ID
stringlengths 5
12
| summary
stringlengths 0
1.73k
| text
stringlengths 0
68.7k
|
---|---|---|
NOS_27422 | A Plataforma pola Defensa do Centro de Saúde de Seixo, que agrupa a 18 colectivos, amósase "satisfeita" pola decisión. | A Plataforma pola Defensa do Centro de Saúde de Seixo, que agrupa a 18 colectivos e asociacións das parroquias de Santomé de Piñeiro, O Campo, Ardán e Seixo, no concello de Marín, informou nun comunicado que a Valedora do Pobo vén de "admitir a trámite a denuncia presentada sobre o Centro de Saúde de Seixo". Este anuncio prodúcese despois de que a Plataforma puxese en coñecemento da Valedora do Pobo "as consecuencias de non cubrir as vacacións e a xubilación do persoal, así como o grave prexuízo sufrido pola veciñanza por parte da Xunta e o desamparo en que a deixou o goberno municipal de Marín e a Alcaldesa Ramallo". A Plataforma amósase "satisfeita" de que a Valedora "investigue os recortes na asistencia sanitaria que levan a que hoxe teñamos un médico para atender 2.200 persoas de dous cupos porque a Xunta non cobre o médico xubilado". De feito, consideran que "o feito de non cubrir xubilacións nin vacacións é a orixe dos problemas nun consultorio que antes do 15 de xullo dispoñía de atención presencial e non tiña listas de espera e que, agora, no cupo do médico xubilado chega a máis de 20 días de espera para unha cita telefónica". Desde a Plataforma presentaron un documento "fundamentado xuridicamente" no que buscan "defender o dereito á protección da saúde e a unha atención sanitaria digna a través de demandar a cobertura do persoal de maneira permanente e estábel, e a posta en marcha de servizos como pediatría ou fisioterapia" e agardan que a apertura deste proceso por parte da Valedora do Pobo sirva para "dar un primeiro aviso ao goberno da Xunta. Nese sentido, indican que "agora a Xunta terá que informar das súas actuacións á Valedora do Pobo" a pesar de que "tentaron por todos os medios tapar os problemas no Centro de Saúde que deron pé ás denuncias e mobilizacións da Plataforma". Parello á denuncia, desde o 15 de agosto, a Plataforma activou unha campaña de reclamacións por escrito da veciñanza e animan a todas as persoas que teñan demoras nas citas a que "cubran a folla de reclamacións" que facilitan por Facebook. |
NOS_39545 | A planta ten adxudicada practicamente toda a cota galega de biodiesel (300 mil das 335 mil toneladas que ten Galiza) mais a inacción do Goberno español deixaron a factoría en mans dun grupo indonesio. | Tod@s @s traballador@s, 37, da planta de biodiesel Infinita Renovábeis, fincada no porto exterior de Ferrol, encetaron esta quinta feira ás 7.30h da mañá unha concentración en protesto polos seis despedimentos que a empresa ten pensado efectuar. A maior factoría de produción de biodiesel da Galiza pasará mañá, sexta feira 14 de marzo, a mans da filial dun grupo indonesio, Musim Mas. No acordo de cesión das instalacións está tamén rexistrada a subrogación dos empregados. Porén, a só 24h de se efectuar o pacto, Infinita Renovábeis teima en despedir seis persoas. Así llo explicou a Sermos Galiza Anxo Fernández, un d@s traballador@s, quen asegura que "neste momento aínda non sabemos cales son os motivos dos despedimentos" e afirma que "seguiremos á porta da empresa até que non nos reciba a equipa directiva". A produtora de biodiesel con máis capacidade da Galiza A factoría, pertencente até o de agora ao grupo Isolux Corsán, completou con éxito o proceso de reparto de cotas realizado polo Goberno español após tres anos de inacción e conseguiu 300.000 toneladas das 335.000 que lle adxudicaron á Galiza. As outras 35.000 foron para Betarenowable Group, que posúe unha planta en Begonte. Desde 2010, patronal e persoal laboral do sector estiveron a reclamar do Executivo español medidas que permitisen frear as importacións masivas deste combustíbel desde Arxentina e Indonesia, apoiadas polos seus respectivos gobernos e cunha política aranceraria que grava con maior énfase a materia prima que o produto que xa completou o proceso. Finalmente, Madrid moveu ficha, mais non o fixo para beneficiar as factorías galegas: a produtora de maior capacidade vai parar a mans indonesas, xustamente as mesmas que abocaron o sector á precaria situación en que se atopa, situación que este xornal analizou no seu semanario nº87. |
PRAZA_47 | Case seis de cada dez familias galegas manifestan problemas para facer fronte aos gastos mensuais, máis que cando o Goberno admitía estar a transitar polo peor da crise económica | "O indicador de confianza dos fogares galegos mellorou case 13 puntos durante o último ano". "É o mellor dato nun cuarto trimestre dende que o IGE realiza esta estatística". "As perspectivas sobre a situación financeira persoal tamén evolucionan favorablemente". "As familias galegas prevén unha mellor evolución do desemprego e da situación económica de Galicia". Son algúns dos titulares difundidos no comunicado oficial da Xunta sobre os resultados da enquisa conxuntural aos fogares, que o Instituto Galego de Estatística fixo públicos este venres. Estas aseveracións, que responden á realidade e que o Goberno galego aproveita para encaixar na espiral de optimismo coa que pechou 2014, prodúcense nun contexto no que, non obstante, nas familias galegas aumentan tamén as dificultades para chegar a fin de mes. Segundo o IGE case o 60% das familias do país, nomeadamente o 58,9%, din chegar a fin de mes "con dificultade" ou "con moita dificultade", sete décimas porcentuais máis que no anterior trimestre, cando este indicador estaba no 58,18%. Se ben é certo que se reducen os fogares con "moitas" dificultades para facerlles fronte aos gastos non o é menos que se incrementan en máis de catro puntos as que aseguran estirar os cartos "con dificultade". Mentres, as familias nas que a chegada ao remate do mes se produce "con facilidade ou moita facilidade" pasan do 41,82% ao 41,10%. Case seis de cada dez familias galegas manifestan problemas para chegar a fin de mes, máis que cando o Goberno admitía estar a transitar polo peor da crise En termos interanuais a situación tampouco revela unha mellora especialmente significativa. A suma de fogares con dificultades e con moitas dificultades para chegar a fin de mes redúcese algo menos dun punto, pero non porque aumenten significativamente as familias sen problemas económicos. Así, os fogares con "moitas dificultades" baixan algo máis de 6,4 puntos e aqueles que manifestan ter "dificutades" aumentan case 5,7. Mentres, os fogares cunha istuación económica máis desafogada increméntanse en 0,75 puntos. Así as cousas, e aínda sen chegar aos niveis máis altos, rexistrados a finais de 2011, a percepción dos problemas para chegar a fin de mes nos fogares do país é semellante á que existía, por exemplo, a comezos de 2010 e superior á de boa parte dos anos 2011 e 2012, cando Xunta e Goberno central si admitían, con máis ou menos matices, que Galicia e o Estado estaban a transitar polo treito máis duro da crise. No que atinxe ao devandito índice de confianza das persoas consumidoras, ao que a Xunta se aferra, o certo é que mellora en termos interanuais pero algúns seus compoñentes, que miden o optimismo ou pesimismo da poboación en diversos aspectos da economía, se deterioraron no cuarto trimestre do ano. Así, por exemplo, avanzan as perspectivas da poboación a respecto da súa situación económica persoal e mais da situación económica xeral de Galicia, pero empeora a percepción a respecto de dispoñer de capacidade de aforro no futuro ou sobre a evolución do desemprego. Só a poboación que ingresa máis de 3.000 euros ao mes se manifesta optimista coa situación económica Así e todo, este índice sitúase en valores negativos, isto é, no ámbito do pesimismo económico, en todos os grupos de poboación agás no de ingresos máis elevados. Así, sempre segundo as cifras do IGE, a confianza das persoas que ingresan menos de 600 euros ao mes é de -32, de quen ingresan entre 600 e 1.000 euros, de -25 e entre 1.000 e 2.000 euros vai de -17 a -12. Tamén hai pesimismo, do -2,44, entre os habitantes de Galicia que cobran entre 2.000 e 3.000 euros ao mes e o optimismo só reina na capa de poboación con ingresos mensuais superiores aos 3.000, na que se sitúa por riba do 10. |
NOS_30833 | O escritor Xavier Queipo é o autor galego galardoado co Premio Arcebispo San Clemente pola súa novela Extramunde. O escritor faise cun galardón de prestixio e singular en que o xurado está composto por rapaces e rapazas do ensino medio. | Cada ano, un peculiar xurado reúnese en Compostela para outorgar os Premios Arcebispo San Clemente, organizados polo Instituto Rosalía de Castro da cidade. Nesta edición os rapaces e rapazas que tomaron parte do xurado viñan do propio Rosalía de Castro ademais do Chano Piñeiro de Forcarei, o Leiras Pulpeiro de Lugo, o Agra do Orzán da Coruña e o Xulio Prieto Nespereira de Ourense. Xavier Queipo coa súa obra Extramunde (Xerais) foi o autor e a novela escollidos no apartado de lingua galega ao tempo que Marina Mayoral con Deseos (Alfaguara) e Sete Anos (Acantilado) de Piter Stamn foron as seleccionadas en español e outras linguas. Extramunde fora xa galardoada co Premio Xerais do 2011 e nela o escritor retrotráese ao século XVI para narrar a travesía dun barco desde Galiza a Borneo no que viaxan seres marxinados. |
PRAZA_1550 | O proceso de unidade popular ten que ser un Máis Alá que esixe recomposición, abandono do vello e configuración dun espazo novo. Xa non se trata nunca máis de competir pola posición de mercado dunha marca electoral senón de articular o suxeito de ruptura que nos leve colectivamente a outro escenario | Galicia vén intentando reactivarse politicamente desde hai algún tempo. Iso quere dicir que probablemente hai mudanzas estruturais de certa magnitude, unha Galicia que foi dando lugar a outras. Nese complexo proceso de recomposición material, económica e social, cultural tamén, os vellos equilibrios políticos, fórmulas que non hai moito parecían eternas, quedaron rotos. Aquel dolce far niente tan característico do bipartidismo con prótese xa non existe. Agora todo anda a paso máis convulso, todo é, por sorte, máis inabarcable conforme aos vellos esquemas. A partir de outubro de 2012, coa irrupción de AGE, nada volverá ser xa como antes fora. AGE quedou xa superada por desbordamento, e esa é, precisamente, a proba do seu éxito Afortunadamente, AGE quedou xa superada por desbordamento, e esa é, precisamente, a proba do seu éxito. AGE era o inicio, unha fórmula embrionaria destinada a non sobrevivirse pero si a saberse arrastrada por unha marea que, sen ser produto seu, si estivo dunha maneira ou doutra no seu imaxinario desde o principio. Engánase quen pensa AGE en termos de fracaso igual que quen a pensa en forma de marca fosilizada. Mais pensar AGE en forma de éxito esixe, precisamente, conciencia de que ese territorio conquistado, que non se abandona nunca, xa non é suficiente. Nin o explica todo, por suposto. Un novo espazo de ruptura está conformándose como expresión dunha necesidade colectiva, de resposta e creativa, ou sexa, en absoluto resistencialista. Ten dificultades para se articular, por suposto, pero parece determinado a seguir desenvolvéndose As eleccións municipais do pasado 24 de maio dan fe desta transformación en progreso na que vivimos. Querer deter o proceso de convulsión e recomposición volvendo á estabilidade do pasado, ademais de inútil é, parafraseando a Marx, reaccionario. Mesmo que esa volta atrás tiver o nome do innecesario. Ou sexa, reunificación do nacionalismo. E para que? As razóns da transformación política han de ser múltiples, como é obvio; terán conexión co que ocorre noutros espazos, pero en ningún caso serán miméticas. As súas formas albíscanse con certa facilidade. O marco político tradicional está en crise porque o réxime de representación xa non é capaz de absorber e modular os antagonismos sociais exaltados por unha extrema e xeneralizada violencia do capital contra o traballo. Daquela, un novo espazo de ruptura está conformándose como expresión dunha necesidade colectiva, de resposta e creativa, ou sexa, en absoluto resistencialista. Ten dificultades para se articular, por suposto, pero parece determinado a seguir desenvolvéndose. Nese sentido, é revelador observar a evolución do proceso. No outono de 2012, a razón da converxencia e da busca de áreas de encontro máis alá dos ríxidos espazos políticos e ideolóxicos tradicionais era o momento de emerxencia social que viviamos. Ante situación de excepcionalidade, respostas de excepcionalidade, dicíase dalgunha maneira. Hoxe, porén, cando a emerxencia pasou a ser norma estable, non se trata xa só de dar resposta de excepción a unha situación excepcional de agresión senón de empezar a construír algo novo. Porque isto non ten salvación. Nin a merece. O último paso desa recomposición política son as Mareas. Non será o derradeiro. A necesidade dunha Marea Galega parece facer parte xa do imaxinario colectivo desa especie de vangarda multitudinaria que entende imprescindible baleirar as institucións dos seus ocupantes e convertelas en Pazos do Pobo, o cal non deixa de ser unha forma de concibir unha institucionalidade alternativa e, por tanto, xerme de novo poder constituínte. É a cidadanía republicana constituínte da que falabamos en tempos de Nunca Máis, que probablemente nunca se deu por vencida, que volve estar protagonizando o proceso sen renunciar a nada. Se o proceso ten máis ou menos estas características, cumprirá entón non identificar de ningunha maneira unha candidatura de unidade popular cunha coalición nacional, máis ou menos plural, que teña como obxectivo un determinado número de escanos no Congreso dos Deputados. Esa sería unha confusión perversa e inconveniente. Entre outras cousas porque o importante non está na composición partidaria desa candidatura senón na súa condición de espazo de unidade popular e configuración dun novo suxeito. Non importan os factores nin a súa orde, senón o produto. O proceso de unidade popular ten que ser un Máis Alá que esixe recomposición, abandono do vello e configuración dun espazo novo O proceso de unidade popular ten que ser un Máis Alá que esixe recomposición, abandono do vello e configuración dun espazo novo. Nada do que xa foi debe volver ser; tampouco o vello mapa político galego, que, como sabemos, non era senón un reflexo do sentido común sistémico no plano institucional. É xustamente ese sentido común o que precisamos substituír por outro alternativo no que a política empece a ser a actividade común da xente común en beneficio do interese común. E segue a familia léxica do común facéndose protagonista. Xa non se trata nunca máis de competir pola posición de mercado dunha marca electoral senón de articular o suxeito de ruptura que nos leve colectivamente a outro escenario No proceso, a participación das organizacións políticas, e tamén de organizacións sociais e sectoriais que operan na sociedade civil, é imprescindible, mais non suficiente. Estas múltiples formas de organización colectiva, de reivindicación e autoorganización de proxectos sectoriais, terán que se incorporar ao corpo en movemento e, máis aló diso, favorecer que o corpo se mova. Nin máis nin menos. Porque xa non se trata nunca máis de competir pola posición de mercado dunha marca electoral senón de articular o suxeito de ruptura que nos leve colectivamente a outro escenario. A unha ruptura sen complexos co réxime -e non só co español-, a unha impugnación completa e sen retorno de toda a estrutura material e da armazón ideolóxica da sociedade que habitamos. De Galicia a Europa, nese sentido, non encontramos solución de continuidade, e esa perspectiva, ese recoñecemento de condicións, será a que nos permita, non é un paradoxo, construír un necesario discurso novo sobre a nación deste e para este tempo. A nación que nos acolle, que construímos, pero que non é a medida única de todas as nosas dimensións políticas. A nación como resultado, sobre todo, pois non poderá en ningún caso suplantar á multitude como suxeito político de transformación. A Nación como República da Multitude. A República como espazo común. A Marea Galega, como chegue a chamarse, é a proxección política do espazo de ruptura, agudo como un coiazo nun cristal. É un suxeito político aínda en construción, certo, pero xa cun capital simbólico e cunha lexitimidade democrática e de ruptura en moitos sentidos superior a calquera das organizacións políticas e mesmo á súa suma. Desde logo, o suxeito desborda por superación as marxes do nacionalismo político, e iso indica que eses lindes ideolóxicos non poden ocupar o centro do espazo. Non o van ocupar. O suxeito pode ser de orixe municipal, alicerzado nas diferentes candidaturas populares, de ruptura e de converxencia que triunfaron en Ferrol, A Coruña e Compostela, e penetraron como agullas en manteiga en escenarios de extraordinaria dificultade, por diferentes razóns, como Pontevedra, Vigo, Ourense ou Lugo. Canda elas, arredor de setenta experiencias diferentes de hibridación, mestura e creación de espazos compartidos e posta en común de idénticas necesidades materiais máis aló das lexítimas e irrenunciables diferenzas e matices ideolóxicos. E non só. Tamén candidaturas que, baixo outras siglas, dunha ou doutra maneira representaron no seu ámbito particular de actuación esa necesidade de ruptura. As organizacións políticas acompañarán o proceso, terán que renunciar explicitamente a toda tentación de tutela ou de dirección e facer ostensible e explícito abandono de interese particular de marca Ese é o suxeito de transformación non só para as eleccións xerais senón para máis alá. Porque, como din os clásicos, a loita continúa. Será un suxeito autónomo, merecente do respecto absoluto das organizacións da esquerda. Precisará o seu espazo para desenvolverse, para construír as súas propias normas, que por forza serán diferentes, como xa o foron nas candidaturas municipais. Non nos preocupe que o réxime nin as entenda nin as comparta. Iso fai parte do proceso de ruptura. As organizacións políticas acompañarán o proceso, terán que renunciar explicitamente a toda tentación de tutela ou de dirección e facer ostensible e explícito abandono de interese particular de marca e de liderados inversos, ou sexa, de liderados non xurdidos dos propios procesos de unidade popular. Ese é o espazo de ruptura que albiscamos. Asumo a certeza de que o que se escribe e se comunica neste momento preciso pode xa non servir a pouco que pasen tres voltas do camiño que se pretende percorrer. Non descartemos ver de aquí a pouco tempo como o proceso se matiza a si mesmo, como se corrixe e se reorienta por onde cumpra. Ese será o mellor sinal, pois indicará que o suxeito que está a construír esa modalidade de partido orgánico é un ser extraordinariamente vivo e aleuto e posúe unha gran finura para captar as características de cada momento histórico e dos seus acontecementos. Se así é, a noite das eleccións xerais haberá que pensar xa en como poden ser os seguintes traxectos. Porque a historia non terminou. A noite das eleccións xerais haberá que pensar xa en como poden ser os seguintes traxectos Cando haxa que poñerlle un nome e darlle unha identificación ao proceso e ás formulas políticas resultantes, talvez poidamos acudir á mellor das nosas referencias. Será, entón, o momento nuclear dun Proceso Máis Alá. E si, somos pobo e goberno de Grecia, e estamos con eles |
NOS_11645 | Este sábado entraron en vigor as restricións implantadas pola Consellaría de Sanidade en Vilanova de Arousa ante a "situación de risco de extensión das cadeas de transmisión" observada nos últimos días. | Após detectarse un surto de coronavirus na área sanitaria de Pontevedra-O Salnés de 96 casos, 52 deles nunha empresa avícola radicada en Cambados e cuxo cadro de persoal reside maioritariamente en Vilanova e Vilagarcía, a Consellaría de Sanidade acordou estender as medidas restritivas contra a pandemia ao concello de Vilanova de Arousa. As limitacións rexen desde este sábado, 26 de setembro, e xustifícanse, tal e como recollía onte o Diario Oficial da Galiza (DOG), cun informe da Dirección Xeral de Saúde Pública que alerta de que este municipio e o de Vilagarcía, onde xa se adoptaron medidas anteriormente, "suman algo máis da metade dos casos totais declarados" no Salnés nos últimos 14 días. De feito, 60% das e dos positivos rexistrados en Vilanova "foron nos últimos cinco días", coincidindo co gromo na planta avícola con 52 contaxios entre o seu persoal -os casos ascenden a 96 de sumar as e os contactos positivos-. Así, este concello mostra non só a taxa acumulada de infeccións "máis alta de toda a comarca" en tres días, senón que é máis do dobre da observada para o total da Galiza. Ademais, a porcentaxe de positivos arroxados polas probas PCR realizadas nas últimas xornadas e o feito de que o número reprodutivo instantáneo estea por encima de 1 -o que significa que cada persoa con coronavirus contaxia a máis dunha- indican que a localidade está "nunha situación de risco de extensión das cadeas de transmisión", tal e como expón a orde publicada no DOG. Neste contexto, para que a situación epidemiolóxica na zona "poida ser controlada", o informe de Saúde Pública en que se apoia Sanidade recomenda estender a Vilanova as restricións, que entraron en vigor a medianoite deste sábado e que serán revisadas nunha semana. Deste modo, Vilanova súmase ao grupo de municipios galegos con restricións integrado por Santiago, Silleda, Lalín, Lugo, Ourense, Poio, Pontevedra, Vilaboa, Marín, Verín e Vilagarcía, ademais de diversas rúas da Coruña e O Milladoiro (Ames). Verín mantén as medidas O DOG tamén recollía onte unha orde de Sanidade que mantén as limitacións no concello de Verín ao observarse que a taxa diaria acumulada de contaxios presenta "unha tendencia lixeiramente ascendente", que chega a "máis do dobre" do conxunto da Galiza. De feito, o informe de Saúde Pública recolle que o número reprodutivo instantáneo na comarca "volveu ascender por encima do 1" e sitúase sobre 1,5. Neste contexto, destaca Verín, a capital, tanto polo "aumento recente de casos como de ingresos" en hospital e a circunstancia de "ter unha poboación moi envellecida". Reunións de até 10 persoas limitación de capacidades a 50% Nos concellos con restricións -nalgunhas rúas de Ourense son mesmo máis duras-, as reunións están limitadas a 10 persoas non convivintes e as capacidades dos estabelecementos non deben superar 50% con carácter xeral en locais comerciais, de lecer, centros sociais e locais de restauración e de hostalería. No caso das terrazas, a capacidade é de 75%, pero o consumo en barra está prohibido. Entre outras medidas que rexen nestas localidades, que deberán ser controladas por parte das autoridades locais "dentro das súas competencias", está a limitación das capacidades a 50% tamén en interiores de lugares de culto, bibliotecas, academias, piscinas e instalacións deportivas. Así mesmo, redúcese a capacidade de vodas, bautizos e comuñóns -50 persoas en espazos fechados e 100 en abertos-. Estes mesmos límites rexen en actividades de tempo libre destinadas á poboación infantil e xuvenil, contando as e os monitores. En canto a mercados ao ar libre e feiras, non poderán superar 50% dos postos habituais ou autorizados, de modo que se limite a afluencia de clientes. Neste sentido, autorízase ao concello para aumentar a superficie habilitada ou estender estas actividades a novos días para compensar as restricións. |
PRAZA_6803 | A fadista porá a música na cerimonia de entrega dos premios desta edición, que recoñecerán o artista caboverdiano Mário Lúcio Sousa, o selo alemán Glitterbeat e á propia artista portuguesa. A feira celebrada esta semana en Compostela bateu marcas, coa presenza de 280 stands | 2.400 delegados (un incremento do 6,66%), 1.470 empresas (un crecemento do 16,66%), 280 stands (récord absoluto nas vinte edicións do Womex), 60 concertos con 320 artistas en 7 escenarios, 2.400 delegados e 1.470 empresas de máis de 90 países. A edición 2014 desta feira musical encheu Compostela de música nos últimos catro días e converteuse na máis concorrida dos últimos cinco anos. O Womex pecharase este domingo coa ceremonia de entrega dos Premios WOMEX, pechada a delegados, que terá lugar no Auditorio Abanca ás 12 horas e que rematará cun concerto da fadista portuguesa Mariza. Estes premios entréganselles desde o ano 99 a artistas e profesionais que o merezan pola súa contribución ao crecemento da comunidade. Os Premios WOMEX honran os logros ao nivel internacional no ámbito da world music: excelencia musical, importancia social, éxito commercial, impacto político… O selo alemán Glitterbeat e os artistas Mario Lúcio Sousa (Cabo Verde) e Mariza (Portugal) serán os premiados este ano. O premio á Excelencia Profesional lévao o caboverdiano Mário Lúcio Sousa: poeta, avogado e celebrado músico en Cabo Verde, ademais do seu traballo no Ministerio de Cultura do país, foi o fundador da Atlantic Music Expo (AME), que comparte con WOMEX o valor de difundir a world music. Por último, o Premio á mellor Artista outórgaselle á cantante portuguesa Mariza. Desde o seu primeiro álbum hai trece anos, Mariza converteuse na maior expoñente vivente do fado portugués, así como a máis innovadora neste estilo. Nordesía Producións, organizadora local do evento, sinala que a valoración final "non pode ser máis positiva". A entidade destaca o éxito de asistencia e o "cumprimento obxectivos estratéxicos que se marcaron desde a organización" e que se confirmou WOMEX "como unha ferramenta de transformación tanto para a cidade como para o sector musical galego e a forza de Compostela como un escenario e punto de encontro internacional". |
NOS_46509 | A xeografía de Lugo está inscrita na biografía de Díaz Castro e, por esa razón, a Deputación envórcase nestes ano no que ese lle dedica o Día das Letras Galegas na conmemoración do poeta chairego. A publicación da obra completa, audiovisuais e outras iniciativas en colaboración con diversas entidades son algunhas das actuacións. | Na Escola da Conchada, na que Díaz Castro fixo os seus primeiros estudos, a área de cultura da Deputación de Lugo presentou o seu programa de actividades, en relación con asociacións e outras entidades, para honrar este ano o poeta chairego. O delegado de Cultura e Turismo da Deputación de Lugo, o nacionalista Mario Outeiro, defendeu a necesidade de "poñer en valor a vida e obra de Díaz Castro, de quen outro chairego bo e xeneroso como foi o poeta Manuel María deixou escrito no seu libro Terra Chá que era "profunda voz d'Os Vilares: suco, semente, alto mastro, esencia e flor de ensoñares!". Canda el, representantes de diversas entidades daban conta da colaboración da institución na elaboración de proxectos conxuntos como o documental "O instante eterno", dirixido por Xosé Antón Cascudo que xa fora presentado na Casa Habanera de Guitiriz que defendeu como ferramenta de grande valor para dar a coñecer a obra de Díaz Castro. Na presentación participou tamén Armando Requeixo, investigador e especialista na obra de Díaz Castro de quen vén de presentar a súa tese doutoral, que coordinará a obra "Poesía Galega Completa", editada por Galaxia, a necesaria compilación da obra completa do poeta na que a Deputación colabora desde a súa Área de Cultura. Un IES e unha asociacións claves O IES Poeta Díaz Castro non só dinamiza o concello coas súas actividades arredor do escritor que lle dá nome senón foi un dos axentes que máis participou na campaña que reclamaba o Día das Letras Galegas para o poeta. Audivosuais e materiais didácticos son algunhas das liñas de actuación do centro que leva moito tempo traballando na obra e a figura de Díaz Castro e implicando non só o alumnado senón tamén a veciñanza da localidade. Profesor tamén no centro foi Alfonso Blanco Torrado, amigo do poeta e presidente da Asociación Cultural Xermolos, sen dúbida, a entidade á que máis se lle debe a recuperación e difusión da memoria de Díaz Castro. Da súa man nacerá un documento audiovisual coa colaboración da Quenlla. "Orgullámonos de poder presentar hoxe as moi diversas colaboracións que desde a área de Cultura contribuímos con gusto a impulsar, e de poder contribuír, deste xeito, ao recoñecemento dun galego bo e xeneroso que, mesmo estando na emigración, sempre levou moi dentro Galiza, sen esquecer nunca nin a súa terra nin a súa lingua", sinalou Mario Outeiro no acto de presentación das actividades nas que lembrou os escritores Manuel Maria, tamén da Terra Chá e Carvalho Calero, moi vencellado a Lugo onde impartiu aulas, como merecedores do recoñecemento. |
PRAZA_15691 | Aínda que ao longo de 2015 se vén rexistrando unha lenta mellora, o Índice de Produción Industrial segue nos mesmos niveis de 2013, e moi por debaixo dos valores previos á crise. Ademais, crece por debaixo da media española | A produción industrial continúa sen amosar signos de recuperación en Galicia. O Índice de Produción Industrial (IPI) creceu lixeiramente en novembro, ata os 91.427 puntos (con base 100 en 2010), situando a súa media no que vai de 2015 nos 90.186 puntos, o que representa un aumento do 3,7% con respecto a novembro de 2014. Porén, facendo unha lectura máis ampla pódese concluír que o Índice está estancado dende 2013, cando xa rexistraba valores semellantes. O IPI, ademais, sitúase moi por debaixo dos niveis previos á crise. Galicia, ademais, crece de forma máis lenta que a media española (+5,7 puntos dende novembro de 2014), que sitúan o seu IPI nos 96.767 puntos. Aínda que no conxunto do Estado o índice segue igualmente lonxe dos valores anteriores a 2009, nos últimos dous anos si que estamos asistindo a unha recuperación máis nítida. De feito, mentres Castela-León, Catalunya, La Rioja ou a Comunitat Valenciana xa se atopan por riba do nivel de 2010, e Euskadi, Navarra, Asturias ou Aragón achéganse a ese índice 100, Galicia aparece entre as comunidades cunha peor evolución do IPI, só mellorando os datos de Baleares, Madrid, Estremadura, Murcia e Andalucía. |
PRAZA_19251 | Un xulgado de Pontevedra ratifica unha sanción de 100 euros a unha condutora que tentou evitala alegando que o expediente fora tramitado polo Concello en lingua galega. | Trátase dunha estratexia para eludir o pagamento de multas que non é inédita, pero que neste caso non funcionou. Unha condutora foi multada con 100 euros pola Policía Local de Pontevedra en xuño de 2015 por estacionar o seu vehículo nunha zona prohibida. A muller recorreu a sanción ante o Concello, que desestimou o recurso, e decidiu acudir aos tribunais. Un xulgado da cidade vén de sentenciar sobre este recurso administrativo por carecer de "fundamento" as alegacións da recorrente que, entre outros aspectos, aseguraba ser vítima de "indefensión" porque a sanción estaba redactada en galego.Segundo a parte dispositiva da sentenza, achegada ao Goberno local dende a Asesoría Xurídica Municipal, a recorrente asegurou que os axentes "vulneraran" a súa "presunción de inocencia" e mais o dereito á tutela xudicial efectiva. Entre os seus argumentos sinalaba "falta de motivación da resolución" e, xunto a ela, "que se produciu indefensión porque a denuncia e o expediente se tramitou en galego". "A sentenza -informa a asesoría xurídica- rexeita todas e cada unha das queixas" da muller sancionada "porque non tiñan maior fundamento".Esta sentenza vai na liña doutra ditada en 2013 polos xulgados do contencioso-administrativo de Ourense. Naquel caso un condutor fora multado con 200 euros por estacionar nunha zona de carga e descarga reclamaba que non lle fose aplicada a multa porque no sinal figuraban palabras como "laborábeis" ou "agás". Un xulgado de Ourense rexeitara en 2013 anular unha sanción de aparcamento na que o condutor alegaba non entender palabras como "laborábeis" ou "agás"Dado que, xunto ao texto, a placa incluía "linguaxe gráfica universal de obrigado coñecemento para todos os condutores", o xuíz concluía que "só dende posicións absolutas ou maximalistas" era posible eximir alguén de cumprir as normas de tráfico por este motivo e agregaba que "a indicación laborábeis, que se traduce en castelán por laborables, resulta intelixible incluso para un foráneo que nunca antes estivese en Galicia".No entanto, outra sentenza ditada en Pontevedra si dera a razón a un condutor que alegara razóns semellantes tras ser sancionado por aparcar en carga e descarga. O idioma galego, argumentara, impedíralle "ter un coñecemento exacto das condicións en que estaba restrinxido o estacionamento", e a xuíza instara o Concello a facer "correcións" nos sinais. |
PRAZA_14039 | Cando o PP ocupou o poder en Galicia en 2009, Núñez Feijóo afirmou que levaría a cabo políticas de austeridade pero sen reducir os orzamentos de sanidade, educación e servizos sociais. Mentiu dobremente: estes departamentos son os máis atacados polas súas actuacións mentres que, durante o seu mandato, a débeda de Galicia medrou o triplo que co goberno bipartito. Os tres anos de suposta austeridade e solvencia económica do actual goberno da Xunta tradúcense nun incremento da débeda en máis de 1.000 millóns de euros por ano. | Cando o PP ocupou o poder en Galicia en 2009, Núñez Feijóo afirmou que levaría a cabo políticas de austeridade pero sen reducir os orzamentos de sanidade, educación e servizos sociais. Mentiu dobremente: estes departamentos son os máis atacados polas súas actuacións mentres que, durante o seu mandato, a débeda de Galicia medrou o triplo que co goberno bipartito. En 2009 a débeda autonómica equivalía ao 7,7% do PIB. Nos tres últimos anos a débeda medrou de 4.282 a 7.381 millóns de euros. Isto representa un incremento de 3.099 millóns de euros na débeda, que equivale xa ao 12.8% do PIB (5 puntos por enriba do herdado). En resumo, os tres anos de suposta austeridade e solvencia económica do actual goberno da Xunta tradúcense nun incremento da débeda en máis de 1.000 millóns de euros por ano. Os tres anos de suposta austeridade e solvencia económica do actual goberno da Xunta tradúcense nun incremento da débeda en máis de 1.000 millóns de euros por ano A pregunta que xorde é ven sinxela: como é posible que aumente a débeda autonómica a pesares dos tremendos recortes que están a sufrir os servizos públicos e os cidadáns? Obviamente porque hai menos ingresos pero tamén porque as decisións deste goberno non conducen ao aforro público senón ao desvío de diñeiro público a mans privadas, utilizando todos os mecanismos posibles dentro da legalidade vixente. Di Antón Baamonde, no seu libro A derrota de Galicia, que "no goberno galego senta xente firmemente partidaria da identidade, pero non da galega, precisamente". Tamén podemos afirmar que temos uns dirixentes públicos que non cren no sector público ao que agreden de xeito sistemático e procuran debilitar progresivamente, transferindo orzamentos e funcións a mans privadas. O Partido Popular afirma que a xestión privada é mellor que a pública. Por iso o goberno de Núñez Feijóo contratou a empresa Eulen (da que é apoderada a súa irmá Micaela) para realizar a atención telefónica e xestión da documentación das persoas afectadas polas preferentes. Para poder adxudicar directamente (sen concurso no DOG) a Xunta dividiu o servizo aos afectados por provincias, para que non superase o límite económico estabelecido. Este proceder xa o realizou esta Xunta noutras ocasións en relación coa mesma empresa. O grupo Eulen tamén conseguiu que o concello da Coruña (presidido por Carlos Negreira, compañeiro e amigo de Núñez Feijóo) lle adxudique a xestión da rede de bibliotecas da cidade por máis de dous millóns de euros, sen que tivese ningunha experiencia previa neste tipo de actividade (até o de agora era requisito indispensable para poder presentarse a concurso). O grupo Eulen tamén conseguiu que o concello da Coruña lle adxudique a xestión da rede de bibliotecas da cidade por máis de dous millóns de euros, sen que tivese ningunha experiencia previa neste tipo de actividade Chegounos esta información durante o mes de agosto mentres o presidente gozaba das súas merecidas vacacións en Póvoa de Varzim, localidade do norte de Portugal moi coñecida polo seu casino. Alí foi parado por un garda de tráfico por exceso de velocidade. Despois dunha discusión accedeu a pagar a sanción correspondente. O presidente galego tamén tivo tempo, durante o descanso estival, para xantar nun restaurante da Estrada con Rajoy, Louzán, Jove (ex-propietario de Fadesa) e varios alcaldes da zona. Aínda que acudiron nos coches oficiais foi unha xuntanza informal, fora de axenda. Non transcendeu nada sobre o tratado nese encontro. Non sabemos se falaron de servizos públicos ou de negocios privados. Se cadra era unha celebración gastronómica e só louvaron a calidade das viandas. Quen sabe? Ou estarían a falar, por un casual, do próximo adianto electoral? |
NOS_13249 | O secretario xeral, Breogán Riobóo, sinalou en comparecencia de imprensa que AGE foi unha experiencia "positiva" mais rexeita que se artelle unha outra "sopa de siglas" para as eleccións estatais. | Podemos non rexeita a opción dunha maré galega de cara ás eleccións de novembro ao Parlamento español segundo sinalou o seu secretario xeral en Galiza esta cuarta feira. Porén, coida que Xosé Manuel Beiras e Yolanda Díaz, as persoas que lanzaron esta proposta durante a campaña das municipais, "non son os que teñen que propor unha maré galega". Así de taxativo se amosou Riobóo e segundo as declaracións recollidas pola axencia de noticias Europa Press, en relación coa idea de que as forzas políticas que confluíron en AGE se sumen a Podemos nunha candidatura unitaria de cara aos comicios de outono que Rajoy prevé convocar para o 22 ou 29 de novembro. Para o secretario xeral de Podemos a idea dunha maré debe ser promovida pola "xente" e non por "Beiras, Yolanda, Breogán". "Non son as organizacións as que teñen que marcar estes tempos", afirmou ao tempo que asegurou que AGE, embora xerar "ilusión", "non era a necesidade real que tiña o pobo galego" ao se tratar dunha "coligazón de siglas". Unha fórmula que para Podemos non debe repetirse. |
NOS_40366 | O alaricano conta con opcións no Mundial de Ostende | O ciclismo galego ten mañá unha cita coa historia, pois por vez primeira un corredor do país podería pisar o podio dun Mundial, ou mesmo chegar a facerse co triunfo final, esperanzas que recaen nas pernas do rei do ciclocrós patrio, o alaricano Iván Feijoo, que ás 13.30 horas tomará a saída no circuíto belga de Ostende. O tricampión de España avala a súa candidatura cun resultado de peso: o terceiro posto asinado hai dous meses na Copa do Mundo de Tabor, e agora, no seu terceiro e último Mundial como Sub-23, Feijoo pretende superar o resultado obtido o pasado ano 2020 en Dübendorf (Suíza), onde foi o sexto clasificado. O corredor do Nesta-Skoda Alecar considera que "a forza e a técnica serán chaves", e que chega a esta competición "ben de sensacións, e estando moi motivado despois dunha tempada tan boa, así que espero poder mellorar o resultado do ano pasado ou, polo menos, estar na loita por conseguilo". Sobre o peculiar circuíto no que se desenvolverá o Mundial, Iván Feijoo apunta que, efectivamente, este é "un pouco diferente aos doutros anos por ese sector que ten na praia". A principal característica do circuíto de Ostende, que posúe 2.900 metros de lonxitude, é que conta con dúas zonas completamente diferenciadas unidas por unha gran ponte, que ten 135 metros de longo e unha pendente do 21% por cada un dos seus lados. A saída efectuarase desde o sector instalado sobre o hipódromo, que conta cunha superficie que está maioritariamente poboada por herba, e a través da citada ponte os participantes accederán ao tramo deseñado sobre a praia, sen dúbida o de maior dificultade, que conta con máis de 550 metros de lonxitude. Unha vez completado este, os ciclistas volverán ao hipódromo para afrontar a parte final do trazado antes de atopar a meta. Compatibilizando o deporte cos estudos Para preparar a cita máis importante da temporada, Feijoo concentrouse durante esta semana co combinado estatal en Altea. O ciclista galego foi o último en incorporarse a esta convivencia en terras alacantinas, debido a que tivo que cumprir cos seus compromisos académicos na Facultade de Medicina de Santiago de Compostela. O de Allariz terá como compañeiro de selección en Ostende o catalán Jofre Cullell. O máximo responsábel do combinado estatal, Pascual Momparler, ten claro que "este é o equipo máis interesante co que temos contado nos últimos anos, e calquera dos nosos dous Sub-23 (Feijoo e Cullell) poden soñar con facer algo grande". Por outra banda, e aínda que non contará con representación galega, a carreira feminina tamén dispón de moitos alicientes para as amantes deste deporte. Programada para mañá domingo ás 13.30 horas, unha vez que remate terá lugar a proba masculina Elite, prevista concretamente para ás 15.10. A Elite feminina, pola súa banda, será ás 15.10 horas de hoxe. As carreiras na categoría Elite poderán seguirse pola canle de televisión Eurosport, mais lamentabelmente a categoría masculina Sub-23, na que compite Iván Feijoo, non será emitida. Xa que logo, a única alternativa para seguir a proba en tempo real serán as canles de comunicación da Real Federación Española de Ciclismo (RFEC) e o cancelo en Twitter #TeamESPciclismo. |
NOS_33435 | Entran en vigor as restricións en Estonia contra a cidadanía rusa o mesmo día que o secretario xeral da ONU se reúne cos presidentes de Ucraína e Turquía. Ao tempo, Moscova ofrece probas de que non contan con armamento pesado na central nuclear de Zaporiyia. | António Guterres, secretario xeral da Organización das Nacións Unidas (ONU), Recep Tayyip Erdogan, presidente de Turquía, e Volodimir Zelenski, mandatario ucraíno, reuníronse onte en Leópolis, no país eslavo, para abordar o desenvolvemento da guerra. O líder de Ancara reiterou a súa dispoñibilidade de exercer como intermediario para conseguir un alto o fogo, despois de auspiciar xunta a ONU as conversas que permitiron alcanzar un acordo para exportar o gran ucraíno polo mar Negro. Arredor desa cuestión, o Ministerio de Defensa do país sinalou que 622.000 toneladas de cereais saíron desde eses portos no último mes, desde que foi asinado o pacto. Pola súa banda, Zelenski puxo o foco en que Rusia "debe retirarse do territorio da planta de enerxía nuclear [de Zaporiyia]" para garantir a seguridade nuclear. Non obstante, Kiev recoñeceu ter bombardeado a central en múltiples ocasións nas últimas semanas, xustificándose en que Rusia a convertera nunha base militar desde que tomou o control da zona a comezos de marzo. Nese sentido, o Ministerio de Defensa ruso, que convidou en distintas ocasións tanto a Guterres como o Organismo Internacional de Enerxía Atómica (OIEA) a visitar a planta, insistiu onte en que "non dispoñemos de armas pesadas no complexo da central e as zonas adxacentes, alí só hai unidades que se encargan da seguridade". Asemade, fixo fincapé en que Kiev busca "unha ruidosa provocación" para acusar Rusia do accidente nuclear. O titular do Ministerio, Sergei Shoigu, comunicou a Guterres que están preparados para amosar á ONU e á OIEA imaxes en alta resolución da central, que demostran que non conta con armamento militar. "Todo o continente europeo é refén" da "chantaxe nuclear" ucraína, ratificou a voceira de Asuntos Exteriores, Maria Zajarova. Restricións contra Rusia Amais, onte entraron en vigor as restricións de Estonia contra a cidadanía rusa, que implican que xa non se emitirán visados e que queda prohibida a entrada ás persoas que xa tiñan una visa emitida por motivos turísticos, deportivos, culturais ou de negocios. Pola contra, poderá entrar quen teña unha visa doutro Estado do espazo Schengen. En Finlandia, o Ministerio de Defensa fixo pública a apertura dunha investigación preliminar para determinar se dous avións militares rusos violaron o espazo aéreo finlandés na área da cidade de Porvoo, perto da fronteira con Moscova. |
