ID
stringlengths
5
12
summary
stringlengths
0
1.73k
text
stringlengths
0
68.7k
NOS_41549
Urxen unha información detallada dos postos de traballo que se poden perder na comarca se saen adiante os plans do capital estranxeiro.
A plataforma veciñal Salvemos Cabana rexeita o novo permiso da Xunta de Galiza para a ampliación de labores da empresa mineira Edgewater na comarca de Bergantiños. Nun comunicado de imprensa, informan de que a nova licenza, que afecta fundamentalmente as parroquias coristanquesas de Cereo e Valenza, permitirá rastrexar ouro e outros metais afíns en 630 hectáreas adicionais ao proxecto mineiro de Corcoesto. Tal actividade carrexaría "graves consecuencias sobre a produción da que está considerada como a mellor pataca" da Galiza. O colectivo manifesta a súa "preocupación" pola contaminación que pode traer á zona o proxecto mineiro da empresa canadense en Corcoesto "como a ampliación de tarefas de explotación" que a Xunta de Galiza vén de lle conceder á empresa dentro do municipio de Coristanco, onde Edgewater prevera xa a instalación da entulleira e dunha das balsas de residuos. En relación a este novo permiso, Salvemos Cabana reclama información "urxente" en que se detallen "cantos postos de traballo poden perderse" nunha bisbarra que ten no sector agrogandeiro e marisqueiro como o seu motor económico.
NOS_673
En Italia, en México ou no Brasil, durante estas semanas de corentena, o crime organizado estivo a aproveitar a debilidade conxuntural ou estrutural dos Estados para desenvolver unha "estratexia de propaganda" nos barrios máis pobres. É aquí onde a súa actividade de contaxio ten máis posibilidades de éxito.
Tres de cada catro crianzas italianas en idade escolar están convencidas de que os xefes da mafia son parte do Estado e que, ás veces, o guían. Para máis de 87%, a relación entre a mafia e a política é "moi forte" ou "o suficientemente forte", até o punto de ver na corrupción da clase política a razón da súa propagación ao Norte (56,89%) e da súa supervivencia (50,74%). Son datos do estudo elaborado anualmente polo Centro de Estudos Pio La Torre, que será presentado mañá no cabodano deste dirixente do Partido Comunista Italiano. Destacado parlamentario pola súa radical oposición á mafia, foi asasinado en 1982 pola Cosa Nostra (organización criminal siciliana). Como un virus, Italia leva batallando desde hai décadas contra a perniciosa presenza da mafia no seu territorio, especialmente nas rexións do sur do país. É alí onde nestas últimas semanas, afirma La Stampa, que aproveitando o momento de debilidade do Estado pola pandemia, está a facer un traballo de contaxio. Economicamente deprimidas, con altas taxas de desemprego e con case catro millóns de persoas traballando en negro, segundo datos do ISTAT (o instituto de estadística italiano), as organizacións mafiosas distribúen comida e outros bens esenciais entre as familias pobres que non teñen ningún tipo de ingreso por causa da corentena, segundo informaron os medios locais. En Calabria, a Ndrangheta; en Campania, a Camorra; en Puglia, a Santa Corona Unita, e en Sicilia, a Cosa Nostra, as organizacións mafiosas suplen as carencias da cobertura social do Estado, que se viu na obriga de despregar máis efectivos policiais nestas zonas, di La Repubblica. Mais non todo é caridade. Ante a falta de ingresos, a sociedade civil e as autoridades da zona denuncian o risco de que as pequenas empresas se vexan na obriga de pedir préstamos á mafia para evitar a creba dos seus negocios, que poderían acabar infiltrados por estas organizacións ilegais. El Chapo 701 Unha situación semellante á que está a acontecer en México. Segundo informaba hai uns días o xornal La Jornada, "A entrega de despensas en Guadalajara por parte da marca El Chapo 701, foi o preámbulo á presentación oficial da Fundación Alejandrina Guzmán, filla do narcotraficante Joaquín El Chapo Guzmán Loera". Desde El Chapo 701 aseguraron que os recursos utilizados para a adquisición da axuda, arredor de 500 caixas con alimentos e produtos de hixiene, non proviñan de actividades ilegais. Entre os obxectos doados á poboación dos barrios máis pobres da segunda maior cidade de México hai xel sanitario ou máscaras de tela coa imaxe do capo. "A intención é dar un pouco de axuda aos menos favorecidos nun momento difícil para a sociedade mexicana", explicou á axencia de noticias EFE Julio Campos, presidente da empresa que Alejandrina Guzmán fundou co fin de enxalzar a historia e a figura de seu pai, que cumpre condena nunha prisión de alta seguridade dos Estados Unidos. Segundo José Reveles, xornalista experto en narcotráfico, o crime organizado benefíciase do feito de que o Goberno mexicano teña programas sociais "ineficientes, irregulares e politizados". "Estratexia de propaganda" Ante esta "estratexia de propaganda" que tamén levaron a cabo nas últimas semanas outras bandas criminais do país como Los Viagras, en Michoacán; o Cártel del Golfo, en Tamaulipas, ou o Cártel Jalisco Nueva Generación, en Jalisco, Andrés Manuel López Obrador rexeitou esta "esmola de potentados". "Axuda que deixen as súas malandronadas (maldades), que teñan amor ao próximo, que non fagan dano a ninguén. Axuda que non se continúen enfrontando e sacrificando", declarou o presidente mexicano. Segundo os datos do Sistema Nacional de Seguridade Pública, no que vai de 2020 en México rexistráronse arredor de 100 asasinatos diarios. Tamén no Brasil, a principios de mes o aínda ministro de Saúde, Luiz Henrique Mandetta, informaba dun plan piloto nunha favela sen identificar para estabelecer un "diálogo" co narco na xestión da pandemia. O seu control das favelas é total. Tanto que ante a negativa do presidente Jair Bolsonaro, estabeleceu un estrito confinamento pola súa conta, coa ameaza de asasinar a quen non o cumprise.
NOS_46923
Cesuga segue a estela de Abanca e rexistra o proxecto para crear a segunda universidade privada na Galiza.
A Xunta xa ten enriba da mesa a proposta para a creación dunha segunda universidade privada na Galiza. O Centro de Estudos Superiores Universitarios de Galicia (Cesuga) segue a estela de Abanca e vén de dar o primeiro paso para que a Administración galega a recoñeza como "International University", unha "universidade propia e independente cuxos títulos deixarían de estar adscritos a outra universidade", segundo sinalan nun comunicado os impulsores. De facto, actualmente Cesuga imparte nas súas instalacións da Coruña catro graos, mais faino como centro adscrito á universidade privada de San Jorge (USJ), promovida pola arquidiócese de Zaragoza, o que lle permite expedir títulos oficiais. Así pois, Cesuga vén de presentar ante o rexistro da Xunta o expediente polo que se dá a coñecer o novo proxecto de universidade, co obxectivo de impulsar dous campus na Galiza (un na Coruña e outro en Ourense) e en varias capitais de América e África. Será, ademais, segundo informa a institución académica, unha universidade Next Generation (en alusión aos proxectos da Xunta que procuran captar fondos europeos Covid), "porque cumpriría cos requirimentos marcados" desde a UE "no seu instrumento de recuperación". A partir do rexistro deste expediente ábrese o proceso administrativo no que será avaliado polo Ministerio e a Xunta. O obxectivo sería que a universidade estivese operativa no curso 2024/25. Rexeitamento social Para o voceiro da Plataforma Galega en defensa da Universidade Pública, Suso Bermello, o proxecto de Cesuga é dunha operación empresarial para competir directamente cos centros públicos, como amosa o feito de que na actualidade nas súas instalacións da Coruña se impartan as mesmas titulacións que no campus coruñés da UdC ou, como amosa a memoria de Cesuga, que queiran ofertar o mestrado de profesorado de secundaria, un dos máis demandados. Bermello teme que a "armadura" de cátedras e mestrados que organicen empresas que compoñen o accionariado de Cesuga reste fondos privados e públicos á universidade galega. Os reitores das tres universidades públicas galegas xa coincidiron en sinalar a comezos de abril que a universidade privada en que traballa Abanca non é necesaria na Galiza habendo tres universidades públicas, sete campus e, pola contra, consideraron urxente mellorar o financiamento da universidade pública. En concreto, esta sexta feira, 16 de abril, en declaracións a Nós Diario, o reitor da Uvigo, Manuel Reigosa, sinalou que ten "bastantes dúbidas" sobre a oportunidade e idoneidade da creación de universidades privadas" na Galiza, e asegurou que serán "rigurosos" para que nos órganos de Goberno en que están se "cumpra a lexislación vixente", en referencia aos filtros e requisitos que a norma estabelece para crear universidades privadas. Julio Abalde, reitor da Universidade da Coruña, en declaracións a Nós Diario, sinalou que na UdC "pasan como non pode ser doutra maneira, todos os filtros estabelecidos polo Goberno autonómico para garantir a calidade e viabilidade das nosas titulacións e o que pedimos á Xunta é que eses requisitos se apliquen co mesmo rigor ás iniciativas de universidades privadas". Loita entre empresas para ficar en detrimento da pública Logo de pasar o trámite no Ministerio e no Consello da Xunta, o Parlamento debaterá o proxecto de lei para a creación da Universidade Intercontinental da Empresa (promovida por Abanca), que opta a ser primeira universidade privada da Galiza e que será rival tanto da pública como da impulsada por Cesuga, cuxo director xeral é Venancio Salcines, antigo profesor da UDC e presidente da Escola de Finanzas Business School de Oleiros, competencia directa do actual Business Institute de Abanca. Aliás, Cesuga nos últimos anos fixo ampliación de capital dando entrada no seu accionariado a varios dos empresarios máis importantes da Coruña, encabezados por Ignacio Rivera, de Hijos de Rivera. Unha pugna entre empresas está servida, que ao mesmo tempo loitará para roubar investidores e alumnado á universidade pública.
NOS_18563
Cualedro e Vilanova de Arousa continuarán fechados desde a segunda feira e a eles únese desde ese mesmo día Laza. Ademais, o Comité Clínico determinou mudanzas no mapa de concellos por niveis de restricións, que podes consultar nesta información.
O Comité Clínico que asesora a Xunta da Galiza na xestión da pandemia provocada pola Covid-19 acordou o estabelecemento do nivel máximo de restricións nos concellos de Vilanova de Arousa, Cualedro e Laza. Como consecuencia decrétase o fechamento individual do municipio (agás por motivos xustificados de desprazamento), a prohibición das reunións entre non conviventes en calquera espazo e a clausura da hostalaría. Así mesmo, o Comité determinou o nivel alto de restricións nos concellos de Petín, A Merca, A Pastoriza, Mesía, Ribeira, Padrón, Marín, O Grove, Meaño, Cambados, Salceda de Caselas, Gondomar, Ponteareas e Coristanco. No nivel alto a hostalaría só pode abrir no exterior, cunha capacidade máxima de 50%. Está permitido xuntarse con non conviventes (catro ou seis, en función de se o espazo é interior ou exterior), e as instalacións deportivas, culturais e lugares de culto abren a 30%. Tamén se pode practicar deporte en grupos dun máximo de catro persoas, sempre coa máscara posta. A mobilidade interna está permitida entre todos os municipios galegos, agás nos que fican no nivel máximo. Ademais, as medidas do nivel medio-alto rexerán nos termos municipais de Muíños, Verea, O Barco de Valdeorras, Cartelle, Lobios, Verín, Xinzo de Limia, Allariz, Carballeda de Valdeorras, Meira, Chantada, Rianxo, A Pobra do Caramiñal, Melide, Carnota, Ordes, Lalín, Silleda, Ribadumia, Poio, Vilagarcía de Arousa, Cangas, Nigrán, O Porriño, Tui, Vigo, A Laracha, Betanzos, Cambre, Carballo e Ares. No nivel medio-alto permítese á hostalaría abrir nas terrazas a 50% e no interior a 30%. No tocante ás demais medidas, non mudan con respecto ao nivel alto. No resto dos concellos galegos estarán vixentes as restricións fixadas no nivel medio baixo. A hostalaría pode abrir a 75% no exterior e 50% no interior, e as instalacións deportivas, culturais e de culto teñen tamén capacidade de 50%. As restantes restricións non difiren das estabelecidas nos niveis medio e alto. Todas estas medidas entrarán en vigor ás 00 horas da vindeira segunda feira, 3 de maio.
NOS_50659
O conselleiro escusa a ausencia da danza na súa acollida en medidas aínda sen concretar
Após colgar na web o Plan de Reactivación da Cultura e o Turismo, os diversos departamentos da Xunta da Galiza acompañaban onte o conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, nunha presentación ás profesionais do sector cultural por videoconferencia. Máis de 600 persoas de moi diversa índole -universidades e concellos, artistas, empresas, institucións...- seguiron o encontro, mostra da relevancia desta acción que espertou dúbidas pola falta de concreción en moitos aspectos. Nun escenario no que quer as hipóteses máis optimistas quer as máis pesimistas ofrecen un futuro incerto, Rodríguez apuntou a "sacar o máximo das nosas potencialidades", facendo, como traslada o documento, especial fincapé no Xacobeo, chamado a ser unha "estratexia de promoción da industria cultural propia". O diálogo co sector O conselleiro sinalou que a elaboración do Plan de reactivación tivo lugar nun diálogo real directo con representantes de todo o tecido cultural, baixo o obxectivo común de modificar a oferta para adaptala á situación actual e "incentivar o consumo e a demanda". Porén, tras a súa publicación o sentir deses mesmos colectivos que formaron parte das reunións non semella de satisfacción. Proxecta, a Coordinadora Galega de Festivais de Cinema, foi a primeira en facer pública a súa decepción coas medidas do texto, pois non aparecía un dos compromisos acadados nese diálogo previo: a súa inclusión dentro da programación do Xacobeo. Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística, fixo alusión a isto explicando que non existen garantías de que se vaian poder celebrar presencialmente e insistindo en que, de facto, o propio documento considera a posibilidade de facelos online, por iso decidiron deixalos fóra de momento. Porén, se finalmente se desenvolven, contemplaríase a opción de novo. Rodríguez confesou que o plan, malia ser amplo, "non é capaz de chegar a todos os sitios". Mais na súa opinión "cubrimos ao redor dun 70% das demandas" Noutra clara referencia ao descontento, Rodríguez confesou que o plan, malia ser amplo, "non é capaz de chegar a todos os sitios". Mais na súa opinión "cubrimos ao redor dun 70% das demandas". O camuflado esquecemento da danza Entre eses "ocos" que hai no documento, destaca o da danza e o das salas privadas de teatro e concertos. Esta cuestión xurdiu a raíz dunha das preguntas formuladas após a presentación do texto: "Por que non aparecen máis definidas certas medidas, por exemplo, o 'impulso' ao sector escénico?". Jacobo Sutil, director da Axencia Galega das Industrias Culturais, argumentou que o deseño dunhas medidas está máis avanzado que o doutras. "Estamos en contacto con Escena Galega para deseñar o contido", engadiu, escusando a ausencia da danza e das salas de artes escénicas coa idea de que atopen aí o seu espazo. En canto ás de música, suxeriuse que poderían optar a outras convocatorias relacionadas co Xacobeo. Haberá bono cultural Unha das principais novidades anunciadas na reunión que non aparecían recollidas expresamente no plan foi a intención de crear un "bono de consumo cultural galego". Segundo Rodríguez, a Xunta fíxolle unha proposta ao Ministerio de Cultura para que esta fose unha iniciativa cofinanciada, mais "non tivemos resposta". Con todo, comprometeuse a elaborar un propio, procurando que non cree duplicidades, e ofreceu a posibilidade de sumar forzas cos concellos. De maneira xeneralizada, o conselleiro insistiu na vontade de que a execución dunha parte das medidas sexa inmediata: contan con pór en marcha as primeiras convocatorias en 8 ou 10 días. Outras, no entanto, terían unha tramitación máis lenta. O fondo para proxectos culturais Xacobeo 2021, de 1.500.000 euros, será dos primeiros en ver a luz, e incluiría calquera tipo de manifestación, de vídeos a montaxe de eventos, con dotacións de até 4.000 euros para persoas físicas e 10.000 para as xurídicas.
PRAZA_13408
Iván Prado acaba de regresar de México, onde durante semanas organizou cos Pallasos en Rebeldía o Festiclown Wurikuta, de apoio ás comunidades indíxenas. Prepara para 2013 o Festiclown pola Terra, un grande evento que terá Chiapas ou Ciudad Juárez como escenarios. Audios no interior.
Iván Prado non para. Acaba de regresar do Sáhara e México, e este martes marcha a Brasil, a Río de Janeiro, onde participará no Festival de Circo Social, entre outras cousas cunha manifestación de pallasos que percorrerá un barrio ocupado polo exército. En setembro volverá a Palestina (onde hai anos foi encarcerado e expulsado do país polas autoridades israelís) e máis adiante de novo a Brasil, en colaboración co Movemento dos Sem Terra. Non para, e sempre co mesmo obxectivo: levar a súa ferramenta -a risa- a aquelas comunidade, colectivos, países, que pelexan pola súa supervivencia e o seu benestar. A risa como evasión e como catarse, e a risa tamén como arma revolucionaria. Para o vindeiro ano Pallasos en Rebeldía traballan na organización dun macroevento, de tres ou catro semanas de duración, no país centroamericano. Será o Festiclown pola Terra, realizado en colaboración coas comunidades indíxena Percorreu México durante dúas semanas, en escenarios ben distintos: dende o Wurikuta Fest, onde coincidiu con ducias de artistas de primeira fila, como Bunbury ou Calle 13, ante milleiros de persoas. Até actuacións en escenarios máis modestos, en apoio de colectivos sociais ou mesmo no Tribunal Internacional dos Pobos. Para o vindeiro ano Pallasos en Rebeldía traballan na organización dun macroevento, de tres ou catro semanas de duración, no país centroamericano. Será o Festiclown pola Terra, realizado en colaboración coas comunidades indíxenas (por exemplo as de Chiapas, coas que leva máis de 15 anos colaborando). Como foi a experiencia do Festiclown Wurikuta? En México todo ten unha dimensión diferente, pola súa diversidade, tamaño...? Os festiclowns sempre teñen moita xente dentro; tanto ten que sexa un festiclown profesional en Galicia ou un altruísta e solidario en Palestina ou México. A experiencia foi excepcional, primeiro porque tivemos a oportunidade de actuar en lugares novos, con xente distinta que non coñecéramos previamente, tamén puidemos estar no Tribunal Permanente dos Pobos, que é unha das institucións de dereitos humanos máis importantes do planeta, porque é fillo directo do tribunal Russell, o pobo xulgando casos de terrorismo de Estado e xulgando os gobernos. Tamén puidemos actuar en Ciudad Juárez, que é unha cidade na que a xente non sae á rúa polo medo aos narcos, no que as mulleres desaparecen por centos... Ou actuamos no deserto, para esas comunidades indéxenas ameazadas pola empresa mineira canadense que os quere botar das súas terras. O que era moi curioso era, despois de horas de testemuñas de dor, facer rir ao público, entrar en catarse e entrar nesa alquimia que provoca o pallaso. "O que era moi curioso era, despois de horas de testemuñas de dor, facer rir ao público, entrar en catarse, nesa alquimia que provoca o pallaso" Xa coñecías México, sobre todo co teu traballo en Chiapas... Si, levo dende o ano 95 vinculado co movemento indíxena zapatista, e xa son quince viaxes, para aprender dese movemento, para sumarme ao soño de construír un mundo diferente. Falar do zapatismo é falar da revolución ou da renovación de todo o discurso de esquerdas a nivel mundial, é falar do nacemento do movemento antiglobalización, é falar da renovación do concepto de democracia e participación. De feito, Pallasos en Rebeldía naceu en 2004 nunha comunidade zapatista "Mesmo Octavio Paz dixo nos oitenta que os indíxenas mexicanos tiñan que desaparecer para que México fose un país evolucionado. Se iso o di un premio Nóbel, imaxina o que dirá un político corrupto do PRI, do PAN ou do PRD, ou que dirán os narcos" Cal é a situación dos indíxenas en México? É un tema moi complexo. Estamos falando de oitenta etnias e ningunha está igual que a outra. Pero en xeral hai un espolio e unha guerra de baixa intensidade contra as comunidades indíxenas e unha persecución contra as súas culturas. Mesmo Octavio Paz dixo nos oitenta que os indíxenas mexicanos tiñan que desaparecer para que México fose un país evolucionado. Se iso o di un premio Nóbel, imaxina o que dirá un político corrupto do PRI, do PAN ou do PRD, ou que dirán os narcos. En Chiapas ou Ciudad Juárez estanos matando, aos Wixárikas a globalización estanos levando a un illamento completo. Pero son eles quen máis están achegando ao enriquecemento da democracia ou á renovación dos valores da República. Eles están levando a cabo unha loita contra unha mineira canadense, pero en realidade é unha loita contra a globalización e o neoliberalismo. Como vai ser o Festiclown pola Terra? Xa sabedes que estrutura vai ter ou estades abertos ás suxestións que vos fagan? As dúas cousas. Por unha banda temos claro que imos traballar cos zapatistas en Chiapas, aínda non sabemos de que forma polo de agora, porque os zapatistas están nun profundo silencio e repregue. Tamén estaremos nas serras dos Wixárikas. E posiblemente estaremos en Ciudad Juárez ou co movemento de Atenco, que é un pobo que se levantou contra un aeroporto internacional que quería levantar Vicente Fox. O festival vai ser longo, de tres ou catro semanas, e será semellante ao que fixemos en Palestina. O que si é certo é que os recursos que temos son reducidos, despois de perder todos os festivais en Galicia, que eran a nosa principal fonte de financiamento. E como foi a vosa participación no Sahara? Toda a cultura árabe ten un carácter moi hospitalario, pero no caso dun pobo nómade, coma os saharauis, iso multiplícase por dez. A experiencia foi tan boa que non tardaremos en volver e axustarémonos ás necesidades que teñan eles; veremos se o que interesa máis é a formación continua nos campamentos ou un festival, aínda estamos estudándoo. Eu xa tivera unha experiencia cos saharauís no ano 95, e é impresionante, comezando polas mulleres, que teñen unha presenza incrible, con moito poder. "A risa é un motor de cambio para relativizar as cousas da vida e miralo todo con outra perspectiva. É un grande amplificador de conciencias" Como é traballar coa risa en lugares no que o sufrimento é tan cotián? A risa é esa chave que abre o corazón, que esperta a esperanza, que xera novas posibilidades no cerebro humano. A risa é un motor de cambio para relativizar as cousas da vida e miralo todo con outra perspectiva. É un grande amplificador de conciencias. Sempre está presente; lembro como en 2003, mentres bombardeaban Gaza, os palestinos facían bromas sobre os bombardeos. O sentido do humor é o sentido da supervivencia humana, é o que máis conecta os seres humanos, é una ponte. O que eu aprendo nestes lugares, nos que a vida é algo a defender en cada minuto, é que esta xente ri moitísimo. A risa custa máis ou menos nestes lugares? Nos lugares nos que hai mortos, represión, violacións..., a risa custa máis, pero tamén se agradece moito máis. A risa, ademais, ten un punto revolucionario, é cuestionadora, desmitificadora, relativizadora... A través da risa aliméntase a esperanza e a utopía. Por iso os gobernos ditatoriais e xenocidas coma o israelí lle teñen tanto medo, por iso metéronme no cárcere e expulséronme do país. Porque para eles o capital simbólico dos pallasos apoiando os palestinos é saturador, insoportable,
NOS_45924
Independencia, federalismo, unionismo e saída da crise son as ideas básicas que centrarán estes días a campaña electoral do 25N. As principais forzas políticas escolleron Barcelona ou concellos da súa área de influencia para presentar @s candidat@s. Un vídeo chama á participación lembrando a caída do Muro de Berlín.
As formacións políticas que se presentan a estes comicios comezaron a campaña electoral cando o reloxo mudaba de quinta a sexta feira, esta mesma madrugada. A tradicional pegada de cartaces inicia de xeito formal a petición de voto e os candidatos e candidatas dan as primeiras ideas que logo desenvolverán até o mesmo día de peche o vindeiro 23 de novembro. CIU e o seu candidato, Artur Mas, pediron unha "maioría excepcional" para que "tomen en serio a Catalunya". Foi nun dos pavillóns da Fira de Barcelona, habilitado para a ocasión, nun acto presidido pola proposta de convocatoria de referendo pola independencia. "Precisamos facer o traxecto non con remos, cando eles levan motores de alta velocidade". Mas chegou a pedir o voto "prestado por un tempo" para cumprir o mandato do Parlamento de Catalunya. Terrassa acolleu o inicio de campaña do PSC e o seu candidato, Pere Navarro, repetiu o guión federalista cun chamamento ao "orgullo" socialista de cara a estas eleccións. Acompañado de Núria Parlon, alcaldesa de Santa Coloma de Gramanet, e de Jordi Ballart, alcalde de Terrassa, Navarro falou de "fractura" de España e atacou as políticas económicas estes últimos meses por parte de CiU. ERC decidiuse por comezar a campaña nun dos "feudos" socialistas, o barrio de Can Ros de Barcelona. O seu candidato, Oriol Junqueras, fixo un chamamento a poñer o futuro Estado catalán "ao servizo dos cidadáns". Apelou ao seu pasado como alcalde de Sant Vicenç dels Horts e ao seu traballo nese municipio para pedir que "sexa unha realidade a igualdade de oportunidades". Para o PP de Catalunya esta campaña ten algo de "xeral". Se cadra por este motivo comezouna onde Rajoy obtivo a súa última maioría absoluta: Castelldefels. A Candidata, Alicia Sánchez-Camacho, estivo acompañada polo ministro do Interior español, Jorge Fernández Díaz e polo alcalde dese municipio, Manuel Reyes. O seu discurso evitou falar de propostas económicas e podería resumirso co lema que escolleron: "Catalunya sí, España, también". Joan Herrera, candidato de ICV-EUiA, comezou a súa campaña electoral en Cornellà del Llobregat empregando a mesma táctica que Artur Mas e pediu "o voto prestado". Entende que é un momento de "emerxencia nacional" e el@s son a única formación política que defenderá os intereses da xente contra os recortes de CiU. Solidaritat Catalana (SI) escolleron os cines Lauren de Barcelona para o inicio de campaña. Alfons López Tena, o seu candidato, asegurou que son a "única garantía para conseguir a independencia" fronte ao que denominou "cobardía" de CiU. A CUP-Alternativa d'Esquerres, formación que se presenta por primeira vez a unhas eleccións ao Parlamento catalán, iniciaron esta campaña electoral no barrio de Gràcia de Barcelona. O candidato, David Fernàndez, reuniu a unha parte do sector cultural catalán no acto celebrado do "Centre Artesà Tradicionarius". Reivindicou que a decisión destas eleccións non está "entre a loita social e nacional dos Països Catalans". A pegada de cartaces comezou no exterior dunha oficina de "La Caixa". Albert Rivera, candidato de Ciutadans, iniciou a campaña nun céntrico hotel de Barcelona. Con música de Pink Floyd e referencias ao aniversario da caída do muro de Berlín, presentou o seu cartaz electoral co lema "Mejor unidos". "Cauen els murs" Miquel Calçada, xornalista e co-fundador do grupo Flaix, Salvador Cardús, economista e profesor de Sociologia a la UAB, Vicent Partal, xornalista e director de Vilaweb, e Ramon M. Piqué, guionista e realizador, fixeron un chamamento á participación da cidadanía nestas eleccións a través dun video que leva por nome "Cauen els murs" (Caen os muros). Nel identifican a histórica caída do muro de Berlín, coincidindo co seu aniversario, co que significarán estes comicios para o pobo catalán.
PRAZA_19702
A entidade herdeira do extinto Club Deportivo Ourense acada o seu terceiro ascenso en tres anos e chega a Preferente baixo un modelo "innegociable" de accionariado popular. Con 14 equipos na base e categoría feminina, o equipo aséntase enraizado no sentimento ourensanista.
Coa bandeira do extinto Club Deportivo Ourense suxeitada polos futbolistas e as bancadas ateigadas no Couto. Así celebrou o pasado domingo a Unión Deportiva Ourense o seu terceiro ascenso consecutivo desde a súa fundación hai tres anos. Coa chegada a Preferente, o equipo que naceu das cinzas da histórica entidade desaparecida continúa asentando as súas bases. Faino baixo a fórmula do accionariado popular e cuns alicerces ben sólidos: os do "sentimento ourensanista" e os da súa entregada afección. A UD Ourense, herdeiro do histórico club desaparecido, logrou o domingo o seu terceiro ascenso consecutivo e xa está en Preferente Co 2-0 ante o Velle e con seis xornadas de antelación, a UD Ourense acadaba o primeiro dos propósitos marcados cando hai tres anos socios e afeccionados do CD Ourense que loitaron por evitar a súa disolución decidiron impulsar este novo club. "Desde o primeiro día tiñamos claro que os tres ascensos seguidos para chegar a Preferente eran unha obriga, por orzamento e por masa social", explica Rubén Conde, secretario dunha entidade con arredor de 1.350 abonados e 314 socios, os que toman as decisións en asemblea. "Un socio, un voto". Un sistema, o do accionariado popular, ao que son fieis e que é base e valor da Unión. "O noso funcionamento é igual desde o principio e é algo innegociable a non ser que asemblea decida rachar con el, algo que semella improbable e que non sería tan fácil", di Conde. "Continuaremos así, máis aínda vendo a situación na que está o fútbol actual, con todos os problemas que se derivan doutros modelos", engade quen lembra que o club seguirá loitando tamén por mudar normativas como a que obriga á conversión en SAD aos equipos que alcanzan categoría profesional. Con todo, hai unha razón fundamental pola que ninguén renega da fórmula escollida: "A xente séntese moito máis partícipe do proxecto". O club ten 1.350 abonados e 314 socios, que son os que toman en asemblea as decisións no club: "É algo innegociable" Nel, ademais, implicáronse desde o comezo ex-xogadores do CD Ourense movidos polo sentimento e o cariño á histórica entidade. No banco senta Antonio Dacosta, ourensán, ex-xogador vermello e do Mallorca e Deportivo nos 80. No campo, no pasado domingo, os dous goles chegaron das botas de Rubén Durán, vigués tamén ex-futbolista do vello equipo do Couto e que pasou polo Racing de Santander, Real Unión, Marbella ou Lugo. "Temos esa sorte e o de Rubén foi o último caso; quixo volver onda nós e esperamos poder seguir contando con máis futbolistas así porque sabemos que a idea de xogar no Couto e ante unha media dun milleiro de afeccionados nesta categoría é algo que atrae", asegura Conde, que explica que o mercado polo que aposta a UD Ourense é "o de xogadores locais: se son ourensáns, mellor, e senón, galegos". Agora, co salto de categoría, o club precisa incrementar os seus recursos para "facer un equipo competitivo". "Cada ascenso supón un maior investimento económico", engade sobre unha entidade que vai camiño de pechar o orzamento cun novo superávit. A publicidade, os patrocinadores e os abonados son a base do presuposto. Para a vindeira tempada, buscarán seguir coa política de ter o abono máis barato da categoría, pero buscarán "involucrar a familiares e amigos" para aumentar a súa masa social e tamén os ingresos. A Unión Deportivo conta con equipo masculino e feminino e 14 conxuntos máis na base Arredados da idea de vivir das subvencións públicas -co que iso supuxo no pasado-, o que si piden é "colaboración". "Non queremos depender desas axudas como ocorreu co CD Ourense ou co COB de baloncesto, pero si pedimos que as administracións colaboren", di Conde. Refírese ao feito de que a entidade tiña que seguir pagando instalacións privadas para que os equipos da base poidan adestrar. "Buscamos solucións, pero na cidade galega con peor ratio de campos por fichas a situación é complexa", engade. Porque a UD Ourense non é só o equipo sénior agora en Preferente. Ten 14 equipos na canteira e un máis en categoría feminina. Van cuartas na Primeira Galega no seu primeiro ano tras o ascenso e é o único club de rapazas na cidade. Por iso, desde a entidade piden que non se lles poñan máis atrancos. "Hai unha marxinación cara ao fútbol feminino; no noso caso, non temos disponibilidade nin para disputar os partidos no centro da cidade e temos que ir ás aforas, o que resta moita visibilidade", di Conde, que reitera a aposta polas mulleres e por seguir acollendo a todas aquelas que queiran practicar o deporte. Mentres, na directiva preparan xa a estrea en Preferente do primeiro equipo, que aínda buscará o primeiro posto na Liga e busca superar un 2-0 en contra na Copa Deputación. De logralo, podería enfrontarse ao Ourense CF, antigo Ponte Ourense, entidade que eliminou o nome do barrio para intentar tamén ser o referente do fútbol na cidade logo de non abrollar a idea de unirse para conformar unha única entidade. O derbi podería tamén celebrarse na vindeira tempada, de non lograr o ascenso a Terceira o outro equipo da cidade. A UD é recoñecido como o herdeiro do histórico Ourense: "Esa batalla xa etá superada, todo o mundo nos ve como os sucesores" A UD acabou por asentarse como o herdeiro do Club Deportivo Ourense. "Esa é unha batalla que xa está superada porque todo o mundo nos ve como os sucesores; mesmo os xogadores sacaron unha bandeira do antigo club na celebración do domingo e nas bancadas víronse moitas bufandas antigas", din desde unha entidade que reivindica o pasado pero, tamén, o presente e o futuro co modelo de accionariado popular. A Unión Deportiva continúa o ronsel que comezaron a marcar en Inglaterra a AFC Wimbledon ou o FC United of Manchester ou que no Estado representan clubs como o Ciudad de Murcia ou a UC Ceares asturiana. Todos eles froitos da rebelión popular ante o "fútbol moderno". A obrigada conversión dos clubs en sociedades anónimas deportivas e a lei Bosman a que fixeron medrar a burbulla futbolística desde os anos noventa. Os prezos das fichaxes multiplicáronse e as débedas tamén. A mercantilización rematou con moitos equipos e as bancadas rebeláronse a prol dun fútbol popular. O CD Ourense foi unha das vítimas, pero na cidade das Burgas, a rebelión permanece.
PRAZA_9850
A Comissom Nacional dos Mercados e a Competência, CNMC, fazia público a finais do passado mês de março a imposiçom dumha importante sançom por práticas colusórias a um selecto grupo de empresas espertas em soluçons tecnológicas
A Comissom Nacional dos Mercados e a Competência, CNMC, fazia público a finais do passado mês de março a imposiçom dumha importante sançom por práticas colusórias a um selecto grupo de empresas espertas em soluçons tecnológicas, incluída a da organizaçom de trapaças fraudulentas para estafar o erário público. A concertaçom entre delinquentes para tirar lucro de um terceiro mediante engano, é tam velho como o mercado.Concertar-se em segredo em competência simulada para enganar um cliente é arte trapaceira de pouca monta que pode alcançar cimos de virtuosismo quando se aplica a grande escala como no caso nos grandes concursos públicos de infra-estruturas e na venda de armamento onde o secretismo habitual estimula a astúcia e a cobiça dos supostos concorrentes. Pactuar a oferta para inflar o preço repartindo a ganância ao escuso nom demanda muita ciência. É jogo ganhador sem outro requisito que temperar a cobiça a troco da seguridade pactuada.A arte de furtar, nom mudou muito desde que o jesuíta português Manuel da Costa deixasse constáncia das regras gerais da ladroíce e a roubalheira, acolhidas agora ao discreto amparo de paraísos fiscais para uso de filhos e netos dos múltiplos avozinhos Florenci que povoam o país.Desta vez, os agentes da trapaça fôrom 15 selectas empresas, siareiros habituais de concursos públicos como os convocados pola sociedade administradora de infra-estruturas ferroviárias, ADIF, dependente do Ministério de Fomento. Na banda assaltante, felizmente desbaratada desta vez, constavam reputadas corporaçons europeias como a francesa Alstom e a alemã Siemens, junto a honoráveis parceiros da Bolsa espanhola como Sacyr, OHL, ACS, Indra, Abengoa e Elecnor e as suas filiais especializadas. A selecta congregaçom repartiu-se amigavelmente 200 contratos de subministraçom ferroviária durante 14 anos por importe superior aos 1.000 milhons de euros. Nom é que o assunto deva surpreender em excesso. A linha de AVE Madrid – Barcelona, orçada em 7.235 milhons de euros, saiu por 8.967 ao longo de 12 anos de negociaçons, trasacordos e suplementos felizmente coroados com a inauguraçom a começos de 2013. A elasticidade dos orçamentos públicos sempre foi notável no Reino de Espanha.A multa imposta pola CNMC aos 15 concorrentes foi de 118 milhons de euros mais 660.000 adicionais a título persoal aos principais responsáveis da montagem. Entre as sancionadas destacam duas filiais de ACS de nome altamente evocador, quase poético, Semi e Cobra, multadas com quase 44 milhons, seguidas de Elecnor com mais de 20. A CNMC decidiu premiar a empresa delatora do conluio — o bufo, como gostam dizer os portugueses para se referir ao hispánico soprom — que resultou ser a Alstom, livrando-a da multa corporativa e persoal. Também mereceu desconto de multa Siemens pola sua encomiável colaboraçom no esclarecimento do negócio consistente em gravar no 20% a oferta ganhadora, a repartir posteriormente com a parte aparentemente perdedora.Neste tipo de aventuras saber baixar-se a tempo tem prémio, como bem sabiam Alstom e Siemens. Nestes jogos de taful as amizades forjadas em elegantes restaurantes de cinco garfos som sempre provisórias e passageiras. Nada persoal, bussiness as usual, sentencia o pragmatismo británico A sançom imposta pola CNMC vinha acompanhada por vez primeira de umha interessante novidade: a penalizaçom inclui a proibiçom de contratar com a Administraçom pública por três anos. Agradece-se a severidade mas, igual que nos concertos recomenda-se pospor o aplauso para o final da peça. A sentença fica pendente de recurso contencioso administrativo ante a Audiência Nacional e de casaçom perante o Tribunal Supremo, trámites que levam o seu tempo e permitirám aos sancionados polir a defesa e aguçar o olfacto para detectar sócios mais leais.O Estado nom é tam fero como o pintam com gente de nível. Segundo se informa, no período 2000-2012 a CNMC decretou penas por vulneraçom da competência por importe de 1.153 milhons de euros; a arrecaudaçom efectiva, no entanto, nom passou do 25%: 290,4 milhons1. Garantias judiciais, prazos processuais e habilidades defensivas, regadas com sólidas influências e cumplicidades, obram milagres. Afinal, os castigados de hoje podem chegar a se converterem em empregadores de manhã se nos atemos à experiência.Afinal os concorrentes som contados e os concursos incessantes. Catorze anos de negócio ferroviário compartido dam para romper e recuperar amizades. Elecnor chegou a romper com Cobra por um litígio sobre o reparto da adjudicaçom da linha eléctrica da alta velocidade Ourense-Santiago. No entanto, Alstom partilha negócio com a espanhola Indra Sistemas — a quem devemos o sistema de controlo de tráfico terrestre e aéreo em Espanha — nessa mesma linha. Com tanta convivência é impossível romper definitivamente velhas amizades, afinal, no bombo pequeno da lotaria concursal do AVE rodam sem trégua 15 selectas bolinhas brunidas pola tecnologia e o êxito.Afirma a lenda áurea do liberalismo que o mercado é um instrumento infalível que garante a melhor oferta em preço e qualidade mediante a competência incondicionada em favor do demandante soberano. O competidor ineficiente será expulso sem remissom. Fagam favor senhores, deixem trabalhar o mercado, evitem interferências. O mercado proverá.A piedosa fábula da livre competência entre raposos e galinhas num mercado competitivo e auto-regulado pretende ocultar o que todos sabemos, a existência de barreiras de entrada, a competência assimétrica, as práticas oligopolistas. O mui ilustrado mestre do modelo liberal Adam Smith, filósofo moral de profissom por sinal, nom se enganava ao respeito: Raro é que se reúnam persoas do mesmo negócio, mesmo que seja para se divertirem, sem que a conversa nom termine numha conspiraçom contra o público ou nalgumha estratagema para subir os preços (A riqueza das naçons, Livro I, Capítulo 10: II).As reunions de negócios de dom Adam tenhem agora escala continental e o divertimento preferido é o de implacáveis jogos de estratégia de poder muito afastados da candorosa teodiceia do mercado, boa apenas para livros de texto e animadas palestras de Escola de Negócios.1 El País, Economia, 1/04/2019
NOS_12147
Cento cincuenta anos despois de que o científico ruso Dimitri Mendeleev presentase a táboa periódica, públicase a súa versión galega. Os 118 elementos que a conforman, fronte aos 63 iniciais, están agora dispoñíbeis para a súa descarga e tamén nunha tiraxe física de 13.000 exemplares.
A edición galega da táboa periódica débese á colaboración institucional do Consello da Cultura Galega, o grupo de investigación da Universidade de Santiago CienciaNOSA, a Secretaría Xeral de Política Lingüística, a Real Academia Galega de Ciencias e a Real Academia Galega. Dos químicos da Universidade de Santiago Manuel Bermejo, Ana González Noya e Marcelino Maneiro, autoras da Guía dos elementos químicos. Historia, propiedades e aplicacións, partiu a iniciativa.
