdfunding' Noutra orde, a Asociación Rural Contemporánea e o colectivo veciñal Monfero di Non veñen de iniciar unha campaña de crowdfunding para sufragar a iniciativa GISimpactoGL, a través da cal estas organizacións pretenden elaborar mapas en 3D de todos os parques eólicos proxectados no Estado ofrecendo "todos os datos relacionados co patrimonio ambiental, cultural, demográfico, social, agropecuario e de turismo da Galiza". Congreso da eólica mariña en Ferrol A patronal galega do metal, Asime, xunto a Windar Renovábeis, Navantia e a Xunta, organiza os días 30 de novembro e 1 de decembro o V Congreso da Eólica Mariña, un evento que porá o foco nas "enormes capacidades" da Galiza para impulsar esta industria. Con todo, cómpre lembrar o rexeitamento rotundo do sector pesqueiro á instalación de muíños nas costas galegas pola afección directa sobre os caladoiros. Recentemente, confrarías galegas, asturianas e cántabras asinaron un manifesto conxunto contra a eólica mariña no mar Cantábrico. |
PRAZA_19027 | Foron arrestados en Pontevedra, Vigo e A Coruña por presuntamente agredir as súas parellas ou ex-parella en presenza dos fillos. | Tres homes foron detidos durante os últimos días en Galicia por agredir as súas parellas e ex-parella. Todos eles foron arrestados por un presunto delito de violencia de xénero en tres novos casos acontecidos en Pontevedra, A Coruña e Vigo nesta primeira semana de ano. Tres homes foron detidos na Coruña, Vigo e Pontevedra por un presunto delito de violencia de xénero O primeiro dos casos tivo lugar o pasado 5 de xaneiro pasada a media noite na cidade do Lérez, onde a policía local detivo un veciño de 33 anos por un suposto delito de violencia machista. Os axentes acudiron a unha vivenda logo da chamada telefónica que alertaba dunha forte discusión entre un home e unha muller ademais de choros de nenos nesa casa. Segundo as forzas de seguridade, a afectada tardou un tempo en poder abrir mentres pedía ao presunto agresor que llo permitise e non lle pegase máis. A muller contoulles aos axentes que fora agredida pola súa parella e amosoulles marcas no pescozo, ademais de manifestar que non era a primeira vez que ocorría e que xa o denunciara noutras ocasións. Todos os detidos terían agredido ás mulleres en presenza dos seus fillos No caso da agresión de Vigo, a policía local detivo o pasado sábado un veciño por pegar a súa muller na cara cando se atopaban, xunto á súa filla de seis anos, no domicilio que ambos os dous comparten. Segundo os axentes, o home atopábase consumindo substancias estupefacientes no momento da agresión machista. Na Coruña, o presunto agresor foi arrestado o pasado venres por terlle dado unha patada e unha labazada a súa ex-muller diante dos fillos que teñen en común. Segundo a policía local, o home presentouse ás 6 horas da madrugada no domicilio da muller para levar os agasallos de Reis aos dous fillos que teñen en común. Segundo as forzas de seguridade, ao ver a muller que o home se atopaba baixo os efectos de substancias estupefacientes propúxolle durmir no sofá á espera de que se erguesen os cativos. Ao esperar, segundo relatou a afectada, comezou entre ambos unha discusión na que o agresor acabou por darlle unha patada e unha labazada en presenza dos seus fillos. Estas tres detencións chegan tan só unhas semanas despois de que dúas mulleres foran asasinadas en Galicia en decembro, unha delas en Compostela e outra en Vigo. Precisamente, o pasado mes o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) facíase eco dos datos difundidos polo Consello Xeral do Poder Xudicial a respecto da actividade dos xulgados que abordan a violencia de xénero. En tan só tres meses, de xullo a setembro do pasado ano, estes xulgados recibiron 1.431 denuncias, un incremento interanual do 6%, en procesos que atinxiron a case 1.350 mulleres. Segundo o Observatorio contra a Violencia Doméstica e de Xénero, que procesa estes datos, a maior parte das denuncias por violencia machista recibidas nos xulgados galegos proceden de atestados policiais, máis do 65% do total. Nestes órganos xudiciais foron solicitadas 497 "ordes e medidas de protección" e delas foron aceptadas 348. Segundo os datos difundidos dende o TSXG o 81% dos axuizados en procesos por violencia sobre a muller acaban condenados, cinco puntos máis que no mesmo período do ano anterior. |
NOS_21942 | O colectivo de ex traballadoras e ex traballadores do Grupo de Empresas Álvarez (GEA) volveu esta quinta feira á Coruña, coincidindo coa vista previa da demanda civil presentada contra Inversiones Subel, a causa dos 2,5 millóns de euros que ten pendentes de pagar pola compra dos terreos que a antiga fábrica de louza ocupaba en Vigo. | Durante a vista na Audiencia Provincial da Coruña, desde o colectivo de afectadas solicitouse como proba testemuñal a comparecencia de Rafael Iglesias, que participou en todo o proceso de negociación da venda, así como do avogado de Subel que no seu momento retirou os cartos que a empresa depositara no xulgado. "Aínda que existe proba documental desa retirada queremos que testemuñe e explique que se fixo con ese diñeiro", sinala Marcos Conde, secretario comarcal da CIG de Pontevedra que hoxe acompañou ás traballadoras. Pola súa banda, Subel pretendía evitar a declaración de Iglesias (pola súa condición de secretario comarcal da CIG de Pontevedra cando se negociou coa empresa). Mais a xuíza aceptou incorporar o seu testemuño ao proceso. O xuízo oral quedou fixado para o 28 de xaneiro. "Agardamos que este sexa o final dun procedemento civil que dá continuidade ao procedemento laboral iniciado hai moitos anos por estas traballadoras e traballadores para cobrar o que lexitimamente lles corresponde", asevera Conde. De media, cada persoa ten pendente de recibir uns 30.000 ou 40.000 euros, xa que do total da débeda contraída por GEA só cobraron as cantidades do FOGASA. Antecedentes A inmobiliaria de Subel, propiedade de Luis Fernández Somoza adquiriu hai xa máis dunha década parte dos terreos que ocupaban as instalacións de GEA en Cabral e Coruxo (Vigo). Estas parcelas correspóndense co 25% dos terreos que lle tocou xestionar á CIG logo de que o Grupo de Empresas Álvarez pechase no ano 2001 sen pagarlle os salarios e as indemnizacións ao seu persoal. Subel ingresou unha parte do valor industrial, pero ás afectadas aínda lles resta por percibir (segundo o pactado entre ambas partes) a diferenza até o valor total que adquiriron os terreos logo de seren recualificados como urbanos. A CIG calcula que a contía pendente de pago é de 2.5 millóns de euros. Na fase de venda dos terreos, o empresario depositou 3.2 millóns de euros no xulgado que logo deu orde de retirar. Subel negouse despois a negociar "para dilatar o conflito de maneira indefinida", denuncia Conde. |
PRAZA_6940 | A xustiza condena os ex administradores da compañía a pagar 2,9 millóns polo prexuízo causado tras o atraso na solicitude do concurso dunha firma quebrada tras a inxección de millóns públicos e logo do apoio da Xunta, que preferiu un proxecto precario liderado por dirixentes do PP a unha unión solvente de cooperativas. | É a última de Alimentos Lácteos. O xulgado Mercantil de Lugo vén de condenar os que foran administradores da compañía, Eugenio Montero e Arcadio López, a pagar 2,9 millóns de euros polo prexuízo causado á empresa ao solicitar tarde o concurso de acredores. Ademais, foron inhabilitados durante dous anos para administrar bens alleos logo de ser os xestores dunha sociedade que é xa un paradigma dun fracaso empresarial no que os intereses políticos, os amiguismos e a irresponsabilidade foron protagonistas. A xustiza condena os xestores de Alimentos Lácteos a pagar 2,9 millóns e inhabilítaos dous anos como administradores Unha empresa quebrada que operou nas instalacións de Leche Pascual en Outeiro de Rei, que foi creada con capital cooperativo e que contou co apoio financeiro (e algún outro) da Xunta. Uns 9 millóns de euros de inxección pública xestionados por destacados militantes do PP, que agora foron condenados e cuxo proxecto foi elixido polo Goberno galego pasando por riba dunha unión de máis de vinte cooperativas liderada por Feiraco e que aspiraba a ser a semente do desexado grupo lácteo galego. Feijóo e Samuel Juárez, daquela conselleiro de Medio Rural, decidiron tomar outro camiño. E a viaxe acabou axiña. O atraso na petición de concurso fixo perder á empresa a indemnización de 2,5 millóns de euros para o persoal que pactara con Pascual A sentenza confirma a situación de insolvencia de Alimentos Lácteos desde "polo menos o ano 2011", que foi "admitida" pola empresa concursada e polso administradores. Pero non foi ata maio de 2013 cando se pediu a solicitude de concurso, coa empresa xa sen actividade, co pasivo subindo e o seu activo deprezado. Ademais, o ditame lembra que a compañía tería que ter solicitado o concurso antes do 23 de febreiro de 2013, data ata a que se podería ter aplicado unha cláusula do contrato de aluguer con Pascual polo que Alimentos Lácteos podería reclamar as indemnizacións para o persoal, de máis de 2,5 millóns de euros. Nin iso fixeron ben. Porque todo foi unha desfeita desde as súas orixes. A Xunta vendeu o proxecto como a semente dun grupo lácteo malia ter rexeitado as garantías da maior unión de cooperativas liderada por Feiraco e por xestores consolidados. O Goberno galego apostou claramente por dúas pequenas cooperativas amigas, La Arzuana e Gancobre, para levar o temón do proxecto. Eugenio Montero, tenente de alcalde de Touro polo PP, sería o presidente; o secretario, Arcadio López, número dous no goberno municipal, tamén do PP, na Pastoriza. Son os dous condenados. A Xunta elixiu o proxecto de dous dirixentes do PP en lugar dunha unión de máis de vinte cooperativas liderada por Feiraco Samuel Juárez, daquela conselleiro de Medio Rural, decidiu que esta era a mellor opción, malia que Feiraco conseguira reunir arredor do seu proxecto a maioría de cooperativas lácteas de Galicia para conformar un gran grupo galego. Era o máis serio e o que o mundo do agro vía con expectativas de futuro. Pero poucas horas antes de asinarse o compromiso, o ex presidente do PP da Coruña, Romay Beccaría, forza un xiro ante a sorpresa xeneralizada, tal e como denunciou en numerosas ocasións Unións Agrarias. Dun proxecto global a unha aposta reducida e vinculada a familias do Partido Popular. Un día antes de que a Xunta concedese a planta ás cooperativas lideradas por dirixentes populares, Samuel Juárez reuniuse en Madrid con Gómez-Cuétara, presidente e conselleiro delegado de Leche Pascual. Foi despois desa xuntanza cando Feiraco, que lideraba a outra oferta e tiña comprometidas as axudas da Administración autonómica, coñeceu que quedaba sen o proxecto que xa tiña asegurado. A súa sorpresa foi maiúscula. A decepción, tamén. Ninguén nunca explicou con claridade que pasou e por que se deu ese xiro. Alimentos Lácteos era a elixida, pero nin tan sequera era unha sociedade como tal, xa que non estaba inscrita no Rexistro Mercantil. Pascual abortou a operación, desconectou o teléfono e deixou tirado o proxecto cooperativo tras reunirse co conselleiro. Pascual abortou o acordo con Feiraco a última hora e por sorpresa para conceder a planta a unha empresa que nin existía como tal Alimentos Lácteos pretendía darlle alento ao sector lácteo galego a través dunha marca de valor engadido (Deleite) e pagando prezos dignos aos gandeiros. Para logralo, valeríase do cadro de persoal da antiga fábrica de Pascual en Lugo, 81 traballadores que así evitarían o paro ao que estaban destinados. Pouco tempo o fixeron. Hai 77 traballadores aos que a compañía adebeda 900.000 euros desde que as máquinas deixaron de traballar en Outeiro de Rei. E moitas máis débedas por pagar. Aos gandeiros chegóuselles a pagar a ridícula cifra de 20 céntimos por litro. Todo foi a peor. Na súa desfeita, a empresa arrastrou tamén centos de gandeiros, como os que acudiron ás ampliacións de capital entregando milleiros de toneladas de leite a cambio. "Se cadra era a solución menos mala de entre todas as malas, pero é obvio que a Xunta encargou o proxecto por enchufismo a cooperativas amigas que tiñan que asumir enormes procesos de industrialización e cunha complexidade moi grande; era algo demasiado ambicioso e sen as garantías suficientes", aseguraba a Praza ao confirmarse a liquidación Christian López, secretario comarcal de Fgamt-CIG e un dos voceiros do comité de empresa. Fruga solicita que se cree unha comisión de investigación no Parlamento para aclarar as causas da quebra Tras o xuízo, a Federación Rural Galega (Fruga) solicitou que se cree no Parlamento galego unha comisión de investigación para aclarar as causas da quebra de Alimentos Lácteos porque "se demostra que esta comisión é máis necesaria ca nunca para aclarar as contradicións nas que se incorreron e por que Eugenio Montero e Arcadio López foron cargos públicos do PP". |
NOS_44589 | Todo indica que nos vindeiros días oirase falar moito da Galiza e de Euskadi, pois a posición que tomen BNG e EH Bildu serán esenciais para a investidura no Estado. O escano que o PP arrebatou ao PNV en Bizkaia no reconto do voto CERA obriga o PSOE a asegurarse a abstención de Bildu e comprometerse cunha «axenda galega» para obter a indispensábel abstención ou 'si' do BNG. Fica case imposíbel a conformación do goberno se non contan co Bloque. | Por unha presa de votos recontados esta cuarta feira, 13 de novembro, procedentes do voto do electorado residente ausente (CERA), o PP gañou a súa única acta por Euskadi, e faino a costa do PNV, que baixou así de 7 a 6 actas, as mesmas que alcanzara nas urnas do pasado 28 de abril. Agora cos novos resultados o PSOE e Unidas Podemos deberán buscar novos apoios ou abstencións para aseguraren a investidura. Desta maneira, tórnase esencial a postura que tome EH Bildu e o compromiso que as forzas españolas tomen coa «axenda galega», condición esencial que o Bloque Nacionalista Galego enunciou para falar de cara ao proceso de investidura. Na maioría dos cenarios posíbeis a investidura vai depender dos acordos que as forzas estatais cheguen co BNG, cuestión sobre a que precisamente pivotou a campaña do nacionalismo co lema Facer valer Galiza. Os 155 votos de PSOE e Unidas Podemos non chegan O preacordo asinado por Pedro Sánchez e Pablo Iglesias parte dos 155 votos no Congreso dos Deputados que corresponden ás actas de PSOE e Unidas Podemos. Mais precisan sumar outras forzas, xa que na primeira sesión de investidura son necesarios 176 votos afirmativos, é dicir, unha maioría absoluta fronte á suma dos 'non' e das abstencións. De fracasar a votación, Sánchez podería acudir a unha segunda votación, onde xa lle bastaría con obter máis votos a favor que en contra, xa que as abstencións desta volta non afectarían. Así, para a primeira votación PSOE e UP precisan sumar 21 votos afirmativos alén dos seus 155, o cal parece de partida moi improbábel. Cenarios posíbeis Postas xa na segunda sesión de investidura, onde simplemente chega unha maioría simple de votos afirmativos, hai varias casuísticas posíbeis. O primeiro cenario precisaría da abstención do BNG. Nesas, no lado do 'si' bastarían os partidos do preacordo e os 3 deputados de Más País-Compromís. Cóntase nesta casuística co 'non' de PP, Vox, Cs, CUP, Coalición Canaria e NA+, en base aos anuncios xa realizados por estes partidos ao pouco de se coñecer o preacordo. Para fraguarse a investidura nesa segunda votación, sería preciso que Sánchez e Iglesias lograsen a abstención do BNG, Junts, Esquerra, PNV, EH Bildu, PRC e Teruel Existe. Nesta opción habería 158 'si', 35 abstencións e 157 'non'. Tamén habería investidura de abstérense BNG, Bildu e ERC (suman 19) nun cenario en que votasen a favor PSOE, UP, PNV, Máis País-Compromís, PRC e Teruel Existe (suman 166) fronte 165 votos contrarios de PP, Vox, Cs, Junts, Coalición Canaria, CUP e NA+. O resto de cenarios que se enumeran precisan o 'si' do Bloque De PSOE e UP comprometerse coa Galiza e lograren o 'si' do BNG habería dous cenarios probábeis. O primeiro daríase se houbese unha abstención de ERC e EH Bildu (18 votos) e saldaríase con 167 votos a favor da investidura (PSOE, UP, PNV, Más País-Compromís, BNG, PRC, Teruel Existe), 18 abstencións (ERC, EH Bildu) e 165 en contra (PP, Vox, Cs, Junts,. CUP, CC, NA+). O outro cenario posíbel, que estaría no 'non' de ERC e Junts, precisaría da abstención de EH Bildu, Coalición Canaria e Cs e necesariamente do 'si' do BNG. Sexa como sexa, os vindeiros meses ouviremos falar moito da Galiza na procura do voto indispensábel. |
NOS_42738 | Pide cumprir con firmeza todas as regras de hixiene e seguridade previstas durante o estado de alarma e anuncia que a vindeira semana o Goberno aprobará o plan de desescalada. | A partir do 2 de maio poderase saír para facer deporte de forma individual e para dar paseos coas persoas coas que se convive se "a evolución da epidemia é favorábel". Así o avanzou o Presidente do Goberno estatal, Pedro Sánchez, nunha comparecencia na que adiantou, ademais que o Consello de Ministros aprobará a vindeira terza feira o plan de desescalada. Segundo indicou, o desconfinamento será "gradual, coordinado e asimétrico", atendendo ás circunstancias de cada área. Sánchez sinalou que a proposta do Goberno terá en conta as achegas formuladas polos distintos territorios, mais será a Administración central quen estabelece e "pilote" a desescalada. Actividade paulatina Neste contexto, o presidente do Goberno recalcou que a apertura cara unha nova de transición dependerá da evolución da pandemia e das cifras que se vaian rexistrando a diario, máis aló do número de novos contaxios diarios. Así, asegurou, "non imos recuperar de golpe toda a actividade e mobilidade social. Ímolo facer por etapas", de forma coordinada e coas mesmas regras para todo o mundo. "Esta segunda etapa de transición está tan atestada de riscos e perigos como a primeira. E non dispoñemos dun manual infalíbel", resaltou. Un alivio baixo estritas medidas de seguridade Sánchez explicou que a posibilidade de saír á rúa para facer deporte ou para dar pequenos paseos coas persoas da casa a partir do 2 de maio supón "un segundo alivio" dentro desta etapa de confinamento, após o primeiro respiro, que entra en vigor este domingo e que permite un paseo diario dunha hora, acompañados dun adulto, das crianzas menores de 14 anos, Neste sentido, o presidente do Goberno estatal sinalou a necesidade de cumprir con firmeza as regras de hixiene e protección requiridas no transcurso destas saídas, e que exixien respectar unha distancia mínima de dous metros doutras persoas. Prudencia "Non convén subestimar ao inimigo", salientou, xa que conta cunha capacidade de contaxio moi alta. Así, estendeu a advertencia a novos escenarios. Ás sucesivas fases de transición e de desescalada. Lembrou que a normalidade á que se aspira non será a mesma de antes. Non o será até que dispoñamos dunha vacina e dun tratamento efectivo. Por iso pediu prudencia. "Non se trata dunha carreira, de ver quen é o primeiro en abrir un centro comercial ou un pequeno comercio". Reactivación económica Así, incidiu en que reactivación da economía dependerá non só das cifras de novos contaxios, tamén da fortaleza dos sistemas sanitarios, da capacidade das Unidades de Coidados Intensivos e da Atención Primaria. Serán piares fundamentais durante a etapa de desconfinamento para evitar que un novo brote volva por en risco a saúde das persoas e a sanidade pública. |
PRAZA_12862 | Ceferino Díaz foi deputado no Parlamento galego entre 1981 e 1997, e voceiro do PSdeG-PSOE, representando nestes anos a súa corrente máis galeguista. Despois incorporouse ao Congreso dos Deputados, onde permaneceu até 2011. No ano 2008 publicou o libro de memorias A esforzada conquista da autonomía. Falamos con el da Transición, o proceso autonómico e as ameazas recentralizadoras, da crise económica e do momento político actual. Repite dúas palabras por riba doutras: Galicia e proxecto. | Continuamos a serie de entrevistas para reflexionar ao redor dos 30 anos de autogoberno en Galicia, que iniciamos con Camilo Nogueira. Ceferino Díaz foi deputado no Parlamento galego entre 1981 e 1997, e voceiro do PSdeG-PSOE, representando nestes anos a súa corrente máis galeguista. Despois incorporouse ao Congreso dos Deputados, onde permaneceu até 2011. No ano 2008 publicou o libro de memorias A esforzada conquista da autonomía. Falamos con el da Transición, o proceso autonómico e as ameazas recentralizadoras, da crise económica e do momento político actual. Repite dúas palabras por riba doutras: Galicia e proxecto. Como foi o proceso que levou á conquista da autonomía durante a Transición? Os que traballabades por un estatuto ao mesmo nivel que o catalán ou o vasco sentístesvos sós en moitos momentos? Houbo moitos factores: entre as manifestación do 4 de nadal de 1979, con cen mil persoas nas rúas denunciando que UCD quería darlle a Galicia un Estatuto de segunda categoría, e o referendo pasaron oito meses. Despois, que na xente había moi pouco entusiasmo pola autonomía, estaba preocupada por outras cousas naquel momento, cunha crise económica moi forte, e despois que os autonomistas estivéramos oito meses machacando coa idea de que o Estatuto era malo, que era unha aldraxe. Así era moi difícil. "A xente neste país normalmente adoita mobilizarse cando hai un ataque, pero fai falla que o país se mobilice a prol de" E ademais os que loitabades polo estatuto nese momento erades moi poucos: uns cantos políticos e líderes, xente de PSOE, POG, PCG, PG, PSG..., pero UCD, AP e unha boa parte do nacionalismo estaba en contra... A xente neste país normalmente adoita mobilizarse cando hai un ataque, pero fai falla que o país se mobilice a prol de. Ás persoas que tirabamos do carro o que nos movía era a recuperación do Estatuto de 1936 e aproveitar esa oportunidade que nos deu a Constitución de ir no mesmo nivel que Catalunya e Euskadi. Para nós o Estatuto era un instrumento de transformación do país, unha ferramenta para construír Galicia. Abría a posibilidade de ter un campo propio para facer política. O que pasa é que despois fracasamos como país: un campo de xogo propio require políticas propias, require proxectos para Galicia. En Catalunya, en cambio, hai unha serie de elementos centrais nos que todos os partidos concordan. Galicia ás veces é tan só a suma de 316 concellos ou a suma de sete cidades. A suma de sete cidade nunca será un proxecto para Galicia. "Na primeira lexislatura axudou ter a sensación de que non podíamos fallar: ou aquilo saía ben ou era un fracaso histórico" Como valoras o traballo que se fixo nas primeiras lexislaturas do Parlamento? Eu estou satisfeito dese traballo. Hai que valoralo partindo do feito de que en Galicia nunca houbera un Parlamento, a democracia era un fenómeno recente, había que construír a autonomía, que nunca se construíra, e penso que atinamos, porque fixemos do Parlamento a casa de todos. E iso fíxose coa xenerosidade de todos, facendo da necesidade virtude, ao non haber maiorías absolutas. Axudou tamén que houbese xente como Ramón Piñeiro. E axudou tamén a sensación de que non podíamos fallar: ou aquilo saía ben ou era un fracaso histórico. "Somos un país sen proxecto, que en realidade son sete cidades" Cales son os retos de Galicia para os vindeiros vinte anos? Hai un tema fundamental, que é que somos un país decrecente, cada vez temos menos poboación, e iso debería preocupar: un país non é a paisaxe, son as persoas. Despois, somos un país de potencialidades pero que nunca se realizan; somos unha potencia agraria, pero a metade dos campos están abandonados; na pesca e o marisqueo, o mesmo, pero mercamos produtos doutros países; somos un país sen proxecto, que en realidade son sete cidades: temos que ter un sistema universitario galego, non tres universidades que vaian por libre. A falta dun proxecto de país debilítanos. Como pode afectar a Galicia o proceso de recentralización que se está producindo no Estado? Na Transición, con todos os problemas que tivemos e todas as nosas debilidades, acadamos un estatuto semellante ao catalán e vasco, e que ademais foi o terceiro en aprobarse, non se aprobou ningún máis até que o problema galego estivese solucionado. Agora en cambio, Catalunya avanzou no seu autogoberno co novo Estatut, Euskadi tamén ten máis competencias grazas a procesos de negociación de transferencias, e nós aquí estamos parados, e este Goberno aplaude as políticas de recortes, que supoñen unha limitación do noso autogoberno. "Deberíamos empregar as ferramentas que temos para saír da crise dunha maneira diferente, pero estamos asistindo á crise sen reaccionar" Porque ademais é o autogoberno o que permite exercer o Estado do Benestar... Si, a autonomía é un instrumento que serve para construír país. Neste momento no que está claro que hai unha crise do modelo económico e do modelo produtivo, deberíamos empregar as ferramentas que temos para saír da crise dunha maneira diferente, pero en cambio estamos asistindo á crise sen reaccionar. "Entre a esquerda e a dereita a saída da crise está en medio punto, en dous anos. A esquerda pide agardar dous anos para corrixir o déficit. É un debate moi pobre, pero igual está aí a cuestión" Como se sae desta crise económica? Entre a esquerda e a dereita a saída da crise está en medio punto, en dous anos. A esquerda pide agardar dous anos para corrixir o déficit. É un debate moi pobre, pero igual está aí a cuestión. Nós estamos condicionados por pertencer á UE, pero non hai outra saída, porque fóra da UE fai moito frío. Tamén hai que racionalizar o gasto, o que é distinto de facer recortes; trátase de aproveitar mellor as infraestruturas que temos ou en Galicia de poñer a producir as terras que temos abandonadas. Iso non ten que ver coa crise. Hai que evitar que este país morra pouco a pouco, a política está para propoñer solucións. Estou preocupado porque non facemos nada, estamos a ver se escampa, a ver se en Francia hai un cambio. Ante os grandes problemas non vexo respostas. "O Goberno non dirixe este país. Eu querería que a oposición se puxera de acordo nun proxecto compartido para este país; se o fixese, gañaría con claridade estas eleccións" Como ves a situación política de Galicia, a uns meses das eleccións? Galicia necesita un cambio de goberno e un cambio de políticas. Fraga esgotouse en dous mandatos, a Feijoo sobroulle este. O Goberno non dirixe este país. Eu querería que a oposición se puxera de acordo nun proxecto compartido para este país; se o fixese, gañaría con claridade estas eleccións. Sería desilusionante outra vez ir ao goberno para facer o mesmo; o mesmo que Feijoo, pero mellor. Hai que analizar os problemas do país e crear un proxecto ilusionante. O Bipartito era percibido como dous gobernos, a cidadanía esta vez que que ver que hai un proxecto compartido para transformar este país. |
