ID
stringlengths
5
12
summary
stringlengths
0
1.73k
text
stringlengths
0
68.7k
NOS_44697
Máis de catro horas de atraso sufriu o voo que comunica Madrid con Compostela na tarde de onte, polas sospeitas de que unha das persoas que prevía viaxar, procedente de Italia, podía estar infectada por coronavirus.
Así se lle comunicou á pasaxe unha vez dentro do avión, onde permaneceu en espera da autorización para realizar a conexión, que demorou desde a hora prevista, 19.45 horas, até a media noite. O protocolo activouse, segundo relata un dos viaxeiros, polo malestar dun menor que formaba parte dunha excursión procedente de Roma. O aviso fixo que se obrigase a embarcar a toda a pasaxe, incluída a excusión, agás o rapaz. Como indica, foi o comandante quen foi proporcionando a información que se lles deu até que, en determinado momento, apareceu persoal do Ministerio de Sanidade no avión, protexido con máscaras e traxes, para informar dos protocolos a seguir polo risco de contaxio. Finalemente, o voo puido despegar e chegou pasada a unha da madrugada a destino, sen que as persoas viaxeiras fosen sometidas a ningún tipo de control médico, máis alá de deixar os seus datos documentados e a consigna de chamar ao 112 ante a eventual aparición dalgún síntoma.
NOS_33603
Malia a contención da enfermidade grave e dos falecementos con respecto a etapas previas da pandemia, "a alta incidencia e as cadeas non controladas de transmisión provocan un goteo continuo de ingresos hospitalarios e de mortes que non podemos normalizar como sociedade", advirte.
O Colexio de Médicos de Ourense pide que nas comidas, ceas e reunións familiares e sociais de Nadal "o número de asistentes sexa o menor posíbel entre non convivientes", á vez que apela á responsabilidade "individual e colectiva" para ter "un inverno mellor que o anterior" pola incidencia da Covid A entidade explica nun comunicado que "a sexta onda expándese" e pon o foco na cidade de Ourense e na súa contorna: "presentan as taxas de infección e hospitalización máis elevadas da Galiza". "É certo que o alto nivel de vacinación na poboación, está a conseguir reducir en gran medida a gravidade dos casos e a diminuír substancialmente a transmisión do virus", detalla. O colectivo médico advirte que "a alta incidencia por si mesma e as cadeas non controladas de transmisión provocan un goteo continuo de ingresos hospitalarios e de mortes", que non se poden normalizar, "e a sensación que temos os sanitarios é que se está normalizando", lamenta. Sobrecarga asistencial O avance da sexta vaga da Covid vén sumar a unha "crecente sobrecarga asistencial desde hai anos, cunha poboación envellecida e con múltiples enfermidades crónicas", que sitúan o sistema sanitario, tanto a Atención Primaria como os hospitais, "nunha situación crítica, con moitos dispositivos e servizos ao límite do colapso". Por todo iso, alertan de novo á poboación sobre esta pandemia que "segue requirindo de todos a mesma responsabilidade individual e colectiva que desde o seu inicio, e a necesidade de seguir cumprindo máis que nunca, as medidas de protección", como o uso de máscara, a distancia e a ventilación. Vacinación A estas medidas de prevención a entidade colexial engade a vacinación de quen aínda non puxo a primeira dose mais tamén de quen espera a súa de reforzo "Ao que agora debemos engadir a imprescindible vacinación de todos os que aínda non están vacinados ou están pendentes das doses de reforzo. "É imprescindible, si, racional e eticamente obrigatoria, pero non suficiente para controlar a difícil situación na que nos atopamos", destaca. "Hai un ano, este colexio médico alertou sobre o risco que implicaban as datas que precedían o Nadal e o Nadal mesmo, instando a evitar situacións de alto risco nas reunións familiares e sociais. O noso temor converteuse en realidade nos meses de xaneiro e febreiro de 2021 sumando o maior número de ingresados e falecidos de toda a pandemia", lembra. Novas restricións O colectivo entende e comparte "a dificultade dos Gobernos para decretar novas restricións", co "mazazo" que iso suporía para a economía dalgúns sectores "xa afectados durante toda a pandemia e o impacto psicolóxico para a poboación". Con todo, engade, "como sanitarios, temos que esixir a implementación real das medidas xa decretadas -certificado Covid, medidores de CO2- e insistir para que nas comidas, ceas e reunións familiares e sociais, sobre todo en contornas fechadas, o número de asistentes sexa o menor posíbel entre non convivientes", subliñan, para matizar que "circunscribilas á contorna máis íntima é a mellor decisión". Estender os contactos e ampliar os encontros de amigos, familiares e compañeiros de traballos, di o persoal médico, "xa sabemos xa que consecuencias trae: máis casos, máis ingresos, máis mortes e un sistema sanitario máis colapsado", avisan. Tests diagnósticos "En todo caso, nas celebracións que realicemos, manteñamos a distancia suficiente entre comensais, máscaras postas o maior tempo posíbel e ventilación cruzada", recomenda o colexio médio de Ourense. Os test diagnósticos previos a comidas e ceas "non demostraron proporcionar seguridade, provocan unha falsa e negativa confianza e por iso non se aconsellan para esta indicación concreta", alertan polo que inisten en fiar un "inverno mellor" á vacinación universal e á responsabilidade individual.
NOS_21669
"Soraya Sáenz dedicou cero segundos a Galiza, Pedro Sánchez cero segundos, Pablo Iglesias cero segundos e Albert Rivera, cero segundos; esa é a foto fixa se Galiza non tivese representación propia en Madrid", dixo Carlos Callón.
Nós considera que o debate do "bipartidismo a catro" reflexa o futuro de Galiza de non ter grupo propio e soberano nas próximas eleccións do 20D. Os cabezas de lista da Candidatura Galega pola Coruña e Pontevedra ironizaron sobre o evento televisivo da pasada segunda feira, onde participaron as catro principais forzas estatais. "Non puiden ver o debate porque estaba en Mazaricos falando do sector do leite, pero tiven compañeiros que estiveron cronometrando cantas veces se trataba dos problemas galegos. Dixéronme que Soraya Sáenz dedicou cero segundos, Pedro Sánchez cero segundos, Pablo Iglesias cero segundos e Albert Rivera, cero segundos. Esa sería a foto fixa se Galiza non tivese representación propia en Madrid", asegurou Carlos Callón durante un acto en Fene, onde instou a "desafiuzar a Mariano Rajoy" do goberno. A número 1 por Pontevedra, Carme Adán, tamén se referiu ao evento. "Verdade que no debate de onte non escoitaches falar de Galiza?", preguntou con ironía ao público presente no mitin na localidade de Tui. Criticou nese sentido o "apagón informativo" que sofre a candidatura de Nós pero valorou que a campaña está na rúa. "Nos días que nos quedan, nas 260 horas que nos quedan, vaiamos casa por a casa a explicar o noso proxecto", apelou Adán. Unha Facenda galega Entre outras propostas, Callón apostou por "reactivar a economía real" que –segundo dixo– pasa por "contratar persoal sanitario, asistentes sociais, mestres, iso significa preservar os servizos públicos e xerar emprego", explicou. O cabeza de lista de Nós pola Coruña advertiu ademais de que o fraude fiscal alcanza os 10.000 millóns de euros anuais, "unha cantidade moi superior ao todo o orzamento de Galiza nun ano". Por ese motivo, propuxo crear unha Facenda galega "que permita recadar os todos os ingresos desde aquí e determinar as prioridades de investimento en función das prioridades que se fixen desde aquí".
NOS_26237
Poucos minutos antes de dar comezo a palestra do president, sóubose que o xuíz do Supremo, Pablo Llarena, desoía a petición da Fiscalía e optaba por non reactivar a euro-orde contra Puigdemont.
Actualizar 17:57 O candidato á reelección como president tamén tivo palabras duras para as institucións comunitarias: "O apoio da UE a Rajoy é desconcertante. Lexitima o uso da forza e a ameaza xudicial ás nosas institucións democráticas". 17:55 No seu discurso, Puigdemont demandou unha "solución política e non penal" para Catalunya. O president afirma que o principal problema é que o Estado continúa a ollar para o Principat como se fose unha "provincia" súa e non unha "nación" con vontade de ser suxeito político. 14:29. "O PP chegou a falar con ETA, mais non sobre o referendo catalán", afirma Puigdemont, para quen a "sombra de Franco aínda é alongada en España" 14:25 Puigdemont -xa no curso da palestra- pon en destaque que o Estado dinamarqués si respeita o exercicio do direito de autodeterminación, quer en Groenlandia quer nas Illas Feroe. 14:03. O xuíz do Supremo Pablo Llarena desatende a petición da Fiscalía e non procederá a activar a euro-orde contra Puigdemont. Llarena entende que a detención sería facerlle o xogo a Puigdemont e que o seu arresto era xusto o que procuraba o político de Girona ao se desprazar a Copenhague. 13:23 Grande expectación no auditorio en que se producirá a palestra con intervención de Pugidemont. Esteladas, mais tamén unha bandeira española co touro. Fotografía tirada de ElNacional.Cat 12:31 Roger Torrent envía unha carta a Rajoy para abrir un diálogo coa Moncloa. Solicita unha entrevista para "explorar todas as vías posíbeis" de solución da situación na que se achan as e os parlamentares eleitos que se achan ou ben na cadea ou ben no exilio. 11:44 Como estaba previsto, e após manter reunións coas portavocías dos distintos grupos parlamentares, Roger Torrent propón a candidatura de Carles Puigdemont para a sesión de investidura. Resta a incógnita de como se vai poder materializar. 10:42 A CUP pide activar a solidariedade perante a orde de detención contra Puigdemont. 10:00 A palestra na que vai tomar parte Puigdemont, na Universidade de Copenhague, dará comezo ás 14 horas e vaise poder acompañar desde aquí. 9:45 A Fiscalía pide ao xuíz do Supremo, Pablo Llarena, que reactive a euro-orde con vistas á detención de Puigdemont, quen desde as 8.30 horas se acha en Copenhague.
NOS_53618
"A noticia sobre o Premio Nobel deixoume sen palabras". Estas foron as primeiras declaracións de Bob Dylan após coñecerse o 13 de outubro que fora elixido Premio Nobel de Literatura. O estadounidense acepta o premio. "Por suposto", salientou.
O pasado 13 de outubro, a Academia Sueca anunciaba que o Premio Nobel de Literatura deste ano se lle outorgaba a Bob Dylan "por ter creado novas expresións poéticas dentro da tradición da canción americana". Durante días, nada se soubo del e especulouse coa posibilidade de que rexeitase o considerado como o máximo galardón literario ao que un creador pode aspirar. O músico, nado en Minnesota en 1941, nin sequera respondía as chamadas da Academia Sueca. "A noticia deixoume sen palabras" Esta semana, Dylan púxose en contacto con Sara Danius, da Secretaría Permanente da Academia Sueca, para advertir que "a noticia sobre o Premio Nobel deixoume sen palabras" e que agradecía a honra que representa ser recoñecido co galardón de literatura. O artista engadía: "que se acepto o premio? Por suposto". A Academia descoñece se Dylan estará presente en calquera evento durante a Semana Nobel en Estocolmo, que terá lugar en decembro. A este respeito, nunha entrevista publicada por The Telegraph, Dylan, de 75 anos, deixa caer que asistirá, "absolutamente. Si é posíbel", contesta. Na conversa, o primeiro músico ao que se lle concede o premio literario, confesa sentirse desconcertado, "é difícil de crer", reflexiona.
QUEPASA_51
"Non somos gardiáns", lémbralle o sector ás forzas de seguridade e aos concellos.
A recén creada Plataforma de Turismo e Hostalería de Costa da Morte (que aglutina 12 Asociacións, 600 socios e máis de 3.5000 familias), describe a folla de ruta a seguir polo sector nesta Semana Santa 2021. No marco desta desecalada o sector quere llembrarlle ás forzas de seguridade e aos Concellos que "non somos gardiáns, nin policías. Si que temos a obriga de facer seguir as normas que corresponden aos nosos negocios, pero non somos policías, para enfrontarnos a ninguén". Ademais piden as administracións que coiden "os produtos que xa temos, e que son tan fundamentáis, nesta época de distanzamento social, como son o Camiño de Santiago Muxia-Fisterra e o Camiño dos Faros". E fan fincapé no amiño dos Faros: "Estamos a ver, ao igual co ano pasado, que a xente pregunta moitísimo por el, que xa temos moitas reservas relacionadas co Sendeirismo, e aínda que sexa un Camiño que non está homologado, como moitos outros, a xente interesaxe e vaino facer, como ocorreu xa, nesta ponte de San Xosé". "Pensamos que é responsabilidade dos Concellos, mantelo limpo, independentemente da homologación, posto, que si a xente vai pasar por el, estea ou non estea limpo, deberíamos facer o máximo posible para que non se sufra nengún percance, e eso vai ser menos probable que pase se se mantén limpo, non por non limpalo a xente non vai deixar de vir, sexamos responsables coa xente que nos visita, e procuremos minimizar os riscos, ó demáis xa e responsabilidade de cada un", valoran. Comunicación directa Piden comunicación directa coa Deputación, e outros axentes relacionados co Turismo, como o Cluster, Deputación, Xunta, as diferentes asociacións da Plataforma, concellos, etc. Pero tamén coa Plataforma Salvemos os Penedos, por exemplo.Do ente provincial solicitan o comezo de cursos de Formación reglada con módulos de hostalería e restauración, e algunha iniciativa para mover a ruta de sendas BTT da comarca. Autocaravanas Autocaravanas en Nemiña esta fin de semana Xa, por último, recalcan "a necesidade de regular o estacionamento das autocaravanas: "non pode ser que poidan estacionar en calquera sitio por tempo ilimitado, xa sabemos que non teñen parkings habilitados para elas, na nosa zona, pero non deberían estacionar en sitios estratéxicos como paseos marítimos, portos, zonas protexidas, etc. Intentando habilitar zonas para elas".
NOS_6054
As marcas da poesía galega contemporánea non sempre resultan evidentes. Hai libros cuxo rastro ninguén discute e hai outros cuxa influencia é subterránea. Como a toupeira. Entre estes últimos figura Baleas e baleas (1988), o inencontrábel volume en galego de Luisa Castro que Galaxia vén de reeditar.
"Nos últimos 30 anos, sempre que houbo renovación estética ou mudanzas na poesía galega, Baleas e baleas estaba por aí", sinala Ismael Ramos, coordinador de novos proxectos na editorial e el mesmo poeta, "moito máis alá da poesía dos 90". Dío porque o consenso crítico adoito mencionou a obra de Castro como pedra angular das poéticas desa xeración: "Pero se un vai vendo o que veu despois, tamén nota a presenza de Baleas e baleas". En 1988, o centro do panorama ocupábano propostas que retrucaran, en boa lide, o denominado socialrrealismo. Venecianismo, decadentismo, culturalismo foron algunhas das etiquetas que triunfaron na época. Luisa Castro (Foz, 1966), de apenas 22 anos, abría fendas. Percorría outros mundos. Abandonaba certas inercias. "Achegou un aire novo", indica Ramos, "foi un libro moi libre, rompedor". "Ah! Dixen eu, entón son filla do mar. / Non. / Eres a filla dun día de descanso. / Ah, dixen eu, / son a filla da hora do bocadillo. / Si, detrás, entre as cousas que non vale", remataba un dos poemas máis célebres, e celebrados, de Baleas e baleas. "No seu día, sorprendeu ese imaxinario surrealista e as varias capas de discurso que contén", expón o editor, "mais agora, coas relecturas, descubrín un discurso por baixo sobre a tranformación económica de Galiza". En Baleas e baleas aparecen, estrañadas, fábricas, as conserveiras, buques baleeiros. Os ecos de como o modelo produtivo entrou en metamorfose a consecuencia do ingreso na Unión Europea. No medio, fulguracións imaxinistas, en que por veces parece respirar a lectura Manuel Antonio: "Podo estar segura: / no ventre das baleas só resido eu / agardando a hora / de que atraquen os barcos". E mundos que, efectivamente, determinaron conspiracións posteriores: Estevo Creus, Lupe Gómez, Eduardo Estévez, María Lado, o propio Ismael Ramos. Baleas e baleas esgotouse ao pouco de saír do prelo, en 1988 e da man da desaparecida colección Esquío. Oito anos despois, rescatouno, en versión bilingüe galego castelá, a editorial Hiperión. A autora suprimiu algúns textos. Volveuse esgotar. Recuperouna na poesía reunida, tamén da man de Hiperión, en 2004: Señales con una sola bandera. Outro volume fóra de mercado. A versión que agora coloca Galaxia -e que presentará en xuño en Compostela- nas librarías baseáse na de 1988. Apenas pequenas mudanzas e unha nota da autora como novidades respecto a aquel libro que, silencioso, mudou algúns rumbos na poesía galega. Luisa Castro, fóra do libro de artigos xornalísticos Melancolía de sofá (Xerais, 2009), só volveu publicar en galego algúns poemas nas súas obras maioritariamente escritas en castelán. Nota: cuberta da edición de Galaxia de 'Baleas e baleas'.
NOS_17877
A poeta e académica Luz Pozo Garza recibiu na mañá do domingo unha homenaxe ao ser nomeada como filla adoptiva de Viveiro, lugar en que pasou parte da súa infancia e onde exerceu a docencia.
O Teatro Pastor Díaz acolleu unha sentida homenaxe Luz Pozo Garza na mañá do domingo, cando foi nomeada filla adoptiva de Viveiro. A poeta e académica, que fechou a súa intervención coa lectura de dous poemas que verán a luz nun próximo libro, viviu parte da súa infancia neste concello da Mariña, onde tamén exerceu a docencia durante anos. O pleno da corporación municipal acordou outorgarlle a distinción a Luz Pozo Garza por unanimidade o pasado 11 de outubro a iniciativa de Luís Fernández e Marisol Prieto e que contou co apoio de máis de 160 veciñas e veciños da localidade. Non é o único recoñecemento que recibe Luz Pozo Garza en Viveiro. E é que no mes de marzo, o claustro da Escola Oficial de Idiomas de Viveiro decidiu poñerlle o seu nome ao centro educativo, que se sumou así á campaña Nomearnos en feminino do Observatorio pola Igualdade da Mariña. Luz Pozo Garza (Ribadeo, 1922), decana das e dos poetas galegos en activo, é membro da Real Academia Galega desde novembro de 1996, ano en que ingresou co discurso "Diálogos con Rosalía". É, en palabras da estudosa Rosario Álvarez, "unha voz ilustre na nosa poesía desde a publicación do seu primeiro poemario en galego, O paxaro na boca (1952), que inaugurou a colección Xistral". O amor, o existencialismo, a patria e a liberdade son algúns dos campos temáticos que explorou nas oito décadas dedicada á poesía.
NOS_6213
Unasur manterá esta quinta feira unha xornada preparatoria da reunión presidencial de grupo.
O presidente de Ecuador, Rafael Correa, anunciou que esta quinta feira @s representantes da Unión de Nacións Sudamericanas (Unasur) manterán unha xuntanza en Montevideo (Uruguai) para preparar un cumio presidencial do grupo para, dixo, dar unha resposta a "inxerencia" de Estados Unidos en Venezuela. A idea é que ese cumio decorra na vindeira semana para "dar a resposta correspondente a esta grotesca, ilegal, descarada inaudita e inxustificada inxerencia de Estados Unidos nos asuntos internos de Venezuela". "Imperio arrogante" Nicolás Maduro asegurou na intervención na Asemblea Nacional para solicitar apoia á 'Lei Habilitante', que en Latinoamérica hai unha sensación de "incredulidade" perante o paso dado por EUA. "Non nos axeonllaremos perante ese imperio arrogante", afirmou.
NOS_50750
SHE-Herencia responde ás solicitudes de envío da información en galego que no contrato coa Xunta "no figura por ninguna parte que debamos de (sic) enviarle la información en gallego".
O profesorado admitido no programa PIALE (Programa de aprendizaxe integral de linguas estranxeiras), organizado e financiado integramente pola Xunta de Galiza, está a recibir estes días un correo electrónico da empresa subcontratada polo Goberno galego para xestionar o programa. A primeira sorpresa dos docentes foi que lles chegase á súa caixa de correo unha comunicación "só en castelán, en que se excluía totalmente o idioma galego, tanto na mensaxe como no formulario que lles solicitaban que cubrisen". Tras a solicitude por participantes de que se encamiñase esa información en galego, a resposta da compañía concesionaria, SHE-Herencia, foi que "esta empresa tiene su sede central en Madrid" e que asinaron un contrato coa Xunta "donde no figura por ninguna parte que debamos de [sic] enviarle la información en gallego", razón pola cal non van facilitar nin a comunicación nin os fomularios neste idioma. O presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Marcos Maceira, afirma que "o máis grave de todo isto é que se está a pagar con diñeiro público a exclusión da nosa lingua" . Maceira lamenta que "son os cidadáns de a pé os que teñen que reclamar o cumprimento da oficialidade do galego".
NOS_20845
A Ana Vázquez, parlamentar do PP.
O portavoz de Vox na Comisión Constitucional do Congreso, José María Sánchez García, quixo descualificar a portavoz de Interior do Grupo Popular, Ana Vázquez, chamándolle "chillona gallega", unha apreciación á que ela republicou que non deixará os seus veciños en tan "mal lugar" cando é a deputada "máis votada de España". García Sánchez aproveitou o debate en Pleno sobre a sección dos Orzamentos que inclúe as partidas de Cortes Xerais para criticar, ao seu xuízo, excesivo gasto en persoal eventual das mesmas, e propoñer que se reduza o numero de asistentes dos parlamentares, ou que directamente se supriman. Tras varios días escoitando repróchelos dos 'populares' a Vox por non presentar emendas aos Orzamentos nin acudir aos debates en comisión, Sánchez García asegurou que os 88 deputados do PP traballaron "menos da metade" que os 52 do seu grupo. E referiuse en concreto, á portavoz do PP na Comisión de Interior e electa por Ourense, Ana Vázquez, á que definiu como unha " chillona" que "deixa en mal lugar aos galegos" '.
NOS_6963
O equipo Keltoi quedou clasificado en 12º lugar entre 70 participantes no raid de aventura no Paraguai, denominado Expedición Guaraní.
O campionato do mundo de raid de aventura no Paraguai, denominado Expedición Guaraní, é unha das probas deportivas máis duras do mundo. A edición deste ano transcorreu do 17 de ao 24 de setembro e nela participaron 70 equipos de todo o mundo, entre eles o galego denominado Keltoi, único representante do Estado español, formado por Marcos Varela (A Coruña), Felipe Pena (A Coruña), Juan Carlos Vázquez Souto (Culleredo) e Mariana Montes Maraves (Brasil). O resultado final, ao remate da competición, non podía ser máis meritorio, ao quedar 12º na clasificación xeral. O II Trofeo Xeoparque Cabo Ortegal, un modelo de promoción a través do deporte A dureza da aventura A competición consistiu nun percorrido combinado de sendeirismo, kaiak e bicicleta de montaña (BTT). Comezou cun roteiro 120 km pola selva (unhas 31 horas de duración), seguido por un desprazamento en kaiak de 94 kms. Continuou con traxectos seguidos de 90 km de BTT, 35 km de sendeirismo, 74 km de BTT, 3 km de sendeirismo, e 104 km de BTT para rematar, por último, cunha carreira de 10 kms até a meta. As probas fanse seguidas (día e noite) sen parar e cada equipo xestiona o seu descanso ao non ter un horario de parada estipulado. Mentres o equipo aínda está de volta do Paraguai, Susana Espiñeira, a súa voceira na Galiza, explica a Nós Diario que o mundial "foi unha carreira extremadamente complicada, debes ser unha persoa moi organizada, disciplinada, para procurar non ter máis complicacións das que xa teñen as propias probas". Durante sete días o equipo tivo que levar a súa propia comida, roupa e todo o material necesario. "Até as pilas dos frontais de luz que precisaron para ver de noite ou os mapas de orientación que tiveron que mercar para guiarse e ir polo trazado correcto, baixo penalización de quedar fóra da proba", relata Espiñeira, que engade o "gran valor tanto deportivo como a nivel persoal e o sacrificio que teñen que facer economicamente para poder participar". A selección galega de trail xa ten combinado para o Estatal de Berga Competición de equipo Neste tipo de competicións é imprescindíbel o traballo en equipo. "Son probas deportivas con grupos de catro compoñentes, sempre en carreira, que non corren por quendas, senón que deben ir sempre xuntos e nunca poden separarse máis dunha distancia de 50 metros", sinala a voceira de Keltoi. "Ao ser un deporte de equipo, se hai unha lesión ou alguén do mesmo non continua por calquera outro motivo, o resto estaría fóra de carreira", apunta Espiñeira. O mundial, como acontece con outras competicións de aventura, estivo organizado como unha carreira cun percorrido marcado con balizas ás que teñen que chegar usando un mapa e un compás para orientarse polos distintos roteiros que, na súa maior parte, eran sendas monte a través. En cada lugar, teñen que chegar a elas e picalas cunha pinza electrónica ou manual para que a organización controle os tempos de cada equipo. A voceira do equipo galego-brasileiro amósase "orgullosa" do resultado e agarda que o mesmo implique "máis apoio e recoñecemento" social e por parte de patrocinadores públicos e privados de cara a futuros retos do equipo.
NOS_51347
A adquisición por parte do Grupo Ribera Salud do hospital ferrolán Juan Cardona é a cuarta operación formalizada polos grandes operadores internacionais da sanidade privada no último ano e medio na Galiza. A día de hoxe, só fican en mans de capital galego os centros sanitarios do Carme e de Cosaga, en Ourense, e San Rafael, na Coruña, se ben desde o sector non se descarta a súa próxima venda.
O pasado 25 de marzo, o Grupo Ribera Salud fíxose coa xestión do Hospital Juan Cardona. O centro sanitario ferrolán conta con 150 camas, ofrece unha carteira de servizos en ramas como a cirurxía, medicina interna, xinecoloxía ou a cardioloxía e dispón de convenios cunha ampla rede de aseguradoras. A propiedade do sanatorio correspondeu desde o século XVIII a unha irmandade, que en 1969, cando xurdiu a necesidade de construír o actual edificio, pasou a denominarse Fundación Santo Hospital da Caridade. Ribera Salud Ribera Salud adquiriu, con anterioridade á formalización da operación do Juan Cardona, dous hospitais de referencia na Galiza. O 3 de outubro de 2019 mercou por 22 millóns de euros á sociedade Nosa Terra 21, propiedade do navieiro José Silveira Cañizares, Povisa, o xigante galego da sanidade privada, con 573 camas instaladas e unha facturación en 2018 de 102 millóns, 80 dos cales procederon directamente do orzamento da Xunta, segundo as últimas contas publicadas. O 31 de xullo de 2020 comprou a maioría do capital do sanatorio lugués de Polusa, un centro médico de 80 camas fundado en 1981, até a súa venda en mans de diversos investidores galegos, entre os que destacaba a familia Lence. As irregularidades pairan sobre o grupo desde hai décadas. Impulsado en 1991 polo Goberno valenciano do popular Eduardo Zaplana, como concreción práctica do modelo de colaboración público-privada, a Fiscalía ten imputado os seus principais directivos por presuntos delitos de malversación de caudais e prevaricación. O actual Executivo da Generalitat denunciou sobrecustos nalgunhas das súas concesións, entre elas no Hospital de Alzira. Ao tempo, continúan en marcha diversas investigacións xudiciais sobre a sociedade, como o cobro de comisións a provedores de material sanitario. O accionista de referencia de Ribera Salud é a multinacional Centene. A corporación estadounidense posúe máis de 90% do capital desde maio de 2020, tras comprar as súas participacións a Bankia e ao Banco Sabadell, herdeiras das accións das caixas valencianas. Centene, presente en máis de 80 países e considerado como o maior operador de seguros sanitarios do mundo, controla no Estado, a través de Ribera Salud, sete hospitais, tres deles universitarios e máis de 80 centros de saúde, con especial penetración no País Valenciá, Madrid e Estremadura. Asemade, participa doutros negocios no sector como a central de compras B2 saúde e a división tecnolóxica Futurs. Quirón O grupo Quirón é propietario do hospital Miguel Domínguez de Pontevedra, do Instituto de Neurorreabilitación de Pontevedra, do centro Quirón da Coruña e do sanatorio Nosa Señora dos Ollos Grandes de Lugo. Precisamente, a adquisición deste centro médico en xaneiro de 2021 á familia López Pardo é a última operación da principal compañía da sanidade estatal na Galiza. Quirón, quen declarou en 2019 unha facturación de 3.300 millóns de euros e uns beneficios de 400, ten como accionista de referencia a multinacional alemá Fresenius, o xigante europeo do negocio da saúde. Quirón, titular de 53 hospitais e 99 centros de saúde no Estado, resultou favorecido nos diversos procesos de privatización impulsados polos Gobernos do Partido Popular. De feito, o principal executivo da compañía durante os anos de máxima expansión, o asturiano Víctor Madera, foi denominado nos círculos do poder como "o ministro de Sanidade do PP na sombra". Madera conta actualmente con importantes intereses inmobiliarios na Galiza a través da súa patrimonial Paisajes de Asturias. As orixes de Quirón repítense co grupo Hospitales de Madrid (HM). Os seus propietarios, a familia Abarca Cidón, viron medrar o seu patrimonio a medida que os Executivos de Esperanza Aguirre acometeron o proceso de privatización do sector sanitario, entregando aos operadores particulares a xestión de centros construídos con diñeiro público. Neste momento están considerados como unha das grandes fortunas do Estado, cun patrimonio valorado en máis de 300 millóns de euros e con investimentos en diversos países mediante sociedades radicadas en paraísos fiscais como Luxemburgo. HM Hospitales de Madrid conta con catro centros sanitarios na Galiza. Na Coruña son titulares da Maternidade Belén e da clínica Modelo, con 146 camas operativas e importantes concertos coa Xunta da Galiza. Ao tempo, en Santiago de Compostela son donos da Nosa Señora da Esperanza e da Rosaleda, con capacidade para 119 doentes. Precisamente, a compra do histórico hospital compostelán por Hospitais de Madrid provocou, segundo denunciaron os sindicatos, un deterioro na calidade asistencial e recortes nos dereitos laborais dos traballadores e traballadoras. Segundo denunciara a CIG en maior de 2020, a dirección do hospital compostelán despediu tres empregados por tentar facer parte dunha candidatura do sindicato nacionalista. Vithas Vithas é outro dos xigantes do sector presente na Galiza. A compañía, propiedade da familia Gallardo, donos da farmacéutica Almirall, é titular da clínica Nosa Señora de Fátima de Vigo, con capacidade para 200 internos. O hospital vigués estivo dirixido durante anos polo número dous do PP en Vigo e xerente da patronal galega da sanidade privada, José Ramón Santamaría Barreiro. Santamaría Barreiro foi outros dos moitos directivos da Asociación de Hospitais da Galiza (Ahosgal) ligados aos populares, como o seu presidente até 2016, o lugués Justo Jorge. Os hospitais ourensáns de Cosaga e do Carmen e o coruñés San Rafael son os únicos de capital galego. O primeiro, a Cooperativa Sanitaria da Galiza, é un centro fundado en 1985 por profesionais do sector, contando actualmente con diversas consultas externas e 49 camas. O segundo, o centro médico do Carmen, con capacidade para 43 internos, mantense desde a súa constitución en 1949 en mans da familia fundadora. O San Rafael, con 157 camas, é unha institución privada fundada polo doutor Rafael Hervada en 1969. A cidadanía galega prefire a pública A falla de coñecer o impacto da pandemia nas contas da sanidade privada, o sector declara para 2019 unha facturación de 324 millóns no conxunto dos centros hospitalarios privados galegos, 8 millóns máis que o ano anterior. Segundo Ahosgal, a patronal galega, o 37,2% dos seus ingresos, aproximadamente uns 121 millóns, proceden de achegas directas do Goberno galego pola vía dos concertos. O desembarco na Galiza dos grandes operadores internacionais do negocio da saúde coincide cun aumento dos seguros privados. Segundo ten sinalado a Nós Diario o portavoz de SOS Sanidade, Manuel Martín, "os seguros privados teñen ampliado a súa cobertura desde o comezo da pandemia en máis de 10 puntos, representando a Atención Primaria o 30% do total". Porén, a cidadanía galega segue apostando polo sistema sanitario público, nunha cifra moi superior á media estatal.Os propios estudos da patronal da sanidade privada recoñecen este realidade. Así, os datos recollidos no informe da entidade de 2019 sinalan que 75,96% da cidadanía galega opta polo sistema público, destacando as porcentaxes en hospitalización e urxencias, onde as preferencias superan o 80%. Nunha liña semellante sitúanse as cifras fornecidas para ese mesmo ano polo barómetro do Ministerio de Sanidade. A preferencia da poboación galega pola sanidade pública é moito máis decidida que no conxunto estatal. Mentres que o 75,96% dos galegos se amosan partidarios da pública, un 59,18% da poboación estatal aposta por este modelo de xestión, fixándose unha diferenza superior a 20 puntos entre uns e outros.
NOS_45096
A poeta Luz Pozo é a gañadora da nova edición do premio Laxeiro que a Fundación dedicada ao artista outorga cada ano a unha persoa en recoñecemento da súa traxectoria no mundo da cultura.
No transcorrer do xantar que cada 23 de febreiro, dia do seu aniversario, se lle tributa ao pintor Laxeiro e no que se dan cita amizades e persoas admiradoras da súa obra foi dado a coñecer o nome da nova gañadora do premio que leva o seu nome. A poeta Luz Pozo, que non puido asistir ao acto de entrega por problemas de saúde, foi a escollida para a edición do premio deste ano en "recoñecemento a toda unha vida dedicada á creación literaria, a edición e o ensino". O de Luz Pozo é o segundo nome de muller que recibe o premio Laxeiro, despois de que Carme Kruckenberg fora a recoñecida na edición do 2011. Francisco Fernández del Riego inaugurou en 2004 a xeira de gañadores nunha lista na que se ían incorporal Xaime Illa Couto, Isaac Díaz Pardo, Carlos Oroza, Antón Lamazares, Xosé Neira Vilas, Carme Kruckenberg, Luís Mª Caruncho e Jorge Castillo. En só unha ocasión, non foi unha persoa a galardoada senón un organismo. Aconteceu na segunda edición do premio na que a Obra Social Caixanova se fixo co Laxeiro do 2005.
NOS_53181
Todo o país honra a Rosalía estes días. A AELG celebra este domingo no Panteón de Galegos Ilustres a súa tradicional homenaxe á poeta. E a Casa-Museo celebra o sábado 20 unha homenaxe a Rosalía e a José Afonso.
O acto central da Asociación de Escritores-as, que se vén celebrando desde 2011, terá lugar o domingo 21 de febreiro ás 12 horas no Panteón de Galegos Ilustres. Alí lerase o manifesto anual para esta celebración, que nesta ocasión lerá Suso de Toro. Ademais, haberá unha actuación da coral da asociación cultural e musical Solfa, que interpretará temas de Rosalía, Castelao e Manuel María, e haberá lectura de poemas por parte de varias escritoras e escritores, como María Xesús Astray Rodríguez, Afonso Becerra, Rosalía Fernández Rial, Margarita Ledo, Celia Parra, Mercedes Queixas Zas, Eli Ríos, Isabel Risco, Alba María e Francisco Susavila. Encontro galego-portugués en Padrón Mentres, o sábado na Casa-Museo de Rosalía terá lugar unha homenaxe á poeta e ao cantor portugués José Afonso (que morreu un 23 de febreiro de 1987), cun concerto do grupo de Braga Canto D'Aqui, que interpretará temas de ambos os dous autores. Ademais, haberá un relatorio por parte de Eduardo Pires de Oliveira baixo o título "Minho / Galiza - 2.000 anos de mãos dadas". Ademais, a Fundación Rosalía participará en actos por todo o país: en Lugo onde colaboran coa exposición fotográfica 'Airiños aires, Rosalía' de Xurxo Lobato que se inaugura a segunda feira na Sala Exposicións da Deputación de Lugo; e en Braga o 25 de febreiro, onde haberá relatorios e un concerto de Roi Casal. O mesmo Día de Rosalía, 24 de febreiro, celebrarase a tradicional alborada e ofrenda floral a Rosalía na estatua da Alameda en Compostela, con autoridades e co alumnado do IES Rosalía lendo poemas. Tamén haberá un acto en Padrón diante da súa estatua do Espolón e á noite, no auditorio, un concerto do grupo Xardín Desordenado. Amancio Prada na RAG O cantor berciano ofrecerá un concerto o propio día 24 na sede da Real Academia Galega. O músico interpretará coa súa voz e guitarra composicións da poeta, á que leva cantando máis de corenta anos. A entrada é libre ata completar aforo. Para asistir será imprescindible retirar o convite, a partir do luns 22 na sede da Academia, na rúa Tabernas, 11 da Coruña. Cada persoa poderá retirar un máximo de dúas invitacións.
NOS_6600
Falar da situación da casa común dos seres humanos é falar de malas noticias. Pasan os anos, avanzan as investigacións e a análise é unívoca: fillos e netos vivirán nun mundo ben diferente ao de pais e avós. Nun Planeta hostil, onde os seus actuais moradores continúan obstinados en o facer inhabitábel. E non hai máis que este.
"Non hai sinais de que volvamos ser máis verdes". A paréntese de 2019 nas emisións de dióxido de carbono (CO2) por mor dos confinamentos pandémicos foi, basicamente, un espellismo. En 2020 recuperáronse os niveis previos e en 2021 están a medrar de novo rapidamente. En definitiva, o mundo está moi lonxe dos obxectivos estabelecidos no Acordo de París por máis de 190 países. Recólleo o vasto informe United in Science 2021 elaborado baixo a coordinación da Organización Meteorolóxica Mundial (OMM), e con achegas do Programa da ONU para o Medio Ambiente (PNUMA), da Organización Mundial da Saúde (OMS), do Grupo Intergobernamental de Expertos sobre o Cambio Climático (IPCC) e do Programa Mundial de Investigacións Climáticas (PMIC), entre outros. O secretario xeral de Nacións Unidas, António Guterres, resumiuno así, nunha mensaxe de vídeo na presentación onte do documento: "A alteración do noso clima e do noso Planeta xa é peor do que pensabamos e está a avanzar máis axiña do previsto". O informe ─manifestou─ mostra "o afastados que estamos do camiño a seguir". Tamén na presentación, de corpo presente, o secretario xeral da OMM, Petteri Taalas, afirmou que "había certa noción de que os confinamentos pola Covid terían un impacto positivo na atmosfera, mais non é o caso". Este parón forzado, recolle United in Science 2021, non foi abondo para reverter os elevados niveis de gases de efecto invernadoiro. E Taalas mostrouse decepcionado coa oportunidade perdida, cando se fantasiaba co regreso, logo de superada a Covid, a un mundo mellor. Décimas infernais As advertencias das últimas décadas comezan a ser máis e máis visíbeis. Actualmente hai cinco veces máis fenómenos meteorolóxicos extremos que en 1970, cun efecto máis devastador en vidas humanas e perdas económicas: inundacións, secas, lumes... que teñen unha relación directa coa sobreexplotación do Planeta, tal e como recolleu o IPCC no seu informe de agosto. A temperatura media mundial dos últimos cinco anos foi das máis altas, entre 1,06ºC e 1,26ºC por riba dos niveis preindustriais Isto é, a temperatura que había antes da do inicio da Revolución Industrial en Gran Bretaña, a finais do século XVIII (os estudos sitúan os primeiros sinais do cambio climático inducido pola acción humana a partir de 1830, intensificado desde 1930). Neste sentido, United in Science 2021 cifra en 40% a posibilidade de que nos próximos cinco anos se superen os 1,5ºC, o límite fixado no Acordo de París para as revisións quinquenais (ademais da barreira máxima de 2ºC para este século). A diferenza de centésimas, aparentemente nimia, a nivel global supón a diferenza entre a vida e a morte. Entre un Planeta habitábel e outro inhóspito. Máis ricos, máis xordos Non hai razóns para ser optimistas. Ningunha das maiores economías do mundo está a ser fiel a eses compromisos acordados en 2016, segundo a análise presentada na cuarta feira polo proxecto Climate Action Tracker (CAT), que analiza o a observancia por parte dos Gobernos dos compromisos do Acordo de París. Os 36 países analizados ─incluídos todos os do G20─, ademais da UE no seu conxunto, están lonxe dos plans para conter en 1,5ºC o aumento da temperatura. A suma de todos eles ─coa China e os EUA como os dous maiores focos de contaminación planetaria─ é de 80% do total mundial de emisións. O estudo tamén inclúe algúns países en desenvolvemento: Gambia é o único das 37 entidades analizadas que cumpre cos parámetros estabelecidos no Acordo de París. Esta cuestión serán o asunto central da Conferencia da ONU sobre o Cambio Climático de 2021, tamén coñecida como COP26, que se desenvolverá na cidade escocesa de Glasgow entre o 31 de outubro e o 12 de novembro. Esta reunión fundamental deberá ─debería─ marcar o rumbo da acción climática para a próxima década. Onte, Petteri Taalas mostrouse taxativo: "Se fracasamos na mitigación do cambio climático, teremos un problema permanente durante centos ou mesmo milleiros de anos. Os efectos económicos e humanos serán moito máis dramáticos que esta pandemia de Covid". O burato de ozono, "maior do habitual" As malas noticias acumúlanse. O burato na capa de ozono que se desenvolve anualmente por estas datas é "bastante maior do habitual" e actualmente sería máis grande que toda a Antártida, segundo sinalou nun comunicado o Servizo de Vixilancia Atmosférica de Copernicus, que rexistra a súa evolución. O burato ─o desgaste da capa, formalmente─ fórmase polo efecto do sol en combinación cos químicos contidos en aerosois, disolventes ou espumas. A maioría foron prohibidos nas últimas décadas; non así os que son usados en equipos de aire acondicionado, na aviación ou en actividades militares. O burato, que tamén existe sobre o Polo Norte, foi detectado en 1979. O desta semana é 75% maior que aquel, di Copernicus. Porén, desde a entrada en vigor do Protocolo de Montreal, en 1989, o nivel de ozono estabilizouse. A capa protexe dos raios ultravioleta asociados co cancro de pel ou coas cataratas. Onte conmemorouse o día internacional para a súa preservación.
NOS_34412
O presidente español, nunha mensaxe televisada, pide "coraxe" e "unidade" para afrontar a vindeira semana e advirte que "a onda máis danosa está por vir".
Pedro Sánchez ofreceu na noite deste sábado unha mensaxe televisada ao se cumprir unha semana da aprobación do estado de alarma para combater o coronavirus. Unha comparecencia desde La Moncloa na que o presidente español defendeu a xestión da pandemia feita nestes días polo seu Goberno para alén de querer trasladar unha mensaxe de ánimo á cidadanía e advertir que o máis duro aínda fica por vir. "Adoptamos as medidas máis drásticas e estritas de Europa e do mundo", dixo Sánchez, para frear o golpe de crise sanitaria, económica, laboral e social que supón a pandemia do coronavirus. "Adoptamos as medidas máis drásticas e estritas de Europa e do mundo", dixo Sánchez Asegurou que a estratexia marcada polo seu Executivo contra o virus está avalada pola Organización Mundial da Saúde (OMS) e pola comunidade científica. Instou a evitar "reproches", dada a gravidade do momento. A crítica ao Executivo, demandou, debe posporse á loita contra o virus. "Agora o deber é manter a unidade", afirmou. Sánchez advertiu de que o peor aínda está por chegar: "Estamos nun momento moi crítico. Haberá días moi duros para os que teremos que estar preparados ", recoñeceu. "Por desgraza, os casos aumentarán nos vindeiros días", anunciou. "Está por chegar a onda máis danosa". Os territorios máis afectados, sinalou, son especialmente a Comunidade de Madrid e, "en menor medida", Catalunya e Euskadi. Porén, rexeitou fechar Madrid. Reiterou que o Goberno español adoptou "as medidas de contención máis duras de Europa e do mundo". E que seguirá facéndoo como sexa necesario: "Intentamos prever novos problemas e responderémolos con forza e coa maior celeridade posible", asegurou.
NOS_35824
O xurado destaca a rigorosidade da obra do investigador Martín Fernández Calo.
