ID
stringlengths
5
12
summary
stringlengths
0
1.73k
text
stringlengths
0
68.7k
NOS_15469
O SNP mantén altas as expectativas após perder o referendo e busca agora recambio para Salmond e fórmulas para converter en votos ao seu favor o 45% independentista, o que suporía duplicar apoios. Incrementou afiliación nun trinta por cento.
Obvio resulta que non foi o resultado que desexaba, xa que Escocia seguirá pertencendo ao Reino Unido. Pero os centos de milleiros de votos que avalaron as teses independentistas e o máis que digno apoio de case o 45 por cento do electorado está a elevar a moral do nacionalismo escocés e moi concretamente da súa principal forza, o SNP, gobernante a nivel autonómico e que agarda reforzar as súas posicións en maio de 2015, nas eleccións lexislativas. O SNP aumentou nun 30 por cento a súa masa militante durante a longa campaña Aspira o SNP a pasar do escaso 20% que obtivo en 2010 a achegarse a ese 45% por cento arredista o próximo ano, en definitiva, quere duplicar votos e, polo tanto, aumentar o seu poder. Porque aínda que non existe o horizonte dun novo referendo a curto prazo, a medio-longo a posíbel independencia segue sobre a mesa, sobre todo logo da constatación de que @s moz@s apóiana de xeito masivo. Hai outros datos que falan a prol do crecemento do nacionalismo escocés a pesar do triunfo do Non. O SNP, que no eixo social móvese en posicións de esquerda moderada, sumou unha enorme masa militante durante a longa campaña do referendo. 10.000 persoas sumáronse ás súas filas, o que significa multiplicar a masa propia da formación nun 30 por cento. O nacionalismo escocés teme que as promesas de Cameron de maior autogoberno fiquen en nada Na actualidade, após a dimisión de Alex Salmond, moitos ollos están postos sobre a persoa que sexa quen o substitúa á fronte do SNP e tamén do Goberno escocés. A principal favorita é Nicola Sturgeon, viceministra e considerada sempre a súa man dereita. Pero antes, a expectación tamén está en saber se o goberno británico de Cameron cumprirá coas súas promesas de maior autogoberno para Escocia, que para moit@s expertos resultaron decisivas na vitoria unionista, ao atraer a unha especie de sentimento federalista. O propio Salmond xa se amosou escéptico ante a posibilidade de que todo o afirmado desde Downing Street fique nunha argucia electoral. Namentres, Gales e Irlanda do Norte queren abrir os seus propios procesos. Hai moito partido territorial aínda por xogar no Reino Unido.
PRAZA_8215
Saiu esta mañá da prisión da Lama e mentres agarda pola concesión dun segundo indulto que elimine definitivamente a súa pena, permanecerá en liberdade, aínda que terá que pasar as noites no Centro de Inserción Social (CIS) de Vigo.
David Reboredo saiu esta mañá da prisión da Lama. Vén de serlle concedido o terceiro grao e mentres agarda pola concesión dun segundo indulto que elimine definitivamente a súa pena, permanecerá en liberdade, aínda que terá que pasar as noites no Centro de Inserción Social (CIS) de Vigo. O venres pasado o Consello de Ministros atendeu a solicitude para indultar a Reboredo nunha das súas dúas penas de cárcere. O venres pasado Praza xa adiantaba que ao longo desta semana se sabería se se lle concedía o terceiro grao a David Reboredo, ingresará á 16:30 horas no CIS, situado na Avenida de Madrid. É probable que o novo indulto chegue nas vindeiras semanas, cando o Consello de Ministros reciba o informe do tribunal sentenciador. Porén, David Reboredo poedrá agardar pola súa liberdade definitiva fóra da cadea e en contacto coa súa familia A finais de xaneiro, como tamén informou Cristian López en Praza, a xunta de tratamento do cárcere pontevedrés propuxo que se lle outorgase o terceiro grao penintenciario, petición que lle foi enviada á Secretaría Xeral de Institucións Penais, en Madrid, que tiña que ratificar a solicitude. Xa nese momento calculábase que a resposta do órgano, dependente do Ministerio do Interior, tardaría entre mes e medio e dous meses en ser comunicada. E, efectivamente, algo menos de dous meses despois este terceiro grao vén de serlle concedido a Reboredo, a través dunha fórmula mixta de "segundo grao que funciona como terceiro", como explica o seu avogado. David ten aínda pendente a primeira condena de 2007, rebaixada polo Tribunal Supremo a dous anos de cárcere. É probable que o novo indulto chegue nas vindeiras semanas, cando o Consello de Ministros reciba o informe do tribunal sentenciador. Porén, David Reboredo poedrá agardar pola súa liberdade definitiva fóra da cadea e en contacto coa súa familia. David Reboredo pasará as noites no Centro de Inserción Social (CIS) de Vigo Carmen Avendaño Que significa a obtención do terceiro grao? Neste réxime penintenciario, o preso debe xustificar as horas que non pasa entre reixas e o propio Reboredo indiáralle en xaneiro á xunta cales serían as súas ocupacións. Á espera de que se concreten os detalles, David Reboredo pasaría as noites no Centro de Inserción Social (CIS) de Vigo Carmen Avendaño, mentres que o día o repartiría entre o programa PFIS, da organización Érguete fundada precisamente por Avendaño, e o centro Imán-Cedro, onde viña exercendo como interlocutor para a desintoxicación doutros drogodependentes antes da súa condena. David podería durmir as fins de semana no seu domicilio familiar, que se atopa por outra banda moi preto do CIS. Porén, estes aspectos aínda non foron totalmente concretados. O seu bo comportamento e a súa desintoxicación probada no módulo seis da Lama, un dos módulos de convivencia, así como a súa participación activa na radio da prisión, entre outros proxectos, sumaron puntos para que obteña a semiliberdade. Tamén se tivo en conta, como lembrou esta mesma mañá o seu avogado, a masiva campaña de apoio que dende hai meses veñen realizando a súa familia e distintos colectivos.
NOS_30927
Poucos días despois de que se oficialice a súa entrada na Academia Galega, Galix nomeará Socia de Honra á escritora Fina Casalderrey. A primeira autora de literatura infantil que sente na sede de Tabernas a partir do día 22 de novembro recibirá o recoñecemento da república das letras infantís no mes de decembro.
O fin do ano 2013 será especialmente intenso para a escritora Fina Casalderrey. Despois de converterse o día 22 de novembro no Teatro Principal de Pontevedra, onde se celebrará o acto de entrada, na primeira representante da literatura infantil e xuvenil que entre na RAG, Fina Casalderrey recibirá a homenaxe da Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil (GALIX) que a nomeara Socia de Honra nun acto que terá lugar en decembro. Fina Casalderrey será a terceira autora que a asociación recoñece coa súa distinción, despois de Neira Vilas e Agustín Fernández Paz. A escritora Fina Casalderrey escolleu a súa cidade, Pontevedra, para a celebración do seu acto de entrada na RAG cun discurso que será contestado pola tamén académica pontevedresa Rosario Álvarez.
NOS_9403
A pandemia do coronavirus está deixando ao descuberto as costuras do sistema sanitario galego. A diminución do número de persoal, o descenso de camas hospitalarias e a redución de medios materiais son algunhas das consecuencias das políticas de Alberto Núñez Feixoo. Analizamos o estado do Sergas da man do médico de Atención Primaria Xosé Dios.
"A Consellaría de Sanidade diminuíu o número de traballadoras en 1.325 persoas e o número de camas en 970 a respecto de 2009", detalla o médico de Atención Primaria e portavoz da Plataforma en Defensa da Sanidade Pública de Compostela Xosé Dios, que analiza nun estudo, ao que tivo acceso Nós Diario, as políticas sanitarias do presidente da Xunta da Galiza, Alberto Núñez Feixoo. "Se ben nos últimos dous anos aumentou o orzamento en sanidade, comparado con 2009 temos 1.000 millóns de euros menos", afirma o doutor. O investimento sanitario na Galiza non supera o 9% do Produto Interior Bruto (PIB) por primeira vez na historia, o diñeiro destinado ao sistema público de saúde reduciuse arredor de 18% nos últimos 10 anos e o gasto sanitario por habitante sitúase en 1.995 euros, unha contía moi por baixo da media estatal e que coloca a Galiza detrás de territorios como Estremadura, Castela León ou Murcia. O investimento sanitario na Galiza non supera o 9% do Produto Interior Bruto (PIB) por primeira vez na historia A baixada de fondos na sanidade pública é proporcional ao aumento de transferencias á sanidade. Segundo Dios, "o gasto na privada aumentou nun 10% de 2017 a 2018, pasando de 199 millóns de euros a 217 millóns". En alusión ás conexións do Partido Popular coa patronal da saúde privada, o portavoz da plataforma destaca como "Rocío Mosquera, ex conselleira de Sanidade, e antes directora dun dos hospitais privados de Compostela, é nomeada responsábel de Galaria, a empresa de instrumental que é a máis cara do sistema, nun movemento que busca que na compra pública de aparellos innovadores se permita á industria privada quedar coas patentes feitas con diñeiro público". As listas de agarda "Cando se sobrepasan 45 días para unha proba diagnóstica ou para unha primeira consulta e 60 días para unha intervención cirúrxica, o Sergas deriva as doentes á privada e faise cargo do custo. 86 persoas diariamente desde a entrada en vigor da Lei están sendo transferidas á privada. Non teñen cartos para cumprir os seus prazos, pero si os teñen para pagarlle á privada as doentes que elas mesmas derivan", continúa Dios. As listas de agarda son o principal motivo de queixa entre as pacientes do sistema sanitario galego. O tempo de espera converteuse nun dos principais argumentos para pór en cuestión a eficacia do modelo sanitario público e favorecer o negocio das clínicas privadas subvencionadas, baixo o eufemismo do concerto. Porén, os números, aquí, tamén son testáns até o punto de que o centro médico coas listas de agarda máis altas da Galiza é Povisa, o hospital privado de Vigo, asociado ao Sergas. Segundo Xosé Dios, "o problema na sanidade pública galega nace na Atención Primaria Se as xestoras non poñen persoal substituto, as doentes en Primaria piden a cita, pero coas listas de espera tan longas, acaban por ir ás urxencias, ao hospital ou aos Puntos de Atención Continuada (PAC), que colapsan. A creación das Unidades de Xestión Integrada leva consigo a desaparición das xerencias de Atención Primaria, co cal o hospitalcentrismo é evidente e o problema de non poñer persoal substituto repercute nas urxencias do hospital". A privatización do Sergas "O presidente da Xunta actúa como un comercial dos laboratorios farmacéuticos, das multinacionais tecnolóxicas, das empresas informáticas e dos fondos de investimento, aos que está cedendo os recursos estratéxicos do Sergas", engade Dios. Pon como exemplo paradigmático a construción do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, cuxa actuación provocou un incremento de máis do 120% na partida de gastos de capital da Consellaría de Sanidade. O Goberno galego está entregando ao capital privado "os recursos estratéxicos de apoio á atención sanitaria do Sergas" "O hospital de Vigo foi asignado a unha concesionaria integrada por bancos rescatados con diñeiro público e construtoras en quebra e foi financiado por entidades de investimento amigas e coa inxección de fundos europeos, apoiados pola Xunta violando a lexislación comunitaria", afirma Dios, que tamén destaca como "boa parte da atención hospitalaria de Vigo está xa en mans privadas, adxudicada ao centro médico concertado Povisa, co que se renovou o concerto singular, malia dispor de menos recursos que os hospitais públicos e malia duplicar a lista de agarda cirúrxica da Galiza". O Goberno galego está entregando ao capital privado "os recursos estratéxicos de apoio á atención sanitaria do Sergas", manifesta Dios, que no informe sinala a cesión do Laboratorio Central da Galiza ao grupo sueco Unilabs-Capio; a xestión da historia clínica, da receita electrónica e da central de chamadas a Indra, empresa ligada ás tramas de financiamento irregular do PP, ou a cesión do programa "Saúde en liña" ao fondo de investimentos Netaccede. Represión contra as protestas "Están tomando represalias e abrindo expedientes a xente que se está significando nas denuncias de recortes sistemáticos e de falta de material", advirte Xosé Dios, que apunta á persecución da que son vítimas ás traballadoras e traballadores comprometidos coa defensa da sanidade pública.
PRAZA_12856
A secretaria de Estado de Sanidade, Pilar Farjas, suxire que o sistema público de saúde só financiará a interrupción do embarazo por razóns "médicas" e o Goberno galego prepara o Plan de Dinamización Demográfica, que inclúe as accións propagandísticas contra o aborto previstas na Lei de Familia
Limitar o acceso á interrupción voluntaria do embarazo alegando a necesidade de aforrar mentres se dedican fondos públicos a campañas antiabortistas. Este semella ser, a grandes trazos, o esquema que podería resultar nos vindeiros meses da combinación da política sanitaria e social do Goberno central e da Xunta. Despois de que, dende o principio da lexislatura, o Executivo galego viñese aprobando normas inspiradas por colectivos ultraconservadores como o Foro Español de la Familia, xa fose directamente -coa iniciativa lexislativa popular da Red Madre- ou indirectamente -coa Lei de Familia-, este xoves dúas declaracións, emitidas dende Santiago e Madrid, permiten bosquexar o panorama inmediato dos dereitos das mulleres ao respecto do embarazo. Dende o Goberno central a ex conselleira e actual secretaria de Estado de Sanidade, Pilar Farjas, deixaba caer ante a prensa que a futura carteira de servizos sanitarios podería deixar fóra o aborto libre e gratuíto. Dende a Xunta, o presidente avanzaba a concreción de campañas para concienciar a poboación sobre o "inverno demográfico" que vive Galicia. As declaracións de Farjas apóianse no controvertido Real Decreto co que o Ministerio de Sanidade deu luz verde a preceptos como o repagamento dos medicamentos para as persoas xubiladas. Esa normativa, vixente dende hai menos de dúas semanas, prevé que Estado e autonomías pactarán un catálogo de prestacións común para todos os servizos autonómicos de saúde. Nese catálogo estará o aborto? Esa foi a pregunta que os xornalistas lle dirixiron á ex conselleira e da súa resposta cabe deducir unha inmediata redución de dereitos. Da carteira de servizos "non vai saír ningunha das prestacións que por criterio médico e de saúde se requira no Sistema Nacional de Sáude". "O compromiso é garantir todas aquelas necesidades nas que haxa unha indicación médica ou necesidade de saúde". Dito doutro xeito, se unha muller ten que tomar a decisión de abortar pero non o fai porque estea en risco a súa saúde ou exista unha malformación grave no feto, terá que pagar a intervención do seu peto. Farjas suxire que a sanidade pública pode deixar de financiar o aborto se non existe risco para a saúde da nai ou do feto Para levar adiante esta restrición cómpre modificar a vixente Lei do Aborto, normativa á que o ministro de Xustiza, Alberto Ruiz-Gallardón, prevé aplicarlle unha "contrarreforma" para eliminar o dereito de interromper a xestación ata as catorce semanas. Volverase á lei de supostos de 1985 para, di Gallardón, "garantir o dereito á maternidade". É precisamente aquí onde entra o plan da Xunta, apenas bosquexado polo presidente tras o Consello do Goberno galego e que este venres será detallado no Parlamento pola conselleira de Benestar, Beatriz Mato. Con todo, o avance ofrecido por Alberto Núñez Feijóo xa permite albiscar cal será o camiño a seguir. Para elaborar o seu Plan de Dinamización Demográfica a Xunta realizou unha enquisa na que, di Feijóo, fica claro que "os galegos non nos sentimos conscientes do problema demográfico que temos". "Non somos conscientes do problema colectivo e o primeiro que hai que facer son campañas de información para saber que hai un problema larvado", un verdadeiro "inverno demográfico". Sustento legal na Lei de Familia e na norma da Red Madre Para atopar o sustento legal desas campañas cómpre buscar na Lei de Familia, aprobada en xuño de 2011 entre fortes críticas de colectivos feministas pero tamén de institucións oficiais como o Consello Económico e Social. Dentro das políticas de "fomento da natalidade", o artigo 27 desta normativa estipula que a Xunta promoverá a "protección da maternidade" poñendo en marcha, entre outras accións, "campañas de sensibilización destinadas á concienciación social da importancia da maternidade e da paternidade, ao fomento da natalidade" e tamén "á protección do dereito á vida en formación", polo tanto, contra o aborto. Ademais, esta política "formativa e informativa" centrarase tamén na "educación afectivo-sexual, especialmente dirixida á infancia e á adolescencia". Estes preceptos complétanse cos da devandita lei promovida polo Foro Español de la Familia, que sustenta a posibilidade de que sexan membros destas asociacións quen presten estes servizos e de que, para isto, reciban fondos públicos, algo que, tal e como informou Praza, vén acontecendo nos últimos anos. A lei habilita a Xunta para promover campañas sobre a "protección do dereito á vida en formación" Así e todo, e malia este corpo normativo, a exposición do presidente ante os medios dirixiuse cara a outras vertentes do plan demográfico que Mato lle exporá á comisión parlamentaria que leva varios meses traballando neste eido. Ben ao contrario, Feijóo céntrase en elementos que, cando menos en abstracto, si poden ser apoiados polo conxunto das forzas políticas. Así, lonxe dos ditados das normas inspiradas polos colectivos máis conservadores, apela á necesidade de solucionar un "problema demográfico moi preocupante", un "obxectivo verdadeiramente complexo" pero "se non se intenta nunca, nunca o imos acadar". Por iso, di, a única finalidade do plan será darlle un "impulso socioeconómico á maternidade e á paternidade", "dende apoios económicos progresivos ata a axilización dos trámites de adopción" ou a "sensibilización do sector empresarial, con tarifas de tipo social". Do mesmo xeito, o xefe do Goberno expón intencións que contradín normas como a reforma laboral, caso do "fomento da racionalización de horarios" laborais. Ademais, inclúe no mesmo paquete a intención de "facilitar o aceso á vivenda ás familias con fillos", concretada hai poucas semanas no Parlamento pola secretaria xeral de Igualdade, Susana López-Abella, quen confirmou a intención da Xunta de considerar os "non nacidos" como membros da unidade familiar para solicitar vivendas públicas. Lei de apoio á familia e á convivencia de Galicia Lei pola que se regula unha rede de apoio á muller embarazada
NOS_1123
Vinte municipios vivirán esta cuarta feira concentracións de protesta do sector para exixir indemnizacións e medidas máis contundentes a todas as Administracións.
O sector da hostalaría galega considera que as medidas anunciadas polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, son "insuficientes" e empeoran a situación da que partían, ademais de criminalizar a súa actividade. Por este motivo, convocaron concentracións para esta cuarta feira en vinte municipios, entre os que figuran as cidades de Pontevedra, A Coruña, Compostela, Ferrol e Vilagarcía. "Demos un paso atrás a como estabamos", indica Lois Lopes de Hostalaría Compostela. Nas medidas anteriores ao último fechamento permitíase un 40% de ocupación, até seis persoas por mesa de non conviventes e un horario que chegaba até as 23 horas. "Agora quedamos cun 30%, catro persoas e temos que fechar ás 18, polo que prexudica os que teñen franxa horaria de tarde e os que non contan con terrazas", asegura Lopes a Nós Diario. Xabi Barral, voceiro da Plataforma ShOStalaría da Coruña, coincide nesta valoración. "Se cren que só cun 50% de terraza ou cun 30% de interiores se pode defender é que non sabe como é un negocio nin traballou nunca como autónomo". Axudas "insuficientes" no canto de indemnizacións O Plan de rescate da Xunta da Galiza tampouco caeu ben no sector. "Demandamos un rescate urxente, non esmolas", sinala Barral a Nós Diario. Asegura que "non todo o mundo pode acceder a elas polos condicionantes da facturación, ese 45% que piden". Desde Guitiriz, municipio que continúa cunha grande incidencia de casos na fase 1, Pedro ten unha bocataría que agora segue traballando con comida para levar. Contaba con catro persoas contratadas, que están cun expediente de regulación temporal de emprego (ERTE). "As axudas exixen ter moita perda, non sei quen foi o iluminado que puxo esa cifra", afirma a Nos Diario. Explica que "calquera empresa con persoal que perda un 45% da facturación ten problemas serios" e non entende que poñan tantos impedimentos para chegar a elas. "Na primeira liña de axudas pedían non ter contraído débedas con Facenda e Seguridade Social, que sería o máis probábel nesta situación". Pedro está seguro de que "sobrará orzamento porque a xente non cumpre os requisitos" e "o crédito das [axudas] de agora non acaba a semana". Da mesma opinión é Julio, propietario do restaurante Casa Eiroa de Ponteceso. "Non chegan para o que estamos pasando, o tempo que estivemos fechados e o resto das restricións", afirma, "en realidade só traballamos no verán", sentencia. Feixoo segue a "criminalizar" a hostalaría Hostaleiros e comerciantes de Pontevedra presentaron hoxe ante o Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) un recurso contencioso-administrativo para reclamar á Xunta unha indemnización por lucro cesante, en correspondencia coas cantidades que deixaron de percibir en 2020 e 2021 debido ás limitacións aplicadas ao sector con motivo da pandemia. Trátase dunha reclamación á que se esperan que se sumen máis estabelecementos afectados -contan con, cando menos, 15- a través de demandas individuais. As restricións nas terrazas, un "conto chino" na hostalaría "O das terrazas é un conto chino", asegura Julio de Casa Eiroa (Ponteceso), "moitos non poderemos abrilas e a maior parte [dos bares] non teñen", di. Pedro, de Guitiriz, é da mesma opinión, e engade que "ter terraza é case o mesmo que nós, que servimos só para levar". Ademais conta coa particularidade do clima que temos. "Hai bares que teñen terrazas acondicionadas mais a maioría non, e estamos na Galiza e é febreiro".