NOS_53093 | Pedro Sánchez di que "non hai territorios" na loita contra o coronavirus. | "Non existen territorios" na crise do coronavirus, repite o presidente do Goberno español Pedro Sánchez cando nas súas comparencias se lle pregunta pola posibilidade de fechar Madrid e outros territorios. Porén, antonte si se bloquearon as fronteiras terrestres do Estado español e onte aceptouse a petición do Govern balear para blindar as illas. A suspensión das aulas en Madrid por ser este o principal foco de contaxio da COVID-19 propiciou un retorno a Galiza de mocidade sen as autoridades pór ningún tipo de control nin recomendacións para evitar aglomeracións no transporte público e a posta en marcha de medidas para protexer a poboación maior na Galiza. Non houbo ordenamento da 'operación retorno' para garantir o regreso seguro das galegas e galegos a pesar de ser evidente que se produciría. Tampouco se preveu a chegada de madrileños con segunda vivenda na costa da Galiza. Veciñanza de vilas costeiras denunciaban, tal e como recolleu Nós Diario, o comportamento vacacional e sen precaucións de numerosos turistas nun país que conta cunha pirámide poboacional fortemente invertida. O Goberno murciano (PP-Cs) obrigou ao confinamento en municipios costeiros debido á chegada de turistas e forzas como a valencianista Compromís demandaron o feche inmediato de Madrid ao ver tamén o alto risco sanitario que a afluencia turística estaba a provocar na costa levantina. O Govern catalá de Quim Torra voltou a solicitar onte mesmo a Pedro Sánchez o feche da capital española e que ordease o confinamento obrigatorio de toda Catalunya, a excepción do persoal sanitario e daquelas persoas que traballen en servizos indispensábeis. A consellera da presidencia, Meritxell Budó, afirmou onte que "non se trata de política nin de pór uns territorios contra outros. Trátase de tomar as medidas máis eficientes". Pese a non terse decretado aínda o feche de Madrid, a semana pasada semellaba inminente Pese a non terse decretado aínda o feche de Madrid, a semana pasada semellaba inminente. O 12 de marzo a propia presidenta da Comunidade de Madrid, Isabel Díaz Ayuso (PP), non descartou que a capital se fechase para evitar a propagación do contaxio por todo o Estado. "Non teño competencias para iso, poñerei sobre a mesa todas as medidas para protexer a saúde dos cidadáns, pero non depende de nós (...) a decisión tería que tomala o Goberno de España", dixo Ayuso. O alcalde de Madrid, José Luis Martínez-Almeida, tamén do PP, aseguraba nunha entrevista o pasado sábado que o feche da capital estaba "máis perto do que pensamos" e asegurou que dependería da evolución do pico de contaxios. Balears si se fecha A presidenta balear, Francina Armengol (PSOE), pediu o illamento do arquipélago para reducir o contaxio do coronavirus e o Executivo español aceptouno, segundo confirmou a propia Armengol no día de onte, ao tempo que anunciou que se procederá ao feche de portos e aeroportos. Blíndase así Balears, que rexistra segundo os últimos datos fornecidos polo Ministerio a 17 de marzo, un total de 92 casos de contaxio, mentres que a Galiza conta con 305 e Madrid con 4.871. A posibilidade de blindar Galiza segundo os partidos Aproveitando que desde onte a Galiza ten a fronteira sur fechada por terra, Nós Diario conversa sobre a idoneidade de blindar o territorio galego cos congresistas Celso Delgado (PPdeG), Antón Gómez-Reino (Unidas Podemos), Néstor Rego (BNG) e o parlamentario Xoaquín Leiceaga (PSdeG). Celso Delgado sinala que "non existe un confinamento de ningún territorio do Estado pero si limitacións ao desprazamento de persoas. O que toca é cumprir as normas e estar pendentes das modificacións que se fagan". Sostén Delgado que esta situación sanitaria "non é unha cuestión de límites territoriais, pois estamos nun espazo común", e engade que "o coronavirus non entende de fronteiras". Para Xoaquín Fernández Leiceaga a cuestión non se debe formular "en termos dunhas comunidades autónomas fronte a outras nin de pechar territorios sen máis". Considera precisa a redución da mobilidade das persoas e o contacto social para frear a propagación e incide en que "non é un tema das comunidades". Para o deputado nacionalista Néstor Rego é evidente que se podería ter pechado Madrid. "Teríase que ter aprendido de Wuhan ou Lombardía, e illar o principal foco de contaxio, evitando que se diseminase. É unha cuestión de sentido común", recalca. Con todo, considera que "aínda se está a tempo de facer o feche porque a cadea de contaxio vai crecendo". Para Rego "a Galiza xa se debera ter blindado desde o primeiro momento, cando practicamente non había contaxios, sendo ademais evidente que boa parte dos contaxios tiñan relación directa con Madrid". O nacionalista pide "o mesmo que acaba de facer Balears, que está pechando todas as comunicacións co exterior" e apostila que "unha vez fechada a fronteira da Galiza con Portugal, é relativamente fácil fechar a fronteira con España, así como a aérea e marítima". Antón Gómez-Reino, que onte comunicou que deu positivo na proba do coronavirus, afirma que "calquera decisión destinada a conter a epidemia ten que estar fundamentada nas recomendacións das e dos expertos sanitarios e debe estar destinada en exclusiva a protexer o interese xeral da cidadanía. Quen pense que a expansión do coronavirus na Galiza vaise resolver aplicando medidas baseadas no interese electoral dun partido, erra". O experto Mitjà reclama un "confinamento total" A ausencia de medidas para o confinamento e a chegada descontrolada a Galiza de persoas desde Madrid foron criticadas nunha entrevista polo reputado epidemólogo Oriol Mitjà, investigador que lidera un estudo do Departamento de Saúde de Catalunya para evitar os contaxios de coronavirus. Mitjà exixiu a través de Twitter a dimisión do comité de emerxencia español. "O país está na UCI e o médico que o tratou cometeu demasiados erros. Mellor cambiar de médico", escribiu. "A neglixencia manifestouse coa reiterada falta de anticipación e a incapacidade de predicir unha epidemia que era evitábel", lamentou. |
NOS_17608 | O avogado Van den Eynde pide aos axentes que sexan "valentes" e que expliquen o que lle fixeron a estes presos. | O avogado de Oriol Junqueras e de dous consellers de ERC encarcerados por orde da Audiencia Nacional na prisión de Estremera (Carles Mundó e Raül Romeva) anunciou esta sexta feira que presentará unha denuncia por maltrato aos seus clientes durante o seu traslado ao cárcere. O avogado, Andreu Van den Eynde, fixo este anuncio após se reunir por primeira vez cos seus clientes desde que estes entraran no cárcere. O avogado pediu aos axentes que se encargaron de levar os consellers desde a Audiencia Nacional até as prisións que se foron "valentes" para facer o que fixeron aos seus clientes, teñan tamén a "valentía" para dar a cara e contar o que fixeron. O avogado tamén dixo que, embora a situación "moi dura" na que se atopan estas persoas presas, están ben e sereos. Reiterou que a defensa presentará recurso contra de decisión da xuíz Lamela de decretar prisión incondicional. |
NOS_29704 | A ministra de Fomento, Ana Pastor, negou na entrevista deste domingo na Radio Galega que vaian desaparecer liñas de tren. Pastor asegurou que no 2018 o AVE chegará a Galiza e que o obxectivo é comunicar todas as cidades. | Ana Pastor negou que se vaian pechar liñas de tren e sinalou que a alarma se debe a "un informe que non ten nada que ver coa relidade". Contra ese debate, a ministra destacou a existencia desde hai doce meses dun "tren híbrido" que percorre nunha hora menos o traxecto de Madrid a Galiza e que fixo, segundo dixo, que o tráfico medrara nun nun 53% así como o tren único que comunica Galiza e Portugal, sen fronteira no traxecto. A preguntas, en concreto, pola liña Coruña-Ferrol, Vigo-Ourense e Ourense- Ponteferrada que están no debate polo anuncio da súa desaparición, a ministra puntualizou que se ían manter, iso si, sen parar nalgunhas estacións "nas que ás veces só subía unha persoa ou ningunha". Asegurou que o AVE chegará a Galiza en 2018 mais sen as estacións "faraónicas" impropias para un tempo de crise. |
NOS_14000 | "O futuro dos pobos debe escreberse con D de democracia e L de liberdade", di Ana Pontón desde a marcha xigante dunha Diada del Sí que cualifica de "histórica". | Ana Pontón encabezou a delegación do BNG nesta Diada, en que estivo acompañada por Rubén Cela e Camilo Nogueira. A líder nacionalista estivo, apenas uns minutos antes de dar comezo a marcha, co seu homólogo de ERC, Oriol Junqueras, a quen trasladou o apoio sen fendas do Bloque ao referendo de autodeterminación convocado polo Govern para o 1-O. Pontón -afirma o BNG nun comunicado- xulga de "inmobilistas e retrógradas do Estado español" no seu conflito político con Catalunya. A actitude dun Goberno Rajoy que teima en torpedear o referendo "non é admisíbel nen permisíbel". |
NOS_35352 | Volve a maratón á Coruña. A participación federada buscará conseguir ou revalidar os títulos oficiais | Este domingo volve ás rúas da Coruña a competición de atletismo de longa distancia por excelencia: o maratón. Após a suspensión destes anos pola pandemia, a cidade recupera unha das citas máis agardadas do seu calendario deportivo. Carballo acolle a segunda proba da Copa de España de Ultramaratón Será o IX Maratón Atlántica Coruña42, cunha distancia homologada de 42.195 metros, que coincidirá co Campionato da Galiza Absoluto e de Veteranos Individual e de Clubs, incluído no calendario estatal da Real federación Española de Atletismo (RFEA). Paralelamente, realizarase unha proba de 10 km. Un total de 3.952 participantes realizaron a súa inscrición nas probas populares e algo máis dun cento disputarán oficialmente o Campionato Xunta da Galiza, que contará coa presenza da actual campioa galega absoluta, Rosario Figueroa, como clara aspirante a revalidar o seu título. Con ela tamén estará a campioa da edición do ano 2019, Vanesa Rama, na F40, así como Santiago Vázquez, na M50, e José Pita, na M60. Por clubs, serán os vixentes campións Atletismo Fene en homes e Egovarros de Viveiro en mulleres os que pelexarán por reeditar o título logrado no ano 2019 sobre este mesmo escenario coruñés. Volver ao maratón Armando Rodríguez estaba na directiva e adestraba o Atletismo Fene en 2019 cando lograron o título por equipos. Na actualidade, formou o seu propio club ademais de seguir preparando atletas. Para este maratón coruñés, traballou con Jonathan Fernández e Aldo Regueira, deportistas que conseguiron o título para Fene na anterior edición e que agora corren para a Agrupación Deportiva Náutico de Narón. "Ambos os dous procurarán facer un bo papel por equipos e, a nivel individual, Jonathan na categoría absoluta e Aldo na de máster", explica este preparador a Nós Diario. Cambios no circuíto A proba dará comezo ás 8 horas con saída desde Porta Real e chegada a María Pita. Este ano, contará con algúns cambios en relación a edicións anteriores, incluíndose novos trazados máis chairos, planos e céntricos coa intención, segundo a organización, de facilitar a consecución de mellores rexistros. O Medio Maratón A Coruña 21 regresa dous anos despois Rodríguez e os seus pupilos estudaron o percorrido de cara ao domingo. "Amplían pola zona portuaria e mantense case chan mais a circunstancia que pode influír na competición virá das condicións climatolóxicas", sinala. En concreto, un dos factores que considera como "o principal inimigo nun maratón" sería "o vento". A través de dispositivos electrónicos, visualizaron como será o percorrido da carreira deste ano "e os seus xiros en determinados treitos" aínda que por experiencia propia opina que "até o mesmo día da competición non se saberá como son en realidade, hai elementos que descubrirán ese día". Para o adestrador, estes deportistas amadores, como a maioría dos que participan neste maratón, teñen un mérito grande. Pon como exemplo o de Jonathan e Aldo que "son xente traballadora que ten que adaptar as quendas das súas empresas para poder adestrar todos os días, mesmo as fins de semana, para correr esta proba dunha maneira digna". |
NOS_5328 | Poida que, a partir de agora, sexa difícil percibir por separado A Esmorga como novela e como filme, porque ambas as dúas se reforzan. | -Que te levou a animarte a coordenar un A Fondo sobre A Esmorga? A tarefa impoñía. -(Risos) Eu veño facendo un seguimento dos filmes de Ignacio Vilar, tanto de Pradolongo como de Vilamor, e da súa maneira de construír un cine de noso, con esas campañas tan necesarias de promoción previa, e creo que debemos participar todas as persoas que queremos que haxa unha filmografía galega. Por outro lado, A Esmorga trátase dun dos clásicos máis relevantes da nosa literatura, e paréceme que os dous produtos saen moi reforzados desta experiencia. A película, dunha novela que é un clásico, e a novela dunha película que lle vai dar aínda máis proxección. -Cal é o enfoque deste A Fondo? -O que se pretendeu foi dar unhas claves básicas para mellor entender cal foi a motivación de Blanco Amor ao escribir esta novela, esa violencia interiorizada que quería purgar dalgunha maneira, relacionándoa cunha realidade social determinada. O A Fondo persegue determinar cales son esas claves para entendermos mellor o significado da novela e do filme. Ten os perigos de verse de maneira trivializada, como unha traxedia provocada por condutas desaforadas. Queremos contextualizar todo o que hai ao redor d´A Esmorga, que son moitas cousas, e hai algunhas máis importantes ca outras. Por iso Blanco Amor non se sentía satisfeito da versión La Parranda, levada ao cinema hai anos en castelán. -Preténdese, polo tanto, ir alén os tópicos e as lecturas trivializadas… -Claro, a propia novela editada por Galaxia, na capa das edicións que circularon durante moito tempo, aludía a esa idea de que era non máis ca unha novela picaresca, onde se reflectía o pobo trouleiro e o humor e pouco máis, e non creo que iso fose a intención de Blanco Amor. "A Esmorga ten unha profundidade humana moi grande en canto a sentimentos, a tenrura, a todo, e a película ten outras moitas outras cousas que complementan a novela." -Que diferenza hai entre ler A Esmorga e ver A Esmorga? -A Esmorga é un clásico, unha obra de arte, e como toda obra de arte ten moitas lecturas posíbeis, superficiais e máis profundas. Eu percibín algunha incomprensión sobre todo nos adolescentes que foron ver a película, e esas pequenas lagoas cóbrense moi ben lendo a novela. Aínda que eu entendo que a película é autosuficiente por si, non precisa máis texto. A Esmorga ten unha profundidade humana moi grande en canto a sentimentos, a tenrura, a todo, e a película ten outras moitas outras cousas que complementan a novela. A partir de agora case concibo indisolublemente a novela e a película. Recomendarei sempre ler A Esmorga e ver despois A Esmorga. -Cando falas de adolescentes, imaxínome que te refires ao teu alumnado de instituto… Como reaccionou ante A Esmorga? -Refírome a alumnado de primeiro e segundo de Bacharelato. Seguramente teñan un hábito de ver películas de ton agradábeis, comedias fundamentalmente. Aquí recíbese unha realidade moi dura, tanto na novela coma na película, o mundo dos oprimidos, e iso fai pensar. E moita xente non ve o cine nun produto artístico para pensar, senón para desconectar, función que tamén debe cumprir. "Blanco Amor optou por converter a novela en algo universal. Iso fai que a novela sexa moito máis atractiva, porque todo o mundo pode ver seguramente reflectida a súa sexualidade ou as súas tendencias afectivas." -Falas da profundidade das relacións humanas e iso tamén se aborda neste A Fondo. Un dos artigos, o de Paco Rodríguez, fala sobre todo dos problemas das identidades sexuais á marxe… -Eu creo que Blanco Amor non actuou por capricho. Blanco Amor era moi consciente de estar elixindo tres individuos que, sendo galegos, representaban tres condutas, tres tipos de afectividades diferentes, con todas as súas problemáticas e con todos os seus medos por cuestións de represión social. El optaba por converter a novela en algo universal. Iso fai que a novela sexa moito máis atractiva para todo o mundo, porque todo o mundo pode ver seguramente reflectida a súa sexualidade ou as súas tendencias afectivas. Ignacio Vilar captou moi ben a mensaxe e fixo un esforzo moi grande á hora de reflectilo nas relacións dos tres personaxes entre si, e non debeu ser un labor de poucos días recoller todas as matizacións que poden ter relacións tan complicadas. "Blanco Amor seguramente con esta nova A Esmorga se sentiría completamente satisfeito. Ignacio Vilar captou ben a idea de facer unha película interpretándonos dende dentro" -Outro dos artigos deste A Fondo fálanos doos guións cinematográficos de Blanco Amor, e da primeira versión no cine de A Esmorga, La Parranda…. Coidas que esta nova versión axudaríalle a Blanco Amor a superar a frustración que sentiu con La Parranda? -Eu creo que Blanco Amor seguramente con esta nova A Esmorga se sentiría completamente satisfeito. Ignacio Vilar captou ben a idea de facer unha película interpretándonos dende dentro, a nosa realidade social, os nosos problemas humanos, que poden ser moi universais, mais dende unha perspectiva galega. En La Parranda o que podía haber de galego desaparece. Nós temos unha potencialidade moi grande en moitas cousas, a empezar polos marcos especiais, pola filmografía, e iso na película de Ignacio Vilar aprovéitase moi ben. E pódese pensar que no futuro haberá máis proxectos deste tipo. Blanco Amor seguramente tiña a idea de que a súa película se realizaría algún día nas claves precisas que el entendía. -Cal é a relación das persoas que colaboran neste A Fondo con A Esmorga? -Considero relevante, en primeiro lugar, a escolma de colaboradores que temos neste A Fondo, tanto pola súa investigación a respecto de Blanco Amor como polo seu coñecemento de Blanco Amor e pola difusión que se está facendo da súa obra no ámbito do ensino. Francisco Rodríguez coñeceu a Blanco Amor estando na cidade de Ourense, nos círculos nos que se movía, na Asociación Cultural Auriense. Realizou dende finais dos 70 unha investigación pormenorizada, detallada e en profundidade, alén o picaresco ou o trouleiro. De Pilar Gascón Rus resalta o seu estudo sobre a obra de Blanco Amor e a súa imaxe social. Luís Pérez está relacionado co estudo do teatro de Blanco Amor e dos guións cinematográficos. E nos casos de Xosé M. Millan Otero e meu, a parte de pequenos estudos, fixemos ese labor divulgador no ensino. -Tamén se entrevistará neste A Fondo a María Xosé Queizán, que vén de presentar a novela A boneca de Blanco Amor. -Paréceme unha figura moi importante dentro da literatura, unha figura feminina de relevancia, dende a súa pertenza á nova narrativa galega e a súa visión da muller, ineludíbel no noso panorama literario. Congratúlome de que participe neste A Fondo. |
NOS_11066 | Marta Lois, portavoz de CA, sinala que "é legalmente posible, e é esixible do punto de vista democrático". | "Un Goberno en minoría non debe decidir unilateralmente sobre un ben fundamental, e hipotecar o futuro do servizo ata 2046". Así resumiu a portavoz de Compostela Aberta, Marta Lois, a petición por parte do seu grupo da celebración dunha consulta popular sobre o modelo de xestión do ciclo da auga en Santiago. Un paso, incidiu, que é posíbel, legal e exixíbel. Lois, insistiu en que "Bugallo debe escoitar a opinión da veciñanza antes de executar a decisión que parece ter tomada, e que hipotecaría o servizo nos próximos 25 anos". Compostela Aberta levará a petición ao próximo Pleno, a través dunha proposición na que insta a alcaldía a impulsar a celebración desa consulta popular, delegando na comisión da auga xa creada a redacción consensuada da proposta e da pregunta sobre a que se formule a consulta; e sometendo o acordo do inicio do procedemento a información pública, con prazo para presentar alegacións. "O Goberno tén que avaliar todas as alternativas e contar coa opinión da veciñanza antes de executar os seus plans, xa anunciados, de facer un novo contrato para a xestión da auga por un prazo de 25 anos e un importe de máis de 450 millóns de euros" A consulta popular está regulada no artigo 71 da Lei de Bases de Réxime Local; e a Lei de Administración Local de Galiza, no seu artigo 257, contén unha regulación propia galega para este tipo de consultas, segundo a cal o alcalde pode impulsar a consulta popular despois do acordo do Pleno por maioría absoluta. "Legalmente posíbel, democraticamente irrenunciábel" Marta Lois incidiu en que a consulta popular sobre o modelo de xestión da auga "é posible legalmente, e supón un mecanismo democrático para coñecer a opinión da cidadanía neste asunto que lle vai afectar de maneira directa nos próximos anos". A concelleira insistiu en que "o servizo da auga vén sendo xestionado pola mesma empresa desde 1971, con modificacións e prórrogas de contratos que mesmo foron cuestionados polo Consello de Contas de Galiza, que nun informe de 2003 criticou a falta de control económico sobre a xestión de Aquagest, hoxe Viaqua; a falta de control sobre a amortización dos investimentos a través da taxa que pagan as persoas usuarias, ou a falta de control do Concello sobre o cobro da taxa do lixo". A iso súmase, engadiu, o déficit de infraestruturas hidráulicas que segue padecendo Santiago despois de 50 anos de concesión, e por iso, incidiu Mata Lois, "o Goberno tén que avaliar todas as alternativas e contar coa opinión da veciñanza antes de executar os seus plans, xa anunciados, de facer un novo contrato para a xestión da auga por un prazo de 25 anos e un importe de máis de 450 millóns de euros". Auditoría Lois adiantou que cada vez "temos máis evidencias de que o modelo de xestión da auga que tivemos en Santiago no último medio século non tivo beneficios para a veciñanza". Ao respecto, explicou que a primeira tentativa de auditar o servizo, "a falta de información non facilitada por Viaqua", sinala que "o volume de negocio da auga alcanza os 10 millóns de euros anuais, dos que 2,5 millóns de euros poderían reinvestirse cada ano na mellora do servizo". Deste xeito, explica, nos 25 anos de duración do contrato que quere licitar Bugallo, "os ingresos serían de máis de 250 millóns de euros, e poderíase xerar un excedente de 60 millóns de euros para mellorar a rede". Se este, concluíu, fose "o investimento realizado na rede nos 50 anos de concesión, a infraestrutura hidráulica de Santiago non estaría no mal estado no que se atopa na actualidade, para prexuízo da cidadanía". |
NOS_46091 | A reunión mantida entre Xunta e asociacións da hostalaría galega e o Clúster de Turismo rematou de maneira cordial á espera de que se concrete no Diario Oficial da Galiza (DOG) os compromisos do Goberno galego. Desde o sector pídense máis axudas e manteñen as mobilizacións para a vindeira quinta feira. | A reunión do vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e a conselleira de Emprego, María Jesús Lorenzana, cos representantes do Clúster de Turismo da Galiza e as asociacións de empresarias e empresarios de hostalaría foi a porta fechada e sen presenza de medios de comunicación. Ao remate, poucas declaracións até non transmitir o resultado da xuntanza ás asociadas e aos asociados das entidades, mais deixando transcender que foi "amigábel" e "positiva" á espera de que se concrete no Diario Oficial da Galiza (DOG) a proposta do Goberno galego anunciada a pasada sexta feira polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo. César Clemente Sánchez-Ballesteros, presidente da Federación Provincial de Empresarios de Hostalaría de Pontevedra, explicou a Nós Diario que se acordou "realizar unha mesa de diálogo para concretar actuacións" coa intención de "ver todos os ámbitos nos que se tratarían as axudas". En todo caso, considera que "o máis importante é clarificar cales son as responsabilidades de cada administración e que competencias ten cada unha". Pon como exemplo os expedientes de regulación temporal de emprego (ERTE) que dependen do Goberno español e para os que xa pediron "bonificacións". Agardar a ver que se publica no DOG O presidente da Asociación Provincial de Empresarias e Empresarios da Hostalaría de Lugo, José Francisco Real Castro, asegurou a Nós Diario que "o máis importante é que todas as asociacións tivemos unha primeira negociación e está aberta a porta para outras axudas" mais sinalou que todo vai depender "do desenvolvemento da pandemia". Por parte do Clúster de Turismo o seu presidente, Cesáreo Pardal, valorou estas axudas como "insuficientes, pero son as primeiras" que unha administración pon "a fondo perdido". Continuarán as mobilizacións no sector O presidente da Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería de Lugo, tamén anunciou que a vindeira quinta feira volverán manifestarse para reclamar axudas "directas" ao sector tras o fechamento decretado desde o sábado día 7 e que continuará durante un mes. A protesta conta co apoio "doutras asociacións" tamén a nivel estatal e queren que conflúan ese día "a partir das 11 da mañá", apostilou. Real deixou claro que "non se pode sacrificar un sector como ocorre co noso, é un sector absolutamente sacrificado desde que empezou a pandemia en marzo". Explicou que están "sen ningún tipo de ingresos e facendo fronte a gastos coma se estivésemos abertos". A hostalaría nos centros de traballo Alén diso, a hostalaría segue a funcionar no interior dos grandes centros de traballo. A Consellaría de Sanidade vén de anunciar que desde onte os empregados que se consideren un grupo "burbulla" de convivencia estábel dentro da contorna laboral poderán partillar mesa nas cafetarías ou estabelecemento de restauración das empresas, tamén en centros sanitarios e hospitais. En relación á súa capacidade, seguirá a ser de 50% e o consumo no interior unicamente pódese realizar sentado. Ademais, as mesas ou agrupacións de mesas, entre as cales se debe cumprir a distancia de seguridade, terán un máximo de seis persoas. Na exposición de motivos, a Consellaría xustifica a ampliación desta medida porque se ten en conta "a relación na contorna de traballo" entre as empregadas, o que determina que "poidan considerarse para estes efectos como unha burbulla". |