Callaici principes. Os soberanos da Galiza castrexa é o título da obra gañadora da XII Premio de Ensaio Manuel Murguía da Deputación da Coruña. O seu autor, Martín Fernández Calo (Porto do Son,1990) reivindica neste traballo a Galiza antiga como suxeito historiográfico de seu. O premio consiste en 6.500 euros e a publicación da obra. "A investigación amosa unha profunda e rigorosa análise da institución de principes na Callaici da Antigüidade, cun amplo marco comparativo no eido xeográfico europeo. É singularmente meritoria dadas as dificultades da interpretación social do rexistro material de época castrexa", apunta a resolución do premio que destaca tamén que "a tese dunha xefatura indíxena (asimilábel ao concepto de princeps gentis) prerromana que persiste en época de Xulio-Claudia, descansa nunha sólida argumentación teórica, grazas á lectura científica do limitado corpus epigráficos, dun rico abano de clásicos latinos e de copiosas e pertinentes referencias bibliográficas". O xurado composto por Xurado, Miguel Anxo Seixas Seoane, Rebeca Baceiredo Pérez, Iria Veiga Ramos, e os gañadores da edición anterior Raúl Sotelo Vázquez e José Manuel Vázquez Lijó ademais do deputado de Cultura, Xurxo Couto como presidente e a xefa de sección de Cultura, Manuela Muñiz como secretaria escolleron a obra de Fernández Castro da que destacaron o seu rigor e claridade expositiva. Martín Fernández Calo naceu en Porto do Son en 1990 e forma parte da última xeración de licenciados en Historia (USC, 2013). O seu ámbito de investigación céntrase na historia socio-política, institucional e eclesiástica da antiga provincia romana da Gallaecia, os seus antecedentes pre-históricos e o seu legado tardo-antigo e medieval. Reivindica así a Galiza antiga como suxeito historiográfico de seu, digno de estudo específico, tentando asemade de superar os compartimentos cronolóxicos que adoitan encorsetar a investigación académica. Alén de Callaici principes: os soberanos da Galiza castrexa, ten tamén publicado A organización político-administrativa de Galicia na Antigüidade: séculos II a.C.-VIII d.C. O pasado ano publicou Estado, poder e estruturas políticas na Gallaecia: séculos II a.C.-VIII d.C. (Blukk Edições, 2018).
NOS_37861
Ás 10.00 da noite e contra un Granada que o sitúa a 5 puntos da permanencia, o Deportivo terá que facer fronte a un dos partidos máis cruciais da tempada. Pola súa banda, o Celta entrontarase ás 18.00h ao Valencia en Balaídos.
Xornada 23 de Liga, o fútbol galego xoga unha importante batalla este sábado en Riazor. O Deportivo da Coruña terá que gañar si ou si ao Granada se quere remontar a tendencia das últimas xornadas e recuperar o ánimo e o entusiasmo d@s súas [email protected] once de Domingos Paciência enfrontará un partido decisivo cuxa vitoria outorgaría posibilidades de permanencia ao clube. Pola súa banda, o Celta enfrontarase ao Valencia após varias xornadas colleitando malos resultados. Ás 18.00 en Balaídos Paco Herrera terá que demostrar que aínda pode liderar á equipa logo de que se comezase a cuestionar a súa figura após os últimos encontros. En segunda, o Lugo loitará polos tres puntos contra o Sporting de Xixón
NOS_2941
O Executivo do PP non lle concede esa consideración á morte dunha cidadá marroquina a mans dun militar español "porque non existían vínculos afectivos".
O Goberno español sostén que o asasinato dunha prostituta a mans dun cliente non pode considerarse violencia de xénero ao non existir un vínculo afectivo entre o agresor e a vítima. Así o asegura o Executivo na resposta que remitiu a dúas deputadas socialistas que querían saber por que non se considerou violencia de xénero o asasinato dunha prostituta marroquina a mans dun militar español. No escrito, recollido por Europa Press, o Goberno subliña que "independientemente da súa cualificación xurídica ou policial", o Executivo "lamenta e condena todos os actos de violencia que se exercen contra as mulleres, así como a perda de calquera vida humana". Lei Pero, tras cualificar de "lamentábel" o asasinato da cidadá marroquina, remítese ao artigo 1 da Lei Orgánica de Medidas de Protección Integral contra a Violencia de Xénero para expoñer a súa posición. Así, recálcase que, segundo a citada norma, enténdese "por violencia de xénero" a "manifestación da discriminación, a situación de desigualdade e as relacións de poder dos homes sobre as mulleres que se exerce sobre estas por parte de quen sexan ou estean ligados a elas por relacións de afectividade, aínda sen convivencia".
PRAZA_563
Revisión de Tertúlia, de Xoán Castro, editada por Xavier Alcalá a partir dos documentos orixinais do autor
❧ Día de andar pola rúa, en trámites. Andei pola rúa para fuxir dunha oficina escura, que me abafa. Non soporto a prepotencia do Escuredo, o seu BMW e as constantes letras de cambio a renovar; aborréceme a voz da Nucha e a súa fala desclasada, copiada do bo dicir dun colexio de monxas pago con privacións da familia. Crucei na rúa co padre Sobroso, en roupa de varón normal pero aínda cheirando a incenso e santos óleos. Nunca lle perdoarei o mal que me fixo no confesionario e no seu despacho co cristo lúgubre a un canto: ese crego maldito quería meter na miña alma de neno a seguridade de que un israelita iluminado era fillo de Deus, que Deus era unha realidade comprobable ("cien-ti-fi-ca-men-te, Xoán"), que a Deus se chegaba por Xesús de Nazaré; que todo, o mesmo azar, a selección impertérrita da especie que mata ou deixa vivir sen dar explicacións, formaba parte dun plan divino. Mirámonos pero non nos dixemos nada. Sepárannos case vinte anos de vivencias e el sabe que eu xa descubrín toda a súa mentira cristiá, eclesiástica. El tampouco cre nas imbecilidades que pregoa, pero non ten a onde ir. Algún día heime parar con el e dicirlle que agora somos irmáns, xuntos no medo á morte e na pregunta sen resposta: Deus. Despois do crego, vello, magro, corcovado, atopei o Xoán Manuel Couce, pletórico, rubio, prototipo de comedor de callos feliz. Saudoume cun vozarrón gordo que me levou a unha excursión en lancha polo río, o Xoán Manuel a cantar o "Velaí vai", rindo, bebendo, chuchando a graxa dunha patela de asar sardiñas por unha aposta de corenta pesos. Recordoume a náusea contida, o baño, a pelexa entre mozos e mozas cos restos da comellada, a volta, todos fedendo a sardiña, a lancha ateigada, mal gobernada, que metía auga. Naufraxio, e non era broma. Salvamento aos berros, o Couce atronando a ribeira, as rapazas preocupadísimas polas súas bolsas. Eu, rescatando a da Marga. E, ao final, o baile, todos mollados e espelufados... Marga, Margarita a veraneante. Nese bailongo empezamos. Esta mañá de primavera hipotética de 1978, por culpa do Couce, asaltáronme lembranzas do verán do 68. En canto me preparaban as pólizas no estanco, Marga tomou forma a estreitarse contra min na verbena da vila, a bicarme na porta do seu chalé con intención de que non o esquecese. Ata Madrid. En Madrid, máis; e máis porque viviamos en colexios próximos, á vista. Pedinlle un grande favor a un amigo rico, con piso propio. Pedíanllo moitos e só esixía coidado co horario e limpeza no cuarto emprestado. Deixárame un sobre no bar de embaixo con chave e nota prosaica sobre a roupa de cama. A Marga sabía coma min ao que iamos, para alén de todo, así o mundo afundise... En canto hoxe o lembraba, desapareceron a beirarrúa que estaba a pisar, a rúa, os coches e os carteis contra os vertidos radioactivos. Moi lonxe, cun ollar cego de pálpebras apertadas, a Marga recoñecíame que lle estaba a dar a vida nese momento: "Ai, miña vida, Xoanciño, mi vidiña, mi vidiña, ai...". Ela viraba a cara para os lados e eu paraba sabendo que non resistiría máis. Esperaba desexando comezar de novo. A almofada estaba manchada de rimmel. Mirei a Margarita enteira na penumbra: pel pálida e cabelo castaño-vermello, os ombros redondos e os peitos aplanados, as rosetas a proxectar as puntas suplicando lingua; e o torso que se ía estreitando para o monte dos cadrís; as pernas torneadas e tersas, entreabertas, o velo delicioso do pube a ocultar o absurdo obxecto dun gozo absurdísimo, húmido, zumegante, que vence a vontade do varón. En fin. Camiñando, tentando evitar calquera vulto de muller que me lembrase a palidez de ollos negros da Margarita (que se me foi para sempre cos restos derradeiros da pubertade), imaxinei o Barros ao teléfono suxerindo nomes para o xurado do concurso de novela... e case me entrou un calafrío polas costas ao pensar que se nese xurado non aparecese o Mourín... Pero non, non terían tan grandísimos collóns como para armaren tal xogada, non, señores, non. Non podían maltratar así o fato de parvos que, coma min, andamos a facer un esforzo grande e grave na esperanza (na seguranza, os máis idiotas) de que o seu sexa merecente do premio. ¿Un premio para encher o peto do Alberto Mourín? Tamaña fraude... E nesta circunstancia foi como atopei o Avelino, nun momento en que o sol furaba as nubes e convidaba a saborealo. O Ave, arredondado polo seu sedentarismo de cirurxián, acurralaba contra o granito do edificio de Correos un tipo delgadiño, citrino, co cabelo corvino cortado xusto por cima das orellas e unha chaqueta de lapelas que semellaban ás para voar. Achegueime a eles; o tipiño viume vir e deu mostras de inquedanza. O Avelino berráballe: –Tes demasiada cara, Vilela. Es capaz de irlle vender un aparello ao arcebispo para que vexa se as hostias levan Cristo dabondo... Nada, Vileliña, nada. O vendedor denunciou a miña presenza coa vista, tendeulle a man ao doutor Avelino Cagigao e fuxiu. O Ave virouse para min: –Carallo, Walter Scott ao axexo... ¿Que hai, ho? –Moito lle berrabas ao coitado... –¿Coitado? Chámalle burro ao cabalo: non é que me viñese ofrecer unha comisión, senón mira que fillo de puta é, que me ofrecía repartirmos unha comisión polos pedidos de material funxible que non sirvan ao quirófano e eu non llos reclame. –Italia é un país de mafiosos. –E viciosos. Por iso os españois os vencemos en Guadalaxara. –Pois si. Vaille preguntar ao pai do Luís... ¿E que hostias fas ti pola rúa a estas horas? –Anoite tiven garda no hospital. Vou ao notario. –¿Botámoslle un grolo? –A ver que hora é –deixou ver un Rolex de ouro oculto baixo o puño da camisa, e agachouno rapidamente; mais decatouse de que llo vira e de como sorrín–. Imos logo... ¿Que hai do teu amor americano? –¿Do Fermín? –¿Tes outro? –Anda con moita papelada, seica. Como demore en vir, non chega ao festival preautonómico. Ten que ser un cristo desmontar a casa nos Estados Unidos e vir para aquí... ¿Entramos nesta cafeteriíña? –Vale... Boas, Martini con xenebra. ¿E ti? –Tamén. Outro, por favor. Había dúas rapazas e dous rapaces vestidos de punkies provincianos. Un dos mozos, moi moreno e co cabelo tinxido de louro sobre as tempas, levaba unha radio portátil, desaforada, chea de botonciños, que afortunadamente escoitaba con auriculares. Lembrei a miña narración do "Radiolar"... O Ave disparou: –Cando sexamos vellos, as nosas pensións van depender deses fillos de puta de hippies. –Punkies –corrixino, e calei que pouco lle vai preocupar a el a pensión cando se retire. Mellores rendas terá como siga rachando cristiáns... –Ave, ¿e tes as mans aseguradas? –Teño, si... ¿Que tal a Ana? –fuxiume. –Ben. Demasiadas clases. –A xente ándache tola co do inglés. –Anda, anda. Non tiñamos nada que falar. Rematamos logo a bebida con promesa de xuntarmos as familias nunha próxima fin de semana (o cal non faremos, porque eu irei cos meus vellos xantar na aldea mentres o Avelino pasa o domingo en pixama, lendo libros e revistas de cirurxía). Paguei os Martinis. Os punkies mirábanse calados cando saïamos. Eu olleinos desde a rúa, querendo ser punky, querendo estar coa Marga nun niño alleo, exercendo un dereito que se perde cos anos, demasiado cedo e para sempre: o de gozar sen pensar. Como xa era tarde, decidín non volver pola oficina; ou sexa, faltar aos meus deberes, o cal me molesta aínda que os meus deberes sexan unha merda. E fun onda o Luís á Delegación de Industria (ao Escuredo interésalle que eu cultive a amizade cun home ben colocado nesa delegación, que dá subvencións e permisos). O meu amigo tiña xente á porta do escritorio mais dispúxenme a esperar. Tirei o xornal da carteira e pasei follas irritantes, abafantes, demostradoras de que imos a peor, abocados á verdade que antes non nos deixaban entrever. Con Franco estabamos moito mellor, porque as ilusións valían para lamberse, eran a droga cotiá. Viviamos ilusionados. O noso Kepa morreu antes de tempo. Agora seguiría a tramar complots, atentados, secuestros... Puta UCD, son os de sempre. Kepa. Cos ollos perdidos sobre un artigo da Maruxa Veiga ("Día de trabajo en mi despacho del Parlamento") vinme en Madrid, nun inverno irrespirable de canos de escape e calefaccións. Á desesperada, eu marcaba un número de teléfono, o da miña irmá casadiña co engominado. "Dígame". "Carmela, ¿está o teu marido?" "¿Queres falar con el?" "Espera... Mira, Mela, desde que eramos pequenos nunca che pedín un favor así, muller... É que teño un amigo que o anda rastrexando a Social. É un rapaz vasco... Se puidese durmir un par de noites na vosa casa... Fala co Miguel". "Non penso facelo. E non nos comprometas". "De vós ninguén sospeitaría". "Que non, Xoán". "Non sexas cagada, Carmela, hostia". "Que non, Xoán; e a ver cando paras coas imbecilidades da política. Mira o que lle pasou ao avó, e aos tíos..." "Cagona filla de puta". "Estás tolo, ¿que me dis?" "O que escoitas, cagoendiós; e, se queres, cóntallo a papá, a ver se me castiga". Kepa. Esa detención marcoulle o camiño: logo dela, o monte, a metralleta... –Luís, estou aquí –avisei o teatreiro funcionario, que saía co último visitante, a riren os dous un riso frouxo, tal vez final do que foran gargalladas. –Caramba, don Xoán Castro Méndez, ínclito novelista... Entra –e, ao pasarmos por diante da súa secretaria, púxose serio–: Lucía, dígalle ao do Ministerio que sigo ocupado, que o chamamos mañá á primeira hora... Senta, senta, que che vou contar o chiste que me contou ese que acaba de saír... É de Franco. A cousa ocorre dentro de sete anos, en 1985. O vello xa leva dez no caldeiro. Pacta co demo para que lle deixe saír o 20 de novembro, a ver como andan isto logo dunha década. Colócanlle o abrigo verde de facha, as gafas escuras, o chapeu de cazador e, zas, á praza de Oriente. Ponse por alí a dar voltas, esperando a manifestación de lembranza e nada, nada de nada... Fártase de esperar e vai para un bar e pide un cortado. Pregúntalle ao camareiro se non vai haber manifestación e o tipo dille que iso era antes, que agora non se fan... Daquela o vello pregúntalle polas folgas e o outro di que nada, que non se arman . ¿E o goberno, que tal? Moi ben. ¿E o paro? Xa non hai diso... Entón, o vello, medio cabreado de que todo andase tan ben e non o lembrasen, acaba de beber o café dun grolo e di "¿Que lle debo?", e o camareiro dille "Sonlle dous rublos". O Luís riu forte e eu seguinlle o riso; pero, segundo ría, ía matando aquel rebento de diversión porque os tempos do vello tiranete non voltarán e porque nada nos asegura que en 1985 non esteamos a pagar en rublos os cafés. O amigo inseparable e histriónico viu extinguirse a hilaridade no meu rostro e quixo introducir un elemento de interese diferente na conversa de fin de xornada matinal: –Supoño que xa leches o xornal. –Estábao mirando mentres esperaba. Quedei nas fazañas hemicíclicas de dona Maruxa Veiga. –Pois xa verás na sección de Cultura o que escribe o Mourín: un artigo histórico. Descóbrelle ao pobo ignorante deste impaís que no Brasil hai marabillas de literatura. Mesmo menciona o Guimarães Rosa, tan ben coñecido polo grande académico Pais Cornide... ¿Acabaches de ler os "Soños" mourínicos? –Vaiche boa, Luisiño. –¿E que? –Un bluff: o que temín ao empezar a lelo. Iso non é novela. Non ten trama. O tipo non sabe como diaño acabar a historia e mete o da viaxe astral do protagonista. –Si, pero, malia esa tolería, a historia é reflexo da vida, Xoán, que é o que importa. O curioso é que o Mourín, que tanto critica os demais, non vexa que o seu, o que borda o cabrón, é precisamente o realismo do principio desa novela, que si é novela, porque novela é todo; e si conta unha historia, aínda que se trabuque ao final... Pena que non tire coa pipa e as fantasías... Por certo, anda todo cristo a preparar novela para ese concurso... ¿E ti? –Non sei aínda o que vou facer. –Pois, carallo, vas ter que bulir, que por moi rápido que escribas... ❧ O ABRIGO DO SOL – Capítulo 4º O abrigo do sol Seguiron a camiñar, mais agora alertados. Corcovinha e Faca Longa sabian o que significaba o aviso da muller de corpo lindo e ollos grandes, furadores. A floresta é o mellor lugar do mundo para un inimigo sigiloso se agachar: os fustes das árbores, as raíces que fan de contrafortes... A Valquíria e eles, que foran escravos do mato, gardaban siléncio e axexaban, a carabina pronta a disparar. A branca pálida e os morenos, fillos dos negros de outrora, temian o índio astuto, o arco, a zarabatana, a frecha, o dardo envelenado. O capitán e o profesor parecian ignorar o perigo, marchaban e falaban. –Foi un canal, faga-me caso –dicia o home dos lentes grosos–. Era para seguir navegando cando baixaba o nivel das augas. Ao longo dun canal o terreo pode variar de características. Por iso, cando non se mantén a obra, unhas partes se derruban máis rapidamente que outras. Iso é o que produce esta sucesión aparente de lagoas estreitas, e ja viu como unhas son máis fondas ca outras... Ora, imos ver como acaba esta sucesión delas. E acabou, na maior de todas as láminas brillantes vistas naquela marcha. O espello de auga mansa facia arco arredor dunha grande mole de pedra con covas a rente da superfície. –Todo coincide, Ribeiro –sentenciou o profesor–. Esas grutas son as mansións dos morcegos defensores do templo –e foi estreitar a man do capitán. Ambos sorriron marabillados, contentísimos. Mália a suor, o español acorporado e o portugués fraquiño apertaron-se sen nojo. Despois sentaron na herba da beira da lagoa e mandaron aos demais tomaren descanso. Abriron cantimploras e petacas de whisky. A gringa achegou-se-lles pero non sentou; mantiña-se de crequenas como os índios, lista para erguer-se. Da mochila tirou unha cámara e fijo fotos. Falaba en gringo cos chefes, nun ton e cuns acenos que inducian a imaginar diferenzas e adverténcias. De súpeto a muller ergueu-se e pujo-se a rodear a lagoa, coa vista no pelouro que non deixaba ao mato medrar, rocha gris á que se agarraba algún felgo desesperado. O capitán Ribeiro e o portuga pitoño continuaban bebendo e fumando, en aparéncia indiferentes á descuberta pola que trillaran a selva bruta. O Zé Corcovinha sentiu curiosidade polos ocos que tiña enfronte e os morcegos que alá puidesen estar, bichos estraños, pendurados cabeza abaixo. Levantou-se, cortou unha vara máis alta ca el e usou-na para tentear o fondo da lagoa. Comprobado que mal afundiria ata a cintura, arriscou-se a cruzar cara á rocha; e nese mester viu como o Leô Faca Longa se botaba a contornar a lagoa polo lado oposto ao que exploraba a moza. Prudente, o compañeiro nos traballos de caucho e diamantes avanzaba coa carabina e o machete a jeito. Naquela lagoa non afogaba un gato, pensou o Zé segundo a pasaba. Se algunha vez fora un fojo –coma os das fortalezas nas costas da sua terra–, o mato enchera-llo con raíces e restos de plantas que podrecian e facian lama. Ja no céspede arredor da rocha reparou nunhas formas gravadas sobre as entradas ás covas, difíciles de ver polo musgo. Partiu un anaco da vara e con el repasou as marcas na pedra. Ao pouco aparecian figuras repetidas: a lua, morcegos e homiños tan pequenos coma os bichos da noite. Entretivo-se con aquela tarefa, a revelar cousas de gente índia que teria andado por alí. Ou que poderia seguir andando, ainda que tanto musgo falase de abandono... –Zé, ¿que está descubrindo? –preguntou-lle o piloto, ja en pé, quizais reposto da camiñada. –Debuxos de morcegos, capitán. Veña ve-los. O capitán achegou-se. O profesor seguiu-no mochila ao lombo. Ambos cruzaron a lagoa sen dificultade, ficaron a contemplar os debuxos que o Corcovinha limpara de musgo e lanzaban gargalladas coma parvos. O portuga quitou cámara da mochila e fijo fotos das figuras, repetidas sobre os bordos das cavernas. –Faga-me unha foto histórica, Ribeiro –tendeu-lle a cámara ao piloto e posou co chapeu na man, para que se lle vise ben a cara miúda con barba branca. A seguir, con aquel espírito de brincadeira en que andaba, tivo a ocorréncia de meter a vara do Zé nunha cova e sacudi-la dentro. Armou-se un estrondo terrorífico, de bater de ás e chios. Dúcias de morcegos grandes coma ratas aventuraron-se á luz do dia chocando cos homes que os importunaban. Ribeiro afastaba-os ás manotadas; o portugués riu tolamente cando un bicho nojento, con dentes de lobo miúdo, lle tirou os óculos. Foi tan grande o barullo, e tamaña a impresión, que os humanos perturbadores da paz dos animais non escoitaban os gritos de júbilo da Valquíria. –¡O abrigo do sol! –anunciaba–. ¡O abrigo do sol! ¡Estamos no abrigo do sol! ¿O abrigo do sol? Mais, ¿que diaño era iso? Fose o que for, o Corcovinha seguiu os chefes, quen cruzaron a lagoa sen moito pensaren o que facian e deixaron-se guiar en terra firme pola gringa. A grande poza rodeaba a pedra, estreitando-se contra ela a cada paso ata morrer nunha explanada de herbas altas. Aí a rocha tomaba a sua altura maior e cortaba-se coma un cantil inclinado cara ao chan, cóncavo, que ao Zé lle pareceu o interior dunha cuncha de pedra gigantesca. A superfície da cuncha aparecia limpa de musgos, clara, gravada con trazos escuros de soles e outras figuras que non se entendian. O capitán devolveu-lle a cámara ao profesor e ficou a ollar aquel mundo de cousas raras pasando a man pola barba entre roxa e negra, de vários dias. O profesor deu en mover-se quitando fotos. O Faca Longa tamén se movia, mais por preto da cavidade, osmando nela. O sorprendente foi ver a Valquíria chorando. –Non chore, Úrsula –con ese nome o profesor dirigiu-se a ela–. Pense na sorte que tivo de dar co sítio; e faga moitas fotos. Jamais puiden pensar que neste lugar fosen coincidir duas lendas, as nosas duas lendas favoritas, as lendas das nosas vidas –tirou a suor da fronte co canto da man, limpou os óculos coa camisa e agora dirigiu-se ao piloto–: O que oíu, Ribeiro: unha coincidéncia marabillosa, se a é; porque isto é o Abrigo do Sol, que aparece en moitos documentos desde comezos deste século. Ora, pode ser tamén o que viñemos buscar... Eses soles non son só o noso astro rei. Son estrelas. Estamos ante un mapa sideral... e... observe a liña vertical gravada na pedra. Penso que... Si, si... Temos o norte ás nosas costas, ¿non? –Temos –confirmou o piloto ollando o compás. –Pois escoiten o que lles digo –o profesor ollou a tal Valqui, Valquíria ou Ursa, que limpaba os ollos coa manga da camisa–. Vejan: esa liña rebaixada na pedra marca as alturas máximas do sol ao longo do ano. É curta porque estamos moi preto do ecuador e apenas hai diferenzas entre solsticios... Apostaria a que o rebaixe soportaba... –Espellos, ou algo que reflectia o sol –rematou o piloto. –Exactamente, exactamente –interveu a moza, reposta. Calou e fijo unha foto–. Espero que me saia ben. Quigen coller a liña e esa pedra grande, aí, no médio, adiantada, desprazada con relación á parede curva... Todos os relatórios das expedicións parten da idea dun altar onde se reflectia o sol. –Claro, claro, é a teoria da parábola, a parábola e o seu foco –proclamou o portuga e ao Zé Corcovinha pareceu-lhe que falaba como un crego na igreja, do Evangeo. –¿Onde vai o Leô? –preguntou a Valquíra. En todas as facianas houbo gesto de sorpresa; e a seguir ela avanzou cara á tal pedra-altar, que podia tapar-lles a vista do compañeiro, quizais caído por tras. Alancando, a moza desabrochou a pistoleira que levaba ao cinto; e logo a sua voz resoaba na cuncha de pedra–: ¿Que anda a facer, animal? ¡Pare! ¡Pare ou meto-lle un tiro! Os tres homes precipitaron-se para onde ja se vian a branca e o moreno, enfrontados, ela de pé, revólver na man; el, de geonllos. No chan areoso, da mesma cor da rocha, via-se un leito de plumas de cores vivas. Nel habia... ¡láminas de ouro con gemas engastadas! O Leô delatou-se pola faca que tiña na man e mais polo siléncio: cacharan-no tentando arrincar do ouro algunha pedra. Ribeiro ergueu do chan o moreno, cujos ollos faiscaban de cobiza. Do colchón de plumas levantou as pezas do metal que sempre brilla, e colocou-nas no altar. Agora todos os ollos contemplaban, abraiados, as láminas de ouro, estreitas, longas. Median vários palmos cada unha e sostiñan decenas de pedras de cores variadas. Ao profesor con gafas durou-lle pouco a contemplación a simple vista. Flanqueado pola moza e o piloto –eles con cadansua pistola na man–, tirou da mochila un lente de joieiro e foi ollando polo miúdo as pedras preciosas. Cando concluíu a inspección, deitou cabeza e brazos sobre o achado e así permaneceu uns minutos que aos demais se lles farian inacabables. Ao incorporar-se, dijo algo estraño: –Señores, agora sei o que deberon sentir os egiptólogos cando se viron fronte aos tesouros das pirámides... Úrsula, fagamos fotos e medicións –e terminou falando en gringo. –Leô, Zé, vaian recoller –mandou o capitán–. Temos que fugir de aquí. Isto é lugar sagrado de índio. Obedeceron, o Zé coa sospeita de que o amigo arrincara algún garavanzo das chapas de ouro. O Leô apuraba moito dando a volta á lagoa e o Zé seguia-o con necesidade de lle preguntar. Mais non tivo ocasión pois, cando chegaron a onde deixaran os trastes, o Faca Longa botou a correr para dentro do mato. –¡Ei, Leô, ¿que fas?! –o Corcovinha quijo rete-lo, razoar-lle– ¡Espera aí, non sejas tolo! ¿A onde vas? –os seus berros apenas resoaron nas galerias de árbores entre os gritos dos paxaros e os macacos. ¡Oh, Deus! O Leô enlouquecera coas gemas que teria apañado coa faca, e non lles sabia o valor porque non as mirara co lente fino, como o portuga. Quizais non valesen unha fugida deixando gente en terreo perigoso. O Faca Longa equivocaba-se. O comportamento do capitán era raro, e tanto falaren gringo os patróns indicaba que gardaban un segredo desde o princípio da expedición: sabian que naquel "abrigo do sol" habia un tesouro, un tesouro enorme... Pero non ian ser tan fillos de cadela como para non lle daren o quiñón a quen os acompañara. Non eran esa clase de gente. Non. Algo lle habian dar de agasallo a un ajudante se non os abandonaba. El non ia fugir. Levaba anos ajudando o capitán Ribeiro. E pujo-se a recoller os tarecos, agardando polos chefes. Entón soaron tiros da carabina do Leô. ¡Alarma! O fugitivo podia ter topado con índios, celosos do seu território e, aínda máis, das suas cousas de bruxeria. Os desalmados eran coma os bichos que defenden o niño (e aquel leito de plumas con ouro e diamantes podia ser para eles coma o Meniño Jesús no berce de palla para os cristiáns). Agachou-se entre as raíces dunha árbore, afinando o oído, o dedo no gatillo da carabina; e non tardou en sentir pisadas dos compañeiros daquel mergullo no mato que podia acabar mal. Avanzaban a paso medido, o piloto e a Valquíria ollando en volta, pistola na man; no médio deles o profesor coa mochila, onde viria o tesouro. Cando ja estaban a poucos pasos do refúgio do Corcovinha, duas frechas erraron o albo do corpo do capitán e foron cravar-se nun tronco próximo. Ribeiro refugiou-se tras doutro tronco e disparou na dirección de partida das frechas, que viñan do alto; a muller imitou-no; o Corcovinha, tamén. Sentiron-se quebrar pólas e unha batida nas follas do chan. Alá ia o arqueiro... e nun instante o Zé Corcovinha viu-se no pasado, no seringal, na soidade do seu posto ignoto, a infinita distáncia do seguinte posto con gente; e recordou-se camiñando na selva á procura dun compañeiro co que beber cachaça, fumar e falar das saudades das terras própias. Mais ao final da camiñada atopaba un corpo podre, atravesado de frechas... A esas mortes chamaban-lles "avisos"; cando os índios arteiros consideraban que os cristiáns avanzaran de máis na cobiza das árbores da goma, mandaban un "aviso" que enchia o persoal de medo. –Leô, Zé, recollan; e arreando –chegou a orde do capitán–. Non esquezan nada das latas e da munición. O Zé xurdiu do escondedoiro. Con movementos de gato trouxo para alí as mochilas, encheu a sua de latas de comida e paquetes de cartuchos, e endereitou cara á liña de lagoas. Ja lle virian os outros atrás; ja os conduciria el de forma que nunca saísen ao aberto, onde os arqueiros podian abate-los. Alancou ollando onde pisaba para que non soasen os ramos e as follas, e, escoitando arredor, comprobou que alguén o seguia tan sigilosamente coma el: a Valquíria, cun ollar própio de onza en alerta. Ben, a pos dela virian os homes. O profesor e o capitán sabian andar pola breña e ja lles pasaran as ganas de brincadeira. Máis nada de risos, palmadas e felicitacións. A suor do esforzo e o medo levantaba a sede; e a sede facia esquecer a fame polo momento. Levaban moitas horas sen comer e ian ter que aguantar ata que se figese noite. Sorte se os índios gañaran medo das armas de fogo ou se cansaban de segui-los. ¿Por que teria disparado o Faca Longa? Non tardou en sabe-lo: manchas de sangue nas follas do chan e contra algunha árbore figeron-no pór en alerta. Agardou pola Valqui, a quen lle fijo sinal de ollar e calar. Esperaron polos compañeiros. Juntaron-se todos para continuaren avanzando á espreita, arrimando-se a árbores diferentes. –¿Onde vai o Leô? –preguntou o capitán polo baixiño. E o Zé apuntou para un corpo de índio sen máis roupa que unha cordiña á cintura coa que amarrar o membro de macho. Fora morrer apoiando as costas nun tronco. Aínda manaba sangue polo burato que lle figera no peito a bala do Faca Longa. A Valquira, ou Ursa, ou como se chamase, despojou o morto de arco e frechas mentres facia, con sordina, un comentário: –Se chegarmos vivos ao rio, con isto non imos morrer á fame. –Se chegarmos, amiga amazona –bisbou o profesor–. Porque non sabemos desde onde nos veñen seguindo e ata onde nos van seguir estes indígenas. Esperemos que nos deixen vivir ata a noite. Daquela, nin os veremos nin nos van ver; pero nós jogamos coa vantage do compás do capitán Ribeiro. –Zé Bento –terzou o capitán con firmeza–. Diga claro o que pasou co seu amigo. –Que fugiu, capitán. –¡Fillo de...! –o piloto quijo berrar unha maldición mais a muller aguerrida tapou-lle a boca. Seguiu-se unha marcha para rebentar mesmo un seringueiro resistente, sempre por onde máis custase ás frechas atravesar; e sen perderen o rumbo. De cando en cando o piloto se achegaba ao Corcovinha, mostraba-lle o compás, e seguian. O sol caía, a luz foi perdendo forza. O Zé alancaba con mil ollos e duas esperanzas: que os índios non soubesen embosca-los e que non se perdese a mochila do portugués, onde iria o tesouro. ¡O tesouro! A sua avoa fora escrava nunha facenda de moitos negros que crian nos espíritos. A vella sempre falaba dun espírito ruín que facia aos homes –amos ou escravos– tolear e matar, por unha muller ou polo metal que todo consegue. Ese espírito queria agora facer que o Zé Bento Corcovinha se distraese pensando no ouro e as pedras que o portuga traía ao lombo. O malvado dicia-lle que non esperase, mansiño, polo quiñón; e Zé acariñaba o cano e o gardamato da carabina: serian só tres tiros. Con tres disparos ficaria dono da riqueza... Pero non. Nunca faria tal ruindade. A noite fijo-lles afrouxar a marcha e trouxo-lles o alívio do fresco. Habia lua dabondo como para guiar-se polo resplandor das lagoas. Sobre os infinitos ruídos da bicharada nocturna sentia-se o vento da seca nas copas das árbores. –Zé –o piloto acercou-se-lle cun falar maino–. Olle, estamos chegando ao rio... Non sei se nos vai estar esperando o fillo de puta do Faca Longa. ¿Que se lle ocorre facer para saírmos desta? O demo da cobiza novamente tentou jogar coa alma do Corcovinha; por un instante volveu pensar na carabina, como podia estar pensando o Leô. Mais foi outro espírito, bo, quen o levou a falar: –Se o Leô está á nosa espera, haberá que liquida-lo á faca, capitán; sen disparos que alerten os índios. Cando esteamos preto da praíña onde deixamos as canoas, vostede e eu pomo-nos a buscar, e que a Valqui proteja o profesor. –Se cadra, ese fillo de cadela... Se cadra... ¿Non seria capaz de fugir coa sua canoa e lanzar a nosa ao rio? –Daquela, teriamos que facer moitas leguas a pé ata a aldea de pescadores máis próxima. Ribeiro lanzou un funguido e o Zé comprendeu: os pilotos traballan sentados, o seu non son as marchas longas. Proseguiron. O luar reflectido no rio ja daba luz como para que o capitán e o Zé seguisen a sua táctica. Avanzaban eles diante, arma branca á man; atrás, o profesor pitoño e a muller de vista gatuna. Movian-se todos palmo a palmo, tentando distinguir ruídos... Nada. Non daban sentido ruído própio de gente. Os ollos furadores da moza distinguiron o que todos buscaban, e dijo-llo ao Zé na orella: –Hai unha canoa na praíña. O Zé falou ao oído do capitán e logo reptaba ata a lancha. Explorou arredor; e dentro dela. Seguia ben amarrada; tiña os remos. Non longe, na area ficara a marca da barriga doutra canoa. Non quijo pensar máis. Non quijo imaginar unha trapela. Cumpria arriscar-se e saír como fose daquel inferno. Avisou os compañeiros por toques e bisbos. Nun minuto estaban na auga, remando. Noutro saían á luz do rio. Daquela sentiron-se funguidos, picadas na auga, batidas na madeira. E un suspiro de angustia mortal. ❧ –Moi engurrado ves, Xoanciño... Dáme un bico, ho, que non é para tanto. –Ai, Aniña… –Un premio de contos… –Non é só por esa merda de premio, muller, que a min o que me importa son as novelas longas, xa o sabes... ¿Sabes o que penso? Que... Non che sei. –A ver, aclárate, Castro. –É o efecto dominó: un ano vai empurrando o seguinte, ese ao que vén despois... E, ao final, unha vidiña toda á mostra, lista para sentenza. –¿E que? –¿Lembras cando diciamos o de "cando cheguemos aos trinta...". Pois eu xa cheguei, e agora a meta son os trinta e cinco, e despois serán os corenta. "Non, claro; de aquí aos corenta seguro que...". Seguro que nada: non teño nada. Se morro hoxe non deixo nada feito, nada aforrado, nada de nada. –¿E que querías deixar, Xoán? Ti tamén… Mira ao teu arredor, dime que teñen os teus amigos, os compañeiros da universidade, a xentiña do colexio maior. ¿Que ten a xente con trinta anos, Xoán? –O Avelino tenche un Rolex de ouro e as mans aseguradas contra todo risco, ¿sabías? E o Luís ten unha nómina de funcionario que non lla toca nin deus; e o mamón do Rocha ten un almacén de valvulería que factura seiscentos millóns... –¿E os demais? –Os demais… Os demais… Dáme unha aperta, Aniña... Se che digo a verdade miña deste momento, os demais sodes todos, incluídos eses que teñen pasta; e todos importádesme un carallo. Só me importo eu... Eu xa debía ter novelas, no-ve-las, obra feita, ¿comprendes? ¿Que non son un xenio? Asumido; pero podía ter traballado, tentado sorte. –Xoán Castro o precoz. –Ai, ri, Ana Parguiña, ri. Pero vale para todos: un ano empurra o seguinte, como as pezas de dominó. –Pois é o risco da vida, fillo. Para seres novelista, tes que ter vivido. Espera aos corenta, tranquilo. –Leucemia. –¿O que? –Ou non. Non ten por que ser leucemia. Existe outra solución, tema para un conto. Vexamos: un prometedor novelista vai no seu coche coa familia á aldea da muller, onde os espera unha pavorosa comellada de Entroido. Non lonxe do seu destino, uns rapaces métense nun 127 co fociño cheo de faros, que sae disparado cara a un cruzamento de estradas. O condutor é fillo dun matrimonio que leva trece anos na Suíza e foi criado na aldea pola avoa-madriña. Cos cartos da Suíza, o subsidio da vellez dos avós e mais o produto da venda duns eucaliptos plantados nas leiras que antes cultivaba a familia... etc., choque, traumatismo cranial, evisceración... Podemos titulalo "Fin dunha promesa literaria" ou "Morte dun home concienciado a mans dun fillo do pobo que el quería concienciar". Tamén poden ser título e subtítulo. –¿E que andas escribindo agora? Porque ben escoito como lle dás á máquina... –Non sei o que escribo, muller. Ultimamente non sei nin o que fago. Xúrocho. –Escoita: teléfono. ¿Valo coller ti? –Vou... Cago no demo mil veces, carallo: ¿que andas escribindo agora? Un plaxio, Ana; un plaxio de merda porque non son capaz doutra cousa. Estouche a plaxiar unha novela de aventuras porque eu non vivín un carallo e non teño nada que contar que pague a pena. Eu non fun á guerra como o meu pai... –¿Diga? –Ola, Castro, boa noite. Sonche o Santamariña. Perdoa que te chame tan tarde, ho... Mira, é que imos pechar edición e quería que me contases algo do concurso de narración breve do ateneo... A ti déronche o premio por O Radio... ¿como? –O Radiolar. –¿Pódesme resumir o conto? –Pois é a historia de Fiordia, que é un país afastado, "con cultura e idioma propios" como se di, un pobo de navegantes por todo o mundo ata que o poder lle foi arrebatado por Centralia, e aí comeza a decadencia de Fiordia, que xa non pode relacionarse máis cos países aos que exportara a propia cultura e... Bo, o conto céntrase, penso eu, no xuízo ás posturas dos representantes pseudo-oficiais da cultura fiordesa no momento en que o Estado centralés dispón popularizar o Radiolar facéndoo chegar ata as provincias máis remotas. O Radiolar é un sistema de radiodifusión omnipresente e orientado a un segundo plano de conciencia, de xeito que a xente poida estar sempre a recibir as emisións por medio dun microrreceptor acoplado á orella sen que iso lle impida realizar calquera traballo... Santamariña, ¿estasme seguindo? –Estou, Xoán, estou. Estoucho gravando, ademais, cun acoplador acústico para non perder palabra. –Vale, vale. Ben, o ministro de cultura de Centralia define o Radiolar como "o lar radiofónico de toda a nosa nación", e está claro que todo o que emite o Radiolar está falado en centralés. –Ou sexa, o tiro de graza no idioma de Fiordia. –Exacto. –De acordo, Castro. Con isto chégame para hoxe. A ver logo se facemos algo extenso nas páxinas do dominical... ¿Oíches? Dese conto non dirá o Mourín que é realismo fotográfico. –Vai ti saber o que vaia dicir... –Atopeino no aeroporto o día que viña o Sartorius. Estaba que non cabía en si percibindo como o miraba o persoal: el, tan bo mozo, tan alto, coas barbas e a pipa. Cando me viu, faltoulle o tempo para contarme que vai viaxar á Unión Soviética, que alá ten todo arranxado cos soviets para que se publique unha escolma de narradores galegos. Seica son Castelao, Cunqueiro, Blanco-Amor, Neira Vilas... e el. –Manda truco. –Pois si, Castro. E outra cousa, rapaz, off the record. Iso de chimpardes o Pepe Lantaño da presidencia da vosa asociación cultural... digo eu que será operación do colectivo socialista tránsfuga contra os socialdemócratas con pedigree nacionalista, claro. –Sen dúbida. –¿E ti con quen estás? –Co Pepe... Estouche con el, pero non estou. Ou, se queres, non estou con el pero cago na puta agonía que lle están facendo pasar... –Xa... Ben, Xoán, ala, déixote, que aínda teño que amañar as túas declaracións de premiado... Ah, ¿e quen son eses aos que lles deron os outros premios? –Novas estrelas do firmamento literario... Ninguén os coñece. Un é profesor de formación profesional e outro seica é colega do Cameselle, un bancario. –¿Non concursaba ninguén da vosa tertulia do Barlovento? –Amigo Santamariña, iso é para falarmos de vagar. –Está ben. Daquela o venres heite chamar. Ata logo. –Ata logo, e moi agradecido por lembrarvos de min. Dillo ao xefe. –Dígollo. Adeus. Cago en todo: mañá na primeira páxina "MAXIMINO CREGO, PRIMEIRO PREMIO DE NARRACIÓNS DO ATENEO (Página 13)"; e alá, na páxina 13 a foto do Maximino Crego, cara de idem. ¿Como serían as deliberacións do xurado? ¿Como será ser xurado e deliberar? O Salvador non sabía que che dicir, Xoanciño: "Home, Xoán, espero que non che pareza mal. De verdade que foi moi difícil decidirmos. Os tres finalistas erades moi bos. Houbo que votar". Espero que non che pareza mal... –Xoán, ven. Non te encerres tan rápido. –Dime. –¿Con quen largaches tanto? –Co Santamariña. Quería que lle explicase o do Radiolar para facer unha nota no xornal... ¿E sabes que me contou? Que o Mourín vai viaxar a Rusia, que van facer alá unha escolma de clásicos galegos e el vai incluído. ¿Que che parece? –¿Por que non esqueces o Mourín? Deixa que se frita no seu propio sangue, caramba... ¿Oíches? –¿Que? –Que eu quéroche igual, aínda que todos os demais non che importemos nada... –Perdoa, muller, perdoa... –Voume deitar. ¿Ves? –Pois... quería mirar unhas cousas. –Non te me deites tarde, que, despois, a cabeza... ❧ É tarde. Vou durmir pouco e mañá, entre a falta de sono e o tabaco do Sieiro, á hora de xantar a neuralxia andará amargándome. Mais, sexa como for, vou deixar apuntado o que aconteceu hoxe: O día rompeu co pistonear inconfundible dun compresor; despois sentiuse aceiro a bater en rocha, e erguinme para contemplar o espectáculo: obreiros con casco iniciaban os históricos traballos para dar cabo do pelouro que separa a nosa rúa do mundo por onde circulan vehículos automóbiles. O ceo leitoso entre edificios insípidos veu alumear un tipo corpudo a furar pedra cun trade. A carón del, un guindastre inmóbil, pranchas de ferro aboladas e mais unha rede. Nos furos meterán dinamita e... Pena de non ser xubilado para poder contemplar a voadura. Saín cara á oficina disposto mesmo a traballar con tripas e corazón. Pero, logo de chegar, unha notiña xornalística de nada abriu a primeira brecha no fol inchado dos meus propósitos. Estaba á vista no xornal que o Sieiro deixara nunha esquina da mesa. Anunciaba que hoxe se faría público o fallo do discreto premio do ateneo, tan discreto que nin se coñecía o xurado. E, de súpeto, todos os asuntos que tiña en carteira parecéronme de máis. Sentíame incapaz de apreciar prioridades, ver por cal había que empezar... Collía un arquivo de proxecto, facía algo nel –e axiña me vía en roda de prensa falando de Fiordia, explicando que o fiordés era un pobo sangrado pola emigración, con montes pelados coma grandes bestas mortas a mostrar a osamenta, montes outrora cubertos de mestas carballeiras que se empregaran en construír invencibles e inútiles armadas baixo mando de inexpertos almirantes de Centralia... Collía un orzamento para cotizar e víñame daquela a tentación de proclamar que neste impaís non hai crítica nin críticos que nos administren a tristeza cultural en que vivimos. Despois veu o segundo golpe: a Nucha anunciábame que me chamaba "don Ricardo Dozón", ou sexa, o Caruncho. Louco de ganas de ser premiado, imaxinei o Caruncho chamándome para anticiparme calquera filtración de membro de xurado. Mais don Ricardo telefonaba para comunicarme que non debía faltar baixo ningún concepto á xuntanza da asociación na que iamos dimitir en bloque. Tiñamos que dimitir todos xuntos "para abrir o proceso". Ou sexa, para deixarmos o Pepe Lantaño so, no abandono, pasando as mans polas greñas longas, cravando os ollos fondos nun futuro imposible. Sentín case náuseas: merda de loita político-cultural... Ollei con asaño o Sieiro, o seu mirar de ollomol a concentrarse nun listado de ordenador e o quinto cigarro da mañá nos beizos. Necesitaba aire e saín a "tomar un café", pero tomei unha tila, chamándome covarde e dicíndome que ao feito, peito; que ninguén me mandara meterme en complicacións, en guerras intestinas. Señores, eu non quería que as cousas fosen así. Quixera que o Bautista e o Rodríguez Calvo e o Lantaño, e o mesmo Barros, fosen todos dun único partido (como en Gales o eran o Meic e a súa xente) mentres Fiordia perigase. Quixera que o da autonomía non cheirase a xogos de Entroido, a castelos de fogo diante da catedral. Queimei o esófago coa infusión, e gustei do castigo, por crédulo; por imbécil. Queimado en vertical por dentro, decidín non faltar á xuntanza da nosa veterana asociación cultural militante. E aturar, sen que se me notase moito na cara o "Tu quoque Brute" do Lantaño. Ai, pero quedaba o premio. Coidado: se me chegasen a procurar para ir á festa da entrega do galardón mentres eu andaba encerrado no local da asociación... Á volta no escritorio non traballei. Vencinme. Ao xantar díxenlle á Ana que tiña xuntanza inescusable na asociación, que non me esperase para cear. Repetinllo e miroume estrañada pola insistencia. Na oficina o Escuredo chamoume ao seu despacho, cheo de papeis amoreados, que soamente se moven cando a señora da limpeza lles sacode o po. Hoxe viña de empresario coa súa combinación favorita: verde musgo e bordeus, camisa de seda azulina con iniciais; e lentes escuros porque o sol dera furado a capa delgada das nubes nun intento de anunciarnos que logo vai vindo a primavera. Cun sorriso cadrado, amable, seguro, mandoume forzar o pedido dun cliente, arrincarlle unha letra asinada. Malia o sorriso, no falar mostrábase nervioso: debía necesitar o desconto da letra para calquera trapallada financeira. Estiven disposto a aclararlle que o cliente era un paisano gordo con dous dentes de ouro, sen esquinas nin canellóns; un tipo clarísimo que, ata non ter os cartiños xuntos para nos pagar cando se lle servise o pedido, non adiantaba letras. Que non era coma el... Mais calei e pasei o resto da tarde tentando, a modo de distracción, localizar o home e falarlle. Tiña interese en facelo: a prosa terceiromundista do papel de pagamento adiantado para tapar buratos afastaríame das esferas onde se descoñece a poesía das letras de cambio, promesas de pagar –con timbre do Estado– en troco dalgún ben ou servizo, mostras de mutua confianza entre os contratantes, marabillosos documentos convertibles en diñeiro contando co beneplácito dos bancos. A busca do cliente conseguiu o efecto esperado. Enguedellado na xestión, esquecín un xurado que estaría a deliberar sobre o meu conto. As chamadas por teléfono non deron outro resultado, non atopei a vítima. Mais o Escuredo pareceu conformarse coa miña mostra de entrega á empresa. Ofreceume un cigarro e un Supermirafiori de segunda man "en excelente estado", dun amigo que tamén ía polo BMW. Á hora xusta de saír, marchei. Conducín inventando coma un imbécil frases para os xornalistas que me preguntasen sobre "O Radiolar". No local da asociación, máis fume, de tabaco pobretón, de esquerdas. A roupa e as barbas da nosa xente levan o cheiro acedo das marcas populares de Tabacalera Española. Pensei iso, e tamén que os cans da policía deben estar adestrados para identificaren rojos polo cheiro. Pero non, porque os polis tamén son pobres e fuman da mesma porquería... O Patriarca das Letras de Fiordia, Outer Parvaio, presidía o noso desaforo asociativo desde o seu cravo na parede. Grande reunión de socios, non abondaban as cadeiras. Na mesa de xuntas, o Lantaño presidía baixo a ollada gafosa do volumoso patriarca (antollóuseme enmarcar o rostro do Outer nun triángulo, a xeito de ollo divino). ¿Sería eu o Xoán evanxélico naquela Derradeira Cea?