ID
stringlengths
5
12
summary
stringlengths
0
1.73k
text
stringlengths
0
68.7k
NOS_36815
A primeira hora da mañá desta segunda feira, o xenro do rei Juan Carlos I e cuñado do rei Felipe VI ingresou na prisión de Brieva, en Ávila. Iñaki Urdangarín disponse a cumprir condena de cinco anos e dez meses derivada do caso Nóos. A sentenza considera probados os delitos de malversación, prevaricación e fraude á Administración.
O cárcere de Brieva é un cárcere de mulleres que conta con módulo de homes. Ao que parece, este módulo non é usado habitualmente. Urdangarín, de permanecer nese centro penitenciario -decisión de Instituciones Penitenciarias-, non tería compañeiros. A cadea de Brieva atinxiu certa sona porque nela estivo no seu día o ex director xeral da Garda Civil Luis Roldán. O Tribunal Supremo rebaixou a condena ao marido da infanta Cristina en cinco meses. Aínda así, ademais dos cinco anos e dez meses, deberá pagar máis dun millón de euros en indemnizacións e multas. O alto tribunal entende que Iñaki Urdangarín se beneficiou da malversación de 450.000 euros do Govern das Illas Baleares, pagados á empresa Nóos a cambio de nada. É dicir, non houbo contraprestación. A mesma sentenza do Supremo absolveu a filla do rei Juan Carlos I e irmá de Felipe VI. A infanta, iso si, terá que abonar unha multa de 136.950 euros por participar da trama "a título lucrativo".
NOS_24212
Máis un número na rúa: entrevistamos Carmela Silva, presidenta da Deputación de Pontevedra, e Silvia Longueira, directora da Fundación Seoane; debullamos as contas irregulares de Rey Varela , contamos como foi a presentación pública de 'O Diario galego?... todo isto e máis, xa na nosa loxa.
'Rey Varela e as contratas nulas de 3,3 millóns'. O Consello de Contas atopou numerosas irregularidades en ducias de contratos durante o período en que o hoxe conselleiro de Política Social era alcalde de Ferrol. En declaracións a Sermos, o político defende o seu labor e deixa a porta aberta a presentarse de novo á alcaldía. Integrantes do grupo impulsor, representantes de organizacións e entidades do tecido económico, social, cultural e político do país asistiron ao acto de presentación das liñas básicas do proxecto, un xornal diario que Sermos Galiza proxecta lanzar en 2019. 'O Diario Galego dá o primeiro paso'. Entrevistamos Carmela Silva (Vigo, 1960) "A maioría das obras en marcha da época Louzán tiñan gravísimas irregularidades", asegura. Galiza carece dunha acción exterior merecente de tal nome. 'Un país sen política internacional'. Máis un xiro na política catalá. Inesperada e de última hora, a decisión do presidente do Parlament, Roger Torrent, de adiar o pleno de investidura de Carles Puigdemont fai aflorar a división de pareceres no seo do independentismo. A pausa parlamentaria tenciona sortear a chantaxe imposta polo Goberno español a través do Tribunal Constitucional e visa a necesidade dun acordo de fondo na bancada soberanista. O proceso xudicial e mediático contra o líder do PT tenciona impedir unha vitoria da esquerda nas presidenciais. 'Condenar Lula é eliminar a única alternativa'. O pasado ano continuou a caída de poboación en todo o país mentres aumentaron o número de lugares non poboados. Son máis de tres mil aldeas e agrupacións de vivendas en Galiza. 'A ameaza do despoboamento avanza sobre o rural'. Ábrese a posibilidade de producir aceites de oliva únicos no mundo, cultivados no país e comercializados baixo unha denominación de orixe. O renacer das oliveiras galegas'. "Hai una parte de 'Trece estampas' que estamos revivindo" dinos Silvia Longueira, directora da Fundación Luis Seoane, que entrevistamos neste número. Hai 50 anos que Lalín decidiu dedicar o domingo anterior ao Entroido a exaltar o cocido. A feira bateu marca de visitantes o ano pasado. Mais a vila do Deza e a súa bisbarra agachan outras atraccións para as que a celebración do cocido serve de embaixadora. 'Lalín máis alá do cocido'. Ademais, as achegas e colaboracións de Xoán Costa, Luz Darriba, Mercedes Queixas, Tokio e Nachortas, Francisco Castro, Mario Regueira, Andrés Castro, Iolanda Gomis, Colectivo Xea..
NOS_58210
A Deputación de Pontevedra realizará os actos institucionais os días 23 e 24 de febreiro nas súas sedes de Pontevedra e Vigo
A Deputación de Pontevedra súmase á celebración do Día de Rosalía cunha dobre xornada propia, os días 23 e 24 de febreiro nas sedes coas que conta en Pontevedra e Vigo. Este ano a celebración desta conmemoración adiántase ao 23 de febreiro, data acordada pola Fundación Rosalía e as principais institucións implicadas, tras basearse nos resultados do traballo do investigadora Sagrario Abilleira, no que se acredita que este foi o día de nacemento da autora. Co obxectivo de achegar a figura da poeta ao público máis novo, a Deputación pon en marcha unha nova edición do concurso para centros educativos 'A nosa Rosalía', que este ano adopta o formato musical, no que cada aula ou grupo do colexio poderá presentar un vídeo breve coa súa proposta de poema de Rosalía musicado. Este poderá ir acompañado dunha coreografía, un baile, un movemento ou calquera tipo de complemento. Esta convocatoria está dirixida a todo o alumnado dos centros de educación primaria das comarcas de Pontevedra, que poderán participar de maneira colectiva (por aulas ou grupos e sen límite por centro educativo). Haberá dúas categorías neste concurso: Campaíñas: 1º, 2º e 3º de primaria (de 6 a 9 anos) e Airiños: 4º, 5º e 6º de primaria (de 9 a 12 anos). O prazo de presentación das propostas remata o día 17 de febreiro. Os grupos premiados anunciaranse no transcurso dos actos que a Deputación de Pontevedra realizará con motivo do Día de Rosalía o 23 de febreiro no pazo provincial en Pontevedra e o 24 na sede da Deputación en Vigo. Libros, música e Caldo de Gloria A música tamén será protagonista coa actuación do cuarteto belga de pandeireteiras Ialma. Ademais, o público recibirá como obsequio exemplares da camelia, 'Rosalía de Castro' que forma parte do Xardín de Camelias con Nome de Muller do Castelo de Soutomaior. Na lectura do tradicional manifesto, este ano escrito por Beatriz Maceda, participarán Míriam Ferradáns en Pontevedra e Marta Dacosta en Vigo. Ademais, seguindo a chamada da AELG desde 2010, todas as persoas que participen nos actos de Pontevedra e Vigo levarán un libro en galego, neste caso da Colección Medal do servizo editorial desta institución.
PRAZA_13172
A Consellería de Educación censura o peche na Biblioteca Municipal, evita referirse á actuación policial e denuncia "os danos" causados polos rapaces no mobiliario. Ademais, destaca que os mozos "deixaron no habitáculo ocupado bandeiras comunistas e nacionalistas galegas".
A Xunta culpa os estudantes. Tras o desaloxo policial duns 50 rapaces pechados na Biblioteca Municipal de Ourense, a Consellería de Educación emitiu unha nota na que denuncia "os estragos ocasionados" polos mozos, aos que acusa de querer "permanecer indefinidamente nas instalacións ocupadas". Logo de que os concentrados, que protestaban contra os recortes no ensino público, denunciasen a violencia policial e as agresións sufridas de madrugada por parte dos axentes, o Executivo galego critica danos "no mobiliario" e culpa os concentrados de "romper unha mesa, provocar danos nos andeis e facer desaparecer unha bandeira de España". "Deixaron no habitáculo ocupado bandeiras comunistas e nacionalistas galegas" "O local ofrecía ademais un aspecto de suciedade polos restos de comida e bebida e candeas que os desaloxados deixaron atrás", insiste a Xunta, que advirte que "os feitos foron postos en coñecemento do xulgado de instrución de garda". Ademais, na nota a Consellería de Educación destaca que os estudantes "tiñan colocadas pancartas asinadas por Galiza Nova, Xuventudes Comunistas, Estudiantes sen Futuro e AMI", e tamén que "deixaron no habitáculo ocupado bandeiras comunistas e nacionalistas galegas". A Xunta puxo os feitos "en coñecemento do xulgado de instrución de garda" O Executivo galego "reproba, lamenta, e condena este tipo de ocupación de espazos públicos que non fai senón causar prexuízos para os seus habituais usuarios, e anuncia que non permitirá que os causantes de estragos en mobiliarios públicos queden impunes". Galiza Nova sinala o PP como responsable do desaloxo violento A secretaria xeral de Galiza Nova, Iria Aboi, criticou duramente "a acción violenta e desproporcionada da policía española" tras o desaloxo da madrugada do mércores en Ourense e amosou a súa repulsa ante unha actuación que cre que ten "un responsábel político: o Partido Popular". Para Aboi, o desaloxo é "un feito gravísimo e moi preocupante porque o PP está máis preocupado por calar a contestación social ante os recortes que por garantir un servizos públicos que son de todas e todos". Segundo Galiza Nova, o PP "ten que rectificar porque xa non é só un problema polo recorte de servizos públicos. É un problema para a liberdade de expresión", tras engadir que "non ten xustificación de ningún tipo tratar de boicotear ou reprimir as mobilizacións contra as súas políticas, sexan cidadás, sexan estudantís". A organización xuvenil nacionalista lembrou tamén que o Partido Popular xa presionou para impedir o éxito da folga do 10 de maio. Ademais, o BNG de Ourense quixo "amosar o seu apoio e solidariedade coas mozas e mozos das organizacións que secundaron o peche" e "condenar a brutalidade policial coa que foron desaloxadas". A agrupación local nacionalista anunciou que apoiaría a concentración de protesta na cidade das Burgas. O periódico Diagonal inclúe unha galería con imaxes do desaloxo dos estudantes de Ourense.
NOS_55174
O paro desenvoverase entre o 21 e o 24 de decembro nos centros de saúde e nos PAC dos concellos da Guarda, Oia e O Rosal para reclamar "máis persoal e contratos estábeis e dignos".
A Federación de Saúde da CIG de Vigo vén de anunciar a convocatoria dunha folga do 21 ao 24 de decembro ante a "grave situación" na que se atopa a atención primaria do Baixo Miño. Con este paro, que se desenvolverá nos centros de saúde e nos PAC dos concellos da Guarda, Oia e O Rosal, a central quere "reclamar máis persoal e contratos estábeis e dignos". Segundo explican dende a CIG-Saúde, a esta folga están chamadas todos e todas as traballadoras de cada unha das categorías laborais que prestan servizos nos centros de saúde e nos Puntos de Atención Continuada do Sergas nestas localidades, incluído o persoal residente. E desenvolverase desde as 8 horas do 21 de decembro até as 8 horas do día 24 do mesmo mes. Con esta medida de presión a central sindical quere pór de manifesto diante da Administración sanitaria e da opinión pública "a preocupación pola situación que se está a vivir no conxunto da atención primaria, que se manifesta con especial gravidade nos tres concellos que forman o ámbito dunha convocatoria coa que pretendemos que se abra un marco de negociación coa Xunta para conseguir unha atención primaria digna". Na CIG-Saúde consideran "irrenunciábeis" unha serie de cuestións, como a necesidade de aumentar o persoal mediante a convocatoria inmediata de todas as prazas necesarias en todas as categorías, "non só estabilizando as actuais con contratos precarios, senón tamén incorporando novas prazas en función da análise de necesidades co obxectivo de diminuír as ratios actuais de doentes por profesional". Outra demanda pasa por que se fagan contratos "estábeis e dignos" que permitan dar cobertura a 100% das ausencias. Con esta medida pretenden "garantir unha prestación asistencial de calidade e rematar coa situación de penosidade e precariedade actual". Tamén solicitan a dotación dun segundo equipo de medicina de familia e enfermería no PAC da Guarda para asegurar unha prestación asistencial" segura e de calidade tanto para pacientes como para profesionais, tendo en conta as características xeográficas e socio demográficas da poboación atendida". Finalmente, reclaman o estabelecemento de incentivos que permitan atraer e estabilizar profesionais na atención primaria do ámbito rural, "que teñen demostrado a dificultade de cobertura".
NOS_13099
O presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, reuniuse esta mañá de maneira telemática co deputado do BNG no Congreso dos Deputados para falar de medidas para facer fronte á crise. Rego defendeu a necesidade de apostar por políticas "realmente transformadoras no ámbito social, fiscal e económico" e alertou da imposibilidade de que estas sexan posíbeis nun pacto coa dereita.
Unha saída social e xusta á crise, reivindicou o deputado do Bloque Nacionalista Galego (BNG) no Congreso dos Deputados, Néstor Rego, esta quinta feira, 16 de abril, durante a xuntanza telemática que mantivo co presidente do Goberno español, Pedro Sánchez. Para avanzar nesa dirección, Rego trasladou ao mandatario as propostas do BNG fronte a crise. A reunión produciuse por iniciativa de Pedro Sánchez, co obxectivo de trasladar ás formacións políticas a proposta de conformar unha Mesa para a reconstrución social e económica, como ámbito de debate para consensuar un grande acordo entre todas as forzas políticas sobre as medidas para saír da crise, unha iniciativa que Sánchez ten denominado como "novos Pactos da Moncloa". O Presidente do Goberno non adiantou propostas concretas no ámbito económico e social, sinalan desde o BNG, e centrouse na necesidade de acordos e no procedemento proposto, din. Rego quixo aproveitar o encontro para trasladar a visión do BNG sobre a necesidade de pór en marcha políticas "verdadeiramente transformadoras, no ámbito social, económico e fiscal" para garantir unha saída social e xusta de crise e "evitar que, unha vez máis a paguen as traballadoras e os traballadores, as clases populares". Nese sentido, Rego trasladou as propostas que o BNG formulou nos distintos debates parlamentares sobre as medidas que o goberno veu adoptando, salientando que "a vía social pasa por medidas como recuperar os millares de millóns do fondo de rescate bancario"; por reducir o gasto militar, renunciando á compra de armamento previsto; por implantar unha nova política fiscal, "realmente progresiva e redistributiva, que grave as grandes fortunas e as grandes empresas"; por camiñar cara a un novo modelo produtivo, ou por nacionalizar as grandes corporacións dos sectores estratéxicos da economía, tales como o financeiro, as comunicacións, as telecomunicacións, ou o enerxético, comezando, resalta o BNG, polas que xa foron públicas "e que nunca deberon ser nacionalizadas". O BNG estudará a proposta O deputado nacionalista trasladou a Sánchez que o BNG estudará a proposta, mais adiantou que valora imposíbel "que as medidas verdadeiramente transformadoras que acha necesarias poidan ser acordadas coas forzas da dereita". Rego afirmou que o BNG non apoiará políticas de recortes sociais, privatización ou precarización de servizos públicos ou de recentralización política, que cualificou como "receitas habituais tanto do Partido Popular como das outras forzas da dereita e ultradereita". Nese sentido, Néstor Rego trasladou a Sánchez que mudar a orientación das políticas sociais económicas pasa por procurar acordos á esquerda e co soberanismo das diferentes nacións do Estado. Rolda de contactos de Sánchez A rolda de contactos de Sánchez para alcanzar un acordo para saír da crise iniciou esta quinta feira, reuníndose ademais de con Néstor Rego coas portavocías doutras formacións como Laura Borràs, de Junts per Catalunya, íñigo Errejón, de Máis País e Joan Baldoví, de Compromís. Despois delas, Sánchez entrevistouse coa líder de Ciudadanos, Inés Arrimadas, quen reclama pactar medidas "moderadas e sensatas". Sánchez tamén falou co portavoz de Unidas Podemos, Pablo Echenique. Na tarde desta quinta feira é a quenda do PNV e EH Bildu e na sexta irán ERC, CUP e outras formacións. Todas as entrevistas programáronse entre a quinta e a sexta feira, salvo no caso de Vox, que declinou participar, e á espera do líder do PP, Pablo Casado, con quen se negocia unha conversa para principios da semana próxima. Casado xa avanzou onte, cuarta feira 15 de abril, na primeira sesión de control ao Goberno no Congreso desde a instauración do estado de alarma, de que desconfía da intención de Sánchez coa súa proposta de pacto e teme que a súa intención sexa a de "corresponsabilizar ao resto de forzas políticas dos erros cometidos", asegurou.
NOS_33678
A Consellaría de Educación cesou a Alfonso Malvido como director do instituto da Illa de Arousa, acusado de ter comezado o curso un día tarde por non contar cos docentes suficientes. Para apoiar a Malvido a comunidade educativa concentrouse como cada terza feira diante do centro e promete continuar coas mobilizacións até que a administración revoque a súa decisión.
O director do instituto da Illa de Arousa, Alfonso Malvido ten canda el toda a toda comunidade educativa, que manifestou nunha concentración diante do centro o seu rexeitamento á decisión da Consellaría de Educación de cesalo a partir do día 31 de decembro e de impedir que se presente de novo a un cargo directivo nos próximos tres anos. A CIG chama á mobilización contra o que definen unha "decisión política" represiva na forma e no fondo contra quen só fixo defender a calidade do ensino público. Un coche oficial con dous funcionarios foron o medio que a Xunta empregou para notificar a Alfonso Malvido o seu cese como director do IES da Illa de Arousa. A sanción chegaba nun documento de 16 páxinas no que constaba o cesamento ademais da imposibilidade de se presentar a un novo concurso nos próximos tres anos. "O coche cos dous emisarios remite ao máis puro franquismo. Este é un caso de represión pola defensa de Alfonso Malvido do ensino público mais non van conseguir que calemos diante dos recortes e o desmantelamento do sistema educativo", sinalou Duarte Correa, da CIG-Ensino. Antes a prensa que o cesado De maneira paralela á comunicación do cesamento, a Xunta emitía unha nota de prensa a través da Xefatura Territorial de Pontevedra argumentando que a suspensión de clases por un día, feito do que acusan a Malvido, era grave e negativa para o alumnado. Os medios de comunicación recibiron a nota de prensa da Consellaría antes de que Malvido tivera coñecemento do seu cesamento. Para a CIG, o comportamento da Consellaría de Educación "lembra outros tempos", tanto no seu afán represivo como nos medios utilizados, o coche oficial cos dous funcionarios mais a ampla nota de prensa na que xustificaba o cesamento. A CIG anuncia que seguirá o proceso mediante o recurso de alzada diante do Conselleiro e manterá o seu apoio ás mobilizacións que sexan acordadas pola Comunidade Educativa do IES da Illa de Arousa que xa se manifestou esta terza feira en protesta polo cese de Malvido. O sindicato nacionalista fixo tamén unha chamada aos centros de ensino para que continúen manifestando a súa solidariedade con Malvido. A sanción contra o director do IES da illa de Arousa é a consecuencia do expediente disciplinario que a Consellaría de Educación abriu contra Alfonso Malvido coa acusación de ter comezado o curso un día despois ao non contar co profesorado suficiente. Para a CIG, o proceso responde "unicamente a unha intencionalidade política que busca silenciar a quen se compromete na defensa do ensino público". Segundo a CIG, o expediente disciplinario é un "aviso para navegantes que envía o Partido Popular a todas aquelas persoas ou comunidades educativas que se destaquen polo seu labor de defensa coherente dun ensino público galego de calidade" A CIG-Ensino desenvolveu distintas accións ao longo destes meses, entre elas xuntanzas con representantes da administración educativa, da inspección e xefatura territorial co fin de buscar unha saída no conflito da Illa de Arousa mais finalmente, a Consellería optou pola sanción contra o director, que deixará o cargo a fins deste ano. "Só ten intención de castigar a quen se enfronta aos recortes, un castigo co que non van conseguir desactivar as protestas doutras comunidades educativas que esixen os seus dereitos", lamentaban despois do encontro. As mobilizacións convocadas pola comunidade educativa continuarán na defensa da restitución de Alfonso Malvido ao seu posto de director do centro.
NOS_1891
Podería ser calquera outro lugar da Galiza rural. Nove habitantes viven agora nesta aldea que levaba quince anos sen celebrar a súa festa. Agora mesmo a Madalena de Anguieiros segue sen aparecer na páxina web do concello de Quiroga, mais hai xente nova que quere mudar esta situación
"Anguieiros, Anguieiros, Anguieiros"... así comeza os seus monólogos o humorista Alberte Montes reivindicando o lugar onde naceu seu pai. "Se buscas no Google Maps está mal escrito e figura como no medio da nada". E é certo. Esta pequena aldea da parroquia lucense de Montefurado pertence ao concello de Quiroga e atópase ao carón do denominado pola xente do lugar como "Boca do Monte", unha das obras de enxeñaría máis importante realizada polo Imperio romano no século II d.C en territorio galego. O nome da aldea ten relación coa rede que coñecemos como anguieira, unha das artes de pesca que se empregaban no Sil para a anguía. Ademais, foi o río unha das súas principais fontes de ingresos, xunto co aceite das súas oliveiras e o mantemento de bois procedentes de Viana. A aldea dos Anguieiros tivo, até os anos 70, unha máis que aceptábel taxa de poboación. Pasou de vivir da terra coas súas hortas, gando e castiñeiros, a partillar traballos con Saltos do Sil, unha empresa hidroeléctrica creada en 1945. Daquela había unhas 70 casas habitadas, unha escola e cinco cantinas, ademais dun poboado para traballador@s fix@s. Jesús está xubilado despois de pasar 54 anos na hidroeléctrica. É un dos nove habitantes que quedan nos Anguieiros e lembra moi ben aqueles tempos. "Había case 60 empregad@s e as obras duraban cinco ou seis anos". A música sempre estivo presente. Desde o Penelo, un gaiteiro que viña en tren cada ano tocando de casa en casa, até orquestras como "A Monfortina" Despois a historia mudou e en 1963 pasou a ser propiedade de Iberduero, hoxe Iberdrola, e pecharon a actividade. Foi unha desfeita. Comezou a emigración e funcionou o efecto chamada, primeiro a Europa e despois a outras cidades do Estado español. Manuel emigrou coa súa nai a Barcelona cando tiña quince anos, botou dezaoito aló e agora vive na Rúa. "Non había traballo aquí e houbo que buscar a vida fóra". Mantivo sempre o contacto con Galiza e toca na banda de gaitas "Abertal". Dóelle ver a aldea como está na actualidade. Debido ao seu traballo, sabe ben cal é unha das razóns que fan que nos Anguieiros existan tantas casas abandonadas: "piden moito polas vivendas aínda que estean en mal estado". Outra das persoas que non quixo deixar o lugar foi Mercedes, propietaria dun muíño de aceite que deixou de funcionar hai seis anos. "Lembro aqueles anos antes de que marchase a xente. Na escola estabamos nenas e nenos xunt@s e tiñamos quendas para levar as ovellas ao monte [que denominaban aviceira]." Outro Manuel marchou a Francia, mais quedoulle gravado memoria a vida que había daquela na aldea. "A taberna do Callao, a da Macarena, a da Maruja, a da Argentina..." Tamén lembra a festa da Madalena, a de toda a vida, coa alegría dos seus anos mozos. Hoxe Os Anguieiros ten os problemas característicos de moitas aldeas galegas: unha mala comunicación (o transporte público máis próximo é o tren de Montefurado ou o autobús que para na N-120), a falta de recursos e unha atención municipal mínima. Como mostra a elección por parte do alcalde dun pedáneo que vive en Madrid. A recuperación da festa Hai un par de anos varias persoas da segunda e terceira xeración decidiron facer algo. Xosé Manuel naceu en París e viviu tamén en Barcelona. "Despois de ver o estado de abandono e pesimismo da aldea creamos a asociación Boca do Monte". Non viven nos Anguieiros, polo que pensaron que o mellor era actuar primeiro recuperando a festividade da Madalena, o día en que se atopa alí toda a xente que vive fóra. "Comezamos o ano pasado sen verbena, socializando, convocando as familias e realizando reunións para que a xente coñecese a asociación", comenta. Agora son 26 socias e socios, a maior parte de fóra, que veñen dúas ou tres veces no ano a pasar uns días. Ademais da misa, a única actividade que se conservou cando se deixou de celebrar a festa hai quince anos, abriron un roteiro para coñecer o rico patrimonio artístico e natural da comarca, activaron un campionato de xogos tradicionais e a música volveu á única rúa que ten a aldea. Este ano celebrouse por segunda vez con verbena e máis actividades. O financiamento depende da vontade da xente que ven á festa, sexa dos Anguieiros ou non, e ninguén quedou atrás. Aínda que o cura rexeitou colaborar por "ter que atender moitas parroquias". Iso si, cobrou os 50 euros polo seu "servizo". Na entrada do lugar, a carón da renovada sinalización, un veciño da Enciñeira gaña o campionato de bolos celtas. Despois a xente da aldea e visitantes recuperan forzas nun xantar con mesa e sobremesa. Por unhas horas os carros de crianzas ocupan parte das casas, unha mostra de que a vida continúa na distancia. Hai tempo para o café, o licor en botellas mercadas na emigración e para falar de como eran antes as festas. "O dos bolos era para os domingos de todo o ano... e apostábase cartos!", asegura Jesús. Non o di por levar a contraria a esta "comisión de festas", toda a aldea esta de acordo coas actividades da asociación. "O ano pasado dúas crianzas viñeron xogando coa playstation e ao día quedaron cos bolos", comenta Xosé Manuel. A música sempre estivo presente. Desde o Penelo, un gaiteiro que viña en tren cada ano tocando de casa en casa, até orquestras como "A Monfortina". "Había baile antes da cea e verbena despois", explica Mercedes, "e eran os homes solteiros os que organizaban a festa", engade. Josefina, neta e filla de ramistas, ten agora o seu fillo Ramón na asociación e aínda sendo da segunda xeración lembra aqueles anos. "Meu pai tivo que organizar moitos anos a festa pois os solteiros andaban na emigración". Quedoulle na memoria compartir a casa cos músicos das orquestras e a alegría deses días nas adegas. Agora é o grupo Tornaxeira, onde participa Manuel a quen se lle nota alegre por tocar no lugar que deixou de pequeno. O futuro Recuperar a festa non significa recuperar a vida da aldea nin asegura o seu futuro. Por iso non todo o mundo é optimista. Tino tamén marchou hai anos e despois do xantar, camiño do automóbil, pasa por diante da que fora a súa casa familiar e non pode evitar dicir "que triste ver isto". Para Josefina todas estas novas iniciativas son positivas, mais asegura que "aquí non se vive, non hai traballo". Mercedes pensa seguir nos Anguieiros mentres lle queden forzas. "A aldea non se vai recuperar, só para os que veñan en agosto". Na asociación teñen moitas ideas e ganas para as desenvolver. "A nosa proposta é recuperar a aldea como aldea, axudar a veciñanza e que se cree unha simpatía polos Anguieiros", explica Xosé Manuel. Pola idade das persoas que aínda viven alí as necesidades son moitas. @s habitantes que pasan todo o ano na aldea están xubilados e aos seus anos o corpo non lles permite realizar algúns traballos. "Boca do Monte" botoulles unha man en tarefas como a conservación da traída de auga e a mediación co concello para pedir algúns servizos, por exemplo a mellora da sinalización e os camiños. "Anguieiros vive unha situación dramática", admiten, mais sen pesimismo. "Para o futuro pensamos ter un pequeno local social e falar co propietario do muíño de aceite para a súa recuperación e que se poda visitar como turismo de aceite, falar cos propietarios de casas e crear unha pequena bolsa de alugueres e venda". As persoas que partillamos esa fin de semana de ilusión pensamos que este proxecto sairá ben e desexamos que xurdan outros moitos.
NOS_1506
Nunha concentración convocada pola xunta de persoal da área sanitaria rexeitaron máis unha vez a área integrada que pretende a Xunta. Revólvense contra a "centralización da sanidade nas cidades" e a perda de autonomía, orzamento e servizos que carrexan os plans do PP
As mobilizacións contra o decreto de xestión integrada provincial, que levaría @s usuari@s do Hospital da Costa a dependeren de Lugo, continúan na Mariña. A xunta de persoal convocou esta cuarta feira unha concentración en contra "da morte" deste centro sanitario público e co obxectivo de "transmitir a quen nos goberna que non queremos depender de Lugo". Así o explicou Adolfo Corral, presidente da xunta de persoal da área sanitaria da Mariña, quen se queixa de que "levan prometéndonos xa desde hai catro anos que este hospital nunca ía perder a súa independencia e agora o tempo danos a razón". Segundo considerou, entre as consecuencias do decreto aprobado polo PP está a centralización de especialistas no hospital lucense "coa conseguinte perda no noso" e un desprazamento de cen quilómetros para as intervencións cirúrxicas programadas, pois en Burela quedarían unicamente aqueloutras que precisan de atención urxente. O hospital perdeu máis de 100 profesionais desde que o PP chegou á XuntaEn 2009, a Xunta quitou adiante o Plan de ordenación de recursos humanos "creando unha figura que até daquela non existía": a Comisión de servizos forzosa, que dá vía libre ao desprazamento de traballador@s da sanidade polos distintos hospitais lucenses. "Desde hai catro anos o desemprego é brutal", acrecentou Corral, quen cuantificou en máis de cen o número de profesionais que perderon o seu posto de traballo no Hospital da Costa desde que o PP chegou á Xunta, tempo en que o orzamento da sanidade pública caeu en 500 millóns de euros. Foi nunha visita da ex-conselleira de Sanidade, Pilar Farjas, ás instalacións do hospital para asistir á toma de posesión do actual xerente "cando ouvimos falar por primeira vez desa xerencia e da dependencia do gran hospital de Lugo". Subliñou Rosa López, da plataforma SOS Sanidade A Mariña que "non estariamos contra a xerencia integrada se fose da nosa área", da cal dependen máis de 72 mil cartóns sanitarios e onde a dispersión xeográfica deriva en que entre Ribadeo e Viveiro haxa 70 quilómetros de distancia. Por isto, "deberiamos ter xerencia propia, non só de hospitalización como agora senón do noso hospital cos nosos centros de saúde". Considerou que a xerencia integrada en Lugo se traducirá "na perda de autonomía, de orzamento e de carteiras de servizos", ao igual que aconteceu noutras áreas como a do Barco de Valdeorras, integrada en Ourense. Valdeorras e Vilagarcía perderon carteira de servizos, orzamentos e autonomíaO mesmo día da presentación da nova xerente executiva, a Xunta tivo que xustificar a perda dunha praza de especialista de urxencias e outra de pediatría no Hospital do Barco. Na mesma liña, o Hospital do Salnés, en Vilagarcía de Arousa, viu como a nova xerencia integrada dirixida dende Pontevedra ordenou o peche de servizos de neuropediatría obrigando 200 pacientes ao seu traslado a Pontevedra e a ameaza de peche doutras sub-especialidades. Tanto a plataforma como a xunta de persoal revólvense contra as declaracións de rexidor@s do PP na Mariña, que aseguran que o Hospital da Costa verá reforzados os seus servizos sanitarios e contará cunha unidade de quimioterapia. Poñela en marcha requiriría dun investimento "moitísimo meirande do que teñen proxectado, pois 50 mil euros non dan nin para unha campá de fluxo laminar", sinalou Rosa López, convidando @s representantes do PP na comarca a "que non reproduzan con tanta alegría o argumentario que lles manda o Sergas e que non xoguen coa saúde das persoas".
PRAZA_15761
Non só se debe tratar de coidar as Institucións Culturais da Cidade en época electoral, tamén hai que coidala no día a día e cando non haxa cámaras de TV diante.
Non é unha conduta ilóxica ou desatinada manifestar que unha agrupación musical nada no 1849 goce actualmente dunha espléndida e envexable xuventude. Non é desatinado se coñecemos o porqué desta cualificación. Os que, con certa asiduidade, asistimos aos concertos que ofrece a Banda de Música Municipal de Santiago de Compostela, poderemos comprobar que desde fai uns anos esta agrupación está sendo escoitada por unha nova xeración de público. Xa con normalidade, a asistencia continuada de parellas novas acompañadas dos seus fillas e fillos, enchen, concerto tras concerto, a sala onde esta agrupación actúa. Máis non só as parellas con descendencia. Un elevado número de mozas e mozos profesan este mesmo principio de concorrencia. Principio incrementado en épocas estivais ou en ciclos máis achegados aos gustos desta xeración. A banda Municipal respira novos aires e traballa buscando, e acadando, novo público e público novo. Isto lévase facendo desde comezos deste decenio, cun novo impulso nos últimos anos. Foi a partires do 2009 cando a agrupación iniciou a apertura cara novos proxectos. Abriuse a banda cara distintas entidades e institucións culturais da cidade. Deseñouse, entre outros moitos, os encontros musicais entre o Conservatorio Profesional de Música de Compostela e a propia banda. (colaboración que continúa celebrándose hoxe en día). Tampouco debemos esquecer o traballo a prol da música Galega pasando da interpretación das clásicas alboradas, fantasías, etc. a interpretar obras dos nosos/as compositores/as máis novos/as, á par que recentes na concepción estilística, melódica e harmónica. E non só os compositores. Os interpretes Galegos e Galegas tamén gozaron desta apertura grazas á oportunidade de actuar como solistas coa banda. E non podemos obviar a variedade na programación, onde atopamos considerables concertos especiais, como por exemplo para os máis miúdos, ou especializados por temáticas, ciclos de concertos, e así un longo etc. Unha vez reflectido, dun xeito esperanzador, o futuro da asistencia aos concertos, queda tratar o que lle pode deparar este futuro ao novo público. Toca mergullarse na xa histórica reivindicación que persegue a esta agrupación musical, que non é outra que a recuperación da súa reducida plantilla. Isto fareino remitíndome a unhas probas máis que evidenciais. A meirande parte das composicións para banda dos últimos trinta anos, escríbense para unha corda de catro trompas, catro trompetas (poden ser tres máis un fliscorno), coa necesidade de catro percusionistas, da imperante necesidade dun óboe e un fagot (como mínimo) e desconsoladamente, os que asistimos aos concertos só ollamos tres trompas (ultimamente dúas), tres trompetas e tres percusionistas. O óboe queda sen contratar en moitas ocasións e o fagot só se avistou dentro da formación durante un par de anos nos últimos cincuenta, sendo Sally Rierson unha das últimas que se lembre aló polo ano santo do 82. Así que sexamos claros. Existe unha parte que se esforzou, e esforza, en crear un mañá para a agrupación, máis, non se pode seguir avanzando dignamente con pouco máis de trinta músicos. Ou se pon a agrupación nos/ou por riba dos trinta e oito profesionais, tal como demanda a instrumentación media de calquera composición para banda de música, ou senón débese ter a suficiente valentía para recoñecer que: 1º-) É unha absoluta falla de respecto permitir que a Banda de Música Municipal de Santiago de Compostela apareza nun escenario con estas notables carencias. 2º-) É unha absoluta falla de respecto aos seus cento sesenta e seis anos de historia, é polo tanto, unha falla de respecto á cidade en si mesma. 3º-) É unha absoluta falla de respecto á veciñanza de Compostela que asiste aos concertos. 4º-) É unha absoluta falla de respecto, e mesmo un claro insulto á Música e a Cultura en xeral. Señoras e Señores representantes políticos do Pazo de Raxoi. A todas e todos sen excepcións nin diferenciacións, pois a responsabilidade é compartida tanto para as/os de Goberno coma para as/os da oposición. Non só se debe tratar de coidar as Institucións Culturais da Cidade en época electoral, tamén hai que coidala no día a día e cando non haxa cámaras de TV diante. Así pois, escusan facer caso do que eu aquí diga, máis se fan o favor, fáganllo a quen soubo, sen lugar a dúbidas, máis ca min. "Sen música a vida sería un erro". (Friedrich Nietzsche)
NOS_25710
A CIG denuncia con concentracións en sete cidades galegas o pacto entre Goberno español e axentes sociais.
Sete cidades galegas acolleron esta cuarta feira concentracións convocadas pola CIG para rexeitar o pacto da reforma das pensións subscrito polo Goberno español, os sindicatos estatais e as organizacións patronais e que, para a central nacionalista, "suporá un empobrecemento xeneralizado das contías". Na mobilización realizada na Coruña participou o secretario xeral desta organización sindical, Paulo Carril, que denunciou que o acordo subscrito en Madrid "é regresivo e vén a dificultar e a poñer en cuestión un sistema público de pensións dignas". Carril lembrou que coa reforma de 2011 "estamos a pagar hoxe as consecuencias" como é "a prolongación da idade de xubilación aos 67 anos, e a obriga de ampliar o período de cálculo dos 15 até os 25 anos". Sobre este último axuste engadiu que agora "estamos ameazados de que chegue a ser de 35 anos". Este líder sindical considerou que "estamos diante dun pacto das pensións que é a primeira parte dun pacto máis preocupante, desde o noso punto de vista, e que confirma o que levamos denunciando desde hai meses como son as graves exixencias de recortes sociais que o acceso aos fondos europeos obriga". Seguir coas pensións máis baixas O secretario xeral da CIG advertiu que a reforma pactada neste 2021 afondará no empobrecemento das prestacións, que na Galiza continúan a ser as segundas máis baixas de todo o Estado. "A pensión media galega está nos 878 euros, moi lonxe da pensión media do Estado español, situada nos 1.032 euros, polo que con este acordo se está consolidado esta diferenza", advertiu Carril. Para a CIG, se se confirma o período de cálculo aos 35 anos "as contías que van percibir as galegas e galegos serán aínda máis baixas". Neste sentido, Carril denunciou que con este acordo tampouco se garante o poder adquisitivo das pensións das e dos galegos, "xa que debera fixarse por lei que a pensión mínima sexa igual ao salario mínimo interprofesional (SMI), e este debe de ser un 60% do salario medio, de acordo coas recomendacións da Carta Social Europea, e revalorizábel co Índice de Prezos ao Consumo (IPC) real". Vivir máis cobrando menos Na CIG cren que os recortes nos dereitos continuarán ao entrar en xogo o acceso aos fondos europeos Next Generation. Sinalan que aínda que se elimine o denominado 'factor de sustentabilidade', este mesmo ano haberá unha nova fórmula que, coa denominación de 'factor de equidade interxeracional', terá efectos semellantes e podería producir un recorte nas pensións das xeracións do coñecido como baby boom. "Viviremos máis, pero con pensións máis cativas", alertou Carril. Por último, cuestionou a desaparición na práctica da xubilación a tempo parcial, "que permitía a creación de emprego".
NOS_45978
A Federación Rural Galega impulsa unha iniciativa para procurar solucións os cuantiosos danos causados pola fauna salvaxe, principalmente o xabarín. Elías Somoza lembra a "enorme responsabilidade" da Xunta.
A emblemática Feira dos Santos, que se celebra en Monterroso todos os 1 de novembro, foi elixida pola Federación Rural Galega (Fruga) para dar a coñecer a campaña que impulsa cun onxectivo claro, en palabras de Elías Somoza, un dos seus responsábeis: "solucionar os graves problemas causados no agro pola fauna salvaxe, principalmente o xabarín". A iniciativa inclúe unha recollida de sinaturas, "que se está a realizar cunha receptividade grande, a verdade", indica Somoza. Desde 2009, a Xunta non paga axudas ás persoas afectadas polos estragos causados polos danos do xabarín Desde a Fruga teñen claro que "o xabarín é, hoxe en día, unha praga. E hai que reducir esa poboación porque é incompatíbel" coa actividade agraria. Provoca danos e estragos en numerosas comarcas, "desfeitas" que son aínda máis graves pola situación de crise que golpea o rural. E, tamén, "porque desde 2009 a Xunta deixou de pagar axudas polos danos causados por este animal". Coñecer a realidade do rural Elías Somoza considera que hai que camiñar cara a redución do censo do xabarín en Galiza. "A Xunta ten que asumir as súas responsabilidades e actuar, non trasladar a responsabilidades aos Tecores". Así, ten que facer un "estudo serio, riguroso, que determine o censo da fauna salvaxe e a súa distribución. A partir de aí, hai que elaborar un plan de prevención e control". Ademais, habería que habilitar "urxentemente" ferramentas de compensación da danos. E a estas actuacións "inmediatas" hai que engadir, sosteñen desde a organización, actuacións de apoio decidido ao rural e ao agro, cunha ordenación da actividade e do territorio.
NOS_5254
A proposta figura no programa electoral do Partido Popular para as Xerais, avanzado por El Mundo. O Partido Popular promete unha lei para acabar coa discriminación que, afirma, sofre o "castelán".
O PP incluirá no seu programa electoral unha lei orgánica para blindar e protexer o español como lingua oficial do Estado español e prohibir que as linguas cooficiais (galego, catalán e euskera) sexan un requisito indispensábel á hora de acceder a un emprego público. Sería, en todo caso, simplemente un mérito. Así o avanza esta quinta feira o xornal 'El Mundo', que accedeu ao programa electoral que o PP elabora para as eleccións do 28 de abril. Nesta liña, o PP quere acabar coa "discriminación" que afirma que existe para co castelán en Catalunya, Euskadi, Galiza, Valencia e Balears. Pablo Casado quer, indica o xornal madrileño, que o español sexa lingua vehicular non só no ensino mais tamén na administración. Entre as medidas propostas no programa figura, por exemplo, que a sinalización de tráfico, paneis e placas urbanas e interurbanas estean en castelán.
NOS_12415
O voceiro de Pesca polo BNG, Daniel Rodas, foi quen convidou unha delegación de mariñeiros a entraren no Parlamento galega. Alí ficaron até que arrincaron da Mesa da Cámara o compromiso de mañá --cuarta feira-- ás 10h serán recibidos por todos os grupos con representación.
Esixen a demisión do ministro español de Pesca, Arias Cañete, e da conselleira do Mar, Rosa Quintana, mais néganse a falar con ela. A única xuntanza que aceptan é con Feijóo e así de claro o deixaron esta terza feira nun encerro nas dependencias do Parlamento galego que non rematou até que non arrincaron un compromiso da Mesa da Cámara para seren recibidos ao día seguinte ás 10 da mañá e sentar a negociar. Son mariñeiros do cerco e foron convidados á Cámara polo deputado do BNG Daniel Rodas. "Víronse na obriga de mostraren a súa indignación porque se atopan nunha situación límite fronte ás políticas da Unión Europea que só lles conceden o 24% da cota condicionada a un reparto en función das capturas históricas", denunciou Rodas en conversa con Sermos Galiza. "Víronse na obriga de mostraren a súa indignación porque se atopan nunha situación límite fronte ás políticas da Unión Europea" Que quere isto dicir? A cota total de captura de xarda que lle corresponde ao Estado español é do 24% e Galiza leva sen coller xarda desde 2007 porque, ao entrar polo Cantábrico, son moi poucas as pezas que chegan ás nosas costas. Se o reparto se fai en función das capturas históricas e non de maneira liñal, isto é, por mariñeiro, o que significa a explicación do deputado nacionalista é "a ruína do sector". "Nunca houbo tanta xarda", proclamou Rodas, quen ficou no encerramento dos mariñeiros canda deputad@s de AGE, PSdG-PSOE e a deputada do Grupo Mixto Carmen Iglesias "ouvindo as súas reivindicacións". Confesou o nacionalista que "non as temos todas connosco" a respeito de ser na cuarta feira tamén o PP sentará a negociar mais "hai que intentalo e a ver se serve para desbloquear o diálogo". O conflito do cerco afecta un total de 160 barcos galegos e máis de 2.000 familias Tal e como sinalaba un cadaleito que @s traballador@s do mar arrastraron desde as dependencias da Xunta en San Caetano até o Parlamento galego, o conflito do cerco afecta un total de 160 barcos galegos e máis de 2.000 familias. Rodas resome as súas reclamacións: "esixen o dereito a pescar a xarda que chega ás nosas costas, un dereito que se lles está a negar unicamente por razóns políticas".
PRAZA_5851
A toma en consideración da iniciativa, que si foi apoiada por PSdeG-PSOE, AGE e BNG, chegou ao Parlamento grazas a máis de 30 mil sinaturas. Pedro Arias cualificouna de "inviable" e culpou do actual nivel de desemprego ás políticas levadas a cabo polos gobernos de Zapatero e Touriño.