NOS_34092 | Cospedal gaña as primarias do PP na Galiza, mais no conxunto do estado acaba a carreira en terceira posición. Iso significa que non pasa o corte deste 5X —a votación aberta á militancia— e fica eliminada. O Congreso vano decidir as delegadas e delegados o próximo 21X. Soraya Sáenz de Santamaría gaña o primeiro asalto pola mínima nun duelo apertadísimo con Pablo Casado. O ex vicesecretario de Comunicación podería acabar impóndose no congreso se recebe os apoios do sector cospedalista. O PPdeG podería acabar sendo decisivo na vitoria de Casado. | Cospedal gañou con clareza as primarias na Galiza, con 1.559 votos face os 1.161 de Pablo Casado e os 1.106 de Soraya Sáenz de Santamaría. Venceu en tres das catro circunscricións do país, A Coruña, Lugo e Pontevedra. Ourense decantouse pola ex vicepresidenta. Mais a secretaria xeral do PP non correu a mesma sorte no conxunto do estado, onde foi varrida literalmente por Soraya Sáenz de Santamaría e Pablo Casado. A ex vicepresidenta do goberno derrotou o vicesecretario de Comunicación do partido por apenas 1.600 votos de diferenza. Cospedal, por súa parte, non conseguiu rendibilizar a súa condición de xefa partidaria, entre outras cousas porque no PP hai máis dun aparato: está o das organizacións territoriais —en teoría afectas á secretaria xeral—, mais tamén a rede orquestrada por Soraya Sáenz de Santamaría durante os 6 anos en que exerceu a vicepresidencia do Goberno. E Casado? Casado tamén tivo o seu particular entramado de poder, coas Novas Xeracións –nas que el se formou— a traballar na súa causa, e co sector madrileño-liberal do partido —o en tempos liderado por Esperanza Aguirre— a se envorcar a prol da súa candidatura. Xa desde os primeiros dados do escrutinio, as tendencias estaban moi claras: Casado en cabeza -a arrasar en Madrid e a gañar con comodidade en Valencia e Catalunya- e Soraya en segunda posición -a vicepresidenta a se apuntar a vitoria con moita clareza en Andalucía. Cospedal non era quen de manter o ritmo e, á marxe da Galiza, apenas se facía co triunfo no seu feudo de Castela A Mancha. A contaxe dos votos iría modulando o reparto dos apoios, até o ponto de se verificar no tramo final do reconto unha reviravolta a favor de Sáenz de Santamaría, cunha vantaxe final a respeito de Casado de apenas 1.600 votos. O segundo con máis votos da militancia pode gañar o Congreso? Si, esa hipótese está sobre a mesa desde o principio. Casado —segundo candidato máis votado pola militancia— pode acabar gañando o congreso se en primeira instancia rexeita a oferta de integración que en boa lóxica lle formulará Soraya e se, en segunda, obtén o apoio dos delegados do sector cospedalista, algo moi probábel tendo en conta o histórico confronto da secretaria xeral coa ex vicepresidenta. Nese sentido, os votos do PPdeG poderían acabar sendo decisivos, contribuíndo a pór Pablo Casado á fronte do liderado do partido, confirmou unha fonte da formación conservadora a Sermos Galiza. Resultados finais Escrutado 100% do voto, a primeira volta das primarias deitou o seguinte reparto de apoios entre as distintas candidatas: 1.-Soraya Sáenz de Santamaría. 21.513 votos. 37 por cento. 2.-Pablo Casado. 19.967 votos. 34 por cento. 3.-María Dolores Cospedal. 15.090. 26 por cento. 4.-José María García Margallo. 680. 5.-José R. García Hernández. 668. 6.-Elio Cabanes. 185. |
NOS_22142 | O Centro Veciñal e Cultural de Valadares, en Vigo, organiza para as vindeiras fins de semana deste mes de xaneiro a sétima edición da Mostra da Oralidade "Por boca de muller". | O Centro Veciñal e Cultural de Valadares, en Vigo, organiza para as vindeiras fins de semana deste mes de xaneiro a sétima edición da Mostra da Oralidade "Por boca de muller". Un evento que se insire nos actos de conmemoración do 50 aniversario da organización e que conta co apoio económico da Deputación de Pontevedra. A programación arrinca ás 18 horas do sábado 23, no Centro Cultural da entidade, e faino co colectivo de cómicas radicadas en Compostela, Remolachas Libres, que traen a este "Por boca de muller" o espectáculo 'Imprómicas'. Un show no que, tal e como o propio título indica, se mestura a improvisación co monólogo, o cabaret, a comedia... Á mesma hora do domingo 24 é a quenda para Malala Ricoy, tamén coñecida como Patty Diphusa, que levará a cabo o monólogo 'Sexo seguro. Seguro? Seguro!'. Na escena, Malala Ricoy saca as súas dotes de cómica, cabareteira, malabarista ou acróbata para realizar unha "aula" de educación afectivo-sexual coa intención de que reflexionemos e afondemos na maneira na que nos relacionamos. A última fin de semana deste primeiro mes de 2021 retorna a Mostra da Oralidade cun monólogo e unha performance poética ou poesía performativa. O sábado 30 achégase ao Centro Cultural de Valadares a actriz Arantxa Treus para interpretar o seu monólogo 'Sexo débil, o carallo!'. Un traballo no que, cargada de vis cómica, debulla tópicos e temas polémicos arredor da sexualidade feminina e mais das relacións de parella. E o domingo 31 acudirá a intérprete Déborah Vukusic para desenvolver a súa poesía performativa en 'Menú degustación'. A actriz, guionista, poeta e presentadora arriba por primeira vez no "Por boca de muller" e para a ocasión preparou o "menú degustación" que lle dá nome ao espectáculo. Con el achegará o auditorio á súa creación poética a través dunha selecta escolma. Todos os espectáculos desenvólvense ás 18 horas e son para maiores de 16 anos, agás o que clausura a mostra, Menú degustación, que é para maiores de 12. Ademais, a entrada é de balde pero requírese a reserva de butaca na web do centro veciñal tal e como indican o protocolo sanitario. |
PRAZA_10722 | O Goberno galego tamén ten en proxecto un novo edificio administrativo por máis de 20 millóns xunto ao complexo actual, no espazo que deixará libre a estación de autobuses ao trasladarse á de trens | O Goberno galego tamén ten en proxecto un novo edificio administrativo por máis de 20 millóns xunto ao complexo actual, no espazo que deixará libre a estación de autobuses ao trasladarse á de trensA Xunta adxudicou este martes o concurso de ideas convocado en colaboración co Colexio de Arquitectos de Galicia (COAG) para a remodelación interior do seu complexo administrativo central en San Caetano. Díaz y Díaz Arquitectos S.L.P. e MIBA Arquitects foron os gañadores dun proceso que agora continuará coa contratación da primeira fase dunhas obras, prevista para comezos do próximo ano, que terán "un orzamento máximo de 29 millóns de euros", segundo confirma o Goberno galego. Esa contía virá a sumarse aos máis de 11 millóns de euros da rehabilitación exterior dos edificios do complexo. Ademais, a Xunta está a redactar o proxecto dun novo edificio veciño que ocupará o espazo da actual estación de autobuses de Santiago cando esta se traslade e que custará outros máis de 20 millóns.A reforma interior do complexo chega tras a inauguración hai un mes por Feijóo da primeira fase da reforma exterior por 6,5 millóns, aos que se sumarán outros 5 millóns para a envolvente do edificio máis moderno do recintoTras criticar durante o bipartito de PSdeG e BNG como suposto desbalde traballos parciais de mellora dalgunhas oficinas, entre elas a do presidente Touriño, por 4 millóns de euros, o actual Goberno galego está embarcado nun plan de reforma de San Caetano que multiplica varias veces aquela contía argumentando que mellorará as condicións de traballo do funcionariado e a atención á cidadanía. A primeira fase, a reforma exterior dos edificios históricos do complexo de San Caetano, deuna por rematada o propio Feijóo cun acto inaugural celebrado o pasado 3 de xullo nos xardíns (só a megafonía para unha intervención propagandística duns poucos minutos custou 363 euros). Foron 6,5 millóns de euros que agora serán complementados coa reforma exterior por outros 5 millóns do edificio máis moderno do complexo.A seguinte fase dos traballos será a reforma interior dos edificios, que se realizará despois de que nos últimos anos diversas consellerías xa viñesen realizando obras parciais en cadansúas oficinas. Este mesmo ano a Consellería do Mar encargou obras de acondicionamento interior das súas instalacións por preto de 100.000 euros e o mesmo fixo o ano pasado a Consellería de Economía cun contrato con sobrecustos imprevistos que se achegou aos 250.000 euros que se sumou a outro contrato doutros 100.000 euros adxudicado a finais de 2017.O novo edificio da Xunta a construír no espazo que ocupa a estación de autobuses xa non terá unha pasarela elevada que o conecte co complexo de San CaetanoAgora será o interior de todo o complexo o que se renovará cun proxecto que terán que elaborar os arquitectos gañadores este martes do concurso de ideas e que deberá respectar o límite fixado pola Xunta de 29 millóns de euros. Ademais, os arquitectos recibirán preto doutro millón de euros pola redacción dese proxecto, a dirección da obra e o premio do concurso.Por outra banda, tras outro concurso de ideas similar, a Xunta vai construír un novo edificio administrativo no espazo que deixe libre xunto a San Caetano a estación de autobuses da cidade que se trasladará como intermodal a carón da estación de trens. Inicialmente ese novo edificio foi cuantificado en 20 millóns de euros, pero a Xunta traballa actualmente cun custo estimado de 29 millóns malia que do proxecto xa se caeu a pasarela elevada que o ía conectar cos edificios xa construídos. |
NOS_8225 | "Queremos subliñar a nosa perplexidade e decepción polo xeito descoidado en que as cousas se foron sucedendo". Eis o resume do comunicado redactado polo director artístico do Festival de Cine Internacional de Ourense e mais pola produtora executiva. Segundo Fran Gayo e Analía G. Alonso, a celebración da 23ª edición prevista para outubro é xa imposíbel. | O equipo de dirección tomou o mando do certame en 2016. Efectuou un xiro na súa programación e dimensión, que consolidou en 2017. "Os contidos para 2018 xa se puxeran en marcha", afirman Gayo e Alonso na nota difundida esta terza feira. Mais o traballo para esta terceira edición baixo a súa responsabilidade, converteuse nunha sucesión de problemas e eivas causadas, maiormente, polo Concello de Ourense. En febreiro deste ano, o equipo presentou a súa renuncia. A razón, a demora nos pagamentos por parte da Administración local a provedores, membros do festival e mesmo aos filmes premiados. "Non foi un feito illado, senón que se engadía a unha serie de situacións moi graves, alleas ao equipo do festival, que se deron durante os prepartivos da 22ª edición", sinalan, "e que causaraon a caída de varios patrocinadores interesados". O Concello de Ourense reaccionou á dimisión e comezou a resolver os pagamentos, cinco meses despois do encontro cinematografico e, segundo Gayo e Alonso, prometeu poñer a disposición "todas as ferramentas para acadar que a de 2018 fose a mellor das tres edicións organizadas" pola actual dirección. Esta iniciou os preparativos., contactos e negociacións con produtoras e distribuidoras de filmes. Mais o 13 de maio, a Concellaría de Cultura expón a Fran Gayo que o Concello non poderá contratar "ningunha outra persoa do equipo". O motivo é a demora do Goberno local en aplicar a Lei de Contratos do Sector Público. "Dous días despois comunicásenos por teléfono que non hai solución posíbel", expón o comunicado, "que o equipo non poderá ser contratado e polo tanto as posibilidades de que teña lugar a edición de 2018 son remotas". A dirección desestima "de maneira rotunda" a posibilidade de facer o festival sen o resto do equipo. O Concello de Ourense, o único das sete cidades gobernado polo Partido Popular, asegurolle á dirección que falarían uns días despois. Mais o que fixo foi sacar a licitación a organización da 23ª edición do Festival de Ourense. As bases aínda non están publicadas. É inviábel cumprir prazos para que o festival sexa en outubro, dado que os prazos tardarían, no mínimo, dous meses. "Soubemos da licitación pola prensa", denuncian Gayo e Alonso, quen consideran imposíbel que o certame poida organizarse nas datas habituais de outubro. Aínda non decidiron se optarán ao concurso. |
NOS_18996 | A comunidade aberta Proxecto Transno publicará o dicionario en dúas versións do Volga: unha "estritamente normativa" e outra que incluirá tamén repertorios fóra da norma, mais que son referencia no noso país, para alén das suxestións das persoas usuarias. De cara ao futuro traballarán en versións específicas para ámbitos de especialización, como a bioloxía ou o dereito | A comunidade aberta dedicada á adaptación á nosa lingua do sistema GNU-Linux e do software libre en xeral, Proxecto Trasno, vén de liberar unha nova versión do corrector ortográfico Hunspell para o galego: a versión 12.10 'Manuel Pintos', un traballo realizado baixo a coordinación de Antón Méixome. Segundo explica o Proxecto na información colocada no seu portal web, a ferramenta é o corrector de LibreOffice, OpenOffice, Mozilla Firefox 3, Thunderbird e Google Chrome, para alén de aplicativos que empregan software privativo como o InDesing ou o navegador Opera. A comunidade asumiu o mantemento do dicionario Hunspell para galego, que naceu en 2006 amparado por Mancomún e que constitúe a única ferramenta de corrección ortográfica de código aberto que existe para o noso idioma. Respecto a versión estábel, que data de 2009, os cambios realizados por Proxecto Trasno supoñen "un avance notábel". Subliñan na comunidade aberta que se reescribiron as regras que aumentan a velocidade e potencia de corrección, sobre todo no tratamento dos pronomes enclíticos, e incluíuse un dicionario de sinónimos de Volga e un guionizador. Están a traballar nun autocorrector de erros frecuentes. Así as cousas, o dicionario publicarase en dúas versións: o Trasno-Volga, que incluirá exclusivamente as actualizacións e será "estritamente normativa", e o Trasno-Xeral, que engadirá moitos outros repertorios paranormativos de referencia no país, para alén das suxestións das persoas usuarias. O Proxecto ten o ollar posto en versións específicas para distintos ámbitos de especialización, como o dereito ou a bioloxía, e que se irán liberando a medida que se desenvolvan os repertorios lexicográficos correspondentes. |
NOS_7331 | Para o bretón, corso, occitano, catalán e euskera. | Os presidentes das rexións do Estado francés enviaron unha carta ao presidente Emmanuel Macron para esixir a promoción dunha educación inmersiva nas linguas minorizadas como o catalán, o euskera, o corso, o bretón ou o occitano. Este é o último movemento político despois dunha fin de semana chea de protestas en todo o Estado contra a decisión do Tribunal Constitucional de revogar a lei que promulga ese impulso para as linguas `rexionais'. Na carta, os presidentes rexionais din que pasaron nunhas semanas de satisfacción, unha vez que a Asemblea francesa aprobou a lei, á incomprensión. Miles de persoas tomaron parte na fin de semana en mobilizacións a favor da pluralidade lingüística Por iso, esixen a Macron que mova unha ficha para protexer as linguas minorizadas como "un tesouro nacional", tal e como se especifica no artigo 75.1 da constitución gala. Lembran a Macron que o mérito de coñecer máis dunha lingua é unha "riqueza incomparábel para os nosos mozos e mozas de hoxe e mañá". Por último, pídenlle que poida atopar, xunto co Goberno, os medios para garantir "definitivamente" o ensino inmersivo das linguas 'rexionais' e responder así á "forte mobilización desta fin de semana nas nosas rexións". |
NOS_39787 | De 1888 e 1964, Monelos, na Coruña, deulle abeiro ao primeiro centro experimental que impulsou a modernización do campo. Na Granxa Agrícola de Monelas creouse a raza rubia galega e impulsouse a introdución do lúpulo no país. Dedicamos un A Fondo monográfico a esta historia, no Sermos229. | Aínda que a día de hoxe custe crelo, o barrio de Monelos e a segunda fase de Elviña acolleron entre 1888 e 1964 un centro experimental que supuxo un grande avance a nivel do agro e da gandaría. Onde existen torres de pisos, aparcadoiros e un centro comercial houbo un terreo de 16 hectáreas desde onde se difundiron e se aplicaron as máis avanzas técnicas agrícolas e gandeiras. Desta maneira, Monelos (que cando encetou a súa actividade a granxa pertencía ao Concello de Oza, limítrofe co da Coruña) foi unha referencia do que hoxe coñecemos como I+D+i. Entre os logros da granxa destacan a mellora xenética do vacún –coa creación da raza rubia galega, a través da selección dos mellores exemplares do país-, a introdución da agricultura industrial e intensiva –co lúpulo como mellor exemplo- e un gran traballo de divulgación e formación. A loita contra as pragas que asolaban o campo foi outro dos cometidos do centro experimental. A creación da raza rubia galega e a introdución do lúpulo na Galiza foron os logros máis destacados da granxa experimental Con motivo da exposición Granxa Agrícola de Monelos (1880-1964), comisariada por Xosé Antón Fraga e por Lourenzo Fernández Prieto e que recuperou a AVV Oza-Gaiteira-Os Castros e mais a Agrupación Cultural Alexandre Bóveda o pasado mes de decembro, cando puido visitarse no Fórum Metropolitano da Coruña, recuperamos a memoria do primeiro centro de I+D+i dedicado ao agro e á gandaría no A Fondo que se publica co Sermos Galiza 229. No caderno de análise, grazas á información fornecida polos comisarios da citada exposición, damos conta das orixes da granxa, das diferentes etapas que viviu, da relación coa sociedade da época e, nomeadamente, con persoas que se dedicaban á agricultura e á gandaría e dos avances que supuxo. Tamén entrevistamos Xosé Antón Fraga, un dos comisarios da mostra, quen nos explica, de primeira man, a experiencia dunha granxa que considera "pioneira". [Podes ler o A Fondo sobre a Granxa Agrícola de Monelos no Sermos Galiza número 229, á venda nos quiosques e na loxa] |
NOS_42055 | O comunista Ramón Portas foi un dos últimos dirixentes históricos da Federación de Sociedades Galegas da Arxentina | En Santo Adrián de Vilariño (Cambados), a 19 de novembro de 1928, naceu Ramón Portas, coñecido de pequeno como Monchito, fillo de Carmen Fuentes Torres, labrega. O pai, Evaristo Portas, noivo da nai, marchou á Arxentina ao pouco do embarazo. Desde mozo, Ramón implicouse politicamente, participando das Xuventudes Socialista Unificadas. Traballou no Brasil e logo pasou á Arxentina até chegar a Bos Aires, estando sen documentos durante un par de anos até que o Goberno lle deu residencia no concello de Ensenada. En 1952, en Bos Aires, asenta en San Telmo, a uns escasos 50 metros da Federación de Sociedades Galegas Alí vivían varias familias galegas, entre eles o seu propio pai, Evaristo Portas, con que forma nova familia. Evaristo foi un dos fundadores do PCE do exilio. Ramón Portas súmase ás actividades da Federación de Asociacións Galegas onde coñece Marta Tárela, coa que casa e ten dous fillos. Daniel e Adriana. Na Federación tivo unha activa participación desde a comisión directiva, as comisións de traballo, as sociedades de Cambados e a de Vilagarcia ou o Ateneo de Cultura Curros Enríquez. Desde a súa chegada asumiu unha militancia activa tanto no Partido Comunista de España e no PC arxentino. Conta o escritor e político Lois Pérez Leira en Tercera Información como coñeceu Ramón Portas en 1977 cando se integrou na Federación de Asociacións Galegas. Tanto con el como coa súa compañeira, Marta Tarela, compartiu a directiva do Ateneo de Cultura. Coa aparición das concepcións eurocomunistas Leira relata como aumentaron as discrepancias co seu pai e irmán Alberto Portas. Eles asumiron as teses de Santiago Carrillo. Mentres que Ramón se incorpora ao Partido Comunista Arxentino. |
NOS_27817 | O alcalde de Madrid, José Luis Martínez-Almeida, foi vítima dunha brincadeira levada a cabo por un comediante ruso que se facía pasar polo alcalde de Kiív. | O alcalde de Madrid, José Luis Martínez-Almeida, foi vítima dunha brincadeira levada a cabo por un comediante ruso que se facía pasar polo alcalde de Kiív. Durante a chamada, o falso alcalde de Kiív indica a Almeida que "o deber dos ucraínos é morrer no campo de batalla loitando contra os rusos e non descansar nas praias de España", ao cal Almeida responde dicindo que está de acordo e que "é necesario castigar os bastardos rusos". Durante a brincadeira, que durou por volta de 17 minutos e que tivo lugar a mediados do pasado mes de xuño, o comediante ruso que se facía pasar polo alcalde de Kiív realizou varios comentarios acerca do cimeira da OTAN que ía ter lugar en Madrid. O comediante díxolle a Almeida que o emabixador ucraíno no Estado español tiña previsto "levar a cabo unha protesta ante a cimeira da OTAN espido para simbolizar que Ucraína está espida ante Rusia", ao que Almeida respondeu dicindo que se trataba dunha "actuación que sería moi valente". O rexedor madrileño até se mostrou voluntario a axudar con esta acción de protesta. "Festival gay no batallón Azov" A bricadeira continuou subindo a intensidade. Poucos minutos despois o falso alcalde de Kiív indicou a Almeida a súa intención de levar a cabo un "festival do orgullo gay entre as filas do batallón Azov" xa que no propio batallón "hai moitos homosexuais". Ucraína reclama prohibir a entrada de cidadanía rusa no resto do mundo Ante isto, Almeida, que non parece sospeitar de que se trate dunha brincadeira en ningún momento, mostra a súa conformidade e apoio. O Goberno de Madrid xa denunciou ante as autoridades esta brincadeira, e o propio alcalde cualificou o acontecido de "absolutamente intolerábel". |
NOS_25533 | O xurado do certame aRi[t]mar decidiu outorgarlle a Jose Viale Moutinho o premio especial 2021 á Embaixada da amizade galego-lusófona. Destaca o seu papel como "como ponte entre Galiza e Portugal" e como "impulsor do continuo lingüístico e cultural que representa a lusofonía e como verdadeiro embaixador da Galiza en Portugal e de Portugal na Galiza". | O xurado do certame aRi[t]mar da Escola Oficial de Idiomas de Santiago de Compostela, da que é director o profesor Gonzalo Constenla, decidiu conceder o Premio aRi[t]mar especial do xurado "Embaixada da amizade galego-lusófona" ao escritor madeirense residente no Porto José Viale Moutinho. Anunciouno, a través dun comunicado de prensa, nas vésperas do 25 de abril, cando se conmemora a Revolución dos Cravos. Alén dos seus méritos como xornalista en medios como o Jornal de Notícias, o República ou o Diário de Notícias, José Viale Moutinho é narrador, poeta, dramaturgo e ensaísta, con obra traducida a varios idiomas, tamén ao galego. Está tamén moi ligado ao Festival da Poesía do Condado desde o seu inicio en 1981, organizado pola Sociedade Deportiva do Condado (SDC) con sede en Salvaterra do Miño. Como director da Associacão Portuguesa de Escritores, da Associacão de Jornalistas e Homens de Letras do Porto e do Teatro Experimental do Porto posibilitou a visibilidade da literatura galega en Portugal, e a el se debe a presenza da escritora Xela Arias, de Mantecón e da directiva da SDC para presentar o Festival da Poesía no Condado ao mundo lusófono. Pioneiro en divulgar a literatura galega contemporánea, nomeadamente a de Neira Vilas, Celso Emilio Ferreiro, Manuel María, Méndez Ferrín é o seu primeiro tradutor ao portugués. Tamén traduciu a Castelao e a Lamas Carvajal e é autor de Fouce erguida. Antologia de poesía galega de combate. Viale Moutinho foi tamén investigador da represión franquista e dos campos de exterminio nazi, autor dunha biografía sobre Zeca Afonso e impulsor da Asociación que en Vigo leva o seu nome. Relacionada coa temática galega, escribiu o libro pioneiro Introdução ao nacionalismo galego. Renunciou a ser académico de honra O certame informa na nota de prensa que o premiado fora elixido académico de honra electo da Real Academia Galega, e que renunciou en solidariedade con Méndez Ferrín cando este deixou a presidencia. En anteriores edicións do certame, resultaron galardoados con este premio o músico galego Fran Pérez Narf, as Convergências Portugal Galiza organizadas polo grupo bracarense Canto D'aquí, a cantora galega Uxía e a ex diretora da Comunidade de Países de Língua Portuguesa e ex ministra de Comercio e Turismo de Cabo Verde, Georgina Benrós de Mello. Na gala aRi[t]mar 2021, que decorrerá último trimestre deste ano, recibirán os seus premios a música galega Guadi Galego, seleccionada como intérprete do mellor tema musical en galego de 2020, "Despedida", e Cláudia Pascoal, cantora da mellor música portuguesa do ano, "Quase Dança", xunto coas persoas gañadoras do certame de poesía e do propio José Viale Moutinho. A organización informa de que permanece aberto o prazo para as votacións do certame de poesía. As persoas que queiran participar poden emitir o seu voto, até ao 20 de maio, por tres poemas da Galiza e tres de Portugal na web do proxecto aRi[t]mar. |
NOS_57692 | O comité de empresa denuncia que desde mediados de novembro o maior volume de chamadas atenderase desde Colombia. | O comité de empresa de Unitono denunciou que a partir do 15 de novembro farase efectivo o cesamento do servizo de atención ao cliente de Naturgy (Gas Natural Fenosa) en galego desde Ourense, co conseguinte perigo para os 130 empregados e empregadas. Outras 150 traballadoras afectadas na Coruña. Así o explicou a presidenta do comité de empresa, Miriam Varela, durante a rolda de prensa para anunciar a recolocación en Reus (Tarragona) e, na súa maior parte, en Colombia do servizo que se prestaba desde hai 10 anos en Ourense . O comité de empresa teme polos efectos no cadro de persoal, xa que Naturgy é o seu principal cliente e que "Unitono só presta outros pequenos servizos a outras empresas que non son suficientes para cubrir o horario laboral dos seus traballadores e traballadoras". Neste momento, segundo explicaron, non saben se serán trasladados ou despedidos e non puideron manter contacto coa nova directiva despois de que Unitono, pertencente ao grupo Avanza, foi vendida o pasado 31 de outubro a GSS. 70% do persoal de Unitono está formado por mulleres cunha idade media de 45 anos que as sitúa, nas súas propias palabras, nunha "situación moi crítica" para poder volver traballar. Así mesmo, o comité mostrouse preocupado pola "transferencia a Colombia de datos importantes que afectan principalmente a clientes vulnerábeis". O persoal afectado apuntou tres culpábeis: "Primeiro, Naturgy, seguido de Unitono que negou durante meses ter coñecemento do proceso de recolocación". Tamén sinalan que a administración é responsábel da falta de lexislación para evitar este tipo de situacións. Ademais, o comité de empresa ve como principais razóns que levaron a esta situación "a baixada dos salarios e ao compoñente político que leva a Naturgy a querer desconectar de Galiza". Miriam Varela pediu a implicación de toda a sociedade porque "dado que Naturgy explota os recursos galegos e, polo tanto, contamina Galiza, debería esixir que desde aquí se preste todo o traballo auxiliar". O comité de empresa convocou para o vindeiro día 14 de novembro, de 11.00 a 13.00 horas, unha concentración ás portas da tenda Naturgy situada na rúa Celso Emilio Ferreiro (Ourense). A Mesa solidarízase cos e coas traballadoras e anima a participar na concentración que terá lugar o 14 de novembro. A Mesa pola Normalización denunciou reiteradamente a situación que se produce pola falta de garantías que permitan o uso do galego nas relacións económicas, ofrecendo alternativas legais que amparasen os dereitos lingüísticos e laborais como a Iniciativa Lexislativa Popular para a garantía dos dereitos lingüísticos no ámbito socioeconómico, rexeitada en 2016 polo Partido Popular no Parlamento tras xuntar os apoios de arredor de 30.000 galegas e galegos. |