¿E o Caruncho, o Xudas? ¿Habería bico de traizón? Polo menos o Rodríguez Calvo, instigador, director do colectivo psoecialista, non viñera. Completa a xunta directiva, o secretario anunciou aos asistentes que nos convocara a unha asemblea extraordinaria con só dous puntos na orde do día: presentación da demisión voluntaria pola presente directiva e votación para a elección dunha nova. Segundo os estatutos..., candidaturas pechadas... A presidencia... Tanto me tiña. Por veces ollaba o Pepe Lantaño, as súas mandíbulas apertadas, os ollos mouros fitos na parede do fondo da sala, os dedos entrelazados sobre a mesa, todo disposto para ser unha estatua... E outras veces íame para a reunión do hotel onde nese intre o xurado dos premios de narración estaba reunido. Podía xa estar votando. O secretario pediu aos demisionarios levantaren a man. Comezou el mesmo e, segundo as mans se alzaban unha a unha, fun lembrando en flashes aquel piso perdido nunha calella dos Cuatro Caminos de Madrid, a voz do Bautista adoutrinando alí sobre a UPG, o Kepa fuxido da Social, a esperanza de atopalo no lugar máis inesperado e o medo de me ver na obriga de emulalo... Beiras, Rodríguez Calvo, Lantaño, un longo paseo co Pepe Lantaño pola praia e o seu consello de loitarmos sen armas, Meic Stephens e a desobediencia cívica ao estilo galés; pensar e pensar neste maldito paisiño inexistente, remoer ideas sobre el en avións e aeroportos; o retorno ao impaís e a morte do Kepa, moito medo, a morte do "enano del Pardo", o ascenso do "pelele Borbón"; a legalización dos partidos e os cursiños de formación do PSG, o Lantaño a vender un libro do Enrique Barón, vivir en socialista... Ía alzar o brazo mais nese instante vin que alguén o erguía desde a porta da sala. Era a Ana. ¡Ana!, o corazón deume un saltiño. Ana tendíalle algo a un socio próximo á entrada con indicación de que me chegase. Segundo o aquilo avanzaba, decateime de que era un papel dobrado. Certamente. Desdobreino: DÉRONCHE O PREMIO DO ATENEO. QUE TE ESPERAN A CEAR. Xa non vin nin oín máis nada. Xa non estaba alí; estaba no hotel onde o xornal indicaba que "no transcurso dunha cea se faría público...". Musitei calquera desculpa e mandei ao diaño a asociación cultural e a loita pola cultura. A única loita válida era a loita por min. Busquei a Ana entre a xente de pé á entrada, mais desaparecera; baixei ás carreiras ata o portal e alá estaba ela, miña e linda na súa gabardina apertada á cintura. Díxome que saía fungando para a casa porque xa lle marchara a Ramona e tivera que deixar os cativos coa veciña... Apertoume a man (adoro as mans da Ana. Son mans duras en que se sente o óso e o músculo. As mans gordechas de muller son un noxo). Parei un taxi e mandeille ao home levarme ao hotel. No traxecto caín na conta de que o taxista non me coñecera porque non son xogador do Dépor da merda; e lambín a ferida coa esperanza de que o Estatuto de Autonomía (que tanto enchía as bocas) poida servir para que se defenda a cultura do país e algún día os fillos dos taxistas coñezan os escritores que gañan premios. "Positive thinking" é o que recomenda a Ana. E percorrendo as rúas alleas, cheas de xente alleada dunha cidade principal do antigo reino de Fiordia, metido nun taxi, escoitando a radio do taxista falar de fútbol en centralés, coxitei que o positive thinking debía ser un motivo existencial para min de alí en diante. Á entrada do hotel había barulliño de xente. Nun ambiente ben iluminado, de castiñeiro, mármore e espellos, cámaras fotográficas e minimagnetófonos indicaban o acontecer de algo extraordianario. E eu sería a estrela, porque me deran o premio. Esperei que alguén me recoñecese e se achegase a min. Pero ninguén se me dirixía. Unha porta vidreira entreaberta deixaba ver longas mesas de banquete e, polo corredor que acababa nela, os reporteiros asaltaban un tipo delgadiño, con bigote e conxunto de chaqueta máis gravata de grandes almacéns; tamén rodeaban un suxeitiño corcovado, como submiso de nacemento, que continuamente encollía de ombros ao –segundo parecía– facer declaracións. Levanteime un par de veces sobre as puntas dos pés, coma quen que procurase alguén no rebumbio da xente, queréndome facer visible. Entón foi cando unha moza se desprendeu dun grupo de informadores e veu cara a min. Era baixota, redonda e corada, coma unha cenoria con gafas e gravador de casete. –Ola, Castro. Son Feli Turnes da Radiocadea... Primeiro, parabéns... Olla, tesme que contar que é iso do Radiolar, que xa o título... Espera –pulsou unha tecla do aparello e puxo voz radiofónica–: A terceira entrevista deste informativo, con fondo no animadísimo ambiente dunha cea que se espera concorrida e saborosa tanto polo culinario como polo literario, corresponde a outro dos gañadores do... –non escoitei máis, "outro dos gañadores...", unha merda de ex-aequo, seguro–. Xoán, coa brevidade que impón este medio quente sobre o que se basea o teu relato, ¿queres explicar aos nosos oíntes que é o Radiolar? –Ben, pois no fondo é unha crítica a esa postura tipicamente académica que se resume en dúas frases: "o noso pobo, que se mantivo fiel á lingua dos maiores" e "o noso idioma goza de boa saúde pois aínda o fala un oitenta por cento da poboación". Eu teño un amigo que di que este país é unha xerontocracia galénica, que nolo desgobernan médicos vellos... Eu estendo a desgobernación a outras castes tamén, como avogados e xentes de letras... O caso é que a todos eles se lles fan dificultosas as realidades estatísticas... –sentín que me estaba perdendo, que non podía aguantar máis a pregunta e seguín, atropelado–: Quero dicir que esa xente non se decata de que estamos nunha civilización científico-técnica e que, se a nosa peculiaridade se mantivo, como na Fiordia do meu conto, foi polo illamento en que viviamos, ata que chegou o Radiolar; ou sexa, ata que os medios de comunicación masivos, expresados nunha lingua allea, a do Estado, puxeron en perigo a supervivencia do idioma. Parei. Os ollos pequerrechos da rapaza abríronse, sorprendidos, dentro dos aros dos lentes. –¿Iso é todo? –preguntou e non lle respondín. –¿Que premio me deron? –pregunteille. –O terceiro –tendeume a man en silencio, como quen dá un pésame; e deixoume, endereitou cara á porta xiratoria. Un golpe de carraxe cegoume; decidín escapar do bochorno dun premio de consolación; e xa me encamiñaba á rúa cando aos meus oídos chegou unha voz rouca, inconfundible: –Castriño, ei, Xoán. Vireime e alá viña da sala de xantar toda a humanidade do Salvador García coa súa barba poética. –Choca esa man, Castro castrón –lanzoume unha baforada de viño, esmagoume os metacarpianos–. Sodes uns feras os do Barlovento, ¡carai para os tipos!, toda a tertulia mandou cousas a este concurso. Debín pór cara de pampo, como na realidade estaba, tentando adiviñar o que puidese ter acontecido, e aterrado porque o primeiro e o segundo premio fosen para... Mais non, non: aqueles descoñecidos que facían declaracións non eran tertulianos. O Salvador apercibiuse e fíxome a mercé: –Home, Xoán, espero que non che pareza mal. De verdade que nos foi moi difícil decidir. Os tres finalistas erades moi bos. Houbo que votar. É máis, había un nivel altísimo. Por iso che digo o do cenáculo do Barlovento. Na penúltima votación estabades todos, e na última quedaches ti nada máis. Estabamos seguros de que catro erades da tertulia, polos estilos, e, como nos picaba a curiosidade, ao final abrimos as plicas. Unha onda suave e morna coma a do viño invadiume a alma (o bulbo raquídeo, quero dicir). Sorrín para o Salvador, que me collía polo brazo, e seguía: –Démosche o terceiro porque un ilustre parvo do xurado, que non che vou dicir quen é pero que, se cadra... Bo, tanto ten. O caso é que o tipo empeñouse en que o teu relato é críptico en exceso, que lle faltan claves. Eu mantiven que o que contas está claro de máis, que alá andaban o Barros e o Lantaño a salvar Fiordia baixo o ollar celestial do defunto Outer Parvaio. E non sei se che fixen unha putada porque houbo comentarios sobre posibles ofensas ao establishment; dicían que un xurado non debe avalar irreverencias... –lanzou unha gargallada franca, e preguntou con acento de intriga–: ¿Xa chimpastes da presidencia o Pepe Lantaño? –Non sei. Eu funme da asemblea cando me chegou o aviso que mandastes desde aquí... –entramos á sala da cea: mesas en U, xente a buscar acomodo. Non quixen perder a ocasión de saber o máis importante–: ¿E quen eran os outros tres da tertulia? –Pois o Pereira cunha cousa moi súa, sobre a metempsícose; o Cameselle, que seica é compañeiro do que levou o segundo premio, o Guntín. ¿Coñeces o Guntín? –Neguei–. Despois cho presento... O Camaselle mandou unha historia dun tipo que traballaba nun bingo e facía un roubo matemático. Non che está mal. E o Souto largounos algo da loita sindical, dun crego obreiro; pero líase ben. Sentamos, en calquera lugar. Á cabeceira íanse acomodando varios barbudos do ateneo e mais un tipo de chaqueta cruzada estilo mafioso cun terrible estrabismo externo, que lle proxectaba unha pupila inútil contra o alto das xanelas. Salvador díxome que era o delegado provincial de Cultura. Xunto ao funcionario acomodouse un suxeito louro, longueirón e corcovado, con lentes de cu de vaso enmarcadas en tartaruga. Aquela figura tentaba conectarme co pretérito, cun pasado lonxincuo de máis para resistir a barullenta inmediatitude. Axiña nos serviron un consomé fumegante e con algo de viño xa me sentía feliz, chosco no reino dos cegos do Barlovento, dono dunha formidable escusa para o terceiro posto final: no xurado houbera secuaces da academia e o meu conto era moito grolo amargo que tragar. Poderíanlle preguntar ao Salvador García, tipo honrado onde os houbese. Á altura do peixe xa caeramos na política. O Salvador aseguraba que a dereita estaba disposta a apoderarse dos resortes da cultura. Se os franquistas inventaran a Sección Feminina para administraren o folclore, estes agora estaban para montar xa algunha trapallada. Seguro que o do Omnium Cultural viña servir intereses do goberno. Enfronte de nós un tipo sen gravata metía o peixe na boca coa pa, nunca co garfo; comía e discurseaba en castelán: non hai brancos nin negros, só clases en loita, mesmo na África do Sur. Botaba doutrina en todo o que falaba, e non paraba de falar; ata que me fartei e, axudado polo Fefiñanes, lle preguntei se era do PC. O comensal falto de urbanidade moderouse nas intervencións, pasou a escoitar xente do seu lado da mesa. Libres daquela fonte de ruído maxista, o Salvador e eu cerrámonos nas desventuras do noso partido. Eu confesei a miña mestura de pena e rabia pola escisión e o madrileñismo incomprensible dalgúns camaradas; e o Salvador dixo que o PSG podía ser unha merda pero era o noso e debiamos ser fieis ao que ficaba del... Cando nos serviron o roast beef au maître xa estabamos levando as orixes do partido ao nacionalismo tradicional de esquerdas, decantado polo paso adiante da Fronte Popular na república das esperanzas. Na parola xurdiron Castelao, Vilar Ponte, os fuxidos da derrota, Buenos Aires... Entón cortei de súpeto e introducín o Blanco-Amor a perorar no ateneo, cativante. Salvador escoitoume, fixo unha demorada libación de ribeiro tinto e sentenciou: –Seica o Eduardo tiña ciúmes de Castelao en Buenos Aires, e iso é como un bispo ter ciúmes de Cristo. Calei, conmovido pola sentenza; e, comendo da vagar os cogumelos da guarnición, discorrín unha forte descarga de contrarréplica: Castelao debeu ser un home carismático, mesmo vidente (Prada contoume que, cando foi avisar o Guieiro de que lle morrera a mai, este xa o sabía). Pero non deixaba por iso de ser un personaxe local, necesitado de terra e raigaña para xustificarse. No entanto, "doña Eduarda" (que cabróns, os "gayegos") era unha figura do mundo, de onde fose, traducible a calquera circunstancia... Non disparei na defensa do artista que en Buenos Aires quixo seguir sendo galego. Na presidencia do acto xa ían polo café e a copa e o presidente do ateneo levantábase pedindo silencio. Calamos. O ateneísta revelou a composición do xurado, que –enfatizou– non se fixera pública antes para evitar tentacións e molestias consecuentes aos seus membros. Seguidamente, deu lectura á acta: "... a tantos de tantos..., reunidos...". Importábame tres carallos. Comecei a comer a torta xeada pensando no autor de "A esmorga". Ao Eduardo só lle faltara darlle máis á máquina cando novo. Puido ter escrito máis novelas... Aínda que tal vez as escribise: el aseguraba que un escritor se mide polo número de páxinas que tira á papeleira e quizais non se atrevera a salvar do lixo máis que catro textos. Ao gañador do primeiro premio dáballe logo diploma e cheque o señor delegado provincial. Aplausos. Ao comunista de enfronte caeulle ao prato un anaco de torta xeada, visgosa, esvaradía, que tentara meter na boca co coitelo de sobremesa. Imaxinei o Fermín rebentando ás gargalladas ante a torpeza, precisamente dun devoto de Lenin. Xa ía o segundo premiado cara á presidencia. Esperaba por el, con diploma e cheque, o presidente do ateneo. Aplausos. Prepareime para saír ao escenario das mesas dispostas en U. Chamáronme. Fun. Cun sorriso incompleto –os ollos ocultos baixo unha morea de dioptrías– o longueirón louro entregoume diploma e talón bancario por "Ptas. 15.000". Estreiteille a man e retornei entre aplausos ao meu recanto. Un desacougo proíame. Aquel miope alto coma unha torre... Aquel tipo... –Salvador, ¿quen é o carallo ese que me deu os papeis? –O delegado local de Cultura. Era un xefiño da Falanxe destes que acomodaron os da UCD. Chámase Augusto... Augusto... Nonchesei. ¡Augusto! ¡Don Augusto! Unha saudade corrosiva fíxome esboroar na cadeira: fun a moitos anos atrás, á aula de Formación del Espíritu Nacional. Por diante de nós, cativiños, un rapaz esvelto con lentes pesados relataba a valentía daquel flecha de Falange que perseguía rojos guindándolles bombas de man. "Rojos, rojos malditos, horda soviética", berráballes lanzando granadas e perseguíndoos sen medo, só coa dúbida de morrer ou por Deus ou pola Patria. Como gozaba eu as leccións de don Augusto o pitoño, que ás veces chegaba á fin da tarima e case caía a rolos, para erguerse e seguir relatando casos de flechas escapados da casa para iren á fronte buscando a todo custo o fragor da batalla. O viño e o coñac da cea do ateneo permitíronme ver algo claro: á Falange débolle algo da miña ansia de fabular... Volvín á realidade inmediata, o Salvador zoupaba no tipo do PCE que comía coma un cocho, acusaba a todos os comunistas –"incluído o anano do Alonso Montero" – de tomaren posicións progaleguistas puramente tácticas. Non quixen entrar na lide, escuseime para marchar cando o delegado provincial de Cultura comezaba a saudara a udiencia, cunhas perigosas follas na man. Estiven a piques de comentar que todos os de Cultura andaban mal da vista: o Augusto, miope; o xefe, birollo, estrábico. Pero dixen que ao día seguinte tiña que viaxar cedo. –Moi agradecido por todo, Salvadoriño. Encantado –mentinlle ao peceeiro, e retireime en puntas de pés. Cara á porta sentín o discurso oficial: –Un nuestra región, señores, hai unha inflacción política y una deflación cultural... Pena que o tipo non dixese tamén "deflacción" porque daría para anécdota completa.
NOS_45757
Haberá mobilizacións en diferenets cidades e tamén unha a nivel galego.
Os hostaleiros galegos secundarán mobilizacións contra o peche do sector e para esixir axudas, segundo explicaron a Europa Press desde as distintas asociacións consultadas. Ademais, confirmaron que ultiman a convocatoria dunha protesta a nivel galego, pendente de ratificar o día, mentres pediron unha reunión co presidente da Xunta, Núñez Feixoo. Así o confirmou o presidente da Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería de Lugo, Cheché Real, que anunciou a convocatoria dunha manifestación para o sábado nesta cidade, a partir das 11:00 horas, para protestar polas novas restricións que levarán ao peche da hostalería durante un mes en 60 concellos, entre eles as sete cidades galegas. Real queixouse de que "se cargue" contra o sector da hostalería "cando todos os informes oficiais que nos chegan din que os contaxios en cafeterías, restaurante e outros locais non pasan dun 3 ou 3,5%", apuntou en liña co expresado por outros representantes deste sector. "Non entendemos esta inquina coa hostalería", lamentou. Fronte á baixa porcentaxe nos negocios de hostalería contrapón o que ocorre nas reunións familiares ou de amigos, con niveis de contaxio do 18%. "En reunións fose do ámbito da hostalería é onde se disparan os contaxios", argumenta. Por outra banda, incide en que desde a hostalería investiuse "en medidas de protocolo hixiénico sanitarios" que agora "non valen para nada". Neste contexto, Cheché Real defendeu a necesidade de que se fixen criterios con "un pouco de sentido común coa economía, porque dependen diso moitas familas". En canto á manifestación do sábado, avanzou que acudirá "todo o sector da distribución da provincia de Lugo, tamén directamente afectados". Para ese día, desde o sector da hostalería da Coruña responsables de establecementos están a convocar unha concentración, ás 12:00 horas, na praza de María Pita. Sen un calendario de protestas concretado, o presidente da Asociación Provincial de Hostalería da Coruña, Héctor Cañete, avanza xa que están ao ultimar e confirma a convocatoria dunha a nivel galego, cunha táboa de reivindicacións, pendente só de concretar o día. O mesmo sinalan desde Ourense. O presidente da Confederación de Empresarios de Hostalería desta provincia, Ovidio Fernández, apela, como trasladaron tamén desde asociacións de hostalería como a de Santiago, á necesidade dun "plan de rescate" para o sector ante uns peches "non entendidos".
PRAZA_13719
Madoz documentou en 1847 a existencia de varias torres no lugar de Torre dos Mouros. O innovador traballo arqueolóxico que se desenvolve en Lira continuará esta fin de semana. O sábado celébrase nova barferencia, en Carnota, centrada nos petroglifos da zona.
O proxecto de procura arqueolóxica da Torre dos Mouros segue adiante, destapando semana a semana novas sorpresas. Do mesmo xeito que o traballo sobre o terreo dos voluntarios e voluntarias cada fin de semana vai desenterrando as estruturas que conformaban esta construción asentada no alto do Monte do Castro, en Lira (Carnota), o traballo documental tamén revela segredos. Manuel Gago publica no seu blog un achado, realizado pola empresa DeHistoria, especializada en servizos históricos e de documentación e que está a realizar a investigación documental en paralelo ao traballo de campo. O traballo que se está realizando partía dunhas referencias moi vagas, o propio topónimo, a lembranza viva da existencia na zona dunha construción e outras moitas testemuñas de todo tipo. A constancia documental máis firme era o que en 1936 escribía Carré Aldao na súa Geografía General del Reino de Galicia, onde facía referencia á existencia dun "fuerte antiguo" de orixe "romana o árabe" na zona coñecida como Torre dos Mouros. Porén, DeHistoria vén de advertir que no décimo tomo do Diccionario geográfico-estadístico-histórico de España y sus posesiones de ultramar de Madoz faise referencia a que "en la cúspide del monte Garganta se encuentran vestigios de torreones cuyo sitio es conocido por Torres dos Mouros". Polo tanto a mediados do século XIX parte da estrutura estaba aínda en pé, e ademais había máis dunha torre. A mediados do século XIX parte da estrutura estaba aínda en pé, e ademais había máis dunha torre Esta fin de semana o grupo de voluntarios inscritos no proxecto continuarán os traballos sobre o terreo, que tamén se poderán seguir virtualmente a través de facebook e twitter, e grazas ao traballo do grupo de investigación da USC Novos Medios. O obxectivo é facer chegar á cidadanía, de xeito transparente e entretido, o proceso científico que se vai seguir na Torre dos Mouros para tentar determinar a cronoloxía e funcionalidades do espazo, pero tamén para crear sinerxias culturais e turísticas que permitan rendibilizar socialmente a Torre dos Mouros desde o primeiro momento da intervención. As persoas que queiran coñecer máis sobre este traballo teñen a oportunidade de visitar o xacemento todos os sábados e domingos de xullo, de 10 a 18 horas. Ademais, realízanse visitas guiadas ás doce do mediodía. Ademais, este sábado ás oito e media da tarde no Bar do Rua, en Carnota, terá lugar a segunda Barferencia, centrada nesta ocación nos Petroglifos de Galicia e Carnota, que será impartida por Antonio de la Peña (arqueólogo e conservador do Museo de Pontevedra) e José Cernadas (investigador, autor do libro Os petróglifos de Carnota). Ademais, proponse facer unha visita aos petroglifos próximos ao xacemento, seguindo un mapa coa súa localización.
NOS_11643
Tito Asorey e Lucía Veiga son as persoas encargadas de dirixir e presentar a gala. As candidaturas finalistas anunciaranse o próximo 1 de febreiro.
O actor e director teatral Tito Asorey, xunto á actriz e monologuista Lucía Veiga, serán as persoas encargadas de dirixir e presentar a gala de entrega dos XIX Mestre Mateo, que terá lugar o vindeiro 27 de febreiro no Teatro Colón da Coruña. Asorey, que conta cunha dilatada carreira como director teatral, é tamén un rostro coñecido polo público galego, polas súas interpretacións en series como Serramoura. Considera complicado definirse cunha soa etiqueta, pois "hai momentos nos que me sinto máis un director que actúa, e outros, un actor que dirixe", confesa. A concepción da gala contará co guión de Manolo Cortés, quen xa traballou con Asorey en ocasións anteriores, e que promete un espectáculo "que sexa unha festa, unha celebración do noso audiovisual", con "optimismo e que nos axude a sentirnos conscientes e orgullosos do noso", nun ano particularmete complicado para o sector da cultura. "En épocas de crise, a cultura sempre é un dos eidos máis afectados, porque somos considerados prescindíbeis", opina Veiga. Porén, lembra que "no 2020 dos confinamentos, do illamento, das distancias e dos feches, o único ao que nos puidemos aferrar para non murchar foi á cultura". Para esta filóloga de formación, pero actriz e improvisadora de vocación, "os Premios Mestre Mateo deben servir como recoñecemento e escaparate do esforzo do sector, como homenaxe ao traballo en condicións extremas e aos traballos que tiveron que parar, e como proba de que somos axentes imprescindíbeis da sociedade". O evento será emitido, como en anos anteriores, pola Televisión da Galiza, e nel daranse a coñecer os profesionais e obras gañadoras en cada unha das 25 categorías. As candidaturas finalistas anunciaranse o próximo 1 de febreiro, nun acto que arrincará un mes de celebración do talento audiovisual galego. A Academia Galega do Audiovisual está tras a organización, co apoio do Concello e a Deputación da Coruña, e a Axencia Galega das Industrias Culturais.
PRAZA_100
Pontevedra acollerá o vindeiro xoves 22 a representación da obra Dura Lex, de Volta e Dálle Teatro, unha reflexión satírica sobre as eivas do sistema xudicial que se complementará cun coloquio do xuíz Xermán Varela e o avogado Guillerme Presas (Esculca), con quen falamos.
"Unha das funcións primixenias da arte teatral é a de lles facilitar ás espectadoras un cuestionamento da súa realidade con vistas a transformala". Así o cre a compañia Volta e Dálle, que o pasado mes de xuño estreou en Teo, no Auditorio da Ramallosa, a obra Dura Lex, dirixida por Comba Campoy e Carlos Santiago, que escribiu o texto, e protagonizada por Pepe Penabade. Trátase dun monólogo cómico sobre o sistema xudicial no que o xuiz Salomón Da Silva tras ser expulsado da Maxistratura decide crear unha máquina de facer xustiza, a Dura Lex Pro 1.0. Despois de non obter unha axuda de AGADIC á que aspiraban, a compañía levou a cabo unha pequena campaña de crowdfunding para poder cubrir os custes da produción. Ao abeiro desa campaña Volta e Dálle púxose en contacto con distintas entidades que pensaban que podían estar interesadas na filosofía do proxecto, entre elas Esculca. Así naceu a idea poñer en escena unha función moi especial, que sumará arte e debate, reflexión e realidade, denuncia e realidade ficcionalizada. A recadación da billeteira será para Esculca, que a destinará a axudar a pagar os gastos xudiciais de movementos sociais penados por exercer o seu dereito á manifestación O vindeiro xoves 22 o Teatro Principal de Pontevedra, que foi cedido polo Concello para a ocasión, acollerá a representación desta obra e, a continuación, un coloquio co xuiz Xermán Varela e o avogado Guillerme Presas, de Esculca, sobre as relacións entre o Poder e a Xustiza e as consecuencias da Lei de protección da seguridade cidadá (Lei Mordaza), aprobada no Congreso cos únicos votos do PP e que estará vixente a partir de marzo. Ademais, ao longo desta primavera aprobarase previsiblemente o novo Código Penal, un novo recorte de liberdades que complementará a Lei Mordaza e ao que lle foron presentadas 888 emendas, 45 á totalidade. A recadación da billeteira será para Esculca, que a destinará a axudar a pagar os gastos xudiciais de movementos sociais penados por exercer o seu dereito á manifestación. Guillerme Presas afirma que "o que máis nos preocupa é o que xa está sucedendo e que se vai intensificar nun futuro inmediato: a represión do activismo e da protesta popular, a represión do dereito de manifestación, do dereito de participación pública, e do dereito á liberdade de expresión". "A lei mordaza é unha plasmación lexislativa dunha dinámica que xa se está a producir", engade. "A lei mordaza é unha plasmación lexislativa dunha dinámica que xa se está a producir", engade O avogado destaca a oportunidade de dar a coñecer a realidade e os desbates de actualidade a través das artes escénicas, e grazas a eventos coma este que sumen unha función teatral e un coloquio. "Esa é a idea: conseguir que a mensaxe chegue máis alá, non só ás persoas afectadas e ás persoas sensibilizadas por estes problemas, senón tamén a un público máis amplo, para que se decate da densidade e a transcendencia das cuestións que nos veñen por diante", di. Presas xulga especialmente importante elevar a voz e mobilizarse neste momento: "Estamos a vivir un momento histórico. Quen podía pensar hai uns poucos anos que hoxe veríamos a banqueiros como Rodrigo Rato sentados no banco dos acusados? Pódense conseguir cousas, pero hai que mobilizarse". "Existe un cambio na sensibilidade social. Aí están fenómenos coma o de Podemos, ou a esixencia de maior transparencia no exercicio do poder e das accións públicas" -destaca- "E en consecuencia hai unha reacción por parte do poder; o poder está a decatarse de que as cousas xa non son como eran. E reacciona. E nós hoxe temos que dar a voz da alarma ante esa reacción do poder". A obra "O poder está a decatarse de que as cousas xa non son como eran. E reacciona. E nós hoxe temos que dar a voz da alarma ante esa reacción do poder" Dura Lex é un proxecto de comedia satírica que xorde da idea de interrogar a xustiza desde un punto de vista teatral, "da constatación de que algo non cadra no funcionamento da Xustiza na nosa sociedade", destacan dende a compañía, que sinala os "xuízos paralelos na prensa, tribunais aparentemente coaccionados por poderosos grupos de intereses, tratamento desigual das persoas conforme a súa extracción social, corruptelas e demandas de prevaricación no estamento xurídico e unha longa ladaíña de fenómenos recorrentes na esfera da xustiza, semellan relar a raíz do ordenamento xurídico democrático". Na xénese da obra colaborou o propio xuíz Xermán Varela, que participará no coloquio en Pontevedra. "Asesorounos no comezo do proxecto, porque coñece moi ben os intersticios do sistema xudicial e tamén as súas eivas", destaca Comba Campoy. A obra pasou xa por Betanzos, Pontevedra, a Pobra do Brollón, Monforte ou Mondoñedo, e unha das representacións, no barrio pontevedrés do Gorgullón xa se completou cunha charla a cargo de Guillermo Presas e Fran Conde, un dos 15 imputados por esixir unha investigación no caso de Diego Viñas. Trailer da obra
NOS_51357
CC OO denuncia que a empresa está a deslocalizar produción para Portugal.
A auxiliar da automoción viguesa Gestamp ameaza con despedir a unha cuarta parte do seu plantel. Así llelo comunicou a dirección ao Comité de Empresa. Destruiranse entre 75 e 85 postos de traballo dun cadro total de 325. A empresa promove esta medida logo dun ERE temporal que ficará vixente até o 31 de decembro, e após a sinatura dun convenio colectivo no que se fixaba unha importante contención salarial. En 2013 xa se despediran a 35 persoas para "axustar o desequilibrio entre a man de obra directa e indirecta", argumentaran daquela. Para CC OO, esta decisión encobre un "proceso claro de deslocalización". A central sindical denunciou que a empresa incumpre os seus compromisos adquiridos para garantir a produción da planta viguesa e pola contra está a adxudicar traballos ás súas factorías en Portugal. O sindicato advertiu de que de se manter esta pretensión dará lugar a un conflito laboral que, anticipan, será "longo e duro". A sección sindical de CC OO rexeita esta nova "reestruturación" criticando que "a deslocalización e os despedimentos" sexan as fórmulas empregadas pola empresa para "resolver unha mala xestión e abaratar os custos".
NOS_17005
Nesta terza feira redúcese a capacidade interior dos locais no nivel alto a 30%. O sector lamenta a "falta de diálogo" da Xunta e ve "desproporcionadas" as limitacións anunciadas.
O Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) resolveu finalmente denegar a proposta da Xunta de exixir o certificado Covid —de vacinación, PCR ou alta da enfermidade— para acceder ao interior dos locais hostaleiros e de lecer nocturno. Esta decisión deuse a coñecer o pasado sábado malia a insistencia do presidente galego, Alberto Núñez Feixoo, quen afirmaba que a norma non precisaba dun aval xudicial. O alto tribunal alegou que esta medida non se axusta aos principios de proporcionalidade e necesidade que rexen as restricións sociosanitarias. En consecuencia, o Goberno galego activou o seu plan 'B' para o sector, que consiste na redución da capacidade máxima permitida no interior dos estabelecementos do nivel alto a 30% e o fechamento nos do nivel máximo —si poden abrir, en ambos os casos, a 50% nas terrazas—. Aliás, o lecer nocturno, que nos espazos interiores só pode operar nos municipios dos chanzos medio e medio-baixo, ve reducida a súa capacidade a 30%. Os locais nocturnos poderán seguir traballando nas terrazas nos niveis alto e máximo a 50%. O Grove era a única localidade que figuraba no chanzo máximo de restricións, mais a Consellaría de Sanidade, tal e como xa adiantara o sábado o rexedor, José Cacabelos, decidiu finalmente baixala ao nivel alto. Así o recolle nesta segunda feira o Diario Oficial da Galiza (DOG), nunha orde que xustifica esta decisión alegando o descenso da incidencia. Estas novas medidas, incluído o cambio de nivel do Grove, entrarán en vigor na madrugada desta terza feira. Nesta terza feira reúnese de novo o Comité Clínico que asesora a Xunta para avaliar a evolución epidemiolóxica nos concellos de todo o país e estudar a posibilidade de proseguir o proceso de desescalada que Núñez Feixoo datara nesta mesma semana. "A reacción da Xunta soa a represalia contra o sector" Lois Lopes, da Plataforma Galega en Defensa da Hostalería, considera que as novas limitacións anunciadas polo Goberno galego "semellan un mal perder [pola resolución do TSXG] e unha represalia contra o sector". "Fíxonos responsábeis de garantir o cumprimento dunha norma que é ilegal, e nós xa o denunciáramos", afirma en declaracións a Nós Diario. Lopes amósase "sorprendido" polas novas restricións que desde as 00.00 horas desta terza feira afectan un sector "que leva máis de 500 días ao límite", e insiste en que a hostalaría non é un dos principais focos de contaxios: "Cantas máis limitacións nos impoñen, máis opcións hai de que os encontros sociais se realicen en ámbitos privados, e aí si que aumenta o risco porque ninguén controla, como facemos nós, que se cumpra a normativa sanitaria". Así mesmo, lembra, "a quinta vaga comeza remitir". O sector está a valorar presentar un recurso contra as novas restricións, xa que "noutros países con incidencias máis elevadas a hostalaría traballa a 100% da súa capacidade". Polo de agora, a Xunta non se puxo en contacto cos hostaleiros: "Non hai diálogo, só un monólogo no que a única opción é asentir. Mais non estamos fechados a estudar novas medidas alternativas para garantir a seguridade, mais dunha forma legal e non chapuceira", engade. O vicepresidente primeiro do Executivo, Alfonso Rueda, xustificou nesta segunda feira as restricións ante a "necesidade de priorizar a seguridade sanitaria". "O que facemos é adaptarmos á decisión do TSXG e ter unha nova normativa de capacidade [nos locais hostaleiros], mais que ninguén dubide que relaxaremos as restricións en canto sexa posíbel", asegurou. A exixencia do certificado Covid só se mantén en Balears Os gobernos da Galiza, Canarias, Andalucía, Cantabria, Melilla e Balears apostaron nas últimas semanas por exixir o certificado Covid na hostalaría. Porén, cadanseu Tribunal Superior de Xustiza, exceptuando o balear —que validou a norma—, foi tombando de forma sucesiva a polémica medida, aludindo especialmente á vulneración do dereito fundamental á intimidade e a confidencialidade da información sobre a saúde das persoas.
NOS_56439
A sondaxe do CIS é a única que mostra o PSOE como gañador destes comicios.
A última enquisa publicada nesta segunda feira polo Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS) con respecto aos comicios que decorrerán o vindeiro 13 de febreiro en Castela e León, mostran o Partido Socialista (PSOE) como gañador das eleccións, e nin o Partido Popular (PP) nin Vox sumarían procuradores suficientes para obter a maioría absoluta. Neste sondeo, os socialistas manteríanse como a lista máis votada con 30,1% dos votos, aínda que perderían entre un e seis procuradores en relación ás eleccións da autonomía en 2019, cando obtiveron 35. Só o CIS mantén o PSOE como lista máis votada nestes comicios, algo que foi moi criticado desde o Partido Popular. PP e Vox ocuparían a segunda e terceira posición respectivamente. Os populares, que levan a gobernar Castela e León durante máis de 30 anos, recibirían 29,7% dos votos, e entre 24 e 30 procuradores. No caso de Vox, a extrema dereita entraría por primeira vez no Parlamento leonés, con 11% dos votos e 8 ou 9 procuradores. A pesar da irrupción da formación ultradereitista, a enquisa do CIS mostra que nin sequera na opción máis favorábel para PP e Vox (30 e 9 procuradores) poderían chegar ambos partidos á maioría absoluta da cámara, cifrada nos 41 procuradores. Outras enquisas si lles dan esta maioría absoluta, aínda que todas coinciden en que esa posíbel maioría está cada vez máis no aire. C's baixa, Podemos manténse Ciudadanos (C's), que actualmente ocupa a vicepresidencia de Castela e León e que obtivo 12 procuradores en 2019, podería chegar a manter grupo propio, mais perdería entre sete e dez procuradores (quedaría con 2 ou 5), e 7,6% dos votos. Pola súa parte, Podemos manteríase nuns resultados semellantes aos de 2019 ou melloraría os dous procuradores obtidos neses comicios. Coa enquisa do CIS na man, a formación recibiría 7,2% dos votos, moi cerca de C's, e entre dous e catro procuradores. O resto do Parlamento leonés quedaría completado por Unión do Pobo Leonés (UPL), que obtería 4,6% dos votos e dous ou tres procuradores; Soria Xa, cunha estimación de votos de 1,9% e dous ou tres procuradores; e Por Ávila, con 1,2% dos votos e un ou dous escanos.
PRAZA_8003
O conselleiro de Industria acusa a oposición de "prexudicar a imaxe de Galicia" coas súas críticas pola xestión do naval e omite un treito do programa do BNG na materia para reprocharlles aos nacionalistas que "todo o que querían xa está feito"
Dique flotante, capítulo enésimo. O pasado martes pola mañá o PP accedía a pactar unha emenda do PSdeG aos Orzamentos da Xunta para 2013 e incluía nas contas unha partida de cinco millóns de euros para colaborar na construción do dique flotante para Navantia Ferrol. Pola tarde o Congreso dos Deputados votaba as propostas de resolución do debate de política xeral, o BNG apostou porque da sesión saíse un plan específico de apoio ao naval galego, dique flotante incluído, e os conservadores tombaron a iniciativa. Vinte e catro horas despois, os populares defenderon no pleno da Cámara galega unha proposición non de lei a prol do naval galego que, pola vía da transacción, pasou a incluír unha esixencia de construción do dique flotante. O seu autor, o deputado Miguel Tellado, reclamou o apoio da oposición en pleno. "Hai que ter valor", reprochou a nacionalista Carme Adán. É unha "redución ao absurdo", concluíu o socialista José Luis Méndez Romeu. "Son vostedes uns inútiles políticos" para os que o mellor sería "pechar as portas da cidade" de Ferrol, subliñou Yolanda Díaz, de AGE. Malia á complexidade da súa posición Tellado, que iniciara a súa intervención culpando o Goberno de Zapatero e o bipartito da Xunta das dificultades do sector, rexeitou recibir "leccións" de "contradicións" da oposición, dado que o PSC vota distinto que o PSOE no Congreso -sobre o dereito a decidir de Catalunya- e porque Izquierda Unida pide "reducir o gasto militar" nas Cortes pero "carga de traballo" para Navantia. Aínda que os grupos opositores lembraron durante a sesión que todas as administracións implicadas na construción ou non do dique están en mans do PP -do Concello de Ferrol á Unión Europea, salientou Díaz, o segundo debate da xornada sobre a cuestión trouxo consigo, de novo, toda unha serie de andanadas contra os grupos que non sustentan o Goberno galego, neste caso pola banda do conselleiro de Industria, Francisco Conde, e con Alberto Núñez Feijóo sentado no seu escano. Neste caso foi a nacionalista Carme Adán quen interpelou a Conde sobre o naval en xeral e sobre o dique en particular. O ex asesor do presidente asegurou traballar "todos os días polo sector naval" e que a súa aposta é "consolidar" os logros acadados. O conselleiro de Industria obviou un treito do programa electoral do BNG para asegurar que "todo o que querían" os nacionalistas para o naval "está feito" "Consolidar que avances? A perda de postos de traballo", cuestionou Adán, antes de lembrar que "o propio Feijóo dixo que antes do verán" en Navantia Ferrol habería "carga de traballo ou dique flotante". "Optaron por un modelo de goberno a base de titulares e iso ten un percorrido, pero a realidade amosa que os estalerios están baleiros" e Vigo e Ferrol, "son as comarcas co índice de desemprego maior d etoda Galiza". "Traficaron con sentimentos e iso ten un custe", abondou. Neste contexto, Conde abandonou o seu habitual ton de luva branca para considerar que os membros do Bloque "só teñen preocupación polo naval cando teñen unha Cámara diante". "Estes días -relatou- venceume a curiosidade e consultei o seu programa electoral" e nel, asegurou non hai "un só apartado dedicado ao sector naval". Acto seguido, o conselleiro pasou a ler o "parágrafo" que, sempre segundo a súa versión, os nacionalistas lle dedicaron ao sector na súa proposta previa aos comicios do 21-O. Así, citou a reclamación de "cumprir a Lei do Sector Naval", "garantir un soporte financeiro necesario ao sector naval" e mesmo "apoiar a construción do dique flotante". "Todo o que querían está feito", concluíu o conselleiro. Na súa lectura, Conde obviou un treito do programa, no que o BNG reclamaba "erradicar as limitacións da produción do sector naval impostas por parte da UE, que impiden que o estaleiro público Navantia-Fene poida construír buques civís e a imposibilidade de realizar contratos mediante a fórmula do tax lease".
NOS_29548
ERC gañaría as eleccións catalás do 14-F cunha mínima vantaxe sobre JXCat, mentres que o PSC ficaría en terceira posición, segundo a última sondaxe publicada polo Centre d'Estudis d'Opinió de la Generalitat (CEO).