NOS_55962
A organización do Festival da liberdade anima a todo o mundo a achegarse a vindeira fin de semana a Cangas para gozar da música mais tamén, dunha contorna natural "espectacular".
Apunten nas axendas o 18 e 19 de setembro porque Cangas do Morrazo converterase no epicentro musical do país coa primeira edición do Festival da liberdade. Unha xornada dupla de música coa que despedir o verán ou dar a benvida ao outono na que gozar, tamén, sinalan desde a organización en conversa con Sermos Galiza, dunha "contorna natural espectacular". Con oito actuacións o sábado e nove o domingo @s organizadores aseguran que se "dan todas as condicións para que sexa un festival especial". E o cartaz non defrauda. Nel partillan espazo bandas consolidadas da escena internacional como Habeas Corpus, KOP, Zoo ou Boikot, mais tamén grandes grupos nacionais como Nao, Liska!, Sokram e outros de forte impronta, como Mini e Mero. "Danse todas as condicións para que sexa un festival especial" "Aliñáronse todos os planetas para que isto saíse adiante", sinalan desde a organización pregundad@s polo número e diversidade de bandas coas que contará o Festival da liberdade. "Non pode faltar ninguén", aseguran. As entradas poden mercarse en distintos puntos de venda ao longo do país dos que dan conta na súa páxina web. A recadación, explican, diríxese a financiar os custos do festival que contarán con zona de acampada nun pavillón municipal e unha carpa por se o tempo decide non acompañar. "Estamos na Galiza, as previsións dan sol mais aquí, nunca se sabe". Porén, "só un grande temporal podería pór fin á festa", din.
NOS_55657
Rexedores nacionalista de concellos afectados polos incendios piden á Xunta: franxas de protección, sistema de brigadas profesionais con mando único e plan de recuperación inmediato das zonas arrasadas.
Alcaldes e responsábeis municipais de concellos nacionalistas afectados pola vaga de lumes de hai dúas semanas desmenten o relato da trama de "terrorismo incendiario" que impulsa a Xunta e consideran que a causa fundamental dos incendios nos seus municipios está no abandono de monte e no abandono do medio rural. Os representantes municipais das Neves, Viana do Bolo, Baños de Molgas, Ponteareas, A Mezquita, Pobra do Brollón ou San Sadurniño súmanse así a aquelas voces que tanto desde a propia Fiscalía de Medio Ambiente como desde o ámbito académico refutan o discurso oficial de "trama terrorista incendiaria". "Desde Viana do Bolo non temos sensación algunha de terrorismo incendiario, pero si do abandono do rural. O lume é un síntoma da morte do rural", dixo Secundino Fernández, alcalde de Viana. "Sinceramente, nas Neves non creemos na trama incendiaria, socialmente a xente non fala diso senón das consecuencias do incendio sobre iso si se reflexiona e se ten medo", salientou o rexedor Xosé Rodríguez, quen denuncia que a Xunta vincula as indemnizacións ás vítimas a que se constate que o lume foi intencionado: "Iso si que é redondear o discurso da trama do terrorismo incendiario". Os responsábeis municipais criticaron "a descoordinación, a falta de medios e o abandono" que afirman que sentiron por parte da Xunta. "Foi a veciñanza a que tomou as rendas para defender as súas casas, e aínda non tiven unha chamada da Xunta por se precisaba algo, e iso que temos unha motobomba que debe ser da guerra de Corea", denunciou o alcalde de Viana. " Teléfono vermello Estes concellos afectados pola vaga de incendios demandan da Xunta medidas no curto e no medio prazo. Demandas que se concretan en tres para adoptar dese xa: que o Goberno garanta o cumprimento das franxas de seguridade con vivendas e infraestruturas previstas na normativa, a profesionalización das brigadas cun mando único e con funcionamento os 365 días do ano, e un teléfono vermello a disposición das autoridades locais que desate de inmediato un protocolo de actuación ante unha situación de emerxencia. A medio prazo, os municipios gobernados polo BNG piden un cambio na política forestal baseada na limpeza e aproveitamento funcional do monte, e poña fin ao abandono do rural, porque só por este camiño se pode acabar co problema dos incendios. Rural A portavoz nacional, Ana Pontón, criticou que dúas semanas despois da vaga de lumes, Feijóo "segue se dar a cara no Parlamento pero tivo tempo de falar dos lumes no concello madrileño de Alcobendas mentres recollía o premio popular del ano. Resulta case cómico senón estivésemos falando dun problema de país", criticou. Pontón avanzou que o BNG presentará emendas para que os orzamentos de 2018 inclúan partidas para financiar un plan de recuperación ambiental e económico dos concellos afectados e para executar as franxas de protección.
NOS_33733
O deputado Pancho Casal confirmou esta quinta feira os contactos de En Marea con Más Madrid, o partido de Íñigo Errejón, que está promovendo unha plataforma (Más País) en distintas circunscricións do Estado para concorrer ás eleccións xerais de novembro. Na Galiza, Más País presentarase, no mínimo, polas circunscricións da Coruña e Pontevedra.
Portas abertas en En Marea á integración da formación que lidera Luís Villares no proxecto Íñigo Errejón. Pancho Casal referiuse a plataforma na mañá desta quinta feira como "plataforma multinacional" na que incluíu Compromis. En Marea di que mantén "un contacto moi fluído" con vistas a "repetir a alianza coa que galegos e valencianos acudiron ás eleccións europeas do pasado mes de maio". Casal seguiu insistindo, como fixera Villares a segunda feira, en que a "prioridade" da organización é chegar a un acordo coas forzas galegas baixo "unha plataforma de partidos que teñen a súa soberanía na Galiza". Postura de Cerna Nun comunicado, Cerna, unha das faccións de En Marea, asegura que "máis ca nunca debemos cooperar as forzas soberanistas progresistas e facelo desde a autoorganización, a transversalidade e o acompañamento da esquerda social, desde abaixo: precisamos unha ampla e xenerosa cooperación que sexa respectuosa coa autoorganización congruente cos dereitos que asisten a Galiza como nación". Cerna resume a súa postura "nunha papeleta que garanta a representación directa deste suxeito político galego plural nas Cortes españolas", mais non precisa se rexeita a alianza con Errejón ou non. A Coruña e Pontevedra Segundo o acordo asinado entre Más País e Equo, e publicado por axencias, a fotrmación que lidera Errejón presentarse en 17 provincias do estado español, entre as que figuran Pontevedra e A Coruña.
NOS_49394
Co xuízo de Madrid como pano de fondo, cuxa sentenza podería coñecerse o 24 ou mesmo o Día da Patria Galega, Ceivar convoca a sexta acción contra a criminalización do movemento independentistas e pola soberanía da Galiza cara á construción dun Estado propio
O colectivo antirrepresivo Ceivar vén de facer pública a convocatoria á cadea humana en prol da liberdade dos seis cidadáns galegos presos e submetidos á dispersión en aplicación da lexislación antiterrorista. Para alén da "repatriación" dos militantes independentistas Antom Santos, Roberto R. Fialhega 'Teto', Eduardo Vigo, Carlos Calvo, Xurxo R. Olveira e Hadriam Mosqueira 'Senlheiro', con esta acción reivindicativa Ceivar pretende "a suspensión" da "excepcionalidade" que rodea os procesos abertos contra o movemento independentista. O xuízo en Madrid e a iniciativa GpS, dous puntos chave este ano No albo da convocatoria, dúas cuestións. Dunha banda, o xuízo que os días 24 e 25 de xuño sentou no banco d@s acusad@s da Audiencia Nacional española a Santos, Fialhega e Vigo canda a veciña de Becerreá María Osorio, un proceso que quedou visto para sentenza. Segundo puido saber Sermos Galiza, está previsto que a resolución xudicial se daría a coñecer ora o 24 de Xullo ora no propio Día da Patria Galega. Seis independentistas presos, doce cidadá(n)s baixo a lexislación antiterrorista Cómpre recordar que, para alén dos seis independentistas que fican presos, tres deles sen seren xulgados e os outros tres sen estaren condenados, son outras seis as persoas ás cales se lle aplicou a lexislación antiterrorista, malia que agardan en liberdade ben por unha sentenza --caso de María Osorio-- ou para seren xulgados --están nesta situación Hector Naia 'Koala' e Júlio Saians. A que se resolva o recurso que presentou contra a sentenza derivada do seu xuízo está o sindicalista Telmo Varela; e hai outras dúas persoas en Vigo que foron imputadas por "encubrimento" dunha acción de violencia política acontecida o 4 de agosto de 2012 no Monte Sampaio, en Vigo, onde un artefacto explosivo causou danos materiais na antena dunha empresa andaluza subministradora de banda larga. Pola liberdade dos presos e polos dereitos humanos A mobilización deste ano, como se veu facendo desde 2008 realizarase na véspera do Día da Patria, o 24 de Xullo, e arrincará ás 18h da Praza de Galiza. A chamada vai dirixida "a todos os sectores nacionalistas, soberanistas e independentistas" así coma a toda a cidadanía "comprometida coa defensa dos dereitos humanos". Para se desenvolver, o acto conta coa autorización da delegación do Goberno español na Galiza.
NOS_8751
Hai cincuenta anos comezan a darse os primeiros pasos no proceso de reorganización do PSOE na Galiza. A comezos do mes de agosto de 1969, un militante procedente de Francia inicia unha xeira de contactos seguindo as indicacións da executiva do partido no exilio, que permitirá constituír o primeiro núcleo organizado na Galiza após practicamente vinte anos de inactividade política. Eis un extracto da información publicada ao respeito no número 360 do semanario en papel Sermos Galiza.
O PSOE deixa de operar na Galiza a inicios da década dos cincuenta. O partido foi reconstituído no país após o remate de 1939 coa contribución dun primeiro núcleo de vellos militantes anteriores ao 1936; un segundo conformado por afiliados doutras partes do Estado, fundamentalmente asturianos, desterrados ou confinados en diversos campos de traballo no país, e un terceiro composto por unha nova xeración que nos anos republicanos formaron nas filas das xuventudes da organización. A aposta das democracias capitalistas en manter no poder Francisco Franco tras a finalización da II Guerra Mundial e a táctica deste partido de ligar a caída da ditadura á conxuntura internacional, operando como un apéndice da política exterior inglesa, levarán o PSOE a unha liña de repregue que rematará por illalo dos sectores máis combativos da oposición. A desaparición dos socialistas da vida política galega durante practicamente vinte anos atende a estas variábeis, sendo parella a conversión do PCE como forza maioritaria no espazo da esquerda. Dúas organizacións hexemónicas As organizacións socialistas hexemónicas na Galiza da década dos sesenta serán o Partido Socialista Galego (PSG) e o Partido Socialista de Interior (PSI). O PSG, constituído formalmente á volta de 1963 por arredor dun núcleo de antigos militantes do antigo Partido Galeguista e mozos confesionais coas orientacións políticas de Ramón Piñeiro, definíase como socialista non marxista e federalista, contaba co apoio internacional de Josep Pallac e da Alianza Sindical Obrera, tiña un carácter de cadros e centraba a súa actividade fundamentalmente no asociacionismo cultural. O PSI, formalizado en 1968 baixo o liderado de Tierno Galván e do seu axudante, o ferrolán Raúl Morodo, xorde á calor das protestas universitarias da década dos sesenta, agrupando profesionais, intelectuais e estudantes nunha organización de carácter marxista. A sección galega deste partido alcanzaría certa relevancia nas loitas do 1968 compostelán, cunha importante presenza na Facultade de Ciencias, a través da súa Fronte Socialista Universitaria, e con dirixentes significados no campus como Martín de Hijas, Félix Sarmiento, Carlos e Alberte González-Garcés ou Cándido Conde Pumpido. Primeiros movementos O traballo de reorganización do PSOE na Galiza arranca en 1969. Adolfo Paz Martínez era un mozo natural da Estrada que, tras traballar como camareiro e cumprir o servizo militar na localidade gaditana de San Fernando, emigra a París, onde non tardará en incorporarse á factoría da Renault, entrando de seguido en contacto cos círculos socialistas do exilio. A través de Carme García Bloise, traballadora da empresa e peza chave no aparato do partido entre 1979 e 1994, e Xosé Paz Vazquez, antigo secretario xeral da organización na Galiza entre 1940 e 1948, intégrase en Forza Obreira, o sindicato francés de orientación socialdemócrata, e no PSOE, coincidindo coas grandes mobilizacións de 1968. Paz Martínez representaba unha excepción na agrupación socialista española de París, formada maiormente por exiliados e desterrados políticos de moita idade, converténdoo no militante ideal para desenvolver determinados traballos no interior, ao tratarse dun afiliado non fichado policialmente e dun emigrante económico. O mes de agosto de 1969, coincidindo coas semanas de vacacións, desprázase a Galiza coa encomenda de contactar con algunhas persoas de cara a reconstituír o PSOE no país. A primeira parada na súa viaxe realizaríaa en Tolouse, cuartel xeral da dirección do partido, onde chegaría acompañado de Xosé Paz para manter unha reunión cos membros da executiva socialista a fin de fixar o seu plan traballo no interior. Segundo Adolfo Paz, "era tal a situación do partido que a executiva socialista non tiña naquela altura nos seus ficheiros nin un só afiliado nin un só contacto en Galiza, dispoñendo despois da reunión exclusivamente cos nomes que me achegou Xosé Paz, que polas súas anteriores responsabilidades no partido mantiña aínda coñecementos". A impresión de Adolfo Paz non foi mellor tras reunirse uns días máis tardes en Donostia con Fernando Múgica, futuro ministro de Felipe González e Defensor del Pueblo, ao tempo responsábel de organización do PSOE no interior, que lle veu ratificar o partido non dispuña de ningunha estrutura na Galiza. [Podes ler a información íntegra no número 360 do semanario en papel Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]
PRAZA_14603
Pertence a un colectivo cun 80% de paro, para o que a sociedade entende como solución de integración "comprar lotería". A histórica activista Marita Iglesias, candidata de Equo na Alternativa Galega de Esquerda pola Coruña, introduce na campaña electoral o debate sobre a diversidade funcional, desde unha perspectiva inédita: a da investigadora que coñece a situación en carne propia.