PRAZA_15225 | Crece a división entre partidarios e detractores dos Irmáns Musulmáns mentres elementos próximos ao antigo réxime buscan extraer rédito das protestas. | Que o tecido social de protesta en Exipto está vivo levamos comprobándoo case dous anos. Esta semana é unha boa proba diso. Decenas de miles de persoas tomaron as rúas en cidades como O Cairo, Alexandría, Suez, Port Said ou Aswan, para mostrar o seu rexeitamento ao presidente Mohamed Morsi, que tan só leva cinco meses no poder. Todo empezou hai uns días. Varios grupos de mozos congregáronse na rúa Mohamed Mahmoud do Cairo -unha das vías que desembocan na praza Tahrir- para conmemorar o primeiro aniversario da morte de decenas de manifestantes que perderon a vida a mans das forzas de seguridade exipcias, entón baixo o mando do goberno en transición dominado polo Consello Superior das Forzas Armadas. Os responsables daquelas mortes seguen en liberdade. Os manifestantes colgaron á entrada da rúa un cartel que se mantivo até hoxe. Nel lese: Prohibida a entrada aos Irmáns Musulmáns. Houbo enfrontamentos entre manifestantes e policía, que de novo usou de gases lacrimóxenos nun intento por disolver as protestas, e a tensión creceu. Mentres tanto, o presidente exipcio Mohamed Morsi ultimaba como mediador as negociacións para frear a ofensiva israelí contra Gaza. Non é casualidade que xusto un día despois do anuncio do cesamento do fogo na Franxa, Morsi anunciase unha maior concentración de poderes, situándose por riba da lei e de todas as institucións do Estado. A través da firma de catro decretos, estableceu que ningunha das súas decisións ou leis poderían ser revogadas por ningunha institución, nin sequera polo poder xudicial. O momento era perfecto. O presidente exipcio acababa de erixirse como actor influente na rexión: Actuara como interlocutor de Hamás e de Estados Unidos e como anfitrión na reunión entre Qatar, Turquía e Hamás. Os propios Barack Obama e Hillary Clinton felicitárono publicamente polo seu labor como mediador nas negociacións polo cesamento do fogo en Gaza. Co seu decretazo, Morsi blindaba a Asemblea Constituínte, encargada de redactar a futura Carta Magna, dominada polas correntes islamitas e ameazada por dúas demandas que estuda o Tribunal Constitucional Co seu decretazo, Morsi blindaba a Asemblea Constituínte, encargada de redactar a futura Carta Magna, dominada polas correntes islamitas e ameazada por dúas demandas que estuda o Tribunal Constitucional. O columnista Fahmy Huwaydi, un dos máis lidos no mundo árabe, dicía este martes que o que motivou a Morsi a impulsar esta medida foron as ameazas dun golpe legal contra o seu goberno. É probable que o presidente exipcio tratase de evitar outro movemento da Corte Suprema Constitucional, que o pasado mes de xuño, tan só dous días antes das eleccións presidenciais, disolveu o Parlamento dominado polos islamitas, nun xesto favorable ao Consello militar Supremo. Ante a ameaza dun movemento similar contra a Asemblea que redacta a Constitución, Morsi optou polo golpe encima da mesa. O columnista Fahmy Huwaydi, un dos máis lidos no mundo árabe, dicía este martes que o que motivou a Morsi a impulsar esta medida foron as ameazas dun golpe legal contra o seu goberno Á marxe das razóns do presidente para xustificar a súa deriva autoritaria, o certo é que a rúa falou de novo. Nos días pasados rexistráronse manifestacións en contra de Morsi en varias cidades do país. Nelas faleceu un menor de idade, con varias feridas de bala provocadas polas forzas de seguridade. O seu pai chamou ás protestas contra Morsi Os xuíces, contra Morsi Ao mesmo tempo, os sindicatos de xuíces e de xornalistas anunciaron folgas en todo o país en contra do decretazo. O Club de Xuíces -a agrupación máis importante de maxistrados- foi especialmente belixerante contra o presidente exipcio. Cando un asesor de leste anunciou que suavizarían o anunciado, a agrupación xudicial insistiu en que a concentración de poder do presidente seguía sendo inaceptable. No ano 2005 o Club de Xuíces xa puxo en dificultades ao entón presidente Hosni Mubarak, e de feito aquelas protestas marcaron un capítulo importante no crecemento dos movementos sociais contrarios ao réxime. E finalmente, Tahrir.... Despois de días de manifestacións, este martes Tahrir encheuse de novo, ao berro de "a xente quere a caída do réxime" e "Morsi ilexítimo" Despois de días de manifestacións, este martes Tahrir encheuse de novo, ao berro de "a xente quere a caída do réxime" e "Morsi ilexítimo". Algúns dos activistas máis destacados das revoltas de 2011 non podían evitar certa emoción. "Outra cousa incrible é que xa non hai espazo en Tahrir e as marchas aínda non chegaron! Morsi, Exipto é demasiado grande para ti", escribía a activista Gigi Ibrahim en Twitter. "Con cada marcha que chega, Tahrir vén arriba con asubíos e xúbilos", celebraba o pintor Ahmed O Massry. Desde as redes sociais, a Irmandade Musulmá ha restado importancia ás manifestacións, asegurando que eran minoritarias e cunha baixa participación, o que causou indignación entre os manifestantes. "O ton dos Irmáns hoxe lémbrame ao a televisión estatal exipcia o 25 de xaneiro de 2011", lamentábase unha internauta, Noha Mahmoud Ali. Nas rúas adxacentes a Tahrir houbo enfrontamentos coa policía. Un home faleceu como consecuencia da exposición aos gases lacrimóxenos empregados polas forzas de seguridade Mahalla Nas últimas horas en Mahalla rexistráronse duros enfrontamentos entre partidarios e detractores da Irmandade musulmá, co resultado de 300 de feridos As protestas estendéronse a varias cidades do país, entre elas, Mahalla el Kubra, histórico bastión do movemento obreiro, onde en 2006 tres mil mulleres traballadoras dunha fábrica téxtil, ao berro de "aquí estamos as mulleres, onde están os homes?", deron o pistoletazo de saída a unha onda de folgas que foron o prólogo das revoltas de 2011. Nas últimas horas en Mahalla rexistráronse duros enfrontamentos entre partidarios e detractores da Irmandade musulmá, co resultado de 300 de feridos. Tanto en Mahalla como noutras cidades producíronse ataques a sedes da organización islámica. As axudas Non é ningún segredo que os Irmáns Musulmáns e o propio Morsi son conservadores no político e neoliberais no económico O aumento da tensión pode erosionar a imaxe de Morsi e mesmo facer perigar as negociacións que o seu goberno mantén co Fondo Monetario Internacional, co que estáa punto de pechar un préstamo de 4.800 millóns de dólares, ao que se opoñen os movementos sociais de Tahrir. A Unión Europea xa advertiu que podería recortar as súas axudas a Exipto se Morsi mantén vixente o decretazo. Non é ningún segredo que os Irmáns Musulmáns e o propio Morsi son conservadores no político e neoliberais no económico. Aínda que a Irmandade Musulmá criticou durante anos o intervencionismo occidental na rexión, agora o sector gobernante dá a benvida ás axudas ofrecidas polos organismos financeiros internacionais. Este pragmatismo decepcionou a algúns votantes da Irmandade, pero sen dúbida satisfai a actores internacionais como Estados Unidos, sempre dispostos a coidar as vantaxes do investimento estranxeiro no país árabe. A polarización O rápido desgaste de Morsi están a aproveitalo sectores próximos ao antigo réxime de Hosni Mubarak e personalidades como o ex presidente da liga Árabe e ex candidato presidencial Amr Musa, quen ven nesta conxuntura unha oportunidade para gañar influencia O rápido desgaste de Morsi están a aproveitalo sectores próximos ao antigo réxime de Hosni Mubarak e personalidades como o ex presidente da liga Árabe e ex candidato presidencial Amr Musa, quen ven nesta conxuntura unha oportunidade para gañar influencia. "O problema é que hai xente próxima ao antigo réxime que quere apropiarse da situación, e que hai xente de Tahrir disposta de súpeto a tender a man a persoas como Amr Musa, que foi ministro con Mubarak!", advirte o xornalista e activista exipcio Hossam El Hamalawy. Unha vez máis Exipto corre o risco de verse dividido nunha ecuación simplista entre os islamitas e os feloul, termo que se usa para facer referencia aos integrantes do antigo réxime ou a aqueles próximos a el, e que están a tentar capitalizar as protestas. A polarización está servida. "A polarización é inevitable en calquera revolución. A pregunta é ao redor de que liñas prodúcese esta polarización", afirma El Hamalawy. No medio de todo, hai agrupacións sociais e activistas moi destacados das revoltas de 2011, decepcionados con ambos os bandos e indignados por que os feloul estean a tentar apropiarse das manifestacións. A forza da rúa non está disposta a aceptar os discursos que presentan a un ou outro bando como males menores e necesarios. A credibilidade da Irmandade A Irmandade Musulmá xa sufriu varias escisións, produto das súas divisións internas e das tensións existentes entre os mozos e as clases dirixentes. A medida que o tempo avance e mostre que as demandas das revoltas non figuran no programa da organización islámica, os Irmáns Musulmáns poden verse expostos a unha crise de credibilidade entre a sociedade exipcia. O chiste amargo que circula estes días resúmeo así: Nome: Mohamed Morsi. Profesión: Hosni Mubarak Que a súa popularidade non é de ferro, próbano os resultados das eleccións. Nos comicios lexislativos iniciados en novembro de 2011, a Irmandade obtivo o 37,5% dos apoios, uns 11 millóns de votos. Na primeira rolda das eleccións presidenciais de xuño de 2012 o candidato dos Irmáns, Mohamed Morsi, só obtivo o 24,7% dos apoios, algo máis de 5 millóns de votos. Polo momento, a esixencia da chamada revolución exipcia - "pan, liberdade e xustiza social"- seguen sen cumprirse. E nas redes sociais algúns xa suxiren que Exipto segue baixo o xugo dun réxime autoritario. O chiste amargo que circula estes días resúmeo así: Nome: Mohamed Morsi. Profesión: Hosni Mubarak. |
QUEPASA_525 | O comité de Ferroatlántica pídelle á Xunta que convoque unha reunión a tres bandas ante o progresivo desmantelamento das fábricas | Non para o calendario de mobilizacións dos traballadores de Ferroatlántica Cee-Dumbría-Centrais Hidroeléctricas, como non para o progresivo desmantelamento das fábricas costeiras. Este xoves 13 de febreiro os traballadores realizarán sendas asembleas en Brens e Dumbría, para propor un calendario de mobilizacións polo futuro do emprego e da actividade produtiva nas fábricas. Unhas asembleas que aproveitarán para explicar o tratado na reunión mantida onte entre o Comité e o secretario xeral de Minas, a subdirectora xeral de Relacións Laborais e o secretario xeral técnico da Consellaría. Unha reunión na que o Comité lle solicitou á Xunta uha reunión a tres bandas (empresa, comité e Administración). Unha reunión necesaria ante o "recorte drástico da produción" (que xa provocou o peche do forno 13, que apenas estivo 6 meses en funcionamento), e na que pedirá que a Xunta esixa un Plan de Viabilidade para garantir o emprego e o futuro industrial. As cifras Ten cifras o comité dese recorte de prodicón. "As factorías están ao 30% da súa capacidade de fabricación, mentres que a produción de electricidade está ao 100%, confirmando que o único interese de TPG-Ithaka está no negocio da enerxía e que a operación orquestrada con FerroGlobe é unha fraude. De feito, a empresa está vendendo catro veces máis enerxía da que compra para fabricar ferroaliaxes, algo que contravén claramente as condicións das resolucións da Xunta de Galiza a respecto de que a produción hidroeléctrica debe garantir a actividade das fábricas", explican dende o Comité. En canto á produción, cómpre subliñar que "o forno 13 estará parado durante todo 2020 e sen data concreta para o seu arranque, nin sequera no horizonte da aprobación do estatuto para as industrias electrointensivas. O resto dos fornos están sometidos a un plan de paradas diarias, entre 10 e 14 horas diarias, o que provoca avarías con risco e que haxa que facer reparacións de continuo. Ademais, a empresa ameaza con cesar tamén o forno 14, decisión que deixaría a este centro de traballo sen fabricación de aliaxes de manganeso". Por se non fora abondo, "o comité tamén alerta do recorte nos cadros de persoal, tanto nas centrais hidroeléctricas como nas fábricas, xa que non se cobren as xubilacións, reduciuse o número de traballadores/as nas quendas e despedíronse nas últimas semanas a 18 compañeiros/as eventuais". NOVAS DO CONFLITO #FERROATLÁNTICA 02-02-2020: Unha nova concentración baixo a auga con triple obxectivo. Xaneiro 2020: 17 novos despedimentos caldean o amibiente para a nova concentración dos traballadores de Ferroatlántica. Xaneiro 2020: Os Traballadores de Ferroatlántica volven á rúa este venres. Xaneiro 2020: Traballadores de Ferroatlántica viaxaron a Madrid á manifestación polo estatuto da Industria Electrointensivs. Decembro 2019: Ferroatlántica avisa de que o resultado da poxa enerxética pode provocar unha baixada da produción. Decembro 19: Ferroatlántica reclama unha tarifa eléctrica competitiva para as industrias electrointensivas. Poucas variacións no Comité tralas eleccións sindicais de Ferroatlántica de Cee-Dumbría-CCHH. 17-10-19: A Xunta recoñece que Ferroatlántica si ten que presentar un plan de viabilidade como lle viña esixindo a CIG. 09-10-19: Ferroatlántica: Un novo martes ás portas do Concello de Cee. 02-10-19: A Xunta sobre Ferroatlántica: "O único que aconteceu nas últimas semanas foi unha transmisión de accións". |
NOS_22794 | Di da instrución que reflicte unha "espiral inquisitiva" e acusa o xuíz de dirixir unha investigación "á carta" e de imputar a irmá de Felipe VI con "meras conxeturas". | O Ministerio público saíu ao paso do procesamento de Cristina de Borbón e presentou un recurso ao último auto ditado polo xuíz instrutor do caso Nóos no que a irmá de Felipe VI aparece como imputada por un presunto delito de branqueo de capitais e como "cooperadora necesaria" de dous delitos fiscais cometidos polo seu compañeiro, Iñaki Urdangarín. Segundo o fiscal, Pedro Horrach, do escrito non se desprenden "que concretos delitos e feitos poden imputarse a Cristina de Borbón", afirma no seu recurso, no que acusa tamén ao xuíz Castro de empregar "a mera especulación cando non a pura ficción" para "construír uns feitos de aparencia delitiva". Nestes termos se posiciona a Fiscalía que toma parte activa con este recurso na defensa da aínda infanta e duquesa de Palma. Para alén do que poida facer a defensa de Cristina de Borbón, o Ministerio público solicita ao xuíz instrutor a retirada da súa imputación pois, di, baséase en "actos de fe" e non en "indicio incriminatorio algún". Segundo a Fiscalía Cristina de Borbón descoñecía as actividades delitivas de Urdangarín e acusa ao xuíz instrutor, José Castro, de "construír uns feitos de aparencia delitiva" baseándose "na mera especulación" Porén, no seu auto, Castro coida que a participación da irmá de Felipe VI como co-titular da empresa Aaizón --da que ten o 50%-- evidencia a súa "cooperación necesaria" para que Urdangarín defraudase á Facenda pública "un total de 337.138 euros nas cotas do IRPF correspondente aos anos 2007 e 2008", sinala. Aliás, a propia Axencia Tributaria e e a Fiscalía apuntan a esa entidade como unha empresa pantalla creada co obxecto de tributar menos na declaración da renda e unha das empresas ficticias empregadas para desviar fondos públicos obtidos das Administracións por parte do instituto Nóos. Cumpre lembrar que Cristina de Borbón era secretaria da entidade e asinaba boa parte dos documentos que se inclúen na instrución. Aliás, segundo a investigación xudicial o diñeiro defraudado tería sido investido na rehabilitación da casa que ambos os dous partillaban e mesmo para sufragar gastos correntes da familia. No entanto, segungo Pedro Horrach, a infanta non cometeu delito algún porque, di, descoñecía a actividade e de defraudación tributaria do seu compañeiro. Así mesmo, sinala que durante o decorrer da instrución o xuíz Castro despreza "indicios de notábel forza exculpatoria" no que constitúe, subliña, "a persecución de condutas atípicas". |
NOS_9790 | O secretario xeral do PSdeG afirma, nunha entrevista na cadea Ser en Galiza, que os socialistas non descartan emprender a vía xudicial. | As fotografías de Feijóo con Marcial Dorado poderían ter para o presidente da Xunta consecuencias para alén das estrictamente políticas. Así o entende o secretario xeral d@s socialistas galeg@s, Pachi Vázquez, que nunha entrevista na cadea Ser en Galiza afirmou textualmente que "Feijóo podería acabar no cárcere pola súa relación con Marcial Dorado", segundo se recolle nun chío de @sergalicia. Pachi Vázquez sinalou que, "se Feijóo tivese negocios con Marcial Dorado é un tema penal e ao mellor ten que ir ao cárcere, mais iso non o teño que decidir eu, iso lo teno que decidir o TSXG se entra ao tema". O socialista resaltou que non estamos a falar da relación "dun rapaz de Os Peares que nunca foi a Ourense e non veu o mar", senón que se trata do "número dous da Consellería de Sanidade e un narcotraficante", e preguntou "por que eran tan amigos, qué os unía, que os relacionaba, que procuraban un doutro?". Entramado de negocios Pachi Vázquez, durante a entrevista, tamén fixo referencia ao entramado de negocios de Marcial Dorado e nel situou ao testaferro Maniel Cruz, chofer da Xunta (nesa época, do conselleiro de Sanidade, Romay Beccaría) e que foi o que presentou a Feijóo e Dorado. Vázquez, que apuntou a que o PSdeG non desbota emprender accións xudiciais, reclama a Feijoo "os datos dos negocios de Marcial Dorado coa Xunta na súa etapa na Consellería de Sanidade". Mais, engadíu, e alén deste aspecto xudicial, en calquer outro país democrático, un presidente que saia nunhas fotografías así "demite aos cinco minutos". Aliás, Manuel Vázquez incidiu en que as explicacións dadas polo presidente da Xunta sobre esas fotografías non son convincentes, o que aínda mantén dúbidas sobre todo o caso. Romay Beccaría Tamén falou na entrevista o secretario xeral do PSdeG sobre Romay Beccaría, que saíu á palestra para dicir que naqueles anos el tampouco coñecía a Marcial Dorado. Vázquez afirmou: "o trío Dorado, Feijoo, Manolo Cruz (chófer da Xunta e testaferro do narco) son tres persoas distintas cunha persoa que os une a todos, Romay Beccaría". Na entrevista, Vázquez tamén aludiu ás primarias do PSdeG, afirmando que ten unha decisión tomada, máis que opta por non a facer pública para "non contaminar" antes de pactar o modelo de proceso. |
NOS_12159 | O Estado transferirá 2.800 millóns ás comunidades autónomas | O Consello Ministerial, reunido no día de onte con carácter extraordinario por mor da crise sanitaria do coronavirus, aprobou cun real decreto-lei un paquete de medidas que mobilizarán 18.225 millóns de euros co obxectivo de reducir a incidencia económica que a pandemia está a provocar no Estado español. 2.800 millóns transferiranse ás Administracións autonómicas para combater a enfermidade, como adianto dos anticipos a conta previstos no sistema de financiamento autonómico. O paquete de choque tamén mobilizará ao redor de 1.000 millóns de euros do Fondo de Continxencia dos Orzamentos Xerais do Estado destinados a intervencións sanitarias prioritarias. Ademais, o decreto habilita o Goberno español para regular os prezos de produtos que se consideren necesarios para a protección da saúde das persoas e, en caso de que se dea unha situación de carácter excepcional, a Comisión Interministerial de Prezos poderá fixar o importe máximo de venda ao público de determinados medicamentos e produtos. Medidas para pemes e autónomas Entre as medidas do decreto, figura tamén o aprazamento e o fraccionamento de débedas tributarias por un prazo de seis meses sen intereses, cunha inxección de 14 mil millóns de euros en liquidez a pequenas e medianas empresas e a profesionais por conta propia. Tamén se contempla unha liña de creto de 400 millóns para o sector turístico. En concreto, pemes e autónomos poderán aprazar até 30.000 euros no pago de impostos durante seis meses. O decreto contempla que as persoas empregadas pola Administración Xeral do Estado que se atopen en illamento continúen a cobrar o seu salario íntegro. Permitiranse ademais nese sector modelos de traballo a distancia e adaptar a xornada para nais e pais pola suspensión das aulas. Estas medidas foron todas anunciadas polo presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, nunha conferencia telemática desde a Moncloa ao rematar o Consello Ministerial. Con este paquete búscase, dixo, protexer a actividade médica e hospitalaria garantindo o subministro de material sanitario, así como a atención social directa ás familias, para axudalas ante o feche de colexios, protexer o emprego en pemes e autónomos para que os efectos sexan "transitorios", xunto a medidas de apoio a sectores produtivos, especialmente turismo e transportes. "Hai que superar a tormenta cos menores estragos", afirmou Sánchez, ao tempo que lamentou que "moitas empresas e autónomas" se estean a ver afectadas coa cancelación de pedidos e a suspensión de eventos. Comedores En canto ás bolsas de comedores escolares procurarase, segundo avanzou Sánchez, que aquelas familias que xa as tivesen concedidas poidan facelas efectivas aínda que os centros de ensino estean fechados. Esta medida diríxese de maneira especial a familias en situación de vulnerabilidade xa que o xantar na escola é, en moitos casos, a única inxesta equilibrada do día. |
NOS_50340 | CIG e CUT convocan sete xornadas de paro en Citroën que se realizarán os sábados de outubro e novembro para denunciar unhas condicións e ritmos de traballo que cualifican como "esgotadores". Falamos con Manuel Domínguez, da sección sindical da CIG na factoría viguesa. | - CIG e CUT volvedes convocar mobilizacións en Citroën contra a sobrecarga e o abafante ritmo de produción que denunciades que se impón ao persoal, unha cuestión pola que xa vos mobilizarades en xullo, daquela tamén canda CCOO. - En xullo paramos as mobilizacións porque desde a dirección indicaron que estaban dispostas ao diálogo. Pasou agosto, pasaba setembro e nós dixémoslle que non podía ser, que había que falar deste problema. Nós fixemos un estudo dos postos, entregando á dirección unha copia na que lles indicabamos aqueles que entendiamos que estaban sobrecargados. A día de hoxe non tivemos contestación, por certo. Atopámonos cunha negativa a asumir o problema, a tentar atopar unha solución. CIG e CUT analizamos outra vez a situación e consideramos que era oportuno convocar folgas para os sábados do mes de outubro e de novembro. A situación é moi grave. Esa sobrecarga, o sobreesforzo, pasa factura na saúde, ten consecuencias. A dirección ten que tomar medidas xa, corrixindo as altas cargas de traballo, non podemos agardar máis. Chega un momento en que non podes nin levantar a cabeza do coche, non tes tempo nin para respirar... - Os sindicatos denunciades que esas cargas de traballo 'inhumanas' pasan factura, tanto a nivel físico como pisocolóxico... - Por suposto. A planta PSA está rexuvenecida, xa non hai ese colectivo de persoas con idades altas que había antes. Porén, e froito de todas estas sobrecargas, unha parte importante do cadro de persoal de montaxe xa empeza a ter problemas de tendinite, de túnel carpiano... Incluso problemas tamén psicolóxicos, por mor das presións e o estrés. Marchas para a casa coa sensación de que non es quen de desenvolver o teu traballo, e coas reformas laborais que se fixeron todo o mundo se pregunta que vai pasar con el se non está á altura do que se lle exixe..Queiras que non, iso afecta, mina por dentro e pasa factura. Fixemos unha enquisa en montaxe e aí os traballadores fixéronnos chegar os seus problemas, que xa non aturaban máis carga de traballo. - A automoción é posta como exemplo de industria 4.0, mais pouco se fala de como o aumento da produción deriva máis de aumento de rirmos a costa de sobrecargas e sobreesforzos... - O volume de traballadores que hai nas liñas de produción a respecto das que había reduciuse moito. E reitero o de moito. Mais os datos de produción aí están, son públicos, e indican que este ano imos rematar no sistema 1 – onde hai un volume de cargas de traballo moi altas- cun récord de produción. Un récord que imos acadar a pesar de que hai moito menos persoal. As consecuencias reverten nos traballadores que quedan e aos que ao final se lles sobrecarga. Ao coche non lle pode faltar ningunha peza, todas se teñen que montar e se agora hai menos traballadores para facelo, teñen que traballar máis. E iso é máis esforzo, máis tensión. A dirección e o grupo están a garantir o futuro desta planta. Pero hai un problema: éncheselles a boca co de que o factor humano é o máis importante mais nese futuro da factoría non se está a ter e conta os traballadores que temos que estar nese futuro. Se continuamos así, moitos dos que estamos agora non sei se chegaremos a ese futuro. Un dos problemas que temos é que nese futuro industrial falta unha pata, que é o futuro dos postos de traballo dos traballadores. E iso é fundamental. Podemos ter a última tecnoloxía, ser a planta 4.0, ser a factoría referencia do grupo PSA Citroën, ter as liñas máis avanzadas e adaptadas ás novas tecnoloxías... mais hai unha pata, que é a dos traballadores, que non se ten en conta. Non se teñen en conta os problemas que vimos denunciando, as sobrecargas e ritmos de traballo... En cuestión de non moitos anos imos ver a verdadeira dimensió de todo isto que denunciamos, ninguén se está a preocupar cos efectos deses niveis de traballo. - Mais dísenos que a automoción é un sector onde as novas tecnoloxías supoñen unha achega fundamental, que axuda aos traballadores, non é? - A nova tecnoloxía implica que ti poidas facer máis. Habería que equilibrar os avanzos e evolucións - tecnolóxicas co desempeño dos postos de traballo. De pouco val que a máquina reduza o tempo que leva determinada función se empregan ese tempo que aforramos para meternos aínda máis funcións e traballos. Chega un momento en que non podes nin levantar a cabeza do coche, non tes tempo nin para respirar... - A sobrecarga, o aumento dos niveis de traballo é un dos problemas que afronta o sector da automoción mais non é o único. Hai outros, como se ten denunciado desde sindicatos, como a precariedade ou a deslocalización. - O señor Feijóo parece que está máis preocupado pola deslocalización de empresas en Catalunya que porque se nos marchen do noso país. Cando empezaban a marchar do sector de automoción para Portugal semella que non era moi importante. E é algo grave. O que non se pode facer é permitir que unha empresa como é Citroën fomente a deslocalización das empresas porque prioriza a redución de custos. E ao mesmo tempo dáselle a Citroën todo o que pida e máis. Feijóo o outro día ía da man co señor Tavares [director executivo PSA Citroën] a coñecer novos modelos en vez de preocuparse pola situación dos traballadores, que é o que debería preocuparlle. É un problema de calado. Son cuestións que debían estar riba da mesa do goberno, que debía exixir que se cumprisen uns mínimos para dar axudas ás empresas da automoción, uns condicionantes. Non pode ser que o único que interese sexa reducir custos e aumentar beneficios. |
NOS_4151 | É un incremento superior ao rexistrado de media no Estado, que foi de 4,8%. | O prezo da vivenda en alugueiro subiu 7% na Galiza durante o ano 2019, polo que se sitúa en 6,6 euros o metro cadrado, segundo o último informe de Idealista. Este incremento é superior ao producido de medio no Estado español (+ 4,8%), aínda que o prezo por metro cadrado galego aínda está lonxe da media estatal, que é de 10,9 euros o metro cadrado. Por provincias, hai un aumento xeral agás en Ourense (-2,5%). O incremento está liderado pola Coruña (+ 12,1%), seguida de Lugo (+ 8,9%) e Pontevedra (+ 5,6%). Lugo e Ourense son as provincias cun metro cadrado máis barato (5,1 e 5,2 euros). O máis caro é Pontevedra (7,4 euros), seguido da Coruña (6,5 euros). Con respecto ás cidades galegas, o maior repunte da vivenda en aluguer prodúcese en Santiago (+ 14,2%), un incremento que duplica o seguinte maior, que se produce na Coruña (+ 7,4%); mentres que o terceiro aumento máis acusado produciuse en Lugo (+ 5,4%). Pola súa banda, o prezo cae en Ourense (-2,6%) e Vigo (-1,2%). En mínimos A construción de vivenda social en Galiza está en mínimos. En 2017 houbo 12 vivendas protexidas rematadas, a cifra máis baixa entre todas as comunidades do Estado español. A anos luz da vivenda social en Madrid e Barcelona, mais tamén de territorios con menos poboación ca nós, como Euskadi, Aragón, Asturies, Estremadura ou Castela-A Mancha. En todo o Estado español entregáronse en 2017 as chaves de 4.938 pisos sociais. Só 12 na Galiza, o que supón apenas 0,2% do total. En Estremadura (1.600.000 habitantes menos que en Galiza) foron 216. En Nafarroa –a que cuadriplicamos en poboación– foron 192, o que supón 180 vivendas protexidas máis. |