Segundo a sondaxe do Centre d'Estudis d'Opinió de la Generalitat (CEO), Esquerra Republicana de Catalunya, encabezada por Pere Aragonés, sería a forza máis apoiada nas eleccións catalás do 14 de febreiro, ao obter 34-35 escanos e o 22% dos votos e Junts per Catalunya sería segunda forza, con 32-34 actas e 20,7%. En terceiro lugar situaríase o Partido Socialista de Catalunya, con 26-29 representantes e 19,6% das papeletas, de maneira que desincha o efecto Illa que prognosticara a enquisa do CIS. A cuarta forza sería Ciudadanos, con entre 12 e 13 escanos e 9,6% do voto; PP a quinta, con 9 deputados e 7% dos apoios; a CUP con 8 actas e 6,2% das papeletas e En Comú Podem sentaría no hemiciclo entre 6 e 8 parlamentarios co 5,6% dos votos. Vox recollería 4,8% dos apoios e obtería entre 5 e 6 actas, mentres que o PDeCat, co 2,3%, non entraría na Cámara. A participación, segundo a enquisa, alcanzaría 62%, cando en 2017 foi de 79,9%. A sondaxe elaborouse con 1.100 entrevistas telefónicas entre o 13 e o 21 de xaneiro, durante a repunta de contaxios da Covid e en pleno debate sobre pospor ou non as eleccións, e conta cunha marxe de erro de 2,95. O TSXC confirma as eleccións o 14-F As eleccións serán, de maneira definitiva, o 14 de febreiro, tal e como vén de resolver a sección quinta do contencioso administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Catalunya após recibir o informe de alegacións da Fiscalía. Nun documento de quince páxinas, o Ministerio Público argumentaba que a situación actual da pandemia xa se prevía o 21 de decembro, cando se convocaron as eleccións e que o risco de contaxio durante a xornada electoral pode minimizarse con medidas hixiénicas e sanitarias. A semana pasada, o TSXC ratificara as medidas cautelares que suspendían temporalmente o decreto do Govern que aprazaba as eleccións. Na resposta, que tiña un voto discrepante, o tribunal comprometíase a resolver o fondo da cuestión, como tarde, o 8 de febreiro.
NOS_51565
O partido de Albert Rivera pon como condición para apoiar o PP na Deputación de Ourense que Manuel Baltar renuncie a presidir a institución provincial. Aseguran que o seu socio preferente é o Partido Popular.
Baixo o argumento da "rexeneración democrática, o cambio e apertura de xanelas" na Deputación de Ourense, Ciudadanos comunicou que apoiará o Partido Popular para gobernar a institución provincial sempre que Manuel Baltar renuncie a liderala. O secretario de organización de Ciudadanos en Galiza e tamén concelleiro en Ourense, Laureano Bermejo, sinalou que o partido laranxa chegou "para mudar a política en Galiza, na provincia de Ourense e na cidade", polo que afirmou apostar pola "rexeneración" tamén na deputación. "Sempre dixemos que o noso socio preferente era o PP", asegurou Bermejo Bermejo está á fronte do equipo de negociación dos pactos en Galiza, e esgrimiu que a decisión tomada polo seu partido de esixir a marcha de Baltar para apoiar o PP na deputación "foi alcanzada de maneira unánime na reunión do comité autonómico de pactos celebrada a quinta feira e que conta co respaldo da dirección estatal da formación". "Sempre dixemos que o noso socio preferente era o PP", asegurou Bermejo, matizando que "isto non significa que non se poidan alcanzar pactos puntuais con outros partidos" de non chegar a acordos coa formación de Pablo Casado. En declaracións a Sermos Galiza Bermejo, xa anunciara que a formación laranxa non se fechaba ao acordo Os resultados do pasado 26 de maio depararon na deputación 12 escanos para o PP, 9 para o PSdeG, 2 para Democracia Ourensá, 1 para o BNG e outro para Ciudadanos. Manuel Baltar ficou así a un escano da maioría absoluta, o que o obriga a tentar un acordo con Ciudadanos para a dereita manter o control da institución. En declaracións a Sermos Galiza o pasado 28 de maio, Laureano Bermejo, xa anunciara que a formación laranxa non se fechaba ao acordo. Dixo estar aberto a falar con todas os partidos, o que naturalmente incluía a maioritaria na corporación provincial ourensá, o PP. Se o PP acepta a condición de Ciudadanos perdería peso a opción de Feixoo en que apostou por permitir gobernar na cidade de Ourense ao PSdeG Se o PP acepta a condición de Ciudadanos perdería peso a opción de Feixoo en que apostou por permitir gobernar na cidade de Ourense ao PSdeG de Rafael Villarino a cambio de que o Partido Socialista permitise a Baltar continuar a fronte da deputación. "O pacto normal en Ourense, o que dita o sentido común, é que se temos a deputación menos un escano, que deixen gobernar o PP. E se no Concello gañou o PSdeG, pódese deixar gobernar o Partido Socialista", afirmou o presidente da Xunta de Galiza.
NOS_7705
Lugo, Dépor, Celta B e Pontevedra xogan hoxe partidos amigábeis.
O fútbol está tan vinculado ás tradicións do verán como a area, os xeados ou as festas gastronómicas, pois os partidos amigábeis xogados baixo as altas temperaturas de agosto son fundamentais non só para que a afección vaia familiarizándose coas distintas caras novas no equipo dos seus amores, senón tamén para que os técnicos pulan o máis rápido posíbel as súas estratexias de cara a unhas primeiras xornadas de campionato que cada vez arrancan antes. Esta é a razón pola que no día de hoxe a Galiza vivirá unha 'súper cuarta feira' de fútbol ao vivo, pois entrarán en acción Club Deportivo Lugo, Real Club Deporitvo, Celta B e Pontevedra. A primeira en saltar ao terreo de xogo será a escuadra branquiazul, que colisionará contra a Ponferradina de Segunda División ás 18.30 horas da tarde no campo da Magdalena de Vilalba. Os de Ponferrada, a pesar de militar nunha categoría superior, son uns vellos coñecidos das pre tempadas deportivistas, pois o pasado ano 2021 estivo convidado por vez primeira ao Trofeo Teresa Herrera, facéndose co triunfo pola mínima (1-2). O choque suporá unha boa oportunidade para seguir as evolucións dalgunhas das moitas caras novas no conxunto coruñés, como Edu Sousa ou Ibai Gómez. Media hora despois, ás 19, o Lugo xogará contra o filial do Real Madrid, o Castilla, que iniciou antonte unha concentración en Viveiro. Até alí desprazarase a escuadra albivermella, pois o duelo terá lugar no Campo Municipal de Cantarrana. O encontro poderá seguirse por televisión en aberto a través da canle oficial do conxunto blanco, no que destaca a presenza do ex dianteiro deportivista Noel. Xa ás 19.30 horas será a quenda do Celta B-Compostela no marco do VI Memorial Antonio Bermúdez, no Estadio Vero Boquete da capital galega. O filial acaparará a atención da afección celeste non só polo descanso competitivo até o sábado do primeiro equipo, senón porque o presidente Carlos Mouriño afirmou que no 'B' contan con xogadores de susceptíbeis de subir ao Celta 'A' no caso de non reforzar a liña de ataque. Por último, o Pontevedra fechará a xornada coa súa visita ao Couto para xogar contra o Ourense CF ás 20 horas. O Celta presenta Agustín Marchesín: analizamos o novo propietario da meta celeste Non é descoñecida a multiplicación de fichaxes procedentes do cono sur por parte do Celta desde a chegada ao banco celeste de Eduardo 'Chacho' Coudet en novembro de 2020. Sen contar o actual mercado de verán, a escuadra viguesa incorporou sete futbolistas, dos que catro proceden da arxentina, un do Brasil -Galhardo, que xa estivo ás ordes do Chacho en Internacional- e outro de México. O veterano porteiro Agustín Marchesín, que asinou onte o seu contrato, tamén responde a este perfil. Arxentino de 34 anos, defendeu oito veces a meta da súa selección, coa que gañou -como suplente- a Copa América do ano 2021. Precisamente ese era o rol que viña ocupando no equipo do que procede, o Futebol Clube do Porto, co que só disputou nove partidos a pasada tempada. En total, alí xogou en 78 encontros, nos que encaixou 46 goles. O ex de Lanús, Santos Laguna e América destaca, como ditan os cánones dos porteiros sudamericanos, polos seus reflexos felinos, que en combinación coa súa altura (1,88) e a súa colocación fan del unha aposta que ten todo para funcionar moi ben en Vigo.
NOS_25884
O último dos máis grandes aínda alenta. Este 9 de novembro de 2016, Issur Danielovitch Demsky fai 100 anos. Kirk Douglas, ese é o seu nome para a historia, representa a mellor tradición do cinema norteamericano, a época en que os criterios artísticos prevalecían sobre o cash flow. Home escorado cara á esquerda, puxo a cara por Dalton Trumbo.
A súa versatilidade era lendaria. Poucos actores ten habido na historia do cinema, se algún, cun rexisto tan amplo, da comedia ao drama, do western ao cinema histórico. Podías amalo ou odialo. Nen era mao nen era fermoso, mais ninguén como el podería ter interpretado o personaxe do produtor de The Bad and the Beautiful (1952), a obra mestra de Vincente Minelli sobre o mundo do cinema, cinema dentro do cinema. A paixón por criar por cima de todo, de emocionar, de contar historias, custar o que custar, até o ponto de, se fixer falta, ser cruel ou amoral. Así era o mao e o fermoso. Fillo dunha familia de xudeos rusos que emigraron aos EUA a principios do século XX, Douglas debuta nos cenarios de Broadway en 1941 e, cinco anos depois, grazas a Lauren Bacall, consegue unha proba para protagonizar un filme en Hollywood. Faise co papel e debuta nos ecrás con The Strange Love of Martha Ivers, de Lewis Milestone. A súa aparición na pantalla foi a dun ciclón inconteníbel. Todos os mellores directores quixeron traballar con el, e a listaxe é interminábel: Jacques Tourneour (Out of the past, 1947), Joseph Mankiewicz (A Letter to Trhee Wives, 1949), Michael Curtiz (Young Man with a Horn, 1949), Raoul Walsh (Along the Great Divide, 1951), Billy Wilder (Ace in the Hole, 1951), William Wyler (Detective Story, 1951), Howard Hawks (The Big Sky, 1952)... Praticamente todo o santuario do mellor Hollywood, apenas con dúas excepcións, John Ford e Alfred Hitchcock. Espigar os seus traballos máis eminentes é tarefa ciclópea, mais avanzo aquí algúns títulos, pura subxectividade de quen isto escrebe. Abriríamos a relación coa superlativa e xa devandita The Bad and The Beautiful, continuaríamos, tamén con Minnelli como director, con Lust of Life (1956), o fime no que interpreta Van Gogh (até o ponto de ser Van Gogh, ninguén pode imaxinar outro actor a facer ese personaxe, e como consegue estar á altura nesta fita dun inmenso Anthony Quinn!) e a seguir iríamos ao mundo Kubrick, con dous filmes lendarios, o anti-belicista Paths of glory (1957), un dos alegatos contra a barbarie da guerra máis descarnados nunca rodados, empeño persoal de Douglas, e Spartacus (1960), a glorificación da rebelión contra a opresión, filme escrito por Dalton Trumbo, o guionista que penou con 11 meses de cadea e logo co exilio e a clandestinidade polas súas ideas comunistas, cazado polo fascista McCarthy. Douglas, produtor tamén do filme, desafiou o establishment conservador da industria e conculcou a lei non escrita que impedía que o nome de Trumbo aparecese nos créditos (durante anos tirou de testaferros para traballar). Para rematar a faena, en 1953 protagonizou unha película, The Juggler, de Edward Dmytriyk, integrante con Trumbo dos chamados 10 de Hollywood, os dez artistas que, acusados por McCarthy, se negaron a declarar perante o Comité de Actividades Antiestadounidenses. Actor, produtor, até director (de filmes menores, nos últimos anos da súa longuísima carreira), escritor (de varios relatos autobiográficos), Douglas pertence á memoria sentimental de varias xeracións (no meu caso, imposíbel esquecer a primeira vez que vin, con 11 anos nun cinema de bairro, Last Train to Gun Hill, de John Sturges), e é o último elo vivo que nos conecta cunha época xa irrevogabelmente ida, un tempo en que non se concebía facer cinema sen ambición artística. Un tempo de xigantes como Issur Danielovich Demsky. Moitos parabéns para vosté, Mr. Douglas.
NOS_53275
O grupo Clásicos Libres ergueuse como gañador do certame Musicando Carvalho Calero co tema "Ferrol 1916". Tras el está o compositor Giulio Pietropaolo, que explica a 'Nós Diario' como xurdiu esta multicultural formación xunto ás irmás galegas Ángela e Adriana Arias e o colombiano Raúl Platz.
Por que elixiron musicar o poema "Ferrol 1916"?Gustounos moito aos catro, foi como un frechazo. Inspirounos tanta nostalxia... Vivímolo como moi familiar. Cando nos decantamos por musicalo, o proceso foi tamén un acto moi instintivo. Nada máis ler o poema xurdiu unha idea de melodía, de canción, todo foi moi espontáneo. Cando as cousas acontecen así na arte, significa que imos ben. Como nace Clásicos Libres? Xuntáronse ex profeso para o Musicando Carvalho Calero?Nacemos co concurso. Somos catro artistas cun background común, todos vimos do mundo clásico, aínda que cada un segue a súa propia evolución. Tanto eu coma Raúl [Platz] dedicámonos tamén ao jazz, Ángela e Adriana [Arias], as vocalistas, son tamén bailarinas, e a primeira mesmo actriz. Hai moita versatilidade.Somos amigos, pero nunca falaramos de formar un grupo até que decidimos facer este tema e presentarnos ao Musicando Carvalho Calero. Foi tamén moi natural e, por iso, moi bonito. Xunto á divulgación da obra de Carvalho, o certame pretende contribuír á dinamización da música en galego. Outros grupos que naceron da anterior edición do seguiron logo a súa traxectoria. É esa a súa intención? Ou Clásicos Libres vai ficar nun tema?Queremos continuar, por suposto. Temos varias cancións xa escritas. Raúl e mais eu somos produtores e levamos tempo traballando nisto, xa estabamos enfocados cara á composición. Gustounos moito isto de musicar poemas galegos, e xa temos unha cantas pezas máis no forno, algunhas maquetas, outras aínda só na cabeza. Pero a intención é seguir, totalmente. Con letras propias ou só con outros poemas musicados?De momento son todas a partir de poesías musicadas. Temos a idea de meternos cun poema de Rosalía de Castro e tamén con outro de Manuel María. Logo estamos buscando, porque temos ideas musicais para as que aínda non atopamos poema. Ou tamén ao revés, algún poema pero sen idea melódica. Porén, material non falta. Coñecían a obra de Carvalho Calero ou foi este un primeiro achegamento? Ángela e Adriana, ao seren galegas, si que a coñecían de antemán. Eu, como italiano, o certo é que non. Son máis lector de poesía do meu país, non estaba familiarizado coa galega e sorprendeume moito. Paréceme absolutamente xenial, do que fun lendo a partir de aí estame gustando moitísimo. Son ademais un grupo moi internacional. Como coincidiron?Si, Angela e Adriana son galegas e eu italiano. Raúl é colombiano, mais con nacionalidade tamén alemá. Todos vivimos en Madrid e o que ao final máis mola da nosa formación é a multiculturalidade. E tamén a versatilidade, porque non é habitual atopar dúas vocalistas que tamén toquen o violín, ou compositores que producimos música. Hai moitos mundos que se atoparon aquí e que funcionan ben. Temos a sensación de que cada un ten o seu rol e achega o seu balanceando o gran de area que poñen o resto. E ademais pasámolo moi ben! Ese equilibrio na diferenza non é fácil de atopar, mais o tema que presentan bebe de aí cunha personalidade moi singular, algo que sorprende, sobre todo, ao ser o primeiro. Sei que é complexo, mais como definirían o seu estilo?Etiquetar sempre é difícil, pero xa que vivimos no mundos das etiquetas, falaría dun pop-rock con certo sabor soul, pero cun background clásico. Nunha palabra sería imposíbel [ri]. Dez finalistas e máis de 4.400 votos As votacións estiveron axustadas. Mais de 80 bandas e solistas presentáronse ao certame Musicando Carvalho Calero, organizado pola Associaçom Galega da Língua en colaboración coa Radio Galega. Entre as súas propostas, un xurado escolleu dez finalistas que se someteron a un proceso de votación popular a través da rede, no que se sumaron máis de 4.400 pessoas -cun sistema de confirmación vía sms do teléfono para garantir a non duplicidade de votos. Nomes como MJ Pérez ("Nom existe a morte"), A banda da Loba ("O sonho da Catarina") ou Dandy Fever ("Calquer lugar é bom para morrer") estiveron preto na recta final. Foi Clásicos Libres, musicando o poema "Ferrol 1916" con sonoridades pop-rock e matices de música celta,o gañador dos 1.500 euros en metálico e a gravación do tema nos estudios da Radio Galega, que inclúe tamén un videoclip.
NOS_16592
O Hostal dos Reis Católicos conta cun convenio específico e a central maioritaria, CUT, non foi convidada á reunión que celebran a empresa e o Comité Intercentros.
Paradores e o Comité de Intercentros, integrado por CCOO e UGT, reúnense en Madrid para negociaren a nova proposta da empresa de realizar un expediente de regulación de emprego (ERE). A empresa pública rebaixou o número inicial de despedimentos, de 644 a 350 en todo o Estado español, descarta o peche dos establecementos previstos e reduce de cinco a tres meses de media o tiempo de peche temporal doutros 27 da rede estatal. No apartado das indemnizacións a proposta da empresa foi de 25 días por ano traballado, nun máximo de 19 meses, fronte aos 24 meses que pedía este comité. O Hostal dos Reis Católicos é un caso especial. Conta cun convenio específico propio, como o do Parador de León, e o sindicato con maior representación no comité de empresa é a CUT. Leonardo Da Cruz, secretario comarcal deste sindicato en Compostela, asegurou que as negociacións que se están a desenvolver en Madrid "non afectarán aos e ás traballador@s do Hostal porque o marco de negociación é outro". A CUT denunciou diante da Inspección de Traballo a falta de lexitimación do Comité Intercentros para negociar neste caso concreto. Despois de varios días de folga, cunha participación de até un 85% segundo este sindicato, asegurou que continuarán as mobilizacións nun parador "que dá importantes beneficios". O comité de empresa do histórico centro hostaleiro compostelán non foi convocado á reunión celebrada en Madrid polo que non ten máis información que "a que poñedes os medios de comunicación". Da Cruz asegura que a empresa, polo de agora, non se sentou a negociar polo que as protestas continuarán. Despois de varios días de folga, cunha participación de até un 85% segundo a CUT, continuarán as mobilizacións no Hostal dos Reis Católicos Outro dos sindicatos con representación no Comité é a CIG. O secretario comarcal de CIG-Servizos, Roberto Alonso, asegura que apoiarán as decisións que tome o comité de empresa "impugnando calquera decisión que se tome en Madrid". Para Alonso o Comité Intercentros que negociou a proposta de Paradores "non está lexitimado" posto que "o Hostal dos Reis Católicos ten un convenio propio". Outra das razóns que argumenta é que "non é de recibo que o Parador de Compostela teña case 2 millóns de euros netos de beneficio este ano e teña que despedir dezanove traballador@s". A reunión que se celebra en Madrid ten como data límite para chegar a un acordo o día 3 de xaneiro e do seu resultado si dependerán o resto de paradores galegos.
NOS_18853
A organización internacional reúnese en Bruxelas para valorar a proposta mentres Ankara usa como moeda de cambio nas negociacións os milleiros de persoas que permanecen na fronteira sirio-turca.
A crise de persoas refuxiadas continúa a situarse como o primeiro punto na axenda política da Unión Europea e tamén doutras organizacións intenracionais como as Nacións Unidas. Neste senso, son numerosos os foros nos que se está a debater esta cuarta feira (11 de febreiro) a respeito desta cuestión, entre eles, o encontro dos ministros de Defensa da OTAN en Bruxelas na que se aborda a proposta lanzada por Alemaña e Turquía para que a organización internacional desenvolva labores de control fronteirizo xunto coa Frontex. Así o propuxeron a chanceler alemá, Angela Merkel, e o primieiro ministro turco, Ahmet Davutoglu, que continúan coas negociacións para frear o fluxo de persoas refuxiadas cara o territorio da UE. O avance das tropas gobernamentais sirias en Alepo está a acelerar as negociacións "Imos utilizar a reunión de ministros da OTAN para falar en xeral da situación en Siria, mais tamén da posibilidade de até que punto a OTAN pode ser útil para apoiar o traballo de Frontex e da garda costeira turca" na vixianza, dixo Merkel en comparecencia de imprensa após a xuntanza co primeiro ministro turco. Na mesa de negociación atópase principalmente o avance das tropas gobernamentais sirias sobre a cidade de Alepo --apoiadas pola aviación rusa-- e o rexeitamento amosado, entre outros, por Turquía a que os bombardeos supoñan un incremento, din, do número de persoas refuxiadas que se amorean na fronteira sirio-turca. O tapón turco Desde o inicio do conflito Turquía estabeleceu un freo ao avanzo das tropas gobernamentais e das milicias curdas através do levantamento de campos de refuxiad@s na fronteira interior siria. Aproximadamente 25 km. que impiden aproximarse ás súas lindes mais tamén ás posicións de grupos rebeldes aos que presta apoio. Turquía usa as persoas refuxiadas como moeda de cambio e como tapón para frear o avanzo sirio e curdo na fronteira Á par, Ankara emprega estes milleiros de persoas como moeda de cambio nas negociacións que mantén coa UE. Neste senso, unha acta das conversas turco-comunitarias decorridas en novembro, que foi recollida polo xornal grego Euro2day, apunta ás ameazas de Turquía perante as reticencias da UE a pagar polo mantemento das persoas refuxiadas en territorio turco. "Podemos abrir as portas cara á Grecia e Bulgaria en calquera momento e meter os refuxiados en autobuses", tería dito Erdogan segundo o documento, do que non foi negada nen confirmada a autencidade. Merkel insiste en repartir entre os Estados membros as persoas refuxiadas mais a UE foi incapaz de cumprir as cotas asignadas en setembro de 2015 Neste contexto Turquía e Alemaña continúan a presionar os Estados membros da UE para partillar a 'carga' deslocada de maneira forzosa dos seus lugares de orixe, principalmente Siria. Berlín exixe que se negocien 'continxentes' a distribuír polo territorio comunitario de maneira parella ao financiamento que percibe Turquía para actuar de tapón, mais os 27 non foron quen nen sequera de dar cumprimento ao acordo de distribución asinado en setembro. Segundo as cifras fornecidas pola ONU desde que comezou o conflito na Siria 250 mil persoas foron asasinadas no país e 6,6 millóns desprazáronse dentro das fronteiras do país. Entretanto, 4,3 millóns fuxiron.
NOS_23
Paso atrás de Rajoy. O PP aceita agora desvincular a reforma eleitoral -o pucheirazo nas municipais- da negociación co PSOE dun pacote de medidas vinculada á rexeneración democrática.
PP e PSOE acordaron esta quinta feira deixar fóra das súas negociacións a reforma eleitoral, petición formulada expresamente polo novo secretario xeral, Pedro Sánchez. Sánchez dixo días atrás que non ve con maos ollos estudar trocos na lei eleitoral, mais sempre a condición de que iso se faga despois das eleccións municipais. Significa isto que o PP renuncia a reformar a lei para a tornar menos proporcional e abaratar dese xeito as maiorías absolutas? Difícil é sabelo. No partido todo o mundo di que a decisión final a tomará Rajoy, seguramente ouvido o seu gurú, Pedro Arriola. Rajoy sopesa distintos escenarios. Sabe que ir a unhas xerais co poder municipal diminuído é un handicap, mais tampouco ignora que reformar a lei sen consenso ten tamén un custo político considerábel, alén de producir efeitos de recomposición no campo da esquerda política que a medio prazo poderían pór en serio risco a hexemonía da dereita. Foro multi-partidario O que é obxectivo é que as delegacións do PP e do PSOE -secretario de Estado de Relacións coas Cortes, José Luis Ayllón; e os respectivos portavoces parlamentares, Alfonso Alonso e Antonio Hernando- que esta quinta feira negociaron no Congreso tomaron a decisión de afastar o asunto da súa axenda negociadora. Os portavoces da formación conservadora resaltaron que levarán a reforma eleitoral a un foro multi-partidario, isto é, que abrirán consultas con outras forzas políticas, talvez procurando a cumplicidade de CiU.
NOS_32884
Arqueólogo director do castro de Elviña, Fidel Méndez Fernández expón nunha nova entrega do coleccionábel de Nós Diario os segredos que agocha este xacemento que se atopa na cidade da Coruña. Nesta entrevista, explica como debería ser a musealización dos castros, aborda a relación entre os asentamentos castrexos e refírese á falta de financiamento por parte da Administración pública.
Fala no seu artigo dos traballos de restauración, manifestando que son fundamentais para darlle "coherencia" á visita pública do castro. Que se debe entender por "coherencia" cando falamos de visitantes e castros? Que características básicas debe ter a musealización ao seu ver? A musealización ten que ter, en primeiro lugar, a misión de protexer os restos orixinais mediante tratamentos que sexan reversíbeis en todo momento. Se mantemos esta premisa, temos por diante un amplo abano de posibilidades. O que ten que quedar claro cando falamos dun xacemento como Elviña é que xusto despois da conservación dos restos ten que vir a compresión do xacemento por parte do visitante. Indica que Elviña constitúe unha das cabeceiras comarcais da Terra dos Ártabros. Actuarían "en rede", con certa coordinación, os outros asentamentos castrexos? Estamos falando de que existían "populus ou tribus" vinculadas a unha área determinada e que habería unha estrutura xerárquica entre elas? O certo é que desde a evidencia arqueolóxica constátase a existencia dunha xerarquía nos poboados castrexos que comezou a albiscarse coa identificación das grandes citanias do sur da Gallaecia, principalmente no actual Portugal, pero esta existencia de centros que denotan unha certa centralidade a nivel do seu entorno xeográfico e poboacional esténdese por todo o territorio. Desde a evidencia arqueolóxica constátase a existencia dunha xerarquía nos poboados castrexos Isto non é un fenómeno exclusivo desta zona, senón que se observa en toda a Idade do Ferro europea. Así na zona septentrional, se ben non atopamos cidades tan desenvolvidas como na sur, si que atopamos esa trama xerarquizada. De feito o propio Pomponio Mela fala das cidades dos ártabros. Semella relativamente sinxelo vincular esta xerarquía cos populi nomeados nas fontes e que, sen dúbida, foron a base do mapa de civitates de época romana. Estudando todos os datos á nosa disposición pódese formular a hipótese, como xa se fixo noutros lugares do continente, da existencia de confederacións de cacicados ou xefaturas, o que traducido ás nosas coordenadas máis concretas podería querer dicir que os ártabros non son na realidade un populus, senón más ben unha confederación de populi ou tribos. En relación á valoración dos castros, desde un punto de vista do recoñecemento social do seu significado e a importancia de dedicar recursos á investigación, que é necesario para lograr que a sociedade galega pase dunha "identificación sentimental" a algo máis fundamentado? No Plan básico autonómico inclúense case 1.800 bens arqueolóxicos inmóbeis (xacementos) catalogados, temos a obriga de conservar ese patrimonio e acrecentalo tanto pola vía da conservación como a da musealización, e a da investigación, coñecemento e divulgación. A combinación desas tres vías producirá unha maior familiaridade da cidadanía co seu patrimonio. Cando se atopa algún financiamento, é como unha gota no océano O problema real é que a maior responsabilidade no impulso deses tres vectores está nas institucións que ostentan as competencias exclusivas nesa materia e a súa actitude é manifestamente mellorábel, mesmo de clara desidia. Só así se explica o estado de incuria do noso patrimonio arqueolóxico e que cando se atopa algún, insuficiente, financiamento, sexa como unha gota no océano. Subscríbete As subscritoras e subscritores recibirán as entregas do coleccionábel, de terzas a sextas feiras, cada día con Nós Diario, ben en papel ben para a lectura na nube, en función da modalidade elixida. Se non es asinante, podes sumarte en nosdiario.gal, ou ben podes reservar o diario en papel nos quioscos.
NOS_35335
A asociación viguesa levaba 12 anos a xestionar as instalacións. "O goberno local pretende substituír a xestión da asociación veciñal por unha empresa", denunciou o secretario da asociación veciñal de Teis, Anxo Iglesias.
Tras 12 anos de traballo, xestión e compromiso, a asociación veciñal de Teis vai ser desafiuzada do Centro cívico deste popular barrio de Vigo. O responsábel deste despexo non vai ser un banco senón o goberno local da cidade olívica, como inciden @s veciñ@s. Hai convocada unha concentración esta segunda feira, ás 19:00 horas, diante do Centro Cívico de Teis. "O goberno pretende substituír a xestión da asociación veciñal por unha empresa", denunciou Anxo Iglesias, secretario da associación veciñal. Para Iglesias "está claro que o alcalde non quere unha sociedade participativa senón submisa". Puxo como exemplo de vitalidade as múltiples actividades e proxectos que se desenvolveron nestes anos no Centro Cívico. Bipartito PSOE/PP Iglesias e outros membros da asociación participaron nesta segunda nunha xuntanza co grupo municipal do BNG de Vigo. A súa portavoz, Iolanda Veloso, asegura que "Coa expulsión dos veciños de Teis o alcalde consuma a privatización dos centros cívicos". @s nacionalistas lembraron que que o ano pasado unha das emendas presentadas polo BNG aos orzamentos municipais tiña o obxectivo de manter o convenio coa asociación de veciños de Teis para que continuaran coa xestión. "Pero este ano, coa negociación entre PP e PSOE xa se materializou a privatización dos centros cívicos", subliñou.
NOS_29100
Este sábado é a preestrea en Imo, San Xoán de Laíño (Dodro), a parroquia natal de Moncho Reboiras, de Reboiras. Acción e corazón, a longametraxe documental dirixida por Alberte Mera e producida pola Fundación Terra e Tempo sobre o militante nacionalista asasinado en Ferrol o 12 de agoto de 1975. A seguir publicamos parte de Reboiras: o corazón dunha xeración feito cinema, a reportaxe que publica Sermos Galiza sobre este traballo audiovisual.
Na madrugada do 12 de agosto de 1975, 300 axentes, din as testemuñas, cercaron o barrio ferrolán onde Xosé Ramón Reboiras Noia se atopaba xunto a Elvira Souto e Lois Ríos preparando publicacións sindicais para as e os traballadores das Pontes. Souto e Ríos lograron salvarse aquela noite, mais Reboiras non. Recibiu tres disparos á altura de onde agora se atopa o portal do número 27 da rúa da Terra, daquela un edificio que hoxe xa non existe. Após 45 anos, a longametraxe documental Reboiras. Acción e corazón recupera a memoria de Moncho Reboiras por medio dos testemuños de 29 persoas que o coñeceron de primeira man e compartiron con el inquedanzas e activismo político. A obra achega un retrato de Reboiras desde moitos ángulos e mostra unha persoa comprometida e alicerce fundamental do impulso e dinamización das frontes de actuación do nacionalismo na clandestinidade, desde o sindical e o cultural até o estudantil ou o labrego. Reboiras foi chave na construción dun movemento sindical galego, a través das mobilizacións obreiras de Vigo no ano 1972, que cristalizaron pouco despois no Sindicato Obreiro Galego, xerme da actual Confederación Intersindical Galega (CIG). "Reboiras traballou para que ningún sector social quedase orfo de alternativas sociopolíticas para defender os seus intereses e fíxoo con todas as dificultades que a represión franquista exercía", explica o director do filme, Alberte Mera. Nesta composición polifónica atoparemos as voces de quen coincidiu na militancia co carismático nacionalista, mais tamén declaracións de familiares, amizades e de persoas que compartiron vivencias con el. A intención é achegarnos a Reboiras tanto desde o plano político, como desde o persoal e o humano. Algo inédito até o momento. Tampouco coñecíamos até o de agora o marco do quebracabezas, as primeiras pezas, como Moncho se concienciou e deu o salto á loita nacionalista e que en Reboiras. Acción e corazón é contado por tres persoas que viviron canda el eses momentos: Manuel Reboiras, irmán de Moncho; Xosé Luís Méndez Ferrín, profesor seu no Instituto Santa Irene de Vigo, e Xosé Martínez González, alumno do mesmo instituto e que máis tarde acabaría compartindo con Reboiras a dirección da clandestina Unión do Povo Galego (UPG). E así até 29 persoas que prestan a súa memoria á encomiábel tarefa de recompor a de quen xa non está. Outra das bases do proxecto é a compilación de material de arquivo, apartado no que Mera lamenta a ausencia de rexistros audiovisuais. "Pouco antes de ser asasinado fíxoselle unha entrevista en Porto para a televisión, pero por desgraza non é posíbel atopala na hemeroteca", relata o director. Non hai probas nos arquivos da súa actividade política, pois esta levábase a cabo na clandestinidade e coa cautela de deixar o mínimo rastro para non ser identificado pola policía da ditadura. Non deixar testemuño gráfico da acción política en todas as frontes –tamén do grupo armado que Reboiras dirixía como membro da UPG no momento da súa morte, e que tiña como obxectivo conseguir materiais e recursos económicos para poder facer actividade política– era un método de protección que hoxe nos priva de coñecer os detalles do que acontecía. Por iso o labor de confrontar, reunir, ordenar e narrar os datos dispoñíbeis, así como o de rexistrar os ocos é parte importante do mérito do filme, que procura o recoñecemento dunha xeración de galegas e galegos que loitou contra a ditadura, excluída con frecuencia da historiografía oficial. O filme si inclúe material de arquivo para contextualizar a época, como son imaxes documentais de traballadores do naval nos estaleiros de Vigo en 1972, ano en que se deron as históricas folgas neste sector. Ademais, o documental amosa fotografías de Moncho Reboiras na contorna familiar e que até o de agora non eran públicas. Unha desas fotografías rescatadas serve de imaxe para o cartel. Nela vemos a Reboiras en 1970, retratado polo seu irmán Manuel preto de Imo, lugar da parroquia natal de San Xoán de Laíño (Dodro). "O retrato que temos de Moncho con bigote é un disfrace que lle servía para ocultar a súa imaxe. É de xustiza coñecelo como era realmente", explica Mera. O proceso de caracterización é unha das cousas que si veremos no filme, como secuencia ficcionada. As entrevistas, ilustradas con materiais de arquivo, ocupan 51 minutos do total de 61 que dura a película. Os dez restantes están contados a través da ficción, na que un elenco de actores interpretan as últimas horas da vida de Reboiras. A reportaxe íntegra podes lela no Sermos Galiza, semanario que se publica canda Nós Diario, este sábado.
NOS_43730
Segundo a última actualización da información por parte de Medio Rural.
Xa non hai incendios alerta 2 na Galiza. Os últimos 7 que ficaban (5 en Ourense, 2 en Lugo) non representarían neste momento risco para a vida humana. De acordo con esta actualización, neste momento hai na Galiza un total de 53 lumes: 23 activos, 8 estabilizados e 22 controlados. Lumes activos 4 en concellos de Lugo (3 en Cervantes e 1 en Negueira de Muñiz. 6 en concellos de Pontevedra (Ponteareas, Nigrán, dous en Salvaterra do Miño, Fornelos de Montes e Cotobade). 13 en concellos de OUrense (A Gudiña, Paderne de Allariz, Parada de Sil, Baños de Molgas, Lobios, Vilar de Barrio, Melón, dous lumes en Maceda, Esgos, Montederramo, Xunqueira de Espadañedo e Chandrexa de Queixa). Lumes estabilizados 2 en concellos de Lugo (Monforte e As Nogais). 3 en concellos de Ourense (2 en Vilariño de Conso e 1 en San Xoán de Río). 3 en concellos de Pontevedra (Salceda de Caselas, Gondomar e Caldas de Reis). Lumes controlados 11 en concellos de Ourense (San Cristovo de Cea, Piñor, dous en Montederramo, Boborás, A Gudiña, A Mezquita, Vilardevós, Vilariño de Conso, Vilamarín e Lobios). 7 en concellos de Pontevedra (Silleda, As Neves, Baiona, Ponteareas, Mos e dous en Cotobade). 4 en concellos de Lugo (Triacastela, Pantón, Antas de Ulla e Chantada).
NOS_3709
Ianukovich, o presidente deposto, botaba de menos esta sexta feira unha maior implicación rusa. A resposta de Putin foi inmediata. O Consello da Federación rusa -o órgao de representación territorial, unha sorte de Senado- deu luz verde este sábado ao envío de tropas a Crimea.
O movimento de Moscova pon de relevo que Rusia non está disposta a que os EUA e a UE se fagan co control dun enclave xeoestratéxico vital para a potencia eslava. O aparato de comunicación de Putin -con Russia Today como portavoz no cenario internacional- amplificou a mensaxe de que as tropas irán a Crimea a garantir a seguranza da frota rusa do Mar Negro e da populación rusa residente nunha república que até os anos 50 do pasado século dependía xuridica e politicamente de Moscova. Obama advertiu a sexta feira que o despregamento militar ruso en Crimea produciría "consecuencias" Rusia non recoñece a lexitimidade das novas autoridades de Kiev por as considerar un goberno títere ao servizo dos EUA e da UE. O confronto é tan extremo que o novo goberno ucraíno -non xurdido de ningunha votación popular e si da defección de deputados do Partido das Rexións, a formación até agora liderada por Ianukovich- ten ditado unha orde de arrestro contra o presidente deposto por o clasificar como culpábel da morte de civís indefensos. Ianukovich propio xa ten dito que en nengún caso vai concorrer ás eleccións convocadas para o 25 de Maio por Kiev, porque facelo sería tanto como recoñecer que o novo goberno é lexítimo. O envío de tropas rusas vén precedido dunha petición expresa de axuda militar realizada polo novo primeiro ministro de Crimea, Sergey Aksyonov, para quen só a intervención armada da potencia euro-asiática podería garantir "a paz e a calma" na rexión. Falta agora saber cal pode ser o alcance da resposta dos Estados Unidos após esta sexta feira Barack Obama ter advertido que o despregamento militar ruso en Crimea produciría "consecuencias".
NOS_16866
A Plataforma parabeniza as familias que fixeron un esforzo de conciliación e non enviaron aos fillos a estas probas.
Por cuarto ano consecutivo o rexeitamento á Lomce e en concreto ás reválidas incluídas nesta lei tivo un seguimento moi amplo, con cifras segundo a Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público superiores a 80% de absentismo nestas probas que se iniciaban esta cuarta feira en todos os centros de Galiza para o alumnado de 3º de Primaria. "Galiza segue sendo, polo tanto, o territorio do Estado máis combativo con esta norma por parte da comunidade educativa". Coincidindo co inicio destas probas, membros da PGDEP, concentráronse diante do Parlamento para esixir a derrogación definitiva da LOMCE e a creación dunha Lei Galega de Educación. Durante a mesma, Fernando Lacazzi, vicepresidente de ANPAS galegas, a maioritaria na comunidade, salientou o enorme esforzo feito polas familias "que tiveron que organizarse para poder conciliar e non enviar os seus fillos e fillas aos centros". Explicou que este rexeitamento "cara unhas probas, que o único que introducen é un nivel de estrés entre o alumnado, é totalmente maioritario entre as familias que presionaron para que non teñan ningún valor académico como se pretendía nun primeiro momento desde o Ministerio". Pola súa banda, o secretario nacional da CIG-Ensino, Suso Bermello, parabenizou o profesorado polo seu papel fronte á "campaña de desinformación" da Consellaría de Educación "que pasou neste último ano de pretender amedrentar as familias que boicoteaban as reválidas a restarlle importancia ás probas".
QUEPASA_186
O CN de Camariñas queda sen Bandeira Azul tra 9 anos con ela
Nin altas nin baixas na listaxe de Bandeiras Azuis que a Axencia ADEAC vén de anunciar este mediodía. Os Concellos de Camariñas, Carballo, Dumbría, A Laracha, Laxe e Ponteceso copan as 10 bandeiras azuis determinadas para os nosos areais. Carballo e Ponteceso, con 3 cada bandeiras cada un (o de Carballo súmalle un Sendeiro Azul), son os concellos que máis investiron en conseguir este distintivo, que asegura o mantemento dunha serie de servizos. Ademais, tamén cómpre salientar o Concello da Laracha, que ademais da praia de Caión tamén terá este selo de calidade como Sendeiro Azul no Sendeiro de Saldoiro e como Centro Azul para o Centro de Interpretación dos Muíños de Auga da Costa da Morte. Praias da Costa da Morte con Bandeira Azul 2021 Concello Praia Camariñas Arou Carballo Pedra do SalRazoSaíñas Dumbría Ézaro A Laracha Caión Laxe Laxe Ponteceso A ErmidaBalarésO Osmo Sen portos con Bandeira Queda, iso si, sen Bandeira Azul o Porto do Club Náutico de Camariñas, vixente, polo menos dende 2012.Dende a entidade sen ánimo de lucro, aseguran que fixeron todos os trámites, pero dende a ADEAC enviaron requerimentos que non se puideron cumprir dadas as circunstancias provocadas pola pandemia, e que só permitiron para manter o persoal. Sendeiros Azuis da Costa da Morte 2021 Sendeiro de Saldoiro (Laracha). Sendeiro Costa da Morte (Camariñas). Sendero do Mar Razo-Baldaio (Carballo). Centros Azuis da Costa da Morte con Bandeira Azul 2020 Centro de Interpretación de los Molinos de Agua de la Costa da Morte Golmar (A Laracha) Museo Man de Camelle (Camariñas)
PRAZA_14164
Espazo Ecosocialista, un dos membros de Compromiso por Galicia, lamenta "que non se dera unha ampla alianza nacional e democrática" e anuncia "un periodo de reflexión" que rematará cunha asemblea extraordinaria na que decidirá o seu futuro.
Os ecogaleguistas lamentan que "non se dera unha ampla alianza nacional e democrática", logo de que Compromiso por Galicia non entrase finalmente na coalición Alternativa Galega, que lideran Anova e Esquerda Unida, e asegura que abre agora "un espazo de reflexión" que culminará cunha asemblea convocada para o vindeiro mércores. Espazo Ecosocialista, un dos partidos integrados na formación liderada por Xoán Bascuas, decidirá daquela se aposta pola coalición ou se segue o seu camiño en Compromiso. Os ecogaleguistas lembran que Acción Galega e Máis Galiza non apostaron nun principio por unirse a EU, o que foi "un grave erro" Os ecogaleguistas, malia as súas dúbidas do principio, optaran no Consello Político de CxG de hai unha semana por integrarse nesa fronte e apostar así por "unha ampla alianza progresista" baseada "nos principios fundacionais de Compromiso: proxecto dirixido á maioría social, galeguismo como expresión do nacionalismo máis aberto e progresismo inclusivo". Segundo asegura no comunicado o Espazo Ecosocialista, "os outros dous grupos de CxG (Acción Galega e Máis Galiza) non o entenderon así", o que cualifica como "un grave erro". "As bases de CxG conseguiron, nun exercicio de responsabilidade, que o rexeitamento dun primeiro momento da proposta de unidade electoral con Anova e EU se aprobara", lembran os ecogaleguistas, que aseguran que "todo facía presupoñer que, aínda que tarde, era posible esa alianza a tres" toda vez que a formació de Beiras e Yolanda Díaz "xa expresaran a súa vontade unitaria ampla". "Non houbo altura de miras suficiente por parte de Anova, Compromiso e EU" Para o Espazo Ecosocialista, as culpas están repartidas. Nin máis duns nin doutros. "Consideramos un grave erro non ter tido a altura de miras suficiente por parte de Anova, CxG e EU para conseguir esa alianza que demanda a cidadanía", asegura. Os ecogaleguistas consideran a unión entre o partido que lidera Beiras e Esquerda Unida como "un paso importante na unidade da esquerda e na concentración electoral fronte ao PP e como nova experiencia na procura de superar a división da esquerda nacionalista e non nacionalista", pero considera tamén que "é un fracaso en termos de ofrecer á cidadanía unha alternativa ampla necesaria e crible". Espazo Ecosocialista decidirá agora se segue en Compromiso ou se aposta por apoiar a coalición de Anova e EU Do mesmo xeito, os ecogaleguistas din que o debate xurdido nas últimas semanas en Compromiso "puxo de releve dúas concepcións de construción do proxecto: a fundacional da cooperativa política inclusiva situada na esquerda renovadora e a do partido nacional neutro defendida por outros, ambas lexitimas pero desde o noso punto de vista incompatibles". Ademais, aseguran que a súa formación "mantívose con lealdade ata o último momento, mesmo aparcando a posibilidade de participar como un membro da coalición, para facilitar un acordo de incorporación de CxG á alianza ampla que nunca chegou". Por todo isto, o Espazo Ecosocialista cre que as forzas políticas "deben aínda esforzarse para buscar formulas de encontro da esquerda nacional e do galeguismo político e para acadar espazos nos que superar o sectarismo e a fragmentación". Ademais, anuncia que se dirixirá a outras forzas políticas de esquerda "para coñecer de primeira man cales son as súas visións sobre o que esta a acontecer e de como abordar este período electoral no que a tarefa número un pasa por derrotar á dereita e as súas políticas". Así, anuncia que "abre un período de reflexión que culminará cunha asemblea extraordinaria, xunto co Consello Aberto (asesor)" na que se tomará a decisión sobre dúas cuestións: "a urxencia electoral de botar o PP e a necesidade de situarse no campo de xogo onde se poida reconstruír a esquerda nacional renovadora".