NOS_43756 | Os axentes puideron comprobar que este tipo de agresións eran habituais por parte do detido, aínda que a súa parella nunca o denunciou. | Axentes da Policía Local de Vigo detiveron un home de 42 anos de idade, J. H. G.M., natural de Madrid, como presunto autor dun delito de violencia de xénero, tras increpar e morder no pómulo á súa parella en plena rúa. Segundo informaron fontes policiais, os feitos ocorreron na madrugada deste domingo nunha zona de copas da cidade, cando unha patrulla de Seguridade Cidadá observou dous homes discutindo acaloradamente. Ao se achegar a separalos e identificalos, os dous aseguraron que non pasaba nada, e que simplemente tiveran unha discusión por discrepancias como consecuencia dunha situación vivida cunha moza. Tras esta intervención, os axentes permaneceron pola zona e puideron comprobar que un dos homes que fora identificado dirixíase a unha muller, á que estaba a increpar. Os policías volveron intervir e entrevistáronse coa moza. A muller explicou que tiña unha relación sentimental con ese home e que, pouco antes e por unha cuestión de ciumes, iniciouse unha discusión entre ambos os dous no transcurso da cal, el mordeulle no pómulo dereito. Os axentes puideron comprobar que este tipo de agresións eran habituais por parte do detido, aínda que a súa parella nunca o denunciou.Polos feitos ocorridos esa madrugada na rúa foi detido como presunto autor dun delito de violencia de xénero. No ano da pandemia medraron as denuncias por violencia machista, mais o medo ao agresor provoca que só cheguen á vía xudicial 22% dos episodios machistas. Desde 2003 foron asasinadas 65 galegas polas súas parellas ou ex parellas sentimentais. Aliás, unha de cada tres galegas asegura ter sufrido algún tipo de violencia machista ao longo da súa vida. Catro de cada mil mulleres galegas denunciaron en 2020 seren vítimas de violencia machista en calquera das súas formas —física, sexual, emocional ou sentir medo—. |
NOS_18214 | Segundo Novas da Galiza, tamén existen fotografías comprometedoras de Mariano Rajoy. | As especulacións sobre a orixe da filtración das imaxes de Feijóo co narco Dorado estar no propio PP disparáronse desde o mesmo momento en que as fotografías viron a luz pública, nas páxinas de El País. Agora, Novas da Galiza atribúe ao baltarismo a filtración das instantáneas. E a cousa non fica aí: o sector crítico con Feijóo posuiría tamén fotografías comprometedoras de Rajoy na compaña de persoas vinculadas ao tráfico de tabaco. As fotografías de Feijóo co narco Dorado son unha arma de groso calibre na guerra interna que abala o PP. De acordo coa información que manexa Novas da Galiza, estariamos ante un mísil que o baltarismo guinda contra Feijóo, a quen se vincula co Opus Dei vía o seu padriño político de toda a vida, Romay Beccaría. En círculos xornalísticos madrileños tense tamén barallado a hipótese de a filtración ter sido feita quer polas contornas de Esperanza Aguirre quer polas de María Dolores de Cospedal. Novas de Galiza nomea Xesús Palmou, ex conselleiro de Xustiza, como o artífice do aparecimento en público das imaxes. Tamén outorga protagonismo na trama filtradora ao xuíz Taín e lembremos nese sentido que o maxistrado deixou en mal lugar a Feijóo cando revelou que este mantivera a relación con Dorado a unha altura tan serodia como o período 2001-2003 (en contradición co afirmado en primeira instancia polo presidente da Xunta, quen categoricamente afirmara que rachara todo contato co narco en 1998). Feijóo desbotou en todo momento a compañeiros do seu partido como orixe da filtración (tampouco podía facer outra cousa) e esforzouse desde o principio en que as sospeitas se dirixisen cara a Pachi Vázquez, o autor da frase "Feijóo e o narcotráfico están aí, aí". |
NOS_27651 | A tesoirada nas partidas de políticas activas de emprego desde a chegada de Núñez Feijóo ao goberno até agora é do 55%. Paralelamente, e nese mesmo periodo (2009-15) o paro en Galiza aumentou un 65%. | Cando Núñez Feijóo tomou posesión en abril de 2009 como presidente da Xunta o paro rexistrado en Galiza era de 162.700 persoas e os orzamentos para políticas de emprego dese exercicio contemplaban un investimento de 421 millóns de euros. Cumpridos xa seis anos de goberno de Feijóo en Galiza, o desemprego rexistrado anda nas 276.000 persoas -un incremento do 65% desde 2009-. E os cartos que se van destinar neste 2015 a políticas activas de emprego son 193 millóns de euros, unha tesoirada considerábel. Un recorte do 55% nos orzamentos que procuran facilitar inserción laboral nos momentos en que máis o precisan ducias de milleiros de galeg@s. Os dados reflicten, para o grupo parlamentar socialista, a prioridade desta Xunta, á que tamén lle reprochou que deixase en 2014 o 31% do orzamento da Consellería de Traballo sen executar, por volta duns 85 millóns de euros. Nunha iniciativa parlamentar, acusaron o goberno popular de ser responsábel desde a súa chegada ao poder en 2009 de que a poboación activa caese en Galiza en 180.000 persoas. En 2014 o 31% do orzamento da Consellería de Traballo ficou sen executar, por volta duns 85 millóns de euros" Medio cento de empregos xuvenís menos ao día Nese mesmo período (2009-15) produciuse a destrución de 80.000 empregos xuvenís, o que supón unha media de 45 cada día. Un dado preocupante que aínda se completa coa media de 13.000 mozos que cada ano abandonan Galiza. |
NOS_1713 | O desexado desconfinamento descóbrenos paisaxes coñecidas que se presentan novas, cheas de luz no solleiro da liberdade recuperada. Nesas paisaxes, neses ecosistemas sostidos por forzas miúdas de valor universal aniñan, crían, voan e nadan estes animais obxecto de lenda, sabedoría e relato na intrahistoria da explicación ao inexplicábel en tempos pasados. Os animais salvaxes como corpo para os conflitos, amores, sucesos históricos e explicacións climáticas de todo aquilo por onde voltamos a pasar os ollos na saída do fogar. Sermos Galiza fala con tres expertas no natural –e no romance biolóxico da lenda– arredor da convivencia e historias cos animais que poboan a Galiza. | Na súa novela En salvaxe compaña (Xerais, 1993) o escritor coruñés Manuel Rivas debuxa unha trama onde os animais dunha pequena vila son, en realidade, os portadores de ánimas tan variadas como un sacerdote de talante cruel e autoritario, Don Xil, que despois de morrer pasou a ocupar o corpo dun rato, como o seu camarada Matacáns; ou Arturo de Lousame, gaiteiro e anarquista convertido en gato detrás dos ratos. Unha xustiza poética elaborada con mestría por autores como o propio Rivas ou, no medio do século XX, o escritor da oralidade, Ánxel Fole, que beben dunha tradición ancestral na nosa terra: o vencello dos animais da contorna con tramas, explicacións e lendas que se remontan á mitoloxía, a personificación neles da tradición e da maxia do conto. Disto coñece ben Antón Reigosa, escritor, etnógrafo, investigador e experto en arte, historia e mitoloxía popular, autor de libros como Galicia encantada. O país das mil e unha fantasías (Xerais, 2014) e o recente Guía de campo da Galicia encantada. Dos seres míticios e dos lugares que habitan (Xerais, 2020). "A tradición é algo moi vivo no presente. Hai 50, 100, 200 anos estas historias contábanse moito porque formaban parte da vida da xente que vivía nun medio rural con máis conexión cos animais, daquela era o normal". O etnógrafo sinala unha interdependencia entre os animais e os humanos desde o comezo dos tempos cunha observación dos segundos sobre os primeiros que fixeron dos animais seres con comportamentos "arquetípicos" que deron lugar á inventiva: "Aquí os animais da simboloxía son claramente os do contexto, quer silvestre quer domesticado. Temos abundancia nos silvestres: raposos, lobos, osos… pero teñen distintas funcións no que serían a fábula ou conto". Reigosa sinala como depende do animal salvaxe do que esteamos a falar atoparmos un perfil ou outro. Porén, el decántase por dous animais en concreto: "Os papeis protagonistas lévanos o lobo e o raposo, con roles moi ben definidos. O lobo é o animal grande, caracterizado como negativo, no conto aparece como un ser pampo, non moi intelixente. O raposo, nunca mellor dito, ten un comportamento moito máis raposeiro, o dun animal pequeno que burla os problemas con intelixencia e con astucia. Iso transmítelle a quen escoita que aínda que non sexas moi forzudo, se tes intelixencia sempre podes gañar con algunha maña máis ou menos discutíbel". Aí sinala Reigosa un dos factores máis destacados dos contos populares protagonizados por animais, a ensinanza da realidade e, tamén, de valores que rozan, como ás veces na literatura, a xustiza poética máis biolóxica: "Esa máxima aplícase nos contos de animais sempre. Cando o enfrontamento é dun raposo cun animal máis pequeno ou débil, como a galiña, gaña o feble". Estes valores transmitidos, explica o experto, transforman e modulan a nosa ollada sobre os nosos compañeiros de mundo, con animais como o lobo, retratados como sanguinarios e inseridos na cultura popular como "criminais": "Por iso hai no subconsciente eses prexuízos contra o lobo, xa que se considera agresivo contra o home. Ademais, ten esa capacidade para hipnotizar e cativar coa mirada… No mito o lobo é perigoso". Tamén outros animais como o oso ou o cuco, "cunha mitoloxía inmensa, capaz de anunciar os anos que vas vivir, se dormes ou non dormes, cando vas casar, onde pon o ovo…", abundan no relato popular que descubrimos achegando o oído ás voces da terra. Mais, como en todo, o ollo humano que conta o conto obsérvaos en función das necesidades que obtén desas mesmas especies, como os osos, as abellas ou outro tipo de insectos: "O oso quedou moi diluído na memoria porque, agás na zona oriental, que parece que agora se recupera algo, practicamente desapareceu. Os osos que deron orixe á toponimia foron exterminados. A abella, por exemplo, é importante xa que achega mel, pero os abellóns nestas historias importan ben pouco, pois para os ollos da lenda non tiñan nada útil. Logo temos o saltón, ou as moscas, que cando aparecían en invasión enorme botábaselles a culpa ás meigas por facer aquelarres co demo". O escritor sinala tamén no mundo relacionado coa morte, coa maxia, a animais como os cabalos, que representan as ánimas dos defuntos, ou as dos cans brancos "que, segundo a tradición, veñen reparar males neste mundo". Reigosa non dubida en defender a valía desta imaxinación transmitida polo boca a orella: "É un arquivo cultural enorme. Estas historias tratan de representar o conflito na vida. Cando se fala de fillos ou de crías, por exemplo, sempre se recoñece o afecto, e se non se fai é que se quere resaltar o comportamento violento desa especie en concreto, mais debemos lembrar que son historias creadas en épocas de fame e penurias por conseguir alimento", recalca o experto. Cosme Damián Romay está afeito a ollar a beleza do miúdo. Este biólogo, consultor e educador ambiental forma parte do grupo naturista Hábitat, colectivo naturista que traballa no medio natural da Coruña. Este colectivo elaborou o Mapa da Diversidade Biolóxica da Coruña, un atlas de vida onde se recolleron máis de 600 especies de flora e fauna que contribuíu á declaración formal de ENIL (Espazo Natural de Interese Local) da contorna da Torre de Hércules en xaneiro do 2018, o que se fixo oficial desde xaneiro deste 2020. Os arredores do faro son uns dos espazos galegos con máis concentración e variedade de fauna e flora en auga, terra e aire, o que fai deles unha riqueza, sostén Romay, a defender, preservar e coñecer. Este biólogo, ademais de observador da beleza biolóxica, recolle diversas lendas "sen fundamento científico ningún, obviamente", mais que forman parte do relato colectivo da zona con "especies curiosas na toxeira litoral, pequenas plantas, aves nidificantes que crían alí, como o chasco ou chaschás, un muscicápido máis pequeno ca o pardal, o macho ten unha cabeza negra e o pico de cor alaranxada, mentres o da femia é castaño", conta. "Hai arredor del e do pimpín unha lenda da época de Herodes. Un dos factores máis destacados dos contos populares protagonizados por animais, a ensinanza da realidade e, tamén, de valores que rozan, como ás veces na literatura, a xustiza poética máis biolóxica: "Esa máxima aplícase nos contos de animais sempre. Cando o enfrontamento é dun raposo cun animal máis pequeno ou débil, como a galiña, gaña o feble". Estes valores transmitidos, explica o experto, transforman e modulan a nosa ollada sobre os nosos compañeiros de mundo, con animais como o lobo, retratados como sanguinarios e inseridos na cultura popular como "criminais": Cando Herodes entrou a Nazaret buscando o Belén para matar o neno Xesús, ao parecer preguntou a un pimpín se vira o nacemento do neno nun portal perdido. E díxolle o paxaro: 'pimpín, por alí non o vin'. Porén, o chaschás, que quería axudar a Herodes, dixo 'chaschás, por alí ben vas'", engade Romay. El mesmo sinala, como Reigosa, o comportamento que este tipo de lendas xerou mesmo nas crianzas: "Provocou unha inxustificada animadversión que fixo que os nenos, por exemplo, xogasen á billarda cos ovos da especie". Apunta o biólogo o perigo non só da desaparición do relato, senón do paxaro de seu debido á acción humana: "Antes xogaban á billarda, mais hoxe vense afectadas por pesticidas e queimas incontroladas. No ecosistema da Torre de Hércules tamén polas segas. Os chaschás viven na toxeira, mais aliméntase dos insectos da herba e ao segala diminuíu a biomasa, o alimento desta especie. Desde Hábitat propuxemos segas sustentábeis, por parches, que roten e pivoten sobre zonas que non se tocan durante dous anos, o que provoca que a planta teña diferente altura e haxa máis insectos". Romay tamén recolle historias arredor das habitantes que lle poñen cor ao ar, as bolboretas, das que a Torre de Hércules "ten un dos maiores catálogos, o do entomólogo Eliseo Fernández Vidal". O educador ambiental destaca que Hábitat recolleu na zona máis de 400 especies, arredor das cales hai lendas como a de que, dependendo da cor da bolboreta que veña á casa "poden ser boas ou malas noticias; se son brancas significan boa sorte, bo augurio, e ao revés se son escuras. Tamén se di que cando entran de noite e están a berrar os corvos significa morte, unha tradición probabelmente precristiá". Os corvos, concretamente os de Xallas, que tamén fan aparición na novela de Rivas sinalada ao comezo, teñen a súa propia historia: "Pondal definiunos como feros corvos de Xallas, da Galiza das costas ártabras. Teñen unha lenda de mal augurio, que anuncian a morte. Os corvos posúen importancia nos relatos escandinavos, eran os que protexían o rei Odín, logo gardiáns da Coroa. Isto arrinca xa de lendas precristiás da illas Británicas. Hai tamén historias dependendo da dirección na que voan. Se van cara á esquerda significa que algo vai ir mal, se van cara á dereita, que vai ir ben". Outro exemplo de animal voador con lenda baixo as ás témolo os paíños, "unha ave de pequeno tamaño, poucas ducias de gramos de peso, máis pequeno ca un estorniño, que soporta con valentía temporais en alta mar", describe Romay, "está asociado coa chegada do bo tempo. Na costa de Portugal dise que os paíños son as almas dos mestres mariñeiros que morreron no mar". Se o lobo chega ás poboacións, sosteñen estes novos contos, é porque a Xunta os bota ou a Administración prohibe a súa caza. Precísase unha referencia culpábel da situación. "O que máis me chama desta zona son os amenceres e os solpores, hai oportunidade de estar alí en completa soidade, nesta época do ano engádeslle o que chaman os ingleses o morning chorus, o coro do amencer, as aves cantando ao mesmo tempo antes da saída do sol, un día tranquilo sen moito vento e ves como se tingue a paisaxe cos raios solares, como muda a paisaxe vexetal, os liques que cobren as pedras". Antonio Sandoval goza dos amenceres e solpores arredor do Faro de Breogán. As historias que narra xa non son tanto de lenda, sostén, senón de deleite no voo das aves e o seu comportamento. Este escritor, comunicador ambiental e ornitólogo é autor de A Torre (Kalandraka, 2019), un libro onde redescubrimos a paisaxe da man dos seus habitantes máis presentes e agochados, os que se atopan, como noutros puntos da xeografía galega, nas primeiras saídas despois do encerro. Sandoval destaca dúas especies: "unha é o falcón peregrino, cun exemplar que emprega a Torre de Hércules como atalaia, que captura estorniños ou pombas domésticas. Téñoo visto alí xusto ao pé do fanal. Mesmo se poden atopar ao pé da Torre. Outra é a lavandeira marela, unha especie pequena de paxaro, de cores amarelos, anteface agrisado, moi bonita, que vén de pasar o inverno en África". Nos nosos días a convivencia e o relato seguen indo da man. Sostén Antón Reigosa que, onde antes a explicación á incógnita eran as meigas ou o demo, hoxe colócanse a Xunta e a Administración pública: "As lendas chegan aos século XX co antigo ICONA (Instituto para a Conservación da Natureza) ou hoxe mesmo coa Xunta. Isto entronca coa longa tradición histórica de procurar un culpábel, a mitoloxía sempre busca un culpábel, unha causa, un inimigo a combater". Na moderna, remata Reigosa, entra a Administración como ente causante de problemas, e a tecnoloxía como final do mito: "Se o lobo chega ás poboacións, sosteñen estes novos contos, é porque a Xunta os bota ou a Administración prohibe a súa caza. Precísase unha referencia culpábel da situación. Lembro aquilo que se contaba dun gaiteiro que subía unha serra e tiña que botar man da gaita para espantar o lobo e, así, esperar a que amencera, xa que, segundo o relato, o lobo non ataca de día. Ese tipo de lenda si desapareceu porque o gaiteiro, se cruza a serra, faino en coche". |
NOS_28370 | Afastado de modas, cultivador dun verso coidado, autor dunha obra que abrangue o traballo de máis de catro décadas, Millán Picouto (Ourense, 1949) dille adeus á escrita coa publicación das súas obras completas O macrocosmos (Linteo), un volume de máis de 1.200 páxinas que contén as trinta e tres pezas dunha obra dramática ambiciosa e coidadosamente planificada e seis libros de poemas. | —Coa edición deste libro anuncia que se retira. Si, efectivamente esta é a obra completa e definitiva. Todo o que tiña que dicir, que era moito, está dito. Agora xulgarán as lectoras e os lectores sobre a súa calidade. O meu plan foi, desde o principio, facer alta poesía e gran teatro. E non haberá máis. —Son trinta e tres obras dramáticas e seis obras líricas, máis de 1.200 páxinas de escrita. A súa obra dramática está planificada, foi escribíndoa en ciclos que se corresponden con simboloxías que vertebran a súa visión da realidade. A simboloxía dos planetas, si. As obras escritas nos últimos seis ou sete anos -que son seis- son as pertencentes ao ciclo de Urano, as verdadeiras novidades. Mais tamén hai outras. Hai polo menos dous libros novos de poemas. E varias revisións e perfeccionamentos de obras que xa se coñecían. Uns oitenta e mil versos, calculo. —Son obras que teñen unha enorme ambición e que requiren de certa concentración. Eu procurei sempre ser comprensíbel para as persoas que me len, igual que fun coidadoso, ao escribir para o teatro, con que as obras se puidesen realizar nun escenario. Varias desas obras teñen música escrita por min e un aparato escénico complexo, pero creo que son comprensíbeis para calquera. Se ti agora colles trinta versos de Shakespeare e trinta meus, é probábel que haxa máis recursos estilísticos e máis elaboración lingüística nos meus versos. Dígoo sen modestia e sen orgullo, porque é cuantificábel. Agora ben, iso impide que unha lectora ou un lector que gusten da poesía dramática se acheguen a eles? En absoluto, nunca encontrei a ninguén que os considerase difíciles. A mitoloxía e a historia ofrecen argumentos que poden ter un alto valor simbólico —Referíame á ambición temática: abranguen desde a mitoloxía grecorromana á nórdica, de Prisciliano a María Soliña, do ciclo artúrico ao Xapón feudal, da Islandia viquinga á illa de Pascua... O título Macrocosmos acáelle ben. A obra ten que facer honor ao título. O que ocorre é que a mitoloxía e a historia ofrecen argumentos que poden ter un alto valor simbólico. Son obras escritas durante moitos anos e tamén reflicten unha experiencia de vida. Escribo sobre a traxedia de Lumumba -un dos grandes conflitos da descolonización na década de 1960- e sobre a morte de Berta Cáceres -a ambientalista e feminista hondureña asasinada en 2016. Non hai un cultivo da antigüidade por ela mesma: ese título, macrocosmos, esixe moito. —E é un teatro en verso, algo que hoxe pode lle parecer un anacronismo a moita xente. Esa vontade estilística levou a esa escolla de escribir todas as obras en verso? Non hai poesía sen algún tipo de regularidade. Considero que o verso con rima continuada entorpece a lectura e mesmo molesta ao ouvido actual. Isto xa foi tratado por Milton no século XVII, cando publicou o Paraíso perdido. A rima non é imprescindíbel. Mais si que hai un verso que lle cómpre ao teatro que é o empregado, por exemplo, polos autores clásicos ingleses. O pentámetro iámbico, o que nós chamamos hendecasílabo, permite expresarse con elegancia, facer voar a dicción e, ao mesmo tempo, non só non molesta ao ouvido, senón que resulta moi agradábel. Un dos problemas que ten a prosa é que non é precisa, non é estrita, permíteche acabar onde queiras. Porén, o verso, en escena, dálle máis sonoridade ao teatro e tamén máis concisión. O poeta dramático está obrigado a axustarse a unha medida determinada. Isto, obviamente, vale tamén para o galego, que para min é unha das linguas máis eufónicas de todas as neolatinas, e permite unha variedade rítmica extraordinaria. Isto aínda non ten sido explorado, e por iso quixen empregar o maior número de formas posíbeis. Mais sempre, ollo, preservando o pracer do lector e do espectador, sen complicalo. —Tamén ten unha inxente obra musical, ás veces escrita para os seus textos dramáticos e ás veces para recrear outras voces. Si, desde Martinho de Xinzo até Rosalía. Esas partituras tamén se publicaron este ano á par destas obras completas. As nosas instancias políticas non lle dan importancia ao teatro: por que? Porque o teatro, polo simple feito de estar en galego segue a ser un acto reivindicativo. E non hai lugar onde unha lingua brille tanto coma no teatro —As súas obras apenas foron representadas. É algo que lles sucede a case todos os autores que non teñen unha posición activa no mundo teatral, que non traballan cunha compañía ou que non están relacionados directamente coa escena. Primeiro está a cuestión da época: parece un tópico falar do tempo presente -seguramente hóuboos peores noutros aspectos- pero vivimos unha época na que hai un fluxo de barbarie, na que non se lle dá importancia á cultura. Non se elevou o nivel do público: non aumentou o número de xente que vai ao teatro, nin o que le libros... Veño agora de Toronto, unha cidade de tres millóns de habitantes e con máis de trescentas bibliotecas. Unha biblioteca por cada dez mil habitantes. A cidade de Ourense ten unha biblioteca para os seus cen mil habitantes. Logo, as nosas instancias políticas non lle dan importancia ao teatro: por que? Porque o teatro, polo simple feito de estar en galego segue a ser un acto reivindicativo. E non hai lugar onde unha lingua brille tanto coma no teatro, o teatro fíxose para iso, para desenvolver o idioma coa maior brillantez. En consecuencia, esas instancias non queren que o teatro galego sexa bo e teña éxito. En realidade, están en contra de promovelo e protexelo. E a sociedade ten que entender que igual que é preciso dedicar un diñeiro á sanidade ou á educación, hai que dedicarlle algo a realizacións culturais que teñen uns custos que non pode afrontar a iniciativa privada. E finalmente, está o tema da difusión e da percepción dunha obra literaria que é lenta, especialmente cando o autor ou autora non están sacrificados á moda, ou que, se cadra, están opoñéndose a valores hexemónicos do tempo no que viven. Esa obra tardará en ser asimilada pola sociedade, será recibida no futuro. Hoxe parece obrigatorio louvar a Shakespeare, pero hai que lembrar que non foi percibido en todo o seu valor até o século XVIII, entrando xa no XIX. —Esa confianza na obra dálle a vostede, sen dúbida, o valor da perseverancia. Hai algún tempo, Raúl Dans comentábame que algúns autores máis ou menos da súa xeración deixaron de escribir teatro precisamente por esa falta de contacto co público: Miguel Anxo Fernán Vello, Xosé Cermeño, Guisan Seixas... Tiña que facer unha determinada obra que era onde me levaba a vocación. Se un nace con esa vocación ten que levala a cabo, e non só mentres pode, senón mentres non expresa todo o que precisa expresar. E ten que facelo da mellor forma posíbel. Creo que moito do que hoxe pasa por poesía non é mais que prosa cortada: non hai nin concentración nin elaboración en absoluto. A soidade a min non me ten atemorizado, a soidade é a que lle permite ao xoieiro ir puíndo unha alfaia. Por outra banda, teño vivido experiencias moi satisfactorias nese sentido. Estreei, por exemplo, O soño do Machu Pickchu no Perú, onde puxeron á miña disposición un dos lugares arqueolóxicos máis importantes de Lima, o complexo Mateo Salado. E alí fíxose a obra como eu cría que debía representarse. Todo isto depende dos lugares, da importancia que se lle dá aos creadores... —Vostede comeza a escribir teatro na época da Mostra de Teatro Abrente de Ribadavia, e coa Agrupación Cultural Auriense, que digamos, é o xermolo de todo o que temos agora. Como cambiou a súa visión do que debía ser o teatro nacional desde aquela até hoxe. Que mudou para ben e para mal? Ben, daquela era preciso dicir moitas cousas que non se podían dicir e que había que dicir. Entón aproveitábase calquera plataforma para dicilo. Pero despois dese momento de urxencia, a arte, a poesía, o teatro, poden concentrarse na profundidade do ser humano, no sentido da vida. Non é necesario xa actuar con aquela inmediatez na reivindicación ideolóxica. Isto non quere dicir que o autor non teña unha ideoloxía ou que non tome partido. Mais o que si ten é unha visión do mundo que debe expresar. De feito, aínda hoxe, facer teatro en galego -e diría máis, escribir en galego con beleza e verdade- segue a ser reivindicativo, como comentabamos antes. Case revolucionario. Estamos sempre acrecentando o acervo galego, que segue sendo unha tarefa para os anos que veñen. Ás veces o teatro non lle dá á palabra a importancia que ten e está mesturado con exercicios puramente circenses. Busca unha comunicación inmediata e confórmase con iso. —Vostede sempre se mantivo á marxe dos círculos literarios e teatrais. Que opina da creación contemporánea? Contestar a iso sería poñerme a facer crítica do que fan os demais e, por outra parte, non podo ver todo. Mais creo que, en xeral, non só no teatro galego senón o que se está facendo no Estado, en Francia, en Alemaña... está moi coutado por un desexo de inmediatez que non é exactamente para o teatro. Refírome a ese desexo de tratar asuntos pretendidamente contemporáneos: creo que o artista debe concentrarse en ponderar o papel da humanidade, no sentido da vida. Ás veces o teatro non lle dá á palabra a importancia que ten e está mesturado con exercicios puramente circenses. Busca unha comunicación inmediata e confórmase con iso. Eu non me conformo con iso. Se les as miñas obras verás que cada unha se desenvolve nun lugar diferente do planeta e que teñen a ambición de abranguer a fauna de Armenia ou a historia da illa de Pascua. Eu creo que fun o primeiro que puxo en escena a linguaxe dos antropófagos da illa de Pascua, que tratou o seu colapso. Que interese ten todo iso? Pois o de analizar como funciona unha sociedade, como os conflitos poden acabar con ela. O teatro actual, porén, actúa con demasiada urxencia. —Mais tamén ten obras que contribúen á creación dun imaxinario nacional, a unha intervención, até certo punto política, como Prisciliano en Tréveris ou María Soliña. Esas obras teñen que ver, certamente, co imaxinario cultural galego, non me atrevo a dicir que colectivo, porque aínda non se perciben así por toda a xente. Iso é certo. Prisciliano, por certo, acaba de traducirse ao alemán, e tamén en verso, e imaxino que se editará nalgún momento. Pero é que iso tamén forma parte desa visión do mundo, obviamente. A miña obra trata de recoller toda a tradición e, ao mesmo tempo, proxectala cara ao futuro. Todo autor ten a obriga de agregar algo ao que o precede. —Vostede xa tratou temas, hai moitos anos, moi de moda agora mesmo, como o colapso ecolóxico. Si, mesmo hai unha serie de sonetos que teñen como tema a preservación da Terra como lugar de habitación do ser humano. A necesidade da cooperación entre os pobos. —Falando de poesía, os seus primeiros libros, Sonetos da lúa chea e o O poema dos Lustros tiveron boa acollida. Mais a partir de aí deixou de preocuparse por publicalos, aínda que agora, nesta obra completa, aparecen un total de seis títulos. Como todo iso tiña un plan elaborado, desde o principio, e estaba en fase de escrita, tampouco me urxía a publicación até que as obras estivesen ben acabadas e que se puidesen publicar tal e como eu desexaba. Nese aspecto, atopar a editorial Linteo, que axiña se abriu á miña proposta e que publicou todo con esmero, foi como abrir unha nova etapa. —Que sente un autor cando pon o punto final, cando decide que xa está dito todo o que tiña que dicir? En realidade é un alivio, un descanso. A creación dunha obra desta envergadura -no sentido da cantidade, a calidade ten que ser xulgada por xente allea a min mesmo- é un gran traballo e esixe unha gran concentración de enerxía. Ás veces un desatende a vida cotiá, e mesmo, até certo punto, as persoas que conviven con un, por seguir esa chamada da creación. A poesía é moi absorbente. E cando se trata de poesía dramática aínda o é máis, porque o que escoitamos son voces que urxe trasladar ao papel, porque son voces que están en conflito. Así como vemos aos toliños que van falando sos polas rúas, o autor dramático tamén é un toliño non recoñecido que vai discutindo con esas voces. —E remata cunhas páxinas de aforismos e pensamentos. Si, entresacados de obras dramáticas, pensamentos de personaxes que eu referendo, porque non creo que todos os personaxes teñan discursos con valor xeral. Pero moitas veces si que o teñen. Pensamentos sobre o sentido da vida, sobre o papel do sufrimento... E, curiosamente, a maioría deses pensamentos que comparto, proceden de personaxes femininas. Non quero adular agora ao xénero feminino, mais si que me decatei agora de que, inconscientemente, as cousas que se din nas miñas obras e que eu creo que teñen validez universal proceden de personaxes femininas. Detrás desta obra hai unha filosofía, só que eu a expreso a través da linguaxe lírica. Filosofía e poesía están unidas pola linguaxe, como observaron Wittgenstein ou por Heidegger. É a linguaxe a que temos de máis precioso, o que nos conforma como humanos. |
NOS_8169 | A lei do Parlamento galego que procura a transferencia das competencias da autoestrada AP-9 do Estado á Galiza pasou a súa primeira proba no Congreso dos Deputados. O traspaso do viario é de lonxe unha reivindicación do Parlamento galego, mais atopou dúas veces o veto do Goberno español de Mariano Raxoi. | A autoestrada do Atlántico está máis perto de ser galega. A Lei orgánica de transferencia da titularidade e competencias da AP-9 á Galiza foi tomada en consideración polo Congreso esta terza feira, 2 de febreiro, co voto favorábel de todos os grupos, salvo Vox. Previamente presentáranse tres propostas co mesmo fin, que foran aprobadas por unanimidade no Parlamento galego. A primeira foi en 2016, a partir dunha iniciativa lexislativa promovida polo BNG, e que resultou vetada polo Goberno de Mariano Raxoi, impedindo que o debate chegase ao pleno do Congreso, ao igual que aconteceu en 2017 co novo acordo subscrito por todos os grupos da Cámara Galega. Finalmente a proposta tomouse en consideración en 2018, mais o trámite non puido continuar ao pór fin á lexislatura o presidente Pedro Sánchez e convocar eleccións. A AP-9 está no albo da crítica logo de que o 1 de xaneiro subiran as peaxes 0,92%, cando, excepto noutros dous viarios do Estado, en todos baixaron os prezos. Seguen as portaxes? A transferencia da AP-9 non implica a rebaixa das portaxes, xa que o contrato coa concesionaria non remata até 2048. Porén, si axiliza que se leven a cabo bonificacións e mesmo posíbeis supresións ao ser a Administración galega quen poida negociar e decidir esas medidas directamente, en lugar do Estado. Con todo, polo de agora, aínda están pendentes de aplicarse as bonificacións e descontos contemplados nos Orzamentos Xerais do Estado para 2021, un compromiso que o PSOE selou co BNG no acordo de investidura, e que implican descontos para usuarios recorrentes, gratuidade do tramo Vigo-Redondela e a asunción polos orzamentos do incremento de tarifas acumulativo durante 20 anos. Os orzamentos do Estado computan 54,9 millóns de euros para este fin. Quen pagará os descontos? Pódese pensar que se nos vindeiros anos a Xunta decidise aplicar rebaixas nas portaxes serían as galegas e galegos quen cargarían cos custos de compensar a concesionaria a través das arcas públicas. Mais non tería que ser a Xunta senón o Estado quen aboase, xa que a proposta do Parlamento sinala que "a Administración Xeral do Estado conservará ao seu cargo, con respecto á sociedade concesionaria da autoestrada AP-9, as obrigas con repercusións económicas e financeiras derivadas da aplicación da concesión en vigor que fosen motivadas por modificacións adoptadas no período en que tivo a competencia". O debate no Congreso Para a defensa do traspaso acudiu ao Congreso unha delegación do Parlamento galego, composta polo deputado do PP, Diego Calvo; a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón; e o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, que se dirixiron ao hemiciclo para solicitar o voto a prol da admisión a trámite da proposición de lei. Calvo asegurou que "a Xunta pode xestionar a AP-9 de maneira máis eficiente que o Estado" e remarcou a súa oposición ao incremento da peaxe do pasado 1 de xaneiro "cando noutras comunidades se reduce ou mesmo desaparece". Pontón, que tamén instou o Goberno a aplicar de inmediato as bonificacións na AP-9, chamou a "ter unha AP-9 galega e libre de peaxes" e por iso pediu a transferencia, "como primeiro paso para acabar cunha discriminación histórica", apostilando que, "esa transferencia debe realizarse libre de cargas. Queremos unha AP-9 rescatada, igual que rescataron as radiais madrileñas con millóns por parte do Estado". Para Caballero as portaxes son "unha carga abusiva que limitan a mobilidade e a competitividade" e "fan recadar diariamente á concesionaria máis de 300.000 euros". O socialista agradeceu aos grupos que apoiaron os orzamentos do Estado porque sen eles "as bonificacións non serían viábeis". Reivindicou que os socialistas "non queren romper España, senón que a queren fortalecer na súa totalidade", e engadiu que "a proximidade permite a mellor xestión posíbel". En nome dos grupos parlamentares do Congreso interviron Guillermo Meixón (PSOE), Celso Delgado (PP) e Néstor Rego (BNG), que se postularon como os seus compañeiros da delegación do Parlamento galego: a prol do traspaso do viario. Ademais tamén tomou a palabra o deputado de Unidas Podemos e voceiro de Galicia en Común, Antón Gómez Reino, que criticou que "tras anos de bloqueo do PP e moitas iniciativas presentadas polo seu grupo, hoxe por fin se debate o traspaso da AP-9". Defendeu que a autoestrada está "amortizada" e é "estratéxica", polo que a transferencia debe levar asociada a xestión pública do vial, como xa aconteceu coa AP-1, a AP-4 e a AP-7. Críticos coa transferencia foron Ciudadanos e Vox, se ben os primeiros anunciaron o voto a prol, por ser acordo unánime do Parlamento galego, polo que os de Santiago Abascal foron os únicos en dicir 'non', cargando contra as transferencias de infraestruturas ás comunidades. Primeira transferencia Unha vez votada no Congreso a toma en consideración, a lei galega seguirá o seu curso, despois dos tres intentos falidos anteriores. Se finalmente ve a luz, pode que se converta na primeira transferencia en 12 anos de Goberno de Alberto Núñez Feixoo na Presidencia da Xunta da Galiza. Unha longa historia de peaxes A AP-9 estaría libre de portaxes en 2012 se non for por tres ampliacións da concesión: a primeira, de 15 meses, asinouse en 1977 polo Goberno español da UCD, a segunda foi en 1994, co Goberno de Felipe González, que prolongou as peaxes até o ano 2023 e, finalmente, a última deuse no ano 2000, con José María Aznar, que ampliou a concesión até 2048, pola construción duns escasos 10 quilómetros. É a autoestrada do Estado á que máis anos de peaxes lle foron sumando. |
PRAZA_17250 | O líder do PSOE, novo presidente do Goberno de España con 180 votos a prol e 169 en contra tras un pleno no que o PP amosou as súas primeiras armas de dura oposición, tamén contra Ciudadanos A oposición galega pon deberes ao novo goberno de Sánchez | A oposición galega pon deberes ao novo goberno de Sánchez Na noite do 19 de xuño de 2005 o ambiente na compostelá Praza da Quintana oscilaba entre a festa, os nervios e o medo abstracto. Os colectivos que impulsaran o proxecto Hai que botalos! a prol do cambio político en Galicia convocaran unha celebración ante a previsible perda da maioría absoluta por parte do PP de Manuel Fraga. O escrutinio das urnas indicara que a mudanza ía acontecer coa suma do PSdeG e do BNG, pero cun resultado tan axustado que podía variar cando se recontase o mal chamado voto emigrante, que daquela aínda chegaba en sacas descontroladas con tal volume que tiña a capacidade para mover escanos. Se un só cambiaba, Fraga seguía. Por iso había quen non se atrevía a celebrar nada. Coas obvias diferenzas entre o contexto, o lugar, o clima político e os protagonistas, o ambiente que na mañá deste venres arrodeaba a segunda sesión do debate da moción de censura do PSOE ao Goberno de Mariano Rajoy era, en boa medida, semellante ao daquel 19 de xuño en Galicia. As intervencións da primeira xeira do debate auguraban a vaga expansiva da corrupción retratada na sentenza do caso Gürtel aglutinara votos dabondo para que Pedro Sánchez rematase a sesión como novo presidente do Goberno de España. Todos os grupos agás Ciudadanos, UPN e o propio PP avanzaran un "si" á censura dende cadansúas posturas. En total, 180 votos, dez máis que a última investidura de Rajoy. Sobre o Congreso pairaban varias sombras; dende unha dimisión de Rajoy 'in extremis' que culminase a escena do restaurante ata un sorpresivo 'tamayazo' Pero pouca xente se fiaba plenamente. Sobre o Congreso dos Deputados pairaban varias sombras. Dende unha dimisión de Rajoy in extremis que puxese o corolario ás oito horas de restaurante da tarde do xoves ata un sorpresivo tamayazo, en lembranza daqueles dous deputados tránsfugas que a comezos do século impediran á esquerda gobernar a Comunidad de Madrid e abriran as portas a outra era inzada de presuntas tramas corruptas, a do PP de Esperanza Aguirre. O pleno decisivo comezou con Rajoy aínda ausente tras o episodio do restaurante e coa socialista Margarita Robles a evocar os anteriores cambios de Goberno en España protagonizados polo PSOE en circunstancias ben distintas. O espírito de "modernización" de González en 1982 e as mudanzas en clave social da primeira xeira de Zapatero foron lembradas por Robles entre apupos dun PP que evidenciaba abatemento e desconcerto mentres desempoaba as armas opositoras, aquelas da "traizón aos mortos" e da ruptura da unidade do Estado, entre outras. Agora, dixo Robles, non pode continuar a gobernar "un presidente que falte á verdade para tapar a corrupción" como, resaltou, quedou patente na sentenza da Gürtel que deu lugar á censura mesma. "Basta de tapar a corrupción", aseverou. Rivera, tras dirixirse a Sánchez despois do triunfo da moción de censura / PSOE A oposición da traizón aos mortos está de volta pero cunha novidade; o PP está doído co "hiperventilado" líder de Ciudadanos Malia aos temores, o guión agardado cumpriuse. Tamén no que atinxiu á intervención do popular Rafael Hernando no nome do PP, centrada en especular sobre "obxectivos" ocultos de Pedro Sánchez para gobernar tras "perder as eleccións", dixo, situando en pé de igualdade a elección dun Executivo sen o grupo con máis escanos con "non aceptar o resultado das urnas", unha "fraude" sen "lexitimidade". Hernando negou a corrupción, que cinguiu a persoas concretas que xa non están no PP, e bosquexou un futuro relato de oposición conservadora baseado en "amizades" con "golpistas" cataláns, lembranzas dos anos previos ao golpe franquista e contactos do PSOE cos "antiguos amigos de la ETA". Tamén o xuíz De Prada, do tribunal do caso Gürtel, ten amizades "proetarras", sentenciou Hernando con Rajoy aínda ausente. A oposición á traizón aos mortos en atentados terroristas está de volta pero cunha novidade; o PP está doído co "hiperventilado" líder de Ciudadanos, Albert Rivera. E Rajoy, augurou, será lembrado como un "gran" presidente. O adeus de Rajoy Rajoy recibiu dos seus tres desas longas ovacións de adeus: "Grazas e sorte, polo ben de España", despediuse" Alén de evidenciar o carácter "constitucional" do mecanismo da moción de censura e que a "democracia parlamentaria" se basea na elección dos goberno nas Cámaras, Sánchez aproveitou o peche do debate para dirixirse ao Rajoy ausente como "ex-presidente" que conta con "todo o seu respecto" e ao "conxunto da Cámara" para augurar o inicio dun "novo tempo" no Estado. Foi neste punto no que apareceu Rajoy. Entre berros de "presidente, presidente" e dúas longas ovación da bancada popular. Unha desas ovacións de adeus. O aínda líder do PP consumiu os seus derradeiros minutos presidenciais asumindo o resultado e adiantando os parabéns a Sánchez. Ao contrario que o seu voceiro, Rajoy evidenciou a súa "aceptación, como demócrata, do resultado da votación" que non "comparte". "Foi unha honra" e "pido desculpas" a quen puidese "ofender", sinalou un Rajoy abertamente abatido. "Grazas e sorte, polo ben de España", rematou antes de volver por vez derradeira á bancada azul e recibir outro deses aplausos. O definitivo. A votación da mudanza Contra as 11 da mañá comezou a votación da mudanza. Coa respiración contida na beira socialista do hemiciclo, fóronse sucedendo os "si" e "non" a viva voz, mesmo cun erro dun deputado do PP que corrixiu no instante. Non houbo sorpresa: 180 a prol, 169 en contra e unha abstención. Na fin da sesión, berros de "sí, se puede" na bancada de Unidos Podemos e bágoas dispares; de emoción entre membros do PSOE e de mágoa, no PP. Comeza un Goberno central aguilloado pola corrupción case unha década despois do estourido da Gürtel e sustentado nun apoio parlamentario tan plural como inédito. |