PRAZA_10503 | O colectivo Enfermeiras Eventuais en Loita busca sinaturas cidadáns para un manifesto coas súas principais reivindicacións. A Xunta, lamentan, "considera que é mellor ternos sen dereitos e dispoñer de miles de profesionais formadas sen contratos estables das que poden botar man a calquera hora porque se non collen o teléfono, non comen" | Xa o advertiran tras a tan masiva como inédita mobilización durante os exames de oposición celebrados en Silleda o pasado 12 de maio: "Este día marca un antes e un despois.... E só é o principio". Meu dito, meu feito. As enfermeiras eventuais do Servizo Galego de Saúde, as Enfermeiras Eventuais en Loita organizáronse nunha plataforma que rachou os marcos habituais das protestas no sector sanitario, retrucaron con datos as primeiras declaracións oficiais que tentaron amortecer as súas reivindicacións e agora procuran fortalecer a mobilización buscando apoio entre a cidadanía.As enfermeiras xa o advertiran tras a tan masiva como inédita mobilización as oposicións en Silleda: "Este día marca un antes e un despois.... E só é o principio"."Coida a quen te coida" é un dos lemas máis reiterados polas Enfermeiras Eventuais en Loitas dende o seu nacemento como colectivo e agora tamén é a conclusión do Manifesto pola fin da precariedade na Enfermaría galega, que veñen de lanzar á procura de apoios mediante sinaturas e que en apenas doce horas xa superou os 4.000 apoios. "É moi probable que cando leas estas liñas esteas san ou non teñas que recorrer á sanidade pública galega" ou se cadra, si, explican. Sexa como for, "non podemos agardar a que un problema nos afecte directamente para ser sensibles á realidade que nos rodea".No seu caso, detallan, a realidade é que "hai anos que arrastramos un problema na enfermaría galega: vémonos sometidas a unha precariedade laboral extrema que se agrava cada día máis". Altísimas taxas de temporalidade e eventualidade que implica que "non teñamos dereito a vacacións ou a permisos por matrimonio ou baixas por enfermidade ou embarazo". "Sufrimos continuamente a mobilidade entre servizos, a concatenación de contratos durante anos, dificultades para conciliar, ameazas de penalizacións nas listas de contratacións...". E todo isto, advirten, impacta "directamente" na atención á cidadanía."Consideran que é mellor ternos sen dereitos e dispoñer de miles de profesionais formadas sen contratos estables das que poden botar man a calquera hora porque se non collen o teléfono, non comen"A propia magnitude do colectivo, advirten, é sinónimo da dimensión do problema. Esta é unha situación que "vivimos arredor de 10.000 enfermeiras" e que "se mantén durante máis de doce anos" mesmo con "varias convocatorias de oposicións aprobadas", feito que ao seu xuízo "demostra que non se satisfacen as necesidades reais da enfermaría, porque as prazas sempre son insuficientes". Ao seu xuízo, a "tradución á realidade" é que a Xunta "considera que é mellor ternos escravizadas e sen dereitos", toda vez que deste xeito "dispón de miles de profesionais formadas e non ubicadas en contratos estables" das que pode botar man "a calquera hora do día ou da noite". "Collerán o teléfono, porque senón non comen", resumen.Estas son as razóns que as levan a pedir o apoio da cidadanía para unha táboa reivindicativa de tres puntos: "loitar contra a precariedade", "defender a sanidade pública" e "avanzar no recoñecemento da enfermaría como disciplina autónoma". As traballadoras de enfermaría do Sergas "deixan a alma coidando a quen o necesita", pero "sentímonos indefensas porque a Administración non nos coida". Esta, conclúen, é a razón pola que buscan o apoio cidadán. "A precariedade laboral non pode ser compatible cun sistema de saúde de calidade", rematan.O Sergas advirte de que "non sempre hai contratación fraudulenta"Na mesma xornada en que as Enfermeiras Eventuais en Loita facían público o seu manifesto a directora xeral de Recursos Humanos do Sergas, Margarita Prado, tiña que responder no Parlamento unha pregunta do socialista Julio Torrado a respecto de recentes sentenzas xudiciais que cuestionan, precisamente, a concatenación de contratos eventuais. Estes pronunciamentos dos tribunais constatan, a xuízo do deputado do PSdeG, a obvia "situación de precariedade" do Sergas, que "contrata a tempo parcial e explota a tempo completo".A concatenación de contratos "non sempre" implica "unha contratación fraudulenta", respondeu a directora de Recursos Humanos do Sergas ao PSdeG no ParlamentoNa súa resposta Prado admitiu que "evidentemente", os recortes orzamentarios tiveron "afectación" nos cadros de persoal da sanidade pública, así como a taxa de reposición -imposibilidade de cubrir todas as xubilacións- imposta polo Goberno de Rajoy, cuxa continuidade a alto cargo atribúe ao gabinete de Pedro Sánchez. Así e todo, advertiu, "non sempre hai unha contratación fraudulenta" porque "a existencia dun sistema de listas implica nomeamentos concatenados" sen que isto implique necesariamente "fraude de lei"."É certo que hai profesionais que poden ter moitos contratos" porque "substitúen moitas ausencias ou están facendo reforzos", resaltou a directora xeral, quen nega que o sistema mantido pola Xunta derive sempre en "fraude" e insta a ter en conta que "800 profesionais eventuais se converteron en interinos" nos últimos anos. Ademais, reitera, Sanidade "dende o momento en que existiron indicios de crecemento económico" reforzou as súas ofertas públicas de emprego, resolve. |
NOS_39836 | A situación da industria do naval nas rías de Vigo e Pontevedra é cada vez máis preocupante. As organizacións sindicais CIG, CCOO e UXT mantiveron esta terza feira unha reunión coa patronal para valorar as posíbeis saídas, entre as que figura unha maior implicación das Administracións galega e española. | Esta terza feira tivo lugar unha primeira xuntanza entre as centrais sindicais CIG, CCOO e UXT e a Asociación de Industrias do Metal e Tecnoloxías Asociadas da Galiza (Asime) para avaliar a situación actual no naval nas rías de Vigo e Pontevedra. Coincidiron en que o panorama é moi complicado polas circunstancias que atravesan os tres grandes estaleiros (Barreras, Metalships e Vulcano), unha problemática que pasaría a ser estrutural e alongada no tempo e que precisaría, din, da intervención inmediata por parte das Administracións, neste caso a Xunta da Galiza e o Goberno español. Xulio Fernández, secretario comarcal da CIG-Industria, cre que para camiñar cara á recuperación "as Administracións teñen que intervir decididamente como única solución para manter este sector chave para a comarca de Vigo e para o conxunto da economía do país". Lembra que a central nacionalista ten solicitado á ministra de Industria, Reyes Maroto, e ao conselleiro de Economía, Francisco Conde, a constitución da mesa do naval da ría de Vigo na que abordar as solucións urxentes e concretas que precisa o sector. Rubén Pérez, secretario xeral de Industria de UXT, valora, en declaracións a Nós Diario, a reunión como "unha toma de contacto" e concorda en que, "a parte empresarial ten que facer os seus deberes e presentar proxectos viábeis que recuperen a actividade nos estaleiros" máis alá de que as propias Administracións "deixen de pórse de perfil neste sector e pasen das boas palabras aos feitos". Pedro Comesaña, responsábel comarcal de Industria de CCOO, explica a Nós Diario que na reunión a patronal puxo enriba da mesa a reactivación da mesa do naval, na que tería un papel importante a propia Xunta. "Sería importante que fose unha realidade para implicar as Administracións e darlle unha solución ao que está pasando", opina. Máis formación e transparencia Comesaña indica que, ademais da falta de carga de traballo, non existen fondos para a formación do persoal que traballa nos estaleiros e nas empresas auxiliares. "É fundamental que as traballadoras e os traballadores sigan cualificándose, unha das razóns polas que moito persoal escapa deste sector", engade. Sobre este tema, Fernández trasladoulle á patronal que ten que facer do naval un sector atractivo para evitar a fuga de traballadoras e traballadores e poder recuperar o persoal cualificado que emigrou "na procura dunhas condicións laborais dignas e dunha estabilidade que aquí non atopaba". O sindicalista lembra que isto "non é posíbel se continúan asinándose convenios que empobrecen e deterioran as condicións laborais e salariais e que se ceban coas compañeiras e os compañeiros máis precarizados, como aconteceu na negociación do último convenio, no que Asime impuxo as súas condicións e algunhas centrais entraron a avalarlle ese xogo". Exixe a paralización do expediente de regulación temporal de emprego (ERTE) en Barreras e, ademais, o cese da represión sindical iniciada "contra compañeiras e compañeiros que están decididamente loitando pola non desaparición dos seus postos de traballo e por salvar o naval". Unha persecución que exemplifica no despedimento do delegado da CIG en Barreras, Rafa Pérez. En relación aos proxectos de futuro, a patronal informou na reunión mantida cos sindicatos da posibilidade de que se configuren novas iniciativas relacionadas coa eólica mariña e tamén coas achegas que virían dos fondos europeos Next Generation. Comesaña denuncia que "participamos nas mesas de diálogo mais non temos información, hai moito ocultismo sobre este tema por parte da Xunta". Folga parcial de CCOO e manifestación da Plataforma Desde CCOO anunciaron esta terza feira a convocatoria dunha folga parcial, á que non se sumaron as outras organizacións sindicais, nos estaleiros vigueses para esta vindeira quinta feira das 10 até as 14 horas. Esta proposta de mobilización foi duramente criticada pola Plataforma de Traballadoras e Traballadores. Nun comunicado consideran que "ten como finalidade salvar os mobles da patronal" e indican que "está programada para fins moi distintos que a preocupación polo sector". Aseguran que "non van utilizarnos unha vez máis para os seus intereses, que nada teñen que ver cos nosos". Rematan o documento enviado aos medios de comunicación anunciando para este vindeiro día 22 de xullo ás 19.30 horas unha manifestación polas rúas de Vigo coa intención de "reverter esta situación". |
NOS_34375 | O proxecto 'Aries' mobilizaría máis de 40 millóns de euros para, entre outras propostas, implantar un novo taller de baterías eléctricas na cidade olívica. | Stellantis vén de presentar dúas propostas ao Proxecto Estratéxico para a Recuperación e Transformación Económica do Vehículo Eléctrico e Conectado (Perte VEC) que mobilizarían 266 millóns de euros, segundo informou a compañía nun comunicado. Un deles estará apoiado polas plantas de Vigo e Madrid, con investimentos que roldarían os 43 millóns. O de maior envergadura, o Proxecto Tesis (Transformación cara á Electromobilidade e a Sustentabilidade Industrial de Stellantis), encabezado pola factoría de Figueruelas (Zaragoza), suporá 223 millóns de euros de investimento. Tesis, que reúne 23 socios tecnolóxicos e industriais situados en seis territorios do Estado español —46% deles empresas aragonesas—, divídese nun total de 41 proxectos primarios e céntrase no desenvolvemento das tecnoloxías para a fabricación de novos modelos con versións eléctricas en Stellantis a partir de 2023. Case 90% das empresas adheridas a este proxecto son pemes. 43 millóns de euros para Vigo e Madrid Pola súa parte, o proxecto Aries (Automoción Reciclábel, Intelixente, Eléctrica e Sostíbel), apoiado polas fábricas de Vigo e Madrid, está asociado a investimentos por valor de 43 millóns de euros. O balance anual da automoción galega: medra a facturación 7% mentres se perden 1.530 empregos Aries divídese en 26 proxectos primarios que deben executarse antes do remate de 2025, seis deles liderados por Stellantis, como o impulso da nova xeración de vehículos eléctricos que se ensamblan nas factorías, a implantación dun novo taller de baterías en Vigo, a reutilización da auga industrial ou a redución do consumo de enerxía. Desta iniciativa participan 25 entidades, 17 delas situadas na Galiza. Aliás, 72% das empresas adheridas son pemes, que asumen 40% do orzamento e optan por 55% das axudas solicitadas. E, das entidades participantes no proxecto Aries, nove son organismos de investigación e provedores de tecnoloxía e coñecemento. O ERTE, en suspenso Este anuncio prodúcese logo de que na pasada sexta feira quedase suspendido o xuízo polo ERTE de Stellantis en 2022, xa que aínda non hai sentenza sobre o de 2021. A CUT sinalou que se trata dunha "medida discriminatoria" con algúns colectivos de traballadores. Suspéndese o xuízo pola impugnación do ERTE de Stellantis "O que se tenta é evitar o control de horas e o rexistro de xornada, para evitar que sexan declarados traballadores en fraude de lei os que fan unha xornada igual ou comparábel aos de tempo completo", matizou. |
NOS_7626 | A plataforma de persoas afectadas polo vertedoiro de Santiago de Compostela-Miramontes (Grixoa) lanzou nas últimas horas unha campaña na que chama as veciñas e veciños, e a cidadanía en xeral, a presentar alegacións ao proxecto dunha nova planta de valorización de residuos de construción e demolición na zona. | O prazo de alegacións ao proxecto conclúe o día 20. A plataforma alerta desta nova proposta, cando "aínda están ser resolver os procesos xudiciais pendentes" que pesan sobre o vertedoiro por posíbel delito contra o medio ambiente tras unha investigación da Fiscalía. "Legalmente, en materia de medio ambiente, todo o mundo é afectado, polo que non só os veciños e veciñas que padecen as molestias diarias poden presentar alegacións", lembra. Sobre o novo proxecto, que segundo indica, se desenvolvería nas propias instalacións da antiga canteira, o colectivo advierte de que traerá máis tránsito de camións para unha vía non acondicionada para o tráfico pesado e provocará "aínda máis contaminación e inseguridade ao lado das casas". "Sobre o papel véndeno como algo inocuo: a valorización de residuos de construción e de demolición. Tamén parecía ter pouco risco o proxecto inicial do vertedoiro e xa vemos en que se acabou convertendo: un foco de contaminación que xera terríbeis molestias aos veciños e veciñas de Miramontes e zonas próximas", subliña a plataforma. |
NOS_47798 | Trinta e catro círculos de Podem solicitan a celebración dunha asemblea extraordinaria que non se celebraría antes das autonómicas, pero que supón outra medida de presión ao actual líder do partido en Catalunya para que abandone a dirección. | O Consello Cidadán Estatal de Podemos acordou onte adiar o cesamento de Albano Dante Fachin como líder de Podem. A formación de Pablo Iglesias esperará até a terza feira para valorar o resultado dunha consulta ás bases de Podem sobre a fórmula de participación nas autonómicas do 21D. Se os inscritos apoian a proposta de Iglesias de manter a coalición con Catalunya en Comú, a saída de Dante Fachin e a súa dirección podería precipitarse. O Consello Cidadán Estatal de Podemos anunciou a convocatoria dunha asemblea extraordinaria da formación en Catalunya, respondendo á solicitude de 34 círculos, que probabelmente non se celebre antes das autonómicas do 21D. A asemblea sería o momento para o relevo de Dante Fachin, mais desde a dirección estatal xa se advertiu onte que si as bases de Podem respaldan a alianza co partido de Ada Colau, o líder catalán debería dimitir "por coherencia" ou, de non facelo, ser cesado polo Consello Cidadán cumprindo "o mandato dos círculos e dos inscritos", segundo fontes de Podemos citadas por diferentes medios. Albano Dante Fachin foi elixido en xullo de 2016 como líder de Podem. Deputado no Parlament desde outubro de 2015, nos últimos meses mantivo posicións menos belixerantes coas teses do bloque independentista das que sostén a coordinación do grupo Catalunya Sí Que Es Pot. Porén, o que tería acelerado a súa caída serían as súas críticas á política defendida para Catalunya por Pablo Iglesias desde Madrid e á intervención da dirección estatal no funcionamento de Podem. Dante Fachin acusa a Pablo Iglesias de actuar como Rajoy coa aplicación do 155 para intervir Podem. |
PRAZA_20395 | Se ben formalmente vivimos no centro dun aparente sistema democrático, en realidade están ocorrendo cousas que desmentirían tal consideración, polo menos nunha parte substancial, como é o dereito a unha información veraz. | Aproveitando que se cumpren neste mes de xuño sesenta e oito anos da publicación da famosa novela do escritor británico George Orwell creo que se pode afirmar, sen temor a esaxerar, que deixou de ser un relato de ciencia ficción. Aínda que chea de aparentes excentricidades e do recurso á hipérbole, quizais froito dos medos e alucinacións dun escritor atormentado pola tuberculose, as inxustizas sociais e a brutalidade das guerras, de feito pasou a converterse na metáfora perfecta da sociedade occidental actual. Alguén podería obxectar que a obra de Eric Arthur Blair, esa era a verdadeira identidade do escritor, se desenvolvía nun país totalitario, característica que a afastaría do mundo occidental ao que pertencemos. Sen embargo, se ben formalmente vivimos no centro dun aparente sistema democrático, en realidade están ocorrendo cousas que desmentirían tal consideración, polo menos nunha parte substancial, como é o dereito a unha información veraz. Para sospeitar que algo raro está a ocorrer só temos que mirar ao noso redor. Acaso a frase en neolingua "A guerra é a paz" que o protagonista Winston Smith lía na fachada do Ministerio da Verdade é diferente, no sentido de inversión e ocultación da realidade, que a de "mobilidade exterior" pronunciada pola ministra española Fátima Báñez cando se refería ao grave problema da emigración causada polas políticas do PP? Ou cando Montoro puxo en marcha "medidas excepcionais para incentivar a tributación de rendas non declaradas" se o que quería dicir era "amnistía fiscal para as maiores fortunas do Estado"? Por se alguén pensa que me estou indo pola tanxente vou lembrar outra frase en neolingua española: "estabilidad presupuestaria". Con este eufemismo se denominou a modificación en 2011 (acordo Zapatero-Rajoy) do artigo 135 da Constitución que consagraba o pago da débeda pública como absolutamente prioritario fronte a calquera outro gasto nos orzamentos do Estado. En realidade a famosa "estabilidade" ocultaba a decisión das forzas do stablishment español(PP-PSOE) de atender, primeiro e en calquera circunstancia, os pagos á banca antes que os gastos sociais, vitais para a cidadanía. Esta última decisión, convenientemente adobiada para evitar a alarma social, ocultaba unha cruel e antidemocrática medida neoliberal (furtándolle aos cidadáns un debate nun asunto fundamental que debería ser decidido en referendo público) producindo incluso mortes a causa dos recortes orzamentarios, como ocorreu ata hai moi pouco cos enfermos de hepatite C. Pero unha nova, desvelada pola Rede Voltaire en marzo pasado, supera con creces todo o anterior para converterse de feito nun asunto propio dun sistema totalitario ao puro estilo orwelliano. Esta rede de información libre e alternativa asegura, e as súas fontes solen ser moi solventes, que se está conformando un pacto entre as principais axencias e empresas de comunicación mundial co obxecto de subministrar unha información unificada na mensaxe e nos obxectivos. Entre elas estarían os 14 grupos máis importantes dos media transnacionais: dende Bertelsmann, Time Warner ou Sony ata Televisa ou Walt Disney Company, BBC, CNN e Al-Jazeera. Ademais de Reuter, Associated Press e France Press, as tres principais axencias de información a nivel mundial que, de facto, facilitan a maioría da información que comparten os media do planeta, como El País, El Mundo ou La Voz de Galicia, por poñer só tres exemplos. Por se esta alianza non fose suficiente para meter o medo no corpo, Google e First Draft (descoñécese quen está detrás desta empresa) estarían establecendo vínculos cos grupos antes citados, de tal maneira que a prensa escrita, a TV e internet subministrarían unha información unificada co obxectivo de neutralizar ou minimizar as voces alternativas a ese Pacto Informativo. Que se propoñen? En primeiro lugar, convencer ao cidadán de que os medios adscritos ao Pacto "son honestos e que as persoas ou países denunciados por eles non o son". Outra das regras non escritas sería a de que "os membros do Pacto non se critican entre si". De tal maneira que os media desta alianza "son os que din a verdade sempre, mentres que os outros menten". Ocorre que de verificarse este comportamento se violaría a Carta de Munich, da Organización Internacional de Xornalistas. O principio de pluralismo, elemento básico dunha democracia, quedaría anulado de facto o que nos levaría irremisiblemente a unha sociedade totalitaria. Este modelo informativo xa se aplicou recentemente coas guerras de Libia e actualmente sucede coa información sobre Siria ou coa situación de Venezuela, aplicando un patrón de "bos e malos" no que non caben os matices, e menos o contraste de opinións en pé de igualdade. Por último, o Pacto cualificaría todas as demais noticias que non encaixen no seu patrón como falsas (fake news). O feito de que a inmensa maioría das cadeas e xornais subscriban o material do "Ministerio da Verdade dos Media Internacionais" convertería esta alianza nun sistema de manipulación de masas a nivel planetario que asombraría ao propio Orwell. Creo que esta información é o suficientemente seria para non deixala pasar como se fose algo anecdótico ou un asunto conspiranoico máis. Por certo, a Rede Voltaire asegura que o famoso ICIJ (Consorcio Internacional para o xornalismo de Investigación, patrocinado polo financeiro George Soros) forma parte deste Pacto. O ICIJ publicara en 2016 os Panama Papers, información roubada de forma misteriosa das oficinas da firma de avogados Mossack Fonseca. Daquela o obxectivo era prexudicar a determinados países (Rusia e China) ou a persoas disidentes e caídas en desgraza dentro do sistema occidental (James Cameron, por exemplo) de tal maneira que os capitais depositados nos paraísos fiscais clásicos fosen directamente aos offshore terrestres de Estados Unidos (Delaware, por exemplo). Polo visto, non se trataba dunha denuncia altruísta de xornalistas independentes contra da fraude, senón dunha operación de bandeira falsa impulsada polo goberno norteamericano. 1984 deixou hai tempo de ser a ficción de pesadelo dun sistema onírico remoto. A denuncia masiva deste proxecto perverso e o debate nas redes é a mellor maneira de enfrontar ese pacto diabólico contra a humanidade. |
NOS_21051 | A escritora Susana Sánchez Arins guiará a ruta -organizada pola Deputación de Pontevedra- prevista para o 31 de outubro. Esta homenaxe á autora á que se dedican as Letras Galegas de 2021 finalizará cunha actuación na que se musicarán algúns dos seus poemas. As prazas para participar na actividade precisan de reserva previa. | A escritora Susana Sánchez Arins, a obra de Xela Arias e a Deputación de Pontevedra propón ir canda elas camiñando polos recunchos de Vigo que puideron ser a orixe das creacións da homenaxeada das Letras Galegas deste ano. Malia que o paseo pola escrita de Arias é "imaxinario", ou quizá é máis real do que parece, fará por achegar á comprensión do traballo da autora. O itinerario, que vai comezar na fonte do Castro o próximo 31 de outubro, aínda ten prazas dispoñíbeis e permitirá homenaxear Xela Arias cunha proposta diferente que decorrerá entre as 11 e as 13 horas. Tan diferente será que a idea é ir completando paradas pola cidade. Abrindo e fechando etapas na escrita da protagonista, cunhas chaves que se encargará de fornecer a tamén escritora (e docente) Susana Sánchez Arins. "Este paseo imaxinario (ou non) é unha versión fantasiosa das rutas biográficas. Esixe por parte das persoas participantes a capacidade de viaxar a outros lugares, xa que o espazo no que se desenvolve non deixa de ser unha metáfora doutros moitos", destacan fontes da Deputación, que promove esta lectura figurada que transfire sensacións. A ruta ten a súa orixe na Poesía reunida (1982-2004) de Xela Arias para ir paso a paso polo Castro de Vigo a modo de metáfora, "porque podería haber tantos paseos imaxinarios (ou non) coma lectoras e lectores ten a obra". Na primeira meta a lograr na mañá do domingo día 31, a escavación do Castro, pénsase nun lugar do aquelarre das bruxas, unha reflexión que vinculan ao verso "a muller que trataban por bruxa" na páxina 16 da escolma de poemas. "E como as bruxas no aquelarre, aprendeu Xela o poder do conxuro, das palabras imperativas que ela lles dirixía ás lectoras, para que elas se achegasen á poesía", algo a detectar en "Cristal", na 386, 370 pasos de papel máis alá. A visión sobre o porto de Vigo, onde está previsto facer outra parada, fornece a reflexión sobre o arquivo da biblioteca da Fundación Penzol e sobre o primeiro fanzine de Arias, que deixou nun banco "porque a Xela gustáballe procurar as lectoras na rúa, e non na butaca azul, coma unha deusa sentada nel". A cuarta parada será entre as árbores, case como xogando ás agachadas coa obra, pois "os carballos, os lagartos, as congostras escuras e a auga que escorrega nas fervenzas fan parte da memoria persoal da poeta...". E así até chegar aos galeóns de Rande, onde Pablo Vidal ponse ao piano e con Clara Pino dá música a Xela Arias. |
NOS_24663 | "Teño a sensación de que ERC e a CUP desexan que haxa mortes", afirmou esta cuarta feira Rafael Hernando, o portavoz do grupo parlamentar que dá suporte ao Goberno que o 1-O lanzou un brutal ataque represivo contra as persoas que exercían o seu direito de voto. | Hernando -autor de frases tan insidiosas como aquela que atribuía afán de lucro ás familias das vítimas da ditadura que procuraban os restos dos seus seres vivos- voltou a mostrar esta cuarta feira o seu rosto de doberman da política cunhas declaracións contra o paro xeral que se está a viver en Catalunya en protesto pola represión policial. "A folga de Catalunya é política, de corte nazi", afirmou Hernando, quen acusa Puigdemont de se agachar tras "turbas violentas" que, segundo dixo, estarían a cortar estradas e a causar dano á economía catalá. Hernando acrecentou a seguir que sob o seu ponto de vista "a ERC e a CUP desexa que haxan mortes en Catalunya", unha declaración que non vai precisamente na dirección de criar as condicións para restaurar o diálogo entre Madrid e Barcelona. O portavoz conservador entende que o 1-O se visualizou que millóns de cataláns non secundan os planos independentistas, o que está a levar Puigdemont a tentar reverter a situación póndose ao fronte dunha "turba de violentos". Rafael Hernando en estado puro. |