Os votos do Partido Popular impediron este martes a tramitación da Iniciativa Lexislativa Popular promovida pola CIG con 100 medidas para promover o crecemento económico e a creación de emprego en Galicia. Si votaron a favor da súa toma en consideración tanto o PSdeG-PSOE, coma AGE coma o BNG. O secretario xeral do sindicato, Suso Seixo, foi o encargado de presentar e defender a iniciativa, que recolleu nos últimos meses máis de 30 mil sinaturas, mentres no exterior da cámara unha concentración convocada pola central nacionalista emprestaba tamén o seu apoio. Na cámara, Seixo debullou algúns datos sobre a situación económica de Galicia, comezando polas case 300 mil persoas sen emprego, os elevados nivieis de paro xuvenil ou de desempregados sen prestación, as crecentes cifras de pobreza e exclusión social, ou a cada vez máis importante emigración, sobre todo entre a mocidade. "Esta é a verdadeira realidade do noso país", sinalou, ao tempo que lle criticou ao Goberno galego a ausencia de medidas: "É difícil entender que o Goberno galego aínda non presentase un plan de choque con medidas para aqueles sectores que están a sufrir de forma máis directa a crise. Ou cando menos en que sectores se pode actuar para promover a recuperación económica", dixo, tras afirmar que "o presidente da Xunta, cada vez que di unha verdade perde un ollo, e aínda ten os dous". Despois de chamar a atención sobre o feito de que a maior parte dos membros do Goberno non se atopaban presentes para o debate, Seixo salientou que que a situación económica de Galicia, "ten que ver coa falta de competencias" pero tamén "cunhas determinadas políticas de clase que se defenden, políticas que benefician a sanidade privada, aos grandes empresarios ou os banqueiros". Arias afirmou que foi unha política económica que promoveu o "endebedamento", o "préstamo fácil", a "prosperidade artificial" e a escesiva construción de vivendas a que levou á situación actual Os deputados do Partido Popular votaron en contra, unha posición que foi defendida por Pedro Arias. Arias cualificou as medidas de "inviables" e convidou á CIG e os grupos da oposición a "debater medidas concretas", que tipo de contratos son viables, que tipos impositivos son máis convenientes, pero sempre partindo da necesidade, dixo, de contar con medidas de "austeridade selectiva". Así mesmo, Arias culpou dos elevados niveis de desemprego en Galicia á xestión realizada polos gobernos de Zapatero e Touriño. Defendeu que en 2004 o PP deixou unha "economía saneada" e con baixos niveis de paro, e afirmou que foi unha política económica que promoveu o "endebedamento", o "préstamo fácil", a "prosperidade artificial" e a escesiva construción de vivendas a que levou á situación actual. Arias engadiu que "polos traballadores preocupámonos todos" e defendeu as xestións da Xunta para promover a recuperación económica. O BNG loubou, pola súa banda, as medidas presentadas pola CIG e afirmou que "hai que apostar e fomentar o consumo dos produtos galegos, defender o potencial forestal, leiteiro, enerxético, extraer beneficio da especialización produtiva", apostando "polo coñecemento, pola presenza pública na economía e de maneira especial en sectores como o financeiro, lácteo, enerxético, naval ou redes de comercialización". Para a CIG "si é posíbel facer outras políticas que sexan realmente xeradoras de emprego e para a súa posta en práctica teñen competencias o Parlamento de Galiza e máis o Goberno galego" Ademais de contar coa adhesión de varios comités de empresa, como Navantia ou Pull&Bear, a CIG promoveu a presentación de mocións en apoio á ILP, que foi debatida en máis de 60 concellos e aprobada en, cando menos, 28 deles. A iniciativa recollía un total de 100 medidas en materia fiscal, financeira, laboral, social, enerxética ou industrial, entre outras, que o sindicato considera "imprescindíbeis para recuperar a actividade dos nosos sectores produtivos e que se cree emprego digno no país". Ademais, a central destacaba que "a maior parte delas demostran que si é posíbel facer outras políticas que sexan realmente xeradoras de emprego e para a súa posta en práctica teñen competencias o Parlamento de Galiza e máis o Goberno galego".
NOS_379
Alerta dun incremento dos créditos dados de baixa e pide maior colaboración cos concellos.
O Consello de Contas constata que continúan producíndose na Galiza atrasos na posta en marcha e execución dos programas operativos con fondos procedentes da Unión Europea, "dando lugar a que se sigan efectuando reasignacións financeiras entre distintos exercicios". Así o recolle o informe de fiscalización dos fondos procedentes da Unión Europea correspondente ao exercicio de 2019, un dos publicados polo organismo este venres. O estudo indica que ao longo do exercicio contabilizáronse baixas de crédito por valor de 346,77 millóns. Ante esta circunstancia, Contas recomenda adoptar "as medidas necesarias" que permitan "mellorar os índices de execución do financiamento europeo", para achegar estes a os cocientes da execución xeral do orzamento da comunidade autónoma. O estudo indica que ao longo do exercicio contabilizáronse baixas de crédito por valor de 346,77 millóns. Destas o día 31 de decembro de 2018 contabilízanse baixas por importe de case 173,94 millóns, "xustificándose as mesmas como remanentes de crédito non comprometidos ao 31 de decembro para o seu reprogramación en exercicio posteriores". Contas aprecia así un aumento do 35,38% dos créditos dados de baixa o 31 de decembro, "afectando maioritariamente as modalidades de exercicio corrente". Fronte a isto, aconsella que o sistema de baixas de créditos sexa substituído "progresivamente" por un sistema que permita realizar as reprogramacións ao longo do exercicio, a medida que os proxectos se van desenvolvendo, "en función da eficacia e das dificultades de xestión". Concellos Por outra banda, entre as entidades e organismos públicos, un total de 210 concellos galegos recibiron pagos por valor de 14,22 millóns en 2019 e "prodúcese así unha diminución respecto ao exercicio anterior tanto no número de beneficiarios (254) e na cantidade percibida (15,73 millóns). O Consello de Contas recomenda, ante "a reiterada diminución" nos últimos exercicios na participación total de Galicia e das súas entidades locais no financiamento de proxectos vinculados a fondos europeos, que se articulen nos próximos exercicios por parte da administración autonómica "estratexias colaborativas".
NOS_25595
O alcalde de Pontevedra alaba a compra do convento
O convento de Santa Clara, situado no casco urbano de Pontevedra, forma xa parte do patrimonio do Concello. Desde a mañá de onte, unha placa á entrada do edificio recolle a seguinte inscrición: "O 1 de decembro de 2021 o Concello de Pontevedra incorpora ao uso público este convento de Santa Clara". A expectación crecera nas últimas semanas, a medida que o Goberno local superaba as etapas necesarias para adquirir a edificación. Precisamente, no día de onte, o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, asinou os documentos que acreditan o Concello como propietario do convento. Acto seguido, e acompañado do concelleiro de Urbanismo e Patrimonio Histórico, Xaquín Moreda; a portavoz do Goberno, Anabel Gulías; e o concelleiro de Infraestruturas e vicepresidente da Deputación de Pontevedra, César Mosqueira, acudiu a Santa Clara para realizar unha visita xunto con varias ducias de xornalistas. Xa no interior, e antes de iniciar a visita, Fernández Lores dirixiuse aos medios de comunicación para expresar a súa "ledicia" pola adquisición do convento de Santa Clara. "A abadesa díxome que hoxe chovía porque Santa Clara estaba a chorar de tristeza; nós tamén choramos, pero de emoción", recoñeceu o primeiro edil de Pontevedra. Acto seguido salientou a "importancia" de que o Concello incorpore ao seu patrimonio público un edificio de 750 anos de historia. Lores explicou que o convento "forma parte da historia de Pontevedra, xa que viviu as épocas douradas e de decadencia da cidade, sempre dunha maneira discreta". O rexedor nacionalista engadiu que "agora toca escribir un novo capítulo na historia de Santa Clara, un no que participe toda a veciñanza do Concello". O obxectivo do Goberno local con esta compra é amosarlle a toda a cidade de Pontevedra "o que os seus muros gardaron até o día de hoxe". "Cumprimos un soño, noso e de toda a xente desta cidade, fixémolo realidade", destacou o alcalde nacionalista. Desde que a compra do convento de Santa Clara virou nunha opción real, o Goberno local trasladou que "esta operación urbana é a máis importante da cidade dos séculos XX e XXI", só comparábel á "operación de incorporación e construción da Alameda e as Palmeiras deseñado por Sesmeros". Tras as palabras de Fernández Lores, deuse inicio á visita polas diferentes dependencias do convento. O concelleiro de Urbanismo, Xaquín Moreda, foi o encargado de actuar como guía para o alcalde, os concelleiros e os xornalistas, primeiros civís en visitar o edificio relixioso antes de que o Concello o abra ao público. En primeiro lugar, os visitantes accederon ás adegas e á cociña do mosteiro, onde aínda se podían ver varios obxectos que no seu día pertenceran ás monxas da congregación. A continuación, percorreron o comedor. Desde alí Moreda explicou que o edificio se caracteriza por case non ter luz artificial nin calefacción, só presente no espazo da igrexa de Santa Clara. Dirixíronse ás celas que antigamente as monxas empregaban como habitacións, e despois puideron observar unha das pezas "centrais" do convento: un grande órgano na parte alta da igrexa, onde as irmás da congregación asistían á misa sen se mesturaren cos fieis. Pasaron pola enfermaría, os locutorios e os obradoiros nos que as monxas tecían, e finalmente saíron ao "bosque", un espazo no xardín no que aínda repousan varias monxas soterradas nun pequeno cemiterio, á espera de seren exhumadas e trasladadas a Compostela.
NOS_41306
O suplemento, que estará mañá na rúa xunto ao teu 'Nós Diario' e ao 'Sermos Galiza' especial polas Letras Galegas, tamén repara na vida de Joaquín Vaamonde nos textos de Pardo Bazán e investiga sobre as orixes do esperanto no país. Tamén trae novidades sobre a heráldica galega.
Queres incrementar os teus posíbeis temas de conversa ante calquera encontro social? Non podes perder o caderno Coñecer desta semana, que abrangue cuestións como as Irmandades da Fala, a chegada do esperanto á Galiza e, mesmo, segredos da obra de Emilia Pardo Bazán. O suplemento de historia e coñecemento de Nós Diario abre este sábado cun artigo de Mercedes Rozas titulado 'A ansiada quimera do artista' e no texto a autora explica o papel de Joaquín Vaamonde Cornide na obra da intelectual coruñesa Emilia Pardo Bazán. A xornalista Montse Fajardo co tema 'A chama acesa das cartas de Pep' engade un pouco de memoria á páxina falando das incorporacións de familias galegas á querela arxentina contra o franquismo. Ese espazo de invitación a ler o resto do caderno inclúe 'Repil, abril 1949', unha reflexión de Paula Verao. A primeira reportaxe ampla, escrita por Carlos Meixome, explica 'Quen é o da última fila, o da esquerda? O obreiro das Irmandades'. Así conta que neste colectivo non só se daban cita os intelectuais da Galiza senón que tamén había espazo para xente máis do común como Xosé María Calviño Mariño. As páxinas recollen detalles sobre a figura deste irmandiño moito máis descoñecido para a poboación galega. O historiador Xosé Álvarez Castro propón reflexionar coa súa opinión 'Pervivencias contrarrevolucionarias'. O experto en heráldica Héitor Picallo -autor do coleccionábel sobre a apaixoante arte dos blasóns- regresa ás páxinas de Nós Diario co tema 'E Galiza de novo en Portugal'. Nel conta como o escudo galego está presente en documentos lusos do século XVI. Ademais, o escritor Lois Diéguez remata a dupla central co texto 'O Lago Bafa en Latmos'. Por se semellaban poucos temas, Eliseo Fernández analiza 'O esperanto nos inicios do século XX na Galiza' e conta como apareceron os primeiros seguidores desta lingua. Pola súa banda, a xestora cultural Silvia Fiallega opina sobre a 'Competencia cultural'. Na contracapa, vas atopar un Quen fai que compartido polo arqueólogo Antón Malde, o artista Suso Basterrechea e a torre de Caldaloba, na Terra Chá. Este sábado o Selfie é para o historiador naval Fernando Patricio Cortizo. Apetéceche gozar destes contidos? É ben fácil: só tes que acudir mañá ao teu quiosque ou mercar Nós Diario -e o Sermos Galiza sobre Xela Arias- na nosa tenda en liña. Mais non deixes de facer a subscrición, que todo é aínda máis sinxelo!
NOS_12839
3, 2, 1… comeza a conta atrás para acadarmos as últimas presubscricións que permitan facer realidade un diario en papel en galego e con este obxectivo iniciamos esta cuarta feira unha intensa campaña nas redes sociais. E é que a presubscrición á única opción diaria que haberá nos quiosques en galego é a mellor opción para agasallar neste Nadal azul!
Con tan só 56 céntimos ao día (prezo da subscrición anual de acceso ao xornal dixitalizado na nube), podes agasallar o diario galego neste Nadal azul. Esta é unha das ideas chave da campaña que inicia esta cuarta feira Sermos Galiza, S.A. nas redes sociais coa ollada posta no obxectivo mínimo das 3.000 presubscricións para lograrmos a estabilidade financeira precisa co fin de afrontarmos os custos de edición do diario. Até oito modalidades de inscrición, en función das necesidades e gostos de cadaquén, facilitan un galano do Apalpador que é a semente que dará como froito o esperado e necesario diario en galego. O cargo só se pasará ao cobro, en 2019, de conseguirmos as 3.000 asinantes. De ser así, a partir de xaneiro sentariamos as bases para lanzarmos o xornal no segundo semestre de 2019. Un momento histórico que suporía a volta aos quiosques da lingua galega de terza feira a sábado. Tócase cos dedos O soño do diario en papel en galego tócase cos dedos. Está moi próximo, mais precisamos dun derradeiro impulso. O horizonte ten data: o 31 de decembro de 2018. Será entón cando se saiba se todo o labor de socialización do proxecto para a saída do diario promovido por Sermos Galiza, S.A. e impulsado por máis de cento oitenta persoas representativas dun amplo abano de sectores cristalizou. No haber levamos máis de medio cento de actos de presentación que nos permitiron chegar a milleiros de persoas e nos que concluímos que alén de posíbel, un diario en papel en galego é unha necesidade. Quen pode ser destinataria ou destinatario dun presente que contribúe a normalizar e dignificar a lingua galega e a conformar a opinión sobre información obxectiva e contrastada? Calquera home ou muller que aspire a se informar daquelas temáticas que os diarios en papel obvian, como son a cultura galega, o traballo, os feminismos, a ecoloxía, a memoria, a historia, a lingua, a economía, os dereitos e liberdades civís… Calquera home e muller que goste dunha ollada construtiva cara ao desenvolvemento e a transformación económica e social da realidade galega. Calquera home e muller cun pensamento e comportamento aberto, actual e implicado e que non ve reflectidas na prensa convencional as súas ideas de avance social. Para a Galiza de 1918, aquela Galiza das Irmandades da Fala, contar cun diario en galego era unha utopía por máis que se sentise unha necesidade. Cen anos despois a utopía está a medio paso de virar realidade. Non valen lamentacións posteriores, porque está na man de cada unha e cada un de nós conseguírmolo. O momento é agora! Podes presubscribirte ao diario en galego na seguinte ligazón.
NOS_23224
O rexedor e outro edil de Democracia Ourensá foron os únicos en manifestarse en contra da moción. "Non teño que ensinar as contas, teñen que demostrar eles que eu son culpábel", advertiu Jácome sobre as acusacións de xestión irregular de fondos para o partido.
O pleno da corporación municipal de Ourense acordou solicitar a dimisión ao actual rexedor, Gonzalo Pérez Jácome. A moción presentada polo Bloque Nacionalista Galego(BNG) contou, ademais, co apoio de Ciudadanos, do Partido Popular (PP), do Partido Socialista Obreiro Español(PSOE) e dos catro concelleiros críticos do grupo de Democracia Ourensá(D.O), votando só en contra Armando Ojea e o propio Pérez Jácome. Malia que nos últimos días se daba por feito o trunfo da proposta do BNG, os nacionalistas non agardaban un resultado tan rotundo, posíbel ao sumarse á ultima hora os representantes populares á solicitude do BNG. Así e todo, a probación da moción non vai provocar a dimisión de Pérez Jácome, dado o seu carácter non vinculante. O debate da iniciativa onde se solicitou a dimisión de Pérez Jácome serviu para analizar a crise do Goberno na que se instalou Ourense tras a saída do Executivo local dos catro concelleiros críticos de Democracia Ourensá e dos sete representantes do Partido Popular. O autor da iniciativa, o portavoz do BNG, Luís Seara amosouse moi duro co Jácome, a quen cualificou como "a esencia mesma da corrupción, por confundir o público co privado e confundir ao concello coa súa empresa", se ben sinalou que "o problema non remata coa súa saída da alcaldía". "O grande responsábel do que está acontecer é Baltar e Feixoo que bendiciu a operación", destacou Seara quen sinalou que Jácome "só tiña utilidade para blindar a Baltar na deputación e para evitar que Feixoo tivese outro competidor pola dereita en Ourense". O ton das dúas expresións da dereita na corporación foi diferente. O portavoz de Ciudadanos, José Araujo acusou a "Jácome de crear Democracia Ourensá para facturar e Democracia Ourensá é unha empresa creada por Gonzalo Pérez Jácome para chegar ao poder de Ourense". Ao tempo, criticou ao rexedor de "ofrecer un produto que logo cambiou para ser alcalde" e sinalou que "o futuro de Ourense pasa por un acordo entre o PP e o PSOE" ou deste último con Jácome. Pola súa banda, o representante do PP, Jesús Vázquez considerou que "estamos nunha situación grave", defendeu a xestión do primeiro ano do Goberno e solicitou a Jácome "explicacións e exemplaridade con maiúsculas" para restaurar a" honorabilidade do Goberno que nó abandonamos por perder a confianza en vostede" O portavoz dos socialistas, Rafael Villarino afirmou que "exemplificamos hoxe aquí o fin dun experimento lamentábel onde hai dous responsábeis Feixoo e Baltar e un axente secreto o señor Caride", considerou que "o alcalde non é unha vítima, a vítima é Ourense. Púidolle a ambición persoal e traizoou a vontade de cambio dos ourensáns" e denunciou a tentativa dos concelleiros críticos de Democracia Ourensá de tentar evitar a celebración do pleno", contactando cos concelleiros socialistas para que non acudiran. Jácome mantívose no seu discurso dos últimos días. O rexedor acudiu a argumentos de tipo xurídico-formal para negarse a explicar as irregularidades contábeis na súa formación que investiga a xustiza, sinalando que "non teño que ensinar as contas, teñen que demostrar eles que eu son culpábel. O PP, o partido da Gurtel, o partido corrupto dime a min que lle ensine as contas, as contas compétenlle a Democracia Ourensá e ao Tribunal de Contas. Non vou ensinar as contas do partido, como imos presentar os extractos bancarios".
NOS_35763
Denuncia o impacto da suba da luz na industria.
A suba da factura eléctrica "impacta nas empresas galegas lastrando a súa competitividade e pondo en risco miles de postos de traballo nunha Galiza rica en electricidade", denunciou onte a líder do BNG, Ana Pontón, nunha visita á feira do sector industrial organizada pola Asociación de Industrias do Metal e Tecnoloxías (ASIME) en Vigo. "O prezo do megavatio hora é de 188 euros cando hai un ano era de 43 euros e isto afecta as familias mais tamén as empresas", expuxo. Ante isto, avogou porque a riqueza eléctrica da Galiza sirva para impulsar o seu desenvolvemento económico. Para iso marcou necesario ter unha tarifa eléctrica galega diferenciada e instou o PP e o PSOE a que "expliquen por que se unen para votar a favor do lobby eléctrico e en contra dunha medida que beneficia o país", dixo en referencia ao voto contrario de socialistas e populares contra a medida por unha tarifa eléctrica galega que antonte presentou o BNG no Parlamento. Pontón tamén reclamou unha empresa pública de enerxía que asuma as concesións hidroeléctricas a medida que vaian caducando e que "permita competir co oligopolio". Igualmente, propuxo crear un centro de almacenamento de enerxía. 40% da poboación, sen cita presencial na Primaria De "enganoso" cualificou Pontón o anuncio de Núñez Feixoo sobre a reapertura da posibilidade de solicitar cita presencial en Atención Primaria. Para Pontón, Feixoo "deu a entender que se recuperaba a normalidade na Primaria cando en realidade 40% das galegas e galegos non van ter acceso a unha cita presencial aínda que a soliciten". E iso "no mellor dos casos", apostilou sinalando que a Xunta cifra como obxectivo máximo 60% de presencialidade nas consultas. Pontón reclamou o dereito á consulta médica presencial nos centros de saúde a todas as persoas que o soliciten. Ante o feche de sucursais En Zas, concello afectado polo fechamento de sucursais bancarias, o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, reclamou ao Goberno estatal que interveña para evitar o cerre de oficinas no rural. Rego anunciou o rexistro de iniciativas na Cámara para que se estabeleza unha nova regulación que poña fin ao proceso de concentración bancaria, aos abusos e comisións e á clausura ao de sucursais no rural.
NOS_29255
O cerco pon fin a tres meses de amarre da frota e de campamento perante a sede da Xunta para reivindicar un reparto xusto. Rexeitan calquera tentación de presentar a decisión como unha derrota.
"Levamos máis de tres meses batallando por un reparto xusto para o cerco", lembra Andrés García, voceiro da Asociación de armadores do cerco de Galiza (Acerga), en referencia ao tempo de amarre da frota e campamento perante San Caetano. "Levamos dous anos, desde que se impuxo o novo Plan de Xestión", afirma. Conversamos con el horas despois de que Acerga decidise nunha axustada votación en asemblea volver faenar e levantar o campamento - Non foi unha decisión doada, supoño - Non foi, non. Adoptouse porque hai que traballar, senón imnos ao mar non hai ingresos e foron moitos meses de amarre. Hai que saber o que pasa cada quen, os problemas que teñen: armadores empeñados, créditos que hai que pagar... E, ademais, hai outra cuestión a ter moi en conta, acabábase o dereito ao paro dos mariñeiros, e iso é toda unha responsabilidade. Se non hai ingresos, non podes comer. - Non foi cansazo, logo, o que pesou... - Nós imos seguir adiante, pelexando polo que é xusto. Volvemos ao mar mais non abandonamos a batalla. Agora haberá que traballar noutros aspectos, involucrando aos partidos, esperando a ver se a chegada dun novo goberno permite cambiar o actual plan de xestión, que é inxusto - Decepcionoulles a actitude da Consellería do Mar e da Xunta? - Totalmente. En ningún momento afrontou o problema. Intentou sempre derivar a solución a Madrid, como se non fose con eles. Tiñan que tomar exemplo do que aconteceu en Cantabria co cerco: alí estaban divididos, con intereses enfrontados, e o goberno cántabro reuniunos a todos e logrou atopar unha solución. Agora vaise xestionar a cota cántabra en conxunto. Algo así podía terse feito en Galiza e aforrariamos moitos problemas. - Que lograron nestes meses de mobilizacións e reivindicacións constantes? - Foron máis que uns meses, van ir dous anos, desde 2014 no que se implantou o Plan de Xestión. Que conseguimos? Pois visualizar un problema, que había unha inxustiza con gran parte da frota cerqueira galega. Logramos que, finalmente, a propia Xunta tivese que recoñecer ese problema e comezar a moverse, recoñecer que non pode ser que haxa un reparto tan desigual, con barcos con menos de 1000 quilos de tope e outros con ducias de miles. - Mais iso non satisfai as súas demandas e peticións... - Imos seguir loitando, desde logo. Imos recorrer xudicialmente e imos seguir a presionar e a movernos até lograr que se anule o reparto. Iso é o principal.
NOS_37660
A portavoz nacional, Ana Pontón e a eurodeputada, Ana Miranda piden á nova Ministra de Economía, Nadia Calviño que mude a súa "visión centralizadora" dos fondos europeos.
O BNG rexeita que o reparto dos fondos correspondentes a Galiza sexa competencia do Estado e reclama esta xestión para Galiza. Unha aposta na que o nacionalismo quer situar a realidade demográfica galega, a despoboación, a dispersión e a emigración como criterios para a distribución das partidas económicas da UE. A portavoz nacional, Ana Pontón e a eurodeputada, Ana Miranda valoraron esta sexta feira o borrador dos Fondos de cohesión 2021-2027. "O marco de financiamento até o 2017 influirá de maneira decisiva en sectores estratéxicos en Galiza como o agro e a pesca" e noso país, dix Pontón, que ve con preocupación as prioridades dos estados europeos dentro do novo marco de financiamento que apostan claramente "polo incremento do gasto militar nun 22% fronte a redución de partidas de fondos de cohesión". Pontón recalcou que os criterios para repartir os fondos queda en man dos estados sen respectar as competencias en ámbitos exclusivos e volveu a reclamar que "Galiza xestione os fondos en agricultura e pesca" porque se a distribución a fai o Estado, "non será beneficiosa para o noso país". Para a eurodeputada Ana Miranda, a proposta dos fondos presentados por Junker o pasado 29 de maio manteñen un "carácter centralizador" e explicou que foron programados pola actual ministra de Economía, Nadia Calviño. Miranda afirmou que o fondo Feader reducirá un terzo da súa dotación, pasando a 21 mil millóns de euros cando contaba con máis de 70.000 o que afectará, dixo, moi negativamente ás explotacións agrarias e o desenvolvemento rural galego.
NOS_29380
A International Commission of European Citizens (ICEC) impulsa unha iniciativa que procura unha Europa verdadeiramente "democrática tanto na teoria como na práctica". O 30 de marzo haberá en Bruxelas unha manifestación a prol do dereito a decidir.
Un millón de sinaturas para que a Unión Europea inclúa "expresamente" o dereito á autodeterminación nos seus tratados "como dereito humano fundamental". Un millón de rúbricas para que "as institucións da Unión apoien a todos os cidadáns europeos e as súas nacións que queiran exercelo". A iniciativa da Comisión Internacional de Cidadáns Europeos (ICEC nas súas siglas en inglés) quer que o dereito a decidir sexa contemplado, respectado e garantido pola UE para os propios pobos que a integran. A ICEC auto-defínese como un punto de encontro de organizacións, entidades, institucións e cidadáns que procuran "unha Europa democrática tanto na teoría como na práctica". Unha ferramenta na que "movementos sociais" de diferentes pobos europeos en relación con "representantes doutras nacións e estados constituídos" debaten, analizan e debullan teorías políticas e académicas para, en base ás mesmas, decidir accións a realizar. Como esta de sumar un millón de sinaturas de cidadáns de pobos da UE na defensa do dereito de autodeterminación. Alianza da cidadanía A ICEC apunta a que constitúe unha "alianza cidadá coordinada no ámbito europeo" para expresar a vontade de "millóns de europeos" na defensa dos principios de "liberdade, xustiza, igualdade e paz" en Europa. E entende que o dereito a decidir cabe nesa pretensión. Este 30 de marzo haberá unha mobilización en Bruxelas en defensa do dereito á autodeterminación. É unha marcha convocada por diferentes colectivos e entidades, entre elas a ICEC, e á que se prevé a asistencia de ducias de milleiros de persoas. @s organizador@s destacan a importancia desta manife nun ano no que Escocia e Catalunya realizan senllos referendos cidadás sobre o seu futuro. "Non vimos a Bruxelas a demandar ningún dereito, vimos a defender o exercicio dese dereito".
NOS_29037
A documentación das e dos expertos que fixeron o estudo fala de case 700 bens de interese para o patrimonio cultural galego. O informe ao que tivo acceso Europa Press inclúe elementos situados tanto na finca como no interior do inmoble.
O Pazo de Meirás dá acubillo a case 700 bens que son de interese para o patrimonio galego. É a conclusión que se extrae do inventario feito até o momento por persoal da Consellaría de Cultura, Educación e Universidade ao que tivo acceso Europa Press. Entre as reliquias que atoparon as e os expertos no interior da propiedade, que a familia do ditador deberá entregar ao Estado de maneira provisional esta quinta feira, 10 de decembro, están as estatuas de Isaac e Abraham do Mestre Mateo (que xa causaran unha gran polémica cando foron descubertas) e mobles da familia real. No escrito indícase que se atoparon 697 bens, quer no exterior, quer no interior da edificación principal. Ademais, hai 80 arquivos de vídeo e 1.021 imaxes. Aliás, ao igual que o pazo garda parte da colección persoal de Emilia Pardo Bazán, tamén esconde bustos da autora. Segundo Europa Press, no expediente do inventario (ao que se negaban as e os achegados de Franco, que toparon coa negativa da Xustiza a aceptar o seu recurso para que se puidesen levar todos os obxectos ou vendelos á Administración) hai unha peza especial sobre alfombras e outras telas e unha máis sobre a biblioteca, con fondos en tres espazos diferentes. Pezas de exterior O informe das especialistas, que ten 163 páxinas, describe polo miúdo 81 pezas do exterior (mesmo outras edificacións). Fálase así de tres hórreos, un cruceiro, esculturas de pedra, pilas bautismais e heráldica variada. Tamén transcendeu que os Franco teñen unha réplica do parteluz da catedral de Compostela, un grupo escultórico de músicos tradicionais e outros elementos sen valor histórico coma unha pista de tenis. Do interior, inscribíronse neste rexistro -tamén con todo tipo de detalles- as estatuas de Isaac e Abraham e diversos cadros. Tamén unha pila de auga bendita, trofeos de caza, maquetas de barcos, camas, lampadas e outro mobiliario, así como retablos relixiosos. Patrimonio Nacional Por outra parte, no informe menos extenso de Patrimonio Nacional enuméranse bens mobles históricos de carácter institucional como unha pantalla de cheminea,un sofá de talla dourada, unha mesa vitrina, un sofá de caoba, un conxunto de escritorio e cómoda e libros como un almanaque destinado a explicar a estrutura e organización do Estado da que se conserva un exemplar da época de Alfonso XII. A vitrina, de feito, foi parte na decoración da sala de música da raíña Victoria Eugenia no Palacio Real. "Con todo, é moi posible que non sexan os únicos e que, de continuar as investigacións, atopásese máis documentación relacionada coa titularidade doutras das pezas conservadas no edificio", engade o texto. Por exemplo, hai máis pezas "que fan sospeitar que poderían ter a súa orixe nas Coleccións Reais Españolas".
NOS_5499
Non sei se hai na Galiza algún lugar onde o sol xurda polo mar. Desde logo no Xapón o sol nacente ven do Pacífico, pero na outra metade do país o sol no mar é sempre poñente, no Mar do Xapón. Mesmo así na cultura xaponesa o sol é sempe nacente, así se titulaba xa o emperador no século VII, elixindo a faciana positiva deste astro simbólico de dúas caras: o abrente e o solpor, o mencer e o ocaso, o nacemento e a morte.
Pero na Galiza, desde os tempos de Décimo Xuno Bruto, o primeiro xeneral romano que chegou ao país, o sol afúndese no mar e xa as lexións caron abraiadas ao ver como o astro estarrece avermellado, coma ferro candente na auga da fragua. Galiza é o país do solpor, o Finis-Terrae onde o sol fai a súa volta para volver polo submundo nocturno cara oriente, segundo as cosmoloxías da Antigüidade. E velaí o Club Karepas —de carepas, pelas, mondas...— de Pontevedra a lucir unha bandeira solleira deseñada por Castelao, coñecemento que debo ao arquiveiro Roque Sanfiz Arias. Sorprende no deseño tanta modernidade até que reparamos que o deseño é unha brincadeira, unha versión daquela bandeira da Armada Imperial Xaponesa, de triste sona polas guerras imperiais que na Asia provocaron os xaponeses entre 1894 e 1945. O Karepas era tamén unha armada pontevedresa que navegaba polo Lérez en fermosas embarcacións, pero sobre todo un clube de amigos, sen regras, que tanto promovían unha carroza no antroido, gañaban copas no tiro de pichón ou nas regatas de Marín, e mesmo promovían a creación da Polifónica de Pontevedra (1925). Membros coñecidos do clube foron Sánchez Cantón, Castelao, Antón Losada Diéguez, Iglesias Vilarelle, e outros pontevedreses que daquela andaban entre os vinte e os trinta anos. Naquela altura e por suposto en serio, xurdiu outro símbolo solleiro, o sol da Real Academia Galega, que desde logo os académicos quererían nacente, aínda que ninguén caeu en que un sol no horizonte mariño é na Galiza un solpor, por moito que na cultura española, mediterránea, teña o significado contrario. Hai xa máis de dez anos tiven ocasión de restaurar ese sol, pero o equívoco tiña xa anos de abondo como para guindalo ao mar do Parrote. Mesmo así, ás veces poidemos desbotar o mar, como na colección dos discursos de ingreso na institución ou nos libros Letras da Academia. Ben sabían do mencer Francisco Cortés, deseñador da cabeceira primeira de A Nosa Terra, en 1907, ou Castelao cando proxecta a ilustración da anta para refacer a capa de Nós, en 1926. Os dous sabían tamén, como ensina Rosalía na Alborada «...que o sol se levanta / polo monte verde, / polo verde monte...».
NOS_45389
Un xuíz non se pode negar a devolver os cartos cobrados de máis polas entidades financeiras agás no caso de que a lexislación estatal así o recolla.
O Tribunal de Xustiza da Unión Europea (TXUE) oponse a que un xuíz estatal negue ás clientas as cantidades pagadas pola constitución e cancelación da hipoteca, así como outros gastos hipotecarios incluídos nunha cláusula abusiva, salvo no caso de que así o estipule previamente a lexislación do estado membro. O tribunal de Luxemburgo resolve así as cuestións prexudiciais remitidas por dous xulgados de primeira instancia de Mallorca e Ceuta para resolver os correspondentes litixios que enfrontaban ás persoas asinantes dos contratos de préstamo con garantía hipotecaria con Caixabank e BBVA, respectivamente. En concreto, o TUE ha ditamina que a lexislación europea "oponse a que, no caso de nulidade dunha cláusula contractual abusiva que impón ao consumidor o pago da totalidade dos gastos de constitución e cancelación de hipoteca, o xuíz nacional negue ao consumidor a devolución das cantidades abonadas en virtude desta cláusula". Tamén engade que só se poderá cargar "a totalidade ou unha parte" dos gastos hipotecarios se así o estipulan "disposicións de Dereito nacional aplicábeis en defecto desa cláusula". "Se estas disposicións fan recaer sobre a prestataria a totalidade ou unha parte destes gastos, a directiva non se opón a que se denegue ao consumidor a restitución da parte de ditos gastos que ela mesmo deba soportar", explica o TUE. Con respecto ás comisións de apertura, o tribunal de Luxemburgo sinala que non están incluídas no concepto de "obxecto principal do contrato", polo que os xuíces están obrigados "a controlar o carácter claro e comprensíbel" das mesmas. En terceiro lugar, a sentenza declara que unha cláusula que contempla o pagamento dunha comisión de apertura polas clientas "pode causar en detrimento do consumidor un desequilibrio importante entre os dereitos e obrigas das partes" no caso de que "a entidade financeira non demostre que esta comisión responde a servizos efectivamente prestados". Finalmente o tribunal sinala que a directiva non se opón a que a reclamación do diñeiro cobrado teña prazo de prescrición, mais si a que o consumidor cargue cunha parte das costas procesais cando a cláusula é considerada abusiva. Acouga anima a reclamar A Asociación Galega de Consumidores e Usuarios (Acouga) anima ás persoas consumidoras a reclamar por vía xudicial a devolución dos gastos hipotecarios abusivos. O seu secretario xeral, Xoan Antón Pérez-Lema asegura que "xa non se repartirán os gastos notariais a 50% entre o consumidor e a entidade financeira", senón que estas deberán asumir 100% dos gastos de rexistro e de xestoría. Ademais, Pérez-Lema afirma que na maior parte dos casos "poderase obter a devolución da comisións de apertura" e, aínda que non se conceda a devolución de todos os gastos pedidos na demanda, o tribunal terá que condenar ao pagamento das custas procesuais (avogado e procurador, entre outras) ao banco.
QUEPASA_119
O 7º Festival de Contidos Dixitais Carballo Interplay, que se celebrará do 1 ao 4 de abril de 2020, repartirá máis de 7.000 euros en premios. As persoas que queiran participar poden facelo dende hoxe mesmo ata o 18 de febreiro na web www.carballointerplay.com
A sétima edición do Festival de Contidos Dixitais Carballo Interplay, que se celebrará os días 1, 2, 3 e 4 de abril de 2020, abre a inscrición para que todas aquelas persoas que o desexen presenten as súas webseries ou proxectos de webserie á súa sección oficial, que repartirá máis de 7.000 euros en premios. Poden facelo dende hoxe mesmo e ata o 16 de febreiro de xeito gratuíto a través da web carballointerplay.com ou a través da plataforma online filmfreeway. A novidade destacada desta sétima edición do Carballo Interplay é o salto cualitativo que dá o premio a proxecto de webserie en galego, que duplica a súa dotación económica e destinará 3.000 euros á produción de tres vídeos da serie do proxecto premiado. A data límite para persentarse é o 15 de marzo de 2020 e os proxectos deben ser creacións audiovisuais propias e orixinais, pensadas para seren publicadas e difundidas a través de internet e mediante capítulos, episodios ou partes (como mínimo tres), pero poden ser de imaxe real, animación, stop motion ou técnica combinada.Polo que respecta ás webseries participantes na Sección Oficial a concurso, deben ser producidas entre os anos 2017 e 2020 e ter un mínimo de 3 capítulos emitidos no momento de inscrición, pero poden ser de calquera duración, temática, xénero, de imaxe real ou de animación, nacionais ou internacionais. Entre as webseries recibidas, un xurado composto por profesionais do sector audiovisual e da cultura, así como de representantes de asociacións profesionais relacionadas co sector premiará a mellor webserie, a mellor webserie internacional e a mellor webserie en versión orixinal en galego con 800 euros e trofeo, para cada categoría. As escollas do xurado novo e máis do público levarán 400 euros e trofeo, cada unha. Tamén haberá un premio á mellor campaña de difusión online, dotado con 500 euros e trofeo; e un premio ao mellor guión e outro á mellor dirección, dotados con 200 euros e trofeo. Finalmente, entregaranse cadanseu trofeo á mellor actriz e ao mellor actor. As webseries producidas en Galicia optan, polo tanto, aos dous premios de Mellor webserie e Mellor webserie VO Galego. En todo caso, só poden optar ao premio á Mellor webserie VO Galego aqueles traballos cuxa versión orixinal sexa en lingua galega. Neste sentido, a organización sinala expresamente que se reserva o dereito a deixar deserto o premio, en caso de que non concorran a concurso un mínimo de tres webseries en lingua galega. Advirte, tamén, que no caso de que o xurado decida que dúas webseries resultan premiadas na mesma categoría a dotación económica se repartirá a partes iguais entre as gañadoras. O Carballo Interplay, que na súa sexta edición converteu a vila da Costa da Morte na capital da cultura dixital global, xa é todo un referente que cada ano recibe para a súa sección oficial máis de 200 webseries de todo o mundo.
NOS_7570
A nena estaba atinxida por unha doenza neurodexenerativa terminal. A súa familia conseguira hai 4 días que se lle concedese unha morte digna.
Esta sexta feira (9 de outubro) faleceu Andrea, a nena de 12 anos doente terminal para a que a súa familia reclamaba unha morte digna. Após 4 días de serlle desconectado o soporte alimentario artificial e iniciar un tratamento de sedación paliativa, o CHUS confirmou o seu pasamento. Através do seu caso re-abriuse nas últimas semanas o debate arredor do dereito a morrer dignamente e evidenciáronse as eivas do actual marco xurídico malia a aprobación en xuño deste ano da Lei de garantías para doentes terminais. Cumpre lembrar que embora a lexislación vixente recoñece este dereito e que a familia contaba cun informe favorábel do Comité de bioética, o servizo de Pediatría do CHUS negábase inicialmente a desconectar o soporte artificial que a mantiña con vida. O caso foi xudicializado sendo que a mediación da xustiza conseguiu facer @s profesionais médicos reconducir a súa decisión. Comunicado da familia Através dun escrito remitido polo seu avogado a familia de Andrea asegura que "o seu recordo vivirá para sempre nos nosos corazóns". "Para nós a Andrea que coñecimos comezou a marchar o día que a ingresaron, o 9 de xullo", explican. ao tempo que afirman "marchou en paz e con tranquilidade". No número 166 do semanario en papel abordamos nunha reportaxe a dupla páxina a lexislación internacional a respeito do dereito a unha morte digna e conversamos con Emilia Irimia (Asociación polo dereito a unha morte digna) e o profesor de Bioética e Filosofía Moral, Óscar Horta, o debate arredor da vida e morte.
NOS_19249
Trump desencadeado e en estado puro. Xa metido na fariña de precampaña, o político do Partido Republicano identifica o inimigo a bater na ala máis progresista do Partido Demócrata, en concreto en catro congresistas mulleres coas raíces fóra dos EUA.
Ilhan Omar (congresista por Minnesota), Alexandria Ocasio-Cortez (Nova Iorque), Rashida Tlaib (Michigan) e and Ayanna Pressley (Massachusetts) foron o albo dos ataques furibundamente racistas lanzados por Donald Trump, no que ten todo o aspecto dunha xogada para polarizar o debate político arredor dun asunto, o da migración, que no pasado ten rendido froitos electorais ao actual inquilino da Casa Branca. Trump —el propio fillo da inmigración, vástago dunha cidadá escocesa e con ascendencia alemá chegou a pedir a estas catro congresistas que volvesen aos seus países de orixe —das catro só Omar nasceu fóra dos EUA, en Somalia—. "Se odias este país, se non estás contenta aquí, podes irte", dixo nun encontro cos medios. O presidente dos EUA ensinou o seu rostro máis racistas ao se referir a Omar, de quen chegou a dicir que simpatiza con Al Qaeda. A resposta das catro congresistas foi unha comparecencia conxunta perante a imprensa marcada polo ton deliberadamente moderado das súas intervencións. Pediron que non se "mordese o anzol", en alusión a que o ataque tiña como obxectivo distraer a atención do público para que o foco non se puxese nas políticas contrarias aos dereitos humanos —nomeadamente no que ten a ver co tratamento da poboación inmigrante— despregadas pola Administración Trump.
NOS_50789
Agrávase a situación da reserva hídrica da Galiza pese ás choivas.
A reserva hídrica da Galiza reduciuse lixeiramente en 1,7%, chegando a 47,9% da capacidade dos encoros na última semana. E todo a pesar das choivas rexistradas. Segundo os datos difundidos polo Ministerio para a Transición Ecolóxica, as presas galegas almacenan 1.779 hectómetros cúbicos dos 3.030 que poden albergar. En concreto, a conca Miño-Sil (dependente do Estado) conta con 1.373 hectómetros cúbicos e atópase a 45,3% da súa capacidade. Mentres, os encoros da demarcación Galiza Costa (dependente da Xunta) sitúanse en 59,4% e almacenan 406 hectómetros cúbicos de auga. Expediente da Xunta O presidente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil (CHMS), José Antonio Quiroga, asegurou esta terza feira, 7 de setembro, que a entidade non recibiu notificación oficial do expediente sancionador aberto pola Consellaría de Medio Ambiente contra as concesionarias e a propia CHMS en relación co baleirado de encoros hidroeléctricos desta conca. Lamentou ademais que o Executivo galego actuara "tarde, mal e a rastro" no relativo ao baleirado de encoros. Respecto diso, sinalou que a apertura dos dous expedientes sancionadores por parte de Medio Ambiente demostran que a Xunta si ten as competencias e as ferramentas para actuar ante o desembalse. Por iso, lamentou que o Goberno galego estivera "queixándose" e "perdendo un tempo precioso no canto de actuar". Ademais, Quiroga asegurou que a Confederación seguiu este verán o mesmo protocolo que en ocasións anteriores. Foi na segunda feira cando o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, informou do expediente aberto á Confederación e ás dúas compañías eléctricas. "Foi un baleirado incorrecto que non cumpre coa lexislación no ámbito fluvial dos ríos da Galiza", apuntou. Afirmou ademais que "gostaría" de que a Conca Miño-Sil dependese da Xunta. Isto ampliouno o portavoz parlamentario do PP, Pedro Puy, que asegurou que o expediente foi aberto porque "non se cumpriu a normativa", xa que a lexislación estabelece que non só "ten que haber unha comunicación" dos baleirados, senón que tamén debe haber unha "autorización" por parte das autoridades galegas. Precisamente, no pleno do Parlamento galego do próximo 14 e 15 de setembro o BNG levará unha pregunta sobre o baleirado. Para a deputada nacionalista Olalla Rodil, Feixoo tira de "cinismo" cando asegura que a Xunta non ten competencias e que de telas actuaría con máis contundencia. Ao fío, recordou que Feixoo "leva 12 anos na Xunta e cero transferencias. Non é que non teña competencias, é que non as quere, como amosa cada vez que o BNG propón reclamar as competencias das cuncas hidrográficas". A Xunta "sabía que Iberdrola ía baleirar A Cenza e As Portas e non fixo nada", denunciou Rodil. Tanto a nacionalista como o viceportavoz parlamentario do PSdeG, Pablo Arangüena, acusaron Feixoo de mentir ao asegurar que non sabía que se ía producir o baleirado, pese a que Iberdrola avisou a Xunta en xuño e xullo, con dous correos electrónicos, da súa intención de baleirar esas presas. Arangüena tamén informou de que o PSdeG preguntará no Parlamento por que a Xunta non actuou cando é quen ten as competencias ambientais. Lembrou que o Goberno galego pode e debe actuar nestes casos "non só pola lexislación de pesca fluvial, senón tamén pola lexislación medioambiental", e en concreto pola Lei de Protección Ambiental da Galiza.