Pertence a un colectivo cun 80% de paro, para o que a sociedade entende como solución de integración "comprar lotería". A histórica activista Marita Iglesias, candidata de Equo na Alternativa Galega de Esquerda pola Coruña, introduce na campaña electoral o debate sobre a diversidade funcional, desde unha perspectiva inédita: a da investigadora que coñece a situación en carne propia. De cadeiras de rodas en escenarios públicos, poucos máis exemplos non lacrimóxenos ou paternalistas existen que o de Robert Wyatt, cantando I'm A Believer en 1974 no programa Top of the Pops, malia a negativa de la BBC de que saise en antena exhibindo a súa paraplexia. "Algo funcionou mal no discurso da inclusión en Europa e nas demais sociedades occidentais". É o resumo. Erguérase a Unión Europea sobre os alicerces dos dereitos humanos, pero o estricado mito da Europa solidaria evidenciouse tan feble que a penas reverbera nos discursos máis manidos. Foi notorio coa inmigración, cos cidadáns das ex colonias, e acontece tamén coas mulleres e homes con diversidade funcional, exentos por tradición da dignidade que tanto se tardou en lexislar. "Ocórreseme que, tanto o sistema político como a sociedade en xeral poden reflexionar sobre o feito de que tivemos que chegar até 2006 para ter unha Convención Internacional dos Dereitos das Persoas con Discapacidade, equiparábel en rango e intencionalidade á Declaración Universal dos Dereitos Humanos de 1948. En que parte do universo dos dereitos humanos recoñecíbeis en 1948 non encaixamos até 2006?". Quen ironiza é María Rita Iglesias Padrón, aka Marita, histórica activista polos dereitos da diversidade funcional –comunmente denominada discapacidade- e membro do internacional Foro de Vida Independente. "En que parte do universo dos dereitos humanos recoñecíbeis en 1948 non encaixamos até 2006?" O lema desta organización, "nada sobre nós sen nós", explica en parte a súa presenza na campaña para as eleccións galegas do 21 de outubro, pois as decisións políticas sobre os temas centrais do colectivo elabóranse á marxe, desde despachos onde só se intúe de esguello a realidade. Afiliada a Equo Galicia desde a súa orixe e agora número dez por Alternativa Galega de Esquerda na provincia da Coruña, Marita Iglesias apuntala un discurso infrecuente no adro electoral, apoiado pola inusual imaxe da súa figura, moldeada pola poliomelite desde nena. "Os plans de emprego non nos sacaron en 30 anos de valores sempre próximos ao 80% de paro, segrégasenos do sistema educativo cara a contornas desvinculadas dunha sociedade que compra lotería para integrarnos, pódesenos esterilizar sen excesivo rubor legal…" As persoas con diversidade funcional saben moito de culpabilizacións, foi unha estratexia histórica que funcionou moi ben. Tanto, que agora o discurso do capitalismo de casino, no proceso de salvación da súa clase fundadora, incorporou tamén a desempregados, enfermos crónicos e maiores ao espectro de parásitos sociais culpabilizantes. Hai moitos exemplos. O último, ese "non podemos seguir vivindo tan ben" do conselleiro delegado de El País, Juan Luis Cebrián, cando anunciou o despido dun cuarto da plantilla, mentres el se embolsaba 8,2 millóns de euros no 2011, un 228% máis que no 2000. Son argumentos parecidos aos que se empregaron tradicionalmente contra vostedes? Para nós ese reproche da "boa vida gozada" preséntase como unha falacia con tintes indecentes. O asistencialismo, certa atención e soporte cara ás mulleres e homes con diversidade funcional pode dicirse que serviu para lavar a cara dunha moral que no fondo sempre entendeu que todo gasto vinculado cos nosos dereitos era un desperdicio. As leis que dan soporte os nosos dereitos incúmprense sistematicamente, os plans de emprego non nos sacaron en 30 anos de valores sempre próximos ao 80% de paro, segrégasenos do sistema educativo cara a contornas desvinculadas dunha sociedade que compra lotería para integrarnos, pódesenos esterilizar sen excesivo rubor legal… Onde foi que perdemos "a boa vida"? Hai unha frase de Desmond Tutu que vén ao caso: "se es neutral en situación de inxustiza, elexiches o lado do opresor". Algo así pasou nestes últimos tempos en detrimento dos cidadáns con diversidade funcional, que malia pequenos avances lexislativos, seguíuselles aplicando a medida da ignorancia colectiva –por exemplo, a inmensa maioría dos edificios, dos locais de ocio, das tendas, dos bares, e até máis dun 30% dos da administración, incumpre a lei de accesibilidade, e fíxose a vista gorda-; é dicir, estábase co opresor. Pero agora, coincide en que rematou a neutralidade e a dimensión do opresor reactivouse ao motivar que as persoas en situación de dependencia volvan estar confinadas e recluídas coma noutros tempos? Desta volta volveron ser vostedes os primeiros en caer, sen consecuencias? Si, evidentemente. Mais alá dun desexo san de xustiza colectiva materializado en pequenos logros e propostas, o sistema democrático que temos dende 1978 fracasou no recoñecemento e a posibilidade de exercitar dereitos básicos, elementais por parte das persoas con diversidade funcional. Trinta e cinco anos despois aínda seguimos dando voltas nas mesmas norias da accesibilidade ao medio, da educación inclusiva, mais vulnerábeis que outras á violencia... Como di un compañeiro meu pódese falar dun velado consenso euxenésico compartido pola dereita e a esquerda política cara ás persoas con diversidade funcional, aínda sendo certo que é unha elaboración cultural mais cultivada polo liberalismo económico, un virus xa presente nos cimentos do capitalismo, a competitividade, o productivismo… De todo iso tambén se infectou a esquerda nos últimos séculos e todavía lle enferma até o punto de decidirse con rotundidade onde ubicarnos nun mundo condicionado con ese liberalismo da economía que estraga a vida dunha xeración tras outra. O sistema democrático que temos dende 1978 fracasou no recoñecemento e a posibilidade de exercitar dereitos básicos, elementais por parte das persoas con diversidade funcional Por se houbera poucos detractores, en maio, o valedor do Pobo, Benigno López, avogou no Parlamento galego pola posibilidade de suspender a Lei de Autonomía Persoal "até que teñamos a sorte de vivir mellor fortuna" –o que implica, ademais, que todo obedece ao designio dos fados, e non ao goberno dos pobos, un pensamento que parecía superado xa con Tales de Mileto, no século VII antes da nosa era-. Con defensores así, precísanse inimigos? Foi moi desafortunado ese comentario, pero tremendamente significativo e paradóxico nun defensor dos dereitos do pobo. Dános a medida do trasfondo social que subxace no incosciente colectivo: hai castas e hai seres abandonados, con menos recursos, con menos dereitos sociais e civis, que só se atenderán cando sobre algo da mesa ou cando se cociñe especialmente para eles. É dicir, non se nos recoñece como suxetos de dereitos, quen diga o contrario está a mentir. Ese tipo de frase, que logo leva a un deseño concreto de políticas, nos ve como sempre nos viron: obxeto da beneficencia social. Os recortes empezan por nós porque hai un desequilibrio de poder tremendo e non temos canles para dicir non, como non sexa acudindo á xustiza e denunciando ese incumprimento, pero quen accede a ela e que tipo de xustiza vemos que se está a aplicar? En Galicia estanse a dar os mesmos casos que no resto do Estado, é unha lei que produce un mesmo resultado: insatisfacción, humillación e inxustiza comparativa. Teño a vantaxe, se se pode chamar así, de vivir en carne propia esta debacle dunha lei pensada para ser incumprida Os recortes en materia de dependencia –ou de autonomía, mellor dito- propiciarán que se deixe de atender máis ou menos unhas 60.000 persoas nun ano e que se perdan uns 12.000 empregos no conxunto estatal. Alén, o único dato positivo de que a lista de espera baixou en 3.252 persoas en agosto corresponde a un espellismo estatístico, xa que non foron incluídos no sistema senón que probablemente faleceron nese mes sen seren nunca atendidos. A Asociación Estatal de Directores e Xerentes de Servicios Sociais plantexa dúas posibilidades: que esteamos asistindo a unha "demolición cruel e calculada" da Lei de autonomía persoal, ou ben, "que se está a cometer unha torpeza de tal calibre que esixiría a dimisión de máis dun responsábel ministerial". Vostede que opina? Eu non son de números, nen estatísticas, aparte de por ter unha moi mala memoria. Resulta que todo é impreciso, non fiábel, manipulábel, etc. Dependendo nas máns de quen caian. Teño a vantaxe, se se pode chamar así, de vivir en carne propia esta debacle dunha lei pensada para ser incumprida. Son "carne dos servicios sociais" dende que adequerín o meu estatus de poliomielítica, por certo, froito dunha vacina en mal estado que o Goberno daquela –1960– decidiu suministrar a centos de nenos e nenas sen reparo algún, e nunca me gustou que me clasificaran dentro dunha lei que non foi pensada para nós senón para anciáns e onde se prima o asistencialismo e a dependencia contradicindo o propio nome da lei (Lei de Autonomía Persoal...). Por certo, o neoconcepto diversidade funcional gozou de éxito desde un primeiro momento dentro do colectivo e parece que empeza a extenderse. Substitúe outros dous termos: minusválido que significa, literalmente, que vale menos; e discapacitado, que é anómalo nas súas capacidades. Este último tolérase de mellor grao, para vostede sería aceptábel? Xa non. Para min non, polo menos. Discapacidade remite ao mundo no que se nos mide e pesa en función de rendementos competitivos, eses que só serviron para situarnos case como subespecie. Levounos moito tempo entender que a humanidade non ten un modelo platónico, ideal de si mesma. A humanidade é diversa e, en base a iso, algúns funcionamos nela con outros tempos, outras premisas, limitacións... e iso non nos fai menos humanos. Todo o que ten ver coa capacidade só é imposición da maioría estatística, non unha verdade incontrovertíbel da especie. Vivir nun estado de exclusión permanente lévache ou á acomodación, a certa resignación vital, ou a intentar identificar os mecanismos dos que outros se serven para limitar a túa vida Calcúlase que máis do 10% da poboación atópase nesta situación e que a cifra irá en aumento, pero o seu protagonismo é invisíbel. Quere contribuír coa súa figura a desterrar esta asentada dinámica? Non... Non me guía esa pretensión, polo menos, de xeito premeditado. Todo é mais prosaico do que parece. Vivir nun estado de exclusión permanente lévache ou á acomodación, a certa resignación vital, ou a intentar identificar os mecanismos dos que outros se sirven para limitar a túa vida. Iso, que pode entenderse como unha dinámica de visibilización, de protagonismo normalizado, só é o recoñecemento da miña condición de disciudadana, o malestar que iso me provoca, e a miña reacción belixerante, non resignada, para impedir que me sigan fastidiando a vida. Dous días antes da VI marcha pola visibilidade das persoas con diversidade funcional, o pasado 20 de setembro, catro activistas –entre eles os galegos Antón Novoa e Anxela López- pecháronse nas oficinas da Comisión Europea en Madrid para obteren resposta a dous escritos dirixidos a José Manuel Barroso (Presidente da Comisión Europea), Martin Schulz (Presidente do Parlamento Europeo), Mario Draghi (Presidente do Banco Central Europeo) e Herman Van Rompuy (Presidente do Consello Europeo. Cumpriuse o compromiso? Que responderon? Pois os compromisos alcanzados se materializaron en xuntanzas con eurodiputados españois (que xa tiveron lugar); outra co portavoz do Parlamento Europeo, co Xefe da representación da Comisión Europea en Madrid; e coa oportunidade de asistir a un evento da Vice-Presidenta Reading no que poderiamos facer unha pregunta sobre qué vai pasar cos sistemas de Asistencia Persoal en Europa. Ben, son vías abertas, pero, non é penoso que para lograr estas migallas tiñamos que facer este tipo de accións alarmantes para conseguilas? Nun mundo diferente o poder transmitir os desexos ou queixas dun pobo tería que ser visto e artellado con toda sinxeleza. Nós somos o poder, pero resulta difícil invertir esa pirámide… Nun mundo diferente o poder transmitir os desexos ou queixas dun pobo tería que ser visto e artellado con toda sinxeleza. Nós somos o poder, pero resulta difícil invertir esa pirámide… Unha das cartas plantexaba o seguinte: "Hai poucos días tivemos ocasión de ver unha competición deportiva na que o primeiro paralímpico foi un discapacitado severo, Sir Stephen William Hawking, que en nada minguou a súa dignidade aceptando o titulo de Lord porque, vostede sábeo, conta con 14 persoas que realizan labores de asistencia persoal e con iso leva unha vida na que el decide con liberdade que, cando e como quere facer as cousas. Son dúas caras dunha mesma moeda que opera baixo as mesmas leis de Europa". Publicítase habitualmente esta dicotomía entre o heroe superador –normalmente un deportista- e o paria inútil, por tanto, culpabilizábel? Honestamente, non creo que Stephen Hawking conte con 14 asistentes persoais no seu día a día. Paréceme un número excesivo. A risco de equivocarme, ese número de persoas foi coas que se lle dotou na súa visita a Galicia en 2008, precisamente, supoño, que para remediar os seus limites funcionais nun entorno limitante para calquera persoa con diversidade funcional que se desenvolva, por exemplo, en Santiago de Compostela. Claro... Esa dicotomía da que fala vostede vén da man desas anteolleiras do sistema cando repara en nós: estamos defectuosos, incompletos, mancados. E o estamos nun mundo forxado a músculo de competitividade, de preeminencia do home ou a muller mais apta, agresiva, perspicaz, completa, etc. De tal xeito que cando a sociedade alienante nos incorpora ao seu discurso, faino en termos que validan a súa construción. Por exemplo, nós non facemos deporte, nós exercitámonos "por espírito de superación ante as dificultades da vida", porque temos un "coraxe ante a adversidade e tralalalá…" As veces, é tan ridículo como estigmatizante, pero o entorno fomenta esa visión, mentres eles e elas fan deporte por saúde, pracer, benestar. Cando a sociedade alienante nos incorpora ao seu discurso, faino en termos que validan a súa construción. Por exemplo, nós non facemos deporte, nós exercitámonos "por espírito de superación ante as dificultades da vida" Por que Equo Galicia decidiu adherirse á Alternativa Galega de Esquerda? É o momento de converxer, baixo mínimos, quizá, pero a partires deses mínimos esperamos crecer. EQUO acaba de nacer e a xente aínda non nos coñece. Para nós estas eleccións son unha oportunidade única: que se sepa de nós e que outras forzas políticas asuman nos seus programas o ecoloxismo con medidas concretas, coherentes. Non somos egoístas e compartimos! Un dos principais cuestionamentos da alianza da Alternativa Galega de Esquerda é que misture partidos soberanistas e outros que non o son. Cal é a posición de Equo ao respecto? Equo en Galicia ten plena autonomía e poder de decisión, e vén exercéndoo dende o primeiro día. É o momento de converxer, baixo mínimos, quizá, pero a partires deses mínimos esperamos crecer. EQUO acaba de nacer e a xente aínda non nos coñece. Para nós estas eleccións son unha oportunidade única Pero traballan pola consecución da soberanía galega? En Equo Galicia cremos que só a nós corresponde decidir o xénero de cousas que nos afectan e non poden vir desde Madrid. Na súa vertente ecoloxista, Equo defende o rural galego, precisamente un dos puntos históricamente máis problemáticos para a vida dos galegos dependentes. Cal é a situación actual? Refírese á situación dunha persoa dependente no rural galego? Refírome. Pois esa son eu! Vivo nun lugar de 120 veciños onde tiven que aprender a facelo todo por min mesma porque non existimos dentro do entramado de recursos sociais que non sexan os asistenciais (contrarios a unha vida independente), nin para o transporte, o apoio no fogar, etc. Tamén me neguei a recurrir ao apoio veciñal, aínda que sei que é tradicional en Galicia, porque non estaba plantexando un mundo de troco onde hoxe te axudo a ti e logo me axudas a min. Non, a miña situación de aillamento e falta de recursos é unha cuestión de dereitos humanos: teño dereito a elexir onde vivir, e ten que ser nunha vivenda digna e accesíbel, e contar con Asistencia Persoal dignamente remunerada, e poder moverme dun sitio para outro, e acceder a unha alimentación correcta e a desenvolver o meu traballo tal e como o faría, e cos mesmos atrancos, que calquera persoa que viva no rural coma min. Teño dereito a elexir onde vivir, e ten que ser nunha vivenda digna e accesíbel, e contar con Asistencia Persoal dignamente remunerada, e poder moverme dun sitio para outro Equo ten unha presenza minoritaria na Alernativa, cal é a súa achega? Equo sobre todo é un partido novo ao que se lle fixo galopar nunhas eleccións xeráis, municipais e agora autonómicas case sen ter nacido como tal. A súa achega está en incorporar a xente da rúa que elaborou liña a liña o seu programa electoral, que elixe os seus representantes en eleccións primarias, que recurre a internet para exercitar a opinión e a democracia participativa, que se move só cos diñeiros dos seus afliados e simpatizantes. Pero tamen é o partido que aglutina por primeira vez á meirande parte dos partidos ecoloxistas do Estado e que conta co apoio do Partido Verde Europeo. Equo potencia a diversidade como concepto no seu sentido amplo, non só a diversidade na flora e fauna, senón a diversidade humana onde o único que temos en común e que cada un de nós é diferente! Vostede é ecoloxista e representa a unha organización que ten como máxima o ecoloxismo. A inmensa maioría das organizacións agrarias están aínda dirixidas por homes -en Galiza temos a excepción do Sindicato Labrego Galego-, e as políticas agrarias seguen a estar pensadas para eles. A propia concepción da alimentación como un sistema de mercado, non como un dereito ou unha necesidade descende desa tradición. Coñecemos tamén que na complexa situación do agro na comunidade existe unha histórica desigualdade entre labregos e labregas. Por exemplo, só o 5% das nosas labregas se xubilará coa pensión completa, fronte o 80% dos homes, porque elas foron consideradas "axuda familiar" e non cotitulares até hai moi pouco. Cal é a súa posición nesta materia? Todo iso que di, sóame moito... Como xa lle dixen, vivo no rural e vexo como se reparte e trata o traballo da muller na casa e nas explotacións familiares. Por outra banda, tamén me soa moito porque reflexa a situación tamén de moitas mulleres con diversidade funcional nestas comunidades onde se lles nega o dereito ó traballo no mercado aberto, pero se lles explota na casa como mao de obra "bruta", facendo as tarefas da casa, coidando os vellos... Isto é tamén unha das razóns polas que me integrei en Equo, porque creo que podo achegar a miña experiencia vital como muller con diversidade nun mundo que estigmatiza e discrimina á muller e ao diferente. Equo potencia a diversidade como concepto no seu sentido amplo, non só a diversidade na flora e fauna, senón a diversidade humana onde o único que temos en común e que cada un de nós é diferente! Ese é un valor engadido á filosofía ecoloxista que supón artellar un novo sistema social e económico pensado para todas as persoas, non cabe a exclusión, a excepción, as medidas graciábeis, non, trátase de xustiza e dereitos.
NOS_41906
A memoria sonora da Agra do Orzán é colectiva e, por esta razón, o programa Música en Brancode Sinsalaudio ten aberta neste mes de xuño unha convocatoria para microproxectos que serán financiados para se desenvolver no mes de outono.
Durante todo este mes de xuño, quen quixer, persoas ou colectivos, poden presentar microproxectos para optar arredor da memoria sonora da Agra do Orzán para optar ao financiamento a conta do programa de Sinsal Audio para a Concellaría de Cultura. As propostas escollidas apoiaranse con entre 2.000 e 3.000 euros para o seu desenvolvemento no mes de outubro. Para entrar na convocatoria non é preciso ser da Agra do Orzán, poderanse presentar iniciativas de todo o territorio galego con tal de que o proxecto xire arredor do patrimonio sonoro e musical do barrio da Coruña. Búscase a participación, en especial da veciñanza, a través dos colectivos que se moven no barrio, de persoas interesadas ou de quen teña unha idea brillante para recuperar e dárlle vida á música do Orzán. Para a elaboración dos microproxectos pódese tirar partido do traballo desenvolvido por Sinsalaudio na primeira etapa do proceso no que a consulta de fontes e máis de sesenta entrevistas forneceron un material de grande valor para coñecer o barrio e a súa historia cultural. Os proxectos deben implicar dunha maneira ou outra á cidadanía e terán que desenvolverse como mínimo nun día e nun mes como máximo. Poderanse realizar nos espazos do barrio, comercios, áreas comerciais, escolas, locais sociais, bares ou no Centro Ágora. No blog www.musicaenbranco.org atópase a ficha de solicitude que comper acompañar dun CV antes do 30 de xuño. Máis información en http://musicaenbranco.org/convocatoria/. A investigación, a participación activa da veciñanza e a programación de actividades son os tres eixos sobre o que se constrúe Música en Branco,o proxecto de Sinsalaudio para o Concello da Coruña que se está a desenvolver no barrio da cidade.
NOS_39186
A Xunta de Persoal dos Servizos Centrais denunciou ante a fiscalía o conselleiro de Facenda e o director xeral de Función Pública "polas irregularidades cometidas que poderían ser constitutivas dos delitos de prevaricación e desobediencia".
A denuncia ten a súa orixe na repetición dun exercicio da oposición da Xunta de Inspección de Turismo convocada en 2001. Este exercicio repetiuse, 14 anos despois, o pasado 17 de xuño, por mandato dunha sentenza do Tribunal Supremo "ante as graves irregularidades acaecidas no desenvolvemento do 4º exercicio". Se ben a sentenza é de 2009, non foi ata 2015 cando a Xunta a executa. Para os sindicatos, foi "unha execución rodeada de novas irregularidades e que a administración autonómica se resistiu por máis de 5 anos a levar a cabo ata que houbo un apercibimento de imposición de multa coercitivas sobre a persoa do director da Función Pública". Segundo a xunta de persoal, un aspirante presentou un acta notarial uns días antes na que clavaba o número de aprobados (6) e máis a metade dos nomes das persoas que superarían ese cuarto exame (3). Algunhas destas irregularidades foron: a cobertura de únicamente o 50% das prazas convocadas en contra do indicado pola sentenza, algo inédito na historia dos procesos selectivos da Administración autonómica, a coincidencia dos aprobados con persoas que prestan ou prestaron servizos no centro directivo competente en materia de Turismo ou a designación política do tribunal calificador da proba. A Xunta de Persoal ten previsto acudir ao Parlamento galego a vindeira semana para poñer o caso en coñecemento dos grupos parlamentares da oposición co obxecto "de que esixan as responsabilidades políticas pertinentes, entre elas, consideramos que a dimisión do actual director xeral da Función Pública".
NOS_20919
Só 2% dos habitantes de África ten a pauta completa.
A Organización Mundial da Saúde (OMS) pediu esta cuarta feira, 4 de agosto, unha moratoria global a unha terceira dose das vacinas contra a Covid-19 e que se considere adiar a inoculación dos adolescentes nos países ricos co fin de que haxa doses suficientes para inmunizar polo menos 10% da poboación de cada país e protexer así as persoas que están en maior risco de desenvolver unha enfermidade grave e morrer. O chamamento chega tras a decisión de Israel e de Alemaña de ofrecer unha dose de reforzo á súa poboación de risco. Tamén o Reino Unido planea facer o mesmo a partir de setembro, e outros países ricos reflexionan sobre a mesma cuestión. "Entendemos a preocupación dos Gobernos de protexer as súas poboacións da variante delta, mais non podemos aceptar que os países que xa utilizaron a maioría das subministracións da vacinas utilicen aínda máis, mentres que as poboacións máis vulnerábeis do mundo seguen sen protección", sinalou o director xeral da OMS, Tedros Adhanom Ghebreyesus. Desigualdade, en aumento De 4.000 millóns de vacinas administradas a nivel global, máis de 80% fórono en países de ingresos altos e medios, que representan en conxunto menos da metade da poboación mundial, precisou, ilustrando así a desigualdade que persiste no acceso a unha das intervencións vitais para deter a pandemia. En lugar de diminuír cos meses, a desigualdade no acceso ás vacinas está a aumentar, dixeron os expertos da OMS. Mentres Europa ten inoculada máis da metade da súa poboación e EUA perto de 70%, só 2% dos habitantes de África teñen a pauta de completa e só 5% recibiu unha dose. Novavax na UE Por outra banda, a Comisión Europea anunciou un acordo con Novavax para adquirir polo menos 200 millóns de doses da súa futura vacina contra a Covid. En virtude deste acordo, os 27 terán acceso a 100 millóns de vacinas a finais deste ano e principios de 2022, mentres que se gardan unha opción de compra para outros 100 millóns de doses até 2023. A compra fica no entanto pendente de que a Axencia Europea do Medicamento (EMA) dea o visto bo á seguridade e efectividade da vacina. O contrato permite doar doses a países de rendas medias e baixas, así como redirixilas a outros países do bloque.
NOS_52253
A finde trae unha potente oferta musical.
Sexta feira, sábado e domingo. Atlantic Fest. Illa de Arousa. Moitas propostas galegas (Xoel López, Diola, Best Boy, Músuclo, Malandrómeda ou Bala) e tamén grupos de fóra do país. Sábado Festacción LGTBQI. A Coruña. Campo da Leña. 18.30 horas. Aloitadores, poldros, marcaxe...e o Festival Rapasons, con Sés, Ataque Escampe, Os Cuchufellos e Xurxo Souto. Domingo Compostela. Barrio de San Pedro. As festal máis populares e autoxestionadas da capital, con múltiples actividades e novos artistas por descubrir. Valga. Auditorio Municipal. 21 horas. Carmina Burana. Versión en galego da obra de Carl Orff, dirixida por Manuel Villar, con tres solistas, coro de nenos, orfeón e a banda municipal. Ames. Praza da Maía. 13 horas. As Fillas bravas. Teatro con perspectiva de xénero protagonizado por tres mulleres que tocan e cantan o que lles peta. Son Patricia de Lorenzo, Mónica García e Arantza Villar.
NOS_16597
"Os Recunchos das Pontes" é un grupo de gaiteiros galegos de sesenta anos que tocan cada día nunha ponte debaixo da autovía A8 á altura de Barakaldo. Apegados ao país desde a emigración, senten Galiza cada vez que fan soar as gaitas.