NOS_57510 | Arredor da morte do protagonista da novela, un nacionalista ex-militante, desenvólvese a nova novela do escritor Manuel Portas, Amor en alpargatas (Xerais) que se presenta o vindeiro día 26 en Compostela. | Con Denso recendo a salgado sorprendeu no panorama literario en 2010. Desde entón, non deixou de sumar títulos a súa veloz traxectoria literaria. Virían a seguir Un dedo manchado de tinta e Faneca brava, novas novelas que consolidaban a súa veloz carreira como escritor. Agora engade Amor en alpargatas, como as outras publicada por Xerais, unha novela na que insiste na súa vontade da literatura como goce mais que tamén, confesa, lle gustaría que dera para pensar. A presentación será o 26 de febreiro no Airas Nunes de Compostela e contará coa presenza da crítica literaria Dolores Vilavedra, o escritor Bieito Iglesias, o editor Manuel Bragado e o propio autor. -En Amor en alpargatas a morte do protagonista convida a facer balance da súa vida, un nacionalista ex-militante en Compostela. Algunhas referencias, lugares, momentos... son identificábeis, que toma da realidade para construír a súa novela? A literatura pode ser, como o cine, de ciencia ficción ou máis apegada á realidade, máis verosímil. A novela non corresponde a unha biografía concreta nin era iso o que se pretendía, agora ben, hai elementos que soan a realidade porque estamos a falar dun país concreto, dunha xeración precisa -dez anos por riba do meu tempo- e cunha experiencia vital nese mundo nacionalista que pode ter detalles tirados de biografías diferentes, sen ser ningunha existente. "A novela non corresponde a unha biografía concreta nin era iso o que se pretendía, agora ben, hai elementos que soan a realidade porque estamos a falar dun país concreto, dunha xeración precisa" -A vida dos personaxes xira ao redor dese protagonista que, singularmente, ten un papel privilexiado na novela. Noutras novelas optei máis ao protagonismo colectivo, á sinfonía que é a propia realidade porque na literatura xogo na liga do realismo mais xa en Faneca Brava a protagonista feminina erixíase como centro. En Amor en alpargatas xogo cun personaxe principal que tamén cede protagonismo nas súas historias de amor. Todo parte do seu enterro, no propio cemiterio, e nun período de tempo que non vai máis alá de vinte minutos mais que, a través do flashback recompón a súa biografía. -"Non hai tempo para o orgullo. O país non pode agardar por feridas particulares. Vaille a vida". escribe na novela. Que hai do autor nesa confesión do protagonista? O que expresa ese monólogo o protagonista en solitario na súa casa é unha reflexión moi estendida no mundo nacionalista, en persoas que están desactivadas e ven o que está a pasar con ollos perplexos. Sen vontade de se converteren en elementos activos, a distancia das estruturas organizativas e o paso do tempo fan que se sexan, en certa medida, observadores privilexiados que se preguntan cal é o futuro e non tanto do nacionalismo senón do pais. Nese punto de vista cuestionen tamén o nivel de irresponsabilidade que fai que, nun momento tan crucial para a historia, sigamos a discutir polos marcos das leiras. Xa non vale aquilo de "xa o diciamos nós", a tal altura é miope e non contribúe a nada. Compre moito diálogo e este país non se pode permitir o luxo de que os sectores máis avanzados podan ser fagocitados pola moda do momento. -Por que decide escribir sobre algo tan próximo? É consciente da polémica que pode xerar a novela? Cando un escribe non se despersonaliza e se as historias nacen é porque interesan. Escribo por pracer mais tamén inflúe a ética e a maneira de pensar. Este é un tema que preocupa a boa parte da intelligentzia deste país. Inflúen, claro está, os demos particulares, os pesadelos, as obsesións... Como di Benedetti, podería escribir sobre os peixiños brancos que van comer os negros, mais poríame da parte dos negros. A persoa que escribe é permeábel á sociedade. Non se pode facer unha literatura Mac Donalds. A novela pode, cando menos, levar a pensar e se iso acontece, eu estou satisfeito. Mais a literatura é literatura e o primeiro obxectivo é que se goce con ela. -Como noutras novelas, Compostela ten un forte protagonismo. Por que volve converter a cidade en escenario privilexiado da súa obra? En Un dedo manchado de tinta as distintas historias caracterizábanse polo seu compostelanismo. Sempre está presente porque é unha cidade literaria, un espazo con personalidade diferente. Está por facer aínda a gran biografía literaria da cidade. Tal vez algún día... "A literatura está demasiado chea de figuras e a xente normal ten dereito a verse reflectida nas obras. Cada historia ten un prisma, un olor, un sabor, que a fai diferente e o reto está en captar eses recendos particulares". -En 2010 publica a súa primeira novela Denso recendo a salgado e desde entón van xa catro. A que se debe ese ímpeto na escrita? Sempre gocei da literatura como ávido consumidor, mesmo nos tempos de dedicación á cousa pública non deixaba de ler. Chega un momento en que decides que vai sendo hora de pasar á escrita. Desde que escribira o ensaio Lingua e sociedade na Galiza non volvera publicar un libro e era xa tempo de apostar por un proxecto estético. Ademais pásoo ben e é a miña maneira de, por así dicilo, esgotar as miñas capacidades expresivas. -Catro novelas e, polo que vexo, moitos proxectos na cabeza. Demorou mais, é mostra da ansia que tiña de se converter en escritor? Un está todo o día creando, en cada mirada, en cada situación, nalgunha pequena noticia do xornal aparecen historias que tiran, ás veces impresionantes e con protagonistas anónimos que son mesmo superiores literariamente á propia narrativa. A literatura está demasiado chea de figuras e a xente normal ten dereito a verse reflectida nas obras. Cotián e anónimo non significa vulgar. Cada historia ten un prisma, un olor, un sabor, que a fai diferente e o reto está en captar eses recendos particulares. -Nas catro novelas adivíñase a súa vontade de estilo, con varios elementos. Un deles e buscar ese goce da literatura no que insiste? O escritor escribe para si mais non pode esquecer que o feito literario remata cando alguén le. Na construción dunha literatura propia a creación de lectores é imprescindíbel. Se escribimos obras pesadas, os lectores van fuxir da nosa literatura. Temos que conseguir que gocen. A literatura non está para ser estudada senón para pasalo ben. Se queremos que a nosa literatura se consolide temos que conseguir que se lea e non por militancia. Iso é a normalidade á que temos que aspirar. -A procura da sinxeleza é tamén un obxectivo na súa práctica literaria? A escrita hai que mimala, tocala e retocala, mais a xente ten que sentir o regusto no padal cando le. A escrita ten que ser sinxela mais os escritores estamos para estirar o idioma, para ver até onde chega. Unha das prosas máis elaboradas da nosa literatura é a de Castelao e sorprende ver, poño por caso,o manuscrito de Os vellos non deben de namorarse e toparse coa cantidade de tachados e cambios que fixo. A sinxeleza é produto dunha elaboración extrema, vén do pulimento, de estar permanentemente na procura da expresión. A lingua ten que fluír coma un río e para iso precisa pasarlle brillo. |
NOS_28140 | Os Goberno talibán e estadounidense cruzan acusacións de non respectar o Acordo de Doha. | O presidente dos Estados Unidos (EUA), Joe Biden, confirmou na mañá desta terza feira o asasinato do actual líder de Al Qaeda, Ayman al Zawahiri, nun ataque con dron no seu domicilio en Cabul (Afganistán). Os EUA descartan medidas polas 10 mortes de civís nun ataque estadounidense con drons en Cabul Nunha rolda de prensa realizada na Casa Branca, Biden explicou que "o sábado, baixo a miña dirección, Estados Unidos concluíu con éxito un ataque aéreo en Cabul que matou o líder de Al Qaeda, Ayman al Zawahiri". Al Zawahiri sucedera Osama Bin Laden á fronte da organización islamista despois de que o exército estadounidense o asasinase en 2011. Antes foi a man dereita de Bin Laden en Al Qaeda, e segundo os EUA, encargouse de "organizar" os atentados do 11 de setembro de 2001 contra varios edificios de Estados Unidos, entre eles as Torres Xemelgas. Os desafíos do Emirato islámico de Afganistán Aliás, o secretario de Estado, Antony Blinken, acusou o Goberno de Afganistán de "violar gravemente" o Acordo de Doha, polo que as tropas dos EUA e da OTAN abandonaban o país a cambio de que o Executivo talibán evitase que Al Qaeda operase no territorio. O Goberno talibán condena o ataque Pola súa parte, o portavoz do Goberno talibán de Afganistán, Zabihullah Mujahid, acusou tamén Estados Unidos de non respectar o Acordo de Doha, aínda que neste caso polo ataque con drons ao líder de Al Qaeda. A ONU alerta de que Al Qaeda e os talibáns continúan a colaborar "O Emirato Islámico de Afganistán condena enerxicamente este ataque con calquera pretexto e cualifícao como unha clara violación dos principios internacionais", manifestou Mujahid. Para o portavoz gobernamental, "tales accións son unha repetición das experiencias frustradas dos últimos 20 anos" e asegurou que repercuten negativamente nos intereses de Estados Unidos e de Afganistán. |
NOS_12535 | Ocupará a cadeira que quedou vacante tras o pasamento de Xosé Ramón Barreiro. | A Real Academia Galega (RAG) elixiu Gonzalo Navaza (Lalín, 1957) como académico de número no pleno ordinario celebrado este sábado. Deste xeito, ocupará a vacante do historiador falecido Xosé Ramón Barreiro Fernández. Tamén se acordou nomear académicos correspondentes ao crítico literario Ramón Nicolás Rodríguez (Vigo, 1966) e á xurista Celia Pereira Porto (Róterdan, 1971). Navaza é escritor, tradutor e destacado especialista en toponimia, ademais de profesor do departamento de Filoloxía Galega da Universidade de Vigo. Forma parte da RAG como membro correspondente vinculado ao Seminario de Onomástica desde 2012. Así mesmo, no pleno deste sábado tamén se acordou nomear académicos correspondentes o crítico literario Ramón Nicolás Rodríguez (Vigo, 1966) e a xurista Celia Pereira Porto (Róterdan, 1971). Así, Gonzalo Navaza obtivo galardóns como o da Crítica Española de poesía por Fábrica íntima (1991) e Libra (2000); ademais de ser recoñecido co San Clemente de narrativa por Erros e Tánatos (1998). A súa traxectoria como investigador en onomástica comezou nos anos 80, cando realizou a recollida de campo e a corrección da toponimia dos mapas do Instituto Xeográfico Nacional para as provincias de Pontevedra e Ourense. Entre outras obras, publicou Fitotoponimia galega (2006), un traballo monumental que recolle preto de 8.000 nomes de lugar que se corresponden con 150 especies botánicas distintas, o cal foi galardoado co Premio de Investigación Losada Diéguez (2007). Toponimia de Catoira, Premio Lois Pena Novo (2008), e Os nomes dos concellos da provincia da Coruña (RAG, 2021) son outras das súas obras. Forma parte do proxecto Dicionario de apelidos galegos. Tamén traduciu ao galego clásicos universais como A chamada da selva, de Jack London (1982); Sherlock Holmes, detective, de Arthur Conan Doyle (1986); e As flores do mal, de Charles Baudelaire (1986). A súa versión de O can dos Baskerville foi recoñecida co Premio Ramón Cabanillas de Tradución Literaria (1991). |
PRAZA_7148 | Este sábado Kalandraka presenta A Cidade dos Nenos, de Francesco Tonucci no marco do Culturgal. O que se pretende é que as cidades volvan á concepción orixinaria de lugar de encontro e intercambio entre as persoas, de convivencia. | Este sábado Kalandraka presenta A Cidade dos Nenos, de Francesco Tonucci no marco da Feira das Industrias Culturais. Francesco Tonucci é un educador e psicopedagogo italiano, autor de numerosos libros sobre a infancia na sociedade actual. Desde 1991 realiza na súa cidade natal de Fano o proxecto A Cidade dos Nenos. No acto estarán presentes as tradutoras da obra: Mónica Baleirón, Sonia Santos e Ruth Vázquez; os autores do Limiar e do prólogo respectivamente, o recoñecido pedagogo galego Antón Costas Rico, un dos fundadores da Nova Escola Galega e Fernández Lores, alcalde de Pontevedra, cidade esta que acaba de ser recoñecida co Premio de habitabilidade pola ONU seguindo este modelo. Tamén estará presentes o concelleiro de Ordenación do Territorio, Cesario Mosquera e por parte da editorial Paz Castro. Até o de agora, a única forma de artellar cidade era baleirar os núcleos antigos das cidades, construíndo ao mesmo tempo zonas residenciais illadas, ghetos, zonas privilexiadas e invadindo o espazo público de cemento e de coches, de polución malsá A Cidade dos Nenos é un proxecto internacional, no que teñen un protagonismo amplo os cativos, que se está a desenvolver en Italia, España e varios países de América do Sur. A idea desta iniciativa nace arredor da habitabilidade das nosas urbes, cuestiona a forma de deseñar a cidade actual, pensada desde unha prespectiva adulta, desde unha visión obreira. Até o de agora, a única forma de artellar cidade era baleirar os núcleos antigos das cidades, construíndo ao mesmo tempo zonas residenciais illadas, ghetos, zonas privilexiadas e invadindo o espazo público de cemento e de coches, de polución malsá. O que se pretende con esta revolución que supón A Cidade dos Nenos é que este espazo volva á concepción orixinaria de lugar de encontro e intercambio entre as persoas, de convivencia. Os nenos son a inspiración porque son eles os que máis gozan da vida, divertidos, os que deben vivir unha infancia plena nas nosas rúas. A primeira parte do proxecto recollía o malestar dos nenos, as carencias que teñen á hora de compartir os espazos públicos: os patios, as beirarrúas, as rúas, as prazas, a polución xerada polos coches e o espazo que estes ocupan. A segunda parte intenta cambiar ese modelo de deserto coa súa propia participación, construíndo un lugar habitable para que os cativos poidan saír sós fóra da casa sen perigo. Para concluír inclúese a propia experiencia de levar o deseño dos pícaros a cabo sendo eles os arquitectos que promoven os cambios. É esta unha interesantísima oportunidade de cambiar as nosas vidas afastándonos dun pernicioso modelo ancorado no Capitalismo feroz. |
NOS_49007 | O protesto comezou esta segunda feira,17 de abril, coincidindo co Día de solidariedade cos presos palestinos. | "Lanzamos esta batalla pola liberdade e dignidade como parte da loita do noso pobo". Marwan Barghuti, histórico líder de Al Fatah encarcerado desde 2002, resumiu así o protesto que esta segunda feira, 17 de abril, veñen de iniciar máis de 1.600 presos palestinos en cárceres israelís: unha greve de fame indefinida. Coa greve, os presos exixen a fin do isolamento e as detencións administrativas (sen cargos nin xuízo), mais tamén a mellora da atención sanitaria, entre outros reivindicacións. Participan na greve presos das cadeas de de Gilboa, Hadarim, Ashkelon e Neguev, en Israel, e tamén de Ofra, na zona ocupada de Cisxordania Marwan Barghuti realizou recentemente un chamamento á solidariedade para cos presos, instando á sociedade palestina a tomar parte en manifestacións e mobilizacións, para alén de solicitar a organizacións políticas e institucións a actuar para acadar a liberdade dos presos políticos palestinos. "Perto dun millón de palestinos foron detidos, torturados, aldraxados física e psicoloxicamente, e sometidos a condicións duras e degradantes" por parte do "bárbaro colonialismo sionista", denunciou, nunha mensaxe entregada á axencia palestina de noticias Maan pola súa compañeira, Fadwa. Segundo a axencia Maan, os prisioneiros palestinos retiraron todos os produtos de alimenticios das súas celas e rapáronse a cabeza. Un xesto, rasurar a cabeza, que foi imitado en campos de refuxiados palestinos como mostra de solidariedade para coas persoas presas. Segundo cifras da ANP, 6.500 palestinos están detidos por Israel, incluídos 300 menores, 12 parlamentarios e 28 periodistas. |
NOS_4308 | A sección sindical da CIG en Navantia-Ferrol, a segunda en representación no estaleiro local, invocou esta mañá o artigo 107 do Tratado Fundacional da Unión Europea para construír o dique flotante na ría de Ferrol sen incorrer no suposto de axudas estatais incompatíbeis co mercado interior.Lembra que Navantia pode facelo con fondos propios. | O voceiro da central na factoría ferrolá, Marcelino Amado, lembrou que segundo a normativa europea, non se considerarán contrarias ao Dereito comunitario aqueles investimentos públicos en zonas cunha grave situación de subemprego, establecida no 21%. Na cidade de Ferrol, segundo a última Enquisa de Poboación Activa, a taxa de desemprego supera o 29%. Malia atopar ese burato legal na propia normativa comunitaria, a central nacionalista recoñece que "sempre fomos conscientes de que desde a Unión Europea nunca chegou unha medida que favorecera os nosos sectores produtivos. O dique non ía ser unha excepción". Por iso, para a CIG o rexeitamento non supuxo sorpresa ningunha, posto que o Partido Popular "nunca tivo a vontade real de construír" unha ferramenta que consideran imprescindíbel para respostar ás esixencias actuais e futuras do mercado das Reparacións, principalmente de gaseiros, no que Navantia, cómpre lembralo, ocupa o primeiro posto en Europa e o terceiro no mundo, despois dun estaleiro de Singapur e outro de Qatar. As "coartadas" do Partido Popular para non dar cumprimento ás reiteradas promesas electorais deben ser contrarrestadas, sinala a CIG, polo único que o fai recuar, a presión social. Ademais, convidan á dirección de Navantia, nomeada polos "populares", a acometer este investimento con fondos propios, unha alternativa que non colidiría co Dereito comunitario. |
NOS_21707 | Nas UCIs permanece 1 só paciente. | A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa esta quinta feira que o número de casos activos de coronavirus na Galiza é de 569. Deles 139 son da área da Coruña, 38 da de Lugo, 52 da de Ourense, 15 da de Pontevedra, 193 da área de Vigo, 112 da de Santiago, e 20 da de Ferrol. Do total de pacientes positivos, 1 permanecen en UCI, 23 están en unidades de hospitalización e 545 no domicilio. Polo de agora, na Galiza hai un total de 10.148 persoas curadas, rexistrándose 618 falecementos. O número de PCR realizadas é de 147.188. No que atinxe ás residencias de anciás, hai 49casos activos (14 menos ca onte), dos que 28 son de persoas usuarias mentres que 21 son de traballadoras e traballadores. Os falecementos son 274: 132 en residencias e 142 en hospitais e residencias integradas. |
PRAZA_12580 | Vicente Celeiro (Vilalba, 1962) recoñécese "un caso atípico" ao non poder elixir entre o branquiazul e o celeste. Ex xogador do Deportivo e do Celta nos anos 80, declárase afeccionado dos dous grandes galegos, pero vive a rivalidade na súa propia casa. O seu fillo maior, coruñés, é "celtarra de todo", o pequeno, vigués, é un orgulloso deportivista. | Vicente Celeiro (Vilalba, 1962) recoñécese "un caso atípico" ao non poder elixir entre o branquiazul e o celeste. Ex xogador do Deportivo e do Celta, na Coruña segue sendo un mito. Un gol seu no tempo engadido salvou o equipo do descenso a Segunda B e, moi probablemente, da desaparición hai 25 anos. Tras pasar por todas as categorías en Riazor, fichou polo eterno rival para rematar a súa carreira no Racing Vilalbés. Reside en Vigo e, malia declararse afeccionado de ambos os dous conxuntos, vive a rivalidade como poucos na súa propia casa. O fillo maior, coruñés, saíulle "un celtarra de todo", o pequeño, vigués, é un orgulloso deportivista. Vostede recoñécese afeccionado de Deportivo e Celta. É un tipo raro? Son un caso atípico, si. En Vilalba había unha peña celtista e todos os rapaces do colexio eran do Celta porque daquela a agrupación celeste era moito máis activa. Levábannos a Balaídos coa familia a ver os partidos; as mulleres ían pasear pola praia e os homes ían ao fútbol (ri). Ao final, podo contar con orgullo que aqueles que me levaban ao estadio acabaron véndome xogar no campo, primeiro coa camiseta do Deportivo e logo coa do Celta. Iso é algo que pouca xente poderá contar. Como acabou fichando polo Deportivo? Marchei ao Deportivo con 15 anos, precisamente grazas á peña deportivista de Vilalba. O presidente da peña, que é o pai do actual dirixente, faloulles de min aos directivos daquela época e viñéronme buscar ao Racing Vilalbés. Fun á Coruña a vivir nunha pensión sendo aínda un rapaz. De que etapa garda máis cariño? Formeime no Deportivo. Pasei toda a etapa de xuvenís, xoguei no filial e subín ao primeiro equipo, así que está claro que foi unha época que me marcou moito máis. No Celta estiven dúas tempadas nada máis e xoguei pouquiño. Ademais, en Vigo sempre me identificaron co Deportivo e chamáronme e séguenme chamando Vicente o do Coruña. Os mellores recordos como xogador son os de Riazor. "De pequeno a peña celtista de Vilalba levábame a Balaídos, pero acabei no Deportivo grazas á peña deportivista" Na Coruña ninguén esquece aquel gol en tempo engadido contra o Racing que evitou o descenso a 2ªB hai 25 anos... Si, aquel foi un gol mítico que quedou para a historia do club. Pasaron moitos anos e hai xente que segue lembrándome tan só por aquel tanto, pero máis que ese gol, para min o Deportivo foi moito máis e moitos máis goles. Estiven moitos anos, cheguei sendo un cativo e acabei sendo internacional sub 21 xogando en Segunda División. Aquel gol salvou o Deportivo da desaparición e hai quen di que foi o verdadeiro comezo dos éxitos do club. É unha maneira de dicilo. Hai un pouco de lenda, pero si é verdade que a situación económica e deportiva do club non era boa. Logo entrou Lendoiro e todo mellorou, pero ninguén sabía o que podía pasar se acabaramos baixando de categoría. Non é capaz de elixir entre Deportivo ou Celta ou é que é moi diplomático? Non é que sexa diplomático, é que non son capaz de elixir. É fácil de deducir que teña o corazón partido porque a miña situación foi diferente á doutros futbolistas que pasaron polos dous equipos. Digo a verdade, o que sinto. Eu desexo o mellor para os dous clubs e a cousa este ano pinta moi ben. A ver se acaban ascendendo os dous xuntos a Primeira. "Non é que sexa diplomático, digo o que sinto: deséxolle o ben aos dous equipos, non podo elixir" Quen quere que gañe o derbi do domingo? De cara a este derbi, igual desexo un pouco máis que gañe o Celta porque é a quen lle fan máis falta os puntos, xa que o Valladolid vén apertando forte, pero só porque o Deportivo está nunha mellor situación, nada máis. O rexurdir da canteira en ambos os dous conxuntos dálle maior transcendencia a este derbi? Agora os xogadores enchúfanse igual aínda que non sexan da canteira, pero ese punto de paixón que che dá ter mamado a rivalidade desde pequeno nas categorías inferiores é algo que deixa marca. Ese puntiño de ganas e de ansia fai o partido aínda máis interesante e xoga a favor dos canteiráns. Que pensa cando ve altercados entre afeccións ou os problemas que teñen os seareiros para viaxar a animar ao seu equipo? Pois penso que isto da rivalidade é algo histórico. Xa cando xogabamos nós había estes problemas e creo que esa minoría violenta vaina seguir habendo, moi ao meu pesar. A rivalidade e esas ganas de vencer ao rival son algo bo, pero sempre que só sexa de palabra, mentres non se pase á acción. Nese caso, a cousa vólvese preocupante. É un mal consolo, pero cando eu xogaba nos xuvenís, xa había problemas. Cre que se acabará con esta tensión? Cando veremos un derbi tranquilo? Non vexo fácil que se erradique a violencia e a proba está nos problemas que houbo no partido de ida. Imaxino que o domingo pasará algo porque os altercados xa se intúen e porque hai xente que quere responder ás pedradas que sufriron os buses de Vigo. O único no que nos queda confiar agora é nas forzas de seguridade, que creo que teñen esas minorías bastante controladas. Oxalá non pasase nada porque é un día e unha hora perfecta para xogar e gozar dun partido de fútbol. Por que ocorre isto no derbi galego? Tampouco podemos localizar o problema en Galicia porque é un mal xeneralizado. Non lle vexo solución. No Betis-Sevilla ou no Barça-Espanyol tamén adoita haber problemas. A rapazada ten esa idea de rivalidade case física e non vai ser posible acabar con ela, nin en Galicia nin en ningures. Nos derbis vascos non adoita haber problemas... Certo, aí tes razón. Oxalá fose aquí igual. "Haberá esperanza de que remate a violencia cando os afeccionados máis veteranos fomenten a confraternización" Que podemos facer para arranxalo? Se a xente maior e con experiencia non fai máis que picarse e desexar o mal ao rival, aínda que sexa de palabra, imaxina toda a rapazada nova, que xa vai máis aló da palabrería. Con 20 anos están como motos e é difícil paralos... Cando eu vexa os máis veteranos propoñer unha xornada de confraternización e pedir que as dúas afeccións tomen xuntas o polbo con cachelos antes do partido, daquela terei esperanza. Son os máis vellos os que poden convencer os máis novos, pero será difícil. Hai moitos peñistas de ambos os dous equipos que apostan pola confraternización, non son suficientes? É que hai xente maior que tampouco o intenta. Eu vivo en Vigo e hai xente que ten unhas ganas terribles de que non ascenda o Deportivo, non hai un obxectivo común. A maioría da xente do Celta dime que o Deportivo non debe ascender e eu sempre lles digo que se teñen que preocupar do Valladolid, pero hai quen aínda non o entende. En moitos casos, non hai lugar ao diálogo. "Meu fillo maior é coruñés e saíume celtarra de todo; o pequeno é vigués e leva a camiseta de Valerón cando anda por Vigo" Como levan a rivalidade na súa familia? O maior dos meus fillos é coruñés e saíume antideportivista e celtarra de todo... E mira que levei a muller á Coruña para que nacese alí precisamente. O pequeno, nado en Vigo, é do Deportivo e non é difícil velo pola cidade coa camiseta de Valerón. Entre eles teñen discusións fortes, pero nunca pasan das palabras, claro está. A ver que pasa o domingo, pero na ida cada un viu o partido co seu grupo de amigos, por separado. E vostede que lles di? Nada. Eu estou moi orgulloso de ter pertencido aos dous clubs e pode que sexa o único. E estou orgulloso de saír dun equipo como o Vilalbés, xogar nos dous grandes de Galicia e volver retirarme ao equipo da miña vila. Todo o que me trae a min aquela época son bos recordos. Póñome alegre cando me lembro da miña etapa de futbolista e iso é o que me queda. |
NOS_25601 | O Partido Popular veta o debate sobre o dereito de autodeterminación no Congreso. A maioría absoluta dos conservadores vale para a Mesa do Congreso inadmitir a trámite a proposición de lei presentada polo BNG, ERC e Amaiur a prol do dereito a decidir. A inadmisión aínda non foi comunicada oficialmente aos grupos proponentes. BNG, ERC e Amaiur convocan unha conferencia de imprensa conxunta esta cuarta feira no Congreso ás 11 horas para valorar este veto. | A proposición de lei de autodeterminación dos soberanistas de Galiza, Euskal Herria e Catalunya non chegará nen sequer a debaterse. O PP empregou a súa maioría absoluta no órgao de goberno do Congreso, a Mesa, para inadmitir a trámite a proposta. O veto aínda non lle foi comunicado formalmente aos grupos proponentes. Fontes próximas á Mesa informaron de que a decisión se fundamentará en cuestións de forma e non de fondo. A decisión da Mesa non ten precedentes e é dunha gravidade estrema. Cumpre lembrar que no seu día o chamado Plano Ibarretxe non foi tomado en consideración polo Congreso, mais si foi debatido e votado no Pleno da Cámara. Desta volta a proposta nin sequera chegará ao hemiciclo, ao non pasar pola peneira da Mesa. Foi Amaiur, através da súa conta en twitter, quen deu a primeira noticia sobre o veto. En declaracións de urxencia a Sermos Galiza, o portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, mostrouse escandalizado. "Isto é inaceitábel en democracia", avaliou. E engadiu: "O PP non é quen para decidir que se pode debater e que non, nun Parlamento. O PP non é dono do Congreso". BNG, ERC e Amaiur convocaron unha conferencia de imprensa para esta cuarta feira ás 11 horas no Congreso, para valorar o veto. Esta mesma semana, en conversa con Sermos Galiza, o deputado de Amaiur no Congreso Rafael Larreina consideraba "absurdo" que o PP fose bloquear o debate desta proposición de lei por esta estar perfeitamente fundamentada do ponto de vista xurídico. |
NOS_261 | Un dos máis terríbeis e significativos episodios da Restauración en Galiza saldouse con sete persoas asasinadas polas forzas de seguridade do Estado. Foi o 22 de abril de 1909, ás portas do mosteiro de Oseira, no Concello de Cea. É un dos capítulos do monográfico A rebeldía galega contra a inxustiza, editado por Sermos Galiza, e que esta cuarta feira se presenta no café cultural Auriense, de Ourense ás oito do serán. | "As mortes de Oseira son consecuencia dun conflito que enfrontaba os veciños da localidade do movemento Solidariedade Galega coas autoridades civís e relixiosas", explica Xosé Ramón Ermida, autor do ensaio sobre os sucesos e coordinador do volume, "e abriron paso a todo un movemento de protesta no conxunto de Galiza, a cuxa cabeza se situou Ourense". Eduardo Blanco Amor utilzounos de materia narrativa na súa gran novela Xente ao lonxe (1972). Ermida será un dos participantes no acto de Ourense. Canda el, estarán o ex deputado do BNG no Congreso e coautor na Rebeldía galega... Francisco Rodríguez, o avogado e membro do consello de administración de Sermos Nemesio Barxa e mais Xosé Manuel Puga, da agrupación cultural Auriense. Esta última sinala que "a publicación realiza un percorrido por diferentes episodios das protestas desenvoltas na Galiza da primeira Restauración". A monografía abranxe numerosos capítulos históricos que remataron von mortes. Salcedo, Nebra, Trasancos, Sofán, Sobredo e Oseira son, concretamente, as revoltas tratadas en A rebeldía galega contra a inxustiza. |
NOS_46884 | NOTICIA ACTUALIZADA. A pesar de que a organización aínda non o comunicou oficialmente, Antón Gómez-Reino é o claro gañador das eleccións primarias en Podemos Galicia, ao derrotar a Carolina Bescansa. Tone obtivo 54,98 por cento do voto face 45,02 por cento da politóloga compostelá, de acordo con datos filtrados por unha fonte do partido morado á axencia Efe. Gaña Gómez Reino e gaña tamén Pablo Iglesias, que deste xeito volta a inflixir unha derrota ao sector crítico, desta volta representado pola súa antiga aliada e cofundadora da organización. | Antón Gómez Reino, un home de Pablo Iglesias, é o novo secretario xeral de Podemos Galicia após se impor nas primarias a Carolina Bescansa, con Íñigo Errejón a figura máis destacada do sector crítico do partido morado. Nunhas breves declaracións á SER, Gómez Reino fixo un apelo á unidade e a "camiñar xuntos". A derrota deixa nunha posición moi delicada a Bescansa, unha dirixente que durante a campaña das primarias deixou entrever a súa ambición de non só liderar Podemos Galicia, senón o conxunto da alternativa rupturista nas próximas eleccións galegas. No momento en que rediximos esta información, Podemos Galicia aínda non comunicou oficialmente os resultados das primarias nen através das súas redes sociais nen a través da páxina web electoral. O que si se sabe con certeza é o número de persoas inscritas que emitiron o seu voto. Foi un total de 3.172. De acordo cos datos fornecidos por unha fonte da organización á axencia Efe, Gómez Reino tería obtido 54,98 por cento do voto, fronte ao 45,02 por cento de Bescansa. O revés da politóloga compostelá éo tamén da anterior secretaria xeral, Carmen Santos: a súa aposta por se desmarcar do pablismo no momento en que abandona a dirección da formación morada fica claramente desautorizada polas bases. |
NOS_23622 | Ao fío da agresión homófoba acontecida en Compostela, Educación avanzou a aprobación de novas medidas. Organizacións LGTBi convocan concentracións de repulsa. | A deputada do BNG, Carme Adán, denunciou a agresión homófoba acontecida en Compostela o 8 de febreiro en sede parlamentar e preguntou ao conselleiro de Educación, Cultura e Ordenación Universitaria polas medidas que pensa adoptar a Xunta de Galiza para evitar que volvan acontecer casos como o vivido por A.R. e R.B., do que deu conta Sermos Galiza. O conselleiro, Román Rodríguez, condenou o suceso e asegurou na súa intervención que o goberno galego está a preprar un protocolo para as liberdades sexuais. Unha ferramenta, dixo, que atinxirá "todo o que ten a ver" coa liberdade na identidade de xénero. Porén, non explicou cal será o contido do mesmo. A Consellaría de Educación sinalou que facilitarán "aos centros euducativos un protocolo" co que "facilitar as actuacións" en materia de liberdades sexuais e de xénero nas aulas Sermos Galiza púxose en contacto coa Consellaría de Educación para coñecer o contido do protocolo anunciado. Neste senso, informaron que teñen previsto "en próximas datas facilitar aos centros educativos un protocolo que permita unha resposta acaída na garantía do dereito á identidade de xénero, a través dunhas orientacións que guíen e faciliten as actuacións en materia organizativa e de resposta do sistema educativo". Isto é, protocolos de tránsito social que lle foron reclamados por Arelas, a Asociación de familias con crianzas transexuais. Destarte, na súa intervención Román Rodríguez subliñou que Galiza aprobou en 2014 a Lei pola igualdade de trato e a non discriminación de Lesbianas Gais Transexuais Bisexuais e Intersexuais. A primeira no conxunto do Estado español. Un texto que contou co apoio de PP, PSOE e BNG mais coa abstención de AGE e do Grupo Mixto xunto co rexeitamento dos colectivos LGTBi de Galiza que mesmo promoveron manifestos contrarios á norma e concentracións. Sen sancionados No cerne do debate sitúase a supresión por parte do Partido Popular do capítulo de sancións que punirían os crimes de odio por razón de identidade sexual ou de xénero, condición imposta polo PP durante o proceso de tramitación parlamentar. Os colectivos LGTBi denuncian que a lei actual non recolla categorías como "lesbiana" e suprimise un réxime sancionador específico para estes delitos de odio "Trátase finalmente dunha declaración de intencións como a Declaración dos Dereitos Humanos", asegurou R.B. en conversa con Sermos Galiza durante o relato da agresión sufrida polo seu compañeiro na capital galega. De igual maneira, na altura do debate parlamentar, os colectivos e organizacións LGTBi denunciaban que se trata dunha norma "baleirada de contido", " cun nome que induce a engano e que se converterá nun documento propagandístico para o PP", recolle o manifesto Nós Mesmas. A modificación parlamentaria transforma o proxecto inicial que avanzaba na protección e garantías non discriminatorias para o colectivo e que foi feito desde o diálogo coas asociacións LGTBI nunha lei "cortina" que non implica ningún avance real nos dereitos das persoas LGTBI", acrecentaban. E é que o texto finalmente aprobado suprime diversos artigos da proposta inicial presentada polo PSdeG-PSOE referidos á definición de categorías como orientación sexual, identidade de xénero, sexo, xénero ou lesbiana. Así mesmo, foi suprimido o artigo 6 referido á carga de proba nas denuncias por delitos de odio o que obriga á persoa denunciada a probar que non discrimina. De igual maneira, ficou excluído un réxime sancionador específico para delitos contra a liberdade sexual e de xénero polo que fican en mans da Valedoría do Pobo a súa tramitación, malia que esta institución denunciou o pasado ano nun extenso informe a falta de medidas específicas para evitar e punir estes delitos o que leva moitas persoas a non os denunciar. Convocan unha concentración no Obradoiro (Compostela) na sexta feira ás 12h Concentración Neste contexto, organizacións e colectivos LGTBi como Ultreia convocaron unha concentración na capital galega esta sexta feira (12 de febreiro) ás 12h na Praza do Obradoiro en "repulsa" pola agresión homófoba e "en apoio ás vítimas". Aliás, queren enviar con esta mobilización "unha mensaxe clara e inequívoca de que a sociedade compostelá non quere unha cidade onde se cometa ningún tipo de agresión de LGTBIfobia" tipificada, lembran, no Código Penal como "delitos de odio". |
QUEPASA_899 | A Galería Mulleres de Muxía, da man da Biblioteca da Muller, e de Viki Rivadulla, continúa repasando a historia en clave feminina. E cumple este mes de marzo 9 anos facéndoo, achegándonos a historia de máis de 100 mulleres. E para que vexades a disparidade de realidades, pasamos dun mes de febreiro no que lembrou a Mercedes Queixas Zas, a un mes de marzo en clave de blues. | Gertudre « Ma» Rainey, foi unha pioneira e a persoa responsable de inspirar a varias xeracións de mulleres do blues; recibiu o seu título de «nai do blues» antes de realizar a súa primeira gravación.En 1904, casou co cantante de comedia William "Pa" Rainey e os dous formaron unha banda. Ma Rainey chamaba a atención coa súa posta en escea. Lucía perrucas de crin salvaxes e levaba moedas de ouro no pescozo, plumas de avestruz e tiña os dentes dourados que brillaban cando cantaba. Pero o máis cautivador esa a súa enorme e impoñente voz, e a súa forma de cantar. A música de Rainey serviu de inspiración para músicos,poetas e, incluso, Alice Walker considerou a música de Ma Rainey como un modelo cultural da feminidade afroamericana cando escribiu a novela gañadora do Premio Pulitzer, The Color Purple. Conta Angela Davis no libro "Feminismos negros" que as cantantes negras de blues resistíanse a reflectir nas súas letras traxectorias femininas marcadas pola resignación e a impotencia. Ao contrario, as súas letras estaban infestadas de referencias á independencia feminina, ao control sobre os seus desexos, ao exercicio libre da súa propia sexualidade. Non eran só as letras. As súas traxectorias vitais estaban salpicadas por estes escenarios construídos á marxe da moral dominante. O blues das mulleres, en xeral, non achandou o camiño á idea (que si aparece de varias formas no country blues masculino) de que os homes collesen a estrada e as mulleres recorresen ás bágoas. As mulleres que cantaban blues non ratificaron, como era costume, a resignación e a impotencia femininas, nin aceptaron a relegación das mulleres aos espazos privados e íntimos. Canto á sexualidade, estas mulleres do blues non tiñan reparos en proclamar o desexo feminino. As súas afirmacións de autonomía sexual, así como as expresións abertas do desexo sexual feminino, dan voz ás posibilidades de igualdade, nun momento histórico no que non se articulaban en ningún outro lugar. O blues feito e cantado polas mulleres e a política cultural vivida polas raíñas do blues nas súas carreiras, colocaron na axenda da historia estas novas perspectivas. Prove It on Me Blues [Blues «Terán que probalo»], composto por Gertrude « Ma» Rainey, retrata precisamente á muller que afirma a súa independencia con respecto ás normas ortodoxas da femineidade, alardeando descaradamente do seu lesbianismo. O anuncio do lanzamento ao mercado de Prove It on Me Blues mostraba á blueswoman lucindo un chapeu, unha chaqueta e unha gravata de home tentando, como se vía claramente, seducir a dúas mulleres nunha esquina, mentres a miraba un policía. As interpretacións do blues clásico feitas por mulleres (especialmente as de Bessie Smith) eran un dos poucos espazos culturais nos que resultaba habitual falar en público sobre a violencia masculina. A urxencia contemporánea por romper o silencio que rodea á violencia misóxina e o movemento político organizado que se enfronta á violencia contra as mulleres ten un precursor estético na obra das cantantes de blues clásico. Galería Mulleres Muxía Febreiro 19: A Galería Mulleres de Muxía realza a figura de Mercedes Queixas Zas. Decembro 18: A titiriteira Larraitz Urruzola protagoniza o decembro da Galería Mulleres de Muxía: Novembro 2018: Novembro en negro na Galería Mulleres coa Nóbel da Paz Nadia Murab. Outubro 18: Teresa Castro, unha atleta costeira que bate marcas na Galería Mulleres. Setembro 18: A arte de Soledad Penalta protagoniza o setembro da Galería de Mulleres de Muxía. Xullo 18: A pintura abstracta de Berta A. Cáccamo chega á Galería Mulleres de Muxía. Xuño 18: A Galería Mulleres de Muxía repasa a loita de Angela Davís Maio 18: O maio da Galería Mulleres para coñecer a María Victoria Moreno, a protagonista das Letras Galegas Abril 18 A Galería Mulleres tamén chora o asasinato da activista brasileira Marielle Franco. Marzo 18: A Galería Mulleres de Muxía loita contra o esquecemento da morte da artista cubana Ana Mendieta. Febreiro 18: A palestina Ahed Tamíní protagoniza a Galería Mulleres do mes de febreiro. Xaneiro 18: Nacy Spero: Arte comprometida para comezar 2018 na Galería Mulleres Decembro 17: Judith Butler: A Filosofía "queer" toma o decembro da Galería Mulleres de Muxía. Novembro 17: A Galería Mulleres de Muxía resalta a figura de Victoria Camps. Outubro 2017: Chus Pato protagoniza a Galería Mulleres de Muxía Setembro 2017: A Galería Mulleres recupera a historia de Alice Guy, a primeira cineasta Agosto 2017: Mireia Belmonte dalle visibilidade á Muller no Deporte. Xullo 2017: A filósofa Celia Amorós protagoniza a Galería Mulleres do mes de xullo. Xuño 2017: A Galería Mulleres de Muxía homenaxea á feminista Fadela Amara Maio 2017: Carmen Blanco protagoniza a Galería Mulleres da biblioteca de Muxía Abril 2017: Maruja Mallo regresa á Galería Mulleres Marzo 2017: A Galería Mulleres recorda a xornalista e activista Carmen de Burgos Febreiro 2017: A Galería Mulleres descubre as pinturas de Sofonisba Anguissola Xaneiro 2017: A Galería Mulleres recoñece o traballo fotográfico de Ruth Matilda Anderson Decembro 2016: A Galería Mulleres de Muxía homenaxea a Eli Ríos Novembro 2016: María Balteira chega á Galería Mulleres da biblioteca de Muxía Outubro 2016: A Galería Mulleres dá voz á poesía mediática de Yolanda Castaño Agosto 2016: A Galería Mulleres lembra á primeira muller embaixadora da historia. Xullo 2016: A Galería Mulleres recupera a figura de Marguerite Duras. Xuño 2016: Unha das autoras máis destacadas da pintura chega á Galería Mulleres Maio 2016: Ecofeminismo dende a India para o maio da Galería Mulleres Abril 2016: Helena Villar Janeiro protagoniza a Galería de Mulleres da biblioteca de Muxía. Marzo 2016: Olympe de Gougues chega á Galería de Mulleres de Muxía Febreiro 2016: Rosalía de Castro volve á Galería de Mulleres de Muxía Xaneiro 2016: A Galería de Mulleres de Muxía homenaxea a Rosalía Fernández Rial Decembro 2015: A Galería Mulleres de Muxía lembra a historia de Ana Frank Novembro 2015: Unha oleira de Buño na Galería Mulleres. Outubro 2015: A Galería de Mulleres de Muxía homenaxea á escritora viguesa Ledicia Costas. Agosto 2015: A Rexubeira de Bergantiños, historia da Galería Mulleres: Xullo 2015: A Galería Mulleres de Muxía homenaxea neste xullo á escritora Emma Pedreira. Xuño 2015: Filosofía grega para o xuño da Galería Mulleres muxiá. Maio 2015: A Galería Mulleres queda na Coruña para coñecer a narrativa de Mercedes Leobalde. Abril 2015: A Galería Mulleres repara feridas cos poemas da arxentina Alejandra Pizarnik. Febreiro 2014: Coñecendo a provocadora literatura de Susan Sontag na Galería Mulleres. Xaneiro 2014: Erotismo para comezar o 2015 na Galería Mulleres. Decembro 2014: Mary Wollstonecraft trae o ensaio feminista á Galería Mulleres. Novembro 2014: Un recordo por Begoña Caamaño no novembro da Galería Mulleres de Muxía. Outubro 2014: Quen descubríu a Virginia Wolf na Galería Mulleres de Muxía?. Setembro 2014: A Galería Mulleres homenaxea por setembro a Ana María Matute. Agosto 2014: A ceense María Canosa protagoniza o agosto da Galería Mulleres. Xullo 2014: A Galería Mulleres de Muxía recupera a vida da mestra Ernestina Otero. Xuño 2014: Unha diva do ballet para o xuño da Galería Mulleres. Maio 2014: A Galería Mulleres lembra a loita polos dereitos de Mary Shelley. Abril 2014: Pintura romana para seguir coñecendo mundo coa Galería Mulleres de Muxía. Marzo 2014: A Galería Mulleres celebra os seus 4 anos recuperando a historia nome a nome con Concha Blanco. Febreiro 2014: A escultura arxentina de Lola Mora protagoniza o febreiro da Galería Mulleres. Xaneiro 2014: A Galería Mulleres de Muxía arrinca 2014 co compromiso de Elena Poniatowska. Decembro 2013: A Galería Mulleres de Muxía achéganos ao mundo de Doris Lessing. Novembro 2013: A escultora francesa Camille Claudel chega á Costa a través da Galería Mulleres. Outubro 2013: Savia nova con Berta Dávila para o outubro da Galería Mulleres. Setembro 2013: Un setembro heroico con María Soliña na Galería Mulleres de Muxía. Xullo 2013: Marta Dacosta, máis compromiso social para a Galería Mulleres. Xuño 2013: A escritora Marica Campo protagoniza o xuño da Galería Mulleres. Maio 2013: Rebeca Baceiredo aporta pensamento á Galería Mulleres de Muxía. Abril 2013: A artista muxiá Eva Castiñeira na Galería Mulleres de abril. Marzo 2013: A Galería Mulleres de Muxía cumple 3 anos con Teresa Alvajar. Febreiro 2013: Fina Casalderrey. Unha académica da RAG para o febreiro da Galería Mulleres. Xaneiro 2013: Exeria: a primeira peregrina cristiá estrea o 2013 na Galería Mulleres de Muxía. Decembro 2012: Luz Pozo, poesía mariñá para a Galería Mulleres. Novembro 2012: Un baile con Carolina Otero dende a Galería Mulleres de Muxía. Outubro 2012: Anisia Miranda protagoniza o outubro da Galería Mulleres de Muxía. Setembro 2012: Chavela Vargas no inicio do novo curso na Galería Mulleres. Agosto 2012: Syra Alonso achéganos ás torturas da represión franquista dende a Galería Mulleres. Xullo 2012: A Galería Mulleres preséntanos á pedagoga Antía Cal. Xuño 2012: Remedios Varo, pintura surrealista para o xuño da Galería Mulleres. Maio 2012: Xela Arias: poesía e tradución para o maio da Galería Mulleres de Muxía. Abril 2012: A científica Angeles Alvariño protagoniza o abril da Galería Mulleres de Muxía. Marzo 2012: Aurora Marco protagoniza o mes de marzo da Galería Mulleres e se achega por Muxía. Febreiro 2012: O Concello de Muxía dedica o mes de febreiro da Galería Mulleres a María Reimóndez. Xaneiro 2012: A Galería Mulleres de Muxía inclínase ante Frida Calo. Decembro 2011: A Galería Mulleres lembra este mes de decembro á imprescibible Concepción Arenal. Novembro 2011: A Galería Mulleres recupera o compromiso de María Miramontes. Outubro 2011: A Galería Mulleres expón este outubro á escritora Teresa Moure. Agosto 2011: Luisa Villalta, na Galería Mulleres durante este mes de agosto. Xullo 2011: A galería Mulleres de xullo está dedicada á filósofa e profesora galega Mª Xosé Agra Romero. Xuño 2011: Simon de Beauvoír, unha pensadora no xuño da Galería Mulleres. Maio 2011: María do Carme Kruckenberg, muller do maio na Galería Mulleres. Abril 2011: A Galería Mulleres viaxa ata Alemaña para coñecer á pintora alemá Käthe Kollwitz. Marzo 2011: A fisterrá Celia Rivas protagoniza o marzal da Galería Mulleres de Muxía. Febreiro 2011: Xohana Torres, a muller de febreiro na Galería Mulleres de Muxía. Xaneiro 2011: Xaneiro é o mes de Luz Darriba na Galería Mulleres de Muxía. Decembro 2010: A pensadora María Zambrano, a protagonista do Novembro da Galería Mulleres. Outubro 2010: Marilar Aleixandre protagoniza o outubro da Galería Mulleres. Setembro 2010: Coñecendo á actriz María Casares coa Galería Mulleres. Agosto 2010: A actriz e escritora Paula Carballeira protagoniza o agosto da Galería Mulleres. Xullo 2010: A transgresora pintora Maruja Mallo protagoniza o xullo da Galería Mulleres de Muxía. Xuño 2010: A escritora e pioneira feminista María Xosé Queizán protagoniza o xuño da Galería Mulleres. Maio 2010: Muxía dedica o maio da Galería Mulleres a Rosalía de Castro. Abril 2010: A primeira muller membro da RAG protagoniza o mes de abril da "Galería Mulleres" de Muxía. Marzo 2010: María Lado estrea a Galería Mulleres do Concello de Muxía. Fonte Concello de Muxía, da man de Viki Rivadulla. |