NOS_23166
Os últimos filmes de Rita Azevedo Gomes (Lisboa, 1952) atópanse entre os máis recoñecidos pola crítica internacional dentro do internacionalmente recoñecido cinema portugués recente. A portuguesa titúlase o último, baseado nun relato do escritor austríaco Robert Musil e que esta sexta feira, 26 de abril, estréase en Compostela, Vigo, Ferrol e Lugo.
A propia Azevedo Gomes acudirá á presentación da obra en Compostela, na sala Numax ás 19.15 horas. A cineasta estabeleceu relacións con Galiza con Correspondências (2016), distribuída no Estado español precisamente por Numax, quen fai o propio con A vingança de uma mulher (2012) e con esta última, A portuguesa. Discípula da presenza totémica do cinema portugués Manuel de Oliveira, o seu traballo afástase dos usos consensuais do medio e, como no caso de Straub e Huillet pero con outro achegamento, mantén un diálogo constante coa literatura. Ambientada na Idade Media, a obra relata a vida da señora Von Ketten, dona portuguesa de Lord von Ketten que reside nun castelo no norte de Italia e, segundo a sinopse, "le, canta, soña, baila, nada, cabalga no bosque á espera de poder regresar ao xogo do amor". Porque Von Ketten leva 11 anos na guerra. Dos diálogos do filme, que protagonizan as actrices Clara Riedenstein e Marcello Urgeghe, encargouse a narradora portuguesa Agustina Bessa-Luís. A música, como noutras fitas da directora, corre a cargo de José Mário Branco, mítico cantor de intervención e produtor de numerosas obras mestras de José Afonso. "Interésame que pase unha certa actualidade da nosa época para dentro dunha historia que acontece nun século moi antigo", declarou a directora á Axencia Lusa, "non podo falar dunhas persoas que nin sei se existiron sen estar a falar das persoas que están ao meu carón e do que pasa hoxe en día". A portuguesa xa se estreou en Portugal e pasou polo Festival de Berlín, o de Mar de Plata e no das Palmas de Gran Canaria gañou o galardón ao mellor filme. No pase de Compostela coa presenza da autora colabora o Instituto Camões de Vigo. Nota: cartel do filme A portuguesa de Rita Azevedo Gomes.
NOS_10753
O Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) acaba de dar a razón a un vixilante da empresa Securitas que prestaba servizo na Zona Franca de Vigo que denunciou a vulneración do seu dereito de conciliación da vida persoal, familiar e laboral por parte da empresa, por non lle conceder esta a petición de cambiar as quendas de traballo para poder coidar da súa nai octoxenaria e enferma.
A sentenza estima o recurso presentado polo traballador e concédelle unha indemnización de 6.551 euros en concepto de danos e prexuízos. A resolución estabelece que houbo, por parte da empresa, unha "absoluta desidia e clara falta de interese" á hora de tramitar a súa petición de conciliación, que vincula co seu papel de delegado do sindicato Alternativa Sindical. O tribunal pon de relevo as "múltiples denuncias" cursadas polo empregado contra a compañía diante da Inspección de Traballo en exercicio da súa función. A información íntegra pode consultarse na edición en papel de Nós Diario ou na súa lectura na nube.
QUEPASA_600
Piden a abolición do isolamento nas prisións
En Galicia, a poboación recluída en centros penitenciarios é de 3.200 persoas, segundo o Informe 2019 do Mecanismo estatal de prevención da tortura (MNPT), que depende do Defensor del Pueblo, un 5,4% das presas e presos no conxunto do Estado español (58.517 persoas). Arredor do 9% desa poboación penintenciaria ten algún delito relacionado coa seguridade vial, sendo o 2,3% os que teñen este como delito principal. Conducir sen carné é o delito máis habitual (54% dos detidos), pero tamén hain umerosos ingresados por condución temeraria (16,7%) ou baixo a infuencia do alcohol e as drogas (16,7%). 9 de cada 10 teñen condenas inferiores a 3 anos, pero non lles exime de pasar o mal trago de verse moitos meses privados de liberdade. Nese sentido, A Coruña é unha das 5 provincias con maior taxa deste tipo de delitos. E a tendencia segue á alza tamén na nosa comarca, onde hai varios focos de poboación que teñen naturalizado durante as últimas décadas a vida ao límite da lei. Uns grupos poboacionais onde habería que centralizar a atención para "romper o círculo de delincuencia" como explicaba en QPC Rosaura Romo, técnica da Fundación Érguete no Centro de Inserción Social da Coruña e na prisión de Teixeiro. Pero esta crúa realidade cada día a sofre xente máis diversa. A presencia de mozos e mozas con vidas "normais" por delitos recurrentes de seguridade vial é cada día maior. Así o corrobora tamén a pontecesá Ana Suárez, ou das técnicas da Fundación Érguete: "Entre os que pasan por Teixeiro por delitos de seguridade vial hai moitos reincidentes, que sofren adicións, ou que tamén están por roubos… Pero tamén hai outro perfil de persoas que non ten outras condutas delitivas e se atopan entre barrotes "sorprendidos e impactados", xente que non se imaxinaría nunca ter pasado por esta experiencia", explica. O problema é que a condución temeraria, ou o uso do coche baixo os efectos do alcohol, ou sen carnet están demasiado normalizadas na nosa sociedade. "Son actitudes moi naturalizadas, a xente non ten conciencia de que pode acarrexar unha sanción grave, nin sequera que sexan accións perigosas para a seguridade. Ademais, son delitos que antes non estaban penados, e a día de hoxe, dende a reforma do código penal de hai 10 anos, as sancións non van acordes coa conciencia social, que aínda non cambiou", sinala. A maior aparición de xente cada día máis nova nestas circunstancias tamén a corrobora Ana Oyuelos, xefa de Servizos Sociais Comunitarios do Concello de Carballo. "Notamos que nos Traballos en Beneficio á Comunidade, que desenvolvemos a través do convenio que temos co CIS de A Coruña, o perfil que nos aparece é cada vez máis novo, con casos de 20 poucos anos. É certo que tamén temos xente moi maior, de 65 e pico e 70 anos", explica. Oyuelos recoñece que "a porcentaxe de persoas que están facendo traballos para comunidade a comunidade por delitos relacionados co alcohol e as drogas é moi alto". Pero tamén "detectamos que hai moitos usuarios que demandan información relacionada coa seguridade vial, porque non teñen carnet ou porque xa tiveron multas ou condenas por alcoholemia, pero xa dende hai tempo". De feito, os Servizos Sociais carballeses axudan "a solicitar as Axudas da Xunta para sacar o carnet para menores de 31 anos, e tamén axudamos á xente que cobra o RISGA, coa que traballos en itinerarios de inserción laboral e formativa, para solicitar un complemento para pagar unha academia. O carnet é basico para a búsqueda de emprego", sinala. Piden a abolición do isolamento nas prisións O confinamento solitario (o réxiime "aislamiento" como se lle coñece dentro das prisións) é unha práctica habitual realizada a presas e presos en réxime de primeiro grado (1.702 persoas, cos datos de 2019). Unha situación que provoca que estas persoas cheguen a pasar 20 horas ao día pechados en 4 metros cadrados, que limita as saídas ao patio (entre 2 e 4 horas ao día), que limita os contactos con outras persoas presas, que limita os obxectos permitidos na cela, que obriga a comer en solitario, e que restrinxe das comunicacións con persoas do exterior (limitación a dúas cartas semanais).Pero a cousa, ás veces, vai máis alá segundo un relatorio de 2016 da Coordinadora catalá para a prevención, que "denuncia da tortura, os autores indicaban que a cifra de expedientes de isolamento nas prisións catalás o ano anterior fora de 226 e cunha poboación de 173 persoas presas en réxime de primeiro grado". Ante esta situación, a organización galega EsCULcA, o Observatorio para a Defensa dos Dereitos e Libertades, vén de asinar o manifesto "O cárcere dentro do cárcere", a través do que solicita acabar co réxime de confinamento solitario nas prisións do Estado español. Consideran que "o isolamento prisional implica un trato cruel, inhumano e degradante para as persoas, e constitúe en si mesmo unha forma de tortura". "A falta de contacto humano e de actividade tradúcense nun prexuízo serio para a saúde física e mental de quen a sofre (…) Aliás, trátase de espazos onde en moitos casos se favorece a práctica de abusos por parte de funcionarios", denuncia o manifesto que Esculca elevará esta reclamación ás e os representantes políticos galegos dentro dunha campaña estatal de asociacións de dereitos humanos.
NOS_46658
Houbo un tempo no que eventos que hoxe consideramos fóra de lugar, demodé, abertamente machistas e sen ningún interese social, crearon tendencia na sociedade burguesa da súa época, tanto que mesmo o galeguismo republicano se viu obrigado a furar neles na procura de visibilizar o seu aínda minoritario pensamento, ou mesmo para choutar por riba dos impedimentos legais para faceren política en tempos de ditadura. Dous casos, o de Emilia Docet e o de Francisca Goday, son ben ilustrativos.
En inglés a palabra "Miss" significa "señorita". Úsase, en compaña do apelido ou o nome e apelido, para referirse a unha muller solteira. Emprégase tamén con nenas e adolescentes, pero xamais con mulleres casadas; para as que se reserva o termo "Mrs.", de pronuncia semellante. En 1929 o sexismo implícito nesta distribución lingüística trasladouse á organización do primeiro certame de beleza español que, a imitación do celebrado oito anos antes en Atlantic City, procuraba o nomeamento dunha dona que representase un modelo nacional de beleza. Comezaba deste modo a procura dunha Señorita España ou Miss España. A finais de xaneiro daquel ano, o ABC, a entidade convocadora, apuntábase con entusiasmo á moda de outorgar un título que sinalase que Miss –ou señorita– era a máis fermosa do país. Segundo as noticias da época, naquela primeira edición presentáronse un total de 14 candidatas e, en tan só un par de reunións, o xurado, presidido por Torcuato Luca de Tena e integrado polo pintor Manuel Benedito, o escultor Mariano Benlliure e Manuel Cadenas, proclamou "Señorita España" a Josefa Samper Bono (1908-1998). Pepita Samper, en nome propio diminuído como a chamaron na altura os medios, converteuse en todo un símbolo da sociedade burguesa emerxente. Con ela, o corpo feminino, percibido como un obxecto pracenteiro e puramente utilitario, ao servizo do varón, sometíase con naturalidade a unha exposición e hipervalorización pública. Concursos de beleza O espectáculo non era novo. Os concursos de beleza femininos viñan de lonxe. O 30 de decembro de 1888, nas páxinas de Crónica de Pontevedra atopamos noticias referidas ao celebrado en Spa (Bélxica): "o primeiro premio será de 25.000 francos e un dos organizadores percorrerá as capitais de Europa recollendo adhesións para reunir maior variedade de tipos". Ao ano seguinte, o 15 de novembro, no mesmo periódico anúnciase o certame en Neuilly (París). O redactor sinala a existencia de 12 premios, seis accésits e 18 candidatas. "España non concorreu", conclúe pesaroso. Do machismo que se desprende deste tipo de competicións dan boa mostra os comentarios publicados na Gaceta de Galicia o 15 de novembro de 1889: "Até agora forman tres concorrentes o pelotón que eleva o head, como diría un sportman. Estas tres afortunadas criaturas son Emma Kruss, unha primorosa bonequiña que parece de porcelana de Saxonia, á que acaso prexudique a súa delicada preciosidade; Clara Schirkel, unha vienesa de rostro suave, como pintado por Rafael e grandes ollos azuis, dun azul moi profundo, como o do Danubio poético, celebrado polas amorosas cadencias do wals de Strauss, e en fin, Anita Faber, o tipo adórabel da verdadeira parisiense, nerviosa, delicada, elegantísima". En 1891 atopamos referencias ao que talvez sexa un dos primeiros concursos de beleza feminina organizado no Estado español. Tivo lugar en Barcelona para conmemorar o centenario da "descuberta" de América e ofreceuse un premio de 3.000 pesetas e cinco de 500, coa indicación de que as candidatas debían ter entre 14 e 25 anos e estaren preparadas para afrontar dous concursos: un fotográfico e outro de personalidade. O corpo feminino, percibido como un obxecto pracenteiro e puramente utilitario, ao servizo do varón, sometíase con naturalidade a unha exposición e hipervalorización pública O espectáculo "patrioteiro" e o negocio económico pairaban sobre o tipo de eventos que vimos comentando. El Diario de Pontevedra do 8 de maio de 1908 ofrece unha información ao respecto: "The Daily Mirror está a facer enorme negocio coa enxeñosa combinación do Beauty Contest. Desde que empezou a anunciar a venda de postais co retrato de miss Close, recibiu máis de 100.000 pedidos". Tendo en conta que vendían a serie de seis postais a un xilín, calcula o periódico pontevedrés que o londinense leva recadados preto de 30.000 pesos: "Dos cales, claro está, tocaríalle un pico, a título de comisión, á xentil posuidora do premio. A estes beneficios positivos únense as satisfaccións morais que experimenta miss Lillian Close con motivo do seu triunfo –pois choven sobre ela as proposals of marriage". Críticas e boicots Desde o comezo este tipo de actos suscitaron acedas críticas e abertas oposicións. En El Correo Gallego do 4 de xullo de 1904 Eva asina un breve texto titulado "Crónicas feministas. Concurso de belleza", onde lemos a curiosa noticia dun certame de beleza mixto: "The Globe publica o anuncio. A Sociedade para o agradecemento da cultura e da saúde física ofrece un premio ao home e á muller máis belos das illas Británicas. […] Os candidatos deberán no momento da proba tomar diversas actitudes ante un xurado mixto, e di unha nota que as mulleres terán dereito a 'cinco metros de muselina para se taparen'. En cambio non di nada a respecto do número de metros ao que terán dereito os homes, cuxa omisión fai supor que non están os individuos e individuas do Xurado moi resoltos a que os cabaleiros velen os seus naturais encantos; pero se é así, o anuncio precisa unha nota explicativa: a de se estarán as señoras autorizadas para empregar parte dos cinco metros de muselina, que por clasificación lles corresponda… en tapar os ollos". Bastante máis balbordo causou a convocatoria dun concurso de beleza masculina. Lémolo na Gaceta de Galicia o 9 de outubro de 1909: "En Folkestone residía unha viúva alegre que, co desexo de remediar a súa viuvez, prometeu a súa man ao premiado dun concurso de beleza organizado con este exclusivo obxecto. A viuviña ademais de ser moi fermosa ten 2.000 francos de renda. As mozas de Folkestone compuñan o Xurado, e ríronse lindamente dos candidatos. Aínda que o agraciado non ía ser máis dun, todos crían selo. Víanse homes pequeniños, grandes, gordos, delgados, barbudos, sen barba. Para todos os gustos. Despois de se exhibiren en conxunto todos os candidatos foron un á un asomando a cabeza por unha cortina negra que lles cubría o resto do corpo. Las púdicas doncelas só tiñan que xulgar o rostro. Un fermoso austríaco embelecounas; pero o premio foi concedido ao señor Bert Harris, natural de Londres. Unha amarga decepción agardaba á viúva. O agraciado unha vez saciada a súa vaidade, renunciou a se casar coa viuviña e contentouse cunha bicicleta. A desairada señora está inconsolábel. Realmente non pode esperarse moito duns homes que se presentan a un concurso de beleza". A presenza no xurado de miss galicia de coñecidos membros do Partido Galeguista fainos pensar que a escolla non foi en absoluto inocente Após 20 anos atopamos na prensa un par de novas que se antollan abertamente subversivas. Refírense a grupos de mozas que deciden, colectivamente, boicotear os certames de beleza organizados na súa contorna. O 17 de xullo de 1929, nas páxinas de El Correo Gallego lemos que as mozas de San Salvador del Valle (Bilbao) acordaron non presentarse a un certame de beleza que organizara a Comisión de festas. Outro tanto aconteceu en Béjar en outubro dese mesmo ano; onde, segundo El Pueblo Gallego, "tivo que se suspender, por non se presentar ningunha señorita, a pesar de que na vila hai moitas guapísimas". Catro anos despois, a comezos de 1933, El Pueblo Gallego decide aceptar o convite lanzado polo xornal madrileño Ahora e convoca, por primeira vez na Galiza, o certame de Miss Galicia. A gañadora será Emilia Docet Ríos, unha moza viguesa, de boa familia, deportista avezada, estudante de comercio. Intelixente e culta. A presenza no xurado de coñecidos membros do Partido Galeguista como Castelao e Maside fainos pensar que a escolla non foi en absoluto inocente. En poucas semanas Emilia Docet convértese en Miss España. Ao acto onde é nomeada acode cunha insignia do Partido Galeguista ben visíbel no peito. Nas páxinas da prensa daqueles días recoñécese militante da forza política e saúda con simpatía a Frances Maciá en Barcelona, cando acode á cidade condal para recibir as mulleres que chegan de toda Europa para participar no concurso de Miss Europa que ese ano se había celebrar en Madrid. Antón Vilar Ponte, cabeza visíbel do galeguismo naquel momento, escribe un entusiasta artigo gabando a moza. O texto, titulado "Bello ejemplo de galleguidad" destaca nela non tanto a súa beleza física como a súa valía persoal e o compromiso coa terra. Aparecido en El Pueblo Gallego o 23 de maio de 1933, remata así: "Emilia Docet demostra que encerra no belo estoxo do seu corpo un espírito selecto, de esencia aristárquica, posto que soubo ver entre os elementos do galleguismo o que hai de máis alto e serio na Galiza: unha aristarquía intelectual e artística que rende ao presente puro as meles da tradición e as esperanzas do porvir". As afirmacións do viveirense e o seu entusiasmo chocan abertamente co que deixara dito só un ano antes nas páxinas do mesmo xornal. O 19 de xullo de 1932, escribe: "A nosa terra, até agora, conservaba unha virxindade moi simpática: a de non ter enviado nunca as súas mulleres a un concurso de beleza. Estes concursos, prototipo dun refinamento de procedencia exótica tiveron sempre a Galiza ausente deles […] Se de nós dependese que fracasasen tales frívolos intentos non vacilariamos en por en práctica os medios necesarios para conseguilo […] Galiza ten fama de posuír belas mulleres: esta fama é xusta sen dúbida ningunha pero amén de mulleres belas tivo e ten mulleres intelixentes […] a satisfacción íntima e un pouco aristocrática de non telas enviado xamais a esas feiras ridículas de vaidade que ostentan sinal da aduana americana e que se chaman concursos de beleza […] Profesamos, por último, en relación coa beleza feminina, tesouro da nosa terra, aquel agudo monroismo que un día propugnara Fernández Flórez: as galegas bonitas para os galegos; as nosas mulleres para nosoutros". Cremos que tanto Vilar Ponte como outros membros do Partido Galeguista souberon ver no nomeamento de Emilia Docet unha excelente oportunidade de visibilizar e dar a coñecer o ideario galeguista. Aproveitaron algo banal e mesmo reprobábel como un concurso de beleza para que as páxinas dos xornais de todo o Estado español estivesen pendentes dunha moza non só fermosa, senón tamén intelixente e comprometida politicamente. Emilia Docet, con 18 anos acabados de cumprir, soubo estar á altura. As súas declaracións desbotaban romances e tópicos patriarcais e acaban pondo o foco de atención no seu ideario, nos deportes e nos estudos, o que fala, alto e claro, da modernidade do seu pensamento. Francisca Goday Caamaño e o título de Miss Obrera 1934 Neste clima e en pleno conflito da xente do mar e das traballadoras das fábricas coa patronal conserveira anúnciase no Grove a creación do Sindicato de Oficios Varios La Fraternidad. Podemos lelo nun artigo publicado en El Ideal Gallego a comezos de 19331: "Non, non é verdade que sexan os obreiros os únicos e principais causantes dos difíciles momentos polos que atravesa a patria. O obreiro non é amigo de algaradas, nin de folgas revolucionarias, aínda que haxa quen estea cego e así o crea. Para mostra imos contar o que pasa no Grove. Os mariñeiros que despois de estar día e noite loitando co mar sen descanso, e en continua exposición das súas vidas, ao chegar a porto teñen que vender a súa pesca a prezos irrisorios, ou do contrario tirar con ela, mentres que eles e as súas familiares son presa da maior miseria. Da muller nin falar; sométense a un durísimo traballo, sucio e repugnante, nas fábricas e que se abona nun miserábel xornal de seis reais. Vexamos agora aos obreiros manuais. Estes gañan, os peóns de 3 a 5 pesetas; os oficiais de 6 a 7; pero dáse o caso de que aos obreiros foráneos, indocumentados, xentes que nin sequera se sabe se son do oficio, cuxa man de obra é igual ou peor que a dos da vila, páganselles xornais de 10 a 15 pesetas. Isto hai que acabalo, hai que rematalo. Para pór fin a estes abusos é polo que moi en breve se vai á constitución dunha Sociedade de Obreiros e Mariñeiros da que O Grove está ben necesitado, que velará polos intereses das tan escarnecidas clases traballadoras". O texto é obra de Francisco García Moldes, dirixente do Partido Galeguista que actúa coordinado e pacta a redacción final, con outros líderes políticos e sindicais: Francisco Bouzas Sánchez, Constante Silva Torres, Anselmo Domínguez Boullosa, Manuel Moldes Bea, José Prol Figueiro... Anarquistas, socialistas, comunistas e nacionalistas comprenden decontado a necesidade de organizar as reivindicacións obreiras, labregas e mariñeiras. Cren importante darlles canle pola que fluír e dotalas de recursos humanos até convertelas nunha ferramenta eficiente coa que dar resposta aos abusos da patronal conserveira, ao señorío e á igrexa reaccionaria. Son sabedores da fraqueza da esquerda, dispersa en siglas e tendencias, na dispersión, fronte a unha dereita unida e coherente na defensa dos seus intereses e privilexios de clase. O Sindicato de Oficios Varios La Fraternidad terá a súa sede na rúa Escura, no Grove, con entrada tamén pola rúa Principal, á que se lle chamou A Casa do Pobo. No Bienio Negro, La Fraternidad vai ser castigada polo alcalde Joaquín Álvarez Lores, O Potro, "o alcalde das ditaduras", que ocupa o cargo durante toda a ditadura de Primo de Rivera, no Bienio Negro e nos dous primeiros anos da franquista. Presume de ser el o que pechou a Casa do Pobo, prohibiu as manifestacións obreiras do primeiro de maio e impediu a propagación do virus republicano nas duras declaracións que fará en diversos consellos de Guerra, nos que actúa como testemuña de cargo contra militantes de forzas frontepopulistas. A pedido do alcalde Álvarez Lores, é o gobernador militar de Pontevedra quen ordena o feche da sede de La Fraternidad en 1934, iniciado o Bienio Negro. Recupérase no ano 1936 e ten a celebración do 1 de maio como unha das datas simbólicas, pola eficiencia acadada na participación de xente tanto nos mitins como nas manifestacións, e permanece activa até agosto de 1936. Cando Emilia Docet se converte en Miss España, acode ao acto onde é nomeada cunha insignia do Partido Galeguista ben visíbel no peito O Sindicato ten unha compoñente social, pedagóxica e recreativa moi importante. A biblioteca, as aulas, o bar e o salón de actividades convértense en centro de formación e reunión no que se ven "cousas extraordinarias para aquel tempo coma mulleres con pantalóns e algunha fumando puros habanos, acórdame unha de Balea, moi brava ela2, ou proclamas libertarias do tipo "nin diós, nin patria, nin rei; nós non temos amo, nin patrón" que proclaman os homes da CNT, e sobre todo algunhas das mulleres cenetistas, que asustan ao presentárense vestidas con pantalón a unha parte da asistencia á Casa do Pobo, segundo a memoria familiar de María Torres3. Cando as mareas o permiten danse clases de matemáticas, xeografía, historia, cultura xeral e alfabetización, a biblioteca tivo "moita demanda naqueles anos nos que a xente tiña fame de saber". Entre os escasos documentos desta entidade que chegaron até nós facémonos eco dun escrito asinado polo "comité antifascista", e datado o primeiro de maio de 1934. Trátase dunha gabanza da muller traballadora á que lle supoñen unha alma "azul e branca como a insignia da nosa terra, ¡Galiza!" e sobre a que din que a súa beleza é "filla da loita, é filla do traballo". O escrito, titulado "a Miss Obrera"4 foille entregado a Francisca Goday, daquela con dezaoito anos e moza dun cabo especialista da armada, Manuel López Pinal. Francisca, coñecida entre os seus veciños como Paquita Goday, foi escollida na Casa do Pobo (fechada por orde gobernativa promovida dende a alcaldía do Bienio Negro) como Miss Obrera 1934. Celebración encuberta O nomeamento, lonxe dos anódinos certames de beleza antes comentados, respondía á firme vontade de organizar un acto conmemorativo, un dos poucos posíbeis, no Día Internacional da Clase Traballadora. A falta de autorización municipal para organizar mitins políticos ou a manifestación correspondente cadrando con data tan significativa como o 1 de maio, xustifica, ao noso modo de ver, o acerto e a orixinalidade da escolla. Estratexia política de resistencia en tempos de ditaduras. Así recolle o sucedido El Pueblo Gallego do 5 de maio de 1934: "Con motivo da festa dos traballadores celebráronse nesta localidade diversos actos que se viron moi concorridos de público. Ás 4 da tarde tivo lugar no Salón Besada un mitin no que fixeron uso da palabra os coñecidos oradores Francisco García Moldes, José Besada Álvarez, Constante Silva Torres, todos moi aplaudidos. Pola noite, e no mesmo local, tivo lugar un animado baile no que se escolleu Miss Obrera 1934, que recaeu na bela señorita Paquita Goday Caamaño e damas de honra as distinguidas señoritas Alicia Vázquez, Jesusa Solís, Antonia Fuentes e Pepita Lores". Cando Emilia Docet se converte en Miss España, acode ao acto onde é nomeada cunha insignia do Partido Galeguista ben visíbel no peito Paquita Goday, a moza premiada, era como Emilia Docet, unha muller non só fermosa senón intelixente e comprometida. Durante anos, gardou con orgullo e certa responsabilidade social os galanos do escrito lido naquela xornada e a fermosa banda azul celeste bordada con fío dourado de Miss que lle impuxeron. Fíxoo até que a sublevación militar a encheu de medo e decidiu agochalos en lugar seguro. López Pinal, o mozo da Miss Obrera, radiotelegrafista e comisario político da flota, mantense na lealdade republicana e ocupa o seu posto no barco no que está destinado. Cando a República perde a guerra, exíliase en Tunisia, dende onde participa nas emisións de Radio Pirenaica, que Paquita Goday escoita emocionada cada noite na que lle facilitan o acceso a un receptor de radio clandestino. O mozo morre aos poucos meses. O futuro de Goday Francisca Goday casará, 14 anos despois, con Pepe Villaronga, Pepe O Carteiro, afiliado á Falanxe. Se mencionamos esta parte da vida persoal de Francisca Goday Caamaño é porque probabelmente ela sexa moito máis que o símbolo "Miss Obrera". Nótese que nesa dualidade que lle tocou vivir tivo un mozo republicano e un marido falanxista; un irmán perseguido e acusado de rebelión militar, agochado tres anos nun foxo da casa familiar tendo que exiliarse en canto se deron as condicións para non volver nunca, e outro irmán militante falanxista e orgulloso, que será, ademais, artista de éxito. Os irmáns José María e Ernesto Goday Caamaño. Paquita simboliza a dor e a felicidade, os medos e as alegrías, todo xunto como se a vida lle fose botada a caldeiros en tan pouco tempo. Gardou o documento que reproducimos nestas páxinas, agochado mesmo dos ollos do marido e da fillas, en tempos escuros. Os asinantes do singular texto son Francisco García Moldes, José Besada Álvarez, e Constante Silva Torres. O primeiro e o terceiro, directivos do Sindicato de Oficios Varios La Fraternidad, e membros do Partido Galeguista e Comunista, respectivamente. O segundo, músico e libreiro, chegará a ter relación co Partido Comunista. Cómpre resaltar que o escrito aquí reproducido está asinado en representación do "comité antifascista", o que significa que xa nos anos do Bienio Negro as forzas progresistas se preparaban para dar a batalla á dereita extrema que acadara o poder. Lamentabelmente non quedaron, que coñezamos, outros documentos que permitan facer un traballo de maior profundidade arredor desta entidade, non sendo algunhas referencias á propiedade do local, tanto nas actas municipais como no libro de actas do Centro Republicano. Sabemos, iso si, que, en abril de 1935, algúns dos protagonistas do acto organizado o primeiro de maio de 1934 se reuniron para pór a andar unha cantina para nenos pobres. As páxinas de El Pueblo Gallego, explican que seguindo a iniciativa do mestre de escola do Pósito do Grove o proxecto arrincou secundado por Francisco García Moldes e un grupo de "señoritas" entre as que se nomea a Paquita Goday e a unha das súas damas de honor cando fora nomeada Miss Obrera, Jesusa Solís. Non quixeramos rematar sen sinalar que o cura falanxista Silva Ferreiro dedica á Sociedade de Oficios Varios La Fraternidad e aos seus dirixentes o cualificativo de que "coas súas continuadas propagandas converteran a vila mariñeira Meca do comunismo provincial, e iso que era o Grove, en xullo de 1936", cando na realidade era unha entidade que asesoraba aos traballadores nos seus dereitos, apertaba a patronal conserveira para que cumprise coa lexislación laboral e organizaba quendas de acceso a empregos, coma calquera outra entidade cun obxectivo sindical de clase.
PRAZA_2978
O CIS pregunta periodicamente polo sentimento de identificación dos e das cidadás, sobre a súa autodefinición como nacionalistas ou sobre a preferencia de organización territorial. Unha ollada aos datos dos últimos 20 anos permite coñecer un pouco mellor como pensan os galegos e galegas.
Que din os galegos e as galegas de si mesmos e de si mesmas? Como se identifican? Como se definen? Séntense galegos e galegas? De forma exclusiva, de forma prioritaria, ou coa mesma intensidade coa que senten españois, coexistindo e entrelazándose unha e outra identidade? Dende hai anos o CIS pregunta de forma periódica sobre estas cuestións, permitindo analizar a evolución no tempo deste sentimento de identificación que, nalgúns casos, adopta unha forma política, como nacionalismo. Tamén sobre esta cuestión pregunta o CIS habitualmente, o mesmo que sobre a preferencia que os e as cidadás teñen sobre a organización territorial que debería adoptar o Estado español. Unha ollada aos datos dos últimos 20 anos permite coñecer un pouco mellor como pensan os galegos e galegas. Á vista dos números, unha das primeiras conclusións que podemos tirar é que os habitantes de Galicia se senten de forma moi maioritaria tan galegos coma españois, e cada vez máis. Dende o ano 2009, ao redor de sete de cada dez (entre o 69% e o 76%) escolle esta opción, sendo unha minoría aqueles que se senten só galegos (entre o 2% e o 4%) ou máis galegos que españois (entre o 16% e o 22%). Son aínda menos os que se definen como só españois (entre o 2% e o 6%) ou máis españois que galegos (entre o 2% e o 4%). Se observamos a evolución histórica desta serie, vemos como as respostas que priman a identificación española sobre a galega eran máis numerosas nos anos 80 e 90, movéndose entre un 10% e un máximo do 15%. Descenderon na primeira década do século XXI ata chegar ao 5%, aínda que se pode advertir un lixeiro repunte na enquisa preelectoral publicada hai unhas semanas (ata o 9%). A resposta maioritaria sempre foi, con gran diferenza, a de tan galego/a coma español/a, pero é evidente o crecemento experimentado por este sentimento nas últimas décadas. Nos anos 80 e 90 superaba por pouco o 50%, a partir do ano 2001 sobrepasou o 60% e ao final desta década consolidouse por riba do 70%. Pola contra, a proporción de persoas que se definen como só galegas ou máis galegas amosa dende 1998 un continuado descenso. Nas décadas dos 80 e 90 mantívose estable por riba do 30%, roldando mesmo en dous estudos (1989 e 1998) o 40%. Nas dúas décadas seguintes a porcentaxe foi descendendo de vagar, ata situarse no actual 20%. Podemos analizar as respostas en función do voto ás distintas forzas políticas. Entre os e as votantes do BNG a proporción de quen se identifica como só galego ou máis galego se mantivo estable dende os anos 90 e mesmo creceu. Pola contra, entre os e as votantes de PP e PSOE este grupo é hoxe notablemente menos numeroso que en 1997. O CIS tamén introduciu nalgunha ocasión preguntas sobre o sentimento de orgullo por ser galego ou español, unha forma de identificación moi laxa, que deixa niveis de adscrición case unánimes. En 2012, o 94,4% manifestábase moi ou bastante orgulloso/a de ser galego ou galega, sen apenas diferenzas entre os e as votantes dun e doutro partido e case sen evolución dende os estudos previos (93,9% en 2005, 96,7% en 2010). De igual xeito, o 85,7% dicía estar moi ou bastante orgulloso/a de ser español ou española (95% os e as votantes do PP, 88% as do PSOE e 59% as do BNG), cun certo descenso no tempo (2010: 93%, 2005: 88%, 1996: 87%). A autodefinición como nacionalista Por suposto, aínda que poden estar ligadas, unha cousa é o sentimento de identificación (galego, español ou ambas as dúas) e outra a autodefinición como nacionalista, un concepto político. O CIS tamén pregunta por esta cuestión dende 1997 e os datos permiten constatar igualmente unha evolución decrecente. Chama a atención o dato de outubro de 1997, previo ás eleccións autonómicas dese ano, cunha porcentaxe dun 33% de persoas que, de 1 a 10 (10, máximo nacionalismo) definían o seu sentimento por riba de 7. Os outros rexistros desa época, aínda que menores (entre o 18% e o 22%) son tamén superiores aos actuais (14% en 2012). Dende o ano 2005 o CIS incorpora a pregunta directa considérase vostede nacionalista galego?, que permite afinar a análise e confirma a tendencia adiantada. Do dato de 2005 (entre o 24% e o 26% de nacionalistas) pásase ao dato de 2012 (entre 19% e 23%). Por partidos, de novo vemos como a proporción de votantes do BNG que se definen como nacionalistas mantívose estable e mesmo creceu. Pola contra, entre os votantes de PP e PSOE, a porcentaxe de nacionalistas reduciuse notablemente dende os anos noventa, cando roldaba o 20% e o 25%, respectivamente. O sentimento nacionalista, medido nunha escala de 1 a 10 (10 como máximo nacionalismo) sitúase na actualidade en Galicia nunha media de 4,2, máis dun punto por debaixo do nivel que acadaba nos anos 90 (entre o 5 e o 5,9). Entre os votantes do PP descendeu do 4,85 (1997) ao 3,83. Entre os votantes do PSOE pasou do 5,35 ao 4. Nos electores do BNG mantívose relativamente estable, unhas décimas por riba de 6. Preguntados os e as votantes de AGE en 2012, estes e estas situáronse no 5,21. Pode ser interesante, a este respecto, estudar como os galegos e galegas sitúan as distintas forzas políticas nesta escala. É dicir, que grao de nacionalismo observan neles, como os definen e en que medida se achegan ou se afastan da centralidade dos e das votantes nesta cuestión. Inmediatamente chama a atención a evolución seguida na imaxe que os galegos tiñan e teñen do Partido Popular, que roldaba o 4,5 (sobre 10) entre 1993 e 1997 e que dende entón experimentou un fortísimo descenso, ata caer por debaixo do 3. O PSOE, en cambio, que era considerado nos 90 un partido menos nacionalista (ou menos galeguista) que o PP, creceu nesta escala na década seguinte, xusto cando accedeu ao Goberno na Xunta, para descender de novo en 2012. En canto ao BNG, foi sempre visto como unha formación moi nacionalista (entre 7,37 e 8,24), mesmo máis nacionalista do que os seus propios votantes se consideran a si mesmos (entre 5,74 e 6,73). O momento de maior aproximación entre a imaxe do BNG e a media do sentimento nacional en Galicia produciuse en 1997 (7,37 e 5,9). Dende entón, as dúas variables seguiron camiños opostos, situándose en 2012 en 8,02 e 4,2. En 2012 AGE era colocado no 7,08 nesta escala. Preferencia pola organización territorial do Estado O CIS tamén inclúe nos seus estudos unha pregunta sobre a preferencia que os e as cidadás teñen sobre a organización territorial do Estado. En Galicia, a opción do Estado completamente centralizado e de supresión das comunidades autónomas foi sempre minoritaria e mesmo descendera dende os niveis acadados nos anos 90 (18%) ata o 7% ou 9% da década seguinte. Porén, dende o 2007 si se advirte un crecemento desta opinión, que en 2012 chegou a acadar un 23% que, sumado a outro 12% de galegos e galegas que defendía unha redución das competencias das autonomías, implicaba unha forte aposta pola recentralización. Con todo, a enquisa preelectoral publicada hai un mes amosaba que este 35% se reducira novamente, ata o 22%. Os partidarios dun Estado que lles recoñeza aos distintos territorios o dereito a seren independentes foron sempre moi escasos nesta enquisa, movéndose entre o 2% e o 5%. Pola contra, aqueles e aquelas que apostaban por un Estado no que as actuais comunidades tivesen máis autonomía si que chegaron a representar unha proporción importante, movéndose entre o 16% de 1996 e o 34% de 2007. Dende entón, con todo, a porcentaxe caeu ata superar por pouco o 10%. Na enquisa máis recente si se observa un lixeiro crecemento (13%). A opción maioritaria, ao redor do 60%, é a aposta polo mantemento do actual reparto de poder entre Estado central e Estado autonómico Se comparamos as preferencias dos galegos e galegas sobre a organización territorial coas que teñen os habitantes doutras autonomías, observamos que Galicia ocupa un lugar intermedio entre as distintas comunidades, lonxe dos datos de Cataluña e Euskadi, nun nivel comparable con Canarias, Navarra e a Comunidade Valenciana, e moi por diante do resto. Segundo a entrega máis recente do CIS, os e as catalás apostan pola autodeterminación (36%) ou por unha maior autonomía dentro de España (outro 27%), fronte a un 22% que queren que se manteña a actual situación e un 10% que defenden a recentralización. En Euskadi é o 30% o que reclamar a posibilidade de independencia para un territorio, un 25% o que quere máis autonomía, un 32% o que defende o actual status quo e só un 5% o que aposta pola recentralización. Canarias, Navarra e a Comunidade Valenciana presentan un escenario semellante ao galego, cun 19-21% de partidarios da autodeterminación ou de maior autonomía (a suma en Galicia acada o 17%). Porén, mentres en Navarra só o 5% prefire a recentralización, nas illas esta proporción acada o 23% en Valencia supera o 37% (en Galicia é o 22%) Nas restantes comunidades, os partidarios dunha maior autonomía acadan, como moito, o 11% de Asturias e Andalucía ou o 10% de Aragón. Ademais, nestes territorios os partidarios da recentralización chegan a ser do 25% en Andalucía, do 32% en Asturias ou do 45% en Aragón, dato semellante ao das dúas Castelas ou Madrid.
PRAZA_6491
Un informe da Asociación Estatal de Directoras de Servizos Sociais sitúa a Galicia nos últimos postos do Estado en investimento social e alerta do "deterioro realmente preocupante" nos servizos de atención a persoas en situación de dependencia, discapacitadas ou vítimas de violencia machista.
"Galicia é a segunda comunidade autónoma que máis servizos sociais creou" dende 2009. Os "orzamentos máis sociais da historia". Galicia está "á cabeza de España en políticas sociais". Son algunhas das premisas máis recorrentes nos argumentarios oficiais do Goberno galego á hora de defender a súa política social. Tanto o presidente, Alberto Núñez Feijóo, como outros representantes gobernamentais adoitan botar man da comparación con outras autonomías para defender a súa xestión e negar, en calquera caso, que pasasen a tesoira nesta área tan sensible. Estas afirmacións xa bateron nos últimos anos contra a realidade, caso por exemplo das avaliacións do Ministerio de Facenda, e agora fano de novo no último estudo dunha das organizacións de referencia no ámbito dos servizos sociais. A Asociación Estatal de Directoras e Xerentes en Servizos Sociais vén de publicar o seu informe de desenvolvemento dos servizos sociais no conxunto do Estado e tamén o detallado por autonomías. Neste último, lonxe de estar nos publicitados "postos de cabeza", Galicia fica na décimo cuarta posición de dezasete posibles polo escaso desenvolvemento dun servizos sociais que dependen maioritariamente da Xunta. O país "non acada o nivel de excelencia en ningún dos apartados" analizados por esta organización profesional e por iso a súa cualificación global é "irrelevante". "Galicia recortou case 75 millóns de euros anuais en servizos sociais" Para chegar a estas conclusións a asociación analiza tres ámbitos: o normativo, o económico e a cobertura. No primeiro Galicia obtén 0,65 dos 2 puntos posibles, xa que conta cunha lei de servizos sociais, a promulgada en tempos do bipartito, pero esta "vese penalizada pola falta de desenvolvemento normativo". No ámbito económico o resultado non é mellor: 0,8 puntos sobre 3 posibles, toda vez que o investimento en servzios sociais caeu case un 10% dende 2011, pasando de case 380 euros por habitante a 250. "Galicia recortou case 75 millóns de euros anuais en servizos sociais", resumen. Por baixo da media estatal Os orzamentos son, precisamente, o que sitúa a Galicia por baixo da media estatal. No 2013, último ano analizado neste informe, o investimento en servizos sociais "foi inferior á media estatal nun 18,2%", que se traduce en 55 euros menos por habitante e ano. "Só para equipararse á media estatal, as Administracións Públicas en Galicia deberían investir 75 millóns máis ao ano". O país está por baixo da media en gasto por habitante pero tamén no peso do gasto social con relación ao PIB -1,26% fronte ao 1,41% de media- e con relación ao gasto total das Administracións, neste caso cun 6,65% fronte ao 7,74% de promedio estatal. A redución do investimento social "empeorou todos os indicadores" Así as cousas, e sempre baseándose en datos oficias, a asociación conclúe que as administracións galegas "están por baixo en canto ao gasto en servizos sociais tanto en termos absolutos como relativos" e, ademais, "reduciron o seu gasto" nos últimos anos, "empeorando todos os indicadores". Este apercibimento lánzanllo tanto á Xunta como aos concellos, se ben o propio informe resalta que "o 76,1% do total correspóndelle á Xunta e o 23,9%, ás entidades locais" nun contexto no que "a Xunta de Galicia financia un 14,18% do gasto total das entidades locais en servizos sociais", unha porcentaxe "moi inferior á media estatal", que chega ao 27,93% do orzamento social de concellos e deputacións. Un "deterioro realmente preocupante" Como adoito, os números teñen tradución directa na atención que reciben as persoas usuarias destes servizos. Os recortes dan lugar a unha "situación realmente preocupante" en Galicia, di o informe, que "expresa o deterioro que están sufrindo os servizos sociais nesta comunidade e que ten o seu reflexo na situación na que se atopa a súa cobertura efectiva de servizos e prestacións". Así, aínda que algúns indicadores de cobertura melloran -caso por exemplo das persoas que perciben a Renda Mínima de Inserción ou a taxa de cobertura da dependencia- outros empeoran elocuentemente: baixan os acollementos familiares a nenos con problemas, descenden as prazas para persoas con discapacidade ou para vítimas de violencia machista e tamén fan o propio as prazas de aloxamento para persoas sen fogar. Nesta liña, a Asociación de Directoras de Servizos Sociais ve tamén "evidenciado" o "efecto da redución do gasto en servizos sociais" ao "comparar os indicadores de cobertura de prestacións e servizos coa media estatal", onde "Galicia está por riba da media en só 3 dos 14 indicadores": persoal en plantel dos centros de servizos sociais, horas de axuda a domicilio e porcentaxe de acollemento familiar. Na banda contraria está a cobertura da dependencia e a súa lista de espera, a cobertura das rendas mínimas de inserción e a súa contía, as prazas residenciais para maiores de 65 anos, a cobertura da axuda a domicilio ou a atención a persoas con discapacidade, entre outros.