¡Triste Ramón de Sismundi!Sinteu a muiñeira d'agoa mentras sete bois de lúapacían na súa lembranza. Federico García Lorca Dicía Castelao "que ditoso daquel que sempre viviu e morreu na terra onde naceu". Tamén dicía o rianxeiro que os casteláns cando emigran venden todo o que non poden levar e cargan ao lombo até co xergón da cama porque non pensan en volver. Porén, os galegos seguimos pensando na volta á nosa terra verde e mar de orballo cando estamos lonxe dela e levamos a nosa cultura no maxín para intentar construír unha Galiza que nos faga mais agradábel a estadía aló onde nos atopemos. Isto último (e que nunca é tarde para aprender) pódese comprobar ao falar cos sesaxenarios gaiteiros do grupo de gaitas "Os Recunchos das pontes" de Barakaldo. Venlle o nome ao grupo porque o lugar onde ensaian é debaixo dunha ponte da Autovía do Cantábrico (A-8), que está fronte ao Bilbao Exhibition Centre. Este grupo de gaitas está composto por Anxel Francisco Rivero, nacido nunha aldea de Oímbra; Eugenio Sánchez Veiga (Gendo), de Sobrado dos Monxes; Xosé Fernández Castro, da parroquia de Toques, Melide; Agustín Reboredo Carlín, da Vila de Cruces; Benigno Ramos Barreiro, de Melide, e a alma mater do grupo: Roberto Mendoza, nacido en Lalín, a quen desde neno chamaron Castelao pola semellanza das gafas e agora séguenllo a chamar polo seu amor a terra, amor a Galiza que tamén lle profesan os seus compañeiros. Xosé: "Aínda que algún día se vexa un máis decaído, porque isto é duro, despois volvo, porque lévalo dentro e a tradición tira" Todos empezaron a tocar a gaita entre os anos 2010 e 2011 ao sentir morriña e por ser algo do noso país, como di "Gendo". Todos, menos Xosé Fernández, que aprendeu algo en Rekalde no ano 2010, pero xa leva case tres anos nos Recunchos, aprenderon e empezaron a tocar a gaita no grupo despois de prexubilarse aos sesenta anos. Xosé, aínda que era fillo de gaiteiro, nunca collera antes a gaita, "agora para min é unha forma de relaxarme e de que se me pase o tempo voando, pois aínda que algún día se vexa un máis decaído, porque isto é duro, despois volvo, porque lévalo dentro e a tradición tira". Di que ao oír tocar a gaita, tanto aquí como no pobo, o sangue móveselle. Ao igual que os seus compañeiros está contento neste recuncho, "pero si houbera outro sitio que estivera mais abrigoso igual deixábamos este". Ánxel Francisco: Aguantamos coa moral e por moi mal que nos preste vir nunca pensamos en deixalo, pois ao escoitar a gaita, ou cando tocamos, sentimos un formigueiro, e sentir iso é como... eu que che vou falar Ánxel Francisco empezou a tocar con sesenta e dous anos debaixo da ponte no ano 2010. Asegura que o feito de tocar a gaita cambiouno moito, "na miña casa sempre houbo gaitas pero eu nunca quixen tocar, ademais apartábame delas". "Agora gústame e póñome a pensar por que non aprendería antes, porque agora podía sabela tocar ben e así non; agora estou aprendendo porque me entrou a morriña, a morriña da gaita", sinala. Sabe o duro que é pasar alí os días de inverno, pero "a pesar do frío que fai, aquí vimos todos os días e non nos cansamos, aínda que as veces quedan os pés fríos que parecen bloques de xeo. Aínda así aguantamos. Aguantamos coa moral e por moi mal que nos preste vir nunca pensamos en deixalo, pois ao escoitar a gaita, ou cando tocamos, sentimos un formigueiro, e sentir iso é como... eu que che vou falar!" Gendo Sánchez: "É incríbel, porque eu non pensei que polo menos ía saber inflar a gaita" Outro que sente morriña ao oír tocar a gaita, "porque é algo do noso país", é Gendo Sánchez, quen despois de xubilado daba uns paseos polo lugar e ía sempre ver os gaiteiros. Estaba un anaco con eles e animárono a se unir, "entón pregunteilles que facía falta e no mes de maio do 2011 presenteime coa gaita diante de Roberto Mendoza, que era o que levaba o grupo, e aínda o leva, e empezamos pouquiño a pouco. É incríbel, porque eu non pensei que polo menos ía saber inflar a gaita". Di que xa se coñecían de antes, pero o feito de tocar a gaita supuxo para eles mais compañeirismo e amizade. A pesar do sacrificio que supón nunca pensou en deixalo, "agora estiven uns días no hospital e tiña unhas ganas de vir aquí con esta xente… Vimos aquí todos os días menos o sábado (que imos ao Centro Galego) e o domingo". "Todos os días do ano vimos aquí, aínda que sexa hora e media, vimos. Mellor estariamos noutro sitio, pero igual é o costume de estar aquí", afirma. "Se por exemplo nos meten no pavillón do Bilbao Exhibition Centre non nos atoparíamos tan ben", salienta. "Cando imos ao Centro temos tambor e bombo, pero aquí solo temos a pandeireta porque para traer ese material necesitamos vir en coche… non imos vir chovendo co bombo por aí adiante". Benigno: "Vimos para aquí e estamos desde as dez e media até as doce e media e algún día até a unha" Benigno empezou a tocar a frauta no Centro Galego no outono de 2010 e ao ano seguinte empezou coa gaita que lle mercou a Seivane. "A min sempre me gustou escoitar a gaita e cando vin en Melide pasar uns gaiteiros díxenlle a meu pai que agora, de xubilado, igual me poñía a aprender a tocar a gaita, e díxome: Quen, ti? Ti non tocas a gaita nin que te maten a paus. Apunteime no Centro Galego aínda que me parecía imposíbel, pero poñéndolle moitas ganas… xa non dou pena", confesa. Benigno sinala que agora está contento, "aprender a tocar foi o mellor que puiden facer, pois vimos para aquí e estamos desde as dez e media até as doce e media e algún día até a unha. Pásanse esas horas entre amigos que nin te das conta". "Se nos desen outro sitio máis adecuado para poder ensaiar non viríamos aquí e pasaríamos menos frío. As gaitas aquí soan moi ben, pero... no inverno é sinceramente duro", engade. Agustín: "Vin cando tiña 15 anos, só polo mundo, coa maleta e mil pesetas prestadas" O único do grupo que non toca a gaita é Agustín, que se encarga da pandeireta e tamén canta nalgunhas pezas. Leva en Euskal Herria desde o ano 1967 e nel represéntase o drama da emigración con toda a súa crueza. "Vin cando tiña 15 anos, só polo mundo, coa maleta e mil pesetas prestadas. O malo é que non me collían en ningún lado para traballar porque non tiña a idade, pagábanme como pinche e non me chegaba para a patroa, á que tiven lle que pagar seiscentas pesetas adiantadas. Tamén lle paguei catrocentas ao autobús que me trouxo. De aí que quedara a dúas velas... Non tiña aquí familia e paseinas canutas", di. "Despois, na General Eléctrica amañáronme o do carné poñendo que tiña máis anos e xa fun cobrando setecentas á semana, entón xa me quedaban cen para a tarxeta do tren. Logo estiven trinta e seis anos de condutor dos autobuses e agora estou xubilado por contrato de relevo", explica. Agustín conta que "vin que esta tropa paraba aquí diariamente e xunteime a eles para tocar a pandeireta, que nunca na vida a tocara. Ao primeiro daba golpes sen ton nin son, pero a base de dar golpes, ir oíndo e ensaiar, imos levando o ritmo. Vimos aquí todos os días aínda que chova. Ao primeiro era unha novidade e a xente que andaba paseando parábase a mirar, pero agora xa están afeitos e veno como algo normal e corrente". Quere destacar o ben que se levan no grupo e que, de vez en cando, algún trae unha larpeirada. Séntese orgulloso de seguir falando galego despois de tantos anos emigrado, "sempre o falei, ademais casei cunha chairega de Guitiriz e sempre o falamos na casa. Eu mameino desde neno e... teño levado mais paus por falalo! Había un mestre estremeño que nos facía falar o castelán cando alí na aldea non o sabía ninguén e a cada palabra en galego un pau do estremeño". A Agustín gustaríalle que os Centros e as institucións galegas actuaran doutro xeito de cara a nosa cultura e non que non promovesen tantas sevillanas e bailes de salón, "porque en Sevilla non fan de gaiteiros nin na televisión de Sevilla ves cousas nosas, e na de Galiza ves moitos andaluces no Luar ou noutros programas, a televisión galega debía facer mais pola cultura da nosa terra". Pero Agustín non soamente canta e toca a pandeireta, pois tamén é un amante da poesía e fai coplas que canta logo cos gaiteiros. Quéixase de que non tiveran ocasión de empezar de rapaces porque daquela non se levaba, "hoxe hai moitos grupos e moi bos, a proba está en que vas pedir unha gaita a Varela ou a Seivane e dinche que para dentro dun ano porque hai moita demanda. Porén, non hai moita xente que a escoite, a xente é máis de orquestra, aínda que hai moita xuventude que está tamén metida, pero tampouco se venden tantos discos, pois sacando Treixadura, Milladoiro e outros así, a música folk non é aceptada como tiña que ser". Roberto: "Hoxe hai xente que vai retornando a nosa cultura aínda que predomina moito a foránea e os dirixentes non os apoian, só se acordan cando saen elixidos presidentes" Por último, Roberto (Castelao) tamén empezou a tocar a gaita hai uns cinco anos e medio, pero di que cando non sabía tocala xa se lle poñía a carne de galiña ao escoitala. Cóntanos que aprendeu a tocar a frauta no Centro Galego e que cando formaron o grupo empezaron a ensaiar noutro sitio. Foron cambiando de lugar de ensaio para non molestar os veciños até que atoparon este sitio no que non molestan a ninguén. Bota en falta o aprecio que tivo algún día o gaiteiro: "eu teño lido que o gaiteiro, aló polos anos trinta, era un oficio como outro calquera e que o gaiteiro ía polas casas a tocar onde había festa e case non traballaba na casa; por iso din que na casa do gaiteiro nin meda nin palleiro. A mediados dos anos trinta empezaron a vir as orquestras a Galiza e os gaiteiros perderon aprecio na sociedade. Hoxe hai xente que vai retornando a nosa cultura aínda que predomina moito a foránea e os dirixentes non os apoian, só se acordan cando saen elixidos presidentes, entón botan man deles", salienta. Coincide con Agustín en que nosoutros collemos doutras culturas pero os outros non collen da nosa, "eu non vexo bailar muiñeiras en Galiza como se ve bailar fandangos en Sevilla por Semana Santa". Tamén recoñece que é duro tocar neste lugar no inverno, pero di que "ao meter o fol debaixo do brazo e tocar dúas pezas xa te atopas mellor. Se tocamos aquí é porque non temos outro sitio. Os sábados ensaiamos no Centro pero este sábado hai misa e xa non podemos. A misa que a digan na igrexa, penso eu, pois á nosa idade se non ensaiamos todos os días… non é nada. De todos os xeitos estamos contentos aquí porque pasa moita xente que nos olla e algún apúntase a tocar a gaita. Este é un bo escaparate".
NOS_12216
A Sala do Contencioso-Administrativo de Ourense e o TSXG coidan contraria a dereito a non renovación dunha auxiliar de enfermaría após unha baixa por enfermidade mais tamén o encadeamento de contratos temporais por unha "vía fraudulenta".
O Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG) vén de desestimar o recurso presentado pola Xunta contra unha sentenza da Audiencia de Ourense na que foi condenada após non renovar o contrato dunha auxiliar de enfermaría do hospital de Verín cando esta estivo de baixa por enfermidade. A Audiencia de Ourense e o TSXG sinalan que o Sergas usa o encadeado de contratos temporais para ocultar contratacións indefinidas unha vía que, din, é "fraudulenta" O Superior de Xustiza ratifica a decisión adoptada en primeira instancia e coida que o Sergas cometeu unha "infracción grave" dos dereitos da traballadora "ao non renovarlle o seu nomeamento" a unha persoa que "levaba traballando de maneira continuada e ininterrompida durante un prolongado período de tempo", neste senso superior a 4 anos, "pola única razón da baixa por enfermidade". Así, obriga a que o Sergas restitúa a traballadora no seu posto mentres non sexa creada ou provista a praza que ocupa de maneira temporal através do correspondente procedemento de "concorrencia competitiva" ou amortizada "se por circunstancias ben xustificadas, resultase innecesaria". Asemade, na sentenza o Tribunal Superior de Xustiza sinala que a administración estivo a usar unha "via fraudulenta" para "ocultar unha contratación indefinida do persoal". Isto é, usaba contratos temporais encadeados para manter nun mesmo posto de traballo a mesma persoa durante 4 anos. Un feito que, sinala o tribunal, constitúe unha "relación xurídica indefinida temporal" que, aliás, foi finalizada "aproveitando unha baixa temporal" algo que, di, "non é de recibo".
PRAZA_3093
O 27 de marzo Ponte... nas Ondas! celebrará o seu 25 aniversario cunha maratón radiofónica na que participarán centros educativos de Galicia e do Norte de Portugal, e na que o patrimonio común dos dous países será un dos puntos centrais. Falamos co seu impulsor, Santiago Veloso
Em 1995, hai 25 anos, botaba a andar Ponte... nas Ondas! cun programa de radio conxunto entre centros de ensino de Galicia e do norte de Portugal. Dende entón a iniciativa medrou e consolidouse, facendo un traballo de achegamento e coñecemento recíproco entre as dúas beiras da fronteira, incidindo de forma especial na protección e posta en valor do patrimonio inmaterial. O 27 de marzo Ponte... nas Ondas! (PNO!) celebrará o seu 25 aniversario cunha maratón radiofónica na que participarán centros educativos de Galicia e do Norte de PortugalNeste tempo a entidade promoveu a Candidatura Multinacional do Patrimonio Inmaterial Galego-Portugués para obter o recoñecemento internacional da UNESCO, da que se converteu en consultora oficial en materia de patrimonio. Así mesmo, levou a cabo numerosas actividades de emisión radiofónica conxunta, editou varias publicacións e organizou accións simbólicas, como o encontro de escolares de Galicia e Portugal sobre as pontres que cruzan o Miño.O vindeiro 27 de marzo Ponte... nas Ondas! (PNO!) celebrará o seu 25 aniversario co que mellor sabe facer: radio, cunha maratón radiofónica retransmitida en directo na que participarán centros educativos da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, e á que a entidade convida a unirse a todas as emisoras e centros de ensino que o desexen. "Comezamos como un experimento e ao final chegamos a ser unha experiencia de dimensión internacional, propostos pola UNESCO como un modelo de boas prácticas en relación co patrimonio"A maratón transmitirase en directo a través do portal Escolas nas Ondas e desde as emisoras de radio participantes, unha das cales estará no campus da Universidade de Vigo, que difundirá o evento a través de UVIGO TV. As escolas participarán realizando tanto programas en directo como gravados, onde traten diferentes temáticas relacionadas co patrimonio inmaterial galego-portugués. Un mes antes, o 13 de febreiro, PNO! promove tamén nos centros educativos o Día Mundial da Radio, que nesta ocasión estará centrada na diversidade en todas as súas manifestacións: diversidade cultural, diversidade de xénero, diversidade de idades, de nacionalidades...Ao longo de 2020 PNO! realizará outras actividades, como unha nova edición do certame de recolla "As imaxes do Patrimonio". Tamén está xa aberta a segunda edición do Certame de Podcasts en galego Xosé Mosquera Pérez "O vello dos contos". Ademais, o 15 de maio realizarse unha xornada galego-portuguesa de xogos tradicionais. Cara ao final deste ano, a asociación celebrará o Día Internacional do Patrimonio, con diversas actividades co patrimonio inmaterial galego-portugués como eixo central. Unha Mostra da Oralidade galego-portuguesa terá lugar en Vigo no mes de novembro. Falamos con Santiago Veloso, impulsor da Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte...nas ondas!"O que queremos destacar o día 27 é esa combinación dos portadores do patrimonio e as novas voces da radio"20 anos non son nada, pero se cadra 25 xa son algo? Que se sente ao mirar cara atrás? Que valoración fas do acadado nestes 25 anos de PNO?Algo de vertixe dá, sobre todo pensando en que comezamos como un experimento, porque aquela primeira xornada que fixemos no ano 1995 definímola como Xornada Experimental de Radio Escolar. E ao final chegamos a ser unha experiencia de dimensión internacional, propostos pola UNESCO como un modelo de boas prácticas en relación co patrimonio e recoñecidos como unha ONG consultora para o patrimonio inmaterial. É unha satisfacción poder manter un proxecto consolidado, con 25 anos de traxectoria, unha iniciativa que ademais foi adaptándose á nova sociedade da información: sempre dicimos que empezamos sendo analóxicos e agora somos dixitais."As escolas dan un exemplo de como involucrarse nunha experiencia de comunicación que une dous países que comparten unha mesma lingua e unha mesma cultura"As actividades do aniversario están centradas en boa medida na radio, que é como botou a andar a iniciativa. Ao final sempre se volve a ese núcleo: a radio como elemento para tender pontes entre Galicia e Portugal?Si, dalgún xeito volvemos ás nosas orixes, que son a radio. Pero sabendo que a radio do ano 2020 é moi diferente á radio de 1995. Naquela primeira experiencia uníamos a través da FM dous estudios de radio algo precarios e o que queremos facer o 27 de marzo é unha xornada máis expansiva, abrindo a participación a todas as emisoras de radio, tanto as locais como as autonómicas, para que se involucren nunha xornada que busca darlles voz aos máis novos, para que os mozos e as mozas sexan protagonistas. E ao mesmo tempo combinado coa posta en valor do patrimonio inmaterial. O que queremos destacar o día 27 é esa combinación dos portadores do patrimonio e as novas voces da radio."Non vexo que se dean pasos de cara a consolidar esta Eurorrexión. Estámolo vendo todos os días en temas de infraestruturas, pero tamén nas escasas relacións entre os centros de ensino"Como vai ser esa maratón radiofónica? Con que participación esperades contar?Queremos facer un chamamento a que as emisoras de radio se involucren para os actos do 27 de marzo. Para nós é moi importante darlle visibilidade a unha experiencia que é única no mundo, na que as escolas dan un exemplo de como participar, como involucrarse nunha experiencia de comunicación que une dous países que comparten unha mesma lingua e unha mesma cultura. O obxectivo é ese: facer unha xornada de festa nas ondas o día 27.Levades 25 anos traballando para aproximar a Galicia e Portugal. Cres que houbo avances nestes 25 anos, tanto a nivel social como institucional?Eu creo que na sociedade si houbo un achegamento, houbo un avance claro, hai unha percepción de que Galicia e Portugal temos unha historia común e un patrimonio común, de que somos unha comunidade con moitas afinidades. A nivel institucional eu son máis pesimista, porque non vexo que se dean pasos de cara a consolidar esta Eurorrexión. Estámolo vendo todos os días en temas de infraestruturas, pero tamén nas escasas relacións entre os centros de ensino dun lado e doutro da fronteira. Creo que no ámbito educativo se poderían facer proxectos como Ponte... nas Ondas! moito máis ambiciosos."A candidatura transnacional para o recoñecemento do patrimonio inmaterial galego-portugués está en fase de espera a que os Estados dean o paso para poder presentala"En que ámbitos habería que incidir para avanzar neste proceso? Cales deberían ser as prioridades?Poderíanse facer moitas cousas, pero eu atopo que non hai un epicentro da cultura galego-portuguesa, non hai un centro de referencia ao que poida dirixirse unha persoa que queira aproximarse ao que ten sido e ao que é a cultura común. Por poñer un exemplo concreto, porque o que estamos vendo é que hai moita retórica sobre que somos unha comunidade, que temos afinidades, búscanse fondos europeos..., pero a nivel práctico botamos de menos medidas concretas para favorecer ese proceso. Non hai máis que ver a tímida implantación do estudo do portugués en Galicia. Imos lentos.No 2016 fostes recoñecidos pola UNESCO como consultora en materia de patrimonio, unha cuestión na que levades traballando dúas décadas, dende aquela candidatura lanzada en 2004 e relanzada dez anos máis tarde. En que fase está ese proxecto?Si, somos a única entidade acreditada en Galicia pola UNESCO para o patrimonio inmaterial e unha das catro acreditadas en Portugal; estamos acreditados nos dous países. A candidatura transnacional para o recoñecemento do patrimonio inmaterial galego-portugués está en fase de espera a que os Estados dean o paso para poder presentala. Percibimos que non hai demasiada vontade de facelo. Nós non podemos ser o promotores, depende das institucións, dos Gobernos centrais de España e Portugal e da Xunta. Ninguén dubida que esta riqueza xa é patrimonio da humanidade, falta inscribila oficialmente nunha lista. O potencial está aí, temos unha base moi sólida para a candidatura, falta a decisión para presentala.
PRAZA_7736
Tempos Novos, Novas da Galiza, Galicia Confidencial, Que Pasa na Costa, Xornal Certo, Radiofusión, de Luns a Venres, Praza Pública, O Compás e Valminor.info son os impulsores desta nova asociación.