NOS_40791 | E chegou o momento de entrar na adega que, por suposto, pinta moito nas características finais dun viño. Que pasa dentro das cubas e como afectou ao viño que estou probando? Hai moitos xeitos de facer un viño, diversidade de técnicas e estilos persoais de quen elabora. Mais imos coñecer os procesos enolóxicos básicos que acontecen na adega e o proceder máis convencional na maior parte delas para obter os principais tipos de viño que atopamos regularmente no mercado. | Durante a vendima a uva comeza a entrar na adega. Comeza o seu procesamento para transformala en viño. Como se fai? Que acontece na adega? En esencia, o mesmo desde hai milleiros de anos: extraemos o mosto, o zume das uvas; deixamos que fermente, que ferva; e gardámolo en recipientes pechados protexidos do osíxeno. Despois de todo o que levamos dito do viño, definilo só como "mosto de uvafermentado" é tan limitado que case resultaría ofensivo, pero aí queda a frase para tela tamén en conta. Explicaremos paso a paso como se fai un viño, pero primeiro reparemos niso da fermentación. A fermentación alcólica é o proceso químiconatural polo que os lévedos transforman os azucres domosto en alcol. No proceso prodúcense ademais outras reaccións e transformacións que levan á aparición de novas substancias aromáticas, o aumento da temperatura, a xeración de gas carbónico... Ao longo dos séculos a fermentación alcólica foi espontánea, como aínda acontece en moitas casas, etemos un coñecemento científico maior dela desde Pasteur. Os lévedos que proceden do viñedo xunto aos depositados en cada adega, fan que o mosto dunha cuba arrinque a ferver en horas. Eses lévedos verédelos aparecer coa denominaciónde autóctonos ou salvaxes, e hoxe tamén poden ser cultivados en laboratorio. Despois da fermentación alcólica arranca a fermentación ou conversión maloláctica. Este proceso é de coñecemento científico máis recente. Prodúcese por acción de bacterias, non de lévedos, e provoca a conversión do ácido málico, que procede da composición da polpa da uva,en ácido láctico. O efecto noviño é o de suavizar a súa percepción sensorial ácida,por ser o láctico un ácido de gusto máis suave para nós que o málico. Todos os viños tintos pasan a maloláctica. Os tintos son tintos porque están elaborados con variedades tintas e o seu mosto é macerado coa pel, de onde extraen tamén a cor Nos brancos hai produtores que deciden non facela ou facela parcialmente se queren conservar notas málicas e un frescor máis natural. Neses casos adóitase prolongar acrianza do viño para favorecer a redución e a mellor integración da acidez. A variedade albariño nas Rías Baixas concentra unha cantidade importante de ácido málico. Favorecer a maduración na viña é esencial, pero unha vez a uva está na adega, a persoa que dirixe a enoloxía toma decisións ao respecto. A fermentación maloláctica é unha posibilidade.Contrarrestar a sensación ácida con produtos enolóxicos autorizados é outra. Hoxe vólvese apostar polo tempo de crianza na adega antes de saír ao mercado, como unha decisión enolóxica que fai compatíbel non alterar as súas propiedades orixinais cunha experiencia máis satisfactoria de consumo. Superar a noción de que os brancos deben ser mellor do último ano é unha boa idea para gozar máis deles cando nos referimos a producións que fan este tipode apostas. Por suposto,gardar o viño na adega implica un maior custo económico de produción. Paso a paso de brancos e tintos Cando os acios de uvas brancas entran na adega procédese primeiro a separaros bagos do cangallo. Os bagos diríxense a unha prensapara espremer o mosto, queserá separado tamén dasrestantes partes sólidas: pel esementes. O mosto diríxese aunha cuba de fermentación. Unha vez fermentado obtemos un viño branco. No caso dos tintos, os bagos non se prensan, esmáganse mantendo o mosto encontacto coas peles. Esta pasta manterase unida durante o tempo que se desexe facer a maceración. Na maceración o mosto extrae os compoñentes das peles dasvariedades de uva tintas: substancias colorantes, aromas, taninos... Iníciase a fermentación alcólica mentres o mosto macera, facendo que o sólido suba á superficie eforme un sombreiro que se debe regar ou somerxer con frecuencia para evitar o seu deterioro e para seguir coa actividade extractiva da maceración. Conseguida a maceración desexada, separaremos o mosto daspartes sólidas mediante unhaprensa. O mosto continuará a fermentación alcólica até completala e lograr viño tinto. Sobre estes procedementos básicos a persoa encargada da enoloxía poderá facer variacións e tomar decisións máis ou menos intervencionistas. Esta simplificación do proceso axúdanos a coñecer unha elaboración básica e a comprender a diferenza entre brancos e tintos. Os tintos son tintos porque están elaborados con variedades tintas e o seu mosto é macerado coa pel, de onde extraen tamén a cor. Canto máis tempo de maceración, máis extracción de cor, de taninos e doutros compoñentes. Nos brancos esta maceración non é habitual hoxe en día nas adegas, pero tamén se pode facer. A maceración extraerá tamén cor, que gañará en intensidade, pero seguirá sendo viño branco ao tratarse de variedades brancas (con pel branca). Maceración e fermentación poderán ser sometidas a temperatura controlada e realizadas en recipientes de distintos materiais con resultados diferentes. Como xa vimos noutro momento, o cangallo pode ser utilizado total ou parcialmente na vinificación. Da mesma forma, o viño poderá ser sometido a distintas trasfegas duns recipientes a outros con distintas finalidades: desfangado, osixenado, etc.Na vinificación poden ser empregados lévedos comerciais, coñecidos como lévedos secos activos (LSA). Adoitan utilizarse para evitar problemas coa fermentación,sobre todo en producións grandes ou por profesionais que manexan grandes cantidades sen posibilidade dun seguimento directo permanente, cando están en xogo moitas cubas que suman moitos litros de viño. O viño é un dos produtos alimentarios que menos produtos engadidos utiliza na súa elaboración Ao dirixir a fermentación condicionando a acción dunha parte dos lévedos autóctonos, teñen unha incidencia "artificial" na aromática final dos viños. Hainos máis agresivos e máis neutros. Na inmensa maioría dos viños, e en moitos produtosde alimentación, utilízanse sulfitos (xofre como compoñente activo en distintas formulacións) en doses aptas para o consumo humano. O seu uso ten centos de anos de tradición e a súa función é desinfectante,estabilizadora e conservante. Cómpre aclarar que o uso de sulfitos non ten relación co carácter ecolóxico, orgánico, biodinámico... dun viño. Estes conceptos refírense á viña, ás prácticas agrícolas na viticultura, e ningún deles implica non usar sulfitos ou ningún outro produto enolóxico na adega. Podemos ter a certeza de que o viño é un dos produtos alimentarios que menos produtos engadidos utiliza nasúa elaboración. Existen toda unha variedade de produtos regulados para o seu uso enolóxico. É desexábel que os viños sexan a expresión máis pura do seu terroir e que a intervención enolóxica se limite a acompañar einterpretar este proceso optimizando habilidades,coñecemento e tecnoloxía Exemplos na cata Todo o que acontece na adega chega á copa. Só saber que o alcol do viño nace nesta parte do proceso xa nos dá unha pista sobre a súa importancia na cata. Se detectamos unha entrada en boca máis doce nun viño tinto ou branco, por exemplo, poderemos intuír unha gradación elevada, a presenza de azucres residuais da uva por non completar a fermentación, ou o uso dalgún produto enolóxico para intensificar esa sensación. Nun tinto de cor intensa e cun paso por boca algo rasposo deduciremos unha maceración prolongada. Se nos aromas detectamos notas de iogurt ou queixo, serán indicios da fermentación maloláctica. Normalmente os viños moi perfumados de entrada que caen planos en cuestión de minutos, dannos pistas do uso de lévedos comerciais, de aromática máis artificiosa. Serán diferenzas que percibiremos por comparativa de viños distintos, algo moi importante na proba de viños, e a medida que vaiamos asociando determinadas percepcións sensoriais coas informacións que nos ofrezan persoas produtoras ou especializadas. Terras de tintos de calidade Nas culturas vitivinícolas como a nosa, o viño, sobre todo o tinto, tiña un valor curador e nutritivo que popularmente mesmo estaba asociado á produción de sangue no organismo. Nesta concepción antropolóxica, o viño era visto como o sangue da terra renovador do sangue do noso corpo, unha idea pagá, como outras, habilidosamente cristianizada pola Igrexa católica ao convertelo en símbolo do sangue de Cristo. A especialización da produción vitivinícola galega en viños brancos é unha decisión que con toda probabilidade ten relación con obxectivos de comercialización e concondicionantes de mercado relacionados coas necesidades doutras zonas de produción do Estado. Foi unha aposta que permitiu impulsar unha produción propia, neste caso de brancos, en convivencia durante décadas coa anomalía dun consumo interno maioritario de tintos procedentes doutras zonas. Galiza é o principal cliente consumidor estatal dos tintos de moitas adegas da Rioxa. Hoxe en día está a converterse tamén na zona de produción de brancos de grandes grupos empresariais foráneos para completar o seu portafolio, mediante a adquisición de adegas e superficie de viñedo. Esta especialización non ten que ver, como se indicou, nin co noso consumo interno maioritario, nin coa nosa posición xeoclimática, nin coa nosa tradición histórica. A posición atlántica da Galiza favorece a obtención de viños con boa acidez natural, algo ben tolerado na produción de brancos. Mais as nosas mellores terras de viños de todas as zonas de produción conseguen boas maduracións da uva adecuadas para a elaboración de calquera tipo de viño. A denominada "revolución" dos viños galegos ten nos tintos gran parte dos motivos para ser definida e recoñecida de forma tan categórica Mesmo xa non resulta doado conservar esa acidez natural nas zonas máis orientais. As tendencias internacionais actuais coa demanda crecente de tintos máis frescos, fluídos e bebíbeis favorecen claramente o crecemento da nosa produción de tintos. Na documentación histórica do período medieval e posteriores refléxase en moitas ocasións unha produción maioritaria de viño tinto en moitas parroquias vitivinícolas de zonas como O Ribeiro. É sabido que o consumo doméstico máis recente en zonas das Rías Baixas era de tintos mentres se vendía branco, e acabáronse arrincando boa parte das cepas tintas ancestrais das viñas. A produción de tintos ten potencial de crecemento no consumo e comercialización interna. Corrixirase así, pouco a pouco, a disfunción social dun país produtor que non bebe de forma normalizada os seus propios tintos. Progresivamente as cartas galegas de viños incorporan máis tintos galegos variados,en detrimento de tintos doutras zonas de perfís repetidos: distintas marcas de crianza e das mesmas variedades de uva e zonas. Cada vez máis, a recomendación básica de priorizar a oferta da produción alimentaria de proximidade ábrese camiño no relativo aos viños galegos. Sen dúbida unha produción máis equilibrada de tintos pode axudar á Galiza a gañar peso cualitativo internacional como zona vitivinícola no mundo. A denominada "revolución" dos viños galegos ten nos tintos gran parte dos motivos para ser definida así e recoñecida de forma tan categórica pola súa calidade xa demostrada e polo seu potencial. |
NOS_35684 | O persoal das factorías da Coruña e Avilés instaron os Executivos galego e asturiano a pular por unha intervención das plantas. | As organizacións sindicais con presenza na Mesa industrial creada para o mantemento da actividade nas plantas de aluminio da Coruña e Avilés instan o Goberno español, galego e asturiano a que tomen "as medidas legais necesarias para a intervención e control público da planta para poder garantir o emprego e a continuidade produtiva". Unha petición que xa tivo resposta desde Asturias. A Xunta Xeral do Principado vén de reclamar ao Ministerio de Industria que tome o control e a xestión directa das factorías da antiga Alcoa, agora Alu Ibérica, até que se garanta o cumprimento dos acordos acadados entre a empresa e os traballadores e traballadoras das factorías de Avilés e A Coruña. A proposta, de Esquerda Unida, foi aprobada co apoio de socialistas e Podemos e a abstención de PP e Cs. Mentres, na Galiza, o Goberno galego garda silencio perante a petición do persoal da planta da Coruña. A xunta de Feixoo non gosta de palabras como "intervención", malia ter competencias para iso. A raíz do conflito de Alcoa en San Cibrao, a nacionalización ou intervención volve situarse no primeiro plano do debate político. |
NOS_339 | O choque disputarase ás 20 horas desta quinta feira en Lugo. | Finalizou o tempo de espera e chegou a hora da estrea do Futsal Women's European Champions, que se disputará no Pazo dos Deportes de Lugo desde esta quinta feira e até o vindeiro domingo 5 de decembro. A representación galega neste torneo continental de nova creación recae no mellor equipo do mundo -segundo o portal especializado Futsalplanet-, o Pescados Rubén Burela. O conxunto mariñán, encadrado no Grupo I, abre fogo esta quinta ás 20 horas ante un rival de entidade, como é o ruso MFC Nomanochka. Con todo, o partido inaugural disputarase ás 17.30 horas entre dous equipos do Grupo II, o Benfica Portugués e o WFC Tesla ucraíno, tendo que agardar para o seu debut até mañá o Pescara Femminile italiano, único que restaría por xogar logo da ausencia de última hora do ŽNK Osijek croata a causa da Covid-19 O Noia fai historia e deixa fóra o poderoso O Pozo Dando o salto ao fútbol sala masculino, o Noia Portus Apostoli fixo historia na terceira rolda da Copa. Ante o cuarto clasificado da Liga Nacional de Fútbol Sala -un conxunto que acumula un palmarés case sen parangón a nivel estatal e que inclúe cinco ligas, seis copas e outras tantas supercopas-, a escuadra galega, que milita na Segunda División, deu a sorpresa deixando fóra O Pozo de Murcia tras superalo por 5-3. A actuación individual de Chus, con tres goles, foi chave para conseguir un resultado que deixa o Noia como único representante galego na Copa, pois o Pescados Rubén Burela e O Parrulo Ferrol caeron eliminados ante UMA Antequera (2-1) a domicilio e Osasuna Magna (2-5) na Malata, respectivamente. Desde a prensa murciana algunhas crónicas xa cualifican o mataxigantes noiés de "candidato" a facerse co título copeiro. |
PRAZA_13771 | Veciñanza de Compostela convidada pola libraría Lila de Lilith e As Dúas réndenlle unha "mullerenaxe" ás Marías compostelás no septuaséximo sexto aniversario do golpe franquista que provocou o estourido da Guerra Civil | "As dúas en punto" ás dúas en punto. Durante moitos anos cada día a esa precisa hora Maruxa e Coralia collíanse de ganchete e paseaban pola Alameda de Compostela. Saudaban, rían e brincaban cos outros paseantes mentres lucían vestidos e panos de vivas cores. "Vestíanse de luz e forza", lembrou ás dúas da tarde deste mércores a poeta Luz Fandiño ao pé da estatua que as lembra no mesmo lugar polo que tanto pasearon. Facíao convidada pola Lila de Lilith e pol'As dúas, libraría e local de hostalería que adoitan transcender as súas respectivas actividades profesionais para internárense na vida cidadá e na defensa de múltiples iniciativas sociais, a comezar polos dereitos das mulleres. Setenta e seis anos despois de que o golpe de Estado franquista provocase o estourido da Guerra Civil propiciaron a convocatoria dunha "mullerenaxe", unha homenaxe concibida por mulleres e aberta a toda a veciñanza da capital para lembrar que as irmás Fandiño, as Marías, eran moito máis que dúas alegres paseantes. Porque por tras dos panos e dos vestidos de cores houbo case todo menos ledicia. Recordouno Luz Fandiño coa lírica que a acompaña aínda que non recite. Na súa ampla familia, de doce fillos e fillas, existía un "compromiso ideolóxico indubidable". Os seus nove irmáns e o seu pai eran militantes da CNT na "época de esperanza" da II República. Puñan así en práctica o seu "soño revolucionario" ata que foi "afogado polo golpe fascista" e o aparello de represión que estendeu, no caso galego, inmediatamente despois da sublevación do 18 de xullo. Os varóns da casa fuxiron e elas, Maruxa e Coralia, "tiveron que vivir nos seus corpos a represión". O "acoso" dos falanxistas, as ameazas continuas, as humillacións en forma de aceite de ricino ou de cortado forzoso do cabelo "cebáronse nelas". E elas víronse abocadas a "adaptarse, e é moito dicir, á represión, á marxinación e á fame". "O acoso dos falanxistas, a represión, a marxinación e a fame cebáronse nelas" Neses anos nos que "toda Galiza semellaba un campo de concentración" ás Marías negáronselles os dereitos e elas, dalgún xeito, "tolearon". Dende unha tolería que era tamén desafío á moral hipócrita da ditadura convertéronse en mulleres "ledas e riseiras", luz no medio dunha "Compostela escura" que se estendía dende a súa casa na rúa do Espírito Santo, no barrio cuxa asociación de veciños leva actualmente o seu nome, ata o mesmo centro da Alameda. Esa mesma luz riseira foi a que destilou a "mullerenaxe" deste mércores, onde a memoria da represión franquista estivo tamén acompañada de símbolos e cantos á esperanza. Os símbolos foron as flores lilas e vermellas que depositaron ao pé da estatua das Marías as persoas presentes no acto, entre as que se atopaban a profesora Encarna Otero, estudosa da historia de Maruxa e Coralia, a escritora Marilar Aleixandre, a voceira parlamentaria do BNG, Ana Pontón, ou o líder local da formación nacionalista, Rubén Cela. Os cantos puxéronos Uxía Senlle e Sonia Lebedynski e boa parte das voces das e dos asistentes. Ao remate, "as dúas en punto" quedaron onde sempre, no seu paseo de memoria. As Marías, mulleres de luz inmensa na Compostela gris, por Encarna Otero no Album de mulleres |
PRAZA_6006 | Na súa nova andaina a editorial apostará polo saída ao exterior, a poesía e o mundo dixital, sen perder de vista os seus principios fundacionais | "Laiovento mantén o seu espírito, segue a ser o mesmo. Continuamos pola senda do rigor científico, a calidade estética e a liberdade creativa". Así define o presente e o futuro da editorial Afonso Ribas, un dos fundadores do selo nacido en 1991. Deste xeito, Laiovento vive a apertura dunha nova etapa dende que o pasado mes de marzo Francisco Pillado, o seu director e presidente de honra de Praza Pública, anunciase a súa desvinculación co proxecto. Nunha entrevista publicada en marzo en Praza, Pillado aseguraba que se atopaba "desmoralizado", "canso" dun labor editorial á "contra", nun escenario difícil no que a Xunta renunciou a todo apoio. "Durante todos estes anos fun feliz co traballo, pero agora non desfruto. Traballei sempre sen remuneración ningunha, e agora xa non me compensa", aseguraba na entrevista. O relevo collérono Pepe Carreiro e Afonso Ribas, quen xunto a Xesús Couceiro, seguirán dándolle pulo a Laiovento. A intención pasa por manter o espírito da editorial, mais introducíndose en novas sendas de cara ao futuro. Deste modo, o selo apostará –entre outras mudanzas- pola publicación de poesía de autores galegos e pola exploración no eido dixital. "Cómpre traballar polo mundo dixital, toca renovar a web e dar moitos pasos de cara ao futuro. Non é un camiño nada fácil, tendo en conta o disparatado sistema fiscal español, na que o libro dixital carga cun 21% de IVA e nun estado que, realmente, non promove o mundo dixital", sinala Afonso Ribas. O relevo collérono Pepe Carreiro e Afonso Ribas, quen xunto a Xesús Couceiro, seguirán dándolle pulo a Laiovento. A intención pasa por manter o espírito da editorial, mais introducíndose en novas sendas de cara ao futuro Unhas das novidades neste novo traxecto emprendido por Laiovento destaca a implicación clara na poesía. "Comezamos a publicar poesía nunha colección, Altovento. Consideramos que hai moita demanda de poesía de calidade. Por iso queremos afondar neste xénero con autores galegos", explica Ribas. Cara ao exterior Un dos intereses da dirección de Laiovento é abrirse ao exterior como vía de crecemento. "As tiraxes acó dan para pouco máis que sobrevivir", sinala Ribas Un dos intereses da dirección de Laiovento é abrirse ao exterior como vía de crecemento. "As tiraxes acó dan para pouco máis que sobrevivir", sinala Ribas. Nese senso, a súa intención é ir ao exterior a través das traducións. Así, a editorial buscará libros que non estean traducidos ao galego e que se atopen descatalogados tamén no ámbito do estado para ofrecerlle o libro a senllos mercados. "Buscaremos eses libros, con criterio de calidade, traducirémolo primeiramente ao galego e, a posteriori, meses despois, verteranse ao castelán. A tiraxe ao castelán, en calquera caso, será vendida fóra de Galicia", sinala Ribas, quen tamén engade que este funcionamento tamén o levan a cabo "vascos e cataláns." "Hai que ter en conta que gran parte da súa industria está no castelán", sinala. O primeiro título que publicarán dentro desta lóxica será O retrato do colonizado, de Albert Mammi, autor franco-tunesino nacido en 1920. O volume, publicado orixinalmente en 1957, recolle as súas preocupacións identitarias, ao ser Mammi xudeu, tunesino e francés a un tempo. O libro resulta ser unha reflexión sobre a relación entre un país colonizador e un país colonizado. Manterse a flote "A situación económica non é boa, os bancos apertan", recoñece sen caer no derrotismo Afonso Ribas recoñece que o camiño agora ten os seus atrancos, que non é fácil. "A situación económica non é boa, os bancos apertan", recoñece sen caer no derrotismo, xa que Laiovento leva máis de vinte anos en funcionamento, teñen un proxecto de futuro e que seguirán, malia as mudanzas, apostando polo seu espírito fundacional. É dicir, traballo altruísta, sen ánimo de lucro e cuxos beneficios sempre se reinvestiron na publicación de novos volumes, principios que sempre se mantiveron dende a súa creación da man de Francisco Pillado, Afonso Ribas, Pepe Carreiro, Xesús Couceiro, Manuel González Millares e Xosé Manuel Beiras. Mostra de que a actividade segue en marcha é que tras a saída de Pillado, a editorial seguiu tirando do prelo títulos como Textículos dramáticos e postdramáticos, de Alfonso Becerrá ou Nunha presa de terra, de Paco Castro, últimos libros que se uniron ao catálogo. Un catálogo que segue vivo. Laiovento tamén. E sempre co obxectivo de convidar, tal e como recolle o seu web, "a todos os homes e mulleres deste vello a participaren connosco nunha empresa que ten como único obxectivo o de contribuír desde unha óptica plural, aberta e progresista, á construción nacional da Galiza". |
NOS_17911 | Salienta a "resposta social e cidadá" fronte ao proxecto. | A plataforma veciñal Mina Touro -O Pino NON celebrou a fin do que considera que era un proxecto "sen garantías" tras coñecerse na xornada desta terza feira que a Xunta denega o proxecto tras a declaración de impacto ambiental desfavorábel. Nun comunicado remitido aos medios, a plataforma lembra os tres anos de "resposta social" contra este proxecto, con "informes técnicos negativos e centos de organizacións sociais e locais que se mobilizaron con contundencia contra o que era máis que evidente" Con todo, "a pesar das evidencias", a plataforma lamentou que se tivese que esperar até esta semana, "un ano despois da declaración de impacto ambiental negativa", a que a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais dese a coñecer a súa decisión de comunicar a resolución negativa do proxecto ao mercantil Cobre San Rafael SL. A plataforma, que explica que aínda non coñece a resolución a pesar de figurar como interesada na causa, espera que esta lle sexa remitida "o antes posíbel" e "sen ter a necesidade de requirila vía rexistro electrónico". Neste sentido, considera "esencial" que as administracións permitan que a cidadanía e as organizacións ambientais teñan dereito ao acceso á información pública "en tempo e forma" para que se lle permita defenderse. "De non ser pola resposta social e cidadá, este proxecto e moitos outros de similares características son susceptíbeis de aprobación sen ningún tipo de supervisión, nin comprobación, con todas as catastróficas, terribles, calamitosas repercusións e ausencia de garantías que implican para o medio natural, cultural, como así quedou demostrado no caso do proxecto da mina de Touro", apunta. |
NOS_25267 | A superficie total abranguida é de 113.970 hectáreas, o que representa case o 4% da superficie continental galega | En xuño de 2012, e após tres anos de traballo, presentábase de forma oficial a candidatura a Reserva de Biosfera "Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo". Agora, o Comité concultivo internacional para as Reservas da Biosfera recomenda que se aproben tres novas reservas no Estado español, unha delas a das Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo. A Asociación de Desenvolvemento Rural "Mariñas - Betanzos" viña traballando, desde o ano 2010, na Candidatura a Reserva da Biosfera das "Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo" xunto coa Deputación da Coruña, no territorio que comprende os concellos coruñeses de Abegondo, Aranga, Arteixo, Bergondo, Betanzos, Cambre, Carral, Cesuras, Coirós, Culleredo, Curtis, Irixoa, Miño, Oleiros, Oza dos Ríos, Paderne, Sada e Sobrado dos Monxes. A superficie total abranguida é de 113.970 ha, o que representa o 3,9% da superficie continental galega. MaB O Programa sobre o Home e a Biosfera (MaB), da UNESCO, iniciado a principios dos años 70, desenvolve as bases, dentro das ciencias naturais e sociais, para o uso sostíbel e a conservación da diversidade biolóxica e para a mellora das relacións entre as persoas e o medio ambiente. Ao longo de máis de trinta anos de funcionamento, o Programa ten ido centrando a súas actuacións na figura de Reserva da Biosfera. Na actualidade, o obxectivo prioritario do Programa MaB é promover o funcionamento das Reservas da Biosfera individuais e, sobre todo, potenciar a Rede Mundial de Reservas da Biosfera. Ésta é considerada un instrumento eficaz para a aplicación de proxectos de conservación e uso sostible da diversidade biolóxica, para o desenvolvemento de programas científicos e para a xestión integrada dos recursos naturais, a través da aplicación do concepto de Reserva da Biosfera no terreo. |
NOS_12173 | Máis de 500 persoas participaron nunha cadea humana para reclamar ao Sergas a apertura do centro de saúde da parroquia de Parga | Máis de 500 persoas participaron nunha cadea humana para reclamar ao Sergas a apertura do centro de saúde da parroquia de Parga Os participantes estaban unidos entre si mediante lazos, proporcionados pola Comunidade de Montes e Comerciantes de Parga. Segundo denuncian, o consultorio, pechado ao comezo do estado de alarma, unicamente abre os terzas e as quintas para extraccións de sangue. As protestas continuarán o vindeiro día 9 de xullo, cando se deplazarán a Lugo para manifestarse a partir das 10 horas na chaira do Hospital Lucus Augusti. |
PRAZA_19056 | O tapom urbanístico que tapava um ângulo estratégico da costa e ocultava o emblema do nosso povo, o castelo, podia ser removido. Mas García Seoane espera secretamente algumha contrapartida ou benefício desta operaçom: Qual será? Algumha cousa tem em jogo o Presidente da Câmara para tomar partido a favor de interesses particulares tam paladinamente. | Em datas recentes, a entidade que presido, Santa Cruz Aberta ao Mar, publicou um comunicado criticando o facto de que o Presidente da Câmara Municipal de Oleiros, Ángel Garcia Seoane, chamasse aos corunheses a mobilizar-se polos terrenos da Solana, que a Autoridade Portuária pretende subastar, entrando numha clara contradiçom com a sua atitude no concelho que ele governa a respeito da parcela do Maxi em Santa Cruz. A raíz do comunicado, fum entrevistado polo rotativo La Opinión de A Coruña, e nessa breve entrevista manifestei que haveria resposta às declaraçons de García Seoane (em realidade o comunicado já pretende ser umha resposta) mas que ainda teriamos que estudar quais seriam as iniciativas a tomar (pronto se conhecerám essas novas açons) A contra-réplica do Presidente da Câmara chegou desde a Cadena Ser, em forma de insulto; insultos contra mim absolutamente injustificados e desproporcionados e insultos e desprezo contra a nossa associaçom A contra-réplica do Presidente da Câmara chegou desde a Cadena Ser, em forma de insulto; insultos contra mim absolutamente injustificados e desproporcionados e insultos e desprezo contra a nossa associaçom. Nom há maior desprezo do que a negaçom, o problema é que por muito que o senhor García Seoane negue a existência de Santa Cruz Aberta ao Mar, sabe que a associaçom existe legalmente, e que muito antes de que existisse como tal já existia a plataforma com o mesmo nome. Dizer que Santa Cruz Aberta ao Mar a inventei eu é simplesmente mentira, as origens de Santa Cruz Aberta ao Mar remontam-se a umha assembleia aberta celebrada no terreno do Maxi. A minha incorporaçom foi bastante posterior a aquela assembleia. Que quem somos? Pois depende...o núcleo duro da associaçom é com certeza um número reduzido de pessoas, a corrente de opiniom que representamos é bastante mais ampla e nela haveria que incluir como mínimo a todas as pessoas que assinarom quando recabávamos apoios contra o hotel, além de todas as pessoas que nom o fixerom por medo a possíveis repressálias. A corrente de opiniom que representamos é bastante mais ampla e nela haveria que incluir como mínimo a todas as pessoas que assinarom quando recabávamos apoios contra o hotel Das parvoíces que di García Seoane a respeito do que reivindicamos, todas essas incongruências e infúndios, nada que comentar já, porque repetir-se é umha perda de tempo. As hemerotecas contenhem informaçom bastante esclarecedora sobre essa questom. Perguntas que García Seoane nunca responderá Seguimos sem ter resposta para muitos interrogantes que se abrem a esta altura dos acontecimentos. A primeira é porquê nunca o Presidente da Câmara Municipal quixo falar com Santa Cruz Aberta ao Mar. Como associaçom legalmente constituida e personada no expediente do Maxi representando interesses legítimos, temos direito a audiência. Dar-nos audiência nom compromete a nada; nem a dar-nos a razom, nem a acceder a umha soa das nossas reivindicaçons e, além disso, é umha oportunidade para demostrar-nos que ele tem razom (a nom ser que nom a tenha). As conseqüências de constroir o novo hotel onde o estám a constroir só podem ser negativas; de um ponto de vista ambiental e paisagístico, e também de um ponto de vista patrimonial Em todo caso, se tam poderosas e incontestáveis razons lhe assistem para nom modificar a sua postura, porquê cada vez que lhe mencionam o tema perde os papeis e responde insultando? Quê há de inconfessável em todo este assunto? O que nos leva ao que já manifestei na entrevista que me fixerom em La Opinión: invoca-se à mobilizaçom popular na Corunha polos terrenos da Solana e em Oleiros difama-se e insulta-se a toda umha corrente de opiniom formada por centos de pessoas que discrepa pola ubicaçom de um hotel. Algumha cousa nom encaixa nisto tudo... Algumha cousa tem em jogo o Presidente da Câmara para tomar partido a favor de interesses particulares tam paladinamente O que temos absolutamente claro em Santa Cruz Aberta ao Mar é que as conseqüências de constroir o novo hotel onde o estám a constroir só podem ser negativas; de um ponto de vista ambiental e paisagístico, e também de um ponto de vista patrimonial. É restaurar um problema que se poderia ter corrigido. O tapom urbanístico que tapava um ângulo estratégico da costa e ocultava o emblema do nosso povo, o castelo, podia ser removido. Mas García Seoane espera secretamente algumha contrapartida ou benefício desta operaçom: Qual será? Algumha cousa tem em jogo o Presidente da Câmara para tomar partido a favor de interesses particulares tam paladinamente. |
PRAZA_13879 | O presidente da Xunta teima na súa defensa da reforma da lei electoral e presume de que a súa proposta de reducir o número de parlamentarios fora apoiada por outros dirixentes autonómicos. A proposta para reducir o Parlamento enviada á oposición mantén os dez deputados fixos por provincia. | Feijóo non dá marcha atrás na súa tesoirada ao Parlamento. O presidente da Xunta defendeu este martes que "os parlamentos son igual de democráticos se son de 100, de 80 ou de 60" deputados. Así respondeu o líder do PPdeG ás acusacións de PSdeG e BNG, que o acusaron de intentar consumar unha "fraude electoral" ou un "golpe de estado" logo de que anunciase a súa intención de reducir o número de deputados de 75 a 61 con ou sen consenso. Logo dunha xuntanza cos novos responsables da fábrica de Clesa en Caldas de Reis, o xefe do Executivo galego asegurou tamén que non ten "nada máis que engadir" sobre unha proposta que está levantando críticas non só en Galicia, senón tamén por parte doutras formacións políticas do Estado. "Non creo que a maioría das comunidades autónomas non queiran ser democráticas" "En España, neste momento, a maioría das comunidades autónomas comprometémonos a reducir os gastos institucionais e os gastos políticos, da mesma forma que en Galicia diminuímos un 40% os membros do Goberno e creo que é un goberno perfectamente democrático aínda que sexa máis pequeno", argumentou Feijóo, que nada dixo dos beneficios electorais para o PP da posible reforma, nin da perda de pluralidade nin doutras alternativas de aforro. "A maioría das comunidades autónomas están a expor unha redución dos seus deputados", insistiu Feijóo, que volveu presumir do apoio dos presidentes autonómicos do PP á súa tesoirada. "Non creo que a maioría das comunidades non queiran ser democráticas", insistiu, tras manifestar que a democracia se reforza "coa representitividade e a representatividade refórzase co rigor e co respecto á xente que está en paro e aos desempregados e ás dificultades que están a pasar as familias e as empresas". "O democrático é cumprir o Estatuto de Autonomía" Así, lembrou que a Xunta reduciu nun 50% o número de altos cargos e subliñou que "os altos cargos son igual de democráticos se son 500 ou se son 250". "O democrático é cumprir o Estatuto de Autonomía", teimou. |
NOS_45581 | O PSdeG declinou respaldar este movimento conxunto das formacións lideradas por Pontón e Villares. De acordo co regulamento da cámara, a iniciativa para a constitución dunha comisión non permanente para o estudo dunha materia concreta poden tomala dous grupos parlamentares conxuntamente. O acordo teno que tomar a Mesa, controlada polo PP. | En Marea (14) e BNG (6) non reúnen por si sós suficientes parlamentares para, contra o criterio da maioría, forzar a constitución dunha comisión de investigación. De acordo co regulamento, criaríase automaticamente se así o demandase un terzo das e dos deputados (25) sempre que pertencesen a un único grupo ou 2/5 das e dos parlamentares (30) se fixesen parte de dous grupos (como é o caso). Portanto, a constitución da comisión de investigación dependerá da vontade política do PP, tocado politicamente polo asunto sendo que a persoa que encabeza a Autoridade Portuaria de Vigo é o ex conselleiro popular Henrique López Veiga. Porén, o PP podería acabar apoiando a iniciativa, visando erosionar a figura de Abel Caballero, alcalde da cidade olívica. Ana Pontón, a líder do BNG, defende tamén a convocatoria urxente da Deputación Permanente e a comparecencia en pleno do presidente da Xunta para "dar conta dos feitos, analisar as responsabilidades e tomar as medidas oportunas para evitar que sinistros destas características poidan repetirse", afirma a formación frentista nun comunicado de imprensa. |
PRAZA_20687 | UGT anunciou o inicio de paros parciais a partir do 20 de agosto. Os outros tres sindicatos critican que a convocatoria se fixese "de costas" ao persoal e antes de iniciar o proceso negociador previsto coa empresa para demandar unha mellora das condicións laborais. | O pasado xoves UGT anunciou a convocatoria de paros parciais nos servizos de seguridade privada dos aeroportos da Coruña e Santiago a partir do 20 de agosto como protesta "contra a precarización das condicións laborais e un modelo de sector baseado, exclusivamente, na competencia de prezos", sinalaba o sindicato nun comunicado. A seguridade en Alvedro é responsabilidade de Eulen (a mesma empresa á que lle foi concesionado o servizo no Aeroporto de Barcelona), mentres que no Rosalía de Castro de Compostela a concesionaria é Prosegur. A convocatoria de folga lanzada por UGT foi respondida con críticas polos restantes sindicatos -CIG, CCOO e USO- que rexeitan os paros. CCOO e USO critican que a folga "se convoque de costas aos traballadores e traballadoras" e afirman que UGT pretende "facer campaña publicitaria" a conta da folga deste mesmo colectivo no aeroporto de Barcelona. "A UGT decidiu non contar coas demais forzas sindicais, e toman a decisión de costas aos traballadores/as dos aeroportos e dos demais sindicatos tendo que sabelo polos medios de comunicación", denuncia a CIG. As seccións sindicais estaban a preparar as reclamacións das traballadoras e traballadores, co obxectivo de trasladarllas á patronal e iniciar as negociacións Os tres sindicatos lembran que as seccións sindicais das organizacións que neste momento compoñen a representación legal do persoal estaban a preparar as reclamacións das traballadoras e traballadores, co obxectivo de trasladarllas á patronal e iniciar as negociacións. "Mantivemos un primeiro contacto hai 20 días, onde se quedou en reunírmonos con asesores dos sindicatos con presencia no comité de empresa para unificar as reivindicacións que se estimasen e realizar unha folla de ruta para facer as cousas correctamente", destaca a CIG. A CIG acusa a UGT, ademais, de ter contribuíndo a "tirar abaixo" as condicións laborais coas que contaban os traballadores e traballadoras dos aeroportos ata xuño de 2012. "Supuxo que cada vixilante perdese 2.250 euros anuais", engade. CCOO, USO e CIG non descartan, con todo, que se chegue a convocar mobilizacións e paros no caso de que as negociacións coa empresa (aínda non iniciadas) non fructifiquen, "pero antes deben comezar", destacan dende CCOO. |