PRAZA_9986
A inauguración do primeiro treito da AP-9 o 27 de abril de 1979 chegou tras o primeiro remate dunhas obras acompañadas de forte controversia social, reflectida no documental Autopista, unha navallada á nosa terra. Catro décadas despois é un lucrativo negocio cuxos beneficios reverten nunha arañeira internacional de compañías mentres continúa a espera polo traspaso de competencias á Xunta
Ás cinco da tarde do 27 de abril de 1979, hai hoxe corenta anos, un vehículo conducido polo profesor padronés Francisco Mene acompañado pola súa dona, Mercedes Nistal, e varios parentes, atravesaba a peaxe da Autoestrada do Atlántico situada en San Lázaro (Santiago). O seu Seat 1430 foi o primeiro en pasar a barreira para transitar polos primeiros 63 quilómetros que discorrían en dirección norte, ata A Barcala; non tivo que pagar as 80 pesetas -uns 50 céntimos actuais, ao cambio- da peaxe e mesmo recibiu algúns agasallos de Audasa. O percorrido de hora e media pasaba a ser de apenas corenta minutos.A inauguración do primeiro treito da AP-9 aquel 27 de abril de 1979 chegaba tras o primeiro remate dunhas obras acompañadas de forte controversia social, reflectida no documental de Llorenç Soler 'Autopista, unha navallada á nosa terra'Como amosan as imaxes recuperadas esta semana por TVE, o presidente da Xunta preautonómica, Antonio Rosón, fora o encargado de cortar a cinta inaugural da primeira parte rematada nunhas obras acompañadas pola controversia e o forte rexeitamento social. Dous anos antes o documental Autopista, unha navallada á nosa terra do realizador e activista catalán Llorenç Soler, reflectira a intensa loita agrupada en torno á Coordinadora Nacional de Afectados pola Autopista do Atlántico. Naquela coordinadora confluían reivindicacións moi diversas. Dende as alertas do impacto ambiental das obras da autoestrada ata o rexeitamento ás baixas compensacións polas expropiacións. Tamén fortes protestas contra a división de leiras e núcleos de poboación e reflexións máis de fondo: a navallada era física pero, sobre todo, socioeconómica; ía contribuír a concentrar definitivamente a riqueza e o dinamismo económico e demográfica do país na súa fachada atlántica, como finalmente sucedeu.Os bancos que lograran a concesión do goberno franquista non deron feito rendible o proxecto e en 1984 a autoestrada foi rescatada polo Estado, que aplicou a primeira prolongación da concesiónNa concesión aprobada polo goberno franquista reunido no Pazo de Meirás en agosto de 1973 había moitos intereses en xogo. Os dos bancos concesionarios -Hispano Americano, Pastor, Banco del Noroeste, Banco de Bilbao, Banco Atlántico e Unión Industrial Bancaria-, os dalgunhas das caixas galegas da época -Vigo, Pontevedra e Santiago- e mesmo os dalgúns medios de comunicación que cargaban abertamente contra as protestas veciñais, como lembraba Vieiros hai unha década. Pero todos aqueles intereses económicos xuntos non deron feito rendible o seu proxecto en plena vaga expansiva da crise do petróleo de finais dos 70. En 1984, ano no que tras múltiples atrasos como os do tramo da ponte de Rande foi inaugurado o da Barcala á Coruña, Autopista del Atlántico Concesionaria Española, S.A., acabou sendo rescatada polo Estado. Naquela operación a concesión foi estendida dez anos, ata 2023.O Goberno de Aznar vendeu a AP-9 en 2003Así, como empresa pública, Audasa foi construíndo todos os seguintes tramos da AP-9 ata finais dos anos 90, cando o accidente do Discoverer Enterprise que impactou contra a ponte das Pías e deixou illada a cidade de Ferrol impulsou o Goberno de Aznar a encargarlle á Empresa Nacional de Autopistas (ENA), grupo público no que se integraba Audasa, ampliar a AP-9 ata Ferrol. Como contrapartida, a concesión quedaba ampliada ata 2048. Apenas tres anos despois, o mesmo Goberno vendeu ENA con Audasa dentro e o rendible negocio da AP-9 pasou a ser privado.Catro décadas despois a AP-9 é un lucrativo negocio cuxos beneficios reverten nunha arañeira internacional de compañías mentres, no ámbito político, continúa a espera polo traspaso de competencias á XuntaCatro décadas despois a AP-9 segue a ser un lucrativo negocio cuxos cuantiosos beneficios -40 millóns de euros, no último ano completo coñecido- reverten nunha arañeira internacional de empresas privadas sen máis vínculo galego que o territorio polo que transcorre a autoestrada. Tras as baixadas dos peores anos da crise a Autoestrada do Atlántico gaña tráfico de maneira sostida dende hai cinco anos malia ás repetidas e controvertidas subas de peaxe e malia ser sinalada polo Estado formalmente polo seu "enriquecemento inxusto".Mentres, no ámbito político, o eterno debate sobre a transferencia de competencias da AP-9 á Xunta avanzou un chisco nos últimos meses coa súa aprobación inicial no Congreso a finais de 2018. O asunto, non obstante, estará nas mans do Goberno que saia das urnas este 28 de abril.
NOS_52491
O sector volve turrar contra a decisión da Xunta da Galiza de prorrogar os vellos horarios de apertura e o número de comensais por mesa tanto en interiores como ao aire libre.
O paso atrás do Goberno galego canto ás restricións fronte a Covid non convence ao sector da hostalaría, un dos máis castigados pola pandemia. Coincidindo co auxe da sexta vaga en plenas festas de Nadal, foi tamén un dos máis afectados polas limitacións, máis estritas, acordadas polo Comité Clínico e o Executivo de Núñez Feixoo. A evolución da pandemia comeza a dar tregua. Os datos apuntan unha fase de estabilización que levou á Xunta suprimir as restricións máis severas. Volve o consumo nas barras, amplíanse os horarios e os grupos que poden compartir mesa en bares, restaurantes e cafeterías. Un alivio insuficiente, apuntan desde a Asociación Empresarial Hostalaria.gal. Dano incalculábel Segundo denuncia, as últimas medidas adoptadas polo Goberno galego, en vigor desde este sábado, "supoñen unha perpetuación das restricións, que veñen causando un incalculábel dano económico ao sector". Tras dous anos de coronavirus, "a hostalaría segue sometida a limitacións que non permiten traballar na legalidade establecida das nosas licenzas, tanto en horarios coma en límites de capacidade", analiza. O sector asevera que estes atrancos provocaron a desaparición de centos de empresas e de miles de postos de traballo. A día de hoxe, din, nada mudou e séguense a dar "consecuencias tremendamente negativas para o sector e para o conxunto da economía galega, dado o peso específico que a nosa actividade ten no Produto Interior Bruto (PIB). Un exemplo é, como comprobamos recentemente, a caída das pernoctacións nun 38 % a respecto de 2019". Ante esta nova fase de control da pandemia, Hostalaria.gal esixe a eliminación de todas as medidas restritivas, "totalmente ineficaces a respecto dos contaxios de Covid". "O número de contaxios desta sexta onda foi enorme, o cal demostra que o camiño das limitacións aplicadas de forma case exclusiva ao noso sector non dá resultado", incide o colectivo. Outro Nadal perdido O sector sinala que a repercusión económica desta última onda de contaxios é notábel tras o fracaso da campaña de Nadal, a segunda consecutiva. "Comprobamos con espanto que, a estas alturas, o Goberno galego non teña anunciado ningún tipo de medida económica que poida paliar a grave crise que atravesa o sector. Reclamamos con urxencia que teña disposición ao diálogo co conxunto do sector co fin de artellar medidas que freen a destrución de empresas e de postos de traballo", conclúe a asociación.
NOS_36913
O sindicato nega que os funcionarios vaian deixar de cobrar este complemento tras o fallo e urxen negociar xa un sistema de carreira "universal". CCOO e UXT piden que a Xunta recorra a sentenza.
A secretaria nacional da CIG-Autonómica, Zeltia Burgos, pediu "menos manipulación" a UXT e CCOO tras as críticas vertidas por estes dous sindicatos á sentenza que o Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) emitiu o 14 de xullo e que anulaba o sistema de carreira profesional estabelecido para o persoal funcionario e laboral da Xunta. No fallo, os maxistrados estimaron parcialmente un recurso da CIG contra o acordo asinado en xaneiro de 2019 entre a Administración autonómica e CCOO e UXT, por entender que estabelece "unha diferenza non xustificada" para as e os empregados interinos e temporais. Burgos subliñou que desde o momento no que se negociou o acordo, que non estabelecía un sistema universal, a CIG xa advertira que, "ademais de ser ética e sindicalmente reprobábel, era contrario ao principio de igualdade e vulneraba o ordenamento xurídico do Estado español e do dereito europeo". Así mesmo, a sindicalista negou que o persoal funcionario de carreira deixe de cobrar este complemento para pesar do fallo do TSXG, tal e como advertían CCOO e UXT. "As razóns son sinxelas: a sentenza anula un acordo sindical, pero non anula a orde pola que foi convocado o grao extraordinario", explicou a responsábel da CIG-Autonómica. Críticas de CCOO e UXT Os sindicatos CCOO e UXT criticaron a sentenza do TSXG e cargaron contra a central nacionalista sinalando que a decisión era un "retroceso no dereito á carreira". Por este motivo exixiron nun comunicado que a Xunta da Galiza recorra a decisión xudicial e continúe pagando a carreira profesional extraordinaria, tal como está acordado no Acordo de concertación social, e aplique xa o acordo de mellora aprobado en 2019.
PRAZA_16963
PP e C's suman maioría na Mesa do Congreso, onde os de Rivera terán que decidir agora se asumen o criterio do Constitucional ou seguen a secundar o veto gobernamental. En Marea volveu rexistrar no Congreso a súa proposición de lei e o BNG avanza que fará o propio no Parlamento galego O Constitucional desmonta o argumentario do Goberno de Rajoy para vetar a lei do traspaso da AP-9
O Constitucional desmonta o argumentario do Goberno de Rajoy para vetar a lei do traspaso da AP-9 Nas dúas campañas electorais -eleccións xerais repetidas e ao Parlamento- que Galicia viviu en 2016 Ciudadanos incluíu a AP-9 entre as súas resumidas promesas, mesmo chegando a apostar por unha supresión total das peaxes na autoestrada, cuxa concesión non expira ata agosto de 2048. Apenas un mes despois daqueles comicios galegos o Goberno de España iniciou a súa manobra para tentar que a lei enviada polo Parlamento de Galicia ao Congreso co obxectivo de transferir as competencias sobre a AP-9 á Xunta non chegase nin a tramitarse. O gabinete de Rajoy aínda torpedeou noutra ocasión a proposta avalada pola unanimidade da Cámara galega e unha vez máis cando a impulsou En Marea. Estes tres vetos estiveron amparados nun suposto impacto orzamentario cuxo argumentario vén de desmontar o Tribunal Constitucional, o que provoca que a proposta galega emprenda unha nova andaina na que o papel de Ciudadanos será decisivo. Como fixa o procedemento das Cortes Xerais, antes de ser tramitada a proposta galega tivo que ser sometida á conformidade do Goberno de España, que apoiou o bloqueo no artigo 134.6 da Constitución, o cal dá ao Executivo a competencia exclusiva sobre aumentos de gastos ou diminución de ingresos. Nos tres casos o veto gobernamental non indicaba que partidas exactas do Orzamento en curso se verían afectadas polo traspaso, senón que bosquexaba hipóteses sobre ese impacto económico. Este xeito de proceder, segundo o TC, non é correcto. O veto non é constitucional se non detalla unha "conexión" cos orzamentos "directa e inmediata", e nunca "meramente hipotética". Neste caso, sinalou a sentenza, cabe que o veto sexa erguido na Mesa do Congreso, órgano no que a lei galega naufragou nas tres ocasións. PP e C's suman maioría na Mesa do Congreso, onde os de Rivera terán que decidir agora se asumen o criterio do Constitucional ou seguen a secundar o veto gobernamental É neste punto, o da Mesa, no que o papel de Ciudadanos é clave. Aínda que o PP e os de Albert Rivera non suman maioría no pleno da Cámara Baixa, os seus pactos do inicio de lexislatura deron lugar a que si controlen a maioría absoluta da Mesa, un órgano de nove membros con tres populares e dous de C's. Cando nas anteriores ocasións a lei da AP-9 chegou a este órgano ambos grupos xuntaron os seus votos para aceptar o veto do gabinete de Rajoy, pero agora o panorama muda por mor da contundente sentenza do TC, que fai súas as advertencias que xa lanzara a Asesoría Xurídica do propio Congreso. Unha primeira dilación e as disxuntivas que veñen Ciudadanos xa tivo unha primeira oportunidade para mudar o seu criterio sobre estes vetos tras a sentenza do Constitucional. Foi o pasado 24 de abril, cando a representación de PSOE e Unidos Podemos na Mesa avogou por reemprender a tramitación das leis afectadas por vetos coma estes -un total de 58- dada a claridade do tribunal de garantías ao respecto. No entanto, os de Rivera aseguraron ter dúbidas sobre o encaixe legal desta reactivación en bloque de iniciativas xa 'arquivadas' pola Mesa, polo que decidiron solicitar un novo informe dos letrados que, na práctica, acrecenta o bloqueo. En Marea volveu rexistrar no Congreso a súa proposición de lei para o traspaso e o BNG avanza que fará o propio no Parlamento galego para volver remitir a iniciativa ás Cortes Pero a lei da AP-9 vai chegar tamén por outras vías que obrigarán a C's a definirse con independencia do que diga o devandito informe sobre iniciativas xa tramitadas. O pasado 26 de abril o grupo de En Marea volveu rexistrar a súa proposición de lei a prol do traspaso. "A argumentación que dá o TC é válida" para o caso do traspaso tanto cando o propuxo o Parlamento galego como cando o fixo En Marea, sinala a deputada Alexandra Fernández, toda vez que o Goberno "non xustifica de xeito obxectivo" a que partidas orzamentarias concretas e vixentes podería afectar a transferencia. "De aceptar a Mesa o uso inxustificado da facultade de veto non só estaría a impedir que o Congreso exercese a potestade de iniciativa lexislativa, senón que ademais estaría vulnerando os dereitos fundamentais" dos membros da Cámara "á participación política", advirte Fernández. Ciudadanos terá, daquela, que tomar postura sobre a reeditada iniciativa de En Marea e podería ter que facelo tamén con outra do Parlamento galego. Non en van, o BNG xa avanzou nos últimos días a súa intención de "volver activar o debate presentando no Parlamento unha nova proposición de lei para o seu consenso, aprobación e remisión ao Congreso". Trataríase de repetir o proceso da primeira iniciativa vetada -tamén partira dunha proposta do Bloque-, pero agora aproveitando a "oportunidade" da sentenza do TC, tribanal ante o que, lembran, a propia formacións soberanista ten presentado un recurso contra o veto gobernamental do traspaso.
NOS_37589
Lampíricos, de Antón Lopo, publicadopola Fundación Uxío Novoneyra, recolle os textos da performance que o autor estreou hai máis de sete anos.
Hai máis de sete anos que Antón Lopo presentaba a performance Lampíricos, que levaría por distintos espazos do noso país e tamén do estranxeiro. A relación do autor con esoutras facetas da arte é unha constante da súa traxectoria, aínda que manteña, dentro delas, unha innegábel ligazón coa creación literaria e coa poesía como forma privilexiada. Pode que unha boa proba sexa esta resurrección dos textos de Lampíricos, editados agora pola Fundación Uxío Novoneyra, tamén como un xeito de celebrar a acollida que fixeran do espectáculo no seu espazo durante o verán de 2014. Lampíricos /Antón Lopo / Fundación Uxío Novoneyra / 2020 / 105 páxinas / 18 euros Resulta, por tanto, moi complexo xulgar este libro na súa natureza de parte dun conxunto que, pola súa propia fugacidade, non pode ser fixado nun formato editorial. Tal e como nos aclara o autor, faltan elementos que foron pensados como unha parte inseparábel do proxecto, e entre eles podemos citar a iluminación, o acompañamento audiovisual ou algunhas pezas de vestiario. Tamén faltaría o que probabelmente é o máis importante: o corpo ou, por mellor dicir, os corpos, que nunha experiencia performativa acostuman organizarse sen guía e colaboran en dar a cada versión e a cada experiencia un ton diferente. A pesar de todo isto, os textos do autor continúan funcionando neste novo formato, e conseguen tamén levarnos a vellos territorios que nos resultarán coñecidos. Desde o poeta que xoga co coloquial e coas anécdotas até aquel que cuestiona todas as clasificacións que o enfrontan. O que reivindica a lingua como único territorio libre, ou o que cuestiona o corpo (e os corpos) máis aló da normatividade imposta pola sociedade. Moitas das liñas mestras do Antón Lopo creador aparecen de novo aquí, nunha sucesión que convida a reflexionar sobre elas, pero sobordando ao mesmo tempo a posibilidade de ser un simple resumo de teimas para procurar elementos innovadores ou mesmo extremos. Unha perspectiva na que toma tamén un protagonismo especial o propio cuestionamento do poeta e a súa relación co mundo e cos tempos. O Lampíricos non pode ocultar a súa natureza de rastro doutra cousa que perdemos, se cadra para sempre. Aínda así, é un rastro que non desmente o animal que perseguimos e nas súas pegadas vibra toda a forza e a rotundidade dun proxecto poético que aposta por transcender a propia noción da poesía. Da mesma maneira, por decisión ou por un simple azar, pode que nestas páxinas estean os trazos máis representativos dun autor que segue a conmovernos e cuestionarnos en cada obra.
PRAZA_291
A convocatoria da CGT en Cotxeres de Sants, Barcelona, este pasado venres reuniu centos de persoas contra a os montaxes, a impunidade e a represión. Reportaxe de Héctor Tomé
Semellaba unha aliñación de luxo pra calquera que coñecera a realidade da resistencia contra a represión policial e xudicial na Barcelona das últimas décadas, nesta Cidade Morta marcada polo turismo feroz e xentrificación abusiva, pero tamén pola conflitividade social e o compromiso político. Este pasado venres 6, no centro cívico de Cotxeres de Sants, a CGT xunto cos responsables do desmuntatge 4F conseguiron convocar centos de persoas para un acto como poucas veces tiven a posibilidade de ver nesta cidade. Este pasado venres 6, no centro cívico de Cotxeres de Sants, a CGT xunto cos responsables do desmuntatge 4F conseguiron convocar a centos de persoas para un acto como poucas veces tiven a posibilidade de ver nesta cidade Non só pola afluencia e diversidade do público, o cal, contrariamente ao que un podería pensar a priori, non estaban aló empurrados pola onda mediática causada polo estreo de Ciutat Morta na TV, senón que en gran medida eran caras de sobra coñecidas por calquera que estivera minimamente implicada nos movementos sociais da capital catalá. Aló estaban responsables directos de que o foco da corrupción e a perfidia tornara a súa vista cara as actuacións da policía e dos xuíces por vez de políticos malversadores e estafadores: xente de colectivos como Rereguarda en Moviment, Tanquem els Cies (Pechemos o Cies), Stop Bales de Goma, o semanario de información crítica La Directa (atacada polos antidisturbios nos feitos de Can Vies a primavera pasada, lembremos) e tamén, por suposto, a xente que padeceu os abusos do poder denunciados onte, dende membros da asemblea de Can Vies (cuxos xuízos estanse a celebrar agora con resolucións desorbitadas coma os 3 anos e nove meses aos que foi condenado un rapaz polo lanzamento dunha botella aos corpos de antidisturbios) e do grupo de apoio aos engaiolados pola Operación Pandora, ata nomes propios coma Alfon (enfróntase a 4 anos de cadea tras as acusacións nunca probadas que se lle botaron enriba na última folga xeral), Laura Gómez, da CGT (á cal chegaron a pedirlle máis de 20 anos de condena pola queima simbólica de diñeiro falso diante da Bolsa de Barcelona) ou Juanjo Álvarez (pai de Pedro Álvarez, asasinado en L'Hospitalet hai 22 anos por un policía que xa nunca se enfrontara a xuízo porque o delito prescribiu). Aló estaban responsables directos de que o foco da corrupción e a perfidia tornara a súa vista cara as actuacións da policía e dos xuíces por vez de políticos malversadores e estafadores E, por suposto, as vítimas directas do montaxe do 4F: Rodrigo Lanza e maila súa nai, Marina, a poetisa Diana Torres, amiga de Patricia Heras, e a que fora compañeira desta, Silvia, despedida casualmente do seu traballo acto seguido de aparecer no documental en TV3. Non houbo moito tempo pra lamentacións nin para enxugar as bágoas, a manifestación en clave emocional do pasado mércores 4F estaba recente e os implicados cansos de lembrar e victimizarse. Por vez da victimización, Diana defendeu a necesidade de empoderarse e resistir. O gran ausente da tarde foi Xapo Ortega, unha das dúas persoas detrás do documental que está agora en boca de todos. Na súa representación, a outra metade, Xavier Artigas, protagonizou un dos momentos máis emotivos coa súa intervención, esgotado, exhausto, farto de ser o portavoz involuntario dunha traxedia humana e política, e farto de seren branco de durísimas críticas dende que os medios masivos comezaron a dar cobertura ao feito do que esta semana se cumprían xa 9 anos. Nove anos son moitos aguantando o desprezo das estruturas estatais e o silenciamento dos medios de comunicación Nove anos son moitos aguantando o desprezo das estruturas estatais e o silenciamento dos medios de comunicación. Patricia Heras xa está convertida en mártir e símbolo de como un Estado que se di democrático pode levar a cabo actos perversos contra a súa poboación. Pero a mensaxe que se quixo enviar aló non era de lamentación, senón de solidariedade con todos aqueles que aínda non tiveron a súa propia Ciutat Morta, pero que si padeceron casos de igual ou máis gravidade. Houbo tempo para a poesía, para a música e para a reivindicación. Por exemplo, contouse coa testemuña de Iñaki García, veciño do Raval que coordinaba a campaña de Xustiza Juán Andrés, asasinado por 11 policías en plena rúa do vello e indómito Barrio Chino da Barcelona, e que puña sobre a palestra a dificultade pero o imprescindible de unir voces contra a impunidade. O Raval, exemplo da elitización que se leva a cabo na cidade condal dende os xogos olímpicos do 92, segue a ser un barrio popular, cheo de emigrantes e estudantes que conviven día a día con redadas racistas e hoteis de luxo. Os datos que achegaba o avogado Andrés García (de Tanquem el Cies) eran desoladores: ata 6.621 denuncias de tortura e agresións arquivadas nos últimos 10 anos. E ata 30.000 mortos intentando cruzar a fronteira sur de Europa dende os anos noventa. Houbo tempo para lembrar outra efeméride, a da traxedia do Taraxal, onde 15 persoas perderon a vida (tres de elas aínda non identificadas, imaxinade por un momento o que é morrer sen sequera un nome) tras unha actuación policial nunca aclarada e pola que se seguen sen pedir responsabilidades nin demisións. As malas prácticas policiais e xudiciais no Estado español seguen a ser denunciadas como sistemáticas por organismos internacionais coma Amnistía, pero o groso da poboación, ao non estar afectada directamente por estes casos, tende a ignoralos. Non foi pois, un mero acto de catarse emocional, aínda que houbera moito diso e se palpara nas facianas de case todo o mundo o nó na gorxa O acto comezaba cun vídeo difundido polo colectivo audiovisual do 15M barcelonés, no que se amosa o entrenamento das forzas de seguridade do Estado español en técnicas de combate contra poboación civil en Israel, país que, dende logo, ten moito que ensinar á hora de esmagar sen piedade a insurxencia, e remataba con outro vídeo no que se clamaba pola solidariedade popular fronte a calquera abuso, porque, como se adoita lembrar, "cando tocan a unha, tócannos a todas". Non foi pois un mero acto de catarse emocional, aínda que houbera moito diso e se palpara nas facianas de case todo o mundo o nó na gorxa que deixaba tras de si o escoitar estas historias de activistas, resistentes e persoas comúns que nalgún momento toparon coa falta de piedade dun país que fai este ano 40 invernos que viu falecer ao seu último ditador na cama, pero que conserva prácticas que, en ocasións, lembran terrorificamente a aquelas contra os que os nosos pais e avós loitaron. Non é sinxelo nin esperanzador o futuro que nos agarda. A Lei Mordaza segue pendendo sobre as cabezas de todo aquel que se atreva a levantar a voz, e as alternativas seguen a estar no punto de mira de moitos funcionarios desconfiados do poder popular. Pero, como lembrou o compañeiro Andrés, "Temos que seguir a empregar toda a nosa forza e imaxinación pra acadar un mundo no que ningún tipo de prisión poida ter cabida".
PRAZA_14893
Manel Cráneo vén de publicar o álbum Cousas de mortos con Demo Editorial. Con retranca e crítica social, os esqueletes convértense nos protagonistas dun álbum para a reflexión
O ilustrador Manel Cráneo (A Coruña, 1973) vén de publicar o álbum Cousas de mortos con Demo Editorial, selo que dirixe dende a súa creación en 2008. O libro reúne un feixe de historias -escritas ao longo dos últimos anos- nas que os defuntos, ancorados no tempo e na vida, reproducen o comportamento duns vivos que, se cadra, xa teñen bastante de mortos. Con retranca e crítica social, os esqueletes convértense nos protagonistas dun álbum para a reflexión e no que calquera pode verse reflectido coma nun espello vital. "Así como te ves, vinme eu. Así como me ves, verasme ti", parece que din cada unha das caveiras que reviven entre as viñetas e os globos ideados por Manel Cráneo. Hai vida antes da morte? É unha pregunta moi de Jesús Quintero, pero é que o álbum está cheo de frases lapidarias. A verdade é que este libro ten un importante ingrediente filosófico. Eu son unha persoa que me cuestiono todos os días sobre moitos asuntos. Supoño que Cousas de mortos, que para min é a miña obra máis persoal, afóndase nunhas cuestións universais plasmadas con ironía e humor. Este é un libro que debe recordarlle cousas á xente, como que temos pouca memoria histórica e que o que pasou hai un ano xa nin o lembramos. E, a verdade, todas esas frases lapidarias que hai no libro na boca dos esqueletos, dos mortos, sempre son máis lapidarias que se as di unha persoa viva. Durante anos traballei sobre personaxes que están mortos e, francamente, son coma os vellos, pero un pasiño máis adiante. Ti, a un avó, que ten noventa anos e xa está de volta de todo, permíteslle dicir calquera cousa. Pois poñer este tipo de frases na boca dun morto é ir máis alá. É un esqueleto, xa estivo vivo e ten dereito a dicir o que lle saia dos ósos. O emprego de frases lapidarias é unha constante no libro. "A Castelao fágolle xa un tributo no título. Das súas Cousas da vida, saen estas Cousas de mortos" Canto hai de Castelao nestas viñetas? Mira, para min Un ollo de vidro, que non é a súa mellor peza literaria, resulta moi reflexiva e moi crítica socialmente. Conta o mesmo que Holbein na súa Danza macabra, nese conxuntos de gravados nos que a morte visitaba, en forma de esqueleto, a ricos e pobres. Castelao reflectía na súa obra a época social que vivía e explícanos unha serie de aspectos humanos que mesmo van máis alá da morte: a cobiza, o amor... Nestas historias miñas tamén vou á esencia do ser humano, contada a través dos mortos. Pareceume bonito facerlle unha homenaxe a Castelao, un autor que lle teño moitísimo agarimo e que hai que reivindicalo unha e outra vez. Fágolle xa un tributo no título. Das súas Cousas da vida, saen estas Cousas de mortos. Podemos dicir que se reflicten, mediante os esqueletos, vivos que realmente están moi mortos? [Ri] Atopamos no libro mortos que asumen que están mortos e analizan a vida dende o outro lado e mortos que non son conscientes de estar mortos, que representan para min o grao máximo de optimismo... "Hai outra historia, que abre o libro, sobre a emigración, concepto básico da historia de Galicia. Unha emigración que se volve dar e xa non só fisicamente, porque ademais dos que marchan, están os que quedan e traballan por internet para fóra" Tamén representará un grao de anestesia social, non? Si, por suposto. Hai unha historia na que un morto vai camiñando polo deserto, que se atopa con xente coma o Quixote ou un fulano que lle quere vender unha parcela na Lúa. O morto está morto e ademais está morto de fame! [Ri] Realmente, hai conceptos que rodean o ser humano na vida e que quedan reflectidos. Por exemplo, tamén hai outra historia, que abre o libro, sobre a emigración, concepto básico da historia de Galicia. Unha emigración que se volve dar e xa non só fisicamente, porque ademais dos que marchan, están os que quedan e traballan por internet para fóra. Iso xa representa a fuga de cerebros total! Eu o que quería, nesa historia sobre a emigración, era facernos pensar en todos os nosos parentes que marcharon daquela a Venezuela, a Cuba ou a Arxentina e que non voltaron nunca. Que morreron alá e moitos morreron de fame, porque non todos volveron cargados de éxito. Non todos eran indianos. Non tal. E eu quixen facer unha historia de homenaxe a eses emigrantes. "Pareceume interesante traballar con Antístenes e a escola dos cínicos. Para min foron os primeiros punkis, aos primeiros que se lles chamou antisistemas" Volvendo á amnesia e a crítica social, hai outra historia que afonda moito na crise institucional e social que vivimos, alén da económica: Antístenes morto. Na historia un demócrata grego morto vai falar co esqueleto do Antístenes, pai do cinismo. Mostra o seu arrepentimento por crer na democracia cando parece que fallou todo, por loitar toda a vida polas santas institucións que fracasaron. Soa moito a 15M, non? Pode chegar un día en que todos nós nos arrepintamos do defendido e do feito? Acabaremos preguntándonos: o que fixemos era un erro? Chegar a ese punto está ben, porque reflexionar nunca é un erro. Ao que convida esta historia, mediante dúas figuras da filosofía grega, é cuestionarse sobre o que pasou na historia. De verdade en tantos miles de anos non fomos capaces de crear un sistema social xusto, que aposte pola liberdade e que vaia por diante da democracia? En Grecia crearon o sistema democrático e acabaron eles sós, no seu momento, con ese sistema. E parece que agora vivimos nun momento semellante. Sae á palestra que a democracia foi un fracaso. Dígoo porque está visto que a democracia corrompe e se corrompe. Chegan uns señores ao poder, sexan do lado que sexan, e acaban roubando, todos son uns corruptos. É darlle un pouco de poder a alguén e xa todo vai mal. Entón, neste conto atopamos a dous mestres gregos. Un da escola cínica e outro democrática e os dous pensan na situación actual. Basicamente, reivindícase unha forma nova de facer as cousas e que hai que ter memoria histórica e decatarnos dos erros que se cometeron. Pareceume interesante traballar con Antístenes e a escola dos cínicos. Para min foron os primeiros punkis, aos primeiros que se lles chamou antisistemas. Reivindícase no libro a todos os que están á marxe dos sistema, aos punkis aos que os medios chaman, de forma pexorativa, antisistema. Pronunciou vostede antes unha frase perigosa: Todos rouban. Os políticos son todos iguais? Hai algúns que se parecen máis ca outros? Vaia, non se debe xeneralizar. Pero dánse casos de xente que rouba en todos os partidos. Sempre hai algún que acaba caendo na corrupción e tira para o seu propio peto. Ninguén está a salvo. Vaia, si que é lapidario dicir que todos rouban, pero claro... É que se deron casos en todas partes! Penso que nestas últimas eleccións os que non votaron foi por un desencanto absoluto. E podemos dicir o mesmo de moitos que votaron a determinadas alternativas. A política está mal, moi mal. É lapidario, si... Pero eu coido que sempre hai luz ao final do túnel e claro que queda xente na que se pode poñer esperanza... A loita que queda por diante é moi longa. "Para min é moi importante e ben bonito poder dicir que hai unha editorial en Galicia que edita autores galegos, en lingua galega e que, ademais, non imprime en China, imprime en Galicia" Como é a loita por manter unha editorial do cómic en Galicia e coa crise? A situación é complicada, pero si que hai un mínimo público que se foi afianzando no caso de Demo. Iso permítenos seguir vivos. Non podemos sacar tantos títulos ao ano como queríamos e temos varios en espera. De feito, en 2013 sacaremos obras que estaban previstas para este ano... pero non puido ser. As contas dan para o que dan. Iso si, a editorial mantense e seguirá. Cando comezamos co proxecto editorial foi en 2008. A crise xa estaba presente, pero os cartos aínda se movían. Por iso todo foi de marabilla os dous primeiros anos. Agora estamos nun momento estanco, a cousa está parada. Toca resistir. Para min é moi importante e ben bonito poder dicir que hai unha editorial en Galicia que edita autores galegos, en lingua galega e que, ademais, non imprime en China, imprime en Galicia. Demo, todo o que fai, é dende Galicia. É un exemplo para outras empresas que deberían apostar polo tecido empresarial que hai aquí. En moitos casos, esa colaboración en paralelo entre empresas non se dá. Moitos van imprimir en China, non traballan con autores galegos e o que fan é mercar dereitos de autores galegos que publicaron fóra porque sae máis barato pagarlle a editorial americana que pagarlle a un autor aquí. Pasan situacións ridículas... Por exemplo, fulanito que é galego publicou en Francia e tivo éxito... Pois algún vai a Francia e merca alí os dereitos porque a venda internacional de dereitos está polo chan. Iso sae máis barato que mercarlle ao autor a obra directamente e darlle o 10% de dereitos que lle pertencen como anticipo. Nós, en Demo, somos un testaláns e preferimos facer as cousas doutro xeito. Hai que traballar dende aquí, xerar industria e tentar vendela fóra. Esa é a nosa estratexia, aínda que nestes tempos non é fácil. Pero a idea é seguir resistindo, mentres isto non caia en picado por completo. "Non se pode denunciar nada, porque a práctica é lexítima. Mercan os dereitos fóra porque son máis baratos" O que acaba de dicir sobre os dereitos, lémbrame o que explicou David Rubín nunha entrevista en Praza, na que aseguraba que unha editora en concreto "disparaba contra os compañeiros" e que iso non era bo para o sector. A min tampouco me gusta falar mal de ninguén. Pero nese caso, eu entendo tamén que alguén ao ter unha empresa actúe dun determinado xeito. As empresas, as editoriais, son como os partidos ou as asociacións profesionais: móvense como se move a súa cabeza visible. Un goberno móvese como se move o seu presidente, non como se move o partido. Unha editorial móvese como o seu editor. E cada editor é un mundo. É certo que unha serie de editoriais están a levar unha política que prexudica o sector do cómic. Non se pode denunciar nada, porque a práctica é lexítima. Mercan os dereitos fóra porque son máis baratos. Punto. A miña editorial non fai iso, é máis idealista. Miro antes pola calidade e tamén por que o produto sexa elaborado, propio e feito en Galicia. Ese ten que ser o punto de partida para facer a obra universal. Así pasou un pouco coa obra de Dani Montero. Conseguimos colocala en Alemaña e tentamos vender os dereitos a outros sitios. A filosofía debería ser esa, debemos ser nós os primeiros impulsores da nosa cultura. Mira.. Imaxina que esta obra é virxe, que está sen publicar. Decido venderlla a unha editora americana que me fai firmar un contrato que di que a xestión dos dereitos é súa para sempre e en todo o universo. Eu cobro uns bos cartos, seguramente... Vaia, bos cartos... Ponlle uns 10.000 ou 12.000 euros, o soldo dun mileurista dun ano. Despois, a obra aparece en Francia, Bélxica e Alemaña e eu xa non vexo ningún diñeiro por iso. E despois unha editorial galega compra os dereitos e vexo a obra publicada en galego. E, como moito, recibo catro exemplares e pídenme que vaia ás presentacións... así, pola cara. Para min esa non é forma de facer as cousas. Eu respecto que cada quen faga o que queira, o que sexa... Cada quen terá tranquila a súa conciencia facendo o que fai. Ao final son formas de ver a vida. Eu véxoa ao meu xeito. Chámame romántico, se queres...
NOS_29135
En 0,5% a partir de 2023.
A xubilación da chamada xeración dos 'Baby boomers', as persoas nadas entre finais dos anos 50 do século pasado até os inicios dos 70, preocupa ao Goberno español. O pasado mes de xullo o ministro de Inclusión, Seguridade Social e Migracións, José Luis Escrivá, afirmaba que as pensións desa xeración sufrirían un "axuste moderado". Catro meses despois, o Goberno español propón un aumento das cotizacións para nutrir o peto das pensións de cara a facer fronte a esa vaga de xubilacións. O que formula Escribá é un aumento de 0,5% a partir de 2023 e, de non abondar esta medida, non se desbota un recorte nas prestacións. Unha suba durante 10 anos para encher ese peto, que agora mesmo ten uns 2.000 millóns de euros cando a ter case 68.000 hai unha década. Algúns cálculos cifran que esa suba sería de entre 5 e 10 euros mensuais por persoa e cun salario medio de entre 1.000 e 1.700 euros respectivamente. Esta proposta estaba incluída no documento que entregou o Goberno español aos axentes sociais durante a reunión da mesa de negociación que se celebrou durante a tarde desta terza feira. Segundo explicaron desde o Executivo estatal, o peto das pensións encheríase cunha subida de cotas de medio punto sufragado por parte de empresas e traballadores a partir do ano 2023. Ademais, prevense mecanismos adicionais no caso de que a desviación de gastos sexa maior. Esta medida aplicaríase, indican, só en caso de necesidade e de maneira temporal. O informe O estado da pobreza na Galiza que acaba de presentar a Rede Europea de Loita contra a Pobreza e a Exclusión Social na Galiza vén confirmar as tendencias apuntadas por anteriores traballos publicados nos últimos meses. O documento sinala que "o 25,7% da poboación galega estaba en risco de pobreza e/ou exclusión social no ano 2020, o que supón un incremento de 1,4 puntos porcentuais con respecto ao ano anterior". Na mesma liña, indica que "en termos absolutos, 694.367 galegos e galegas estaban nesta situación, 38.389 persoas máis que no ano anterior". Ao tempo, afirma que a pobreza aumenta máis na Galiza que no conxunto do Estado español desde 2017. A situación acada unha particular gravidade entre os pensionistas. Os datos de EAPN-Galiza destacan que "404.154 persoas, unhas 71.000 máis que o ano anterior, reciben unha pensión cuxo importe é inferior ao mínimo considerado para non ser pobre". "
NOS_52217
O Foro Económico de Galicia vén de presentar os resultados do seu informe sobre a conxuntura socioeconómica do país, no que advirte que a economía galega crece, mais faino por baixo do ritmo do Estado español e sinala que aínda está lonxe dos niveis previos á pandemia.
A economía galega medra, mais faino por baixo do ritmo do conxunto do Estado español e con problemas para xerar emprego e cambiar a base produtiva, o que dificulta que se alcancen os niveis económicos previos á pandemia, algo que xa conseguiron en Estados como Portugal, Italia ou Francia, mais que aínda non se albisca para a Galiza. Economía política da vexetación espontánea Este é o diagnóstico do Foro Económico de Galicia, que advirte que a economía galega está menos preparada para enfrontar o escenario de "incertezas" que se aveciña nos próximos meses polas consecuencias da crecente inflación, os aínda latentes efectos da pandemia e o impacto da guerra. O Foro presentou esta cuarta feira en Compostela o informe de conxuntura socioeconómica da Galiza do primeiro trimestre de 2022, no que a economía galega creceu 5,1%, unha porcentaxe "significativamente" inferior á media estatal, de 6,4%. Datos que contrastan, aínda máis, por exemplo, con casos como o de Portugal, cun crecemento de 11,9% impulsado pola demanda interna na economía. A institución recolle que a inflación é xa o problema que máis preocupa á sociedade galega e avisa de que a espiral de prezos pode ter maior impacto na Galiza que noutros lugares polas súas características socioeconómicas. Adrián Dios: "Temos un país con moito potencial en diversos ámbitos económicos" Así mesmo, considera que a Galiza mantén os seus problemas para o "relanzamento" da economía debido á súa "pouca resiliencia", que dificulta a capacidade de responder os problemas que xorden no plano internacional. "Crecemos, mais non tanto como España. Xeramos emprego, mais non tanto como España. E tampouco somos capaces de cambiar as bases produtivas", sentenciou Fernando González Laxe, coordinador do Foro e catedrático de Economía Aplicada da Universidade da Coruña, que considera que a Galiza ten problemas para "adaptarse á nova era" que se abre na economía global. A ameaza da inflación "A inflación é a grande ameaza da situación económica", aseverou outro dos autores do informe, José Francisco Armesto Pina, que foi o encargado de analizar a evolución da economía durante o primeiro trimestre de 2022 e as previsións para os próximos meses, marcadas polas malas expectativas provocadas pola inflación. De abril a xuño, a economía galega consolidou a súa evolución positiva de crecemento grazas á demanda externa, algo que, para o Foro, constitúe un elemento de "alerta" a ter en conta porque "é de esperar" que esta se reduza polas circunstancias do contexto económico internacional. Estas incertezas ligadas á inflación, a Covid e a guerra obrigaron a rebaixar as expectativas de crecemento, situadas polo IGE en 6%, mais que se moverá finalmente entre 4 e 4,8%, sinalan. A economía galega será das que menos crezan no Estado, por baixo de 4% até 2023 A inflación provocará a redución do consumo e diminuirá aínda máis o investimento das empresas, o factor "máis negativo" que existe na Galiza. Todo isto terá un impacto na taxa de supervivencia das empresas e afectará "dunha forma moi importante ás micropemes", resaltou Armesto. As exportacións sitúanse por encima dos niveis previos á crise da Covid impulsadas polo téxtil, un dos sectores con mellores datos no primeiro tramo do ano. Tamén arroxa balance positivo o sector primario, aínda que a alza de prezos supón unha ameaza, especialmente para o sector pesqueiro. A construción mantense en niveis de contracción por sétimo trimestre consecutivo. A industria tamén diminúe, aínda que medra o sector manufactureiro, porén, aínda "moi lonxe" do obxectivo marcado no plan estratéxico, que sinala este sector como chave para a transformación do modelo produtivo da Galiza.
NOS_9484
O PSdeG critica a xestión da Xunta sobre o ensino e as residencias e pide unha comisión parlamentar para a reconstrución.
O líder do PSdeG, Gonzalo Caballero, avogou esta segunda feira, 31 de agosto, por crear unha comisión no Parlamento galego onde as forzas políticas poidan dialogar e articular "un gran pacto" para a reconstrución sanitaria, económica e social na Galiza ante a crise que está a provocar a pandemia. Desta forma Caballero quixo tender a man ao Partido Popular (PP) para a nova lexislatura, sempre e cando os de Alberto Núñez Feixoo "rectifiquen as súas políticas, sobre todo no ámbito dos servizos públicos", advertiu. O presidente da Xunta ten que mudar "as políticas que levou a cabo nos seus últimos mandatos e os recortes en servizos públicos como sanidade, educación ou no ámbito social das residencias de maiores", citou Gonzalo Caballero. Acompañado do viceportavoz parlamentar socialista, Pablo Arangüena, o líder do PSdeG recoñeceu que a súa formación está "profundamente preocupada" pola postura da Xunta da Galiza e a súa xestión ante o incremento dos surtos de coronavirus, o aumento do número de contaxios e a situación nas residencias de maiores. Ante iso incidiu na necesidade de alcanzar un acordo de reconstrución, que sería "configurado nunha comisión parlamentar que traballaría estes catro anos para que ningunha galega nin galego quede abandonado", explicou. Gonzalo Caballero tamén expresou a súa preocupación polo arranque do curso escolar "sen ningún avance significativo". Ao tempo, incidiu en que os concellos do país están a criticar que a Xunta non lles proporcionou "apoio financeiro nin soporte" ante os retos que formula a Covid-19 no ámbito municipal. Diante dese contexto, Caballero ratificou que combater a crise sanitaria, económica e social debe ser a prioridade para "todas e todos os representantes políticos", e avanzou que así o plasmará no pleno de investidura que inicia hoxe na Cámara coa exposición do programa político de Feixoo.
NOS_19015
As medidas sanitarias e de precaución fronte á Covid-19 tiveron en suspenso este evento. Finalmente estase a realizar para atraer turistas pero dun xeito diferente ao que viña sendo habitual. Cada familia artesá abrirá as portas do seu taller máis horas, tanto por semana como a fin de semana.
A de Buño é unha historia peculiar: pasou de ser a capital da artesanía en barro da Galiza influínte e con moito movemento a seguir sendo referencia para ir a mercar pero ter unha vida cotiá bastante apagada. Pasou nos últimos anos e a Covid-19 non axudou. De feito, a Mostra de Olaría que se fai todos os anos estaba suspendida pero finalmente se está realizar. Iso si: dunha maneira diferente da que agardaba o público. No canto de concentrar todos os postos de venda nun mesmo lugar, que tamén acollía exposicións e mostras de como se traballa o torno, este ano o esforzo vai dividido en tantas partes como obradoiros hai no lugar. O Concello e os promotores da feira organizaron concertos a pasada fin de semana e tamén haberá os días 8 e 9, pero o resto da festa vai por apartados. Non postais porque Buño é pequeno, pero case. A crise sanitaria deulles un golpe ben duro as persoas que se adicaban a isto porque non saen cuncas nin pratos para verbenas, exaltacións gastronómicas nin vodas. O que fan agora é tratar de conservar algo e atraer o turismo para vender pezas tradicionais e máis modernas. "Temos as portas máis abertas que nunca nos obradoiros e tendas", aclaran desde Olaría Aparicio, unha das máis recoñecidas. Precisan as visitas porque "non saíndo nada pola cancelación das festas". "Resistir resistimos porque non queda outra; tamén se resistiu na posguerra pero uns o fixeron mellor e outros peor", reflexiona. Na Alfarería Lista, outra das famosas, recoñecen que a situación "matounos". "As verbenas e as vodas eran unha fonte de ingresos grande e fallounos", engade o mestre oleiro, aludindo tamén ás feiras medievais.