PRAZA_11382
Industria e economía centran os argumentos das forzas políticas nun debate electoral no que todas as formacións agás o PP viron na forma e horario do debate unha mostra da "manipulación" da Xunta nos medios públicos
O pasado día 4 varias canles de ámbito estatal e algunhas autonómicas, doce en total, emitiron o debate electoral organizado pola Academia de Televisión entre os líderes de PSOE, PP, Unidas Podemos, Ciudadanos e Vox. Presentado como un acontecemento, cun plató construído para a ocasión e en horario de máxima audiencia, logrou unha cota de pantalla acumulada do 52,7%.Ao día seguinte a catalá TV3 programou para as dez menos cinco da noite o seu debate electoral previo ao 10N. Concibido como o espazo estrela da xornada, tivo un 31,4% de audiencia. O mércores, día 6, a vasca ETB ofreceu ás dez da noite o primeiro dos seus dous debates, na súa segunda canle, cun seguimento do 10,3% en ETB2. O xoves as forzas políticas vascas que concorren ás xerais volveron debater en horario de máxima audiencia na súa televisión pública, neste caso na ETB1. A televisión de Euskadi competía neste caso con laSexta, que organizaba ao mesmo tempo outro debate entre representantes estatais de PSOE, PP, UP, C's e Vox; a canle de Atresmedia logrou un 19,2% de audiencia e o dato da televisión vasca aínda non está dispoñible. Tamén cadrou co de Canal Sur, que o celebrou na mesma noite, ás dez e cuarto.Outras canles que ofreceron debates electorais previos ao 10N programáronos en horario de máxima audiencia; o da CRTVG celebrouse ás dez da mañá, no programa 'Bos días' e con só unha hora de duraciónEste venres, derradeiro día da campaña, chegou o debate da CRTVG. O único contemplado no plan de cobertura dos medios públicos galegos antes do 10N. PSdeG, PP, En Común-Unidas Podemos, Ciudadanos e BNG -tamén Vox, que declinou o convite tras reclamar ser incluído- foron citados ás dez da mañá para debateren durante unha no plató do informativo diario Bos días. O horario intempestivo e a escasa duración constrinxiron un encontro no que o continente puido co contido e onde os límites do formato -ao contrario que noutras ocasións, non consensuados coas forzas políticas- deixaron escaso oco ao intercambio de ideas.Todas as formacións agás o PP viron na forma e horario do debate unha mostra da "manipulación" da Xunta nos medios públicos e así o expresaron no debateO rexeitamento ao horario e ao formato do programa estivo presente nos primeiros compases do debate en boca dos representantes de todas as forzas políticas agás o PP. Para o socialista Pablo Arangüena, o acontecido é "unha mostra senlleira" do "nivel de manipulación" que padece a CRTVG da man "dese vendedor de preferentes que é Alberto Núñez Feijóo", ofrecendo o debate electoral "en horario de mínima audiencia, cando debera ser xusto o contrario". "Estou certa" de que máis cedo que tarde "haberá outra dirección na Galega que fará posible que a democracia se faga eco e teñamos debates dignos", afirmou Yolanda Díaz dende En Común-Unidas Podemos. Para Beatriz Pino, de Ciudadanos, é "unha mágoa" ter que debater "nunha televisión manipulada" que obvia aos seus profesionais para ser "a televisión do señor Feijóo". "Este non é un debate electoral normal", concordou dende o BNG Néstor Rego no comezo da súa segunda quenda; "en ningún país democrático se debate a estas horas, o que se pretende é ocultar o debate" e por iso "o noso compromiso" é "acabar co adoutrinamento ao servizo do PP" na canle pública, afirmou.Industria e economía con trazas de CatalunyaAlén dos dez minutos que ocuparon as intervencións inicial e final dos candidatos, nos algo máis de corenta restantes o sector industrial e economía centraron os tirapuxas entre as forzas políticas mentres PP e Ciudadanos tentaban, con escaso éxito, trasladar o eixo do debate á cuestión catalá. Mentres para Arangüena (PSdeG) "achacarlle ao Goberno que leva quince meses" a crise de industrias como Alcoa ou a térmica das Pontes é "unha intoxicación" para ocultar que Feijóo "leva once anos sen facer política industrial" malia ter as competencias, a xuízo da popular Marta González "están en perigo todas as industrias" galegas "por decisións do Goberno de Madrid" derivadas de que en Galicia "goberna o PP", teorizou.As cinco forzas concordan na existencia de crise na industria e na inminencia dunha recesión económica, aínda que non nas súas causas e eventuais vías para paliala"Nin o PP na Xunta nin o PSOE en Madrid actúan"; lamentou Néstor Rego (BNG) mentres dende En Común Yolanda Díaz lamentaba a falta de control público en materia industrial. "Grazas ao goberno", os responsables de Alcoa "marcharon sen devolver un céntimo" das axudas recibidas, censurou. Para Pino (C's), a industria ficou "abandonada polo bipartidismo" e por iso "non imos permitir que sigamos nas mans de Sánchez".No que si concordan as cinco forzas é na inminencia dunha recesión económica e mesmo dunha crise, aínda que non nas súas causas. "Evidentemente, hai unha desaceleración en toda Europa, en todo o mundo", resalta o socialista Arangüena, quen afirma que fronte a ela o PSOE impulsará "medidas de estímulo e unha proposta de futuro" baseada na "aposta decidida pola descarbonización" para afrontar problemas como o da térmica das Pontes. Para González (PP) a crise derivará da xestión socialista, como noutras lexislaturas, e o impacto en Galicia será mesmo maior porque o PSOE recorta o investimento en áreas como as infraestruturas.Tamén o BNG ve un "mal augurio" nalgúns dos plans económicos dos socialistas, polo feito de que impulsasen para 2019 "os peores orzamentos xerais do estado en 17 anos" en canto a investimentos en Galicia pero tamén polos plans de Pedro Sánchez para nomear vicepresidenta económica á coruñesa Nadia Calviño, "a gurú da mochila austríaca". Con ese eventual nomeamento tampouco concorda Yolanda Díaz, a cuxo xuízo a disxuntiva ante a crise será "onde recortar" e por iso En Común-Unidas Podemos avoga por facelo nas rendas altas e na banca, "devolvendo vía impostos os 60.000 millóns do rescate.Peticións de voto e encontro con persoal da CRTVGNun debate sen apenas descualificacións de calibre groso -agás no momento en que Pino (Cs) acusou a Rego de "ir da man dos etarras" con "mans manchadas de sangue" por "pactar con Bildu" mentres o candidato do BNG instaba as formacións da dereita a "romper os pactos con Vox"-, os minutos finais serviron aos aspirantes para pediren o voto.O socialista Arangüena advirte de que o domingo están en xogo "dous modelos", o da "España aberta o futuro, moderna, incluínte e solidaria" que representa o PSOE ou "o das dereitas escoradas á ultradereita, dominadas polas ideas de Vox" de "xenofobia, de negación da crise climática e da violencia machista". Marta González cre que a continuidade de Sánchez seráo tamén do "bloqueo", mentres que se "os galegos que tamén se senten españois" apostan polo PP, lograrán un cambio no Estado no que Galicia "medre e progrese".Yolanda Díaz dedicou o treito final dirixíndose "aos que se xogan moito nas eleccións: ás persoas precarias, aos parados, aos nosos maiores, á xente moza que quere volver á súa terra para desenvolver un proxecto de vida". Todas esas persoas e tamén "os socialistas de corazón", dixo, poden confiar na súa formación. Pino (C's) rematou apelando ao "voto en liberdade" para un cambio de Goberno no que, afirma, Rivera priorizaría un pacto co PP. PSdeG, En Común, C's e BNG reuníronse co persoal mobilizado na sede da CRTVG no que xa é o 78º 'venres negro'Rego (BNG), pola súa banda, finalizou chamando a superar o "reto" de que "Galiza estea presente, deixe de perder oportunidades. "Non hai maior rebeldía que apostar por unha forza propia como o BNG, a única galega que se presenta" e que "nunca fallou a este país".Tanto antes do debate como unha vez rematado, os representantes das formacións políticas diferentes do PP atopáronse con membros do comité interempresas da CRTVG e do colectivo Defende a Galega, mobilizados nas instalacións de San Marcos no venres negro número 78. "Ás 10 da mañá non hai compromiso para formar unha opinión pública plural", sinalaban os cartaces que amosaban. O debate foi emitido simultaneamente pola Radio Galega e será emitido en diferido pola segunda canle da TVG ás 22:45 deste venres, cadrando coa emisión do Luar na primeira canle.
NOS_41464
Na tarde da cuarta feira, 14 de setembro, terá lugar a estrea do documental que lanza o BNG con motivo do 40 aniversario da súa fundación. O Teatro Principal de Compostela contará coa presenza de históricos dirixentes nacionalistas, como Xosé Manuel Beiras, Francisco Rodríguez e Encarna Otero, que confirmaron a súa asistencia.
Ás 20 horas desta cuarta feira o BNG presenta no Teatro Principal de Compostela o documental producido con motivo do 40 aniversario da fundación da formación política. Un acto ao que asistirán, segundo puido saber Nós Diario, históricos dirixentes nacionalistas como Xosé Manuel Beiras, Francisco Rodríguez, Encarna Otero ou María do Carme García Negro, Mario López Rico ou Alfredo Suárez Canal, ademais da actual portavoz, Ana Pontón. Unha peza documental que o BNG considera "chave" para entender o pasado e o presente do nacionalismo galego. Ademais do interese das entrevistas en si, o documental, conta con gravacións de cineastas como Carlos Varela e outros militantes nacionalistas que lle confiren un dobre valor en termos históricos. O documental tamén recolle o testemuño da recentemente falecida Saleta Goi, a quen o BNG renderá homenaxe no propio acto que decorrerá esta tarde no Teatro Principal. O BNG edita un libro sobre a súa historia Ademais, o día 21 de setembro, ás 20 horas, no Auditorio Mar de Vigo presentarase o libro 40 anos ao servizo de Galiza. BNG, 1982-2022 que, baixo a autoría de Manuel Anxo Fernández Baz, repasa ano a ano os principais feitos políticos e as actuacións chave do nacionalismo ao longo destes 40 anos nunha edición cun importante peso gráfico, xa que contén máis de 400 fotografías, moitas delas inéditas, de momentos especialmente relevantes da historia do BNG. O acto central de celebración do 40º aniversario terá lugar o 25 de setembro, ás 12 horas, no frontón de Riazor da Coruña O acto central de celebración do 40º aniversario terá lugar o 25 de setembro, ás 12 horas, no frontón de Riazor da Coruña, o mesmo día e lugar en que se fundou o BNG. "Congregaremos máis de 1.000 militantes e simpatizantes e faremos un especial esforzo en convidar o tecido asociativo que ten camiñado connosco en moitas loitas ao longo destes 40 anos", explicou o presidente da Fundación Galiza Sempre, Rubén Cela, a pasada sexta feira, ao dar a coñecer publicamente o programa de actos. Pontón apela a un BNG "cargado de presente e futuro" Pola súa parte, Pontón expuxo que os 40 anos de vida amosan que "o BNG ten un proxecto sólido, cargado de presente e de futuro, porque o Bloque é a forza política da Galiza que vén". Reivindicou, ademais, que a formación frontista naceu "para gañar e ser a forza hexemónica na Galiza". Aos tres actos centrais do mes de setembro seguiranos unha vintena de celebracións de carácter comarcal.
PRAZA_11024
No primeiro semestre de 2019 Audasa ingresou 71,4 millóns de euros por peaxes e logrou un beneficio neto de 18,8 millóns de euros, un 17,52% máis que no mesmo período do ano anterior
Tres subas nos prezos das peaxes en apenas un ano combinadas cun incremento do tráfico. É a combinación que permitiu a Autopistas del Atlántico, concesionaria da autoestrada AP-9, anotar melloras en todos os seus resultados económicos no primeiro semestre do 2019.No primeiro semestre de 2019 Audasa ingresou 71,4 millóns de euros por peaxes e logrou un beneficio neto de 18,8 millóns de euros, un 17,52% máis que no mesmo período do ano anteriorAudasa vén de remitir á Comisión Nacional do Mercado de Valores os seus resultados da primeira metade do exercicio e todas as cifras son boas para a compañía. O tráfico medio diario aumentou un 2,10% con relación ao mesmo período do ano anterior, ata superar os 23.000 vehículos por xornada. Pero esa suba non se corresponde co avance da recadación por peaxes nin cos beneficios, que aumentan moito máis.Segundo as cifras achegadas pola empresa ao regulador, de xaneiro a xuño os ingresos nas cabinas de portaxe ascenderon ata os 71,42 millóns de euros, isto é, un avance interanual que se achega ao 8%, practicamente catro veces máis que o incremento do tráfico. Mentres, os beneficios nese período avanzan aínda máis, un incremento do 17,52% que se traduce nunhas ganancias de 18,76 millóns de euros despois de impostos -25,01 millóns antes da correspondente tributación.A propia compañía explica a orixe destas cifras na súa información a potenciais investidores. Ese incremento do 7,5% anual é "consecuencia tanto dun ascenso do tráfico de cobro" e da "revisión anual de tarifas", isto é, das subas de prezos do 3,51% que entrou en vigor o 1 de xaneiro de 2019 "pola revisión de tarifas e a recuperación dos 227 millóns de euros investidos por Audasa na ampliación da AP-9 en Rande e en Santiago de Compostela". No caso da ponte sobre a ría de Vigo as obras derivadas da ampliación continuaron ata dez meses despois da suba das peaxes.Na súa propia análise das contas Audasa sinala a suba das peaxes como unha das orixes do incremento da recadación, pero insta a ter en conta que o seu prezo está "por baixo da media estatal"Malia estes indicadores, Audasa tenta contrastar a imaxe de ganancias disparadas introducindo un matiz na análise dos seus propios beneficios. "O prezo medio actual para automóbiles na AP-9 sitúase un 8% por baixo da media estatal, con 11 céntimos de euro por quilómetro na AP-9 fronte aos 12 céntimos de peaxe media nas autoestradas españolas de titularidade estatal", di nun comunicado remitido aos medios, no que tamén subliña que os sistemas de pagamento automático xa son empregados no 87% dos desprazamentos por esta autoestrada.Contencioso co EstadoComo en anteriores presentacións de resultados, Audasa informa os seus accionistas de que segue a litigar contra o Estado polo "efecto negativo sobre a recadación que segue supoñendo" a modificación do sistema para calcular a compensación que a compañía recibe pola liberación de peaxes en Rande e na Barcala. Daquela o Ministerio de Fomento dera en admitir que Audasa se beneficiara durante anos dun "enriquecemento inxusto" e a compañía láiase de que dexou de ingresar "8,8 millóns de euros dende que se comezou a aplicar" o que define como "modificación unilateral e non xustificada" do acordo. A concesionaria da autoestrada láiase de que o Estado lle rebaixase a compensación polas bonificacións en Rande e na Barcala, contra as que segue a litigarNeste contexto xeral, a concesionaria da AP-9 asegura ser "optimista" en canto ás posibilidades de que os seus principais indicadores continúen a medrar "no curto prazo". "Esperamos seguir crecendo ata recuperar niveis de tráfico suficientes que permitan uns ingresos axeitados á tendencia que historicamente mantivemos malia aos anos de crise económica xeral", sinala a concesionaria. O documento remitido aos accionistas non fai mención ningunha á posibilidade de que a transferencia de competencias sobre a autoestrada á Xunta chegue a completarse.
PRAZA_10019
O presidente di que pola irrupción do partido de Abascal "cambiamos as nosas estratexias e deixamos de ser o que somos" pero dille aos apoios perdidos que é "mellor convivir cos votantes do PP que cos de Falange"
O presidente di que pola irrupción do partido de Abascal "cambiamos as nosas estratexias e deixamos de ser o que somos" pero dille aos apoios perdidos que é "mellor convivir cos votantes do PP que cos de Falange"Menos dunha semana despois de que Pablo Casado ofrecese ministerios a Vox nun hipotético goberno co PP, este xoves o presidente Feijóo apuntou á existencia dunha pinza entre o partido de Abascal e Pedro Sánchez contra os populares baseada nunha "estratexia" coincidente de dividir o voto da dereita. A eses votantes perdidos apelou Feijóo para que volvan ao PP asegurándolles que para eles é "mellor convivir cos votantes do PP que cos de Falange".Feijóo, que tras as eleccións andaluzas considerou o pacto entre o PP e Vox como "homologable a calquera goberno europeo", foi preguntado na rolda de prensa tras a reunión semanal do seu Goberno se lle parece ben o xiro ao centro de Casado. O presidente galego, tras varias repreguntas, acabou admitindo que por Vox "cambiamos as nosas estratexias e deixamos de ser o que somos", pero atribuíu a vitoria de Sánchez ás "estratexias" do PSOE e do partido de Abascal. "O gran aliado da nova vitoria do PSOE é Vox, non hai ningunha dúbida", di Feijóo, que o considera "un resultado lamentable para a maioría dos españois que non querían que o PSOE gobernase""O gran aliado da nova vitoria do PSOE é Vox, non hai ningunha dúbida", dixo, para engadir que "os dirixentes de Vox sabían o que facían e o que pretendían era trocear o centro dereita e facilitar unha vitoria do PSOE". Similar estratexia atribuíu a Sánchez, do que lembrou as súas intervencións nos debates televisivos "apelando a ese partido [Vox] cando non estaba no debate" ou as súas referencias "ás tres dereitas". Foi, considera Feijóo, unha "gran estratexia con éxito do PSOE" e "un resultado lamentable para a maioría dos españois que non querían que o PSOE gobernase". "En Galicia os 85.000 votos de Vox sen escano conseguiron que o PSOE sexa o partido máis votado, que o PP quede con catro senadores e que Vox non teña nada"Feijóo puxo como exemplo da perda de votos do PP en favor de Abascal que "en Galicia os 85.000 votos de Vox sen escano conseguiron que o PSOE sexa o partido máis votado, que o PP quede con catro senadores e que Vox non teña nada". Ante esa situación apelou a eses votantes dicindo que espera que vexan que para eles é mellor "convivir cos votantes do PP que cos votantes de Falange".Sobre a situación do PP, e malia varias preguntas sobre Casado, Feijóo, limitouse a reiterar a súa consideración de que o seu é "un partido maioritario, fómolo desde a fundación de Fraga e coa refundación de Aznar", e que "cando acertamos na mensaxe das maiorías, obtemos o Goberno".Feijóo salientou que non se pronunciou sobre posibles pactos con Vox tras as municipais, que cualificou como "liga distinta": "cando cheguen falamos"E de cara a posibles pactos con Vox tras as eleccións municipais, Feijóo salientou que "o PP de Galicia non ten en ningún momento un pronunciamento dun pacto a favor de Vox", como si o evidenciou, por exemplo, o candidato popular en Lugo, pero non o descartou de xeito expreso e limitouse a dicir que esa é unha "liga distinta" das xerais e as autonómicas" e que "cando cheguen as municipais falamos".
NOS_52461
800 persoas acudiron ao Pazo de Congresos de Compostela para celebrar o medio século de existencia da UPG, nun acto reivindicativo que insistiu na vixencia do ideario do partido e no que se salientou a necesidade dun nacionalismo forte, co Bloque como referencia
Un acto político -de claro carácter reivindicativo pero no que tamén houbo lugar para as emocións- foi o formato utilizado pola Unión do Povo Galego (UPG) para celebrar o seu cincuenta aniversario, que se cumpre este 25 de Xullo e que festexou no Pazo de Congresos de Compostela, ante uns 800 simpatizantes. Foron moitas as persoas que se subiron ao escenario para tomar a palabra, co secretario xeral da Unión da Mocidade Galega -Xacobe García- como introdutor. A primeira delas foi Alba Castanedo -a militante máis nova- que achegou a visión da mocidade, a seguir de Pura Ferreño que fixo o mesmo desde o mundo labrego. Despois, dirixiuse aos presentes Suso Seixo, líder da CIG, que lembrou a importancia da clase obreira e do marxismo dentro da UPG e arrincou unha enorme ovación ao citar a "Henrique e Miguel, compañeiros de Citröen en folga de fame". Francisco Rodríguez asegurou que "para sobrevivir, Galiza precisa o nacionalismo como un sedento necesita beber" A profesora Pilar García Negro denunciou "a colonización que sofre esta nación" e "a globalización que mata pobos" e considerou "revolucionario" o nacemento da UPG hai cincuenta anos. Pola súa parte, o ex-secretario xeral do partido, Francisco Rodríguez, pediu "non sucumbir á marea confusionista se queremos que Galiza non desapareza". "Para acadar ese obxectivo necesitamos nacionalismo organizado como un sedento precisa beber", engadiu. Así mesmo, Rodríguez pediu "ampliar o movemento nacionalista" -algo que pensa que pasa por fortalecer o BNG- e incorporar ao mesmo a todo o que se mova "en chave de defensa do país". Bautista Nun acto no que tamén estivo o voceiro nacional do Bloque, Xavier Vence, unha das intervencións máis emotivas para @s presentes foi a dun dos fundadores da organización, Bautista Álvarez, que acusou a "aqueles desertores que seica perseguiron a súa liberación persoal pero non a do seu país". "Para unha nación sometida como a nosa non existe democracia nin antes con Franco nin despois coa monarquía", engadiu un dos principais referentes históricos do nacionalismo galego, que tamén dixo que "a descolonización da patria comeza pola descolonización das mentes". Néstor Rego reivindicou aos presentes como "herdeiros de Bóveda, non do Filgueira que se puxo ao servizo dos seus asasinos" Por último, o actual secretario xeral da UPG, Néstor Rego, comezou o seu discurso pedindo un "futuro distinto, de liberdade para a nosa patria". "É preciso rachar coa dependencia para no futuro construír unha sociedade socialista. A República de Galiza non é unha utopía, senón unha absoluta necesidade para o noso país", explicou o dirixente nacionalista, que situou aos que alí estaban como "herdeiros de Alexandre Bóveda, non do Filgueira Valverde que se puxo ao servizo dos seus asasinos".
PRAZA_5887
Tampouco faltan as voces "autorizadas" que dan leccións de democracia, non só insultando os pacíficos manifestantes que na semana pasada saíron ás rúas e prazas para esixir un referendo, senón dicindo (en palabras da "diferida" Cospedal) que "o referendo non é democrático, o democrático é respectar as leis". Un argumento que vale tanto para Cataluña como para o tema do que estamos a falar.
Dicía unha canción dos anos 80 que "non son bos tempos para a lírica", pero neste momento dende logo non corren bos tempos para o xornalismo crítico e obxectivo. Nin tan sequera para as publicacións satíricas como é o caso da revista El Jueves, que de novo viu como a súa portada era secuestrada (aínda que Zarzuela nega calquera presión pola súa parte) dando lugar a dimisións en cadea no seo da revista (e iso a pesar de que segundo un dito popular "Na corte do rei, o bufón é o único que pode dicir a verdade"). Dicía unha canción dos anos 80 que "non son bos tempos para a lírica", pero neste momento dende logo non corren bos tempos para o xornalismo crítico e obxectivo Levamos xa un tempo no que os medios de comunicación de masas (debido en parte á crise que están a sufrir), nuns casos por mendigar os suculentos cartos da publicidade institucional e noutros simplemente por aliñamento ideolóxico, mastigan e presentan a información de tal xeito que os intereses do goberno (e en certa medida os do partido maioritario na oposición) queden ben protexidos e cubertos; mentres que calquera debate ou crítica queda relegada ao xornalismo alternativo de medios como Praza Pública, sen ir máis lonxe e entre outros. O lavado de cara que estamos a ver respecto á monarquía está alcanzado cotas escandalosas O lavado de cara que estamos a ver respecto á monarquía está alcanzado cotas escandalosas. Os medios falan sen cesar de renovación (das institucións do Estado), facendo verdade dunha falacia destinada a calar o debate presente na sociedade sobre o dereito a participar e a decidir a forma da xefatura do Estado español. Non podemos considerar o apoio á Constitución de 1978 como un referendo a favor da monarquía, senón máis ben a favor da democracia Pero neste caso tampouco faltan as voces "autorizadas" que dan leccións de democracia, non só insultando os pacíficos manifestantes que na semana pasada saíron ás rúas e prazas para esixir un referendo, senón dicindo (en palabras da "diferida" Cospedal) que "o referendo non é democrático, o democrático é respectar as leis". Un argumento que vale tanto para Cataluña como para o tema do que estamos a falar. Queren convencernos de que a monarquía como forma da xefatura do Estado foi votada polos cidadáns; de novo outra falacia. Non podemos considerar o apoio á Constitución de 1978 como un referendo a favor da monarquía, senón máis ben a favor da democracia. Pero neste debate tampouco faltan os argumentos do estilo "que barata é a nosa monarquía" con respecto a outras xefaturas do Estado das repúblicas do noso entorno, facendo contas trucadas e trampas ao solitario. Nos últimos días tamén vemos pseudo-enquisas telefónicas cunha mostra de 500 chamadas ou enquisas pretendidamente "serias" que curiosamente amosan datos moi convenientes e falan dun aumento súbito do aprezo pola monarquía tras a abdicación de Juan Carlos I. Parece ser que os resultados das eleccións europeas non só precipitaron certos acontecementos, senón que tamén acrecentaron o medo (nos poderes económicos e políticos) a que a sociedade reclame e escolla máis democracia Pero o debate non é ese, non estamos a falar en base a enquisas de dubidosa validez de monarquía ou república, senón do dereito a decidir, que non só sería un exercicio de verdadeira democracia senón tamén unha base de lexitimidade renovada para o novo rei. Esperemos que non teñamos que asistir a unha nova montaxe de golpe de estado para gañar algunha lexitimidade. Parece ser que os resultados das eleccións europeas non só precipitaron certos acontecementos, senón que tamén acrecentaron o medo (nos poderes económicos e políticos) a que a sociedade reclame e escolla máis democracia e por suposto unha verdadeira renovación das vellas institucións do Estado español herdeiras do réxime franquista. Pero como dicíamos anteriormente, os medios, lonxe de abrir debates, pechan filas bombardeándonos coas bágoas de emoción de Juan Carlos I, ou repartindo bolsas de estudos dunha entidade bancaria, ou os sorrisos dos aínda Príncipes de Asturias en miles e miles de actos, percorrendo a xeografía española. Mentres calan e silencian as que ata hai uns meses foron condutas pouco "exemplares", intentando que vexamos na abdicación un punto e final á corrupta armazón montada pola familia Urdangarín-Borbón. Esa "renovación" parece que alcanza o propio goberno de Rajoy: queren vender o cumprimento dunha tradición medieval como renovación das institucións dun Estado aparentemente democrático. Xa para rematar, lembrar unhas verbas do futuro rei, que a semana pasada falaba de "emprendemento" e "da necesidade de arriscar"; fala un home coa vida asegurada e mantido cos cartos dos cidadáns Xa para rematar, lembrar unhas verbas do futuro rei, que a semana pasada falaba de "emprendemento" e "da necesidade de arriscar"; fala un home coa vida asegurada e mantido cos cartos dos cidadáns. Non sei moi ben de que clase de emprendemento fala; é posible que poidamos coller exemplo da súa irmá e do señor Urdangarín. Pero xa que o Príncipe afirma que "hai que arriscar na vida", quizá debería presentarse a un referendo, e saber por fin se está lexitimado como pensa. "Todos os homes son iguais. A diferenza entre eles non está no seu nacemento, senón na súa virtude" (Voltaire)
PRAZA_9369
A indiferenza ante o cemiterio mediterráneo, onde cada ano morren afogados miles de nenos, mulleres e homes é un grande exemplo. Europa fai un chifre coa escravitude que agroma en Libia, pero ábreselle o peito ante o espanto de Caracas.
A medida que a tráxica farsa sobre Venezuela se estende e gaña adeptos, a medida que aumenta o número e persoas convencidas de que o problema daquel país é que sofre unha ditadura, a medida que a poboación deste país de Europa, cada día máis apirolada, evita pensar o máis mínimo e até traga con que Trump libera Venezuela co apoio das democracias de Europa, pois un prefire volver en parte ao escrito noutros artigos, porque os argumentos están vixentes e porque aforra redactar como novo o que é vello e ao mesmo tempo imprescindíbel.Así que aquí van polo medio un par de cortes e pegues. Pretenden insinuar o grande iceberg oculto. Sinceramente, cansa de deus ouvir tanta borregada con voz firme, como se fose criterio de cidadáns conscientes, escollidos e singulares, cando só balan a información lida en xornais (no mellor dos casos) cuxos propietarios están á espreita para apoderarse do subsolo venezolano, ou teñen parentesco empresarial con eses intereses.En xaneiro de 2014 Leopoldo López anunciou que incendiaría as rúas de Venezuela. Declarouno na presentación de La Salida. "Ante el problema de la terrible crisis, atornillamos al gobierno con violencia" dicía Leopoldo, extremista e guillado. Comparados con estes, Matteo Salvini e Vitor Orban s son socialdemócratas suecos dos anos sesenta, humanistas de Lovaina. Nun documento publicado por Wikileaks, Robin D. Meryer, conselleiro da Embaixada dos EEUU, explicaba as complicacións que causaba López na MUD, a coalición deseñada desde a propia embaixada: "Figura divisora da oposición, arrogante, vingativo e sedento de poder" dicía Robin. Finalmente os ianquis aceptaron ao individuo. Guaidó é do seu partido. Capriles, a opción democrática da oposición, foi abandonado por EEUU e agora di claramente que Guaidó quere usar ao pobo venezolano como carne de canón.Felipe González fora ver a Leopoldo. Para apoiar a democracia, dixera. Naqueles días dedicaba tamén o seu tempo a solicitar favores de xenocidas sudaneses reclamados polo Tribunal Internacional da Haia. Quería lograr unha concesión petroleira de 45.000 quilómetros cadrados (unha Galicia e media) destinada a Star Petroleum, propiedade dos turbios Zandi e Cebrián. É lóxico deducir que na visita a Venezuela estivese situando a mesma petroleira, como agora, ante o imaxinado reparto da piñata, tanto da empresa pública PDVSA como das fabulosas reservas do Orinoco. Sería a comisión da súa vida.Sobre Aznar nada que dicir.O PNV tamén empurra para a guerra civil apoiando a democracia de Guaidó e Trump. Unha canallada dos democristiáns, dos sincerotes de Bilbao. Comprendan. Josu Jon Imaz foi presidente da executiva do partido e agora é conselleiro delegado de Repsol, ademais de católico, químico e especialista en polímeros por Harvard. A petroleira descubriu unha reserva de tal dimensión, que en caso de atrapala, rezaríanlle varios rosarios á Virxe de Begoña, cinco salves á de Aránzazu, e pagarían unha misa en Loyola, que bos son os do PNV cando se poñen con iso. E así toda a Europa do petróleo, a extracción aurífera e os mil minerais, civilizada, democrática.Pilar Rahola, militante sionista per la independència de Catalunya, non ve interese no petróleo, porque os EEUU pronto producirán a moreas e non o dous por cento como agora. Entón para que van querer subsolo venezolano? Son alucines da esquerda radical; en todo caso os interesados serán os chinos. Así que nada, a preocupación de Trump son os dereitos humanos, en contra do que afirma el mesmo nun vídeo que anda por aí. Di que el quere o petróleo, que a ver para que mandou exército a Libia por exemplo. Pero iso en Europa así de directo queda feo dicilo, é mellor que sexa cousa de dereitos e tal. Polo menos até este mes de maio.Vexo por aquí outro escrito de cando os bombardeos de Trípoli: "aos cidadáns europeos dixéronnos que implantarían a democracia e nós crémolo. Libia posuía o nivel de vida máis alto de África".Nós non cremos nada daquela, simplemente foi complicidade, como agora, aprendida durante os séculos nos que Europa dominou o mundo. A complicidade interclasista da dominación colonial.Pódese pensar que o pobo, a cidadanía, a opinión pública ou como se lle queira chamar, se activa por emocións brancas, por sentimentos honestos. Moitas veces faino, abonda con lembrar aquelas manifestacións contra a guerra de Iraq. Pero noutras ocasións as desgrazas alleas, os destinos alleos, as sortes dos demais pobos, importan nunha cantidade inversamente proporcional ao interese propio. A indiferenza ante o cemiterio mediterráneo, onde cada ano morren afogados miles de nenos, mulleres e homes é un grande exemplo. Europa fai un chifre coa escravitude que agroma en Libia, pero ábreselle o peito ante o espanto de Caracas.Unha hipocrisía.
NOS_36379
Nado en Xermade en 1945, Geluco faleceu esta quinta feira aos 68 anos de idade
"Ou hai unha alternativa de esquerdas, ou hai lei e orde e unha alternativa autoritaria". Nestes termos pronunciouse o analista político Anxo Guerreiro, Geluco, nunha das últimas entrevistas que se lle fixeron. Nado en Xermade en 1945, o que foi máximo dirixente do PCE na Galiza, cargo que compaxinou coa dirección xeral de Esquerda Unida desde 1986, finou esta quinta feira na súa casa, o mesmo día en que se fan 77 anos do levantamento fascista de 1936. Geluco tiña 68 anos. Entre 1981 e 1985 foi deputado no Parlamento de Galiza polo PCE. Porén, as súas discrepancias con Julio Anguita levárono a separar a organización galega da federal creando Esquerda de Galicia, organización pola que se presentou ás eleccións galegas de 1997 en coligación do PSdG e foi escollido deputado, cargo no que permaneceu até o 2001. Nese ano, a formación socialista non quixo repetir pacto e Esquerda de Galicia concorreu en solitario aos comicios cun Anxo Guerreiro que se candidataba para presidir a Xunta. Os maos resultados obtidos levárono a demitir. EdG rematou por se disolver en 2002. Como representante do PCG, Guerreiro foi un dos membros da Comisión dos 16 que redactou o Estatuto de Autonomía galego. Xa retirado da política activa, en 2007 foi homenaxeado en Compostela nun acto organizado pola Fundación 10 de Marzo en que se deu conta do seu papel "na loita polas liberdades durante a ditadura e na consecución da autonomía para Galicia". Os últimos anos da súa vida profesional pasounos como analista político en medios como a televisión local de Compostela ou a Radio Galega.
NOS_42049
Carlos de Inglaterra e o presidente do Sinn Féin, Gerry Adams, saudáronse nun acto en Galway (República de Irlanda). Un xesto cun forte simbolismo nunha xornada na que o pasado volveu estar presente.
Gerry Adams confesou nas súas memorias que perdera a conta dos enterros aos que tivo que asistir, non xa como cargo ou presidente do Sinn Féin, senón como familiar, amigo e veciño de persoas mortas pola policía e o exército británico en Irlanda do Norte nos anos dos 'troubles', como se denominaba ese período do conflito británico-irlandés. Un exército no cal Carlos de Inglaterra posúe cargos de gran importancia e forte simbolismo. O príncipe Carlos ten presidido funerais de soldados e policías británicos caídos na 'guerra do Ulster' en accións do IRA ou do INLA. Un conflito que lle tocou especialmente de perto cando o IRA facía voar en 1979 polos aires o iate do seu tío favorito, Louis Francis Albert Victor Nicholas George Mountbatten, I conde Mountbatten de Birmania. Ambos os dous coincidiron esta terza feira nun acto en Galway, na República de Irlanda, nun acto da Universidade. Déronse unha aperta de mans e intercambiaron unhas breves palabras. Foi o primeiro cara a cara entre un dirixente do Sinn Féin e un membro da Familia Real Británica na República de Irlanda desde 1920. "É un paso simbólico e práctico a prol do proceso de reconciliación e de paz", explicou Gerry Adams, nunhas declaracións recollidas por An Poblacht.. O País do pasado sempre presente O poeta Seamus Heaney dicía que ninguén sabía odiar como os irlandeses, porque para eles o pasado de humillación, opresión e colonización estaba sempre presente. Dicíao con orgullo irlandés. A visita do Príncipe Carlos volveu unir pasado e presente en Irlanda do Norte. Carlos de Inglaterra é coronel en xefe do rexemento de Paracaidistas do Exército británico. Un destacamento odiado por non poucos irlandeses ao nivel dos brutais 'Black and Tans' dos anos 20 – para-militares adicados a unha guerra suxa contra o nacionalismo- ou de Oliver Cromwell -conquistou Irlanda en 1649 a sangue e lume-. Foron os rexementos de paracaidistas os que causaron a masacre coñecida como 'Bloody Sunday', cando asasinaron a 14 civís desarmados en Derry. Foron tamén, uns poucos meses despois, os que repetiron idéntica masacre en Belfast, matando 11 civís, na coñecida como 'Masacre de Ballymurphy'. Familiares das vítimas concentráronse contra a visita de Carlos de Inglaterra, nun acto que contou coa presenza do Sinn Féin, que asegurou que apoiará sempre estas familias na loita "para que se faga xustiza". Entre estes, os familiares, houbo tamén voces que recriminaron o xesto de Adams co Príncipe Carlos.
NOS_19092
"Descansaron toda a responsabilidade no Ministerio, tanto en tema de prevención de riscos e ausencia dun protocolo que por lei só lle corresponde á Consellaría, como no 'que facer' a partir de agora", sinala Suso Bermello.
A CIG-Ensino participou nunha reunión entre a Consellaría de Educación e os sindicatos e ANPAs galegas que, segundo as súas conclusións, foi máis ben unha "comparecencia informativa" da conselleira, Carmen Pomar, na que nin se mencionou o motivo da xuntanza: "a posición da Consellaría ao respecto do final deste curso e o comezo do seguinte". "Descansaron toda a responsabilidade no Ministerio, tanto en tema de prevención de riscos e ausencia dun protocolo que por lei, non o esquezamos, só lle corresponde á Consellaría, como no 'que facer' a partir de agora", critican desde o sindicato maioritario no ensino galego, para evidenciar a "comodidade" na que está instalado o Goberno galego a respecto das afectacións no ensino pola pandemia da COVID-19. "Desde o inicio do estado de alarma vimos á Xunta moi cómoda cunha actitude de brazos cruzados agardando a que o Goberno central lle ditara instrucións e despois empregalas ou criticalas segundo lle conveña electoralmente ao Partido Popular", engadiu Bermello. O secretario nacional da CIG-Ensino, Suso Bermello, salientou que a actuación do departamento de Pomar estivo "centrada na improvisación e nos incumprimentos normativos" e incidiu na "vulneración da Lei de Prevención de Riscos Laborais" que obrigou o sindicato a presentar denuncia ante a Inspección de Traballo polas "recomendacións sanitarias" ditadas por Educación antes da apertura dos centros para a xestión da admisión do alumnado. "Risco innecesario" "O desconfinamento educativo a finais deste curso fai saltar todas as alarmas desde o punto de vista dos riscos para a saúde pública que tería a volta de determinados grupos de alumnado ás aulas", explicou Bermello, que xa cualificou como "inviábel" a volta ás aulas con condicións sanitarias de seguridade este curso. "Sería correr un risco innecesario por tan pouco tempo de ensino presencial e nin sequera para todo o grupo, senón só para uns poucos", indicou, para insistir en que o papel da escola "non pode ser asistencial" e que se terán que habilitar medidas de conciliación da vida familiar e laboral, así como permisos retribuídos que lle permitan ás familias atender o coidado das crianzas. Neste sentido, a CIG-Ensino só entende que "puntualmente", mediante quendas ou titorías individualizadas, se poidan artellar fórmulas de ensino presencial para alumnado de 2º de Bacharelato ou 2º de ciclos formativos "sempre que se vexa necesaria esta presenza para complementar a preparación das probas de acceso á universiade, as ABAU. "Exercer as competencias" Suso Bermello trasladou á conselleira as dúbidas e queixas do profesorado a respecto das instruccións enviadas desde Educación para o desenvolvemento deste terceiro trimestre. "De novo atópanse criterios contraditorios nesas instrucións que o que si que fan claramente é aumentar a burocracia e o papeleo inútil, así como o control por parte da inspección que, unha vez máis, detraen un tempo valioso que podería empregar o colectivo docente en preparar as clases a distancia", di o secretario nacional. "O estado de alarma vai rematar e a Xunta ten que exercer as súas competencias plenas en materia educativa", evidenciou. "Estase perdendo un tempo moi valioso en aproveitar estes meses para debater, achegar ideas e propostas para deseñar o inicio e quen sabe se o desenvolvemento de todo o próximo curso académico". CIG-Ensino solicita recursos públicos para "incrementar a contratación de profesorado, adaptar espazos existentes ou habilitar outros novos, diminuír as ratios nas aulas para cumprir as distancias de seguridade, reordenar servizos de comedor ou transporte escolar e afrontar a posibilidade de combinar ensinanza presencial e a distancia".
PRAZA_7870
Centos de persoas manifestáronse en Ourense, Pontevedra e Narón, uníndose ás marchas do resto do Estado. En Vigo, unha protesta advirte da merma de calidade asistencial de Povisa e a precarización das condicións laborais.
Centos de persoas, entre profesionais sanitarios e cidadáns, concentráronse na mañá deste domingo en Ourense, Pontevedra e Narón para protestar contra a privatización da sanidade pública, uníndose así á Marea Branca que saíu ás rúas de varias cidades do Estado a prol dun sistema sanitario público. En Narón reclamouse un novo centro de saúde para a localidade En todas as marchas, e convocados pola plataforma SOS Sanidade Pública, coincidiuse en criticar os continuos recortes na sanidade pública. Por exemplo, na concentración de Narón, onde se reclamou un novo centro de saúde para unha localidade de 40.000 habitantes e onde os servizos sanitarios son considerados escasos polos manifestantes e os colectivos implicados. En Ourense, os asistentes quéixanse tamén polos peches en Piñor e Toén, así como polo financiamento e a xestión privada que está prevista para os novos centros da cidade. As marchas galegas uníronse ás do Estado, que foron masivas en Barcelona e en Madrid A través de consignas ou comunicados, en todas as concentracións censuráronse as "políticas neoliberais" aplicadas polo PP en Sanidade, e reivindicouse a saúde como un dereito "e non como un negocio", tamén na marcha convocada en Pontevedra, na praza da Peregrina. Mentres, en máis de 15 cidades de toda España volveron verse milleiros de batas brancas en contra dos plans de privatización da xestión de hostipais e centros sanitarios, especialmente en Madrid, onde a marcha foi multitudinaria. "Menos Eurovegas e máis enfermeiras; menso asesores e máis doutores", foron algúns dos cánticos da manifestación na capital do Estado, que tivo a súa réplica en Barcelona, onde tamén foron miles os que saíron á rúa. "Povisa culpable, Sergas responsable" Ademais, o comité de Povisa logrou reunir este domingo centos de vigueses nunha manifestación contra a merma da calidade asistencial do hospital privado e a precarización das condicións laborais do cadro de persoal. Os manifestantes responsabilizan directamente o Sergas, que mantén un convenio sufragado con fondos públicos co centro hospitalario sen controlar en que se investen, e "mira para outro lado" no tocante aos dereitos do persoal, tal e como denuncia a CIG. A manifestación que percorreu a rúa Urzáiz até o edificio administrativo da Xunta en Vigo demostrou o apoio social ás demandas por unha maior calidade asistencial e contra a precariedade laboral formuladas polo comité. Ao berro de "a saúde non é un negocio" ou "Povisa culpable, Sergas responsable" continuaron coa vaga de mobilizacións, coas que pretenden sensibilizar á cidadanía e presionar tanto á empresa como á administración. Ademais, os traballadores aseguran que a dirección do Hospital está a amezar con sancións á portavoz da CIG e do comité de empresa se non retira unhas declaracións na prensa onde denuncia a situación de precarización e merma asistencial.
NOS_46548
Esta e outras frases de contido vexatorio e racista terían sido pronunciadas polos axentes da policía española de Tarifa após a detención de B.G. e J.M.R.G., veciñ@s da Coruña acusad@s de transportaren 500 gramos de hachís.