NOS_45113 | Organizacións políticas e sindicais convocan actos este 12 de agosto en lembranza do militante nacionalista. | Cando se cumpren 41 anos do asasinato de Xosé Ramón Reboiras Noia, Moncho, organizacións políticas e sindicais convocan actos de homenaxe e lembranza ao militante nacionalista asasinado pola policía franquista o 12 de agosto de 1975 en Ferrol. A Unión do Povo Galego (UPG) iniciará a xornada no cemiterio de Imo (Dodro) ás 12 horas cunha ofrenda floral. Posteriormente organizan un xantar popular na Finca da Cortiña por volta das 14:30h, no Concello de San Sadurniño. Na sobremesa terá lugar un debate intitulado A mudanza real que a Galiza precisa. Xa pola tarde a UPG convoca en Ferrol a tradicional ofrenda no portal da Rúa da Terra no que foi abatido a balazos por axentes da Brigada Político-Social Moncho Reboiras e posteriormente un acto político no Cantón no que intervirán Manuel Polo, Secretario de Zona da UPG en Ferrolterra, Antía Ínsua, Comité Nacional da UMG, e Néstor Rego, secretario xeral da UPG. Tamén o Movemento Galego ao Socialismo (MGS) organiza un acto de homenaxe a Reboiras ás 13 horas no cemiterio de Imo (Dodro) no que intervirán Xoán Bautista Mariño, concelleiro do BNG de Dodro que participou de cativo no enterro de Moncho Reboiras hai 40 anos, nunha parroquia tomada pola Guardia Civil; Daniel Barral, Mesa Nacional de Isca!; Lois Ríos, dirixente da UPG nos anos 70 e un dos militantes que estaba no piso de Ferrol o día do seu asasinato e Noa Presas, membro da Mesa Nacional do MGS e membro da Executiva do BNG. Tamén contarán coa actuación do cantautor Tino Baz. Ao remate terá lugar un xantar popular nunha carballeira para posteriormente realizar unha visita guiada aos petróglifos de Bouza Abadín. Pola súa banda a Confederación Intersindical Galega (CIG) da man da Fundación Moncho Reboiras para o Estudo e a Divulgación da Realidade Social e Sindical na Galiza editou unha biografía e unha lámina con motivo do 41º aniversario na que presenta a súa evolución vital, dende o seu nacemento en Imo (Dodro) en 1950 até o seu asasinato pola policía franquista en Ferrol o 12 de agosto de 1975. Xerira e a FPG organizan un acto político conxunto o sábado 13 de agosto no Mercado de Teis ás 12h e un xantar popular posterior no CS Mistura. |
NOS_15481 | O goberno ucraíno e a Eurocámara asinaron un acordo de asociación. O Tratado de libre comercio adíase até 2016. | A orixe do conflito na Ucraína, coa praza do Maidan ateigada de manifestantes, residía na decisión adoptada en novembro de 2013 polo daquela presidente, Viktor Ianukovytch, de non asinar o acordo de aproximación coa Unión Europea, negociado desde había cinco anos. Após dez meses, daquel feito, esta terza feira (16 de setembro) a Rada e o Parlamento europeo aprobaron a sinatura do acordo de asociación e a incorporación da Ucraína como un socio preferente nas relacións comerciais europeas. A creación dunha área de libre comercio entre ambos os dous blocos adiouse até 2016 O debate e votación na Eurocámara --que se desenvolveu conxuntamente con Kiev através dunha conexión por videoconferencia-- non estivo exenta de confrontación. Neste senso, o grupo parlamentar da esquerda europea decidiu abandonar a sesión como mostra de rexeitamento polas relacións que a sinatura deste acordo estabelece entre Bruxelas e o goberno de Kiev. Un executivo que é froito dun golpe de Estado e que está participado por formacións da ultradereita. E é que este primeiro acordo suporá non só unha importante aproximación entre os dous blocos, senón tamén un chanzo máis na integración política e económica da Ucraína na Unión Europea. Aliás, o grosso do texto e, tamén, a súa parte máis conflitiva --o libre comercio-- fica adiado até comezos de 2016. A sinatura do acordo de asociación afasta a Ucraína da área de influencia rusa Esta decisión foi interpretada como unha medida preventiva á espera de a tensa relación entre Rusia e a Unión mellorar. Porén, as institucións comunitarias aseguran que foi unha petición das autoridades ucraínas para aproveitaren este tempo de demora de modo a faceren "máis competitivos" os seus produtos a respeito do mercado europeo. Sexa como for, esta área económica de libre comercio non se fará efectiva até dentro de dous anos o que permitirá á propia Federación rusa adaptar a súa economía perante o que semella un abandono da Ucraína da súa área de influencia. "Estamos corrixindo un erro que se cometeu hai 350 anos", afirmou na sesión parlamentar conxunta o primeiro ministro ucraíno, Arseny Iatseniuk, "Ucraína é Europa". |
NOS_43425 | Critican "o modelo depredador e escurantista que promove o PP". | O grupo municipal do BNG de Cerdedo-Cotobade vén de presentar alegacións contra o proxecto de parque eólico de Pedra Longa, que afecta, ademais da parroquia de Tomonde, os concellos da Estrada e Forcarei. Cerdedo-Cotobade sae á rúa contra o espolio dos eólicos O proxecto de Pedra Longa comparte liñas de evacuación co das Penizas, situado entre Cerdedo-Cotobade e Forcarei e súmase aos outros parques en tramitación que neste concello: Campo das Rosas, Porto Vidros, Siroco, Tramontana, Rula e Os Cotos. Segundo explicou o portavoz municipal do BNG, Ernesto Filgueira, os nacionalistas fan as alegacións promovidas pola asociación Petón do Lobo, baseadas nun "estudo amplo, serio e rigoroso que detalla afectacións a recursos hídricos, á paisaxe, á avifauna, ademais de afectar a espazos da Rede Natura, como a serra do Cando e a serra do Candán". Mobilización en Cerdedo-Cotobade contra o parque eólico dos Cotos Neste sentido, o BNG exixe que se faga unha "planificación seria e rigorosa dos parques eólicos, analizando o impacto na súa globalidade, e con criterios de transparencia, participación, sustentabilidade, e con repercusión económica na zona". Enerxía "limpa e xusta" "Non é de recibo que saturen o noso territorio de muíños de vento, coas súas correspondentes infraestruturas, sen un estudo serio e completo das súas afectacións", criticou Filgueira. Veciñanza de Cerdedo-Cotobade pide ao Concello "compromiso" contra os eólicos O portavoz nacionalista manifestou que "basta xa de traballar para favorecer o negocio das eléctricas. Precisamos unha enerxía, limpa, xusta, que deixe beneficios nas comunidades nas que se instalan e que coiden e protexan o noso medio natural, social e cultural". Para Filgueira, a proposta eólica do BNG representa "todo o contrario do modelo depredador e escurantista que promove o PP". Mobilización cidadá contra os eólicos en Castrove, Cerdedo-Cotobade, Salvaterra de Miño e As Neves Por último, afirmou que "os veciños e veciñas saben que nos terán sempre ao seu lado, na defensa dun rural vivo e dinámico contra o espolio e depredación que pretender acometer grandes compañías eléctricas, co apoio entusiasta da Xunta". |
NOS_26009 | Homenaxes en Regodobargo e O Carballiño | Suso Vaamonde percorreu estraños camiños. A súa canción de intervención naceu canda as míticas Voces Ceibes, mais nunca acabou de se integrar no colectivo. O seu disco de 1977, o directo Nen rosmar un laído, é emblemático dun tempo e un país, pero hai anos que está fóra de catálogo. Musicou amplamente Celso Emilio Ferreiro e porén o seu traballo apenas figura entre as influencias de quen despois traballaron sobre o poeta. Condenado en 1980 a seis anos e un día de prisión por "inxurias á Patria con publicidade", exiliouse en Inglaterra, Alemaña e Venezuela e pasou mes e medio no cárcere de Ourense, até que lle concederon o indulto catro anos máis tarde da sentenza. As súas composicións para cativos con textos de Manuel María ou Neira Vilas atinxiron gran popularidade cando xa ninguén agardaba por Vaamonde. Mais, malia o desleixo da industria cultural cara ao seu legado, a vinte anos da súa morte, homenaxes en Regodobargo e O Carballiño amosan que a súa figura respira. "É un piar fundamental da xeración que iniciou a música en galego", explica Belém Tajes, integrante do dúo soul Vudú e crítica musical en Sermos Galiza, "mais a súa obra estase perdendo. Non hai reedicións dos discos. As novas xeracións están desconectadas da historia da música galega, que está escurecida". Con excepcións, puntualiza, como a súa propia ou a de cantautores de novas fornadas. Vaamonde (Ponte Caldelas, 1950-Vigo, 2000) rexistrou o seu primeiro traballo, o lendario Loitando, de maneira clandestina en 1975. Contiña poemas de Cabanillas, Celso Emilio ou mesmo Chicho Sánchez Ferlosio. Xosé Constenla é outra desas excepcións. Coñece ben a súa obra, desde que, de cativo, aprendeu Galiza ou Eu en ti. "Ao comezar a cantar en actos políticos e culturais adoptei Daniel [sobre o poema de Darío Xohán Cabana] ou Uah! [a que lle valeu o exilio]. O seu traballo sempre estivo presente no meu, aínda que de xeito non central", di a Nós Diario, "logo distancieime un pouco. Bebín doutras fontes e caín, non intencionadamente, nalgo que sempre se falou polo baixo: que os seus temas eran simples, de harmonías moi básicas e que a súa voz non axudaba". Mais Constenla non se conformou e hai uns anos volveu escoitalo "en serio". A información íntegra pode ser consultada na edición en papel de Nós Diario, á venda nos quioscos, ou na súa lectura na nube |
NOS_51835 | O Sindicato Labrego Galego sinala que 60% dos titulares de granxas superan os 60 anos | A Covid-19 levou moitas persoas a deixar atrás a cidade e a apostar por unha vida no rural. A pesar diso, a actividade agraria segue sen atraer a xente nova. Por este motivo, desde o Sindicato Labrego Galego (SLG) esixen á Xunta que habilite novas liñas de axudas para facilitar o relevo xeracional nas explotacións, cuxos titulares superan en moitos dos casos os 60 anos de idade. Galiza afronta un reto demográfico importante marcado polo avellentamento da poboación e o escaso relevo xeracional, como evidencian os datos publicados onte polo Instituto Nacional de Estatística (INE), que sitúan o saldo vexetativo en negativo, con case 9.000 habitantes menos no país en 2020. Esta falta de relevo xeracional agudízase no sector agrario. Os últimos datos publicados polo INE, correspondentes a 2016, sobre a idade das persoas titulares de explotacións revelaba que na Galiza só 5,68% tiña menos de 40 anos, mentres que 57,8% superaba os 60 anos. A media de idade das persoas titulares de explotacións agrogandeiras situábase entón en 58,36 anos. Nos últimos catro anos aprobáronse un total de 1.822 solicitudes de axuda para a creación de empresas para os agricultores mozos, máis coñecidas como axudas de incorporación, unha liña de subvencións financiada polo Plan de Desenvolvemento Rural (PDR). O problema, como denuncia o Sindicato Labrego Galego, é que a Consellaría do Medio Rural que dirixe José González contempla a posibilidade de non convocar as correspondentes a 2021 e que as de 2020 (solicitadas en febreiro) estean aínda sen resolver. Axuda inescusábel Como apuntan desde o sindicato, moitas destas axudas foron para mozos e mozas que iniciaron unha actividade no rural, unha axuda "de vital importancia" tendo en conta o elevado esforzo, compromiso persoal e recursos económicos que require. Neste senso, critican que desde os poderes públicos non se apoie e estimule decididamente a incorporación de mozos e mozas á actividade agraria. "O que nos deparan os vindeiros anos vai ser unha agudización insostíbel do despoboamento e abandono do rural", advirten. "Podemos entender que non se convoquen as axudas para plans de mellora ou para pequenas granxas, pero unha axuda tan básica como é a de incorporación de mozos á actividade agraria non. Galiza ten un grave problema co éxodo rural, e feitos como que só optasen ás axudas de incorporación 1.822 mozos e mozas ou que agora non se convoquen en 2021 coa escusa do esgotamento da partida orzamentaria son inxustificábeis e supoñen a expresión do fracaso das políticas agrarias e rurais da Xunta, que están a favorecer que a Galiza sexa cada vez máis vulnerábel e dependente nunha cuestión tan básica como é a alimentación da súa cidadanía", engaden desde o SLG. Máis orzamento Ante esta situación, e "de maneira inmediata", desde o Sindicato Labrego Galego esixen á Consellaría de Medio Rural a convocatoria dunha nova anualidade destas axudas ou que prorrogue a orde de 2020, xa que aínda está sen resolver. E para que isto sexa factíbel piden tamén unha "inxección de fondos" para esta partida que ben podería saír doutros programas do Plan de Desenvolvemento Rural con liñas orzamentarias sen gastar para finalidades "de escasa importancia". Tamén, xa de cara ao novo período 2021-2027, o sindicato reclama uns orzamentos "claros e suficientes" nas axudas de incorporación, para as que propón progresividade e obxectivos, de tal modo que as persoas beneficiarias se incorporen paso a paso, recibindo a axuda segundo vaia precisando financiamento até un tope estabelecido na resolución. Outra das súas propostas é adiantar o importe das achegas para axudar a estas persoas cos investimentos iniciais, de forma que non teñan que recorrer a financiamento bancario. Tamén suxiren incorporacións tuteladas que fomenten o relevo xeracional nas granxas nas que non existe, axudas para a incorporación de persoas maiores de 40 anos (límite actual para solicitalas) ou dar prioridade a proxectos agroecolóxicos, baseados na sustentabilidade, na economía local e no comercio de proximidade. |
NOS_45586 | "O Lula pode estar preso, mas as ideias, o projeto e a militância dele não", disse este fim de semana Fernando Haddad, ex prefeito de São Paulo e ex ministro de Educação. O homem que tem um enorme desafio por diante: suceder Lula Da Silva à frente da candidatura do PT. | "Temos que dar uma resposta ao golpe e esse dia está chegando, é dia 7 de outubro. O golpe está acabando, o Brasil é nosso", enfatizou o dirigente trabalhista no decurso duma conferência de imprensa em Vitória da Conquista na Bahía. Haddad fez campanha esta fim de semana na companha da candidata à vicepresidenta, a jovem referente do Partido Comunista do Brasil, Manuela D'Avila (1981). E o certo é que o ticket Haddad-D'Avila começa a subir nos inquéritos, até o ponto de os analistas apostarem já num segundo turno na eleição entre o cartaz do PT e o ultra-direitista Jair Bolsonaro (PSL). Haverá segundo turno a 28 de outubro se nenhum dos candidatos obtém a maioria absoluta dos votos emitidos no primeiro asalto, a se realizar o día 7 desse mesmo mês. |
NOS_43299 | O candidato ás primarias convocadas polo PSdeG para elixir cabeza de lista á presidencia Xunta, José Luis Méndez Romeu, deixou claro este domingo que el non é o candidato do "aparato" do partido. De feito, denunciou que "o aparato ten un interese enorme nunha candidatura", en referencia á encabezada por Leiceaga. | Conforme se achega o sábado, día no que a militancia do PSdeG decidirá quen vai ser o candidato á presidencia da Xunta, aumenta a tensión entre os dous aspirantes, Xaquín Fernández Leiceaga e José Luis Méndez Romeu. "Hai persoas afincadas, atrincheiradas nas actuais estruturas non democráticas que están impulsando unha candidatura para perpetuar esa situación de costas ao conxunto dos afiliados" Nunha entrevista concedida á Radio Galega, Méndez Romeu cargou contra o "aparato" do PSdeG -a xestora que dirixe a formación após a dimisión de Besteiro- e sinalou que "lamentabelmente, non é todo o neutral que debera ser". "Hai persoas afincadas, atrincheiradas nas actuais estruturas non democráticas que están impulsando unha candidatura para perpetuar esa situación de costas ao conxunto dos afiliados", advertiu o aspirante, quen engadiu que "o aparato ten un interese enorme nunha candidatura". Afirmou que encabeza unha "tendencia moi ampla", de todos os sectores sociais e de todas as idades, "non é unha candidatura xurdida dos despachos ou do aparato; xorde do interese da xente que se decata de que imos mal". Críticas ás mareas Preguntado polo xornalista, o aspirante a presidir a Xunta puxo de manifesto que as mareas "teñen unha forte limitación cando gobernan e demostran que son un conglomerado de intereses". Referiuse, expresamente, aos Gobernos de Santiago de Compostela e da Coruña e evitou aludir ao de Ferrol, do que forma parte o PSdeG. "Non quero para Galiza un Goberno como o de Santiago ou da Coruña, quero un goberno estábel e con capacidade, e iso só pode facelo o PSdeG". "Non quero para Galiza un Goberno como o de Santiago ou da Coruña, quero un goberno estábel e con capacidade" A respeito dun hipotético acordo de Goberno, afirmou que "se nós temos a hexemonía para poder dirixir un Goberno alternativo, falaremos cos grupos que formen parte da Cámara, pero para gobernar, non só para ter a presidencia, e os obxectivos non poden ser contraditorios cos do PSdeG, nin na política territorial de España nin na social". "Non estamos para facer experimentos tipo Venezuela", engadiu. Méndez Romeu cre que a súa candidatura poderá apañar votos tanto da esquerda como da dereita. E é que ve posíbel "integrar as persoas que votaron o PP e están frustradas por esas políticas" e tamén "as que votaron as mareas e están espantadas diante do que fan os seus gobernos". "A dimisión descabezada de Besteiro abriu un baleiro e en vez de resolverse por vías democráticas resolveuse por vías executivas" Preguntado por se o PSdeG é un partido tutelado, salientou que nun tempo "existía capacidade de tomar decisións", pero "nos últimos tempos foi descabezado". "A dimisión descabezada de Besteiro abriu un baleiro e en vez de resolverse por vías democráticas resolveuse por vías executivas". |
PRAZA_20623 | A entidade franquista, que xestiona as visitas ao BIC desde hai dous meses, recoñece que o labor élle "unha excelente oportunidade" para facer apoloxía do antigo xefe de Estado e do seu réxime fascista nun comunicado no que deturpa a realidade do inmoble e ameaza os partidos de esquerda | A Fundación Francisco Franco (FFF) xestiona desde hai dous meses as visitas ao Pazo de Meirás. Tal e como se soubo a pasada semana e denunciou a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica (CRMH) da Coruña, esta entidade franquista encárgase de organizar a axenda de percorridos guiados que a lei esixe deste Ben de Interese Cultural (BIC) propiedade da familia do ditador. A noticia provocou fortes críticas por parte de toda a oposición, máis aínda logo de que a Xunta recoñecese que non pode facer nada legalmente ao seren os propietarios "quen se deben encargar de cumprir co mandato legal de abrilo ao público de forma gratuíta, así como do seu mantemento". Tan só uns días despois, a FFF vén de emitir un comunicado no que, lonxe de evitar polémicas ou limitar o seu traballo a fixar as datas e horarios, recoñece que o labor suponlles unha "excelente oportunidade" para facer apoloxía do dirixente fascista e da súa ditadura. A Fundación di que xestionar as visitas é "unha excelente oportunidade para mostrar ao gran público a grandeza da figura de Franco" Así, a Fundación di que recibiu "como unha honra" a decisión de xestionar as visitas ao Pazo porque é "unha excelente oportunidade para mostrar ao gran público a grandeza da figura de Francisco Franco, para potenciar o turismo a Galicia e para difundir o patrimonio galego no mundo". O texto, con ton ameazante, saae á luz logo de que BNG ou En Marea cualificasen de "burla" e "insulto ás vítimas" que esta entidade se encargase de programar o horario e a apertura ao público do BIC. Nel, a institución franquista acusa a esquerda de "pedir con toda claridade e reiteradamente que se viole a lei ante a indiferenza xeral". E engade que o "incumprimento da lei, como se veu na II República co pucherazo da Fronte Popular nas eleccións de febreiro de 1936, si ten consecuencias sobre todos os españois". Neste mesmo luns, o PSdeG tamén se manifestou para considerar "unha burla ás vítimas da ditadura" que esta fundación xestione as visitas e advertiu de que preguntará no Parlamento se a Xunta "ten a vontade política" de evitar que esta situación que ve "unha provocación" da familia do ditador. Para a Fundación Franco, que fai referencia ás protestas públicas de Bloque e En Marea, o seu obxectivo "non é o Pazo de Meirás, senón desgastar o PP ao ameazalo: se cumpre a lei é fascista". "Un conto de nenos que, malia terse repetido en numerosas ocasións, non perdeu eficacia", di unha entidade que vai máis aló e fai a súa particular versión da forma na que a familia do ditador se fixo co inmoble. A Fundación advirte a esquerda de que "o incumprimento da lei, como fixo a Fronte Popular no 36, si ten consecuencias para todos os españois" Malia que son reiterados e comprobables os testemuños e documentos que acreditan que o Pazo chegou ás mans de Franco logo da presión, ameazas e espolio ao pobo a través de expropiacións de terras, subscricións populares obrigatorias e roubo de recursos do Estado durante numerosos anos, a Fundación entende queu foi "doado polo pobo galego" ao ditador "mediante subscrición pública". "Grazas a esta xenerosa doazón, Galicia contou coa presenza no verán de quen fora xefe do Estado durante a totalidade do seu mandato, honra á que ningunha outra rexión española tivo acceso, e que demostra que a Deputación da Coruña foi non só xenerosa, senón intelixente", engade. Cunha prosa propia de moitos anos atrás, a Fundación advirte que "Galicia conta cun importantísimo patrimonio cultural que engadir aos que xa tiña" por ter a "residencia non oficial máis importante na que viviu Franco", que "está chega de recordos da súa vida e da súa obra". "O Pazo é hoxe un dos lugares emblemáticos de Galicia, coñecido en todo o mundo, e sobre el recae parte da gloria de quen o habitou, probablemente o español de maior relevo mundial desde Felipe II", asegura. Para a CRMH, este comunicado e outros anteriores "proban a misión negacionista da Fundación Franco, que está a utilizar o Pazo de Meirás como plataforma para difundir mentiras, lesionando a memoria das vítimas e os valores da democracia". Ante esta situación, solicita "o amparo das institucións democráticas do país, nomeadamente do Parlamento galego", e reclama del "unha condena firme do negacionismo que protexe os ilexítimos intereses da familia Franco en Meirás, encabezado" pola devandita fundación. "Esta entidade, de non disimulado carácter fascista e práctica antidemocrática, repite no comunicado as mentiras do relato totalitario do golpe de Estado do 36 e respecto do que foi espolio de Meirás", advirte a CRMH, que busca "reclamar a atención das institucións, e tamén dos medios de comunicación, respecto dunhas actitudes que fan parte dun intento de socavar a democracia e mesmo alentan unha reacción totalitaria diante da crise do sistema institucional español". A CRMH pide "o amparo das institucións democráticas" e reclama do Parlamento "unha condena firme do negacionismo que protexe os ilexítimos intereses dos Franco" "Chamamos a esas institucións e a todas as forzas políticas que as sosteñen a abandonar a ambigüidade es os medos para que elaboren leis que garantan a verdade, a xustiza e a reparación das vítimas e lle paren os pés ao negacionismo", conclúen, ademais de asegurar que "non é tempo de ser inxenuos ou pusilánimes diante de manifestacións como as da Fundación Franco" e reclamar "non ser inxenuos" cun relato "que converte os verdugos en vítimas e que pretende crear un clima social de malestar". E pon como exemplos o ataque hai meses a unha exposición sobre a historia do movemento obreiro na Coruña ou o ataque á sede do BNG na mesma cidade. Non é a primeira vez que a Fundación Francisco Franco difunde unha visión deturpada sobre a historia do Pazo. Nun boletín informativo de hai nove anos, tal e como advirte a CRMH, "mente con claridade" sobre o proceso de traspaso de propiedades á familia do ditador e "elabora un relato falso, tanto sobre a continuación do espolio máis aló dos muros do inmoble como do suxeito que fixo aquela doazón, intentando agochar un espolio que está documentalmente probado pero que aínda non se someteu á xustiza". Permitido pola lei A xestión do Pazo por parte da Fundación Francisco Franco chega logo de que a Xunta abrise un expediente á familia Franco por obstaculizaren o réxime mínimo de visitas que marca a lei -catro días ao mes- e despois de que o antigo teléfono se mantivese inactivo durante semanas, tal e como denunciaron diversas administracións e entidades o pasado mes de febreiro. Coa ameza dunha multa máxima de 6.000 euros para a acomodada familia do ditador por parte do Goberno galego, os Franco delegaron a elaboración da axenda para visitar o inmoble na Fundación que, entre outras actividades, gaba o golpe de Estado, promove denuncias contra os concellos que retiran simboloxía fascista dos seus rueiros ou programa actos e misas en homenaxe a militares golpistas. A Xunta aclara que a "a Lei do Patrimonio Cultural non establece nada ao respecto de que as visitas as xestione unha ou outra entidade" A Consellería de Cultura lembra que "a Lei do Patrimonio Cultural non establece nada ao respecto de que as visitas se xestionen a través dun ou outro tipo de entidade", polo que legalmente non se pode facer nada mentres o BIC estea suxeito á normativa actual e sexa sendo propiedade privada da familia do ditador. Ao tempo, desde a Xunta cren que "cómpre aclarar" que a Consellería "non achega" na actualidade "ningunha cantidade económica á familia ou ao Pazo nin para xestionar as visitas, nin para a seguridade nin para absolutamente nada". >> HABERÁ AMPLIACIÓN |
NOS_44544 | Membro do Instituto da Lingua Galega e profesor da Universidade de Santiago, Henrique Monteagudo, entrou hai un ano como numerario da Real Academia Galega converténdose no máis novo dos que teñen cadeira en Tabernas. Unha das tres persoas que avalaban entón a súa entrada, o secretario da institución Xosé Luís Axeitos, acaba de o acusar de ser a cabeza dunha "conspiración" que levou á demisión de Xosé Luís Méndez Ferrín. | -Cal é o detonante da crise que está a sufrir a Academia? O que provoca esta reacción absolutamente desproporcionada por parte da dirección da Academia son as denuncias que aparecen en determinados medios en que se atribúen contratacións a pesoas concretas relacionadas con membros da executiva. -A partir diso como se chega a esta situación de desencontro? Trátase dunha estratexia da cortina de fume. Cando se piden explicacións que, en principio, serían sinxelas de dar o que se recibe é unha resposta asombrosa que pon en cuestión a institución coa introdución de elementos como loita polo poder, descualificación dos membros... sen sustento de ningún tipo. Sen dar nomes nin datos, empregando o rumor e a inxuria. Se hai algunha acusación concreta que se queira facer o normal é poñelo sobre a mesa e dar dados. Inventan, pola contra, unha novela arredor dunha conspiración. O que se está a facer é irresponsábel. No mundo que vivimos, o normal é dar resposta cando a unha institución se lle fan preguntas. Iso é o que se agarda en democracia. -Alguén na Academia está contento coa marcha de Ferrín? Ninguén. En ningún momento se puxo sobre a mesa ese tema. Cando anuncia que marcha, as reaccións foron de sorpresa e descontento. O bon para toda a Academia sería que Ferrín rematase o seu mandato. "O bon para toda a Academia sería Ferrín rematar o seu mandato" -Quen ten interese en presidir a Academia? Alguén ten intención de controlar a institución? Cando se produciu o relevo da presidencia, o único candidato foi Ferrín e non se tivo que enfrontar a ningunha oposición. Foi un acordo unánime e todos sentímonos moi contentes polo que el representaba, pola súa traxectoria literaria e persoal. Na miña idea, a chegada de Xosé Luís Méndez Ferrín cambiaría tamén a propia imaxe da Academia. A súa xestión tivo elementos moi positivos, mais tamén demostrou nalgunhas ocasións falta de talante institucional. Dicir que o manifesto "O xogo das Cadeiras" que promovía a entrada de mulleres na RAG era unha "campaña cínica" non ten xustificación. Non se pode insultar a cidadáns que promoven unha iniciativa como esta; demostrou falta de reflexos institucionais. -Como se pode resolver esta situación? A iniciativa de como se deben arranxar as cousas correspóndelle á directiva. Se me sorprendeu a carta de renuncia, máis me sorprende o que está a acontecer agora. Estase a facer unha xestión desastrosa e é a institución a que está pagando. Estou preocupado polo futuro da RAG. -O secretario da RAG, Xosé Luís Axeitos, vén de falar de vostede como "portavoz dos conspiradores". Esa acusación é seguir alimentando unha fábula. Eu aparecín dando as miñas opinións cando outros optaron polo silencio. Esa afirmación responde a quen vive nun mundo de película, non real. As cuestións que desencadean a crise saen na imprensa e moitos nos enteramos polos medios. Eses temas seguen sen ter resposta. Se hai contratacións irregulares hai que explicalo dentro e tamén cara fóra cunha rolda de imprensa para que a Academia non se resinta. Esa é a forma de actuar nun país democrático. A solución non é saír nun meio concreto atacando académicos e a propia institución e non aclarando o que se reclama. De todas maneiras, o presidente da RAG ten que esclarecer se as declaracións do secretario están feitas a título persoal ou responden á opinión da executiva. "Se hai contratacións irregulares hai que explicalo dentro e tamén cara fóra" -Os académicos que o esixiron van manter a demanda dunha xestión transparente? Podo adiantar cal é a miña opinión, xa que non hai unha acción conxunta de ningún grupo de académicos. O que fixen na RAG fíxeno a título individual. A resposta depende de como se presenten as cousas Se hai unha renuncia do presidente irá acompañada da renuncia da directiva e tería que facerse o relevo. O secretario está inhabilitado para presidir a Academia e, a verdade, é que neste momento é difícil o relevo. De todas maneiras, a RAG precisa unha xestión transparente. -Polo "Chamamento polo galego", que vostede promoveu, póñeno no punto de mira das presións para a retirada do recurso contra o decreto. Trátase dunha historia inventada a posteriori. Cando promovín con outras persoas moi variadas a iniciativa, non tiñamos nin idea do que ía acontecer despois coa Academia. Calquera que lea o chamamento pode ver con claridade que non vai dirixido á Academia, que non está nin citada, senón ao presidente da Xunta, institución á que presionamos. Pedímoslle á Xunta que non leve a Madrid o recurso de casación, mais tamén argumentamos, na propia presentación pública, que estamos a favor dos recursos que se presentaron previamente. Agradecemos aos sindicatos, asociacións e á Academia que se opuxeran desa maneira ao decreto. O que se está a dicir agora é "conspiranoico" puro e duro. |
NOS_10724 | A dirección aprobou por ampla maioría concorrer ás eleccións xerais nunha lista de unidade popular "contra o bipartidismo". Intervén a federación de Madrid como paso previo a súa expulsión. | Izquierda Unida decidiu este venres confluír nunha "candidatura de unidade popular para gañar as eleccións xerais". A dirección do partido aprobou por ampla maioría a folla de ruta presentada polo seu candidato, Alberto Garzón, que apostou por unha lista conxunta das forzas de esquerda "contra o bipartidismo" e onde os partidos renuncien as súas siglas. A Presidencia Federal de IU ratificou o xiro após os malos resultados das municipais e autonómicas. O sector crítico coa disolución da marca nunha fronte unitaria, encabezado polo coordinador Cayo Lara, cedeu fronte ao grupo de Garzón. A decisión contou co apoio do 90% da dirección. O obxectivo da candidatura de unidade popular sería que despois das xerais "non estean na Moncloa nin PP nin PSOE, senón que a xente acorde un programa progresista", defendeu o deputado malagueño. Garzón quere atraer ademais de Podemos a forzas como Equo, ICV, Anova ou Compromís. Por este motivo, o candidato de IU está organizando reunións con diferentes líderes, entre eles, o portavoz de Anova, Xosé Manuel Beiras. Está previsto que a próxima semana se reúna tamén con Pablo Iglesias, para tratar de achegar posturas. Desde Podemos non valoraron a proposta de IU e reafirmaron as declaracións do seu líder, que advertiu de que "a aposta polo cambio nada ten que ver con acordos entre partidos nin en balsas de salvamento para ninguén". Iglesias defendeu que Podemos acuda con marca propia nas xerais. Pendente a expulsión de IU Madrid A outra cuestión que marcou a reunión da Presidencia de IU foi o futuro da federación madrileña. Non se aprobou a esperada expulsión, que quedou posposta até a próxima semana. Todas as informacións apuntan a unha desfederación da organización, que provocaría a baixa das e dos 5.000 militantes que terían a opción de integrarse nunha nova marca de IU en Madrid. |
NOS_9493 | A proposta foi aprobada por unanimidade na comisión municipal de Cultura após coñecer o Concello hai uns meses que o ditador recibira tal distinción. | Nunha sesión extraordinaria do 27 de agosto de 1944 o Concello de Pontevedra acordou conceder a medalla de ouro da cidade a Francisco Franco Baamonde, ditador do Estado español desde 1939. Setenmta e un anos despois, nunha xuntanza da comisión de Educación, Cultura e Benestar Social do 15 de outubro de 2015 o Concello de Pontevedra aprobou por unanimidade retirar tal distinción ao ditador. Unha proposta que deberá ser aprobada definitivamente na sesión plenaria do vindeiro luns. A concelleira Carme Fouces explicou que o Concello coñeceu da existencia deste recoñecemento a Franco hai pouco, a través dun traballo de investigación sobre os funcionarios municipais represaliados polo franquismo. Atopouse a acta de entrega da medalla no Arquivo histórico municipal. No 2000, cómpre lembrar, procedeuse a retirar da Casa do Concello pontevedresa unha placa de pedra con inscripcións en latín que facía referenza a unha visita de Franco ao Concello, un acto no que se lle fixo entrega das chaves da cidade. Esta decisión sirve de limiar para un ano que o Concello adica á memoria histórica, centrada nos represaliados polo franquismo e moi especialmente nas mulleres. |
NOS_7309 | Primeira xornada en Soutomaior do II Encontro de Políticas Públicas, organizado pola Deputación de Pontevedra. | Esta cuarta feira principiou no Castelo de Soutomaior o II Encontro de Políticas Públicas que organiza a Escola de Igualdade María Vinyals da Deputación de Pontevedra. Máis dun cento de persoas acudiu de forma presencial ao lugar e outro cento seguiu o evento por vía telemática, segundo informou a Deputación. A violencia sexual e a cultura da violación, a igualdade na universidade e os retos pendentes na docencia e investigación foron as cuestións que centraron o debate da primeira xornada, do que participaron referentes do movemento feminista como Mercedes 'Chis' Oliveira, Priscila Retamozo, Luisa Posada, Rosa Cobo, Soledad Murillo, Rosa San Segundo, Isabel Menéndez, Inma Pastor e Águeda Gómez. Oliveira, que é catedrática de Filosofía e coordinadora do 'Comando Igualdade', subliñou: "Herdamos unha idea de sexualidade, unida ao concepto de reprodución, que temos que reconstruír e desbotar para impulsar unha sexualidade pracenteira, que se enmarque na comunicación, no entendemento, no afecto, na consideración e no respecto". María Victoria Martins: "Segue en pé esa idea de que as mulleres non deben ter o mesmo desexo sexual que os homes" Aliás, fixo fincapé en que as relacións sexuais son "cada vez máis precoces", o que implica, dixo, "que nenos e nenas estean entrando en campos onde non se senten cómodas e cómodos, seguras e seguros, e teñen moitos medos que non están a ser atendidos". Esta é, para Chis Oliveira, unha das principais eivas das administracións públicas. Priscila Retamozo, formadora e técnica en igualdade de xénero, apelou á necesidade de "impulsar unha política pública que tome con seriedade a prevención da violencia sexual". "Estamos a enfocar mal o problema", salientou. A presidenta da Deputación, Carmela Silva, inaugurou o encontro amosando a súa preocupación por que "a igualdade hoxe non está no discurso político". "E se as mulleres —engadiu— non estamos na toma de decisións non poderemos facer transformacións". A cruzada do franquismo contra a sexualidade feminina "Vivimos momentos difíciles, onde se están confundido axendas, pero son optimista. Nós temos a nosa axenda, a axenda feminista, a das mulleres, e non imos permitir que outras axendas impidan que poida avanzar a metade do mundo e transformar a sociedade", precisou Silva. |
NOS_38767 | As deputadas e deputados de En Marea no Congreso, agás no caso de Alexandra Fernández, votaron a favor dos orzamentos de Pedro Sánchez malia o mandato do Consello das Mareas. Anova, EU e Podemos apoian o si de Yolanda Díaz, Miguel Anxo Fernán Vello, Antón Gómez-Reino e Ángela Rodríguez en cadanseu comunicado. | Despois de que as e os parlamentares de En Marea no Congreso, agás Alexandra Fernández, desoíran o mandato do Consello das Mareas e votasen si aos orzamentos xerais do Estado, Anova, EU e Podemos pronúncianse publicamente para apoiar o sentido do voto de Yolanda Díaz (EU), Miguel Anxo Fernán Vello (Anova), Antón Gómez Reino e Ángela Rodríguez (ambos os dous de Podemos). Nun comunicado publicado no seu web, Anova advirte do movemento "sumamente complexo" e apela a situar "os intereses das maiorías sociais e das clases subalternas diante dos intereses partidarios". "Infelizmente, impóñense posicións incomprensíbeis, que tan só se entenden polo electoralismo extremo e polo regate curto", engade o partido nunha clara alusión ao decidido polo Consello das Mareas, órgano de dirección da forza política da que forma parte. Anova salienta o "bo traballo" das deputadas e deputados galegos Anova foxe da clave orzamentaria para se referir á necesidade de "non sumar en clave antifascista" e poder "frear esta loucura". "Diante desa ameaza", advirte en relación a unha posíbel maioría de dereita e extrema dereita no Congreso, "non valen medias tintas". "Por iso respaldamos a opinión maioritaria dos deputados e deputadas de En Marea no Congreso, electos dentro dunha coalición conformada por Podemos Galicia, Esquerda Unida e a nosa organización", salienta o comunicado, que pon de manifesto o "bo traballo" das e dos parlamentares de En Marea "realizando emendas parciais e negociando en pé de igualdade co Goberno de Sánchez". Anova sinala que se conseguiron compromisos para mellorar os orzamentos mediante 300 emendas de En Marea, "a ministra Montero deu o seu compromiso para a aprobación parcial das mesmas". "Entendemos que, por parte do Goberno de Pedro Sánchez, non houbo valentía suficiente á hora de poñer a axenda social, a axenda de Galiza e a cuestión dos pobos no centro da axenda gobernamental", admite o partido encabezado por Antón Sánchez, que considera que "o reparto do orzamento a nivel territorial estivo condicionado por unha posición miope e electoralista". Anova conclúe o comunicado apelando "a todas as forzas políticas progresistas, aos soberanismos de esquerda e á esquerda federal e confederal, a recuperar a unidade de acción que mantivemos na moción de censura contra Mariano Raxoi como dique de contención contra a dereita extremada e o fascismo para impedir que se impoña unha axenda ultra de austeridade e de laminación dos nosos dereitos e liberdades". EU admite que "o capítulo de investimentos con Galiza está lonxe do proxecto orzamentario óptimo que desexaríamos" Esquerda Unida, pola súa banda, lembra que o seu obxectivo principal era "traballar por erradicar os escenarios e políticas de recortes sociais impulsados polo goberno anterior do PP". "O acordo alcanzado hai meses entre o Grupo Confederal de En Marea-Unidos Podemos-Catalunya en Comú e o Goberno para a aprobación do Orzamento Xeral do Estado de 2019 era para nós un camiño correcto nesa dirección", engade EU, que admite ser consciente de que o capítulo de investimentos con Galiza está "lonxe do proxecto orzamentario óptimo que desexaríamos". De aí que, sinala, se presentaran máis de 300 emendas ao proxecto de orzamento para "desde a discrepancia, tentar corrixilo no trámite parlamentar". "Lamentabelmente, algúns puxeron por diante a política de canto peor mellor tombando hoxe o proxecto orzamentario" por cuestións, advirte, que teñen a ver "con lecturas oportunistas que so poden ser cualificadas de temerarias nun escenario de adianto electoral que a todas luces vai ter un sesgo de rearme da ultradereita no estado español". "En Marea no Congreso só se rexe polo acordo político de coalición das tres forzas asinantes", advirte EU EU denuncia ademais a "campaña de falsidades orquestrada pola suposta coordinadora de En Marea" –órgano que EU considera ilexítimo–. "En Marea no Congreso só se rexe polo acordo político de coalición das tres forzas asinantes e mesmo este acordo sinala instrumentos de coordinación e diálogo no que tamén participan os deputados e deputadas electas", afirma, "o acordo de coalición deixa claro e meridiano que as cuestións políticas se dirimen nestes ámbitos e non en ningún outro. En Marea como partido instrumental non existía naquela altura nin é un ámbito da súa competencia os acordos subscritos por formacións políticas preexistentes". Podemos Galicia sinala nun comunicado enviado aos medios que mantivo desde o primeiro momento "unha posición clara para facer viábel o cambio apostando nuns orzamentos sociais e comprometidos con Galiza". "Consideramos exemplar desde o primeiro momento a posición do grupo de En Marea no Congreso como actor clave para acadar os orzamentos máis sociais, progresistas e feministas da historia recente ao tempo que fixeron a maior defensa de Galiza como único axente que plantou cara ao Goberno esixindo un trato xusto coa nosa comunidade", afirma. Podemos salienta o "compromiso" das deputadas e deputados de En Marea "Desde Podemos Galicia, e desde o grupo de En Marea no Congreso, apostabamos por continuar negociando co Goberno para lograr o mellor acordo para o noso país" pon de manifesto o comunicado do partido, que di non temer ás urnas. "Sairemos a por todas, coa intención de aglutinar unha gran alianza política e social en clave de progreso, que actúe como muro de contención de quen quere atrasar o reloxo cincuenta anos". Podemos Galicia remata agradecendo "o compromiso co cambio e con Galiza das deputados e deputadas do grupo de En Marea no Congreso que, electos baixo o mandato da Coalición En Marea, conformada por Esqueda Unida, Anova e Podemos Galicia, defenderon os intereses da cidadanía, das maiorías sociais do país fronte á ofensiva conservadora". |