PRAZA_398
A Xunta confirma que as autoridades comunitarias lle pediron información da presunta fraude nos cursos de formación xusto despois de que a trama irrompese na prensa. O PSdeG reprocha a imaxe que o caso proxecta de Galicia e o BNG anuncia unha pregunta na Eurocámara.
Unha das ideas forza da difusa axenda galega en materia de política exterior veu sendo, nos últimos anos, presentar a xestión da Xunta en materia de fondos europeos como un "modelo" na Unión Europea. Alén de que, tras tres décadas de axudas comunitarias, o país mantivo algúns dos seus grandes problemas sen resolver -caso por exemplo do saneamento das rías- mentres destinaba os fondos a proxectos de dubidosa utilidade e rendibilidade social, varias investigacións por suposta fraude empañan a imaxe de excelencia que a Xunta procura proxectar. A casos como o que tivo a Deputación de Ourense como protagonista únense outros como o xermolo de investigación á Deputación pontevedresa e agora, a trama Zeta, que pode traer consigo a perda de case 300.000 euros. Como informou este diario, o pasado decembro a comisaria europea de Emprego, Marianne Thyssen, confirmáballe ao eurodeputado socialista José Blanco que o seu departamento estaba a agardar por información da Xunta a respecto das subvencións recibidas polas entidades de Gerardo Crespo para certificar se a presunta fraude afectaba a cursos financiados con cartos da UE. Nese caso a Comisión podería iniciar unha investigación de seu, advertía Thyssen, ao tempo que indicaba que xa informara ao respecto á Oficina Europea de Loita contra a Fraude (OLAF). A Comisión Europea dirixiuse á Xunta xusto despois de que as primeiras novas sobre a trama Zeta saísen na prensa Este caso chegou este venres ao Parlamento a través da deputada do PSdeG Marisol Soneira, que cuestionou ao respeto á directora xeral de Proxectos e Fondos, Ana María Cores. Segundo admite a alto cargo de Facenda as "publicacións na prensa" das primeiras informacións a respeto da trama motivaron, a finais de outubro de 2014, que a Comisión Europea pedise datos sobre o caso, unha "petición de información" que chegou formalmente á Xunta "con data de 12 de novembro" dende a unidade encargada de administrar os cartos do Fondo Social Europeo (FSE), que "solicitaba información sobre calquera incidencia relevante". Paralelamente, as autoridades comunitarias tamén recabaron información directamente do Servizo Público de Emprego Estatal. O Goberno galego admite que "descertificou" axudas por importe de máis de 290.000 euros "Unha vez identificadas en colaboración coa Consellería de Traballo e Benestar as entidades que poderían estar implicadas no caso e contrastada a información cos gastos certificados á Comisión Europea", sinala Cores, "resultaba un gasto europeo declarado por importe de 290.082 euros", financiados polo devandito FSE. Tras este trámite, a Xunta "comunicoulle" á Unión que decidira "a descertificación preventiva destes gastos" por un "criterio garantista e de prudencia". Isto implica, a efectos prácticos, que eses cartos quedan bloqueados, toda vez que se impide que cheguen ao seu destino pola presunta fraude. "Non temos constancia de que se teña recibido resposta da Comisión" e "descoñecemos se existe algunha outra actuación da OLAF", engade Cores. O PSdeG reprocha a imaxe que o caso proxecta de Galicia na UE e o BNG anuncia unha pregunta na Eurocámara para obter máis datos "Dinnos que teñen bloqueados, descertificados, 290.000 euros". "Isto -deduce Soneira- significa que posiblemente teñamos que devolver fondos da formación por unha mala praxe" mentres "o principal implicado" no caso, Crespo, "ameaza continuamente" con "dicir moitísimas cousas" sen que "ninguén saia a desmentilo". "Cre que é unha boa publicidade diante da posibilidade de ter que devolver eses fondos?", cuestionou á directora xeral. A UE, advirte a deputada do PSdeG, "segue estes temas con lupa". Na súa resposta Ana María Cores quitoulle ferro ao asunto, porque estes 300.000 euros "supoñen un 0,11% do gasto certificado pola dirección xeral no marco do programa operativo FSE, que ascende a 273 millóns". No mesmo sentido, esta medida "nin prexulga a existencia de irregularidades" nin "implica a súa perda", asegura a alto cargo. Non obstante, fontes comunitarias consultadas por este diario confirman que se a Comisión ou a OLAF confirman que houbo un mal uso destes fondos o Estado español e, polo tanto, a Xunta, si terían que devolver estes fondos. A respecto desta eventual perda, precisamente, a representante do BNG na Eurocámara, Ana Miranda, anunciou xa a intención de presentar unha pregunta parlamentaria ao respecto a través do eurodeputado de EH-Bildu, Josu Juaristi, co obxectivo de obter máis información sobre esta nova investigación a Galicia.
NOS_24853
Málaga, nas semifinais da EHF European Cup.
O Club Balonmán Atlético Guardés escribiu unha nova páxina na súa historia. O equipo que adestra por quinto ano consecutivo José Ignacio Prades conseguiu a clasificación para as semifinais da EHF European Cup. Fíxoo despois de empatar (24-24, 13-7 ao descanso) o domingo no pavillón da Sangriña e impoñerse na ida (16-24) na eliminatoria contra o HC Galychanka. É a primeira vez que o conxunto galego chega tan alto nunha competición europea. O Guardés chegou a gozar dunha renda de 7 tantos, grazas á boa defensa e á efectividade de Carratú na portería e nos cinco goles de Sandra Santiago. As rotacións, a ausencia de Lima e Arcos e os minutos de probas deron ás ao conxunto ucranio, que de maneira anecdótica obtivo unha renda mínima (23-24) antes de asinar o 24-24 final. O seguinte rival será o Rincón Fertilidad Málaga nunha eliminatoria a dobre partido que se disputará nas fins de semana do 27-28 de marzo (ida) e 3-4 de abril (volta). O cadro das semifinais completouse despois da disputa na fin de semana de catro partidos. Alén do disputado polo equipo galego e o ucranio, Rincon Fertilidad Málaga remontou o 23-22 da ida e impúxose ao AC PAOK 30-21 na casa. O conxunto turco Yalikavaksports Club derrotou en partido único ao Rocasa Gran Canaria por 28-25. E o HC Lokomotiva Zagreb eliminou o DHC Slavia Praha. O equipo croata enfrontarase ao turco na segunda semifinal. O Yalikavaksports é un equipo debutante neste nivel de competición. Fronte ao conxunto canario foi decisiva a actuación da ala esquerda Yasemin Sahin, que anotou dez goles. Competición ligueira En tanto que non chega a última fin de semana de marzo, data da ida das semifinais, as xogadoras do Guardés teñen por diante varias xornadas da Liga Guerreras Iberdrola. Esta cuarta feira recibirán o equipo que será o seu rival na competición continental, o Rincón Fertilidad Málaga. Será a partir das 20.45 horas na Sangriña, en partido adiado da xornada 7ª. E xa o sábado, tamén no pavillón da Sangriña, o Guardés enfróntase ao CICAR Lanzarote Ciudad de Arrecife a partir das 19 horas, en encontro correspondente á xornada 13ª.
NOS_27858
Organizacións como 'Hablamos Español' consideran a iniciativa excluínte.
"Se vives en Galiza e tes entre 8 e 12 anos, participa en " Grumetes polo futuro do mar"! Un concurso de relato infantil en galego sobre a importancia de coidar os mares, océanos e recursos mariños". Este simple anuncio de Pescanova provocou unha reacción anoxada en redes sociais por parte dos partidarios do monolingüismo en español. A plataforma Hablemos Español reprochou á empresa que os nenos e negas galegas que falan castelán "non contan" e deu así a pistolada de saída a toda unha serie de críticas e ataques. "Perdestes un cliente", "Financiar o nacionalismo", "concurso nunha lingua imposta", "Elimino da miña listaxe de compra empresas como esta que repudian os que falamos español", "exclúen os nenos que falan español", "Iso é naZionalismo"... Estas foron só algunhas das frases que ao longo destas xornadas se escribiron nas redes sociais por parte de usuarios e usuarias de diferentes partes do Estado español. Mais tamén houbo nas redes sociais unha importante resposta en defensa do dereito a convocar un concurso en galego. "Parabéns pola iniciativa", "Os que falan de boicot por organizar un concurso en galego que non veñan por Galiza", "Pero tanto lles molesta o galego?"... Pescanova lanza su primer concurso infantil de relatos en gallego, los niños gallegos hispanoblantes no cuentan. #HablamosEspañol https://t.co/B7HECfxcGx— Hablamos español (@HablamosE) March 13, 2021
NOS_1946
A organización fascista que gosta de se ver como anti-sistema procura desde finais de 2012 crear unha estrutura estábel en Galiza sobre todo na área de Pontevedra.
O seu nome é Respuesta estudiantil. Unha organización de estudantes na que se mistura o discurso antisistema e neofascista español co nazismo de linguaxe renovada e a aposta pola axitación e propaganda. Na liña do que gostan de se chamar a si propios nacional-revolucionarios. Unha organización que bebe até no estético do grupo estudantil neofascista italiano Bloco Estudentesco e mesmo das Bases Autónomas españolas dos 80. Xa están en Galiza, sobre todo na área de Pontevedra. Recoñecen nas redes sociais que "son muchos los problemas que se nos presentan en Galicia, pero eso no impedirá encontrar soluciones reales para atajarlos". Entre os seus inimigos, a esquerda e, sobre todo, o nacionalismo galego. No ataque ao centro social A Revira, de Pontevedra, apareceron símbolos que se vencellan a esta organización A finais de 2012 comezaron a se implantar en Galiza. Desde entón, pintadas, faixas penduradas, conentracións máis que minoritarias (non cifran en máis de 20 persoas as que logran reunir)... Mais tamén hai quen os relaciona con outras accións, como os ataques ao centro social A Revira, de Pontevedra. Apostan en tirar tallada da carraxe a cabreo que os recortes e leis como a de Wert causan no mundo estudiantil. Presumen de anti-isistema e fan da palabra de orde 'El mañana es nuestro' a súa mensaxe de combate. Entre as actividades que fan están os encontros de convivencia, como a celebración do 'Solsticio' nos Ancares, onde se reúnen con neo-ascistas doutros territorios do Estado (León, Castela...).
PRAZA_3139
Catro meses despois de que o PP votase no Parlamento contra reclamar os 198 millóns da débeda de 2017 nos tribunais, agora o presidente da Xunta amaga con facelo cando a resposta estea "adecuadamente argumentada". Como pano de fondo, un sistema de financiamento autonómico que leva seis anos caducado
Os 198 millóns de euros da recadación do IVE de decembro de 2017 que o Goberno de España non ingresou a Galicia pola aplicación naquel mes da reforma da xestión do imposto aprobada polo Executivo de Mariano Rajoy está a centrar a pugna do gabinete de Alberto Núñez Feijóo fronte á coalición do PSOE e Unidas Podemos. O feito de que o Ministerio de Facenda activase esta semana o financiamento autonómico de 2020 -algo máis de 7.000 millóns para Galicia- sen compensar eses cartos perdidos sérvelle á Xunta do PP para, a escasos meses das eleccións, reforzar o seu discurso dunha aldraxe a Galicia por parte dos socialistas con independencia da orixe da débeda, toda vez que a súa resolución depende agora deles.Catro meses despois de que o PP votase no Parlamento contra reclamar os 198 millóns pendentes nos tribunais, agora o presidente amaga con facelo cando a resposta estea "adecuadamente argumentada"Neste escenario, e catro meses despois de que o PP votase no Parlamento contra unha iniciativa na que o BNG apostaba por reclamar nos tribunais todos os fondos estatais pendentes, o presidente da Xunta amaga nos últimos días con facelo. "Cando teñamos a decisión hilvanada, dirémolo", "se está adecuadamente argumentada, farémola pública de inmediato", dixo tras considerar que o actual Goberno debe "pagar as facturas ás comunidades autónomas e non aos independentistas" e despois de considerar que a xustificación que ofrece a ministra de Facenda para non completar o pagamento son "gracietas". "Qué jeta, qué morro y qué cara", dixo mudando ao castelán na súa resposta á prensa tras o Consello da Xunta destes xoves.Feijóo subliña que María Jesús Montero se "comprometeu en agosto de 2018" a "arranxar en 2019" un buraco cuxa orixe se remonta a xullo de 2017. O daquela ministro de Facenda do PP, Cristóbal Montoro, activou o coñecido como Subministro Inmediato de Información (SII) do IVE, pensado para controlar en tempo real os ingresos deste tributo por parte de grandes empresas. Entre as contrapartidas por ese maior control estivo que a recadación por IVE puidese ser ingresada ata o día 30 de cada mes, e non co 20 como límite como ata ese momento. Eses dez días a maiores provocaron que o IVE de decembro de 2017 chegase ás arcas estatais en xaneiro de 2018. Esa é a razón pola que para computar a parte que corresponde ás autonomías (50% do recadado) se tivesen en conta só 11 meses e non 12, como correspondería nun ano normal.Medio ano despois desa disfunción, o PP perdeu o Goberno e a nova ministra socialista asegurou que buscaría unha soluciónMedio ano despois desa disfunción -que só sucedeu ese mes-, a moción de censura desbancou o Goberno de Rajoy e elevou a Pedro Sánchez á presidencia. No inicio do mandato, a nova ministra de Facenda, María Jesús Montero, asegurou que buscaría unha solución ao problema -que suma uns 2.000 millóns para o conxunto das autonómias- e así o transmitiu a mandatarios autonómicos como o propio Feijóo nuns meses nos que o PP galego comezaba a axitar o problema. Segundo o PPdeG, o que sucedía era que Pedro Sánchez en persoa "recortaba 200 millóns aos galegos para dárllelos aos independentistas cataláns".A solución avanzada por Montero chegou nos Orzamentos de 2019; tras seren rexeitados, barallou alternativas que non concretou e agora esgrime que a débeda xa caducouA solución avanzada por Montero chegou no proxecto de Orzamentos Xerais do Estado para 2019 que, explicado en termos simples, computaban trece exercicios do IVE no canto de doce para así compensar o mes perdido e facelo, ademais, nos prazo de dous anos contemplado no vixente sistema de financiamento autonómico. Pero eses Orzamentos nin sequera chegaron a debaterse no Congreso porque triunfaron as emendas á totalidade que presentaran PP, Ciudadanos, PDeCAT, ERC, Coalición Canaria e Foro Asturias. Unha cuestión técnica que vira política nun sistema caducadoAs contas caeron e precipitaron o adianto electoral. E as canles ordinarias para satisfacer a débeda, 198 millóns no caso galego, entraron no tempo de desconto mentres se barallaban vías alternativas como un préstamo estatal sen xuros ás autonomías que despois sería compensado. Pero esas alternativas non chegaron a concretarse e agora a ministra Montero esgrime que a débeda xa caducou, porque "o dano de 2017 tíñase que reparar en 2019", nas contas públicas que decaeron. É neste marco como unha cuestión técnica, a repercusión nun único mes -decembro de 2017- dun cambio de xestión do IVE para facelo máis preciso, virou política. A mudanza de cor política no Goberno de España permitiu ao PP galego facer bandeira da débeda sobre a teoría de que, en realidade, do que se trata é dos socialistas a castigar a Galicia por ter un goberno de signo conservador. E mesturar, ademais, a cuestión do financiamento autonómico -cartos do Estado para financiar as competencias propias das autonomías- coa do investimento do Estado en Galicia -obras que os Ministerios do Goberno central realizan en territorio galego-.O sistema de financiamento autonómico está caducado dende 2014 e aínda que a lei obriga a reformalo cada cinco anos, isto non sucedeuEsta disputa ten como pano de fondo unha cuestión moito menos atractiva política e mediaticamente que o discurso dos agravios mutuos. Os ingresos por IVE e todos os demais recursos estatais que chegan ás autonomías réxense por un sistema que leva seis anos caducado. Segundo a Lei Orgánica de Financiamento das Comunidades Autónomas (LOFCA), os criterios cos que o Estado financia as autonomías de réxime común deben revisarse "cada cinco anos". O último acordo data de 2009, aínda con Zapatero, e o Goberno de Rajoy fixo os primeiros movementos para artellar un novo a comezos de 2017, cando o sistema xa levaba tres anos caducado. En xullo dese ano chegaron as conclusións da comisión nomeada para revisar o sistema, que non chegaron a aplicarse. Agora, o novo Goberno central di ter entre as súas prioridades concluír o proceso nun momento no que, se o Goberno de Rajoy cumprise a lei neste aspecto, tería que estar a concluír a revisión do financiamento autonómico do período 2015-2020, o que nunca se aprobou.
NOS_35385
A aguardada volta da mítica banda dos anos noventa, Resistência porá o ramo a um programa de arredor de 800 atividades culturais que se reuniu baixo unha lenda com duas formas: "Eu faço parte", "Tu fazes parte".
O logótipo da Capital Europeia da Cultura prendeu em casas e comércios da cidade. Revisitado em moitas maneiras, o desenho de João Campos evoca um coração mais contem nas suas formas de Dom Afonso Henriques mais as torres do castelo, emblemas da cidade que se apresenta como berço de Portugal. Com bordado típico vermelho, com flores, tapas de botijas ou elementos de ferra-gerias, o coração ilumina os escaparates e se recria em praças e parques, boa parte das vezes acompanhado com "Eu faço parte" dum programa que, precisamente por essa participação, fase presente em toda parte. Concerto de agasalho Será sem dúvida o regresso da mítica banda "Resistência" no seu 20 aniversário un dos pratos fortes do feche da Capital Europeia da Cultura. O 29 de dezembro ás 22 horas, o grupo que revoltou a música portuguesa dos noventa com temas que se converteram case em hinos como "Nasce selvagem" ou "Não sou o único" -que cobraram nova vida nas suas vozes- regressará ao palco no que já está a ser definido como um concerto histórico e o último grande evento do 2012 em Guimarães, cidade que também comemorou os 30 anos doutra banda de referência na música portuguesa, os GNR. O Multiusos acolherá o regresso do grupo, dez dias depois do agendado para o Campo pequeno em Lisboa, em principio única cita do encontro dos grandes músicos da formação original que se volveram juntar arredor da data das suas duas décadas de existência, Fernando Cunha, Miguel Ângelo (os dois de Delfins), Pedro Ayres de Magalhães (de Madredeus e Heróis do Mar) , Tim (de Xutos e Pontapés), Fernando Júdice, Alexandre Frazão, José Salgueiro, Rui Luís Pereira, Fred Mergner e Olavo Bilac subiram ao cenário quando os convidados especiais Már io Delgado e Pedro Joia. Neste mesmo ano, a compilação "Resistência, As Vozes de Uma Geração" abriu o ano de comemoração do vinte aniversário da fundação do grupo que publicaria o seu primeiro álbum em 1991 e o segundo e último em 1994.
NOS_55242
Fin das limitacións á mobilidade e as reunións sociais.
Esta madrugada entraron en vigor as medidas que rexerán o que, de acordo cos avances na campaña de vacinación, semella ser a fase final da desescalada. Deste modo, Galiza despídese dos fechamentos individuais de concellos e o toque de recoller: haberá libre mobilidade por todo o país. O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, xa apuntara ao longo da semana que a evolución da pandemia deixara "sen argumentos" a normativa que limitaba os dereitos fundamentais. Tampouco deberá botar o cadeado o sector hostaleiro en ningún municipio, e todos os locais sen distinción —bares, cafetarías, tabernas, restaurantes etc.— teñen permiso para abrir até a 1 da madrugada, toda vez que dispoñan dun contador de CO2 para garantir a calidade do aire. Nas súas mesas poden sentar seis persoas como máximo no interior e quince nas terrazas, mais sempre coa máscara posta agás no momento da consumición. De feito, o uso da máscara ao aire libre segue a ser obrigatorio. Aliás, a hostalaría mantén a capacidade máxima de ocupación de 50% no interior e 75% no exterior en todos os concellos agás nos de nivel medio —Mos, Oroso, Soutomaior, Viveiro e Xove—, onde é de 30% e 50% respectivamente. Porén, non hai límite legal para os encontros sociais, xa que se suprime a norma que impedía reunirse con non conviventes entre a 1 e as 6 da madrugada. Tampouco existe un número máximo de persoas, nin nos domicilios nin nos espazos públicos. Mais a orde publicada na quinta feira no Diario Oficial da Galiza (DOG) recolle a "recomendación" de que os grupos non superen os 15 integrantes en lugares como as praias. "Recoméndase que, entre a 1 e as 6 horas, a permanencia de grupos de persoas en espazos de uso público, tanto fechados como abertos, e nos de uso privado, se limite aos constituídos exclusivamente por conviventes", apunta o Goberno no DOG. Tamén para a práctica deportiva recoméndase un máximo de 15 persoas, mais nos interiores segue a ser obrigatorio que non superen as seis, sempre coa máscara e garantindo o distanciamento de seguridade. E nas piscinas, a capacidade permitida é de 30% nos concellos do nivel medio e 50% nos do baixo. Todas estas medidas estarán en vigor até o sábado 26 de xuño, mais a Xunta traballa na elaboración dunha nova normativa que, de se concluír antes da vindeira terza feira —cando se volve reunir o Comité Clínico—, rexería desde o 19 de xuño.
NOS_15943
Os alcaldes da Baña e de Zas e a alcaldesa de Vimianzo anuncian accións conxuntas contra o fechamento de sucursais de Abanca e urxen Feixoo a actuar. A Deputación de Pontevedra sinala Feixoo culpábel, ao igual que o BNG, que denuncia que a Xunta subvencione con 2,8 millóns a colocación de caixeiros automáticos a bancos que fecharon sucursais.
Os alcaldes dos municipios da Baña, Vimianzo e Zas anunciaron accións e mobilizacións conxuntas para evitar o fechamento de oficinas previsto por Abanca en diversos concellos do rural galego e que afectan directamente a 10.000 veciñas e veciños, segundo estimaron. Os rexedores solicitarán unha reunión co presidente da Xunta da Galiza, Alberto Núñez Feixoo, para que "se poña á fronte das reivindicacións", posto que estes tres municipios consideran que é o único con capacidade para "falar da ti a ti" coa entidade financeira. Ademais, queren reunirse co presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP), Alberto Varela, para tentar convocar unha asemblea de concellos e analizar a estratexia de concentración de oficinas da entidade e o abandono que sofren os núcleos rurais. As mobilizacións iniciaron coa recollida de firmas nos tres municipios e desembocarán nunha manifestación ante a propia sede da entidade financeira, buscando esgotar as posibilidades na súa man (incluído estudar medidas legais) para "lograr que reconsideren esta decisión". Manuel Muíño, alcalde de Zas, lamentou que a decisión de fechar as oficinas obedece unicamente a un interese por incrementar ganancias e non por unha cuestión "de perdas". "É un atentado contra o rural", engadiu o alcalde da Baña, José Antonio Pereira, mentres que Mónica Rodríguez, alcaldesa de Vimianzo, lamentou a falta de comunicación por parte da entidade para tentar "estabelecer un diálogo". "Non podemos permitir este desmantelamento", insistiu, ao tratarse dunha cuestión que afecta todas as cidadás e cidadáns, comerciantes e á actividade nos municipios. Polo de agora, son nove as oficinas afectadas (A Baña, Baíñas, Zas, San Valentín, Campo Lameiro, Campelo, San Xoán de Río, Padrenda e Quintela de Leirado). A Deputación de Pontevedra insta a actuar Esta mesma sexta feira, 13 de agosto, a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, exixiu a Feixoo que empece a buscar solucións ao fechamento de ucursais bancarias no rural, tras consideralo "o responsábel do que está a pasar", "deixando boa parte as veciñas e veciños sen un servizo indispensábel". Neste sentido, emprazou o presidente galego a dar explicacións "da súa inacción" e lamentou as consecuencias do "completo desastre" da privatización das caixas de aforros. Carmela Silva acusou ademais Feixoo de non asumir as súas competencias e botar a culpa ao Estado. Feixoo reclama ao Estado solucionar o problema Precisamente, o presidente Núñez Feixoo afirmou este 13 de agosto sobre os fechamentos de sucursais bancarias na Galiza que en España debería existir "unha normativa para regular e fixar un mínimo de presenza do sistema financeiro nas vilas". "É evidente que o que ocorre en España, non só na Galiza, se non en boa parte das vilas en que habita pouca xente, que as entidades retiran oficinas e caixeiros. Non comparto esas decisións", dixo, antes de remarcar que, ao seu modo de ver, este tipo de cuestións "deberían de ter un mínimo de regulación". O BNG acusa a Xunta de "premiar" os feches Pola súa banda, a deputada do BNG Olalla Rodil censurou que a Xunta aprobase recentemente unha orde para subvencionar con 2,8 millóns de euros a instalación de caixeiros automáticos en concellos do rural que carecen de entidades. A Xunta "paga a Abanca 2,8 millóns para que feche entidades e logo lle subvenciona a instalación de caixeiros automáticos", criticou. Rodil exemplificou esta situación co caso de Muras onde o alcalde, o tamén nacionalista Manuel Requeixo, "denunciou que Abanca ía fechar a súa sede neste concello e agora vai ser a Xunta quen manteña un caixeiro automático". "Isto é inadmisíbel, o que se debería exixir por parte da Xunta e do Goberno estatal a esas entidades financeiras é que non poden deixar sen servizo bancario a xente, pois é un dereito fundamental, tratándose ademais de entidades que foron rescatadas con cantidades obscenas de cartos públicos hai poucos anos" , obxectou.
NOS_58529
A vida laboral da xuventude chegará de media aos 34,8 anos cotizados, o que non lles dará dereito a cobrar o 100%
Unha persoa que en 2020 tivera 15 anos terá unha vida laboral de 34,8 anos, segundo o informe Focus on Spanish Society elaborado por Funcas a partir dos datos de Eurostat. A duración esperada é seis anos inferior á dos Países Baixos (41 anos) e catro en relación a Alemaña (39,1 anos). Esta circunstancia xoga en contra dos seus intereses de cara a cobrar unha pensión digna no futuro, xa que na actualidade son necesarios 38 anos de cotización para percibir a totalidade da pensión, unha situación que, á vista dos datos, penaliza as mulleres, cunha esperanza laboral media de 32,6 anos, case seis menos dos que precisan para gozar da totalidade da pensión. Segundo explica a Nós Diario o sindicalista e economista Xabier Pérez Davila, o problema das pensións futuras está no mercado de traballo, que "é incapaz de dar emprego a todas as persoas que o necesitan". Esta situación leva a que a xente nova teña carreiras de cotización curtas e con salarios moi baixos, por iso entende que a prioridade das Administracións debería ser a creación de emprego de calidade "en sectores que sexan social e ecoloxicamente útiles". Porén, denuncia que na actualidade segue a primar un modelo no que ten moito peso o turismo, a construción de infraestruturas "e que tende a concentrar en Madrid a actividade económica e os postos de traballo de máis calidade". Tamén está o feito de que as empresas intentan contratar coas condicións salariais máis baixas posíbeis e valéndose dos contratos de formación e de prácticas para cubrir as súas necesidades, apunta Pérez Dávila, que cre que o Goberno español está a lanzar a mensaxe de que as pensións no futuro van ser máis reducidas. "O que se lle propón á xente nova é complementar a súa pensión cun fondo de pensións privado, pero isto é moi contraditorio, porque se unha persoa non cobra un salario suficiente para ter unha boa base de cotización e se espera que pase por etapas de paro e precariedade laboral, como pretende que achegue fondos a ese complemento privado, pregúntase o economista, para quen esta estratexia só serve para xerar "unha fonte extraordinaria de beneficios para os bancos, as aseguradoras e os fondos de investimento". Mecanismo de equidade O Executivo estatal, que vén de aprobar con críticas os primeiros cambios no actual sistema de pensións, ten aínda por diante a confección do mecanismo de equidade interxeracional, que permitirá facer fronte ao pagamento das pensións da chamada xeración do baby boom sen cargar o peso das mesmas na cotización da xente máis nova. Neste senso, a ministra de Facenda, María Jesús Montero, afirmou que as pensionistas poden ter a tranquilidade de que o Goberno e os axentes sociais farán sostíbel o sistema para que tanto as pensionistas de agora como as do futuro teñan garantida a súa pensión. "Isto é o importante e no que hai que traballar con calma, sen presións e dando tempo", incidiu Montero, que cre que "se traerán bos froitos despois deste diálogo", que ten como data límite o 15 de novembro.
PRAZA_11743
A xuíza que abordou a denuncia do PP, asumida pola Fiscalía, conclúe que a cesión do vello cárcere "contaba con informes xurídicos e técnicos que avalaban a regularidade do que asinaba" a concelleira Claudia Delso
O pasado xaneiro, en vésperas das eleccións municipais, a daquela concelleira de Participación do Concello da Coruña, Claudia Delso (Marea Atlántica), foi citada como investigada -antiga imputación- pola titular do xulgado de instrución número 8 da cidade. Facíao no marco da denuncia formulada polo PP local, despois asumida pola Fiscalía, pola cesión do uso do vello cárcere provincial ao Proxecto Cárcere, que desenvolvera diversas intervencións culturais no edificio dende 2010.Nun auto emitido o pasado 20 de decembro, ao que tivo acceso Praza.gal, a xuíza resolve o arquivo das actuacións contra Delso ao desbotar que cometese a prevaricación da que acusaba o PP e que esgrimía a Fiscalía cando asumiu a denuncia dos populares. Faino baseándose no observado no expediente administrativo da cesión e nas declaracións como testemuños de funcionariado que o tramitou, que "non viu ningunha irregularidade" nin "nada ilegal" neste expediente, que non tiña achega económica ningunha.A xuíza que abordou a denuncia do PP, asumida pola Fiscalía, conclúe que a cesión do vello cárcere "contaba con informes xurídicos e técnicos que avalaban a regularidade do que asinaba" a concelleira Claudia DelsoA adxudicación a Proxecto Cárcere -que obtivera 134 puntos fronte á outra entidade candidata, un club deportivo que quedou en 46- "contaba con informes xurídicos e técnicos que avalaban a regularidade do que asinaba" a concelleira", resolve a xuíza, que tamén subliña que a "inadmisión do recurso de reposición" contra a adxudicación contou igualmente con informes favorables. "Excluída a prevaricación a respecto da primeira resolución, xa debera decaer a pretensión de falar dunha segunda prevaricación" no convenio co que se formalizou a cesión, abonda.Sobre este segundo paso, a xuíza detalla que unha vez finalizadas as obras no vello cárcere coruñés, o "informe de fin de obra conclúe que as obras realizadas son insuficientes para o mantemento do inmoble" porque o seu estado era "peor que o considerado no proxecto". Por este motivo, acreditado outra volta durante o propio proceso xudicial cun informe do arquitecto municipal, a cesión do espazo "autorizouse exclusivamente para os espazos e actividades" que se axustaban ao estado do edificio."Non se pode dicir que se mantivese a adxudicación malia non poder cumprir o uso sociocultural proposto"Fíxose "sen prexuízo de que poidan realizarse o resto de actividades en fases posteriores, a medida que as obras (...) e as condicións de seguridade o permitan", segundo o propio expediente. Daquela, advirte a maxistrada, "Non se pode dicir que se mantivese a adxudicación malia non poder cumprir o uso sociocultural proposto, porque se prevía a posibilidade de facelo máis tarde".Neste contexto, a xuíza conclúe que "non existiría prevaricación" da concelleira Claudia Delso, representada no proceso polo avogado Pablo No, porque "cabería a posibilidade de soster a resolución cunha interpretación da lei distinta á que efectuaron os denunciantes", o PP e despois a Fiscalía. "Non resultando debidamente xustificada a perpetración do delito (...), procede acordar o sobresemento provisional e arquivo das actuacións", conclúe o auto, susceptible de recurso.Durante o proceso xudicial a propia Claudia Delso, na altura membro do goberno da Coruña, amosárase convencida de que a instrución da xuíza evidenciaría a inexistencia de prevaricación e o "interese do PP por sementar dúbidas sobre a celebración dun concurso público restrinxido a entidades sen ánimo de lucro para a dinamización deste espazo". Mentres, o PP local acusara a Marea Atlántica de "xogar ao vitimismo" porque segundo a agora dimisionaria Beatriz Mato, daquela candidata á alcaldía, se a xuíza chamara a Delso como investigada era por que "aprecia algo máis ca indicios de delito no tema".Delso: "Gustaríame escoitar unha desculpa do PP"A concelleira Claudia Delso amosou este luns, en declaracións aos medios, a súa satisfacción polo arquivo da causa. O auto da xuíza, celebra, é "suficientemente contundente" como para deixar claro que o proceso de cesión do antigo cárcere estivo presidido pola "pulcritude" e non tivo "ningún lado escuro" malia á "campaña de desprestixio e fango á que acostuma o PP"."Agardo que a noticia poida circular do mesmo xeito que circularon as acusacións infundadas sobre a miña persoa e o meu traballo como concelleira de Participación", afirma Delso, quen admite que lle "gustaría escoitar unha desculpa pública por parte do PP e de certas persoas que utilizaron esta cuestión para machacar politicamente" á Marea Atlántica "e persoalmente, a min", lamenta. Así e todo, asegura, "non o conseguiron; perdemos as eleccións, pero mantivemos a dignidade e a conciencia moi tranquila", conclúe.
NOS_41377
Representantes dos gobernos de Euskadi, Galiza, Catalunya, Nafarroa, Illas Balears e Valencia asinan en Bilbo unha declaración pola que as diversas institucións establecen o compromiso de traballar «no acordo e coa convivencia lingüística» polas diferentes linguas cooficiais.
A Comisión de Seguimento do Protocolo de Colaboración no ámbito da política lingüística, na que participan os gobernos de Euskadi, Galiza, Catalunya, Nafarroa, Illas Balears e Valencia, reclamou en Bilbo o impulso ás linguas cooficiais sobre a base do «acordo e convivencia lingüística». A comisión realizou esta cuarta feira no Arquivo Histórico de Euskadi a súa reunión ordinaria anual. O obxectivo desta sesión era o tratamento de diferentes temas de interese para as políticas lingüísticas dos respectivos territorios, así como deseñar e coordinar accións conxuntas para promoveren as súas linguas propias. No encontro, os gobernos dos seis territorios con linguas cooficiais do Estado español acordaron unha declaración coa que, segundo declaran, subliñan o seu «compromiso de seguir traballando por unha política lingüística eficaz», baseada no «acordo e a convivencia lingüística». Representantes A reunión contou coa presenza da conselleira de Cultura e Política Lingüística do Goberno vasco, Bingen Zupiria; a vicerreitora de Política Lingüística do Goberno vasco, Miren Dobaran; o director do Instituto Navarro de Euskera / Euskarabidea, Mikel Arregi; o secretario xeral de Política Lingüística da Xunta, Valentín García; a directora xeral de Política Lingüística da Generalitat de Catalunya, Ester Franquesa; a directora xeral de Política Lingüística do Goberno das Illas Baleares, Beatriu Defior; e o director xeral de Política Lingüística e Xestión do Plurilingüismo da Generalitat Valenciana, Rubén Trenzano. Temas Entre os temas tratados na reunión atópase o próximo informe de seguimento sobre a aplicación da Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias; a autorización directa de tradutores xurados ou solicitudes de tradución ao Ministerio de Política Territorial e Oficina de Idiomas do Goberno español; e a Rede Europea para a Promoción da Diversidade Lingüística (NPLD), na que participan conxuntamente estes gobernos. Tamén se abordaron temas como o Plan de Dinamización Lingüística e outros proxectos europeos, os Premios Arquímedes do Ministerio de Educación e Ciencia ou o Premio á Promoción da Realidade Plurilingüe do Estado. Declaración de Bilbo No mesmo acto, os representantes fixeron pública a Declaración de Bilbo, na que recordan que «comparten a perspectiva do multilingüismo, o respecto mutuo e a acción decisiva a favor das linguas en situación de maior febleza». O texto subliña que os gobernos autónomos con linguas propias, «desde diversas sensibilidades e opcións políticas, actuamos desde a convicción de que a convivencia entre linguas e os seus falantes, o seu coñecemento e recoñecemento mutuo, así como o enriquecemento recíproco, son valores do máis fondo democrático». Así mesmo, reivindicaron o compromiso das súas respectivas institucións de seguiren «traballando por unha política lingüística decidida e eficaz, baseada no acordo e coa convivencia lingüística e social como o norte».
NOS_8150
A Autoridade nacional palestina presentará a vindeira quinta feira a solicitude do estatuto de estado observador perante as Nacións Unidas. Entrementres, o ministro de Defensa israelí abandona o goberno a dous meses das eleccións en Israel.
A Autoridade nacional palestina continúa adiante coa proposta de ser recoñecido como estado observador (non membro) da organización internacional. Cuestión que espertou o malestar entre a dereita israelí, que segue a se opor aos pretensos palestinos argüíndo que o seu recoñecemento como tal suporía un atranco nun hipotético proceso de negociación cara á paz. Porén, os diálogos entre israelís e palestin@s hai máis de dous anos que se manteñen estancados. Neste sentido, todo apunta que Palestina obterá o voto favorábel de 130 dos 193 estados membros das Nacións Unidas, unha derrota para a diplomacia sionista que intentou por todos os medios --mesmo a través da violencia-- que esta votación non se producise. A proposta do presidente Mahmud Abbas contaría mesmo co apoio de Hamas --malia que as relacións entre Al-Fatah e o Movemento de Resistencia Islámica non sempre son boas. O xefe no exilio de Hamas, Jaled Meshal, expresou ao presidente da Autoridade palestina o seu apoio á iniciativa que presentarán a vindeira quinta feira na Asemblea Xeral das Nacións Unidas e mesmo amosou certo achegamento cara a Al-Fatah asegurando que liberarían os seus militantes detidos desde 2006 en territorio gazací. Decisión que podería motivar a reconciliación entre as dúas principais organizacións palestinas. O ministro de Defensa israelí abandona a políticaNunha conferencia de imprensa desenvolvida esta segunda feira, Ehud Barak --ministro de Defensa israelí-- anunciou a súa saída do goberno e a súa retirada da vida política. Segundo os últimos inquéritos electorais, o partido liderado polo xa ex-ministro semella ser unha das forzas en alza nas eleccións do ano próximo. A pouco máis de dous meses das convocatoria electoral, Barak asegurou que permanecería no seu cargo até ser elixido o novo executivo após os comicios do vindeiro 22 de xaneiro. A decisión de Ehud Barak sorprendeu as demais formacións políticas ao se producir após a declaración de tregua entre Hamas e Tel Aviv. Neste sentido, un inquérito feito público polo diario Maariv asegura que o 49% da poboación israelí está en contra do cesamento ao fogo acordado a pasada semana e mesmo lle estaría a supor unha perda de apoios á coalición entre o Likud (Netanyahu) e os ultra-nacionalistas israelís Beitenu. Malia que aínda contarían con votos suficientes para continuaren no goberno, a formación perdería 6 escanos a respecto das enquisas publicadas pouco despois de se convocaren as eleccións.
NOS_19438
Psicodelia nun filme de intriga.
PURO VICIOTítulo orixinal: Inherent Vice Ano: 2015 Duración: 148 min. Nacionalidade: estadounidense Director: Paul Thomas Anderson Guión: Paul Thomas Anderson Fotografía: Robert Elswit Música: Jonny Greenwood Elenco: Joaquin Phoenix, Josh Brolin, Katherine Waterston, Owen Wilson, Benicio del Toro, Reese Witherspoon, Joanna Newsom, Eric Roberts, Martin Short, Jordan Christian Hearn, Serena Scott Thomas, Michael Kenneth Williams, Jena Malone, Hong Chau, Martin Donovan SINOPSEO detective "Doc" Sportello recibe a visita da súa ex-moza Shasta para que lle axude nunha trama na que están involucrados o seu noivo multimillonario, a súa muller e máis o amante desta. Unha complicada intriga na que toda a cidade parece estar envolta... incluso o propio "Doc". CRÍTICAGústame en xeral o cine de Paul Thomas Anderson:. Boogie Nights, Magnolia, Pozos de Ambición ou The Master son auténticas marabillas, pero hei de admitir que case desde o primeiro minuto de Puro Vicio, unha estraña sensación de sopor apropiouse do meu ser e non me deixou até o remate da proxección. E por certo, dura máis de dúas horas e media. A ver... a película ten un elenco estratosférico, boa dirección e algún momento para enmarcar, pero a excesiva confusión imperante no filme para intentar plasmar a época psicotrópica dos 70, non axuda demasiado á comprensión final. Digamos que se es d@s que gozou coas idas de olla d'O Gran Lebowski, non vas a encontrarlle o punto ás de Joaquin Phoenix. "A excesiva confusión imperante no filme para intentar plasmar a época psicotrópica dos 70, non axuda demasiado á comprensión final" E non quero dicir con isto que ambas películas teñan algo que ver, pero onde unha era pura delicia, en Puro Vicio son un quero e non podo. Semella unha sucesión de caretos en plan "que fago eu aquí, que carallo está pasando"... e nada máis. A historia avanza por sendeiros insospeitados onde hai cabida para investigadores fumetas, moteiros nazis, policías corruptos, dentistas mafiosos, femmes fatales, músicos trasnoitados, magnates pasados de voltas, matóns con sentimentos, belas masaxistas e hippies. Moito hippie... Unha voz en off feminina nos introduce na trama que comeza en Gordita Beach. A ex de do detective privado "Doc" aparece na súa chabola para ofrecerlle un traballiño: meter no manicomio a un axente inmobiliario que viu a luz -por mor do ácido- e quere devolver todos os cartos que gañou enganando e expropiando. Unha trama na que tamén está metida a súa propia muller e o amante desta. A medida que investiga, "Doc" vai descubrindo que nada é o que parece. E así toda a película. Sucesión de tramas inconexas que pretenden confluír nun golpe final que non acaba de chegar nunca. Destaca, por suposto, Joaquin Phoenix que repite con Anderson tras The Master, Katherine Wasterston coma a ex-moza deste, un Josh Brolin coma un bruto -pero hilarante- tenente "Pés Grandes" e, por riba de todos, un Eric Roberts (O Tren do Inferno) que se destapa nunha das súas mellores interpretacións da súa carreira, a pesar de aparecer apenas dous minutos. A partires de aquí o rexurdir do irmán maior de Julia Roberts? Todo apunta a que non... O resto de reparto vai sendo unha serie de rostros coñecidos (Reese Witherspoon, Benicio del Toro, Owen Wilson, Martin Short...) que van aparecendo para maior gloria deles mesmos. Paul Thomas Anderson adapta a novela de Thomas Pynchot tratando de ser o máis fiel posible á psicodelia argumental que destila a obra, pero se ben isto está ben conseguido, quizás excedeuse na metraxe final. A ver... é indubidable a calidade de imaxe, o deseño de arte, a adaptación da época, a planificación e os alardes interpretativos... mais con iso non chega. Ou cando menos a min non acabou de chegarme. O propio Anderson considera o libro de Pynchot como "unha bela mestura de brincadeiras de peidos e de cancións parvas". En fin, pois iso é Puro Vicio, pero sen graza. Por dicilo dunha maneira suave... rinme moito máis co trailer.
NOS_45538
O desafiuzamento está previsto para a quinta feira (27 de novembro).