"Te voy a partir la cara a hostias, a ti, puta perra mora de mierda" ou "Gallego de mierda, me cago en tus muertos, en tu madre, en tu sangre... tu mujer y tú os vais a cagar por la pata abajo". Son algúns dos insultos e comentarios racistas que terían recibido B.G. e J.M.R.G. na escuadra policial (comisaría) de Tarifa, onde foron detid@s e acusad@s de transportaren 500 gramos de hachís. Veciñ@s da Coruña, B.G. e J.M.R.G. presentaron denuncia polo trato dispensado polos axentes da policía española encargados de custodiar a súa estadía nos calabozos. Segundo o parte da denuncia, ao cal tivo acceso Sermos Galiza, non se lles proporcionou nin almorzo nin xantar e ficaron pechados en senllas celas máis de doce horas --desde as 23.30h até as 12.30h--. Ao día seguinte, os axentes decidiron "de maneira arbitraria" deixar de lle subministrar a B.G. o tratamento prescrito pol@s facultativ@s dun centro hospitalario, nomeadamente laxantes para facilitar a expulsión das substancias estupefacientes que inxerira. Flexións espido, comentarios racistas e fractura dunha costela Após obrigar J.M.R.G. a se espir e facer flexións, foron transladad@s a dependencias policiais de Alxeciras: sen colchoneta nen manta na cama, nunha cela anegada, sen papel hixiénico, sen xabrón e sen auga nin para a medicación, obrigándo@s a beber directamente do retrete, sempre segundo os feitos que el@s propi@s denunciaron. Aliás, describiron como unha compañeira de cela de B.G. que pediu autorización para ir ao baño recibiu como resposta un "te voy a partir la cara a hostias, a ti, puta perra mora de mierda". O home, J.M.R.G., dixo ter sido vítima das agresións propinadas por cinco axentes e precisou atención hospitalaria mais, tal e como sinalou, a policía incautou o parte de lesións. Xa na Galiza, foi atendido no servizo de urxencias no complexo hospitalario da Coruña. O informe da alta sinala como causa probábel das dores que relatou unha "fractura da quinta costela esquerda". O caso, denunciado por Esculca, está xa en mans do xulgado nº2 de Alxeciras.
NOS_12834
A grande surpresa da esquerda non acabou de callar. O candidato da Franza Insubmisa, Jean-Luc Mélenchon, desmarcouse este domingo de Fillon e de Hamon -os cartaces do derrotado bipartidismo- e non pareceu moi entusiasmado coa hipótese de engrosar o consenso republicano para frear a ultra Le Pen. Será a militancia nunha consulta a que decida que facer na segunda volta do 7 de maio.
Mélenchon obtivo un excelente resultado -19,62 por cento, apenas unhas décimas por debaixo de Fillon- mais ficou un chisco aquén das expectativas criadas na última semana da campaña, cando mesmo se especulou coa hipótese de que fose meter a cabeza na segunda volta da contenda. El propio deu a impresión de dixerir mal os resultados na noite eleitoral. "O resultado non é o que esperabamos", dixo. Baixo o seu ponto de vista, quen si está satisfeito é o establishment e o que el chama os "mediácratas", isto é, os poderosos que se agachan tras o dominio dos meios de comunicación. "Nada é tan belo para eles" -dixo en alusión a oligarcas e mediácratas- "como unha segunda volta entre dous candidatos que queren prolongar as institucións actuais, que non expresan ningunha conciencia ecolóxica e que pensan bater contra os logros sociais máis elementais". Mélenchon rompeu co Partido Socialista en 2008 para fundar un partido á súa esquerda, un pouco na esteira do feito por Oskar Lafontein en Alemaña. En 2012 xa foi candidato ás presidenciais e obtivo un estimábel 11,1 por cento. A súa campaña foi crítica coa Unión Europea -mais non ao ponto de se colocar na posición do Frexit-, demandou a saída do país da OTAN e se apresentou como o auténtico socialista, para se desmarcar dos seus ex correlixionarios, aos que tilda de social-liberais. Son tamén coñecidas as súas manifestacións contrarias á condición de Franza como un Estado plurinacional e plurilingüe, na máis pura tradición xacobina. Durante a campaña, recebeu o apoio de Podemos, coa presenza no mitin final de Pablo Iglesias e Antón-Gómez Reino, portavoz de En Marea no Congreso. Primeira volta das presidenciais francesas. Estimación de resultados. Create column charts
NOS_24082
Os pacientes hospitalizados pola Covid-19 descenden a 624 no conxunto da Galiza, que supoñen 29 menos que o día anterior, así como os casos activos, que baixan a 34.139 (1.966), mentres que os novos contaxios aumentan lixeiramente a 2.436 (137 máis).
Segundo os datos actualizados pola Consellaría de Sanidade esta cuarta feira, con rexistros até as 18 horas da terza, descenden a 37 as persoas hospitalizadas pola Covid-19 en UCI na Galiza (cinco menos que na xornada anterior) e a 587 as ingresadas en unidades convencionais (-24), mentres que 33.515 pacientes atópanse en seguimento no seu domicilio. Hai unha semana había 694 hospitalizados. Por áreas sanitarias, a presión hospitalaria alíviase en catro das sete: Ourense, A Coruña-Cee, Lugo-A Mariña-Monforte e Pontevedra-O Salnés; mentres que aumenta nas outras tres: Vigo, Compostela-O Barbanza e Ferrol. En concreto, na de Ourense mantense cinco pacientes Covid en UCI e baixan a 93 os ingresados noutras unidades (-13), mentres que na da Coruña caen a nove os críticos (-3) e a 149 os ingresados noutras unidades (-7). Na área de Lugo queda un en UCI (-1) e baixan a 49 os hospitalizados noutras unidades pola Covid (-12); mentres que na de Pontevedra descenden a cinco en críticos (-1) e a 93 os ingresados noutras unidades (-8). Pola contra, na de Vigo soben a nove os pacientes Covid en UCI (+1) e a 76 os hospitalizados noutras unidades (+2); mentres que na de Compostela fican sete en críticos e aumentan a 90 os doutras unidades (+13). E na área sanitaria de Ferrol mantense un paciente ingresado pola Covid-19 en UCI e soben a 37 os hospitalizados noutras unidades (+1). Os casos activos seguen a minguar A tendencia descendente dos casos activos de Covid-19 mantense nesta sexta vaga e redúcense a 34.139, que implican 1.966 menos que a xornada anterior, ao haber máis altas (4.398) que contaxios (2.436), aos que se engaden varios falecementos. A pasada cuarta feira había 49.376 infeccións activas. Os casos activos redúcense de novo nas sete áreas sanitarias, coa de Vigo á cabeza (-536), seguida da da Coruña (-395), Compostela (-277), Pontevedra (-245), Lugo (-216), Ourense (-196) e Ferrol (-92). Por tanto, con máis casos activos fica a área coruñesa, con 7.557; seguida de Vigo, con 7.336; Compostela, con 6.030; Pontevedra, con 3.818; Ourense, con 3.648; Lugo, con 3.601, e Ferrol, con 1.751. Aliás, segundo o último informe actualizado este 15 de febreiro polo Ministerio de Sanidade, a incidencia acumulada a 14 días na Galiza cae de novo até os 1.790,5 casos por cada 100.000 habitantes, mentres que a media estatal baixa a 1.142. Suba lixeira dos novos positivos Pola súa parte, os novos contaxios de Covid-19 increméntanse lixeiramente a 2.436, que supoñen 137 máis que os 2.299 desta terza feira, após iniciar a semana con 1.652. No entanto, mantense por baixo dos 3.195 rexistrados hai unha semana, a cuarta feira 9 de febreiro. Na xornada pasada practicáronse outras 5.104 PCR, que elevan a 3.649.395 as probas feitas desde o inicio da pandemia na Galiza, e 4.470 test de antíxenos, que suman 1.486.497 en todo o país, o que constitúe 9.574 entre ambas as dúas, 1.844 máis que as feitas o día anterior. A taxa de positividade —número de PCR positivas por cada cen realizadas— aumenta lixeiramente a 13,1%, após baixar a 12,6% esta terza logo de comezar esta semana en 14,3%, polo que continúa por riba do limiar de 5% que marca a OMS para dar por controlada a pandemia. Persoas falecidas e curadas As persoas falecidas pola Covid-19 desde o inicio da pandemia ascenden na Galiza a 3.056, após notificar este mércores a Consellería de Sanidade outros cinco óbitos, todos con patoloxías previas. En concreto, un dos falecementos comunicados produciuse o pasado 13 de febreiro e correspondeu a un home de 64 anos na área sanitaria de Lugo. Os outros catro rexistráronse o 14 de febreiro: un home de 84 anos e unha muller de 58 na área sanitaria da Coruña; unha muller de 84 anos na de Compostela e outra de 73 anos na de Ourense. Pola súa parte, curáronse da Covid-19 desde o inicio desta pandemia 441.001 persoas, tras recibir o alta 4.398 na última xornada no conxunto da Galiza.
PRAZA_20268
Agris (Friol), Icos (Chantada), Cogasar (Sarria), Coelplan (Becerreá) e Leira (Paradela), xunto coa fábrica de pensos Aira (Taboada), acordan formar unha cooperativa de primeiro grao
Outra nova unión de cooperativas en Galicia. Agris (Friol), Icos (Chantada), Cogasar (Sarria), Coelplan (Becerreá) e Leira (Paradela), xunto coa fábrica de pensos Aira (Taboada), da que todas forman parte, acordaron promover a súa fusión como unha única cooperativa de primeiro grao. De confirmarse a unión, suporía a creación dun dos maiores grupos cooperativistas de Galicia, agrupando 2.800 explotacións gandeiras da provincia lucense, alcanzando os 93 millóns de euros anuais de cifra de negocio e a xeración de 220 empregos. Agris (Friol), Icos (Chantada), Cogasar (Sarria), Coelplan (Becerreá) e Leira (Paradela), xunto coa fábrica de pensos Aira (Taboada), acordan formar unha cooperativa de primeiro grao Esa é a intención, aínda que a decisión final acordada nos consellos reitores dependerá agora de que os socios de cada cooperativa ratifiquen a decisión nas asembleas xerais que en todas elas se celebrarán antes de que remate este mes de xuño. Será o vindeiro día 30 cando se confirme a operación e, en todo caso, se algunha das implicadas queda fóra. Desde esta semana e ata esa data límite cada unha das empresas informará os seus socios e empregados do proxecto. As seis sociedades teñen previsto fusionarse nunha única -que levará o nome de Aira- cuxa produción de leite acumulada superaría os 310 millóns de litros anuais repartidos entre 1.100 explotacións. Ademais, sumaría a fabricación de 200.000 toneladas de pensos e mesturas que distribúe a máis de 2.100 explotacións e uns activos de máis de 43 millóns. A fusión suporía crear un dos maiores grupos cooperativistas de Galicia, agrupando 2.800 explotacións gandeiras da provincia lucense As vendas e servizos conxuntos arroxan unha cifra de negocio de 93 millóns de euros para os que a sociedade conta cuns activos de máis de 43 millóns de euros. O plan de negocio prevé para os tres primeiros anos un incremento superior ao 10% cun investimento anual de máis de 2 millóns de euros. Tal e como explican as seis cooperativas, a idea da integración xurdiu xa hai máis dun ano cando as empresas que integran Aire foron "conscientes de estar a desenvolver actividades e cumprindo obxectivos comúns". De aí pasouse a realizar un estudo formal sobre a viabilidade desta posible fusión. "Os resultados foron tan elocuentes que a engrenaxe comezou a moverse nesa dirección ata lograr o compromiso asinado de traballar nesa dirección a condición de que as respectivas asembleas corroboren esta postura favorable", aclaran. Como obxectivo fundamental, as seis empresas apostan por "valorizar a produción dos socios, apostando pola integración comercial e industrial láctea desenvolvendo unha oferta diferenciada e de valor engadido en leite desde o impulso á comercialización e transformación da produción". Apostan por comrpometerse coa súa base social para "reforzar a sensación de peretenza e propiedade da entidade" e garantir a "sustentabilidade" do conxunto meloorando a xestión e eficiencia e optimizando recursos. Alén disto, prevén un "impulso comecial", apostando por unha maior e mellor xestión comercial e de márketing, ademais de integrar servizos profesionais agrarios, mellorar a distribución ou espallar os servizos de valor engadido. As principais actividades desenvolvidas polas cooperativas están vinculadas aos subsectores gandeiros de leite e carne; as subministracións; os servizos de veterinaria, maquinaria, loxística, carburantes, de comercialización ou asesoramento. En canto ao seu ámbito de actuación, abrangue as catro provincias galegos, pero ten especial incidencia nas zonas centro e sur da de Lugo e parte da noroeste de Pontevedra. Esta nova unión de cooperativas no sector agrogandeiro galego chega medio ano despois de que Feiraco, Irmandiños e Melisanto confirmasen a súa unión nunha cooperativa de segundo grao que prevé ir xuntando máis entidades. Neste caso, a previsible ratificación de todas as empresas implicadas acabara coa negativa de Xallas.
NOS_46750
As entidades que representan o colectivo de socorristas alertan da falla de efectivos e de servizos eficaces.
Ás portas do inicio da campaña de verán na praias de Galiza, as entidades que representan ao colectivo de socorristas alertan de que nin son suficientes os efectivos, nin se deseñan os servizos con criterios de eficacia, e denuncian unha tendencia crecente á súa privatización. A presidenta da Federación de Salvamento e Socorrismo de Galiza (Fessga), Nuria Rodríguez, recoñece que un dos principais problemas deste colectivo é que "non está regulado" profesionalmente. "Aínda que a Xunta regula a formación, non hai convenio colectivo nin unha norma que indique os criterios xerais de funcionamento, a duración da campaña, os efectivos ou recursos técnicos necesarios en cada lugar", lamenta. Nesta situación, os concellos pequenos, que non teñen capacidade para contratar o servizo cos seus propios fondos, non poden planificar adecuadamente a atención nos areais do litoral e praias fluviais. Así, dependen da subvención que o Goberno galego outorga cada ano para poder contratar aos profesionais e, de feito, "a día de hoxe, aínda non saben cando e canto van recibir", denuncia. Ademais, a presidenta de Fessga afirma que a Administración conseguiu "que esta profesión non sexa motivante", xa que para ser contratado con cargo á subvención da Xunta "tes que estar no paro, e logo traballas só dous meses", criticou. Isto provoca que se hai uns anos as persoas candidatas superaban o número de prazas ofertadas, agora "hai que buscar as socorristas até debaixo das pedras". Tendencia á privatización Pola súa banda, o presidente da Asociación de Socorristas Profesionais do Morrazo, Mauro Bernárdez, explica que, aínda que se ha avanzando en ámbitos como a formación, a falta de regulación profesional ou dun plan de xestión integral, provoca a tendencia á privatización dun servizo "que tería que ser público". "O ideal sería crear servizos integrais, como parte dos servizos de emerxencias que funcionan todo o ano, pero é moi difícil, porque a Administración non ten capacidade para asumir isto", lamenta. Precisamente, a ausencia dun marco estábel e definido para este servizo leva a que os municipios contraten "moitas veces con criterios equivocados", critica, e máis que aterse a cuestións "como as bandeiras azuis" ou o número de areais, debe decidirse con criterios de "optimización e eficiencia". Nese senso, explica que deberían ter deseñado un "dispositivo de riscos previsíbeis" para as campañas de verán nas praias, dado que as entidades locais teñen a obriga de manter a seguridade nos seus areais e zonas de baño acoutadas, "pero non todos o fan", admite. Auxiliar de socorrista Segundo apuntan as organizacións do sector, a Administración galega está a preparar un decreto para axilizar a contratación deste persoal por parte dos concellos e regular a formación e o desempeño do mesmo, que contempla a creación da figura de 'auxiliar' de socorrista. Dita figura foi recibida con receo por parte dos colectivos profesionais. Así, a presidenta de Fessga cuestiona a súa eficacia como complemento das tarefas de socorrismo e salvamento, dado que "non pode rescatar nin facer curas", mentres que Mauro Bernárdez precisa que "se creou esa figura sen acordar" e, aínda que non a critica abertamente, pediu que se garanta "que non haberá intrusismo profesional".
PRAZA_11814
Unha ducia de escritores de todo o Estado, entre eles os galegos Xiana Arias, Daniel Salgado e Alberto Lema, participan nunha acción de creación colectiva de textos literarios de intervención política
A literatura non só serve para chamar ao sono antes de durmir. A palabra pode mobilizar, retar, falar do cotián e poñelo en cuestión. Asalto é un proceso de creación colectiva, un experimento de escrita colectiva "que actúe como punto de apoio ou panca na organización do descontento". Polo momento, o texto colectivo de Asalto contén achegas de Xiana Arias, Elena Cabrera, Natalia Carrero, Colectivo Todoazen, Roberto Enríquez, Belén Gopegui, Alberto Lema, Antonio Martín, Guillem Martínez, Elvira Navarro, Eider Rodríguez, Daniel Salgado, Gonzalo Torné ou Nacho Vegas. Nace como facción de Robo, o proxecto musical promovido hai uns meses por Roberto Herreros (Grande-Marlaska, Ladinamo), Karlos Osinaga (Lisabö, Bidehuts) e Joseba Irazoki (Atom Rhumba) co obxectivo, igualmente, de realizar unha creación colectiva e afondar nos temas máis pegados ao real, aos temas urxentes e á crítica política, para "poner en común la frustración y convertirla en energía política". Á iniciativa sumáronse, entre outros, Nacho Vegas ou Tarántula, até un total de 14 temas, aos que se sumarán achegas de Grupo de Expertos Solynieve, Anari, Los Carradine, Albert Pla & Pascal Comelade, Fernando Alfaro ou Cohete. Para os promotores de Asalto, "a literatura pode xogar un papel que non sexa dócil nin comercial. Se quere, pode intervir nesa relación individuo-sociedade, aínda que só sexa comezando por instar ao lector a preguntarse por algo tan normal coma as chaves da súa casa". Para Asalto, a literatura "non constrúe espazos senón formas de enfrontarse aos espazos, pero a resistencia está na pel, por iso a resistencia non é abonda. Asalto espera dar pasos que vaian máis aló dos textos, ou ben que os textos inciten a outras persoas e colectivos a dar eses pasos". Pedímoslle aos tres autores galegos que participan na acción -Alberto Lema, Xiana Arias e Daniel Salgado- que reflexionasen sobre a escrita política, a función social da literatura e a súa ligazón coa forma e o estilo. Por que motivo segue resultando tan rechamante a inclusión da política nun texto literario -coma o 'pistoletazo no medio dun concerto' que citaba Belén Gopegui-? Alberto Lema (A.L.): Non existe un discurso inocente e apolítico por unha parte, e outro consciente e político pola outra. Son todos igualmente impuros e politicamente marcados. O texto "político" o único que fai é amosar a mentira do "discurso non politico". Isto non lle outorga ningún tipo de superioridade,simplemente o que non vai é de casto. Xiana Arias (X.A.): Eu non sei se rechamante é a palabra. A min preocúpame escribir para hoxe. Ser quen de retratar estes tempos en que a violencia reina, que as palabras dean coa caída, coas contradicións, coa ferida e o pistoletazo. Que acusen á desclasada e atendan a obscenidade e o adormecemento do lecer capitalista do que tamén formo parte. Levo unha semana escoitando case todas as tardes o disco 69 love songs de The Magnetic Fields pero non me vou poñer a escribir unha fermosa e fantasiosa historia de amor na que ninguén se sinta atacada ou cuestionada e construírlle un discurso sobre a importancia de que todas soñemos en días sombríos. Para min é importante armarse, facer fronte, organizarse tamén literariamente. Daniel Salgado (D.S.): A quen lle resulta rechamante? A literatura política existe: os artigos en La Voz de Xosé Carlos Caneiro e a súa a prosa campanuda empaquetada como novelas, a música de Einsturzende Neubauten, os poemas de exaltación do capitalismo serodio que compón Agustín Fernández Mallo, os textos que debaten os candidatos do PSdeG a ocupar San Caetano, o dúo cómico Méndez-Toxo, os Diarios de Traballo de Bertolt Brecht, a idea dun nacionalismo de dereitas, a oda Luz Pozo a Fraga Iribarne. A min non me chama a atención "a inclusión da política nun texto literario". En absoluto. A superación desa prohibición implícita (a creación de textos literarios políticos) vai máis aló da disxuntiva realismo/costumismo/naturalismo vs. outras tradicións menos apegadas en aparencia ao real? Ten que ver coa posta en cuestión duns determinados valores? A.L.: Para min, a oposición entre realismo e vangarda non existe. Porén, si existe unha oposición entre realismo e costumismo e entre o vangardista e o canónico. Sobre a cuestión dos valores, é máis difícil atopar boa literatura pedagóxica que boa literatura antipedagóxica: aí están os exemplos de Nabokov, Celine ou Sade, por citar só tres casos. X.A.: Non creo que en Galiza haxa hoxe esa prohibición implícita. É unha escolla, tanto por parte de quen escribe coma de quen le. Mesmo como se edita. Logo como constrúas a historia é outra cousa. En Asalto hai textos moi diferentes. Amais, e por recitar o obvio, de que estamos falando con "textos literarios políticos"? Porque tamén os escriben "os outros". D.S.: En relación coa primeira pregunta, non creo que houbese ningunha prohibición -nin implícita nin explícita- de "crear textos literarios políticos". O que había era unha hexemonía brutal da reacción e da dereita –que só agora, de maneira tímida, contraditoria e precaria comeza a fender- e que, por suposto, aparecía tamén na literatura. Non ten nada que ver con procedementos estéticos. A literatura constrúe espazos de resistencia. É iso abondo? A.L.: A literatura como resistencia é un placebo coa que algúns escritores tratamos de aliviar a nosa irrelevancia. A literatura, nalgúns casos, pode apostar pola utopía, unha ficción na que se consolar do inferno realmente existente. X.A: Abondo para que? Para resistir ao fascismo? Para soster a educación pública, a sanidade pública, o dereito a vivenda...? Para conversar coa traballadora do Inem cando che comenta que o mellor que podes facer é marchar da Galiza? Para parar a incineradora do Irixo? A literatura é literatura. D.S.: Non sei exactamente que significa "construír espazos de resistencia". A literatura tropeza coas ideas de quen a le. E non, non é abondo. Abondo, ou polo menos o comezo do abondo, sería unha folga xeral indefeinida en toda Europa. Iso tamén é literatura. O sistema fai crac, e moitas persoas tamén fan crac por dentro. Que papel xoga a literatura nesa dialéctica exterior-interior, colectivo-individual? A.L.: Como dicía Aristóteles, o home é un animal social, é dicir, non hai home sen sociedade. Xa que logo, non me interesan máis males que os esóxenos, os derivados de ser un animal social. Nin tan sequera estou seguro de que existan males interiores. X.A.: Non sei. A min interésame a escrita colectiva polo que apunta a presentación desta facción literaria da fundación robo, para que "conten máis os textos que os nomes", para xerar ruído, furia necesaria, para mobilizar as palabras, converter esa "frustración colectiva en enerxía política". E aí está tamén o interior roto e rabioso de cada individua que decide apostar pola unión de forzas, por disolverse en Asalto. D.S.: O sistema fai crac? Estamos seguros? Onde? Sempre podes arrebolar unha edición de A vida (instrucións de uso) contra os antidisturbios, agora que Perec está de moda. O proxecto Asalto Podes escoitar as cancións de Robo en esunrobo.bandcamp.com
NOS_2657
A presenza, tres días após gañar as eleccións, do presidente en funcións da Xunta no programa da TVG rexistrou un 27% de share e foi TT nas redes sociais. Foi alabado por Julio Iglesias, aturou brincadeiras sobre narcos e recoñece que non ve 'Luar'.
Núñez Feijóo participou en 'Land Rober', o 'late night' autóctono que conduce Roberto Vilar e emite a TVG na noite das cuartas feiras. Algo que nunca se deu na canle galega, a presenza dun político nun programa, por dicilo así, de entretemento. Unha imaxe que, desde hai uns anos, si que é máis habitual no resto do Estado, onde os políticos de todos os partidos devecen por saír en 'El Hormiguero' ou no programa de Ana Rosa. 'Land Rober' tivo un 27% do share e foi TT nas redes sociais. Ou sexa, un exitazo mediático para un programa que xa xerara moita espectación nos días anteriores. Como? Que Feijóo non ve @luartvg? #LandRoberFeijóo pic.twitter.com/WwDQBJnrQg— TVG (@TVGalicia) 28 setembro 2016 Feijóo, que entrou no plató entre uns aplausos e ovacións que nin unha estrela de rock, comezou falando precisamente diso, de rock. Recoñeceu ser máis fan de Supertramp e da Creedence Clearwater Revival que de Pimpinela. Desvelou como coñeceu a súa compañeira, "nunha viaxe en avión", e falou da súa época de universitario, estudando dereito con José Blanco, ex-ministro e eurodeputado do PSOE. Comezou algo nervioso e, por momentos, fóra de sitio. Como un birrete nun lugar de boinas. Un dato clarificador foi que o presidente non recoñeceu Luís Zahera nin sabía quen era. O actor que fixo parte de series emblemática da TVG, Mareas Vivas ou Matalobos, e que ten protagonizado un bo feixe de filmes (algúns tan premiados como Celda 211) é un total descoñecido para o presidente dos galegos. Un Feijóo que tampouco sabía quen era Tony Lomba, mais neste pecado xa levou a penitencia ao aturar estoicamente a canción que para el interpretou, con algún que outro dardo, o vigués. Que papeleta ía no sobre de Feijóo nas eleccións do 82? #LandRoberFeijóo pic.twitter.com/pAXM9WRYLR— TVG (@TVGalicia) 28 setembro 2016 Non ve 'Luar' O presidente en funcións posicionouse claramente na trincheira dos 'birretes' ao asegurar que non vía 'Luar', o programa decano da TVG. Aproveitouno Zahera para espetarlle "en Galiza é ver 'Luar' e votar o PP, é a cousa así". Outro momento foi a entrada telefónica de Julio Iglesias desde Punta Cana. O cantante desfíxose en eloxios a Feijóo a quen chamou "campeón de España" e parabenizou reiteradamente polo triunfo electoral. A conversa tivo premio e Julio Iglesias comprometeuse a acudir ao 'late night' da TVG. Feijóo é do PP? Nun dos gags da noite sentaron o presidente en funcións nunha mesa electoral, como se fose un vogal da mesma. Unha monxa ficticia que acudía a votar queixábase de que houbese papeletas do BNG, En Marea, PSOE e Feijóo mais non do PP, unha referenza á ocultación das siglas populares na campaña do presidente en funcións. Feijóo saíu do paso cunha anécdota: un compañeiro comentoulle que nun reparto de propaganda electoral unha muller, ante a foto de Feijóo, díxolle que esa persoa lle caía ben mais que ela ía votar polo PP Narcos Outro dos momentos da noite foi cando lle preguntaron a Feijóo que series lle gustaban. "A á oeste da Casa Branca", respondeu o mandatario. Rápido no retruque, Roberto Vilar respondeulle: "Pensei que me ía dicir 'Narcos', entón xa me ía tirar polo chan". A sombra de Marcial Dorado é alongada, si, mais non se concretou no programa. Non faltou o 'momento foto', un Feijóo sentado na cadeira de 'Xogo de Tronos', unha imaxe que axiña percorreu as redes sociais, onde algún lle lembraban o breve reino na serie de quen senta aí. A serie preferida de Iglesias, por certo, non de Julio senón de Pablo. "Agardamos máis políticos" Finalizado o programa, Roberto Vilar escribiu no seu twitter: "Agardamos que moitos máis políticos veñan aquí pintar a mona con nós". Veremos Villares, Leiceaga e Pontón pasar por ese plató?
NOS_37852
O ministerio de Agricultura presenta a ao sector un borrador con propostas e consellos que decepcionan os produtores.
A cimeira do sector lácteo que tivo lugar no Ministerio de Agricultura e se prolongou durante 3 horas acabou sen resultados convincentes para as e os gandeiros galegos, que antes do inicio da mesma reiteraran que agardaban do goberno español un compromiso firme de cara á fixar prezos mínimos para o leite que axudase a capear a forte crise que atravesan. Mais o Ministerio descartou adoptar esa medida. "É legalmente imposíbel", manifestou a ministra Isabel García-Tejerina após a xuntanza con gandeir@s, industria e distribución. "O que é ilegal é que nos paguen por baixo dos prezos de produción", replicáronlle desde a UPA. O ministerio negouse a dar un paso que, sinalan os e as gandeiras, xa deu o goberno francés, que si que estabeleceu un prezo mínimo para o leite. Por iso, as mobilizacións previstas polos produtores galegos para o que resta de agosto e para setembro vanse manter. A ministra instou a Xunta a "protexer" o sector galego, afirmando que os prezos están vinculados ao grao de organización e de cooperativización do sector; polo que Galiza ten moitos peores prezos que outras comunidades, sinalou. Entre as medidas propostas polo Ministerio está o de fixar axudas para explotacións con dificultades -se ben non dixo cando comezaría a aplicarse nin cal sería a dotación orzamentaria-, promover a constitución de organizacións de produtores ou a identificación do país de orixe do leite. Medidas que o sector entende que son "insuficientes" para combater unha crise que ameaza con afogar milleiros de explotacións en Galiza.
NOS_4881
O futuro do Museo de Arte Contemporánea de Vigo (Marco) está no aire logo da saída do seu director, Iñaki Martínez Antelo, tras doce anos ao fronte do centro cultural máis visitado da cidade. Martínez xa anunciara o pasado ano que non renovaría o seu contrato como máximo responsable do museo, para o que consideraba necesaria unha renovación. Porén, as continuas desavinzas co goberno municipal sinálanse como o principal motivo de fondo para a marcha do director.
Para os defensores da actual liña do museo, agrupados na asociación de Amigos do Marco, o Concello pretende destinar o espazo a usos que non se axustan os estatutos da entidade cultural. Neles, afírmase o compromiso coa "realización de actividades culturais de investigación, educación, formación, conservación, exhibición e difusión da arte e da cultura contemporánea, con particular atención á produción artística da Comunidade Galega, así como a estatal e internacional". Principios que están lonxe das propostas que, segundo fontes internas, teñen realizado desde instancias municipais, entre as que se inclúen unha exposición de réplicas de guerreiros de terracota, un desfile de moda ou a colección permanente de azulexos do diario Faro de Vigo. As negativas da actual dirección terían tensado máis a relación, onde como apuntaba o propio Martínez Antelo, pasaran "demasiado tempo traballando cuns presupostos no límite do razoable". Desde setembro, a campaña SOS Marco recolleu 6.000 sinaturas a favor de manter a "esencia" do centro de arte contemporánea para que continúe sendo un museo e non se converta nun "multiusos, sen liña de actuación nin proxecto". Por ese motivo, solicitan que se elixa a nova dirección mediante concurso público para asegurar que o proxecto continúa de forma "libre e profesional". Martínez Antelo, no anuncio de que non renovaría no cargo en decembro de 2016, consideraba que a transición debía pasar por un comité de expertos, como recolle o Manual de Boas Prácticas da rede de museos estatais. Máis as palabras do alcalde de Vigo, Abel Caballero, dan a entender que o relevo vai por outra liña. "Está moi ben previsto, de acordo os intereses de Vigo e non da Xunta", apuntou o rexedor, que anunciou que o padroado da Fundación Marco xa foi convocado. Un órgano –no que teñen representación os entes autonómico e local xunto o Ministerio de Cultura- onde tamén as desavinzas son evidentes. O pasado xuño, a dirección acordou incrementar o peso do goberno municipal con oito membros elixidos polo alcalde. Segundo explicaba Caballero, se o Concello achegaba o 76% dos orzamentos do museo tamén lle correspondía máis cota de decisión. Un cambio de estatutos que a Xunta tombou agora, desde o Protectorado de Fundacións, por incumprir o mínimo de votos legais que son necesarios para esa modificación. O Ministerio de Cultura non comparecera. O alcalde vigués tamén anticipara que o museo debía funcionar dunha forma distinta, "máis popular". Así, tras o anuncio de Martínez Antelo, considerou que este renunciara porque sabía que non o renovarían na dirección, malia que non se reunira o padroado para valoralo. De forma pública, a tensión entre ambas partes quedara patente nunha rolda de prensa para anunciar a programación do Marco en 2015, onde Caballero impediu que Martínez Antelo respondera por dúas veces a preguntas dos xornalistas sobre se apoiaba as declaracións do rexedor. Tantas visitas como o resto de museos xuntos O Marco continúa como museo de referencia en Vigo, cun número de visitantes moi por riba dos outros sete centros municipais activos. No primeiro semestre do ano tivo case 40.000 visitas, un número similar o acumulado polo resto de museos da cidade. Menos da metade de orzamento nunha década Dun orzamento de 1,6 millóns de euros en 2008, o Marco pasou aos 740.000 euros no ano 2015, tres ou catro veces inferior o que manexan entidades culturais de similar tamaño e características. En Marea reclama máis partidas Desde En Marea, a deputada Alexandra Fernández reclamou no Congreso un incremento de 100.000 euros na partida orzamentaria para o museo, que foi rexeitada polo Partido Popular, formación que en Vigo di defender a liña actual do centro cultural. Fernández chamou a todas as institucións que fan parte do padroado a frear o seu desmantelamento. BNG: "O Concello carece dunha política cultural" Desde o BNG-Vigo, a incerteza actual cren que "demostra que o Concello carece dunha política cultural" e consideran "preocupantes" as declaracións de Caballero que insinúan un posible cambio de filosofía do Marco. "Pode botar por terra un traballo de máis dunha década que converteu o Marco nun referente da arte contemporánea", aseguran, ao tempo que esixen redrobar a aposta por revitalizar a rede de museos da cidade.
NOS_43447
A gastronomía galega está de moda, se queres coñecer as responsábeis, aquí deixamos cinco cociñeiras e cociñeiros de renome
Gastronomía con sabor galego e en maiúsculas: a tradición culinaria destas terras namora polo padal a todo aquel que a proba. Moitos son os encantos polos que Galiza sorprende, un deles, a súa rica gastronomía, froito de anos de tradición e, como non, como resultado dun comensal fiel que sempre busca o mellor... Xuntáronse a fame coas gañas de xantar É indubidábel que a cociña galega é unha das máis importantes de Europa grazas a un produto de calidade variado e sempre xenerosa en cantidade, calidade e sabor. Todo o que visita esta Terra sabe que vai comer ben, aquí non hai risco, nin marxe de erro. O peso da tradición sempre está presente, mais a cociña de autor e a innovación entre fogóns enriquecen aínda máis a cociña galega. Se queres coñecer quen son as e os responsabeis de que a cociña galega, a día de hoxe, estea onde está, aquí damos algúns nomes. 5 cociñeiros e cociñeiras galegas que souberon plasmar sobre o mantel o que é cociñar na Galiza, un sentimento moi da terra e que conquista a grandes e cativos a golpe de receitas. Se che gusta comer ben, descubre os 5 pratos tradicionais galegos para desfrutar este inverno Se o teu coa cociña non é amor a primeira vista, aprende das mellores, quizais cambiando de perspectiva, o obxectivo cambie... Pepe Solla O cociñeiro galego, nado na localidade de Poio, dirixe o restaurante Casa Solla cunha estrela Michelin, que é un templo da gastronomía en Pontevedra. A cociña de Pepe Solla ten un denominador común, Galiza e a súa tradición culinaria, toda unha experiencia para a comensal que visite o seu restaurante, onde lonxe de sacrificar a calidade do servizo, segue apostando por manter só nove mesas. O resultado, exquisito. En palabras de Solla, a diferenza da súa cociña e por conseguinte do seu restaurante márcana as e os seus provedores e, como non, o seu produto, este último conta, cada vez, con máis valor dentro da gastronomía. Mencionar que o seu interese polo mundo do viño e a súa formación ao redor del, convertérono nun dos membros fundadores da Asociación Galega de Catadoras. Unha cociña tradicional e innovadora, modernizada pola creatividade de Pepe Solla onde o bo produto e o gusto polo bo facer dan coma resultado unha cociña galega excepcional. A cociña na Galiza é un auténtico espectáculo, se queres disfrutarla aínda máis, proba a gastronomía galega de Carnaval Yayo Daporta O cociñeiro galego, nado na localidade de Cambados dirixe, xunto coa súa irmá Esther Daporta, o restaurante Yayo Daporta. Un lugar onde a súa cociña adquire unha dimensión especial, e que, segundo el mesmo, baséase no bo gusto e o sentido común. A afección culinaria de Yayo Daporta ven de moi atrás, tras estudar na escola de hostalería en Santiago de Compostela, chegoulle a oportunidade de traballar en "Casa Solla", onde espertou a súa curiosidade pola cociña de vangarda. A súa verdadeira vocación chegou. Yayo Daporta inaugurou o seu restaurante en 2005 e gañou un Record Guinness ao cociñeiro máis novo da historia en conseguir unha estrela Michelin. Non hai dúbida da paixón deste cambadés pola cociña. Cociña galega actualizada con chiscadelas a produtos doutras zonas, reinventa como ninguén o receitario galego máis típico entre fogóns e tras as paredes dun nobre e solariego edificio de pedra. Do mesmo xeito que a súa cociña, o seu restaurante conxuga á perfección o antigo e o máis actual. Sentidiño, sentido, tradición e calidade en todas as súas creacións son os acenos de identidade deste recoñecido cociñeiro que traspasou fronteiras. O galego está de moda, e o deporte non é unha excepción, coñece aos 10 mellores deportistas galegos na actualidade Pepe Vieira O cociñeiro vigués rexenta e dirixe o restaurante que leva o seu nome, Pepe Vieira, cunha Estrela Michelin. Nel, e segundo el mesmo, a súa cociña baséase no surrealismo galego, profunda nas raíces da tradición, cultura e cociña galegas para construír unha nova gastronomía chea de matices inspirada nese punto máxico do patrimonio inmaterial galego. A súa cociña móstrase auténtica e chea de significado. A intención é ir máis aló do culinario, e na medida do posíbel, contar unha historia con cada prato. Como bo cociñeiro e amante da gastronomía galega, profundizou nela para desenrolar unha gastronomía propia á que bautizou como "A última cociña do mundo", na que rescata receitas e condimentos en ocasións esquecidos, cunha misión clara, a transmisión cultural. Turismo rural na Galiza profunda: 7 lugares para perderse e facer rutas excepcionais Lucía Freitas A cociñeira compostelá soubo facerse oco dentro do mundo gastronómico galego, converténdose para moitos nunha das responsábeis da innovación máis rexuvenecedora da cociña na Galiza. O pasado ano 2019 foi a gran sorpresa en canto a "Estrelas gastronómicas" se refire, conseguindo unha Estrela Michelin para o seu restaurante A Tafona Casa de Xantar en Santiago de Compostela. En moi pouquiño tempo a chef compostelá foi capaz de posicionar o seu restaurante dentro da élite dos máis importantes da cidade, proxectando o seu nome e o seu bo facer fóra dela. A calidade en todos os seus produtos, así como a creatividade e orixinalidade que emprega en todas as súas creacións, foron motivos máis que suficientes para que esta cociñeira galega conquiste o padal dos máis esixentes. Tradición e renovación únense para mostrar a cociña galega máis rexuvenecedora que nunca... se queres meterlle o dente, a A Tafona Casa de Xantar en Santiago espérate. Entroido na Galiza 2020: Ruta polos entroidos galegos máis salientábeis Luis Veira O cociñeiro coruñés Luis Veira dirixe o restaurante Árbore da Veira na Coruña, onde o Atlántico, a tempada e o bo produto son as chaves. Dende moi pequeno soubo que de maior sería cociñeiro, por iso é polo que aos trece anos xa estaba aprendendo na Escola de Hostalería de Santiago de Compostela. Cunha Estrela Michelin, este chef galego traballou en hoteis, mariscarías e restaurantes de tradición galega, ampliando os seus coñecementos en cociñas de España e Francia para volver á Coruña. A tranquilidade duroulle pouco, xa que volveu a poñerse na estrada. Tras gozar entre fogóns en restaurantes de renome, e sentando as bases da súa cociña, abre en 2012 Árbore da Veira, conseguindo a súa primeira Estrela Michelin en tan só un ano. A súa cociña reinventa a tradición, reinterpretando os receitarios clásicos e, contando cun bo produto galego, só queda buscar o equilibrio na elaboración. Cociña galega da man da mellor cociña de autor.
PRAZA_18356
O Tribunal Superior anula os servizos mínimos do 100% impostos na central telefónica do 061 por seren os mesmos que os que rexeron o 8M para o persoal médico ou de ambulancias sen "motivación" concreta ningunha HEMEROTECA | A Xustiza condena a Xunta por vulnerar a folga feminista do 8M cuns servizos mínimos "maliciosos"
HEMEROTECA | A Xustiza condena a Xunta por vulnerar a folga feminista do 8M cuns servizos mínimos "maliciosos" A Xunta vulnerou o dereito a secundar a folga feminista do 8 de marzo de 2018 en varios departamentos que dependen dela. Así o sentenciou por tres veces o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. O alto tribunal galego chegara a esta conclusión o pasado abril a instancias do sindicato CUT cinguíndose unicamente Televisión de Galicia. Volveuno facer en setembro atendendo senllos recursos da CIG e CC.OO. no referido á Presidencia da Xunta, o centro de emerxencias 112, o Parque das Illas Atlánticas e, novamente a CRTVG. E sentencia no mesmo sentido este outubro en referencia ao servizo de urxencias sanitarias do 061, outra volta tras recurso da CUT. O TSXG anula a instancias da CUT os servizos mínimos do 100% na central telefónica do 061 por seren os mesmos que os que rexeron o 8M para o persoal médico ou de ambulancias sen "motivación" A sección primeira da sala do Contencioso-Administrativo do TSXG considera, nunha sentenza ditada este 24 de outubro, que o Goberno galego pasou por riba do dereito a participar na folga do 8M. Nomeadamente, no caso do persoal da central telefónica do 061 que está contratado pola empresa Grupo Norte, adxudicataria do servizo e fonte de conflitos laborais por outras razóns nos últimos meses. Segundo a Sala, a orde coa que a Consellería de Sanidade fixou os servizos mínimos do 8M nos ámbitos da súa competencia adoeceu de "ausencia de motivación" neste servizo, xa que "non concreta de maneria expersa os servizos mínimos para o ámbito de actividade da atención telefónica". Así o "recoñeceu" a propia asesoría xurídica da Xunta durante o proceso, di a demanda. Instalacións da central do 061 no seu novo emprazamento da Estrada / Xunta A orde, explica o tribunal no seu ditame, "limitouse a fixar" uns servizos mínimos do 100% por "vinculación" do resto de persoal do 061. Para facelo non utilizou "nin razoamentos, nin xuízos de ponderación nin xustificación", agás a referencia a un "informe da Fundación de Urxencias Sanitarias de Galicia-061" cuxo contido "non se reproduce nin sucintamente na orde impugnada nin supón maior concreción". Neste contexto, explica o tribunal, o sindicato recorrente "non discrepa nin do carácter esencial do servizo 061" nin de que os servizos mínimos tivesen que ser do 100% nalgunhas das súas áreas, como as do persoal estritamente sanitario ou do que conduce ambulancias e pilota helicópteros, senón de que as restricións ao dereito á folga destes traballadores se estendese a quen traballan na atención telefónica. A sentenza lembra ao Goberno galego que a motivación dos servizos mínimos debe ser "especialmente rigorosa á hora de xustificar os recortes no dereito á folga" cando se trata de mobilizacións de "curta duración", como neste caso Entre referencias a abondosa xurisprudencia ao respecto, o TSXG conclúe que debe anular a orde dos servizos mínimos para o persoal de atención telefónica do 061 dependente do Grupo Norte e inclúe unha advertencia. A motivación dos servizos mínimos debe ser "especialmente rigorosa á hora de xustificar os recortes no dereito á folga cando, como aquí acontece, a folga é dunha curta duración, 24 horas". O que está en xogo, lembra o ditame, é un dereito fundamental. Esta nova condena á Xunta, que neste caso non inclúe pronunciamento sobre o pagamento de custas xudiciais e contra a que cabe recurso de casación, prodúcese nun contexto no que fontes xurídicas consultadas por Praza.gal constatan certo malestar no ámbito do Tribunal polos recorrentes quebrantamentos do dereito á folga por parte da Xunta. As mesmas fontes atribúen a ese descontento a que na devandita sentenza condenatoria do pasado setembro a mesma sección do TSXG lembrase que o Goberno galego estaba a incorrer nas "mesmas vulneracións" do dereito á folga que "repetira" en anteriores convocatorias e que xa foran condenadas pola Xustiza en diversas sentenzas. O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, restara importancia a estas condenas, reducíndoas a unha "mala dimensión" dos servizos mínimos nalgunhas áreas da Administración.