NOS_18510 | Iniciativa no Parlamento Galego. | O Partido Socialista da Galiza presentou no Parlamento galego unha iniciativa para reclamarlle á Xunta que habilite un bono de combustíbel para as 9.700 empresas de transporte de pasaxeiros e de mercadorías por estrada co obxectivo de minimizar o impacto da subida dos hidrocarburos. Neste sentido, a portavoz de Infraestruturas e Transporte do grupo socialista, Patricia Otero, presentou esta proposta na Cámara galega para reclamar ao Goberno de Núñez Feixoo que destine a metade da recadación do imposto de hidrocarburos para financiar a bonificación. Nunha nota de prensa, Otero afirmou que a Xunta "percibe 58%" da recadación deste imposto, o que en 2021 significou uns ingresos de 557 millóns de euros. Así, a agrupación socialista reclamou que se destine a metade desa cantidade para a habilitación das axudas e pediu que se convoquen de maneira urxente mediante a proposta de "unha fórmula prepago aos transportistas que podería ser desbloqueada nun prazo de entre 7 e 48 horas". Segundo detallaron os socialistas, a iniciativa vai destinada a "axudar aos galegos e galegas e aos seus sectores económicos máis afectados pola subida indiscriminada dos prezos". Aseguran que, con esta medida, cada empresa recibiría unha media de 36.000 litros de gasóleo bonificado á metade de prezo durante 2022. |
PRAZA_6904 | As dúas formacións nacionalistas acoden como observadores á consulta deste domingo para reivindicar o dereito dos cataláns "a ser consultados e a decidir sobre o seu futuro político" nun "proceso democrático e popular". | As dúas principais forzas nacionalistas galegas, Anova e BNG, viaxan esta fin de semana a Cataluña para participar como observadores no proceso participativo do domingo e para apoiar e reivindicar o dereito do pobo catalán a "ser consultado e a decidir sobre o seu futuro político" nunha "consulta democrática e popular". BNG e Anova apoian o dereito a decidir dos cataláns "nunha consulta democrática e popular" Ana Miranda, Camilo Nogueira e André Abal, membros do Consello Nacional, conformarán a delegación oficial do Bloque que seguirá desde Cataluña a xornada do 9-N logo de que a formación nacionalista fose convidada polo ERC e a CUP. Por parte de Anova, serán o coordinador nacional, Antón Sánchez, e a responsable de relacións sociopolíticas, Xiana López, os que acudirán invitados neste caso pola CUP. Todos eles participarán en diferentes actos destas organizacións independentistas neste sábado, mentres que o domingo visitarán diversas mesas electorais, formando parte dunha delegación oficial integrada por formacións políticas doutras nacións sen estado en Europa, como Euskadi, Flandes, Gales, Escocia, Córcega ou Bretaña, entre outros. A delegación aclara que os seus representantes estarán entre os máis de cen observadores internacionais, que xa mañá día 8 ofrecerán unha rolda de prensa colectiva organizada pola International Commission of European Citizens (ICEC) no Ateneu Barcelonès. Tamén estará presenta Nós-UP, a través dos seus representantes Carlos Morais e Iago Moreno. As dúas formacións nacionalistas confían en que o Estado "non torpedee a consulta" que "nin entende nin quere entender" "Apoiaremos un proceso democrático e popular que o Estado español nin entende nin quere entender", asegura Anova, mentres que o BNG "confía en que o Goberno central non torpedee a consulta do 9-N, como xa fixo co referendo soberanista pese a contar co apoio da maioría do Parlament, e que a cidadanía catalá poda participar e votar libremente". "O dereito a decidir dos pobos forma parte da esencia da democracia", insiste o Bloque. O BNG cre que "é evidente que as lexítimas aspiracións da maioría da sociedade de Cataluña para avanzar cara a súa independencia ten iniciado un debate sobre o actual modelo territorial do que Galiza pode quedar á marxe polo desleixo e a submisión do Goberno de Feijóo á estratexia recentralizadora do PP". Así, defende que "Galiza siga entre as nacións que aspiran a avanzar cara a soberanía, e reitera o seu apoio á loita do pobo catalán para converterse nunha nación de pleno dereito en Europa". O BNG advirte que "Galiza pode quedar á marxe do debate sobre o modelo territorial polo desleixo e submisión de Feijóo" Anova, pola súa banda, quere coa súa presenza en Cataluña "achegar" o seu "gran de area nesta data histórica para o pobo catalán e para os demais pobos e nacións sen Estado propio, que como o galego aspiran á plena vixencia dos seus dereitos colectivos, da súa plena soberanía e da súa lexítima e democrática autodeterminación". Ademais, a formación que lideran Xosé Manuel Beiras e Martiño Noriega manifesta a súa "preocupación polos niveis de autoritarismo que está a manifestar o Estado español, o seu goberno e as institucións xurídicas que, no canto de ser garantes de procesos democráticos que faciliten a participación da cidadanía, que é onde reside a soberanía dun pobo, son instrumentalizados en contra das arelas democráticas e lexítimas manifestadas polo pobo irmán catalán". CxG agarda "unha alta participación que sexa a derrota da visión monolítica do Estado que teñen PP e PSOE" Pola súa banda, o secretario xeral de Compromiso por Galicia, Xoán Bascuas, animou a sociedade catalá a votar no proceso participativo que se desenvolverá o vindeiro domingo día 9 de novembro, "xa que unha alta participación é a derrota da visión monolítica do Estado que teñen PP e PSOE". O líder galeguista amosou a súa solidariedade con Cataluña e con todos os pobos, "que libre e democraticamente queiran exercer o seu dereito a decidir" e criticou o presidente do Goberno do Estado, Mariano Rajoy, "de esconderse detrás da Constitución para intentar resolver un claro problema político". 'Referendo' sobre Galicia en varias asociacións Ademais, este 7 de novembro, dous días antes de que en Cataluña se celebra a consulta, os socios do centro social A Gentalha do Pichel, en Compostela, estaban convocados a un referendo "sobre o futuro político da Galiza". Con boletíns de voto e urna -e no marco dunha xornada sobre o proceso catalán-, os asociados ao colectivo puideron responder ás mesmas preguntas que se farán aló pero en referencia ao país. A esta consulta adheríronse tamén a Fundaçom Artábria de Ferrol ou Cultura do País de Lugo, polo que os seus asociados tamén puideron acudir aos centro sociais para participar neste referendo reivindicativo o venres. Para o sábado queda a consulta no centro social Gomes Gaioso da Coruña. |
NOS_4423 | Felipe Senén López foi comisario da exposición Castelao. A derradeira lección do mestre xunto a Pilar García Negro, mostra que acolleu o Museo Provincial de Lugo no ano 2010. Tratouse dun percorrido vital no que a arte e a literatura foron mesturadas coas pegadas gráficas do activismo político de Castelao e coa defensa dos intereses de Galiza. Nesta entrevista, o especialista en Historia da Arte e arqueólogo ilústranos sobre o conxunto da obra de Castelao. | Que lle parecen as máis de 4.000 pezas que conforman a obra artística de Castelao? Un complemento imprescindíbel -cos fondos expostos ou en reserva que tamén ten o Museo de Pontevedra ou mesmo o Museo Carlos Maside do Castro de Sada, este agora nunha situación que debe normalizarse- e sempre unha fonte imprescindíbel para entrar nese inesgotábel Cabalo de Troia, como dicía Seoane, que é a obra de Castelao, sempre en función de Galiza. Até que punto podemos considerar a obra de Castelao como unha autentica crónica da Galiza da primeira metade do século XX e un auténtico fresco social do país? Así é, e algo máis que iso. A obra creativa está fundamentada nunha ética e estética comprometidas. É arte militante, que seduce, sensibiliza e chega á xente a través dos medios, especialmente da imprenta, dos xornais. Para iso está cavilada, para reproducir e espallar. O resultado é fondamente nacionalista galego, a un tempo que moi dentro das ópticas modernistas, as de buscar a orixinalidade nas mesmas orixes, namentres outros se perdían no desenguedello orientalista e noutros ismos e movidas. E o asunto é facer o que se fixo, dignificando, fuxindo das tendencias folcloristas, "colonizadoras" ao esperpento, desde ese paso que teorizaba como "da arte dos canteiros construír o Pórtico da Gloria". A nosa achega á universalidade. "Galiza célula de universalidade" era a paráfrase coa que se encetaba o Estatuto de Autonomía do 36. "O dramático é enxergar que esta lección que non prescribe pola súa necesidade de ser, esta grande achega galega fronte a unha arte ensimesmada, egoísta, de galería, de mercadeo e do consumo" Castelao explorou diversas técnicas artistas, véxanse os gravados en linóleo, mesmamente foi o seu introdutor en Galiza, deseños publicitarios, decorados teatrais, óleos de grande e pequeno formato ou, por suposto, a caricatura. Que representan para arte galega? Pois velaí un logro, arte popular, para todos e para cavilar no Nós, plural, intemporal. Semente necesaria para incluír nos hórreos de bo facer do Seminario de Estudos Galegos, a mesma semente de A derradeira Lección do Mestre que regaran e medra, deica chegar a nós, en mozos como Seoane ou Díaz Pardo, creadores do Laboratorio de Formas de Galicia, teoría feita praxe nas Industrias da Memoria, como as fábricas do Castro, Sargadelos, o que debía ser O Instituto Galego da Información… arredor da cerámica, adentrándose no deseño das formas… Arte para todos que nos identifique na terra e no tempo, fronte á uniformación global imperante. E o dramático é enxergar que esta lección que non prescribe pola súa necesidade de ser, esta grande achega galega fronte a unha arte ensimesmada, egoísta, de galería, de mercadeo e do consumo. Non se ten aprendido esta lección e por iso pasa o que está pasando cun Sargadelos xa sen esa cerna cultural que o diferencia do que fan e venden os chineses, por exemplo. Vostede ten afirmado que Castelao non é un artista ao uso, a que se refire vostede con esta reflexión? Castelao é un galego con ciencia e conciencia, con corazón e con razón, que abre e retoma camiños iniciados por Rosalía ou Murguía, faino no xeito de ser e desde un dandismo modernista, na novela, no teatro, na arqueoloxía e na etnografía, en todas as formas da arte capaces de seriarse… e, conseguintemente, na política que implica todas relacións. Castelao era un humanista integral e indicou que o nacionalismo galego era ese humanismo que implica homes e mulleres de onte e de agora, a relación da paisanaxe coa paisaxe… E toda a súa obra ten un fondo contido didáctico, eis a súas doses de sedución, algo que cómpre saber contextualizar na súa terra e no seu tempo, alicerce pois de futuro, como el fixo. Non hai un paso adiante sen o referente do paso xa dado atrás. Que destacaría do fondo de Castelao, procedente dunha doazón de Álvaro Xil Varela, que garda o Museo Provincial de Lugo? Son unha parte fundamental, especialmente no que se refire ao humor e á caricatura, complementaria cos fondos do Museo de Pontevedra e coas coleccións de debuxos, as Cousas da Vida, agora na Colección Abanca, que, por certo, deberían estar máis á vista. Para iso as fixo Castelao, legado para compartir e que dea que falar sobre o ser humano. Por algo é atinado o da declaración de Ben de Interese Cultural da obra de Castelao e o necesario labor da Fundación Castelao, mantendo o espírito galego do seu creador, inventariando a obra e espurgando falsificacións que tamén aparecen no mercado. A exposición que comisariou vostede en 2010, canda Pilar García Negro, no Museo de Lugo destacou polo seu grande éxito de público, o que demostra o interese pola obra de Castelao. "Castelao merecería máis, e desde a súa óptica de dignificar canto significa Galiza, e máis neste caso a súa figura como mestre" Como explica a pouca atención que se presta a obra de Castelao e as dificultades existentes para poder ver a obra? Foi un principio, con moitos atrancos e limitacións de todo tipo, pese ao esforzo da Deputación de Lugo. Castelao merecería máis, e desde a súa óptica de dignificar canto significa Galiza, e máis neste caso a súa figura como mestre. Toda a obra de Castelao está un función da nación galega e xa quixeran para si outras nacións negadas ter semellante legado tan ideoloxizado e sedutor a un tempo. Polo tanto, existe, e de vello, unha ansia de desactivar tal antiimperialismo e unha censura sofisticada, mesmo tentando separar a estética de Castelao da súa ética, repito, radicalmente nacionalista e humanista, anticaciquil… Castelao dá para moito, e aínda despois da recente exposición do Museo de Pontevedra sobre os cen anos da chegada do rianxeiro a aquela cidade, agárdase unha grande mostra argumentada nese "Pensando en Galiza" que deu orixe ao Sempre en Galiza. Recentemente presentouse no Parlamento de Galiza unha ILP que solicitaba, entre outros aspectos, a volta a Galiza do cadro A derradeira lección do mestre. Que opina sobre esta obra e sobre a demanda do seu retorno ao país? Fun dos que abriu esa posibilidade, desde hai moitos anos atrás, por coñecer "in situ" a existencia desta obra de gran formato na Casa Galicia de Bos Aires. Faleino coa deputada e amiga Pilar García Negro, que tiña voz parlamentaria. A derradeira lección do mestre é obra sen demasiada técnica artística, case esbozada a trazos, asúmese que o importante é a mensaxe en dúas cores, ocres-terra e negros bretemosos, namentres na paisaxe que envolve os dous nenos abrazados a carón do mestre morto no chan agroman as carballas esmoucadas. Castelao retoma esta singularísima estampa dos seus albumes da guerra para entregala a este hoxe como un herdo. Mesmo debera entenderse esa mensaxe como unha homenanaxe ao mestre Castelao morto no exilio, coa súa lección… Algo que, por outra banda, pon moi a proba, se existen de verdade aquí e na Arxentina, eses "bos e xenerosos" capaces de entender e devolver esa "derradeira lección do mestre" a onde poda ser máis eficaz. Obra que deberamos entender como un sinxelo Guernica noso e poñelo, en vez de eses reposteiros feitos non se sabe onde, na cabeceira do Presidencia do Parlamento, se non sobre o mesmo sartego de Castelao. Derradeira lección do mestre que non é máis que unha volta á torca a iso de "non dar a esquecemento da inxuria o rudo encono…", a non tropezar na mesma pedra. Un símbolo importante da Galiza da Contemporaneidade, non tanto como a escultura de Asorei, Raza (Santa) tamén hoxe no centro Galego de Montevideo. [Esta entrevista foi publicada no A FONDO "Castelao no Museo Provincial de Lugo, no Sermos Galiza 221] |
NOS_54578 | As operacións realizadas para a plantación de eucaliptos nos concellos de Pol e Meira arrasa con dúas necrópoles megalíticas. O Colectivo Patrimonio dos Ancares denuncia a destrución sistemática que nos últimos anos está a padecer o patrimonio prehistórico da Galiza. | A inmensa riqueza patrimonial prehistórica coa que Galiza conta está a ser arrasada pola especulación económica. As dúas últimas necrópoles megalíticas destruídas veñen de ser vítimas das manobras desenvolvidas nos concellos de Pol e Meira para a plantación de eucaliptos. Atoparon macetas de plástico para 600 plantas de eucaliptos sobre os restos da mámoa danada Entre esas dúas localidades atópase a necrópole da Acevreira, que con 5.000 anos de historia estaba formada por nove mámoas catalogadas pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta. Desas nove, catro veñen de ser enteiramente destruídas e outras dúas resultaron gravemente erosionadas "debido aos danos producidos pola maquinaria pesada que as atravesaron de lado a lado", tal e como denuncia Xabier Moure desde o Colectivo Patrimonio dos Ancares. No portal Historia de Galiza, Moure relata como compoñentes do colectivo atoparon macetas de plástico para 600 plantas de eucaliptos sobre os restos da mámoa danada. Tamén hai danos na necrópole coñecida como o Alto do Campeliño, situada no Monte do Foxo En Pol, na parroquia de San Martín de Lúa e a 100 metros da necrópole de Acevreira, situábase a mámoa de Medorra de Aviega, catalogada tamén por Patrimonio e que foi arrasada recentemente por maquinaria pesada para plantar eucaliptos. Mais no concello de Pol as desfeitas non ficaron na mámoa de Aviega, e segundo informa Xabier Moure tamén hai danos na necrópole coñecida como o Alto do Campeliño, situada no Monte do Foxo, na parroquia de San Martiño de Ferreiros, a 625 metros de altitude. Nos últimos días foron esmagadas na súa totalidade por maquinaria pesada para plantar eucaliptos Este ben catalogado por Patrimonio conservábase en xeral en bo estado, a pesar de dúas mámoas teren sido erosionadas hai anos polos traballos agrícolas. Mais nos últimos días foron esmagadas na súa totalidade por maquinaria pesada. O Colectivo Patrimonio dos Ancares denunciará ante Patrimonio Ante a desfeita nas necrópoles, o Colectivo Patrimonio dos Ancares presentará denuncia na Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galiza para que "a maior urxencia visiten os sitios e incoen os correspondentes procedementos sancionadores", xa que a lei galega de patrimonio cultural de 2016 considera a destrución dun ben arqueolóxico catalogado como falta grave e a multa pode chegar aos 150.000 euros. Moure lembra que Galiza xa perdeu innumerábeis xacementos arqueolóxicos nos últimos anos e considera necesaria unha campaña da Xunta que advirta das consecuencias de agredir ou destruír bens . Ademais recordan que os concellos de Galiza contan coa ferramenta informática Plan Básico Autonómico, que permite de maneira rápida e sinxela saber se nunha parcela determinada existe un xacemento catalogado, e alertan de que non é aconsellábel basearse unicamente nos PXOM xa que en moitos é máis que probábel que non recollan un bo número de xacementos catalogados nos últimos anos. |
PRAZA_19101 | Instrumentos, banca, ao servizo dunha cidadanía que o necesita, do proxecto dun País novo, dunha democracia avanzada: un sistema de banca diferenciada por sectores e territorios, que garanta a cobertura das necesidades da cidadanía, do tecido productivo, da economía cooperativa e das PEMES. Que non sirva, nunca máis, ao enriquecemento do 1% a base da especulación. Que sirva, pola contra, ao desenvolvemento da economía real que tanto precisa a maioría social da poboación. | Crise, alarma, shock. Esa foi a secuencia que, desde a queda de Lehman Brothers na maña do 15 de setembro de 2008 golpeou incesantemente as nosas sociedades para mudar o horizonte das nosas vidas por un de recortes e austeridade. Chegaba o autoritarismo financeiro da nova era da globalización neoliberal. Pero, cal foi a secuencia que, no noso país, teceu o escenario da crise-espolio? Ao calor da desregulación, as caixas de aforros, que até enton cumprían unha función social como entidades financeiras ligadas ao territorio e ao desenvolvemento económico da poboación pasaron a orientar a sua actividade as mesmas funcións que os bancos: inversión nos mercados financeiro e inmobiliario baixo criterios de especulación. Chegou a crise. Pese a que en 2010 bancos e caixas tiñan niveis similares de morosidade, exposición a activos tóxicos e datos de insolvencia, é dicir, idénticos problemas, os poderes políticos e económicos lanzaron a súa mensaxe: "O problema son as caixas". O que había detrás desta mensaxe é ben coñecido: a metade do negocio bancario español de créditos e depósitos estaba en 2010 en mans das Caixas de Aforro. A súa privatización viña a supor un gran negocio para a banca privada en tempos de excepción. O obxectivo era evidente: baleirar os aforros da cidadanía galega baixo a lei da Omertà. Eran os tempos nos que os Jose Luis Méndez, Julio Fernández Gayoso, Manuel Fernández de Sousa, coñecido como "Manolito de Pescanova" ou Francisco Vázquez dirixían as finanzas, os urbanismos e o poder deste País Como é sabido, antonte recibimos a nova da entrada en prisión de cinco dos principais responsábeis do espolio no noso País no que, como nunha novela de Mario Puzo (autor entre outras de El Padrino), teceuse entre directivos dos bancos e responsables políticos, de costas á sociedade, unha rede de privilexios e corruptelas. Como nun episodio financeiro do ilustrativo e espeluznante filme arxentino Memoria del Saqueo de Pino Solanas o obxectivo era evidente: baleirar os aforros da cidadanía galega baixo a lei da Omertà. Eran os tempos nos que os Jose Luis Méndez, Julio Fernández Gayoso, Manuel Fernández de Sousa, coñecido como "Manolito de Pescanova" ou Francisco Vázquez dirixían as finanzas, os urbanismos e o poder deste País. Ao igual que compre non esquecer os datos e os nomes dalgúns dos responsábeis, técnicos e políticos, compre non esquecer a orixe da problemática en cuestión: a crise financiera (tamén inmobiliaria no Estado español), que o 15M denunciou como estafa, foi provocada pola economía da especulación. Recapitulando. Cinco condenados cumprirán pena de prisión. Ben está que a xustiza derive responsabilidades. Con todo, e ante o escenario descrito, como representantes políticos temos por diante aínda un desafío inaplazable: o de esixir responsabilidades políticas a quen tiña que ter evitado o expolio desde os mecanismos de gobernanza institucional e control. A tarefa fundamental que temos como institucións públicas e como sociedade continúa pendente. É imprescindible a regulación do sistema financiero a escala galega, estatal e continental Porén a tarefa fundamental que temos como institucións públicas e como sociedade continúa pendente. Se queremos evitar que o espolio poda ter lugar de novo, son precisas solucións. En primeiro e principal lugar é imprescindible a regulación do sistema financiero a escala galega, estatal e continental. En segundo lugar, é necesario abordar o desafío de devolver á sociedade instrumentos vigorosos de financiación pública. A base destas novas ferramentas de finanzas pública, lóxicamente, deberan ser estas caixas primeiro nacionalizadas, despois rescatadas e saneadas cos cartos da cidadanía e finalmente vendidas a prezo de saldo. Instrumentos, banca, ao servizo dunha cidadanía que o necesita, do proxecto dun País novo, dunha democracia avanzada: un sistema de banca diferenciada por sectores e territorios, que garanta a cobertura das necesidades da cidadanía, do tecido productivo, da economía cooperativa e das PEMES. Que non sirva, nunca máis, ao enriquecemento do 1% a base da especulación. Que sirva, pola contra, ao desenvolvemento da economía real que tanto precisa a maioría social da poboación. |
NOS_46496 | A propaganda lgtbifóbica de asociacións como Hazte Oír ou os dicursos das forzas de extrema dereita, que copan cada vez máis espazo nas televisións e nas redes sociais, calan na poboación máis nova. A agresión a dúas rapazas por darse un bico en Carballo por parte de tres menores é a punta dun problema de fondo. | A agresión lgtbifóbica a dúas rapazas en Carballo, que recibiron insultos e golpes por parte de tres menores polos que foron hospitalizadas, non é un caso illado. Tampouco a renuncia a denunciar é infrecuente. "Sobre todo no ámbito rural, nas cidades pequenas, segue habendo moito medo e denuncias que fican silenciadas. Todas as persoas se coñecen e, en moitas ocasións, hai medo polo que dirán", explica Óscar Rodríguez, técnico do Observatorio coruñés contra a lgtbifobia. Desde o seu nacemento en 2017 e ata decembro de 2018 33 incidentes de odio en Galiza, tanto físicos como verbais. Ana Ojea é docente e membro da Rede educativa de apoio LGTBIQ+ de Galicia. A Rede denunciou recentemente a propaganda lgtbifóbica da asociación Hazte Oír en centros educativos. "Repartiron sobre 23.000 folletos en todo o Estado, isto amosa o poder económico e de difusión deste tipo de organizacións". Ultraespañolismo, xenofobia, lgtbifobia Ojea sinala que accións como a de Hazte Oír non son casuais. "Chegan cando estamos comezando a traballar co alumnado nos centros", denuncia. A docente tamén fai referencia ao ascenso das forzas de ultradereita no Estado, cunha grande visibilidade nos medios de comunicación e nas redes sociais. Rodríguez explica que estes partidos "negan ao alumnado a educación na diversidade, que coñezan que existan distintos modelos de familia". "Iso é moi perigoso", alerta. "O discurso de odio tamén cala no alumnado, desde e ultraespañolismo até a xenofobia ou a lgtbifobia. O ano pasado, nun corredor do instituto, escoitei un 'Viva Franco!' Vemos alumnado que defende os postulados da extrema dereita, e rexeitamento cara a diversidade", denuncia Ojea. A docente é unha das poñentes das IV Xornadas Diversidade Sexual desde a educación, que comezan esta quinta feira na Universidade de Santiago de Compostela e rematan o sábado. "É fundamental a formación do profesorado para abrir os centros á diversidade", salienta. |
NOS_18804 | A xustiza di que o delito prescribiu e sinala que só se produciu un acto de "resistencia pacífica". | O xulgado da Coruña absolveu esta segunda feira (20 de outubro) a seis activistas de Stop-Despexos Coruña por ter prescrito o suposto delito que se lles imputaba. Estas seis persoas atopábanse no interior da vivenda de Elisabeth Sanlés o 8 de outubro de 2013 cando axentes da policía española executaron o seu despexo por orde xudicial. Durante o lanzamento inmobiliario non se produciu ningún enfrontamento entre @s activistas e @s axentes policiais no que constituíu un exercicio de "resistencia pacífica", asegurou Héctor Tejón, portavoz da plataforma Stop-Despexos Coruña á saída dos xulgados. Para alén disto, o suposto delito prescribira após cumprírense máis de 6 meses desde que foi denunciado. Stop Despexos di que "seguiremos na rúa" malia as sancións e xuízos Con motivo da vista ás portas dos Xulgados concentráronse varias ducias de manifestantes que quixeron amosar a súa solidariedade coas persoas axuizadas. Aínda así, Stop-Despexos acumula sancións administrativas por valor de 7 mil euros, principalmente polas accións desenvolvidas contra o desafiuzamento de Aurélia Rey, mais tamén polo conflito no Ofimático. "Virán máis xuízos e sancións", sinalou Tejón quen asegurou, no entanto, que "hai que continuar" loitando contra os despexos. "Seguiremos na rúa", advertiu o activista mentres lembrou que o obxectivo deste colectivo é impedir que se poida deixar 'xente sen casa', como reza o lema de Stop-Despexos. Héctor Tejón criticou, neste senso, as políticas da Xunta de Galiza e lembrou que "en dous anos e medio" só foron realoxadas "33 persoas" embora térense prometido solucións. |