As grilleiras dos antidisturbios non cesan de percorrer o Ofimático desde a pasada semana. Perante a inminente execución do despexo da familia de Isabel e Carlos, axentes da policía española controlan o lugar de Elviña. Un feito que se sucede desde hai días con puntos de importante tensión que coicidiron coas mobilizacións convocadas pola Plataforma Stop-Desafiuzamentos Coruña. A execución da orde de desafiuzamento está prevista --pois así foi notificada-- para a quinta feira (27 de novembro) ás 09.00h. Polo de agora, Isabel e Álvaro agardan no seu domicilio á espera de novidades, porén desde Stop-Desafiuzamentos Coruña chaman a veciñanza a se mobilizar perante a vivenda na véspera do despexo, a cuarta feira ás 20:00 horas do serán. O despexo está previsto para o 28 de novembro ás 09.00h mais a veciñanza concentrarase na véspera perante o domicilio de Álvaro e Isabel As novidades que agardan Isabel e Álvaron refírense aos movementos que se poidan producir a nivel político no interior de María Pita pois é o concello quen ten a última palabra a respeito da súa situación. Porén, as cousas non pintan moi ben para esta familia de Elviña á que a ampliación do Parque empresarial do Ofimático --deseñada hai 20 anos-- rematou por deixala sen morada. Até o momento o goberno local, encabezado polo alcalde, Carlos Negreira, e o concelleiro de urbanismo Martín Fernández, rexeitaron en non poucas ocasións atender as demandas desta e doutras familias do Ofimático. Neste senso, Fernández mesmo chegou a afirmar que o desafiuzamento se efectivizaría "si ou si". Tamén así, declinou facer mudanza algunha para aprazar o despexo ou mesmo mudar o Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) para evitar que o derrubamento da casa chegue a se producir. Así as cousas, a pasada segunda feira o goberno da Coruña ofreceulle unha alternativa a Álvaro e Isabel, acceder a un piso de protección oficial que, no entanto, lles fora negado a semana anterior argüíndo que tiñan na súa posesión propiedades. "É esperpéntico", afirma en conversa con Sermos Galiza o activista de Stop-Despexos, Héctor Tejón. "Aparecen agora con vivendas despois de que o propio concelleiro recoñecese que estaban ao dispor após unhas chamadas de teléfono que fixo", acrecenta ao tempo que se pregunta onde están eses pisos e casas "cando o IGVS recoñece que hai 5 mil persoas que as precisan".
NOS_28731
CIG-Saúde da área do Barco de Valdeorras vén de denunciar publicamente o que entende que é unha actuación ilegal do Servizo Galego de Saúde na comarca en relación á contratación.
O sindicato nacionalista CIG denuncia que o Servizo Galego de Saúde (Sergas) fai contratos falsos ao persoan na área sanitaria do Barco de Valdeorras. "Están a facer contratos falsos nos que figuran como contratadas persoas que non o están nese momento e ás que se lle programa a realización de xornadas dobres en datas distintas", afirman desde esta central. Isto representa un incumprimento da normativa laboral, "xerando un risco cara aos doentes por sobrecarga laboral e incrementando ademais os custos precisos para a cobertura das necesidades". Denuncian tamén a falta de contratación de especialistas en determinadas áreas ao tempo que critican "o incumprimento sistemático das promesas e acordos recollidos en actas en relación a coberturas de substitucións de centros de saúde onde se seguen a facer contratacións a tempo parcial, ocasionando unha perigosa diminución dos recursos sanitarios, o que é especialmente grave nas areas rurais afastadas. Por todo isto consideran que a actual xestión da sanidade pública en Valdeorras está a ser "inadecuada, claramente economicista e privatizadora". Acusan os representantes do Sergas de desprezar e infravalorar a sanidade ourensá e os seus profesionais "ao non acudir ás reunións cos representantes dos traballadores que están regulamentariamente planificadas e deixando sen apenas capacidade de xestión algunha aos actuais responsables secundarios desta área".
NOS_41706
O doutor Miguel Ángel Vázquez foi relevado como director da residencia integrada de Baños de Molgas. Tan só uns días antes criticara publicamente que se "actuou tarde e mal" e logo de ter sinalado que "as residencias non son hospitais" e de pedir que as persoas maiores contaxiadas sexan derivadas a centros onde se ofreza atención sanitaria. Desde a Xunta sinalan que non se trata de ningún cesamento, e afirman que a Vázquez se lle encargara pór en marcha a residencia integrada, e que unha vez esta fase "finalizou con éxito", o doutor seguirá colaborando coa Consellaría. O de Molgas é o centro máis novo e mellor xestionado, "é o carameliño" da Xunta, di Zeltia Burgos, responsábel da CIG-Administración autonómica. Por iso a sindicalista sinala que o de Vázquez non se entende a non ser que sexa por unha represalia debida ás declaracións que realizou.
Miguel Ángel Vázquez deixou de ser o director da residencia integrada de Baños de Molgas. A Administración galega puxera en marcha este centro para derivar persoas usuarias de residencias de maiores que deran positivo en coronavirus co obxectivo de separalas das usuarias sas de todas as residencias da zona de Ourense e así evitar a propagación do contaxio. Vázquez deixa de ser o director tan só uns días despois de que varios medios recollesen os seus posicionamentos críticos coa xestión da Xunta, afirmacións que realizou en calidade de presidente da Sociedade Galega de Xerontoloxía e Xeriatría. Nunha entrevista radiofónica na Cadena Ser o 20 de abril sinalaba Miguel Ángel Vázquez que "se queremos unha sociedade lonxeva, debemos impulsar recursos e servizos para as persoas maiores" e destacou que na crise da COVID-19 se actuou "tarde e mal, porque hai que detectar de forma precoz os casos positivos nas residencias e evacualos, para illalos das persoas sas". Subliñou Vázquez que "as residencias non son hospitais e hai que derivar a eses enfermos a centros onde se lles ofreza atención sanitaria" Sinalou ademais que na Galiza "non están colapsados os hospitais" polo que "poden ofrecer esa atención que os maiores necesitan". Zeltia Burgos, responsábel da CIG - Administración autonómica acudiu esta cuarta feira, 22 de abril, a unha visita para avaliar os riscos na residencia de Molgas. "Non había dirección" debido a que o novo director , Javier Puente, segundo non chegara aínda. Practicamente non se lles deixou ver nada, critica Brugos. Con todo, e a pesar das eivas, o de Molgas é o centro máis novo e mellor xestionado, "é o carameliño" da Xunta, di Burgos. Por iso ve claro que o cambio de dirección non se entende a non ser por unha represalia debida ás declaracións que realizou. A Xunta sinala que "non foi un cesamento" A Consellaría de Política Social afirmou a Nós Diario que o xeriatra Miguel Ángel Vázquez foi contratado "para pór en marcha unha residencia integrada pioneira en España en Baños de Molgas. Tras o bo traballo realizado, o doutor Vázquez seguirá colaborando coa Consellería de Política Social na reflexión sobre o futuro do modelo de residencias, unha tarefa na que a súa experiencia e visión serán fundamentais". Desde a Consellaria tamén sinalan que "unha vez finalizou con éxito a fase de posta en marcha da primeira residencia integrada, esta pasa a formar parte da estrutura de Sanidade, tal e como estaba previsto. Este mesmo proceso se seguirá nas demais residencias integradas, que comezaron a funcionar despois de Baños de Molgas". Unha traballadora contaxiada Burgos sinalou a Nós Diario que hoxe mesmo deu positivo unha traballadora da residencia de Baños de Molgas, e denunciou que durante a visita de avaliación que realizou a CIG a este centro, primeiro se lles dixo que non había positivos no cadro de persoal, e ao seren preguntados de novo polo sindicato, os responsábeis do centro, na ausencia da dirección, "quixeron acusar" a traballadora de terse contaxiado fóra da residencia, eludindo responsabilidades sobre o propio o centro, relata a CIG.
NOS_4475
Ofreceranse de balde nas oficinas de farmacia. O ensino retoma a súa actividade o 10 de xaneiro de forma presencial.
O Goberno estatal anunciou esta terza feira un acordo por "unanimidade" cos executivos territoriais para que a volta ás aulas tras as vacacións do Nadal decorra na data prevista, o 10 de xaneiro, e de forma totalmente presencial. Así o confirmou a ministra de Sanidade, Carolina Darias, na rolda de prensa posterior á reunión conxunta mantida coas ministras de Educación, Pilar Alegría, e Universidades, Joan Subirats, na que se abordou a reanudación do curso escolar xunto aos seus homólogos autonómicos. Darias subliñou a importancia desta xuntanza, cuxo obxectivo era "acordar entre todos unha decisión de Estado". Durante as últimas semanas, tras o incremento de contaxios por mor da variante Ómicron, atisbouse a posibilidade de que o retorno ás aulas se retrasase e a actividade docente principiase de forma telemática ou na modalidade semipresencial, algo que finalmente non se producirá. Segundo precisou a ministra de Sanidade, garantirase a ventilación cruzada dos espazos fechados, o uso de máscaras, a apertura de todos os centros educativos e a máxima presencialidade a partir do 10 de xaneiro. Tamén se reforzarán a vacinación infantil e o cumprimento de todos os protocolos nos centros universitarios e residencias de estudantes. Tests de antíxenos para a rapazada Nas declaracións aos medios, que foron recollidas da Radio Galega, o conselleiro apuntaba que as crianzas menores de 12 deberían someterse aos test antes da volta ao cole pero que na tarde da terza feira o gabinete de comunicación puxo de manifesto que facer a proba non é obrigatorio para poder regresar ás aulas, senón que se limita a unha posibilidade que se fornece ás familias. As probas para a rapazada de 5 a 11 anos estarán dispoñibeis de balde nas farmacias. Aliás, os contactos estreitos dun positivo que aínda non teñan a pauta completa da vacina deberán gardar corentena. Tamén afirmou que nas vindeiras datas acelerarase a vacinación das mozas e mozos máis cativos e a administración da dose de reforzo ao persoal docente.
PRAZA_20910
Non se pode falar de bonapartismo (por pertencer a unha etapa histórica xa superada) e tampouco de fascismo (por entender que para a expansión do mesmo ten que existir un movemento minimamente ameazador ó capitalismo), como moito deberíamos falar de extrema dereita populista
Certamente este é un tema polémico, xerador de numerosas e múltiples reaccións, e aínda que eu non crin necesario intervir no debate, ler o artigo de Álex Alonso Nogueira fixo que me animase a escribir. Isto debeuse a que se puxo en relación cun tema cuxo estudio a min apasioname: o do bonapartismo e o fascismo (dende a perspectiva da miña formación, como fenómenos históricos). Xa escribín sobre isto, pero creo que é necesario seguir facendo apuntamentos sobre os mesmos, xa que considero que hai certas cuestións que non se abordan ca necesaria rigorosidade.Antes de nada deixar claro que non estou de acordo ca visión dogmática e restrinxida que dende a academia e os medios se adoita dar ós conceptos de fascismo e bonapartismo (por non falar da aberración da teoría dos "totalitarismos" que equipara fascismo con comunismo...), pero aínda así non considero que se deban prostituír os termos. A Academia debe ser criticada, pero non destruída. Non só é vergonzoso denominar como fascista a alguén por comer carne, é insultante (acaso que comían os combatentes das hordas fascistas na guerra civil e na II Guerra Mundial?). Polo tanto creo que cando nos enfrontemos a este tipo de termos debemos facer un mínimo traballo de documentación e revisión se queremos que a nosa opinión teña un mínimo de valor. No meu caso non considero que o coñecemento que teña sobre ambos sexa definitivo, pero creo que xa é distinto desa visión prostituída que quizais puiden soster no pasado. Sen maior animo de reiterarme, remítome ós meus escritos anteriores sobre o tema.Precisamente na miña última publicación, titulada "Bonapartismo", facía referencia ós casos de países que sufriron un desenvolvemento capitalista total pero nos que non se produciu un fenómeno bonapartista. É aquí onde nos somerxemos no tristemente fantasmagórico caso de Estados Unidos de Norte América (USA para os políglotas). Empecemos analizando a figuro de Donald Trump, que por moitos xestos autoritarios que poida ter, o do forte personalismo que foi capaz de impregnar dentro do Partido Republicano, dista moito de ser unha figura suficientemente desenvolvida como para liderar un movemento político de ningún tipo. Acaso ninguén se acorda de Ronald Reagan, precisamente outro actor carismático, que como Trump saben o que a xente quere escoitar e teñen unha axenda de acción moi específica. Ambos non deixan de ser dous personaxes da farándula, dúas personalidades contundentes acordes ó que se precisa nun sistema político presidencialista e nunha "democracia" no que as campañas electorais se deciden pola cantidade de medios económicos que teñas e o ben que vendas a túa película (literalmente crease un relato, unha historia sen ningunha transcendencia real no plano político). Si somos serios, non creo que debamos calificar á política estadounidense como moito máis cun show, xa que ó fin e o cabo quen detenta o poder real son os intereses do capital, representados á perfección polos lobbies amparados pola primeira enmienda constitucional. Acaso o que vimos no Capitolio non foi unha farsa, unha prestidixitación, con actores disfrazados e xente facéndose selfies? Acaso o personaxe ó que renden homenaxe estes manifestantes non é un actor? Acaso un sistema tan burocratizado e centralizado como o estadounidense vaise a caer dun plumazo polo feito de "tomar"(reitero, non se pode tomar un edificio si o que vas é a facerte fotos e a facer a mona, por moito que te leves o rifle dos domingos) o Capitolio?. Si entendemos o bonapartismo como un fenómeno de freo na mobilización social que causan as revolucións burguesas, e polo tanto esta é unha fase superada en Estados Unidos (ó igual que en Europa e outros países "de centro"), de ningunha maneira se pode considerar como bonapartista, e menos de fascista ó monicreque de Trump (a pesar de que detrás do mesmo se atopen personaxes como Steve Bannon ou a sociedade estadounidense estea sufrindo un proceso de fascistización que se remonta ó mandato de Trump). Ben, deixando isto claro pasemos a comentar algunhas das ideas do artigo anteriormente citado. Antes que nada deixar claro que Marx non maximiza a figura de Napoleón, precisamente critica iso das obras co mesmo tema de Victor Hugo e Proudhon. En canto ó de "autogolpe", no referente á "farsa dunha farsa", isto débese a que Napoleón III emprega argumentos que remiten ós empregados polo Napoleón "de verdade", sendo ambos argumentos sofistas. Tamén se debe deixar claro que Trump aproveitase do "lixo branco" (tal como se denomina nos propios Estados Unidos) que a actividade da súa clase contribuíu a crear. Marx non di que Napoleón fose apoiado polo campesiñado (como un grupo homoxéneo), se non por aqueles campesiños medios ameazados polo avanza da propiedade capitalista no agro, creando o relato de que os inimigos eran os que atentaban contra a "orde" (os pequenos propietarios e os asalariados rurais), aínda que neste sentido a análise do autor non vai moi desencamiñada no referente á creación dun certo relato distorsionado da realidade. Aínda así creo que non se centra correctamente na cuestión das clases, e de como o proletariado (da igual que sexa branco ou azul) non é representado nin por Biden nin por Trump. De feito esa contraposición campo- cidade que cita ó autor xa era algo típico no imaxinario reaccionario estadounidense (chega con citar a película Amencer vermello de John Milius). Os "trumpistas", lonxe de ser os combatentes do postmodernismo que emanan as cidades, son quen o financia. No referente ós "éxitos" de Obama, acaso conseguiu mellorar algún aspecto da realidade material dos traballadores estadounidenses (as estatísticas indican xusto o contrario)?. Precisamente ante ese discurso de que "todo marcha ben" (que leva á lóxica de que só hai que facer pequenas reformas sociais e culturais para que o capitalismo sexa o paraíso na terra), é a clave desa "ditadura do politicamente correcto", na que non se describe a realidade, descríbese un mundo irreal do que non te podes saír porque serás linchado (sendo tildado precisamente de "fascista"). Seguindo esta argumentación, estou moi en desacordo no de que o proletariado perdeu a súa esencia revolucionaria, para iso teñen que cambiar as condicións históricas e de produción. Nisto non debemos esquecer o concepto marxista de alienación, xa que o "marxismo cultural" (a dexeneración postmoderna do pensamento "de esquerdas" inaugurado pola escola de Frankfurt e coroado por Judith Butler) é tan inimigo dos obreiros como os reaccionarios capitalistas que o financian. Ademais nin na nova nin na vella política, en USA nunca existiu una representación política real dos obreiros, rematados todos os intentos como a de sobra coñecida caza de bruxas dos 50 (curiosamente contradicindo a primeira enmienda baixo a teoría da "ameaza á patria"). Despois o autor tenta ir máis alá das condicións persoais de Trump, pero só se remite a cuestión ideolóxicas, debendo ter en conta as materiais tamén: quen financia isto e por que ten calado social esa alienación?. A reflexión final, da alianza da extrema dereita e o fascismo en España creo que non se adecúa á realidade. Acaso a nefasta xestión do "goberno do cambio" sumado ó abandono absoluto dos traballadores non acaba levando a que estes se deixen levar cara os populismos (debendo achácalo máis á alienación que ó seu reaccionarismo)?. En España a reacción non ten que dar un golpe de Estado, xa o deu aínda vive destas rendas. Pero é bastante común iso de denominar ó obreiro como estúpido, antes que reflexionar si o pequeno burgués é tan intelixente como se considera.Todo isto lévanos a hipótese de se admitir que Trump é fascista, sería admitir que Biden, por contraposición, sería un antifascista. Certamente esta é a narrativa que se quere impor, así como que a súa vitoria electoral foi un "triunfo" contra a tiranía. Que cambiará realmente ca chegada de Biden á Casa Branca?. Quizais nos bombardeos imperialistas se pinten os avións de rosa, quizais mentres aumente a explotación do proletariado estadounidense se lles impartan clases sobre civismo e moralidade "progresista", ou mentres se contamina noutras rexións se reduzan as taxas de contaminación en "solo patrio" á costa do contribuínte. Acaso os "asaltantes" ó Capitolio loitan contra a toma do poder polo obreiros?. Dende logo que non, só complementan a outra parte do relato, un relato no que curiosamente o único sector que non se ve representado é o proletariado. E isto tamén se debe relacionar co auxe da extrema dereita aquí en Europa, acaso a esquerda antiobreira non é a culpable de que o populismo campe ás súas anchas?. Cun discurso sectario, contra o que curiosamente di loitar xente como Trump, o que fai é levar en masa a xente cara este tipo de figuras, xa que quen debería atender para resolver os seus problemas o único que fai é centrarse en cuestións absurdas e carentes de lóxica. Pero esta é a súa gasolina, a gasolina de Trump, do Frente Nacional, do populismo italiano, de Vox... Agora resulta que os reaccionarios van de revolucionarios, de loitadores pola coerencia, mentres polo outro lado financian e apoian esa dexeneración social e ideolóxica, que distancia ós traballadores dos que supostamente din representalos... Por todo isto, eu interpreto o fascismo como un modelo estatal autoritario que se activa cando emerxe unha ameaza real contra o poder capitalista (de aí que defenda que a súa xénese se atopa no triunfo da primeira revolución proletaria mundial, a bolchevique). Se non existe esta ameaza (por moi remota que poida ser) é ridículo falar de fascismo, simplemente é distorsionar a análise da realidade, impedindo poder actuar con consecuencia a mesma. Ó igual que si realizamos un rally e descoñecemos o trazado da carreteira, aínda que creamos ter unha idea aproximada do mesmo, é imposible que este vaia a saír ben, e acabarás na cuneta. Ante esta loita ficticia, a "esquerda" que di representar Biden necesita tanto as prestidixitación exaltadas dos "trumpistas" como Trump precisa a "ameaza" revolucionaria que encarnaría a dexeneración e o irracionalismo de Biden.Por todo isto creo deixar claro que neste sentido non se pode falar de bonapartismo (por pertencer a unha etapa histórica xa superada) e tampouco de fascismo (por entender que para a expansión do mesmo ten que existir un movemento minimamente ameazador ó capitalismo), como moito deberíamos falar de extrema dereita populista (de ningún modo se pode denominar "identitaria", xa que isto só se sostén ante a contra parte que di querer destruír as identidades, sendo incapaces de existir unha parte sen a outra). Finalmente gustaríame apuntar sobre outra cuestión que merecería outro comentario pormenorizado. Pareceume sorprendente como se exaltou que se censurase a Trump nas súas redes sociais, sendo triste que esta sexa a única arma que se emprega contra argumentos tan débiles. Como sempre, e relacionando co tema das "fake news", o que se debe incentivar é o pensamento crítico, non a centralización efectiva da censura. Despois de todo o exposto quero reiterar ó meu enorme respecto polo autor do artigo, xa que aínda que non o coñezo parece unha persoa activa, e calquera que combata a brutalidade imperante no capitalismo terá o meu absoluto respecto. Con todo o anterior non pretendo nin insultar (as afirmacións máis contundentes son dirixidas cara persoeiros escuros, non contra Alonso Nogueira, sendo o seu artigo a base dunha argumentación xeral posterior) nin desacreditar a ninguén, se non que simplemente entendo que si queremos avanzar no análise da realidade (sobre todo si tomamos para isto a referencia das teses marxistas) non debemos ter medo a ser críticos, sendo esta a base máxima do avance da ciencia: Tese, antítese, síntese.
NOS_35773
Exeria foi a primeira escritora peninsular en lingua latina. A súa é unha historia que nos dá conta do esplendor político, económico e cultural dunha Galiza que xa era nos albores da Idade Antiga
É unha historia aínda por aclarar que nos dá conta do esplendor político, económico e cultural dunha Galiza que xa era nos albores da Idade Antiga. Sabemos pola súa obra e polos escritos do século VII de Valerio do Bierzo que naceu e residiu "nas ribeiras máis afastadas do océano occidental", outro tanto como dicir Galiza. Fixo parte da alta oligarquía romanizada e por iso viaxou acompañada dun séquito propio, desprazándose en medios custosos, empregando o cursus publicus, a rede de transporte oficial do Imperio Romano, e foi recibida polos bispos e gobernadores dos lugares que visitou. Unha parte da historiografía, seguindo a Valerio do Bierzo, situouna como monxa, porén outra parte cuestionou esta condición pola liberdade para facer unha peregrinación tan longa. A súa obra 'Itinerarium Egeriae', rematada en Constantinopla, recolleu a viaxe que realizou a Oriente Próximo entre os anos 381 e 384, destacándose pola valiosísima información que achegou da sociedade e da liturxia do momento Foi a primeira escritora peninsular en lingua latina. A súa elevada formación cultural ficou testada no gran coñecemento que amosa da Biblia ou das obras de Eusebio de Cesarea, no dominio do latín e do grego e nos escritos que nos legou. A súa obra Itinerarium Egeriae, rematada en Constantinopla, recolleu a viaxe que realizou a Oriente Próximo entre os anos 381 e 384, destacándose pola valiosísima información que achegou da sociedade e da liturxia do momento así como os datos que forneceu para o estudo da lingua falada na época. Os seu textos presentan unha diferenza notábel con outros documentos semellantes achegados polos eclesiásticos daquela época, xa que a viaxeira galega centra a súa atención nas visitas, nos lugares ou no ambiente social e non nos milagres, feitos relixiosos ou aspectos da historia sagrada. A viaxe que a situou para sempre na historia arrancou da Galiza, percorreu o sur de Francia, o norte da Península Itálica e continuou en barco polo Adriático até chegar a Constantinopla a finais do 381. O primeiro percorrido polas terras de oriente desenvolveuse pola área do Sinaí, co obxectivo de coñecer os lugares recollidos nos libros de Éxodo e dos Números, visitando o propio Monte Sinaí e o país de Gessen, onde se achegou as grandes fortalezas situadas ás beiras do río Nilo. A segunda das rutas, acompañada por un grupo de presbíteros e diáconos, levouna aos arredores do monte Nebó, acudindo ás localidades de Jericó, Livias ou Nebó e ao conxunto do val do Xordán. O último dos seus traxectos, saíndo máis unha vez de Xerusalén e respondendo aos relatos que lle fixeron uns monxes desta zona, centrouse no país de Job, chegando ás cidades de Carneas, Thesbe ou Querit. A partir de aí, comezou o seu camiño de volta co horizonte do retorno á Galiza, na dirección Constantinopla, trasladándose a Antioquía ou Mesopotamia, cruzando posteriormente o Eufrates, facendo paradas, ao tempo, en Tarso e Selucia de Isauria, onde se reencontrou coa súa amiga Marthana. Exeria significouse como unha revolucionaria. A información que coñecemos da súa vida impugna o papel que a sociedade do momento lle tiña reservada ás mulleres. O rol estabelecido no período do Baixo Imperio e que posteriormente tomou prestado o cristianismo convertido en relixión do poder, defendeu a muller dun só marido, que permanecera sempre na casa dedicada a fiar e tecer e experta en bordar. Ao tempo, as peregrinacións femininas non foron tan habituais como a dos varóns e non contaron coa aprobación da oficialidade. Foi este carácter subversivo de Exeria o que levou a unha boa parte da historiografía a ligala co priscilianismo dado o importante papel que no mesmo xogaron as mulleres.
PRAZA_7733
Un grupo de docentes da USC está a difundir unha análise sobre a lei de orzamentos e o sistema universitario galego. Sinalan que "a perda de calidade, capacidades e oportunidades derivada destas contas" non pode pasar desapercibida.
"Perda de recursos, perda de autonomía e perda de respecto". Deste xeito é como un grupo de profesores e profesoras da USC analizan a lei de orzamentos da Xunta no que atinxe aa sistema universitario galego nun texto que están difundindo entre a comunidade universitaria para sumar apoios. A análise destaca que "peor que os números, que puideran ser conxunturais, é a letra do texto da Lei de Orzamentos que modifica pola porta de atrás normas básicas de funcionamento das universidades, algunhas con rango constitucional". E sinala que "a perda de calidade, capacidades e oportunidades derivada destas contas para cumprir as funcións en formación e investigación que a sociedade espera das súas universidades non pode pasar desapercibida". "Peor que os números, que puideran ser conxunturais, é a letra do texto da Lei de Orzamentos que modifica pola porta de atrás normas básicas de funcionamento das universidades, algunhas con rango constitucional" O texto, de momento, está asinado por Edelmiro López Iglesias, Xaquín Fernández Leiceaga, Melchor Fernández, Xulia Guntín Arauxo, Dolores Riveiro, M. Fernández Grela e Marisa del Río (Economía); Castor Méndez, S. Rodríguez Holguín, Gonzalo Serrano, X M. Sabucedo (Psicoloxía); Xerardo García Mera, Xavier Gutián, Eduardo García-Rodeja (Farmacia); Florencio Arce (Química); Gumersindo Feijoo (Enxeñería Química); X. M. Monterroso Montero (Historia da Arte); Lourenzo Fernández Prieto (Historia); Augusto Pérez Alberti (Xeografía); J. M. López Rivadulla, Agustín Montes (Medicina); X. C. Carreira (EPS); Ernesto González Seoane e Elias Torres (Filoloxía) e Antonio Mosquera (Enxeñería Informática). O texto comeza constatando esa "perda de recursos", cifrada nunha diminución do financiamento do 6,5% dende o ano anterior e do 17% dende o 2009 O texto comeza constatando esa "perda de recursos", cifrada nunha diminución do financiamento do 6,5% dende o ano anterior e do 17% dende o 2009. En termos constantes (euros de 2006) o orzamento de 2013 sitúa as universidades cun nivel de financiamento, entorno a 270 millóns de euros, similar ao de 2005. A análise lembra que "aínda hai que engadir a esas perdas outra, non menor e continuada, de poder adquisitivo, que se vai ver agravada para todos os traballadores/as de calquera nivel e tipo de contrato das universidades galegas". O documento asinado polos docentes afirma que "non queremos privilexios senón un tratamento axeitado á situación da sociedade da que formamos parte e máis ao papel que esta lle queira reclamar ás universidades". "Os recortes de hoxe comprometen o noso futuro nos vindeiros 40 anos" O texto sinala que de non poder facer efectiva a rebaixa de salarios dos funcionarios "o que parece esperable", afectará "de xeito máis contundente ao resto de contratados e laborais (PDI e PAS) e á suba das taxas". O documento salienta que "os recortes de hoxe comprometen o noso futuro nos vindeiros 40 anos" e que "existe unha intensa correlación directa entre o gasto universitario e o avance naqueles atributos que deben permitírmonos saír da crise antes e en mellores condicións: cualificación, innovación, competencia". "Perigo de baltarización da Universidade" O texto lembra que a autonomía con rendición de contas é "un precepto constitucional e unha garantía da liberdade científica e académica para as universidades" e denuncia que a Xunta "extralimítase no exercicio das súas competencias, invadindo ámbitos reservados a outros poderes ao pretender regular unha rebaixa adicional para os funcionarios estatais". Engade que "a intervención da Xunta de Galicia baleira as capacidades do Consello de Goberno da Universidade para xestionar os seus recursos e está convertendo aos Departamentos en meros negociados da Xunta de Galicia". "O perigo de baltarización da Universidade tórnase máis real" Alértase de que "os riscos de intervención política directa (e neste contexto de clientelismo) na toma de decisións internas da Universidade, xa constatados na práctica nos últimos meses, quedarían consolidados de aprobarse a "letra" desta Lei de Orzamentos". Os asinantes do documento denuncian que as decisións académicas sobre o persoal das universidades, e de cada un dos seus Departamentos, "pasarían a tomarse con criterios políticos externos". E conclúen que "o perigo de baltarización da Universidade tórnase máis real". "Escasa e preguiceira argumentación" A declaración pide "unha actuación decidida do equipo de goberno" para corrixir no debate parlamentario a Lei de orzamentos O documento péchase criticando a "falta de respecto á Universidade como institución" e sinala que o apartado dos orzamentos que se refire ás universidades caracterízase "pola escasa –mesmo preguiceira- argumentación, pouco esforzo explicativo, trucos nominais e artificios, que ilustran esa perda de respecto a esta institución". Os asinantes parten da conciencia "da enorme dimensión da crise na que estamos inmersos" e da necesidade dunha reforma interna. Pero lembran que para mudar a situación "necesitamos unha universidade forte, e afortalala require grandes esforzos que debemos acometer tamén desde dentro da institución". A declaración pide "unha actuación decidida do equipo de goberno e dos demais órganos de goberno universitarios, empezando polo Consello de Goberno", para corrixir no debate parlamentario a Lei de orzamentos. E para, en función do resultado final, "presentar recursos diante dos tribunais naqueles aspectos que o requiran". Os promotores do texto están procurando apoios a esta reivindicación entre a comunidade universitaria á que piden que se comparten este diagnostico envíen un correo de confirmación a [email protected] Descarga aquí o documento (.pdf)
PRAZA_8250
AGE e Izquierda Unida presentan iniciativas no Parlamento e no Congreso para pedir explicacións polas probas de drons no aeródromo de Rozas
Un proxecto industrial ou o xermolo para unha base militar de avións non tripulados? Alternativa Galega de Esquerda (AGE) vén de facer público o seu temor de que as investigacións que se veñen realizando nos últimos anos con avións non tripulados no aeródromo de Rozas, no concello lucense de Castro de Rei, desemboquen en que a instalación sexa "o lugar escollido para establecer unha das cinco bases de drons [avións non tripulados] que a OTAN ten previsto instalar en Europa. Na liña iniciada hai anos por Esquerda Unida en Lugo, AGE vén de convocar a cidadanía de Lugo a unha asemblea informativa na que estudar os problemas que poderían derivar desta instalación que, inicialmente, "todo parecía apuntar" que ía ter como emprazamento "a zona de Trasmiras, en Ourense". "En marzo de 2011 -explica EU- coñeciamos o inicio de probas por parte do Ministerio de Defensa para empregar Rozas como base de avións espía do programa da multinacional EADS, unha das máis importantes en fabricación e venda de armamento militar a nivel mundial" e no presente 2013 "alzaba o voo en Rozas o proxecto Atlante, un avión espía non tripulado fabricado pola empresa Cassidian". "Trátase de avións tristemente célebres por practicaren masacres e asasinatos a civís" Este avión, explica AGE, é definido pola propia empresa construtora como "o primeiro non tripulado capaz de realizar misións tanto civís como militares". "Trátase, polo tanto -afirman- dun dos avións tristemente célebres por practicaren masacres e asasinatos a civís e militares nos principais escenarios de guerra do plaenta, actuando actuando impunemente nos principais conflitos bélicos como os de Pakistán, Iemen, Iraq, Somalia, Afganistán, Palestina..". Por todo isto, Alternativa sinala que as bases de drons pasan a ser "destacados obxectivos militares e terroristas polo seu alto valor militar e estratéxico, o que supón un risco máis que evidente para a cidadanía que se atope no seu contorno, neste caso os cidadáns da comarca de Lugo". Ademais, "moitos dos seus usos constitúen unha invasión da privacidade e un ataque ás liberdades civís da cidadanía". Por todo isto Esquerda Unida "presentou varias preguntas ao Goberno central para que aclare os termos" dos usos de Rozas e AGE "reclamará a intervención do Goberno da Xunta para que esixa a paralización das probas experimentais" mentres "non se realicen as correspondentes aclaracións á cidadanía".
NOS_34031
Organizado por OzocoGZ, contará coa presenza do autor da publicación, Héitor Picallo, e da doutora en Filoloxía Románica e profesora da USC Mariña Arbor. A ocupación é limitada polo que cómpre confirmar asistencia.
O Escudo do Reino de Galiza, unha (re) visión (inter)nacional, do investigador, escritor e ilustrador Héitor Picallo e editado por Sermos Galiza chegará este sábado ao Carballiño da man da presentación organizada por OzocoGZ e que se desenvolverá a partir das 12 horas en Casa Gazpara. Na presentación tomará parte, ademáis do autor, Mariña Arbor, profesora da Universidade de Compostela e doutora en Filoloxía Románica. O acto desenvólvese baixo o protocolo da Covid para interiores, polo que a capacidade é limitada cómpre que as persoas interesadas confirmen asistencia (tlfono: 620 747 310). Ailás, é obrigatorio o uso da máscara e manter a distancia interpersoal. Carballiño é así unha nova parada nas presentación desta obra de 224 páxinas a toda cor e máis de 150 ilustracións para ofrecer unha visión máis completa da orixe do escudo galego. "As primeiras representacións do escudo galego son realmente fabulosas", destacaba Picallo As primeiras versións coñecidas do escudo do Reino da Galiza datan dos anos finais do século XIII. Así no Segar´s Roll, un armorial -libros de armería con descrición de emblemas heráldicos- inglés elaborado arredor de 1282 aparecen recollidos 24 escudos reais, entre eles os de España, Navarra, Portugal, Aragón ou Galiza, representado "en campo azur, tres cálices de ouros ben ordenados". O traballo conta cun preámbulo traducido a sete idiomas: alemán, español, catalán, euskera, francés, inglés e xaponés e un prólogo de Johanes Kabatek, catedrático da Universidade de Zúric onde se ocupa da cátedra de Lingüística Iberorrománica e de Lingüística Románica. É membro correspondente da Real Academia Galega desde 2002. A maiores, o libro, ten un epílogo asinado por Carlos L. Bernárdez, licenciado en Xeografía e Historia e recoñecido ensaísta no campo literario e artístico.
PRAZA_12665
O sindicato pediulle á Xunta que non aplique as medidas suxeridas polo Ministerio de Educación, que segundo Anxo Louzao levarían a un aumento do fracaso escolar, ao impedir "unha atención personalizada e individualizada".
A CIG-Ensino esixiulle esta mañá ao Conselleiro do Educación en rolda de prensa que non traslade a Galicia os recortes propostos polo Ministerio de Educación. O seu responsable, Anxo Louzao, lembrou que o ensino galego xa leva dous anos de recortes e de restricións e que as medidas anunciadas atentan contra a calidade do ensino, incrementan o fracaso escolar e supoñen un ataque mortal a un servizo público esencial "piar básico para a cohesión social". CIG-Ensino denuncia que o noso país xa foi pioneiro na aplicación de recortes e a Xunta, que "leva dous cursos desmantelando o ensino" Unha das consecuencias inmediatas, no caso de aplicarse, podería ser a destrución de máis de dous mil postos de traballo que se virían sumar aos 2.500 que se perderon desde o ano 1999 e o empeoramento das súas condicións laborais e profesionais. CIG-Ensino denuncia que o noso país xa foi pioneiro na aplicación de recortes e a Xunta, que "leva dous cursos desmantelando o ensino". Neste tempo, segundo o sindicato, destruíronse 176 unidades no ensino público, recortáronse 425 millóns de euros desde 2009, suprimíronse o 25% dos centros educativos e 3.000 prazas no ensino público. Anxo Louzao advertiu así mesmo que estas propostas dificultan os obxectivos de igualdade de oportunidades e de educación inclusiva. A masificación das aulas impedirá, segundo o responsable de CIG-Ensino, unha atención personalizada e individualizada, ao elevarse a ratio de alumnos por aula un 20%, de 25 a 30 en Educación Infantil e de 30 a 36 en Secundaria. "O profesorado non vai poder atender ao alumnado con necesidades especiais. Son medidas encamiñadas a garantir a escolarización pero non o proceso ensino-aprendizaxe e a igualdade de oportunidades", dixo. Isto podería redundar nun aumento do abandono temperá dos estudos que no Estado español xa está 15 puntos por riba da media europea. Anxo Louzao advertiu así mesmo que estas propostas dificultan os obxectivos de igualdade de oportunidades e de educación inclusiva O secretario nacional da CIG-Ensino sinalou finalmente que esta actuación do Ministerio é unha clara invasión de competencias que xa denunciaron responsables de outras comunidades e dixo que "nos preocupa moito a actitude do Conselleiro de Educación, cómplice, submisa e partidaria. Actúa máis como militante do PP que como máximo responsable da autoridade educativa". Por esta razón demandoulle que asuma as súas responsabilidades e faga fronte a estas medidas do Goberno central". Profesorado En canto ao a profesorado, nestes dous anos á destrución de postos de traballo sumouse o recorte dos salarios nun 5% e nas pagas extras nun 30%, ademais da desaparición das licencias por estudos e da redución da achega para formación. Anxo Louzao lembrou que nos centros galegos xa non se están cubrindo as baixas inferiores a dez días e que xa se incrementaron de 21 a 25 as horas lectivas a impartir polo profesorado en Educación Infantil e Primaria e ata 20 horas en Secundaria, segundo as necesidades do centro.
PRAZA_5507
Co obxectivo de avanzar no ámbito da conciliación e racionalización de horarios, Ana Mato acaba de propoñer ás canles privadas que os informativos das 21 horas se cambien para as 20 horas. E que tal se ampliara o programa de garderías públicas, garantíndose unha praza para tod@s @s nen@s, ou se se implicase en fomentar a corresponsabilidade de tarefas no fogar?
Co obxectivo de avanzar no ámbito da conciliación e racionalización de horarios, Ana Mato acaba de propoñer ás canles privadas que os informativos das 21 horas se cambien para as 20 horas. Imaxino aos que traballan na hostalaría e no comercio, e a tant@s outr@s que teñen horarios que cada día se asemellan máis aos dunha funeraria, dando saltos de ledicia por esta iniciativa que pretende construír a casa polo faiado. Para que nos entendamos, estalle regalando unhas gafas de mergullar a quen vive no deserto. Non teño dúbidas de que as gafas son moi bonitas, pero nada prácticas para quen vive sen auga, e rodado de area. Co obxectivo de avanzar no ámbito da conciliación e racionalización de horarios, Ana Mato acaba de propoñer ás canles privadas que os informativos das 21 horas se cambien para as 20 horas Copian a idea da racionalización de horarios mencionada na importante Lei de Igualdade aprobada polo Goberno de Zapatero, que recordemos eles foron o único partido do arco parlamentario que non apoiou, pero eso si, fan un "corta-pega" dun parágrafo e rexeitan o demais. E que tal se ampliara o programa de garderías públicas, garantíndose unha praza para tod@s @s nen@s, ou se se implicase en fomentar a corresponsabilidade de tarefas no fogar? Ministra por favor, quítese as lagañas de confeti dos ollos, e se realmente quere sentar as bases para a conciliación da vida familiar e persoal, comence por pedir a derrogración da Reforma Laboral aprobada polo seu Goberno, que entre outros moitos "logros", facilita que un empresari@ poida cambiar a xornada de traballo e o horario dos seus empregados sen ningún tipo de consenso. E que tal se ampliara o programa de garderías públicas, garantíndose unha praza para tod@s @s nen@s, ou se se implicase en fomentar a corresponsabilidade de tarefas no fogar? E se nos quere equiparar aos países nórdicos, en lugar de actuar de capitá da Familia Telerín, e mandarnos á cama á mesma hora que eles, por que non imitar o seu número de horas de traballo, ou as medidas para flexibilizar o horario, a acumulación de tempo traballado para canxealo por tempo de vacacións, ou a posibilidade de escoller como organizar as horas laborais ao longo do ano. Se finalmente esta medida triunfa nas canles públicas e privadas, o que ides perder é a publirreportaxe de Feijoo chamado telexornal pola TVG Queda moito que pelexar para que a conciliación da vida profesional e familiar nos achegue ao que debe ser un dos obxectivos máis importantes, a igualdade real e efectiva entre homes e mulleres. Mentres tanto, aos que estades a sufrir xornadas con excesivas horas de traballo e horarios irracionais, recordarvos que se finalmente esta medida triunfa nas canles públicas e privadas, o que ides perder é a publirreportaxe de Feijoo chamado telexornal pola TVG, a Norma Duval de xurado nun programa de baile de TVE, ou a Esteban soltando lindezas como que "Dubrovnik é a perla do Antártico"…pensándoo así, case mellor que non os modifiquen, porque seguramente durmamos máis, pero peor.
NOS_4510
Impulsada pola Plataforma Vía Galega, contará con representantes dos campos literario, artístico, musical e deportivo para "explicar a condición nacional de Galiza".
"Galiza nación. Un pobo con dereitos" é o nome da nova campaña que impulsa a Plataforma Vía Galega, que integra máis de 60 asociacións. Unha campaña que nace co obxectivo de que na sociedade galega se asuma "con naturalidade e consciencia a realidade de que Galiza é unha nación", segundo explicou o portavoz Anxo Louzao nunha comparecencia de prensa. . A iniciativa estenderase até o 18 de abril, cando se convocará unha manifestación nacional en Compostela. "Galiza é unha nación con vontade de existir e de exercer como tal, como se recoñeceu oficialmente en 1933 no IX Congreso de Nacionalidades Europeas, adscrito á Sociedade de Nacións", lembrou Louzao, "e como nación que somos asístenos o dereito a decidir e a exercer o dereito de autodeterminación". Na rolda de prensa de presentación, ademais de Anxo Louzao, participaron Lucía Veciño e Artai Gavilanes que destacaron que xa están previstos actos, conferencias, debates e palestras na maioría das comarcas da Galiza. "Xa temos proxectados actos en Compostela, Arzúa, na Barbanza, na Coruña, Bergantiños, Ferrol, Lugo, na Mariña, Ourense, Pontevedra, no Salnés, na Estrada, Lalín, Vigo, no Morrazo e no Baixo Miño", indicaron. A negación dos nosos dereitos colectivos como pobo leva aparellada a limitación dos dereitos individuais e unha baixa calidade democrática Cartaces, folletos, vídeos Vía Galega indica que se editaron 15.000 folletos explicativos da condición nacional de Galiza así como 2.000 cartaces. Ademais, realizouse un vídeo "que define os trazos que conforman a nación galega e un percorrido histórico-reivindicativo de Galiza", así como a gravación de 10 vídeos onde persoas referentes da sociedade galega dan a súas razóns de por que Galiza é unha nación. Entre elas, Manolo Rivas, Isabel Risco, Suso de Toro, Olaia Maneiro, Xurxo Souto, Pilar García Negro, Francisco Rodríguez, Neves Rodríguez, Antón Ruanova e Pilar Pallarés. "Con esta campaña, desde Vía Galega, pretendemos combater as mentiras da Galiza subsidiada, desterrar os complexos, desfacer prexuízos e fomentar a estima colectiva para que cada vez sexa máis pobo o que acredite e tome conciencia de que a nación galega existe e ten futuro", destacou Anxo Louzao. Insitíu Louzao en que cómpre crear máis sensibilización e conciencia nacional "para contrarrestar a galopante españolización, os permanentes ataques perpetrados contra o noso ser colectivo, a nosa cultura e a lingua nacional". "A negación dos nosos dereitos colectivos como pobo leva aparellada a limitación dos dereitos individuais e unha baixa calidade democrática, xa que non hai cidadáns e cidadás libres en nacións oprimidas; de aí a necesidade dun status político soberano para Galiza para exercitármonos todos os dereitos como pobo", concluíu.