NOS_45035
Debullamos canto de franquismo hai no ADN do PP, intentamos comprender que hai detrás do inminente ataque contra Siria ou achegámonos ás iniciativas cidadáns que, ante o desleixo da Xunta, queren poñer fin ás vagas de incendios que todos os veráns arrasan os montes galegos
Son as declaracións do alcalde de Baralla un feito isolado, unha saída de ton ou un sentir profundo no PP? E a comprensión e apoio do partido para co seu rexedor? Analizamos neste número canto de franquismo hai no ADN do Partido Popular. Tamén achegámonos a Anagaci (Asemblea nacional da Galiza contra os incendios), unha das iniciativas que xorden da cidadanía galega para procurar solucións e medidas contra as constantes vagas de incendios que arrasan os montes galegos verán tras verán. Neste número tamén lembramos as 4 décadas de existencia da Sociedade Galega de Historia Natural, de cando "verde era igual a roxo". E como non, entrevistas. Falamos con Tonhito de Poi (Herdeiros da Crus), con Xosé Manuel Sánchez Rei (da AC Alexandre Bóveda) e con responsábeis do proxecto de recuperar a memoria local de Compostela a través de persoas maiores. Escocia, Salvaterra: Soberanía, desobediencia Na sección de deportes achegámonos aos ciclistas galegos. En 'La Vuelta' non participan corredores galegos, que si están a gañar voltas en Portugal. En Internacional analizamos o que está a acontecer nestas semanas en Escocia, con diferentes iniciativas que pulan polo si á independencia. E falamos de Siria, de como se está a preparar un ataque militar pilotado por EUA. Tamén achegámonos ao Festival de Poesía do Condado, que leva 26 edicións de desobediencia cultural, superando problemas e sementando rebeldía, cultura, esperanza e dignidade. Todo isto, e moito máis, neste número 62 de Sermos
NOS_46437
O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, exixe a retirada do recurso contra a reforma da norma debido a que o Goberno español non recorreu "o mesmo texto" en Balears
O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, lamentou hoxe no Parlamento da Galiza a "dupla vara de medir" empregada polo Goberno estatal á hora de aceptar as modificacións propostas pola Xunta e o Govern das Illes Balears, de cara a mudar os respectivos textos das súas leis en materia de saúde para, dixo, "optimizar a xestión da crise sanitaria". Durante a súa intervención, García Comesaña reprobou o feito de que o Executivo de Pedro Sánchez considere "que o Parlamento galego ten menos lexitimidade que o balear", en alusión á aprobación das modificacións introducidas por este Goberno "cando se trata, exactamente, dos mesmos parágrafos que están incluídos na Lei de Saúde galega". Esta última si foi recorrida polo Estado ante o Tribunal Constitucional ao considerar que "só é posíbel restrinxir dereitos fundamentais a través de lexislación estatal". Así mesmo, salientou que as decisións adoptadas contra a normativa galega responden "exclusivamente a motivos partidistas", unha circunstancia que cualificou de "inadmisíbel" e que, para o conselleiro, deixa Galiza sen as ferramentas precisas para xestionar a pandemia. Ante a suposta discriminación ou "agravio comparativo", García Comesaña remitiu unha carta aos ministerios de Sanidade e Política Territorial exixindo que se retire o recurso que está no Constitucional. Igualmente, demandou que se levante a suspensión dos artigos sobre a pandemia, onde se vía certa imposición da vacina.O conselleiro pediu tamén "mínimo de coherencia" ao Goberno español ao non entender a diferencia de pareceres.Críticas á lei A Lei de Saúde foi aprobada o pasado febreiro unicamente co voto favorábel do PP e cun marcado rexeitamento por parte de BNG e PSOE, que a cualificaron de "autoritaria" ao considerar que lexitima "un estado de alarma permanente" e recoñeceron os "problemas de legalidade" que entrañaba. Tamén diferentes colectivos coma SOS Sanidade Pública acusaron o texto de "represivo" e lamentaron que non resolvese os "problemas reais" do sistema sanitario.
PRAZA_13338
O PP rexeita a proposición de lei do PSdeG para "blindar os servizos públicos" porque suporía modificar a Lei de Disciplina, que implica dedicar o posible superávit das contas da Xunta a pagar débeda antes que a investimentos
A Lei de Disciplina Orzamentaria de Galicia, en xuño de 2011, a reforma exprés da Constitución, ese mesmo verán, e a Lei de Estabilidade do Goberno central, a comezos de 2012. Son as tres normas que no corpo lexislativo galego e estatal impoñen un ríxido corsé ás contas públicas no que atinxe ao déficit público -ao equilibrio entre ingresos e gastos- pero a súa combinación trouxo consigo outra consecuencia tanto ou máis relevante a medio prazo. No caso de que a agora afastada bonanza económica regrese e as Administracións públicas volvan ter superávit, isto é, a ingresar máis do que gastan, estas normativas condicionan en gran medida as decisións políticas de quen goberne nese momento, xa que non poderán destinar eses beneficios ao que consideren oportuno: obrigatoriamente terán que dedicar en primeiro termo ese superávit a reducir débeda pública, isto é, a pagarlles o que lles deban ás entidades bancarias. Despois de que esas normas impulsadas polo PP fosen no seu día tamén apoiadas polos socialistas o PSdeG tentou este martes variar o rumbo cunha proposición de lei de "blindaxe dos servizos públicos". Pero a maioría absoluta dos conservadores impediu que a iniciativa fose tomada en consideración, nin sequera para iniciar trámite parlamentario. O PSdeG lanzou esta proposta xusto despois de que o Goberno central aprobase os seus decretos de recorte en sanidade e educación e, despois do rescate bancario da pasada fin de semana, outorgáronlle aínda máis importancia á iniciativa na súa axenda política. Nesta liña, quen subiu á tribuna do Parlamento para defendela non foi ningún dos deputados socialistas que habitualmente tratan asuntos sanitarios, educativos ou sociais, senón o seu secretario xeral, Pachi Vázquez. Ademais de invertir as prioridades no que a bancos e investimento social se refire Vázquez resumía o compromiso que tentou acadar do Goberno na necesidade de "darlle forma de lei a garantir os dereitos das galegas e galegos". De ser aprobada, explicou, a norma "obrigaría" ao actual Executivo e aos que velan a que "en oito anos" o investimento sanitario e educativo galego se equipare á media da Unión Europea. Isto implicaría uns 140 millóns de euros anuais que, abonda, non só sairían da banda do gasto, senón tamén da do ingreso, con novas "fiscalidades" para as rendas altas. A iniciativa socialista propuña acadar en oito anos a media europea de investimento en sanidade e educación O PP, censura, presentouse en Galicia como "garantes de que a sanidade e a educación non ían sufrir ningún recorte" pero levan tres anos "facendo xusto o contrario", con "807 millóns menos en Sanidade e 652 en Educación dende que vostedes gobernan". "Isto non é un dato opinable, é científico, está comprobado e contrastado nos Orzamentos" ao que, salienta, dende o mes de xullo se lle engadirá o novo copagamento farmacéutico. "Van poder saír á rúa, vanlles mirar á cara aos pensionistas e dicirlles que a partir do mes que vén van ter que pagar o 10% dos medicamentos?", cuestiona. "Están facendo unha voadura controlada do sistema nacional de saúde e do sistema de educación pública" e por iso, argumenta, "é o momento de garantirlles aos galegos que imos blindar a sanidade e a educación públicas", para garantir que "van quedar afastados dos recortes". Bouza (BNG) chama a non "reducir a calidade" dos servizos públicos en aras da "eficiencia" A iniciativa socialista tivo o apoio do BNG que, a través da súa vicevoceira, Ana Luisa Bouza, considerou que, "unha vez eliminadas as barreiras ideolóxicas ao endebedamento e ao control do déficit -en referencia ao rescate bancario- é o momento de debater para que e para quen nos endebedamos", partindo da base de que "a eficiciencia non debe ser incorporada aos servizos públicos se é a costa de reducir a eficacia, a calidade, a universalidade e o papel redistributivo que deben ter". Aínda que coa posibilidade de introducir achegas, o Bloque apoiou a iniciativa defendida por Vázquez porque existe un "deterioro visible dos servizos públicos" que preocupa á poboación. Para a cidadanía galega, di, este tema "non é irrelevante" e proba disto é que a iniciativa lexislativa popular de SOS Sanidade Pública xa acumula máis de 40.000 apoios. Puy (PP): "Non o imos subscribir, porque estamos a favor da palabra dada" Pero os argumentos dun e doutra non callaron no PP, en cuxa opinión Pachi Vázquez ofrecía "un pacto para rachar outro pacto": "xa ve que contentos están os do Bloque porque renegan dese pacto", espetou o seu voceiro, Pedro Puy, en referencia á reforma da Constitución e á Lei de Disciplina. "Non o imos subscribir, porque estamos a favor da palabra dada". "Non compartimos a filosofía desta proposición de lei", di, porque "gastar máis" non implica que sanidade e educación "estean mellor". Polo tanto, en Galicia seguirá imperando o principio segundo o cal "os ingresos que se obteñan por riba do previsto destinaranse integramente a reducir o nivel de débeda pública". "Da palabra que deron vostedes, aos pensionistas, xa llo explicarán cando lles chegue que teñen que pagar as receitas", retrucou Pachi Vázquez, en cuxa opinión aos populares "lles tremen as pernas para aplicarlles un imposto á banca que xeraría 60 millósn de euros en Galicia", pero non para "cobrarlles aos pensionistas". O Goberno galego, censura, aposta pola estabilidade orzamentaria mentres deixa as facturas "no caixón dos provedores" mentres "o 75% dos galegos nos piden un gran acordo para a sanidade e a educación". "A xente está angustiada, asustada, sabe que lle vén enriba unha crise que non conseguimos parar". "Perdoe que non goce do optimismo de Rajoy, que dixo "me voy al fútbol, que está todo arreglado", concluíu.
NOS_18954
Márcanse como obxectivo profundar na implicación deste colectivo na loita pola defensa dos seus dereitos.
Xosé Lois Leirós como presidente e Germán Torres como vicepresidente lideran a nova directiva de Marusía, a asociación galega de emigrantes retornados e retornadas que naceu en 2001 e que tivo principal referente Manuel Domínguez, falecido en xuño pasado. Nunha carta dirixida ás persoas asociadas, a nova directiva incide na importancia de loitas desenvolvidas por este colectivo, como a defensa dos dereitos das invalideces das persoas retornadas ou a defensa das pensións contra o espolio da facenda española a pensionistas e persoas xubiladas. A implicación das persoas socias e das que integran este colectivo nas actividades e decisións de Marusía é outro dos obxectivos marcados pola nova directiva. Afirman que, "desde a súa fundación, fomos unha ferramenta modesta si, pero moi útil e necesaria para a defensa dos intereses do noso colectivo, por iso mesmo debemos tratar de preservala".
NOS_29675
Euskal Herria érguese nunha xornada de folga xeral esta cuarta feira, 30 de xaneiro, sob a convocatoria da Carta de Dereitos Sociais a prol de traballo, pensións e condicións de vida dignas.
A xornada de greve convocada pola Carta de Dereitos Sociais de Euskal Herria decorre esta cuarta feira, 30 de xaneiro, en toda Euskadi e Nafarroa baixo o lema "Traballos, vidas, pensións dignas". As traballadoras e traballadores están chamados a parar e a unirse nas 101 mobilizacións que hoxe se realizarán nas catro capitais e en numerosos concellos desta nación. Máis de 1.200 comités de empresa implicáronse nos preparativos da folga e organizáronse 170 comités de folga coa participación de sindicalistas e membros de múltiples movementos sociais ao longo do territorio vasco e navarro. A Carta de Dereitos A convocatoria partiu das loitas que o colectivo de pensionistas leva encabezando desde hai anos en Eukal Herria a prol de prestacións dignas. Este movemento, xunto a entidades sociais que van desde o campo ambientalista, ao estudantil ou o feminista, conformaron a Carta de Dereitos de Euskal Herria coas centrais sindicais soberanistas ELA e LAB, o sindicato ESK e o Steilas, do profesorado; o EHNE, da xente labrega; e coa organización de transportistas HIRU. Sindicatos das nacións galegas e catalás, así como organizacións andaluzas, valencianas, madrileñas, estremeñas ou de Aragón amosaron respaldo á greve. Desde a Carta de Dereitos denunciaron no día de onte de "abusivos" os servizos mínimos ditados pola Administración e anunciaron que farán protagonistas das mobilizacións as persoas que "non van poder estar", en alusión a colectivos que non poidan ir á folga como "empregadas do fogar, falsas autónomas, bolseiras, sen papeis...". Mediante siluetas, as centrais sindicais reivindicarán as súas ausencias das mobilizacións. Reivindicacións Tal e como resaltaron a Nós Diario as portavocías dos sindicatos vascos Mitxel Lakuntza (ELA), Igor Arroyo (LAB) e Ana Pérez (Steilas), no número publicado o pasado sábado 25 de xaneiro, as reivindicacións principais desta folga versan sobre o estabelecemento da xornada laboral en 35 horas semanais, a defensa do sistema público de pensións e elevar a prestación mínima a 1.080 euros, así como pór o salario mínimo interprofesional (SMI) en 1.200 euros. A derrogación das últimas reformas laborais é para a Carta "prioridade absoluta".
NOS_34880
Seis meses despois da demisión de Martin McGuinness, que obrigou convocar eleccións nos seis condados de Irlanda baixo soberanía británica, o territorio segue sen goberno e xestionado desde Londres.
As eleccións do pasado 5 de maio en Irlanda do Norte deixaron un suor frío no unionismo e un sabor amargo no padal de Londres. O unionismo gañara os comicios, si, cun DUP que lograra 28 dos 108 escanos da Asemblea. Mais perdía o poder de veto que posuía e vía como o Sinn Féin ficaba a apenas 1.300 votos de ser primeira forza nos seis condados. Os republicanos irlandeses atinxiran 27 asentos. Pasado o día das eleccións, comezou a contar o tempo para formar goberno nun prazo de 15 días. En virtude dos acordos de paz de 1998 o goberno debe estar composto por unha formación de cada comunidade: protestante e católica. Así que todos sabían que o executivo de coligazón tería que pasar outra vez polo DUP /Sinn Féin. Porén, case tres meses despois, non hai goberno nin se albisca. Dous son os temas sobre a mesa que o Sinn Féin pon como imprescindíbeis para que haxa acordo e que o unionismo non está disposto a aceptar. Un fai referencia ao gaélico, outro ao matrimonio entre persoas do mesmo sexo. O DUP propuxo aos nacionalistas irlandeses aprobar unha lei que sitúa o irlandés canda cuestións como as tradicións oranxistas, o que para o SF é humillante. Os defensores do gaélico queren unha lei que recoñeza esta lingua e garanta dereitos para os seus falantes e para poder estudalo con garantías. No que atinxe ao matrimonio homosexual, non deixa de ser curioso como na comunidade 'católica' norirlandesa estanse a superar prexuízos – que non se superan á mesma velocidade noutras cuestións como o aborto- mentres na 'protestante' o tema xera unha gran hostilidade. DUP e as outras formacións unionistas representadas na Asemblea non queren nin ouvir falar do tema. Mentres, Sinn Féin ten o apoio nestas dúas cuestións de formacións como o nacionalista SDLP (12 escanos) e Alianza (8 deputados). O secretario de Estado británico para Irlanda do Norte, James Brokenshire, afirmaba recentemente que estaban a considerar "unha serie de opcións" para dar pulo á formación do goberno norirlandés embora non desvelar ningunha delas
NOS_35202
O abrazo será ás 19.30 horas mais durante todo o día unha romaría popular celebrará o Castelo de Monterrei, o grande monumento que a veciñanza quere conservar para uso público. A Plataforma de Defensa do castelo de Monterrei denuncia que varias pezas de arte están saíndo de distintas instancias do edificio.
O abrazo será ás 19.30 horas mais durante todo o día unha romaría popular celebrará o Castelo de Monterrei, o grande monumento que a veciñanza quere conservar para uso público. A Plataforma de Defensa do castelo de Monterrei denuncia que varias pezas de arte están saíndo de distintas instancias do edificio. Mulleres, homes, nenos e nenas colleranse das mans este día 12 de xullo por volta das 19.30 horas para abrazar o seu castelo. Será unha metáfora da vontade da veciñanza de impedir a privatización do monumento que é símbolo da comarca e no que se desenvolven obras para convertelo nun hotel de Paradores do Estado. Durante toda a xornada, unha romaría popular con música, zona de lecer, obradoiro de arqueoloxía para crianzas ou un xadrez xigante animarán o día no que haberá unha comida campestre nos arredores do castelo. A xornada festiva-reivindicativa prodúcese pouco despois de que a Plataforma denunciara que varias pezas de arte que formaban parte do Museo e doutras estancias do Castelo están saíndo cara lugares descoñecidos. Denuncian os feitos para que "o pobo que é a quen lle pertence" teña coñecemento e que os responsábeis están ao tanto de que o saben. "Queremos que nos informen do que se está a facer con esas pezas xa que, cremos que é o noso dereito como cidadáns e máis aínda si como di a Xunta estanse usando cartos da propia Xunta para as obras que se están levando a cabo no Castelo", sinalan.
NOS_25009
Traballadores e traballadoras do sector exixen a aprobación dun convenio cunhas condicións laborais dignas, que lles permita consolidar e avanzar en novos dereitos e que repercuta na igualdade retributiva de homes e mulleres.
Por terceira vez, traballadores e traballadoras do sector conseveiro galego botáronse as rúas de Vilagarcía, Vigo, Boiro e Celeiro na defensa das súas condicións laborais. A Confederación Intersindical Galega (CIG) destacou o paro "case total" de profesionais do sector. O sindicato subliña que "o seguimento non parou de medrar dende a primeira xornada de folga, celebrada o pasado 21 de xaneiro". Na cidade de Vigo, unha "concorrida" manifestación percorreu a distancia ente o edificio da Xunta e a sede da Confederación de Empresarios de Pontevedra. En Vilagarcíativo lugar unha concentración na praza de Galiza, en Boiro outra diante do Concello, e en Celeiro houbo unha mobilización ás portas de conservas Albo. Un representante da central sindical que acudiu á protesta de Vilagarcía deu as grazas aos asistentes polo "compromiso coa loita por un convenio digno", e afirmou que "é un orgullo ter este equipazo de persoas loitando polos nosos dereitos". Unha loita que "non remata" Durante a intervención, este representante sindical destacou que "a nosa loita non remata hoxe e non rematará ate conseguirmos un convenio digno para as persoas traballadoras do sector da conserva". As profesionais das conserveiras exixen un convenio que "garanta" o poder adquisitivo, que supoña "dunha vez por todas" a igualdade retributiva de homes e mulleres, no que fenda salarial "pase a formar parte da historia". Tamén piden que o convenio recolla as garantías legais para que o establecemento da quenda de fin de semana non supoña "en ningún caso" a modificación das actuais persoas traballadoras do sector, ademais de servir exclusivamente para a creación de emprego a través das empresas e non das ETT. Mensaxe a patronal A CIG tamén aproveitou para enviar unha mensaxe á patroal. "Señores e señoras da patronal, cometeron un erro anulando a reunión do pasado 27 de xaneiro e volveron a cometer un erro rompendo a mesa de negociación o pasado 2 de febreiro". O principal sindicato galego instou o empresariado a que retome "de urxencia" as negociacións. Defende que para remediar os erros cometidos, a patroal debe acudir ás mesas de diálogo "con vontade negociadora para acadar un acordo definitivo".
NOS_38702
O rei emérito comunicou ao seu fillo Filipe VI que marcha vivir fóra do Estado español.
Con esta decisión culmina unha traxectoria que empezou coa propia renuncia á súa parte da herdanza despois das informacións que se escapaban desde Suíza sobre os seus negocios en Arabia Saudita. Agora semella que é o momento de "salvar a institución", como o era en xuño do 2014 cunha abdicación inédita. Era un paso definitivo que xa sobrevoaba o ambiente desde hai días, e que estudaban desde os palacios da Moncloa e a Zarzuela. En público, a portavoz María Jesús Montero animaba a Filipe VI a dar máis pasos, "celebrando" todas as medidas "pasadas e futuras" adoptadas pola Casa Real, fosen cal fosen. Fóra de cámaras, membros do Executivo español sinalaban que, a pesar de corresponder ao xefe do Estado, a marcha do rei emérito da residencia era un escenario plausíbel e sería un paso valente. Esta é a carta que Xoán Carlos I enviou ao seu fillo Felipe: "Co mesmo afán de servizo a España que inspirou o meu reinado e ante a repercusión pública que están a xerar certos acontecementos pasados da miña vida privada, desexo manifestarche a miña máis absoluta dispoñibilidade para contribuír a facilitar o exercicio das túas funcións, desde a tranquilidade e o acougo que require a túa alta responsabilidade. O meu legado, e a miña propia dignidade como persoa, así mo esixen. Hai un ano expreseiche a miña vontade e desexo de deixar de desenvolver actividades institucionais. Agora, guiado polo convencemento de prestar o mellor servizo aos españois, ás súas institucións e a ti como Rei comunícoche a miña meditada decisión de trasladarme, nestes momentos, fóra de España. Unha decisión que tomo con profundo sentimento, pero con gran serenidade. Fun Rei de España durante case corenta anos e, durante todos eles, sempre quixen o mellor para España e para a Coroa. Coa miña lealdade de sempre. Co agarimo e afecto de sempre, o teu pai." Comunicado do BNG O Bloque Nacionalista Galego pediu que se investigue "a fondo" a "corrupción da casa real" e que se xulgue "os Borbóns" polas súas actuacións, "con todas as consecuencias penais e políticas". Nun comunicado remitido aos medios despois de que se coñecese a decisión do rei emérito Xoán Carlos I de abandonar o Estado español, o BNG considera que "resolver esta situación cunha operación de imaxe" non fará máis que "reafirmar a evidencia de que, para perpetuarse, o réxime español opta por seguir tapando e ocultando a corrupción real, a expensas da verdade e da democracia". Neste sentido, os nacionalistas sosteñen que o anuncio comunicado "responde a unha previsíbel operación por tentar salvar a monarquía e, especialmente, para desvincular o rei Felipe VI das negociacións e da imaxe de corrupción do rei emérito" a pesar das "múltiples evidencias" que, segundo sinala, existen sobre que o "actual xefe do Estado estaba ao tanto da actuación de Xoçan Carlos I e de que se beneficiou dela".
NOS_46141
O Sindicato de Estudantes adírese á convocatoria da plataforma feminista Libres e Combativas para criticar a decisión xudicial
"Basta de xustiza machista e violencia contra as mulleres!". Ese é o lema da greve estudantil que terá lugar esta quinta feira 10 de maio. Convocada polo Sindicato de Estudantes e pola plataforma feminista Libres e Combativas, a mobilización pretende poñer ao nú a "escandalosa sentenza feita pública polo tribunal de Pamplona sobre o xuízo aos violadores da Manada" que conmocionou "millóns" de persoas, explican nun comunicado. A sentenza do tribunal tería demostrado "a dobre vara de medir dunha xustiza chea de reaccionarios que estrañan o franquismo", apuntan desde o sindicato estudantil en relación ao caso de tuiteiros e rapeiros que afrontan penas de cárcere por chíos ou letras de cancións. "Secuéstranse libros, censúranse revistas e lévase á policía aos campos de fútbol para incautar camisetas marelas, argumentando que todo iso incita á violencia", explican. As dúas organizacións chaman o estudantado a participar na greve, paralizar as aulas en centros de ensino secundario e universitario e sumarse ás concentracións das 12 da mañá que terán lugar en cinco cidades galegas. A praza do Toural en Santiago, o Obelisco na Coruña, a Farola de Urzáiz en Vigo, a Subdelegación do Goberno en Ourense e o Edificio da Xunta en Ferrol serán os puntos de encontro das mobilizacións. "Nesta gran folga manifestaremos o noso rotundo rexeitamento a esta xustiza patriarcal e machista —esixindo a expulsión da xudicatura dos xuíces responsables desta sentenza aberrante—, contra a corrupción do PP e os seus ataques ós dereitos democráticos, e mostraremos toda a solidariedade do estudantado coa vítima desta agresión horrenda", afirman desde o Sindicato de Estudantes.
NOS_54329
Desde o inicio da crise o cadro de persoal en San Cibrao das Viñas reduciuse de 600 a 354 traballadores.
Adolfo Domínguez presentou esta semana a sindicatos e autoridade laboral o ERE (Expediente de regulación de emprego) co que pretende despedir 144 traballadoras e traballadores, nunha medida que se centraría no seu centro principal, situado en San Cibrao das Viñas, Ourense. Un centro que tiña hai tan só tres anos, 2012, por volta de 600 operari@s e que fica agora con 354 á espera do que aconteza co ERE, que propón o despedimento de 144. Tres anos de axustes e recortes en persoal leva aplicando Adolfo Domínguez, que deu o salto á fama na moda co lema 'a enruga é fermosa'. En 2012 xa aplicara un ERE e en 2014 fixera 40 despedimentos, ademais das 30 cartas individuais de despidos a outros tantos traballadores. Adolfo Domínguez pechou o exercicio 2014 cunhas perdas superiores aos 11 millóns de euros. A empresa ten 579 puntos de venda distribuídos por todo o mundo. Unha vez presentada a información do ERE ábrese unha fase, por un máximo de 30 días, de negociación cos sindicatos, que xa temían unha medida deste tipo por parte da empresa.
NOS_34896
O ex presidente do Goberno español mantivo un encontro co líder da esquerda abertzale no caserío Txillarre, de Elgoibar, xusto o lugar en que se desenvolveron as xa históricas conversas de Otegi co dirixente do PSOE vasco Jesús Eguiguren, claves no proceso político que levou á fin das actividades armadas de ETA. Zapatero e Otegi non se coñecían persoalmente.
A información do encontro, en principio unha reunión de carácter privado, foi dada este domingo en primicía por El Correo Español. De acordo con Naiz, a conversa desenvolveuse en termos afábeis e non tivo como centro de gravidade o hipotético respaldo de EH Bildu aos orzamentos pactados polo PSOE con Podemos. Si terían falado, porén, sobre a monarquía española. De acordo con El Correo Español, a reunión produciuse a instancias de Otegi, que quería coñecer o ex presidente español. A versión de Naiz é, en troca, distinta: tería sido Zapatero o interesado en visitar o caserío en que se produciron as decisivas conversas entre o líder abertzale e Jesús Eguiguren. En todo caso, o PP aproveitou a conxuntura para dirixir a súa máis grosa municición dialéctica ao Goberno Sánchez. Pablo Casado saíu en tromba a dicer que Pedro Sánchez "por ficar no Goberno é capaz de negociar os Orzamentos Xerais do Estado con terroristas que non piden perdón ás vítimas, nin colaboran por esclarecer 376 asasinatos impunes. Exixo explicacións dunha reunión que ataca o Pacto Antiterrorista".
PRAZA_18719
Centrarse en continuar igual ata a última gota de gasoil en vez de decrecer de xeito planificado significa situarse nunha postura fondamente reaccionaria e mesmo irreal. O capitalismo fosilista terminal xa tomou as súas decisións, non debemos ser cómplices. Temos, en realidade, rebelarnos para limitar os danos e hai que facelo xa. Rebelarnos contra as autoridades a todos os niveis administrativos porque todas elas poden emprender accións dentro das súas competencias para evitar a extinción.
En dous países veciños, Francia e Reino Unido, estanse a desenvolver nas rúas protestas con obxectivos completamente opostos e que, na miña opinión, son fundamentais para entender como se pode desenvolver o futuro inmediato da humanidade. Mentres o que ocorre en Francia está a ser amplamente difundido polos medios de comunicación españois, do caso británico practicamente nada sabemos.En Francia os chamados chalecos marelos saen ás rúas para protestar por incremento do prezo dos combustibles. Aquí é onde está o núcleo do problema porque os combustibles fósiles non poden baixar de prezo, non poden ser baratos, simplemente porque se están a esgotarEn Francia os chamados chalecos marelos saen ás rúas para protestar polo deterioro xeral das condicións de vida e de traballo: un salario mínimo pequeno (case o dobre que o español, todo hai que dicilo) e, sobre todo, un incremento do prezo dos combustibles. Aquí é onde está o núcleo do problema porque os combustibles fósiles non poden baixar de prezo, non poden ser baratos, simplemente porque se están a esgotar. En definitiva os chalecos marelos non se decataron de que o pico ou teito do petróleo foi xa hai unha década. E non podemos culpalos por ese erro de cálculo porque, como suxería ao inicio, os medios de comunicación poñen luz en determinados feitos mentres que eclipsan outros e tamén porque os estados están a levar outras axendas que pouco teñen que ver con esta realidade. Compre peneirar algunhas cuestións básicas para non tropezar na primeira pedra como fan os chalecos marelos franceses que sinalan, en primeiro lugar, a unha suba de impostos sobre o gasoil. Vexamos. Coincide este movemento con, por exemplo, o anuncio en España de que o gasoil subirá moito nos próximos meses e que os coches de explosión serán prohibidos en 2040. Cóntasenos que non debemos xa mercar un só coche a gasoil máis e mesmo son os máis penalizados para entrar en moitas cidades. Por que falamos disto agora? O que se nos di é que contaminan máis; ben, isto xa o advertía o movemento ecoloxista hai 40 anos. É máis, os motores diésel teñen mellorado neste aspecto nos últimos tempos. O que non se está a dicir claramente é que xa sobrepasamos o pico do gasoil e comeza a escasear. Disto falábase en revistas de coches tamén hai xa anos, vamos, que non é dato oculto, simplemente miramos para outro lado. O gasoil extráese de petróleos de alta calidade e o problema e que xa non quedan. Non chega, tampouco, con engadirlle biodiésel procedente do aceite de palma que destrúe importantes ecosistemas no outro lado do planeta, contribuíndo máis ao cambio climático e ao deterioro da vida de millóns de persoas.En realidade o gasoil para vehículos privados é un problema moi menor. Con motores diésel funcionan a agricultura, a pesca, o transporte de mercadorías, a maquinaria pesada… o que se trata de facer coa demonización do gasoil hoxe é gañar algo de tempo, alongar unhas décimas de segundo a conta atrás para un colapso civilizatorio. Polo tanto a loita dos chalecos marelos franceses é, en realidade, irrelevante (salvo como símbolo do inicio do colapso), pouco importa, por tanto, se o imposto ao gasoil é un pouco maior ou menor. En definitiva, ante esta situación de escaseza alguén tomou a decisión de gañar ese tempo e manter beneficios a costa das rendas menos favorecidas, as máis prexudicadas, mentres ás grandes compañías aínda se lles baixan os impostos. De momento, pensar en abandonar o carbón e simultaneamente alimentar con electricidade un parque automobilístico similar ao actual non parece moi realO que se nos está a dicir coa prohibición dos vehículos con motor de combustión é que non vai haber transporte privado, simplemente non haberá vehículos particulares, máis ben, van a ser só para unha elite económica. Aquí xorde o asunto do vehículo eléctrico. Á espera de avances tecnolóxicos, non parece unha opción viable masiva como agora o é o vehículo con motor de explosión. Podemos agardar, claro está, melloras coas baterías, coa súa duración e reciclaxe, novos materiais, etc, pero é unha historia que aínda está por escribir. De momento, pensar en abandonar o carbón e simultaneamente alimentar con electricidade un parque automobilístico similar ao actual non parece moi real, tamén polo gran consumo enerxético que vai traer renovar ese parque, caso de que fora posible. Isto ten outra consecuencia, a industria do automóbil está xa probablemente no seu pico, comeza o devalo e, por exemplo, a demanda de aceiro e aluminio caerá estrepitosamente (ollo aquí con Alcoa, por exemplo, e outras industrias-zombi). Realmente algunhas das centrais térmicas máis contaminantes do planeta son móbiles: os grandes buques mercantes que cruzan os océanos levando cousas dun lado para outroEn calquera caso o problema real, apuntaba, vai ser o transporte de mercadorías, a pesca, pero sobre todo, a agricultura. Van ter que cambiar radicalmente. Forzosamente o transporte de bens vai decrecer. E aquí chegamos a outro punto interesante. Realmente algunhas das centrais térmicas máis contaminantes do planeta son móbiles: os grandes buques mercantes que cruzan os océanos levando cousas dun lado para outro. Son uns 90.000 barcos que funcionan con fuel, responsables de entre o 18% e o 30% de todas as emisións mundiais de óxido de nitróxeno (NOx) e o 9% das de óxido de xofre (SOx). Os dezaseis (16!) barcos mercantes máis grandes do planeta contaminan igual que 760 millóns de coches (en Europa hai 299 millones segundo a European Automobile Asociation Manufactures Association). E tamén haberá que revisar se podemos (non se queremos ou debemos) seguir voando, especialmente ao ritmo que se fai nestes días. Non é unha mala nova, a medida que vaiamos freando as emisións irán diminuíndo, menos enerxía dispoñible é un mundo moito máis simple con relacións económicas moito máis curtas. O capitalismo terminal, porén, está disposto a aproveitar ata a última gota de combustible. En vez de adiantarnos, limitar os impactos e adicar recursos, paradoxalmente, a decrecer, vanse adicar a chucharlle o zume a todo o mundo. Non nos adiantamos a unha mobilidade sen vehículo privado senón que somos invitados a gastar noutra tecnoloxía (gasolina, híbrida) e mesmo promóvense irresponsablemente e sen debate público opacos tratados de comercio internacionais. Por exemplo, cantas persoas teñen ouvido falar do tratado de libre comercio entre a UE e Xapón (JEFTA) asinado en xullo e que se ratificará nuns días no Parlamento Europeo?. Isto non é transición ecolóxica, é simple neoliberalismo que prepara o ecofascismo xa para a próxima década.Grupos de cidadáns autoorganizados que se citan para rebelarse contra as autoridades para tratar de evitar a extinción. A extinción de que? A resposta máis inmediata é a extinción de especies, esa perda brutal de biodiversidadeMentres, o que ocorre no Reino Unido non sae na televisión e tan só aparecen minimamente nalgún xornal dixital. Cortan estradas e rúas, tamén bloquean pontes e mesmo o parlamento británico e son detidos. Trátase de aproveitar a última ventá de oportunidade que quizais teñamos de limitar os danos ao planeta e a nosa propia civilización. É o movemento XR ou Extiction Rebelion e que poderíamos traducir por Rebelión contra a Extinción. Grupos de cidadáns autoorganizados que se citan para rebelarse contra as autoridades para tratar de evitar a extinción. A extinción de que? A resposta máis inmediata é a extinción de especies, esa perda brutal de biodiversidade, un problema á mesma altura que o cambio climático por exemplo, sen esquecer en ningún momento que un dos factores máis determinantes da perda de biodiversidade é precisamente ese cambio climático que a súa vez o alimenta. Agora o movemento XR estase xa internacionalizando e agardo que teña o eco que merece.Chama a atención que o movemento dos chalecos marelos franceses estea apoiado por un abano moi amplo, dende persoeiros de extrema dereita a organizacións de esquerda. De feito, case poderíamos dicir que hai unha especie de competición para ver quen o capitaliza. Parece como se no pensamento da esquerda non entrara a variable enerxía por ningún lado nin entran cálculos simples que mesmo a Comisión Europea xa anunciou hai uns días co anuncio de poñer fin á era dos combustibles fósiles.Centrarse en continuar igual ata a última gota de gasoil en vez de decrecer de xeito planificado significa situarse nunha postura fondamente reaccionaria e mesmo irrealCentrarse en continuar igual ata a última gota de gasoil en vez de decrecer de xeito planificado significa situarse nunha postura fondamente reaccionaria e mesmo irreal. O capitalismo fosilista terminal xa tomou as súas decisións, non debemos ser cómplices. Temos, en realidade, rebelarnos para limitar os danos e hai que facelo xa. Rebelarnos contra as autoridades a todos os niveis administrativos porque todas elas poden emprender accións dentro das súas competencias para evitar a extinción. En realidade, a extinción da civilización humana.Ti con quen te quedas? eu teño claro que debo rebelarme contra a extinción.
NOS_41066
Mentres avanzan na integración na Unión Europea, os dous países comprometéronse con Donald Trump a abriren embaixadas para Israel en Xerusalén.
As negociacións e conversas diplomáticas para que Serbia e Kosovo cheguen a unha normalización das relacións van acompañadas de estratexias de alianzas dos EUA e da UE. Na segunda feira, 7 de setembro, nun comunicado conxunto emitido pola diplomacia comunitaria, Belgrado e Pristina subliñaron o seu compromiso co diálogo promovido por Bruxelas, clave para avanzar nas súas aspiracións de acabar facendo parte da Unión. O comunicado chegou minutos antes de se iniciar en Bruxelas a segunda cimeira ao máximo nivel entre os dous países, onde participaron o presidente serbio, Aleksandar Vucic, e o primeiro ministro kosovar, Avdullah Hoti. Produciuse despois de a UE conseguir desbloquear as conversas o pasado xullo despois dun parón de 20 meses. No encontro participaron o Alto Representante da UE para Política Exterior, Josep Borrell, e o enviado especial para o Diálogo, Miroslav Lajcak. Abordouse o asunto das minorías sociais e das persoas desprazadas, así como as reclamacións mutuas financeiras e de propiedades. A cita chegou tamén tras o acordo asinado na sexta feira nos Estados Unidos entre Serbia e Kosovo, onde ambos os países pactaron normalizar as relacións económicas. A mediación de Washington, que parecía solaparse coa de Bruxelas, foi recibida con boas palabras por parte da diplomacia da UE. "Os documentos pactados en Washington, construídos de acordo a compromisos previos alcanzados polas dúas partes, pode contribuír a alcanzar un acordo completo e vinculante sobre a normalización das relacións", sinalou a oficina de Borrell nun comunicado. Así mesmo, Belgrado e Pristina comprometéronse a redobrar os esforzos para se aliñar coa UE, de acordo ás súas respectivas obrigas, explica o texto. Bruxelas agarda que a aspiración de Serbia e de Kosovo de ingresar na UE sirva de estímulo para que ambas as partes avancen no proceso "Estas conversas non son fáciles. Por iso estou feliz de ver o compromiso e o respecto mostrado polas dúas partes", afirmou o propio Borrell en declaracións aos medios. Embaixada en Xerusalén. O acordo económico de Belgrado e Pristina cos EUA ten outras implicacións. Tanto Serbia como Kosovo comprometéronse a abrir embaixadas en Xerusalén, tras a mediación de Trump. Kosovo converterase esta maneira no primeiro país de maioría musulmá en recoñecer esta cidade como capital de Israel, Estado que tamén recoñece a independencia kosovar. "Quero darlle as grazas ao meu amigo o presidente Vucic de Serbia pola súa decisión de recoñecer Xerusalén como capital de Israel e trasladar a súa embaixada. Tamén quero dar as grazas ao meu amigo Donald Trump pola súa contribución a este logro", dixo o primeiro ministro israelí, Bejamin Netanyahu. Mentres, o negociador xefe palestino e secretario xeral da Organización para a Liberación de Palestina (OLP), Saeb Erekat, advertiu de que "Palestina romperá relacións con calquera país que traslade ou abra a súa embaixada en Xerusalén". "Instamos a todos os países a cumprir co dereito internacional, incluídas as resolucións 478 e 2334. Violar o dereito internacional é un sinal de debilidade, non de forza", manifestou a través dunha mensaxe publicada na súa conta de Twitter. Os EUA recoñeceron en 2017 Xerusalén como capital de Israel e trasladaron alí a súa embaixada desde Tel Aviv en maio de 2018.
PRAZA_18204
A petición da Xunta pro Devolución chega tras encargar o Goberno central un informe xurídico sobre a recuperación e mentres os herdeiros de Franco manteñen a apoloxía da ditadura nas visitas ao Pazo
A situación é de "excepcionalidade extrema". É o diagnóstico que a Xunta pro Devolución do Pazo de Meirás fai tras coñecérense os intentos dun dos netos de Francisco Franco para especular coa parte da propiedade que recibiu como herdanza tras o falecemento da súa nai. O foro, impulsado pola Deputación da Coruña e no que partipan os concellos coruñés e sadense xunto a institucións académica e entidades de defensa da memoria histórica, reuniuse este venres para analizar a "eventual operación de venda da propiedade" a unha das empresas do neto do ditador e para lanzar un chamamento ao Goberno galego e mais ao Goberno de España: "que se poñan de acordo de maneira inmediata" para botaren os Franco de Meirás. A entidade provincial coruñesa "ofrécese como sede para un encontro" entre ambos Executivos coa fin de pactaren as medidas a adoptar que, a xuízo da Xunta pro Devolución, deberan comezar cunha decisión inmediata do gabinete que preside Alberto Núñez Feijóo. Debe "impugnar a eventual venda" pola condición de Ben de Interese Cultural que ten o Pazo, subliñan. Ao Goberno de Pedro Sánchez, pola súa banda, reclámanlle que "inicie a demanda civil para reclamar a propiedade no xulgado de Betanzos e inscriba, de maneira inmediata, o Pazo no rexistro da propiedade" como un edificio público. Para formular esa demanda, precisamente, o Goberno central anunciaba nos últimos días o encargo dun informe á súa asesoría xurídica. A petición da Xunta pro Devolución chega tras encargar o Goberno central un informe xurídico sobre a recuperación e mentres os herdeiros de Franco manteñen a apoloxía da ditadura nas visitas ao Pazo Do punto de vista da Xunta pro Devolución cómpre, en calquera caso, que todas as institucións públicas que amosaron a súa disposición a recuperar Meirás "camiñen de maneira conxunta". Neste sentido, o profesor da USC Xabier Ferreira, que coordinou o informe xurídico da Deputación sobre a devolución do Pazo, advirte de que a activación do proceso xudicial é necesaria para evitar que os herdeiros "operen para tentar Blindar a propiedade". "O máis acaído é que o faga o Goberno central", lembra, porque "a finca funcionaba como casa oficail de verán do xefe do Estado". Tras a reclamación da Xunta pro Devolución o vicepresidente do Goberno galego, Alfonso Rueda, sinalou a preguntas dos xornalistas que o Executivo non desbota a posibilidade de impugnar o intento de venda por tratarse dun BIC. Estas novas reclamacións da Xunta pro Pazo chegan tras o devandito encargo dun informe xurídico por parte do Goberno central, pero tamén mentres os Franco especulan coa propiedade e, ao tempo, aproveitan as visitas ao recinto para manter a apoloxía da ditadura e, a través da Fundación Francisco Franco, cargar contra a exhumación do ditador e lanzar proclamas coma atribuír un suposto "xenocidio" á II República.
NOS_18708
O sindicato presentará denuncia ante Inspección de Traballo e comparecerá como acusación particular no Xulgado contra a empresa Laxe Marítima
Esta terza feira, a CIG anunciou nun comunicado público que denunciará perante Inspección de Traballo a "falta de seguridade" que o día anterior provocou a morte dun operario no porto da Coruña, cando foi aplastado ao caerlle enriba a mercancía que manipulaba. A central comparecerá no Xulgado como acusación particular contra Laxe Marítima, compañía na que traballaba o falecido, de 44 anos e máis dunha década de experiencia. A familia do operario, que era delegado sindical da FGAMT-CIG, contará co asesoramento do sindicato. Este sinala que a fenda na seguridade é unha consecuencia directa da "precarización da estiba e desestiba" e esixe que se "depuren responsabilidades". Segundo a CIG, as empresas do porto coruñés foron afondando nos últimos tempos na contratación de traballadores de ETT e reducindo o cadro de persoal da sociedade de estiba e desestiba. Cun marco así, a redución da seguridade laboral é clara, xa que o persoal de ETT acostuma rotar en diferentes postos e empresas que operan no porto. A CIG demanda ás empresas do Porto e á Autoridade Portuaria da Coruña que "adopten decisións urxentes" en vía a garantir a seguridade das operarias. Isto tradúcese, segundo apuntan, a un maior número de inspeccións de traballo nas operativas portuarias, ao ser o seu un sector "no que se manexan grandes volumes de mercadorías e se traballa con maquinaria pesada".
PRAZA_13835
Estamos a vivir días que poden mudar a historia, deses que probablemente teremos que revisitar no futuro para entender aonde chegamos e por que vieiros. Como no vórtice dun redemoíño, nas últimas semanas estamos a asistir a movementos decisivos no ámbito da economía, da política institucional e da mobilización social.