PRAZA_17609
PP, En Marea, PSdeG e BNG acordan pedir ao Goberno de España que inicie xa a demanda civil proposta pola comisión de expertos que estudaron as vías legais para recuperar o pazo Os Franco acusarán o Concello de Santiago de querer roubarlles as esculturas do Mestre Mateo para non devolvelas As 'doazóns' para entregar Meirás a Franco: patrullas polas casas coa supervisión da Falange
As 'doazóns' para entregar Meirás a Franco: patrullas polas casas coa supervisión da Falange REPORTAXE | De visita no Pazo de Meirás: unha oda ao ditador Franco Un xesto político pouco habitual. Os votos dos catro grupos do Parlamento galego uníronse este mércores en torno a un pacto de mínimos cun argumento común: reclamar ao Goberno de España, Administración con competencias para facelo, emprender as accións legais que correspondan para botar a familia de Franco do Pazo de Meirás e procurar facelo, ademais, sen que isto implique compensar con diñeiro público aos herdeiros do ditador. PP, En Marea e BNG chegaran ao pleno con cadansúa proposición non de lei e o PSdeG, pola súa banda, formulara emendas ás tres "co obxectivo de buscar un punto de encontro". Finalmente non saíu aprobado ningún deses textos, senón o resultado dunha transacción con acordos esenciais. Unha vez rematados os traballos da comisión de expertos da Xunta, que propuxo tentar a recuperación pola vía dunha demanda civil, o Parlamento insta o Executivo galego a "remitir urxentemente" toda esta documentación "á Administración Xeral do Estado" e anexar "a petición de que se realicen as accións legais" propostas para "reintegrar" o Pazo "ao ámbito dos bens de dominio público" estatal. PP, En Marea, PSdeG e BNG acordan pedir ao Goberno de España que inicie xa a demanda civil proposta pola comisión de expertos que estudaron as vías legais para recuperar o pazo Segundo o roteiro trazado pola unanimidade do Parlamento, en canto o Estado "exercite esa acción legal", a Xunta deberá incorporarse ao procedemento civil "como coadxuvante adhesiva", isto é, sumarse formalmente ao Goberno central na demanda civil. A unanimidade parlamentaria apoia, por último, que a "vontade" da representación política galega é que "a recuperación do Pazo de Meirás para o patrimonio público non implique un novo custo para o pobo de Galicia", toda vez que o xeneral golpista e a súa familia se fixeron con el a través de achegas económicas forzosas en 1938, en plena vaga de represión e asasinatos en territorio galego. Escudo franquista e busto do ditador no interior do Pazo de Meirás / Praza Pública Os argumentos dos grupos Puy: "A unanimidade prexudica a quen está polo mantemento do legado do ditador" A necesidade desta declaración política unánime -as proposicións non de lei non son vinculantes-, que ademais recoñece "o importante traballo realizado por historiadores e historiadoras, asociacións da memoria histórica" e institucións como as que compoñen a Xunta pro Devolución do Pazo, foi aludida por todos os grupos durante o debate. Segundo o voceiro dos populares, Pedro Puy, "esta unanimidade beneficia a quen defende a reincorporación do Pazo de Meirás ao dominio público" e "prexudica a quen está polo mantemento do legado do ditador". "Contribuímos -agrega- a recoller os entullos do peor episodio da historia contemporánea de España". En Marea e BNG salientan a necesidade de que os herdeiros do ditador non reciban ningunha compensación económica Pola banda de En Marea o seu vicevoceiro, Antón Sánchez, tamén considerou unha cuestión de "responsabilidade" o apoio total da Cámara á recuperación dunha propiedade que "alberga unha historia negra de extorsión, de abuso, de violencia e de coacción". "Non foi un agasallo do pobo, foi un violento espolio" e por iso "a súa devolución gratuíta é un acto de xustiza". Unha vez recuperado, cre En Marea, o Pazo debería "poñerse ao servizo do pobo galego como un espazo de memoria democrática" e tornar en "exemplo da restitución democrática dos dereitos asoballados polo franquismo". O PSdeG subliña que o Goberno de Pedro Sánchez "é sensible con este tema e defensor de impulsar a memoria histórica" Na banda do PSdeG avánzase que a disposición do Goberno central será boa cara a este proceso. Despois de detectar "máis coincidencias que discrepancias" nos informes da Xunta e da Deputación coruñesa para procurar a devolución e tras constatar que "ninguén hoxe defende o legado de Franco nin do franquismo" no Paralmento, cómpre aproveitar a "oportunidade" de que o Executivo español "tras a chegada de Pedro Sánchez, é sensible con estes temas e defensor de impulsar a memoria histórica". Pola banda do Bloque a súa portavoz nacional, Ana Pontón, "sinala" o "cambio de actitude" do PP nun proceso no que se trata de desaloxar "unha familia ocupa" dun pazo "que xa pagamos a golpe de extorsión e desvío de fondos en plena ditadura". Por iso, salienta, "sería unha aberración calquera tipo de compensación aos herdeiros do franquismo". Pagar aos Franco por deixar Meirás sería, cre a líder soberanista, toda "unha labazada ás vítimas" da ditadura "e á dignidade deste pobo", algo "intolerable en democracia". Xunta pro Devolución e 'os 19 de Meirás' Ana Pontón e o resto do grupo do BNG, coas persoas ás que os Franco piden enviar á cadea pola protesta en Meirás Practicamente ao mesmo tempo que o Parlamento acadaba este acordo unánime, a Xunta pro Devolución -que agrupa concellos e entidades da memoria histórica- reuníase na Deputación da Coruña tamén cunha mensaxe dirixida ao Goberno central. Nomeadamente, solicitou formalmente ao gabinete de Pedro Sánchez que "considere unha prioridade política" a recuperación do Pazo. Por iso farán chegar toda a documentación e informes xurídicos á vicepresidenta do Goberno central e ministra da Presidencia, Carmen Calvo, mais ao ministro de Cultura, José Guirao. Estes acordos políticos prodúcense mentres continúa a pairar peticións de condena de ata 13 anos de cárcere para as 19 persoas que no verán de 2017 ocuparon simbolicamente Meirás para esixir a súa devolución. Representantes destes activistas, moitos deles militantes do Bloque, acudiron este mércores ao Parlamento, onde reclamaron o apoio dos grupos e rexeitaron a posibilidade de que os Franco poidan ser indemnizados.
NOS_51292
Mariano Raxoi, Francisco Álvarez-Cascos, Federico Trillo ou Manuel Fraga deixaron palabras para o recordo durante os días máis críticos do sinistro do buque fronte ás costas galegas.
Esta semana fai 20 anos o tráxico accidente do buque Prestige, afundido o 19 de novembro logo de seis días de travesía marítima vertendo fuel. Naqueles días, marcados inicialmente pola incerteza sobre o que estaba a acontecer e mais as súas consecuencias, diferentes persoeiros do eido da política deixaron unha multitude de frases que o pobo galego aínda non esqueceu. "O fuel non chegará á costa" "Pequenos fíos de plastilina" "Non hai marea negra" "Evitouse a catástrofe" "A tomar polo cú" [sic] "A touro pasado todos acertamos" "Bombardear" o Prestige Chapapote 'para todos' "Bañarei como en Palomares" "O combustíbel non se verterá" "O fuel non chegará á costa" O delegado do Goberno español na Galiza naquela altura, Arsenio Fernández de Mesa, de quen se dicía que confundía meridianos con paralelos nos mapas, dixo nunha polémica intervención televisada que, "probabelmente, o fuel non toque a costa galega". Fernández de Mesa tamén asegurara neses días posteriores ao accidente do barco que "as mareas afastarán o petróleo das nosas costas", así como que "o destino do fuel no fondo do mar é converterse en lastra". "Pequenos fíos de plastilina" Posibelmente as palabras máis lembradas para moitas e moitos galegos daqueles tristes días foran as enunciadas o mesmo 13 de novembro de 2002 polo vicepresidente e portavoz do Executivo estatal, Mariano Raxoi: "Saen [do Prestige] uns pequenos fíos, catro en concreto. Son regueiros solidificados con aspecto de plastilina". "Non hai marea negra" Na mesma liña que Raxoi, o entón director xeral da Mariña Mercante, José Luis López Sors, negara o 17 de novembro a existencia dunha 'marea negra': "Non se pode falar diso, son manchas negras e dispersas". O 'Prestige' en 15 cifras, 20 anos despois "Evitouse a catástrofe" O silencio imperou no Goberno de José María Aznar, cuxo ministro de Agricultura e Pesca, Miguel Arias Cañete, asegurou o día 17, cando o barco levaba perto dunha semana vertendo toneladas de fuel ao mar: "Afortunadamente, a rápida intervención das autoridades españolas afastando o barco das costas permitiu que non teñamos unha catástrofe ecolóxica, nin grandes problemas para os recursos pesqueiros". "A tomar polo cú" [sic] Afastar o barco da costa fora, precisamente, a principal consigna dos gobernos galego e español, e nesa decisión enmárcase unha frase atribuída ao daquela ministro de Fomento, Francisco Álvarez-Cascos, nun contexto informal: "Hai que mandar o barco a tomar polo cú" [sic], ou a variante "ao quinto pino" [en español]. "A touro pasado todos acertamos" O propio ministro Álvarez-Cascos, criticado unha semana despois do afundimento por defender unha decisión contraria aos estudos técnicos e científicos, saíu ao paso cunha frase concisa e esquiva: "A touro pasado todos acertamos por que lado se tira o penalti". A dignidade dun pobo que dixo Nunca Máis "Bombardear" o Prestige Federico Trillo, coñecido polo seu "Viva Honduras" cando desembarcou en El Salvador, entón ministro de Defensa, mobilizara as Forzas Armadas para preparar un posíbel "bombardeo" ao barco co obxectivo de "consumir o petróleo", algo que desaconsellaron de inmediato as persoas expertas. Chapapote 'para todos' Procurando defender a tese oficial de afastar o cargueiro das costas galegas, o conselleiro de Pesca da Xunta, Henrique López Veiga, propuxera 'repartir' o chapapote entre outros países como Francia ou Portugal, entendendo que "polo menos tocoulle un pouco de chapapote a todos". Recentemente dixo que era preferíbel "un pouco de chapapote para todos" que "todo o chapapote para os galegos". López Veiga tamén afirmara ante os medios e a cidadanía galega, antes de que o Prestige iniciase a súa dramática viaxe final cara ao fondo do mar, que "todo o fuel derramado que tiña que chegar á costa xa chegou", unha declaración que tornou en falsa ás poucas horas. Durante semanas o chapapote seguiu arribando á Galiza. O Goberno español homenaxea en Camariñas a "marea solidaria" contra o chapapote "Bañarei como en Palomares" Unha vez afundido o buque e oito días despois do sinistro, o presidente da Xunta, Manuel Fraga, visitou por vez primeira a zona afectada, logo dunha polémica ausencia por asistir a unha cazaría. Malia todo, falou con sorna do asunto. "Se fai falta, volvo bañar como en Palomares. Bótolle o que sexa necesario, pero se cadra, se me meto no mar, o que consigo é un catarro e non podo traballar, mánchome un pouco e non aparto a marea", dixo. O 15 de novembro, aliás, Manuel Fraga unírase aos seus compañeiros de fila en San Caetano e Moncloa e asegurara sen titubeos: "Xa pasou o perigo máis grave". E tamén se encomendara a forzas divinas: "Estou onde teño que estar. Deus e Santiago vannos axudar". "O combustíbel non se verterá" O 24 de novembro, o propio Raxoi afirmara: "A unha profundidade de 3.500 metros e a dous graos de temperatura, o fuel estaría nun estado sólido, polo que, en principio, o combustíbel non se verterá". O 7 de decembro, co Prestige xa afundido, Mariano Raxoi apuntara que "a popa está mellor que a proa, só ten un par de pequenas fendas". Só dous días despois volveu recuar e explicou que o barco perdía "unhas 125 toneladas ao día polas súas 14 fendas".
PRAZA_18268
O paro comeza ás 15 horas e desenvólvese ata as 8 da mañá do mércores. Os sindicatos denuncian situacións de "precariedade laboral" e acusan o SERGAS de "irresponsabilidade" por non buscar unha solución ao conflito. A Consellería de Sanidade fixou uns servizos mínimos do 100%.
O persoal sanitario dos Puntos de Atención Continuada (PAC) do SERGAS inicia este martes ás 15 horas a primeira das 12 xornadas de folga convocadas para as vindeiras semanas polos sindicatos CIG, CCOO, UGT, SATSE, CSIF. OMEGA e CESM. Os traballadores e traballadoras denuncian a súa "precaria situación laboral" e demandan unha "resposta inmediata" ás súas reivindicacións, co obxectivo de garantir unha asistencia sanitaria de calidade. Os paros terán lugar entre as 15 horas e as 8 horas da mañá seguinte os días 16, 19, 23, 26 e 30 de outubro e 2, 6 e 9 de novembro. E dende as 8 horas ata as 8 horas da xornada seguinte os días 21 e 28 de outubro e 4 e 11 de novembro. "A atención a emerxencias sen persoal adecuado non é aceptable nun país desenvolvido", denuncia a CIG Entre as demandas do persoal está a dotación de equipos completos médico/enfermeiro en todos os PACs das sete áreas sanitarias, sinalando a CIG que "a atención a emerxencias sen persoal adecuado non é aceptable nun país desenvolvido" e que "a responsabilidade desta asistencia de baixa calidade é da mala planificación por parte das EOXI". Piden tamén "respecto aos tempos de traballo do persoal conforme a directivas europeas, que están para garantir unha atención eficiente por persoal descansado en beneficio dos pacientes". "Isto debe ser independente de ter un contrato fixo ou traballo fraccionado, o fraccionamento de contratos non pode empregarse para non cumprir cos descansos", subliñan. Advirten de que "calquera avaliación de derivación hospitalaria debe ser eliminada das listas de obxectivos", xa que as derivacións non son opcionais senón que seguen criterios médicos. Esixen igualmente "criterios obxectivos" para a dotación de persoal nos PACS en base á carga asistencial, dispersión, distribución etaria, distancia ao hospital e número de mobilizacións polo 061 para garantir o dereito a asistencia. A CIG considera que é unha "irresponsabilidade" por parte da dirección do SERGAS "prolongar a solución deste conflito" Piden tamén o pagamento do 100% dos complementos de nocturnidade e festividade dende este momento e con carácter retroactivo dende o 2010 e que non se aumente a xornada laboral efectiva das 1451 horas actuais. "Calquera exceso de xornada debe ser voluntario, incentivado e por tramos", sinalan, engadindo que "empeorar as condicións laborais aumentarán as fugas de persoal a outras áreas e servizos e empeorarán a asistencia". As organizacións sindicais convocantes aseguran que despois de máis de 6 meses de reunións, na última, celebrada o 21 de setembro de 2018, "o SERGAS perdeu unha oportunidade importante para clarificar aspectos que levan varios meses a ser debatidos sen chegar a ningún acordo". A CIG considera que é unha "irresponsabilidade" por parte da dirección do SERGAS "prolongar a solución deste conflito" e que isto "non fai máis que poñer de manifesto a súa incapacidade para facer fronte aos desafíos asistenciais que temos por diante, uns relacionados coa nosa demografía e outros ocasionados pola xestión incompetente dos recursos humanos". O SERGAS fixou no 100 % os servizos mínimos para atender a atención das urxencias durante os paros, unha medida que foi moi criticada polos sindicatos. "Isto demostra as nosas denuncias", destaca CC.OO. Pola súa banda o Servizo Galego de Saúde afirmou este martes que "reitera" a súa "oferta de diálogo para chegar a acordos co persoal", mantendo "abertas todas as canles para seguir negociando no seo da comisión técnica creada a eses efectos". A Consellería de Sanidade di ser "favorable a atender as reivindicacións manifestadas polos propios profesionais como o pago da dobre dieta en domingo/festivo, modificacións na modulacion dos acordos de xestión en materia de derivacións, ou o establecemento dunha uniformidade comun en todos os PACS de Galicia". O SERGAS fixou no 100 % os servizos mínimos para atender a atención das urxencias durante os paros, unha medida que foi moi criticada polos sindicatos. "Isto demostra as nosas denuncias", destaca CC.OO. Segundo a Consellería de Sanidade, para a correcta cobertura de toda a actividade urxente é preciso que traballe o 100% dos efectivos. "Isto non sucedería se a dotación de recursos humanos fose suficiente", asegura o sindicato, que salienta que "en moitos PAC non existe a día de hoxe a cobertura mínima imprescindible que o propio SERGAS coida axeitada para ofrecer unha asistencia sanitaria digna e de calidade".
NOS_44188
Julián Barrio pronunciouse sobre este tema ao fío da entrada en vigor da lei que legaliza esta práctica en casos graves. Opina que "o suicidio asistido é unha derrota para todos".
A entrada en vigor da Lei da Eutanasia -aínda que na Galiza fiquen os deberes por facer- non sentou nada ben á Igrexa. O arzobispo de Compostela, Julián Barrio, mesmo atreveuse a sinalar que este é un "acto homicida" sen entrar a valorar o sufrimento das persoas que recorren a esta saída. Ante a norma, que ve como "unha derrota para todos", pide "atención humana, espiritual e médica". Malia as demandas de diferentes colectivos, o representante da Igrexa defende que esta "non é a solución ao sufrimento insoportábel". "Recoméndovos facer o testamento vital ante a lei da eutanasia recentemente aprobada. No peregrinar da nosa existencia é necesaria a credencial deste testamento", afirma Barrio na Carta Pastoral 'A credencial do testamento vital'. Así, insiste en que a institución pola que fala "defende a vida desde a súa concepción até a morte natural", malia que haxa que dar atención especial ás "persoas debilitadas". Dado o "valor sacro" da vida chama á cidadanía a "acollela, protexela e acompañala en todas as súas etapas, e en calquera das súas circunstancias". "Unha acción ou unha omisión que, de seu ou na intención, provoca a morte para suprimir a dor, constitúe un homicidio gravemente contrario á dignidade da persoa humana e ao respecto do deus vivo e creador", acusa.
PRAZA_14341
O Celta impúxose este sábado ó Xetafe por 2-1 nun partido bonito e emocionante en Balaídos. O surcoreano Park Chu-Young, unha das atraccións do choque, debutou no estadio celeste anotando o tanto do triunfo dos vigueses nada máis saír ó terreo de xogo. Foi, ademais, o primeiro gol dun surcoreano na liga española
O Celta impúxose este sábado ó Xetafe por 2-1 nun partido bonito e emocionante en Balaídos. O surcoreano Park Chu-Young, unha das atraccións do choque, debutou no estadio celeste anotando o tanto do triunfo dos vigueses nada máis saír ó terreo de xogo. Foi, ademais, o primeiro gol dun surcoreano na liga española. Tamén o dinamarqués Krohn-Delhi foi determinante ó dar as dúas asistencias de gol. O adestrador do Celta, Paco Herrera, e Alexis, defensa do Xetafe, foron expulsados no tempo de desconto. Un continuo ida e volta definiu os primeiros minutos do choque. Mario Bermejo, a principal novidade no once céltico, e Álvaro Vázquez gozaron de sendas oportunidades nos primeiros cinco minutos. A defensa do Xetafe non podía conter a un activo Iago Aspas, que protagonizou a ocasión máis clara da primeira metade cun disparo ó pau tras tocar o meta do Xetafe. O ritmo baixou e o Celta fíxose co control do xogo co paso dos minutos. Así, o conxunto vigués gozou de outras tres ocasións no primeiro tempo, dúas delas desaproveitadas polo incansable Mario Bermejo. As dúas vitorias do Celta na presente temporada coincidiron cos dous encontros do cántabro coma titular. O Xetafe apenas inquedaba a área celeste, pero Javi Varas tivo que sacar un balón perigoso a Álvaro. O Celta foi superior na primeira metade, pero marchaba ó vestiario sen o premio agardado. As dúas vitorias do Celta na presente temporada coincidiron cos dous encontros de Bermejo coma titular No segundo tempo, o Xetafe amosou a intención de ir buscar o partido ó campo do Celta. Presionou máis arriba e adiantou as liñas. Subiu o nivel do partido. Pedro León avisou cun disparo afastado que atallou Varas. Cando máis apretaba o Xetafe, Krohn-Delhi levouse un balón en campo propio, zafouse de varios rivais que lle perseguían e puxo unha pelota de ouro para que Augusto Fernández marcara o primeiro da tarde no minuto 12 da reanudación. Pero pouco lles durou a alegría ós máis de 17.000 espectadores que había en Balaídos. Diego Castro avisou cun remate de cabeza primeiro e Barrada marcou despois o gol do empate tras unha grande xogada, cun autopase incluído, do pontevedrés Diego Castro, fillo de Fernando Castro Santos. Foran tres minutos de tolemia en Balaídos a falta de media hora de xogo por diante. Herrera cumpriu a súa palabra de facer xogar a Park, e o dianteiro respondeu cun gol que saciou a grande expectación xerada durante a semana Os adestradores tiraron de banquiño para intentar solventar a contenda. Colunga entraba por Álvaro no Xetafe e Park substituía a Bermejo nas filas celestes. O primeiro balón que tocou o surcoreano rematou nas redes de Moyá ó rematar un centro de Krohn-Delhi, convertido no asistente dos dous tantos celestes. Herrera cumpriu a súa palabra de facer xogar a Park, e o dianteiro respondeu cun gol que saciou a grande expectación xerada durante a semana. O Xetafe introduciu un dianteiro por un centrocampista, mentres o Celta fixo dous trocos máis ben defensivos. O Xetafe atacaba e o Celta buscaba resolver nalgunha contra. O ambiente caldeouse ó final, cando o colexiado expulsou a Paco Herrera por protestar e ó xogador do Xetafe Alexis por golpear coa man a Hugo Mallo. Polo tanto, o Celta acadou con todo merecemento a súa segunda vitoria da temporada. Quedaron en Vigo tres puntos que permiten ó Celta escalar cara un posto máis tranquilo da táboa clasificatoria.
NOS_8515
A quinta edición do Carballo Interplay acaba de apresentar o cartaz da súa sección oficial, que escolleu 42 propostas entre as mais de 250 que chegaron de todo o globo. A directora do festival, Sonia Méndez, e a responsábel da gala e webseries, Sandra Lesta, anunciaron esta cuarta feira que o evento, que terá lugar do 4 ao 7 de abril, repartirá máis de 5.000 euros en premios.
O bloque galego –que conta con tres propostas en lingua galega–, o estatal –cunha ducia de obras– e unha categoría internacional –con 27 webseries que chegan desde lugares tan dispares como Nova Zelanda, Chile, Líbano ou Finlandia– competirán por cadanseu premio de 800 euros. O xurado encargado desta decisión estará composto polo guionista e realizador Carlo Pardial, a crítica Desirée de Fez, o xornalista Iago Fernández, a actriz María Tasende, a directora Anxos Fazáns e o guionista Óscar Cruz. Alén disto, o público entregará tamén un premio propio de 400 euros que será escollido a través dos seus votos e, como novidade desta edición, o Carballo Interplay contará cun xurado novo que decidirá outro premio de igual retribución. Este estará conformado pola youtuber Nuria Espasandín, o músico Cristian Andrade, a ilustradora Laura Tova e o DJ e programador do Xiria Pop Maikel Pérez. Unha vista panorámica das tendencias en webseries Arxentina, Canadá, Estados Unidos, Francia, Holanda, Italia, México… O festival amosará un escaparate da actualidade en contidos dixitais a nivel global. A meirande parte das pezas son en lingua española, aínda que tamén hai espazo para creacións en albanés, árabe, danés ou italiano. Todas estas pezas serán proxectadas no Auditorio da Casa de Cultura de Carballo, onde o público poderá gozar –de forma gratuíta– con dramas, comedias, dramedias, documentais, thrillers, romances ou historias de horror. A equipa do festival non só organiza este escaparate das últimas tendencias, senón que tamén fomenta a creación en galego cun premio a maiores a proxectos de webseries en galego. Este sábado 18 remata o prazo para apresentar propostas, que deben cumprir os requisitos de ser en galego, pensadas en capítulos –mínimo tres– para seren difundidas nun medio web. O premio, cunha retribución económica é de 1.500 euros, será resolto cun pitching en directo e comprometerá a súa proxección pública na vindeira edición do Interplay. Aprender a entreter: unha batería de obradoiros Fóra da programación audiovisual, o Carballo Interplay tamén ofrecerá actividades formativas. Así, o público poderá aprender sobre a produción, xestión e difusión de contidos nativos de Internet con representantes de entidades como PlayZ, Flooxer, Globomedia, VICE España, Playground ou mesmo da man de youtubers de sona estatal como Carolina Iglesias (Percebes y Grelos), Abigail Frías (Abi Power) e Beatriz Cepeda (Perra de Satán).
PRAZA_7438
Se eu aínda fose nómade como fun nalgún tempo, tería ganas de falar, sairía aquí a escribir. Non sentiría esta bile de loito derrotado no sedentarismo, esta necesidade de silencio tépedo de máis de dous meses polo que xa non é cando si foi, polo que case nin queda do que estivo.
Sin entender un ele verás que ben se amañan honrados e sin honra, rameiras e beatas; verás como se axuntan, verás como se tratan, mentras que ti marmuras ca lingua dunha coarta. Non che digo nada... ¡Pero vaya! Non nos roubaron o mes de abril, non; roubáronnos de catro a catro décadas da existencia Se eu aínda fose nómade como fun nalgún tempo, tería ganas de falar, sairía aquí a escribir. Non sentiría esta bile de loito derrotado no sedentarismo, esta necesidade de silencio tépedo de máis de dous meses polo que xa non é cando si foi, polo que case nin queda do que estivo. Testemuñei a protesta de Breogán tan só vintecatro días despois de que a ramificación mal chamada política dunha internacional nada liberadora e si pola contra moi globalizada na barbarie, certificase que a unha cuarta parte asertiva da sociedade se lle puidese chamar maioría absoluta grazas a unha lei d'Hondt que máis ca nunca antes actua en territorio galego como funil de vontades e arelas, oprimindo e reprimindo á maioría, agora si, de silenciosos e desencantadas, de sometidas e contrarios. Non nos roubaron o mes de abril, non; roubáronnos de catro a catro décadas da existencia. Se eu aínda fose unha apache como fun nalgunha altura, tería afouteza abonda para adicar este artigo enrabechado a Juan Luis Cebrián, por tanto –trece millóns de euros anuais, até onde se pode saber – pero tamén por tan pouco – @elpaisgalicia –, ou a escaseza da folla parroquial para unhas provincias complexas e máis convulsas do que nos contan; o poder da metáfora. Tensaría meu arco para denunciar con varias frechas a ausencia clamorosa dunha prensa minimamente crítica contraria a unha retirada covarde que tivese menos folganza e máis tempero para falar con voz propia do noso, deste ronsel de agravios que deixa o crecemento negativo ponderado no apoio ás reformas flexibilixadoras porque están a facer os deberes por e para Galicia, Galicia, Galicia; conste que o FMI recoñece que se equivocou, capítulo sexto, "Estupidez e poder" d' As leis fundamentais da estupidez humana por Carlo M. Cipolla. Chegado semellente ocaso da civilización, as portadas e os interiores até poderían quedar en galego os días pares dos anos non bisestos. Nin por esas. Se me puidese sentir tan só por un segundo tuareg do voso deserto, acreditaría que todo isto ten solución porque existe vontade firme de rexeitamento a tanta inxustiza prolongada, de xeito que ningunha apropiación indebida podería xamais quedar impune Se me puidese sentir tan só por un segundo tuareg do voso deserto, acreditaría que todo isto ten solución porque existe vontade firme de rexeitamento a tanta inxustiza prolongada, de xeito que ningunha apropiación indebida podería xamais quedar impune. Non vos vería adecuadamente conformistas, progresivamente máis tolerantes coa ignominia pero intolerantes coa diferenza, tan resignadas...Así que se aínda puidese ser aborixe búmerang como cando me reviraba, sabería que non estaría tan soa á hora de diferenciar a austeridade da auswitchzidade e que se o primeiro pode ter sentido á hora de preservar un planeta finito, o segundo non é máis ca un abuso instaurado. Relacionaría a Kukulkán, o deus serpe maia, co vindeiro ano chinés da serpe de auga ou a serpe negra que comezará, boi e mula mediante, o vindeiro dez de febreiro, e entón, si, entón descubriría o que é a verdadeira tormenta perfecta: podería asegurar coa boca ben chea que na toma de posesión do virrei catoli.com para o novo Corcoesto El-Dorado da recuperación no segundo semestre, a única verdade foi a do ascenso do artífice a posto número dous en sinal de agradecemento e porque haberá que ir deixándoo todo ben atado antes de saltar a Madrid. Agora, nesta calma podre, tan só paso os tempos mortos a adestrar a miña estupefacción a que se afaga a ver como nas próximas semanas o noso xestor presidente electo acabe retrousando Gagnam Style, para maior honra do novo ano chinés, que se primeiro foi o verso, no remate irá o conselleiro, que para algo subvencionaron a Rosalía e a Bolaño e a María Santísima e así escribiron o que escribiron. Pero claro... iso todo non toca. Nin nómade, nin apache, nin tuareg, nin aborixe búmerang, nin Tukultán, nin serpe negra, até foron desafiuzar á mula e ao boi porque o preferente é o preferente. Galicia xa non existe e eu aquí só quero ser manatí.
NOS_18290
Tratan así de contrapesar a ventaxe de Méndez Romeu, ao que o vigués cualifica de "prórroga do pasado".
Xaquín Fernández Leiceaga e Gonzalo Caballero asinaron esta terza feira un pacto pola "renovación" do PSdeG, un acordo sobre un documento de 12 puntos que o candidato nas primarias socialistas e o militante vigués (que non acadou os avais precisos para competir) presentan como a base para un novo proxecto socialista en Galiza. O feito de que este pacto chegue en plena recta final do proceso de primarias leva a que se intreprete como un acordo para contrarrestar a candidatura de Méndez Romeu, que logrou 2.539 avais. A suma de Leiceaga (2.216) e de Caballero (540), superaría ao portavoz do PSdeG no Parlamento. Mais os avais non serán quen decidan quen vai ser o candidato socialista para as eleccións galegas, senón a militancia, que votará esta fin de semana. Nos últimos días a campaña foi medrando en tensión e acusacións, centrando as críticas o sector de 'Abel Caballero' na presidenta da xestora, Pilar Cancela, pola súa dispoñibilidade a unha alianza coas marés. "Prórroga do pasado" Gonzalo Caballero cualificou esta terza feira a Méndez Romeu de "prórroga do pasado" e insistiu en que é mester "un novo proxecto". Leiceaga falou de "renovación profunda" e a necesidade de "novos referentes". O documento asinado entre ambos os dous componse de 12 puntos, entre os que se recollen cuestións como as incompatibilidades ou a limitación de mandatos.
NOS_13260
Os votos favorabeis foron 85, diante dos 41 en contra e 2 abstencións. Cinco deputad@s do PSC racharon coa disciplina de voto. O grupo do PP abandonou o Pleno após a votación.
O Pleno do Parlament de Catalunya aprobou a Declaración de Soberanía por 85 votos a favor, 41 en contra e 2 abstencións. Após un intenso debate entre os diferentes grupos a votación resultou favorábel ao texto presentado por CiU e ERC coas emendas posteriores que aprobaron ICV. O partido de Alícia Sánchez-Camacho abandonou o Salón de Plenos após da votación como sinal de protesta. A CUP realizou un voto a favor e dúas abstencións. As intervencións dos diferentes grupos deixou en evidencia o común rexeitamento ao texto por parte de PSC, PPC e C's. Alicia Sánchez-Camacho (PPC) e Albert Rivera (C's) deron a benvida ao PSC de Pere Navarro "ao seu bando", unha afirmación que non sentou nada ben entre @s deputad@s socialistas. "Queremos seguir unidos (a España), o noso proxecto é o federalismo, non o inmobilista do PP", aseguraba Navarro na súa intervención na procura de suavizar o sentido do voto da súa formación. PPC e C's acusaron a Mas de "declarar a independencia" e o portavoz de C's chegou a afirmar que o Pleno de hoxe era "teatro". Sánchez-Camacho (PPC) e Rivera (C's) deron a benvida ao PSC "ao seu bando", unha afirmación que non sentou nada ben entre @s deputad@s socialistas ERC e ICV xustificaron o seu voto favorábel para "dar voz ao pobo" e "á democracia". Junqueras asegurou que "máis da metade de Estados que hoxe existen xa deron este paso democrático" que non quere convencer para que se fagan independentistas senón "para que os cataláns teñan o dereito a decidir". Joan Herrera asegurou que o catalanismo "sempre quixo avanzar coa constitución e a resposta foi o silenzo" polo que "optamos por unha consulta, non un plebiscito". A CUP reiterou o seu "apoio crítico" á Declaración presentada por CiU e ERC, entre outros motivos "por discrepar da estratexia en exclusiva a dúas bandas". Quim Arrufat, deputado desta formación, sinalou que "ninguén explicou a estratexia completa que comezou mal, vecellando o goberno á consulta" e que "comeza coa renuncia ao marco dos Països Catalans e unha confianza que nós non temos na UE"
NOS_26357
Ana Pontón propón varios proxectos Next Generation de economía verde para a zona de Ourense e Galiza postCovid.
Ourense acolleu a presentación dos proxectos en materia de economía circular e xestión do ciclo da auga que o BNG defende pór en marcha na Galiza, e para os que propón destinar 1.100 millóns de euros dos fondos europeos de recuperación Next Generation. A portavoz nacional do Bloque, Ana Pontón, explicou as iniciativas da formación nacionalista para combater o cambio climático desde a bioeconomía e a xestión dun recurso estratéxico como é a auga "nunha urbe que ten entre os seus activos o Campus da Auga e conta cunha longa tradición termal". Pontón, acompañada do portavoz municipal en Ourense, Luís Seara, e da alcaldesa de Allariz, Cristina Cid, puxo a vila alaricana como exemplo de desenvolvemento sostíbel, partindo da recuperación dun "recurso hídrico e dun espazo ambiental como o río Arnoia hai máis de tres décadas". Para esa xestión sustentábel do ciclo da auga, o BNG aposta por tres proxectos cun investimento de 800 millóns: Estratexia da auga 2030, Plan Galiza dos dez mil ríos e Proxecto Galiza termal, con sede en Ourense. A estratexia da auga 2030 ten como centro a protección e conservación dos recursos hídricos e nela a depuración sería chave. O proxecto recolle a modernización das redes municipais de abastecemento de auga, e tamén comunitarias e veciñais; dotar de depuración todos os concellos rurais e urbanos e dimensionar as redes de saneamentos. O Proxecto Galiza Termal inclúe a posta en marcha dun clúster de investigación e desenvolvemento das augas termais, mentres que o Plan Galiza dos dez mil ríos céntrase na recuperación dos ríos e na creación de reservas fluviais.Aliás, propón destinar 300 millóns de euros para dous proxectos de bioeconomía: a creación da Axencia para os residuos e a economía circular e o Proxecto Formar para a investigación e aproveitamento de materiais de orixe forestal e mariña. Protocolo en alta mar Esta segunda feira, 22 de marzo, no Congreso dos Deputados, o deputado do BNG, Néstor Rego, rexistrou unha iniciativa para estabelecer un protocolo de actuación nos barcos que faenan en alta mar que asegure o cumprimento das medidas preventivas para evitar surtos da Covid-19 a bordo, así como a coordinación das embaixadas e consulados no estranxeiro para o caso de xurdir gromos despois de teren partido. Rego tamén propón un protocolo para a vacinación do sector que atenda as características específicas das e dos traballadores embarcados nestes buques, as datas e duración da súa estancia e garantir a seguranza e saúde.
NOS_42119
PuntoGal conta actualmente con máis de 4.200 dominios.
PuntoGal, o dominio galego en internet, tamén se suma ao Black Friday, o 24 de novembro, e ofrece os seus dominios a tan só 5 euros máis IVE. Esta promoción estará aberta ata o Cyber Monday, o día 27. Segundo informa a propia asociación, esta promoción fai parte das accións acordadas cos rexistradores que traballan habitualmente con PuntoGal, cos cales o dominio mantivo unha reunión de traballo en Compostela. "Nesa xuntanza, na que tamén estiveron presentes os rexistros .eus (Euskadi) e .barcelona e .cat (Cataluña) propuxéronse distintas liñas de colaboración para optimizar a comercialización dos dominios". PuntoGal conta actualmente con máis de 4.200 dominios, e con esta oferta finaliza as súas promocións no presente ano. A anterior acción foi a realizada en colaboración co Museo do Pobo Galego co gallo do seu corenta aniversario.
NOS_23776
A Asemblea de Investigadoras de Compostela denuncia a falta de aposta pola investigación do Goberno galego nesta última década. Sinala que o actual modelo laboral, pouco intensivo no emprego de coñecementos ou tecnoloxía, "ofrece ás grandes empresas un modelo baseado en salarios baixos e barra libre na explotación de recursos naturais".
Segundo o Instituto Nacional de Estatística (o INE), o investimento en investigación e desenvolvemento na Galiza reduciuse nos últimos anos situándose por baixo de 1% do Produto Interior Bruto. Desde a Asemblea de Investigadoras de Compostela (AIC), aseguran que na Galiza "estase a maltratar e destruír o tecido investigador existente". Na Galiza estase a maltratar e destruír o tecido investigador existente, aseguran desde a AIC "A crise de 2007 podería ter sido unha oportunidade para mudar o modelo produtivo da Galiza, para investir en investigación, mais tornou nun maior atraso científico e investigador que repercutirá na calidade de vida da sociedade galega", engade este colectivo, que critica as políticas da Xunta da Galiza na década do popular Alberto Núñez Feixoo no Goberno. A AIC xurdiu para protestar contra a precariedade do persoal investigador da Universidade de Santiago de Compostela. As súas integrantes defenden que o investimento en investigación "xera riqueza e melloras sociais, en tanto que supón unha fonte inesgotábel de avances tecnolóxicos médicos ou enerxéticos, pero tamén un piar para convivirmos de maneira máis xusta igualitaria, crítica e sostíbel". A Xunta produciu todo o contrario a un modelo produtivo e de convivencia modernos na última década, din Nun comunicado, denuncian o "desdén" da Xunta de Galiza na última década. "Produciu todo o contrario a un modelo produtivo e de convivencia modernos. Segundo Eurostat, o sistema produtivo galego, apuntan as investigadoras, especializouse arredor de actividades de contido tecnolóxico medio-baixo e pouco intensivas no emprego de coñecemento. "Este modelo leva ao noso país á máis absoluta precariedade laboral e vital, afectando a toda a poboación, pois ofrece ás grandes empresas un modelo baseado en salarios baixos e barra libre na explotación de recursos naturais, o que afecta con especial virulencia as persoas novas e as mulleres", aseguran desde a AIC. Este modelo leva ao noso país á máis absoluta precariedade laboral e vital, critican O colectivo reflexiona na necesidade de mudar dun sistema dependente da construción, o turismo ou a hostalaría a outro que aposte na creación de empregos "de calidade" e "capaces de xerar retorno de cartos da maneira máis duradeira posíbel". Fenda de xénero na investigación Na Galiza, tamén a porcentaxe de mulleres no colectivo investigador diminuíu progresivamente na última década. Menos de 4 de cada 10 persoas investigadoras son mulleres na actualidade. Elas "sofren un intrincado sistema de opresións" desde o inicio das súas carreiras, din desde a AIC. Un exemplo é a propia universidade, na que máis de 60% do alumnado son mulleres, mentres que o número de titulares mulleres é inferior á metade e o das catedráticas non chega a 25%, destaca a AIC. As medidas e políticas eficaces en materia de igualdade, xénero e conciliación son inexistentes, censuran "As medidas e políticas eficaces en materia de igualdade, xénero e conciliación son inexistentes, ao contrario do ditado polas disposicións estatais ou europeas", expoñen os e as integrantes do colectivo.
NOS_45135
Así, foron aceptados un total de 8.200 nenos e nenas para o curso 2019/20, o que representa 76% das 10.800 solicitudes presentadas.
O número de admitidos e admitidas en escolas infantís da rede A Galiña Azul da Xunta descendeu en 300 respecto ao curso pasado. Así, foron aceptados un total de 8.200 nenos e nenas para o curso 2019/20, o que representa 76% das 10.800 solicitudes presentadas. Así, segundo informou a Consellería de Política Social, desde hoxe pode consultarse a relación de admitidos e excluídos e mañá para a formalización da matrícula. A lista de espera está composta por 1.700 nenos e nenas, 1.600 menos que no período anterior. Deste modo, as familias que non fosen admitidas poden acollerse ao Bono Concilia, un programa de axudas directas para gastos en escolas infantís privadas. Das 8.200 solicitudes aceptadas, 60% corresponden a novos ingresos e 40% restante, renovacións. A Xunta tamén resalta que hai 26 menores con necesidades especiais, 882 de familias numerosas e 345 a familias monoparentais. 'Selo Biblioteca Escolar' Por outra banda, a Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional seleccionou dez centros educativos que recibirán o 'Selo Biblioteca Escolar Solidaria', mentres que outros dez foron escollidos para a iniciativa de voluntariado de 'Lectura-A'. Segundo detalla o departamento que dirixe en funcións Carmen Pomar, estas accións están enmarcadas no programa Bibliotecas Escolares Solidarias, orientadas a "promover o voluntariado cultural en relación coas bibliotecas e a lectura entre alumnado e familias". O 'Selo Biblioteca Escolar Solidaria' é un recoñecemento ao traballo das comunidades educativas "a favor dunha biblioteca escolar atenta ás necesidades de todos os seus integrantes en materia de lectura e de acceso ao coñecemento e que propician especificamente valores de xustiza e de solidariedade".
NOS_48422
Galiza perdeu un total de 2.190 votantes no censo electoral de cara ás eleccións do 12 de xullo con respecto á cita do 5 de abril, segundo se desprende das cifras publicadas este venres polo Instituto Nacional de Estatística (INE).
A Galiza perdeu un total de 2.190 votantes no censo electoral de cara ás eleccións do 12 de xullo con respecto á cita do 5 de abril, segundo se desprende das cifras publicadas esta sexta feira polo Instituto Nacional de Estatística (INE). Esta caída prodúcese a pesar de que o censo de migrantes volveu medrar en 720 persoas, mentres que o descenso en territorio galego é máis acusado, ao descender o número en 2.910 persoas. Así, un total de 2.697.315 galegas están chamados ás urnas o próximo 12 de xullo, segundo as táboas do INE publicadas esta sexta feira. Delas, 2.234.152 son galegas residentes na Galiza e 463.163 no estranxeiro. Na cita prevista para o 5 de abril, había 2.699.505 persoas chamadas a votar (2.237.062 residentes na Galiza e 462.443 no estranxeiro), o que supón unha perda do número de votantes, con 1.961 menos que en setembro de 2016.
PRAZA_5924
O filme de Alfonso Zarauza, que fala precisamente dos obstáculos á hora de facer unha película sobre o Prestige, atravesou por moitas dificultades para poder ser estreado. Hai unhas semanas comezou a súa distribución nun circuíto alternativo, e con notable éxito.