Afortalar os medios en galego, consolidar un espazo de comunicación na lingua propia ou contribuir á profesionalización do sector dos medios en galego son parte dos obxectivos da Asociación de Medios en Galego que se acaba de constituír. Polo momento, dez medios en galego forman parte desta asociación; Tempos Novos, Novas da Galiza, Galicia Confidencial, Que Pasa na Costa, Xornal Certo, Radiofusión, de Luns a Venres, Praza Pública, O Compás e Valminor.info, aínda que outros, como Sermos Galiza, xa amosaron a súa intención de integrarse na mesma. A iniciativa está aberta a todos os medios editados en galego e ten a súa orixe na experiencia Vitaminas para o Galego A iniciativa está aberta a todos os medios editados en galego e ten a súa orixe na experiencia Vitaminas para o Galego, unha iniciativa impulsada o pasado ano que desenvolveu varios eventos xornalísticos e culturais en defensa do noso idioma. Obxectivos Esta asociación contribuirá á profesionalización do sector de xeito que as empresas se doten de estruturas sólidas que garantan a proxección de cada medio conseguindo a independencia económica e representará o sector diante das distintas administracións Os principais obxectivos da nova Asociación de Medios en Galego serán defender os intereses dos seus asociados favorecendo así o afortalamento dos medios de comunicación en galego. Tamén contribuir ao proceso de asentamento do sector dos medios de comunicación de información xeral na lingua propia de Galicia e á consolidación dun espazo de comunicación en galego fomentando a presenza pública, tanto individual como conxunta, dos medios de comunicación neste idioma. Esta asociación tamén contribuirá á profesionalización do sector de xeito que as empresas se doten de estruturas sólidas que garantan a proxección de cada medio conseguindo a independencia económica e representará o sector diante das distintas administracións en todo aquelo que afecte aos medios de comunicación en galego. Tamén debaterá colectivamente os temas de interese para o sector e asesorará ás entidades produtoras de medios integradas para facer fronte aos problemas profesionais comúns, promoverá iniciativas lexislativas e administrativas que beneficien ao sector. Ademais, desenvolverá accións, eventos e campañas de sensibilización tendentes a visibilizar na sociedade a existencia dos medios de comunicación en galego, intercambiará coñecementos e información entre os membros da Asociación e promoverá proxectos comúns e contribuirá ao proceso de normalización lingüística. Socios Serán socios desta asociación as persoas físicas ou xurídicas cuia actividade principal sexa a produción e tratamento de información calquera que sexa o seu soporte e que, entre outros requisitos, utilicen o galego, teñan unha periodicidade non superior a un mes Serán socios desta asociación as persoas físicas ou xurídicas cuia actividade principal sexa a produción e tratamento de información calquera que sexa o seu soporte e que, entre outros requisitos, utilicen o galego, teñan unha periodicidade non superior a un mes, teñan unha vida mínima anterior á constitución de seis meses e que máis do 70% da súa extensión ou tempo de emisión estea adicada a contidos non publicitarios. Non poderán formar parte da asociación os organos de expresión de administracións públicas ou entidades dependentes, partidos políticos, organizacións sindicais, patronais e colexios profesionais, así como calquera outra de análoga natureza, nin as asociación ou entidades que se atopen incursas en procesos concursais ou de disolución, ou que manteñan débedas con traballadores ou ex traballadores. Os medios interesados en formar parte desta asociación poden informarse enviando un mail a: [email protected]
NOS_17861
CIG convoca mobilizacións en oito comarcas polo 10-M, CCOO fai a tradicional ofrenda floral e mobilización en Ferrol e CUT maniféstase en Vigo.
Esta terza feira, 10-M, conmemórase o Día da Clase Obreira Galega, data sinalada para o movemento sindical da Galiza e que se instituíu en lembranza de Amador e Daniel, obreiros asasinados en Ferrol tal día de 1972. Diversos sindicatos convocan actos e mobilizacións para esta xornada. A principal organización sindical da Galiza, CIG, fai un chamamento a participar nas mobilizacións que ten convocadas en diferentes comarcas baixo o lema Recuperar dereitos para avanzar. Na defensa da Industria e do Emprego en Galiza. A central nacionalista insiste na necesidade de derrogar xa as reformas laborais e das pensións, e reivindica "salarios e pensións dignas". CCOO escolleu o lema Memoria de loita e traballo para esta xornada. Comisións Obreiras fará una ofrenda floral perante o monumento a Amador e Daniel (11:30), en Ferrol. Pola tarde, ás 19:00 horas, partirá a manifestación desde o mesmo monumento. CUT conmemorará o Día da Clase Obreira Galega cunha manifestación nacional que percorrerá as rúas de Vigo baixo o lema Conciencia de clase e nacional na loita sindical. A manifestación partirá ás 19:30 horas do Cruce da Vía Norte. "Pola memoria dos nosos, por Amador e Daniel, asasinados pola policía franquista en Ferrol en 1972 por defender os dereitos laborais e as liberdades de todos e todas!". 48 anos "Daniel ía uns dous metros diante miña, co buzo debaixo do brazo. Recibe un tiro e cae dobrado, cara a atrás, diante miña". Daniel é Daniel Niebla, un dos dous obreiros asasinados (o outro é Amador Rey) na represión policial do 10 de marzo de 1972 contra os traballadores de Bazán que se manifestaban en Ferrol. Quen lembra, Rafael Pillado Lista, dirixente na altura do PCE e CCOO. "En Ferrol había entón, e despois de moitos anos de construción, un movemento obreiro potente, forte e organizado", sostén. Algo que o franquismo sabía ben e que lle preocupaba. O responsábel dos servizos secretos franquistas, Coronel Sanmartín, recolle no seu informe El libro rojo de la subversión que entre as zonas perdidas para o réxime de Franco están as minas asturianas, o País Vasco e "Bazán e a Ría de Ferrol". Pasou case medio século desde aquela. O 10 de marzo está asentado no calendario de Galiza como o Día da Clase Obreira Galega, en homenaxe a aquelas loitas, aqueles operarios e aquela e esta clase. Este domingo varias mobilizacións percorrerán o noso país da man dos diferentes sindicatos para conmemorar esta data.
PRAZA_12972
O Goberno galego cre que é "moi cedo" para "cuantificar" o impacto da tesoirada nas remuneracións dos seus traballadores pero asegura que "non hai dúbida" de que contribuirán a reducir o déficit público
O pasado 16 de febreiro o Consello da Xunta daba luz verde á Lei de Medidas Temporais en Determinadas Materias do Emprego Público, o primeiro gran recorte que a Xunta lle aplica ao seu cadro de persoal. O xefe do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, enmarcaba a norma na súa vontade de que Galicia siga a a ser unha "comunidade solvente" e aseguraba que a decisión evitaba futuros plans "máis drásticos". A conselleira de Facenda, Elena Muñoz, concretaba aínda máis: "estas medidas permitirán un aforro anual duns 80 millóns de euros". Máis de dous meses despois da entrada en vigor da norma o grupo do BNG tentou, a través de Alfredo Suárez Canal e Tareixa Paz, coñecer "o aforro" que a lei leva producido e o "número de persoas afectadas" polo recorte. E a concreción de febreiro xa non é tal. O pasado febreiro a Xunta mantiña que as medidas suporían un aforro de 80 millóns de euros ao ano Nunha breve resposta parlamentaria Facenda constata que a normativa foi publicada no Diario Oficial de Galicia o 2 de marzo e entrou en vigor ao día seguinte e resume nunhas poucas liñas algúns aspectos básicos do seu funcionamento, tales como que "as medidas adoptadas en relación á incapacidade temporal, prórroga do servizo activo e redución de xornada precisaban desenvolvemento regulamentario para a súa aplicación". Ese desenvolvemento, no caso cando menos da redución dos pagamentos durante as baixas por enfermidade xa está en vigor, como adiantou Praza Pública, dende o 7 de maio. Ademais, engade, "en canto [á redución das] axudas do Fondo de Acción Social aínda non se publicou a súa convocatoria". Neste contexto o departamento que dirixe Elena Muñoz considera que aínda é "moi cedo" para ofrecer cálculo ningún do aforro producido. Aínda non é posible "cuantificar" as "accións habilitadas legalmente", din. Non obstante, dende a Xunta zánxase a resposta asegurando que "non hai dúbida" de que "nos próximos meses" os recortes "revelarán a súa eficacia para lograr o obxectivo de redución do déficit público autonómico". Malia telo preguntado explicitamente, os parlamentarios quedan tamén sen saber o número de traballadores afectados por esta decisión. Esta escueta resposta contrasta coa extensión notablemente superior das explicacións ofrecidas o pasado domingo por Facenda sobre as súas previsións para a xuntanza do Consello de Política Fiscal e Financeira, o órgano que xunta o Ministerio de Facenda coas autonomías que se reunirá o vindeiro xoves. É previsible que nese encontro Muñoz si expoña con máis amplitude o impacto do recorte ao persoal público xa que, avanzan, xa lle comunicaron ao Estado que Galicia cumprirá os obxectivos de estabilidade e "seguirá sendo unha comunidade que mantén un control estrito do déficit público". Nesta liña, ratifican que o recorte a aplicar neste 2012 será de "tan só 69 millóns de euros", 0,4% do que recortará o conxunto das autonomías.
NOS_16550
As primeiras investigacións descartan que as aves morreran electrocutadas, como se pensou nun primeiro momento. As persoas expertas tamén rexeitan unha infección por gripe aviaria após analizar os corpos dos exemplares atopados no barrio ferrolán de Caranza. A nova teoría céntrase en pescudar se o suceso puido deberse a unha intoxicación.
As persoas expertas seguen sen atopar explicación á morte dunha bandada de 150 estorniños a pasada semana no barrio de Caranza, en Ferrol. O suceso causou gran sorpresa na comarca, e na Galiza enteira, porque as aves comezaron a precipitarse sobre a rúa -na contorna do Hospital Juan Cardona-, os coches e mesmo xente que camiñaba pola zona sen que parecera existir un motivo. Ante a falta de datos, nun primeiro momento comezouse a falar da posibilidade de que os exemplares faleceran após bater co tendido de alta tensión. Porén, a estas alturas as e os especialistas xa descartaron tal motivo porque non atoparon edemas nin necroses nos estorniños. Aliás, analizáronse os corpos de 127 aves, ademais das dos poucos exemplares que quedaron vivos e foron trasladados ao Centro de Recuperación de Fauna Silvestre do municipio de Oleiros, que depende da Xunta. Segundo o informe inicial, os animais que ingresan vivos presentaban "un estado decaído, incapaces de voar, e con traumatismos en ás e patas, o que lles provoca dificultades para manterse en pé". Ante esta situación, "practicóuselles un tratamento con alimentación forzada e inmobilización das fracturas observadas". Posíbel intoxicación No entanto, tanto por esas atencións como polas comprobacións nos corpos descartouse que se trate dun caso de gripe aviaria. As persoas expertas observaron "varias lesións hemorráxicas na zona intratorácica, larinxe, e rexión craneoencefálica, que afectan gravemente a corazón, aparello respiratorio e encéfalo", pero que "non se poden relacionar cunha infección vírica, bacteriana ou parasitaria", e así "as análises realizadas constatan o negativo en gripe aviaria".Para determinar se a causa da morte puido ser unha intoxicación, o seguinte paso está a ser analizar a toxicoloxía das mostras tomadas de "encéfalo, corazón, pulmón, traquea, ril e intestino", estando actualmente "á espera dos resultados".
NOS_29267
Espera que a "finais de semana" entre en vigor para visitas dos hospitais.
O Servizo Galego de Saúde (Sergas) prevé administrar unhas 29.000 doses de reforzo contra o coronavirus ao día unha vez reabran o 19 de novembro, os recintos masivos de vacinación. A intención é inmunizar a uns 203.000 cidadáns cada semana. Son cifras que deu este domingo o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, nunha entrevista concedida á Radio Galega e recollida por Europa Press, na que explicou que a recuperación dos 'vacinódromos' débese a que funcionaron "de modo brillante" e "impecable" en anteriores fases da campaña. De acordo coas súas previsións, nas próximas semanas administrarase a terceira dose a case 290.000 galegos de 70 a 79 anos -até o 30 de novembro- e a segunda de Janssen a máis de 122.000 que recibiron esta vacina -o conselleiro estimou que esta fase finalizará o 5 de decembro-. Os centros masivos serán os mesmos que en anteriores fases da campaña de vacinación agás en Pontevedra e Vilagarcía de Arousa, porque "estaban xa comprometidos a outros usos". Tamén hai "un pequeno axuste" no de Monforte de Lemos, explicou o conselleiro. No caso de que a incidencia siga en aumento, o titular de Sanidade non desbotou que se implante a esixencia do certificado covid na hostalaría Preguntado sobre se se prevé que as doses de reforzo contra a Covid cheguen a toda a poboación, García Comesaña avanzou que toda "a información publicada por agora vai por esa liña", aínda que a Unión Europea déixao "a criterio dos países". "En España, a Comisión de Saúde Pública decidiu centrarse nos maiores de 69 anos, pero todo parece indicar que si", engadiu. Tras unha semana na que os datos diarios da pandemia -até superar os 1.000 casos activos- confirmaron a tendencia á alza da incidencia na Galiza, o titular de Sanidade recoñeceu que a Xunta ve a situación "con preocupación" e "cautela". Neste contexto, o conselleiro insistiu na súa aposta por estender o emprego do certificado Covid, porque "parte importante dos casos activos responden a persoas non vacinadas" nunha "proporción maior que os vacinados". Así, deu a cifra de que, a pesar de que só na contorna do 6% da poboación diana está sen vacinar, os non vacinados supoñen "o 25%" de todas as persoas que padecen a enfermidade. Polo momento, a Xunta aposta por estender a esixencia do certificado covid ás visitas dos pacientes nos hospitalizados, para o que pedirá autorización ao Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG) "nas próximas horas". A intención é que estea implantado "cara a finais de semana", afirmou García Comesaña. "Inicialmente" só será no ámbito hospitalario, tal e como matizou García Comesaña, posto que para acudir a centros de saúde e probas diagnósticas "é posíbel manter a máscara posta todo o intre". Así mesmo, no caso de que a incidencia siga en aumento, o titular de Sanidade non desbotou que se implante a esixencia do certificado covid na hostalaría, algo que "no seu momento xa pediron os propios hostaleiros", lembrou. "Non está riba da mesa agora mesmo, dados os números de Galiza agora mesmo, pero por suposto sempre estivo aí", engadiu, lembrando que no lecer nocturno mantense en vigor esta medida. "Imos insistir moitísimo na vacinación como principal ferramenta e imos dar valor a medidas que animen á vacinación", insistiu o conselleiro, na entrevista na Radio Galega. Coa vista posta no Nadal, se ben aínda "falta moito", García Comesaña xa avisou que serán unhas festas "con máscara no interior, sen dúbida, e con recomendacións de prudencia". De feito, lembrou todo o que pasou "despois" do Nadal pasado, cunha nova onda da pandemia que deixou cifras de contaxios e ingresados de récord.
NOS_23358
Despois de cinco anos de silencio editorial, Agustín Agra publica Silencio, un volume de contos centrados nalgunhas das figuras esenciais da historia da ciencia, no encontro entre o ser humano e a natureza que o arrodea. A curiosidade por saber e admiración pola variedade do mundo acaban sendo protagonistas dunha narración pola que desfilan, entre outros, Galileo, Lydell, Newton, Darwin ou Humboldt, mais que nos fala fundamentalmente do papel que a ciencia ten no desenvolvemento da humanidade como especie e como sociedade.