Estamos a vivir días que poden mudar a historia, deses que probablemente teremos que revisitar no futuro para entender aonde chegamos e por que vieiros. Como no vórtice dun redemoíño, nas últimas semanas estamos a asistir a movementos decisivos no ámbito da economía, da política institucional e da mobilización social, movementos diverxentes e que prenuncian unha acentuación das tensións. Ante un panorama económico que, impulsado pola errática política do Goberno español, está a deixar de configurar unha recesión para bater ás portas dunha profunda depresión, a sociedade non ten outro recurso que non sexa o da mobilización nas rúas como primeiro paso para reclamar, por unha parte, a soberanía das institucións democráticas fronte aos poderes económicos; e, por outra, a posta dos poderes públicos ao servizo aos intereses da inmensa maioría da cidadanía fronte á sensación –sobradamente xustificada– de connivencia coas mesmas elites financieiras cuxa desastrosa xestión causou a crise. Nese sentido, as mobilizacións do pasado 19-X constitúen un punto de inflexión moi significativo. O 19-X como punto de inflexión O 19-X deixa múltiplas lecturas que, se ben non son suficientes para dar rédea solta ao optimismo, si abren polo menos as portas á esperanza, e isto por varios motivos: pola multitudinaria participación, en todo o Estado pero moi especialmente en Galicia, unha vez máis punta de lanza da mobilización dos sectores sociais máis progresistas; polo rotundo éxito da unidade sindical, unha conquista que á vista da resposta obtida non pode ter volta atrás e cuxo mantemente resulta esencial para seguir a dar pasos adiante; e pola confluencia entre a dinámica sindical e a da participación cidadá que nos últimos tempos veu encarnando o 15-M. A xornada do 19-X demostrou que a defensa do benestar social e dos bens comúns é un punto de encontro ao redor do cal se congrega unha inmensa maioría social, da cal as persoas que estiveron nas rúas son a parte máis activa. Sería un erro de consecuencias dramáticas ignorar esa potencialidade, reducíndoa unicamente ao ámbito da crítica e renunciando a articular un programa de acción en común que poida canalizar as arelas de profundas transformacións nas relacións económicas, institucionais e sociais. A xornada do 19-X demostrou que a defensa do benestar social e dos bens comúns é un punto de encontro ao redor do cal se congrega unha inmensa maioría social Se a esquerda social, a esquerda política e os sectores progresistas dun modo xeral son capaces de consensuaren propostas para un cambio real e non meramente cosmético da situación que hoxe nos abala e enche de inseguridades, hai poucas dúbidas de que esa trilla será seguida maioritariamente polos sectores sociais agredidos pola crise: desempregados, pensionistas, traballadores precarios e/ou en risco de desemprego, funcionarios, estudantes, profesionais liberais, autónomos, pequenos comerciantes... E é que o caso é atopar, fóra das elites empresariais, financieiras e políticas, quen non se vise atinxido –tanto no seu benestar material como nas súas expectativas de futuro– por esta crise e pola xestión que dela se ten feito até aquí, nunha espiral de recortes cuxa verdadeira finalidade ideolóxica, profundamente regresiva, fica cada vez máis clara aos ollos dunha cidadanía que non recibe máis explicación que slogans baleiros de contido. As rúas están perto do punto de ebulición e intentar ignorar este feito, parapetándose detrás dunha maioría absoluta parlamentar (Mariano Rajoy) ou intentando perpetuala mediante reformas electorais trucadas (Alberto Núñez Feijoo), non fará máis que exacerbar as tensións. Cómpre, como esixiron hai uns días as centrais sindicais e como veñen reclamando diferentes forzas políticas, darlle a palabra á cidadanía, consultarlle o rumbo a tomar e obrar en consecuencia. Iso pasa, necesariamente, pola convocatoria dun referendum sobre a política económica ou, no seu defecto, pola convocatoria de eleccións. A falta de lexitimidade dunha política que non foi sometida ao refrendo das urnas non se resolve con fórmulas caducas, como un goberno estatal de concentración entre o PP e o PSOE que xa preconizan os profetas da política do posible. O que nos estamos a xogar (o benestar social, a convivencia pacífica dos estados europeos e o encaixe de Galicia no Estado e en Europa) é demasiado importante como para pensar que uns parches poden resolvelo. A esquerda e o galeguismo, no seu labirinto Que o PP está só é unha evidencia, como o demostran a votación no Parlamento español do último paquete de recortes, as multitudes que saíron as rúas atendendo ao chamento sindical, a negativa das institucións europeas ás reivindicacións do Goberno español, o peche de mercados fronte á débeda soberana española e as crónicas dunha imprensa internacional convertida unha vez máis no vehículo máis fiable para saber o que pasa e o que vai pasar. Porén, non é menos evidente que, fronte a esa soidade do PP, a sociedade non enxerga outra cousa que un exuberante e desafinado coro de voces que transmite a impresión de ter máis interese en decidir quen ocupa o lugar de solista que en interpretar correctamente o libretto que a cidadanía demanda. Se isto é así no ámbito da esquerda, afecta aínda con máis intensidade ao galeguismo político, que vive instalado na confusión e na convulsión, cun PSdeG que debe decidir entre seguir a esteira pactista deseñada por Alfredo Pérez Rubalcaba, inmolando as súas posibilidades de liderar un cambio en Galicia, ou consolidar unha liña propia de actuación; e un nacionalismo que tras as escisións sofridas polo BNG non conseguiu reordenar as pezas e que hoxe mesmo fará visible aos ollos de quen queira ver a súa profunda división. Respectando a pluralidade orgánica, elemento sempre saudable en democracia, as forzas políticas nacionais da esquerda e do progresismo están condenadas a atoparen puntos de encontro Nunca na historia do Día Nacional de Galicia ou Día da Patria houbera un escenario tan fragmentado. Se cadra é inevitable dados os recentes acontecementos, polo que pode ser un erro deixarse levar polo fatalismo; mais é innegable que, respectando a pluralidade orgánica, elemento sempre saudable en democracia, as forzas políticas nacionais da esquerda e do progresismo están condenadas a atoparen puntos de encontro que permitan articular unha unidade de acción para facer fronte á barbarie social e á sistemática desmontaxe do noso autogoberno. Da capacidade que mostren as forzas políticas xa instaladas nas institucións (PSdeG, BNG e en menor medida EU) e as que surxiron recentemente (Compromiso por Galicia e Anova) para teceren acordos dependerá en boa medida o futuro a curto e medio prazo da nosa nación. Fai falta unha nova transición, un tránsito cara un modelo social e político que, mantendo os dereitos e liberdades conquistados ao longo de décadas de loitas civís, dea resposta ás demandas sociais superando os defectos da vella política e as insuficiencias da vella arquitectura institucional. Precisamos combater todas as castes de inmobilismo para conquistarmos un novo marco de pensamento, de acción e de relacións. A partir de mañá, esa debe ser a tarefa. Porque hoxe, laceiras aparte, é día de celebrarmos o noso Día Nacional, o noso Día da Patria. Celebrémolo todas e todos, facendo da diversidade de convocatorias unha soa multitude unida no desexo dunha Galicia máis próspera, máis xusta e máis libre. Como gustaba de despedirse Valentín Paz-Andrade, así tamén o facemos nós: Saúde, Terra e Liberdade!
NOS_27917
O coñecido militante da extrema dereita no País Valencià, alcumado 'Turbito', xa participara na guerra de Siria.
O coñecido neonazi valenciano Pablo Garrido Mancebo Turbito compartiu recentemente a través da internet un vídeo que se fixo viral no que aparece montando un fusil de asalto AK-74M en Ucraína, onde di estar combatendo e "gozando". Sentado no seu catre e portando a indumentaria militar, afirma non precisar "máis nada" que a súa arma: "É unha pasada, un equipo que te cagas [sic]". Pablo Garrido Mancebo, 'Turbito',A well known Neo Nazi from València, Spain Lol he came to Ukraine to defend the demcarcy pic.twitter.com/Thk2XpP00V— 🇷🇺 Эсса Али 🆉 Essa Ali 🇦🇪 (@ESSA_A1I) April 17, 2022 "A 'peña' é de puta madre e estamos de puta madre [sic]", di, a respecto dos seus compañeiros de trincheiras. Garrido remata o vídeo enviando un saúdo "a todos os españois e a España". Mais esta non é a primeira vez que este militante da extrema dereita participa dunha guerra. O pasado ano varios medios de comunicación fixéronse eco da súa participación na guerra de Siria, un país no que foi fotografado portando diferentes armas. Así é Azov, o batallón ao cal Zelenski cedeu a palabra no Parlamento grego Pablo Garrido, tal e como se pode apreciar nas diferentes imaxes que se fixeron virais no último ano, ten unha esvástica tatuada no peito, alén doutros símbolos propios da ideoloxía nazi. Aliás, segundo informou eldiario.es, anteriormente estivo encerrado no módulo de presos preventivos número 14 do centro penitenciario Antonio Asunción de Picassent (Valencia). Cómpre lembrar que en Ucraína está a loitar da man das Forzas Armadas o batallón neonazi Azov, que naceu en 2014, en Mariupol, a raíz da anexión de Crimea, e actuou no Donbás como unha milicia de guerra contra o que considera, publicamente, o seu "maior inimigo", Rusia.
PRAZA_19195
Deputación da Coruña e USC asinan un convenio para investigar novas alternativas contra unha praga que segue a espallarse por Galicia. Buscará parásitos de avespas e abellas galegas que afecten a velutina sen prexudicar insectos autóctonos.
Outra alternativa contra a expansión da avespa velutina. A especie invasora espállase por toda Galicia desde que aparecera aló por 2012. Afecta de xeito especial ao norte das provincias da Coruña e Lugo e ao sur da de Pontevedra, pero coloniza xa totalmente os dous territorios atlánticos e avanza cara ao interior. A maior concienciación social, a proliferación de trampas ou a mellora na implicación das administracións está a reducir o seu impacto, pero aínda é moi elevado. A vespa asiática segue aí e non vai marchar e un novo equipo da Universidade de Santiago (USC) investigará agora novos métodos para a "contención e control" desta praga, que supón xa o 6% da saída das emerxencias no país. A Deputación da Coruña financia un equipo multidisciplinar para estudar estratexias baseadas na "loita biolóxica" contra a velutina Farao grazas a un convenio asinado entre a USC e a Deputación da Coruña este luns mediante o que o organismo provincial financia con perto de 140.000 euros un equipo multidisciplinar universitario no que se inclúen diferentes investigadores do ámbito da química, a bioloxía e a economía. Estudarán estratexias alternativas baseadas na "loita biolóxica" contra esta especie invasora. Xa que logo, e tendo en conta a hipotética vulnerabilidade da vespa asiática a certos parásitos de himenópteros galegos, traballarase na opción de controlar a praga a través da inoculación de parásitos autóctonos. De parásitos de avespas, abellas ou abellóns do país. A investigación buscará parásitos de avespas e abellas galegas que afecten a velutina sen prexudicar insectos autóctonos A información obtida permitirá estimar a diversidade e abundancia de parásitos en diferentes especies de avespas e abellas e identificar se algún puidera ser patóxeno para a especie invasora e, polo tanto, susceptible de ser empregado para debilitar ou eliminar estas colonias. A gran vantaxe desta "ferramenta biolóxica" sería que non suporía ningún perigo para o resto da fauna galega ao ser organismos xa presentes no medioambiente. Evitaríase así unha das grandes eivas das masivas trampas que se colocan para capturar asiáticas, pero onde caen tamén insectos autóctonos. O reitor da USC, Juan Viaño, destacou que se trata dun proxecto único, que indagará en "solucións que aínda non se están investigando no mundo para loitar contra as especies invasoras, que supoñen a segunda causa de perda da biodiversidade a nivel global". O equipo investigador traballará tamén na creación dunha cartografía da distribución espacial desta especie invasora para facilitar a prevención e erradicación, ao permitir focalizar os esforzos nas área xeográficas con maior risco. Ademais, esta información permitirá crear modelos estatísticos da evolución potencial da praga e da súa distribución baixo diferentes escenarios de cambio climático. O estudo incluirá tamén unha avaliación do impacto socioeconómico da praga, cunha análise custo-beneficio das medidas propostas en comparación con beneficios atribuíbles ao seu uso. Inténtase así establecer redes e contactos con outras universidades a nivel mundial e búscase unha solución definitiva a unha praga contra a que se loita en diferentes frontes. A investigación únese á que se desenvolve na Universidade de Vigo en colaboración coa Asociación Galega de Apicultura Este grupo de investigación únese así a outra que xa está a desenvolver a Universidade de Vigo en colaboración coa Asociación Galega de Apicultura (AGA) e que busca a obtención dos mellores métodos para acabar coa vespa asiática sen danar outros insectos autóctonos, ademais da captura de ducias de milleiros de raíñas, que servirán para a súa análise e para reducir o impacto da especie invasora. Está coordinado por Sandra Rojas, doutora en Bioloxía do Grupo de Ecoloxía Evolutiva e da Conservación na Universidade Mentres, diversas administracións continúan colaborando na loita contra a velutina, retirando niños e buscando a mellor forma de alcanzar algunhas colonias situadas en lugares de difícil alcance. Mentres, empresas e particulares innovan ata atopar métodos tanto ou máis eficaces que os que promoven os recursos públicos.
NOS_50823
Aliás, analizamos a literatura galega vencellada ao colectivo LGTBI. Non agardes máis e subscríbete!
Este sábado, como todas as semanas, atoparás nos quiosques, xunto ao teu exemplar de Nós Diario, o semanario Sermos Galiza, que neste caso abre coa reportaxe 'Libros diversos. Literatura con Orgullo', de Tensi Xesteira. Analizamos nesta peza algunhas propostas de obras literarias relacionadas co colectivo LGTBI e coa súa loita, así como algunhas das principais autoras e autores neste ámbito. Expoñemos tamén a importancia de que existan referentes LGTBI desde a Literatura Infantil e Xuvenil (LIX). Entrevista a Marta Dacosta No Sermos deste sábado a xornalista Montse González entrevista Marta Dacosta, escritora e poeta galega, que presenta a súa última obra, Notas sobre a extinción (Galaxia) Dacosta explica nas páxinas do semanario todo o que hai detrás deste novo libro de poemas, ademais de facer un repaso da súa traxectoria literaria ao longo destes anos. Os primeiros habitantes da Galiza Por outra parte, Raquel Besteiro asina a peza 'Vestixios dos primeiros habitantes da Galiza', na que pon a lupa no val do río Támega, que fai fronteira con Portugal, como mostra excepcional e singular de riqueza arqueolóxica prehistórica e das grandes vías de comunicación tradicionais transfronteirizas". Música, arte e lecer O apartado musical corre a conta de Belén Tajes, que trae as últimas novidades, mentres César Morán asina un artigo titulado 'Á espera de Serrat'. Como vén sendo habitual, o experto en cinema Andrés Castro analiza os filmes máis destacados, a comezar por O insoportábel peso dun talento descomunal, de Tom Gormican, e Manuel Xestoso ofrece na sección de Escena unha peza titulada 'Esperanza esnaquizada'. Noutra orde, Mario Regueira debulla o libro Pandrama, de Afonso Becerra de Becerreá, mentres Susana Sánchez Aríns analiza Un elefante na sala de estar, de Berta Dávila. Aliás, o colectivo Xea debuxa o litoral de Cangas, situado entre as rías de Vigo e Pontevedra. Por último, as dúas páxinas de pasatempos corren a conta de Xerardo R. Roca e Xoán Costa. Lembra que podes atopar o Sermos Galiza este sábado acompañando o xornal Nós Diario; 64 páxinas por tres euros.
NOS_40812
Varias persoas quedaron atrapadas após o derrubamento dun dos escenarios do recinto por causas aínda descoñecidas.
Fontes do 112 Emerxencias da Galiza veñen de confirmar a Nós Diario a caída do palco do festival O Son do Camiño, no monte do Gozo de Compostela. "Recibimos o aviso contra as 12.30 horas e avisamos os servizos de emerxencias, sanitarios, a Garda Civil e a Policía", explicaron, logo de caer a estrutura durante a montaxe da mesma. Ao lugar desprazáronse varias ambulancias e equipos medicalizados. O vicepresidente segundo da Xunta, Diego Calvo, que se desprazou ao lugar, informou de seis traballadores feridos, dous en estado grave e catro leves. Entre 20 e 30 traballaban no palco no momento da caída. Un operario foi hospitalizado en estado grave Catro operarios foron trasladados ao Hospital Clínico de Santiago e dous deles están a ser atendidos na UCI. Aliás, os outros dous deriváronse ao Hospital da Rosaleda, tamén na capital galega. A organización do festival publicou un comunicado pasadas as 15 horas no que explica que os dous traballadores en estado grave seguen "con pronóstico reservado". Nestes intres hai persoal do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (Issga) e de Inspección de Traballo investigando as causas do incidente. Aliás, desde a Xunta da Galiza informaron de que o escenario caeu por "algún fallo" debido a causas que agora se están a investigar. O festival está previsto que se organice do 16 ao 18 de xuño, isto é, a próxima semana, mais a súa celebración non está garantida. Reaccións Após coñecer o accidente, desde Comisións Obreiras avanzaron que se dirixirán á autoridade laboral co obxectivo de revisar as condicións en que se están a desenvolver os labores de montaxe dos escenarios do Son do Camiño. Aliás, desexaron a recuperación dos traballadores: "A saúde de todos os traballadores e traballadoras é a nosa principal preocupación nestes momentos". Tamén a ministra de Traballo, Yolanda Díaz; o ministro de Cultura, Miquel Iceta; e a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, trasladaron este venres a través das redes sociais a súa preocupación pola caída do escenario. Seguindo con moita preocupación esta nova que deixa varios traballadores e traballadoras afectadas. Os meus mellores desexos para que teñan unha rápida recuperación. https://t.co/Oz7h8t6fIO— Ana Pontón (@anaponton) June 10, 2022
NOS_23945
As asociacións O Galo, de Santiago, e Vagalumes, da Estrada, izaron outro ano máis a bandeira galega no seu cumio.
O Pico Sacro foi protagonista, un ano máis, da lectura do discurso Alba de Gloria de Castelao coincidindo coa subida que realizou o rianxeiro cun grupo de amigos, algúns deles integrantes das Irmandades da Fala, en xullo de 1924. O Pico Sagro acollerá este sábado a lectura do 'Alba de Gloria' A iniciativa partiu da Asociación Cultural O Galo de Santiago e a Asociación Vagalumes da Estrada reuniu a un numeroso grupo de persoas que se deron cita este sábado ás 12 de mediodía diante da capela de San Sebastián. Cun pequeno acto de benvida, a cargo da escritora e activista Adela Figueroa, comezou a xornada que consistiu na subida do último treito do Pico Sacro. Unha vez no cumio, procedeuse cá lectura do Alba de Gloria de Castelao, izouse a bandeira galega e interpretouse o Himno Nacional. Durante o descenso, as persoas participantes coñeceron algunhas das lendas que existen ao redor da cova da Raíña Lupa. Marcos Maceira: "Empregamos o Pico Sacro como espazo para reivindicarnos como nación e como pobo" As persoas asistentes continuaron até a carballeira do val do Ulla para un xantar colectivo que rematou cunha visita guiada polo patrimonio natural e construído do concello de Silleda. O ascenso ao Pico Sacro desenvólvese desde 2011 -ano en que se conmemorou o 125 aniversario de Castelao- o sábado previo ao Día da Patria Galega para reivindicar o carácter nacional da Galiza. Desta maneira, O Galo e Vagalumes reproducen o percorrido de Castelao até o cumio en 1924 e ao que simbolicamente volveu, anos despois, cando escribía Alba de Gloria.
NOS_55938
A Confederación Anpas Galegas reclama á Xunta un "plan B", complementario das medidas do protocolo aprobado de forma unilateral pola Consellaría de Educación para o inicio do curso, ante o aumento dos contaxios.
A evolución dos casos de coronavirus nas últimas xornadas na Galiza, a un mes para a volta ás aulas nas etapas máis temperás (10 de setembro), só fai acrecentar a "preocupación" das familias do alumnado dos centros de ensino público, moi críticas coas medidas deseñadas pola Consellaría de Educación para a adaptación do inicio de curso a unha situación sanitaria cambiante e, hoxe, impredicíbel. Así o expresaba onte a Confederación Anpas Galegas, para demandar á Xunta un "plan B" diante do aumento de persoas afectadas pola pandemia e do cambio de escenario respecto á situación que había o pasado 23 de xullo, cando o Goberno galego deu condición de norma de uso ao seu catálogo de medidas para o inicio do curso. . Como fai notar esta plataforma, moi crítica coas medidas deseñadas pola Consellaría de Educación para a adaptación do inicio de curso, naquela data había detectados na Galiza 163 casos activos de coronavirus, segundo os datos da Consellaría de Sanidade, que no día de onte fixaba a cifra en 670, cun incremento superior a 300% en menos de tres semanas e "nun contexto exterior moito máis preocupante, onde xa se fala de segundas vagas de contaxio e de confinamentos parciais". "Este protocolo non asegura unha volta á clase tal e como queremos, con menos alumnado por aula e máis medidas hixiénicas, con máis profesorado e máis atención á diversidade, con máis medios e máis expectativas. Este protocolo só asegura que logo de comezar o curso, ao pouco tempo, imos ver como se van fechando centros escolares, tal e como estamos vendo en barrios, vilas e cidades onde as cousas están mal programadas", advertía esta fin de semana o presidente de Anpas Galegas, Fernando Lacaci. Para esta confederación, se as medidas recollidas no protocolo da Xunta eran en xullo "inaplicábeis e inseguras", hoxe, na nova situación, ameazan con converter os centros de ensino nunha "trampa" para o alumnado e as familias. "A Consellaría de Sanidade indícanos a necesidade de mantermos unha distancia de seguridade interpersoal de 1,5 metros, pero tamén nos informa da ocupación máxima dos diferentes locais e momentos da vida social: 75% da capacidade en bares, restaurantes, vodas, igrexas, velorios, cines…", indica a plataforma, que censura que para a Administración galega os centros escolares sexan "sitio distinto", cunha capacidade dentro das aulas que poderá acadar 25 persoas nas etapas de Infantil e Primaria, de 30 en Secundaria e de até 35 no Bacharelato, coa distancia mínima reducida a un metro ou, se é superior, sen máscara. Neste contexto, as familias integradas neste colectivo chaman á Consellaría a "traballar nos diferentes escenarios que xa se van albiscando", para asegurar que o sistema poida funcionar, en caso de ser necesario, sen presencialidade, "dunha maneira homoxénea que garanta a igualdade", sabendo que a presencialidade "non é substituíbel". "Non serve pór limites económicos nin escusas de intendencia. O que se faga ten que contar con todas as garantías que se poidan achegar neste momento", require á Xunta o presidente de Anpas Galegas. Mil sinaturas para dar voz ás familias na revisión do protocolo para o inicio do curso Outra federación galega de ANPA de centros públicos, Confapa, ten aberta unha campaña de recollida de sinaturas para reivindicar o papel das familias na prevención da Covid-19 e, nese sentido, exixir á Xunta que "rectifique" e inclúa este colectivo á hora de revisar o protocolo de adaptación do inicio de curso ás condicións sanitarias. A plataforma, que conta xa con mil apoios a través de Change.org, demanda a inclusión das familias na mesa sectorial, lembrando que estas son, en última instancia, "as que sofren as consecuencias dunha mala planificación que podería provocar infeccións" entre o alumnado. Entre as deficiencias que atopan no plan da Xunta citan a "mala regulación" de aspectos como o transporte escolar, as actividades extraescolares ou a formación de cara a un escenario de teledocencia.
PRAZA_13262
Este xoves comeza o Optimus Primavera Sound, a extensión portuguesa do festival barcelonés. Até o domingo milleiros de galegos cruzarán o Miño para ver a Beach House, Suede, Wilco, M83, The Rapture, The Drums, The XX, Yo La Tengo, Spiritualized, Flaming Lips ou Saint Etienne.
Este xoves comeza o Optimus Primavera Sound, a extensión portuguesa do festival barcelonés. Até o domingo milleiros de galegos cruzarán o Miño para ver a Beach House, Suede, Wilco, M83, The Rapture, The Drums, The XX, Yo La Tengo, Spiritualized, Flaming Lips ou Saint Etienne. O festival espera reunir 25 mil persoas en cada un dos seus catro días, e sete de cada dez serán de fóra de Portugal, e deles, un número moi importante chegarán dende Galicia. A meirande parte dos concertos terán lugar no enorme (83 hectáreas) Parque da Cidade, situado en Matosinhos, a carón do mar, aínda que tamén haberá actuacións, con aforo reducido, na Casa da Música. Para chegar ao Parque, hai que procurar as indicacións que leven a Matosinhos e unha vez alí, tomar a Avenida da Liberdade e a Avenida Dom Afonso Henriques. As persoas que durman no centro do Porto (por certo, hai xa un par de semanas que a prensa portuguesa alertaba de que as prazas hoteleiras estaban case completas para as tres noites dos festival) poden desprazarse no metro (a parada de Matosinhos Sul está a dez minutos do recinto dos concertos) ou en autobús (liñas 205, 500 e 502); a organización, ademais, habilitou autocarros que farán o transporte entre o Parque e a Avenida dos Aliados durante a madrugada. E o máis importante: a música. Moitos galegos e galegas escolleron este ano acudir ao Primavera Sound do Porto no canto do de Barcelona por proximidade e comodidade e tamén polos seus prezos máis reducidos. Porén, tamén é certo que o cartaz é igualmente algo máis modesto, e se cadra botaranse de menos as actuacións de The Cure, Girls, Beirut, Grimes, Refused, Franz Ferndinand, Japandroids, Real Estate ou Dominique A (aínda que tamén hai bandas que si estarán en Portugal e non estiveron en Catalunya, como Suede). Tamén se botará de menos a Björk, que cancelou as súas actuacións. Aínda así, a calidade da programación marea, e como en calquera festival, será necesario escoller, facer descartes e decidir o que se quere ver. Xoves Este xoves os concertos comezarán ás cinco da tarde, será o día máis relaxado, ao non haber coincidencia de horarios entre os concertos. Ás 18.00 chegará a quenda de Bigott, un dos poucos artistas do Estado que actuarán no Optimus, e que recentemente pasou por Galicia; unha boa forma de quentar motores. Ás 19.00 estarán Atlas Sound, a banda b de Bradford Cox, líder de Deerhunter e igualmente bendecido pola crítica. Seguirá Yann Tiersen ás 20.15 e The Drums ás 21.30, unha das revelacións do pasado ano. Xa pola noite, Suede lembrarán que foi do britpop (22.45), Mercury Rev tentarán facer esquecer a ausencia de Explosions in the sky (0.30) e, como final de festa, The Rapture demostrarán que son unha das bandas máis en forma do momento (2.00). Venres O venres haberá que empezar a escoller, con dúas ou tres bandas tocando ao tempo nos distintos escenarios do recinto do Parque da Cidade. Ás cinco da tarde unha boa elección sería ver os portugueses Linda Martini, que recbiron moi boas críticas en Barcelona a pasada semana. Ás 19.00 é o turno de Yo La Tengo, unha aposta segura que se solapará con The War on Drugs e Tennis, ambos os dous ás 19.30. Ás 20.15 comezará o concerto de Rufus Wainwright, que actúa este mércores na Coruña e que deixou algo frío o público en Barcelona. Poderíase continuar ás 20.45 con Chairlift e ás 21.30 con Flaming Lips, para escoller ás 22.00 entre a intensidade dos Black Lips e o ritmo máis pausado de Codeine. Ás 23.15 comezarán Wilco, unha das estrelas do festival, que coincidirá en horarios con Neon Indian e Shellac (23.30). Á unha da madrugada tamén competirán Beach House e The Walkmen, ambos os dous con brillantes álbums recentemente editados. E a noite (con permiso dos dj's) rematará con M83 (2.15), uns dos triunfadores da edición barcelonesa do festival, e The Oh Sees (2.30). Sábado O sábado ás 17.00 estarán os barcelones Mujeres e unha hora máis tarde os case-galegos The Right Ons. Os pratos fortes do día comezarán ás 18.15 con Veronica Falls e Siskiyou competindo pola atención do público. Aínda co sol ben alto Spiritualized presentarán o seu novo álbum ás 19.00 e media hora máis tarde comezará Baxter Dury. Ás 20.15 Death Cab for Cutie tentarán mellorar a impresión deixada en Barcelona, e ás 21.35 The Afghan Wings demostrarán que aínda están en forma. Kings of Convenience estarán ás 23.00, solapados con Dirty Three e Wavves (23.30). A noite xirará ao redor das bases electrónicas de Saint Etienne (0.35), Washed Out (1.00) e The XX (1.50), sen nada novo en case tres anos, pero cun directo impecable.
PRAZA_4611
Onde situamos os sensores sociais nas comunidades científicas e como procesamos esa información sen sentir que teñamos as "venas abertas"? Como deben de ser as relacións do historiador co poder? Debemos de reducir todo á historia política?
A celebración do Congreso España contra Catalunya: una mirada històrica (1714-2014) causou unha gran polémica e puxo a historia e os historiadores como actores principais no escenario da chamada Opinión Pública. A Actividade estivo coordinada e realizada por historiadores de gran solvencia intelectual e financiada polo Centre d'Història Contemporània de Catalunya, pertencente ao Departament da Presidència da Generalitat de Catalunya e pola Societat Catalá d´Estudis Històrics (Institut d´Estudis Catalans). O seu tema central era o tricentenario dos acontecementos de 1714, que para moitos historiadores cataláns supuxeron o inicio da represión española cara a Cataluña. A reunión científica respondía metodoloxicamente a unha matriz interdisciplinar, onde se intentaban reunir a historia, a economía, a ciencia política e a socioloxía. Temáticamente, dividíase en diferentes seccións: a represión política, a represión económica e social, a represión cultural e lingüística, e o exilio. A participación incluía académicos invitados e comunicacións libres, todas ben cinguidas á temática do Congreso. Os disensos afloraron porque o Congreso xira, como tantos outros, ao redor da historia política, pero coa particularidade de que incide na frustración dunha nación (Cataluña) que non puido ao longo destes últimos trescentos anos edificar un Estado e constituírse nun Estado-nación Como podemos ver, o Congreso tan demonizado por algúns tivo unha presentación académica, metodolóxica, procedimental e financeira impecable. Os puntos de conflito veñen desde outros costados. Os disensos afloraron porque o Congreso xira, como tantos outros, ao redor da historia política, pero coa particularidade de que incide na frustración dunha nación (Cataluña) que non puido ao longo destes últimos trescentos anos edificar un Estado e constituírse nun Estado-nación. Temos un Congreso e un contexto político que se enrareceu ultimamente coa posibilidade dunha consulta popular sobre a independencia de Cataluña. Nese contexto, as reaccións fronte á Actividade académica buscaron un posicionamiento ben a favor ou ben en contra, cunha forte ascendencia ideolóxica. En tal sentido, foi moi curioso observar a políticos exercercendo de historiadores e falando de "veracidade", "falsificación histórica" e "manipulación"; pero tamén non foi menos pintoresco escoitar e ler a historiadores falando de política sin ter en conta as diferentes relación entre cidadán e científico. Este debate provocou unha tremenda desorde e certificou un alto grado de intrusismo profesional. Como puidemos chegar a esta situación? Para empezar, vexamos como funcionan as Comunidades Científicas de historiadores. Todos os historiadores profesionais forman parte desas comunidades científicas (Kuhn) ou campos científicos (Bourdieu) e buscan interaccionar a través de Publicacións, Estancias de traballo, Proxectos de investigación, Xestión, Intercambios e, por suposto, Congresos, Seminarios e Conferencias. A sociabilidade dos historiadores está marcada, como outras tantas, polas relacións de poder (duns poucos en relación á maioría), xa sexan resultado da xearquía, por posicionamento no campo científico ou como consecuencia de situacións derivadas de políticas científicas. Estes vínculos formalízanse no que se denominou "guerras científicas", que consisten na procura da imposición, por consenso, dun modelo de facer e entender a historia. Esas batallas teñen múltiples frontes e o seu triunfo moitas veces só é formal no sentido de que marca certas directrices oficiais ou de funcionamento procedimental, xa que moitos historiadores seguen entendendo a profesión ao seu xeito e cos seus propios códigos. Outro dos aspectos reseñables das Comunidades Científicas son os vínculos coa sociedade. Hai moitos académicos que sosteñen que non ten que haber conexión entre a sociedade e o mundo académico; outros o defenden. Neste sentido a única certeza é que determinados sectores da academia son máis sensibles ao que sucede en determinados círculos e cenáculos sociais. O Congreso España contra Catalunya é un exemplo diso. A liña que separa militancia, compromiso e proximidade é moi tenue neste caso Temas, Comunidades científicas, sociabilidade e o Congreso. As causas pola que se produciron as interferencias entre historiadores e políticos están asociadas a que o campo científico de académicos cataláns viuse sobreexcitado por unha conexión demasiado visceral con determinadas posturas políticas dalgúns sectores da sociedade civil catalá. Iso fai que a política invada o Campo científico e que os políticos aterren nun espazo que non lles corresponde. Todo isto quere dicir que debemos de entender a identidade historiográfica dos historiadores cataláns en diferentes estratos, e polo menos en dous concretamente: unha catalá e outra española, que non son incompatibles nin excluíntes Ata aquí describimos a desorde ocorrida, pero falta a explicación do conflito, que ten unha matriz que estivo totalmente desaparecida do debate, e que é a historiografía. Debemos de recordar que a historiografía catalá foi fundamental para o desenvolvemento da historiografía española, tanto na resistencia á ditadura (Vicens Vives) como na "adecuación liberal" e posterior desenvolvemento da mesma. Os debates historiográficos en todas as áreas de coñecemento da historia teñen unha importante presenza catalá. É máis, Josep Fontana, un dos poñentes do Congreso, é un autor fundamental para entender a internacionalización e modernización da historiografía española e catalá á súa homónimas europeas, especialmente co seu libro Historia: análisis del pasado y proyecto social. Todo isto quere dicir que debemos de entender a identidade historiográfica dos historiadores cataláns en diferentes estratos, e polo menos en dous concretamente: unha catalá e outra española, que non son incompatibles nin excluíntes. Unha vez que temos claro o funcionamento das comunidades de historiadores e que identificamos un método de análise ausente: a historiografía; volvamos ao Congreso. Nel, é certo que moitas palabras desafinan, como "xenocidio" ou "colonización"; é de recibo asegurar que as formulacións son maximalistas; é correcto identificar un certo sentido provocador nas súas formulacións; é certeiro diagnosticar que a historia política absórbeo todo; é preciso matizar que o Congreso é debedor dun pensamento único (ningunha dos relatorios mantén posturas disidentes); pero tamén podemos asegurar que o Congreso ten unha xustificación impecable, que participaron ao redor de cen académicos; que responde a certas inquietudes políticas e históricas dunha serie de especialistas; e que a liberdade de investigación e cátedra son valores inviolables. Á súa vez, o debate que provocou este Congreso móstranos unha vez máis o ataque á idea de espazo público, á figura dos investigadores, á liberdade académica, e ao exceso de desconfianza de certos políticos a determinados temas e liñas de traballo. Onde situamos os sensores sociais nas comunidades científicas e como procesamos esa información sen sentir que teñamos as "venas abertas"? Como deben de ser as relacións do historiador co poder? Debemos de reducir todo á historia política? Volvendo á historiografía e ao funcionamento das comunidades científicas, podemos entender mellor o que pasou e situalo no seu contexto. Unha vez máis a ciencia e a política móstrannos a complexidade das crenzas do ser humano, que algúns se empeñan en entender en branco e negro. Onde situamos os sensores sociais nas comunidades científicas e como procesamos esa información sen sentir que teñamos as "venas abertas"? Como deben de ser as relacións do historiador co poder? Debemos de reducir todo á historia política? A historiografía pode exercer de árbitro nun partido que se xoga fundamentalmente entre as historias e as memorias. O seu apareamento tamén foi reflexión naqueles días. Todos son temas de máximo interese para confirmar a utilllaxe do historiador. E fíxense, todo grazas a un Congreso e o seu debate. Sigamos avanzando e reflexionando, posto que todos os historiadores formamos parte da sociedade. E como tales equivocámonos e acertamos. Pero, sobre todo, formamos parte en diferentes niveis do sistema e somos escravos das nosas vivencias persoais e os nosos compromisos sociais E iso é importante recoñecelo.
PRAZA_17538
En 2012 o seu predecesor dimitira unha vez que a oposición activara os mecanismos para solicitar na Cámara o seu cesamento e malia que os populares aínda o apoiaban, ao contrario que fai na actualidade con Milagros Otero Da defensa dos recortes sociais ao posto "á medida": unha década de polémicas e deterioro no Valedor do Pobo
Da defensa dos recortes sociais ao posto "á medida": unha década de polémicas e deterioro no Valedor do Pobo En 2012 o seu predecesor dimitira unha vez que a oposición activara os mecanismos para solicitar na Cámara o seu cesamento e malia que os populares aínda o apoiaban, ao contrario que fai na actualidade con Milagros Otero En maio de 2012 o daquela Valedor do Pobo, Benigno López, presentou a súa dimisión do cargo unha vez que PSdeG e BNG activaran os mecanismos para solicitar formalmente o seu cesamento no Parlamento de Galicia despois de que defendese a necesidade de recortar prestacións sociais. O PP o avalara poucas horas antes e, tras a súa marcha, os populares criticaron o "dano" que ao seu xuízo fixeran as críticas da oposición á institución. Malia todo, López decidira marchar antes de someterse ao escrutinio da Cámara. Seis anos máis tarde, a oposición novamente vén de activar os mecanismos para debater e votar o cesamento da actual Valedora, Milagros Otero, e agora ata o PP está de acordo en que ela debe dar explicacións na Cámara tras a sentenza que considera que interferiu para darlle un posto a unha irmá do portavoz popular. Otero, ao contrario que López, aínda non dimitiu. A primeira estación do viacrucis que vivirá Otero nos próximos días está fixada para o xoves, cando a Comisión de Peticións do Parlamento, o órgano encargado de relacionarse coa Valedora do Pobo, acolla as súas explicacións polos feitos relatados na sentenza. Tras a súa comparecencia, os deputados da comisión, xa sen ela, debaterán sobre a súa continuidade e o PP deberá aclarar se segue a soster a Otero ou non. Se non é así e ela tampouco dimite, o martes próximo xa está previsto o debate sobre o seu cesamento por parte do Pleno do Parlamento, que foi o que a nomeou cunha maioría cualificada de 3/5. De momento o PP limítase a declarar en público que é preciso escoitar as explicacións de Otero antes de decidir sobre o seu futuro, pero en privado son varias as voces que xa consideran insostible a súa continuidade Este martes os tres grupos da oposición volveron insistir na necesidade de que Otero abandone o posto despois da sentenza que considera que actuou con "arbitrariedade" e "desviación de poder" para outorgar a praza á irmá de Pedro Puy e filla do seu profesor Francisco Puy. De momento o PP limítase a declarar en público que é preciso escoitar as explicacións de Otero antes de decidir sobre o seu futuro. Pero en privado son varias as voces que xa consideran insostible a súa continuidade e así aseguran que se lle transmitiu á institución.
PRAZA_11867
A Alternativa pola Unidade coida que o resultado da Asemblea Nacional do Bloque debe derivar en "corresponsabilidade" de todas as correntes, a comezar pola primeira Executiva na que, a vindeira semana, se tomarán decisións como a remuda na portavocía parlamentaria
"Unidade" e "reflexión". Son dous dos termos máis repetidos nos primeiros días tras a Asemblea Nacional do BNG que, a pasada semana, reelixiu a Guillerme Vázquez como portavoz nacional e situou a Francisco Jorquera como candidato nacionalista á presidencia da Xunta. Mientres a corrente gañadora da cita asemblea, a Alternativa pola Unidade, fai nestes días fincapé en que vén de comezar o tempo da "corresponsabilidade" e a "lealdade" dende dentro do propio Bloque, as correntes que formaron o outro polo da asemblea, Máis Galiza e o Encontro Irmandiño, veñen de abrir senllos procesos internos que desembocarán nas súas respectivas asembleas nacionais. Nelas decidirase a liña política adoptar na nova etapa e tamén se esta se desenvolverá dentro ou fóra da formación frontista. Cun xogo de maiorías especialmente axustado na nova Executiva Nacional -sete representantes da ApU, outros sete da suma de +G e 'irmandiños' e un do Movemento Galego ao Socialismo-, a xuntanza que este órgano directivo celebrará a vindeira semana será o primeiro reflexo da nova etapa. Despois dunha primeira "toma de contacto" na que Guillerme Vázquez salientou que as diferenzas entre correntes ficaron en Amio para dar lugar a un único BNG, o segundo encontro servirá para tomar unha decisión que non é menor: a substitución de Carlos Aymerich, líder de +G, como portavoz parlamentario. Ao feito de que o propio Aymerich amosase ao remate da Asemblea Nacional a súa intención de afastarse da primeira liña política do Bloque -"teño outra vida e outra profesión", resumiu- engádese que os novos estatutos da fronte impiden ser voceiro nunha institución e, ao tempo, encabezar unha corrente interna. Neste sentido, Aymerich precisa que non renunciou formalmente ao cargo, se ben explica que este está á disposición da Executiva, circunstancia que lle explicitou a Guillerme Vázquez. Así as cousas, a remuda producirase agás sorpresa maiúscula, e as olladas sitúanse esencialmente en dúas persoas como posibles substitutos: Ana Pontón, actual vicevoceira, e en menor medida, Alfredo Suárez Canal.
NOS_25915
BNG, Anova, Galiza Nova, Causa Galiza ou Xeira, entre outros, amosan nas redes sociais o seu apoio á declaración de independencia catalá.
Non por citada e coñecida perde vixencia e sentido a frase de Pablo Neruda de que "a solidariedade é a tenrura dos pobos". Expresión que resumiu o sentir de diferentes organizacións e entidades do soberanismo galego esta sexta feira a respecto de Catalunya. Colectivos, partidos e asociacións aproveitaron as redes sociais para enviar unha primeira mensaxe de apoio e alento ao pobo catalá. "Respecto e apoio á decisión democrática do Parlament. Vontade de nación, dereito a sermos libres. Ola República!", dicía o BNG na súa conta oficial. Desde Anova, de por parte, afirmaban que "non hai nada que xustifique o 155. Nós estamos coa democracia, a República e a Catalunya rebelde". "Damos a benvida á nova República Catalá", expresaban desde Galiza Nova, mentres que Xeira mandaba "moita forza para as compañeiras catalás na construción da súa República". A FPG afirmaba, pola súa banda, que "a ruptura co réxime podre borbónico comeza coa proclamación da República Catalá". Desde a UPG "saúdan" a nova República Catalá, que "responde á vontade democrática do pobo de Catalunya"; mentres que o MGS lembra que "os pobos teñen que loitar para vencer. Parabéns aos Países Cataláns no día da proclamación da súa República". Causa Galiza daba a través do seu twitter a "benvida á República Catalá",engadindo que "máis cedo do que tarde Galiza constituirá a súa República". Breves, Agora Galiza, puña nas redes nada máis de declarar a independencia unha estalada cunha lenda curta e directa: "Bravo!" No outro extremo, Núñez Feijóo, que chamaba a cataláns e galegos a "construír xuntos un futuro mellor para todos os españois". Desde PSdeG, a media tarde desta sexta feria, non había declaracións ao respecto.
NOS_1104
Lémbralle ao líder do PP e presidente da Xunta a súa década de recortes en sanidade.
A crise do coronavirus está a levar ao límite aos sistemas sanitarios de estados e países afectados. É a implicación, compromiso e responsabilidade do persoal sanitario no seu conxunto quen evita en grande medida que a pandemia vaia a máis. Durante estes días de crise de coronavirus, e perante as denuncias e críticas de persoal e usuarias dos servizos sanitarios e de coidados pola falla de medios e equipamentos suficientes, a táctica do presidente da Xunta foi desviar toda responsabilidade cara ao Goberno español. Amparándose Feixoo en que co estado de alarma o Goberno español constituíuse 'mando único', cara a el derivaba o líder do PP a responsabilidade de todas as eivas e deficiencias que se poidan dar no sistema sanitario no combate contra o COVID-19. Como se a situación actual da sanidade galega non fose en boa medida produto dunha década de políticas aplicadas polos seus Gobernos na Xunta. E iso foi o que lle lembrou na noite desta sexta feira unha proxección sobe un edificio do barrio de Concheiros, en Compostela. "Feijóo, 11 anos pechando camas e despedindo a médicos na pública que agora nos salvan a vída". Tanto o vídeo como as imaxes fixéronse virais a través das redes sociais, sendo partilladas por miles de persoas.