O pasado 13 de xuño o Salón Teatro de Compostela acolleu a proxección de Encallados, un filme de Alfonso Zarauza que xa se puidera ver no Festival de Cans. A película, unha historia sobre as dificultades para gravar unha película sobre o Prestige en Galicia, pareceu durante un tempo que se ía converter nunha obra maldita, tanto polas dificultades que xurdiron na súa produción coma polos obstáculos que atopou (como tantos outros traballos) para a súa distribución. Encallados non se pode ver en salas comerciais, pero hai vida alén dos multicines. Ás dúas proxeccións do Salón Teatro, cun grande éxito de público, seguirán outros pases, o 20 e o 27 de xuño na Sala Agustín Magán (Centro Sociocultural de Santa Marta, Compostela), e o 10 de xullo no Teatro Colón da Coruña, coa presenza dos actores e música da BSO en directo. Ao longo do verán o filme continuará o seu camiño por teatros, auditorios e centros culturais de toda Galicia, nunha rede de distribución alternativa na que traballa o equipo da película, e que tamén está aberta ás demandas dos posibles espectadores. "Se queres que Encallados se proxecte na túa vila ou cidade, envía un correo a [email protected], e indicarémosche as posibilidades", indican. Ao longo do verán o filme continuará o seu camiño por teatros, auditorios e centros culturais de toda Galicia, nunha rede de distribución alternativa na que traballa o equipo da película "Queremos que se vexa, por iso estamos traballando moito para que teña unha boa distribución no verán por distintas vilas de Galicia", destacaba Zarauza entrevistado por Praza xusto antes do Festival de Cans. Alí destacaba tamén que "Encallados naceu practicamente dunha crise, como se conta no propio filme, dun marrón. Intentamos facer algo a partir desa crise, e creo que saíu algo fermoso e auténtico, entre o documental e a ficción, un filme bastante singular. E ademais creo que cumpre cos obxectivos que nos propoñíamos: que fose honesto, que fose autocrítico". Zarauza tamén subliñaba a súa sorpresa ante o feito de que "un tema tan importante" coma o Prestige se tratara tan pouco no cinema galego. "Isodi moito das fronteiras que pode haber entre a creación e a realidade e das dificultades para falar deste tema, supoño que por cuestións políticas", engadía. O filme está recollendo tamén boas críticas. Hai uns días Brais Romero sinalaba no blog Cinema na Praza que Encallados é unha película "radicalmente diferente ao que estamos acostumados ao escoitar cine galego" ou que "os tópicos do cine autóctono séguense a rachar con filmes como Encallados, que aposta por unha estética coidada e única que, á vez que se autoparodia erguéndose como cine de autor, permite crear unha atmosfera perfecta para esa mestura de humor irónico, crítica social e metacinema. Romero tamén destacaba a importancia da "autocrítica do sector audiovisual", comezando polas "dificultades para levar unha película adiante, as condicións que hai tras as (escasas) subvencións, as condicións de traballo e as esixencias da produción, incluso o ego dalgúns actores son tratados en Encallados desde unha perspectiva irónica". Cando o menú que se ofrece dende as salas comerciais, controladas na súa maioría polas grandes distribuidoras, é cada vez máis reducido, as ganas de ver outros filmes (en pantalla grande) abren novos camiños Encallados continuará o seu percorrido polas salas de toda Galicia, estendéndose grazas ao boca-orella. Cinemas máis grandes ou máis pequenos, algúns case domésticos, para un filme que traballa para ser visto. Cando o menú que se ofrece dende as salas comerciais, controladas na súa maioría polas grandes distribuidoras, é cada vez máis reducido, as ganas de ver outros filmes (en pantalla grande) abren novos camiños. Hai uns meses presentose Screenly, unha plataforma de cinema baixo demanda. O funcionamento é sinxelo: unha persoa ou grupo de persoas escollen un filme dende o catálogo de Screenly. Despois, crearán un evento para a súa proxección nunha das salas afiliadas ao proxecto (salas comerciais pero tamén centros culturais ou sociais de todo tipo). Ese evento difundirase polas redes sociais e por outros medios, e cando se chegue a un número mínimo de espectadores que garantan o éxito e a rendibilidade da proxección, esta levarase a cabo
PRAZA_1225
Premio do xurado á mellor curtametraxe foi para Curricán, de Álvaro Gago. Mentres, o premio do xurado dos veciños foi para Disney, de Jorge Saavedra. O premio do público foi para Deber, de Ángel Manzano.
A XII edición do Festival de Cans, o Cans da ducia, xa ten gañadores e gañadoras. O xurado, formado por Sandra Sánchez, Antonio Mourelos, Avelino González, Nerea Barros, Mercedes Peón, Enrique Otero e Fran P. Lorenzo, acordou, despois do visionado das curtametraxes a concurso e da deliberación, outorgar os seguintes premios: Premio do xurado á mellor curtametraxe, cunha dotación de 2.000 € e Can de Pedra, para Curricán, de Álvaro Gago por facer confluír nun mesmo espazo e tempo narrativo un retrato íntimo e tamén colectivo a través dun achegamento poético. Premio especial do xurado dos veciños á mellor curtametraxe, dotado cun Can de Pedra, para Disney de Jorge Saavedra, por ser unha historia real e ironicamente divertida e tamén pola naturalidade da interpretación dos protagonistas da curtametraxe. Premio do xurado á mellor interpretación feminina, dotado cun Can de Pedra, para Marta Larralde por Disney, por achegar naturalidade e frescura á interpretación dunha situación cotiá. Premio do xurado á mellor interpretación masculina, dotado cun Can de Pedra, para Fernando González por Disney, por conseguir unha interpretación axustada e equilibrada dun personaxe aparentemente simple. Premio CREA do xurado á mellor dirección, dotado con 300 € e Can de Pedra, para Carlos Martínez-Peñalver por Nocturna, pola súa capacidade de crear unha atmosfera con poucos elementos e por achegar unha mirada propia. Premio AGAG do xurado ao mellor guión, dotado con 300 € e Can de Pedra, para The Fetch, de Ángeles Huerta, pola súa autenticidade e por apostar sen complexos por un humor absurdo. Premio do xurado á mellor banda sonora, dotado cun Can de Pedra, para Unary de Nico Casal pola súa solidez e a súa intencionalidade narrativa. O xurado do XII Festival de Cans quixo facer ademais unha mención especial a M is for Melon de Luis Solarat pola súa visión transgresora da sexualidade falocéntrica contemporánea. Asimesmo, o xurado tamén quixo facer mención especial a Ula de Alejandra Sotelo pola capacidade de facer unha peza artística dende unha mirada sorprendente. O premio do público, cunha dotación de 2.000 € e Can de Pedra, foi para Deber, de Ángel Manzano. Concurso de clips O xurado de videoclips, formado por Hendrik Röver, Ángel Sánchez, Tati Moyano e Juan Rivas, decidiu conceder o premio ao mellor videoclip, dotado con 300 euros e Can de Pedra, ao tema Magma y Trueno, de Guerrera, dirixido por Adrián González e Rafael Pérez, por conseguir un equilibrio perfecto entre a proposta estética e a música e por crear un ambiente cativador ao mesmo tempo que transmite a inquietante espesura da música a través dunha proposta moi arriscada pero efectiva. O premio do público ao mellor videoclip, dotado con 300 euros e Can de Pedra, recaeu en Floating, de Mequetrefe, dirixido por Xaime Miranda Méndez
NOS_55645
Moita retórica amical e cordial e poucas noces. A segunda cimeira entre Donald Trump e Kim Jong-un acabou esta quinta feira, en Hanoi, sen que os líderes asinasen ningún acordo. A clave, a negativa dos EUA a acceder a que, como pretendía Pyongyang, se levantasen as sancións interpostas por Washington contra Corea do Norte polo seu programa nuclear. "Non achamos que fose boa idea asinar nada", dixo Trump.
Pyongyang transmitiu con clareza aos EUA a seguinte idea: estaban en disposición de avanzar na desnuclearización se Washington suspendía as sancións. Washington non moveu ficha nese sentido. O secretario de estado norteamericano e ex director da CIA, Mike Pompeo, atribuíu o relativo fracaso da cimeira —a non asinatura dun acordo formal— a que "Kim non estaba preparado". En realidade, o que non quería facer Pyongyang é asinar nada que non implicase unha mudanza cualitativa no estado das relacións entre ambos países. E non habería mellor mudanza para os intereses norcoreanos que o levantamento das sancións, que claramente danan a súa economía [tal e como acontece coas que sofre Venezuela]. "Basicamente eles querían que levantasemos as sancións na súa integridade, mais nós non podemos facer iso. Ás veces hai que andar o camiño", explicou Trump aos meios destacados en Hanoi. A estratexia do presidente norteamericano é presentar Kim como un dirixente político co que se pode simpatizar (o inquilino da Casa Branca tamén se gaba de ter moi boa química na relación persoal co líder chinés Xi Jinping). Dixo que ambos países, a pesar de teren sistemas políticos e económicos ben distintos, podían acabar sendo "bos amigos". A cimeira produciu unha escena histórica, a de Kim a responder por vez primeira as perguntas dun xornalista occidental, durante un posado fotogáfico. O líder norcoreano foi interpelado por David Nakamura, enviado especial de The Washington Post, sobre as expectativas coas que afrontaba o seu segundo encontro con Trump. "Teño a sensación de que podemos obter bos resultados", contestou. Mais os resultados ficaron aquén das expectativas. Os líderes retiráronse antes do tempo axendado aos seus respectivos hoteis. Final abrupto da cimeira, trombetearon os enviados especiais desprazados a Hanoi. -
PRAZA_14206
O presidente do Goberno asegura "non saber se é necesario" que o Estado pida a axuda ao BCE, malia que xa se deu por feito pola maioría do Executivo. A oposición pídelle que aclare a decisión antes das eleccións galegas e vascas.
"Non sei se é necesario que España o pida". Mariano Rajoy xoga cos tempos. Malia que toda a oposición e boa parte do Goberno asumen xa que o Estado pedirá o rescate, o presidente di agora que nin tan sequera sabe se será preciso que o BCE interveña no mercado de débeda para comprar bonos españois e baixar así a prima de risco. E iso que varios medios aseguran que o que lle dixo o martes á prensa finesa foi exactamente o contrario. A resposta de Rajoy alimenta os argumentos de quen pensa que o rescate será solicitado logo das eleccións galegas Deste xeito respondeu Rajoy ás preguntas feitas polo líder do PSOE, Alfredo Pérez Rubalcaba, durante a sesión de control ao Goberno. O secretario xeral socialista dá por feito que España terá que pedir o rescate e a resposta do presidente do Goberno non fai máis que alimentar os argumentos daqueles que din que esta petición de axuda ao BCE tan só chegará unha vez pasen as eleccións en Galicia e no País Vasco. Rubalcaba foi máis aló, xa que vaticinou que asumir este rescate traerá consigo a conxelación das pensións, algo que adoita negar o presidente do Goberno, aínda que hoxe non quixera aclarar nada. Outro indicio máis de que si acabará facendo algo coas pensións. Rajoy optou pola vía do reproche e do recordatorio da herdanza. "O único partido no Goberno que conxelou neste país as pensións foi o PSOE. O PP, nós, subímolas sempre". Ademais, engadiu: "Os problemas neste país débense a que vostedes nos deixaron un 9% de déficit. Agora tentamos dar solución ao problema que vostedes crearon". Rajoy evita aclarar se tocará as pensións e prefire culpar as herdanzas do pasado "Non sei aínda cales son as condicións e non sei se é necesario que España pida o rescate", chegou a dicir Rajoy, que amosou a súa "sorpresa" por que Rubalcaba "si saiba cales son as condicións que van pór ao Estado". "Diso non sei absolutamente e nada e vostede tampouco sabe absolutamente nada", espetoulle Rajoy ao Goberno. Rubalcaba reclamou tamén que non se repita o "bochornoso espectáculo" da axuda ao sistema financeiro, que se votou en Alemaña mentres en España "non nos decatabamos de nada". O secretario xeral do PSOE solicitou a Rajoy que traia este debate sobre o rescate ao Parlamento, tal e como ocorre en Cataluña, onde, segundo dixo, tras a celebración da Diada está a verse un "incremento da tensión territorial". Rubalcaba pide ao Goberno que non cometa "o mesmo erro" que cos Orzamentos e as eleccións andaluzas Foi o propio líder socialista o que reclamou a Rajoy que non cometa "o mesmo erro" que en marzo, cando aprazou a presentación dos Orzamentos até despois das eleccións andaluzas e asturianas. Por iso, pide que non atrase a decisión sobre o rescate até despois dos comicios vascos e galegos. Antes, o líder de Izquierda Unida, Cayo Lara, solicitoulle un referendo se finalmente se concreta a petición de rescate cun novas condicións e axustes, tras criticar os sacrificios que se están a impoñer aos cidadáns. "Lévanos ao abismo, mantennos nun círculo vicioso infernal", afirmou o voceiro da coalición, antes de reclamar unha "reforma fiscal progresiva" como a que anunciou o presidente francés, François Hollande. A resposta de Rajoy foi firme: "O emprego, as pensións, a educación... non se pagan endebedándose. Nin con discursos. A política económica que estamos a aplicar leva sacrificios pero este momento é transitorio. Pronto empezará a dar froitos e o que fixo Hollande non se diferencia moito do que facemos aquí".
NOS_9905
Máis de 50 millóns de euros de fondos europeos poden esvaerse ao renunciar a Xunta a achegar unha mínima parte que lle correspondería nos proxectos para o rural
En sintonía con aquel escritor bretón, Max Jacob, que ao ouvir falar do campo respondía "o campo? Ese sitio onde os polos corren crús?", o goberno galego parece mirar para o campo como algo xa non do pasado ou alleo, senón mesmo antagónico da Galiza que desexan construir. Froito desa visión ideoloxizada, o desleixo, desinterese ou incapacidade da Xunta están a pór en risco millóns de euros de fondos europeos consignados para o rural da Galiza. Os fondos europeos abarcan o período 2007-2013 e están sen executar os de 2007 a 2010, algo que podería facese se a Xunta achega ese 20% que lle corresponde E é que a Galiza está en risco de perder fondos comunitarios xa orzamentados para o período 2007-2013 e con destino ao desenvolvemento do rural. Millóns de euros que poderían seren asignados a proxectos e iniciativas, produtivas máis tamén doutra clase, emanados do tecido do propio rural e dirixidos a crear emprego, servizos e riqueza, afortalando, e máis aínda en tempos de crise, o desenvolvemento de numerosas comarcas do país. Responsabilidade O motivo de que esta importante cantidade de diñeiro (algúns apuntan a máis de 50 millóns de euros) esté a piques de se esvair radica en que a Xunta renunciou, até o de agora, a cumprir coa súa responsabilidade e achegar a parte que lle corresponde para poder executar eses orzamentos europeos. "Pode perderse todo simplemente porque a Xunta non pon o 20% que lle corresponde", sinalan responsábeis dos Grupos de Desenvolvemento Rural (GDR). "Hai moita demanda desas axudas, a xente que presenta proxectos está disposta a empeñarse para poñer a cantidade que lle corresponde, mais sen a achega da Xunta todo se vén abaixo. É unha tolería. Por non poñer o 20% tírase pola borda o 80%. E nestes tempos!", lamentan desde grupos de desenvolvemento rural da provincia de Pontevedra. Visión secundaria Para un membro do GDR de Terras de Compostela, a lectura de todo o que está a acontecer e que hai un goberno galego "que nin cre nin aposta polo rural. Teno como algo secundario e volta á visión de que o único futuro é o turismo rural".
PRAZA_17983
O artista Francisco Ramallo recompila testemuños sonoros sobre a historia de edificios derrubados ou reconvertidos en diversas localidades galegas, como a sede de Castromil en Santiago, o cine París da Coruña ou as antigas conserveiras Massó no Morrazo
Foron edificios emblemáticos, mesmo iconas das cidades. Tamén construcións sen excesivos alardes arquitectónicos, pero polos que pasaba boa parte da veciñanza a realizar xestións ou a gozar do lecer. Algúns deles foron vítimas da expansión ou da mala planificación urbanística e acabaron derrubados. Outros, simplemente pecharon ata caeren total ou parcialmente como resultado do abandono. Son edificios, pero tamén memoria que é repasada nun proxecto a medio camiño entre a metáfora e o documental obra de Francisco Ramallo, gañador no 2017 Encontro de Artistas Novos da Cidade da Cultura. As Torres Hejduk do complexo do Gaiás collen a plasmación sonora deste proxecto. Xunto a outros cinco participantes no mesmo encontro de artistas novos -Estela Barone, Matías Daporta, Leyre León, Mar Suárez e Andrea Torres-, Ramallo investigou sobre estes edificios, analizou a súa historia e recompilou testemuños de persoas que estiveron vinculados a eles. Contan como eran construcións xa desaparecidas ou detallan cal era o seu uso antes do actual. Entre o medio cento de edificios que fan parte deste Arquivo Aberto da Memoria Arquitectónica (AAMA) está o desaparecido Edificio Castromil que ocupou dende 1922 a actual praza de Galicia en Santiago ata o seu polémico derrubamento en 1974 para construír un aparcadoiro soterrado. Figura, xunto a el, a vella fábrica coruñesa de Tabacos, recentemente remodelada para acoller xulgados. O artista Francisco Ramallo recompila testemuños sonoros sobre a historia de edificios derrubados ou reconvertidos en diversas localidades galegas Tamén se evoca a memoria do cine Zárate de Mugardos, agora en ruínas, dos cine París da Coruña, que agora ocupa unha tenda de Inditex, da antiga conserveira Massó de Cangas e Bueu, da vella estación ferroviaria de Cornes ou da discoteca Zao, en Cambados. A intención deste proxecto, explican os seus impulsores, é "conseguir unha memoria recuperada" que transcorre de xeito "paralelo á hexemónica". Son historias de afectos, tamén de anécdotas, cuxo relato sonoro permite, dalgún xeito, "revivilas e experimentalas". A web da Cidade da Cultura permite escoitar en liña cinco destes relatos, os que percorren a memoria do Casino de Ortigueira, da Fábrica de Tabacos da Coruña, da conserveira Massó, do Cine Capitol de Viana do Bolo e da Praza tenda de Cambados.
NOS_8319
"Dende 2009, que chegou ao goberno Feixoo, non contamos con ningún avance nesta dirección malia as promesas de sacala adiante".
O deputado do grupo parlamentar de En Marea, Antón Sánchez, demanda unha marca galega de garantía para o sector hortícola da Galiza. "Cando chegou o PP ao Goberno galego xa se contaba cun borrador de regulamento feito dun xeito participado do sector na época do bipartito, así que non entendemos por que desde 2009 non deixou de haber anuncios sen que se concretasen en ningunha realidade", sinalou. O parlamentar critica que na web da Consellería de Medio Rural se diga que "ten prevista unha estratexia de implantación de marca de calidade para a produción hortícola de Galiza mais desde hai máis de dez anos non se deron pasos nesa dirección. Antón Sánchez botou mans dos dados do Instituto Galego de Estatística para lamentar que "as principais producións hortícolas seguen baixando, coma no caso dos feixóns, o tomate, a cebola e o repolo", que cualifica esta situación de drama e de oportunidade perdida para este país.
NOS_44871
BNG e AGE aseguran que os resultados son o reflexo "das políticas fracasadas do PP". Pola súa banda, Pedro Puy argüíu os datos tirados polo INE a que "decembro é un mes tradicionalmente malo".
As cifras tiradas esta quinta feira sobre os índices de desemprego a finais de 2012 deixan un panorama laboral crítico en Galiza. Aliás de aumentar de maneira notábel a respecto do mesmo período en 2011, Galiza constitúe o territorio do Estado español en que máis emprego foi destruído no pasado mes de decembro e continúa cunha tendencia que a longo prazo podería supor graves consecuencias económicas para o país. Entrementres, a media española --cifra empregada polo goberno de Alberto Núñez Feijóo para quitar ferro ao 21% de desemprego en Galiza-- amosa un lixeiro descenso no número de persoas paradas. Aymerich (BNG): "Os datos poñen de relevo o fracaso das políticas desenvolvidas pola Xunta e o Partido Popular" "Os datos poñen de relevo o fracaso das políticas desenvolvidas pola Xunta e o Partido Popular", asegurou Carlos Aymerich, voceiro de asuntos económicos no grupo parlamentar do BNG en declaracións a Sermos Galiza. Ao igual que @s nacionalistas, o voceiro da Alternativa Galega, Xosé Manuel Beiras asegurou que "a alarmante" situación do desemprego en Galiza é o resultado dunha "política aberrante" implementada desde a Xunta de Galiza que, din está a destruír "a capacidade da xeneración de emprego" da propia economía, en grande medida verbo dos recortes de investimento das partidas dirixidas á promoción activa de emprego. Beiras (AGE): "Isto ao único que conduce é a unha catástrofe social" Porén, desde o BNG sinalan "a tendencia é preocupante" ao compararen as cifras tiradas esta quinta feira cos datos ofrecidos a respecto da media española. "Hai que tomar nota", apuntan @s nacionalistas ao entenderen que de continuar así "esta situación abócanos directamente ao abismo". Tamén así, desde as bancadas de AGE, o seu voceiro nacional asegurou que de non se frear o incremento da taxa de desemprego, "isto ao único que conduce é a unha catástrofe social", advertiu. "Menos propaganda e máis acción"Montse Prado, voceira de Emprego do grupo parlamentar do BNG denunciou en comparecencia de imprensa que o executivo galego estea a falar "da envexa que Galiza dará a outras comunidades" perante os datos coñecidos esta mañá. Neste senso, Prado acrecentou que "é esperpéntico que un goberno, ante un dos principais problemas que ten Galiza fale con tanta frivolidade e faga declaracións deste tipo, que son pura propaganda, en vez de actuar". Así mesmo, lembrou que o seu grupo parlamentar xa demandou a comparecencia da conselleira de Traballo, Beatriz Mato para "dar a cara ante os alarmantes datos do paro".
NOS_51632
Catro marchas confluirán en San Caetano desde distintos puntos de Compostela para reclamar ao Goberno do PP na Xunta da Galiza "un verdadeiro Plan de Recuperación Económica, Industrialización, creación de Emprego, Dereitos e Servizos Públicos".
Delegadas e delegados da Confederación Intersindical Galega rodearán esta terza feira a Xunta da Galiza para reclamar "un verdadeiro Plan de Recuperación Económica, Industrialización, creación de Emprego, Dereitos e Servizos Públicos", apunta a central sindical, "que garanta o dereito a vivir e traballar dignamente na nosa terra" diante da "inacción do PP". Catro marchas procedentes das comarcas da Galiza comezarán o seu percurso en distintos puntos de Compostela: desde a rúa Cruceiro da Coruña, a estación de tren e autobús, o Campus Sur da Universidade de Santiago de Compostela e o edifico sindical en San Lázaro, dirixiranse cara San Caetano, onde se sitúa o edificio administrativo da Xunta. Na convocatoria, a CIG estima que as marchas cheguen a San Caetano contra as 11.30 horas. Ás 12 da mañá, pouco antes de comezar co fechamento da Xunta, intervirá nos xardíns a carón da capela de San Lázaro o secretario xeral da CIG, Paulo Carril. A central sindical nacionalista chama a mobilización debido a que "a acción do PP e de Feixoo está a contribuír de forma intensa á destrución de emprego e dos nosos sectores produtivos, do comercio, da hostalaría e de industriais estratéxicas", salientan, amais explican que esta problemática é xeral, e atinxe a "comarcas enteiras, especialmente no norte da Galiza". Tamén inciden en que de non actuar rápido, pode ser irreversíbel o proceso das comarcas que "se atopan en plena reconversión e demolición, en pleno proceso de desertización industrial e social". "Esta situación é consecuencia das políticas suicidas do goberno Feixoo", destaca a CIG, que as considera "submisas aos intereses dos fondos de investimento e ás directrices de Madrid e Bruxelas", ben que isto xere o agravamento da "crise social e demográfica, aumento da emigración, a privatización de servizos públicos e a mercantilización dos coidados". Outro dos puntos que cuestionan e a carencia de "políticas públicas para unha transición social e territorial xusta que fagan fronte á ditadura imposta polo oligopolio das empresas eléctricas", que non asumen "os custes sociais, laborais e medio ambientais que están a causar mentres lideran a especulación ligada ás enerxías renovábeis", todo isto en pleno "proceso de descarbonización".
NOS_40594
O Concello de Verín presentará en breve o roteiro para seguir as obras da exposición ao aire libre 'Verín, territorio Banksy' con réplicas do graffiteiro.
O Concello de Verín segue apostando pola arte para dinamizar o municipio. Banksy, o artista urbano máis destacado do panorama internacional, desembarcou de novo en Verín con cinco das súas obras máis coñecidas, entre as que destacan Nena con roda, Pulp Fiction ou Think tank. O curmán de Banksy e o mural de Alexandre Bóveda en Lugo As intervencións forma parte da mostra ao aire libre Verín, territorio Banksy, que formará un roteiro polas rúas que en breve será presentado polo Concello. As obras e os espazos do percorrido están deseñados dentro do proxecto de Interpretación Patrimonial do Concello de Verín, e a execución dos facsímiles das obras do autor internacional corren a cargo do artista local Alex Araújo. As obras e o seu emprazamento No muro do punto limpo da avenida Luis Espada apareceu unha das iconas máis coñecidas do enigmático autor: Pulp Fiction. Neste traballo o graffiteiro anónimo Banksy parodia á ferocidade dos personaxes de John Travolta e Samuel L. Jackson na película Pulp Fiction de Tarantino (1994), intercambiando as armas por plátanos, o que convirte a escena en risíbel. Da mesma maneira, na rúa Maior apareceu Nena con roda, outra icona do graffiteiro. Ubicada orixinalmente nunha rúa residencial de Nottigham, fronte a un salón de beleza (como no caso de Verín) unha nena fai hula-hop co pneumático dunha bicicleta abandonada ao seu carón. Banksy bate conciencias desde Gaza Ademais, na rúa Amaro Refojo o roteiro de Banksy executou unha serie centrada nos nenos, mais protagonizada por outra das súas obras emblemáticas: Think tank ou Laboratorio de Ideas, no que unha parella goza dunha cea romántica, mais embutidos nun traxe de mergullador que representa o illamento da sociedade actual. Nese mesmo conxunto aparecen representados Boy Electric Switch ou Neno da caixa eléctrica, que está enlazado con Nena con corda, nunha intervención na que a obra se sae do marco. Foron realizadas orixinalmente en Brooklyn, Nova York, en 2007.
PRAZA_5627
O proxecto Hospital na Casa, incluído no plan Innova Saúde, prevé instalar equipos informáticos nos domicilios dos pacientes para evitar os días de hospitalización con "pouco valor e alto gasto". Feijóo gábase de estar investindo en tecnoloxía "máis que calquera comunidade autónoma".
"Basicamente", trátase dun plan "orientado para os pacientes oncolóxicos e con outras patoloxías agudas que non sexan susceptibles de tratarse no hospital convencional". O Consello da Xunta deste xoves tivo sobre a mesa un informe -documento sen valor legal ningún que lle adoita servir ao Goberno para detallar ante a prensa asuntos que considera oportunos- sobre o desenvolvemento dos plans de investimento tecnolóxico do Servizo Galego de Saúde nos que se levan gastados uns 50 millóns de euros e que chegarán aos 100. Un destes proxectos, o Innova Saúde, inclúe o "subproxecto" denominado Hospital na Casa cuxo roteiro pasa, esencialmente, por enviar doentes ao seu domicilio para aforrar en hospitalización. Mentres o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, explica someramente que a intención deste proxecto pasa por "profundar nas posibilidades da hospitalización a domicilio" procurando que os doentes estean nun lugar "máis confortable" a documentación do propio plan desenvolve máis a explicación e susténtaa, esencialmente, en motivos económicos. O documento, redactado só en castelán, apóiase en datos de 2009 para explicar que nese ano "no Sergas as hospitalizacións ascenderon a 241.741 e delas, "só se realizaron no domicilio 4.340". Datos coma este, unidos a factores como "o envellecemento da poboación" ou a "mellora no prognóstico de enfemridades agudas" levan a concluír os redactores do paln que "o modelo actual é dificilmente sostible". O documento di que o actual modelo sanitario "é dificilmente sostible" e réstalle valor á hospitalización Cun xeito de argumentar lixeiramente semellante ao do Informe Abril, que nos anos 90 propuña múltiples recortes e reestruturacións no sistema sanitario do Estado e é visto con moi bos ollos polo propio Feijóo, o plan Innova Saúde explica que "se estima que en 10 anos bajxo o modelo actual se requeriría duplicar o gasto sanitario" e por iso "é necesario desenvolver e implantar novas solucións asistenciais máis eficientes". "O ingreso hospitalario achega o seu principal valor no tratamento de pacientes críticos, a realización de procedementos cirúrxicos ou técnicas invasivas ou a realización de probas diagnósticas de alta tecnoloxía", di. "No entanto -sinala- a maioría dos días nos que o paciente permanece hospitalizado faino en espera da realización de probas, realizando tratamentos médicos ou buscando a estabilización de procesos médicos ou postoperatorios". "Pouco valor e alto gasto" Estes son segundo o guión gobernamental "escenarios nos que a hospitalización achega pouco valor e alto gasto, sendo ademais unha fonte de incomodidades" para "pacientes e coidadores". Polo tanto, a Xunta proponse que "pacientes con insuficiencia cardíaca, enfermidade pulmonar obstrutiva" ou cancro, enre outros, sexan trasladados ás súas casas. Alí instalaríanselles "equipos integrais móbiles de vixilancia que incluirían videocámara e micrófonos para permitir a comunicación inmediata co paciente e multisensores de constantes (...) que permitirían a monitorización remota de constantes vitais". Estes equipos serán controlados dende "unidades centrais de teleasistencia domiciliaria", dende as que mesmo se tería "capacidade de intervención sobre bombas de perfusión, medicación endoveosa e dispensadores mecánicos de medicación". O plan prevé instalar equipos informáticos nas casas dos doentes para controlar as constantes ou a medicación A posta en marcha destes equipos, segundo a Xunta, "permitirían reducir a duración dos ingresos hospitalarios, os seus costes" e "mellorar a atención aos pacientes nun entorno humanizado". Sen abandonar a linguaxe técnica o documento explica que "o produto a desenvolver debe ser de sinxela instalación" e nel o único material funxible -que se consome co uso e non pode ser reutilizado- "serán os sensores en contacto co paciente". Para aplicar esta tecnoloxía, advirte, "débense establecer novos modelos organizativos nos servizos de saúde" e realizando, tamén aquí, "unha avaliación coste-eficiencia destes servizos". Empresas participantes A documentación do plan Innova Saúde inclúe tamén as empresas que participan na "convocatoria aberta de propostas de solucións innovadoras" para este programa. Son, en total, 41 compañías, algunhas de pequena dimensión e con sede en Galicia e outras multinacionais da tecnoloxía e das comunicacións. Así, por exemplo, nesta relación figuran centros universitarios de investigación pero tamén Philips, Indra ou Telefónica, entre outras. Feijóo: "Estamos investindo en infraestruturas e tecnoloxía máis que calquera comunidade autónoma" Mentres isto sucede o presidente era cuestionado este xoves a respecto das protestas que, nos últimos días, protagonizou o persoal sanitario polo peche de camas nos hospitais durante o verán. Feijóo réstalles importancia ás reclamacións por ser "cíclicas" e mantén que "todas as camas están dispoñibles en función da demanda que teñamos en cada momento", cunha garantía "do 100%". A súa intención, asegura, non é outra que "facer un sistema sanitario público viable, que financie todos os avances". "Por iso -agrega- en plena crise económica estamos investindo máis en infraestruturas e tecnoloxía que calquera comunidade autónoma".
PRAZA_15499
Os conservadores opóñense a iniciativas de Alternativa e do BNG para que as vivendas do banco malo radicadas en Galicia pasen a formar un parque público de pisos para persoas sen recursos e desafiuzadas e para mudar a lei hipotecaria
O problema dos desafiuzamentos estivo presente na primeira xornada do primeiro pleno ordinario da lexislatura por partida tripla. Dúas iniciativas de AGE e unha do BNG tentaban instar a Xunta o a ir alén da posta a disposición de 500 vivendas en diferentes réximes para paliar estes "dramas", pero ningunha delas sairá adiante. Os conservadores consideran que tanto o Goberno galego como o central xa están a aplicar as medidas axeitadas nesta materia e para a vicevoceira de Alternativa, Yolanda Díaz, isto cónvérteos en "responsables" dun fenómeno que, asegura, xa é "terrorismo de Estado" e que en Galicia se produce "16 veces" ao día. "O terrorismo está na súas mans se non o combaten", proclamou Díaz cara á bancada popular, nun contexto no que os desafiuzamentos, di, "xa se están a converter nun problema de saúde pública", dado que están por tras de mortes de persoas. "Tivo que haber mortes para que publicasen un decreto lei" di, en referencia ás recentes modificacións legais impulsadas polo Goberno central cuxas "condicións leoninas non impedirían as mortes dos homes e mulleres que xa están perdidos". Yolanda Díaz: "O terrorismo está nas súas mans se non o combaten" Con diversos matices, AGE e o Bloque coincidiron no esencial e por iso se apoiaron mutuamente nestas iniciativas, que tamén recibiron o apoio do PSdeG. Reformular a lei hipotecaria e a lei de axuizamento civil, xeralizar a dación en pagamento ou transferir á Xunta as vivendas do banco malo para crear un parque público de pisos para persoas desafiuzadas e sen recursos foron algunhas das propostas que bateron coa maioría absoluta do PP. "Xa sei que hai moita preocupación por salvar a banca", sinala o voceiro do BNG en materia de vivenda, Cosme Pombo, "pero non pode salvarse a costa de milleiros de familias", que teñen "en perigo" os seus "dereitos fundamentais". Cosme Pombo: "Xa sei que hai moita preocupación por salvar a banca a costa de milleiros de familias" Pero o PP, representado polo deputado Jaime Castiñeira, non accede a realizar estas xestións aínda que, subliña pombo, o banco malo vai adquirir "o patrimonio inmobiliario tóxico" da banca "sen a participación da comunidade autónoma, que ostenta competencias exclusivas en materia de vivenda". "Será que a Xunta non considera relevante o dereito a unha vivenda digna ou non quere defender as competencias, non vaia ser que se enfade o Goberno amigo", di. A xuízo de Castiñeira tanto AGE como o BNG desenvolveron este martes un exercicio de "demagoxia", xa que "tanto o Goberno galego como o central" están a tentar "garantir que ninguén perda o sinal de identidade que é a súa residencia habitual". Así, o PP defende o código de boas prácticas -que os bancos poden cumprir ou non de xeito voluntario- ou as "medidas urxentes" aplicadas polo gabinete de Rajoy. Estes, di son "temas tan sensibles que os cidadáns queren que deamos solucións" e a oposición, asegura, non o fai.
PRAZA_4343
Cabe considerar a EA un servizo público? A Educación, en xeral, e a EA, en particular, encaixaría nesta concepción, máis aínda nun contexto de emerxencia climática como no que nos atopamos, coa necesidade urxente de emprender transformacións sociais e ambientais de gran calado
Como outros moitos ámbitos sociais e profesionais, o da Educación Ambiental (EA) mira con preocupación máis que lexítima o escenario que se presenta nos próximos meses. Mesmo coas incógnitas propias da situación actual, nin os proxectos, nin as actividades enmarcadas no que se denomina EA parece que vaian continuar nas mesmas condicións; sexa polas actividade que requiren dunha interacción directa, polos espazos onde se realizan, polo distanciamento forzado das potenciais persoas destinatarias ou polo abandono deste tipo de "inversións" por parte de actores públicos e privados.A crise do 2008 arrasou cun campo xa de por si precarizado que, lonxe de recuperarse na década transcorrida, levou a moitos e moitas profesionais da EA a buscar a vida noutros ámbitos profesionaisOs antecedentes non incitan ao optimismo: a crise do 2008 arrasou cun campo xa de por si precarizado que, lonxe de recuperarse na década transcorrida, levou a moitos e moitas profesionais da EA a buscar a vida noutros ámbitos profesionais (ocio e tempo libro, turismo, deporte, cultura, etc.), no mellor dos casos.Moito se ten escrito nestes días sobre a necesidade de revalorizar os servizos públicos como soportes esenciais para os tempos de crise. Incluso algúns neoliberais recoñecidos eloxiaron e puxeron en valor á sanidade público, así como as bondades dun Estado forte, capaz de soster e remendar a desfeita dunha crise imprevista –polo menos para eles–, na súa vertente sanitaria pero tamén na económica. O coronavirus revelou sen contemplacións as costuras duns servizos públicos enfraquecidos e precarizados, mesmo vilipendiados.Van permitirnos non afondar aquí nos múltiples debates sobre que tipo de estrutura pública reforzar e sobre como financiala. Iso si, non imos negar que nos gustan máis os adxectivos "descentralizada", "coordinada", "participativa", etc. E, sobre todo, que apostariamos por uns servizos públicos centrados na salvagarda dos bens comúns e do ben común.Neste contexto, cabe considerar a EA un servizo público? Debería selo?Cabe considerar a EA un servizo público? A Educación, en xeral, e a EA, en particular, encaixaría nesta concepción, máis aínda nun contexto de emerxencia climática como no que nos atopamos, coa necesidade urxente de emprender transformacións sociais e ambientais de gran caladoVaiamos á definición. Enténdese que os servizos públicos son o conxunto de bens e actividades que, a través da súa administración directa ou indirecta, un Estado garántelle a súa poboación para que poida, con maior ou menor dilixencia, atender aos seus dereitos e responder as súas necesidades para acadar unha maior igualdade de oportunidades e unha mellor calidade de vida.Sen dúbida, a Educación, en xeral, e a EA, en particular, encaixaría nesta concepción, máis aínda nun contexto de emerxencia climática como no que nos atopamos, coa necesidade urxente de emprender transformacións sociais e ambientais de gran calado, preferiblemente sen deixar a ninguén no camiño.Á vista da feble presenza da EA no sistema educativo e ás inercias seguida polas maior parte das administracións autonómicas e municipais, non é extravagante afirmar que a fórmula preferente para promover iniciativas de EA ten sido a xestión indirecta, deixando en mans de empresas, cooperativas e asociacións a meirande parte das iniciativas, actividades e proxectos. Esta fórmula non ten por que ser necesariamente mala, pero ten propiciado, ao noso entender, unha dinámica de precarización que deu, e dá, lugar a múltiples contradicións entre a militancia ambientalista de moitos e moitas profesionais e a necesidade de subsistir. Que ten penalizado a calidade e, sobre todo, a coherencia entre a oferta educativa real e os supostos obxectivos dunha EA que permita avanzar cara sociedades máis sustentables. Neste contexto abundan traballos xeralmente mal pagados, nos que as precarias condicións laborais dificilmente se compensan con altas doses de voluntarismo que, a súa vez, págase con graos crecentes de insatisfacción e burnout laboral. Tamén tenden a priorizarse proxectos e actividades "para a galería", deseñadas para o "lavado verde" de administracións e empresas, sen aspiracións reais de cambio; se ben, non poucas veces quédanos o consolo de que estas actividades caian en mans de activistas do ambientalismo e o ecoloxismo, capaces de introducir pequenas pílulas de rebeldía.Con todo, a maior parte destas respostas educativas, mímicas e desenfocadas, non parecen as máis propicias para impulsar a transición socio-ecolóxica que demanda a emerxencia climática, por identificar o reto ambiental máis urxente que temos que enfrontar neste século. A alternativa resulta evidente, precisamos unha Ea que contribúa á resiliencia das nosas sociedades e que, operando no marco do desenvolvemento dos servizos públicos esenciais (sanidade, educación, etc.), se erixa nunha ferramenta para enfrontar a crise económica e ecosocial á que nos conduce o mesmo sistema que achicou e degradou constantemente estes servizos.É preciso repensar a noción de progreso, desligándoa do crecemento. Por este motivo é imprescindible incorporar a política ambiental na redefinición dos piares do benestarO escenario que impulsou a socialdemocracia nalgúns países durante os anos 50 e 60 do século pasado implicou un pacto de clases que ofrecía benestar social para expandir o consumo como ingrediente imprescindible para o crecemento económico. Pero fai xa tempo que o crecemento, transmutado en fin en si mesmo polo capitalismo global neoliberal, é o problema. Non imos entrar no detalle sobre os impactos sociais e ambientais deste modelo; unicamente diremos que, cando resoan de novo as apelacións keynesianas a recuperar certo protagonismo do Estado na economía, resulta absurdo insistir na fórmula imposible de crecemento infinito nun planeta finito. É preciso repensar a noción de progreso, desligándoa do crecemento. Por este motivo é imprescindible incorporar a política ambiental na redefinición dos piares do benestar. Na saída do abismo aberto polo Covid19, a transición cara novas formas de relacionarnos coa biosfera e entre nós é un reto ineludible se o que pretendemos como civilización é impulsar valores de equidade, xustiza e sustentabilidade.Non será doado. O combate, por dicilo dalgunha forma, polo relato da crise e as súas saídas leva xa varias semanas en marcha. Comezamos con un clamor practicamente unánime reclamando unha "nova normalidade" para recuperar progresivamente as claves da anterior. Os que desmantelaron e privatizaron a sanidade e outros servizos públicos esenciais, despois de momentáneos deslices pro-estatalistas, seguirán querendo diminuír a inversión pública e minimizar o control estatal, senón no nome do mercado, si no dunha suposta libertade que acabará por ser, fundamentalmente, a do mercado. Neste debate, urxe recolocar a EA coma un servizo e un ben público esencial para a transición ecolóxica.Cabería preguntarse se o campo da EA está preparado para ser un servizo público nesta emerxencia permanente na que estamos instaladas. Por sorte, pensamos que a meirande parte dos e das profesionais da EA están máis que preparadas ou, se non o están, teñen unha gran predisposición para estalo en moi pouco tempo. Porén, existen moitas inercias que cambiar. A primeira delas, reverter a falta de recursos para dignificar e poñer en valor a profesión; recursos que rompan o círculo vicioso da EA concibida como adorno, como actividade subsidiaria, infradotada economicamente e invisible para as políticas públicas. A EA ten que deixar de ser unha nota ao pé de páxina das políticas educativas e ambientais, para erixirse nun capítulo transversal, coa súa propia estrutura orzamentaria e institucional.Trátase de instituír políticas públicas de EA en sintonía con outros sectores e servizos esenciais: a sanidade, o sistema agroalimentario, a educación, o urbanismo, a mobilidade, etcHai outras inercias que enfrontar. A EA non pode ser, ou non pode ser só, unha forma de "achegarnos á natureza"; tampouco un manual para separar residuos ou para dirixir hábitos sustentables no fogar (apagar as luces, pechar a billa, etc.); non pode ser unha actividade máis das dirixidas ao público escolar. A EA ten que converterse nun catalizador social e cultural da transición ecolóxica. Palabras maiores.A defensa da EA como servizo público esencial non só require máis inversión, tamén reclama proxectos a longo prazo con enfoques innovadores e orientados á transformación social. Esixe, polo mesmo, re-pensar o campo para ser quen de construír e institucionalizar estruturas de acción pública resilientes. Trátase de instituír políticas públicas de EA en sintonía con outros sectores e servizos esenciais: a sanidade, o sistema agroalimentario, a educación, o urbanismo, a mobilidade, etc. E en todas as escalas e escenarios da administración. Políticas onde o apoio mútuo, a cooperación e a necesidade de entender o mundo desde unha óptica social e económica diferente sexan a prioridade para poñer no centro o ben común e o coidado da vida.Non se trata de aproveitar unha oportunidade en tempo de crise. É unha necesidade para a supervivencia digna.
NOS_36009
Sedutoras, pero tamén enganosas, cores, luces, cánticos, revestindo as, cada vez máis globais, festas do Nadal. E arredor delas confluír de xente e a oportunidade do ocio e do negocio. Actividades entre as que sucumben saberes tradicionais, os que se van esquecendo e sepultando na desmemoria.
Orixinalidade tradicional a do Nadal que nin sequera se actualizou con novas músicas, cando ben puideran. Pola contra, entrando no círculo da autodestrución, da aculturación, da perda ou da esperpentización. E como na cultura do occidente atlántico estas tradicións están tan marcadas pola cristiandade, isto, hoxe, parece non axudar, pese á súa mensaxe inxenua de luz, paz, humildade, entre estrelas, anxos, magos, pastores e un Nacemento. Cousas así non deberan prescribir. Velaí pois como o bonachón e esfarrapado Apalpador, montesío do Courel, vai buscando sitio, músicas e mais tradición entre Papa Noel, Santa Claus, San Brais, Olentzero ou Mary Poppins... Aínda que nunca tanta e tan fantasiosa maxia como a dos Magos, ademais en terra deles. E todos compartindo no seu saco algo común: fartura de herdos máxicos celtas, orientais. Ao respecto de profundar en aspectos da cultura galega, sempre recomendo ter á man os artigos de sensibilización de Filgueira Valverde, boa parte deles acollidos nos nove tomos da colección "Adral", editados no Castro alá polos anos 80. Como tamén as Comunicacións divulgativas, os artigos feitos para a radio e para a prensa por Seoane. Textos que buscan sensibilizar, normalizar e recrear sobre unha ética e unha estética galega como achega nosa á universalidade. Tradicións galegas E nesas laméntase o polígrafo Filgueira de que mesmo a antropoloxía galega non caletreou aínda o que debera sobre canto de tradicións se acochan tras o Nadal galego: os xeitos de celebración na casa que é a célula da tribo, entre os que están pero tamén coa ansia de traer á memoria e á mesa comunal os que se foron pero que se esperan en espírito. Encontro dos presentes cos ausentes na despedida e na entrada dun novo tempo. Misa do Galo por medio, na parroquia de vivos e mortos, coa lembranza a ese tótem céltico, ave de crista roxa, o galo, que alí onde estea se empoleira para anunciar tanto a alborada como o vésperus: velaí a celebración do misterio da luz e da escuridade, da vida e da morte. (Pintura 'Os Reis Magos' de Felipe Senén) Hoxe as novas tecnoloxías préstanse para espallar a festa en calquera sitio e a calquera hora, impondo estéticas retrouseiras, uniformizadoras, arrasadoras da creatividade individual e colectiva dos pobos. Pois velaí entre luces, cores e tantos retrousos o de "Beben y beben y vuelven a beber" ou o de "Campana sobre campana y sobre campana...", o "Chiquirritín", os "Merry Chrismas" en tantas versións, habendo tanto entre o que pescudar e escoller no noso idioma e na cultura galega.Tempo do Nadal que inspira a grandes músicos de todas as épocas, incluso no pop e no rock, a compor sons e letras para arrolar os cativos, nanas. E así compuxeron vilancicos os Beatles, Lenon, Elvis, Dylan, Sinatra, Killers, Pausini... E xa non digamos os músicos irlandeses, desde Enya ao mesmo U2, xa que estes temas e músicas de celebrar un nacemento, a vida -como celtas de rolda, practicantes que son- xa os levan no ADN, entre incenso e cervexa. E como noutros confíns celtas tamén Galiza, como vello reino cristián, tivo e repartiu pola rosa dos ventos un amplo repertorio de Cancións de Nadal, Aninovo e Reis, diferenciando vilancetes de panxoliñas. Mesmo repartiu pola meseta ibérica adiante estes saberes, levadas por arrieiros, maragatos: no século XVII, di Filgueira que se cantaba que o neno Xesús e a Virxe María eran "galeguiños" e mesmo de Compostela. Quizais en alusión a un país afastado, no cabo das estrelas, tamén á pobreza do reino esquecido, onde magos e meigas, mulleres e homes labregos e pastores teñen sitio. Sen faltar predicadores, máis papistas que o Papa, que non entendendo a licenza metafórica para censurar tais orixes da Sagrada Familia. Filgueira matizaba entre os tipos de cantos de Nadal. Dixo que as panxoliñas derivan do pange lingua, un canto de culto eucarístico, propio para liturxias "divinas" como as de Venres Santo ou as do Corpus. Composicións con algo de celestial, como feitas e interpretadas por anxos. Termo que logo se fai popular deica mesturarse coas cancións dos viláns, do vulgo, isto é os vilancetes. Letras e músicas onde o creador popular introduce o que cre, entre improvisados instrumentos sumados á gaita e ao pandeiro. Temas raianos, coas Cantigas de Escarnio e Maldizer medievais, cargados de certa rexouba e retranqueo, mesmo regueifeiro e cun fin de entretemento nunha cultura de rolda, de lareira e eira, a que nada ten que ver coa do sofá e plasma de hoxe. Nunca é tarde para estas pescudas de recolleitas de letras, músicas e instrumentos, non hai que circunscribirse unicamente á Galiza, senón ao que foi aquel reino: Seabra, O Bierzo, A Maragatería, León.., O Minho e Tras Os Montes até Coimbra... así irase reconstruíndo o crebacabezas e entendendo outras cuestións antropolóxicas e históricas. Cantos de Nadal en 'Nós' Vicente Risco, alma mater de Nós, non deixou de man a tradición dos vilancicos, sendo creador de letras nas que non falta o seu ánimo como sofista simbolista. Letras musicadas por Halffter e Muñoz Molleda. Cantos de Nadal onde se fala de anxos con ás de vidro, a xogar coa luz das estrelas celestiais, sobre o caos terreal de lobos ou gatos da noite... Na mesma revista Nós insisten no teatro, na música e no ballet como un xeito eficaz para concienciar arredor da Galiza. Asocian ao seu saber tan elaborado as teorías populares e tradicionais das corais galegas, as que nutrían as Irmandades da Fala. Non faltan os debates sobre a música, páxinas nas que entra a figura controvertida de Xesús Bal i Gai, anotando virtudes herdadas como vicios da aculturación. Musicólogo inspirador do desaparecido Ballet Galego Rei de Viana, tomando achegas dos ballets rusos. Bal non deixa de publicar en Nós a partitura dalgún vilancico galego, como Epifanía (1932) musicado para piano e con letra de Amado Carballo. Gostarías de seguir coa lectura? Podes atopar o resto da reportaxe no Nós Diario que está dispoñíbel hoxe nos quiosques, nas librarías ou na nosa tenda online. Aproveita os propósitos de Aninovo para facerte coa subscrición agora!