Silencio comezou como un proxecto de novela sobre Humboldt, un pensador de excepcional amplitude que foi o primeiro en considerar a natureza como un conxunto solidario e interdependente, o que provoca que moitos o consideren o creador da ecoloxía como ciencia. Admirado por Goethe e Darwin, amigo de Simón Bolívar, viaxeiro e naturalista incansábel… a súa figura foi, porén, desaparecendo de Silencio en favor das ideas que conformaron o seu pensamento. Os relatos que estruturan este volume sitúannos ante debates da máxima actualidade que estaban presentes na súa obra, o papel que xoga a ciencia na organización das sociedades e a relación que mantemos coa natureza. Foi premeditado ese protagonismo da ciencia nun momento en que a pandemia orixina un gran debate sobre o coñecemento científico e sobre o papel que debe xogar na nosa sociedade? Non, en absoluto. A primeira idea sobre o libro parte dunha idea que tiven hai vinte anos de facer unha novela sobre Humboldt, que sempre foi unha figura que me interesou moito por esa visión holística e totalizadora do mundo. Sempre fun bastante inimigo, persoalmente, da especialización e da división entre ciencias e letras. A humanidade tende a ser curiosa –se non, non estariamos onde estamos– e de aí partiu o proxecto. Por outra banda, eu traballo dunha maneira moi lenta: aínda que me puxese a escribir en marzo, xusto despois de desatarse a pandemia, non me daría tempo a rematar o libro. Ese principio de autoridade no que se fundan moitas afirmacións na actualidade é inadmisíbel Mais si que sae nun momento en que contextualiza moi ben eses debates. Silencio pode ter moitos significados e un deles é ese: o de clamar contra calquera afirmación que non estea sustentada en probas e argumentos, contra os dogmatismos e contra todo este ruído que nos arrodea de supostos especialistas en diversos temas, xa sexa a viroloxía ou calquera outro. Xa o inicio da revolución científica supón unha loita contra a escuridade; unha loita que vén de antes. A cita de Euclides de Alexandría que abre o libro –"o que é afirmado sen proba, pode ser negado sen proba"– reflicte moi ben estes tempos. Non sei exactamente cando din con esa frase, probabelmente cando era un estudante, mais desde aquela sempre me acompaña. O coñecemento debe estar baseado en argumentos, aínda que sexan rebatíbeis. Se non hai debate razoado, non hai coñecemento posíbel. Como docente, trato de ser moi coidadoso con como se transmite o coñecemento, e ese principio de autoridade no que se fundan moitas afirmacións na actualidade é inadmisíbel. Sinto que non son só os contidos os que teño que transmitir, mais tamén dar un exemplo de como se adquire o coñecemento, senón eses contidos quedan absolutamente baleiros. Sempre existe a dúbida sobre o que sabemos e sobre o que non sabemos. Un dos relatos fala da provisionalidade do coñecemento científico, da dúbida dos propios homes de ciencia ante os seus achádegos. No relato en que describe como Darwin debuxa a árbore da evolución, escolle como título esa frase que anota na marxe, I think (creo). É que se está a transmitir, por parte de moita xente, unha falsa visión sobre a ciencia: parece que as teorías e as leis son inamovíbeis e, en realidade, todos sabemos que non é así. Parte do método científico consiste en aceptar que o coñecemento está en continua revisión e que, con base en novos descubrimentos, as leis son modificábeis. No momento en que se atopa ante unha contradición, a ciencia debe reescribirse. Unha parte da nosa individualidade consiste precisamente na forma de ver o mundo, que está condicionada por unha miríade de circunstancias, en gran parte –sexamos conscientes ou non– pola ciencia. En "Transformismo" hai unha crítica do inmobilismo da relixión ante os avances da ciencia, mais tamén reflicte a dificultade que temos todas as persoas para cambiar a nosa visión do mundo, da resistencia do ser humano a modificar os principios que rexen o seu concepto da realidade. Dicir que os seres humanos somos conservadores por natureza soa moi mal, pero o certo é que custa moito traballo, por diversos motivos, mudar os nosos esquemas vitais. Todos somos máis ou menos conscientes do traballo que custa modificar unha opinión por moito que as probas nos amosen que as cousas son xustamente ao contrario do que nós pensabamos. Cando chega algo novo que pon en cuestión a nosa visión do mundo sentímolo case como unha agresión. Podemos considerarnos moi abertos e moi liberais, pero a realidade é que sempre nos custa aceptar eses desequilibrios. Non quero nin pensar o que pode significar para un científico que leva estudando un determinado fenómeno durante cincuenta anos que chegue alguén con novas probas e bote abaixo as súas certezas. Nese sentido, a nosa vida é moi fráxil. A protagonista do primeiro relato, Sofía, é fotógrafa e dela di á narradora que posúe "unha forma de mirar que transcendía a estética". Esa mirada é a que a fai comparábel ás grandes figuras da historia da ciencia que logo desfilarán polo libro. Creo que iso é aplicábel a todos nós. Unha parte da nosa individualidade consiste precisamente na forma de ver o mundo, que está condicionada por unha miríade de circunstancias, en gran parte –sexamos conscientes ou non– pola ciencia. A nosa cultura científica pode ser máis ampla ou máis limitada, pero sempre está por debaixo da observación de certos fenómenos. En bioloxía falamos de xenotipo –os xenes que nos veñen dados– e fenotipo –a expresión do xenotipo en función do ambiente que rodea o individuo. E ese "ambiente", no caso dos seres humanos, tamén está composto pola clase social, a educación, as amizades, as experiencias, as lecturas… Todo iso tamén nos modela e acaba conformando unha mirada particular. Ese relato en concreto, malia ser o que abre o libro, foi o último en ser redactado e ten unha certa vocación metafórica. Fala dunha persoa que xa viu moito mundo mais que segue a experimentar, segue a buscar e rebélase contra o acomodo. Partiu de imaxes moi concretas que eu vivín, como nesa escena en que, nunha viaxe en barco, alguén comeza a recitar o nome das especies de animais que rodean a embarcación: é algo moi obvio para todos os presentes mais acaba suscitando emoción. E tamén, até certo punto, é unha copia da fotógrafa mexicano-canadense Cristina Goettsch Mittermeier, que expuxo na Galiza hai uns anos. É unha personaxe que creo que responde moi ben á idea central do libro: a de que a curiosidade polo que nos arrodea, o abraio ante o mundo, é o que move á humanidade. Si, esas son as dúas ideas: a curiosidade por como funciona o universo e, logo, o deixarse abraiar polas marabillas que nos rodean. Igual a expresión soa algo melindrosa, mais penso que a curiosidade e o abraio son os motores que nos moven como individuos e como especie. Por iso procuro non quedar quieto. A noción central do libro reflicte o pensamento de Humboldt, e aí están incluídas moitas das súas ideas emancipadoras, da súa rebelión contra o dogmatismo. Hai tamén un certo paralelismo entre ela e a figura de Humboldt, que dalgunha maneira fecha o libro. É un personaxe que quedou algo esquecido ao longo do tempo e que se está a reivindicar agora, talvez porque a súa obra prefigura o pensamento ecolóxico moderno. É difícil de explicar cales son os motivos polos que a figura de Humboldt "desapareceu" da historia de ciencia. Quizais porque os científicos alemáns foron rexeitados tras a II Guerra Mundial, negóuselles o recoñecemento das súas achegas. Mais a obra de Humboldt é tan monumental e tan importante que parece case perverso obvialo. A figura de Humboldt tamén toca un tema que se repite en varias partes do libro: a unión entre o coñecemento científico e o progreso social. Noutro relato, Impostura, a narradora confesa que do que quere falar é da "revolución, da francesa e da científica". A reivindicación da ciencia é tamén unha reivindicación política? Eu creo que si, mais no libro hai fronteiras que non quixen traspasar. Non quería que o peso ideolóxico da novela fose demasiado grande nin que o libro se vise como un volume de divulgación nin de filosofía. En moitos dos textos cítase, directa ou indirectamente, Aristóteles e o libro é unha emenda á totalidade do pensamento aristotélico, aínda que dito así acabo de caer nunha esaxeración sublime [risas]. En todo caso, o que ía ser un libro sobre Humboldt acaba citándoo en tres parágrafos. O que ocorre é que a noción central si que reflicte o seu pensamento, e aí están incluídas moitas das súas ideas emancipadoras, da súa rebelión contra o dogmatismo. A curiosidade da que falabamos lévanos a facernos unha serie de preguntas que, no fondo, son un contrapoder ante o escurantismo e a inxustiza. É a única forma de loitar contra ese poder, o único que nos salva ou que nos pode salvar. Polo menos é o que nos permite manter a esperanza. A ciencia non só amplía horizontes e miradas senón que tamén nos fai máis conscientes das inxustizas. No relato sobre Lavoisier reivindícase o papel da súa muller na creación da química moderna, como imaxe de todas as mulleres que foron "borradas" da historia da ciencia e, por extensión, da historia en xeral. Ao tempo que tiña que ser reivindicativo, tiña que ser xusto. Non podía obviar as achegas das mulleres á historia da ciencia, mais ao mesmo tempo, non podía inventarme outra historia na que a metade dos descubrimentos científicos viñesen asinados por mulleres, non era real. Conxugar ambas as cousas era difícil, así que optei por contar esa historia que, indirectamente, explica por que as mulleres non están nesa historia. Non sabemos de certo cal foi a achega de Marie-Anne Lavoisier, a muller de Antoine Lavoisier, á fundación da química como disciplina científica. En "Omphalos" fálase das disputas entre o heliocentrismo e o xeocentrismo, mais en realidade do que se trata é de se o ser humano é o centro do universo. Son ideas que hoxe están moi vixentes cando se fala de buscar unha nova relación co resto dos seres do planeta, nese pensamento ecolóxico que comentabamos. Por exemplo, existe un gran consenso sobre o feito de que a orixe da pandemia está nos desequilibrios ecolóxicos provocados pola man do ser humano. Seguimos na necesidade de cuestionar esa idea do ser humano como centro. Si, hai unha visión máis holística que responde máis ao pensamento humboldtiano. Reducir a obra de Humboldt a "pioneiro do ecoloxismo" é moi reducionista, mais si que hai unha serie de acólitos que acaban facendo callar ese pensamento, aínda que sexa moitas décadas despois.En todo caso, a miña teima –como docente e como escritor– está en transmitir formas de ver o mundo máis abertas e acordes co que sabemos. Creo que sempre nos preguntamos quen somos e por que pensamos como pensamos. Eu teño un fillo de once anos e aí pode situarse esa gran pregunta sobre cales son os valores que transmito cando escribo. E tamén de preocupación polo futuro. O noso tempo é limitado e poderiamos permitirnos ser un pouco egoístas, desentendernos do que vaia suceder dentro de sesenta ou setenta anos, porque daquela xa non imos estar aquí. Formamos parte do ciclo da materia e non sabemos onde estarán os nosos átomos naquela altura. Pero de forma máis directa, os nosos achegados, os nosos fillos especialmente, si que funcionan como un elemento de solidariedade, simbolizan a preocupación que temos polo que poida acontecer coa humanidade e co planeta no futuro. Hai que ser consciente de cal é a realidade literaria deste país e un non publica cando quere. Esa preocupación súa polos valores que se transmiten tamén están presentes no libro, na reflexión permanente da voz narradora sobre como contar as historias, especialmente no caso da xornalista. Sempre existe o medo a ser demasiado didáctico. Eu quero facer literatura e, neste caso, tiña medo de que se revelase esa deformación profesional dos docentes. Ese cuestionamento sobre como contar as cousas existe en todas as persoas que temos que transmitir unha historia, uns determinados contidos ou valores e que as personaxes reflexionen sobre esta cuestión era unha forma de liberarme das dúbidas. Silencio aparece despois dun longo silencio como escritor. Que achega á súa obra este libro? Hai que ser consciente de cal é a realidade literaria deste país e un non publica cando quere. Aínda que tamén é certo que eu nunca tiven présa: dediqueime a facer o libro que eu quería e a traballar nel deseguido sen preocuparme demasiado pola publicación. Tamén xogou un papel que eu sacara outro libro de relatos hai once anos [O recendo das mimosas] e que me pareceu que lle faltaba cohesión. Daquela non quixen volver caer no mesmo erro e dinlle moitas voltas a este para que adquirise esa coherencia do conxunto. Non é un libro de relatos ao uso e da súa escrita saíron un par de pólas que, en certa medida, están relacionadas co contido de Silencio. Non sei se sairá publicado dentro dun ano, de dez ou nunca, mais o meu ritmo de escrita sempre é o mesmo; outra cousa é o encaixe que poida ter na actividade editorial deste país.
NOS_19755
As sete cidades galegas e boa parte das principais vilas acollerán o 20 de Febreiro senllas mobilizacións en contra da LOMCE, coincidindo con máis unha xornada de greve en todos os níveis do ensino, a primeira de 2014.
As sete cidades galegas e as vilas de Burela, Pontedeume, Carballo, Cee, Lalín, O Barco, Vilalba, Xinzo, Sarria, Ribeira, Vilagarcía, Ribadeo e Ponteareas son os 20 lugares confirmados xa para acoller senllas manifestacións estudantís o 20 de Febreiro, nunha nova xornada de folga en todos os níveis do ensino público galego --de 3º da ESO para arriba--, a primeira deste ano. Todos os protestos serán ás 12h agás o de Ferrol, que sairá ás 12.30h e o de Pontedeume, fixado para as 10h porque o alumnado repetirá mobilización unhas horas despois na cidade departamental. Así o sinalaron esta quinta feira en rolda de imprensa as tres organizacións da esquerda nacionalista e independentista, Comités, Liga e Agir. Aproveitaron a intervención para mostrar o seu apoio á greve, convocada pola Plataforma galega en defensa do ensino público. En pé! polo ensino público galego Sob o lema En pé!, representantes dos tres colectivos deron leitura ao manifesto conxunto que presentaron por vez primeira o 12 de decembro de 2013 e que xa tivo que ser modificado "porque en menos dun mes xa sufrimos novos ataques das políticas de Madrid", tal e como apuntou Antía Balseiro, de Agir. A eliminación das bolsas Erasmus para que o estudantado se forme no estranxeiro, a "mercantilización da mocidade" a través de materias como Iniciativas Emprendedoras, contempladas no currículo da LOMCE ou a suba das taxas universitarias foron algunhas das agresións colocadas na rolda de imprensa, onde tamén se lembrou a resposta que o Estado español deu ás últimas mobilizacións estudantís: "unha fórmula á cal nos teñen afeitas, con feroz represión", en referencia ás cargas policiais rexistradas en Vigo os días 20 e 21 de novembro. Tal e como explicou Carlos García, dos Comités, o que nin o ministerio nin a consellaría de Educación contan é que "Galiza foi onde menos subiron as taxas, si, mais se estás xa dentro do sistema educativo e tes que te matricular de novo nunha materia o incremento é brutal" ou que "a bolsa do Erasmus só se vai pagar no primeiro cuadrimestre, polo que quen pida formarse no estranxeiro un ano enteiro terá que voltar á Terra ao non poder afrontar os gastos". "A famosa lei pretende aprofundar e impor pola vía da legalidade o desmantelamento programado do ensino público" ao tempo que perpetuar "esa cárcere dos pobos que é España", subliñou Cristian Puente, da Liga Estudantil. As tres organizacións agardan que as "macizas" mobilizacións con que o estudantado da Galiza respondeu sempre ás agresións ao ensino público se repitan o vindeiro 20-F.
PRAZA_16513
O presidente, nunha rolda de prensa semanal cuberta de xeito extraordinario maioritariamente por homes, salienta que o dereito de folga é "individual" e di que "sendo importante o que ocorra hoxe, é importante o que fagamos mañá"
Con garabata lila e camisa con tons similares, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, tentou este xoves nadar entre a marea feminista cun discurso no que salientou que o importante é o que se faga pola igualdade o resto dos días do ano, minimizando a importancia das protestas deste 8 de marzo: "Vamos a ver cal é o resultado". O presidente salienta que o dereito de folga é "individual" e di que "sendo importante o que ocorra hoxe, é importante o que fagamos mañá" Un día despois de acusar de machismo ao resto de grupos da oposición do Parlamento de Galicia con expresións que acabou retirando por ofensivas, este xoves o presidente celebrou a reunión semanal do seu Goberno. Ao seu remate participou na concentración celebrada ás portas da sede central da Xunta en San Caetano na que a secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella, leu unha declaración institucional baixo o lema Iguais e libres na que salientou que "o emprego é a principal ferramenta para combater a desigualdade". Posteriormente, Feijóo compareceu na súa rolda de prensa semanal que este xoves, fronte á maioría de mulleres existente no día a día dos medios de comunicación composteláns, foi cuberta por 20 homes e 4 mulleres, a maioría de medios públicos. Na súa intervención inicial o presidente non fixo ningunha referencia ao 8M e foi só a preguntas dos xornalistas cando valorou a folga, os paros e as diversas protestas convocadas. "Había distintas iniciativas, había unha iniciativa de folga, había outra iniciativa de paros, vamos a ver dado que as dúas están superpostas, vamos a ver exactamente cal é o resultado", dixo, para engadir que "o dereito a folga, a manifestación ou paro é un dereito constitucional que se exerce libremente, individualmente". Feijóo dixo "respectar" tanto ás persoas que decidiron secundar as protestas como ás que non e salientou que a "causa da igualdade" é "común" a todas as persoas "con independencia do seu xénero". O presidente rematou insistindo en que a reivindicación da igualdade non pode darse nun só día senón "os 365 días do ano". "Sendo importante o que ocorra hoxe, é importante o que fagamos mañá, e pasado", rematou. A rolda de prensa semanal tras a reunión do Goberno galego estivo este xoves cuberta de xeito extraordinario maioritariamente por homes Mentres Feijóo se sometía ás preguntas dos xornalistas varóns, boa parte das xornalistas mulleres de Santiago participaban na concentración convocada ás doce do mediodía na Praza Roxa. Tras fotografarse varias delas previamente xunto ás estatuas das irmás Maruxa e Coralia Fandiño, símbolo compostelán da liberdade da muller, difundiron un manifesto no que salientaron como sofren "o mesmo machismo que as mulleres do resto de sectores (precariedade, inseguridade laboral, fenda salarial, teito de cristal, acoso sexual ou ninguneos) pero coas particularidades asociadas á nosa profesión". Nesa liña, o manifesto salienta a "preocupación pola visión parcial da realidade que tantas veces ofrecen os medios e na que falta a presenza e achegas das mulleres"
PRAZA_20597
O número de desempregados descende en 15.600 persoas no segundo trimestre e en 21.400 con respecto ao ano anterior, pero a ocupación aumenta en 14.900 neses doce meses. O impulso do sector servizos e a temporalidade marcan de novo o desenvolvemento do mercado de traballo en Galicia
A chegada da Semana Santa e das contratacións de cara ao verán provocan unha importante redución do paro en Galicia. No segundo trimestre deste ano, o número de parados descendeu en 15.600 persoas con respecto ao anterior, quedando a cifra en 201.500 persoas segundo os datos da Enquisa de Poboación Activa (EPA) feitos públicos este xoves. A taxa de paro, xa que logo, diminúe en 1,3 puntos, até quedar no 16,1%. O paro reduciuse en 15.600 persoas no segundo trimestre e en 21.400 con respecto a hai un ano O descenso interanual é tamén importante, ao diminuír o número de parados e paradas en 21.400 persoas con respecto ao segundo trimestre do ano pasado (un 9,6% menos) e reducíndose a taxa en 1,6 puntos. Con todo, a redución do paro non se corresponde, como adoita, coa creación de emprego. Aínda que en relación aos tres primeiros meses do ano a caída do paro (-15.600 persoas) é case equivalente ao aumento de ocupados (+15.300), non ocorre así no prazo dun ano. Mentres que o descenso na cifra de desempregados é de máis de 21.000 persoas, o aumento de ocupados non chega a 15.000 (+14.900), un incremento do 1,4% en doce meses fronte á baixada de -9,6% no número de persoas en paro. Sete veces menor. Non todo o descenso do paro equivale a novos postos de traballo. Mentres o paro cae en máis de 21.000 persoas nun ano, a ocupación aumenta en 14.900; o medre do emprego é sete veces menor Ao tempo, Galicia segue a perder poboación activa, cuxa taxa se sitúa no 53,3%. Con respecto ao trimestre anterior, o número de activos diminúe en 500 persoas, pero respecto ao mesmo período do ano anterior, baixa en 6.600 persoas e a taxa de actividade diminúe dúas décimas. Con respecto ao trimestre anterior, diminúe tanto o paro masculino coma o feminino: hai en 99.600 homes parados (12.300 menos que hai tres meses) e 101.900 mulleres (3.300 menos en paro). Ademais, a taxa de paro masculina e feminina diminúen 1,9 e 0,5 puntos respectivamente, situándose a primeira no 15,3% e a segunda no 17%. En canto á ocupación, tamén aumenta en ambos os dous sexos: en 11.100 persoas nos homes e en 4.200 nas mulleres. Con respecto a hai un ano, o incremento é de 4.100 e 10.800 respectivamente. Na poboación xuvenil, pola súa banda, a taxa de ocupación é do 38% (+1,3% con respecto ao trimestre anterior e +3,3% respecto a hai un ano). A taxa de paro xuvenil sitúase no 26,3% no segundo trimestre, polo que diminúe dúas décimas respecto ao anterior e 7,2 puntos en comparación con hai un ano. Temporalidade e sector servizos Por sectores, o número de ocupados aumenta en todos, agás na agricultura e pesca. A maior suba dáse, con moita diferenza, nos servizos, onde a cifra increméntase en 10.500 persoas con respecto ao trimestre pasado e sitúase en 736.900. A ocupación na industria aumenta en 6.400 persoas; na construción aumenta en 1.700 persoas e no sector primario, pola contra, diminúe en 3.300 persoas neste trimestre. A ocupación aumenta en todos os sectores, sobre todo no servizos, agás na agricultura e pesca En termos interanuais, a ocupación aumenta na industria un 8,3%, na agricultura e pesca un 7,4% e nos servizos un 0,1%; pola contra, no sector da construción a ocupación diminúe un 5,6% entre o segundo trimestre de 2016 e o actual. O que non muda, como vén sendo habitual desde hai anos, é o aumento da temporalidade e a precariedade. Hai 3.600 asalariados máis no segundo trimestre con contrato indefinido respecto ao anterior, mentres que os asalariados con contrato temporal increméntanse en 16.600 persoas. En canto á variación interanual, as persoas con contrato indefinido diminuíron un 0,7% e os asalariados con contrato temporal, pola contra, incrementáronse un 6,9% (4.000 menos e 14.400 máis respectivamente). Hai 4.000 persoas menos con contrato indefinido e 14.400 máis con temporal con respecto a hai un ano En canto aos fogares, o número deles con todos os seus membros activos en paro diminúe en 5.400 unidades e sitúase en 68.500. Respecto ao segundo trimestre de 2016, esta tipoloxía de fogares diminúe un 9,5%. Pola súa banda, o número de familias nas que todos os seus membros activos son ocupados aumenta en 12.700 unidades, chegando aos 570.700. En relación co mesmo trimestre do ano anterior hai 14.100 fogares máis nesta situación, unha suba do 2,5%. VÍDEO | O PP equipara os "históricos" datos da EPA do segundo trimestre coa chegada do ser humano á lúa
NOS_20350
A empresa Edgewater organizou tamén unha viaxe a zonas mineiras de Asturies para ensinar 'o bonito' desta actividade: o percorrido conclúe coa restauración dunha mina de carbón, cuxos efectos nada teñen a ver coa do ouro
O director dun estudo sobre a afección nas augas que tería a explotación a ceo aberto que a empresa Edgewater pretende acometer na parroquia de Corcoesto, en Cabana de Bergantiños, participou nunha delegación desprazada a Bruxelas para defender o proxecto mineiro coa propia empresa e co lobby Euromines. Minaría de Corcoesto, a filial da transnacional canadense, contactou coa Universidade da Coruña, nomeadamente co catedrático Jordi Delgado, para a realización dunha investigación sobre a calidade das augas superficiais e subterráneas da zona. Dous meses despois, foi á Unión europea defender a viabilidade socioeconómica da explotación. "O director dun informe que pretende ser independente non pode facer parte dunha reunión a favor dun proxecto do cal pretende ofrecer unha visión imparcial", denuncia a plataforma Salvemos Cabana, quen cualifica o panorama como "totalmente inaceptábel" ao ser o obxectivo da viaxe a Bruxelas "vender" o proxecto como "de grande interese para a zona como fonte de creación de emprego e alternativa á crise no rural". Levar @s veciñ@s para que vexan 'o bonito' da minaría Porén, non é esta a única acción emprendida por Edgewater para lle lavar a cara ao seu proxecto mineiro. Após seleccionar a dedo 25 veciñ@s da comarca de Bergantiños, pagaralles a viaxe até Asturies, onde visitarán outras explotacións mineiras que a mesma empresa levou a cabo, nunha tentativa de sumar apoios para a mina. A expedición galega visitará as explotacións de Carlés e Boinás-El Valle, así como a restauración da mina de carbon de La Matona. A mina de Carlés, no Concello de Salas, aberta e operando sen permiso durante catro anos, provocou a contaminación por arsénico e antimonio do río Narcea en niveis perigosos para a saúde, tal e como certifican as análises feitas pola Universidade autónoma de Madrid. Aliás, o complexo de Boinás-El Valle, na localidade de Belmonte de Miranda, está identificado polos colectivos agro-ecoloxistas como o mellor exemplo do desastre provocado pola minaría do ouro en Asturias. A actual explotación, en fase de galería e a degradación paisaxística e ambiental orixinada pola restauración realizada a ceo aberto no ámbito da aldea de Begega, acumulan numerosas denuncias, sancións e expedientes graves por parte da Confederación Hidrográfica do Cantábrico, o que provocou unha contaminación irreparable do río Cauxa, afluente directo do Narcea. Continuamos. A planta de procesamento de Boinás-El Valle chegou a tratar ilegalmente miles de toneladas de rocha procedente da Nalunaq, en Groenlandia, vía porto de Avilés, desatando unha onda de procestas. Cando o goberno asturiano autorizou en 1996 a explotación da mina, baixo ningún concepto chegou a se considerar o permiso para procesar material de terceiros lugares. Millóns de toneladas de refugallos tóxicos altamente contaminados quedaron depositadas en terras asturianas. A visita conclúe na restauración da mina de carbón de La Matona, cuxos efectos nada teñen a ver con aqueloutros que causa a minaría metalífera nin a do ouro. La Matona foi restaurada cunha cuberta vexetal que agora se emprega para a produción de kiwis e maceiras.