PRAZA_8782 | O Bloque pregunta ao Goberno central pola decisión, que deixaría Galicia "desprotexida en grandes incendios como o do ano pasado en Ourense". | A voceira do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, vén de presentar unha pregunta parlamentaria dirixida ao Ministerio de Agricultura e Medio Ambiente na que pregunta sobre a decisión de non renovar o contrato dos cinco hidroavións destinados á loita contra incendios, o que suporía "que Galiza vai quedar desprotexida en caso de grandes incendios como o do ano pasado en Ourense". Así, o Bloque pretende coñecer como o Goberno central pretende "garantir os medios materiais suficientes para loitar contra o lume este verán". "Non se trata dun mal momento para reducir medios tan necesarios como os hidroavións? Ten intención o Ministerio de substituir a curto prazo estes medios? Adquirirá avións deste tipo?", son algunhas das preguntas que formula Davila ao Ministerio. O Goberno central decidiu o pasado 31 de marzo non renovar o contrao de cinco hidroavións con base en Salamanca Fernández Davila explica que o Ministerio decidiu o pasado 31 de marzo non renovar o contrato de operación e mantemento de cinco hidroavións que tiñan a súa base en Matacán (Salamanca), un contrato cunha empresa privada que custaba 4,3 millóns de euros. A voceira do BNG lembra que estes avións tiveron unha "especial actuación na extinción de lumes en Ourense". "A base de Salamanca tiña por obxectivo dar servizo a todo o noroeste peninsular, aínda que tal e como recoñecen os propios brigadistas, onde máis actividade tiñan é en Galiza, sobre todo en Ourense", di. "Estamos ás portas do verán, e preocupa que se poida mermar a capacidade de reacción porque os hidroavións teñan que vir desde máis lonxe", di o BNG Así, recorda que o pasado ano rexistráronse en territorio ourensán dous grandes incendios. A deputada deixa claro queu o Bloque "sempre defendeu que os medios para facer fronte ao lume debían ser públicos, non subcontratados, pero resulta preocupante que se faga este recorte no inicio da campaña contra os incendios". "Estamos ás portas do verán, e preocupa que se poida mermar a capacidade de reacción porque os hidroavións teñan que vir desde máis lonxe", engade. Para Olaia Fernández Davila o Ministerio debe explicar "por que razón recorta os medios anti incendios ás portas do verán" e quere "saber se vai aumentar os recursos económicos e traspasar ás autonomías as partidas precisas para se dotar cos medios necesarios". |
NOS_56048 | Primeira cesión de Rajoy para alcanzar a investidura, após as intensas mobilizacións da comunidade educativa, a última esta pasada cuarta feira. As reválidas contempladas na LOMCE fican parcialmente en suspenso. Non serán precisas para obter o título de bacharelato, mais si para acceder á Universidade. | Rajoy anunciou a supensión das reválidas a seguir unha intervención do portavoz do grupo parlamentar do PSOE, Antonio Hernando, en que lle demandaba este aceno político, presumibelmente froito da negociación política entre bastidores entre estes dous grupos políticos. "As reválidas non terán efeitos académicos até se chegar ao pacto nacional pola educación que propuxen onte [pola cuarta feira]", dixo o líder conservador. A posición de Rajoy foi, en todo caso, moi medida. A LOMCE non será derrogada e entrará en vigor, simplesmente hanse de paralisar os efeitos académicos das reválidas en tanto en canto non se lograr un pacto educativo, sen precedentes, coa oposición. Aprobar o exame ao que se submeta o alunado de segundo de bacharelato non será preciso para obter o título, mais si para acceder á universidade. Educación explicitou, por súa parte, que un real decreto modificará o calendario da LOMCE para adiar a data, 2018 na literalidade da lei, en que as reválidas irán ter valor académico. |
PRAZA_11759 | A Xunta retoma máis de cinco anos despois o inacabado corredor do Baixo Miño, do que segue adiando a definición do seu treito máis polémico | A Xunta retoma máis de cinco anos despois o inacabado corredor do Baixo Miño, do que segue adiando a definición do seu treito máis polémicoO Consello da Xunta autorizou este xoves a licitación por 21 millóns de euros do enlace inicial e un pequeno treito do corredor do Baixo Miño, unha estrada de altas prestacións pero dun só carril por sentido prometida por Feijóo cando era conselleiro de Fraga no marco do Plan Galicia da Xunta publicitado tras o afundimento do Prestige. Este é o segundo anunciou en apenas dez días realizado polo propio presidente dunha actuación xa comprometida hai case 17 anos, despois de que o martes da pasada semana fixese o mesmo, ante os alcaldes da zona, co arranxo da estrada que comunica Celanova e o suroeste da provincia de Ourense con Portugal, tamén incluída naquel Plan Galicia.Dos 25 quilómetros da nova vía están rematados 10, outros 4 que quedaron a medio construír serán agora retomados e o pasado xullo a Xunta anunciou que outros 2 serán substituídos por unha "autovía urbana" con rotondasA denominada Vía de Alta Capacidade (VAC) Tui-A Guarda comezou a ser deseñada en 2003 como alternativa á estrada autonómica convencional paralela ao último treito do río Miño pola que hoxe circulan preto de 15.000 vehículos ao día. Pero década e media despois dos 25 quilómetros que ía ter só están en servizo, desde xullo de 2014 e tras o investimento duns 60 millóns de euros, os 10,2 quilómetros finais, entre A Guarda e Goián, no concello de Tomiño, nas proximidades da ponte internacional que conecta coa portuguesa Vila Nova de Cerveira. Tamén se iniciaron as obras no outro extremo da vía, nos seus 3,9 quilómetros iniciais nas proximidades de Tui, cuns 28 millóns de euros de orzamento, pero a comezos desta década os traballos quedaron a medias ao tempo que a Xunta argumentaba que coa crise non tiña cartos para acometer toda a nova infraestrutura.Feijóo definiu a obra como "un trazado complexísimo, dunha enorme complexidade técnica, estamos falando dunha rotonda en altura" e presentouna como un "avance na cohesión territorial de Galicia"É nese primeiro treito onde agora a Xunta licitará obras por 21 millóns de euros para conectalo coa estatal A-55 Vigo-Portugal a través dunha rotonda elevada da que partirán tanto o tronco principal do primeiro treito do corredor autonómico como un enlace coas estradas convencionais e o polígono empresarial da zona. Este xoves Feijóo definiu a obra como "un trazado complexísimo, dunha enorme complexidade técnica, estamos falando dunha rotonda en altura" e presentouna como un "avance na cohesión territorial de Galicia". A Xunta ten pendente de definir o trazado do corredor no seu treito intermedio, que recibíu protestas dunha e outra veciñanza afectada que reclamaban que fose "polo río" ou "polo monte" Pero o Goberno galego aínda ten pendente de definir o trazado do corredor no seu treito intermedio, entre o que agora se impulsa e o xa inaugurado en 2014. Neses dez quilómetros, aparcados desde hai anos, a presenza do río Miño e da estrada convencional actual coas súas marxes moi urbanizadas só deixa dúas posibilidades para a nova infraestrutura. Ou entre as vivendas e o monte, onde afectaría a importantes espazos agrícolas e viñedos da denominación de orixe Rías Baixas na subzona do Rosal, ou entre as vivendas e o río, con impacto ambiental e efecto barreira. Un e outro trazado obtiveron sucesivas protestas dunha e outra veciñanza afectada que reclamaban que a nova estrada fose "polo río" ou "polo monte" en función dos intereses de cada bando. Ata o momento a Xunta só foi quen de atopar solución para dous deses quilómetros, proposta presentada o pasado xullo pero aínda pendente de levarse á práctica. Consiste en renunciar a executar nesa zona a nova infraestrutura e, pola contra, transformar a estrada convencional actual no que denomina "autovía urbana", engadíndolle un carril por sentido e colocando unha rotonda na metade dos seus dous quilómetros de lonxitude. |
NOS_19445 | O novo filme de Vilar competía polo premio con outras once longametraxes de Francia, Polonia, Irlanda, Turquía, Grecia, Reino Unido, Rusia, Italia e Bulgaria. | A película 'María Solinha', dirixida polo galego Ignacio Vilar e producida por Vía Láctea Filmes e a Televisión de Galicia (TVG), logrou o máximo galardón na sección ' Indieuropea' da 66ª edición do Festival de Cinema de Taormina, concello da illa italiana de Sicilia. Segundo informa a Corporación de Radio e Televisión de Galicia (CRTVG), o novo filme de Vilar competía polo premio con outras once longametraxes de Francia, Polonia, Irlanda, Turquía, Grecia, Reino Unido, Rusia, Italia e Bulgaria. De feito, é o primeiro premio internacional que alcanza esta película que leva á gran pantalla a lenda de María Solinha, icónica personaxe histórica de Cangas do Morrazo . Ademais, destaca a CRTVG, a súa estrea é un feito "inédito" debido a que, como consecuencia das restricións pola pandemia da COVID-19, produciuse en localidades medianas e pequenas, en formato de cinema na rúa e ' autocine', no canto de en grandes salas de cinema. En Taormina, festival que se celebrou até este domingo en formato ' online' debido á crise sanitaria, a longametraxe foi proxectada en galego con subtítulos en italiano. |
NOS_51978 | Até catro entidades diferentes dan voz ao tecido empresarial galego. | Clubes financeiros, círculos de empresarias, clústeres... A representación das empresas na Galiza está cada vez máis atomizada. A falta de interlocutores ou a existencia de múltiples voces complica a defensa dos intereses das empresarias galegas e a negociación de cuestións chave para as súas traballadoras. Esa dispersión e división faise especialmente visíbel na Confederación de Empresarios da Galicia (CEG), que o pasado mes de xaneiro cumpriu dous anos sen presidente, após a marcha de Antón Arias, cuxo nomeamento non estivo exento de polémicas. Desde entón intentaron convocar eleccións até en dúas ocasións, pero a falta de candidatos e o feito de non ter aínda aprobadas as contas do exercicio 2018 fixeron que non se chegase nin tan sequera a votar. Parece que xa teñen data para un novo intento. Será o 30 de abril. O problema é que a división interna é demasiado forte. En xaneiro, a CEG convocou unha xunta directiva para sacar adiante as contas, pero tampouco se puido debater esta cuestión, xa que a Confederación de Empresarios de Pontevedra (CEP) e as sectoriais consideraron que non tiñan información suficiente para sacalos adiante. Seis meses antes, en xuño, tanto a CEP como as sectoriais, entre as que destacan a Asociación de Industriais Metalúrxicos de Galicia (Asime) ou a Federación Galega de Centros de Ensino, liderada polo ex presidente da patronal, Antonio Dieter Moure, ameazaron con saír da CEG se nos se convocaba a comisión económica para tratar nela os gastos adoptados pola institución en 2019, así como a ausencia de orzamentos, contas e auditoría de 2018. Namentres, Antonio Fontenla, presidente dos empresarios da Coruña, ao ser o vicepresidente de maior idade, exerce como portavoz da institución, que non por falta de presidente deixa de ter actividade. De feito, nos últimos meses sacou adiante un acordo de diálogo social cos sindicatos UXT e CCOO para, entre outras cuestións, defender a igualdade de oportunidades ni mercado de traballo, promover unha contratación responsábel desde a Administración e apostar na formación e o emprego de calidade. A información íntegra pode ser consultada na edición en papel de Nós Diario, á venda nos quioscos, ou na súa lectura na nube |
NOS_10947 | De non mirarmos os seus dados biográficos, diriamos que é ben máis novo, sensación que se acrecenta ao escoitar o gravado. Sen dúbida, a vitalidade e o entusiasmo transmítense polo ouvido. Entrevistamos Vítor Vaqueiro no Sermos Galiza 236. Deixamos aquí un extracto da conversa. | Hai pouco reivindicabas con moita outra xente a igualdade de trato para os escritores reintegracionistas no sistema cultural e editorial galego a través do manifesto O fim do apartheid. Claro, é que non nos damos de conta disto, como funciona desde o punto de vista dos dereitos cívicos. Que unhas persoas se vexan privadas de publicar pola grafía coa que escriben é algo inconcibíbel. Pero ademais hai sentenzas do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza redixidas en reintegrado e unha sentenza pola cal asociacións reintegracionistas lle gañan un xuízo ao goberno da Xunta de que ninguén pode ser marxinado nin discriminado pola súa grafía. E o máis grave é que o fan sen crelo, porque falas cos responsábeis das grandes editoriais galegas e din "estamos convencidos de que galego e portugués é o mesmo idioma". Ou "vaia lío no que nos metemos, a ver como saímos del". Ou as declaracións de Villares, presidente do Consello da Cultura, dicindo que hai que achegarse. Na vosa opinión a implantación da actual normativa actual pexou a implantación do galego na sociedade? Na nosa opinión os problemas que atinxen ao desenvolvemento do galego son esencialmente políticos e sociais. Agora, xa o remarcamos varias veces no libro, a norma é un eficaz acompañante, como o gaiteiro que acompaña o rexemento inglés, no sentido de enfebelecer a identidade galega e achegar -visualmente mesmo- o galego ao español. A Xunta nunca vai admitir isto, pero creo que o seu último obxectivo é ese: que o galego se converta na forma específica de falar o español na Galiza, como cando moita xente di: "que riquiño el niño, vente que te voy a dar un colo". E ignoran que colo é unha palabra galega. De todos os xeitos, nos últimos anos a unidade lingüística galego-portuguesa xa ninguén a discute. Aí houbo un certo avance. Con toda humildade, pero o feito de que Sechu Sende, Teresa Moure, Verónica Martínez ou eu mesmo -perdón por autocitarmeabandonaramos a normativa oficial, iso pesa. O meu caso debe ser o máis rechamante. Agora vou cumprir 69 anos. E que con 65 anos abandones unha norma sabendo que a editorial na que levas 35 anos publicando che vai fechar a porta, eu creo que iso ten un valor simbólico grande, independentemente de que Teresa é moito máis coñecida ca min. E é que ao cambiar de normativa ti sabes que perdes moito. Eu escribía un libro para Galaxia e aos tres meses sabía que estaba circulando polo país. E este libro leva tres anos feito, e sae agora. É complicado. Cambiar supón pagar unha peaxe altísima. Eu recoñezo que a xente que deu ese paso hai 20 anos, porque eu deino onte pola tarde en comparación, tivo que custarlle moito na súa vida. O cal non ten un pase. Por iso digo, á parte da cuestión máis ou menos técnica, é un problema de hixiene democrática. Unha sociedade que actúa así, está doente. Eu, sinceramente, se a norma oficial fose a reintegracionista e non se permitise escribir á xente que escribe na que hoxe é oficial, partiríame a cara por eles. [Podes ler a entrevista íntegra no Sermos Galiza 236, á venda na loxa e nos quiosques e puntos de venda habituais] |
NOS_33654 | O goberno local volve declararse insubmiso. O concelleiro de Facenda, Raimundo González (BNG), indicou que as contas locais para 2014 superarán o teito de gasto imposto por Madrid. "É cuestión de vontade política", asegurou, "queremos facer uns orzamentos investidores". | "Non imos pasar polo funil do teito de gasto que nos queren impor". Así de taxativo se amosou o concelleiro de Facenda de Pontevedra, Raimundo González Carballo (BNG), ao anunciar que a administración local superará os límites estabelecidos desde o goberno español. Desta maneira, as contas que está a deseñar o Concello prevén un gasto de 67 millóns de euros --fronte aos 61 e 62 millóns fixados por Madrid. O Concello pechou os exercicios anteriores "con remanente líquido de tesourería" e reduciu a débeda bancaria Para a equipa de goberno municipal, esta forquita "é inasumíbel", indicaron, pois suporía introducir recortes a respeito do exercicio anterior. "Ao contrario que a Xunta e o Estado", explicou González Carballo, "queremos facer uns orzamentos expansivos, investidores" que rebaixen, iso si, "o que temos que pagar para amortizar a débeda". Reducir as partidas financeiras e aumentar o investimento público Neste senso, fronte ao notábel incremento que o goberno da Xunta de Galiza introduciu nas partidas orzamentarias destinadas ao pagamento da débeda e xuros --un 17,5% máis que en 2013-- en Pontevedra a débeda descendeu, o que lle permitirá á administración liderada polo nacionalista Miguel Anxo Fernández Lores amortizar medio millón de euros menos que no anterior orzamento. O concelleiro de Facenda indicou que a medida prevé devolver á economía local boa parte dos seus fondos para promover a creación de emprego Perante esta realidade, o Concello aumentará as partidas destinadas ao pagamento do lixo, a auga ou a enerxía eléctrica. Manterá os gastos de persoal ou as transferencias correntes e reducirá en materia de comunicación, servizos postais ou gasto corrente xeral. Crear emprego, o obxectivo principal "O que sempre mantivemos", salientou o concelleiro de Facenda, "é non gastar o que non temos". Unha premisa empregada como mantra pola dereita galega e española, mais que en Pontevedra adquire un significado ben distinto. "Por iso", acrecentou, "sempre pechamos os exercicios con remanente líquido en tesourería", algo que non acontece habitualmente noutras administracións. Desde o goberno local aseguran que "non tocarán o gasto social" pois, din, "non imos furtar aos pontevedreses a posibilidade de que devolvamos á economía local os cartos que poidamos" porque "impulsar os investimentos" inflúe de maneira directa, aseguraron, "na creación de emprego, e ese é o obxectivo principal". |
NOS_30476 | O último barómetro da SER outorga ao partido de Rivera un espectacular incremento de 9 pontos a respeito das eleccións xerais de xuño de 2016. O seu aumento é paralelo ao esfarelamento da base eleitoral do PP. Belén Barreiro, a socióloga que dirixe a empresa responsábel do inquérito, ve no ascenso de Cs un produto do "españolismo crecente". | "O ascenso excepcional de Ciudadanos ten moito que ver co españolismo crecente", afirmou Belén Barreiro nunha entrevista na SER, a emisora que esta terza feira divulgou o último inquérito realizado pola empresa demoscópica MyWorld. O traballo, feito por vía telemática, mantén o PP como a primeira forza, con 24,5 por cento do voto, 8,5 menos do que en xuño de 2016. O que cede o partido de Rajoy é na práctica o que aumenta o de Rivera, quen aparece como segunda forza, con 22,1 por cento do voto. O PSOE ficaría en terceira praza, con 21,3 por cento e unha perda de 1,4 por cento a respeito das últimas xerais. As noticias son tamén más, mesmo piores, para Unidos Podemos e as confluencias a quen o estudo vaticina un 16,6 por cento, 4,5 pontos menos do que en 2016. As tendencias serían, por tanto, fulgurante ascenso de Cs, leve queda de PSOE e fortes caídas para o PP e Unidos Podemos. O PP perdería un terzo do voto de 2016 e o PSOE, un 20 por cento. A formación socialista cae menos en percentaxe final porque obtén bastantes votos procedentes de Podemos. En todo caso, estaríamos, avaliou Barreiro, perante un "movimento excepcional" que tería como causa, alén do "españolismo crecente", o "o optimismo económico e o voto de castigo ao PP". Sobre este último aspecto, esclareceu a directora de MyWorld que en 2016 unha percentaxe importante dos apoios ao PP optaron pola forza conservadora como mal menor para conxurar o perigo dunha eventual vitoria de Podemos. Unha vez que este risco tería desaparecido do horizonte, explicou Barreiro, sectores do eleitorado do PP veríanse agora coas mans libres para castigar o seu partido. A punición sería en forma de voto ao partido laranxa. Un mesmo grupo, dous inquéritos Chama tamén a atención a distancia que existe entre este inquérito e o publicado polo diario El País -propiedade de PRISA como a propia Cadena SER- o 13 de xaneiro deste ano. No estudo do diario, feito por Metroscopia, o ascenso de Ciudadanos era aínda maior, ao se empoleirar como primeira forza, con 27,1 por cento (22,1 por cento no traballo de MyWorld). No resto das forzas as oscilacións son leves no caso do PSOE (21,3 Mywordl e 21,6 Metroscopia) e algo maiores nos do PP (24,5 e 23,2) e Unidos Podemos e confluencias (16,6 e 15,1). |
NOS_42472 | O goberno español vencella a convocatoria de emprego público a que se aproben os orzamentos do estado para 2017. | Se non hai orzamentos para o goberno, non hai oposicións para ninguén. Esa semella ser a postura do executivo español, que esta cuarta feira comunicou ás autonomías que se non se aprobaban as contas xerais do estado, non ía haber convocatoria de emprego público, unha posición que compromete e deixa no ar as mil prazas en Educación que a Xunta anunciara que ía convocar este ano. Os orzamentos do estado están a ser a medida que avanza o ano unha baza do xogo político. O propio Núñéz Feijóo botou man dela ao ofrecer ao PSdeG crear 1.600 prazas no Sergas se os socialistas apoiaban as contas xerais do estado propostas polo executivo de Mariano Rajoy. A portavoz nacionalista, Ana Pontón, sinalou que Partido popular galego demostra ser "subsidiario do ditado do Goberno central e estar supeditado aos intereses dun goberno en minoría do Estado e non do que necesita Galiza". Condicionar as contratacións do Sergas e do Ensino público aos orzamentos de Madrid é unha mostra máis da "pouca capacidade que temos para decidir sobre os servizos básicos que ademais temos que financiar nós". |
NOS_24090 | O Celta cae en Balaídos perante o Manchester Utd (0-1) e vese obrigado a remontar para pasar á final da Europa League. | O Celta perdeu o primeiro asalto mais non o combate, cuxa segunda parte terá lugar a vindeira quinta feira en Old Trafford, o 'Teatro dos Soños', que determinará quen pasará á final da Europa League. Un gol de Rashford mediada a segunda metade e cando mellores sensacións ofrecían os celestes certificou a derrota viguesa, que non foi máis ampla grazas a un Serxio colosal, que mantivo vivo o Celta na primeira parte. O Celta terá que remontar, algo que sabe como se fai e amosou fronte ao Shakhtar. Para iso terá que mellorar o feito en Balaídos, onde o Manchester apenas se veu molestado. Foi un partido no que o Celta apenas xerou perigo e o nivel de presión dos ingleses foi moi alto. Tiveron dominio do balón os celestes mais iso non se traduciu en ocasións. Cando mellor xogaban chegou o gol inglés. A partir de aí, o Manchester centrouse en defender o resultado, unha especialidade dos equipos de Mourinho. Haberá que agardar a Old Trafford para probar a consistencia do soño celeste. Ficha técnica Celta (0): Sergio, Hugo Mallo (Beauvue, min.91), Cabral, Roncaglia, Jonny, Radoja, Pablo Hdez., Wass (Jozabed, min.74), Iago Aspas, Guidetti, Sisto. Manchester United (1): Romero, Valencia, Bailly, Blind, Darmian, Pogba, Ander Herrera, Fellaini, Rashford (Martial, min.79), Lingard, Mikhitaryan (Young, min.78; Smalling, min.89). Goles: Rashford, min.67, 0-1. Árbitro: Sergei Karasev, de Rusia. Amoestou Hugo Mallo (Celta); Fellaini (Manchester) Campo: Balaídos (26.202 espectadores). |
PRAZA_6119 | A vila monfortina acollerá do 21 ao 24 de agosto a primeira edición de Fancine de Lemos, Festival de Cinema Fantástico e de Terror. Está organizado polo cineclube A Calexa e a produtora Amanita Films e conta con Narciso Ibáñez Serrador como padriño | Monforte acollerá do 21 ao 24 de agosto a primeira edición de Fancine de Lemos, Festival de Cinema Fantástico e de Terror. Está organizado polo cineclube A Calexa e a produtora Amanita Films e conta con Narciso Ibáñez Serrador como padriño, a quen se lle dedicará unha retrospectiva, coa proxección dos filmes La Residencia e ¿Quién puede matar a un niño?. O certame, que conta tamén co apoio do Concello de Monforte de Lemos e da Deputación de Lugo, amosará unha selección de curtametraxes de xénero fantástico, de terror ou de ciencia ficción, que foi recibindo nos últimos meses. O prazo para enviar estes traballos e que entren a concurso remata o 31 de xullo. Tras o seu visionado, un xurado (formado por Luís Aviles, David Rodríguez e Manuel Valcárcel) escollerá a peza gañadora, que levará un premio de até dous mil euros. Ademais, o festival levará a cabo unha serie de actividades paralelas na vila monfortina, relacionadas todas cos xéneros fantástico e de terror aos que rende tributo. Nunha entrevista publicada pola revista online Relatos Pulp, os responsables do festival sinalaban que a idea tomou como base a mostra que o cineclube A Calexa adoitaba organizar entre agosto e setembro para achegar á vila filmes que non foran estrenadas en Monforte: "Por que non convertemos a mostra nun Festival?", preguntouse Iván Patiño, responsable do Fancine Monforte. Patiño destacaba daquela que a "intención é converter o Fancine de Lemos nun punto de referencia anual para todos os amantes deste máxico xénero. Monforte foi coñecida como a capital do Ferrocarril, por que non pode ser coñecida agora como a capital do Terror?" |
PRAZA_2966 | A nosa literatura infantil e xuvenil está chea de referencias ao Nadal e a figuras tradicionais como o Apalpador ou os Reis. Velaquí unha recompilación das lecturas específicas deste tempo que podemos atopar entre moitas das editoriais galegas. | Escintilando magnífico encheu de puro esplendor as miñas estancias todas con chispas, fulguracións. A min gustábanme ben como el viñera adornado, pero pensei: "Algo hai que a este Nadal lle falta. 'O espírito do Nadal', Nancy Tillman, Ediciones Linteo. A nosa LIX está chea de referencias ao Nadal, a figuras tradicionais como o Apalpador, os Reis ou a un tempo que reservamos á familia, ás amizades, á recuperación dos valores que este tempo representa. Neste artigo queremos facer unha recompilación das lecturas específicas deste tempo. Para levalo a cabo falamos con moitas das nosas editoriais galegas e seleccionamos unha pequena mostra natalicia de recursos de Nadal. Así pois, sobre a figura galega do Apalpador, un personaxe que cada Nadal está máis presente, podemos atopar en álbum ilustrado O rei da Floresta, de Adela Figueroa Panisse con ilustracións de Mª Celsa Sánchez Vázquez editado por Edicións do Castro; O tesouro do Apalpador, de Jorge Rodrigues Gomesende con ilustracións de Eva Yusti Campo (autoeditado), Antón e o Apalpador, de Manuel Castro Lima e Mª Mar Ameixeiras Sánchez con ilustracións de Francisco Ameixeiras Sánchez editado por Barafunda Editorial; O conto do Apalpador, de Lúa Sende e Alexandre Miguens con ilustracións de Leandro Lamas e editado por A Fenda Editora e O Apalpador e a castaña máxica, de Xoán G. editado por Biblos Club de Lectores. E para mozos xa máis grandes en Urco editora a serie xuvenil Apalpador Vs Papa Noel, As aventuras do Apalpador e o tesouro dos mouros, As aventuras do Apalpador e a carballeira dos druídas e As aventuras do Apalpador e as portas do tempo. No que se refire a Nadal, ese tempo de valores, de tradición e de familia e tamén de sorrisos comprometidos a mesma editora propón Contos estraños volume 4. Nadal Impío, todo un alegato da condición do ser humano para lectores autónomos. En Edicións do Cumio podemos atopar a clásica novela de Charles Dickens, Canción de Nadal, adaptada e ilustrada por Rosa Fuentes e protagonizada polo avarento señor Scrooge e os xa célebres espíritos do Nadal Pasado, do Nadal Presente e do Nadal Futuro. Un cálido relato que nos convida a tomar en consideración as cousas que realmente teñen un gran valor na vida. A mesma obra de Dickens pero ilustrada por Roberto Innocenti e traducida por Carlos Acevedo podémola atopar en Kalandraka para nenas a partir dos dez anos, sen dúbida, desde unha coidada perspectiva. O espírito do Nadal, de Nancy Tillman, en Ediciones Linteo, achéganos o Nadal a través dos ollos dunha cativa, de xeito lírico e, Trece noites, trece lúas. Libro das marabillas do Nadal, de Antonio Reigosa e ilustrado por Noemí López sabe á gorentosa maxia do autóctono, a mitos, ritos, lendas e tradicións do Nadal en Galicia e no mundo, da man de Xerais, igual que Contos de Nadal de Manuel Rivas ilustrado pola xenialidade de Miguelanxo Prado. A boneca e a castañeira, de Roberto Aliaga con ilustracións de Maja Celija en Oqo editora é todo un relato contra o consumismo. E en Galaxia para este tempo, unha lectura adulta de Ramón Otero Pedrayo, Contos de Santos e Nadal e O Nadal, un libro-acordeón despregable para pequenos, ilustrado por Jacobo Fernández, ademais de poñer música con Mamá Cabra e a súa Estación Nadal, estación esta que artella a diversión e constitúe, coa primavera, verán, outono e inverno, unha estación autónoma en que brincar. Conto de Nadal é tamén o nome do volume editado en Tambre, en formato papel e en pop-up, feito por varios autores. Os Reis Magos, tan agardados nas nosas casas, chegan en todos os formatos. En álbum ilustrado podemos atopar Cando Martiño tivo ganas de mexar na noite de Reis, de Chema Heras con ilustracións de Kiko da Silva editado por Kalandraka; Derradeira carta aos Reis Magos, de Fina Casalderrey na colección Merlín con ilustracións de Hoa-Binh Melgar González, A Estrela de Oriente. Unha historia de Reis Magos de Pemón Bouzas e ilustrado por Marcos Calo. En Galaxia, ademais do libro-cd da colección Sonárbore de Mamá Cabra Xa me tardan eses Magos, con ilustración de Kristina Sabaite, no que participan importantes poetas galegos como Antón Cortizas, Gloria Sánchez, Antonio García Teijeiro e a propia Gloria M. Roel, vocalista do grupo, tamén podemos atopar a simpática e orixinal obra de teatro de Isabel Freire Aos Reis Magos non lles gustan os caramelos de menta, ilustrada por María Lires ou a clásica comedia A tempestade, de William Shakespeare. Son estes os principais títulos da LIX sen prexuízo de que poidamos sumar algún máis que pola súa temática son acaídos para o inverno ou que nalgún intercalen ou fagan referencia a agasallos e tempo de preparación destas datas. |
PRAZA_19827 | Erdoĝan avanza decidido a preservar a súa hexemonía a través dun proxecto absolutista laminado por unha enorme polarización social, que pode resultar contraproducente a mediano e longo prazo por mor da crise socioeconómica e da frustración das expectativas políticas. | A pesar do axustado do resultado electoral (51%), unha lectura preliminar do referendo constitucional en Turquía celebrado o 16 de abril evidencia unha nova vitoria política para o presidente Recep Tayyip Erdoĝan. Non obstante as denuncias de presuntas irregularidades no escrutinio, da brutal e intensa represión post-golpe e dos obstáculos gobernamentais para o acceso das organizacións internacionais (principalmente europeas) á hora de verificar a transparencia do proceso electoral, Erdoĝan avanza decidido a preservar a súa hexemonía a través dun proxecto absolutista laminado por unha enorme polarización social, que pode resultar contraproducente a mediano e longo prazo por mor da crise socioeconómica e da frustración das expectativas políticas. Así e todo, e tras este referendo, pódese falar da asunción dunha república "erdoĝiana" e do eventual final da república "atatürka" herdeira do seu fundador, Mustafá Kemal Atatürk? Formalizada a reforma constitucional tras un proceso de corte plebiscitario, o contexto loce proclive para que Erdoĝan afonde nas súas expectativas históricas de converterse no líder turco con maior permanencia no poder, superando así ao creador da República turca, Atatürk. Non obstante, ese mesmo contexto afróntase complexo e incerto para Europa, tomando en conta os recentes roces, cada vez mais intensos, que comezan a separar a Ankara da UE. Neste apartado destacan a finalización de feito das negociacións de admisión turca (paralizadas durante unha década), a adopción vía referendo de instrumentos represivos (pena de morte) inaceptables para Bruxelas, e as inquietudes europeas sobre o futuro do acordo sobre os refuxiados (abril de 2016). E aquí asúmese como variable estratéxica a aposta "erdoĝiana" de trazar unha reorientación xeopolítica de carácter euroasiático para Turquía, compatibilizándoa con novos aliados e socios (Rusia, China, Irán), alterando así a histórica orientación "atlantista" vía OTAN, herdanza de Atatürk e dos seus sucesores. Esta viraxe euroasiática gravitará igualmente en temas sensibles para a seguridade nacional turca, como a guerra en Siria, a cuestión kurda e o terrorismo xihadista, que albiscan unha maior radicalización no distanciamento turco co respecto aos intereses estratéxicos occidentais, ou ben un "aggiornamento" motivado polas circunstancias. En quince anos de mandato, Erdoĝan e o seu gobernante partido islamita AKP lograron acicalar un novo establishment de poder obviamente instrumentalizado para alterar os cimentos da república "atatürka". Penetrando en todos os estamentos do Estado e da sociedade, esta hexemonía de natureza cada vez mais autocrática aséntase nun sistema político "post-moderno" de carácter plebiscitario, onde a división de poderes da democracia liberal e representativa non tiña cabida. Así e todo, este establishment "erdoĝiano" logrou igualmente sosterse grazas ás doses de calculado pragmatismo do propio Erdoĝan, principalmente visibles nos contextos de crise e turbulencia política. Para afianzar a lexitimidade do AKP e a consolidación deste establishment, Erdoĝan non dubidou en neutralizar e incluso cooptar apoios tácticos por parte dos seus mais encarnizados inimigos, en particular a casta militar, a extrema dereita nacionalista e o Partido Republicano do Pobo (CHP) creado por Atatürk. En certo sentido, este establishment "erdoĝiano" reproduciu cabalmente varios dos parámetros estruturais do sistema "atatürko", un aspecto que igualmente provoca síntomas de animadversión entre unha mocidade cada vez mais contestataria. Velaí que a viraxe autocrática de Erdoĝan reproduciu ó mesmo tempo o ascenso de novas manifestacións opositoras nunha sociedade civil turca notoriamente globalizada, pero polarizada nos seus canais da representatividade política. Paralelamente, a brutal represión post-golpe, con especial incidencia contra a rede islamita Gülen que Erdoĝan observa como o seu rival mais perigoso, ameaza igualmente con provocar erosións políticas dentro do AKP. Esas raíces contestatarias tamén estiveron presentes nos resultados do referendo constitucional turco: un 49% de votos para o "non" definen unha multiforme oposición a Erdoĝan que pode subir en intensidade se a crise económica fragmenta as expectativas políticas. Unha cifra elevada de votantes en contra sumamente importante, que ilustra a polarización sociopolítica turca e que poden complicar as expectativas hexemónicas establecidas nesta república "erdoĝiana". |
PRAZA_20143 | GRÁFICOS | O estudo do CIS sobre os comicios galegos do pasado setembro ofrece respostas a algúns dos interrogantes sobre o comportamento electoral en Galicia e as razóns que levan a poboación a optar por unha ou outra forza política | Por que votamos a quen votamos? Por que gaña quen gaña? Como é o electorado de cada partido? Son algunhas das preguntas que xorden ao fío de cada resultado electoral e que, no caso dos comicios ao Parlamento de Galicia, adoitan derivar nun interrogante máis xeral: por que o PP gaña tantas veces e tan amplamente? As respostas a algunhas destas preguntas ou, cando menos, algunhas pistas para chegar a elas están nos inquéritos postelectorais. O principal -e practicamente único- estudo demoscópico de acceso público para Galicia que adoita estar dispoñible tras os procesos electorais galegos é o do Centro de Investigacións Sociolóxicas, que xa avanzou os principais resultados da súa enquisa posterior ás eleccións galegas do 25 de setembro do pasado ano. Desta análise é posible tirar, entre outras moitas conclusións, un retrato robot do electorado que sustentou a terceira maioría absoluta do PPdeG. Case o 90% do electorado do PPdeG xa decidira o seu voto antes da campaña Un dos aspectos que, segundo o CIS, volveu caracterizar o electorado dos conservadores é a súa gran fidelidade ao partido e a escasa influencia da campaña electoral na súa decisión final. Non en van, o 88% do electorado que declara o seu apoio ao partido que volveu sustentar o Goberno xa decidira outorgar o seu sufraxio ao PP antes do inicio da carreira electoral, atendendo á análise do recordo de voto. Pola contra, nas forzas da esquerda a campaña semella ter moita máis relevancia, algo que desta volta sucedeu especialmente no BNG. Non en van, case un 40% de quen declaran que optaron polo Bloque indica que tomaron a decisión entre a segunda metade da campaña e a propia xornada electoral. Outro dos trazos que permite diferenciar varios grupos entre a poboación de Galicia con dereito a voto e intuír a orixe da vitoria conservadora é a idade do electorado. Así, é a partir da contorna dos 50 anos de idade o sector do electorado no que o PP amosa máis ás claras o seu dominio e na poboación maior de 65 anos acada e mesmo supera o apoio medio entre a poboación xeral. Así, mentres que este indicador de recordo outorga aos populares un apoio xeral do 30% -nas urnas foi do 47,6%-, entre quen teñen máis de 55 anos supera o 35% e entre maiores de 65% racha a barreira do 47%. En Marea é a forza con máis apoio entre a poboación menor de 35 anos Un panorama ben diferente é o que o estudo do CIS reflicte para a poboación xuvenil. Así, no electorado de 18 a 24 anos a forza política máis apoiada sería En Marea, con case o 24% dos sufraxios -o recordo dálle algo menos dun 13% e no resultado real superou o 19%-, mentres que o segundo posto sería para o PP, cun 18,8% e, máis afastados, o PSdeG co 6,5% e o BNG, na contorna do 4%. En Marea tamén é primeira forza no grupo de 25 a 34 anos e entre a poboación de 35 a 44 pasaría xa á asegunda posición, pero a apenas 4 puntos do PP. O Bloque, pola súa banda, acada a maior porcentaxe entre a poboación de 25 a 24 anos -chega ao 5,5% de recordo de voto, que foi do 8,3% nas votacións-, acadando o 8%. No que atinxe ao PSdeG regresa á segunda posición por diante de En Marea e do BNG entre a poboación de máis de 45 anos e é entre esta idade e os 54 onde logra, con case un 15%, a maior porcentaxe de apoio -o recordo medio para os socialistas é do 11,8% e nas eleccións tiveron o 17,9% dos votos-. Máis da metade de quen apoian o BNG fano fundamentalmente por crer que é a forza que "mellor defende Galicia" Unha vez bosquexadas algunhas das características do electorado de cada partido cabe achegarse a outra pregunta: cales son os principais motivos que impulsan a cadaquén a optar por un ou outro partido? Preguntado ao respecto polo CIS o electorado galego indica que as forzas políticas que absorben máis volume de voto en clave ideolóxica son En Marea e o PSdeG. Cun 50,2% e un 47,3%, respectivamente, foron as candidaturas cuxo electorado as elixiu, en maior medida, por seren as que "mellor representan" as súas "ideas e intereses". Mentres, noutra das variables manexadas polo estudo, a forza que "mellor defende Galicia", o BNG destaca por riba do resto da opcións, xa que esta é a primeira razón que esgrime algo máis do 50% do seu electorado. En Marea e PSdeG son as forzas con máior proporción de voto en clave ideolóxica As claves ideolóxica e territorial tamén están presentes no electorado do PP, se ben os motivos de quen apoian este partido distribúense máis entre as diferentes posibilidades que ofrece o inquérito. Así, algo máis dun 25% coida que o Partido Popular é a forza política que "mellor defende" o país e algo menos dun 20% do seu electorado apóiao principalmente por ser quen mellor representa as súas ideas. Así e todo, entre quen votan ao PP destaca unha resposta que concorda cun dos principais eixos da campaña conservadora, o candidato. Non en van, máis do 22% do electorado do PP tivo como principal motivo para a súa escolla considerar que era a formación co "mellor candidato", unha proporción moi semellante á de hai catro anos. O peso da figura do candidato como elemento moito máis determinante no PP que no resto de partidos confírmase noutras das preguntas realizadas polo CIS, as que analizan o grao de coñecemento e valoración cidadá de líderes. Tras oito anos de goberno Alberto Núñez Feijóo acada un grao de coñecemento do 90% -a primeira vez que se presentou estaba por baixo do 80%- e a seguinte líder en coñecemento, Ana Pontón, fica un chisco por baixo do 50%. Por baixo do 45% de coñecemento cidadán situábanse o socialista Xoaquín Fernández e o candidato de En Marea, Luís Villares. Ao carón do grao de coñecemento dos candidatos e candidata á Presidencia das forzas que obtiveron representación parlamentaria o CIS ofrece tamén a súa valoración, unha 'nota' de 0 a 10. Neste indicador o único líder que traspasa o limiar do 5 é tamén Feijóo, que chega ao 5,33, e o segundo posto é de novo para a portavoz nacional do BNG, cun 4,55. Villares, segundo o estudo, supera por pouco o 4 e Leiceaga queda 7 centésimas por baixo deste valor. Todos estes resultados proceden dun inquérito realizado nun clima aínda notablemente influído pola propia campaña electoral e as reaccións inmediatamente posteriores dos partidos políticos. Non en van, as 2.865 entrevistas en que se basea, distribuídas entre 194 municipios galegos, foron realizadas entre o 28 de setembro e o 31 de outubro do pasado ano. A marxe de erro desta enquisa é, segundo o CIS, de ±1,9%. |
NOS_19566 | Os socialistas censuran a "confrontación" e a "inacción" do Goberno galego para logar un uso eficiente dos fondos europeos. | O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, volveu a esixir este sábado ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, unha reunión cos dous grupos da oposición para "conseguir acordos" e "estabelecer prioridades" para o uso dos fondos europeos 'Next Generation' ante a súa política "de inercia e de inacción". Nunha comparecencia fronte á Casa Europa do Parque de Vista Alegre de Santiago a canda o eurodeputado socialista galego Nicolás González Casares, o líder do PSdeG cualificou de "desnortada, sen rumbo e sen base no país" a selección dos proxectos realizada polo Executivo galego. "O Goberno da Xunta foi incapaz de conseguir acordos e de estabelecer prioridades para a utilización de fondos europeos. Feixoo dixo que había sete proxectos importantes, despois dixo que eran 106, despois 354 e, posteriormente, foi soltando outros", relatou. Ante todo iso, Caballero reiterou o seu chamamento ao presidente galego para que "non siga perdendo o tempo" e se reúna tanto con el como coa líder do BNG, Ana Pontón, para "abordar o reto da modernización e acordar un uso eficiente e óptimo dos fondos europeos". E é que, para o secretario xeral socialista, a Xunta "non di cales son as prioridades" para o emprego destas contías: "Non logra acordos, non fala cos grupos parlamentarios, non fala coas alcaldías do país" porque "prefire o conflito e a tensión". "Galiza non pode perder a oportunidade" Ante a chegada dos fondos europeos ás comunidades autónomas, Caballero advertiu que "Galiza non pode perder a oportunidade de modernizar a economía e de facelo de acordo á xustiza social e á solidariedade coa cidadanía galega". Pola súa banda, o eurodeputado Nicolás González Casares lamentou a "desconexión" da Xunta das políticas da UE, que "nestes tempos acaba de demostrar que é un escudo protector da cidadanía". "Hai que reducir desigualdades. Que Galiza estea conectada coas políticas europeas é unha necesidade que temos que levar a cabo os socialistas. Porque iso non o vai facer o Partido Popular, que abandonou desde a Xunta as políticas de influencia de Bruxelas", explicou. De feito, o eurodeputado censurou que Feixoo busque "a confrontación non só co Goberno de España, senón tamén con Europa", como cando "criticou a estratexia de vacinación" e a chegada de millóns de doses "sen custarlle nin un só euro aos galegos". En definitiva, González Casares apelou a "enganchar Galiza con Europa" e afeou que Feixo trate de "esconder" que xa se están producindo investimentos de fondos comunitarios na sanidade galega: "A Xunta está a esconder que eses recursos chegan desde Europa transferidos polo Goberno de España". |
NOS_15330 | Ana Pastor, José Ramón Lete e Elena Muñoz acudiron á concentración do Celta Zorka de baloncesto feminino nas horas previas á desputa da fase de ascenso a Primeira División en Tenerife. | A campaña electoral do Partido Popular chegou hoxe a Navia, onde se atopa concentrado o Celta Zorka antes da desputa da fase de ascenso a Primeira División de baloncesto feminino que terá lugar en Tenerife. O séquito popular, encabezado pola presidenta do Congreso dos Deputados e candidata nas eleccións xerais por Pontevedra, Ana Pastor; o secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete, e a candidata á Alcaldía de Vigo, Elena Muñoz, acudiu a un dos adestramentos do conxunto feminino de baloncesto da entidade viguesa "para desexarlles sorte" nesta fase da competición. Non é a primeira vez que o Celta se presta a colaborar nun acto político do Partido Popular. Hai uns meses, a comezos de febreiro, o clube vigués exercera de anfitrión nun mitin do presidente do partido, Pablo Casado, sobre a unidade de España. |