NOS_42507
A embarcación desputará esta fin de semana as regatas de ascenso. "Chegamos nun momento óptimo", afirma Pendo Peláez, adestrador da embarcación mugardesa.
Dous billetes para a elite das traiñeiras a desputar entre catro embarcacións, tres delas vascas (Portugalete, Getaria e Zumaia) e unha galega (Mugardos). A primeira vez que os mugardeses aspiran a entrar na ACT ou Liga San Miguel, a competición onde están as 12 mellores traiñeiras. Entre ellas, outras dúas representantes galegas, Cabo de Cruz e Tirán. Nesta temporada tamén competiu Samertolameu de Meira, mais descendeu ao ficar de última na Táboa xeral. Mugardos tentará que na vindeira tempada volvan ser tres as embarcacións de Galiza a vogar na ACT. Portugalete -penúltima na clasificación da ACT- pelexará por defender a súa praza, e Mugardos, Getaria e Zumaia por ascender. Catro barcos para dous postos. As apostas dan favorita a Portugalete para unha das prazas mentres que a outra ficaría para Zumaia ou Getaria. Mais os de Mugardos non renuncian a dar a sorpresa. "A xente está moi ilusionada" "Chegamos nun momento óptimo, coa xente moi ilusionada", afirma o adestrador da traiñeira de Mugardos, Pendo Peláez nunha entrevista na TV da Liga San Miguel, se ben recoñece que vai ser difícil e sinala Portugalete como a principal favorita. "Comezamos a tempada de forma irregular", di Peláez, "mais a medida que avanzaba fomos collendo o ritmo" e agora mesmo atópanse nun momento bo para afrontar o reto de ascender á ACT. Mugardos finalizou segunda na Liga Galega de Traiñeiras-A, mais a renuncia da campioa Amegrove a competir neste 'play-off' posibilitou que os mugardeses aspiren ao posto. As regatas de ascenso serán esta fin de semana en Bermeo e no Río Nervión.
NOS_58390
"Desterrado", es la expresión, de desconsuelo, de angustia y de amargura, que gravita hoy sobre miles de almas […]. Ni la hospitalidad, ni el afecto, ni la estimación, ni el pan, ni el vino ofrecidos sobre la mesa extendida, tienen fuerza bastante para hacerles olvidar su triste condición de desterrados; es decir, de apartados de su propia tierra, de su hogar y del camposanto donde reposan sus muertos queridos. Con estas palabras, Ramón Suárez Picallo sintetizaba a realidade dramática do exilio. Coñecedor de primeira man da dobre epopea galega da emigración e do desterro, identificaba a súa propia traxedia coa das persoas desprazadas ao longo do mundo.
Unha ducia de anos antes, Suárez Picallo era unha das figuras máis recoñecidas do panorama político galego. Xornalista de prosa lúcida e orador brillante, a súa intervención nun mitin era garantía de éxito. Por iso, pola súa extracción social humilde e pola súa capacidade de empatizar coa clase traballadora, forxada no movemento obreiro arxentino, en pouco tempo convertérase no dirixente con máis arraigo popular do Partido Galeguista. A súa traxectoria anterior era relatada en 1936 nunha entrevista baixo o título Film de un marinero gallego que pudo ser senador en América. O certo é que Suárez Picallo tivo unha vida de película. Carvalho Calero presentábao nun acto afirmando que "se eu fora funcionario e tivera que redactar a cédula persoal de Suárez Picallo, sentiríame tentado a pór: 'profesión, heroe galego'". Nacido na pequena aldea de Beloi, en Sada, no ano 1893, era o maior de once irmáns. Fillo dun matrimonio humilde que compaxinaba as tarefas do mar e as da terra, comezou a traballar como mariñeiro aos nove anos. Poucos máis tardaría en tomar un camiño, o da emigración, que o afastaría da terra natal por primeira vez. O seu nome estaría á fronte dalgúns dos principais voceiros da prensa obreira porteña En 1912 chegaba a Bos Aires sen apenas formación. Un lustro despois, era un dirixente obreiro recoñecido a nivel nacional. Nos anos seguintes organizaba a e dirixía sindicatos, nomeadamente no sector marítimo, entrevistábase con presidentes da nación, era a figura central en mitins multitudinarios ou formaba parte da delegación arxentina na asemblea da Organización Internacional do Traballo. A súa militancia socialista e comunista levábano a participar en candidaturas a concelleiro e a senador. E, no medio desta voráxine, atopaba tempo para adquirir unha ampla formación intelectual e para desenvolver a que sería a súa grande paixón: o xornalismo. O seu nome estaría á fronte dalgúns dos principais voceiros da prensa obreira porteña. Unha bagaxe nada cativa para quen tiña que gañar a vida desempeñando oficios duros e mal pagados ou percorrendo os mares do mundo –chega a pisar Shangai, onde, naturalmente, atopa a dous paisanos– nas cociñas de buques mercantes. O compromiso galeguista Nestes anos tomaría contacto co que sería o seu grande amigo de por vida, Eduardo Blanco Amor. Ambos compartían a orixe, a vocación xornalística e a condición homosexual, con todo o que entón implicaba. A influencia mutua había ser determinante en ambos casos: para que o ourensán tomase conciencia social e para achegar ao sadense a unha nova causa, a do nacionalismo galego. O certo é que Suárez Picallo comeza a participar de xeito activo nas organizacións conformadas polos emigrantes, como a Federación de Sociedades Galegas, na que desempeña un papel central. É tamén o momento do reencontro coa lingua materna e o inicio da súa produción literaria: a estrea do drama Marola depáralle un éxito rotundo. De novo, a súa escrita e a súa oratoria, de ton lírico e expresión elocuente, convérteno nun referente entre os seus conterráneos. Con Eliseo Pulpeiro e o propio Blanco Amor dirixe a revista Céltiga, baluarte cultural do galeguismo a ambas beiras do Atlántico, nun tempo, o da ditadura de Primo de Rivera, no que cumpría facer e dicir na diáspora o que no país non se podía. O futuro está por construír e, desde a outra beira do Atlántico, aquel neno que deixou a terra en 1912 está en disposición de lanzarse a conquistalo Precisamente co obxecto de derrubar o réxime e a propia monarquía, Suárez Picallo promove a creación dunha filial en Bos Aires da ORGA, o partido acaudillado por Casares Quiroga que aglutinaba a republicanos e galeguistas. Os feitos precipítanse en abril de 1931 e o xornalista vive os cambios con entusiasmo e optimismo: acaba de proclamarse a República. O futuro está por construír e, desde a outra beira do Atlántico, aquel neno que deixou a terra en 1912 está en disposición de lanzarse a conquistalo. Para participar directamente no devir dos acontecementos, Picallo é designado representante da Federación. Por fin, o regreso, coroado cun éxito fulgurante: as súas intervencións na asemblea da Federación Republicana Gallega, da que a ORGA fai parte, abraian aos asistentes, que o elixen candidato a Deputado. Uns meses máis tarde, a poderosa voz do emigrante retornado está resoando xa nas Cortes Constituíntes. "Fillo do pobo e do traballo" Na súa primeira intervención, presentábase como alguén que carecía de "títulos realmente valederos, como no sea el de ciudadano de la democracia, el de hijo del pueblo y del trabajo". Un home de condición humilde e aspecto desleixado, de formación autodidacta, representante dun pobo de identidade negada... ía contender coa palabra con figuras da talla intelectual de Azaña, Unamuno ou Ortega y Gasset. Sería este último quen, abraiado pola irrupción do descoñecido deputado, preguntaría aquilo de "¿Quién es esa voz pegada a un hombre?". Porén, a quen había conquistar de xeito máis rotundo, coa súa oratoria e coa súa praxe parlamentaria, sería precisamente aos sectores sociais do pobo galego cos que el se sentía identificado. Pero non xa como representante da ORGA, senón dunha nova formación política: o Partido Galeguista, do que el forma parte desde o momento da súa constitución en decembro de 1931. Suárez Picallo, curtido nas loitas sociais, vai ser o home de mitin do PG. Nos anos seguintes, percorre a xeografía galega dando conta do seu traballo nas Cortes e expoñendo ás masas a necesidade dunha Galicia soberana: Recuerda cómo antes y por encima de cualquier otra calificación, él es hijo del trabajo y de Galicia, cómo antes de que él pudiera soñar en ser diputado y actuar en la vida pública, había trabajado en el campo y en el mar y sentía por eso bien y muy cerca los problemas que agitan a trabajadores del agro y del mar en nuestra tierra. Nalgunha ocasión, lembra "sus años de infancia en las tierras de Sada, la tristeza de los días invernales, casi sin pan y sin ropas, en el abandono moral de la aldea, cuyo clamor no podía llegar a Madrid, tan lejano, tan indiferente, tan extraño". Afirmación nacional e conciencia social, son os dous eixes arredor dos que xira o seu discurso, tamén dentro dos propios órganos do partido, nos que vai encabezar aos sectores máis escorados á esquerda. Malia todo, o xiro á dereita nas eleccións de 1933 déixao sen escano, ocasión que aproveita para retomar o oficio xornalístico (dirixe A Nosa Terra, voceiro do PG, e o semanario Ser) e estudar. En apenas dous anos, obtén a licenciatura en Dereito e exerce xa como avogado. Porén, despois dun bienio coa dereita no poder e as reformas aprazadas, a convocatoria electoral de febreiro de 1936 fai que se consagre de novo á acción proselitista, apostando pola confluencia do PG na Fronte Popular. De novo, a palabra de Picallo inunda os grandes auditorios, os campos e prazas, os pequenos salóns de baile: ¡A 17 mítines por día he salido! [...] Ay, mi gran amigo, que cosas descubrí yo desde la tribuna en esta campaña electoral a lo largo y ancho de nuestra tierra. Que ojos juveniles alucinados siguiendo el vuelo de las palabras. [...] A su conjuro empecé a sentirme leader conductor de mi pueblo. Ao triunfo electoral, coa recuperación do escano, seguirá a campaña polo plebiscito do Estatuto de Autonomía. Florecen as esperanzas, o futuro anhelado é case palpable. Pero a sublevación militar de xullo e a caída do territorio galego en mans dos rebeldes truncan todos os proxectos. No caso de Suárez Picallo, que salva a vida por atoparse en Madrid, á traxedia da derrota únese o drama familiar. O seu irmán Xohán Antón, dirixente galeguista e activista agrario, é paseado en agosto: "mi gran camarada, mi gran auxiliar, mi mejor amigo, mi inolvidable animador, fue asesinado a culatazos". Os pais enferman e morren pouco despois e o fogar de Beloi, noutrora ateigado de bulicio, está case baleiro. Ramón vive este drama desde a impotencia da distancia, organizando unha Milicia Galega e dirixindo, en Barcelona, a revista Nova Galiza. Ata que o decurso da guerra obriga a cruzar a fronteira rumbo a Francia. Comeza o deambular por América dun home abatido, un referente do nacionalismo e da Galicia republicana que non cesará nunca no seu compromiso. Con Arxentina baixo gobernos militares, este regreso postergarase dezaseis anos O periplo de Suárez Picallo no desterro levarao inicialmente aos EEUU. Alí realiza unha intensa xira para recadar fondos cos que trasladar persoas exiliadas desde Francia a México. Instálase logo na República Dominicana, onde retoma o seu traballo como xornalista e de onde ten que fuxir perseguido polo ditador Trujillo. As circunstancias condúceno a Chile, a onde chega en 1940 coa intención de poder establecerse no Bos Aires da súa mocidade. Porén, con Arxentina baixo gobernos militares, este regreso postergarase dezaseis anos. Suárez Picallo, un legado por recuperar E n Chile dedícase profesionalmente ao xornalismo. Na súa columna, 'La feria del mundo', expresa cada día as súas inquedanzas nun mundo abatido pola II Guerra Mundial e fracturado logo pola Guerra Fría. Nestes anos reafirma as súas conviccións democráticas e o seu humanismo pacifista, e verte acedas críticas contra o stalinismo, sen renunciar nunca ao seu galeguismo e ao seu compromiso coas persoas e cos pobos oprimidos. En carta a Blanco Amor, faláballe da súa "total, absoluta e irremediable soidade que me condena a vivir comigo só e a morrer nun deserto só comigo". Sostíñao en pé a ilusión do retorno: "¡Volver, Santo Dios! [...] Allí tenemos un rincón para dormir, un plato en la mesa, una profesión honesta y unos cachos de tierra donde arrastrar nuestros pies y ver nacer los guisantes y las patatas nuevas". Con todo, o seu traballo non decaería. En 1944 era o principal promotor en Chile da restauración do pacto Galeuzca. En paralelo, participaba na constitución, en Montevideo, do Consello de Galiza, que pretendía gardar no exilio a vontade do pobo galego. Estaría integrado inicialmente por Castelao, Alonso Ríos, Elpidio Villaverde e el mesmo, deputados elixidos nos últimos comicios democráticos. Quería que souberan da existencia doutra realidade alén da Galicia oprimida polo franquismo: a que o exilio, encabezado entón por Suárez Picallo, representaba O galeguismo en América En 1956 producíase o reencontro definitivo coa cidade porteña e cos amigos. Naquel entón, morto Castelao, Picallo era a figura central do galeguismo en América, todo un patriarca entre a colectividade. Aquel home "que vivíu decote coma un mariñeiro, sen mais propiedades que unha bulsa de viaxe", en palabras de Luis Seoane, acolleríase á protección económica de institucións como o Centro Lucense para poder continuar o seu traballo. Entre outras tarefas, impartiría unha cátedra de cultura galega coa que manter aceso o facho da identidade e a memoria dos tempos previos á guerra. Ao mesmo tempo, a lembranza de quen fora Suárez Picallo iríase esvaecendo na súa terra. Cando, en 1959, tomaba a palabra para despedir ao seu amigo e correlixionario Ramón Otero Pedraio, que retornaba a Galicia despois dunha estadía en Bos Aires, a súa voz, avellentada pero aínda poderosa, reiteraba unha e outra vez unha manda tan emocionada como dramática: "Cando chegues á patria e molles as mans nas augas do mar de Vigo que cantou Martín Códax, fálalles dos que estamos nesta outra beira do mar Atlántico". Que souberan da existencia doutra realidade alén da Galicia oprimida polo franquismo: a que o exilio, encabezado entón por Suárez Picallo, representaba. A das liberdades, os valores democráticos e a conciencia nacional. A do futuro. Ramón morría no ano 1964, desexando que os seus restos puideran retornar algún día a Sada, como así sería catro décadas máis tarde. Quedaba o seu legado: milleiros de páxinas repartidas polos xornais e unha voz que, alén das gravacións dos últimos anos, levou o vento. A voz dun pobo negado reafirmando a súa existencia.
NOS_5317
CIG, CCOO e UGT volveron protagonizar concentracións unitarias en diferentes cidades da Galiza coincidindo co consello de ministr@s
Máis unha vez, CIG, CCOO e UGT volveron protagonizar concentracións unitarias en varias cidades e vilas da Galiza para amosar o rexeitamento ao "saqueo do pobo e ás medidas de recortes en dereitos laborais e sociais que cada sexta aproba o goberno de Rajoy no seu consello de ministr@s. As mobilizacións enmárcanse na liña de actuación conxunta entre estas tres centrais á hora de escenificar a denuncia "contra o saqueo ao pobo para pagar o rescate da banca". Setembro preséntase como un mes axitado. Non só pola entrada en vigor de medidas como a suba do IVE, con efectos directos e inmediatos nos petos da cidadanía, senón polo comezo do curso escolar (onde serán unha realidade os recortes e tesoiradas aprobadas polos executivos do PP) e polo depauperamento progrsivo de condicións laborais e sociais de amplas capas da cidadanía. Cómpre lembrar que sobre a mesa de CCOO e UGT está tamén a proposta de convocar unha folga xeral unitaria o vindeiro 26 de setembro. Esta segunda o secretariado confederal da central nacionalista valorou a necesidade de convocar xa unha folga xeral. Unha decisión que entende axeitada perante "o deterioro da situación económica, política e social que, segundo todo indica, seguirá a agravarse, e perante a perspectiva de que mesmo se produza un segundo rescate ao Estado español, que provocaría a imposición de medidas moito máis duras das xa aprobadas".
NOS_55857
O Colexio de Médicos de Pontevedra presentara unha denuncia pola vía penal para protestar pola sobrecarga asistencial que soportou a área sanitaria de Vigo o pasado verán. Malia que "esperaba" o arquivo -a causa aínda segue pendente en Pontevedra-, apelar á Xustiza foi un intento de "protexer aos médicos".
O Xulgado de Instrución número 7 de Vigo vén de desestimar e arquivar, de momento de forma provisional, a denuncia presentada polo Colexio de Médicos de Pontevedra pola "sobrecarga asistencial" que soportaron os facultativos nos equipamentos sanitarios desa área durante o pasado verán. Esta comunicación por parte da entidade colexial case coincide no tempo co colapso padecido na Atención Primaria da demarcación de Vigo, que fixo que se impuxese adiar todas as citas que non foran urxencias ou casos da Covid-19. O colectivo, que aínda agarda pola resolución da denuncia que presentou nas dependencias xudiciais de Pontevedra, asegura que xa "esperaba" que a denuncia contra a dirección da área sanitaria de Vigo non prosperara pero foi unha forma de intentar "protexer aos médicos". Antes de chegar á Xustiza, o colexio médico acudira á Inspección de Traballo pola carga laboral que se impoñía quer na Atención Primaria na área de Vigo, quer na de Pontevedra e O Salnés. As mesmas fontes insisten en que a denuncia presentouse para "protexer" a "integridade física e psíquica dos profesionais sanitarios" despois de que doutoras e doutores remitiran queixas ao colexio tanto aludindo aos centros de saúde como aos Puntos de Atención Continuada (PAC). Para a Xustiza isto non ten maior recorrido pola vía penal, pois "incumbe a outros ámbitos administrativos". A resolución xudicial argumenta para acordar o sobresemento provisional e arquivo da denuncia que os feitos denunciados revelan unha problemática que incumbe "a outros ámbitos administrativos". Así, o xulgado de Vigo sinala na súa resolución que neste caso, polos feitos presentados, non caben accións penais. En todo caso, no seu momento a organización conseguiu dar a coñecer unha "situación moi precaria que podería prexudicar a atención a pacientes". Neste contexto, o colexio pensa na creación dun observatorio da sanidade pública onde as especialistas podan manifestar as súas experiencias, protestas e inquedanzas.
PRAZA_14418
Os nosos tan atomizados como febles pero abofé que imprescindíbeis movementos sociais, e refírome neste punto moi especialmente a aqueles que procuran unha mudanza radical do noso modelo de sociedade, non deberían caer na tentación, entendíbel pero pouco práctica, de vivir alleos ao 21 de outubro.
En febreiro de 2009, durante o Foro Social Mundial en Belem do Pará (Brasil), tiven a sorte de formar parte da delegación internacional nun acto organizado polo Movemento dos Traballadores Rurais Sem Terra (MST) no ximnasio da Universidade Estadual Paraenese. Tratábase dun encontro de movementos sociais cos presidentes do Ecuador, Paraguai, Bolivia e Venezuela. Faltaba un quinto, o presidente Lula da Silva, excluído publicamente do antedito acto polo MST, por mor das políticas contrarias á reforma agraria que el mesmo prometera en chegando ao Planalto en 2002. Meses máis tarde, o movemento camponés, que agrupa a centos de milleiros de familias labregas en loita, decidía apoiar a Dilma Rouseff, aposta persoal de Lula, para a presidencia do país. Un bo exemplo de como un gran movemento social pode, por unha banda ser terribelmente duro na súa crítica a un goberno e un partido; e pola outra, cando a urxencia –neste caso lectoral– o require, apoiar a ese mesmo partido para que recunque no poder O anterior constitúe un bo exemplo de como un gran movemento social, inserido ademais na esquerda anticapitalista e na práctica da autoxestión, pode, por unha banda ser terribelmente duro na súa crítica a un goberno e un partido; e pola outra, cando a urxencia –neste caso lectoral– o require, apoiar a ese mesmo partido para que recunque no poder. E non precisamente cun apoio testemuñal, senón extremadamente participativo. Ao cabo, o MST, que non é sospeitoso de se vender a ninguén máis que ás familias dos seus acampamentos e asentamentos, dende a chegada de Lula sempre tirou de pragmatismo niso das presidenciais, e mesmo noutros asuntos públicos, por canto entende que a volta da dereita constituiría un dramático paso atrás. Os Sem Terra preocúpanse moito de deixar este aspecto ben nidio no seu discurso e non dubidan en reaxir despois con contundencia, na procura dos seus obxectivos, contra o goberno que axudaron a crear. Un outro exemplo. O Movemento ao Socialismo (MAS) que levou a Evo Morales á presidencia foi aínda máis aló, pois non se trataba dunha organización exclusivamente política, malia que na súa orixe tivese o miúdo Movimiento al Socialismo Unzaguista (MAS-U), unha escisión da antiga Falange Socialista Boliviana. O MAS muda realmente na opción de goberno que hoxe coñecemos grazas á integración dunha amálgama de movementos –cocaleiros, mineiros, indíxenas, organizacións de mulleres– que deciden pasar á acción política despois da traumática guerra da auga de Cochabamba de 2003. Dous anos máis tarde chegarían ao goberno para refundar Bolivia nun estado plurinacional, o que tampouco impide que eses movementos ataquen duramente a xestión de Morales cando cómpre. Sen a complicidade dos movementos sociais América latina seguiría a ser o patio traseiro do Imperio Casos similares, dende movementos que apoian a un partido até outros que deciden constituírse eles mesmos en organización política, atopamos moitos nese cono sur que hai máis dunha década decidiu darlle unha reviravolta ao (des)equilibrio xeopolítico do planeta. Hainos no Ecuador, Paraguai, Uruguai e mesmo na Arxentina a diferentes niveis, pero sempre teñen que ver coa total implicación da esquerda social na acción política –institucional– por cuestións, digamos, de urxencia nacional… ou se cadra de fartazgo histórico. Sen a complicidade dos movementos sociais América latina seguiría a ser o patio traseiro do Imperio. É innegábel que cada vez máis as accións da Troika na UE, cos chamados plans de austeridade, parecen debuxar un calco do acontecido alén do Atlántico na década dos '80 e '90 A estas alturas xa saberedes por onde quero ir. Non imos establecer un paralelismo exacto, pois os contextos de partida son ben diferentes, entre os movementos emancipatorios latinoamericanos e a Galiza nosa. Porén, é innegábel que cada vez máis as accións da Troika na UE, cos chamados plans de austeridade, parecen debuxar un calco do acontecido alén do Atlántico na década dos '80 e '90, con aqueles plans de axustamento estrutural dos terríbeis xemelgos –FMI e Banco Mundial– que xeraron tanta miseria, tanta destrución ambiental e a máis absoluta ausencia de democracia. Con todo, estou por afirmar que no actual marco sociopolítico galego as poucas posibilidades de deixar á dereita sen maioría absoluta no Hórreo só pasan, como daquela en latinoamérica, por unha implicación activa e decisiva do amplo espectro da chamada esquerda social –dende os colectivos máis libertarios até moitas asociacións culturais–, emulando aquel clima Hai que Botalos que enviou a Fraga a Madrid. É nesta esquerda e non na dos partidos onde reside a verdadeira capacidade de transformación social. Eis o seu desaproveitado poder. As poucas posibilidades de deixar á dereita sen maioría absoluta no Hórreo só pasan, como daquela en latinoamérica, por unha implicación activa e decisiva do amplo espectro da chamada esquerda social Ao meu xuízo, os nosos tan atomizados como febles pero abofé que imprescindíbeis movementos sociais, e refírome neste punto moi especialmente a aqueles que procuran unha mudanza radical do noso modelo de sociedade, non deberían caer na tentación, entendíbel pero pouco práctica, de vivir alleos ao 21 de Outubro, por moito que rexeiten e repudien este apodrecido sistema noso e as súas inservíbeis institucións. Trátase, xa non só de dar resposta ás agresións que hogano sufrimos como persoas, como sociedade e como biosfera, porque sinceiramente poucas respostas podemos dar dende as institucións neste status quo sistémico máis aló de aliviar algunhas inxustizas, que non é pouco. Trátase máis ca nada de enfrontármonos aos do cumio da pirámide para facerlles saber que aí, no seu propio campo de batalla, tamén podemos vencer. Onde máis lles doe. E mesmo para aprenderlles que, como dirían na Lacandona, aquí o pobo manda e o goberno obedece. A actividade destes movementos sociais antisistémicos é ben diversa e as máis das veces invisíbel, demasiado invisíbel, pero importante. Moitas estamos convencidas que son estas accións e proxectos de longo percorrido, que falan de economía social, de cooperativas integrais, de educación non formal, de finanzas éticas, de soberanía alimentar, de hortas comunitarias, de medios alternativos, de asembleas, de democracia radical, de ecoaldeas, de centros sociais, de decrecemento… ao cabo de autoxestión e desmercantilización, serán as que realmente logren mudar a nosa sociedade. Non albisco outro camiño. Trátase de enfrontármonos aos do cumio da pirámide para facerlles saber que aí, no seu propio campo de batalla, tamén podemos vencer. E mesmo para aprenderlles que, como dirían na Lacandona, aquí o pobo manda e o goberno obedece No entanto, o que non son quen de ver é a suposta incompatibilidade entre esta estratexia transformadora e a táctica –que non é o mesmo que estratexia– de asaltar os gobernos cando teñamos ocasión, malia que despois nos vexamos na obriga de os acurralar ao estilo do que vimos de ver o 25-S.
NOS_7415
Un estudio da Mesa indica que a presenza do noso idioma nos brinquedos é "practicamente inexistente" e que esta situación non se pode xustificar apelando a que non hai demanda. "É unha cuestión de falta de igualdade de condicións".
A Mesa analizou 24.706 xogos e xoguetes que se comercializan en Galiza e descubriu que só 148 incluían o galego no seu contido, o que supón 0,6% do total. Se imos aos que unicamente están en galego, a porcentaxe cae a 0,38%. Estes son algúns dos dados que figuran no estudo 'A situación da lingua galega nos xogos e xoguetes en Galiza', que vén de ser presentado esta quinta feira. "A gran maioría esán en castelán, portugués, inglés e outros diferentes ou unicamente en castelán", indícase, "non é até o noveno posto onde atopamos o galego como unha opción para os xogos e xoguetes en Galiza". Dáse a situación de que a presenza do galego é case inexistente neste eido mentres que podemos atopar en Galiza unha grande oferta de brinquedos en inglés. A escasa presenza do galego dáse tanto no que respecta ao contido como a etiquetaxe ou ás instrucións. "Hai quen xustifica a nula oferta en que non teñen demanda", indícase no estudo da Mesa. Un argumento, indican, que non se sotén. "É máis que un problema de demanda, é unha cuestión de falta de igualdade de condicións. Se houbese ne galego os mesmos que hai en castelán, que elixirían os consumidores e consumnidoras?". Estamos, pois, perante unha "desigualdade de condicións" e ante unha "cuestión social". "Temos interiorzado que, como noutros aspectos da vida, os xogos e xoguetes son en castelán, fan parte da nosa normalidade". E non debemos esquecr que os brinquedos son fundamentais para amsocialización e formación das crainzas, polo que a ausencia nos mesmos do galego é unha eiva importante para o noso idioma. De aí que cómpra adoptar medidas e políticas que, como reivindica A Mesa, nos garantan "o dereito a xogar en galego". E aí o goberno galego debería xogar un papel de compromiso co idioma.
PRAZA_8329
Eduardo Maroño analiza en Qadriños, o blogue de Praza dedicado á banda deseñada, o volume Verde, 16 minicómics (9,5 x 7,5 cm; 20 páxinas) elaborados por outros tantos autores
Eduardo Maroño analiza en Qadriños, o blogue de Praza dedicado á banda deseñada, o volume Verde, 16 minicómics (9,5 x 7,5 cm; 20 páxinas) elaborados por outros tantos autores VERDE non é unha novela gráfica. Tampouco é nouvelle bande desinée, nin un tebeo de superheroes, nin moito menos un manga. VERDE é un artefacto, un obxecto, unha cousa; concretamente, unha caixa que leva dentro 16 minicómics (9,5 x 7,5 cm; 20 páxinas) elaborados por outros tantos autores. Para os autores VERDE é, supoñemos, un reto: contar unha historia en condicións materiais adversas. Para os posuidores da caixa, VERDE é un problema de almacenaxe. Onde gardalo? Para os promotores, VERDE é sen dúbida unha nova etapa nun sinistro proxecto de enxeñería social que tiña na anterior caixa vermella e en cómics coma Submundo de Kaz perigosos antecedentes. Entre os autores participantes, tres galegos. Víctor Coyote Aparicio, que suxire un choque xeracional entre fantasmas hippies e mozos hipermodernos; Andrés Magán, que advirte do perigoso que pode resultar atopar o que un busca; e Jano, que cuestiona con rigor os tópicos sobre a prodixiosa capacidade de adaptación das cascudas en caso de holocausto nuclear. Dous ilustres veteranos ofrecen traballos que case resultan contraditorios. Mauro Entrialgo, participa cun relato de rebeldía xuvenil, mentres Manel Fontdevila regala consellos para levar unha madurez digna ou cando menos satisfactoria. Neste contexto de rudeza viril, o caderniño de Ana Galván escintila coma unha alfaia. O seu trazo fino e acabado belido atacan o canon dominante de caixa para dentro, resultando dobremente subversivos. O seu relato defende con intelixencia a mentira autoindulxente e a fe nun mesmo máis aló de calquera indicio racional. Autora a seguir. E todavía hai máis. Chema García demostra que aínda hai motivos para reivindicar a Vázquez; Javi Godoy e Álvarortega imaxinan alieníxenas e robots que conspiran contra a humanidade e coinciden no diagnóstico: a culpa é nosa; Pau Anglada argalla un vídeo-xogo para hobos… Así ata 16 caderniños verdes cuxa semellanza en presentación e formato cos Cuentos de Calleja é pura casualidade. Ou non.
NOS_3397
De cara aos comicios xerais, o secretario de Política de Podemos, Íñigo Errejón apostou por "tender a man" a alianzas en lugares como Galiza pero de maneira que Podemos funcione como "eixo artellador en todo o Estado"
Para lugares como Galiza onde "fai falta tratar de forma diferente o que son situacións diferentes", o secretario de Política de Podemos, Íñigo Errejón, aposta por "tender a man a alianzas" de cara ás eleccións xerais, pero sempre e cando Podemos funcione como "eixo artellador en todo o Estado". En declaracións recollidas por Europa Press na Coruña, onde inaugurou unha sede de Podemos, Errejón admite que hai "territorios concretos con dinámicas políticas propias nos que queremos tender a man e entendernos con moitos actores moi diferentes, que foron pioneiros en abrir paso". E aí toda a xenerosidade e toda a man tendida". Porén, Errejón puxo de manifesto que Podemos debe ser "o vector fundamental", aínda que camiñe "con moitas outras forzas". "Non se trata de xuntar partidos nin siglas nin a quen pensan exactamente igual, senón de construír unha maioría de xente que vén de lugares moi diferentes", engadiu. Sobre a posibilidade de converxer con Ahora en Común, o responsábel de Política de Podemos salientou que o decidirán as bases en referendo e sen excluír ninguén. Con todo, insistiu que "non se trata de facer unha fronte entre a xente que pensa igual, senón de dar paso ao cambio dunha maioría". En declaracións aos medios Errejón apostou por falar "territorio a territorio". "En Cataluña déronse pasos moi significativos", apuntou, "Podemos vai ser un instrumento para tender á acumulación de forzas" en Cataluña.
NOS_8899
Foi durante unha performance reivindicativa que deu continuidade ao roteiro 'contra o terror bancario', realizado en decembro de 2013 para sinalar os culpábeis na problemática do acceso á vivenda.
Os caixeiros de Novagalicia Banco, Banco Santander, BBVA, Kutxa... un a un, todos foron recibindo a visita de ducias de activistas de Stop-desafiuzamentos na Coruña. Con roupas que imitaban pixamas, con sacos de durmir, mantas e até con algún anteface para evitar que a claridade impida durmir, realizaron unha performance "para sinalar os culpábeis da estafa financeira e reivindicar que se faga efectivo o dereito básico universal á vivenda". Héctor Tejón, voceiro da plataforma, explicou en conversa con Sermos Galiza que o obxectivo da acción "foi reivindicar que as nosas necesidades non están satisfeitas e que os bancos atenden outros intereses". Ás 10.30h, hora para a cal estaba fixada a acción reivindicativa, eran por volta de 30 as persoas dispostar a tomar parte nela. Porén, caixeiro a caixeiro, fóronse unindo máis, entre usuari@s das entidades bancarias e @s propi@s afectad@s polos despexos, "que se empoderaron e animáronse a estar con nós borrando dunha vez ese estigma porque, se algo son, son vítimas dunha estafa", subliñou Tejón. A acción deste 31 de xaneiro veu dar continuidade ao roteiro 'contra o terror bancario' realizado a finais de 2013, un venres-13. Os cartaces en que reivindicaban 'Que se saiba!' que 'Este banco engana, estafa e bota xente da súa casa' volveron sacar as cores ás entidades responsábeis de que na Coruña haxa veciñanza que perdeu a súa vivenda por mor dun desafiuzamento.
PRAZA_3559
"Somos diversos no espazo da esquerda como diversa é a sociedade galega", di Martiño Noriega na presentación da coalición xunto con Antón Gómez-Reino e Eva Solla
"Somos diversos no espazo da esquerda como diversa é a sociedade galega", di Martiño Noriega na presentación da coalición xunto con Antón Gómez-Reino e Eva Solla"Somos diversos no espazo da esquerda como diversa é a sociedade galega". Con esa frase presentouse este mércores en Santiago a coalición Galicia en Común-Anova-Mareas, co seu candidato á presidencia da Xunta, o tamén secretario xeral de Podemos Galicia, Antón Gómez-Reino, acompañado pola líder de Esquerda Unida, Eva Solla, e polo responsable das negociacións para a confluencia de Anova, Martiño Noriega. A tres semanas e media da xornada electoral, e admitindo eles mesmos que a actualidade informativa arredor do coronavirus dificultará que as súas propostas políticas teñan máis difusión, a presentación da coalición centrárona en facer ver o traballo realizado ata agora polo espazo político que ocupa e a súa representatividade social. Nesa liña, segundo salientou Noriega, a coalición non chega tarde senón que "garante que ningún voto progresista quede na casa".A coalición reivindica o "traballo das dúas últimas lexislatura realizado tanto con Alternativa Galega de Esquerda (AGE) como co Grupo Común da Esquerda", un espazo que "impugnou as políticas da dereita movendo os marcos"Segundo salientou Solla, o espazo político representado pola coalición é herdeiro do "traballo das dúas últimas lexislatura realizado tanto con Alternativa Galega de Esquerda (AGE) como co Grupo Común da Esquerda". Un traballo no que ese espazo político, salientaron os presentes, foi o único que "impugnou as políticas da dereita movendo os marcos" do debate a respecto do que había antes da súa aparición.Nesa liña, puxeron en valor tanto os gobernos municipais do cambio logrados en 2015 como a o Goberno central de coalición de PSOE e Unidas Podemos, "que está dando un exemplo do tipo de políticas a acometer no próximo goberno progresista da Xunta". "O cambio político non vai chegar só coa melancolía do bipartito", sentenciou Noriega.Sobre o coronavirus, a coalición salienta que as eleccións só se poden celebrar "con todas as garantías" tanto sanitarias como "de participación de toda a cidadanía", decisión que debe ser "das autoridades sanitarias""Representamos boa parte do caudal político deste país", dixo Gómez-Reino, que explicou, a preguntas dos xornalistas, que a pluralidade da formación fai que durante a campaña cada formación potencie en distintos actos o seu propio perfil ou a especialización de cada candidato. "A diversidade é o noso potencial", sentenciaron, e sobre a súa expectativa electoral, Gómez-Reino salientou que as enquisas amosan que "na dereita hai fugas, na esquerda non".Sobre como o coronavirus podería influír na campaña electoral, ou se as eleccións deberan ser aprazadas e por quen, Noriega, médico de profesión, salientou que "o fundamental é garantir a saúde pública do conxunto da cidadanía" e que as eleccións só se poden celebrar "con todas as garantías" tanto sanitarias como "de participación de toda a cidadanía". Porén, esa decisión debe ser "das autoridades sanitarias", a cuxa disposición se poñen. "As autoridades sanitarias teñen que marcar o camiño", sentencian.
PRAZA_13270
Un pai e o seu fillo foron desafiuzados en Cambre logo dun desaloxo no que interviron oito gardas civís. Ambos os dous están en paro desde hai tempo e faltáballes por pagar 30.000 euros da vivenda. Agora, entre custas e intereses, a débeda ascende a 126.000 euros.
En Galicia, e segundo datos do Consello Xeral do Poder Xudicial, rexístranse unha media de nove desafiuzamentos ao día. No que vai de ano, e ata o pasado mes de maio, foron 1.370 as familias que quedaron sen casa no país, unha cifra que vai en aumento, tal e como advirten CCOO, UGT e a Rede Galega contra a Pobreza. Un dos últimos casos aconteceu este mércores en Cambre. Un drama que serve para exemplificar a insensatez dunha situación que deixa na rúa a xente con graves problemas económicos tras non poder asumir débedas que incluso poden superar, e con moito, ás que mantiñan inicialmente cos bancos. Un pai e o seu fillo foron desaloxados da súa vivenda en Cambre. Oito garda civís e o procurador do xulgado presentáronse pola mañá cedo, e sen previo aviso, na casa destas persoas, ambas as dúas en situación de paro de longa duración e subsistindo grazas á axuda mínima da renda familiar. Así o denuncia Stop Desafiuzamentos da Coruña, a través dun dos seus voceiros, Joaquín Díaz. Oito gardas civís desaloxaron da súa vivenda a un pai e un fillo en situación de paro de longa duración "Levan dous anos sen pagar a hipoteca e non teñen forma de pagala nin familia que lles poida dar acubillo; quedaron sen teito", denuncia Díaz, que lembra que o desafiuzamento produciuse sen notificación previa, algo que non cre legal e que as autoridades xustificaron no feito de que pai e fillo avisaran da anterior paralización do desaloxo. "Estaban sós porque ninguén puido ser avisado para deter o desafiuzamento", lamenta este membro da plataforma coruñesa, que recorda que a familia afectada foi apoiada por diversas asembleas de barrio e que o pai foi detido pola Garda Civil por resistencia á autoridade, aínda que só estivo dúas horas retido no cuartel. Pai e fillo non puideron facer fronte a unha débeda inicial de 30.000 euros, que era cantidade que lles quedaba por pagar dunha hipoteca inicial de 127.000 euros na que se incluía tamén un coche. "Entre os intereses e as custas, a débeda actual é de 126.000 euros", advirte Díaz, que repara nunha situación que se repite en moitos dos casos que coñecen. Ao final, e malia ter pagado a maior parte da hipoteca, o afectado acaba debendo o mesmo ou incluso máis que cando asinou o contrato co banco, que súa vez queda coa casa. Agora buscan unha pensión onde poder pasar os días. Quedábanlles 30.000 euros por pagar da casa, pero entre intereses e custas a débeda ascende agora a 126.000, o prezo inicial da vivenda Neste caso, a entidade é Deutsche Bank Credit, que tan só ten oficinas en Madrid, o que complicou aínda máis a inútil negociación que a familia de Cambre intentou manter coa devandita entidade. Lamentablemente, e unha vez que o banco queda coa propiedade, "xa non hai solución ningunha", recoñece Díaz, que advirte de próximos casos en Galicia "aínda máis sangrantes que o de Cambre". Ante esta dramática situación que están a sufrir milleiros de persoas en todo o Estado, , CCOO e UGT, a Rede Galega contra a Pobreza e numerosas plataformas en contra dos desafiuzamentos están a chamar á poboación a que colaboren na recollida de sinaturas para presentar unha iniciativa lexislativa popular (ILP) no Congreso que reclama que se regule a dación en pago e que se paralicen os desafiuzamentos e que se promova o aluguer social. Precísanse 500.000 sinaturas e a campaña chega agora a Galicia logo de que xa comezase en Cataluña, Castela e León ou Asturias. O prazo de recollida durará até outubro e a colaboración pode chegar a través de formularios, pero tamén por Internet.
NOS_25941
Acusan a Xunta de ampararse en débedas "irreais" para poñer miles de hectáreas nas mans de xestores privados para adicalos a "eucaliptos", "megaminería" e "industrias contaminantes". Manifestaranse o sábado, ás 12:00, en Compostela
A Organización Galega de Comunidades de montes en man común e o sindicato agrario Fruga compareceron esta terza feira para informar dos motivos da manifestación para o vindeiro sábado, 22 de novembro, unha mobilización que decorrerá en Compostela co lema 'Defende os froitos dos nosos montes'. O presidente da Organización Galega de Comunidades de montes en man común, Alfredo Pereira, enmarcou esta mobilización na necesidade de reaxir ante unhas políticas do PP que o que procuran é "privatizar o monte veciñal" para llo entregar a xestores privados. "Queren convertilo nunha inmensa leira para industrias contaminantes, para actividades agresivas como a megaminería e para plantar especies de medre rápido", sinalou. Para lograr este obxectivo, afirma Pereira, o PP emprega a Lei de Montes que aprobou en 2012 e no que se estipula que aquelas comunidades de montes con débeda en convenios ou consorcios terán obrigatoriamente que asinar un contrato con empresas forestais privadas. "Iso é un roubo", manifestou. Expolio Orgaccmm insiste en que as débedas non son reais. Explicou que o monte veciñal foi usurpado polos gobernos españois hai décadas á veciñanza e non se procedeu a llo devolver até pasado o franquismo. Os montes veciñais en mao común ocupan 1/3 do territorio da Galiza e están xestionados por unhas 3.000 comunidades Manuel Dacal, de Fruga, lembrou que a lei de montes do Estado español de 2003 permite a condonación das débedas de montes consorciados ou conveniados sempre e cando o titular se comprometa a xestionala. Por iso demanda da Consellería de Medio Rural a condonación das débedas. "Non hai razón legal, xurídica ou técnica" para non o facer. Dacal considera que o Partido Popular está a facer "un ataque premeditado" sobre unhas propiedades, os montes veciñais, que son moi gorentados polo sector privado. Os montes veciñais en mao común ocupan 1/3 do territorio da Galiza e están xestionados por unhas 3.000 comunidades, que reúnen aproximadamente uns 250.000 veciños e veciñas comuneiras. O monte veciñal é unha seña de identidade propia de Galiza, somente hai esta figura no noso país e no norte de Portugal. Sobre esta institución tan especificamente galega, Sermos Galiza editou un A Fondo monográfico ao que podes acceder neste enderezo.