NOS_4017
A Xunta Electoral Galega volveu pedir ao PP que non use o emblema da Xunta da Galiza, desta vez na web do seu candidato, Alberto Núñez Feixoo. Así resolveu ante unha denuncia do PSdeG.
A Xunta Electoral Galega volveu advertir ao Partido Popular de que non use o emblema da Xunta da Galiza, desta volta na páxina web do candidato Alberto Núñez Feijóo. Na súa resolución, a Xunta Electoral Galega estima parcialmente a denuncia presentada polo PSdeG e reafírmase no criterio xa expresado con respecto ao vídeo promocional do PP lanzado para os comicios do 5 de abril que foron posteriormente cancelados. Así, ratifícase en que "o uso do emblema Xunta da Galiza na web do candidato do PP pode causar confusión nos electores", de maneira que ordena retiralo da páxina. Na súa argumentación, a Xunta Electoral entende que, "sen cuestionar a difusión por un partido político dos logros ou actuacións levadas a cabo polo Goberno autonómico, nin a difusión das imaxes do presidente da Xunta e candidato", o que se "cuestiona" é a "apropiación dunha institución galega, a Xunta da Galiza, nun vídeo de presentación do candidato do Partido Popular", dicía, entón, o órgano na súa argumentación para a resolución do vídeo promocional do 5 de abril, e na que agora se ratifica. Así, a decisión vén motivada na "posíbel confusión implícita que nos electores puidese provocar a difusión do vídeo entre a entidade política 'Partido Popular' e a institución autonómica 'Xunta da Galiza', máxime, cando aínda non se iniciou a campaña electoral", agregaba. Unha vez examinada a denuncia presentada e as alegacións formuladas, a Xunta Electoral "asume o criterio adoptado" no acordo do 6 de marzo de 2020 respecto diso do vídeo promocional e que se explicou, pero agora con respecto á actual denuncia.
NOS_50550
O Foro de Rehabilitación de Rianxo cumpre a súa quinta edición co arquitecto Luis Machuca como convidado, Premio de Patrimonio Cultural "Europa Nostra" pola restauración de El Caminito del Rey de Málaga.
Esta sexta feira comeza en Rianxo o V Foro de Rehabilitación, unha cita aberta coa arquitectura onde estarán presentes algúns dos principais referentes da restauración e rehabilitación patrimonial. O Foro de Rehabilitación de Rianxo é o único evento deste tipo en Galiza e nace co obxectivo de concienciar á cidadanía da importancia de recuperar e manter o noso legado arquitectónico, "en lugar de construír máis edificacións novas", explica Carlos Henrique Fernández Coto, arquitecto e presidente da Asociación para a Defensa do Patrimonio Cultural Galego e un dos impulsores do Foro. O foro dará comezo esta sexta feira ás 17:00h co arquitecto Carlos Seoane, artífice da Pedra da Rá de Ribeira. "Seoane cambiou unha icona de feísmo por unha paisaxe premiada e apreciada que visita moita xente, non só polas vistas, senón pola propia obra en sí", conta Fernández Coto. Os ourensanos Alfredo Freixedo e Pedro Diéguez farán o propio a partir das 18:30h cunha charla que xirará arredor da recuperación do patrimonio en ruínas a través da súa experiencia restaurando mosteiros na provincia de Ourense. Ás 19:30h a restauradora Carola Sánchez explicará o seu traballo no campo da recuperación de esgrafiados antigos e revestimentos de cal da Ribeira Sacra, cos que combate o feísmo. As arquitectas Ezcurra e Ouzande abrirán a xornada do sábado ás 10:00h con "Polo miúdo", seguidas da restauradora Ana Castro Alonso, que falará sobre os últimos achados na Catedral de Santiago, onde traballa a pé de obra. Ás 13:00h Tiago do Vale representará a Portugal cunha intervención sobre intervención patrimonial, entre os que se atopa un proxecto persoal do autor no cal converteu un espigueiro -hórreo, piorno, cabazo...- nun espazo lúdico. "Desde o foro entendemos que a raia non é unha fronteira na arquitectura e na restauración. O pobo portugués coida moito mellor o patrimonio ca nós, temos moito que aprender deles sobre como restaurar e rehabilitar as casas e as cidades", explica Coto. O arquitecto Pedro de Llano, quen debuxou toda a arquitectura tradicional galega plasmándoa en varios libros, ofrecerá a partir das 17:00h unha conferencia sobre as sensacións e sobre a súa percepción da arquitectura tradicional galega a través dos sentidos. Para iso, de Llano fará uso de elementos como o colmo do centeo das pallozas ou as chocallas co fin de apreciar a arquitectura tradicional a través da percepción sensorial. Ás18:00 o arquitecto Luis de Chuca, gañador do Premio "Europa Nostra" pola súa restauración de El Caminito del Rey de Málaga, explicará o seu traballo na rehabilitación e recuperación desta obra construído entre 1901 e 1905. Este galardón é o máis importante que existe a nivel europeo en materia de patrimonio. Santiago Martínez e Guillermo Rodríguez levarán a cabo a partir das 19:30h o xa tradicional paseo crítico pola vila de Rianxo co alumnado asistente, un percorrido en que se identifican elementos arquitectónicos e patrimoniais a mellorar. Ás 11:30h do domingo, os restauradores farán un obradoiro aberto na praza de Castelao de Rianxo onde as participantes poderán traballar o metal e a pedra. "O Foro de Rehabilitación é un referente tanto para Galiza como para o norte de Portugal e Asturias. A rehabilitación e restauración de construcións é unha vía que está seguindo Portugal e que dá bos resultados inclusive desde o punto de vista turístico. A xente vén a Galiza polo noso patrimonio e pola nosa gastronomía, pero hai que coidalo. As casas normais tamén son patrimonio, non só as igrexas e os monumentos. O patrimonio é un conxunto inseparábel e tirar unha casa é romper ese conxunto", denuncia Carlos Coto. O custo de inscrición no foro é de 10 euros e pode facerse a través desta ligazón.
NOS_27972
A empresa retirou mercadoría en camións escoltados pola policía para a mandar ao seu centro en Canarias.
A dirección de Freiremar, a cuarta pesqueira do Estado español, despediu 101 traballadores dos 115 que tiña en Vigo, zona onde posúe un dos seus centros. Operarios que aínda non cobraron un euro da empresa (nin finiquito nin indemnización), e aos que desde a empresa mesmo se lles di que terán que agardar para ingresar esta última ata 15 meses. Nas últimas horas, varios camións levaron material que se atopaba na planta de Vigo, e por valor de dous millóns de euros segundo algúns medios, con destino a Tenerife. Os camións precisaron escolta da Policía española pois os traballadores de Freiremar intentaron evitar o que cualifican de "saqueo" e "desmantelamento". "Saqueo" Os operarios eran partidarios de que ese peixe se vendese e co obtido por el se lles pagase o que se lles debe. Non cobraron finiquito nin indemnización e terán que agardar até case mediados de xaneiro para cobrar o paro. Traballadores de Freiremar concentráronse perante o Concello de Vigo para pedir o seu apoio. Todos os grupos municipais mostraron o seu apoio ás demandas dos traballadores. Desde o BNG, que tomou parte na concentración, a concelleira Iolanda Veloso denunciou que "nin Xunta nin goberno fan nada".
NOS_44094
O editor de Libertad Digital, Federico Jiménez Losantos, nega ter recibido sobres en negro de Bárcenas, embora o seu nome apareza nos papeis publicados hoxe por El País. Losantos, coñecido pola súa liña ultradereitista, contraataca e afirma que El País é agora "a canle de información habitual" de Bárcenas.
Jiménez Losantos nega ter sido financiado polo Partido Popular, formación que desde as institucións que goberna si ten favorecido a Libertad Digital en distintos concursos de adxudicacións de frecuencias televisivas e radiofónicas. Segundo os papeis de Bárcenas, en 2004, Libertad Digital tería recibido 30.000 euros das arcas do PP. "Por 30.000 euros non imos vender a nosa inocencia. Somos pardillos, mais non idiotas", afirmou Losantos, quen en ton de brincadeira dixo que, de aparecer o diñeiro, o doaría a Cáritas. Dito iso, o xornalista acusou o grupo Prisa de se ter tornado na "canle de información habitual" de Bárcenas.
NOS_14769
"A Consellería de Política Social persiste na súa actitude de non enviar a información requerida". Foi a contestación da Valedora do Pobo á queixa de Esculca sobre o Centro de Menores Fogar San José Vigo.
A finais do pasado mes de outubro saían á luz as declaracións de varios menores que narraban as situacións de crueldade e violencia física e verbal continuada por parte das relixiosas e os educadores do centro San José de Vigo, xestionado polas Irmás da Caridade, e concertado coa Xunta. A raíz diso, o Observatorio para a defensa dos dereitos e liberdades Esculca presentaba a finais de outubro unha queixa ante a Valedora do Pobo demandando información sobre o actuado en relación aos "graves feitos denunciados" ao tempo que reclamaba "medidas urxentes que evitasen a repetición deses feitos". Nun novo escrito, en decembro, Esculca, "coñecedora de medidas de represalia tomadas contra menores que denunciaran a situación do Centro", -reclamaba a adopción de máis medidas urxentes no marco dunha batería de propostas, como unha investigación a fondo ou ben manter entrevistas cos menores do centro afectados polos feitos. "Ignoramos se a Valedora do Pobo emprendeu algunha destas dilixencias", afirma Esculca, que si leafirma que a Valedora indica que á vista do silencio da Consellería de Política Social "vímonos obrigados a recordar de novo á citada consellería o seu deber de colaborar ao rápido esclarecemento da situación que nos expón na súa queixa (art. 26.1 da Lei do Valedor do Pobo). No caso de persistir esta actitude procederemos a realizar unha advertencia sobre as súas consecuencias legais". Crueldade Menores do Fogar San José de Vigo descreberon nunha sesión pericial cun psicólogo situacións de crueldade e violencia física e verbal continuada. A información, unha exclusiva de 'Público', relata a testemuña de varios menores. Un vídeo gravado no interior do centro amosa o 'cuarto do saco', un soto sen luz onde se castiga aos menores. "Cando eu tiña seis ou sete anos había un neno chamado A., era activo, inquieto... Era un neno normal. Non o facía aposta. E recordo que máis dunha vez Sor collía unha corda de saltar e atábao á cadeira. E A. non sei que dicía e Sor dicíalle `Cala!'. E A. non calaba. E para que calase, púñalle o trapo na boca. E estaba así, co trapo na boca e atado á cadeira". Este é un dos testemuños que recolle Público, mais non o único. "Á miña irmá ás veces téñena atada porque non para cos pés. Atada á cadeira", subliña C. no vídeo. E., outra moza de 16 anos, asente coa cabeza: "Si, á cadeira".
NOS_21816
A coligación de esquerdas presentou un recurso perante a Xunta Eleitoral Central. Este órgao non lle deu a razón: di que a lei ampara a presenza dos candidatos tertulianos nos espazos de opinión, aínda que sexa durante a campaña.
Todos os inquéritos concordan en sinalar que Podemos constitúe unha ameaza para as espectativas eleitoriais de IU ao disputar basicamente o mesmo eleitorado. Os estrategas eleitorais de IU entenden que Pablo Iglesias, o líder de Podemos, tira vantaxe da súa condición de tertuliano en distintas canles, como La Sexta ou Cuatro, o que deixaría en inferioridade de condicións, durante a campaña, ao seu candidato, Willy Meyer. Así, IU elevou unha consulta ante a Xunta Eleitoral Central para coñecer se este órgao avalaba ou non a presenza de candidatos-tertulianos nas televisións privadas durante a campaña. O recurso aludía implicitamente a Pablo Iglesias, mas na mesma situación se achan Javier Nart -de Cidadáns- ou o xuíz Elipio Silva -do Movimento Red. A XEC rexeitou o recurso de IU co argumento de que a lexislación eleitoral non prohíbe a presenza de candidatos-tertulianos durante as campañas. O único que deben facer as canles de televisión privada é, di a XEC, "respeitar os principios de pluralismo político e igualdade, así como a proporcionalidade e neutralidade informativa nos debates, entrevistas eleitorais e información relativa á campaña eleitoral".
NOS_55788
Tras a desaparición dos históricos gremios de mareantes en 1864, nun proceso que comezou en 1847 e após a aprobación en 1888 da Lei de asociacións, van xurdindo por todo o territorio asociacións mariñeiras. A Galiza ponse á cabeza e impúlsanse as primeiras organizacións de clase do sector.
As últimas décadas do século XIX coinciden cun espallamento da industria pesqueira e cun inusitado vórtice que vai revolucionar o modelo de pesca que até entón imperaba no mundo do mar. Primeiro as guerras entre artes de pesca como o xeito, trabuquete, boliche ou a traíña para pasar ou convivir de súpeto coa pesca en vapores de parella que buscaban outros caladoiros alén da costa perante a demanda de peixe por parte, sobre todo, da industria pesqueira. En Marín crean en 1899 a súa primeira sociedade de mariñeiros, alentados polos seus compañeiros de Vigo. Este último lugar foi a orixe da autoorganización en sociedades de resistencia dos obreiros do mar no sur da Galiza. Moitas destas sociedades tiñan unha vida efémera e nacían como entes de resistencia por un feito puntual. Mais a diversificación do traballo nos barcos traerá como consecuencia a formación doutras sociedades de oficios especializados como patróns de cabotaxe, maquinistas, fogueiros e os mariñeiros. Porén, estes organismos non tiñan unha conciencia ideolóxica de clase, polo que o sistema político conservador-liberal do momento e a igrexa católica pretendían controlalas ao seu antollo. É neste intre cando a UXT e o anarquismo entran en xogo, pois foron, na súa meirande parte, os que alentaron a creación do movemento obreiro mariñeiro no país. Ao redor de 1914 a UXT desenvolveu no sur da Galiza un traballo organizativo creando sociedades afíns, mais coa necesidade de levar a cabo un ente máis grande que unificase as variadas e espalladas sociedades mariñeiras galegas. A UXT, coincidindo con reivindicacións de medre de dotacións, xornais, partillas ou retribucións de tarefas en terra, a través da viguesa sociedade O Vapor, Maquinistas, Fogueiros e Patróns de Cabotaxe, con 180 afiliados xunto coas Federacións Obreiras de Pontevedra e Marín, organizan o sindicalismo mariñeiro nas Rías Baixas nun inusitado traballo. No mes de xullo de 1914 legalizan en Marín a Alianza Mariñeira con 800 afiliados, en agosto a Sociedade de Maquinistas e Fogueiros Hélice e Roda de Marín con 130 afiliados e a Alianza Mariñeira de Cangas con 1200 afiliados e no mes de setembro organizan O Adianto, Sociedade de Mariñeiros Pescadores de Pontevedra con 143 afiliados. A fundación da Froip O 29 de outubro de 1914 decorre no local do Centro Obreiro de Pontevedra o congreso de fundación da Federación Rexional de Organizacións da Industria Pesqueira (Froip) coas cinco organizacións mencionadas anteriormente. Na cuarta sesión, decorrida o día 31, deciden pór a súa sede na localidade de Marín e elixir como presidente a Ramón Martínez (Hélice e Roda de Marín) e secretario a Xosé Hervés (Maquinistas de Vigo). Créase, entre outros motivos, co fin de mellorar e defensa das condicións do traballo por medio da asociación, así como solicitar dos poderes públicos leis que favorezan os intereses do traballo, tales como fixación dun salario mínimo ou estrito cumprimento do descanso dominical. Nos primeiros días de 1915 sacan o seu voceiro Avante, editado en Marín e nomean como director a Xosé Hervés. As leas internas que se deron nos meses seguintes cun forte enfrontamento entre o "anarquista" Martínez e o socialista Hervés ocasionou unha convulsa folga en Marín, alongando en nove meses o conflito pesqueiro en Pontevedra e trastornando seriamente o funcionamento da federación. Estas desavinzas provocaron a saída dos maquinistas e fogueiros de Marín da UXT e da Federación Obreira Local, polo tanto tamén da Froip. Lorenzo Corbacho Aínda así, en xullo de 1915, a federación, presidida por Lorenzo Corbacho, tivo outra reunión en Vigo á que asistiron en representación de máis de catro mil mariñeiros asociados ás cinco sociedades fundadoras, mais achegáronse as sociedades de Bouzas, Teis (Vigo), Moaña, Redondela e Baiona, que decidiron redactar un proxecto de estatutos da federación e propor a supresión dos cercos xareta, nasas, bous e rapetas, así como a prohibición dos bous de arrastre a menos de 30 millas da boca das rías. A seguinte reunión non chegaría até agosto de 1920, desta vez en Ribeira, e centrada na campaña contra o uso da dinamita. A xuntanza congregou a sociedades mariñeiras de Bueu, Ribeira, Marín, Moaña, Aldán (Cangas), Sanxenxo e Portonovo (Sanxenxo), Chapela (Vigo), Bouzas (Vigo) e do Porto do Son, que acordaron boicotear os barcos que empregasen explosivos. A importancia desta xuntanza estriba na presenza, desta volta, dos Pósitos e da CNT, que constituirán en xaneiro de 1921 o Comité Rexional de Obreiros da Industria Pesqueira. A Federación desartellouse e en 1925 o anarquismo galega creou a Federación Rexional Marítima. "Federación" O historiador Dionísio Pereira sinala que "a federación foi un primeiro xermolo de coordinación do sindicalismo de clase no mar, que tentou intervir no control dos aparellos depredadores, así como na teima da erradicación da dinamita nas faenas pesqueiras, para o que deu en convocar diversas xuntanzas de sociedades mariñeiras".
QUEPASA_774
Este 12 de xullo de 2020 2.7 millóns de galeg@s escolleron a nova composición do Parlamento Galego nunhas novas Eleccións Autonómicas.
En Carnota o PP tamén venceu co 46%. O PSOE, que ten maioría a nivel municipal, cae á terceira forza, por detrás do BNG. Resultados das #ElecciónsGalegas2020: O PP gaña en 18 dos 19 concellos da Costa da Morte As promesas do 2020 As promesas do #12X (III): O BNG reparte promisións. As promesas do #12X (II): O PP confía na súa supremacía na Costa da Morte. 06-07-2020: As promesas electorais (I): Xustiza democrática. Outras accións da campaña 19-06-2020: O BNG tamén abriu a campaña dende unha granxa de Mazaricos. 17-06-2020: O PP abríu a campaña do #12X visitando á industria agroalimentaria da Laracha. 15-06-2020: Gonzalo Caballero abre a campaña costeira do #12X.
NOS_56686
A presión migratoria provocada polo conflito en Siria está a sobrepasar a capacidade de Grecia e de Turquía e fixo rexurdir unha crise cuxa solución quixo adiar a UE en 2016 pagando un cheque ao Goberno turco.
"A partir de agora, non aceptaremos ningunha nova solicitude de asilo durante un mes. Invocamos o artigo 78.3 do Tratado de Funcionamento da UE (TFUE) para asegurar o completo apoio europeo", anunciou o domingo o primeiro ministro grego Kyriakos Mitsotakis. A UE escenificou onte ese apoio coa visita da presidenta do Executivo comunitario, Ursula von der Leyen, á zona fronteiriza con Turquía, onde nas últimas horas un meniño morreu tratando de chegar á illa de Lesbos. Ademais, saíu á luz un vídeo en que os gardacostas gregos tentan envorcar unha lancha con inmigrantes antes de golpealos con paus. A decisión de Grecia foi criticada pola Alta Comisión das Nacións Unidas para as Persoas Refuxiadas (ACNUR). O organismo lembrou que nin a Convención de 1951 nin as leis da UE provén base legal para a suspensión da recepción de solicitudes de asilo, e que a invocación do TFUE require do paso pola Eurocámara e da aprobación do Consello Europeo. A información íntegra pode ser consultada na edición en papel de Nós Diario, á venda nos quioscos, ou na súa lectura na nube.
PRAZA_10542
Unha proba mais que confirma a necesidade do impulso da Lei Paz Andrade e das nosas relacións coa lusofonía. O fútbol pode ser un alternativo ámbito de actuación nesta relación.
Dificilmente unha conxuntura tan positiva para a lusofonía, neste caso dende un deporte de masas tan popular como o fútbol, pode observarse na actualidade. A Portugal de Cristiano Ronaldo obtivo en xuño pasado a Liga das Nacións de Europa, revalidando o seu título de campión da Eurocopa 2016. E este 7 de xullo, o Brasil obtivo a súa novena Copa América. O fútbol da lusofonía está de noraboa. E Galicia debe tomar nota disto.O fútbol da lusofonía está de noraboa. E Galicia debe tomar nota distoCompre por tanto observar ambas coincidencias e o seu impacto na xeopolítica da lusofonía, neste caso da man do fútbol. Portugal, un país de once millóns de habitantes, domina agora o escenario futbolístico europeo. Se na Eurocopa 2016 celebrada en Francia deu a sorpresa ao derrotar na final precisamente á anfitriona selección gala (que posteriormente sería campión do Mundial 2018), os lusos confirman a súa hexemonía futbolística europea ao gañar en xuño pasado a primeira edición da Liga das Nacións de Europa, o formato de clasificación cara a Eurocopa 2020. E fíxoo con firmeza e contundencia: venceu a Suíza en semifinais (3-1), con triplete do astro Cristiano Ronaldo. E na final (1-0) á renacida Holanda.Con similar contundencia, o Brasil, o maior país lusófono (200 millóns de habitantes), durmido en canto a títulos nos últimos anos, volveu a dominar gañando este 7 de xullo a Copa América, celebrada precisamente en só carioca. Fíxoo no mítico Maracaná diante dunha emerxente Perú (3-1), obtendo así a súa novena Copa América que edulcora as recentes frustracións tanto en torneos continentais como nos Mundiais.Un Portugal liderado por Cristiano e un Brasil sen Neymar, a súa derradeira estrela, ausente do torneo por unha escura acusación. Un Cristiano que igualmente brillou no Calcio italiano, obtendo o título de campión coa Juventus de Turín, toda vez Neymar igualmente foi campión en Francia co PSG. E na Champions League 2019, outros dous "lusófonos", os brasileiros Allison Becker e Roberto Firmino, se proclamaron campións con Liverpool inglés.Unha proba mais que confirma a necesidade do impulso da Lei Paz Andrade e das nosas relacións coa lusofonía. O fútbol pode ser un alternativo ámbito de actuación nesta relaciónAsí, o fútbol en portugués está de celebración. Aínda que noutros torneos, como a Copa Africana de Nacións que actualmente celébrase en Exipto, ningunha oncena da África lusófona (Angola, Mozambique, Cabo Verde, Guiné Bissau) logrou pasar da primeira rolda de clasificación. Tampoco tivo sorte o Timor Leste na edición da Copa Asiática 2019.No 2020 haberá mais. Portugal defende o seu título nunha histórica Eurocopa con oito sedes distintas mentres Brasil o fará noutra nova edición da Copa América, a celebrarse conxuntamente en Colombia e Arxentina. Dúas novas probas que medirán o gran momento do fútbol que fala portugués. E Galicia, como queda nisto? Unha proba mais que confirma a necesidade do impulso da Lei Paz Andrade e das nosas relacións coa lusofonía. O fútbol pode ser un alternativo ámbito de actuación nesta relación.
PRAZA_6681
O Bloque fai balance das 127 asembleas enmarcadas no proceso 'Construíndo futuro' e nas que participaron unhas 5.000 persoas, o 60% delas non militantes. Vence asegura que nelas "non houbo propostas para incorporarse a iniciativas de carácter meramente local".
O portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, advertiu que existe unha "preocupación" na sociedade pola "excesiva fragmentación" da esquerda e do nacionalismo, polo que alertou de que conseguir unha "alternativa forte" fronte ao PP "non é posible nin desde a dialéctica das cúpulas, nin desde a dialéctica da fragmentación até o infinito dalgunhas organizacións políticas". O BNG celebrou 127 asembleas nas que participaron unhas 5.000 persoas, o 60% delas non militantes Afirmouno Vence tras facer balance do proceso Construíndo futuro, unha rolda de asembleas abertas impulsadas pola formación e nas que participaron unhas 5.000 persoas en 127 actos, o 60% delas non militantes da organización. "Unha experiencia moi valiosa que reflicte dúas cuestións: que hai moita xente con inquietude sobre o que está a pasar no país e que hai moita xente que ve no BNG un instrumento útil para canalizar estas inquietudes no plano político", resumiu o voceiro nacional do Bloque A acollida desta iniciativa leva o BNG a "converter as asembleas abertas nunha canle de permanente diálogo coa cidadanía", para "escoitar as súas propostas e críticas, incorporando tanto ideas, como persoas" para "ampliar a base nacionalista e conformar unha alternativa de goberno ao PP". Por iso, tal e como avanzou Vence, o proceso que naceu coa mirada posta nas municipais transcenderá agora este marco electoral. O proceso que naceu de cara ás municipais transcenderá agora a outros marcos electorais "Máis aló das eleccións municipais, queremos que sirva para reforzar un proxecto político en clave nacional e de esquerda, e de transformación social para darlle futuro ao país", explicou Xavier Vence, quen subliñou que as asembleas abertas permiten compartir o proxecto do BNG "coa base social que quere ter forzas políticas propias e unha alternativa diferente para este país para as municipais e máis a longo prazo". O seguinte paso destas asembleas será a creación de grupos de traballo para elaborar o programa electoral das municipais cos participantes nestas asembleas. Vence asegurou que houbo unha "variedade de cuestións" abordadas nelas, "incluídas críticas ao traballo do BNG", pero destacou o "sentir maioritario" transmitido polos participantes respecto diso de que Galicia "necesita un proxecto político de país, con forzas políticas propias, tanto para concorrer ás eleccións municipais como de face ao futuro". Vence asegura que "non houbo propostas para incorporarse a iniciativas de carácter meramente local" "Non houbo propostas para incorporarse a iniciativas de carácter meramente local", afirmou Vence en referencia ás varias mareas atlánticas que están a xurdir en diferentes vilas e cidades do país. "O sentir da inmensa maioría é que se precisa un proxecto de país", insistiu. Aínda así, Vence explicou que outro dos asuntos "recorrentes" foi a preocupación pola "excesiva fragmentación" do voto nacionalista e de esquerdas, que "beneficiaría o PP". "Hai esa preocupación e compartímola todos. Este proceso forma parte do esforzo do Bloque por integrar, por sumar propostas e persoas para conformar unha alternativa forte, capaz de ilusionar á maioría social e ser referente ante a oferta centralista do PP e do PSOE, e ante as políticas da dereita que arrasan o país", indicou. "Unha alternativa forte non é posible nin desde a dialéctica das cúpulas, nin desde a dialéctica da fragmentación até o infinito dalgunhas organizacións" En canto a isto, asegurou que este obxectivo "non é posible nin desde a dialéctica das cúpulas, nin desde a dialéctica da fragmentación até o infinito dalgunhas organizacións políticas". "Por iso desde o BNG apostamos pola dirección contraria: construír a organización, sumar vontades desde un proxecto político nacionalista plural desde a esquerda para levantar unha alternativa ao PP". O BNG analizará o resultado das asembleas inseridas no proceso Construíndo futuro no Consello Nacional previsto para o próximo 18 de outubro.
NOS_36131
A Consellaría de Infraestruturas anunciou, para o inicio de 2021, a rebaixa no prezo en parte da rede viaria de pago da súa competencia.
O prezo das peaxes en varios tramos das autoestradas autonómicas galegas baixará co inicio do novo ano e manterase sen cambios o resto en 2021, segundo informou a Consellaría de Infraestruturas nun comunicado. A partir do vindeiro día 1 de xaneiro, os prezos da vía que une Vigo e Baiona, a AG-57, seguirán sendo os mesmos que na actualidade para os vehículos lixeiros, excepto no tramo A Ramallosa-Baiona, que baixa cinco céntimos. No caso dos vehículos pesados de tipo 1, reduciranse cinco céntimos as peaxes dos tramos Vigo-A Ramallosa e Vigo-Baiona. E para os de tipo 2, aplicaranse rebaixas de cinco céntimos en sete dos 11 centros da estrada. Naqueles tramos nos que non descendan, permanecerán como até o de agora. Para a autoestrada que une A Coruña-Carballo (AG-55), os prezos manteranse en todos os tramos para os vehículos lixeiros. Tamén será así para os pesados de tipo 1, excepto no tramo Paiosaco-A Laracha, que baixa cinco céntimos. Redúcense, daquela, cinco céntimos os prezos dos cinco tramos da autoestrada para os vehículos pesados de tipo 2, mentres que o resto seguirá como até o de agora. Durante o ano 2021, a Xunta destacou que seguirá aplicando o réxime de bonificacións de peaxe que se realiza para usuarias e usuarios frecuentes, que realizan a viaxe de ida e volta no mesmo día, como para os que fan o traxecto en horario nocturno. Bonificacións e descontos continuarán en 2021 A Xunta bonifica, desde o ano 2010, as viaxes de usuarias e usuarios habituais que empreguen a telepeaxe das dúas autoestradas de titularidade autonómica. Os días hábiles bonifícase en 25% o importe da viaxe de volta realizada no mesmo día que a ida, e 50% da segunda viaxe de volta e posteriores sempre que se fagan tamén no mesmo día. En outubro de 2019 sumáronse os descontos de 50% ás viaxes realizadas en horario nocturno, aqueles que se realicen entre as 0.00 e as 6.00 horas. En ambos os casos o importe desas bonificacións descóntaselle á cidadanía e asúmeo a Xunta, repercutindo o aforro directamente nos que empreguen estas autoestradas. Ademais, para o próximo ano, a Xunta empezará a aplicar unha nova bonificación, neste caso para familias numerosas.
NOS_31841
O PSdeG rexeitou acudir á reunión á que fora convocado polo alcalde de Ourense para abordar a modificación de crédito municipal por 62 millóns, unha medida que os socialistas recorrerán pola vía xudicial.
O portavoz municipal do PSdeG en Ourense, Rafael Rodríguez Villarino, rexeitou acudir á reunión á que fora convocado para esta cuarta feira, 1 de setembro, poloo alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome (Democracia Ourensá), para abordar a modificación de crédito municipal por 62 millóns, unha medida que os socialistas recorrerán pola vía xudicial. Villarino explicou que presentou por rexistro un comunicado no que explica ao alcalde que non acudirá a "ningunha reunión individual" para abordar un asunto de "tanta relevancia" para a cidade. "Non compartimos esta forma de actuar, somos un partido demócrata que entende que este tipo de asuntos deben de tratarse na xunta de portavoces e non pola porta de atrás", incidiu. Ademais, considerou que "sería unha falta de respecto" reunirse con Jácome, xa que este se dirixe "de forma pouco respectuosa á cidadanía". "Ourense non merece isto", incidiu o socialista, que emprazou os populares a tomar posicións e aclarar "se son participes destas reunións a soas" e de "tratar estes asuntos fóra da xunta de portavoces". Candidatura en Ourense ao congreso do PSOE Noutra orde, Villarino apelou á "integración" na configuración de listas de delegados por Ourense para o Congreso Federal do PSOE e avanzou que o partido "contactará" coa ex deputada Noela Blanco, que desvelou a través das redes a súa intención de presentar candidatura para encabezar esta delegación. Villarino explicou que o partido preguntará a Blanco "se está disposta a facer unha integración nun proxecto colectivo". Blanco deixou de ser deputada en 2020 ao non ser elixida para formar as candidatura do PSdeG ás eleccións galegas do pasado ano e perdeu en 2017 as primarias á secretaría provincial ourensá fronte a Villarino, próximo a Caballero.
NOS_2397
Conversamos coa socióloga e activista feminista Rocío Fraga sobre feminismos, poderes, masculinidades, recortes sociais e o agromar deses postulados patriarcais e neoconservadores que queren devolvelas a elas ao coidado do fogar e d@s fill@s
Analizar as políticas de igualdade co ollar posto no rexurdir de correntes de pensamento neoconservadoras que apostan polo retorno das mulleres aos roles tradicionais de coidadora e reprodutora. Con este obxectivo vén de se celebrar unha xornada de debate organizada pola Fundación Galiza Sempre en que compañeiras que traballan en distintos eidos repasaron o papel asignado ás mulleres nunha sociedade que vai camiño de non ofertar servizos públicos e universais, alén do valor simbólico que a participación delas ten, a día de hoxe, nos espazos de poder. A socióloga e activista feminista Rocío Fraga aborda connosco todas estas cuestións, e recalca a necesidade de que tamén os homes reflexionen sobre a cuestión de xénero até se decataren de que tamén para eles o patriarcado é unha pedra ao pescozo. "Nós non temos que estar arriba, en cúpulas, para ficarmos empoderadas" P: Valeríanos ás mulleres calquera poder e a calquera prezo?R: Non, non nos valería. Nas xornadas recalcouse moito o valor simbólico das mulleres con poder sen unha transformación previa da realidade. Non é un poder que o feminismo desexe. O que procuramos é empoderarnos desde abaixo, e desde abaixo á esquerda se pode ser, como din os zapatistas, acadar unha forza individual e colectiva, mais compartida. P: Cómpre entón rachar primeiro coas formas de poder do capitalismo. R: Efectivamente. Non se trata de asumir as regras deste sistema, senón de ser quen redefinir as estruturas, ílas mudando. Nós non temos que estar arriba, en cúpulas, para ficarmos empoderadas. P: Máis presenza feminina supón máis poder para as mulleres?R: Non. É un logro que se acadou mediante ferramentas como as cotas ou as leis de paridade. O que se conqueriu foi visibilizar ás mulleres en postos de poder, mais iso non quere dicir, por suposto, que as que aí chegaron impregnen a súa acción dunha perspectiva feminista. De feito, nos casos que a todas se nos veñen á cabeza vese, máis ben, todo o contrario, unha asunción de roles totalmente patricarcais. Eu sempre lles chamo 'as machiñas', as que chegan arriba, como (Angela) Merkel, que nin é un poder das mulleres, nin de xénero, nin axuda ao empoderamento das demais. Incluso nos fai bastante dano, cando falamos ante un auditorio sobre esta cuestión e sempre sae o típico exemplo de que hai mulleres como (Margaret) Thatcher que si que acadan poder. Mais... a costa de que? A costa de asumir o que o sistema quere. E, por conseguinte, a min non me representan "O de Merkel nin é un poder das mulleres, nin de xénero" P: Existe unha fenda dixital de xénero? Como se reparte o ciberespazo? R: Existe, e a diferentes niveis. Eu falei hoxe de tres tipos de fenda que xa están asumidas desde os estudos de xénero institucionais: acceso á tecnoloxía, a utilización que se fai dela e aqueloutra circunscrita ao uso das TIC máis avanzadas, como o uso dos móbiles. Nas idades máis novas vaise igualando o acceso á rede, mais o tema do uso segue a ser moi variábel. E introducín unha cuarta fenda referida ao desenvolvemento do software. Nós, desde o feminismo que traballamos en concreto no colectivo Non me pises o freghao, afondamos nas posibilidades que nos ofrece o software libre para traballar o xénero desde a tecnoloxía e á inversa. O software libre representa o que o feminismo para a política: crear estruturas nas que todas poidamos crear, aportar, aprender e saír dos roles de desenvolvedora-usuaria ou mestra-aprendiza para facermos comunidade. A fenda que existe neste ámbito estatísticamente é enorme! En xeral as mulleres desenvolvemos entre o 20 e o 30 por cento da tecnoloxía, no software privativo será aproximadamente un 20 por centro e no libre pasouse en poucos anos do 0.5 ao 1.5 por cento. Mais, por riba destes datos, como proceso democrático, o empoderamento está a ser lento mais efectivo. P: É a rede unha oportunidade onde procurar alianzas?R: Si. Aquelas redes apegadas á nosa vida cotiá, máis clásicas, significaron xustamente iso para o feminismo, a posibilidade de coñecérmonos, de asociármonos e de partillarmos experiencias. Agora a rede ofrece tamén outro espazo a través da tecnoloxía e abonda con ollar os perfís das persoas que somos activistas para decatarnos de que usamos as redes para debater e difundir unha mensaxe. "O software libre representa o que o feminismo para a política: crear estruturas nas que todas poidamos crear, aportar, aprender" As redes como Facebook e aqueloutras mercantilistas o que teñen de malo é que tamén as utilizan as estruturas do poder. Nós podemos aproveitalas, mais non consideralas un obxectivo se non as creamos nós, como é o caso de N-1. Temos que ter claro que o que nos ofrecen son ferramentas que complementan as que empregamos no mundo analóxico e velas como iso, como ferramentas. P: Quería preguntarche polas masculinidades. A teoría Queer veu revolucionar a concepción do xénero até deconstruíla mais, non se pasou por alto unha parada intermedia en que reflexionar sobre a construción de xénero e o que pesa nas vidas das mulleres, mais tamén nas dos homes?R: Efectivamente a teoría Queer como teoría é moi interesante e aportou moitísimas cousas non só ao feminismo senón ao traballo das masculinidades. Mais creo que si, que efectivamente, como pasa con todos os debates que fican no eido do académico, perdeuse a perspectiva do real. Está moi ben deconstruírmos o xénero, mais primeiro debemos entender como está construído. "Está moi ben deconstruírmos o xénero, mais primeiro debemos entender como está construído" Non se pode destruír algo sen saber como está montado e como asimilamos mulleres e homes a incidencia en nós propios dos roles de xénero. É moi importante que eles fagan tamén unha reflexión en clave feminista. Eu sempre fun partidaria da creación de espazos non mixtos, de mulleres, mais tamén coido que alén de manter estes, cando saímos fóra temos que contar cos compañeiros. Se non o facemos, coa revolución feminista non vai haber mudanza algunha.
NOS_28918
Anúnciase unha ampla axenda de contidos na súa honra para 2022. Esta proposta súmase á do Concello da Coruña, que hai unhas semanas anunciaba a programación de diversos actos para lembrar a esta actriz coruñesa.
A actriz galega María Casares volve estar de actualidade após o anuncio, esta segunda feira, de que en 2022 será homenaxeada amplamente a través dunha extensa programación de actividades que se poderá gozar tanto na Galiza como fóra dela. A intención desta iniciativa da Consellaría de Cultura da Xunta -que vén sumarse á axenda do Ano Internacional María Casares que está a ultimar o Concello da Coruña- é "dar visibilidade ao legado da artista", que aínda hoxe non é tan coñecido socialmente. O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, explicou onte nun acto público que a figura de Casares vaise pór de relevo apostando nas propostas dixitais, editoriais, escénicas e audiovisuais que percorrerán toda a súa pegada histórica desde diferentes plataformas e linguaxes. No seu discurso, recoñeceu que existe unha "débeda histórica" coa galega, unha "artista universal que é, ademais, unha das grandes imaxes do teatro galego, español e europeo". Así, na presentación comentouse, entre os seus méritos, a posta en marcha dunha "escola interpretativa propia que abriría oportunidades para moitas mulleres da súa época". Aliás, a artista que dá nome aos premios do teatro máis importantes da Galiza, tamén deu a man a novas e novos creadores e producións consideradas transgresoras para o momento. "Consideramos que, con estas credenciais debemos renderlle unha homenaxe que permita abordar con xustiza, respecto e profundidade unha figura tan poliédrica como a de Casares", expresou o conselleiro, polo que todas as institucións que colaboran traballarán para tecer unha programación "o máis ambiciosa posíbel, diversificada e plural". Na iniciativa, co gallo do centenario do nacemento da artista coruñesa, colaborarán a Asociación de Actores e Actrices da Galiza, Edicións Xerais e a CRTVG, entre outras, alén da Biblioteca Nacional de España, a Embaixada de España en Francia e o Instituto Cervantes. Aínda que o deseño da programación continúa o seu curso, xa transcendeu, por exemplo, que a embaixada en París e o Instituto Cervantes van impulsar unha lectura escénica de fragmentos que interpretou Casares e unha exposición de fotografías. Na Galiza, fíxose público que decorrerá unha edición especial dos premios aos que dá nome a actriz e tamén está en marcha un espectáculo coproducido polo Centro Dramático Galego e Ainé Producións que dirixirá Tito Asorey.
NOS_8445
En 1993 nacía en Compostela o Coro da Rá, a agrupación que canta a cappella e bota man do teatro e a performance nos seus "concertos comandos". Co espectáculo "VINTE, o musical", viaxa pola historia e homenaxea a todas as persoas que cantaron como rás.
Máis de medio cento de voces compoñen o "comando" do Coro da Rá, a agrupación residente da Escola Estudio de Santiago que consegue sorprender en cada unha das súas aparicións coa mestura das súas múltiples voces aderezadas con accións teatrais e performática.Nos vinte anos que levan cantando, máis de duascentas persoas pasaron pola agrupación e tamén a todas elas se lle dedica o espectáculo "VINTE, o musical", co que o coro festexa en dúas funcións as súas dúas décadas de historia. Ramón Bermejo o director, e tamén fundador en 1993 dun coro que nunca tivo problemas para conseguir voces. Máis de 200 persoas pasaron pola súa composición que agora forman máis de medio cento de compoñentes, nunha pluralidade de orixes e formacións. Cantan a capella e actúan en calquera lugar e situación no que definiron como "concertos comando". "VINTE, o musical" ten guión de Simone Negrín e aborda, por medio do humor o funcionamento e organización do coro, a súa historia e lembra a todos e todas os que participaron na agrupación. A música será, coma sempre, a grande protagonista do musical do que ofrecerán dúas únicas funcións, a da sexta 23 de maio ás 20.30 e a do sábado 24 ás 19.00 horas no Salón Teatro de Compostela. Xa están dispoñíbeis as entradas no Teatro Principal e estarán no Salón Teatro dúas horas antes de cada función. "Non nos importa a fama!" foi o espectáculo último no que o Coro da Rá interpretaba cancións do rock, pop, jazz ou bossa nova, poñendo voces a temas de Queen, Zappa ou Earth.
NOS_38633
Coleccionista de premios, o concello de Pontevedra acaba de ser galardoado en China coa distinción Soft Mobility. O modelo de cidade para andar a pé e en bici inspirará a construción de mil cidades novas no país emerxente.