NOS_46349 | A ofensiva do Partido Popular contra as denominadas linguas cooficiais non cesa. O seu presidente, Pablo Casado, volveu insistir en rebaixar o estatus de galego, catalán e eusquera, e prometeu, se goberna, unha "Lei de Linguas". Que basicamente será un ataque aos idiomas do Estado que non son o español. | "Garantirase que non se poida acceder a un posto público se non se fai en igualdade con todos os españois", afirmou Casado nun almorzo informativo en que engadiu que o coñecemento do galego -e do catalán e o eusquera- non será un "requisito, en todo caso un mérito". O PP, máis inclinado á dereita por mor da competición con Vox, axita de novo o españolismo lingüístico. Cun imaxinario herdado do franquismo, o candidato popular á presidencia do Goberno español afirmou que "non é xusto que un madrileño non poida opositar en Catalunya e si ao contrario. Outra cousa é que logo teñan que aprender o idioma, especialmente en aldeas ou pedanías onde o galego e o valenciano sexan usados de forma maioritaria". Pablo Casado, cuxa candidatura a dirixir o PP foi apoiada por Alberto Núñez Feixoo, falou de "Administración paralela e endogámica" para se referir aos profesionais da función pública que deben aprender as respectivas linguas dos territorios estatais. Para Casado só parece haber unha lingua, o español. As demais son inferiores. O propio Núñez Feixoo gañou a Xunta en 2009 cun discurso reaccionario e contrario ao galego. No primeiro tramo do seu primeiro mandato adoptou diferentes medidas lexislativas para facer retroceder a lingua, pero despois foi arrefriando a cuestión, que agora resucita da man do seu superior. |
NOS_12640 | Após a perda da hexemonía do PP no 28A e de que o presidente da Xunta solicitase abrir o partido, desde o PSdeG sinalan a Feixoo como un dos responsábeis da viraxe cara á ultradereita. | Gonzalo Caballero sinalou a Alberto Núñez Feixoo como un dos responsábeis do "xiro cara a ultradereita que deu o Partido Popular" e asegurou que o presidente da Xunta errou cando "se botou en brazos do PP de Casado". En declaracións aos medios após a executiva do PSdeG para a valoración dos resultados das eleccións xerais, Gonzalo Caballero lembrou que Feixoo "en ningún memento" se desmarcou da liña política de Pablo Casado. Caballero sinalou que Feixoo tampouco protestou ante os acordos do PP con Vox Da mesma maneira, Caballero sinalou que Feixoo tampouco protestou ante os acordos do PP con Vox en Andalucía e considerou que o presidente galego errou ao pensar que as galegas e galegos avalarían a ultradereita. Na xuntanza da executiva do PSdeG tamén avaliarion moi positivamente o feito de por primeira vez ter superado o PP en Galiza e resultar a forza máis votada. Desde o PSdeG avanzaron que teñen o obxectivo marcado en conseguir o maior número posíbel de maiorías En canto ás eleccións municipais, desde o PSdeG avanzaron que teñen o obxectivo marcado en conseguir o maior número posíbel de maiorías, manterse onde actualmente gobernan e "avanzar alí onde actualmente non gobernamos", afirmou Caballero. Desta maneira, o secretario xeral puxo en valor o seu partido e salientouno como "a mellor opción de goberno para os concellos de Galiza". Cualificou o o PSdeG como formación de esquerdas que sabe gobernar e sinalou como característica propia da organización "ter capacidade de atender os problemas e as necesidades da cidadanía". Caballero avanzou que xa teñen no punto de mira o final da lexislatura galega Os resultados do pasado domingo son para Caballero un punto de partida "para conseguir cambiar a Galiza" no sentido de que "o reclamo de progreso que pediron as electoras e electores poida chegar tamén aquí". Avanzou ademais que xa teñen no punto de mira o final da lexislatura galega, na que apostan por ofrecer unha alternativa distinta ao Partido Popular. Caballero afirma que o PSOE ten toda a lexitimidade para formar goberno no Estado Após a executiva do PSdeG, e en relación a preguntas dos medios por como valoraría as posíbeis coalicións de goberno no Estado, Caballero afirmou que o PSOE "está totalmente lexitimado para formar un goberno socialista e de esquerdas" e asegurou que marcarán a mellor folla de ruta para "traballar polo interese do conxunto da cidadanía". |
NOS_39197 | Xa está aquí "War of kings", o moi agardado novo disco dos suecos Europe. | Seguramente moita xente non volvera escoitar Europe após do mítico "The Final Countdown" de 1986 e moitos pensarán que se separaran. Nada máis lonxe da realidade, xa que a pesar do parón da banda en 1992 e unha pequena reunión en 1999, no ano 2003 retomaron a súa actividade musical coa volta do seu guitarrista orixinal John Norum. O camiño da banda foi evoluíndo dende o heavy metal e o hard rock que amosaban nos seus primeiros traballos até o blues rock. Neste "War of Kings", contan por primeira vez coa produción de Dave Cobb e pode que sexa iso, xunto con unha clara madurez compositiva da banda o que nos faga lembrar neste disco aos grandes no rock setenteiro como Led Zeppelin, Deep Purple, Black Sabbath ou o propio Hendrix. O disco abre con "War of Kings", que foi elixido pola banda como single. Un téma épico de bases contundentes mais que non é un tema que entre de primeiras e que tampouco fai imaxinar a viaxe retro que imos facer no álbum e que xa comeza con "Hole on my pocket" onde aparece claramente o son Purple, máis marcado aínda polo Hammond e tamén pola voz de Joey Tempest que por momentos parécese máis á de Guillian. En "Second Day" pisan o freo e presentan un tema algo máis pausado pero coidado nos seus detalles e un dos retrousos máis elaborados de todo o disco que contrasta con "Praise You", un tema cunha total alma de blues. É un disco correcto para viaxar no tempo que por momentos pode chegar a ser monótono no que a banda sueca fai unha clara homenaxe a Deep Purple e Led Zeppelin "Nothin' To Ya" e "California 405" seguen sendo máis do mesmo, temas correctos que terían sido sorprendentes hai 30 anos pero que comezan a facer a escoita do disco algo lineal e aburrida até chegar a "Days Of Rock and Roll" o tema máis melódico e comercial do disco, pero tamén o tema máis directo. "Children Of The Mind" é un espellismo dos Europe máis oitenteiros, tanto en composición como na estrutura dos solos (de teclas e cordas) e nos xogos vogais. Nada que ver con "Rainbow Bridge", que leva uns riffs de aire étnico arábico que sorprenden tanto na primeira escoita como aburren nas seguintes. "Angels (With Broken Hearts)" é unha balada que sen dúbida pode ser cualificada como o mellor do disco e que segue na liña Purple. Un tema que sen dúbida pasará a converterse nun clásico e que deixa o listón moi alto para "Light It Up", tema que pecha o disco a máis puro estilo Hendrix que deixa bo sabor de boca e fai esquecer os temas de recheo. "War of kings" é un disco correcto para viaxar no tempo que por momentos pode chegar a ser monótono no que a banda sueca fai unha clara homenaxe a Deep Purple e Led Zeppelin mais sen perder a esencia desta segunda etapa da banda. Se pensas atopar os Europe dos 80, este non é o teu disco, mais se o que queres é rock retro e blues rock, podes pasar un bo tempo coa súa escoita. Video: Europe – War of Kings Listaxe de temas 01. War Of Kings02. Hole In My Pocket03. Second Day04. Praise You05. Nothin' To Ya06. California 40507. Days Of Rock n Roll08. Children Of The Mind09. Rainbow Bridge10. Angels (With Broken Hearts)11. Light It Up Europe na redeWeb: www.europetheband.comFacebook: www.facebook.com/europethebandTwitter:@europetheband |
PRAZA_8063 | Un terzo das 75 bolsas predoutorais da Xunta "podería perderse nun limbo burocrático", segundo o deputado David Fernández, se a Consellaría non atende ás reivindicacións dos estudantes que figuran na lista de espera | Un terzo das 75 bolsas predoutorais da Xunta "podería perderse nun limbo burocrático", segundo o deputado David Fernández, se a Consellaría non atende ás reivindicacións dos estudantes que figuran na lista de espera. A situación derívase da concorrencia simultánea dalgunhas persoas ás bolsas da consellería e ás FPU (Formación do Profesorado Universitario) do Ministerio de Educación. 23 estudantes que tiñan concedida a axuda da Xunta recibiron, con meses de atraso, a notificación de que o ministerio tamén os admitía En concreto, 23 estudantes que tiñan concedida a axuda da Xunta recibiron, con meses de atraso, a notificación de que o ministerio tamén os admitía. As condicións desta última bolsa son máis favorábeis –catro anos de duración fronte á tres da autonómica-, polo que usualmente os beneficiados con ela renuncian á bolsa da consellaría. Isto movería a lista de espera e permitiría a outros investigadores acceder ás axudas autonómicas. Pero os prazos das convocatorias e da renuncia ás bolsas provocan unha disfunción e fan que, ao non ter que optar polas bolsas do ministerio antes de que rematen os catro meses estabelecidos nas axudas da Xunta –o 22 de marzo-, até 23 bolsas poderían quedar baleiras. Estas bolsas predoutorais da Consellaría de Educación fináncianse moi maioritariamente con cartos do Fondo Social Europeo. Se estes fondos non son empregados, a Xunta tera que os devolver. Fernández Calviño solicitoulle á Consellaría de Educación que modifique a orde das axudas e amplíe o prazo para que así 23 novas persoas –no lugar das que aceptarán a do ministerio- poidan beneficiarse das bolsas para levar adiante as súas investigacións. "Este tipo de programas contribúen a que as cousas melloren no noso país. A burocracia non debe impedir o desenvolvemento da investigación", afirmou. "Este tipo de programas contribúen a que as cousas melloren no noso país. A burocracia non debe impedir o desenvolvemento da investigación", afirmou David Fernández Dúas investigadoras afectadas acompañaron ao parlamentario de AGE e explicaron como a Secretaría Xeral de Universidades lles asegurou a "imposibilidade" de solucionar o problema e que o único xeito sería "impugnar a convocatoria, pero xa estades fóra de prazo". Do propio secretario xeral e do conselleiro só recibiron o silencio por resposta ás súas chamadas e correos electrónicos. "Modifícanse ordes continuamente", expuxo Fernández Calviño, "e outras cousas axiña se cambian". |
NOS_16782 | Sanidade incrementa os cribados nas principais cidades para detectar os casos asintomáticos e frear o avance da Covid. | Esta fin de semana, o Servizo Galego de Saúde (Sergas) está a realizar cribados masivos en diferentes puntos da xeografía galega, entre os que cómpre salientar Compostela, Vigo e A Coruña. Na capital galega, un equipo formado por 24 profesionais está a cargo dun cribado ao que foron chamadas perto de 9.000 persoas de entre 41 e 45 anos, por tratarse da franxa de idade de maior prevalencia no municipio e que, polo xeral, acostuma a coidar tanto a cativos como a persoas maiores. Segundo puido saber Nós Diario, a realización das probas PCR (os resultados estarán dispoñíbeis entre 24 e 48 horas despois) decorreu "con normalidade e sen esperas", debido á porcentaxe de participación, que roldou 65% no Recinto Feiral de Amio, unha cifra semellante á rexistrada en anteriores cribados na Galiza. Na Coruña, pola contra, o cribado está dirixido á poboación de entre 18 e 60 anos, e ten lugar en ExpoCoruña. Cada día están convocadas perto de 4.500 persoas. No caso de Vigo salienta a elevada mostra: arredor de 22.000 persoas foron citadas no Instituto Feiral de Vigo (Ifevi) para se someteren a test serolóxicos (resultados en 15 minutos) desde o sábado até o vindeiro mércores. O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, desprazouse á cidade olívica para supervisar o cribado e agradecer ás e os voluntarios o seu labor. Outros puntos de cribado Esta fin de semana, o Sergas tamén está a realizar cribados no Carballiño, Poio, Betanzos, Silleda, e Sarria. |
NOS_10380 | Tanto a produción como a distribución víronse afectadas polas restricións na mobilidade, segundo a Oficina da ONU contra a Droga e o Crime. | A pandemia de coronavirus e a limitación de movementos que levou asociada na maioría dos países complicou tamén a produción e o tráfico de drogas a nivel mundial, segundo un informe das Nacións Unidas que constata especialmente os efectos que tiveron as restricións no contrabando por vía aérea. A Oficina da ONU contra a Droga e o Crime (UNODC) examinou os efectos dos novos controis no narcotráfico, en particular para aquelas drogas que viaxan entre continentes. Este sería o caso das drogas sintéticas, como as metanfetaminas, que previsibelmente sufrirían de forma "drástica" as restricións ao tráfico aéreo. A cocaína, en cambio, circula principalmente por mar e, segundo a UNODC, seguíronse rexistrando grandes cargamentos durante a pandemia. As rutas marítimas tamén estarían repuntando no caso da heroína, para as que os traficantes viñan utilizando principalmente vías terrestres. Os expertos non prevén que o cannabis se vexa afectado na mesma medida, dado que "a súa produción adoita ter lugar perto dos mercados de consumo", din. Segundo a ONU, varios países xa detectaron unha redución da venda de drogas a pequena escala, o que afectaría principalmente o consumo con fins recreativos. Preocupa, non obstante, un posíbel cambio entre os consumidores de heroína, que poderían derivar noutros produtos máis fortes como o fentanil e os seus derivados. A ONU detectou, ademais, un aumento do consumo de produtos farmacéuticos como benzodiazepinas, que nalgúns casos viron duplicado o seu prezo, e na menor dispoñibilidade de produtos utilizados no caso de drogas inxectadas, algo que podería derivar no uso compartido de xeringas. Colleitas afectadas A UNODC prevé que a próxima colleita de opio no Afganistán, entre marzo e xuño, tamén se vexa afectada pola escaseza de man de obra, dado que os potenciais xornaleiros poderían non poder ou non querer desprazarse ás áreas de cultivo polo coronavirus. En Colombia, a produción de cocaína estase a ver prexudicada pola falta de combustíbel, mentres que en México a fabricación de drogas sintéticas foi a menos pola escaseza de precursores químicos do sueste asiático. En Bolivia, a pandemia está a limitar a capacidade das autoridades para controlar o cultivo da coca. Isto, di a UNODC podería derivar nun aumento da produción. No caso do Perú, pola contra, os expertos estiman que a caída de prezos podería desalentar a produción. Todo iso, porén, pode variar a medio e longo prazo. "A inminente crise económica pode levar a máis agricultores a se pasaren ao cultivo da coca nos principais países produtores de cocaína", apunta o informe. |
NOS_2239 | Os celestes derrotaron o Alavés (1-0) nunha vitoria traballada. | Á terceira foi a vencida. Após as derrotas fronte a Real Sociedad e Betis, os celestes lograron a súa primeira vitoria na Liga, contra o Alavés, e grazas a un gol de Maxi Gómez, que xa leva catro. Tres puntos para matar a ansiedade, coller aire e templar nervios. Estrenouse Lobotka como titular e Erme Mor debutou nos minutos finais. O Celta dominou gran parte do partido mais Alavés mais os vascos gozaron de varias ocasións claras que non foron quen de materializar. Sergio Álvarez resultou providencial para desgraza de Bojan, que tivo nas súas botas dous goles. Un penalti non sinalado a Aspas ao comezo da segunda parte puxo a nota polémica a un encontro no que o Celta sufriu máis do necesario. Táboa Celta (1): Sergio, Hugo Mallo, Fontàs (Sergi Gómez, min.74), Cabral, Jony, Lobotka, Wass, Jozabed (Tucu, min.81), Iago Aspas, Sisto (Emre Mor, min.87), Maxi Gómez. Alavés (0): Pacheco, Vigaray, Alexis, Ely, Pedraza, Dani Torres, Pina, Romero, Burgui (Ibai, min.71), Enzo (Munir, min.58) e Bojan (Sobrino, min.78). Goles: Maxi Gómez (1-0, min.33). Árbitro: Melero López, do comité andaluz. Amoestou Jonny, Iago Aspas, Jozabed, Maxi Gómez (Celta); Vigaray, Dani Torres, Alexis, Ibai Gómez (Alavés). Campo: Balaídos (17.384 espectadores). |
PRAZA_6506 | Galicia Mellor sen Touradas convoca manifestación coincidindo cunha feira taurina que se volverá celebrar -e subvencionar- na Coruña malia o fracaso no concurso de agosto e o rexeitamento popular. As facilidades postas polo Concello e a presión dos taurinos facilita a súa volta. | A Coruña sairá á rúa contra "a pervivencia das touradas subsidiadas". Logo do éxito da última convocatoria contra a celebración deste polémico espectáculo na cidade, a plataforma Galicia Mellor sen Touradas (GMST) volve convocar a cidadanía a unha marcha que se celebrará ás 12 do mediodía do vindeiro domingo 5 de outubro, coincidindo coa última xornada da feira taurina que, agás sorpresa, mañá martes anunciará o Concello tras desvelar o nome da única que empresa que se presentou ao concurso. Galicia Mellor sen Touradas convoca a cidadanía "contra a pervivencia das touradas subsidiadas" Farao despois de fracasar no seu intento de que se celebrase a feira no mes de agosto, como viña sendo habitual nos últimos anos. Malia que nun principio todo parecía indicar que ningunha empresa se presentara ao concurso, como ocorrera no verán, será o empresario Tomás Entero, de Tauro Siglo XXI, quen asumirá o evento, tal e como el mesmo recoñece nunha entrevista. A presión do lobby taurino -con ofrecementos de toureiros a torear gratis para "salvar a festa nacional"- e as facilidades do Concello da Coruña ao espectáculo permiten "a pervivencia" delas na cidade, tal e como denuncia GMST. "O Concello promove unha licitación reducida e dispensará un mínimo de 100.000 euros á feira en cada edición" "O goberno municipal promove unha licitación de formato reducido da feira taurina e dispensará un mínimo 100.000 euros das arcas públicas por cada edición", lembra o voceiro, Rubén Pérez, que resumiu a "necesidade de protesta" no marco dunha "conciencia cívica maioritaria contra a tauromafia", un entramado que, segundo aclara, na cidade "enguliu 600.000 euros dende 2011 e que supuxo dúas sentenzas do TSXG por unha concesión irregular e deficiencias de seguridade do propio Coliseum. GMST insiste en cuestionar a "pervivencia" das touradas "nunha cidade onde o 75,5% das coruñesas e coruñeses rexeitan os subsidios a esta actividade de violencia cos animais", tal e como demostran as últimas enquisas, e onde a afluencia de público é cada vez menor e case irrisorio de non terse en contas as invitacións. O Concello da Coruña, tras o fracaso de agosto, licitou de novo o concurso nun intento de atraer algunha oferta, rebaixou nun 60% (de 2.500 a 1.000 euros) o que a empresa beneficiaria debería abonar en concepto de canon polo uso do recinto municipal e fixou a posibilidade de que, ademais da corrida de outubro, a empresa adxudicataria puidese organizar a feira taurina durante os dous vindeiros anos, nos meses de xullo e agosto, nun contrato que mesmo se podería prorrogar outros dous anos. Ademais, para facilitar o interese das empresas xestoras de espectáculos taurinos, reducira este ano (na primeira licitación, que quedou deserta) as dimensións da feira, que se celebraría unicamente en dous días (no canto de tres). De igual xeito, prometeu seguir subvencionando parcialmente a súa celebración, achegando con cartos públicos o aluguer do Coliseum, o custo da montaxe da praza de touros, e tamén cedendo de balde as actuacións da banda de música municipal. En total, esta subvención pública indirecta suma uns 95.000 euros, unha cantidade case tan alta coma os 104.000 euros recadados o pasado ano por Eventauro a través da venda de entradas, da que se exclúen, obviamente, o elevado alto de invitacións que disimulan a escasa afluencia de público. LIbera e Franz Weber colaborarán nunha campaña "multimedia" para difundir a convocatoria da manifestación A manifestación terá lugar o domingo, 5 de Outubro, ás 12 horas, con saída dende o Obelisco e finalizando na praza de María Pita, espazo onde se atopa o "centro orixinal" da Coruña e praza do pazo do goberno local. A Asociación Animalista Libera e a Fondation Franz Weber sumarán, por segundo ano consecutivo, como organizacións convocantes e traballarán con GMST nos pasos previos dunha campaña "multimedia" que inclúe a difusión da manifestación en radio, coa producción dun anuncio que conta coa música de Susana Seivane, en prensa escrita, publicidade en redes sociais e os xa máis clásicos carteis verdes que inundaron a cidade o pasado ano. Rubén Pérez tamén lembrou como "con cada céntimo que o Partido Popular está a subsidiar a supervivencia da tauromaquia na cidade dende comezos da lexislatura poderíanse financiar 60.000 horas do servizo de atención domiciliaria de persoas dependentes, ter contratado unha trintena de traballadores sociais ou manter abertas catro escolas infantís municipais durante un ano". |
PRAZA_583 | Em 2014 o Ano Novo seria recebido na Galiza por duas vezes. Sim, duas. Uma, a de todos os anos, na hora espanhola que vai pelo fuso horário da Alemanha. E a outra, por primeira vez na TVG com a hora portuguesa que segue o fuso horário do meridiano de Greenwich, | Acontecia na data mais esperada do ano. Semanas antes não tinham passado o anúncio na televisão, nem tampouco saíra a notícia nos jornais, nem não se tratava o caso nas tertúlias radiofónicas, nem sequer os blogues tinham feito a publicidade esperável do acontecimento. As principais figuras políticas não o tinham comentado nas suas entrevistas e os apresentadores mais mediáticos não mencionaram a questão nos programas de máxima audiência. Mas o certo é que em 2014 o Ano Novo seria recebido na Galiza por duas vezes. Sim, duas. Uma, a de todos os anos, na hora espanhola que vai pelo fuso horário da Alemanha. E a outra, por primeira vez na TVG com a hora portuguesa que segue o fuso horário do meridiano de Greenwich, o mesmo das atlânticas Grã Bretanha, Irlanda, Açores, Madeira e Canárias. Entre nós, a hora de Portugal. No programa prévio, como de costume, os produtores televisivos ofereciam um conjunto de variedades de entretenimento. Na TVG começavam as atuações com música espanhola. Que foi seguida de mais música espanhola. Chegou a vez das Leilia e das Malvela e ao fim tivemos música galega, a única cantada em português. Depois continuou sempre em castelhano até chegar a meia noite. Aí o programa conhecido pelo nome de Luar ofereceu duas luas no ecrã: a bela face do relógio do Obradoiro, à direita, e a da custódia Puerta del Sol, à esquerda. Mas ainda faltava 1 hora para o ano novo com Portugal. A TVG insistia nas varietés espanholas com alguma excepção. Contudo, nada podia já ocultar o facto de que as 12 horas portuguesas vinham aí e na Galiza íamos celebrá-las para a entrada do ano. Incontroláveis e estranhos, os relógios galegos aguardavam mais uma hora. Estou a esquecer um detalhe importante: Desde o início, o programa de fim de ano contava com a presença duma apresentadora portuguesa que se expressou o tempo todo em belo português e, perto já do decissivo momento, as pessoas que ocupavam o cenário prestaram-lhe toda a atenção. Procuraram uns talhos para se subirem neles, pois em Portugal é costume receber o ano com mais altura, e prepararam as doze passas nas mãos. Tudo estava pronto. Imaginemos o relógio da Sé de Lisboa, ou o de Braga, ou o do Porto: Há que o imaginar porque agora o Luar não retransmitia a bela lua no ecrã. Chega o instante, os apresentadores iniciam a contagem regressiva: Doze! Onze! Dez! -parece uma astronave, pensava eu- Nove! Oito! Sete! -aqui vai acontecer alguma cousa- Seis! Cinco! Quatro! -isto está mesmo emocionante- Três! Dois! Um!... E naquele preciso instante começava para Galiza e Portugal o nosso Ano Zero. Feliz Ano Novo! Opinião publicada originalmente no n.º 145 do Novas da Galiza, na seção Língua Nacional. |
PRAZA_11539 | O Eixo Atlántico publica un informe sobre o impacto das vivendas de uso turístico na morfoloxía dos concellos de Galicia e o Norte de Portugal e propón unha serie de medidas para garantir os dereitos dos residentes e a sostibilidade dos fluxos de visitantes. | O incremento progresivo no número de visitantes e o aumento no número de pisos turísicos, sobre todo nos cascos históricos de determinadas cidades, están a provocar importantes efectos sobre estas localidades e os seus habitantes. O retorno económico é importante, pero estes fluxos tamén xeran unha serie de prexuízos aos seus residentes, nomeadamente no campo da vivenda, que se encarece, levando a dinámicas de expulsión, e tamén no tecido comercial, que sofre fenómenos de monocultivo.O Eixo Atlántico vén de dar a coñecer un informe que analiza o impacto das vivendas de uso turístico na morfoloxía dos concellos de Galicia e o Norte de PortugalO Eixo Atlántico vén de dar a coñecer un informe, coordinado por Ana Luísa Ladeiras, que analiza o impacto das vivendas de uso turístico na morfoloxía dos concellos de Galicia e o Norte de Portugal. O documento recolle datos sobre o actual ecosistema turístico das principais cidades e vilas da eurorrexión, reflexións sobre as dinámicas que se están a producir e, finalmente, achega unha serie de propostas para garantir os dereitos dos residentes e a sostibilidade dos fluxos de visitantes.O texto destaca que Porto e Santiago de Compostela, cidades turísticas e patrimonio da UNESCO, "son os polos de concentración da oferta de vivendas de uso turístico", como xa o eran na oferta hostaleira tradicional. Compostela, xunto coas Rías Baixas e A Coruña, concentran o 71% dos visitantes a Galicia. De feito, na urbe portuense o número de prazas ofertadas neste tipo de apartamentos xa supera á propia oferta hoteleira. en Compostela, pola súa banda, o número de cuartos e prazas en hoteis e pensións é aínda superior ao que se pode atopar nos pisos turísticos, cando menos nas cifras oficiais da Xunta."Foron detectadas situacións de tensión entre o desenvolvemento da actividade turística baseada nas vivendas de uso turístico e a calidade de vida dos residentes"O propio informe fai referencia á dificultade para cuantificar con exactitude o número de vivendas de uso turístico existentes, dado que moitas se sitúan na economía mergullada, fuxindo da súa fiscalización e evitando pagar os correspondentes impostos. Os rexistros paralelos realizados o pasado ano polo Concello de Santiago detectaron un número de apartamentos moi superior aos contabilizados polo Goberno galego. Tamén Porto, a través da súa política cobro da taxa turística, levou a cabo accións (tanto pedagóxicas como de fiscalización) dirixidas ao combate deste fenómeno. E, igualmente, está a monitorizar das plataformas de comercialización destes aloxamentos, como destaca o informe.Neste contexto, o documento do Eixo Atlántico destaca que "foron detectadas situacións de tensión máis ou menos evidentes entre residentes e turistas, entre o desenvolvemento da actividade turística baseada nas vivendas de uso turístico e a calidade de vida dos residentes". Sobre todo na cidade do Porto, onde o movemento 'O Porto não se vende' denuncia fenómenos de "asedio" e "bullying inmobiliario" contra os e as residentes de maior idade en determinados barrios e, igualmente, "o aumento exponencial do valor de venda e de aluguer dos inmobles do centro urbano de Porto". Alértase, igualmente, sobre o risco da "perda de autenticidade dos espazos" nos cascos históricos e da "escaseza da oferta de aloxamento estudantil".Medidas propostasO texto realiza finalmente unha serie de propostas de acción para os gobernos municipais, co obxectivo de "ordenar" o turismo e tentar evitar os efectos máis negativos da saturación de visitantes e de aloxamentos turísticos. "Os concellos deben ser capaces de actuar de forma eficaz e informada orientando o impacto da actividade turística nas súas cidades para a construción da morfoloxía urbana que asegure unha alta calidade de vida aos seus residentes e unha experiencia turística satisfactoria e única aos seus visitantes", sinala o documento.O Eixo Atlántico recomenda que todos os concellos "aproben un plan de vivenda e un plan de turismo que recollan a realidade, propostas e políticas para as vivendas de uso turístico"O Eixo Atlántico recomenda que todos os concellos "redacten e aproben un plan de vivenda e un plan de turismo que recollan a realidade, propostas e políticas para as vivendas de uso turístico dentro dunha realidade máis ampla residencial e turística. E, ademais, que conten cun "plan urbanístico actualizado e en vigor que recolla e ordene a particularidade do uso de vivenda turística e que a englobe nunhas políticas de vivenda xerais".O documento do Eixo Atlántico alerta de que "en Galicia non existe ningún concello cun Plan Municipal de Vivenda aprobado e en vigor medianamente actualizado á realidade presente" e de que "en moitos dos concellos galegos non existe unha planificación urbanística actualizada e coherente cos requirimentos ambientais e de loita contra o cambio climático". Ademais, comenta que algúns concellos contan cun plan de turismo, pero sinala que "na maioría dos casos, non pasa de ser un plan de promoción, lonxe do que debe de ser un auténtico plan de ordenación turística municipal".Pídese maior control para previr a fraude fiscal e políticas de ordenación dos pisos turísticos para evitar fenómenos de saturaciónO informe salienta que as accións neste senso dos concellos portugueses "constitúen boas prácticas" que se poderían imitar para "orientar o impacto da actividade turística na morfoloxía urbana das súas cidades". Con todo, recoñece que as vilas lusas "dispoñen dun conxunto máis amplo de solucións para impulsar unha actividade turística sustentable no seu territorio".Entre as medidas propostas están as seguintes:Aposta pola ordenación dos pisos turísticos na cidade: Limitación por zonas de cidade en función de saturación do mesmo xeito que veñen regulando as actividades de hostalaría nas zonas acusticamente saturadas. Limitación en función do visto e prace por parte dunha porcentaxe determinada de propietarios do edificio. Limitación do número de días/semanas/meses ao ano que se pode alugar unha vivenda para uso turístico. Limitación en función do número de vivendas turísticas que posúa un propietario determinadoUn maior control fiscal desta actividade co obxectivo de previr a fraude fiscal. Destaca que cando os pisos turísticos non pagan impostos xérase unha tripla inxustiza, pois prímase este uso sobre o alugueiro permanente, prodúcese unha competencia desleal fronte a outros establecementos turísticos e, finalmente, esta actividade non contribúe ao pagamento dos servizos extraordinarios que a cidade debe afrontar polo maior número de visitantes.Tamén se recomenda o desenvolvemento dunha política municipal de vivenda "especialmente enfocada aos colectivos máis desfavorecidos e que sofren maior dificultade de acceso á vivenda"Redireccionar as políticas de rehabilitación e rexeneración urbana actuais que poidan estar a incentivar o desprazamento da poboación residente fronte ao turista, primando o uso residencial fronte ao uso turístico.Declaración de certas actividades comerciais como saturadas en zonas ou rúas da cidade. Apoio e/ou beneficios fiscais á recuperación de inmobles comerciais sempre que a súa utilización futura corresponda a actividades de comercio tradicional.Ampliación e desenvolvemento dunha política municipal de vivenda "especialmente enfocada aos colectivos máis desfavorecidos e que sofren maior dificultade de acceso á vivenda". |
PRAZA_14797 | Os traballadores afectados por expedientes de regulación de emprego incrementáronse un 47,4% en 2012, mentres que o número de ERE aumentouse máis dun 82%. | Seguen disparándose os ERE en Galicia. O número de traballadores afectados por expedientes de regulación de emprego (ERE) autorizados ou comunicados ás autoridades laborais incrementouse un 47,4% entre xaneiro e agosto en Galicia, até chegar ás 18.590 persoas, segundo os datos do Boletín de Estatísticas Laborais do Ministerio de Emprego e Seguridade Social. Case 20.000 persoas víronse afectadas por ERE en Galicia nos primeiros oito meses do ano Pola súa banda, no conxunto do Estado, o número traballadores afectados por ERE aumentou un 53,3%, algo máis que en Galicia, durante estes oito primeiros meses en comparación co mesmo período de 2011 e tendo en conta que desde a entrada en vigor da reforma laboral xa non é necesaria a autorización. En concreto, un total de 299.021 traballadores víronse afectados por un ERE até agosto, en contraste cos 195.032 traballadores que estiveron implicados nunha regulación de emprego durante o oito primeiros meses de 2011. En Galicia víronse afectados por expedientes de extinción un total de 2.362 traballadores En Galicia, pola súa banda, víronse afectados por expedientes de extinción un total de 2.362 traballadores, un 2,92% máis que entre xaneiro e agosto do ano pasado, mentres que os ERE de suspensión alcanzaron a 11.917 empregados (un 38,07% máis) e os de redución de xornada a 4.311, o que supón multiplicar por 2,5 os afectados no mesmo período do ano pasado. En número de ERE, este situouse até agosto en 1.684, o que representa un aumento do 82,45% respecto de hai un ano, de acordo co boletín do ministerio, mentres que no Estado os expedientes de regulación de emprego autorizados/comunicados aumentaron un 69,7% en comparación co mesmo período de 2011, até sumar 22.007, fronte aos 12.965 do oito primeiros meses do ano pasado. Pero hai máis datos relevantes, xa que os ERE nos que se alegaron causas económicas (problemas de tesouraría ou financiamento, restrición de contratos, quebra, débedas ou suspensión de pagos, baixa produtividade ou aplicación de medidas económicas) disparáronse un 105% no oito primeiros meses en relación ao mesmo período de 2011, até sumar 15.790 expedientes, o 71,7% do total de expedientes rexistrados no período e grazas á flexibilidade que ofrece a reforma laboral aprobada polo Goberno do PP. Por causas técnicas autorizáronse 196 expedientes até agosto, un 30% menos que no mesmo período de 2011, mentres que por causas organizativas ou de produción rexistráronse 5.731 expedientes, cun crecemento interanual do 22,9%. Por forza maior houbo 241 ERE, un 26,3% menos que no oito primeiros meses de 2011. A principal novidade introducida na reforma do mercado de traballo en relación aos ERE é a eliminación da autorización administrativa anteriormente esixida para proceder á realización de despedimentos colectivos ou de medidas de suspensión de contrato ou redución de xornada por parte do empresario. No entanto, a nova regulación mantén a necesidade de que se realice un período de consultas cos representantes dos traballadores, á vez que se establece a intervención da autoridade laboral para garantir a efectividade do devandito período de consultas, pero sen ter esta carácter decisorio. A decisión última será, pois, a do empresario, e como no caso dos despedimentos individuais, se non se está de acordo, os traballadores terán que impugnala pola vía xudicial. |
NOS_57837 | O rexedor, xunto con outros membros da corporación municipal, tivo que refuxiarse nun café cercano para evitar as agresións | Accidentado inicio das tradicionais festas da Peregrina de Pontevedra. Máis dun cento de traballadores de Ence e de empresas subcontratas cumpriron a súa palabra de concentrarse diante do palco da música, lugar do pregón, para boicotear o acto, porque, tal e como sinalaran días antes, para eles "non hai ningún motivo de celebración nin de festa". Non obstante, e logo de que tomase a palabra a pregoeira -Violeta Mosquera, artista e integrante do grupo Bala-, deixaron atrás os asubíos e os apupos e comezaron a lanzar as vallas metálicas que acordoaban o recinto, así como outros obxectos, ao alcalde da Cidade do Lérez, Miguel Anxo Fernández Lores, así como a outros membros da corporación municipal. Ante a escasa presenza policial, incapaz de garantir a seguridade das persoas atacadas -e doutros veciños contrarios á presenza de Ence na ria cos que tamén se enfrontaron- estas víronse obrigadas a refuxiarse nunha cafetería próxima. A concelleira Carme Da Silva manifestou despois dos incidentes que estes responderon a "instrucións da empresa", e criticou a súa "agresividade" e a "falta de respecto a Pontevedra e á pregoeira", ademais do feito de que un dos músicos alí presentes resultase ferido. Pola súa banda, un portavoz dos traballadores de Ence sinalou que en agosto "vai haber moitas máis concentracións". |
PRAZA_3869 | A enfermería eventual rompe o seu silencio "ante os continuos abusos da Xunta" mesmo en tempo de loita contra o coronavirus, no que denuncian que seguen a ser contratadas "por días ou semanas" e sufrindo "maltrato laboral". | "Non se pode consentir que un enfermeiro ou unha médica enlacen contratos de semanas sen ter a estabilidade e a seguridade que lles permita realizar ben o seu traballo". A ministra de Traballo, Yolanda Díaz, aproveitou a súa comparecencia deste xoves no Congreso para deitar luz sobre a precariedade de milleiros de profesionais sanitarios. Eventuais en Loita, tras semanas sen reivindicacións e "centradas nos pacientes", deciden alzar a voz "ante os continuos abusos por parte da Xunta"Desde Galicia, Eventuais en Loita, colectivo que agrupa unhas 7.000 enfermeiras en demanda de mellores condicións laborais, non tardou en responder, instando o propio Ministerio a que "tome cartas no asunto e non permita que as comunidades autónomas abusen dos traballadores que manteñen vivo o sistem nacional de saúde ad eternum". Foi pouco despois de que o mesmo colectivo alzase a voz tras varias semanas "deixando de lado" as súa reivindicacións e cos profesionais "centrados especialmente nos e nas pacientes e nos seus coidados" pola crise do coronavirus. Pero a paciencia esgotouse. "Ante os continuos abusos que se están evidenciando por parte da Administración do Sergas, non podemos ficar caladas", advirten nun duro comunicado, no que piden solucións inmediatas á Xunta e "non máis remendos" ante as súas demandas. Eventuais en Loita destaca que a enfermería precaria leva semanas colaborando coa Administración e "renunciando" aos seus "mermados dereitos", intensificando "o labor en materia de educación sanitaria, organizándose entre compañeiras para a elaboración de protocolos de actuación en cada unidade asistencial, a pesar de saber que esa función correspóndelles a departamentos superiores", ou "asumindo unha carga psicolóxica e física que en moitos casos xa está a pasar factura". A enfermería eventual destaca que leva semanas "renunciando" aos seus "mermados dereitos sen pedir nada máis que seguridade laboral e respecto"Levan tempo, explican, "soportando a falta de epis (equipos de protección individual) e material" ou que a pesar de presentar sintomatoloxía e de estaren en contacto con pacientes coa covid-19 non se lles realicen as probas pertinentes e se lles "obrigue a seguir traballando nas mesmas condicións". "Soportamos todo iso para saír desta situación canto antes sen pedir nada a cambio máis aló de seguridade laboral e respecto á nosa profesión", lembran no comunicado. No entanto, denuncian, "ese respecto está sendo vulnerado polo Sergas", ao que acusan de seguir "na súa práctica habitual, ofrecendo contratos de días mesmo canso se prevé unha necesidade de longa duración". "Contratos que son renovados cada quince ou cada trinta días", recordan. Na denuncia coincide Prosagap, Sindicato de Profesionais da Saúde de Galicia, que critica a "perversa e nefasta xestión que do Sergas nesta crise por "continuar coas políticas laborais de precarización das condicións de traballo e da vida" dos sanitarios. Ademais, advirten de que é "un despropósito" pero tamén "un enorme perigo para a poboación". Prosagap denuncia a "perversa e nefasta xestión" do Sergas na crise por continuar coa "precarización" , que supón "un enorme perigo para a poboación""A falta de traballos fixos obriga a unha maior mobilidade, e con ela a un maior risco de transmisión. Complica enormemente o labor dos e das profesionais contra a pandemia, ao dificultar a comunicación entre eles , e impide a estabilización dunha rutina clara de traballo", lembran, tras pedir a fin desta situación e unha contratación "estable". Consultadas varias enfermeiras, os seus testemuños coinciden en que nada mudou na política de contratación da Xunta nesta crise sanitaria e de evidente necesidade de recursos. "Segues a ser contratado por poucos días ou por un mes", conta unha delas. "Volves traballar aos sete días de illamento sen repetir proba ningunha e sen saber seguro se podes contaxiar", conta outra profesional que deu negativo nun primeiro test rápido tras mostrar síntomas e que non foi sometida a ningunha proba máis. As enfermeiras denuncian que, malia a necesidade de recursos, seguen a ser contratadas por días ou semanas, sen estabilidade e perdendo dereitosEventuais en Loita lembra que o tipo de contratación que mantén a Xunta "permítelle legalmente, e no seu beneficio, romper a relación contractual coa traballadora ou traballador en canto vence este prazo, perdéndose así todos os dereitos que correspondan". Ademais, recordan, o Sergas "non tivo reparo en deixar sen contrato" a moitas profesionais que presentaron unha incapacidade temporal tras dar positivo por coronavirus. Refírese Eventuais en Loita a varios casos, denunciados por profesionais e pola CIG, nos que o Sergas se "desentendeu" nas últimas semanas de varios dos seus profesionais no momento no que estes colleron a baixa por contaxio do virus ao non renovarlles os contratos temporais cos que encadean meses de traballo. Con esta medida, os traballadores viron rota a súa relación laboral coa Administración durante a enfermidade, deixaron de computar este período de incapacidade temporal como servizos prestados a efectos de baremación para as oposicións e perderon o 25% do seu salario, ao percibir pola Seguridade Social o 75% da base de cotización e non ser compensado polo Sergas o resto do soldo, ata o 100%, como si acontecería de manterse o vínculo. Eventuais en Loita advirte á Xunta de que os seus dereitos "non son puntos de partida para a súa campaña electoral encuberta": "Queremos feitos"Horas despois das denuncias, o Sergas recuou cunha instrución na que ordenaba prorrogar os contratos temporais das profesionais que caían enfermas "como mínimo" ata que recibisen a alta. Eventuais en Loita considera que esta correción "non é suficiente". "Estamos fartas e non queremos máis remendos; eses erros seguirían se non fose pola presión mediática da cidadanía ou pola de organizacións como a nosa, así como pola proximidade das eleccións autonómicas", critican para advirter á Xunta de que os seus dereitos "non son puntos de partida para a súa campaña electoral encuberta". "Queremos feitos e non palabras", insisten. A enfermería eventual pide "un cambio de actitude" por parte da Xunta para que "poña fin de vez a esta precariedade e maltrato laboral"Así, Eventuais en Loita esixe "responsabilidades políticas e un cambio de actitude por parte da Administración", á que piden que "teña como eixo fundamental o respecto dos dereitos laborais para poñer fin dunha vez a esta precariedade e maltrato laboral" ao que din que levan "sometidas por parte da Xunta nos últimos anos". "De non ser así, a nosa resposta será contundente en canto nos sexa posible, e empregaremos para isto todas as ferramentas ao noso alcance", di o colectivo, que pide á cidadanía que se "sensibilice" coa súa realidade e esixa "un cambio nas actuais políticas sanitarias". "A saúde é un ben común. Xa é hora de coidar a quen coida", rematan. |