PRAZA_5056
Precisamos xente co sorriso na cara. Menos traxes e máis camisas remangadas. Menos cravatas e unha nova ollada sobre a realidade. Corazóns na man. Menos caridade e máis xustiza social. Máis optimismo. O mundo será, ou debería ser, o que nós quixeramos que fose. Mais non funcionan as cousas así e o mundo é, e semella que vai seguir sendo, o que uns tipos egoístas e sen corazón, con demasiadas cravatas, queren que sexa.
O que non hai é valentía. Para cambiar o mundo. Para recoñecer que este sistema está esgotado. Para asumir que hai que empezar de cero, mandando para sempre ao cubo do lixo ao capitalismo, para centrarnos noutro xeito de vivir que pense nas persoas e non nos mercados. E así, quizais, saberiamos valorar aos políticos e ás políticas polo que poden facer para mellorar a vida das persoas e non pola súa capacidade para xestionar contas. Porque, se aínda fixesen tal (xestionar contas) aínda estarían a facer política. Pero iso xa non o fan. O que fan é non gastar, recurtar, aforrar. Darlle aire ao sistema para que non afogue. Non quero que un presidente da Xunta pida a reeleccción só porque lle cadraron os números Eu quero xentes na política que se tomen a política en serio, é dicir, como unha posibilidade de intervención na realidade. Non quero que un presidente da Xunta pida a reeleccción só porque lle cadraron os números. Non quero un alcalde que, por sacar para adiante uns orzamentos, pacta con quen sexa aínda que o pacto non se sosteña dende un punto de vista político, lóxico, ideolóxico, programático. Quero políticos que saiban que o son, e que sexan conscientes de que teñen a polis detrás, a xente, a patria, a nación, a cidade, o barrio. Políticos e políticas que non vexan o seu partido como o máis importante. Senón a eses homes e mulleres que representan e que, cada día con menos fe, pero aínda, lles dán os seus votos para que administren as súas vontades. Políticos coma Rajoy, que abre os brazos impotente e di algo así como "é que non se pode facer outra cousa". Non se me ocorre neste día de primavera repentina na que redacto estas liñas, frase máis covarde Precisamos de xente valente que se atreva a soñar. Si. Soa como ao 68, pero é que é así. Levamos séculos de posibilistas, de realistas, de persoas pegados ás páxinas cor sepia dos xornais dominicais de Madrid. Políticos coma Rajoy, que abre os brazos impotente e di algo así como "é que non se pode facer outra cousa". Non se me ocorre neste día de primavera repentina na que redacto estas liñas, frase máis covarde. As cousas son así. Eu, presidente do goberno, non teño capacidade para maxinar outra relidade distinta. Eu, presidente, nós ministros conselleiros alcaldes responsables dirixentes, entendemos que o Capitalismo é a Estación Termo Final Punto Derradeiro da historia da humanidade e que, aínda que afogue a todo o mundo hai que defendelo, sostelo, aguantalo...aínda que a xente morra. E se hai que provocar unha guerra para facer negocio, provócase. E se hai que acabar coa sanidade, coa educación, coa lingua, co que sexa, se aí hai posibilidades de facer caixa, faise. E punto pelota. Precisamos xente co sorriso na cara. Menos traxes e máis camisas remangadas. Menos cravatas e unha nova ollada sobre a realidade. Corazóns na man. Menos caridade e máis xustiza social. Máis optimismo Precisamos xente co sorriso na cara. Menos traxes e máis camisas remangadas. Menos cravatas e unha nova ollada sobre a realidade. Corazóns na man. Menos caridade e máis xustiza social. Máis optimismo. O mundo será, ou debería ser, o que nós quixeramos que fose. Mais non funcionan as cousas así e o mundo é, e semella que vai seguir sendo, o que uns tipos egoístas e sen corazón, con demasiadas cravatas, queren que sexa. Precisamos sermos valentes. E darlle a volta a todo.
NOS_6016
Sombras na elite e brillo dos equipos da Galiza na terceira categoría
O Celta suma unha única vitoria nos últimos 11 partidos. O Lugo, só unha máis. Afortunadamente, o bo facer de ambos os equipos galegos na elite do fútbol estatal en tramos anteriores da tempada fixo que, a pesar da pobre recta final de campaña que están a percorrer, tanto celestes como albivermellos teñan a salvación virtualmente fechada. A escuadra olívica perdeu en Granada, o equipo que marca o límite da permanencia, unha oportunidade para confirmala, pois cando todo apuntaba a un triunfo do Celta logo dun tanto anotado por Iago Aspas, o atacante local Darwin Machís subiu o definitivo 1-1 ao marcador do Novo Los Cármenes. O Chacho Coudet, técnico celeste, laiouse despois do partido de que unha vez máis os seus homes deixaran escapar puntos nos intres finais dun partido, como xa lle acontecera hai dúas semanas ante o Español ou en febreiro ante o Levante: "Fixémolo todo para gañar, e merecemos levar os tres puntos, pero o rival, como ten tanta necesidade, saíu a buscalo e atopou o gol, así que a realidade é que se nos volven escapar dous puntos por non ter efectividade". Peor sorte incluso tivo o Club Deportivo Lugo, que perdeu un partido no Ángel Carro por primeira vez en seis meses. O club que derrubou a muralla albivermella foi un Tenerife que foi moi superior a un Lugo rañica que só tivo unha opción de gol ao longo dos 90 minutos. A súa aposta polo fútbol máis defensivo funcionou durante 64 minutos, o tempo que tardou Mario González en anotar o 0-1 nun saque de esquina. Obrigado a mudar radicalmente de estratexia, pouco menos de 10 minutos despois os albivermellos recibían o definitivo 0-2. 'Testiculina' santanderina O Dépor fixo contra a UD Logroñés un dos mellores partidos da tempada e logrou un cómodo triunfo por 3-0, o que non foi abondo para evitar o ascenso directo dun Rácing de Santander que empatou a dous goles con outro equipo galego, o Celta B. Desde a capital cántabra, o seu adestrador, Guillermo Romo, sacou peito -por empregar un eufemismo elegante- polo seu logro, dicindo que o Santander "dobra en ovos" ao Deportivo. O outro Rácing da categoría, o de Ferrol, confirmou o seu bo momento vencendo o Talavera 1-0 e con dous homes menos cun tanto do de sempre, Joselu.
NOS_36384
Representantes da Comisión contra as Minas da Terra Chá e os alcaldes de Abadín, A Pastoriza, Castro de Rei e Cospeito amosan o seu rexeitamento á explotación de seixo por Erimsa na zona. Considérana incompatíbel e prexudicial para un territorio cuxa riqueza provén da gandaría e a agricultura.
A Comisión contra as Minas da Terra Chá, xunto cos rexedores de Abadín, A Pastoriza, Castro de Rei e Cospeito en representación dos municipios afectados polas concesións mineiras de Erimsa, ofreceron esta quinta feira o seu rexeitamento aos proxectos de explotación. Os alcaldes e representantes da plataforma veciñal sinalaron que a preocupación polo impacto das explotacións mineiras non está guiada por "prexuízos ou animosidade contra a empresa". Porén, argumentaron, consideran a actividade mineira incompatíbel co desenvolvemento gandeiro e agrario da comarca, "o noso medio de vida tradicional". A Terra Chá, defenderon, acadou altos índices de produtividade, tanto leiteiro como cárnico, o que trouxo consigo o asentamento de industrias lácteas, fábricas de pensos e outras iniciativas empresariais vinculadas ao sector. Para todos os actores que participaron da rolda, a terra é a principal fonte de riqueza da comarca. Non obstante, sinalaron que é precisa unha maior base territorial para pasteiros e forraxes, "necesarios para un maior benestar da cabana gandeira e unha maior rendibilidade das nosas granxas". Por isto demandaron políticas que impulsen un maior acceso a base territorial e que impidan "a degradación dos nosos solos". Unha aposta que opuxeron á posíbel actividade da empresa mineira. "A nosa oposición é un exercicio de responsabilidade, xa que os proxectos de explotación que se pretenden levar a cabo afectan a bens importantes e causaría impactos, defendeuse. Como argumentos principais para opoñerse a Erimsa sinaláronse as dificultades de "reposición de solo orixinal, de producirse a explotación" e a "afección á capacidade agronómica nos terreos dedicados a preados por mor da actividade extractiva". "É o noso deber para que unha comarca como a nosa arrisque en converterse nunha zona deprimida por mor dun uso non racional e útil socialmente dos nosos recursos naturais, favorecendo o despoboamento rural e o empeoramento da calidade de vida das xentes que viven e traballan nesta comarca", concluíron alcaldes e veciñas. Un conflito de trece anos Margarida Prieto é membro da Comisión contra as Minas da Terra Chá e do Sindicato Labrego Galego. Trata de resumir a Sermos Galiza as voltas dun conflito que comeza en 2006. Entón aprobáronse tres concesións mineiras de explotación de seixo que afectaban, maioritariamente, aos municipios de Castro de Rei, Cospeito e A Pastoriza, pero tamén a Abadín, Riotorto e Vilalba. "Nun primeiro momento a empresa solicitou licenza nos concellos nos que máis afectaba e, despois, Erimsa pretendeu que o silencio administrativo equivalía a recibir o permiso", explica Prieto. A empresa norueguesa, que tamén explota seixo na comarca de Ordes, presentou recursos contencioso-administrativos aos Concellos da comarca en reiteradas ocasións. "Neste momento hai unha situación variada en cada municipio, mais a postura dos alcaldes é unánime e contra a minaría", di a representante da Comisión.
PRAZA_16661
Galiza séntese hoxe un chisco máis orfa. Iso si, protexida, baixo as camelias florecidas dun traballo inmenso, o de Carlos García Martínez, que cómpre continuar
Fostes vós, os discípulos e alumnos dos creadores do Seminario de Estudos Galegos os que transmitíchedes nos anos escuros da Ditadura o pensamento e o traballo da Galiza soñada con historia e conciencia. Vós seguistes o ronsel de Otero Pedrayo, de Bouza Brey, de Xaquín Lorenzo Xocas, de Antonio Fraguas e de tantos e tantas construtoras dunha Galiza de seu. Continuastes a utopía do iberismo, dos estudos territoriais que o pai Miño unía máis aló da raia seca, configurando Galiza e o norte de Portugal un territorio de investigación continua baixo o epígrafe Estudos minhotos. Fostes vós, Carlos García Martínez, Xerardo Pereira Menaut, Fernando Acuña Castroviejo os que, xunto a Carlos Alberto e Teresa, faciades realidade en conferencias, publicacións e escavacións in situ os estudos que iniciaran os devanceiros. Os viños do Douro, sempre xenerosos e ledos, acompañaban o voso traballo de campo e de investigación. Galiza foi sempre, na vida de Carlos García Martínez, unha realidade viva, un proxecto a realizar, unha cultura a preservar e a transmitir Galiza foi sempre, na vida de Carlos García Martínez, unha realidade viva, un proxecto a realizar, unha cultura a preservar e a transmitir. Por iso, no inicio dos anos setenta do século pasado, arredor dunha mesa de bo xantar, albiscou xunto a Rafael Baltar e Xusto Beramendi o proxecto do Museo do Pobo Galego, construído logo co esforzo de tantas persoas como obra coral e colectiva, plural e xenerosa, na que Carlos, xunto a María Xosé, lle dedicou vida, esforzos, recursos, soños e esperanzas, manifestando así ese amor á terra, ao bo facer das xente de Galiza. Este Museo é hoxe unha realidade viva con máis de 40 anos e cun futuro esperanzador e vivo. Carlos, nacido en Compostela, fixo dela o seu espazo de vida, de humanidade, de conversas e de amizades. Santiago coñecía as súas andainas: do Pedroso a Conxo, de Sar á Almáciga, da rúa de San Pedro ás Algalias. Estas camiñatas complementaban o seu traballo diario no Museo (a súa casa, como el o definiu en tantas ocasións) máis tamén foron espazos da súa vida Padrón e a Casa de Rosalía, Trasalba e a casa de Otero Pedrayo, e Campañó e as longas conversas co seu abade, Fraiz. O Incio e a Terra de Montes deixaron unha pegada inmensa na súa vida e no seu traballo de investigador do territorio humanizado. Galiza séntese hoxe un chisco máis orfa. Iso si, protexida, baixo as camelias florecidas dun traballo inmenso, o de Carlos García Martínez, que cómpre continuar Carlos García Martínez foi un dos bos e xenerosos, un galego con coñecemento e sabedoría que puxo á disposición xenerosa e gratuitamente desa Galiza que tanto amou, desa Galiza que el definiu como "un vello país que aínda agarda con esperanza". Por iso, Galiza séntese hoxe un chisco máis orfa. Iso si, protexida, baixo as camelias florecidas dun traballo inmenso, o de Carlos García Martínez, que cómpre continuar. Publicidade <a data-cke-saved-href='http://taboleiro.praza.gal/delivery/ck.php?n=ace9876f&cb=INSERT_RANDOM_NUMBER_HERE' href='http://taboleiro.praza.gal/delivery/ck.php?n=ace9876f&cb=INSERT_RANDOM_NUMBER_HERE' target='_blank'><img data-cke-saved-src='http://taboleiro.praza.gal/delivery/avw.php?zoneid=391&cb=INSERT_RANDOM_NUMBER_HERE&n=ace9876f' src='http://taboleiro.praza.gal/delivery/avw.php?zoneid=391&cb=INSERT_RANDOM_NUMBER_HERE&n=ace9876f' border='0' alt='' /></a>
NOS_37038
Os sindicatos denuncian falta de diálogo, de persoal e de medios para traballar con pandemia da Covid-19 presente nos hospitais e centros de saúde.
As xerencias das áreas sanitarias de Pontevedra-O Salnés e Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras están a ser cuestionadas polo conxunto das organizacións sindicais, que pediron a súa dimisión como consecuencia do tratamento que fan de medios e de persoal nos seus centros. En Pontevedra tivo lugar hoxe unha mobilización ás portas do Hospital Provincial na que participaron representantes dos sindicatos da Xunta de Persoal do Complexo Hospitalario da cidade (CIG, UXT, Omega, CSIF, CCOO, TSP e Satse) coa que reclamaron a saída da Xerencia, da Dirección Asistencial, de Recursos Humanos, de Enfermaría e de Xestión pola "falta de información" sobre o tratamento da pandemia nas súas instalacións e, ademais, denunciaron a falta de medidas de protección e de recursos humanos en todas as categorías profesionais. "Desde o inicio da emerxencia sanitaria non fan caso das nosas propostas", sinala Ramón Otero, delegado da CIG. Tiñan axendada unha comisión do persoal que foi suspendida a última hora e sen data para a súa realización. "A situación vai a peor co incremento de casos positivos no cadro de persoal e hai un déficit de traballadoras e traballadores que xa vén de políticas pasadas", asegura a Nós Diario. Coincidindo coa protesta, a Inspección de Traballo visitou as instalacións para comprobar algunhas das denuncias realizadas polas organizacións sindicais. "Pedimos que se lles fagan probas PCR aos doentes que ingresan para evitar os casos que houbo de positivos en zonas limpas", explica a Nós Diario Emma Rodríguez, delegada de Satse, "tampouco recibimos as máscaras axeitadas e aínda por riba temos que escoitar que nos contaxiamos na nosa casa", critica. Denuncian en Ourense "improvisación" na área As delegadas do Sindicato das e dos profesionais da Sanidade Pública Galega (Prosagap) solicitaron esta quinta feira o cesamento inmediato da xerencia da Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, "pola súa continua improvisación na xestión desta segunda onda da pandemia". Alertan nun comunicado que "non se adecuaron os espazos suficientes para a atención dos pacientes críticos, o que obrigou a derivalos a outras áreas sanitarias". Denuncian que non se garanten vacacións nin descansos nas Unidades de Críticos e que a "contratación de persoal continúa a ser precaria, con renovacións mensuais, no mellor dos casos, e sen garantir os permisos sen soldo por conciliación familiar". Critican que desde a xerencia se negan a dotar de máscaras FFP2 a todo o persoal, "a pesar da transmisión recoñecida por aerosois do virus, existindo moitas estancias onde non é posíbel unha axeitada ventilación ou renovación de aire cando se exploran as e os doentes". Por último denuncian que a xerencia desta área sanitaria, dirixida por Félix Ruibal, contempla "fechamentos temporais das salas de descanso do persoal para evitar contaxios entre profesionais, en lugar de adecualas á actual normativa de distancia interpersoal" e no seu comite de asesoramento "non se conta co colectivo maioritario que é o das profesionais de enfermaría".
NOS_39064
Amizades de Saleta Goi lembran en Outeiro de Rei unha muller "xenerosa e de principios éticos" e cuxo legado ficará por sempre no pensar colectivo. A Casa Museo Manuel María ficou pequena para tantas mostras de afecto.
Saleta Goi, falecida o pasado sábado, tivo nesta segunda feira unha emotiva —e merecida— despedida en Outeiro de Rei, nun acto cívico no que os centos de persoas alí presentes lembraron e honraron a súa vida. A Casa Museo Manuel María ficou pequena para acoller tantas mostras de cariño e de recoñecemento expresado. Precisamente, agradecendo as verbas recibidas por amigas e amigos de Saleta Goi de distintos puntos da xeografía galega principiou o acto Alberte Ansede, secretario da Fundación Manuel María. Coa voz entrecortada, recordou que Saleta, que perdera a súa nai moi cedo, criárase ao carón do seu pai, militante republicano represaliado polo franquismo. O pai, apuntou, "tivo que deixar a profesión de secretario no Concello e desempeñar moitos e diferentes oficios que os levaron a desprazarse por toda a Galiza para buscar o sustento". A que até o de agora era a presidenta da Fundación Manuel María era "xenerosa e de principios éticos", e prefería "predicar co exemplo antes que dar numerosos consellos". Aos 25 anos, continuou Ansede, coñeceu o escritor e canda el estivo até o seu pasamento en 2004. "Foron 45 anos de amizade total, de compañeirismo, de camaradaría e de complicidade absoluta á hora de conformar a súa forma de vida e tamén o seu compromiso coa Galiza e coas clases populares", engadiu Ansede. Velorio de Saleta Goi. Manuel María e Saleta Goi sufriron unha persecución durante a ditadura que levou, mesmo, a prohibir a obra literaria do autor de Outeiro de Rei e a impórlles sancións económicas. "Mais nada diso dobregou a súa vontade e firmeza na loita por conseguir todos os usos para o noso idioma e que todos os galegos e galegas teñamos dereito a vivir na propia terra con dignidade, paz e harmonía, e sempre decidindo soberanamente o noso futuro", subliñou. "Saleta creou o ambiente para que a obra de Manuel María fose tan fecunda e prolongada no tempo", engadiu. Que as súas vidas se atopasen no camiño foi "unha sorte", dixo Ansede, pois Saleta, cando comezou rexentar a libraría Xistral en Monforte "para que el tivese independencia creativa", propiciou que aos nosos días chegase "un dos legados culturais e literarios máis importantes que recibimos". "Ela sabía ben que cada xeración recibimos un mundo que non construímos e que debemos aos nosos devanceiros. Non somos máis que un momento do proceso e ela era consciente, por iso dedicou tanto empeño a que ese legado que axudara a construír ficase nesta casa", precisou. Nos seus últimos días, "cando foi consciente de que se apagaba", Saleta Goi quixo morrer como vivira, "coñecendo absolutamente toda a verdade, asumíndoa con integridade e serenidade, sen dramatismos". "Estaba moi satisfeita coa vida que levara", afirmou Ansede, que deu paso ás palabras de amigas e amigos de Saleta. "Era a roca de Manuel", dixo Nemésio Barxa O avogado Nemésio Barxa foi o primeiro en tomar a palabra para apuntar, emocionado, que "Manuel non morreu. Morre hoxe con Saleta, porque seguiu vivindo nela todos estes anos. Era a roca de Manuel, onde el atopaba a súa fortaleza, porque ela era moito máis forte e dáballe tranquilidade de vida, económica, política e de convivencia social. Saleta remata hoxe deixando unha misión cumprida, como coidadora do poeta en vida e da súa memoria e legado en morte", apuntou Barxa, con máis de 60 anos de amizade cunha "muller excepcional que a Galiza perde". Após unhas breves e sentidas palabras de cariño da que fora a súa médica de confianza e amiga, Maca Silva, Xosé Estévez puxo en valor o primeiro libro que lle dedicara Manuel María, en 1977, Mar maior, do que recitou un poema fermosísimo titulado 'Verbas a Saleta'. HEMEROTECA (2015) | Saleta Goi: "A Manuel María encantaríalle ser homenaxeado co Día das Letras o ano das Irmandades" A académica e cineasta Margarita Ledo, expresou o "respecto" da Real Academia Galega e do seu presidente, Víctor F. Freixanes, de quen desculpou a ausencia, cara a Saleta. "A súa presenza na Academia era constante e a derradeira vez que estivo foi na homenaxe a Xosé Ramón Barreiro". Ledo refiriuse ás súas vivencias con Saleta e Manuel María, e lembrou a libraría Xestal como "espazo de emancipación" e de convivencia. Saleta era "nome de talismán" para a catedrática da USC, que creceu, dixo, "baixo a súa sombra protectora". Recordou que fora Saleta quen a animara a militar na Unión do Povo Galego. "Fitoume co seu ollar lento e lembroume 'fun eu, e non Manuel, quen che falou da U', e quedei en silencio", sinalou a cineasta, en cuxa man loce un anel que lle agasallara Saleta no ano 1971. Coa "señardade", da que tanto escribira Manuel María, fechou Margarita Ledo o seu discurso. "Xuntou teoría e praxe sen sucedáneos", afirmou de Saleta Felipe-Senén Pola súa parte, o etnógrafo e museólogo Felipe-Senén deu "infinitas grazas" a Manuel e Saleta, "aqueles que levan na fronte unha estrela e bo bico un cantar e que fan que esta palleira sexa hoxe centro da cultura". Após agradecer o traballo de Alberte Ansede, María Calvo e Antón Laxe na Fundación Manuel María, recuperou "lembranzas que veñen como lóstregos dunha Saleta que foi compañeira, luz e faro de Manuel María". "Ela fixo posíbel a rehabilitación desta casa e foi unha leal camarada do nacionalismo que xuntou teoría e praxe sen sucedáneos". Unha "amiga" e "conselleira", "que nos acompañou tantas veces, a nosa confidente e quen abría camiños de esperanza". "Nunca gostou chamarse viúva. El foi o que foi e fixo o que fixo grazas a ela", expresou a escritora María Pilar García Negro, quen salientou a "presenza leal e constante, así como a entrega á Galiza e ao pobo galego"."Esta recordación quere ser unha resurrección, unha homenaxe a unha vida plena dedicada a procurar sermos galegos normalizados", dixo, "non evocamos aquí un satélite, senón unha muller de firmes convicións nacionalistas e personalidade forte". "Non deixemos morrer os nosos mortos, viva Saleta Goi, viva o seu exemplo, longa vida á súa memoria", celebrou a profesora, quen lle ofreceu un galano poético. "A casa de Manuel e Saleta era un refuxio", valorou Francisco Rodríguez Finalmente, tomou a palabra o ensaísta e histórico dirixente da UPG Francisco Rodríguez, referente político fundamental de Saleta, xunto con Bautista Álvarez, lembrou Ansede. "Falar de Saleta significa amosar en público o agradecemento á súa persoa", pois "sempre contei con ela, coa súa confianza, amparo, respecto e protección", nomeadamente en momentos de "moita tensión psicolóxica" e nos que o desamparo "pairaba por todas as partes". "A casa de Manuel e Saleta era un refuxio", acrecentou un Rodríguez que destacou a capacidade de observación de Saleta e para captar a necesidade de apoio e amparo. "Gostaría subliñar especialmente que era unha muller moi politizada e tiña a ben selo, pois consideraba que formaba parte da función que se debía ter nun país como o noso", afirmou, "era militante da UPG, onde sempre expresou os seus criterios e discrepancias sempre coa preocupación por ampliar socialmente o nacionalismo". Referiuse ao apoio de Manuel e Saleta "a todas as estratexias políticas que o nacionalismo lanzou até hoxe, cunha fidelidade absoluta". "Unha das últimas veces que coincidín con ela, amoseille certa anguria, e ela, dunha maneira moi serena, díxome que sempre vai haber quen nos continúe", lembrou Rodríguez, "tiña especial interese en que houbese continuidade na xente nova e tivo carné de Galiza Nova. A mocidade viu nela un puntal, pois era sumamente intelixente e perspicaz". Rodríguez concluíu valorizando o apoio prestado por Alberte Ansede e María Calvo para que "esta casa exista e para que perviva a conciencia nacional da Galiza. Tamén tivo palabras de agradecemento para Antón Laxe, activista da fundación. O acto no interior da Casa das Hortas, na que naceu Manuel María, finalizou coa intervención musical de Uxía, da que tanto gostaba Saleta Goi e quen puxo voz a versos do poeta. O féretro que portaba o corpo de Saleta Goi foi trasladado a ombreiros ao cemiterio de San Xoán, onde soou o himno da Galiza. Ela descansará agora canda o seu querido Manuel, mais o seu legado ficará por sempre no pensar colectivo. Traslado a ombreiros do féretro. (Foto: Nós Diario)
NOS_35492
Recoñece casos "que non poden asociarse" a outros.
A Consellería de Sanidade decidiu levantar as restricións de mobilidade na maior parte da Mariña, coa excepción do Concello de Burela, que permanece pechado, aínda que mantén na comarca as medidas de prevención especiais implantadas en toda a área para frear o brote de Covid-19 detectado a finais do mes de xuño. Faino "a pesar dos datos positivos dos últimos días", cunha diminución progresiva dos casos activos, tendo en conta que "segue habendo unha importante prevalencia da infección" na zona. Ademais, recoñece a existencia de "casos que non poden asociarse ao resto dos casos coñecidos", co que "existe o risco de que haxa un certo nivel de transmisión oculta e de que, de reducir as medidas, repunte o brote". Así o recolle o decreto publicado na tarde desta cuarta feira no Diario Oficial de Galiza e no que se especifica a modificación da limitación de mobilidade na zona, que a partir desta medianoite pasada fica cinguida ao municipio de Burela, onde se concentran a maioría dos casos. Con todo, a orde si mantén o resto de medidas implantadas na zona, como a limitación de grupos, aforamentos ou horas de apertura de locais, co obxectivo de continuar contendo o brote. En canto á mobilidade, queda permitida a circulación entre todos os municipios da Mariña, e fóra deles, con excepción do de Burela, onde se limita a entrada e saída de persoas a excepcións xustificadas --como cuestións laborais ou para acudir ao Hospital da Mariña--. Estas limitacións non afectarán a vías que pasen por este concello a condición de que se teña orixe e destino fóra de Burela. No interior do concello, poderá circularse "sen limitacións", excepto os casos positivos ou os seus contactos estreitos. No entanto, Sanidade recomenda á poboación "limitar a mobilidade aos casos imprescindibles" mentres se manteña a actual situación. As medidas, recolle o decreto, avaliaranse en función da evolución nun período non superior a sete días.
NOS_9003
A partir deste sábado (1 de xuño) Galiza perde 72 das 306 liñas que actualmente funcionan semanalmente no país deixarán de facelo. En troca, aumentarán os trens a Madrid e mellorarán as conexións e horarios coa meseta
O Ministerio español de Fomento aplica este sábado 1 de xuño as reducións nas liñas ferroviarias de media distancia. Segundo recoñeceu o propio conselleiro de Infraestruturas na Cámara galega a reforma prevista polo goberno español deixará a Galiza sen 72 trens (o 23%) prexudicando fundamentalmente as liñas que conectan co rural. Porén, desde a páxina web de Renfe, a empresa remite @s utentes á "consulta dos horarios" para se informaren das mudanzas "nalgúns trens habituais" aos que non se refiren. Aliás, o servizo de atención ao cliente --unicamente a disposición d@s viaxeir@s en español-- non dispón de toda a información 24 horas antes de se produciren as mudanzas. O tren Ferrol-Madrid (17,05€) sairá máis barato que a liña A Coruña-Vigo En conversa con Sermos Galiza, a teleoperadora indicou que no traxecto Ferrol-Coruña (un dos que será obxecto de supresións nos horarios) a día 2 de xuño só funcionará o tren das 19.15 ficando "bloqueadas" as súas liñas con horario de mañá. "Até o momento", asegurou a traballadora "non lle podo dicir máis, aparecen bloqueados", insistiu. No entanto, a web de Renfe mantén até o momento as catro liñas. Un reforzo para Madrid Segundo a información do Ministerio de Fomento a "racionalización" dos horarios naqueles trens "non rendíbeis" será compensada coa ampliación doutras liñas. Neste senso, os servizos que mellorarán son os que conectan Galiza con Madrid. A partir do vindeiro día 2 de xuño, todas as capitais de provincia terán dispoñíbeis conexións coa meseta --no caso de Ourense, por onde pasarán todas as liñas-- chegará a ter 3 trens. Aliás, reducirase o tempo de viaxe (5 horas) e mellorarán as combinacións para permitir que @s utentes poidan desprazarse a outros destinos após a chegada á capital española. O rural perde o tren O interior do país será a principal vítima do recorte. Neste senso, Agustín Hernández avanzou en sesión parlamentar que, agás o eixo atlántico, serán suprimidas 72 liñas, fundamentalmente aquelas que conectan o rural. Desaparecerán as paradas intermedias, logo de se suprimiren os trens de media distancia como Ourense-A Pobra que deixará fechadas 9 estacións repartidas en pequenas localidades.
NOS_53147
Centos de persoas participaron nas mobilizacións en 8 localidades galegas. Na de Vigo, unha vez rematado o acto, interviron antidisturbios despois do apedreamento dun vehículo policial.
As oito concentracións que decorreron na noite desta cuarta feira na Galiza contra o emprisionamento de Pablo Hasel sumaron varios centos de participantes, que defenderon a liberdade de expresión e demandaron a "aministía total". Nas sete cidades galegas e A Guarda os participantes desafiaron o mal tempo para denunciar a sentenza que condena a prisión ao rapeiro catalán, denunciando que a mesma supón un ataque á liberdade de expresión. Segundo as denuncias en redes sociais, nalgunhas destas concentracións, e unha vez finalizadas, axentes da policía procederon a identidicar a algúns participantes nas mesmas, como sería o caso da da Coruña. Na de Vigo, e segundo informan medios da cidade, houbo intervención dos antidisturbios tras o apedreamento dun vehículo policial, o que aconteceu xa finalizada a concentración que decorreu ante o Marco. EnCompostela, os manifestantes concentráronse baixo a choiva na Praza do Toural. Presididos por unha pancarta na que podía lerse 'Pablo Hasel. Amnistía Xa', os participantes proclamaron consignas como "Audiencia Nacional, tribunal fascista", "Os Borbóns son uns ladróns" ou "Pablo Hasel, liberdade". Transcorrida media hora de concentración, leuse un manifesto no que cualificaban de "secuestro" a detención do rapeiro na Universidade de Lleida e o encarceramento de Hasel após ser condenado "por exercer a liberdade de expresión". "Non van por Pablo, van detrás de todos", exclamaron os promotores do manifesto, no que se censurou a actuación do "Goberno máis hipócrita da historia" e advertíase de que España é o Estado "con máis artistas encarcerados do mundo" por diante de países como Turquía e Marrocos. Ao termo da lectura do texto, a concentración convertéronse en manifestación, partindo do Toural para terminar no mesmo lugar após percorrer a Rúa da Senra do ensanche compostelán. Na Coruña tamén foron centenares as persoas que pediron a liberdade de Hasel. A concentración derivou en marcha polas rúas da cidade en dirección á Delegación do Goberno, onde corearon proclamas como "A loita é o único camiño" ou "Contra a represión, mobilización". Na cidade de Pontevedra, o lugar elixido para a protesta foi a Praza dá Peregrina, na que un cento de persoas pediron baixo unha intensa choiva a "amnistía total" para o rapeiro catalán. De igual modo que na Coruña e Santiago, os manifestantes partiron en marcha, que concluíu minutos despois ante a sede da Subdelegación do Goberno en Pontevedra. Estado As mobilizacións tiveron lugar a nivel de Estado, con miles de persoas participando nas mesmas, nomeadamante nas de Barcelona, Lleida ou Madrid, entre outras. Nas de Barcelona e Madrid houbo fortes enfrontamentos entre grupos de manifestantes e policías, con disturbios en diferentes puntos. [#Compostela] Hoxe enchemos de solidariedade a Praza do Toural. Liberdade Pablo Hasél. Amnistía para todas as presas e presos políticos! pic.twitter.com/4DnQprz7ai— Xuventude Comunista (@XCGaliza) February 17, 2021
NOS_16722
Em princípio é o nome do primeiro disco de Ukestra do Medio. A formación compostelá prepara para decembro a presentación do seu primeiro traballo con tres datas na capital británica
O primer traballo da banda compostelá Ukestra do Medio está composto por catro clásicos que a banda adapta ao son do ukelele: Friday I'm love de The Cure,Sembrando flores de Los Cojolites, Ain't no thang de Katzenjammer e Don't you want me de The Human League. Esta última, cunha letra de creación propia adaptada ao galego. "Básicamente usamos ukeleles, caixón flamenco ou peruano -coñecido popularmente como caixón flamenco, é un instrumento de orixe americano introducido na península grazas á Paco de Lucía- e derivados do ukelele como o banjolele. Tamén instrumentos como a armónica para acompañar as voces, paus e maracas na percusión e ás veces, o baixo", explica Alberte, integrante da banda. A historia de Ukestra do Medio remóntase ao ano 2013: "coñecímonos nas aulas da Escola do Medio, nas clases de ukelele. De feito o noso nome xa vén de ahí. Saímos da escola e continuamos como banda", explica. Cunha ampla experiencia no directo, nos seus concertos fusionan o son do ukelele con clásicos do rock n' roll, country, swing ou pop. Tamén levan ao seu terreo pezas de música tradicional galega, portuguesa, tangos, bossanovas ou até jarocho mexicano. "É a primeira vez que tocamos fóra, só tocamos en Galiza e no Bierzo unha vez. Un do grupo está emigrado en Cambridge e aproveitamos para tocar alí e de paso, facer unha viaxe". A pesar de contar cun bo recorrido por bares, salas, centros sociais e festivais de todo o país, "para moitos de nós é a primeira vez que estamos nun grupo, só eu teño experiencias musicais previas", explica. Alberte, que foi baixista do grupo hardcore punk compostelán Dirty Barriguitas e milita actualmente en Samesugas e Os Novos atópase moi contento cos resultados que están a obter deste proxecto: "está sendo todo moi fácil e divertido. A primeira vez que gravamos no estudo de A Ponte non sabíamos se estabamos preparados. Era unha demanda que nos facían nos concertos".
NOS_17829
Menos dunha terceira parte dos empregos destruídos eran de persoas asalariadas
Cos expedientes de regulación temporal de emprego (ERTE) aínda en vigor, coas conseguintes limitacións para as empresas á hora de executar despedimentos, están aínda por ver os efectos que a crise do coronavirus vai deixar no mercado laboral galego. Polo momento, segundo un informe publicado hoxe por Adecco, o que xa se pode cuantificar é a perda de 23.100 empregos, tanto de persoas asalariadas como por conta allea (colectivo autónomo, empregadores e outros) como consecuencia da pandemia da Covid-19. Desa cantidade, menos da terceira parte corresponde a persoas asalariadas (8.100 empregos), o que dá conta dun feito xa por moitos coñecido, que as traballadoras e traballadores autónomos son os que están a levar a peor parte. Dentro dese colectivo, a hostalaría e o turismo son os sectores máis afectados polas restricións ás súas actividades e a falla de axudas eficaces para superar a súa difícil situación financeira. Así, non é de estrañar que o número de persoas empregadoras descendese 2,8% anual (1.800 empregos menos), mentres que o de autónomos sen persoal a cargo caeu 8,2% (11.800 empregos perdidos). En total, a cantidade de traballadores e traballadoras non asalariadas rexistradas na Galiza diminuíu en 15.000 persoas (6,9%), a terceira maior caída do Estado español. Completa este triste balanzo o número de "outros" (onde se inclúen membros de cooperativas e persoas que axudan no negocio familiar sen remuneración), que tamén se viu reducido en 19,7%, con 1.400 empregos menos. Diferenzas por sectores Cinco das once ramas de actividade existentes mostraron un incremento interanual do emprego na Galiza. Auga e enerxía (14,7%, equivalente a 2.200 novos empregos); finanzas e seguros (14,2%; 2.500 novos postos de traballo) e, a máis distancia, construción (3,8%; 2.800 contratacións máis), rexistran as alzas máis significativas. Porén, segundo recolle o estudo realizado por Adecco, houbo fortes retrocesos no emprego en ramas como a dos servizos culturais e outros (cunha caída de 9,9% e a perda de 8.200 empregos) e información e comunicacións, que retrocedeu 9,3%, con 2.600 despedimentos netos).
NOS_48564
Marcou un tempo de 01:08:15, superando a estadounidense Elizabeth Baker (01:11:05) e a italiana Anna Barbaro (01:15:42), que foron prata e bronce respectivamente.
Gran debut de Susana Rodríguez Gacio (Mar de Vigo) na primeira Serie Mundial de Paratríatlon de 2018, na que ademais competía acompañada de nova nova guía (Paula García Godino). A galega logrou en Yokohama a medalla de ouro na súa categoría (PTVI) para deportistas con discapacidade visual, segundo informan desde a Federación Galega Tríatlon e Péntatlon Moderno. A italiana Anna Barbaro (B1) saíu en cabeza da auga grazas a compensación que ten por ser B1 (3:42). Aínda así, a viguesa xa logrou recuperar dous dos minutos que tiña de vantaxe. Mentres, a norteamericana Elizabeth Baker, que a priori era a rival máis forte, estaba a só 15 segundos. Mais o tándem Susana-Paula funcionou á perfección tanto nas transicións coma na bicicleta e o segmento da carreira a pé. A medalla de ouro foi para Susana Rodríguez cun tempo de 01:08:15, na segunda posición chegou Elizabeth Baker (01:11:05) e o bronce foi para Anna Barbaro (01:15:42).
NOS_25416
Arco Iris denuncia a existencia de máis dunha vintena de verteduras novas ás rías galegas no último ano.
A asociación ecoloxista Arco Iris denuncia a existencia de máis dunha vintena de verteduras novas ás rías galegas no último ano. Nun comunicado, pon en dúbida o plan de control de verteduras da Xunta, á vez que alerta da existencia de ao redor de 250 puntos negros de vertedura nas rías. Unha situación que identifica con "un evidente fracaso de toda a política de saneamento das rías, que ven incrementada ano tras ano a carga contaminante que reciben e que aumenta o fenómeno da eutrofización". Chama a atención sobre que rías como O Barqueiro, Viveiro, Ares, Ferrol, A Coruña, Muros e Corcubión "ofrecen en 2020 peores datos que en 2019", pois "aumentan os puntos de verteduras ilegais en 13, provocando un aumento intolerábel da contaminación difusa". Sinala que "os esforzos" do Goberno galego "céntranse" nas rías de Arousa e Vigo, a pesar dos cal "reúnen entre as dúas até 79 cloacas". A carga contaminante media será este ano de 17 euros e 89 céntimos -importe total que suma o gravame por volume, materias en suspensión, materias oxidables, nitróxeno, fósforo, sales solubles, metais e materias inhibidoras-, o que considera unha " bicoca fiscal" que impide que "as empresas máis suxas progresen adecuadamente no obxectivo de vertido cero, que non se alcanzaría ao actual ritmo "até o ano 2083". Contaminación No informe de 2020 Ecoloxistas situaba na Galiza seis 'bandeiras negras', advertencia sobre as zonas máis agredidas do litoral. Tres delas por mala xestión no litoral e outras tantas por mor da contaminación. Algunhas delas acompañan os informes e denuncias dos colectivos ambientalistas desde hai anos. As 'bandeiras negras' por mala xestión corresponden á Praia das Delicias (Sada), Porto de Marín e á A Mariña. As ´bandeiras negras' por contaminación son para a Praia de Lires (Cee) , a Factoría de ENCE (Pontevedra) e Alcoa, en San Cibrao.
NOS_26119
Perto de 70 parroquias figuran na 'lista negra' de alta actividade incendiaria.
O 1 de xullo comeza en Galiza a época de alto perigo de incendios, un periodo que se prolongará até o 30 de setembro e no que a Consellaría de Medio Rural intensificará medios e actuacións ante o gran risco de lumes forestais. Xa ten un obxectivo marcado: reducir os incendios forestais. Dos 740 que houbo en 2015 agarda que non se superen os 678 nesta tempada de verán. A administración galega fala de incendios e non lumes. Estes son os incendios que non afectaron a máis dunha hectárea de terreo. Fican fóra, así, centos de pequenos incendios que, sumados, xuntan unha superficie importante de terreo afectado. Así, no 2015 houbo no noso país 2.882 lumes forestais mais só 740 mereceron a categoría de 'incendios' para a Consellaría. Entre uns e outros supuxeron 11.800 hectáreas de superficie queimada, das cales perto de 4.900 eran de superficie arborada. No ano anterior houbo, segundo os dados do Instituto Galego de Estatística, 1.227 lumes forestais, un descenso importante a respeito dos exercicios anteriores (2013, 3.581 e no 2012, 3,794 lumes). No 2011 foron 6.342 os lumes que afectaron o monte do noso país. Nestes cinco anos, e sumando todos eses lumes e incendios, máis de 91.500 hectáreas de superficie resultaron queimadas. Delas, algo máis dun terzo, 31.575 hectáreas eran de superficie arborada. PAAI En 2014 a Xunta fixo a primeira listaxe de parroquias de alta actividade incendiaria (PAAI). Unha categoría na que figuran os lugares que sofren unha media anual de sete lumes forestais nos últimos cinco anos ou ben que padecen incendios moi virulentos: dous ou máis incendios nos últimos 10 anos con máis de 200 hectáreas de monte queimadas ou ben que a superficie media dos rexistrados sexa superior ás 9 hectáreas. Pois ben, 67 parroquias galegas figuran nesta 'listaxe negra'. Ourense mantense, máis un ano, como a provincia con máis parroquias na listaxe, con máis do 60%, 42 de 67. Séguenlle Pontevedra, con 14; A Coruña, con 9; e Lugo, con 2. Esta ano pasaron engrosar esta táboa 8 parroquias, entre ellas a de Tállara (Lousame), Muñís (Navia de Suarna) ou Cudeiro (Ourense). Pola contra, 19 lugares abandonaron a listaxe. Dúbidas Fronte ás previsións da Consellaría, os sindicatos agoiran que vai ser unha campaña de incendios "complicada". CIG, CCOO, CSIF e UGT lembran que neste 2016 faise unha década daquel 2006 "no que os incendios arrasaron os montes galegos" e lamentan que pouco se adiantase desde entón. "No lugar de profesionalizar o dispositivo único e público, volven atoparse no monte con empresas privadas, brigadas municipais, empresas semipúblicas, Protección Civil, militares, Bombeiros profesionais, etc..., todos eles baixo a responsabilidade dos Axentes Medioambientais nos incendios forestais. Todo este abano con diferentes medios fan pensar que a Xunta de Galicia está derivando a súas responsabilidades cara ás empresas privadas e outras administracións públicas, e descargando a extinción dos lumes en medios alleos á Administración galega, como é o caso da UME".