NOS_54017
O Bloco de Esquerda pula pola desobediencia "contra o abuso de poder e a inxustiza da Troika e a austeridade, o gran inimigo"
A CDU afrontou o peche da campaña coas sondaxes ao seu favor. A coalición formada polo Partido Comunista Portugués (PCP), os Verdes e Intervención Democrática aspira a sumar un terceiro escaño aos dous cos que actualmente conta no Europarlamento. "Non confiemos nas sondaxes e que isto está no papo. Temos que continuar esta batalla", afirmou esta quinta feira Jerónimo de Sousa, secretario xeral do PCP, segundo recolle o xornal luso 'Público'. "Queremos dirixir unha mensaxe ás moitas e moitos que tomaron a decisión de, por primeira vez, votar a CDU, a todos aqueles que están cansos de falsas promesas. A eses dámoslle a benvida á loita, pola construcción dun futuro mellor", declarou pola súa banda o candidato europeo da CDU, João Ferreira. Aliás, os comunistas portugueses fixeron un chamamento ao voto indeciso para que dé un 'passinho', en especial a aqueles desencantados coas políticas da dereita , dos socialdemócratas e dos "socialistas "aprehensivos", en referencia aos votantes do Partido Socialista (PS). "Aínda hoxe Seguro (líder do PS) afirmaba que son os únicos que poden derrotar ao Goberno. Estraña forma de derrotalo cando o mesmo PS chegou a acordos coa dereita", arremeteu o secretario xeral do PCP, que aludiu ás políticas de austeridade apoiadas polos socialistas portugueses. O Bloco carga contra a austeridade No seu encerramento o Bloco de Esquerda pediu a exercer o voto en chave de desobediencia "contra o abuso de poder e a inxustiza da Troika e a austeridade, o gran inimigo". A candidata Marisa Matias asegurou que o Bloco merece obter dous deputados antes que outros partidos porque "loita pola saúde, a educación e a cultura, que non son luxos, son dereitos". "O domingo imos desistir ou imos votar. Ou usamos a forza do voto para mudar as nosas vidas ou nos encollemos de ombreiros", dixo a coordinadora do Bloco "Escollemos como lema 'De Pé' porque queremos que este país se levante contra a austeridade, porque estamos fartos da posición común de Portugal ao longo dos anos: de xeonllos, postrados ante os intereses financeiros, ante os intereses alemáns, de xeonllos é como ten o Estado o Goberno actual", dixo Matias. O Bloco tampouco desaproveitou a ocasión para tentar sumar votos "dos que se sinten enganados". Neste senso falou Catarina Martins, coordinadora do BE, avisando de que "o domingo imos desistir ou imos votar. Ou usamos a forza do voto para mudar as nosas vidas ou nos encollemos de ombreiros".
NOS_2296
A dirección da prisión decidiu separalo do compañeiro de cela, Oriol Junqueras.
Joaquim Forn, ex conseller de Interior e preso desde o pasado 2 de novembro en Estremera, deu positivo na proba de tuberculina nos protocolos que se realizan habitualmente no cárcere, mais non desenvolveu a enfermidade. O preso catalán iniciou un tratamento de 3 meses de medicación que lle provocará efectos secundarios, tratamento que tamén seguen outros reclusos na mesma situación. Un sector da poboación de persoas presas neste cárcere español ten Sida ou deu positivo en tuberculina. A dirección de Estremera decidiu hai unas semanas afastar Forn do seu compañeiro de cela, Oriol Junqueras, líder de ERC. Segundo El Nacional, na recente petición do ex conseller de posta en liberdade un dos argumentos era que dera positivo en tuberculina mais o avogado optara por non facelo público. Esa situación padécena máis presos e non é motivo suficiente de posta en liberdade.
NOS_19835
'Amnesia 3.0' consta de 3 capítulos e foi creada por Irene Pin, Iria Iglesias e Natalia Porca.
O festival de contidos dixitais Carballo Interplay acolle esta quinta feira, día 19, ás 22:00 horas, a estrea da primeira webserie interactiva en galego. Trátasede 'Amnesia 3.0', proxecto gañador do premio á produción de proxecto convocado polo propio festival o ano pasado. A estrea será a través da rede, cun coloquio posterior coas creadoras Irene Pin, Iria Iglesias e Natalia Porca. Desta proposta, explica que se trata dunha miniserie de tres capítulos, que conta coa colaboración de Monti Castiñeiras, Sabela Arán e Isabel Naveira. Respecto a este evento, a organización subliña que "constitúe un fito dentro da ficción dixital galega" ao ofrecer a posibilidade de que o espectador se achegue á historia "por un ou outro itinerario que o mesmo poderá escoller". En concreto, avanza que "nos momentos en que os personaxes se cruzan" o espectador poderá "seguir a un ou outro" e , segundo o que escolla, "verán intencións ou accións que se cadra perciben doutro xeito". Trátase dunha serie escrita e dirixida por Irene Pin, xornalista de Nós Diario, producida por Natalia Porca e Cristela Torres. A interactividade está coordinada por Iria Iglesias, tamén autora da banda sonora orixinal. Xunto a ela, nos efectos especiais, está Rocío López, tamén a cargo da dirección de arte. A dirección de fotografía a firma Andry Milán.
NOS_27699
Cal é o legado que a nosa sociedade lle deixará as xeracións vindeiras? Unha pregunta que serviu como detonador para o proxecto Estruturas de fusión, co que o artista Lois Cid gañou o Premio Galicia de Fotografía Contemporánea. O proxecto exponse agora en Lugo, desde onde iniciará unha itinerancia que percorrerá o país.
Como se crea e se transforma o territorio que habitamos, de que forma alteramos a paisaxe cando nos instalamos nela, que consecuencias ten esa interacción entre o lugar e quen se asenta nel. A fotografía de Lois Cid (Xunqueira de Espadanedo, 1993) afonda nestes conceptos: lugar, paisaxe, territorio. Inspecciona os espazos en construción do mesmo xeito que un arqueólogo escava nun depósito, analizando os restos xerados polo derrube de edificios antigos, clasificando o entullo, cotexándoo cos novos materiais que se empregarán na nova edificación. Estruturas de fusión, a exposición que vén de inaugurarse no Pazo de San Marcos de Lugo, foi o proxecto gañador do Premio Galiza de Fotografía Contemporánea convocado pola Asociación Outono Fotográfico coa colaboración da Vicepresidencia da Deputación de Lugo. A mostra permanecerá patente ató o 31 de xaneiro e, a seguir, percorrerá durante dous anos polas salas de exposicións de Afundación de todo o país, do resto do Estado e por tres cidades de Portugal. En Estruturas de fusión, o artista presenta procesos nos que a inestabilidade se apropia do presente, provocando que sexa difícil distinguir entre construción e derrube, propiciando unha reflexión sobre o valor destes "achádegos arqueolóxicos" na sociedade de consumo, sobre os conceptos de centro e periferia ou sobre a xa inevitábel antropización da paisaxe que nos rodea. O que a sociedade descarta recupérase como síntoma dun comportamento cultural que nos retrata. "O paso do tempo sempre fai unha peneira do que pervive e o que non de cada xeración, mais o uso de materiais efémeros nas sociedades actuais podería significar que non lles imos deixar nada ás xeracións vindeiras", di Vítor Nieves O legado que deixamos Vítor Nieves, curador da mostra, explica a Nós Diario que "a aplicación de técnicas arqueolóxicas á practica artística responde á pregunta de que é o que lle vai deixar esta sociedade ao futuro. O paso do tempo sempre fai unha peneira do que pervive e o que non de cada xeración, mais o uso de materiais efémeros nas sociedades actuais podería significar que non lles imos deixar nada ás xeracións vindeiras. De feito, a reciclaxe de materiais -por exemplo, o formigón armado tritúrase para elaborar máis formigón- propicia que os procesos de construción e demolición sexan practicamente indistinguíbeis". A preocupación polo medio natural é outra das constantes na obra de Cid, que mostra en toda a súa crueza o omnipresente rastro da acción humana en calquera paisaxe. Non todas as construcións son iguais: existe unha liña política que separa o centro da periferia, o que está pensado para as clases dominantes e o que se deseña para o resto. "Os novos discursos das artes plásticas fócanse moito nesas paisaxes intervidas polo ser humano, entre outras cousas, porque no mundo globalizado apenas queda xa ningún recuncho que estea libre desa intromisión", di Nieves. "Nese sentido, existe tamén un retrato moi revelador dunha construción que non sempre é tan sustentábel como declara". Aínda que non todas as construcións son iguais: existe unha liña política que separa o centro da periferia, o que está pensado para as clases dominantes e o que se deseña para o resto. A fotografía de Cid, entrelaza esta dialéctica coa que enfronta o local e o universal, engadindo pezas recollidas entre os restos de cerámicas da súa Xunqueira de Ambía natal. "Iso enfronta obxectos moi próximos a nós e á nosa cultura co contexto global, o que dá lugar a resultados moi suxestivos", resume Nieves. Abrir a arte á sociedade Ademais da exposición en sala, Lois Cid quere romper coa tradición do "cubo branco" e abrir o proxecto á sociedade, a un público máis amplo que o habitual nos centros de arte, para o cal levou a cabo diversas intervencións en espazos públicos de Lugo, lugares que se atopan actualmente nese estado de construción/derrubamento sobre os que pon o foco a exposición. "Esta é unha experiencia que imos repetir ao longo de toda a itinerancia da exposición, en todas as cidades polas que pase" adianta Nieves, "para incidir aínda máis nese confronto entre o local e o universal. Estas intervencións recóllense en vídeo e as gravacións pasan a formar parte da exposición, nunha viaxe de ida e volta que pecha o círculo: a arte que sae da sala de exposicións cara á rúa acaba retornando a ela en forma de vídeo, para comparar esas dúas vidas do proxecto. E tamén para convidar ao público da sala a buscar esas microexposicións espalladas pola cidade".
NOS_6068
"Franco matou moitísima xente", dixo o artista, que foi arrestado por axentes da Garda Civil.
Un artista galego, Enrique Tenreiro, protagonizou nesta cuarta feira unha sorpresiva acción artística: Pintar con pintura vermella sobre a tumba de Franco no Val dos Caídos unha pomba e o lema "Por la Libertad". O escultor coruñés xustificouse: "Franco matou moitisima xente". Por la libertad". Un artista galego, Enrique Tenreiro, protagoniza a imaxe do día ao realizar unha "acción artística" na tumba de Franco pic.twitter.com/InBivDxXcZ— Nós Televisión (@NosTelevision) 31 de outubro de 2018 "É o meu gran de area para aliviar a dor dos perdedores dunha guerra civil que non debeu producirse", explicou o artista. A acción deorreu pouco despois das once da mañá e cando nese lugar se atopaban unha vintena de persoas. A Garda Civil arrestou Tenreiro após realizar a pintada e levouno para tomar declaración e realizar as accións pertinentes, segundo Patrimonio Nacional.
PRAZA_2728
A oitava edición da feira galega das industrias culturais, a piques de abrir as súas portas. Entre o venres 4 e o domingo 6 pasarán polo Pazo da Cultura de Pontevedra 15.000 persoas. Haberá un recordo especial para Neira Vilas
Este venres abre as súas portas unha nova edición do Culturgal, de novo en Pontevedra e coma sempre amosando unha moi completa representación da cultura galega que se fai hoxe en día. Do venres 4 ao domingo 6 ao redor de 15.000 persoas pasarán polo Pazo da Cultura da cidade, onde atoparán expositores de editoriais, discográficas, produtoras, distribuidoras, institucións, colectivos e outras iniciativas, e onde poderán asistir a presentacións de libros e proxectos, concertos, proxeccións, representacións teatrais e doutras artes escénicas, gozando ademais da mellor gastronomía. En total, 81 entidades expositoras e máis de 120 actividades no programa oficial da feira ás que hai que sumar as organizadas polos stands. A entrada será de pago, como unha forma de axudar a soster a iniciativa, aínda que os prezos volven ser populares: 2 euros a entrada para persoas adultas e 1 euros para menores de 12 anos Dende a organización do Culturgal destácase que esta edición seguíu avanzando no obxectivo, xa apuntado o pasado ano, da "corresponsabilidade", é dicir, de "construirmos xuntos a feira", entre público, iniciativa privada e tamén institucións, pero sobre todo o propio público e entidades participantes, para acadar "un modelo de xestión sostible e de futuro", que non dependa de subvencións e outras achegas externas. "A participación económica estable e compensada nun 60 % de achegas públicas e un 40% de achegas privadas, fan que o maior escaparate para a culturga galega teña un futuro compartido colectivamente", subliñan. Ao igual que sucedera no 2014, a entrada será de pago, como unha forma de axudar a soster a iniciativa, aínda que os prezos volven ser populares: 2 euros a entrada para persoas adultas e 1 euros para menores de 12 anos. Os menores de 3 anos non pagan e, ademais, o público do Culturgal conta con descontos en máis de 30 establecementos hosteleiros de Pontevedra en virtude dunha iniciativa posta en marcha pola concellería de Promoción da cidade. Haberá moitas escritoras e escritores presentado novidades e charlando co público: Manuel Rivas, Ledicia Costas, Fran P. Lorenzo, Andrea Maceiras, Héctor Cajaraville, Antón Riveiro Coello, Diego Ameixeiras e moitos máis. O Culturgal 2015 terá un recordo especial para Xosé Neira Vilas, que ía presentar na Feira o seu último libro, publicado por Galaxia. A editorial mantén o acto do sábado 5 ás 12:45 converténdoo nunha homenaxe ao escritor de Gres. O Culturgal 2015 terá un recordo especial para Xosé Neira Vilas, que ía presentar na Feira o seu último libro Os máis pequenos e pequenas son os grandes protagonistas do Culturgal que programa na mañá do domingo 6 o espectáculo especial (de pago) Canta o cuco. Uxía e Magín Blanco na Casa de Manuel María, coincidindo co lanzamento do libro disco do mesmo título de Galaxia. O sábado á noite haberá humor e contos, da man de Candido Pazó, Celso Fernández Sanmartín, Lucía Aldao e María Lado, catro dos mellores contadores de historias reunidos no escenario do Auditorio do Pazo da Cultura de Pontevedra. Será ás 21:30, co espectáculo Dá de contar a quen pasa. Unha noite de historias, risas e tenrura. Culturgal dedica unha liña de programación ao audiovisual galego nun programa coordinado por Agapi. Haberá presentación de documentais coma o dedicado ao músico Manuel Quiroga ou ao escultor Francisco Leiro, proxección de filmes de ficción como Las altas presiones de Ángel Santos e maratón de webseries o sábado pola tarde. Tamén sorpresas, como coñecer a faceta fílmica do escritor Xabier P. Docampo, que leva á pantalla do Culturgal un proxecto iniciado en 1982 e retomado en 2015. De cine tamén vai o Premio do Público Culturgal 2015, que será entregado na tarde do domingo 6 ao Festival Curtocircuíto tras ser o vencedor na votación popular online promovida polo Culturgal no mes de outubro. Haberá igualmente -como xa sucedera o pasado ano- unha gran exposición coincidindo coa feira. Se na pasada edición o tema foi o libro de artista, en 2015 as simbioses entre arte e arquitectura centran a proposta dos comisarios Paula Cabaleiro e Antón Sobral co apoio da Deputación de Pontevedra a través do Museo de Pontevedra. Vinte e dous artistas e arquitectos participan na mostra Somos Espazo que se inaugura o 4 de decembro, ao tempo que o Culturgal, e estará aberta no Pazo da Cultura de Pontevedra até o 10 de xaneiro. Destaca tamén a importante presenza da actividade das cooperativas culturais galega, a través do Consello Galego de Cooperativas. Aí están, por exemplo, 7H Cooperativa Cultural, Cestola na Cachola, O Cable Inglés, Pegadas, Coop ReXenerando, Soc. Coop. Galega Urdime, Xeitura/Xestión Integral do Patrimonio Cultural, 10d10 [ dezdedez ], Redesal ou Galicia Economía Creativa. Haberá igualmente un espazo reservado á ciencia, sobre todo nas actividades dirixidas aos e ás máis pequenas da casa. Na mañá do sábado o Espazo Infantil dedicará unha sesión aos descubrimentos, á razón e á investigación. De que estamos feitos? Son os virus amigos ou inimigos? Cantas cousas non vemos e son importantes? Poden as algas ser tóxicas? Hai números grandes e números pequenos? Son algunhas das preguntas e dúbidas que se resolverán a través de charlas e interaccións co público. Ademais, celebraranse dous obradoiros sobre "micro-adiviñas binoculares" e "biotecnoloxía na cociña". Consulta aquí a programación completa do Culturgal Consulta aquí o mapa de expositores
NOS_16123
No aniversario da morte do de Rianxo diversos actos honras a vida e obra da figura central do nacionalismo galego.
Esta cuarta feira (7 de xaneiro) cumpríronse 65 anos do pasamento de Castelao. O político, debuxante e escritor nacionalista finou na cidade de Bos Aires a causa dun cancro de pulmón. O 9 de xaneiro, dous días despois do seu pasamento, foi soterrado en Chacarita onde permanecerían os seus restos até xuño de 1984. Con motivo do 65º aniversario da súa morte diversos colectivos desenvolven senllos actos de lembranza e homenaxe a quen foi a figura central do nacionalismo galego. Esta cuarta feira a Fundación que leva o seu nome organizou no Panteón de Galegos Ilustres, onde se atopan os seus restos, un acto ao que asistiron o presidente da entidade, Carlos Mella, a historiadora Encarna Otero, o ex-portavoz nacional do BNG, Anxo Quintana, o presidente do Padroado do Museo do Pobo Galego, Xusto Beramendi, Tuco Cerviño, ex-deputado do PSOE e o académico Xosé Luís Axeitos, entre outras persoas. Aliás, o día 10 de xaneiro o BNG organiza unha homenaxe en Rianxo, vila natal de Castelao. A organización frontista desenvolverá un roteiro musical e poético co que lembrar a vida, obra e pensamento de Castelao e que partirá ás 11.00h da Casa do Concello. Asemade, a asemblea local do Bloque en Catalunya aproveitou a data para denunciar o estado no que se atopa a estatua en lembranza do de Rianxo na cidade de Barcelona. Desde a organización frontista iniciaron contactos co goberno da cidade condal para instar á súa recuperación.
PRAZA_8497
Mostra de Teatro Universitario de Ourense cumpre a maioría de idade convertida en todo un referente dos festivais de teatro universitario e profesional a nivel galego, estatal e internacional.
Como todos os anos, cando chega a primavera, chega tamén a MITEU. A Mostra de Teatro Universitario de Ourense cumpre a maioría de idade convertida en todo un referente dos festivais de teatro universitario e profesional a nivel galego, estatal e internacional. Dino os seus participantes de todo o mundo, que por uns días se converten en convidados a unha cidade, Ourense, que tornará durante dúas semanas, dende este venres 12 ao sábado 27 de abril, anfitrioa privilexiada das xentes das artes escénicas. E todo iso a pesar da malchamada "crise" e das trabas económicas impostas pola Xunta, que non concreta nin asegura o seu apoio futuro e non achega máis que 900 euros para o festival máis importante de Ourense. Faino a través da pasiva AGADIC, a Axencia Galega das Industrias Culturais, que Gali, unha alumna e actriz da Aula de Teatro de Ourense, parodiou encarnando unha moza durmindo pracidamente durante a presentación á prensa da programación da MITEU. Cando se lle preguntou se colaborara, espertou e contestou: "nin si nin non, senón todo o contrario". A edición deste ano conta con 65.000 euros de orzamento, un 20% menos que en 2012, dos cales o Concello achega a maior parte, 33.600, ademais de apoio material e técnico e o Teatro Principal; a Universidade de Vigo uns 10.000, cedendo as aulas de teatro e colaborando o resto do ano; e a Deputación de Ourense 9.500, poñendo a disposición do festival o Auditorio. O Goberno español prexudicou tamén o normal desenvolvemento do festival ao denegarlle o visado á compañía de Tunisia, por, segundo o cónsul, existir o risco de que os seus membros "puidesen quedar en España de maneira irregular", polo que non terá lugar a súa representación nin a charla que ían dar sobre a realidade do seu país. Porén, a XVIII MITEU seguirá na mesma liña de difusión do teatro nacional, estatal e internacional e o achegamento ás diversas culturas, con 17 aulas universitarias e unha ducia de compañías profesionais de teatro de Brasil, Ecuador, Arxentina, EEUU, Tunisia, Italia, Portugal (Covilhâ, Lisboa, Coimbra, Aveiro), España (Madrid, Castela-León, Navarra, Cataluña) e Galicia. Ademais entregará os seus habituais premios do xurado, o público e a organización aos mellores espectáculos. E os responsables da MITEU ofrecerá o seu premio de honra á Plataforma das Artes Escénicas, como recoñecemento do labor e o esforzo realizado durante todo este ano de oprobio dende o Goberno galego aos profesionais do sector. Vidal Bolaño, grande autor contemporáneo do teatro galego e homenaxeado nas Letras Galegas deste ano, cobrará especial relevancia grazas ás montaxes preparadas para a ocasión de Cordelia (Ourense) e outras aulas universitarias coma Lugo, Vigo ou A Coruña A figura de Vidal Bolaño, grande autor contemporáneo do teatro galego e homenaxeado nas Letras Galegas deste ano, cobrará especial relevancia grazas ás montaxes preparadas para a ocasión de Cordelia (Ourense) e outras aulas universitarias coma Lugo, Vigo ou A Coruña. Xunto a este clásico de hoxe, teremos clásicos de sempre como a Antígonas de Sófocles ou a Medea de Eurípides, a través de Lisboa e Madrid, respectivamente, e autores contemporáneos como Rodrigo García (Compostela), Alfredo Sanzol (Pamplona) ou Juan Luis Sáez (Burgos), "palabras comprometidas co seu entorno, co seu mundo". Compañías galegas da "traxectoria" de Ningures ou Teatro do Adro, creacións recentes coma Pinchacarneiro, o teatro do corpo e dramaturxia de actor de Banda Kurenai e Eduardo Okamoto, o teatro infantil de Geppeto, teatro de rúa (Rosaura, Trécola,Túnez, Lisboa, Lugo), xunto ao humor tan necesario" e profesional como o de Yllana (Madrid), Jango Edwards (EEUU), Acontrabutaca ou os Irmáns Lumieira (Galicia), que queren "afastarnos do suicidio colectivo, aínda que Maricastaña" o propoña con "encanto" (en referencia ó título da última peza do nivel superior da Aula de Teatro Universitario de Ourense, que pechará coma sempre o festival). Xunto ao moito teatro, adulto e infantil, universitario e profesional, danza e mesmo maxia, haberá actividades complementarias e outras artes tocando o teatro que converten a MITEU un festival multidisciplinar: un curso de "artes performativas de Oriente" con Cecilia Hopkins (Arxentina), moita música, con Alba Sarraute, Best Life, Ménage à Trois e Xosé Manuel Budiño. unha exposición fotográfica da Asemblea de Cooperación pola Paz sobre Tunisia, berce da "primavera árabe", o documental Positive Generation de Médicos sen Fronteiras, encontros das compañías co público, etc. Nesta edición, o seu director Fernando Dacosta elixiu como tema da "Benvida" a importancia das palabras, o seu significado, valor e a prostitución que se fai destas na sociedade actual. Coma sempre, o compromiso social é inherente a este festival, que aspira, máis que a evadirnos, a representar, falar e reflexionar sobre a realidade do noso tempo, a través das palabras e das historias: 16 días de emoción, reflexión, humor, poesía e teatro nos que Ourense se converte na capital do Teatro "Vivimos en tempos onde a palabra corralito, agradable e suave, designa o roubo dos cartos ao pobo. Externalización utilízase para a privatización salvaxe daquilo que custou tanto tempo, esforzo e loita conseguir, como a sanidade pública, por exemplo, ou a educación, ou a xustiza. Chámase rescate ao apresamento infame dos pobos. Constitución é sinónimo de inmobilismo. Democracia é perpetuación no poder dos de sempre. Terrorismo serve agora para referirse a reivindicacións necesarias; deber (da policía, por exemplo) ponse enriba da mesa para non dicir ostiar (aos manifestantes por exemplo); Mentira é verdade e verdade é mentira. Reforma laboral serve para despido libre; brotes verdes dise no canto de algúns estanse forrando e forraranse máis; preferentes utilízase por non dicir timo; bilingüismo remítenos a inglés mal falado xunto a español mal falado (non ao galego, "idiolecto" infame para certas persoas que rexen a educación). Cando se fala de interese nacional debe lerse o interese dos poderosos; festa nacional coma tortura a animais; beneficio bancario como diñeiro que nos arrebatan;cidade da cultura como cemiterio da cultura; peaxe como sistema feudal de cobro de camiños,... Cando din Deus queren dicir Eu (por eles)". En definitiva, 16 días de emoción, reflexión, humor, poesía e teatro nos que Ourense se converte na capital da escena. Moita máis información na web da MITEU, e axenda actualizada día a día n'O Galiñeiro, o blog de teatro de Praza Pública.
PRAZA_20735
A conselleira de Medio Ambiente gabouse a pasada primavera de que en 2016 o Parque "sobrepasou a barreira dos 400.000 visitantes" e apostou por superar ese "récord" mentres este espazo natural segue a agardar polo seu Plan Reitor, que o propio Goberno admitiu como "fundamental" Toda a oposición culpa a Feijóo e Mato do descontrol nas Cíes e ínstaos a aclarar por que non actuaron antes
Toda a oposición culpa a Feijóo e Mato do descontrol nas Cíes e ínstaos a aclarar por que non actuaron antes Sospeitas sobre a venda de billetes irregulares acrecentan o conflito pola masificación das Cíes "O 2016 foi un ano récord para o arquipélago das Illas Atlánticas, pero queremos máis". Nos primeiros días do pasado febreiro a conselleira de Medio Ambiente, Beatriz Mato, resumía deste xeito durante un acto na illa de Sálvora a aposta estratéxica do seu departamento para o Parque Nacional das Illas Atlánticas, "que no pasado exercicio sobrepasou a barreira dos 400.000 visitantes". Facíao apenas dúas semanas despois de presentar na Feira Interacional de Turismo (Fitur) de Madrid as principais liñas do Plan de promoción e posta en valor do patrimonio natural de Galicia, un proxecto no que o Goberno galego aposta abertamente por ligar o turismo a espazos naturais protexidos. O escándalo pola venda de billetes fraudulentos por parte das navieiras que viaxan ás Illas Cíes e a consecuente masificación do arquipélago vigués devolve ao primeiro plano da actualidade unha declaración de intencións do departamento de Medio Ambiente do Goberno galego que, da man da Axencia Turismo de Galicia, se producía mentres a propia Administración levaba anos a gabarse de incrementos no número de turistas superiores ao 100%. Mato gabouse a pasada primavera de que en 2016 as Illas Atlánticas "sobrepasaron a barreira dos 400.000 visitantes" e apostou por superar ese "récord" Así, por exemplo, en 2015 dende a Xunta admitíase que no primeiro semestre dese ano pasaran polas Cíes máis de 75.000 persoas, mentres que apenas tres anos antes eran pouco máis de 37.000. Ao tempo, dende Turismo de Galicia viñéronse facendo públicos balances que avanzaban a superación do límite establecido para a conservación desta privilexiada contorna natural, fixado en 2.200 visitantes máis 800 campistas. Foi o caso do verán de 2013, cando a responsable de Turismo da Xunta, Nava Castro, revelaba que só a través das navieiras que viaxan a Cíes viaxaran durante o mes de agosto 92.429 pasaxeiros, unha media de máis de 3.000 ao día segundo as propias cifras oficiais. Os indicios de masificación chegaron tamén neste 2017 tras o balance realizado por Medio Ambiente a respecto da afluencia do turismo ao Parque das Illas Atlánticas durante a Semana Santa. Nese período vacacional -este ano estendeuse do 10 ao 16 de abril- visitaron as Cíes, segundo datos da dirección xeral de Patrimonio Natural, algo máis de 13.800 persoas, un incremento de máis de 7.000 con relación á Semana Santa do ano anterior, isto é, un 110% máis. No conxunto do Parque o incremento estivo por riba do 120%, segundo a mesma fonte. Os datos da Semana Santa foron, precisamente, algúns dos esgrimidos por Mato a pasada primavera durante a presentación do controvertido proxecto da Xunta para fiar a candidaturas das Illas Atlánticas a Patrimonio da Humanidade, confeccionado á marxe da procura do galardón que o Concello de Vigo realiza concentrándose só nas Cíes. "Este espazo natural foi visitado por máis de 400.000 persoas durante o pasado ano" e "na última Semana Santa a afluencia ás catro illas incrementouse nun 122%", dixo daquela a conselleira, quen non obstante considerou que se trata "dun turismo que crece" pero "sempre dende un punto de vista sustentable". "Seguiremos coidando desta xoia e seguirémola proxectando ao mundo", prometera. Espera polo Plan Reitor e alertas ecoloxistas Embarcación nas Cíes o pasado 18 de agosto, un dos días das denuncias por venda excesiva de pasaxes / Praza Pública A Xunta admitiu en 2009 que o Plan Reitor é a "norma básica fundamental para a xestión do Parque", pero segue sen ser aprobado O enfoque turístico das Cíes en particular e do conxunto das Illas Atlánticas en xeral -esta mesma semana Mato gabouse de que os 9.469 visitantes recibidos por Sálvora o pasado xullo supoñen un incremento do 56% con relación ao mesmo mes do ano anterior- prodúcense mentres o Parque Natural segue a agardar pola aprobación dun Plan Reitor de Uso e Xestión, un documento ao que o propio goberno outorgou en 2009 o carácter de "norma básica fundamental para a xestión do Parque". Nese plan, segundo o avanzado polo propio Executivo, ficarán establecidas os eventuais límites diarios de visitas a illas que aínda non os teñen, caso das Ons, a onde están a ser desviados estes días parte dos visitantes que non poden viaxar a Cíes polo escándalo das navieiras. A Federación Ecoloxista Galega advertiu en 2016 de que as navieiras "duplican a diario a cota máxima" de visitantes Algúns destes aspectos foron xa advertidos nos últimos anos por organizacións ambientalistas como a Federación Ecoloxista Galega, que a comezos de 2016, tras negarse Mato a revisar os cupos diarios de visitas ás Cíes, lamentaba que a Consellería "pensase cifras para satisfacer os intereses de navieiras e hostaleiros", pero "non para garantir a conservación e sustentabilidade do parque". "As navieiras -advertía en febreiro dese ano a FEG- duplican a diario a cota máxima, sendo o habitual que accedan máis de 5.000 ou 6.000 persoas", o que a xuízo desta organización amosaba xa daquela que "a Xunta apostou non só por ser cómplice, senón por agravar o problema". Episodios como a masificación das Cíes, sinalaba a FEG, amosaban ás claras o risco de que o Parque das Illas Atlánticas tornase cada verán "nun parque de atraccións masificado e ruidoso" no que a propia Administración "pon os medios para que se acaden cifras disparatadas de turistas". "Dende varias Administracións estase a promover, coa praia de Rodas como bandeira, un lugar paradisíaco" como destino "de turismo de praia" mentres "non existe unha mínima preocupación por, por exemplo, a redución á metade de colonias de aves mariñas dende a transferencia da xestión do parque á Xunta" ou porque "o corvo mariño cristado enfile xa o camiño da extinción no Parque, como antes lle ocorrera ao arao".
PRAZA_9402
Se este proxecto puido manterse en pé foi a pesar do olímpico desinterese dos executivos. Fun obrigado a facturar como traballador autónomo. E, por mor diso, permanecín exposto a un perverso réxime de pau e cenoria, que alternaba veladas ameazas de despedimento e falsas promesas de regularización
Desde a súa presentación en sociedade, Naturgy actuou de forma perfectamente previsible. E conforme ao 100% co que, no fondo, e aínda que poida non gustarnos, terminou sendo: unha multinacional sen raíces nin conciencia; unha franquía que despide, deslocaliza e vende sen atender a máis necesidades que o seu propio beneficio a curto prazo; unha apisoadora pilotada por uns accionistas accidentais, que moitas veces nin sequera saben que o son, e que, en calquera caso, limítanse a estar de paso: ansiosos por facer caixa e marchar a calquera outro lugar. Como unha praga de lagosta. Ou como eses alieníxenas itinerantes que atacan o planeta terra nos cómics de superheroes. Se este proxecto puido manterse en pé foi a pesar do olímpico desinterese dos executivosEsta penosa situación resulta evidente para os que a sufrimos desde dentro. E para calquera que queira vela desde fóra. Pero non debe, en ningún caso, levarnos a mitificar capítulos pasados na historia da empresa. Nin anteriores nin posteriores ao dobre proceso de concentración de marcas e dispersión de accións que deu forma ao monstro. Polo menos no referente ás súas políticas de mecenado, que son as que agora nos ocupan. Ben ao contrario, o paso do tempo demostrou que o proxecto artístico impulsado por Julián Trincado, máximo responsable de Fenosa e Unión Fenosa durante os anos finais do século pasado, foi unha aposta meramente persoal; un intento fracasado de transferir os seus gustos e inquedanzas á compañía que presidiu; unha quimera que apenas conseguiu sobrevivirlle. E que nunca arraigou entre os seus sucesores. De feito, se este proxecto, materializado no museo que primeiro se chamou MACUF e despois MAC, puido manterse en pé ata hai poucas semanas (ata a execución do peche unilateral e arbitrario decretado pola cúpula de Naturgy), foi a pesar do olímpico desinterese dos executivos que, desde o falecemento de Trincado, en agosto do ano 2000, se ocuparon da súa administración. E grazas á acción conxunta dunha serie de factores providenciais que me dispoño a enumerar. O abandono do MAC por parte dos seus propietarios plasmouse, por exemplo, en constantes altibaixos orzamentariosO primeiro sería, sen dúbida, a pura inercia. Ou a preguiza que ata o peor dos viláns de cómic sente cando se enfronta ao desmantelamento de algo que, obviamente, funciona. O segundo, o empeño, en ocasións suicida, dos dous directores da institución: Luís Caruncho entre 1995 e 2005, Carmen Rivera entre 2005 e 2018. O terceiro, e talvez máis importante, o sentido da responsabilidade do cualificadísimo equipo profesional encargado de dar forma ás visións de ambos os directores. Un equipo do que tiven a honra de formar parte durante dúas décadas completas. O cuarto e derradeiro, a óptima rendibilidade das cantidades investidas cada ano no funcionamento da institución. Polo menos en termos de lavado de imaxe. Ou, dito de forma máis elegante, de impactos mediáticos positivos. Que, en caso de terse procurado mediante campañas de publicidade directa, terían custado entre un 1000 e un 2000% máis (segundo estimacións que a propia compañía realizou hai un lustro). O abandono do MAC por parte dos seus propietarios plasmouse, por exemplo, en constantes altibaixos orzamentarios, que con frecuencia se decidiron e notificaron tras a adquisición de compromisos de gasto. Ou nunha política de comunicación entre errática e inexistente, confiada aos mesmos axentes que anunciaban poxas de CO2 e cortes de subministración eléctrica. Ou nun aproveitamento deficiente e anticuado de internet e redes sociais. Pero, sobre todo, nunha demencial xestión de recursos humanos. Permanecín exposto a un perverso réxime de pau e cenoria, que alternaba veladas ameazas de despedimento e falsas promesas de regularizaciónSirva como mostra un botón: desde xaneiro do 1999 ata xaneiro de 2019 (é dicir, durante vinte anos exactos), ocupeime, a xornada completa e con dedicación exclusiva, do deseño, desenvolvemento e condución das actividades educativas ofrecidas aos visitantes do museo. Pero só o último ano e medio puiden cobrar unha nómina e gozar de condicións equiparables ás do resto de traballadores da empresa. Porque os dezaoito anos e medio anteriores fun obrigado a facturar como traballador autónomo. E, por mor diso, permanecín exposto a un perverso réxime de pau e cenoria, que alternaba veladas ameazas de despedimento e falsas promesas de regularización; un réxime que me espremeu máis aló do límite das miñas forzas e que só foi levantado tras o demoledor ditame dunha inspección laboral. Obviamente, esta situación non me afectou só a min: quen podería resistirse a ampliar persoal de forma tan barata e conveniente? Outros sete profesionais altamente especializados víronse involucrados na mesma fraude laboral, durante períodos de tempo comprendidos entre os catro e os dezaseis anos. E cinco deles foron despedidos ao mesmo tempo ca min. Non cabe agardar gran cousa das negociacións sobre a reapertura do museo que a empresa mantén coa corporación local coruñesa desde hai xa algúns mesesÁ vista destes antecedentes, diría que non cabe agardar gran cousa das negociacións sobre a reapertura do museo que a empresa mantén coa corporación local coruñesa desde hai xa algúns meses. Salvo, talvez, unha serie de evasivas e manobras envolventes, tendentes a crear as condicións óptimas para un novo pelotazo urbanístico. Que, en caso de consumarse, sería o terceiro en apenas dous quilómetros de espazo e dúas décadas de tempo, tras os proveitosos alleamentos da sede de Unión Fenosa en Fernando Macías e dos amplos terreos onde hoxe se alza o centro comercial Marineda. En países de tradición anglosaxoa, o patrocinio de actividades culturais por parte de corporacións industriais e financeiras continúa gozando dunha saúde inmellorablePodería parecer inevitable que, nos tempos que corren, unha gran empresa se comporte así. Pero, por fortuna, isto non é certo: en países de tradición anglosaxoa, o patrocinio de actividades culturais por parte de corporacións industriais e financeiras continúa gozando dunha saúde inmellorable. E tamén aquí, na mesma cidade que Naturgy trata de abandonar con tanto empeño, existen aínda empresas e fundacións que apostan por reinvestir na súa terra, que confían os seus procesos de expansión a socios locais, que orientan o seu labor de responsabilidade social cara a quen propiciou o seu primeiro despegamento. Empresas e fundacións que proxectan novos museos, que manteñen abertas salas de exposicións, que producen eventos culturais da máis diversa natureza. De feito, algunhas delas fano dentro do mesmo polígono industrial que o MAC habitou durante case un cuarto de século. Longa vida a todas elas!
NOS_8377
As traballadoras galegas tardarán un mínimo de 300 anos en conseguir a equiparación salarial cos homes, denuncia un informe da CIG sobre a situación laboral da muller
A pandemia expulsou do mercado laboral a miles de traballadoras galegas que se viron obrigadas a asumir novamente os coidados de dependentes e crianzas, destruíu emprego (maiormente feminino) e aumentou a taxa de temporalidade neste colectivo. Estas son algunhas das conclusións, entre outras, do 'Informe da Situación Sociolaboral das Mulleres en Galiza', 2020 elaborado polo Gabinete de Economía da CIG e que se presentou esta quinta feira. "Desde o ano 2009 a fenda salarial reduciuse en 2,6 puntos porcentuais, o que en termos absolutos equivale a 150 euros menos de diferenza entre os salarios dos homes e das mulleres. De seguirmos a este ritmo, farían falta 300 anos para conseguir a equiparación salarial cos homes", incide o informe A secretaria das Mulleres da CIG, Margarida Corral, afirmou que a pandemia puxo en evidencia a acertada análise do feminismo galego cando no 8M de 2020 denunciaba que "sen coidados non hai vida", amosando que os traballos feminizados son esenciais para o desenvolvemento da sociedade. Os datos da EPA relativos ao ano 2020 que recolle o Informe indican, sinala o sindicato, como a muller "vai ser a gran damnificada pola pandemia" porque, segundo explicou a responsable do Gabinete de Economía da CIG, Natividade López Gromaz, "a muller viuse obrigada a abandonar o mercado de traballo para dedicarse aos coidados de menores e dependentes por mor do confinamento". Tal é así que se estima que 2020 rematou con 10.200 mulleres máis dedicadas a 'labores de fogar' que en 2019. Ademais, o 77% do emprego destruído foi feminino, pero iso "non se reflectiu na poboación parada, senón que provocou un descenso na poboación activa" co que a taxa de actividade masculina volve superar á feminina en máis de 10 puntos. A maior presenza de mulleres en actividades esenciais na pandemia non foi abondo para compensar a caída da ocupación feminina no resto de sectores. "A maior precariedade e temporalidade propiciou que foran as primeiras en ser despedidas ao inicio da pandemia", apuntou López Gromaz quen sinalou que as maiores perdas de emprego déronse no sector Servizos, nomeadamente nas actividades máis feminizadas, como a hostalaría. Ademais, agás no sector público –onde todos os novos contratos asinados por mulleres foron temporais- perdeuse emprego en todas as categorías profesionais. Xunto a isto, "entre as mulleres o maior descenso produciuse entre as empregadas no sector privado; entre os homes entre autónomos ou traballadores independentes". Así as cousas, a taxa de temporalidade entre as mulleres sitúase no 26%, case 4 puntos por riba da masculina, cando en 2020 a diferenza era de 2,7 puntos. E isto ocorre cando, ademais o 77% dos empregos a xornada parcial foron subscritos por mulleres, mentres que en 2019 eran o 75,2%. Con todo, a economista da CIG advertiu que as consecuencias desta situación veranse a longo prazo, sobre a xubilación e "van agravar a xa forte fenda salarial existente". Lembrou que en 2020 o número de anos cotizados para acceder á máxima pensión correspondente era de 36 anos e 9 meses, que non acadou nin a poboación con máis de 65 anos. De media os homes tiñan 34, 4 anos cotizados e as mulleres apenas superaron os 23 (23,3). Diante desta situación, a secretaria das Mulleres asegurou que os datos, que cualificou de "demoledores" xustifican a necesidade, "posibelmente máis que nunca na historia recente, de saírmos á rúa para denunciar". Demandou "cambios reais xa" e augurou que "non queda outro camiño que a loita incómoda" para denunciar a situación "tanto laboral como asistencial, das residencias da terceira idade, dos centros de día, dos centros de atención á diversidade, dos servizos de axuda no fogar que o goberno do PP na Xunta de Galiza vén desmantelando e privatizando para facer deles un novo negocio a custo das persoas máis vulnerables". Denunciou a dobre explotación que sofren as mulleres tanto no traballo asalariado como nos fogares e que o goberno do Estado "foi incapaz de blindar os dereitos de conciliación" das persoas traballadoras e de poñer as vidas no centro das políticas públicas. "
NOS_22838
A entidade privada que se fixo a prezo de saldo co que foron as vellas caixas galegas asegura nunha nota de prensa que obtivo beneficios "sete veces superiores" aos de antano, sen computar o prezo público que tivo a súa venta.
Logo de ser rescatada con diñeiro público e vendida a moi baixo prezo, as vellas caixas que logo foron o único músculo financeiro de Galiza, comezan a gañar cartos, que non revirten, ao seren agora propiedade privada. Abanca (o que antes era Novagalicia Banco, na actualidade en mans de empresariado financeiro venezolano) pechou o primeiro semestre de 2014 cun beneficio antes de impostos de 440 millóns de euros, sete veces máis que as cifras do ano anterior, e situou o seu ratio de capital no 12,12 por cento, o que a sitúa como "unha das entidades máis sólidas do sector en España", segundo presumen nunha nota de prensa sen alusións aos custes anteriores, os públicos. Abanca súmase ao discurso triunfalista da "recuperación" Segundo informaron fontes do banco, nos primeiros seis meses de ano incrementáronse os depósitos de clientes minoristas en case mil millóns de euros, situándose en máis de 32.600 millóns de euros. Abanca recalcou que estas cifras evidencian "unha dinámica de clara recuperación da confianza dos clientes", nun discurso moi parecido ao oficialista. Milleiros de preferentistas seguen esperando a que lles devolvan os cartos, segundo denunciaron hai pouco. A entidade, que asegura que ten unha liquidez próxima aos 8.600 millóns de euros afirma que mellorou tamén a súa marxe comercial e a súa "presenza no mercado galego". Así, segundo avanzou, esta presenza aumentou, só no primeiro trimestre de ano, en 110 puntos. As propostas de crear unha banca pública galega que ten lanzado o BNG e outras forzas, segue negada polos Gobernos.