PRAZA_13476 | O blog de Praza dedicado aos Territorios Ocupados, Diario de Palestina, fala esta semana dun xogo, que comeza a ser moi popular en Israel, no que homes e mulleres de todas as idades, mesmo nenos practican como matar terroristas. | O blog de Praza dedicado aos Territorios Ocupados, Diario de Palestina, fala esta semana dun xogo, que comeza a ser moi popular en Israel, no que homes e mulleres de todas as idades, mesmo nenos 'practican' como matar 'terroristas'. Os atractivos turísticos de Palestina crecen co verán e este ano, en Cisxordania, amais de todas as propostas históricas, pódese xogar á palestination en vivo. O xogo, un pasatempo didáctico, consiste nun programa lúdico no que se practica como disparar terroristas e rematalos en tres segundos ou menos. O xornal Ynet recolle detalles do evento, seguindo a experiencia dunha familia estadounidense, convencida de que iso é parte da súa educación, pois os nenos "deben saber de onde veñen, así como sentir algo de acción". Así o certifica Iacob, quen asegura que aprendeu a reducir un terrorista e a rescatar reféns: "Agora, cando me atope en perigo, saberei como comportarme". Non hai límite de idade para participar e é un pasatempo ideal para familias enteiras que, unha vez rematado o curso, reciben un diploma acreditativo O obxectivo do xogo é disparar a un terrorista usando diversos rifles e explosivos. Segundo Xaron Gat, responsable do proxecto, "é un programa especial incentivado pola demanda popular", e de calidade, pois todos os instrutores serviron en unidades de elite do exército israelí. Amais, non hai límite de idade para participar e é un pasatempo ideal para familias enteiras que, unha vez rematado o curso, reciben un diploma acreditativo. ... Segue lendo en Diario de Palestina |
NOS_44451 | A xestión da crise da pandemia da COVID-19 por parte do Goberno británico, en contraposición á exercida polas autoridades galesas, así como as incertezas da poboación ante o Brexit, son dúas das posíbeis causas do aumento en catro puntos no apoio á independencia, con cifras inéditas no país. | "Nos vindeiros anos haberá desenvolvementos moi significativos, incluídos os que se produzan como consecuencia do tipo de Brexit co que acabemos, así como a posibilidade da independencia de Escocia e dunha Irlanda unida. Cómpre pensarmos seriamente sobre o futuro de Gales". Son palabras de Siôn Jobbins, presidente da plataforma independentista Yes Cymru, analizando os resultados dun novo estudo de opinión onde se reflicte que un cuarto dos votantes do país está a día de hoxe a favor da independencia do Reino Unido, a porcentaxe máis alta desde que se realizan estas sondaxes. Elaborada por YouGov para a Universidade de Gales e a canle de televisión ITV, o estudo contou cunha mostra de 1.021 persoas, consultadas entre o 29 de maio e o 1 de xuño. "É unha excelente nova e confirma a tendencia doutras enquisas. Non é unha excepción", expresou Jobbins, segundo recolle Wales Online. O apoio á independencia incrementouse en catro puntos, desde xaneiro, até o 25% actual, ao tempo que o 'Non' baixou en dous (54% agora). O resto das persoas consultadas, 21%, non se pronunciou: ou non votarían ou non saberían que votar en caso de haber unha consulta. Os simpatizantes do partido nacionalista Plaid Cymru son quen maioritariamente apoia a opción secesionista, con 73% a favor e 17% en contra. Mais tamén ─en menor medida─ entre o resto das formacións políticas do arco parlamentario galés hai partidarios da independencia, unha circunstancia que salientou con "satisfacción" Jobbins. Así, votarían polo 'Si' á independencia de Gales 29% do gobernante Partido Laborista (por 49% en contra); 29%, tamén, dos Liberal Demócratas (63%, en contra); e 10% do Partido Conservador (84%, en contra). No debate político A respecto da enquisa, o líder do Plaid Cymru, Adam Price, considerou que "a causa independentista galesa está agora no mainstream [no debate político]". "Coa crise do coronavirus evidenciando o caos e a inequidade que xacen no corazón do establishment de Westminster [o centro da política británica] non sorprende que sexamos testemuñas deste incremento no apoio a un Gales novo e independente, unha nación orgullosamente en pé e en control do seu propio futuro". Pola súa banda, a portavoz do Plaid Cymru no Parlamento británico, Liz Saville Roberts, nun artigo en Nation Cymru sinalou: "Durante demasiado tempo, os partidarios da independencia de Gales foron desdeñados por fantasiosos, mesmo por inxenuos. Díxosenos, por parte dos unionistas convencidos do culto ao 'excepcionalismo británico', que eramos demasiado pobres, demasiado incompetentes ou demasiado pequenos para xestionar os nosos propios asuntos ou para decidir o noso futuro. Co Reino Unido, dísenos, somos parte de algo forte, estábel e fiábel. Porén, nos últimos anos ─mesmo nas últimas semanas─ mostróusenos que o Reino Unido é calquera cousa menos iso". Votantes de 16 e 17 anos Para a enquisa de YouGov non se tivo en conta a opinión dos votantes de 16 e 17 anos que, segundo anunciou o Goberno, xa se poden rexistrar no censo electoral desde a semana pasada. O Senedd (a Asemblea nacional) aprobou en novembro o seu dereito ao voto. Poderán facer uso del, por vez primeira, nas eleccións parlamentarias previstas para o 6 de maio de 2021. A sondaxe de YouGov reflicte que a poboación de entre 18 e 24 anos son as que máis a favor da independencia de Gales se mostran (34%, por 48% en contra). Na consulta independentista de 2014 en Escocia, esta faixa de idade foi unha das máis participativas, con arredor de 75% acudindo ás urnas. Non obstante, o maior apoio ao 'Si' deuse entre os votantes con idades comprendidas entre os 25 e os 49 anos. |
PRAZA_2142 | O Acto de Apertura chama a unha única candidatura galega ante o "clamor social" e critica o "acordo entre cúpulas" de Anova, Podemos e EU. Representantes de CxG, BNG, CIG, CCOO e múltiples colectivos sociais participan no cónclave, que acorda concorrer en coalición. | Iniciativa pola Unión (IxU) celebrou este domingo o seu Acto de Apertura no que tanto a súa coordinadora como os cidadáns e colectivos que tomaron a palabra chamaron a unha confluencia unitaria, unida e única da esquerda nacionalista e rupturista galega de cara ás eleccións xerais. Con máis de 800 asistentes, o Auditorio de Galicia en Compostela buliu de ilusión e a organización dixo ficar "desbordada" pola afluencia tan só poucos días despois de que Anova, Podemos e EU anunciasen un preacordo -que foi criticado por ser "entre cúpulas"- que arrefriou unhas expectativas da unidade que, visto o visto, mantén a esperanza ben acesa. Ademais, o grupo de traballo de Iniciativa pola Unión acordou concorrer como coalición electoral, cun proceso de listas abertas democrático, plural e paritario ás eleccións xerais e foi acordado por maioría que o programa electoral estea rematado en mes e medio. Ao tempo, aprobouse celebrar un referendo telemático sobre as 15 propostas de nomes para formar parte da coordinadora, así como que sexa esta quen estableza a fórmula para coordinarse coas formacións políticas adheridas. Entre os nomes propostos, Xosé Luís Rivas Mini, Rafael Cuíña, Suso Bermello, Helena Pérez, Elvira Souto, Suso Día, Olalla Rodil, Míriam Rodríguez, Xavier Campos, Fernando Souto, Carlos Ares, María Bragado, Paula Verao, Antía Cal e Carlos Méixome. "Todos sabemos que é necesario, imprescindible; para que non morra o vello país, para que naza unha nova nación", dixo Pereiro Foi Xosé Manuel Pereiro, voceiro da coordinadora, quen rematou o cónclave para lembrar que todos os presentes -"xente que milita nuns e noutros partidos, afiliados a sindicatos ou a nada"- perderon "todas as guerras" e chamou a gañalas "gardando" as certezas que todos teñen. "Temos que practicar a ósmose, a xenerosidade, a mestizaxe, deixarlle de dicir aos demais o que teñen que facer e preguntarlle a onde imos xuntos", asegurou o representante de Iniciativa pola Unión que, citando a Shakespeare, lembrou que os barcos "están máis seguros en porto pero non se construíron para iso". "Temos que zarpar, como sempre fixemos os galegos", insistiu para pedir ir "por por porta encendendo os corazóns". "Todos sabemos que é necesario, imprescindible; para que non morra o vello país, para que naza unha nova nación. Por todas nós", rematou Antes, Pereiro deu lectura ao relatorio de xestións e actividades da coordinadora e lembrou que a Iniciativa naceu pola "forza" que deron milleiros de persoas o 25 de xullo. "Marchamos mirando todos cara adiante e non mirando cara aos lados", dixo o voceiro da plataforma, que recordou os contactos con outros colectivos cos partidos políticos e outros colectivos que pulan por unha "candidatura galega de base cidadá". Na maioría deles, dixo, amosáronse coincidencias case plenas, pero lembrou tamén algunhas "reticencias" do Encontro Cidadán por unha Marea Galega, tamén presente na xuntanza deste domingo. Antes, censurou o "acordo entre cúpulas" de Anova, Podemos e EU e destacou que a "razón de ser" da Iniciativa non era outra que a da unha única candidatura galega "nada da cidadanía" porque hai un "clamor social". "Hai unha gran demanda social a prol dunha lista galega unitaria de base cidadá, pero non a estamos satisfacendo", di IxU Pereiro insistou en que a confluencia "é posible" e que, "neste novo chanzo para a construción da candidatura galega, seguirá a ser o principal obxectivo", tras admitir "luces e sombras" nun proceso cunha "disfunción que nunca se deu nas leis da oferta e da demanda". "Nunha houbo algo tan demandado, cunha oferta tan escasa. Hai hoxe unha gran demanda social a prol dunha lista galega unitaria de base cidadá, e todos, ou moitos están de acordo niso, pero non a estamos satisfacendo", recoñeceu. Por iso, chamou a "endereitar ese rumbo que nos vai levar a encallar nos cantís da irrelevancia". "A partir de hoxe, témolo que conseguir", insistiu o voceiro de Iniciativa pola Unión, que, tal e como dixo Xabier Puente Docampo, advertiu que "o que hai que facer, é facer". No acto interviron representantes de múltiples colectivos, como o dos emigrantes retornados, dos preferentistas, SOS Sanidade Pública, os mariñeiros do cerco, Mulleres Deportistas Galegas (Mudega), a Organización de Produtores de Leite, A Mesa pola Normalización Lingüística, Adega ou a Asociación Galega de Historiadores, así como voceiros das diferentes iniciativas pola confluencia, a CIG, CCOO-Naval, Sindicato de Xornalistas e cargos políticos e públicos como o alcalde de Lalín, Rafael Cuiña (CxG), o voceiro nacional do BNG, Xavier Vence, Axno Quintana, voceiro de Somos Nós e portavoces e Cerna, Terra Galega ou o Partido Galeguista. Tamén participaron persoeiros como Suso de Toro, Manuel Bragado, Quico Cadaval ou Margarita Ledo. Antes de todos eles falou Xosé Luís Rivas, Mini, que chamou a aparcar carnés e "facer camiño da man, con ilusión e para facer país". "Aquí e en Madrid", dixo o ex alcalde de Boimorto polo Bloque, tras ser desaloxado polo PP, e que pediu abrir un camiño de esperanza. O conflito leiteiro, o do cerco, o dos emigrantes retornados ou o da sanidade foron referidos nos discursos duns colectivos que coincidiron en que Galicia "non pode esperar máis" e que coincidiron en amosar a súa ilusión por unha lista conxunta e galega. Ademais, Rafael Cuiña insistiu en que non participará nunha candidatura "que non teña o centro de decisión en Galicia" nin en ningún proxecto "no que non estean todas as persoas que defenden esta terra". Xa antes, en entrevista na SER, Xavier Vence asegurou que sería "unha mágoa" que Xosé Manuel Beiras apostase por un proxecto que reforzase "máis" unha "forza estatal como Podemos" e non por unha candidatura nacional galega. Tamén houbo representación no acto do Encontro Cidadán por unha Marea Galega. O seu portavoz, Quique Costas, insistiu en que a súa plataforma tamén traballa por unha "candidatura única de unidade popular" e manifestou a vontade de "traballar xuntos e xuntas para conformar unha candidatura unitaria". Ademais, explicou que os militantes do Encontro decidirán entre "todos e todas" se optan por sumarse á proposta de IxU ou pola contraposta do seu colectivo. >> HABERÁ AMPLIACIÓN |
NOS_50037 | A declaración de independencia de Catalunya após a vitoria incuestionábel do SI no 1-O é cuestión de días, revelou Carles Puigdemont nunha entrevista exclusiva coa BBC, nova mostra do interese do Govern na internacionalización do conflito. Paralelamente, a Audiencia Nacional cita por sedición o major dos Mossos, Josep Lluís Trapero, e os presidentes de Assemblea Nacional Catalana e Òmnium Cultural, Jordi Sànchez e Jordi Cuixart. | Catalunya estará en condicións de declarar a independencia en canto o escrutinio do 1-O (fica o voto exterior) estea concluído, declarou Puigdemont na entrevista á BBC. O Parlament tomará entón nota dos resultados nunha sesión plenaria a realizar ou esta fin de semana (mesmo podería ser o domingo) ou a comezos da próxima. Nesa altura, e en aplicación da Lei do Referendo (texto legal suspendido polo Tribunal Constitucional), a Cámara catalá fará unha declaración que será o pórtico para a fundación dunha República catalá independente. "Declararemos a independencia 48 horas despois de se faceren oficiais todos os resultados que se están a escrutar. Probabelmente isto rematará cando estean [escrutados] os votos do exterior", dixo o chefe do executivo catalán. Na entrevista Puigdemont mostrou ser plenamente consciente de que a reacción do Estado perante a declaración de independencia eventualmente podería ser a suspensión da autonomía (en aplicación do artigo 155 da Constitución española, perspectiva que se viu reforzada após o discurso que Filipe VI pronunciou no serán desta terza feira). Ao seu xuízo, a activación dese mecanismo sería un novo "erro" por parte do Estado, unha equivocación máis que sumar ás dos últimos días. Os erros do Estado (a operación contra as consellarías do Govern e a detención de altos cargos o 20 de setembro, as brutais cargas policiais nos colexios eleitoriais o 1-O) estarían a fortalecer o apoio social ás teses soberanistas, veu argumentar Puigdemont. "Sería un erro máis nunha cadea de erros. Mais despois de cada erro saímos fortalecidos", dixo. Puigdemont ten moi presente a hipótese do seu propio arresto: A súa detención ou a de membros do seu Govern, alertou, podería ser "o erro definitivo". Críticas á UE Inquirido pola posición da Unión Europea -a Comisión xulga a cuestión catalá como un asunto interno e respalda a "lideranza" de Rajoy-, Puigdemont achouna "moi decepcionante". Trapero, Sànchez e Cuixart, citados por sedición Mentres tanto, os aparatos coercitivos do Estado manteñen a súa escalada e a Audiencia Nacional citou como imputados por sedición o major dos Mossos, Josep Luís Trapero, e os líderes dos colectivos soberanistas Jordi Sànchez e Jordi Cuixart, presidentes respectivamente da Assemblea Nacional Catalana e Òmnium Cultural. Tamén está imputada a intendente da policía catalá, Teresa Laplana. A AN española estima que súa actuación durante os protestos de 20 de setembro en Barcelona -cando miles de persoas arrodearon a sede da Consellaría de Economía no centro da cidade, mentres se producía no seu interior un rexisto por parte de gardas civís- podería ser constitutiva dun delito de sedición (por ou ben impedir o normal desempeño do seu traballo ás forzas estatais da orde -Trapero- ou por alentar as manifestacións tumultuarias -Sànchez e Cuixart). O delito de sedición está fortemente penado no Estado español, e pode envolver penas de prisión de entre 8 e 10 anos para as persoas que promovan a revolta. |
NOS_15030 | A situación moveuse a ritmo frenético nas últimas horas no Partido Popular. Mentres Teodoro García Egea formalizaba a súa renuncia á secretaría xeral do partido e Pablo Casado adiantaba a súa decisión de convocar un congreso extraordinario, os dirixentes territoriais desta formación tomaban posicións para unha nova etapa dos conservadores, onde Alberto Núñez Feixoo xogará un papel de relevo. | A dimisión de Teodoro García Egea non colleu por sorpresa a ninguén. O secretario xeral do partido na etapa de Pablo Casado fixo pública a súa renuncia na tarde da terza feira tras ser reclamada de forma insistente desde diversas frontes. Unha delas procedeu desde o seu territorio de orixe, Murcia, e outra da propia dirección do PP no Congreso dos Deputados. Congreso extraordinario O anuncio de Pablo Casado de introducir na orde do día da Xunta Directiva do PP a convocatoria dun congreso extraordinario é interpretado desde algúns sectores como un paso para buscar unha saída persoal digna a este conflito. Porén, os baróns territoriais reclaman a súa marcha e a constitución dunha xestora que dirixa a organización até o conclave a realizar, con case total seguridade, no mes de marzo. Alberto Núñez Feixoo xa non agocha a súa intención de abandonar a Galiza para dirixir o PP a nivel de Estado. Neste sentido, non dubidou en sinalar onte que "todos somos responsábeis da situación e todos debemos estar á altura das circunstancias e tomar decisións, eu entre eles". Feixoo indicou que tomará as decisións "en función do que observemos no partido e do que partido pida que faga". O mandatario galego foi máis alá destacando que "necesitamos cambios, novas etapas e novos horizontes". "Para iso", continuou, "necesitamos incorporar a xente que poida garantir novas etapas e horizontes con responsabilidade e acougo, pero con determinación". As palabras de Feixoo chegaron ao tempo que máis dirixentes da formación marcaron distancias con Casado. Así, ás voces críticas sumáronse nas últimas horas o presidente murciano, Fernando López Miras, os dirixentes navarros e persoas que integraron o núcleo de confianza do presidente popular, entre eles relevantes "casadistas" como a deputada ourensá Ana Belén Vázquez ou o congresista lugués Jaime de Olano. Posíbeis cambios na Xunta A asunción da presidencia do Partido Popular por Alberto Núñez Feixoo obrigaría a cambios na Xunta da Galiza. Malia que desde o círculo próximo ao presidente galego insisten en que "a asunción de responsabilidades en Madrid non implica unha renuncia inmediata ao cargo de presidente da Xunta", os cadros populares recoñecen a "incompatibilidade práctica da presidencia do partido e da presidencia da Xunta da Galiza". Sexa como for, uns e outros asumen as dificultades que xera no PP da Galiza a saída de Feixoo e a busca dun relevo. Os nomes dos sucesores Alberto Núñez Feixoo nunca deixou de mirar para Madrid. Os que coñecen de verdade o mandatario galego sinalan que nunca agochou que a súa aspiración máxima era liderar o Goberno do Estado. A este respecto sorprende que non tivese previsto o seu relevo á fronte da Xunta da Galiza, onde gañan forza as opcións de Alfonso Rueda e Diego Calvo. O primeiro conta co apoio da maioría do partido na circunscrición de Pontevedra. O segundo, co groso do Partido Popular da Coruña e previsibelmente coas xentes de Baltar, co que xa chegou a un acordo en 2018 cando se formulou a posibilidade de que Feixoo marchase a Madrid. Neste contexto, o vicepresidente da Xunta e conselleiro de Economía, Francisco Conde, o candidato preferido do círculo persoal do presidente, perde forzas e, tampouco, amosa interese na batalla. |
NOS_8229 | Os Pobos Deciden presentaron unha denuncia perante a Xunta Eleitoral Central para que este órgao garanta a presenza de papeletas da coligación formada por BNG e Bildu en todas as mesas. Existe evidencia de ausencia das papeletas de Os Pobos Deciden en colexios de todo o Estado. | Persoas de diversos puntos da circunscrición estatal emitiron queixas sobre a imposibilidade de votar a coligación de Bildu e BNG, ante o cal Os Pobos Deciden recomenda dirixirse ao presidente de Mesa, que tería que parar a votación. Témense irregularides na contaxe de votos neste mesmo sentido. Os Pobos Deciden, a candidatura que reúne BNG, EH-Bildu e outras pequenas formacións soberanistas de esquerda, está a ser boicoteada en diversos colexios electorais de todo o Estado, segundo denuncia a formación vasca, que recolle no seu twitter as incidencias e chama a "parar as votacións dirixíndose ao presidente de Mesa ou mesmo pedindo a axuda d@ apodeirad@ dalgunha forza de esquerda", xa que é totalmente ilegal que non estean presentes todas as candidaturas nos puntos de votación. Porén, hai testemuños de casos nos que as persoas delegadas de Izquierda Unida negaron calquera axuda. O director de campaña do BNG, Bieito Lobeira, dixo a Sermos Galiza que as denuncias recollidas en distintos pontos do Estado español -e que teñen precedentes en anteriores comicios europeus- levaron finalmente á coligación Os Pobos Deciden a apresentar unha denuncia perante a Xunta Eleitoral Central. Denuncias en Catalunya Moitos deses casos de ausencia das follas de votación de BNG e EH Bildu tamén se están a dar en Catalunya, onde Os Pobos Deciden aspira a obter uns cantos milleiros de votos, e onde se estende a sospeita -ao igual que en diversos lugares do Estado español- de que a ausencia de papeletas responde a unha estratexia calculada, que xa está a ser denominada como "pucheirazo" desde distintas fontes achegadas á esquerda abertzale. É máis, cando unha votante de Os Pobos Deciden dirixiuse á Mesa para sinalar a ausencia, a resposta que recibiu foi: "Pois vota a outros", sinal este claro do prexuízo ideolóxico que pode existir tras desta circunstancia. En Andalucía fálase de caixas sen desembalar coas listas desta candidatura, ou mesmo ver como as agochan as persoas responsábeis do colexio electoral. Desde Os Pobos Deciden insisten na importancia de que se pare a votación ante calquera irregularidade e amosan o seu temor a feitos semellantes na recontaxe. |
PRAZA_4461 | Un paseo polas redes sociais preséntanos un Brasil paralelo: un país indignado, manifestacións, convocatorias, ocupacións, informacións críticas. Un país sen manifestacións tan multitudinarias como en xuño ou xullo, pero con centos de pequenos actos que só teñen eco nas redes sociais e algúns medios independentes. | Para os medios de comunicación brasileiros non existen máis protestas nas redes ou nas rúas. Nas súas portadas dixitais apenas hai ningunha referencia a manifestacións. Cando aparece algo é unha referencia en pasado ás denominadas "xornadas de xuño". As protestas -as maiores en décadas- nin sequera saen na retrospectiva que a Folha de São Paulo fai do ano 2013. Mentres o Movemento Passe Livre celebraba en Río de Janeiro unha protesta multitudinaria o pasado venres 20, a web de O Globo apenas publicaba unha nota breve. Con todo, un pequeno paseo polas redes sociais preséntanos un Brasil paralelo: un país indignado, manifestacións, convocatorias, ocupacións, informacións críticas. Un país sen manifestacións tan multitudinarias como en xuño ou xullo, pero con centos de pequenos actos que só teñen eco nas redes sociais e algúns medios independentes. Para entender o Brasil paralelo abonda con asomarse á páxina de Facebook do Movimento Passe Livre de Ribeirão Preto, que divulga un vídeo da recente ocupación do pleno municipal da cidade durante a votación que lles recortaba dereitos aos profesores. Ou ao perfil da Assembleia do Largo, unha das asembleas populares de Río de Janeiro, que divulga informacións sobre o desaloxo do pasado luns da Aldeia Maracanã, unha ocupación indíxena fronte ao estadio Maracanã. Que pasa no mundo informativo do Brasil? O Brasil mediático vai por unha banda. O Brasil en rede, por outro. E aí está unha das consecuencias máis visibles das protestas: a perda do monopolio informativo dos medios En Twitter, o hashtag #AldeiaResiste bota fume informativo. E mentres os medios case ignoran o Passe Livre, o hashtag de #ContraOAumento é o mellor lugar para informarse sobre as múltiples manifestacións contra o aumento de tarifas do transporte. Que pasa no mundo informativo do Brasil? O Brasil mediático vai por unha banda. O Brasil en rede, por outro. E aí está unha das consecuencias máis visibles das protestas: a perda do monopolio informativo dos medios. As cabeceiras que a mediados de xuño definían os manifestantes como "vándalos" perderon o tren ante unha lexión de streamers, fotógrafos amateurs e cidadáns desde os seus teléfonos móbiles. Nas primeiras semanas, os medios apenas repararon nun colectivo de streamers chamado Mídia Ninja, que chegaba antes que as grandes cadeas. Pero ninguén estaba a observar ben o crecente ecosistema de medios libres e cidadáns que nacía. Dende arriba, buscaban novos líderes informativos. Seis meses despois daqueles primeiros streamings, o forte escándalo que acosa o colectivo matriz de Mídia Ninja (vínculos partidistas de Fora do Eixo/Mídia Ninja, ameazas, corruptelas varias) permitiu visibilizar unha riquísima paisaxe de medios cidadáns. As grandes cadeas de televisión perderon o protagonismo fronte aos streamings de colectivos como Rio na Rua (Rio de Janeiro), Mídia Negra (São Paulo) ou Moqueca Mídia (Vitória e Río). As fotografías de FotoProtestoSP, os vídeos virais do Coletivo Mariachi de Río ou as producións audiovisuais de Mídia Independente Coletiva (MIC) son o mellor reflexo espello das rúas. E cada vez son máis as iniciativas que extraen información do xardín privado de Facebook para devolvela á web, como Rebaixada. E medios independentes como a Revista Fórum baten marca histórica de visitas. Un dos poucos recados das polifónicas revoltas que chegou ao Goberno de Dilma Rousssef é o da "democratización dos medios", un vello desexo dos movementos sociais. As protestas fixeron máis visible o anacronismo dun país no que os medios están en mans dunha ducia de familias A lema do movemento Ocupe a Mídia ("pola democratización da comunicación brasileira") e un dos hashtags máis populares das revoltas (#AbaixoARedeGloboPovoNãoÉBobo, en referencia á Rede Globo) son probas nítidas do profundo malestar da sociedade brasileira con respecto aos medios. Os xornalistas adoitan ser expulsados de moitas protestas (como o luns 16 na Aldeia Maracanã). Arden coches de cadeas televisivas. E a Rede Globo foi rodeada en varias ocasións. Até os presentadores de telexornais sufriron ataques en directo cun raio láser verde nos seus rostros. O certo é que un dos poucos recados das polifónicas revoltas que chegou ao Goberno de Dilma Rousssef é o da "democratización dos medios", un vello desexo dos movementos sociais. As protestas fixeron máis visible o anacronismo dun país no que os medios están en mans dunha ducia de familias. Con todo, a esperada "democratización dos medios" segue estancada. Samir Oliveira, nun texto en Sul21, denuncia que está parado o anteproxecto de lei cun novo marco regulatorio de radiodifusión no que o Estado cede "a operadoras públicas, privadas ou comunitarias de radio e televisión". A Rede Globo, iso si, está a ser investigada por evasión de impostos. E o berro das rúas contra os medios non aumentou. Pero resolverá a democratización dos medios o divorcio dos medios cos seus cidadáns? A resposta parece chegar desde os recunchos dos medios libres. "Os medios comerciais non nos representan. Calquera pode ser un medio libre. Iso é democracia directa, que é o que as rúas veñen pedindo desde xuño", asegura Arthur William, da Asociación Mundial de Radios Comunitarias do Brasil, nunha reportaxe de André Lobão. E como recibiron os partidos de esquerda as protestas, incluído o Partido dos Traballadores (PT) que goberna Brasil? Algúns militantes da PT, xunto con outros actores, puxeron en marcha o proceso Democracia (real) e política distribuída xa. O propio Goberno de Dilma Rousseff acaba de lanzar a plataforma Participa.br, "un novo espazo de participación social, escoita e diálogo". Con todo, unha boa parte da esquerda está aínda paralizada ou mesmo belixerante contra as manifestacións. A filósofa Marilena Chaui chegou a afirmar que os grupos black bloc móvense por "inspiracións fascistas". Ademais, a represión policial regresou con forza. En Río de Janeiro, 200 persoas foron detidas por estaren sentadas nas escaleiras do pleno municipal. "Asistimos a unha postura arrogante e reaccionaria do ministro de Xustiza, transformándose docilmente en ministro da Policía", asegura o sociólogo Giuseppe Cocco, profesor da Universidade Federal de Río de Janeiro (UFRJ). Doutra banda, certo sector da esquerda está a axitar as pantasmas da conspiración internacional. O influente blogueiro Eduardo Guimarães, nun post recente, afirma que "hai intereses transnacionais querendo influír no proceso electoral brasileiro", aludindo ás eleccións presidenciais de outubro de 2014. Citando ao 15M español, Eduardo fala de "un movemento internacional de orixes, propósitos e tendencias dubidosas e escuras inmiscíndose na política brasileira" que "insufla grupos de esquerda radical a facer protestas contra a FIFA". O berro "Non vai haber Copa", un dos máis habituais das protestas, séguese escoitando nas redes e nas rúas O certo é que o berro "Non vai haber Copa", un dos máis habituais das protestas, séguese escoitando nas redes e nas rúas. E xa está creado o primeiro evento en Facebook Não Vai ter Copa contra o Mundial. Será o 25 de xaneiro de 2014, nas 28 capitais de Estado e noutras cidades do país. Xa hai mesmo manifestacións convocadas nos principais partidos do mundial, como o Brasil-Camerún do 23 de xuño. A Copa Rebelde dos movementos sociais, celebrada o día 15 de nadal en São Paulo foi un aperitivo do que está por chegar en 2014. O ambiente festivo -pachangas de fútbol, teatro, carteis, música- instalouse no barrio de Luz, unha rexión que sofre procesos de xentrificación. O gañador da Copa (Unidos da Barão) foi o de menos. O diálogo e conexión transversal de movementos como Passe Livre coa Fronte de Luta pela Moradía (FLM) e outros colectivos urbanos foi máis importante. Un cartaz colgado nun muro de ladrillos podería anticipar as loitas do 2014 brasileiro: Copa para Quen?: polo dereito á cidade. |
NOS_6619 | As cidades vascas acolleron importantes mobilizacións esta fin de semana para concienciar sobre a necesidade de facer de Euskal Herria "un clamor como pobo" contra os recortes e o neoliberalismo | Euskal Herria está en marcha contra un sistema que faga pagar ás clases traballadoras unha crise da cal son vítimas e non responsábeis. Baixo esta reflexión, milleiros de vascos e vascas participaron nesta fin de semana nas manifestacións convocadas en cidades de Euskal Herria, como Donosti, Bilbo ou Gasteiz; para secundaren a folga xeral desta cuarta, 26 de setembro. "A folga xeral será un clamor contra o conxunto de recortes que nos queren impor desde Madrid, tanto polo compromiso de milleiros e milleiros de traballadores e traballadoras que secundarán a folga, como pola gran mobilización que xera nas rúas", indicaron desde as diferentes entidades convocantes. A folga xeral está convocada nas tres provincias da comunidade autónoma vasca e en Nafarroa por LAB, ELA, ESK, STEE-EILAS, EHNE, Hiru, CGT, CNT e ducias de organizacións e colectivos sociais. Apoios que medran día tras día Máis de 700 adhesións de comités de empresa recabou xa a folga xeral do 26 de setembro, alén de afirmar que a listaxe "segue a aumentar" día a día. Os sindicatos e colectivos sociais afirman que, perante o "inmenso roubo" á sociedade co obxectivo de "favorecer os intereses da banca", a clase traballadora vai respostar "con contundencia". "Para que? Para que non nos machaquen" Os e as convocantes lembraron esta segunda que a folga xeral desta cuarta é un instrumento "útil" que "si serve para algo", alén de advertir á cidadanía en xeral que "se non nos mobilizamos, machácannos". |
PRAZA_386 | Dende o caso Monedero, Podemos non poderá seguir sinalando os defectos dos outros con tanta autoridade; os seus inimigos conseguiron que deixase de ser unha fonte de autoridade moral | Rajoy debe estar a se partir de risa ante o espectáculo da esquerda madrileña metida nunha Turmix. Algún día haberá que parar a analizar a especificidade desa cidade para comprendela e comprender o dominio ideolóxico da dereita alí e desde alí. E para comprender a debilidade e as contradicións da esquerda madrileña e española. No centro da Turmix está Podemos. É, xunto coa crise, causante de que PSOE e IU aparezan como fórmulas caducadas, corpos anquilosados dos que se alimenta para crecer Alí o PSOE está nunha vertixe imprevisible. O discurso súper radical é ruidoso na Rede e parece ocupar máis espazo do que realmente ocupa na sociedade; con todo, o partido socialista xogou un papel moi importante na sociedade española e non vai desaparecer da noite para a mañá. Dentro segue habendo persoas sinceras que cren que é unha ferramenta para mellorar as cousas, que aínda pode atopar un rumbo e unha dirección. A IU ocórrelle algo parecido, a crise xubilou toda unha época e leva moitas cousas, pero quen levan moitos anos militando nas causas sociais senten como unha gran inxustiza que se lles pretenda xubilar inesperadamente. E é que, ademais de cruel, é unha perda absurda. E no centro da Turmix está Podemos. É, xunto coa crise, causante de que PSOE e IU aparezan como fórmulas caducadas, corpos anquilosados dos que se alimenta para crecer. Tamén Podemos se atopa nun momento moi delicado da súa evolución desde ninfa a bolboreta. Das varias fontes que alimentan a Podemos unha estase secando: a fonte da pureza, a de quen non teñen pasado. A operación contra ese partido que poderiamos chamar operación Monedero pretendeu precisamente demostrar que tamén teñen pasado e que é un pasado moi común e parecido ao doutros partidos. O que fixo Montoro é un delito gravísimo e é a aniquilación moral dun cidadán por un estado totalitario, non se pode comparar iso coas operacións nas que se viu envolvido o dirixente Monedero Estes días comparouse insistentemente as operacións mercantís de Juan Carlos Monedero co que lle fixo a el o ministro Montoro e esa comparación é unha verdadeira monstruosidade. O que fixo Montoro é un delito gravísimo e é a aniquilación moral dun cidadán por un estado totalitario, non se pode comparar iso coas operacións nas que se viu envolvido o dirixente Monedero. En que se viu envolto? No que ten todas as trazas de ser o que poderiamos chamar "a acumulación orixinaria de capital" para fundar un partido. Hai unha gran hipocrisía no modo en que se trata ese tema, queren que esquezamos como se financiaron os partidos estatais no seu momento inicial. AP, daquela PP, fíxoo inicialmente co diñeiro de supostos contrabandistas, o PSOE fíxoo con diñeiro da Internacional Socialista, como revelou o caso Flick, e o PCE fíxoo presuntamente con diñeiro da URSS e doutros países do bloque soviético. Cada un, agora Podemos, sacou o diñeiro de onde puido. Hai unha gran hipocrisía no modo en que se trata ese tema, queren que esquezamos como se financiaron os partidos estatais no seu momento inicial Condicionou ese diñeiro inicial a política que a continuación realizaron eses partidos? Nese caso debería ser recoñecido ese financiamento? Ata que punto é lícito para un partido democrático e para un partido progresista conseguir diñeiro desoutros modos no canto de financiarse unicamente polos afiliados? É discutible e esa discutibilidade leva á relación entre ética e política con todos os seus dilemas. Felipe González poida que fose o gran creador, para ben e para mal, da cultura política española actual e lembrounos no seu día ese conflito que tan ben explicou Max Weber. A ética é unha cousa e a política outra, aínda que estean relacionadas máis ou menos directamente. Agora Podemos é un partido e, por iso, o seu funcionamento interno esperta críticas coma noutros partidos e, tamén por iso, vese obrigado a dar conta dos seus diñeiros Poderíase dicir que a ética estivo nas mobilizacións cívicas que contestaron á política antisocial que impuxo a troika e aquí xestionaron dous gobernos, cada un á súa maneira. A ética está na crítica á política ao servizo dunha minoría e na crítica á corrupción, que se estendeu aos partidos de esquerda que ocuparon máis ou menos poder. Por así dicir, a ética estivo nese 15-M que foi a explosión inicial que catalizou e expresou o descontento social. En diante Podemos terá que centrarse en facer política nun campo onde os seus adversarios o teñen máis fácil, pois están afeitos ao práctico e concreto Podemos remítese a ese movemento social de crítica, un movemento que alimentou a varios grupos ata que o grupo liderado por Pablo Iglesias creou unha forma política moi enérxica que triunfou sobre os demais. Agora Podemos é un partido e, por iso, o seu funcionamento interno esperta críticas coma noutros partidos e, tamén por iso, vese obrigado a dar conta dos seus diñeiros. Podemos xa é un partido político coas súas contradicións, dilemas e erros. Por iso, desde o caso Monedero non poderá seguir sinalando os defectos dos outros con tanta autoridade, os seus inimigos conseguiron que deixase de ser unha fonte de autoridade moral. Ese obxectivo conseguírono. En diante Podemos terá que centrarse en facer política nun campo onde os seus adversarios o teñen máis fácil, pois están afeitos ao práctico e concreto, terá que ofrecer medidas políticas concretas que se verán inmediatamente discutidas. Así é a vida, así é a política. |
NOS_27526 | As asociacións apontan ao "dramático" da situación. | Galiza perdeu no mes de abril 1.629 autónomas, a maior caída de afiliación dun mes desde que hai rexistros, segundo destacan en senllos comunicados as asociacións de traballadores por conta propia Agtamar-UPTA e Feaga. Así, ao finalizar abril, o número de traballadoras e traballadores autónomos na Galiza sitúase en 206.411, mentres que no Estado español perdéronse 41.250 afiliados ao réxime de autónomos no cuarto mes do ano, marcado pola crise do coronavirus. Feaga alerta que Galiza perdeu "cada día de abril 54 autónomas". Ademais, lembra que non computan como peche "os máis dun millón de autónomos" de toda o Estado que solicitaron a prestación por cesamento de actividade, xa que están obrigados a continuar de alta para cobrar. Após avisar do "panorama dramático para o emprego en xeral e para o autónomo en particular", Feaga demanda "unha mudanza radical" nas políticas públicas que pasen pola "redución" da presión fiscal, "rebaixas" nas cotizacións, axilización do pago a provedores por parte das administrciones ou a "eliminación das trabas burocráticas", entre outras. Pola súa banda, UPTA sinala que o "balón de osíxeno" que supuxo o cesamento de actividade "freou unha caída histórica", aínda que alertou que se non se prolonga o estado de alarma "non haberá as axudas negociadas co Goberno". |
PRAZA_20091 | Respondín tantas veces á pregunta "e ti, por que falas galego?", que xa teño unha expresión e unha resposta automática preparada. Sempre contesto: "e por que non?", con sorriso imperturbable. | Un enorme círculo vermello e un H maiúsculo, seguido dun signo de exclamación. Esa foi a maneira na que contestaron a miña primeira solicitude dunha proba diagnóstica, o meu primeiro día como médica residente. A petición poñía: "Inchazón en membro inferior esquerdo, sen evidencia de traumatismo previo. Solicito descartar fractura". Á radióloga debeulle parecer tan mal aquela falta de H, que nin se molestou en comprobar un coñecemento que, por outra banda, debeu acreditar para ocupar a súa praza. Despois, virían centos de explicacións, cuestionamentos e comentarios, case sempre por parte de compañeiros, e non de pacientes. Respondín tantas veces á pregunta "e ti, por que falas galego?", que xa teño unha expresión e unha resposta automática preparada. Sempre contesto: "e por que non?", con sorriso imperturbable. Que a inmensa maioría dos pacientes da miña área falen galego, que case todo o persoal o empregue como lingua habitual, que me negue a empregar a lingua como marca de clase que me diferencia das persoas ás que trato... todas eses non parecen ser motivos suficientes, nin suficientemente obvios. Ten que existir outro motivo, oculto e inconfesable, para empregar unha opción diferente á non marcada. Presentar unha sesión clínica ou escribir un informe de alta, xa non digamos un informe xudicial, en galego, tamén semellaba ir traer múltiples problemas, aínda que finalmente non pasaba nada. Posiblemente, ningunha das persoas que fan esas preguntas teñen unha postura consciente en contra do galego. A radióloga que contestou aquela petición fíxoo por pura e simple ignorancia, non por malicia. Porén, a pregunta, "por que falas galego?" cobra un significado moi concreto á luz de todos estes detalles cotiás. Por unha banda, por que falas galego sendo médica, tendo unha profesión de prestixio social? Quen pregunta ten unha noción inconsciente de que a lingua do coñecemento, da ciencia e do prestixio non é o galego. Por outro, por que falas galego, a pesar das múltiples, pequenas e incómodas trabas que che poñemos entre todos diariamente? Por que a estratexia de desalento que tan ben funciona está fallando? En medicina, traballamos analizando síntomas e signos superficiais que desvelan patoloxías máis profundas. Aquel círculo vermello era o primeiro síntoma observable dun trastorno co que todas as que falamos galego loitamos cada día. (Artigo gañador do XIII Premio a artigos xornalísticos normalizadores Concello de Carballo 2017) |
NOS_5806 | Case un de cada dez chega con moitos apuros, segundo os datos do Instituto Galego de Estatística. O 20% non se permitiu ningún gasto extra no último trimestre, como viaxar, facer fronte a imprevistos ou saír a cear. | O 52% dos fogares galegos chega a fin de mes con dificultades. As cifras da Enquisa conxuntural a fogares realizada polo Instituto Galego de Estatística (IGE) manifestan que a anunciada recuperación económica non chegou para a maioría de galegos e galegas. Malia os indicios de cambio de tendencia no trimestre anterior, estes volven a reflectir a amplitude da brecha social. Un de cada dez fogares pasa moitos apuros para afrontar os gastos mensuais. E un 20% non se permitiu ningún gasto extra durante os últimos tres meses, como por exemplo viaxar, facer fronte a imprevistos ou grandes compras, roupa ou calzado, contratar novos servizos para o fogar, saír a cear ou ir ao cine. Como medida de aforro, un 13% cambiou os seus hábitos de compra, mercando marcas brancas ou produtos de ofertas. Unha porcentaxe similar reduciu o seu gasto común en elementos como transporte ou vestimenta. Case o 40% espera poder aforrar cartos ou facer algunha compra extraordinario durante o próximo trimestre. Os fogares monoparentais son os que teñen maiores obstáculos para asumir os gastos diarios, cun 65% con dificultades para chegar a fin de mes. E por concellos, aqueles con menos de 10.000 habitantes reflicten un porcentaxe maior de fogares con dificultades. |
Subsets and Splits
No community queries yet
The top public SQL queries from the community will appear here once available.