NOS_4001
Si á condena do lanzamento do mísil que sobrevoou Xapón, mais non a novas sancións a Pyongyang. Ese é o resumo da reunión realizada esta terza feira, de urxencia, polo Consello de Seguranza de Nacións Unidas.
O lanzamento dun mísil que percorreu 2.500 quilómetros e sobrevoou territorio xaponés, o primeiro en facer tal cousa desde 2009, non acarretará novas sancións a Corea do Norte, após estas seren desbotadas onte na reunión do Consello de Seguranza de Nacións Unidas. Previsibelmente Beijing e Moscova mostrarían reticencias a aumentar as penalizacións sobre Pyongyang, co argumento de que a outra parte -Seúl e Washignton- teñen continuado coas súas manobras conxuntas, o que tamén contribúe para aumentar a tensión na península coreana. Sería inxusto que as sancións caesen só dun lado, veñen argumentar Rusia e China. En todo caso, o Consello de Seguranza si condena o lanzamento e, en troca, nada di da detonación de bombas perto da fronteira realizado como réplica por Seúl horas despois de o mísil sobrevoar Xapón. "O Consello de Seguranza condena a República Democrática Popular de Corea polas súas aldraxantes accións e pídelle que cese nelas. O Consello de Seguranza pon de manifesto que estas acccións non só representan unha ameaza á rexión, senón a todos os estados membros de Nacións Unidas", afirma o comunicado emitido por este órgao da ONU. Como era de agardar, as declaracións máis destemperadas contra Pyongyang chegaron da parte norteamericana. "O mundo está unido contra Corea do Norte", dixo arrogándose a representación de toda a comunidade internacional o embaixador estadunidense perante Nacións Unidas, Nikki Haley. Por súa parte, nun ton moito máis conciliador, o representante permanente de Rusia no Consello de Seguranza, Vasily Nebenzya, dixo que calquera solución á crise coreana debe excluír o uso das armas. "Non é posíbel unha solución militar aos problemas da Península. Cremos que todas as resolucións do Consello de Seguranza deben especificar esta condición", enfatizou o representante de Moscova.
NOS_24787
7.000 galegas e galegos desenvolverán Esclerose Lateral Amiotrófica (ELA) durante a súa vida, é dicir, unha de cada 400 persoas na Galiza, segundo as estimacións publicadas onte pola Asociación Española de ELA, que solicita a creación de residencias especializadas capaces de cubrir as necesidades destes pacientes.
Cada día diagnostícanse tres casos novos de ELA e cada día falecen tres persoas a causa desta enfermidade no Estado español, o que deixa un número constante de doentes próximo aos 4.000. É unha doenza que afecta na Galiza unhas 300 persoas, das cales perto dun cento son parte de Agaela, a asociación galega que agrupa pacientes, familiares, persoas colaboradoras e voluntarias. Orfas, polisintomáticas e incapacitantes, as doenzas raras comezan a facer sitio nos hospitais A ELA é unha enfermidade dexenerativa de tipo neuromuscular. Orixínase cando algunhas células do sistema nervioso denominadas motoneuronas, diminúen o seu funcionamento e morren, provocando unha parálise muscular progresiva. O que se descoñece é o que pon en marcha esa función dexenerativa que acaba por provocar unha debilidade muscular que avanza rapidamente até comprometer a autonomía motora, a comunicación oral, a deglutición e a respiración de quen a padece. O atraso no diganóstico pode demorarse até 15 meses A forma de manifestarse, apuntan desde Agaela, é moi variada xa que pode afectar "distintos territorios motores". Os síntomas iniciais poden aparecer nos brazos, cunha perda de forza ou de mobilidade nas mans; nas pernas, con torpeza na marcha e caídas frecuentes; e tamén pode presentarse de primeiras con dificultades para falar ou tragar. Con todo, calquera forma de ELA acaba por afectar os músculos da respiración, unha complicación que exixe axudas externas para se alimentar e respirar, até que na etapa final a súa parálise conduce a unha insuficiencia respiratoria que adoita ser a causa do falecemento. A detección precoz, chave para frear o deterioro cognitivo do Alzhéimer A heteroxeneidade na forma de manifestarse e a falta dunha proba específica ou biomarcadores que confirmen o diagnóstico de ELA nas etapas iniciais da doenza son as dúas razóns que explican un atraso na detección que pode demorarse até 15 meses e deixa perto de medio cento casos novos cada ano na Galiza segundo a Sociedade Española de Neuroloxía. Unha atención pluridisciplinar e simultánea mellora a evolución e prolonga a supervivencia das persoas doentes A ELA é unha doenza a na que interveñen numerosos factores. A día de hoxe non ten tratamento curador e require unha intervención multidisiplinar por parte de especialistas en nutrición, rehabilitación, logopedia, neuroloxía. Esta atención pluridisciplinar e simultánea "mellora a evolución e prolonga a supervivencia das persoas doentes". Investigación Esta intervención paralela e especializada en unidades multidisplinares pode chegar a alongar un ano a vida das persoas con ELA, cuxa esperanza non adoita superar os cinco. É por iso que tanto desde as asociacións de persoas afectadas como desde as unidades hospitalarias especializadas insisten en reclamar un esforzo maior en investigación. Chegar a saber por que morren as neuronas motoras do cerebro e da medula espinal é a chave para alcanzar un tratamento. A ELA afecta especialmente a persoas de idades comprendidas entre os 40 e 70 años, e de forma máis frecuente, aos homes. 90% dos casos son esporádicos, e arredor de 10%, familiares.
PRAZA_7700
Demándanlle ao reitor a apertura de negociacións sobre a instrucción da Xerencia relativa a xornada, permisos e vacacións. Este venres realizaron unha cazolada diante da Balconada coincidindo coa entrada en vigor da devandita instrución.
Ás once da mañá deste venres entrou en vigor oficialmente a instrución aprobada pola Xerencia da USC relativa á xornada, permisos e vacacións dos traballadores da Universidade de Santiago. A esa mesma hora representantes dos PAS levaban a cabo concentracións e unha cazolada na Casa da Balconada como sinal de protesta ante unha modificacións nas súas condicións laborais que denuncian que os obriga "a traballar máis por menos cartos", incrementa o persoal dedicado xusto nas horas nas que é menos necesario, e que ademais foi acordado sen a necesaria negociación previa. Denuncian "este empeoramento das condicións laborais derivado da Instrucción da Xerencia como gratuíto e discriminatorio, como un castigo inmerecido" Esa negociación é a primeira das demandas que lle realizan ao reitor, ao que veñen de remitir un escrito. No texto lémbranlle que "aínda que existe unha normativa a nivel estatal que afecta a estas condicións de traballo, a USC ten unha ampla marxe para facelo sen que isto afecte ao conxunto dos traballadores da administración e servizos e sen que lle cause prexuízos nin á Universidade nin aos seus responsables". Engaden que a aplicación desta instrución "non lle reporta ningún beneficio á Universidade, nin dende o punto de vista económico nin dende o da mellora da calidade dos servizos". E denuncian "este empeoramento das condicións laborais derivado da Instrucción da Xerencia como gratuíto e discriminatorio, como un castigo inmerecido". Por todo o anterior demándanlle a "inmediata retirada" da Instrucción da Xerencia até "a súa negociación e acordo cos órganos de representación do PAS". Como medidas de presión acordouse a presentación conxunta de instancias dirixidas ao Reitor, "co obxectivo de que reflictan o respaldo global á demanda de retirada da Instrucción". E o luns e martes da vindeira semana realizaranse asembleas informativas repartidas polos dous Campus "nas que se valorará a situación, as medidas xa tomadas e se recollerán propostas para novas accións".
NOS_27232
Está en perigo a protección das árbores senlleiras? De quen depende decidir cando e de que maneira se podan? Adega advirte do "desleixo institucional" da Xunta.
A poda da oliveira de Ponte Ledesma (Boqueixón) non é o único caso acontecido no país a respeito dunha árbore senlleira. En febreiro de 2015 Adega denunciou un acontecemento semellante a respeito do Eucalipto do Maná ou das Lombas localizado na Casa de Ordax, na parroquia de Loentia, no concello de Castro de Rei. A poda fora desenvolvida en decembro de 2014 agredindo os trazos que o catalogaban como un exemplar singular ao ter rebaixado en máis da metade a súa altura, porte e envergadura. O Eucalipto da Casa de Ordax medía 45 m. de altura e 35 m. de diámetro das pólas, após ser podado minguou á metade O Eucalipto do Maná acadou "ao longo dos últimos séculos "unha corpulencia descomunal que lle ten valido todo tipo de recoñecementos canto ás súas características estéticas con dimensións que acadan os 45 m de altura e os 35 m de diámetro das pólas, facendo que esta árbore domine a paisaxe da Terra Chá en varios quilómetros ao redor", sinalaban na altura desde Adega. Aliás, o seu "perímetro e dendrometría troncal próxima aos 9 metros, unha cifra que se agranda até alcanzar os 11 metros na base do seu portentoso tocón de pata de elefante" foron "os responsábeis de que forme parte do Catálogo galego de árbores senlleiras desde o momento mesmo da súa constitución en 2007". A Xunta delega nas xefaturas territoriais De facto, a Xunta de Galiza introduciu unha mudanza no Decreto 67/2007 polo que se regula o Catálogo galego de árbores senlleiras pasando a facer parte das xefaturas territoriais a decisión sobre a catalogación ou non dunha árbore ou formación, o establecemento de medidas preventivas ou non, a solicitude de informe ao Comité ou non, xunto coas decisións sobre a xestión das devanditas árbores protexidas, isto é, podas e outras intervencións. "O descenso no nível da toma de decisións ao rango provincial racha co criterio de harmonización a nível galego, co risco de aplicar criterios dispares, contraditorios ou condicionados por intereses locais", denunciaron desde Adega. "Con esta modificación, a Xunta considera ás Árbores Senlleiras pouco menos que un atranco, e pretende lexislar como noutos tantos casos para desprotexelas de facto e consagrar a arbitrariedade na súa xestión". Para alén do máis, ao fío do acontecido coa oliveira de Ponte Ledesma, Adega denunciou o "desleixo institucional" da Xunta noutros puntos do país a respeito da protección das árbores como parte do patrimonio. Eis o caso, aseguran, da Fraga de Casas Vellas (Lalín) ou o Ameneiral de Sarria.
NOS_4520
O primeiro foi en Bueu e o último na Gudiña. A 'categoría mancomunada de protección patrimonial' espállase dun recuncho ao outro do País co obxectivo de difundir os bens de noso. Mais non só. Procúrase tamén que sexamos quen de tomar decisións conxuntas a respeito do que merece ser conservado. Coñeces esta iniciativa?
Unha imaxe do estaleiro de Purro acompañada dunha pregunta: "como é que o conservamos?" Así foi deseñado o cartaz da primeira experiencia Bicomún, partillada pola veciñanza de Bueu.Desde aquela pasou case un ano e o proxecto espallouse até chegar á Gudiña pasando por Ourense, Muxía e Camariñas e con dúas paradas máis: unha internacional, en Madrid; e a outra no (ciber)espazo, a plataforma de pensamento en rede ThinkCommons. Nesta última as propostas de patrimonio a conservar realizáronse a nível internacional e moitas delas están na Galiza, coma o Parque do Pasatempo de Betanzos, a arte das redeiras ou a compañía de títeres Barriga Verde. Mais... que é iso de Bicomún? "Unha categoría mancomunada de protección do patrimonio" que liberaron na rede @s activistas que, coma María Masaguer, fan parte de Niquelarte. No proxecto Bicomún xúntanse os conceptos BIC --a categoría oficial de máxima protección para un ben de interese cultural-- e Procomún --os bens comunais, herdados, que se transmiten de xeración en xeración--. Xurdiu "coma unha sensación" de tres amig@s que procuraban unha maneira social de difundir o patrimonio de noso, explica Masaguer. O primeiro Bicomún organizouse en Bueu coa colaboración das entidades locais Motivos D'Aldea e SOS Estaleiro. Foi precisamente o valo do estaleiro de Purro, onde aínda (sobre)vive a carpintaría de ribeira, o espazo que servíu de tabloeiro para a exposición das dez propostas que a organización achegou e que a veciñanza valorou. "O patrimonio arqueolóxico é o que mellor se identifica porque é o que comunmente se non ensina como patrimonio", conta Masaguer. Con todo, o obxectivo deste proxecto é identificar calquera ben común que mereza protección. Así, en Bueu propúxose tamén o millo do corvo, en Vilagarcía a fonte da Coca, en Ourense a toponimia tradicional, en Camariñas o encaixe ou a historia de Man de Camelle e en Muxía o secadeiro do cóngreo. Nesta curiosa argallada non hai candidatas e gañadora. Gañan todas. Que metodoloxía se emprega? "Contactamos cunha organización local ou eles contactan connosco e escollemos dez bens" que as xentes do lugar se encargarán de valorar coa axuda duns autocolantes de cores: verde se entenden que está ben conservado; vermello se entenden que está en mal estado; amarelo se consideran que debe ser recuperado; e azul se non o coñecen. A maiores, entrégaselles un cartón en branco e unha caneta para que escriban o que desexen, comentarios, etiquetas (tags) emocionais. Os autocolantes péganse nos respectivos cartaces de cada ben seleccionado. Para alén dunha imaxe, colócase un pequeno texto que explica a historia dese bocadiño de patrimonio que se propón para 'catalogar'. De aí xorden entre @s participantes intercambios de anécdotas, de tradicións, de lendas e até de cancións vinculadas ao lugar. A tradición oral. Máis unha marabilla a recuperar e conservar. Cal é o obxectivo? Crear unha sementeira de ideas que se espallan, que se copian, que anegan todos os recunchos onde aínda resista patrimonio galego que mereza ser recuperado. "Conservar todo é imposíbel", sostén María Masaguer, polo que "buscamos, ademais da divulgación, que sexamos quen de tomar unha decisión en conxunto sobre o que máis valor ten para nós". E non fala de valor económico, claro. "Queremos reivindicar o espazo público como lugar onde avaliar o que temos, 'hackear' o proceso de declaración BIC porque non emprega dinámicas participativas, botar embaixo a xestión xerárquica do patrimonio", acrecenta. Licenciada en Historia e con estudos en Conservación e Restauración, María Masaguer fai do Bicomún "activismo profesional". Defende que esta profesión se comprometa co territorio en que traballa e que faga á poboación partícipe das súas achegas. Quen pode organizar un? Calquera que sinta que o patrimonio da súa contorna se está a tornar faragullas e que cómpre facermos algo por o conservar. "Hai que expandilo, metelo na nosa vida cotiá e falar del e do seu uso e importancia de cara ao futuro", di Masaguer. Só hai un requisito: filmar e fotografar o proceso para o partillar na páxina do proxecto. O último Bicomún --o oitavo-- organizouse na Casa da Viúva da Gudiña. Non foi ningunha asociación quen o puxo en marcha senón que xurdiu da vontade individual de dúas mulleres, Cristina Fernández e Olalla Manzano. Foron moit@s @s gudiñes@s que se achegaron até o lugar para exerceren de 'asesor@s de patrimonio' partillando a diagnose que fixeron dos bens que @s rodean e do estado en que se atopan. Foi o último mais non o derradeiro. Haberá máis. Sementar a riqueza de noso hoxe para que mañá (re)naza.
NOS_5812
O sindicato CUT afirma que o Tribunal considera que a empresa utilizou un informe médico da Mutua "a conveniencia para xustificar a denegación do exercicio do dereito á conciliación da traballadora", e condena a compañía a pagar 2.000 euros por danos morais.
O Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG) condena a Compañía Radiotelevisión de Galiza por vulnerar o dereito á igualdade das mulleres. O Tribunal revogou a sentenza do Xulgado do Social que lle denegaba a unha traballadora da CRTVG unha mudanza de quenda para facer efectivo o seu dereito á conciliación da vida persoal, laboral e familiar. Esta traballadora ten unha menor e unha maior dependente ao cargo. Tentou organizar a súa xornada laboral para poder compatibilizala con esa realidade. Desde o sindicato CUT denuncian que "a CRTVG opúxose ao primeiro sen motivación clara, e despois cun informe médico fabricado para o acto do Xuízo que desconsellaba a quenda que ela solicitaba, único elemento no que a xulgadora de instancia baseou a súa denegación". Porén, o TSXG vén de acoller as demandas formuladas pola CUT ao partillar o criterio de que o Convenio Colectivo do ente non pode ser utilizado para constrinxir o dereito á conciliación da vida persoal, laboral e familiar. Tamén ao ter en conta as demandas deste sindicato de que se deixen de utilizar os informes médicos da Mutua Mugatra para limitar dereitos ao considerar o Tribunal que "hai datos fácticos que permiten considerar que as conclusións emanadas do recoñecemento [médico] utilizáronse a conveniencia para xustificar a denegación do exercicio do dereito". O poñente Fernando Lousada Arochena argumenta na redacción que impedir en base a recomendacións médicas o exercicio deste dereito "supón unha inapropiada actitude paternalista descoñecedora tanto da decisión de autodeterminación da traballadora demandante como do carácter constitucional do dereito de conciliación", ao tempo que reprocha que "non hai unha referencia específica á igualdade de xénero [...] que se proxecta de maneira específica sobre a saúde laboral, daí que na elaboración e na aplicación dos protocolos médicos se deba considerar, para evitar unha desvantaxa particular das mulleres, que estas habitualmente dedican máis tempo cos homes ás tarefas domésticas [...] padecendo así unha dobre xornada". A sentenza acolle tamén unha indemnización de 2.000 euros polo dano moral xerado á traballadora, ao considerar transgredidos o dereito á igualdade e á non discriminación por sexos do artigo 14 da CE, así como as obrigas e dereitos referidos ao coidados dos menores contidos no artigo 39 do mesmo texto.
NOS_37977
Entrevista ao presidente de 'Kontseilua', a mobilización do 17, campañas polo idioma... Todo isto e máis neste suplemento, en vésperas do Día das Letras Galegas 2015.
O semanario número 145 do Sermos Galiza sairá esta quinta feira a rúas e quiosques co suplemento 'Somos Galego', editado froito da colaboración entre Sermos Galiza e a Mesa pola Normalización Lingüística. Neste novo número inclúese unha entrevista a Paul Bilbao, de Kontseilua, co que, entre outras cuestións, debateremos a Capital Cultural Donosti 2016 e o seu impacto no idioma e cultura de Euskal Herria. A mobilización nacional deste 17 de maio co gallo do Día das Letras é outra das cuestións. A convocatoria terá lugar baixo o lema Galego, garantía de futuro, porque, segundo indicou Marcos Maceira, portavoz da plataforma cidadá, a existencia e a normalidade da lingua galega é a garantía da existencia e do futuro do pobo galego, lembrando que ningún pobo pode aspirar ao progreso e ao avance social de costas á súa lingua. A canción "O abecedario" con letra e música de Magín Blanco tamén stará no supleemento. Esta canción complementa o libro O abecedario, con ilustracións de Óscar Villán, publicado pola Mesa pola Normalización Lingüística.
NOS_38818
O novo disco de Homem en Catarse pode sorprender polo que ten de ruptura coa discografía anterior de Homem en Catarse, mais tamén é certo que existen vías de comunicación co pasado
Se cadra foi a pandemia. Homem en Catarse explora a súa contorna, a cidade de Braga, e publica un álbum no que o piano protagoniza un discurso reflexivo e intimista que, ademais, contén un certo misterio turbador. Poderiamos pensar nesas rúas deshabitadas que durante o confinamento presentaban un aspecto sereno e sosegado mais que, ao mesmo tempo, inquietaban polo estraño da situación, polo reverso escuro que, en certo sentido, anunciaba o baleiro que exhibían. Sete fontes / Homem en Catarse / Regulator Records / 2021 / Sete pezas / 18 euros E porén, a beleza mantense presente. Os sete temas de Sete fontes fan gala dunha austeridade que se traduce en elegancia compositiva e refinamento sonoro. Harmonías reconfortantes e melodías apazugadoras crean atmosferas de tranquilidade que ondulan entre o minimal e a reminiscencia clásica. Hai chamadas á tradición romántica do piano (en "Pastor da serra dos picos", por exemplo) e alusións máis contemporáneas (na excelente "Péndulo da sé", que abre o disco). Mais, sobre todo, existe un notábel exercicio de redución á esencia mantendo a sobriedade e pescudando nas posibilidades do piano como interlocutor da tristeza confusa que pousa no fondo deste disco. E aínda dentro da súa contención, o álbum contén unha miríade de matices que propician que a música flúa con naturalidade entre a quietude e o asombro, entre a ameaza e o sosego. En certo sentido, apela ao consolo preciso para enfrontar a fatalidade. Sete fontes pode sorprender polo que ten de ruptura coa discografía anterior de Homem en Catarse, mais tamén é certo que existen vías de comunicación co pasado: se un pensa en temas como "Tua", de Viagem interior, ou "Tu Eras Apenas Uma Pequena Folha", de Sem Palavras, Cem Palavras, recoñecerá esa vertente introspectiva que serve de limiar a outras variantes máis experimentais. O resultado é magnífico: todo o disco está tinxido de profundidade e dunha rara poesía primordial. Pezas como "Santa María das Cortiças" ou "Rúa do Souto deserta" logran crear unha atmosfera compacta e intensa que, non obstante, funciona como unha invitación ao recollemento. "Valsa do Biscainhos" crea un interludio de gozo -unha especie de allegretto- que permite soñar con tempos mellores sen que a conciencia melancólica desapareza. "Moinhos do Portuguediz" debuxa paisaxes sonoras nas que conflúen o alarmante e o esperanzador. E "Nascente do Este" recapitula a nostalxia deixando ao ouvinte na dúbida de se se trata dun final ou, talvez, dun outro principio.