PRAZA_3628
A maior parte das persoas que deron positivo en Galicia están sendo atendidas a domicilio, un total de 235; outras 59 están hospitalizadas en unidades ordinarias
Os casos positivos por coronavirus activos en Galicia ascenden este 17 de marzo ata 305, un incremento superior ao na xornada previa, con 66 confirmacións máis a respecto do día anterior. Malia á entrada en vigor do novo protocolo do Ministerio de Sanidade, segundo o cal a difusión de datos sobre a incidencia do virus se limita a unha actualización diaria, apenas dúas horas despois da actualización divulgada polo Servizo Galego de Saúde, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, divulgou novas cifras en rolda de prensa.Así, tras indicar o Sergas que o número de positivos eran 285, nove con asistencia en Unidades de Coidados Intensivos, Feijóo agregou novas cifras para indicar que son xa 305 dos que 11 están na UCI, isto é, un 3,6% do total. Este é o panorama xeral, en calquera caso, dos contaxios de ata hai máis dunha semana, polo que non reflicten o efecto inmediato das medidas de contención acabadas de aplicar.A maior parte das persoas que deron positivo en Galicia están sendo atendidas a domicilio, un total de 235; outras 59 están hospitalizadas en unidades ordinariasSempre atendendo á información ofrecida verbalmente por Feijóo, a maior parte das persoas que foron confirmadas con positivos por coronavirus covid-19 en Galicia continúan a ser atendidas nos seus domicilios. Son un total de 235. Mentres, outras 59 están hospitalizadas en unidades ordinarias e as restantes 9, na UCI.Segundo a información fornecida polo Sergas, o número de altas mantíñase pola mañá en 4 -os datos do Ministerio elevan as "curacións" ata as 7- e os falecementos continúan sendo 3. Concretamente, as persoas que perderon a vida tras seren diagnosticadas por coronavirus foron unha muller nonaxenaria que estaba ingresada no hospital Povisa de Vigo pero era un "caso importado", un home de 81 anos no Montecelo de Pontevedra e outro home de 45 anos na Coruña. Os tres padecían varias patoloxías previas, confirma Sanidade.Por áreas sanitariasNo conxunto do Estado rexístranse algo máis de 11.000 casos, o 5% con atención en UCIOs datos que divulgou o Sergas atendendo ao protocolo indicaban que, sobre o devandito total de 285 casos, o maior número continuaba estando na área sanitaria da Coruña, cun total de 84. Seguíaa Santiago, con 50 e Vigo, con 49. As demais áreas rexistraban menos casos positivos, aínda que tamén aumentaran: na área sanitaria pontevedresa o Sergas contabilizara 37, en Ourense eran 32, en Lugo quedaban en 26 e en Ferrol, ata ese momento, diagnosticáranse unicamente 7 casos.No conxunto do Estado, segundo informou o Ministerio de Sanidade, os casos chegaron este martes aos 11.178 -o Goberno de España, no seu cómputo, suma neste global tamén as altas e mais os falecementos-. O 5% do total reciben atencións na UCI e as curacións supoñen xa o 9% do total de infeccións.Consellos en caso de ter síntomasO Sergas reitera un día máis os consellos para previr o coronavirus e tamén para as persoas que teñan algún dos síntomas da enfermidade -tose, febre alta, dificultade para respirar-. Así, ademais de insistir na necesidade de respectar o illamento decretado polo estado de alarma, Sanidade subliña a necesidade de "empregar só para emerxencias" o 061 e dirixirse ao sitio web coronavirus.sergas.gal ou ao teléfono 900 400 116 para "consultar dúbidas ou síntomas leves. Estas vías de consulta a distancia son recomendadas en todo caso e Sanidade advirte da necesidade de non dirixirse con síntomas leves aos centros sanitarios, toda vez que non é precisa asistencia de emerxencia e ese desprazamento pode contribuír aos contaxios. No sitio web do Sergas está dispoñible, ademais, un autotest sobre os síntomas e como actuar ante eles.
NOS_41070
Hai 43 anos, nas estradas que unen Viveiro con Xove escribiuse unha das páxinas máis importantes da loita popular e ecoloxista na Galiza. 8.000 persoas, respondendo a unha convocatoria das Comisións Labregas, deron un paso decisivo na paralización da central nuclear proxectada por Fenosa na Galiza.
"Sabíamos que a enerxía nuclear era mortífera porque xa coñecíamos as publicacións e o labor que o movemento antinuclear estaba levando adiante noutros lugares de Europa". Quen así fala é Lois Diéguez, naquela altura cadro clandestino do nacionalismo en Lugo, futuro portavoz da Asemblea Nacional Popular Galega (ANPG) e organizador do primeiro acto informativo contra a instalación da central nuclear de Xove. Unhas semanas despois de que un consorcio formado por Fenosa, Electra del Viesgo e Hidroeléctrica do Cantábrico fixese pública a intención de pór en marcha a factoría na parroquia da Regodela en Xove, a asociación cultural Valle Inclán organizaba unha palestra para informar do proxecto. Diéguez lembra aquel primeiro acto decorrido en novembro de 1973 "nun local prestado polo Banco Bilbao e moi utilizado por Valle Inclán nos primeiros anos". Á palestra de Lugo, coa presenza de Xosé Manuel Beiras, seguiuna unha mesa redonda en Viveiro, impulsada pola Asociación Cultural Sementeira, onde tomaron a palabra o propio Beiras e o enxeñeiro do Concello de Lugo Mario Iglesias, na altura amigo dalgúns militantes nacionalistas como Manuel María, Saleta Goi e Lois Diéguez. A asociación Sementeira, tal é como lembrou Francisco Luís Rodríguez Guerreiro nun recente traballo sobre a súa historia, xogou un papel chave na concienciación e mobilización da veciñanza das zonas afectadas contra o proxecto de nuclear. "A defensa dun modelo de desenvolvemento sustentábel estaba moi presente na nosa alternativa", continua Diéguez, en conversa con Nós Diario, ao lembrar "as loitas ecolóxicas" libradas naquel momento. "Teño tamén moi presente as mobilizacións contra as celulosas e concretamente contra a de Quiroga, que de ir adiante ía deixar arrasado aquel val impresionante, así como a oposición ao modelo de trasporte fixado polas autoestradas", sinala Diéguez. "A dereita acusábanos de que nos opoñiamos á creación de postos de traballo, un discurso que debiamos desmontar nunhas circunstancias moi difíciles pola grande emigración", remata o escritor. Unha marcha sen autorización "A marcha non estaba autorizada pero decidimos tirar para adiante con ela", salienta en declaracións a Nós Diario Xosé Lois Ledo, na altura responsábel dos Comités de Apoio á Loita Labrega (CALL) na zona de Lugo, unha estrutura organizativa impulsada pola Unión do Povo Galego (UPG), cun papel central na preparación da mobilización. "Xa con anterioridade á marcha tivera lugar unha manifestación polas rúas de Viveiro, tras un acto organizado polas empresas promotoras da central nuclear no cine Orfeo", continúa Ledo, que recorda "o traballo de axitación dos membros dos CALL nos meses previos xa coa orientación clara de mobilizar". "Foron moitas xuntanzas e asembleas parroquia a parroquia e casa a casa para sensibilizar do problema. Unha actividade que se viu favorecida pola proximidade persoal dos membros dos CALL aos afectados", sinala Ledo. A comezos de xaneiro de 1977, as organización sociais e políticas do nacionalismo, agrupadas no que naquela altura se coñecía como movemento nacional popular galego, tentaron convocar unha manifestación contra o proxecto de central nuclear, na dupla perspectiva de expresar a súa oposición á mesma e de socializar o conflito a nivel nacional. Porén, a mobilización foi prohibida. Ás 10 da maña de 10 de abril de 1977, 8.000 persoas convocadas polas Comisións Labregas partiron de Viveiro, rematando tres horas despois na parroquia de Lago, en Xove. Alí, no adro da parroquia, tomaron a palabra Manuel Barbeito, veciño das Encrobas que expresou a solidariedade desta localidade coa loita de Xove; Antonio Pernas, membro das Comisións Labregas de Xove; Emilio López Pérez "Milucho", dirixente das Comisións Labregas, e Ramón Valcarce Vega, o crego das Encrobas. Ao remate da marcha, unha delegación da dirección da UPG, encabezada por Elvira Souto, mantivo unha reunión cos afectados nos terreos onde estaba previsto instalar a central, dirixíndolles a palabra Ramón Múñiz, responsábel do sector agrario deste partido. "Intento de instrumentalización" do PC "Foi un acto marabilloso", indica a Nós Diario Elvira Souto, que unha semana antes viña de ser elixida secretaria xeral da UPG, formación política que continuaba na ilegalidade no momento da celebración da marcha de Xove. Souto lembra "o intento de instrumentalización da convocatoria por parte do Partido Comunista, que fora legalizado por Adolfo Suárez un día antes e que tentou boicotear o acto de feche con berros de que falen os labregos como se os que estivesen falando alí non fosen labregos". A resposta popular sorprendeu mesmamente as dirixentes das organizacións nacionalistas, que botaron anos concienciando e mobilizando a xente sobre os riscos da enerxía nuclear. "A grande capacidade de mobilización da xente ficou demostrada na marcha de Xove. Non eramos nos sos, a militancia e afiliación do nacionalismo. Había moitas persoas da zona, moita xente directamente afectada de diversas idades", destaca Souto, significando que "as persoas maiores, malia que nos eramos moi novos, facíannos caso e depositaban a súa confianza en nós". "A paralización da central nuclear de Xove foi un grande éxito do nacionalismo, mais semella que o nacionalismo nunca reivindicou ben os éxitos que tivo", afirma Souto, que lamenta que o nacionalismo "moitas veces mire máis as súas derrotas que os seus trunfos, que foron moitos". Así, destaca que "o que se movía no país eramos nós, os que estabamos a carón da xente e das súas reivindicacións. Era o nacionalismo, en quen se movía a favor do país. Sempre estivemos moi atentos aos problemas do país".
NOS_18324
O número catro do caderno de análise "A Fondo", que se ofrece esta semana canda o número 33 de Sermos Galiza, céntrase na situación da mocidade do noso país coa precariedade como factor determinante.
Baixo a coordinación de Xabier P. Igrexas, o suplemento semanal aborda os principais planos da problemática xuvenil. O drama da emigración forzosa á que cada día se ven condenadas 70 mozas e mozos é analizado en primeira persoa por Iago Lestagás, arquitecto emigrado. Silvia Bermúdez, licenciada en dereito, denuncia a precariedade que padece a mocidade traballadora. Ás portas dunha nova folga estudantil e coa oposición á LOMCE como punta de lanza, debullamos a situación do estudantado galego cunha dupla entrevista a Daniel Candal, Responsábel nacional dos Comités, e máis a Adrián Dios, membro da Liga Estudantil Galega. Ambos coinciden en denunciar a elitización e privatización da universidade. Aliás poñen en cuestión o mito da xeración Ni-Ni, evidenciando as dificultades reais que ten a xente nova para poder estudar ou traballar. Por derradeiro, inclúese un fragmento dun artigo de André Martelo --membro da dirección política da Xuventude Comunista Portuguesa--, no que desde a experiencia concreta do Portugal confronta co discurso criminalizador contra a xuventude, desmontando a súa ofensiva ideolóxica e fai un apelo á loita consciente e organizada da mocidade.
PRAZA_11148
O Goberno de Pedro Sánchez fixou un intervalo de días no que pode facelo por motivos de seguridade, aínda que avisará á familia do ditador 48 horas antes para que poida estar presente
O Consello de Ministros volveu dar luz verde ao proceso de exhumación do ditador Francisco Franco do Valle de los Caídos para a súa posterior reinhumación no cemiterio do barrio madrileño de El Pardo tras recibir o visto e prace do Tribunal Supremo. Farase entre entre este venres, 11 de outubro e non máis tarde do día 25. A familia será avisada con 48 horas de antelación, segundo anunciou a vicepresidenta do Goberno central, Carmen Calvo, na rolda de prensa posterior ao Consello de Ministros.O Goberno de Pedro Sánchez fixou un intervalo de días no que pode facelo por motivos de seguridade, aínda que avisará á familia do ditador 48 horas antes para que poida estar presenteO Goberno de Pedro Sánchez fixou un intervalo de días no que pode facelo por motivos de seguridade, aínda que avisará á familia do ditador 48 horas antes para que poida estar presente. Dando ese prazo, o Goberno cambia o procedemento respecto ao de hai uns meses, cando anunciou que a exhumación sería o 10 de xuño ás 10 horas da mañá. A intención do Goberno é que a retirada dos restos se produza con "discreción" polo que á basílica non poderán acceder os medios. Si o fará a familia e a ministra de Xustiza, Dolores Delgado, na súa calidade de notaria maior do Reino.Calvo explicou que durante este período de tempo se tomarán as "decisións técnicas e de seguridade" pertinentes para o procedemento. O dispositivo de seguridade é unha das cuestións que máis preocupou ao Executivo na preparación da exhumación do ditador ante a posible presenza de exaltados. De feito, a fórmula favorita da Garda Civil para o traslado do féretro era en helicóptero. O Executivo asegura que a negativa do prior a autorizar a entrada na basílica para sacar os restos do ditador non será ningún problema tras a "clara" resolución do SupremoO Executivo asegura, ademais, que a negativa do prior a autorizar a entrada na basílica para sacar os restos do ditador non será ningún problema para levar a cabo a exhumación porque contan coa resolución "clara" do Tribunal Supremo. "É unha situación rotunda do tres poderes do Estado", dixo Calvo en referencia ao cumprimento dun mandato que xurdiu do Congreso en maio de 2017 coa aprobación dunha proposición non de lei que reclamaba a exhumación, a posterior decisión do Consello de Ministros de levalo a cabo e a sentenza do alto tribunal."Este é o noso terceiro e último acordo do procedemento administrativo", celebrou a vicepresidenta, que asegurou que con el se pecha "con dignidade rotundamente o que non era digno", é dicir, "non ter ao ditador nunha tumba de Estado". "Queremos que ese lugar se circunscriba á paz, ao perdón, á xustiza de quen foron vítimas dunha atroz contenda. A nosa lei, Nacións Unidas, o Parlamento din que o ditador non podía estar no mesmo lugar no que estaban as vítimas", sentenciou.
NOS_48790
Contos Estraños vén de lanzar un micromecenado a través da plataforma Verkami para poder sacar adiante "A miña primeira novela de...", unha ambiciosa colección de novelas ilustradas de xénero fantástico e de aventuras dirixidas ao público infantil e xuvenil. Conversamos con Alba Rozas, unha das impulsoras deste proxecto que aposta no fantástico da literatura galega.
Como nace a colección "A miña primeira novela de..."? Após unha reunión con Tomás González Ahola, coordinador de Contos Estraños, e Fernando Cimadevila, que é o director da colección a canda min, decidimos dar un salto cualitativo no proxecto e avanzar na procura de novas e novos lectores de fantasía e ciencia ficción. Así xorde "A miña primeira novela de...". Trátase dunha colección coa que procuramos explotar os clixés de cada xénero. Cada un dos títulos conta con ilustracións de Iago Torres París e compleméntase cunha serie de fichas didácticas e interactivas con información relativa á temática tratada. Pola súa traxectoria literaria, botamos man de autoras da canteira, que lles chamo "xeración Estraña". As dúas primeiras, que sairán finalizado o micromecenado, son Pegadas de búfalo, de Tomás Rivera, e As probas do mago, de Vanesa Santiago. As dúas seguintes serán A caída de Guiomar, que asino eu, e Visitantes da estrela vermella de Tomás G. Ahola. A de maxia atopará moitas reminiscencias da cultura galega, mais dunha forma reelaborada, pois actualizamos e reformulamos os mitos ao noso gusto. Na miña novela, por exemplo, parto do Dicionario dos seres míticos galegos -Antonio Reigosa é un dos autores que máis sigo-.A idea é moi ambiciosa, queremos que as narrativas vaian acompañadas de unidades didácticas para as crianzas e as mediadoras, que estean moi coidadas. Queremos achegar a nosa propia imaxinación e pór un pouco ao nivel da literatura fantástica europea para crear novas sinerxías e vínculos. Que opina sobre a literatura fantástica galega? Ademais de escritora de fantasía son investigadora de fantasía. Na Galiza, á marxe destas editoras especializadas en fantasía, como foi Urco na súa primeira etapa, o xénero foi pouco explorado e por iso quizais tamén sexa tan necesaria esta colección. Desde o meu punto de vista, a literatura fantástica foi interpretada como literatura de evasión, mais iso non é certo. Se lemos e profundizamos en Tolkien, por exemplo, non hai evasión, hai crítica, reivindicación, análise social... por enriba da mesa unha serie de valores. Son moi poucas as obras deste xénero na literatura galega e algunhas están subxugadas ao politicamente correcto, porque moitas dependen de premios. Na literatura fantástica hai máis crítica social da que se pensa e o que se pretende facer é trasladar esta imaxe. Na Galiza contamos con narrativas que realmente non chegaron ao público como deberían. Como xorde o Verkami? O Verkami (no que se pode colaborar aquí) xorde como posibilidade de consolidar unha base de subscritores da colección para poder financialas e mantela en vigor. Somos unha asociación cultural sen ánimo de lucro, feito con traballo voluntario. Mais agora quedamos sen ese feedback, co paro da pandemia. Dada a boa acollida do primeiro día do Verkami, temos esperanza. Contos Estraños é un selo editorial que nace de Urco Editora, da que se desvincula posteriormente. O proxecto ten tres liñas editoriais fixas: a publicación dunha revista periódica, que vai polo número 14, infantil e xuvenil para promover a lectura en galego de xénero fantástico e de aventuras, e outra de fantasía adulta, como poden ser O secuestro de Brigantia, de Xurxo Esquío, ou Manual de medo, noxo, vicio e morte, de Tomás González Aloha. Vivimos nun momento social que explica por que triunfa o fantástico, por que Marvel é un éxito, por exemplo, en pantalla. E é que hoxe por hoxe necesitamos superheroes. Nese sentido o xénero de aventuras e fantasía que ofrecemos achega iso. Necesitamos fantasía, ficción e superheroes, mais non necesariamente só como novelas de evasión. Por exemplo, a novela de Tomás G. Ahola é unha crítica ao sistema político que tende a instaurarse despois das crises e as pandemias, que é o fascismo.
NOS_44921
No seu día foron das mámoas que máis restos achegaron ao coñecemento do megalitismo, mais a día de hoxe, permanecen agochadas e abandonadas entre a maleza na parroquia viguesa de Candeán.
O docente Kike Estévez Hernández denuncia o estado no que se atopan dúas mámoas da parroquia de Candeán, en Vigo. Unha delas é a Mámoa I de Costa Freiría, "encóntrase nun camiño desfeito -xa non existe- por unha actuación forestal máis que agresiva, que deixou toda a contorna arrasada e chea de restos de madeira -hai máis de seis meses-", denuncia. Con fotografías, demostra que está "totalmente cuberta de maleza", o que impide a súa visión, e a sinaléctica "atópase chantada no medio da mámoa, entre a maleza, o que dificulta a súa localización". O profesor pon de manifesto que a coñecida como Mámoa I de Costa Freiría "é unha das que máis restos achegou ao coñecemento do megalitismo galaico", hoxe en día "totalmente oculta e esquecida". Unha situación que se repite coa Mámoa III de Costa Freiría, tamén en Candeán, localizada a uns 30 metros da Mámoa I, tamén nun camiño "desfeito", que xa non existe, debido, segundo a denuncia de Estévez, "por unha actuación forestal máis que agresiva, que deixou toda a contorna arrasada e chea de restos de madeira". Advirte o docente e activista en defensa do patrimonio que a mámoa "está totalmente arrasada, rodeada de árbores queimadas e coa terra totalmente removida". "Sobre toda a mámoa vense tocóns de eucaliptos que nacían enriba dela e que foron cortados con máquina pesada hai uns meses", acrecenta. Ademais, sinala que "as pedras milenarias que formaban parte da coiraza pódense ver soltas por riba da mámoa" e a sinaléctica, neste caso, está "esnaquizada e tirada pola contorna e sobre a mámoa", con "plásticos e lixo de toda clase ao seu redor". "Agora seica queren musealizar a Casa dos Mouros, para que pensemos que no Concello de Vigo se preocupan pola cultura arqueolóxica", reflexiona o docente. Actuación na Casa dos Mouros Precisamente, o Concello de Vigo informou esta semana da aparición "obxectos de grande interese", como a punta dunha frecha, hachas e pezas de cerámica, na sondaxe do proxecto que comezou o 4 de xullo. A Casa dos Mouros, monumento megalítico, será escavada nun futuro, segundo avanzou a pasada quinta feira o alcalde da cidade, Abel Caballero, quen puxo de manifesto que foron atopados restos de pintura e un corredor que dá acceso á cámara megalítica central, na que "se conservan moi ben as pedras". Trátase do dolmen mellor conservado de Vigo e un dos máis relevantes da Galiza e está catalogado como Ben de Interese Cultural. Abel Caballero (centro) e Carmela Silva, xunto a un arquéologo na escavación. Protesta do BNG en xuño A Casa dos Mouros foi obxecto da reivindicación que fixo o BNG de Vigo no mes de xuño, cando ducias de persoas convocadas pola fronte nacionalista realizaron un acto de protesta ao pé do dolmen para reclamar a súa valorización, "após ano e medio rodeada cun valado de obra". "O Goberno de Abel Caballero foi incapaz de dar unha soa explicación para manter o Dolmen valado e nun estado lamentábel", criticou entón o concelleiro do BNG en Vigo, Xabier P. Igrexas, acompañado da deputada no Parlamento galego e responsábel local, Carmela González, do responsábel comarcal, Manuel Caride, e outros cargos e militantes da organización nacionalista. Fechan cun valado o dolmen da Casa dos Mouros de Candeán Igrexas apuntou nese momento non ter recibido ningunha resposta ás numerosas interpelacións realizadas desde o Bloque, a última o pasado mes de maio, "esixindo actuacións que garantan a adecuada conservación deste elemento chave da arquitectura dolménica da cidade, localizado na parroquia de Candeán e recuperado nos anos 90 polo propio Concello". Acto reivindicativo do BNG de Vigo no mes de xuño.
PRAZA_15438
Só co recoñecemento e emenda dos erros, coa renuncia á complicidade co neoliberalismo, xunto cunha aposta pola unidade das esquerdas e un proxecto galego, que teña ámbito de decisión propio e a defensa dos intereses das clases populares e da identidade nacional galega, será posible crear os vimbios do novo PSdeG, no medio e longo prazo. É dicir, máis PSdeG, máis esquerda e máis galeguismo.
Das eleccións galegas do 21 de outubro debemos extraer as conclusións acertadas que nos permitan rectificar e encamiñar de xeito adecuado a acción política, tanto da esquerda parlamentaria como social, para os vindeiros anos. Quizais por iso debemos salientar o contexto de crise, agudizada nos países do sur europeo, fundamentalmente polas deficiencias dos seus Estados de Benestar e nas súas democracias. Así, como o fracaso da esquerda social, que pese ás grandes mobilizacións cidadáns, non logrou traducir iso nunha maioría de esquerdas no Parlamento galego. A globalización triunfante, neoliberal, na súa expansión a costa de todas as formas non capitalistas de produción, camiña cara á sociedade dual final, facéndose entón imposible toda nova expansión Dende o campo socialdemócrata deberíase repensar aquelo de Rosa Luxemburgo; de que o feito consubstancial ao capitalismo é a súa necesidade de acumulación de capital. E hoxe a globalización triunfante, neoliberal, na súa expansión a costa de todas as formas non capitalistas de produción, camiña cara á sociedade dual final, facéndose entón imposible toda nova expansión e polo tanto, a propia acumulación, xunto cos feroces antagonismos de clase e unha crise social permanente. Os socialistas basean a súa forza na xestión do crecemento económico e na capacidade para redistribuír a riqueza; na súa capacidade de pór en marcha un pacto social (abolido pola dereita), aparentemente incapaz de entender que debe ser unha forza que combine a acción institucional e a mobilización social, coma verdadeira esquerda transformadora que é. Hai tamén unha confusión ideolóxica socialista común no conxunto das esquerdas: non sabe realmente a quen dirixe a súa oferta electoral Hai tamén unha confusión ideolóxica socialista común no conxunto das esquerdas: non sabe realmente a quen dirixe a súa oferta electoral. Produto dun "aparato" orgánico e institucional procedente en boa medida das clases medias (avogados, médicos, funcionarios...). Así un partido socialista que é incapaz de entender que hoxe representa unha alianza estratéxica entre unha clase maioritaria traballadora - mileurista ou fagocitada polo paro - e uns sectores democráticos da minoritaria clase media, evidencia a falta da capacidade para construír un proxecto político hexemónico. No caso galego, debemos engadir que o papel relevante do PSdeG-PSOE no pasado vén da man, primeiro da incapacidade da dereita por entender o feito autonómico, dando lugar ao Goberno presidido polo socialista Fernando González Laxe – caido en desgracia polo apoio de Felipe González a Manuel Fraga – e posteriormente o chapapote do Prestige, doulle outra oportunidade, ao tamén socialista, Emilio Pérez Touriño, sen entender este que a mera xestión, non serven para ter o apoio popular e dos movementos sociais galegos. O non ser consecuentes co feito nacional galego, co federalismo, xunto coa falta de capacidade de decisión propia con respecto ao PSOE, converte ao PSdeG nunha franquicia En todo caso, non ser consecuentes co feito nacional galego, co federalismo, xunto coa falta de capacidade de decisión propia con respecto ao PSOE, converte ao PSdeG nunha franquicia, que non atrae aos sectores galegos máis dinámicos. Resulta imprescindible un Partido Socialista de Galicia que, coas súas raíces nas grandes cidades e nas comarcas, ofreza un proxecto de esquerdas e nacional, especialmente, cando a dereita está decidida a desmantelar o estado autonómico. A derrota socialista tamén vén dada pola conflitividade interna polo control das listas, así como por escándalos na xestión de algúns concellos, que cuestionan a credibilidade social do partido e son instrumentalizados por unhas dereitas mediática e xudicial, empeñadas en tutelar a política. O cambio galego visualiza a fin do bipartidismo imperfecto e do voto útil O cambio galego visualiza a fin do bipartidismo imperfecto e do voto útil. O partido socialista compite xa con outras forzas, teoricamente situadas a súa esquerda, que teñen como contradición a defensa do estado socialdemócrata de benestar que a dereita, coa escusa da crise, quere tumbar definitivamente. Só co recoñecemento e emenda dos erros, coa renuncia á complicidade co neoliberalismo, xunto cunha aposta pola unidade das esquerdas e un proxecto galego será posible crear os vimbios do novo PSdeG Só co recoñecemento e emenda dos erros, coa renuncia á complicidade co neoliberalismo, xunto cunha aposta pola unidade das esquerdas e un proxecto galego, que teña ámbito de decisión propio e a defensa dos intereses das clases populares e da identidade nacional galega, será posible crear os vimbios do novo PSdeG, no medio e longo prazo. É dicir, máis PSdeG, máis esquerda e máis galeguismo. Hai novas voces capaces de dirixir este proxecto socialista enraizado na esquerda e no galeguismo militante. Hai unha oportunidade histórica para superar, definitivamente, o marco político e social saído das debilidades da Transición.
NOS_14342
Precariedade e temporalidade laboral, baixos salarios, emigración, recortes en liberdades e dereitos sociais e laborais, alargamento da desigualdade, cronificación do desemprego de longa duración... O Primeiro de Maio, tan vixente como sempre. Eis un extracto da reportaxe publicada ao respecto no Sermos Galiza 293.
Esta terza feira é 1 de Maio. Unha data sinalada en vermello no calendario. Día Internacional da Clase Obreira. Unha xornada que chega após un ano de intensificación da mobilización, termómetro do aumento da conflitividade laboral, que volve a primeira liña a medida que o discurso da recuperación vai ficando nu, como o emperador: temporalidade e precarización laboral, salarios desvalorizados, paro de longa duración, emigración... A orixe do Primeiro de Maio é abondo coñecida. En 1886 en Chicago, daquela a segunda cidade en poboación nos Estados Unidos, unha manifestación para reclamar as oito horas derivou nun masacre de sindicalistas e traballadores. Tres anos despois, 1889, a II Internacional Socialista acordaba en París convocar anualmente unha manifestación nesta data como xornada de loita do proletariado. Embora que nalgúns sectores poida parecer polos intentos de "acomodo" un feriado máis no calendario, o Primeiro de Maio continúa a ser unha data cun poder de combate e referencialidade como poucas. Vixencia? Non en van, por poñer un exemplo, non se celebra oficialmente nos Estados Unidos, malia aconteceren alí os feitos de 1886. Nos EUA conmemoran o Labor Day (Día do Traballo, que non das traballadoras e traballadores) e fano na primeira segunda feira de setembro. Por que? Pois porque un presidente estadounidense, Glover Cleveland, decidiu afastar a celebración o máis posíbel do 1 de maio para evitar calquera mínima coincidencia ou referencia ao socialismo, ao comunismo ou ao anarquismo. [Podes ler a reportaxe íntegra no Sermos Galiza 292, á venda na loxa e nos quiosques habituais]
NOS_30031
O Leiro máis comprometido exponse no Kiosko Alfonso, na mostra "Esculturas sentidas", comisariada por Rosario Sarmiento. As esculturas de Leiro revisitan guerras, espazos tráxicos, desastres mundiais mais érguense tamén coa resistencia da dignidade.
"Trátase dun Leiro descoñecido e inédito para moita xente, comprometido coa historia, a dor e o sufrimento", explica a comisaria Rosario Sarmiento que artellou en "Esculturas sentidas" unha montaxe na que as pezas do escultor dialogan con fotografías dos feitos que o inspiraron. Gaza, Bosnia, Ruanda ou as costas galegas tras o atentado do Prestige pasan polo traballo do artista para dar impresionantes esculturas nas que o desastre se funde coa dignidade das súas figuras humanizadas, mulleres e homes que berran, retiran chapapote ou se impoñen con valentía diante da violencia. A exposición que esta quinta feira se inaugurou no Kiosko Alfonso, situado nos Xardíns de Méndez Núñez da Coruña, reúne obra creada desde o ano 1994, maiormente en posesión do propio artista, a non ser tres pezas que proceden de coleccións institucionais. "A máis antiga é Goma, que creou a partir dunhas imaxes no campamento do Congo, fronteira con Ruanda. A montaxe procurou, por medio de grandes imaxes en branco e negro, mostrar tamén o drama das súas esculturas que reflexionan sobre a guerra e as catástrofes", explica Rosario Sarmiento. A exposición inclúe tamén un conxunto de relevos en piñeiro vermello policromado, unha fórmula que a comisaria entendo como "bosquexos" dos seus proxectos escultóricos. As imaxes dos xornais e a TV A exposición, que está chamada a ser unha das referencias da tempada no panorama artístico galego, recolle obras dos últimos vinte anos dun creador que fai neste ano catro décadas de traxectoria artística, tempo no que se converteu nun dos principais nomes da historia da arte galega e, sen dúbida, no de maior proxección internacional da contemporaneidade. "Un artista que absorbe esas imaxes coas que as revistas, xornais ou pantallas da TV nos bombardean e que non por seren vistas reiteradas veces deixan de se converter en iconas do desastre e da dor, transformándoas dende a distancia dunha calculada ironía e un certo tremendismo valleinclanesco en referencias da crueldade ou do absurdo de gran parte da realidade que nos rodea diariamente", explica a comisaria da súa proposta na que as figuras dialogan con esas imaxes das que naceron a partir das obras dun Leiro que "non representa, senón que, unha vez máis, busca crear unha escenografía". O escritor Miguel Anxo Murado escribe tamén para a exposición de Leiro un texto no que defende que o que fai o artista nesta mostra é "ilustrar unha mitoloxía. No mundo da hiperinformación as noticias son os nosos mitos".
NOS_54549
Unha semana antes da manifestación do 17 de maio, o presidente da MNL terá que declarar de novo na Audiencia da Coruña pola súa defensa da Lei de Normalización Lingüística. Fora absolto da acusación presentada polo ex-xuíz decano da Coruña, Antonio Fraga Mandión por lle chamar a atención perante a súa afirmación de que utilizaba a "ilegalidad del topónimo La Coruña" sen rubor
O presidente da Mesa pola Normalización Lingüística terá que ir de novo a xuízo a próxima sexta feira 10 de maio ás 10 horas, diante da sección segunda da Audiencia Provincial da Coruña, despois de ter recorrido o ex-xuíz decano da Coruña, Antonio Fraga Mandián, quen o acusara de inxurias ao defender a Lei de Normalización fronte a súa afirmación de que non tiña rubor en utilizar "la ilegalidad del topónimo La Coruña". O presidente da MNL terá que volver a declarar, de forma sorpresiva, ao ser aceptado o recurso de apelación presentado polo demandante Antonio Fraga Mandián e serlle concedida a vista co fin de repetir o proceso cun novo xuíz, unha vez foi absolto na anterior resolución. A Carlos Callón quédalle a posibilidade de presentar un recurso de súplica sobre a singular decisión de ter que volver a declarar despois de haber unha sentenza firme. "A sentenza que absolvía en xaneiro Carlos Callón concluía que as declaracións polas que fora obxecto de denuncia por parte de Antonio Fraga Mandián se exercera no uso do dereito á súa liberdade de expresión". A situación á que se enfronta agora Carlos Callón é singular nos procesos xudiciais xa que, estando recollido na lexislación de maneira teórica, a repetición de xuízo, sen estar fundamentada nunha previa petición de recibimento a proba do recurso de apelación, é unha posibilidade remota que case nunca acontece cando se recorre unha sentenza absolutoria. Desde fontes especialistas apuntan a posibilidade de que esta circunstancia está a anticipar unha sentenza condenatoria e unha manobra para remitir o caso a un tribunal parcial, unha vez a audiencia decide revisar a anterior decisión xudicial en favor do recorrente. O demandante Antonio Fraga Mandián ten así unha segunda oportunidade para lograr que Carlos Callón saia condenado, cun trato favorábel con respecto ao que prevé a lei de axuizamento criminal. A sentenza que absolvía en xaneiro Carlos Callón concluía que as declaracións polas que fora obxecto de denuncia por parte de Antonio Fraga Mandián se exerceran no uso do seu dereito á liberdade de expresión. Callón fora imputado por un delito de inxurias após terlle recriminado ao ex-xuíz decano da Coruña, Antonio Fraga Mandián, o incumprimento da Lei de Normalización Lingüística ao declarar que "no tengo ningún rubor en usar la ilegalidad del topónimo La Coruña". Aínda que a denuncia fora inicialmente desestimada, un recurso presentado por Fraga Mandián resultou na vista que se desenvolveu en xaneiro co resultado de sentenza absolutoria. O xuízo de xaneiro motivou varias protestas e mostras de solidariedade quer no momento da vista quer nos meses anteriores ao se considerar "unha persecución cara á criminalización das opinións e da lexítima defensa do noso idioma".
PRAZA_11404
A pesar de non obter representación, a ultradereita experimentou un ascenso considerable no noso país, pasando do 5,29% de abril ao 7,8% nestas eleccións. A formación foi a terceira forza en moitos concellos da zona rural de Lugo e Ourense.
O forte ascenso de VOX foi a gran noticia da noite electoral. A formación de extrema dereita gañou 28 deputados e un millón de votos, converténdose na terceira forza do Congreso. Os ultras, liderados por Santiago Abascal, acadaron representación en case todas as Comunidades autónomas, con catro únicas excepcións: Euskadi, Navarra, A Rioxa e Galicia.O fracaso de VOX en Galicia non oculta que tamén aquí a ultradereita experimentou un ascenso considerable, pasando do 5,29% de abril ao 7,8% nestas elecciónsVOX gañou en Murcia cun 28% dos votos e roldou a segunda posición en Andalucía. Ademais, obtivo resultados moi elevados en Castela-A Mancha (22%), Madrid e Comunidade Valenciana (18%), Aragón, Estremadura, Baleares e Castela-León (17%) e mesmo en Asturias (16%).Moi diferente foi o seu resultado en Cataluña (onde se fixo por dous deputados por Barcelona) ou Navarra, cun 6% dos votos. Na Rioxa superou o 11% dos apoios, pero ficou sen escano. E Euskadi foi o territorio onde a ultradereita acasou o seu peor dato, con apenas o 2,4% do total.Euskadi foi o territorio onde a ultradereita acasou o seu pero dato, con apenas o 2,4% do totalVOX estivo preto de acadar un escano na provincia da Coruña, pero finalmente o derradeiro escano foi para o BNG. Porén, o fracaso de VOX en Galicia non oculta que tamén aquí a ultradereita experimentou un ascenso considerable, pasando do 5,29% de abril ao 7,8% nestas eleccións. Ademais, VOX foi a cuarta forza en Lugo e Ourense, superando o BNG.Fortaleza de VOX no rural galegoVOX foi a terceira forza nunha parte importante dos concellos rurais da provincia de Lugo e OurenseAínda que VOX foi a quinta forza política no conxunto de Galicia, foron moitos os concellos nos que a ultradereita se converteu no terceiro partido máis votado. Non foi así en ningunha das cidades, nas que se moveu entre a cuarta e a quinta posición, acadando o seu mellor resultado en Lugo e Ferrol, cun 8,7% dos votos.VOX foi a terceira forza nunha parte importante dos concellos rurais da provincia de Lugo e Ourense e tamén moitas localidades de comarcas como Bergantiños ou Costa da Morte.Destacan os seus datos en localidades com Ribeira (13,6%), Becerreá (13,4%), Abadín (12,9%) ou Carballeda de Valedorras (12,2%)Ademais, destacan os seus datos en vilas com Ribeira (13,6%), onde aproveitou o forte descenso de Ciudadanos, ou Xinzo de Limia (10,6%), O Barco de Valdeorras (10,6%), Sarria (10%) e Chantada (9,3%).Ademais de Ribeira, os concellos nos que a ultradereita acadou un resultado maior foron Abadín (12,9%), Becerreá (13,4%), Carballeda de Valedorras (12,2%), Castro de Rei (10,9%), Bergondo (10,8%), Rábade (10,8%) ou Baleira (10,6%).
NOS_45513
A empresa Iris Sociedade Cooperativa apresentou un expediente de regulación de emprego extintivo para os seus 33 traballadores e traballadoras. Delegados e delgadas das compañías auxiliares da zona concéntranse en solidariedade co persoal que será despedido.
Até 33 operarias e operarios da empresa Iris Sociedade Cooperativa, compañía auxiliar do sector naval na Ría de Ferrol, serán despedidos debido ao carácter extintivo do Expediente de Regulación de Emprego de Iris, o cal foi apresentado ante a autoridade competente de concursos de acreedores. O cadro de persoal da empresa está composto por 33 operarias e operarios, mais tan só 23 contan con contrato, xa que o resto son socios e socias da cooperativa, polo que tamén están afectados. O plan da patronal para o cadro de persoal foi denunciado por un dos traballadores, Enrique Romero, perante as portas de Navantia Ferrol na mañá desta segunda feira 26 de agosto, após participar cos seus compañeiros e compañeiras nunha concentración que se desenvolveu diante do estaleiro ferrolán e que estivo secundada por delegados e delgadas da industria auxiliar e por integrantes do comité de empresa da compañía pública. As causas deste ERE están para o traballador na falta de traballo e nas malas xestións da empresa "Levamos desde o 1 de agosto de ferias, xa que aquí na planta non podemos entrar debido á débeda que mantén a empresa coa Seguridade Social e Facenda", denunciou Romero, quen puxo de manifesto que levan "tres ou catro anos con atrasos nas nóminas, das que xa se nos deben cinco e continuamos acumulando". As causas deste ERE están para o traballador na falta de traballo e nas malas xestións da empresa. Romero destacou que nas próximas horas estudarán a documentación apresentada pola empresa sobre o ERE. "Agora miraremos para poder chegar a un acordo", concluíu, para poder desvincularse da empresa e desta forma non continuar coa acumulación de pagos pendentes.
NOS_38761
A decisión adóptase tras o forte conflicto aberto froito da oposición da comunidade orixinaria de Mallku Khota á actividade da empresa South American Silver
Bolivia procederá á nacionalización dos xacementos mineiros explotados pola canadiense South American Silver no lugar de Mallku Khota, unha concesión concedida en 2006 e que desde o principio xerou unha forte oposición dos habitantes da zona, que consideran que esa actividade prexuciba acuíferos e demáis elementos ambientais. Esta oposición derivou nos últimos tempos en feitos como a retención de enxeñeiros da empresa canadense e de efectivos policiais. O ministro de TRaballo de Bolivia, Daniel Santalla, vén de manifestar nestas últimas horas que o presidente Evo Morales está decidido a revocar as autorizacións dadas no seu momento a South American Silver, a través dun decreto de nacionalización que aínda podería tardar un tempo en poñerse en marcha por mor de cuestións de tipo técnco-xurídico. Morales: "Nacionalizar é a nosa obriga" Nun acto que decorreu estes días non moi lonxe destes xacementos, o propio Evo Morales afirmou que "nacionalizar é a nosa obriga". A medida volve traer ao presente a nacionalización hai uns meses da filial de Red Eléctrica Española en Bolivia
NOS_27671
"As mulleres decidimos, as menores tamén", é o lema coa que a Plataforma polo Dereito ao Aborto convoca concentracións este día 23 en protesta contra a contrarreforma do PP.
A Plataforma Galega polo Dereito ao Aborto volve ás rúas esta segunda feira día 23 ás 20 horas , diante das sedes do PP de cidades e algunhas vila para se mobilizar contra para mostrar a súa oposición á contrarreforma do goberno de Rajoy despois de que o grupo do goberno rexistrara no Congreso unha iniciativa pola que se muda o articulado da lei e se obriga ás menores de idade a contar con autorización para interromper o embarazo. "Como sempre, o Partido Popular está utilizando os dereitos e liberdades das mulleres como moeda de cambio para tentar gañar unhas eleccións", sinalan desde a Plataforma co que manifestan o seu convencemento de que o partido do goberno quere contentar con esta medida ao seu electorado máis conservador. . "Lévanas a abortos clandestinos, co conseguinte risco para a súa saúde", lamentan. "O Partido Popular está utilizando os dereitos e liberdades das mulleres como moeda de cambio para tentar gañar unhas eleccións" Denuncian que o PP está atacando os dereitos das máis mozas ás que se lles impón un permiso mesmo nos casos de violencia intrafamiliar, desamparo ou desenraizamento. "Lévanas a abortos clandestinos, co conseguinte risco para a súa saúde", lamentan. "Sairemos ás rúas todo o que for preciso, como fixemos co anterior anteproxecto de Gallardón, para evitar que se xogue cos dereitos e liberdades das mulleres máis mozas", sinalan desde a Plataforma que agrupa organizacións feministas, partidos e sindicatos. "O que o PP ten que facer é investir en educación, saúde sexual e prevención se o que realmente quere é evitar os embarazos non desexados, non cargarse os dereitos das mulleres a decidir sobre o seu corpo e a súa maternidade", sinalan ao tempo que anuncian que non van consentir "ningún paso atrás". Concentracións do 23 de febreiro, ás 20 horas: Compostela: diante da sede do PP Ourense: diante da sede do PP Vigo: Farola de Urzaiz Coruña: diante da sede do PP Pontevedra: sede provincial do PP Ferrol: diante da sede do PP Cangas: diante do ConcelloBurela: na praza do Concello
NOS_47630
Atrifoga comprende máis de 400 traballadores públicos do servizo de incendios de Medio Rural. Teñen un contrato 'blindado' de 3 meses máximo e fican fóra do convenio colectivo. Unha precarización que vai da man, denuncian, da progresiva privatización do servizo.