NOS_3266 | A CIA e a dereita de toda América Latina confiaban en que a desaparición física de Ernesto Guevara de la Serna, o Che, suporía un golpe de efecto decisivo en contra dos movementos de liberación nacional e a causa revolucionaria no continente. No entanto, cinco décadas despois, o pensamento e a acción de Guevara continúan a ser fonte de inspiración de millóns de persoas no mundo que seguen a acreditar nun futuro de xustiza social, igualdade e fraternidade internacionalista. Escribimos sobre isto no Sermos 267. Eis un extracto. | O 9 de outubro de 1967 o exército boliviano, daquela dirixido pola ditadura militar de René Barrientos, exhibía en La Higuera ao mundo o corpo sen vida do combatente "Ramón", dirixente do denominado "Exército de Liberación Nacional de Bolivia". Ramón era o sobrenome de guerra na súa misión boliviana de Ernesto Guevara de la Serna, o Che. Non cumprira inda os 40 anos de idade. A súa execución tencionaba converterse nun símbolo da derrota das loitas revolucionarias e de liberación nacional no continente. Co cadáver do Che, o imperialismo quería enterrar a insurxencia que latexaba en América Latina e no mundo. Mais o resultado foi mesmamente o contrario. O Che, que xa era naquela altura unha das figuras máis relevantes da revolución cubana, que codirixiu con Fidel e Raúl Castro, acabou por se converter nunha icona a escala global. O seu pensamento, comunista e antiimperialista, e o exemplo da súa acción revolucionaria acabaron por se estender por todo o globo, atinxindo a toda a esquerda que non renunciara á transformación radical da realidade e á construción dunha sociedade nova. Cinco décadas despois, o seu legado perdura. A súa imaxe é unha das máis reproducidas na historia e o seu nome é recoñecíbel en todos os recunchos do planeta. No entanto, a icona ameza con solapar a figura, e a estética con reducir a súa imaxe a un símbolo caricaturesco, afastado cada día máis do seu propio pensamento. "A imaxe do Che, inmortalizada naquela fenomenal fotografía captada por Alberto Díaz (Korda), convértese de inmediato no símbolo universal da loita. En bandeira de combate contra toda forma de opresión", explica o politólogo e sociólogo, Atilio Borón. A respeito do seu legado, Borón, acredita en que da mensaxe do Che perduran "moitas cousas". "Por algo segue a ser fonte de inspiración para os loitadores sociais de todo o mundo. Queda a súa inquebrantábel coherencia, a indisolúbel unidade entre teoría, pensamento e práctica que rexeu toda a súa vida; a súa absoluta convicción de que este mundo é inviábel e que só unha revolución a escala planetaria poderá salvalo da némese [o imperialismo capitalista] que o conduce á autodestrución", acrecenta, salientando a "excepcional actualidade do Che e a vixencia das súas ensinanzas, dos seus escritos e discursos e do seu exemplo". [Podes ler a análise íntegra no Sermos Galiza 267, á venda na loxa e nos quiosques habituais] |
NOS_44881 | Xosé Manuel Carril aparece mencionado no atestado que a policía remitiu ao xulgado o 18 de febreiro, após cargaren contra os centos de manifestantes que impedían a execución hipotecaria. Stop-desafiuzamentos informa de que hai tres persoas imputadas por exixir que os axentes se identificaran | O voceiro do grupo municipal do BNG na Coruña, Xosé Manuel Carril, vén de manifestar a súa intención de se autoinculpar en relación aos feitos acontecidos na segunda feira día 18, cando centos de persoas impediron o despexo de Aurelia Rey. Carril personouse esta sexta feira no xulgado de instrución nº3 para coñecer se había algunha causa aberta contra el, após coñecer que o seu nome figura no informe remitido pola policía após a mobilización cidadá. O documentos identifica Carril como "José Manuel Carril, concejal de seguridad ciudadana del ayuntamento de La Coruña por el BNG" e recolle que "se tiró al suelo" durante a carga policial que se iniciou por volta das dúas da tarde, após unha información falsa atribuída ao TSXG en que este órgano daba por adiado o desafiuzamento da octoxenaria. Após coñecer a imputación de tres persoas por unha falta leve de desobediencia por lles teren pedido a identificación a outros tantos policías que cortaban a rúa Padre Feijóo, impedindo transitar por ela, Carril anunciou que se autoinculpará na mesma causa "porque se van xulgar tres persoas terán que nos xulgar a todos os que alí estivemos presentes, que a xustiza é igual para todos". Imputad@s por exixir que a policía se identificara A persoa responsábel da comunicación de Stop-desafiuzamentos A Coruña confirmou a Sermos Galiza que @s tres imputad@s "estaban a se manifestar contra o despexo de Aurelia" e subliña non ter constancia de imputación algunha referida nin a cargos políticos de BNG e EU que fixeron parte das mobilizacións, nin ao bombeiro que rexeitou cortar a cadea do portal, nin d@s voceir@s que foron identificad@s cando procuraban unha xuntanza co concelleiro Miguel Lorenzo "nin de ningunha persoa próxima á plataforma". Acrecentan que @s avogad@s que colaboran no caso interesaranse pola súa situación para coñecer de primeira man cales son os cargos de que se lles responsabiliza e en relación a que feitos. Atribúen a apertura de dilixencias contra estas tres persoas a "máis unha estratexia policial" na liña en que, como foron primeiro @s cidadá(n)s @s que requiriron a identificación dos axentes "estes poñen sempre a denuncia primeiro por se a intención de lle pedir que se identifiquen é denuncialos a eles". Dúas delas estarían colocadas detrás do cordón policial que cortaba a rúa; a terceira ficaría detrás do segundo camión de bombeiros que o Concello enviou ao nº9 da céntrica rúa para abrir o portal da anciá. |
PRAZA_9495 | Este xoves deuse a coñecer o contido do manifesto de Galegas8M, que será lido ao remate da manifestación convocada este domingo en Lugo. O texto debulla algunhas das demandas que motivan a convocatoria da folga do 8M. | Este xoves deuse a coñecer o contido do manifesto de Galegas8M para este 8 de marzo, e que será lido ao remate da manifestación convocada este domingo en Lugo. O texto, titulado 'Por todas as mulleres, por todos os dereitos, revolta feminista', lema da convocatoria, e comeza salientando que "hoxe é unha xornada de loita, unha mostra da nosa forza e determinación para conquistarmos un futuro digno para todas. Porque todas temos voz e todas somos necesarias! Porque cando a inxustiza é lei, a revolta feminista é unha obriga".O manifesto demanda "un plan integral que protexa as nosas vidas do machismo e das violencias machistas"O manifesto debulla algunhas das demandas que o movemento feminista pon enriba da mesa e que motivan a convocatoria da folga do 8M. Esixe, por exemplo, "un plan integral que protexa as nosas vidas do machismo e das violencias machistas, e que esté dotado de recursos económicos, sociais, médicos, xudiciais e políticos reais e eficaces".E reclama, igualmente, que "os coidados sexan asumidos polo conxunto da sociedade até que leis eficaces, con orzamentos e medidas concretas en materia de dependencia asuman a carga de traballo invisíbel e non remunerada de moitas mulleres no ámbito asistencial e dos coidados".O texto reclama "orzamentos e medidas concretas en materia de dependencia asuman a carga de traballo invisíbel e non remunerada de moitas mulleres no ámbito asistencial e dos coidados"Igualmente, demanda, "unha reforma laboral con perspectiva social e de xénero que erradique a fenda salarial, a precariedade, o acoso sexual e por razóns de xénero, o teito de cristal, a división do traballo, o chan pegañento e a feminización da pobreza". "Porque as dobres xornadas non se erradican con declaracións nin con leis ditadas polos señores do capitalismo", engade o texto.O documento incide tamén no ensino igualitario e no consumo sustentable e lembra a situación de que viven colectivos coma o das mulleres migradas, as mulleres xitanas, as mulleres con diversidade funcional ou as mulleres non heterosexuais.Esixe erradicar a fenda salarial, a precariedade, o acoso sexual e por razóns de xénero e o teito de cristal"Seguiremos revoltándonos polas nosas vidas e polos nosos dereitos, até que todas sexamos libres", conclúe o manifesto, que fai unha especial mención a aquelas mulleres "que non paran nunca porque nin tan sequera teñen o privilexio de poder parar". |
NOS_17990 | Herdeiros da Crus, Medomedá, Skarallaos Yuno e Back to 1984 compoñen o cartaz deste festival mariñán que vai xa pola súa sétima edición. Os concertos comezarán ás 21:00h e terán lugar na explanada de Lavandeiras. | Malia os recortes orzamentarios, a asociación Penalba - Colectivo Chilindrín, organiza máis un ano o festival rock Arreaocabo, mantendo o seu compromiso co pequeno porto mariñeiro de Celeiro. Entre as colaboracións económicos que contribúen co proxecto, atópanse a Deputación de Lugo a través da Vicepresidencia Primeira e o Concello de Viveiro, inda que os seus organizadores afirman buscar "o autofinanciamento". David Cotelo, coordinador de Arreaocabo 2012, salientou entre os obxectivos do festival, "contar coas mellores bandas" tanto dentro coma fóra do País, "apostando sempre pola multiculturalidade" mais reservando un "papel relevante para aquelas que fan música no noso idioma". Arraocabo, procura asemade, que o festival sirva de lanzadeira a grupos nóveles. Un festival con traxectoria e compromiso Arreaocabo naceu en 2006 da man da Asociación Xuvenil e Cultural 'Colectivo Chilindrín', que conta cun importante apoio popular na vila. O seu presidente, Bernardo Fraga asegura que "o grupo de mozas e mozos que forman a nosa asociación está convertindo Celeiro, nun lugar de referencia na súa contorna", pois entre as súas actividades tamén se atopan –para alén do festival, sardiñadas, Magostos, antroido, festas no nadal para nen@s, actividades para maiores, cursos de baile, aerobic ou pilates. Alén disto, conta co Grupo de Danzas e Gaitas "Nova Semente", e na actualidade puxo de novo en marcha o "Clube de Remo Celeiro" que comezou de novo a súa actividade despois de máis de dez anos sen funcionamento. |
NOS_6308 | Unha escolma realizada por María Xesús Nogueira na que os poemas veñen acompañados de fragmentos de entrevistas ou manifestacións da propia Xela que axudan a coñecela mellor e a situala | A variante do verso de Gil de Biedma que lle dá título a esta antoloxía, e que tamén utiliza Xela Arias no interior dun poema soberbio do seu último libro, Intempériome, acubilla esta selección realizada por María Xesús Nogueira. Nela aparecen poemas de todas as obras publicadas pola autora, xunto a unha serie de "contornas" que veñen sendo fragmentos de entrevistas ou manifestacións da propia Xela que axudan a coñecela mellor e a situala. Chama a atención a consciencia da poeta de ser unha outsider, como ten sinalado a crítica: "A verdade é que me vexo moi descolgada de calquera xeración". Malia que por idade se adoitou considerala dentro do grupo dos 80, a súa modernidade, o afastamento do barroquismo, o contacto co que está a pasar na rúa e a solidez dunha voz lírica que se proxecta desde o ser muller, adianta as temáticas da poesía dos 90. Así mesmo, a súa posición pouco convencional na proposta lírica tamén casa coa sinceridade coa que encadra o contexto social e literario da época. Un sistema no final do século XX onde bota de menos unha crítica literaria máis incisiva, unha poesía menos conformista, xa que a escolla do idioma "é a única revolución que a maior parte dos poetas galegos se permiten", unha lírica que brote "da autoanálise e da análise crítica e social" e na que faltan referentes da cultura urbana: "Non houbo pasotas ou punqueros, non hai roqueros en Galicia e en galego". De certo, a vida ía en serio / Xela Arias (edic. de María Xesús Nogueira) / Chan da Pólvora / 2021/ 17 euros / 111 páxinas Esa mesma rebeldía, o apaixonamento co que morde a vida, "Non me conteño, / non me conteño e abato / os cormoráns contra das rochas" e que tan cara podía saír, "Non deixar de me entender castigada dalgunha lei", impregna todos os poemarios, incluso desde os títulos sonoros e poderosos. A forza das imaxes e do discurso, o contraste coa procura necesaria da serenidade para acalmar o inconformismo punxente, unido á experimentación coa lingua e coa sintaxe, fai de Xela unha poeta absolutamente contemporánea, probablemente máis achegada á recepción actual que á do seu tempo. O Día das Letras tamén serve para isto. Para recuperar obras que eran de difícil acceso e para difundir autorías consideradas ata o de agora de culto, polo tanto minoritarias (por non dicir esquecidas), mais que conectan coa mocidade. Neste senso Xela comparte moitas características con Lois Pereiro por vivencias, polo cotián experimentado con fervor, por innovación. Oxalá a difusión da figura de Xela sexa parella á del. Oxalá as restricións non impidan que as reedicións, as biografías e antoloxías como esta, cheguen a todas partes. |
PRAZA_10402 | Os socialistas denuncian uns feitos ocorridos o xoves xusto tras comunicarlle ao ata agora rexedor o pacto que o apartou do cargo | Os socialistas denuncian uns feitos ocorridos o xoves xusto tras comunicarlle ao ata agora rexedor o pacto que o apartou do cargoO Concello da Cañiza, no que sempre gobernaron alcaldes da dereita, conta desde o pasado sábado cun rexedor do PSdeG, Luis Piña, apoiado por Ciudadanos. O acordo entre as dúas formacións foi comunicado ao ata agora alcalde, o popular Miguel Domínguez, no mediodía do xoves e xusto a continuación, segundo denuncian os socialistas, ducias de arquivadores comezaron a ser sacados do edificio do Concello e cargados en varios coches particulares aparcados nas inmediacións. Os socialistas chamaron á Garda Civil e os axentes precintaron os arquivadores na oficina da Policía Local para, un día máis tarde, e tras presentar unha denuncia o PSdeG, recollelos por orde xudicial. Segundo denuncian os socialistas, nas etiquetas dos arquivadores, que estaban a ser cargados en tres coches, un do rexedor popular e os outros dous de traballadores municipais, podíanse ler referencias como "dietas alcaldía 2006 (...) 2010" ou "memorias económicas 2002 (...) 2005" e no interior dalgunhas caixas había "documentos co selo de entrada do rexistro municipal, ou listas de nomes e apelidos".O rexedor popular asegurou aos socialistas que as caixas que estaba a subir no seu coche eran obxectos persoais e que descoñecía o que había no restoO popular, pola súa banda, asegurou tanto aos socialistas como a varios medios de comunicación que as caixas que estaba a subir ao seu coche eran obxectos persoais seus e que descoñecía o que había nos arquivadores que foran sacados do Concello por outras persoas. Segundo os socialistas, un dos vehículos "arrancou con destino descoñecido antes de que se puidese aclarar que documentación se atopaba dentro dos arquivadores". |
NOS_2498 | A partir deste 26 de xaneiro, ofereceremos todas as sextas feiras un repaso analítico á actualidade económica baixo o rótulo xenérico de A economía en Foco. Nesta primeira entrega botamos un ollo á EPA, aos beneficios da banca, aos novos indicadores de desigualdade ou a un prezo do petróleo que está en escalada (co que iso implica para as perspectivas de reactivación da economía). | 1) O Instituto Nacional de Estatística (INE) publicou o IV Trimestre da EPA , datos que certifican que se ben a economía galega medra, o emprego non tanto. No terceiro trimestre do ano pasado o noso país medrou 3,1% e encadeaba o seu oitavo trimestre consecutivo de crecemento económico. Un bo dato que, porén, non deixa a mesma pegada no emprego: a EPA certifica que en 2017 creáronse en Galiza 6.200 empregos, 0,6%, porcentaxe moi por baixo da media española, que foi de 2,6%. Ademais, a taxa de actividade en Galiza está en 52,9%. Quer dicir, que de cada 100 persoas 53 teñen emprego ou búscano activamente. Somos o territorio coa taxa máis baixa despois de Asturies. A media no Estado é de 58,8, seis puntos máis. A taxa de actividade é unha variábel moi importante no medre económico dun país a longo prazo e moitos economistas dánlle tanta importancia como á produtividade. 2) O dato da taxa de actividade enténdese mellor con outro dato que se coñeceu esta semana. Publicouno Faro de Vigo e La Opinión de A Coruña. As persoas pensionistas superan en número as cotizantes en 210 concellos galegos. A provincia de Ourense é a que mellor reflicte unha situación que supera o preocupante: en 79 dos seus 92 municipios hai máis prestacións que salarios. Recentemente, en Sermos Galiza publicabamos que un de cada tres fogares galegos ten as prestacións como única fonte de ingresos. En 30,8% dos fogares de Galiza o 100% dos seus ingresos dependen das prestacións. Unha de cada tres familias galegas teñen como única fonte de recursos económicos as prestacións, quer por desemprego, quer pensións, quer axudas ou outros subsidios… 3) Tamén esta mesma semana soubemos, grazas ao estudo de Oxfam, que 1% máis rico da poboación española acaparou 40% da riqueza producida en 2017. Mentres 50% máis pobre apenas foi quen de se repartir 7%. O informe indica que entre marzo 2016 e marzo 2017 tivo lugar o maior aumento da historia no número de persoas cuxas fortunas superan os mil millóns de dólares, cun novo 'milmillonario' cada dous días. No que atinxe ao Estado español, 4 novos 'multimillonarios' pasaron a facer parte da lista Forbes e xa son 25. Oxfam sinala que en termos de renda a recuperación favoreceu 4 veces máis aos ricos que aos pobres. Así, entre 2013 e 2015 de cada 100 euros procedentes do medre económico 29 foron para 10% das rendas máis altas e 8% para 10% máis pobre. 4) Abanca presentou resultados e admitiu que mantén interese en comprar entidades. Catro anos despois de que o FROB vendese por mil millóns de euros o banco resultante da fusión das caixas galegas, este continúa a gañar diñeiro. Abanca logrou en 2017 uns beneficios netos de 367 millóns de euros, 10% máis que no exercicio 2016. Nestes catro anos obtivo 2.100 millóns de euros de beneficio neto. Os responsábeis da entidade anunciaron que neste 2018 van estar "atentos" a "novas opcións" de compra de entidades. Após se facer coa financeira do Banco Pastor por 30 millóns de euros e desbotar adquirir Liberbank, Juan Carlos Escotet non oculta interese por comprar. O que si di non é á saída a bolsa, polo menos polo de agora. O plan de negocio 2018/20 pon un obxectivo ambicioso: mover por volta dos 70.000 millóns de euros entre depósitos e créditos. Por certo, esta semana tamén presentaba resultados Bankinter, que tivo un beneficio récord (máis de 495 millóns de euros) en 2017, 1% máis que no exercicio anterior. 5) A caída do dólar favorece novos máximos no petróleo. Estanse a dar novos máximos no prezo do petróleo, co que iso pode supor para a economía de estados dependentes do combustíbel, caso do español. O barril de Brent acada os 71 dólares por primeira vez desde 2014. No que vai de ano subiu 6%. Ademais, o barril West Texas (referencia en Estados Unidos), anda en 66 dólares, coización que había tempo que non atinxía. Os inventarios de cru en EUA encadean 10 semanas en descenso. Hai, logo, un maior equilibrio entre oferta e demanda e iso repercute en alza de prezo. 6) Audasa sumaba no acumulado desde que abriu o primeiro tramo da autoestrada e até mediados de 2016 uns beneficios antes de impostos que ían camiño dos mil millóns de euros. Tan apetecíbeis resultados non lle fan afrouxar a man e así, a liberación do tramo Redondela-Vigo [que lle pedía Fomento] vaino repercutir nas persoas usuarias da AP9 noutros tramos. Unha decisión que xerou as críticas da oposición, mais non do goberno galego 7) O 'lobby' de grandes empresas de distribución pide axuda a Papá Estado. A Asociación nacional de grandes empresas de distribución (Anged) velle as orellas ao lobo. El Corte Inglés, Carrefour, FNAC ou Ikea indican que non poden competir en igualdade de condicións con Amazon, polo que piden ao goberno que faga un novo marco normativo "moderno e flexíbel" que contemple esta "realidade" para poder facer fronte aos xigantes do 'e-commerce'. Critican estas empresas que os grandes operadores on-line fiquen á marxe en cuestións como fiscalidade ou horarios. Factores que, no seu momento, estes mesmos xigantes que agora denuncian empregaron como vantaxes contra o pequeno e mediano comercio. 8) O Servizo Público de Emprego (SEPE) está a suprimir as prestacións de desemprego a persoas beneficiarias do mesmo polo simple feito destas non declarar no prazo legal un ingreso puntual ou mínimo obtido mentres reciben esa prestación. Unha notica que esta semana dabamos en Sermos Galiza e que afecta centos de persoas no noso país. Unha decisión con efectos moi graves (perda da prestación) para a persoa afectada, que en moitos casos non sabe que está a ser obxecto dunha resolución da administración que pode reverter nos xulgados. De feito, aquelas persoas, as menos, que optan pola vía xudicial ven como a xustiza acaba dándolle a razón aos seus intereses. 9) O Banco Central Europeo (BCE) comeza o ano preparando o mercado para a fin do diñeiro "de balde" (Desde marzo de 2016 os tipos de interese están en 0%, mínimo histórico). Vai haber cambios, indica Mario Draghi, mais non van ser inmediatos. Iso si, haberaos: este ano deixará de lado os estímulos monentarios que levaron nestes tres anos a inxectar 2,2 billóns de euros na Eurozona. 10) Nova reunión do Foro Económico de Davos. Felipe VI aproveitou a súa intervención no cumio para lanzar un discurso contra o proceso soberanista catalán e de defensa da Constitución do 78. No conclave, os diferentes presidentes e xefes de estado protagonizaron discursos e mensaxes contra as políticas proteccionistas e tamén referencias á necesidade dun novo índice para medir o desenvolvemento económico de forma máis inclusiva. España ocupa o posto 26 entre os 29 países desenvolvidos inclusivos en base a ese novo índice. Davos é, nomeadamente, unha defensa do libre comercio. Nesta edición un dos protagonistas foi Jack Ma, fundador de Alibaba, a firma de comercio electrónico considerada o Amazon de Asia. "Se o comercio para, comeza a guerra. O comercio non causa a guerra, evítaa", dixo. Fixo tamén unha defensa da robotización. "As máquinas sempre serán máis listas que o hombe. Elas saben o que queren. Mais o home é sabio: sabe o que non quere". |
NOS_35957 | José García Liñares resístese a abandonar a Alcaldía e recorre á Xustiza presentando dous recursos, un deles pola "vulneración de dereitos fundamentais", cos que pretende atrasar a súa saída. | O BNG e o PP, que conforman a oposición en Cerceda, reclaman un pleno extraordinario para que a corporación "tome coñecemento" da sentenza que condena ao alcalde, José García Liñares (PSOE), a oito anos de inhabilitación por prevaricación dun delito en relación coa adxudicación e contratación das lagoas do parque botánico de O Acevedo e por algúns traballos de drenaxe para evitar que a auga inunda un camiño. Nunha carta con entrada de rexistro o 2 de setembro, os concelleiros asinantes dixeron que, de acordo coa normativa vixente, o pleno "debe tomar coñecemento da existencia desta sentenza e das circunstancias contidas nela". E ademais piden que se solicite da Xunta Electoral a credencial do seguinte na lista do PSOE para ocupar a Alcaldía. A reacción de García Liñares non se fixo esperar. Négase a convocar o pleno. E xa anunciou que vén de presentar un recurso diante da Audiencia coruñesa contra a súa inhabilitación; e outro ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) por vulneración de dereitos fundamentais. Con esta manobra, Liñares pretende evitar calquera posibilidade de cesamento. |
NOS_21744 | Pequín adoptará "medidas firmes" para "salvagardar a súa soberanía e intereses de seguridade", e insta os EUA a medir "con coidado" as súas "palabras e actos" sobre Taiwán. | Os Estados Unidos tomarían as armas en Taiwán se China intentase facerse co territorio "pola forza". Esa foi a advertencia que esta segunda feira lanzou o presidente estadounidense, Joe Biden, nunha rolda de prensa que ofreceu desde a capital do Xapón, Toquio, xunto ao primeiro ministro nipón, Fumio Kishida. Fíxoo en resposta á pregunta formulada por un dos xornalistas alá presentes: "Vostede non quería involucrarse militarmente no conflito de Ucraína por razóns obvias. Está disposto a involucrarse militarmente para defender Taiwán se for preciso?". Biden foi contundente: "Si. Ese é compromiso que temos con eles". "Estamos de acordo coa política de 'Unha soa China', témolo asinado. Pero a idea de que poida ser tomado pola forza... Simplemente non é axeitada", matizou o mandatario. Visita sorpresa dos EUA a Taiwan en medio das friccións con China Baixo esa denominación de 'Unha soa China', os EUA recoñecen que Taiwán forma parte do país chinés, mais nunca aceptou de forma oficial a tradicional demanda de Pequín sobre a soberanía desta illa autónoma. China di que Taiwán é "parte inalienábel" En resposta, o portavoz do Ministerio de Exteriores da China, Wang Wenbin, subliñou que Taiwán é "parte inalienábel" do país, ao tempo que precisou que Pequín "adoptará medidas firmes" para "salvagardar a súa soberanía e intereses de seguridade", segundo recolle o xornal China Times. "A China pide aos EUA que se cingan ao principio de 'Unha soa China' e aos tres comunicados conxuntos sino-estadounidenses, que cumpran o seu compromiso de non apoiar a independencia de Taiwán". A China propón unha estrutura de seguridade internacional Aliás, Wenbin pediu que a Casa Branca teña "coidado" coas súas palabras e actos sobre esta cuestión, a fin de "non enviar sinais erróneos ás forzas separatistas que buscan a independencia de Taiwán". |
NOS_16854 | No xantar no cuartel de Valdemoro estivo presente,entre outros, Jesús Muñecas. Cuxa extradición solicitou unha xuíza arxentina na causa por crimes do franquismo. | O ministerio español de Interior destituíu ao teniente coronel Antonio Tejero Díez por convidar o seu pai, o golpista Tejero Molina, a un xantar de celebración do aniversario do golpe de estado do 23F, nun acto que decorreu no cuartel da Garda Civil de Valdemoro. No acto estiveron presentes, entre outros, o ex-capitán Jesús Muñecas, condenado a 5 anos por ese golpe e cuxa extradición solicitou a xuíza María Servini na causa polos crimes do franquismo. Segundo o ministerior, Tejero Díaz celebrou "un xantar non autorizado no seu cuartel con diversas persoas implicadas no intento de golpe de Estado do 23F". No acto conmemorouse o 33 aniversario deses feitos, como recoñeceron fontes do goberno español citadas por EFE. |
NOS_52328 | Os equipos nacionais masculino e feminino levarán no frontal da camiseta o emblema da Deputación de Pontevedra durante a competición, que decorrerá do 5 ao 8 de marzo. | A Asociación Galega de Fútbol Gaélico logrou patrocinador para o Mundial de Abu Dhabi, unha das tarefas nas que este colectivo estaba traballando desde hai semanas para garantir que Galiza puidese participar oficialmente nun campionato internacional. Ese patrocinador é a Deputación de Pontevedra, que asinou un convenio de colaboración coa asociación. Por este acordo, a equipación da selección nacional tanto masculina como feminina, levará no seu frontal durante os GAA World Games de Abu Dabhi (5 a 8 de marzo) o emblema da Deputación de Pontevedra. Desde a Asociación Galega de Fútbol Gaélico agradecen "a predisposición e interese desde o primeiro momento cara ao noso deporte" por parte da institución. A Deputación está presidida por Rafel Louzán, que tamén preside a Federación Galega de Fútbol. O campionato contará coa participación de equipos e seleccións dos cinco continentes, divididos en dous grupos, un deles onde figurarán os clubes campións das distintas confederacións mundiais e un segundo con seleccións nacionais. A selección masculina queda encadrada neste último coas seleccións de Arxentina, Sudáfrica e o Golfo Pérsico, e a feminina coas seleccións de Sudáfrica, o Golfo Pérsico e Canadá. "Trátase da primeira competición internacional de seleccións do noso deporte nos seus 130 anos de historia e, como gran acontecemento e escaparate mundial do mesmo, compartirá espazo con outros eventos deportivos e culturais", sinalan desde a Asociación. |