China é un continente inmenso -o terceiro Estado máis extenso do planeta (tras a Federación Rusa e Canadá) e o máis poboado- e ten pendente a racionalización do seu xigantesco proceso de urbanización. As experiencias habidas até o momento supuxeron unha enorme presión sobre o meio ambiente, con graves secuelas para a saúde humana decorrentes de altos índices de contaminación. Beijing é consciente diso e quer dar unha xiradela a súa política nesta materia. E aí entra en escena a empresa Beijing China Fortune Land (CFLD), un conglomerado empresarial fundado en 1998 que cotiza na bolsa de Shanghai e que desenvolve os seus proxectos en íntima colaboración co sector público. O Estado, dono da terra, pon os solares e a empresa, tamén en parcería con compañías estatais, realiza as obras. Pois ben, China deitou o seu ollar sobre o modelo Pontevedra. Este domingo, a cidade galega recebeu en Shenzhen o Premio Soft Mobility, pola súa aposta nos desprazamentos a pé e en bici. Mais a cousa non fica aí. A CFLD convidou o alcalde da cidade do Lérez, Miguel Anxo Fernández Lores, para que dese unha conferencia no instituto de estudos desta corporación sobre o modelo urbanístico implantado en Pontevedra desde que o BNG chegou ao goberno en 1999. Segundo publica a imprensa chinesa, a intención de CFLD é tomar nota dalgunhas das experiencias de Pontevedra con vistas a as adaptar á realidade do antigo imperio do centro. "Pontevedra é unha pequena cidade de menos de 100 mil habitantes que desde 1999 prohibiu progresivamente o tránsito de coches no seu casco urbano, medida que ten reducido en 70 por cento o número de accidentes", resaltan meios chineses. CFLD participa no programa estatal de deseño e construción de 1.000 novas cidades e vilas na China. "O que máis nos interesou desta cidade foi a decisión do alcalde e a execución do planeamento [de restrición do tráfico de carros no casco urbano]", afirmou o director do Instituto de Desenvolvimento Urbano desta corporación, Li Yufeng. Yufeng é consciente de que eliminar o tráfico de automóbeis en Beijing é unha tarefa na práctica imposíbel, mais o modelo Pontevedra si que sería perfeitamente viábel nas "novas cidades pequenas ou vilas que CFLD construirá ou reformará, que estarán ubicadas nas áreas exteriores das grandes urbes como Beijing, Shanghai, nas marxes do Río Yangtse e na provincia meridional de Guangdong". Na conferencia, segundo salientaron meios chineses, Lores puxo en destaque que o obxectivo do modelo Pontevedra foi sempre o de "facer unha cidade para as persoas", propósito para o que foi preciso un "esforzo colectivo".
NOS_8453
O seu líder, Gonzalo Caballero, lembrou que o Executivo galego actúa como "interino" tras a suspensión dos comicios e empreza a Núñez Feixoo a comparecer perante a Deputación Permanente.
Un gran acordo de reconstrución da Galiza no que participen forzas políticas, axentes sociais e as principais institucións municipais e outras Administracións. Esta proposta foi lanzada na sexta feira polo líder do PSdeG, Gonzalo Caballero. "Esa é a folla de ruta que o PSdeG vai ter para Galiza ao longo dos vindeiros meses", manifestou o dirixente socialista nunha rolda de prensa telemática na que subliñou que o Goberno galego debe antepor "os intereses da reconstrución" a "calquera interese de parte". Caballero sinalou que o actual Executivo ten un papel "interino" en tanto que a Cámara galega foi disolta de cara a suspendida convocatoria electoral do 5 de abril. Por ese motivo, valorou necesario reunir "as principais forzas políticas" para traballar nese acordo e instou o presidente galego, o popular Alberto Núñez Feixoo, a comparecer no Parlamento. Durante toda a emerxencia sanitaria, lembrou, fíxoo unha vez. Como saída á crise, o PSdeG pon no foco a "defensa do público" ou o papel do Estado á hora de fortalecer a sanidade pública así como unha nova política económica". "É unha batalla que temos que dar entre todos", asegurou o dirixente socialista. Na mesma rolda de prensa, Caballero fixo un chamamento a tomar precaucións ante a evolución dos indicadores sobre o ritmo de contaxios da COVID-19 na Galiza. Segundo apuntou, estes non melloraron "na medida esperada". Unha desescalada coordinada polo Goberno español En relación á futura "desescalada" do confinamento, o dirixente socialista avogou porque o Goberno estatal coordine as medidas pertinentes para evitar os riscos que poida supor a mobilidade interterritorial. "Se cada comunicade marcase a súa folla, inmediatamente os mesmos que presentan esa saída verían que hai riscos de movementos entre comunicades que poderían xerar transmisións de focos e facer que houbese rebrotes", sinalou, en contraposición á opción defendida polo BNG no Congreso e mais polo presidente da Xunta esta semana. Caballero lembrou que a fase da corentena aínda non rematou. "Temos que traballar con calma, con solvencia e responsabilidade para non perder os avances feitos até agora".
NOS_24373
10 de decembro de 1854, un grupo de galegos confinados no porto da Habana fan chegar ao capitán xeral de Cuba, José de la Concha, as súas protestas polas condicións nas que se atopaban. O colectivo, formado por parte daqueles emigrantes dislocados á illa para substituír a man de obra escrava, levaría adiante importantes mobilizacións para denunciar a súa situación. Achegamos aquí un capitulo da súa loita.
A necesidade de garantir os beneficios da oligarquía española asociada as actividades económicas estratéxicas en Cuba, animou diversos proxectos, apoiados polo poder político, de substitución da man de obra escrava por emigrantes galegos. O obxectivo primordial das iniciativas, tal e como sinalou Ascensión Cambrón "era económico, proporcionar man de obra fácil, barata e suficiente para suplir a carencia e carestía dos negros", nun contexto marcado polas mudanzas na produción cafeteira e azucreira, como consecuencia das innovacións tecnolóxicas e dos procesos de integración no mercado mundial capitalista. Os galegos máis baratos que os escravos negros Os emigrantes galegos resultaban máis baratos para o empresariado cubano que os escravos negros, xa que o seu custo situábase arredor 5 pesos ao mes, a cuarta parte dun xornaleiro negro que cobraba por volta de 23,25 pesos ou dun escravo, cuxos gastos anuais achegábanse aos 331,5 pesos. O propio Urbano Feixó, chegou a afirmar que "o galego proporcionaranos un proveito polo menos o dobre do que ofrece un escravo e incomparabelmente maior ao que pode agardarse dun negro xornaleiro nos tempos de hoxe". Os galegos resultaban máis baratos para o empresariado que os escravos xa que o seu custo situábase arredor de 5 pesos mensuais, fronte aos 331,5 dos primeiros. O proxecto máis ambicioso, impulsado polo empresario azucreiro e político galego ligado a casa real Urbano Feixó, chegou a dislocar a Cuba en 1854 a máis de 1-744 persoas. A masiva emigración, favorecida pola precaria situación económica de Galiza, até o punto de denominar algúns historiadores ao 1853 como "o ano da grande fame", arrancou o 6 de marzo coa saída da fragata "Vila de Neda" e rematou o 27 de agosto coa expedición do "Abella", tras oito viaxes, concentrándose a maior parte deles no mes de xullo. Máis de 500 galegos mortos Segundo testemuñou nunha comisión parlamentaria nas cortes en 1855 Ramón Fernández Armada, o representante da propia empresa de Feixó na Habana, "os galegos arrancados dos seus fogares, enganados con cautelosas e falsas promesas, viñeron a Cuba a atopar a vergoña, o engado a ignominia e a morte até a data presente atoparon a morte 500, por calculo aproximado, a causa da fame, malos tratos e abandono". Os emigrantes galegos non tardaron en revolverse contra as condicións de vida e o incumprimento das condicións contractuais por parte da empresa de Feixó. Se as cláusulas laborais asinadas polas persoas dislocadas a Cuba fixaban xornadas de traballo de trece horas diarias durante cinco anos ou a aceptación do maltrato físico a mans dos patróns, a realidade foi aínda peor, sinalando Fernández Armada que "os alimentan con carnes descompostas que os negros africanos rexeitan. Obríganlles a traballar durante a aclimatación 15 horas diaria por medio do pau, o azoute e a espada". As mobilizacións dos galegos dislocados por Feixó sucédense ao longo de toda a illa. Abandono do posto de traballo en protesta polos incumprimentos contractuais e a falla de pago, motíns nas grandes plantacións de café e azucre, reprimidos coa participación do exercito, linchamentos dos responsábeis de centros de traballo, enfrontamento directos coas forzas da orde e centos de detidos en diversos puntos da xeografía cubana. O motín do porto da Habana A decisión de concentrar a totalidade dos detidos galegos na Habana situaría o conflito nunha nova fase. O 10 de decembro de 1854, douscentos cincuenta presos confinados no porto da cidade, á espera de ser traslados ao Penal da Cabaña, revólvense contra as autoridades, toman as armas de parte dos seus gardiáns e condicionan a solución a unha xuntanza co capitán xeral, José de la Concha, o militar español que derrotou o exercito galego de Xosé Solis en Cacheiras e dirixiu a represión contra os revolucionarios liderados por Faraldo en 1846. José de la Concha, segundo a versión recollida na prensa da época,acudiu ao porto da Habana para reunirse cos galegos amotinados, comprometéndose a estudar as demandas dos galegos, iniciar unha investigación dos feitos e abrir un expediente aos negocio de Feixó. Ao tempo, gobernador de Cuba, determinou a liberdade para os detidos nos diferentes presidios na illa e achegou un ditame ao executivo, onde se recollía a situación dos emigrantes galegos
PRAZA_953
O poder das redes sociais e de Internet estableceu unha mudanza no xeito no que os partidos comunican as súas mensaxes. Noriega, Negreira e Barcón son os alcaldables con máis seguimento. Imos comprobar que tal o fan os principais candidatos ás cidades galegas no Twitter
Nos últimos anos, o poder das redes sociais e de internet como canle de comunicación estableceu unha mudanza radical no xeito no que os partidos políticos comunican as súas mensaxes e interactúan cos seus seguidores. Nas eleccións dos últimos anos foron cada vez máis os políticos e os partidos que desembarcaron no mundo das redes sociais, cada vez con máis fortuna, pero tamén decote con moitos erros. Noticias como a da presidenta do Congreso, Celia Villalobos xogando ao Candy Crush mentres Mariano Rajoy falaba ou a das famosas Bubble Shoot de Fátima Báñez atestiguan que un político cun dispositivo móbil nas mans pode ser un perigo. Ás veces os representantes públicos atráncanse e provocan auténticos terremotos, como o fin de la cita de Mariano Rajoy ou o relaxing cup of café con leche de Ana Botella. Se cun micrófono pode haber problemas, imaxinen cunha xanela global como é o Twitter. Nas eleccións municipais importa a relación de proximidade co cidadán e isto, sobre todo no caso das novas xeracións, pasa inevitablemente polo Twitter Nas eleccións municipais importa a relación de proximidade do candidato cos cidadáns e isto, sobre todo no caso das novas xeracións pasa, inevitablemente polo Twitter, como usan os candidatos ás cidades galegas a famosa rede social? Regras importantes O experto en comunicación política Santiago Martínez aporta nunha entrada do seu blog 10 claves importantes para o Twitter dos políticos. Resúmense en calibrar ben o público ao que te dirixes, usar frases que xeren atención, lanzar preguntas, ser breve e sinxelo e encadear chíos para contidos complexos. Martínez tamén outorga importancia a ser cálido con chíos persoais, non abusar na cantidade, xerar valor diferenciándose, interactuar e provocar conversas e usar hashtags. "O Twitter non é un espazo publicitario gratis, senón de escoita activa e interacción directa" Para o profesor universitario Antón Losada, especialista en comunicación e campaña, os políticos adoitan usar mal o Twitter porque "cren que é un espazo publicitario gratis e non, debe usarse como un espazo de escoita activa e de interacción directa, sobre todo no caso dun candidato municipal, coa cidadanía". Martiño Noriega, Carlos Negreira e Mar Barcón, no podio Dos principais candidatos ás cidades galegas, o candidato de Compostela Aberta, Martiño Noriega pulveriza récords. Moi por enriba dos seus homólogos, ten no seu haber 7.060 seguidores. Moi por debaixo, con 4.581 seguidores está o actual alcalde popular da Coruña, Carlos Negreira. E tamén na Coruña está a terceira candidata ao podio, a socialista Mar Barcón, con 4.441 seguidores. No podio dos candidatos exitosos en Twitter sitúanse Martiño Noriega, con máis de 7.000 seguidores, o alcalde da Coruña, Carlos Negreira e a socialista Mar Barcón Se analizamos os seus perfís vemos que Noriega ten de foto de perfil a oficial da candidatura e de portada unha sentado de costas ao mar. Negreira ten de portada unha imaxe do consistorio herculino e de perfil unha súa, en traxe, mirando ao horizonte, coas galerías da Avenida da Mariña detrás. Canto a Barcón ten unha imaxe súa nunha carreira, facendo o xesto de número un e de portada ten á súa lista para Coruña. Por certo, dos 3 aspirantes ao podio, Noriega foi o que máis tarde se uniu á rede social, fíxoo en febreiro de 2011, Barcón en xaneiro de 2010 e Negreira en outubro dese mesmo ano. Un dos segredos do éxito de Noriega probablemente resida en que leva el mesmo o seu perfil. Chía sempre en galego. E, malia que, evidentemente, en campaña abundan os chíos políticos, adórnaos con actividades culturais ás que vai ou xuntanzas familiares. Se seguimos os consellos twiteiros de Santiago Martínez, se cadra abusa da cantidade de rechíos e usa etiquetas demasiado longas. Negreira tampouco o fai mal. Leva el mesmo o Twitter e tamén o seu equipo de campaña. Chía en castelán e usa para algunhas das súas cousas de campaña #PorTodoLoQue Importa. Por certo, na súa biografía especifica que é alcalde de La Coruña. Mar Barcón tamén lle ten pillado o truco á rede social. Ultimamente tena demasiado sobresaturada de propaganda electoral pero habitualmente tamén se nota que o leva ela mesma. Igual que Negreira adoita chíar en castelán e na súa biografía cóntanos que é "Madre, socialista, médico, coruñesa (y de Ortigueira) y razonablemente feliz…" Tras Noriega, Negreira e Barcón sitúanse o alcalde de Ferrol, Rey Varela, o alcalde de Lugo, López Orozco, a candidata socialista por Ferrol, Sestayo e o candidato do BNG a Compostela, Cela Por detrás dos tres gañadores están, roldando os 3.000 seguidores o alcalde popular de Ferrol, José Manuel Rey e o alcalde socialista de Lugo, José López Orozco. Na barreira dos 2.000 están a candidata ao consistorio ferrolán polo PSdeG, Beatriz Sestayo e o candidato do BNG ao concello de Compostela, Rubén Cela. Algúns desastres e cousas curiosas En Ourense non ten perfil a candidata do BNG, Susana García. Os que si teñen son o candidato de Anova, Lito Prado pero tan só con 130 seguidores e o candidato de Compromiso por Galicia, Xosé Mosquera, con 138 seguidores.Tamén a ten candidato do PP, Jesús Vázquez, cuns 535 seguidores. Os candidatos de Ourense en Común e o PSOE creáronas ad hoc para as eleccións. Chama tamén poderosamente a atención que o candidato da Marea Atlántica, Xulio Ferreiro, teña só 925 eguidores ou que o alcalde do BNG de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores fixera unha interrupción de chíos desde o 2011 ata hai unhas semanas, rompendo a regra na que coincidiron tanto Martínez como Losada de que abandonar o Twitter é moi negativo. A ver que ocorre tamén coa conta da candidata popular de Vigo, Elena Muñoz, unha vez que pasen as eleccións, boten un ollo e xulguen vostedes. Chama a atención que o candidato da Marea Atlántica, Xulio Ferreiro teña só 925 seguidores e que o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores volvera reactivar a súa conta, parada desde 2011 Quen está a facer unha campaña curiosa e atractiva é o candidato do BNG á Coruña, Xosé Manuel Carril que coa etiqueta #TodasAsCoruñas relata no seu perfil a realidade das diversas zonas e estratos sociais da cidade. Ademais para a ocasión puxo unha foto de perfil ataviado cunha cámara na cabeza. Do total de 35 candidatos analizados, 11 non teñen conta en Twitter e só unha ducia pasan dos 1.000 seguidores. Para Losada a comunicación dos partidos nestes comicios debería estar centrada en tres vectores básicos: transparencia, proximidade e accesibilidade. O profesor de Ciencias Políticas afirma que é "moi importante a cercanía do candidato" e por iso lles aconsella, tanto nas redes sociais como na realidade "falar na lingua que entende a xente, non nesa pseudoxerga que usan ás veces, hai que fuxir dos circunloquios e estar ao alcance do público, para o bo e para o malo". En todo caso, Losada cre que, en xeral, a importancia das redes está sobrevalorada, primeiro porque son "un mundo paralelo e segundo porque os políticos adoitan usalas de xeito unidireccional e ninguén se fai seguidor dun candidato que dá a vara todos os días coa axenda política no seu Twitter". Sobre a xestión do perfil, o autor de Código Mariano cre que "depende do candidato, alguén que se presenta a unhas estatais e anda polos 500.000 seguidores é inhumano esixirlle que estea ocupado só niso, pero diante dunhas municipais é ridículo ter community manager".
NOS_25883
'Curso de lingua galega: Mellor uso, máis calidade para o idioma' diríxese a todos os públicos.
Esta terza feira volve o 'Curso de lingua galega: Mellor uso, máis calidade para o idioma', da man de Nós Diario e nas catro páxinas centrais do xornal impreso. Como na semana pasada, cando esta iniciativa de Sermos Galiza S.A.como empresa e Nós Diario como cabeceira botou a andar. Un traballo que conta coa colaboración do Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Pontevedra. As cinco primeiras leccións deste curso tiveron unha grande acollida entre as lectoras, e non só delas. Do interese polo curso dá conta o número de consultas recibidas, así como as visitas na páxina web de Nós Diario ás novas referidas a esta iniciativa. Nas primeiras leccións tratáronse temas como os castelanismos, a cuestión de xénero ou os hiperenxebrismos. A partir de mañá, 12 de maio, continuará con novas leccións dirixidas a todas as lectoras e nas que se debullan aspectos fundamentais relacionados co léxico, coa gramática, coa pronuncia ou coa ortografía; que teñen por obxectivo afianzar a calidade do galego que empregamos. A nova lección, esta terza, centrarase nas interferencias verbais. Un curso para todos os públicos Mais non é este un curso de sociolingüística, aínda que se utilice por veces terminoloxía desta ciencia. Trátase dun curso que se sitúa fronte aos usos máis habituais de todas e cada unha das persoas que empregan o galego quer na comunicación habitual quer en contadas ocasións e que teñen como meta coñecer e usar o amplo repertorio de formas de que a lingua dispón para cada situación de comunicación. Ao longo do curso inclúense numerosos enlaces externos a vídeos, dicionarios e páxinas web mediante códigos QR co fin de introducir algúns exemplos a máis que non teñen cabida nas catro páxinas do caderno e que contribuirán a fornecer as lectoras e lectores de máis materiais. Os 15 temas de que consta Castelanismos, Cuestión de xénero, Pronunciarmos sen complexos, Uso e abuso dos pronomes, Interferencias lexicais, Interferencias sintácticas, Ortografía, Articuladores discursivos, De preferencia, Sen abusar, Falar e escribir ben, Futuro de subxuntivo, Fraseoloxía I e Fraseoloxía II son os temas en que se divide o curso, cuxo fío condutor son as interferencias lingüísticas, especialmente presentes nalgúns ámbitos e que teñen como consecuencia a deturpación da lingua propia e poden resultar moi negativas para a súa supervivencia. A iniciativa quer contribuír a mellorar o uso e a calidade do noso idioma, así como a axudar a corrixir aquelas interferencias que dificultan o asentamento do estándar lingüístico. Como conseguilo? As persoas subscritoras, ben en papel ben na versión de acceso na nube, terán á súa disposición, nas páxinas centrais de Nós Diario, desde o 5 de maio, o curso de balde. As persoas que aínda non son subscritoras poden facerse ou ben adquirir o diario en papel nos quiosques e puntos de venda habituais por 1,50 euros de terzas a sextas feiras e por 3 euros os sábados (día en que se inclúe o semanario Sermos Galiza) ou ben mercalo para a súa lectura na nube.
NOS_52775
A Consellaría de Medio Rural convocará unha poxa en xaneiro para colocar o leite que se produce nos centros públicos galegos de investigación.
A Consellaría de Medio Rural convocará este mes de xaneiro a primeira poxa de leite producida nos centro públicos galegos, segundo avanzou esta segunda feira o director da Axencia Galega de Calidade Alimentaria (Agacal), Manuel Rodríguez, durante unha visita ás instalacións do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM). Precisamente, o CIAM e o Centro de Formación e Experimentación Agroforestal (CFEA) de Sergude son as primeiras instalacións públicas galegas en contar cunha explotación gandeira, que complementan o traballo de I+D+i no ámbito agrario desde un enfoque de investigación aplicada. Os pregos da convocatoria, explicou Rodríguez, incluirán como criterio de valoración que o adxudicatario aporte un mínimo de 5% do leite adquirido a entidades sen fin de lucro que apoian a colectivos desfavorecidos ou en risco de exclusión. Ademais, sinalou que os cartos obtidos na poxa destinaranse á mellora dos propios centros de produción e investigación nos que se produce o leite. O futuro do CIAM A Xunta convértese así en produtor lácteo con dous centros que poderían quedar reducidos a un se o Goberno galego segue adiante co seu plan para desmantelar o CIAM. O persoal investigador deste centro amosou a súa preocupación hai unhas semanas após o anuncio da Xunta de converter o pazo de Quián, en Sergude, no Centro de promoción e imaxe dos produtos agrícolas, gandeiros e forestais de Galiza. Os dez millóns de euros que prevé investir o Executivo nesta actuación poderíase sufragar a carreira profesional de 12 investigadoras. Mentres, no centro de Mabegondo, a metade dos postos de investigación están sen cubrir.
NOS_12925
O Sergas prevé rematar "en 2 ou 3 semanas" a administración de terceiras doses a maiores de 80 anos
A Consellaría de Sanidade confirmouesta cuarta feira que prevé iniciar a inoculación da terceira dose da vacina contra a Covid a persoas de 70 a 79 anos a mediados deste mes de novembro, e que o fará reabrindo os recintos masivos de vacinación, coñecidos como 'vacinódromos'. Así o trasladou o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, en declaracións aos medios durante un acto no Porto de Vigo, onde tamén ratificou que, desde mediados de novembro, administrarase a dose de reforzo a aquelas persoas que recibiron a vacina de Janssen (dunha única dose). "Seguimos apostando por eses centros de vacinación masiva. Galiza é a primeira comunidade en porcentaxe de vacinación, grazas aos profesionais, aos cidadáns e a eses recintos", engadiu. García Comesaña subliñou que o proceso de administración da terceira dose da vacina contra a Covid en maiores de 80 anos "vai ben, segundo o previsto". Respecto diso, e máis aló "dos primeiros desaxustes", os centros de cabeceira das distintas áreas están a administrar entre 50.000 e 60.000 terceiras doses cada semana, polo que o Sergas espera rematar este proceso "en 2 ou 3 semanas". Cuestionado acerca da posibilidade de que esa terceira dose se xeneralice a toda a poboación, o conselleiro insistiu en que a Xunta actúa seguindo as "evidencias científicas". Así, cando a Axencia Europea do Medicamento trasladou que podería vacinarse coa dose adicional a toda a poboación, o Sergas optou pola "prudencia" e por "ir paso a paso"; primeiro cos usuarios de residencias, logo con pacientes inmunodeprimidos, logo maiores de 80, aos que lles seguirán os de 70 a 79 anos. Con respecto á poboación galega que aínda non recibiu a primeira dose da vacina antiCovid, o titular de Sanidade incidiu en que a Administración mantén o labor de localización e contacto para convencer aos escépticos de que se vacinen. Nese sentido, apuntou que hai un número importante de galegos que non figuran como vacinados porque viven fóra de Galiza (e probabelmente vacináronse noutros lugares), mentres que o Sergas segue contactando con resto para que reciban a dose. Así, a cifra de non vacinados "redúcese semana a semana", lembrou García Comesaña, antes de subliñar que o Sergas está a pór "entre 1.500 e 2.000 primeiras doses" cada semana. Por outra banda, e a preguntas dos medios, o titular de Sanidade tamén se referiu ao proceso de vacinación contra a gripe entre os usuarios das residencias, que se está "desenvolvendo con normalidade", e destacou a "adherencia importantísima" nesta campaña. Finalmente, e preguntado polos xornalistas, o conselleiro ratificou que, polo momento, non hai constancia de máis persoas en Galicia contaxiadas coa variante 'delta plus' do coronavirus.
NOS_43513
Segundo os datos proporcionados polo Servizo Galego de Saúde (Sergas), en 2021 recibíronse un total de 112 doazóns de órganos, das cales, case a metade foron doazóns de ril. Estas doazóns posibilitaron un total de 298 transplantes de órganos, 140 deles foron renais (25 dos cales de doantes vivos).
Hoxe conmemórase o Día Mundial do Ril. Data que diferentes asociacións aproveitan para lembrar a importancia das doenzas renais e a necesidade da doazón deste órgano para a supervivencia daquelas persoas que precisan un transplante. Segundo a Sociedade Internacional de Nefroloxía (ISN polo seu nome en inglés), unha de cada dez persoas adultas no mundo sofre dalgún tipo de doenza renal. Ademais, apunta que a mortalidade por causa de enfermidades do ril "aumenta ano tras ano" até poder situarse como a "quinta causa de morte no mundo no ano 2040". Desde o comité directivo da ISN, animan a poboación a coñecer máis sobre as doenzas renais así como a prevelas: "Solicitamos a toda a poboación, en todo o mundo, que non só sexa consciente da enfermidade, senón que coñeza activamente cales son as propias medidas de saúde renal. Por exemplo, cal é a súa presión arterial e cales son os obxectivos do tratamento". "Adicionalmente, queremos alentar o público en xeral a adoptar unha dieta e estilos de vida saudábeis para mellorar a prevención de doenzas renais", acrecentan desde a ISN. A responsabilidade da política Finalmente, tamén pretenden que, desde a política, se mellore a situación: "Debemos informar os políticos sobre o impacto da enfermidade renal e a insuficiencia renal na saúde dos seus electores, así como a carga asociada nos orzamentos e sistemas de atención médica, alentando a adopción de políticas públicas e a asignación de recursos que aborden a carga global da enfermidade renal". Este 2022 fanse 41 anos desde a primeira intervención de transplante dun órgano, e foi, precisamente, un ril. Segundo os últimos datos dispoñíbeis do Sergas, en 2021 a maior parte dos transplantes foron de ril, dos cales 25 procedían de doantes vivos. A lexislación explicita que "a non ser que se exprese o contrario en vida", todas as persoas poden ser doantes unha vez falecidas. De todos os modos, as familias teñen que ser as que tomen a última decisión. O Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (Chuac) foi o que máis transplantes renais realizou en 2021, un total de 100. A día de hoxe, o tempo de espera medio para recibir un transplante de ril é de ao redor dun ano, segundo a Consellaría de Sanidade. Actividades polo Día Mundial do Ril Desde a Asociación Galega para a Loita Contra as Enfermidades do Ril (Alcer Galiza), levarán a cabo diversas actividades ao longo do día de hoxe para concienciar acerca das doenzas renais. Na Coruña colocarán unha mesa informativa diante do Chuac. Tamén haberá mesas informativas na cidade de Ferrol e en Compostela onde, ademais, a pasada terza feira organizaron un obradoiro para o fomento do coidado renal con alumnado de enfermaría da Universidade de Santiago de Compostela.
NOS_31183
A Plataforma de afectad@s polo virus do VHC denunciaron no Parlamento que @s deixen morrer "por diñeiro". O PP vetou unha iniciativa para garantir o acceso a novos fármacos. VÍDEO NO INTERIOR.
Doentes de hepatite C concentráronse esta cuarta feira (11 de febreiro) ás portas do Pazo do Hórreo. Fixérono no mesmo día en que a Cámara debateu unha iniciativa presentada de maneira conxunta polos grupos do BNG e AGE en que reclaman ao goberno galego a regulación con criterios médicos do acceso aos fármacos de nova xeración cos que se está a tratar o virus do VHC. Máis unha vez, o Partido Popular tombou a proposición non de lei pasando rodillo, unha decisión que fixo chegar ao seu propio límite @s doentes que presenciaban o debate desde a bancada de convidad@s. Ao berro de "asasinos", "mediocres" e "senvergoñas" integrantes da plataforma exixiron @s parlamentares do PP que @s mirasen "á cara" mentres defendían o seu dereito "a vivir". "As consecuencias serán visíbeis" "A quen representan?", preguntaban @s doentes @s deputad@s que co seu voto lles negan o acceso ao tratamento. "Toda a vida cotizando e o único dereito que nos queda é morrer", aseguraron desde as bancadas mentres o persoal do Parlamento @s convidaba a abandonar o salón de plenos. "Teñen que saber que o vaso da nosa dor, da nosa paciencia e da nosa crispación está máis que sobardado" Todas as forzas da oposición (BNG, AGE, Grupo Mixto e PSdeG-PSOE) apoiaron a iniciativa e denunciaron nas súas quendas de intervención o rexeitamento d@s populares acusándo@s de seren "cómplices de asasinato" de estaren "matando" persoas. Representantes da Plataforma de afectad@s pola hepatite C abandonaron a Cámara logo de seren expuls@s por orde da presidenta do lexislativo, Pilar Rojo. Entre bágoas e "unha dor inmensa", sinalaron que a postura do Partido Popular resultaría en que "situacións como a que levou a Isolina á morte se continúen producindo" referíndose á última muller morta pola enfermidade. Isolina --cuxa familia se atopaba entre as persoas expulsas do hemiciclo-- recibía o tratamento desde o 15 de xaneiro após agardar desde agosto de 2014 por el. Finalmente morreu. "Teñen que saber que o vaso da nosa dor, da nosa paciencia e da nosa crispación está máis que sobardado", indicou Quique Costas, voceiro da plataforma ás portas do salón de plenos. Van sabelo e van sentilo", advertiu. "As consecuencias" da carraxe acumulada "serán visíbeis", acrecentou.
NOS_9911
A súa morte conmocionou o mundo da cultura na Galiza. Berta Cáccamo pasou como un meteoro polo mundo da arte, obtendo un recoñecemento moi temperán mais tamén vendo como a súa presenza nos grandes centros culturais se ía diluíndo en favor doutros artistas máis proclives a adherirse ás modas. Porén, o seu traballo está sendo obxecto agora dunha nova revisión que redescobre a súa importancia, a brillantez da súa singularidade, a súa pertinencia no devir da pintura do paso do século XX ao XXI. Falamos sobre este redescubrimento con Juan de Nieves, comisario e estudoso que está a cargo da catalogación da obra e da sistematización do arquivo de Cáccamo.
Unha recuperación post mortem sempre é tardía, mais non deixa de ser certo que o tempo traballa a partir da esencia, que as modas e as tendencias sempre chegan ao seu fin, e que cando deixan de operar como baremos do gusto, o que queda é o traballo honesto e rigoroso. A morte prematura de Berta Cáccamo non permitiu que a artista puidese contemplar a recuperación da súa obra que se está a dar nos últimos tempos. Un renovado interese pola súa pintura volve situala nun lugar de honra no mundo das artes e unha pequena proba deste renacer foi o éxito de vendas dos seus cadros na última edición de Arco. Juan de Nieves, comisario independente que traballa na catalogación da obra de Cáccamo e que segue moi de cerca a súa evolución crítica, móstrase sorprendido por este éxito, mesmo cando recoñece que o proceso de "rescate" é xa unha realidade nos medios relacionados coa arte contemporánea. "O de Arco foi bastante insólito por varios motivos: foi unha edición rara pola data na que decorreu [a feira tivo que ser aprazada de febreiro, cando se desenvolve habitualmente, até xullo, a causa da pandemia] e aínda así, parece que as vendas non estiveron mal. No caso dos cadros de Berta Cáccamo foi todo un triunfo que nos colleu de improviso a todos". De vocación moi temperá e formada no seo dunha familia de escritores e intelectuais, Berta Cáccamo foi consciente desde moi nova da importancia da reflexión e da cultura no desenvolvemento das persoas. Unha inquietude intelectual esixente e unha capacidade de observación penetrante permitíronlle sintetizar suxestións moi variadas: lecturas e paisaxes, viaxes e obras de arte. O seu percorrido vital está marcado por esa permanente curiosidade por todo o que a rodeaba e que lograba destilar nunha pintura que agora adquire unha nova significación. "Persoalmente síntome debedora dunha xeración na cal a experiencia poética, a proxección persoal do individuo, é importante", recoñecía a artista nun texto publicado a raíz da grande exposición que o CGAC lle dedicou en 2016. Porén, a obra de Berta Cáccamo, malia a súa relevancia, estivo sometida a vaivéns que non acabaron de consolidar a súa figura da forma en que merecía. A súa morte temperá, aos cincuenta e catro anos de idade, tampouco xogou a favor do recoñecemento da súa importancia. De Nieves explica que "a figura de Berta Cáccamo estivo un pouco esquecida nos últimos anos, mais temos que pensar que se estivo esquecida foi porque no seu momento estivo moi patente. Se cadra, cando volveu a Galiza a súa figura deixou de estar presente nos puntos fortes que conforman ese centralismo do mercado estatal da arte, Madrid e Barcelona, onde ela fora moi activa durante a década de 1990. Sucede en moitas ocasións que un artista importante, polos motivos que sexan, deixa de ser o foco de atención e que, pasados os anos, a súa obra recupérase e revísase con máis perspectiva. Non nos imos enganar, o feito da súa desaparición tamén activa o mercado, o desexo de adquirir obras dunha artista que xa non vai producir máis é moeda corrente neste mundo. Mais creo que de todos os xeitos esta recuperación daríase máis tarde ou máis cedo. A pena é que ela non poida asistir a este renacemento do interese polo seu traballo". O certo é que existe unha nova disposición a reler a obra de artistas que comezaron a destacar nas décadas de 1980 e 1990 e que, despois dalgúns anos de silencio crítico, ven como a súa obra volve ser avaliada desde uns parámetros diferentes aos daquela época. "Si, sobre todo, da década de 1990", matiza De Nieves. "A década dos 80 foi máis tumultuosa: houbo unha certa inflación de pintura -malia que houbo correntes interesantísimas que apostaban polos valores xenuínos do xénero, como no caso de Atlántica– e tamén foi a década en que a intromisión do mercado no mundo da arte foi máis salvaxe. Houbo moitos artistas apoiados polo mercado dunha maneira, ao meu modo de ver, excesiva". A resaca da década de 1980, un punto de partida Esa inflación da pintura dos 80 provocou unha fuxida en masa na década seguinte, na que os artistas se refuxiaron en prácticas escultóricas e, principalmente, na instalación. Porén, Berta Cáccamo permaneceu fiel á pintura, continuou estudando e afondando nela mentres a maioría dos seus coetáneos se trasladaban ao campo da arte conceptual. "Iso, até certo punto, explica ese esquecemento relativo no que caeu nalgún momento", opina Juan de Nieves. "Aínda que a súa obra ten unha compoñente conceptual moi importante, evitou a tentación de facer o que estaba de moda. Esa insistencia súa en seguir pescudando no ámbito da pintura –e, sobre todo, de permanecer moi atenta á pintura europea importante– contribuíu dalgún xeito a afastala un pouco dos núcleos de atención. Agora estase recuperando a toda unha xeración de artistas que seguiron traballando con moito rigor no pictórico e creo que Berta é un dos exemplos máis representativos deste proceso". Na Galiza, falar de pintura a finais do século XX, leva inevitabelmente a falar de Atlántica. Nalgún momento dos seus inicios, Cáccamo foi encadrada dentro dunha hipotética "xeración post Atlántica", aínda que ela mantivo sempre a súa individualidade e unha personalidade ben definida. "O da xeración post Atlántica foi unha etiqueta, segundo o meu parecer, algo gratuíta e lixeira, que respondía a necesidades da crítica daquela altura", afirma De Nieves. "Nalgún momento houbo exposicións que xuntaron obras de artistas de Atlántica con outros máis novos, pero ela está máis relacionada con pintores como Murado ou como Din Matamoro que, aínda que desde presupostos expresivos completamente diferentes, seguen insistindo na pintura nun momento en que o xénero decae no mercado". Cáccamo parte dese momento en que a arte reacciona contra os excesos da pintura e contra esa "intromisión do mercado" que, até certo punto, permitía a fama rápida e o diñeiro fácil. Ela, pola contra, distinguiuse axiña polo rigor con que enfrontaba a súa obra pictórica. Juan de Nieves asegura que "estudaba moi meticulosamente a tradición pictórica do século XX e existía unha gran sintonía entre ese estudo e a súa práctica artística. Ela, por exemplo, era unha gran coñecedora de toda esa pintura alemá de gran potencia que nunca sufriu o proceso de desvalorización que afectou a outros artistas posteriores". "Afástase dos procesos de volta ao local que representaron os movementos neoexpresionistas que sucederon en Europa: Atlántica na Galiza, a transvangarda italiana, os novos salvaxes alemáns... Mira máis ben cara a certos autores como Gerhard Richter, Sigmar Polke, Palermo... que son artistas que xa proceden de momentos anteriores e que traballan desde unha concepción moi teórica da pintura, desde os seus principios básicos. A parte máis expresiva de Berta está presente nun momento inicial, cando está rematando os estudos en Barcelona, aínda que eu creo que nese momento ela ten máis no seu horizonte o informalismo que o expresionismo. De feito, moitos dos seus profesores na Acadèmia Catalana de Belles Arts de Sant Jordi pertencen a ese ámbito, como no caso de Hernández Pijoan. Mais axiña abandona ese camiño". Sempre nos queda París Despois de formarse en Barcelona, Cáccamo parte cara a París, onde empeza a atopar os referentes que conformarían os principais trazos da súa obra. "Ela vai a París –que aínda mantiña unha certa aura de meca para os artistas, no ano 1990, e eses anos son absolutamente cruciais. Nese momento é cando empeza a desenvolver un traballo insólito que non tiña nada que ver co que fixera até ese momento. En París entra en contacto con algúns pintores que estaban xa noutras liñas de creación e que lle suxiren novas vías. Máis sobre todo, París convértese na base de moitas viaxes por Europa nun momento particularmente convulso para o mundo da arte. Aí é cando empeza a desenvolver unha linguaxe totalmente persoal". En París, Cáccamo empeza a traballar dunha maneira convulsiva e a desenvolver a súa preferencia pola obra sobre papel. "Nesa altura é cando comezan a aparecer esas manchas negras que deixan moito espazo, pezas orgánicas cun sentido moi profundo da reflexión sobre a pintura. A súa obra evolucionou e acadou outros momentos de grande interese, especialmente coa introdución da cor, mais eu penso que ese o instante máis brillante da súa traxectoria, cunha obra moi sintética e moi primixenia, un pouco críptica, mais con moitas suxestións para as persoas que contemplan a obra. Vista cos ollos de hoxe, esa etapa é probabelmente a máis atractiva". Talvez é nese momento cando a propia pintura se revela como o tema da súa obra? "Si, esa é unha frase que describe con moita exactitude o legado de Berta Cáccamo, responde Juan de Nieves. "O tema da súa pintura é a propia pintura". O que queda por descubrir De Nieves e outros estudosos continúan traballando nese legado para reivindicar unha figura e unha obra que xa de seu vai conquistando un espazo cada vez máis amplo. "Agora mesmo estamos rematando de organizar o seu arquivo, que ten unhas dimensións bastante importantes para tratarse dunha artista plástica. Habitualmente os arquivos dos creadores non adoitan ser tan grandes, mais o de Berta contén unha enorme cantidade de pezas: hai fotografías, correspondencia... e, sobre todo, os cadernos, que son marabillosos. Hai algúns que teñen unha vocación artística moi firme, como se se tratase de libros de artista. Outros son compilacións de notas, reflexións sobre a arte... Todo ese material serve de apoio para conceptualizar as exposicións, que son outra cara do noso labor que queremos reforzar. Seguir traballando no ámbito expositivo permite difundir a obra entre a crítica e o público dun modo máis estruturado". E o interese continúa medrando: o investigador anuncia que o ano próximo "haberá unha exposición retrospectiva da súa obra no Patio Herreriano de Valladolid. Queremos que sexa unha mostra na que o carácter retrospectivo quede mitigado en favor da presentación de momentos importantes da súa traxectoria". Por outra banda, museos e coleccións de relevancia mostran o seu interese por adquirir obra de Cáccamo para os seus fondos, o que sen dúbida constitúe unha boa proba do prestixio adquirido nos últimos tempos pola artista. "No ámbito institucional isto é importantísimo, porque iso significa inserila nos discursos expositivos que enmarcan a historia da arte contemporánea na península". Unha traxectoria precoz e meteórica Berta Cáccamo foi unha artista intensamente reflexiva cuxa obra entra de cheo no debate sobre o sentido da pintura que se daba no seu tempo a nivel internacional. Desde os primeiros momentos da súa traxectoria, Cáccamo destacou entre os compoñentes da súa xeración, facéndose acredora de premios e becas que lle permitiron ampliar os seus estudos en Barcelona, París e Roma. O impacto da súa obra lévaa a expor no Estado, en Europa e nos EEUU, ao tempo que a súa obra vai depurándose e facéndose máis contida, máis centrada nos aspectos básicos da pintura. Co inicio do novo século, a súa pintura afonda aínda máis nese proceso de depuración, dando cabida a un lirismo cheo de suxestións. O CGAC dedicoulle unha extensa retrospectiva en 2016 e no ano 2017 recibiu o Premio da Cultura Galega na Sección de Artes Plásticas. Ao ano seguinte, gañou o Premio Gala do Libro Galego na categoría de Libro Ilustrado polo volume Tinta de luz, con poemas do seu irmán, o poeta Xose María Álvarez Cáccamo. A artista faleceu prematuramente, aos 54 anos de idade o 11 de maio de 2018, provocando unha enorme conmoción no mundo da cultura galega.
NOS_11284
O economista, avogado e auditor Antón Beiras Cal despexa neste A Fondo todas as dúbidas a respeito do novo hospital de Vigo. Ao longo das oito páxinas debulla as principais cuestións que xurdiron arredor da construción deste equipamento que cualifica de "privado".
Antón Beiras Cal, economista, avogado e auditor, é o autor do número 131 do A Fondo, unha edición na que, ao longo das oito páxinas, ofrece unha radiografía técnica e documentada arredor da construción do novo hospital de Vigo. O tamén avogado da Asociación para a Defensa da Sanidade Pública, Antón Beiras deita luz sobre as manobras desenvolvidas pola Xunta de Galiza para privatizar o equipamento. A través de preguntas e respostas, Antón Beiras explícanos como xermolou o modelo de concesión privada do hospital, que espertou unha forte contestación social por parte da comunidade sanitaria de Vigo e polas persoas usuarias. Antón Beiras pregúntase se será compatíbel a xestión privada do hospital coa prestación de servizos sanitarios públicos no seu interior Entre outras cuestións, o autor pregúntase se o novo centro hospitalario de Vigo, do que critica a carencia de laboratorio central e que foi deseñado "cunha bicefalia público-privada", será quen de cumprir os retos para os que se deseñou. Tamén se pregunta se será compatíbel a xestión privada do hospital coa prestación de servizos sanitarios públicos no seu interior. Amais de fornecer todos os dados económicos sobre o custo do hospital, Antón Beiras denuncia a redución do número de camas das 1.465 iniciais ás 845 e a caída do número de quirófanos dos 35 iniciais aos 24. "O contrato tramitouse como se dunha autoestrada se tratase" A respeito da contratación do hospital, o autor deste traballado monográfico explica que se resolveu mediante "un simple estudo económico financeiro", malia a natureza e finalidade da obra e malia a contía do seu investimento. Denuncia que a Xunta de Galiza desposuíu o proxecto de construción de todos os requirimentos que a Lei lles impón aos contratos públicos de certa importancia nos que se adxudican obras e concesións á vez que se contratan servizos privados para prestar servizos públicos. "O contrato tramitouse como se dunha autoestrada se tratase", critica Antón Beiras, quen advirte de que o proxecto "ficou sen os estudos garantistas que a lei impón aos contratos de certa entidade". Pola outra banda, este monográfico alerta da falta de credibilidade arredor dun contrato de case 1.500.000.000 euros e denuncia que "o tufo a contubernio nepótico, a escuro chanchullo e a capitalismo de amiguetes é tal que a parte da sociedade civil xa clama polo resgate da concesión". O avogado e economista di sentirse sorprendido "pola conduta de políticos e altos funcionarios da Xunta de Galiza, tan afastada da mala fe". Presentación deste A FONDO en Vigo Este número do A FONDO será presentado en Vigo a vindeira quinta feira, 11 de febreiro ás 20h na Libraría Andel. No acto intervirá o propio autor, Antón Beiras Cal, após unha introdución do membro do Consello de Administración de Sermos Galiza Xabier Pérez Igrexas. [O Sermos 181, que inclúe este A FONDO, xa está dispoñíbel na loxa]