Todos os anos, na temporada de alto risco de incendios en Galiza, cando se producen os combates máis duros contra as lapas, xogan un papel determinante centos de traballadores que se implican a fondo nunha loita nada doada. Máis de catrocentos destes traballadores veñen, a finais do ano pasado, de agruparse en Atrifoga, a Asociación de traballadores de incendios forestais de Galicia. Son operarios de diferentes categorías (de brigadas heli-transportadas a vixiantes fixos, condutores de motobombas ou emisoristas) que optaron por constituír esta asociación e fano en torno a dúas cuestións básicas e cansos do "desamparo legal fronte á administración". Por unha banda, ter contratos dignos, superando a actual situación de precariedade. Por outro, achegar o grao de area para reverter o proceso de privatización da loita contra o lume e pular por un "servizo de incendios único e público" en Galiza. Luís D. González, membro de Atrifoga, explica que os seus contratos son de tres meses como máximo, limitados aos meses de verán. "Non se nos permite facer substitucións o resto do ano, nin realizar traballos de prevención", comenta en conversa con Sermos Galiza. Isto limítaos, afirma, a acceder a diversos subsidios de paro, algúns plans formativos, para alén de ficar excluídos do Convenio colectivo do persoal laboral da Xunta. Privatización Esta situación prodúcese nun escenario de progresiva privatización da loita contra os incendios. "Neste sector hai empresas privadas que contratan xente por períodos de 6 meses mais nós, que somos empregados públicos non podemos facelo máis de tres", denuncia. Explica que non están a pedir ningún favor nin privilexio. "As siglas do servizo, SPDCIF, inclúen a palabra prevención, porque iso tamén é loita contra incendios, mais a consellaría só se centra na extinción". De asumir en serio a prevención, manteñen desde Atrifoga, iso reduciría os incendios e as súas consecuencias. Ademais, de se tomar a serio a administración a prevención, iso permitiría ampliar o contrato destes traballadores máis alá dos 3 meses de verán. Prolongaríase así os meses de traballo destes operarios ao tempo que se diversificarían as súas tarefas e se realizaría unha acción contra os incendios máis eficaz e baseada na prevención. Estes argumentos xa llos expuxeron á conselleira de Medio Rural nunha xuntanza. "Amosou boa disposición", afirma Luís D. González, "mais por agora foron so palabras". Teñen pendente outra xuntanza. "Hai traballadores que levan case 20 campañas nesta situación", lamenta. Defende que no colectivo hai experiencia e profesionalidade e que unha correcta estratexia contra os incendios forestais implica actuar todo o ano e non só cando se producen os incendios. Para iso a mellor ferramenta é un servizo público e único, sostén. É neses marcos, indica González, onde colle sentido a súa petición de prolongación dos contratos a nove meses anuais e ter así a consideración de fixo discontínuo.
NOS_4002
Galiza ficará sen concellos fechados a partir da segunda feira, 7 de xuño. Así o decidiu o Comité Clínico que asesora a Xunta da Galiza en materia de sanidade. Desta maneira, Mos e A Pobra do Caramiñal, hoxe en nivel máximo de restricións, pasarán a nivel alto.
Galiza deixará de ter municipios con fechamento perimetral pola incidencia da Covid-19 desde a vindeira segunda feira, 7 de xuño, tras descender ao nivel alto de restricións os de Mos e A Pobra do Caramiñal, que na actualidade teñen restricións máximas. Así o informou esta sexta feira a Consellaría de Sanidade nun comunicado, no que explica que a Dirección Xeral de Saúde Pública acordou "descender ao nivel alto de restricións" aos concellos de Mos e A Pobra do Caramiñal para os que o Comité Clínico acordou o máximo o pasado día 1 de xuño. Por iso, explica Sanidade que, "tras avaliar a situación epidemiolóxica dos dous únicos concellos galegos nos que rexían as medidas do nivel máximo de restricións, e corroborar que a evolución de ambos cumpría cos criterios fixados polo Comité Clínico para baixar de nivel", o departamento sanitario galego decidiu que, desde a vindeira segunda feira, ambas as localidades pasen a formar parte da lista de concellos en nivel alto. A Dirección Xeral de Saúde Pública tomou esta decisión 24 horas despois da sentenza do Tribunal Supremo sobre as limitacións que se querían estabelecer nas Illes Balears e xa non decorreo o habitual encontro do subcomité clínico. De feito, a partir de agora este grupo por debaixo do Comité Clínico só terá citas nas sextas feiras de "forma excepcional" dada a mellor situación epidemiolóxica da Galiza. En consecuencia será Saúde Pública a que teña aberta a porta a estipular modificacións sobre o acordado no Comité Clínico, que normalmente ten a súa xuntanza de traballo nas terzas feiras.Fontes xudiciais aclararon que para estas modificacións o Executivo galego non ten que pedir ratificación ao Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) como sucedeu desde que quedou sen efecto o estado de alarma. Si sería preciso o contacto se se suman novos municipios ás restricións despois do 12 de xuño.Sen mudanzas no resto de concellos Pola súa banda, indica Sanidade, o resto de municipios galegos seguirán cos mesmos niveis de restricións actuais. En concreto, a pasada segunda feira o Comité Clínico determinou nivel alto de restriciones en Ordes e Viveiro. Mentres, en nivel medio sitúanse os de Moraña, Ponteareas, Cenlle, Lobios, O Barco de Valdeorras, Ribeira, Boiro, Oroso, Xove, Vilalba e Monforte de Lemos. Sanidade puntualiza que esta medida entrará en vigor ás 00 horas da próxima segunda feira 7 de xuño, xornada na que xa non haberá municipios con fechamentos perimetrais, nin con restricións horarias de reunión, así como tampouco locais hostaleiros coa obrigación de fechar pola incidencia da Covid-19 -medidas do nivel máximo-.
NOS_25168
A fita sobre o accidente do Alvia en Angrois vén de recibir unha mención especial na 60ª edición da Seminci de Valladolid, onde se estreou espertando un gran suceso entre o público. O documentario estrearase o 18 de novembro en Cineuropa.
"Demoledor" e "descomunal" foron algúns dos cualificativos que recibiu Frankenstein-04155, o documentario dirixido polo ourensán Aitor Rei e producido por Boneca Lareta sobre o accidente do Alvia en Angrois. A película, producida en colaboración coa Plataforma de Vítimas Alvia 04155 e co financiamento de achegas particulares, foi estreada na 60ª edición da Seminci de Valladolid, onde recibiu unha mención especial e onde espertou un gran suceso entre o público. O documentario, que ve a luz logo dun longo proceso de investigación e documentación, estrearase en Cineuropa o vindeiro 18 de novembro. Desta maneira, o festival volve darlle voz ao accidente do Alvia tras a estrea na pasada edición de Angrois, no esquecemento, de Susana S. Recouso e Emilio Carral. Frankenstein-04155 indaga nas múltiples variábeis que influíron no fatal sinistro e denuncia outras posíbeis neglixencias e o abandono político dos ministros de Fomento José Blanco e Ana Pastor. Tamén ofrece novos datos que serán utilizados polas vítimas en futuros recursos xudiciais, como o exceso de peso do tren.
NOS_34376
O Goberno central agocha datos sobre os regalos que realiza desde que o PP volveu á Moncloa, pero os poucos que desvela refírense a botellas de aceite, máis de 3.000 bolígrafos e reloxos valorados en máis de cen euros cada un.
Cinco ministerios levan repartidos máis de 15.000 agasallos institucionais desde o comezo do Goberno de Mariano Rajoy, entre os que destacan botellas de aceite de oliva, bolígrafos co anagrama oficial e reloxos. Os obsequios máis caros son os bastóns de mando outorgados por Interior e por cada un pagouse 165 euros. Destacan os gastos de Presidencia, a carteira de Soraya Sáenz de Santamaría; namentres outros ministerios só achegan datos de 2014 ou os ocultan por completo Nas respostas parlamentarias a unha pregunta do PSOE, o Goberno non ofrece datos de todos os ministerios e só están desglosados os gastos relacionados cos agasallos institucionais de Agricultura, Emprego, Interior, Economía e Presidencia, mentres que Facenda precisa que "até a data" non adquiriu ningún. O importe dos agasallos institucionais destes ministerios ascende a 72.607,39 euros, aínda que Interior e Emprego só ofrecen datos do ano 2014 e non de toda a lexislatura. Segundo sinala o Executivo, os diferentes agasallos institucionais inclúense nas partidas e conceptos relativos a actos institucionais e atencións protocolarias e representativas do Goberno de España. O Ministerio de Agricultura é o que máis gastou en agasallos oficiais cunha contía de 42.853,64 euros. Tamén destacan os 3.000 bolígrafos co anagrama institucional adquiridos por Presidencia e os 50 reloxos de entre 134 e 140 euros que regalou o departamento que encabeza Soraya Sáenz de Santamaría nestes anos.
NOS_36152
Os presidentes da Real Academia Galega e o do Camões Instituto da Cooperação e da Língua acordaron explorar vías de colaboración permanente e avanzaron a posibilidade de celebrar na Galiza un encontro centrado "nas literaturas galega e de expresión en lingua portuguesa".
Unha colaboración permanente é o obxectivo que onte marcaron en Santiago o presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes, e o presidente do Camões Instituto da Cooperação e da Língua, Luís Faro Ramos. Ademais, na reunión entre os máximos responsábeis destas dúas institucións acadouse o compromiso de estudar a posibilidade de celebrar na Galiza un encontro centrado "nas literaturas galega e de expresión en lingua portuguesa". Na xuntanza púxose en valor a relación histórica, cultural e literaria entre a Galiza e Portugal Na xuntanza púxose en valor a relación histórica, cultural e literaria entre a Galiza e Portugal así como as ligazóns das propia Real Academia Galega co país veciño desde a súa fundación en 1906, contando con máis de medio cento de académicas e académicos correspondentes e de honra portugueses. A xuntanza mantida co Camões, instituto dependente do Ministerio de Exteriores luso cuxo obxectivo é a difusión da lingua e cultura de Portugal por todo o mundo, van na mesma dirección de cooperación aberta que os acordos acadados coa Academia Brasileira de Letras (ABL). No pasado mes de xaneiro, a RAG asinou na súa sede da rúa Tabernas da cidade da Coruña un acordo de amizade e colaboración coa entidade brasileira que tivo continuidade neste mes de xuño coa visita institucional de Víctor F. Freixanes ao Brasil, onde se encontrou co presidente da ABL Marco Lucchesi. Acadouse o compromiso de estudar a posibilidade de celebrar na Galiza un encontro centrado nas literaturas galega e de expresión en lingua portuguesa Freixanes apostou ante o pleno da Academia Brasileira de Letras por estreitar os lazos entre ambas as culturas e defendeu a irmandade do galego co portugués, unha relación na que considera que "o galego debe apoiarse para gañar proxección exterior". Freixanes reclamou ademais na súa visita ao Brasil "unha estratexia ambiciosa" no educativo a responsábeis políticos, culturais e institucionais: "Temos que reivindicar o portugués nas escolas como lingua irmá. Non para substituír o galego, senón para apoiarnos nel cara á proxección exterior". A reunión mantida entre os directores da RAG e o Instituto Camões tivo lugar no marco da celebración no Consello da Cultura Galega do Foro Inés de Castro, un encontro para avanzar as relacións entre a Galiza e Portugal no presente e futuro. Tamén participaron da xuntanza o secretario da RAG, Henrique Monteagudo e a coordinadora de ensino portugués do Instituto Camões no Estado español e Andorra, Filipa Soares.
NOS_48399
Cristina Losada naceu en Vigo en 1954 e é xornalista e escritora.
Este sábado (6 de agosto) o secretario de Organización de Ciudadanos, Fran Hervías, de visita na Galiza, desvelou o nome da persoa na que aposta a dirección política da formación a nivel estatal como candidata ás eleccións do 25 de setembro. Losada preside a Asociación Vigueses por la Libertad, un movemento de defensa da unidade territorial do Estado español Trátase da escritora e xornalista nada en Vigo, Cristina Losada. O seu nome será o designado pola dirección como cabeza de lista no marco das eleccións primarias que desenvolverán a partir das 22h do domingo, segundo explicou en comparecencia de imprensa o propio Hervías. De acordo coa información publicada pola axencia de noticias Europa Press, o proceso de presentación das candidaturas rematará ás 20h da segunda feira (8 de agosto). As votacións terán lugar entre as 22h dese mesmo día e até as 22h da cuarta feira. Cristina Losada é colaboradora do xornal Libertad Digital e integra o Consello de Administración de Telemadrid. Aliás, preside a Asociación Vigueses por la Libertad, un movemento de defensa da unidade territorial do Estado español desde 2006. Losada sobre o pobo galego Nun artigo publicado en 2002 en Libertad Digital criticaba a actitude da poboación nas localidades atinxidas pola catástrofe do Prestige. Segundo recorda o xornalista de La Marea, Antonio Maestre, aseguraba --de acordo co que lle contara a súa sobriña-- que "os do pobo" estaban "de brazos cruzados vendo como curraban os señoritos da cidade". Cristina Losada di que Galiza mantén unha "actitude basicamente pasiva e ruidosamente queixosa" Asemade, Cristina Losada sinalaba que o pobo galego estaba marcado polo "fatalismo" un "trazo moi da terra" que "propicia tamén esa resignación pasiva" que ela lle atribúe. "El fuel ya acabó con el percebe o la centolla, así que qué más da que cubra las rocas o la playa. El fatalismo, rasgo muy de la tierra, propicia también esa resignación pasiva. Pero hay otro factor que contribuye a ella: el arraigo en Galicia de una 'cultura de la subvención', de la que surge una actitud básicamente pasiva y ruidosamente quejosa, que sintetiza el dicho gallego: Quen non chora, non mama, el que no llora, no mama. Y en esas estamos", dicía na altura.
NOS_19890
Centros de Polonia, Italia, Romanía, Bulgaria e Turquía visitarán o Xelmírez I no inicio de curso no marco dun proxecto europeo de carácter intercultural, incluído no programa Comenius, que ten por fin reforzar a cooperación e a mobilidade entre centros educativos.
O compostelán IES Xelmírez I destaca por contar cunha dinámica e inqueda comunidade educativa. Boa mostra diso é o feito de ser o único centro da Galiza que conta neste momento con dous proxectos Comenius, un programa europeo que ten por fin reforzar a cooperación e mobilidade entre centros educativos. Profesorado e alumnado do instituto estiveron este ano en Polonia, Portugal e Turquía no marco do proxecto "A herdanza cultural e as tradicións nunha sociedade plural". En outubro, tocaralle ao Xelmírez I ser o anfitrión. Farán de Compostela marco para o diálogo intercultural, pois as súas aulas acollerán en entón aos países participantes no proxecto: Polonia, Italia, Romanía, Bulgaria e Turquía.. Tres alumnas do centro, xunto co profesor Roberto Carballada e a coordenadora do proxecto, Carme Sande, chegaron hai uns días de Turquía. "O obxectivo desta estadía ─explica Carballada─ foi poñer en común o traballo realizado por cada país no que se refire á historia e a cultura de cada un e afondar na cultura e tradicións turcas". Nestes momentos, encóntrase en Turquía, na Capadocia, outro grupo do centro, en relación coa segunda iniciativa Comenius da que forma parte o instituto, que leva por título "O edén está preto de nós" e está centrado en actividades organizadas dende os distintos centros en áreas de interese natural. Este segundo programa de intercambio foi iniciado en marzo, cunha estadía en Romanía, en Târgu-Jiu, onde o profesorado compostelán participante relatou, entre outras experiencias, o resultado do monitoreo do río Sarela que realizou coa asociación Adega. Coordinado polo profesor Manuel Antonio Domínguez, a iniciativa está integrada tamén por centros de Eslovenia, Grecia, Romanía e Turquía.
NOS_42956
Preciso ten unha dobre acepción. Por un lado, significa que algo é necesario e útil. Aquilo que convén e é adecuado. Pero tamén quere dicir que una cousa está feita con exactitude e rigor, que ten precisión. Con este dobre significado definen estes tres arquitectos (Carlos, Alberte e Enrique) a súa arquitectura.
Un tallo, por moi sinxelo que sexa, terá polo menos tres patas. Tres puntos crean un plano de apoio, e esta é a forma máis elemental de construír un asento. Tres partes imprescindíbeis para compoñer un todo. Tres patas, neste caso tres pés, forman este estudio desde 2005. Carlos Mosquera, Alberte Pérez e Enrique Iglesias fundaron o estudio practicamente ao acabar a carreira. Durante estes anos resistiron os tempos máis duros da crise económica, pero o máis difícil foi a marcha de Carlos, que por motivos persoais se trasladou aos Estados Unidos. Agora quedan tan só dous pés, mais os proxectos dos que falaremos a continuación foron feitos aínda a seis mans. Os proxectos, a seis e catro mans, nacen do mesmo xeito: dunha conversa. Dialogando entre eles buscan a solución máis axeitada a cada problema, posto que non cren en receitas para a arquitectura. Outra das súas obsesións, como de todo bo arquitecto, é a luz. Así, traballan tanto a iluminación natural de cada estancia (mesmo un pequeno baño interior), como a protección da luz no exterior. Fronte aos tópicos, os veráns galegos poden ser moi duros, polo que nas súas obras se estuda o modo de protexerse dos excesos do sol. Outro tema moi interiorizado para os tres, dado que medraron como estudio durante a crise, é a consciencia de que os recursos non son ilimitados. Mesmo esta idea está na xénese da súa forma de facer. Definen a súa maneira de traballar como: "Facemos arquitectura precisa. Nos dous sentidos. No sentido do que se precisa, que é de necesidade. Dicimos moito que a mellor arquitectura é a que non se constrúe, aínda que soe moi esaxerado. O que queremos dicir é que con pouco pódense facer cousas moi interesantes. Soemos traballar con moi poucos recursos, o que nos obriga a ser moi precisos. Temos uns proxectos tan pequenos que cada centímetro conta". Ilusións En poucos anos, pasaron de ser estudantes a estar nomeados nun premio de arquitectura de gran prestixio, proxecto que marcaría o seu inicio profesional. Este foi un encargo do concello de Ourense para rehabilitar un edificio para a asociación galega de magos profesionais: a Casa da Maxia. Este proxecto enmárcase dentro dun programa ambicioso de intervencións públicas no casco vello da cidade. O uso tan especial supuña un reto, polo que para proxectar o edificio tiveron axuda: "Estivemos horas e horas co Mago Antón, asesorándonos. As reunións eran longas pero moi divertidas, sacaba cartas da manga, alí aparecía de todo...". O edificio a rehabilitar era moi pequeno e tan só mantiña unha fachada de pedra en pé. Para poder adaptarse ás necesidades dos ilusionistas, deseñaron o edificio "baleiro", para facilitar as montaxes dos diferentes espectáculos, mais ten truco. Os arquitectos incorporaron unhas plataformas hidráulicas nas salas que aparecen do chan, que fan de mesa e ao pregarse desaparecen. O centro do edificio é un grande ascensor, para subir o material dos magos, ao redor do cal se sitúa a escaleira. Mantívose a fachada orixinal e medraron cara arriba cunha nova de vidro. Para protexer esta dos rigores do verán ourensán, deseñaron unhas lamas verticais que aportan sombra. Deste xeito, a fachada, desde lonxe, dá a ilusión de ser unha galería tradicional, similar ás das vivendas veciñas. A pesar de estar construído, cambios políticos fixeron que nunca se chegara a utilizar para o uso previsto. Subindo Miño arriba atopamos unha das últimas obras do estudio, unha casa con vistas ao río, en Ribela. O encargo nace de dous irmáns que querían vivir xuntos pero en cadansúa casa. Un viviría na casa existente e o outro faríase unha nova na mesma parcela, ao tempo que compartirían piscina e xardín. Dada esta situación, os arquitectos decidiron que estiveran ambas, e a piscina, á mesma altura, para facilitar a relación entre as familias. Tendo en conta que o terreo sobe, a vivenda queda parcialmente baixo a terra. A casa desenvólvese nun só andar e ten unha cuberta vexetal, polo que chega a desaparecer na paisaxe. A planta en L crea un patio entre o terreo e a casa, un espazo que rememora as tradicionais eiras da arquitectura popular ourensá. Do mesmo modo, aquel espazo tradicional creaba un mundo propio para a vivenda, igual que este patio moderno. Aínda así, todas as estancias dan ao exterior da casa, mais o patio é moi empregado no verán ao estar moi fresco. Desde este espazo, accédese á escaleira que sobe á cuberta vexetal, lugar desde onde se pode desfrutar das vistas ao río. No interior optaron por materiais moi sinxelos e económicos que potencien a luz da que desfrutan todas as estancias. O necesario Nas vivendas que contan cunha parcela con frecuencia acaban aparecendo novas construcións para unha piscina ou un espazo de comer. É habitual que estas construcións sexan improvisadas, ao contar con moi baixo orzamento e ningún asesoramento profesional. Trespes cren firmemente en que se pode facer boa arquitectura con pouco investimento. Tamén perto de Ourense, en Maceda, sucedeu exactamente isto. Unha familia desexaba un espazo para compartir unha comida ao aire libre, cun aseo e unha piscina, e moi pouco orzamento. A primeira decisión foi respectar na medida do posíbel as árbores existentes, e logo había que situar a piscina. O terreo, ao estar en costa, obrigaba a que a zona de baño conformase unha terraza; esta situárona os arquitectos a media altura respecto á zona de comer. Deste xeito, hai conexión visual entre as partes, mais a piscina ten autonomía. A varanda da piscina xera, con respecto á zona de comer, unha estrutura que dá forma a unha parra. Este elemento de sombra esténdese 20 metros e protexe o resto das pezas que compoñen este espazo social: unha mesa de catro metros con capacidade para toda a familia, unha zona de cociña e un aseo. Este, como toda a intervención, fíxose con materiais moi humildes que se poden atopar en calquera almacén de construción. Usaron pavimentos de formigón, viguetas prefabricadas para as estruturas e ladrillos de canto. Destaca o lucernario do aseo, feito cunha peza prefabricada dun pozo de saneamento. O enxeño desta proposta chamou a atención de tal xeito que chegou a formar parte do pavillón español da bienal de arquitectura de Venecia. Outra obra de baixo custo é o edificio para o composteiro da universidade da Coruña. Este forma parte do plan para procesar os residuos orgánicos xerados nas cafetarías da universidade e recuperalos para o uso nas zonas verdes do campus. Este pequeno edificio tiña que gardar a maquinaria e as ferramentas de traballo, e debía estar ventilado en todo momento. Carlos, Alberte e Enrique inspiráronse nos secadoiros de madeira. O volume está composto por táboas de piñeiro solapadas deixando espazos que garanten a ventilación. A forma vén dada pola maquinaria que contiñan e por buscar a maior entrada de luz natural. Estaba previsto que o edificio fose desmontado e é por iso que a madeira que o forma non estaba tratada. Prevíase que o piñeiro que o compón formase parte do proceso da compostaxe, e así non deixar pegada ecolóxica. Isto non sucedeu e, a pesar de que a madeira non está tratada, segue á intemperie e en moi boas condicións.
PRAZA_17137
O fenómeno, denominado enxame sísmico, comezou o pasado martes e seguiu reproducíndose aínda este domingo. O de maior magnitude tivo unha intensidade de 3.2 graos na escala Richter. Algúns dos tremores sentíronse nas bisbarras próximas.
Dende o pasado martes rexistráronse na contorna de Ponte Caldelas un total de 37 tremores de terra, o último na madrugada do sábado ao domingo, este cunha intensidade de 2 graos na escala Richter. O de maior magnitude, segundo os datos que recolle o Instituto Xeográfico Nacional (IXN) tivo unha intensidade de 3.2 graos e produciuse o pasado xoves. O fenómeno denomínase enxame sísmico e defínese como unha sucesión de tremores que se producen nun área concreta durante un período determinado de tempo sen que haxa un terremoto que poida ser considerado "principal". Algúns dos tremores sentíronse nos concellos e bisbarras próximas, de Vilaboa a Cotobade, pasando por Pontevedra. Dende o pasado martes rexistráronse na contorna de Ponte Caldelas un total de 37 tremores de terra, o último na madrugada do sábado ao domingo Trátase dun fenómeno completamente normal que moitas veces nin sequera é percibido pola poboación, se os tremores teñen unha magnitude máis reducida. No caso concreto de Ponte Caldelas e a súa contorna, a zona sitúase sobre unha pequena falla activa, que iría dende a localidade ata o sur da provincia de Pontevedra, preto de Salceda de Caselas. O primeiro dos tremores produciuse o pasado día 15 ás catro e media da tarde e ese mesmo martes houbo no lugar outros 20 terremotos, a maior parte entre os 2 e o 3 graos de intensidade, cun máximo de 3.1 para un que tivo lugar pouco despois das seis da tarde. O fenómeno continuou o mércores 16 con outros 11 tremores e o xoves 17 con outros 5, entre eles o xa comentado de intensidade 3.2. Na madrugada do sábado ao domingo porduciuse o número 37 nesta serie. No que levamos de 2018 o IXN rexistrou uns 80 terremotos en Galicia, aínda que ata agora ningún superara os 3 graos Os tremores de terra son un fenómeno frecuente en Galicia. De feito, no que levamos de 2018 o IXN rexistrou uns 80 terremotos en Galicia, aínda que ata agora ningún superara os 3 graos. O 21 de maio de 1997 ás 23.50 horas Triacastela sufriu un tremor de 5.1 graos, o maior dos rexistrados en Galicia dende que hai medicións precisas Na memoria recente están os terremotos que tiveron lugar nos últimos anos do século XX entres Sarria, Becerreá e Triacastela, no denominado triángulo sísmico da montaña lucense. O 21 de maio de 1997 ás 23.50 horas Triacastela sufriu un tremor de 5.1 graos, o maior dos rexistrados en Galicia dende que hai medicións precisas. Nos dous días seguintes houbo numerosas réplicas e seis delas superaron os 4 graos de intensidade. Entre 1995 e 1996 houbera varios terremotos semellantes na zona. En xaneiro do ano 2000 Triacastela volveu sufrir un tremor por riba dos 4 graos, derradeiro rexistrado en Galicia con esta intensidade.
NOS_54608
A forza independentista únese á esixencia dunhas eleccións catalás antes das municipais e traballa na articulación dunha candidatura soberanista máis tamén anticapitalista. "Non renunciamos a nada", di o seu deputado David Fernández.
O deputado das CUP no Parlament David Fernández esixiu este sábado pola noite a convocatoria de "eleccións inmediatas cun duplo carácter: plebiscitario e constituínte". Reclamouno na súa intervención no acto 'Per a ruptura', celebrado no Casino Aliança do Poblenou co obxectivo de articular xunto a outras formacións unha candidatura independentista, anticapitalista e rupturista para as próximas eleccións autonómicas, pendentes de data pero que poderían celebrarse antes das municipais de maio. "A complexidade do proceso non cabe nunha lista única", afirman os independentistas Fernández defendeu que as eleccións son indispensábeis para "avanzar cara á independencia", e cargou contra a proposta do presidente da Generalitat, Artur Mas, de concorrer nunha lista soberanista única. "A pluralidade e a riqueza da sociedade non cabe en ningunha lista única; a complexidade do proceso non cabe en ningunha listaxe así",dixo. "Non hai liberación nacional sen liberación social. Non renunciaremos a nada", advertiu tamén Fernández, que xunto á súa formación traballa na articulación desta candidatura rupturista e independentista máis dunha vintena de entidades e partidos, entre os que figuran Procés Constituent -como observador- Comunistes de Catalunya e Arran, entre outros. Ao acto asistiron o deputado de ICV-EUiA no Parlament David Companyon e a presidenta de Òmnium Cultural, Muriel Casals.
NOS_27991
A cidade colocou unha placa conmemorativa no edificio no que viviu a poeta. A AELG organiza diferentes obradoiros literarios nos centros de ensino de Educación Primaria e Secundaria.
A poeta sarriá Xela Arias está presente deste esta sexta no rueiro da cidade na que medrou, Vigo. O alcalde olívico, Abel Caballero, descubriu a placa que rende homenaxe á protagonista do Día das Letras Galegas 2021 no número 39 da rúa Zamora, onde chegou xunto á súa familia en 1969, con apenas sete anos. No acto, no que tamén participaron Víctor Fernández Freixanes, presidente da Real Academia Galega (RAG); Carmela Silva, presidenta da Deputación de Pontevedra, e a nai e os irmáns da artista, o alcalde vigués agradeceu a designación de Xela Arias "pola valentía de rachar con pautas culturais do pasado e procurar unha artista nova que finou moi cedo", e salientou que a súa obra e o legado que deixa tras de si "permanecerán activos e vivos todo o ano" co desenvolvemento de "continuas actividades" na súa lembranza. "Sentímonos enormemente agradecidos pola homenaxe, especialmente a miña nai, para quen esta placa ten especial importancia ao vir da veciñanza viguesa", sostivo Xoán Arias, irmán de Xela. O presidente da RAG, pola súa banda, amosou a súa felicidade pola "extraordinaria acollida e participación social" que están a ter este ano as actividades organizadas por mor do Día das Letras Galegas, e lembrou a "empatía" de Arias coas novas xeracións e as novas sensibilidades. Actividades da AELG Noutra orde, a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), coa colaboración da Deputación da Coruña, organiza estes días diferentes obradoiros literarios arredor da figura da poeta, que se imparten en centros de ensino de Educación Primaria (baixo o título Cada día, a familia) e Secundaria (Xela Arias e a revista literaria). Aliás, están a disposición de toda a cidadanía dous proxectos didácticos sobre a autora elaborados pola docente Beatriz Maceda Abeleira, que levan por nome Xela Arias. A poesía como acción.
PRAZA_3136
Practicamente toda a Galicia rural atópase nas 'zonas brancas' definidas polo Goberno central, lugares "que non dispoñen de cobertura de redes de banda larga de nova xeración, nin previsións para a súa dotación". O noso país é o territorio do Estado con máis fogares nesta situación.
Denomínanse 'Zonas brancas NGA' aqueles lugares "que non dispoñen de cobertura de redes de banda larga de nova xeración, nin previsións para a súa dotación por algún operador no prazo de 3 anos en base a plans de investimento cribles". Así as define a web da Secretaría de Estado para o Avance Dixital, que define esta conexión de calidade nunha conexión de banda larga, cunha velocidade de baixada de 30 megas por segundo ou superior.Practicamente toda a Galicia rural atópase nas 'zonas brancas', lugares "que non dispoñen de cobertura de redes de banda larga de nova xeración, nin previsións para a súa dotación"Os informes do Goberno central, que cada ano actualizan as zonas do Estado que carecen de acceso a unha conexión a Internet de calidade, sinalan que 7 de cada 10 entidades de poboación en Galicia (21.966 das 30.261) se atopan nestas zonas brancas sen banda larga (o 73%). É dicir, practicamente toda a Galicia rural. Nestas 21.966 entidades singulares de poboación vive algo máis de medio millón de persoas (519.358), o 19,2% da poboación total do país.Se analizamos unicamente aquelas entidades de poboación con máis de dez habitantes, a proporción é semellante. Dun total de 18.477 entidades, 12.351 carecen desta conexión de calidade (o 66,7%); nelas viven 478.458 persoas. Estas zonas brancas abranguen nalgúns casos concellos enteiros e mesmo vilas de importancia, como os núcleos urbanos de Viveiro, Verín, A Guarda, Tui, Mondoñedo, Melide, Ribadavia ou Padrón.Nestas zonas sen acceso a Internet de calidade viven medio millón de persoasA práctica totalidade da Galicia urbana queda fóra destas zonas brancas, pero mesmo dentro dalgunha das grandes cidades hai algúns lugares que tamén sofren esta exclusión dixital. Neste senso, 142 entidades de poboación de Compostela (4.951 habitantes) carecen de Internet de calidade. E o mesmo sucede en 61 entidades da cidade de Pontevedra (2.002 habitantes), 45 entidades da cidade de Ourense (1.474 habitantes), 305 da cidade de Lugo (7.436 habitantes), 38 de Ferrol (3.780 habitantes). E o mesmo en grandes zonas de concellos tan poboados como Cambre, Arteixo, Ames, Narón, Cambre, Carballo ou Lalín.A Axenda Dixital da Unión Europea prevía que neste ano 2020 o 100% da cidadanía da UE debía ter conexión a Internet de banda larga, unha porcentaxe que en España fica no 85% e en Galicia no 81%.No 2018, o 35,3% dos fogares galegos carecían de acceso a unha conexión de 30 Mbps ou superior. Galicia é tamén a a comunidade con máis fogares sen acceso a Internet por riba de 2 Mbps e por riba de 10 MbpsGalicia é o territorio do Estado con máis lugares sen acceso axeitado a Internet, como lembra tamén un informe publicado polo sindicato UGT, tanto no que respecta ao número de entidades de poboación nesta situación (por diante de Asturias e León) como no que atinxe ao número de fogares e habitantes afectados. No ano 2018, o 35,3% dos fogares galegos carecían de acceso a unha conexión de 30 megas por segundo ou superior, unha porcentaxe que superaba ao 33,7% de Estremadura, ao 29,2% de Castela-A Mancha, ao 28,4% de Castela-León, ao 23,2% de Canarias, ao 23% de Cantabria e ao 18,4% de Asturias.Galicia é tamén a a comunidade con máis fogares sen acceso a Internet por riba de 2 Mbps (86,8%, cando a media española é de 97,6%), por riba de 10 Mbps (72,5, cando a media española é de 92,5%). E é a segunda con menos fogares con conexión superior a 100 Mbps (61,5%, só por diante de Estremadura, cando a media española é de 80,9%)."A nivel de infraestruturas estamos moi mal. Sobre todo con Internet, pois segue sendo unha utopía ter unha boa conexión no rural. Non pode ser que teñamos aquí unha empresa e que cada dous por tres quedemos sen rede porque hai algo de vento", dicía Marta, unha das socias de Muuhlloa (Monterroso) na reportaxe sobre as iniciativas innovadoras no rural galego. Unha loita cotiá (a de ter un bo acceso a internet no rural) da que tamén falaba Dani Mexuto neste artigo."Se se vive nunha contorna rural, hai que conformarse cunha velocidade ao redor dos 10 Mbps se hai sorte, e se isto non é posible, con 2 Mbps, un tipo de conexión absolutamente ineficiente", di UGTO devandito informe da UGT destaca a "grave fenda territorial que vive España". O documento destaca as enormes diferenzas que se producen entre unhas e outras comunidades autónomas, sobre todo nas conexións de mellor calidade, aquelas que chegan a través de cable ou fibra (FTTH). Por exemplo, o 97,1% dos fogares madrileños teñen conexión por fibra, unha porcentaxe que baixa ata o 48,5% en Galicia, que si acada mellores resultados no acceso a través de cable (55,3% dos fogares).A fenda territorial prodúcese entre as zonas urbanas e as zonas urbanas, destaca UGT: "as diferenzas en cuestión de velocidade son abismais: máis de 40 puntos en conexións de 30 Mbps e 43 puntos porcentaxes en velocidades de 100 Mbps ou máis". "En conclusión, se se vive nunha contorna rural, hai que conformarse cunha velocidade ao redor dos 10 Mbps se hai sorte, e se isto non é posible, con 2 Mbps, un tipo de conexión absolutamente ineficiente para acceder funcionalmente aos servizos de Internet", afirma o sindicato.
NOS_27811
[ACTUALIZADA ÁS 22.46 HORAS] O grupo parlamentar de En Marea acordou na reunión que mantivo na tarde da terza feira iniciar "unha reflexión colectiva para consensuar" unha nova fórmula da portavocía que daría o relevo a Luís Villares.
O grupo parlamentario de En Marea, reunido esta terza feira, tal e como adiantara Sermos Galiza, aprobou un texto onde se compromete a iniciar "unha reflexión colectiva para consensuar" unha nova fórmula de portavocía que daría relevo a Luís Villares. Sería este o primeiro paso para destituílo como portavoz parlamentar único, pois do texto dedúcese que podería acordarse unha portavocía mixta ou rotatoria. Fontes do grupo parlamentar informaron a Sermos Galiza de que o texto foi aprobado na reunión do grupo parlamentario con 9 votos a favor -que segundo estas fontes serían as parlamentares de Podemos (Luca Chao, Marcos Cal, Julia Torregosa, Carmen Santos e Paula Quinteiro), Eva Solla (EU), Manolo Lago e Antón Sánchez (Anova)-. Decidiron non votar 4 deputadas e deputados (o propio Villares, Flora Miranda, Pancho Casal e Paula Vázquez Verao) e votou en contra Davide Rodríguez. Porén, fontes próximas a Anova sinalan que o seu portavoz non participou de votación ningunha, aínda que si estivo de acordo en que se enviase un texto. "No grupo non se votou o relevo do portavoz. Quedouse de enviar un texto acordado", afirman as fontes de Anova, partido que esta tarde non pretendía adoptar decisión ningunha, pois "temos que reunir os nosos órganos e até as municipais non imos dar ningún debate". O propio Sánchez puña de manifesto no seu perfil de Facebook: "Pasaron as eleccións xerais. Alivio si, pero moito que mellorar. Por iso é tempo para a análise política, para aprender dos erros e para centrarse en apoiar as mareas nas municipais, que levan batallando duro catro anos e son parte decisiva do futuro". Agregaba, "o resto pode agardar". O grupo parlamentar de En Marea envioulles aos medios o acordo en dous correos electrónicos con minutos de diferenza (un ás 21.15 horas e outro ás 21.54 horas). O primeiro deles informaba expresamente: "Este texto foi aprobado na reunión do grupo parlamentario con nove votos a favor e cinco deputadas que non quixeron participar na votación". No segundo, eliminouse toda referencia a esta suposta votación. Fontes do grupo parlamentar informan a Sermos Galiza de que na reunión, que decorreu unha vez finalizada a sesión plenaria, varias deputadas e deputados próximos a Podemos instaron a Villares a presentar a súa demisión "dados os resultados das eleccións xerais" e "para aforrar todo este trámite que vén agora". A resposta de Villares, din, foi o silencio, "non dixo nada ao respecto". Preguntadas estas fontes sobre se a decisión de relevar o actual líder da oposición e portavoz do partido instrumental supón a ruptura definitiva do grupo parlamentar, as mesmas fontes afirman que "a ruptura xa ficou evidenciada antes das eleccións xerais". Porén, aseguran,"de momento, imos seguir funcionando como un grupo parlamentar". Villares culpa da situación a Podemos Luís Villares, en declaracións aos medios, sinalou como responsábeis da reunión os deputados e deputadas de Podemos. Afirmou que a xuntanza "prexudica" as candidaturas municipais organizadas ao redor de En Marea e salientou que a decisión de mudar de portavoz no Hórreo debe darse no propio partido e non no grupo parlamentar. Advertiu de que o grupo carece de "lexitimidade" para revogar o portavoz. "Esta reunión fíxose sen contar con ninguén. Non hai respeto ningún á organicidade de En Marea nin respecto ao resultado de 2016", lamentou Villares, quen acusou a Podemos de "querer controlar por controlar o grupo parlamentario". O contido do acordo remitido aos medios No acordo do grupo parlamentario, que foi enviado aos medios, asegúrase que a natureza de En Marea mudou nos últimos meses, pasando de ser un espazo común de confluencia de moitas persoas, organizacións políticas e mareas de base municipal para converterse nunha forza política con dinámicas propias. Apuntan no texto que ese cambio de natureza ficou de total evidencia nas eleccións xerais pasadas nas que "En Marea partido confrontou con En Común Unidas Podemos". Sinalan tamén que "o cambio de natureza do espazo político afecta directamente ao grupo parlamentario que loxicamente deixou de ser a representación institucional dese espazo de confluencia para ser un grupo parlamentario no que conviven catro forzas políticas ademais de persoas independentes". Acordan por tanto como "necesario" adaptar a portavocía a esa nova realidade, "porque non ten ningún sentido que unha persoa que dirixe un dos catro partidos, moi minoritario, sexa a persoa que actúe como voceiro único do grupo". [A información foi actualizada ás 22.46 horas despois de que Sermos Galiza lograse, tras varios intentos infrutuosos, contactar con fontes de Anova]
NOS_29820
As socias e socios da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) decidiron de maneira unánime homenaxear a escritora e profesora da UDC María Pilar García Negro co premio Escritora na súa Terra. Lugo, terra en que naceu e se criou, acollerá a homenaxe o 10 de xuño.
Unha das tradicionais citas da AELG, o acto da Escritora ou Escritor na súa Terra, terá lugar o 10 de xuño en Lugo, lugar onde naceu e se criou María Pilar García Negro, escritora e profesora da UDC á que a asemblea de socias e socios acordou, de maneira unánime, homenaxear na edición de 2017. A xornada encetará ás 11.30h na Praza de Ferrol, onde se descubrirá un monólito conmemorativo e onde terá lugar a plantación do magnolio, árbore simbólica elixida pola escritora. Intervirán Cesáreo Sánchez, presidente da AELG, Lara Méndez, alcaldesa de Lugo e a propia homenaxeada, María Pilar García Negro. Unha hora após, ás 12.30h, no Salón de Plenos do Concello de Lugo, será a quenda da entrega da "Letra E" –peza da artista Mónica Alonso- á homenaxeada, na que tomarán a palabra a rexedora de Lugo; o presidente da AELG e a secretaria xeral da AELG, Mercedes Queixas. O momento máis especial chegará coa laudatio, a cargo de Carme Fernández Pérez-Sanjulián, e coa resposta á laudatio por parte de María Pilar García Negro. Ás 14.30h terá lugar o xantar de confraternidade no restaurante Torre de Núñez, un xantar aberto ás socias e socios da AELG e a todas as persoas que desexen asistir. Máis información ao respeito no 981133233 ou no correo [email protected]. Unha tradición de dúas décadas A entrega da "Letra E" á escritora ou escritor elixido representa xa unha tradición na AELG e constituíse como unha celebración, con máis de dúas décadas de vida, en que a terra de orixe da persoa homenaxeada cobra un protagonismo especial. Desde a súa implantación, en 1995, foron homenaxeadas e homenaxeados: Antón Avilés de Taramancos; Bernardino Graña; Manuel María; María Xosé Queizán; Xosé Neira Vilas; Uxío Novoneyra (póstumo); Luz Pozo Garza; Xosé Chao Rego; Xosé Fernández Ferreiro; Salvador García-Bodaño; Pura e Dora Vázquez; María do Carme Kruckenberg; Manuel Lourenzo; Xosé Vázquez Pintor; Agustín Fernández Paz; Marilar Aleixandre; Paco Martín; Xavier Rodríguez Baixeras; Marica Campo; Xabier P. Docampo; Xosé María Álvarez Cáccamo e Helena Villar Janeiro.