NOS_33354 | A responsábel de Turismo da Xunta, Nava Castro, amósase optimista cos datos de visitantes deste 2022. En conversa con Nós Diario evita as críticas destes días pola concentración na etapa final do Camiño de Santiago por cosideralo "un feito puntual". Por este motivo, di non estar a traballar para implantar unha taxa turística na Galiza. | —Como valora a resposta do turismo internacional a nivel galego co remate das restricións?A Galiza rexistrou en xuño máis de 481.000 visitantes en estabelecementos hoteleiros con 893.000 noites, unha cifra histórica nese mes. Supera, daquela, os valores de 2019, cando había 870.000 noites, e mesmo os do Xacobeo 2010, cando foron 790.000 noites. A ocupación hoteleira en xuño supera en máis dun 70% os datos de 2021 o que supón que, por vez primeira desde o inicio da crise, a demanda en hoteis galegos supere o nivel de 2019, nun 4,9% a cifra de viaxeiras e viaxeiros aloxados e nun 2,7% o volume de noites. Sindo Guinarte: "O que pasou co encontro de mozos pouco ten a ver co modelo turístico" A Galiza tivo unha notábel capacidade de recuperación nestes seis meses coa segunda cifra máis elevada da serie histórica. Ademais, supera en máis de 1,9 millóns de noites a cifra de 2021 e un 26% foron visitantes estranxeiros. —Fálase os últimos días de masificación, sobre todo en Santiago. Cre que existe nestas datas? Compartimos os resultados de estudos que teñen analizado o comportamento do turismo neste eido que indican que non existe masificación no relativo á actividade turística na Galiza. Existe concentración de visitantes puntuais nos mesmos lugares nalgúns momentos da tempada alta mais adoitan xestionarse de modo eficaz. Se hai momentos puntuais en que moita xente coincida nun punto, como pode acontecer nos días máis grandes de celebración deste Ano Santo, temos en marcha ferramentas de big data para mellorar estes fluxos, como as que vimos de pór en marcha en colaboración con Turismo de Santiago para informar dos tempos de agarda para o paso pola Porta Santa, por exemplo. —Pode coexistir o turismo de masas e a sustentabilidade?Non é unha formulación que se considere para o noso destino turístico. Os obxectivos marcados son medrar nunha oferta turística de calidade, diferenciada, moderna e adaptada ás necesidades da viaxeira ou do viaxeiro. O noso modelo turístico encaixa precisamente no que se busca agora, destinos turísticos auténticos, en contacto coa natureza e cos recursos turísticos, con proximidade ao local e a experiencias auténticas, polo que non camiñamos cara a un turismo de masas. Os albergues, molestos polo uso de pavillóns "sen consultar" —Coincide co presidente da Xunta en que o "turismo masivo" non prexudica?O presidente da Xunta non fala de turismo masivo, posto que non é un fenómeno que se dea no noso territorio, que se identifica claramente cun modelo de turismo tranquilo, non masificado e de calidade, tal e como se recolle na folla de ruta que estamos a seguir para a recuperación do sector turístico tras a pandemia, o Plan director Galiza Destino Seguro. Neste plan director recóllense os piares sobre os que se sustenta esta recuperación e a sostibilidade é un dos catro fundamentais, que ten como horizonte a recuperación das viaxeiras e dos viaxeiros de 2019, algo máis de 5 millóns. Os aloxamentos turísticos teñen unha ocupación media dun 40%, o que nos dá unha importante marxe de mellora e de crecemento do tecido turístico galego. A hostalaría compostelá recea da masificación: "Non toda vive do turismo" —Que opinión lle merece a taxa turística? O Observatorio turístico, asociacións xacobeas e a hostalaría piden aplicar límites, tal e como acontece en lugares como as Illas Cíes.No noso destino non se está aplicando ninguna taxa turística. No que levamos moito tempo traballando, no marco da nosa aposta por un turismo sostíbel, é na xestión e control dos fluxos turísticos. Isto levounos á limitación de acceso a recursos turísticos con gran demanda mais que temos a obriga de conservar para as xeracións futuras. Neste sentido tamén traballamos para o conxunto do destino turístico, tamén no caso do Camiño de Santiago, promovendo outras rutas alternativas ao Camiño Francés, o que nos permite que a riqueza e desenvolvemento socioeconómico poida estenderse a outros territorios, especialmente do rural galego, axudándonos a combater desta maneira o despoboamento do rural. |
NOS_1912 | Unha concentración lembra que Marrocos non ten nin lexitimidade nin competencias para actuar sobre o Sahara Occidental. | Unha concentración en Vigo solicitou esta segunda feira a liberdade dos activistas saharauís do campamento Gdeim Izik, que levan seis anos presos e sufrindo torturas e maos tratos, segundo denuncian organizacións defensoras dos dereitos humanos. Este protesto coincide co inicio do xuízo en Marrocos contra estes activistas. Convocada pola 'Solidariedade galega co pobo saharauí, contou co apoio de BNG, En Marea, Esquerda Unida, CIG, CCOO, UGT, Fruga e Asociación de inmigrantes saharauís en Galiza. As entidades que apoian a concentración advirten de que Marrocos carece da lexitimidade e da competencia necesarias para actuar contra os activistas. E é que o país non ten xurisdición ningunha sobre o Sáhara Occidental, tal e como recollen resolucións internacionais e a propia ONU. O acto rematou coa lectura dun comunicado conxunto por parte de Sefi Romero, da CIG de Vigo, e coa intervención da presidenta de Solidariedade Galega co Pobo Saharahui, Maite Isla, e dos representantes das distintas organizacións participantes. Coincidiron os presentes en demandar o cese da ocupación marroquí e que se cumpran as resolucións internacionais, "fixando xa unha data para o referendo de autodeterminación ao que o pobo saharaui ten dereito". Hai seis anos da represión ás persoas que instalaran e participaran no Campamento de Gdeim Izik, nas proximidades do Aaiún, capital do Sáhara Occidental. Centos de activistas resultaron feridos e mesmo se produciron mortes, como a do neno de 14 anos Elgarhi Nayem. Marrocos respondeu ao campamento pacífico, co que os saharauís protestaban contra as violacións de dereitos humanos que sofren, coa detención arbitraria de 25 persoas. Dous anos após os feitos, foron xulgadas sen ningún tipo de garantías e condenadas a duras penas de prisión: nove a cadea perpetua, catro a 30 anos, sete a 25 anos, tres a 20 anos e dúas a dous anos. A presión social e a mobilización internacional provocou a anulación do xuízo. Porén, estes 25 activistas continúan no cárcere e volverán ser xulgados na segunda feira polo Tribunal Civil de apelación en Rabat. |
NOS_11881 | Como cada cuarta feira, o semanario en papel Sermos Galiza fica xa preparado para a súa saída á rúa. Sumamos xa 344 números e nesta ocasión chegará ás rúas ateigado de temáticas variadas e todas elas actuais. | O semanario en papel Sermos Galiza chega ao seu número 344. Nesta ocasión, abre cunha análise en relación aos resultados das eleccións xerais. Os comicios, mais desta vez os europeos e os municipais, tamén protagonizan a sección sobre política, na que poderemos coñecer as candidaturas que presentan as diferentes forzas políticas. En Opinión, contamos coas sinaturas de David Otero e de Marga do Val. Unha sección que completan os cadriños de Tokio e Nacho Hortas e mais de "A ollo nu", en que Xoán Costa dá conta da viaxe de Alexander von Humboldt á Coruña. En Sociedade, informamos sobre as pragas que afectan o campo galego e que prexudican seriamente o piñeiro, a pataca, os cítricos e o kiwi. Obrigan á corta de exemplares e limitan a súa produción e comercialización. Ademais, publicamos unha reportaxe sobre a base de datos das mil persoas vítimas da represión franquista en Ferrol. En relación á sección de economía, centrámonos no traballo para debullarmos os actos que decorreron nas distintas cidades con motivo do Primeiro de Maio e informamos sobre os conflitos laborais que xiran ao redor do sector do transporte, un dos fulcrais da Galiza. Internacional dedicámosllo á última información sobre Venezuela, após o último intento de golpe de Estado por parte da oposición. Fóra de Serie abre nesta ocasión cunha reportaxe sobre os 40 anos de Xacarandaina, asociación coruñesa que representa todo un museo vivo da música e do baile e continúa cunha ampla entrevista coa angolana Aline Françao. As críticas literaria e de cinema dedícanse, respectivamente, a Unha pantasma branca, de Fina Casalderrey, e a Un asunto de familia. Ademais, esta semana a crítica de literatura infantil e xuvenil Montse Pena Presas danos a coñecer O mundo en que vivín, de Ilse Losa e Xoán Costa preséntanos a Odete Semedo en Das africanas praias. O Verdugo é o lugar ao que nos leva o colectivo XEA. O selfie dedicámosllo a Miguel Grandío, de Sesións Destelo. Neste número contamos coas columnas de Pepe Barro, que escribe sobre deseño, e de Xulio Carballo, que aborda cada mes a banda deseñada en galego. Fechamos o número cunha nova entrega de Galiza no mapa, que nesta ocasión amosa a cartografía de Saint Sever. Podes comprar o semanario en papel na seguinte ligazón ou ben facelo a partir da quinta feira nos quiosques e puntos de venda habituais. |
NOS_39359 | O portavoz do BNG, Xavier Vence, sinalou dous "grandes buratos negros" que ameazan o futuro de Galiza e identificounos como a perda de NGB e a recentralización nunha conferencia no Fórum Europa en Vigo. | Os buratos que, segundo Vence, baleiran o país de competencias políticas e recursos financieiros son "o burato negro do rescate da banca especulativa e o burato negro do centralismo desaforado". "A vampirización centralista e a drenaxe do noso aforro son o nó gordiano que debemos desfacer para impulsar o desenvolvemento económico de Galiza e a nosa preservación como país", sinalou Xabier Vence que situou a reforma administrativa que prepara o Goberno de Rajoy e a venda de NGB segundo os intereses de Madrid como os dous males que poñen en risco o futuro do país. Destacou que, pola contra, en Catalunya se teñen consolidado dous grandes bancos propios e agora se está a crear un público. En Galiza, ao seu ver, o proceso é o inverso, de desmantelamento porque se ben en Catalunya hai un proxecto de País, aquí a dereita de "Feijóo está entregada á estratexia centralizadora do PP". Apostou, como voceiro do BNG, nunha banca pública galega que garanta o financiamento ás pemes e unha tarifa eléctrica galega que oferte prezos equiparábeis aos competidores ademais dunha fiscalidade que premie investimento e innovación. Trátase, segundo defendeu, dun modelo que vise "someter as finanzas á economía real". Xavier Vence valorou o dereito de Catalunya a decidir o seu futuro fronte aos atrancos que se lle presentan desde o centralismo madrileño e defendeu a relevancia que tamén ten para Galiza "un nacionalismo forte como o que representa o BNG". |
NOS_44243 | É a da Carballeira de Zas unha das citas principais do verán folk galego. A súa edición número 36 será o 2 e o 3 de agosto e a organización desvelou esta terza feira o seu cartaz. "Tradición e vangarda", resumiu o director do festival Fidel Otero o seu programa. Susana Seivane, Baiuca ou os irlandeses Fourth Moon serán algúns dos protagonistas. | Hai anos que a Carballeira se abriu máis alá do folclórico. Por iso ademais da gaiteira Seivane ou as pandeireteiras Tanxugueiras, pasarán tamén polo seu escenario o rock de combate de Dakidarría ou de Monoulious Dop, dúo de pop rock humorístico procedente de Noia. A electrónica folk de Baiuca tamén estará na vila da Costa da Morte. Da Bretaña chega Celtic Social Club, que, inspirados polo proxecto Buena Vista Social Club pero en músicas celtas, xunta músicos bretóns e escoceses. Os vascos Korrontzi, que basean a súa sonoridade no acordeón diatónico (trikitixa) de Agus Barnadarian, Fourth Moon ou o folk pop dos escoceses Tide Lines completan as actuacións nocturnas. Na sesión vermú do sábado, 3 de agosto, haberá representación galega: Vudú , Os Farrapos e as regueifas de Lupe Blanco e Alba María. As entradas para a Carballeira de Zas xa están á venda na súa web a partir de dez euros. Na organización colaboran o concello da localidade da Costa da Morte e mais a Deputación da Coruña, ademais de contar co patrocinio de Estrella Galicia. |
PRAZA_9578 | Leiceaga e Pontón tentan sen éxito que o presidente aclare se subscribe ou non a proposta lingüística de Casado. Diante das preguntas de PSdeG e BNG o titular da Xunta tenta facer ver que está á marxe de todos os "extremos" con varias frases bilingües | "Herri Batasuna". O nome da desaparecida formación independentista vasca foi a referencia partidaria máis repetida polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, na sesión de control no Parlamento neste 13 de marzo. Utilizouna reiteradamente para retrucar á portavoz nacional do BNG, Ana Pontón e tamén nas respostas ao voceiro do PSdeG, Xoaquín Fernández Leiceaga. Ambos tentaban que o presidente da Xunta aclarase se subscribe ou non a proposta do novo líder do PP, Pablo Casado, de limitar por lei o uso do galego nas Administracións e, máis concretamente, no acceso ao emprego público. Leiceaga e Pontón tentaron que o presidente aclarase se subscribe ou non a proposta lingüística de CasadoDende que Casado enunciou a súa proposta de aprobar unha Ley de Lenguas se chega a ter maioría dabondo no Congreso para facelo Feijóo tentou surfear as ondas recentralizadoras da dirección do seu partido. Afirmando, por exemplo, que tal proposta non estaría "dirixida a Galicia" e que a súa reforma da lei da función pública no ano 2009 xa determinou que o coñecemento do galego sexa un "requisito" e non un "mérito" para traballar na Xunta. Este mércores profundou nesa liña criticando que Leiceaga lle pregunte "se imos apoiar unha lei que non existe" e atacando a Pontón, "a señora do BNG", porque "vén falar de extremismo" mentres "pide que votemos a Herri Batasuna Bildu", en referencia á coalición do Bloque con ERC e EH-Bildu para as eleccións europeas."Está a favor ou en contra da proposta do seu líder?", cuestionou sen éxito Pontón, a cuxo xuízo cómpre aclarar se o tamén presidente do PPdeG concorda con "ese señor que nos quería explicar ás mulleres o que é estar embarazadas" e que agora "tamén nos quere explicar aos galegos e galegas que para traballar na Administración deste país non fai falla coñecer a lingua deste país". Feijóo, crea a líder do Bloque, faría ben en non "repetir" o "episodio" no que "xa utilizou a mentira da imposición do galego por un puñado de votos"."Xa está ben de dar un carné de mal galego a quen fala español, ya está bien de dar un carné de mal español a quien habla gallego", proclamou Feijóo para tentar facer ver que está á marxe de todos os "extremos""Dígame que lle vai dicir 'non' ao señor Casado en relación coa lei de imposición do español", retou Leiceaga, tamén igualmente sen resposta favorable. No caso de Pontón, o presidente retrucou acusándoa de pretender "dividir o país en todo" e estar contrariada por que o galego non sexa "un problema en Galicia" grazas ao "bilingüismo harmónico" promovido polo PP. Bilingües, precisamente, foron as frases coas que rematou a resposta ao BNG; "xa está ben de dar un carné de mal galego a quen fala español, ya está bien de dar un carné de mal español a quien habla gallego", proclamou para tentar evidenciar que está á marxe de todos os "extremos". Aínda agregou despois outra sentenza que causou a hilaridade na bancada nacionalista: "sabemos galego y hablamos español".Para a resposta a Leiceaga o titular da Xunta optou por reeditar críticas aos xa decaídos Orzamentos Xerais do Estado promovidos polo Goberno de Pedro Sánchez, a quen reprocha que non visitase Galicia en calidade de presidente -fíxoo nun acto de partido- e esixirlle compromiso ao conxunto do PSOE co artigo 2 da Constitución, que consagra a "indisoluble unidade da nación española". Tamén aproveitou, adicionalmente, para eloxiar o libro recentemente publicado por Alfonso Guerra.Alén do tirapuxa preelectoral Feijóo deixou na Cámara algún dato lingüístico concreto: segundo afirmou, "dende 2016" o 97,5% das persoas que concorreron a oposicións da Xunta tiñan o CELGA ou título equivalenteSobre a lingua, obxecto da pregunta, preferiu disparar por elevación. "Eu as leis que apoio as apoio neste Parlamento e vou apoiar exactamente todas as leis que apoiamos nas maiorías neste Parlamento; levo facéndoo dez anos", resolveu.Alén do tirapuxa preelectoral no que tornou a sesión de control, as respostas de Feijóo sobre o galego na Administración tamén deixaron algún dato concreto, en boa medida solapado polos reproches cruzados. Así, segundo asegurou, nos exames de oposición máis recentes, "dende 2016", case "o 97,5%" dos aspirantes non tiveron necesidade de "examinarse" especificamente de lingua por teren "acreditado o coñecemento do galego" cun CELGA ou título equivalente, polo que "xa teñen solucionado o problema do galego". No caso do 2,5% que si tiveron que realizar "exame de galego", o resultado foi que "aprobaron todos". "Cal é o problema?", pregúntase. |
NOS_54726 | A turbidez deixou sen consumo de auga a Pontedeume varios días en 2020. | A Comisión de Peticións do Parlamento Europeo admitiu a proposta de Somos Cabanas para que se investigue a contaminación do río Eume por actuacións de Endesa. Nun escrito con data do 9 de abril, ao que tivo acceso Europa Press, a presidenta da Comisión de Peticións, Dolors Monserrat, informa que se demandou á Comisión Europea que leve a cabo "unha investigación preliminar" sobre o sucedido. Así mesmo, Dolors Monserrat sinala que as Fragas do Eume foron designadas sitio de importancia comunitaria na Rede Natura 2000. Igualmente, lémbrase que Bruxelas abriu expediente de infracción ao Esrado español en 2015 pola xestión da Rede Natura. Así, remarca que "Galiza, e as Fragas do Eume en particular, están afectadas por estes procedementos de infracción". Somos Cabanas realizou en 2020 esta petición de investigación á UE por mor da turbidez do río detectada en outubro dese ano, que obrigou a prohibir o consumo de auga durante varios días en Pontedeume A Xunta, a través de Augas de Galiza, informou por entón de que abría expediente sancionador á empresa explotadora do encoro do Eume -Endesa- pola turbidez xerada e polas afeccións ao abastecemento. Así, o Goberno galego abriu ese expediente por "desatender os requirimentos efectuados desde Augas de Galiza en relación á xestión da presa". Unha situación que obrigou a declarar a emerxencia sobre a situación do río. Posteriormente, a directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, recoñeceu, nunha comisión parlamentaria, que "Endesa fíxoo rematadamente mal" nas verteduras ao río Eume, pero aseguraba que "non hai sedimentos tóxicos" nas análises realizadas. Gutiérrez criticou, na súa comparecencia na Cámara galega en outubro de 2020, que Endesa realizou unha "explotación irregular do encoro" e "desobedeceu ordes" en relación cos avisos da Xunta para manter o nivel establecido. "O que non é normal é que, de súpeto, por unha mala explotación haxa un episodio de turbidez como o que houbo; por iso abrimos expediente", afirmaba. Así contestaba en resposta a unha pregunta do BNG, na que a formación nacionalista denunciaba que o ocorrido no Eume é "a crónica dun desastre anunciado", nunha combinación do baixo nivel de auga do encoro e as obras das válvulas do fondo, que "deixa en evidencia" varias "neglixencias" de Endesa e a Xunta. O Bloque avisaba de que a única "solución para que isto non volva repetirse nunca máis" pasa por extraer a totalidade dos lodos "potencialmente tóxicos", cuxo orixe é a actividade mineira desde hai 50 anos nas Pontes, a unhas balsas fose do encoro e que sexan catalogadas como perigosos. Xa no mes de novembro, a conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, sinalaba, nun pleno do Parlamento, que Endesa sería sancionada e tería que pagar custos de obras e analíticas. |
NOS_4838 | De montar compañías teatrais que experimentaban con novas linguaxes en Compostela a gañar o Goya pola súa interpretación en La isla mínima en só tres anos. A vida da actriz Nerea Barros mudou en moi pouco tempo mais ela responde de forma pausada a eses cambios que entende como resultado dunha evolución progresiva. | -De crear compañías de teatro contemporáneo a gañadora dun premio como o Goya. Pasou un tornado na súa vida? Boto moito de menos os escenarios mais foi algo progresivo. Vin para Madrid hai tres anos. Baixei definitivamente despois de tomar unha decisión que comparto con moita xente da miña profesión que teñen que abandonar Galiza por falta de traballo. Comecei a ter oportunidades e desde hai dous anos, de maneira intensa. Esta película é do pasado ano e cando gravamos eu era consciente de que ía ser moi boa, aínda que en ningún momento agardabamos tanto. De repente estás nun filme no que como se roda, o traballo que se fai de maneira colectiva, os propios equipos... todo está posto para a película e pola película. Era como unha gran familia. Notábase. O primeiro día que baixei aos ensaios a Sevilla chamei a miña nai e díxenlle que despois de todo o que levaba loitando tiña a sensación. de que, se traballa o que tiña que traballar, nesta ocasión podía levar unha alegría, mais as que me deu A illa mínima superaron moito todas as expectativas. -Como chega a interpretar unha película como esta? Cando as directoras de casting, Yolanda Serrano e Eva Leira, dúas persoas moi importantes no cine neste momento, con mirada propia para escoller actores, repararon en min pregunteilles se estaban seguras. Dixeron que non me chamaban polo que tiña por fóra senón polo que era por dentro. Meses despois entereime de que o mesmo lle pasara a Alberto Rodríguez, o director. Tiña na cabeza outro personaxe, con outras características, e foron elas as que se empeñaron. -Tivo a sensación de que o papel era un agasallo? Puxéronme nas mans o traballo de Atin Aya, un fotógrafo que retratou as marismas do Guadalquivir nos anos cincuenta. Unha desas fotografías na que había dúas acompañoume sempre. Era como un estímulo para min. Cando comezas a ensaiar a confianza dácha o equipo. Este último mes e medio todo foi unha tolería, mais eu teño a sensación dun camiño progresivo. Primeiro foi Málaga, logo o festival de Donostia e un sen parar moi ben xestionado até que chegaron os Goya. Pasado isto continúo a traballar mais moito máis tranquila, estou a vivir unha intensa sensación de felicidade. "Estou a vivir unha intensa sensación de felicidade" -A súa familia quixo que estudara Enfermería por se o oficio de actriz non daba para vivir, que lle din agora? Vexo normal que así o fixeran, son pais e queren o mellor para os seus fillos. Querían que fixera o que eu sentía mais querían que estivera ben, tivera un traballo fixo e non tivera problemas económicos e eu entendín iso perfectamente desde o principio. Ademais, nese primeiro achegamento á enfermería atopei unha vida dentro de min que me ensinou moito, fíxome evolucionar como persoa, ensinoume a realidade da vida e iso foi importante tamén para min como creadora. Para min esa formación como persoa foi paralela á evolución como artista. -Que queda daquelas compañías de mulleres que creou que foron Nut e Churras que experimentaban con novas linguaxes teatrais na actriz de agora? Non hai tanto tempo que fixemos o último espectáculo. Seguimos con Churras aínda que cada unha de nós, Xiana, Iria... teña tamén o seu propio camiño. Son das mulleres que máis aprendín na miña vida, hai moita parte de min que se xerou de estar con ela, do tempo que pasamos xuntas traballando e investigando. É algo que levo ao traballo actoral dunha película, o que sei ven de todo isto. Non o vexo lonxe porque vai dentro de min. Teño moitísimas ganas de crear un pequeno espectáculo para espazos de miniteatro. Teño moitas ideas, sigo cantando, bailando e facendo danza, forma parte de min. Tiven que deixalo por falta de tempo mais continúa dentro. Vexo lonxe certas cousas, outras non. Moito do que aprendín vén dese tempo e, se evolucionei, é por ter pasado por aí. -O teatro é a verdadeira escola para unha actriz? A carreira de actor é durísima porque non sabes cal é o camiño, as claves do éxito mais tamén é moi intensa porque che agarra pola entraña e non a podes abandonar nunca máis. Lévala dentro. Sinto que é unha profesión marabillosa porque, de repente, veste actriz e podes traballar moitos códigos e moitas disciplinas, cada un de maneira diferente. Esta diversidade é positiva e non podería escoller unha delas. O teatro dáche o aquí e agora que precisas cando estás rodando, ponche ao límite. Estás no momento e non hai volta atrás, sentímolo en cada cousa que emana, en cada sentimento, na adrenalina que soltas. Non ten comparación con nada. Non hai actor que non teña pasado polo teatro porque é aí onde rompes, onde atopas certos ocos, a ti mesmo fronte un espello e tes que coller esa imaxe e agarrala como o touro polos cornos. -As actrices reveláronse nesta edición dos Óscar contra a discriminación en Hollywood coas mulleres, menos salarios, menos papeis, tiranía da imaxe... os Goya teñen algo diso tamén? O de Estados Unidos é unha tolería e a presión ás actrices sobre a súa imaxe é moi forte. É preciso pararnos a reflexionar e entendo perfectamente que as mulleres responderan. A primeira vez que tiven que posar nunha alfombra roxa non estaba nada cómoda mais logo entendes que son pequenas festas onde se mostra ao público unha cara bonita do cine e a televisión e na túa man está ser ti mesma ou vivir cunha máscara. Eu arránxome mais como o fai todo o mundo. O que non me parece lóxico é toda a loucura que se pode montar a raíz diso. A min pregúntanme polo vestido mais tamén polo meu traballo, A sociedade exerce unha presión moi forte sobre as actrices. O imperio da imaxe leva moitos anos connosco e a igualdade é un camiño complexo no que estamos e no que hai aínda moitos atrancos que eliminar. As alfombras vermellas son unha festa cara o público e tes que decidir se queres ser ti mesma ou non. Eu non me deixaría disfrazar. -O éxito en Madrid significa un non regreso a Galiza? De ningunha maneira! Agora estou en Madrid mais o martes pola mañá collo o avión porque comezo a rodaxe de Hospital Real que é unha serie baseada no século XVIII no Hospital dos Reis Católicos, con medios naturais, sen platós, unha produción complicada pero que xera moita calidade. Os guións son marabillosos e os personaxes moi reais e vou traballar con actores como Javier Gutierrez, Pedro Alonso, Morris... coa produtora Ficción. Son galega e iso non vai cambiar estea en Madrid, Estados Unidos, Londres ou Xapón. -Continúa ademais coa súa representante María Liaño.. Que vai a tope cos seus representantes! É marabilloso porque é unha persoa da que te fías, na que confías absolutamente e iso non hai cartos que o paguen. |
Subsets and Splits
No community queries yet
The top public SQL queries from the community will appear here once available.