PRAZA_14807
Así que me parece moi ben que a delegada Cifuentes diga que a culpa de todo está do lado dos manifestantes. Pero eu podo pensar o que me pete, que para iso teño cabeza. De momento e ata que ma abran en dúas metades. Porque, ademais, é que leva toda a razón: a culpa sempre é dos manifestantes, que deberían quedar na casa, non protestar, non indignarse, obedecer, ser xente de orde, tragar con todo, non indignarse por nada
Os delegados ou delegadas do goberno (por exemplo a señora Cifuentes) levan repetindo o mesmo discurso dende que teño uso de razón cando falan das causas dos disturbios que obrigan a que, claro, interveñan os antidisturbios para poñer orde: a culpa sempre é dos manifestantes. Isto escoitaba eu de pequerrecho cando os grises repartían amables saúdos coas porras aos de Ascón no meu Vigo conflitivo de finais dos setenta ou despois nos oitenta aos que pedíamos pasesprobús (pronunciado así todo xunto e ao unísono, aí que melancolía por favor...), a primeira reivindicación da que teño memoria. E sempre o mesmo mantra repetido: a culpa sempre é dos cidadáns, que son parvos e xa saben que lles van dar, que lles van meter, que lles pode caer un bolazo de goma ou unha hostia sen querer vaiapordiós e aínda así van a manifestarse mira que son parvos. Isto escoitaba eu de pequerrecho cando os grises repartían amables saúdos coas porras aos de Ascón no meu Vigo conflitivo de finais dos setenta Cando eu era neno, os delegados do goberno (daquela non había delegadas) explicábanlle iso aos xornais, repetían a tele (a única que había) e as radios e aquí paz e despois gloria. Xa sabedes, aquela época de La Calle Es Mía que pronunciou o defunto a quen o PP dedicou a vitoria electoral (cada vez os políticos se asemellan máis aos futbolistas celebrando un gol: nas tomas de posesión meten alí a toda a familia e choran de emoción ao citar ás nais...cando gañan as elección dedícanllas a un morto en vez de aos votantes...en fin, calquera día destes Mariano, despois dunha intervención, tirarase de xeonllos polo Congreso adiante mentres o resto do grupo parlamentario se lle bota enriba para facelo aínda máis bonito e máis alegre wearethechampions). Mais agora, haiche imaxes de practicamente todo e todo o tempo. E xa non só na televisión, senón que a través das Redes Sociais éntranos o mundo a golpe de clic Iso, que antes os delegados falaban e esa era a verdade. Mais agora, haiche imaxes de practicamente todo e todo o tempo. E xa non só na televisión, senón que a través das Redes Sociais éntranos o mundo a golpe de clic e claro, de súpeto alucinas a colores vendo como os antidisturbios mallan sobre un manifestante dun xeito, digamos, intensivo. E claro, botamos as mans á cabeza. Ou, o que é peor, vemos uns policías dándolle brasa a uns señores vestidos de manifestantes kaleborrocos ou kalebarrocos, que queda máis artístico, pedindo que paren e berrando, soy compañero, soy compañero (e xa sabedes: a próxima vez que vos veñan dar coa porra, vós dicide, soy compañero, soy compañero, e xa non vos pegan. Palabrita). E daquela, como hai imaxes incontestables, dános por pensar que nesa manifestación, nesa en concreto, cando menos nesa moi en concretísimo, non é ningunha parvada crer que o que din algunhas testemuñas de que había antidisturbios facendo o traballo do revés, a saber, provocando disturbios para que todo se enturbiase e houbese que desinturbiar, iso, cando menos e a pesar do xogo lingüístico que veño de facer, que iso ten sentido. Así que me parece moi ben que a delegada Cifuentes diga que a culpa de todo está do lado dos manifestantes. Pero eu podo pensar o que me pete, que para iso teño cabeza. De momento e ata que ma abran en dúas metades Así que me parece moi ben que a delegada Cifuentes diga que a culpa de todo está do lado dos manifestantes. Pero eu podo pensar o que me pete, que para iso teño cabeza. De momento e ata que ma abran en dúas metades. Porque, ademais, é que leva toda a razón: a culpa sempre é dos manifestantes, que deberían quedar na casa, non protestar, non indignarse, obedecer, ser xente de orde, tragar con todo, non indignarse por nada, deixarse dar por ese sitio e, ademais, dicir que lles gusta e que queren outra vez. Outra vez máis, por favor. Con toda a porra.
PRAZA_6065
O colectivo de arquitectos e arquitectas Ergosfera analiza e documenta o crecente beneficio económico obtido por empresas privadas dende que se iniciou o proceso de privatización da xestión dos parques e xardíns na Coruña, un negocio que chega agora ás hortas urbanas.
En 2010 o Concello da Coruña completou a privatización da xestión dos parques e xardíns municipais. Os beneficiados por esta decisión foron as empresas Cespa (Ferrovial), Orto e Malvecín, que dende entón veñen recibindo unha importante (e crecente) cantidade de cartos públicos polo mantemento das zonas verdes da Coruña: dos 4,44 millóns anuais de 2010 pasouse aos 5,43 millóns en 2014. A concesión outorgada polo anterior goberno municipal foi renovada polo PP. En total, o Concello da Coruña gasta ao redor de sete millóns de euros cada ano no concepto de parques e xardíns, case o 3% do seu orzamento total. O colectivo de arquitectos e arquitectas Ergosfera analiza e documenta o crecente beneficio económico obtido por empresas privadas dende que se iniciou o proceso de privatización da xestión dos parques e xardíns na Coruña, un negocio que chega agora ás hortas urbanas. Os resultados desta reflexión expóñense dende o pasado 27 de xuño na instalación de Flu-or Otras Naturalezas, que estará até deste mes no espacio Hangar de Test (rúa Barcelona, 58). Ergosfera alerta tamén de que representantes destas empresas comezan a intorducirse nos procesos de decisión sobre o deseño de zonas verdes. Así sucedeu, por exemplo, na Coruña, no concurso de ideas para a mellora da zona da Rosaleda, nos xardíns de Méndez Núñez, en cuxo xurado participou Pedro Calaza, decano do Colexio de Enxeñeiros Agrónomos de Galicia, pero tamén cargo directivo de Malvecín (unha das empresas que xestiona as zonas verdes na Coruña). Unha das alternativas que propón este colectivo é a remunicipalización da xestión das zonas verdes, unha fórmula máis democrática, que permitiría máis fórmulas de participación cidadá, e que, "se se poñen en marcha sistemas de mantemento nos que a xardinería sexa a acompañante de procesos vexetais autónomos, ademais sería moito máis barata". Os servizos urbanos (limpeza, xestión de residuos, tratamento de augas, mantemento de zonas verdes...) moven millóns de euros cada ano en España (850 millóns en 2013) Dende Ergosfera pregúntanse se é "razoable" que o gasto en mantemento das zonas verdes "non só non se reduza, senón que aumente tanto nun período marcado pola crise económica e os recortes sociais". Lembran igualmente que os servizos urbanos (limpeza, xestión de residuos, tratamento de augas, mantemento de zonas verdes...) moven millóns de euros cada ano en España (850 millóns en 2013), que "dependen nun 70% dos contratos coas administracións públicas" e que se converteu "nun dos refuxios das grandes construtoras españolas", despois da crise do ladrillo. Sacyr (a través de Valoriza), ACS (Urbaser), FCC (FCC Servicios Ciudadanos), OHL (Pacsa), Ferrovial (Cespa) e Acciona (Acciona Service), controlan boa parte do mercado. Ergosfera lembra tamén a "auxe da corrupción asociada aos servizos urbanos" e que por exemplo Sacyr, ACS, FCC e OHL aparecen nos papeis de Bárcenas vinculadas a supostos pagamento ao Partido Popular. Ou que Cespa apareceu vencellada aos casos de corrupción Brugal (en Alacante) ou Patos, ademais das ligazóns de Aquagest descubertas na operación Pokémon. Hortas urbanas En novembro de 2009, como parte da iniciativa A cidade dos barrios, o colectivo Desescribir (hoxe Hábitat Social Cooperativa Galega) comezaba o proxecto de deseño e creación dun sistema de hortas urbanas comunitarias na zona do Val de Feáns, que dende abril de 2010 é xestionado pola Asociación das Hortas do Val de Feáns. Os seus promotores, cun orzamento total de 3.000 euros, conseguiron que a veciñanza da zona cedese seis mil metros cadrados de terreo, que foron convertidos en hortas para o seu uso comunitario. A iniciativa foi pioneira, e nos anos seguintes Culleredo, Compostela ou Vigo levaron a cabo iniciativas semellantes. A pesar de existir este proxecto en marcha, cunha metodoloxía que podería ser reproducida noutras zonas da cidade, e de que varios barrios e colectivos sociais (por exemplo na Agra do Orzán) levaban tempo reivindicando a habilitación dun espazo de horta semellante, o Goberno municipal dirixido por Carlos Negreira optou por unha fórmula completamente distinta. En setembro de 2013 anunciou a construción a través dunha empresa privada (Arce Jardinería) de hortas urbanas na zona de Novo Mesoiro. O custe: 161.500 euros (no que non se inclúe o proxecto), 54 veces máis que o proxecto desenvolvido en Feáns, a pesar de ter unhas dimensións semellantes (8.300 metros cadrados o proxecto municipal, por 6.000 o comunitario e autoxestionado) e de ser realizado en solo público. Mentres os usuarios do proxecto do Val de Feáns deben pagar 20 euros ao ano, os usuarios das hortas municipais deben abonar 50 euros de inscrición e 25 euros mensuais de aluguer, 300 euros ao ano Ademais, as súas condicións de uso son ben distintas: mentres os usuarios do proxecto do Val de Feáns deben pagar 20 euros ao ano, os usuarios das hortas municipais deben abonar 50 euros de inscrición e 25 euros mensuais de aluguer, 300 euros ao ano. Para Ergosfera, o Concello "non entende que as hortas urbanas son procesos que poden ser colectivos, máis do ámbito do común que do municipal" e denuncia que "como en moitas outras situacións, a administración só percibe a oportunidade dende o simulacro servicial, como captura irreflexiva de modas capitalizables en votos e que de paso continúen reforzando o tecido económico coñecido". "Se hai xente que conseguiu facelo ben, pois será unicamente cuestión de aprender desa experiencia. Non hai outros lugares na Coruña nos que a xente estea disposta a ceder as súas hortas? Despois póñense a disposición da veciñanza, para que se autoxestionen", destaca Iago Carro (Ergosfera). O arquitecto tamén critica o lugar escollido para levar a cabo o proxecto municipal: "na Agra, onde sempre houbo hortas, non é difícil poñelas de novo en funcionamento, ademais alí levan anos reclamando que se fagan. En cambio, óptase por un lugar como o Novo Mesoiro, onde non había hortas, o que obriga a facer unha obra de acondicionamento". "Outras lóxicas son posibles" "Reclamamos que no mundo da xardinería e dos espazos verdes se poidan pensar outras lóxicas", explica Iago Carro "Reclamamos que no mundo da xardinería e dos espazos verdes se poidan pensar outras lóxicas", explica Iago Carro. "Ás veces gástanse moitísimos cartos en poñer unhas flores nun xardín público que duran moi poucos días, cando traballando con especies locais se podería xerar unha xardinería ornamental con outro tipo de lóxicas. Sobre todo en Galicia", di. E pon un novo exemplo: "Pensemos nos céspedes con usos unicamente visuais; os céspedes poden ser moi útiles, se a xente os usa para deitarse ou sentar alí, pero outras veces ten unha función de embelecemento unicamente. E o céspede require dun mantemento moi caro, e ademais do uso de moita auga". Carro sinala o traballo teórico de Gilles Clément, un dos teóricos máis coñecidos hoxe en día nestes ámbitos, que propón outros conceptos, coma o de xardín en movemento e con criterios menos economicistas, novas teorías sobre os espazos públicos e as zonas verdes, "que non teñen por que ser algo tan controlado", destaca Carro. "Parecería que nestes tempo de crise e recortes, a xestión das zonas verdes debería ser un deses sectores máis flexibles, nos que se podería reducir o investimento, en beneficio de outros". Porén, na Coruña veu pasando exactamente o contrario O arquitecto sinala que a investigación levada a cabo por Ergosfera ten a súa orixe nunha ruta urbana, realizada o pasado mes de decembro, no que tres biólogas exerceron de guías nunha procura "doutras naturezas na cidade", explorando a natureza que subsiste e coexiste alén do cemento e alén das zonas verdes delimitadas e xestionadas en forma de parques e xardíns. Como destacou daquela o sociólogo Carlos Diz Reboredo, participante na actividade, "diso trataba: a paisaxe dunha cidade que está emerxendo sen ser mirado, que crece e se reproduce sen ser domesticado, quizais máis cidade (en "esencia") que a propia cidade habitada, domesticada e deseñada con rostro humano. Que representou historicamente a cidade senón, ante todo, a posibilidade de se volver ingobernable?" "Sorprendeunos que nos equipos de xestión das zonas verdes non hai biólogas" -sinala Iago Carro- "Elas teñen moito coñecemento, poderían xerar un novo tipo de xardinería, con outro tipo de especies, con menos custe económico e menos gasto de auga. Non entendían en que momento a xardinería se separara da bioloxía". "Iso foi o que nos levou a investigar a situación na Coruña. Parecería que nestes tempo de crise e recortes, a xestión das zonas verdes debería ser un deses sectores máis flexibles, nos que se podería reducir o investimento, en beneficio de outros. Porén, na Coruña veu pasando exactamente o contrario, primando o valor económico, de negocio, por riba de todos os demais", conclúe.
NOS_16431
Down Compostela organiza videoconferencias para promover o contacto coas familias e actividades entre as persoas con discapacidade.
O contacto e o traballo telemático tamén forman parte das rutinas das persoas con discapacidade durante o confinamento. A Fundación Down Compostela promove o uso de videoconferencias para seguir en contacto coas familias e coas persoas con Síndrome de Down, ademais de manter nas súas redes sociais un desafío diario baixo o reclamo Temos un plan. A experiencia das primeiras reunións telemáticas resultou un éxito, segundo explica a organización a través dun comunicado. Á sorpresa e á alegría iniciais, indican, sumouse a iniciativa das crianzas que mesmo improvisaron un concurso de disfraces na distancia que "as encheu de satisfacción". Atención individualizada Porén, aseguran, as sesións organizadas pola Fundación responden ás necesidades específicas das usuarias e ás propostas das diferentes áreas de actuación do colectivo: atención temperá, educación, logopedia e formación de adultos, entre outras. Desta forma buscan acompañar as familias e facilitar que as persoas con discapacidade poidan continuar co programa de atención que realizan habitualmente no Servizo de Promoción da Autonomía Persoal de Down Compostela. As videoconferencias non só atenden as necesidades específicas das familias, tamén responden ás necesidades de coordinación das profesionais, que precisan analizar os avances de cada familia e das persoas usuarias para contribuír ao seu proxecto de forma individualizada. Comparten actividades, pautas, consellos e chamadas telefónicas a onde non chegan as novas tecnoloxías ou chegan con dificultades, para favorecer un apoio personalizado en todos os casos. Temos un plan De forma complementaria, Down Compostela anima as súas usuarias e as súas seguidoras en Facebook a cambiar de hábitos e emprender novas rutinas durante estas semans a través da proposta Temos un plan. Un reto diario de segunda feira a sexta feira que calquera pode asumir e que inclúe adiviñas, coñecemento, gastronomía, arte, música e movemento.
NOS_17848
O vindeiro sábado, 11 de xuño, Compostela acolle un Galeusca pola diversidade lingüística e cultural no ámbito educativo. Representantes das Escolas Semente (A Galiza), Ikastolen Elkartea (Euskal Herria) e La Bressola (Catalunya Nord) xuntaranse no Museo do Pobo Galego para reivindicar o fin das restricións lingüísticas nos tres territorios.
O encontro destas tres entidades rememora un achegamento histórico, afirma o coordinador das escolas de ensino galego Semente, Sánti Quiroga. "Somos todas iniciativas populares promotoras dun ensino democrático, laico e renovador, centrado nas respectivas realidades nacionais. Partillamos unha situación moi semellante. Atopámonos con 'políticas glotofóbicas' negativas para as nosas linguas fronte ás que a sociedade se organiza para facer efectivos os nosos dereitos lingüísticos e culturais". O próximo sábado encontraranse no Museo do Pobo Galego para facer unha declaración conxunta e reivindicar o dereito ao ensino nas linguas propias. Un dereito "inalienábel" que exixe, din, a eliminación de todas as restricións lingüísticas no ámbito educativo "que limitan as oportunidades das futuras xeracións galegas, vascas e catalás". Neste sentido, resaltan a importancia da diversidade cultural como "parte fundamental da base para un desenvolvemento curricular propio". Inxerencia e involución Semente, Ikastolen Elkartea e La Bressola concordan en que o momento actual das linguas galega, éuscara e catalá exixe un paso adiante fronte aos ataques continuados que están a recibir. Así, denuncian o "incumprimento sistemático da Carta Europea de Linguas Minorizadas por parte dos poderes lexislativos e xudiciais tanto do Estado español como do francés, polo que urxen facela efectiva de forma íntegra co fin de garantir a "protección e difusión do noso patrimonio lingüístico e cultural". Semente, escolas en comuñón coa lingua e co barrio Afondan, sobre todo, na inxerencia dos tribunais na planificación lingüística educativa, unha involución "inadmisíbel", que restrinxe a aplicación de modelos plurilingües inmersivos, autocentrados e de recoñecido prestixio internacional". Malia que a experiencia das tres entidades é diferente e contan cun percorrido específico, reivindican por xunto "a construción dunha soberanía educativa plena" en cada unha das nacións de referencia. Perda de falantes Desde Iparralde, Koldo Tellitu, lehendakari de Ikastolen Elkartea, denuncia, en conversa telefónica con Nós Diario, "un ataque sostido no último ano por parte do Constitucional francés e do Goberno de Macron para dificultar a implantación dun modelo de inmersión lingüística" que consideran imprescindíbel para a normalización do éuscaro no sistema educativo. No caso do galego e do catalán tamén recoñece interferencias pouco alentadoras que restrinxen o uso das linguas propias nas escolas en favor do castelán. "Por iso é importante que nos xuntemos, reflexionemos e nos pronunciemos de forma conxunta como están a facer outros axentes en defensa da lingua". O seu proxecto suma 113 Ikastolas, 60.000 alumnos e alumnas e 6.000 persoas traballadoras en Euskal Herría. "Somos un movemento cun modelo educativo propio, transformador, popular, nacido do pobo e cuxo obxectivo é o pobo; moi centrado no éuscaro e na cultura vasca". Koldo Tellitu: "Rachar o modelo público para integrar nel as escolas autoxestionadas" Ao igual que na Galiza e en Catalunya, afirma Tellitu, "estamos a constatar un descenso no uso e coñecemento do éuscaro no sistema educativo vasco. A Lei que ten que chegar o ano que vén en Euskadi, despois do pacto educativo, é unha oportunidade moi importante para darlle a volta á situación". Escolas diversas Na Catalunya Nord, La Bressola acolle máis dun millar de Crianzas de 2 a 11 anos en "aulas verticais". O proxecto, confirma Eva Bertrana desde Perpignan, naceu en 1976 ante a constatación dunha redución do uso do catalán entre a poboación. "Baséase unicamente na recuperación da lingua e da cultura catalás". Atribúe o éxito ao compromiso do equipo pedagóxico, "mais necesitamos que a lingua sexa recoñecida e promovida dunha vez por todas fóra das escolas, e para iso precisamos unha política lingüística real". A Xustiza dá 15 días ao Govern catalán para impor 25% de castelán nas escolas Sobre o encontro deste sábado en Compostela, di, "é a constatación de que non estamos soas. Non somos indios encerrados na súa propia reserva. Mais dependemos de estados centralistas con medo á diferenza, á diversidade cando o único que reivindicamos é poder ser o que somos en cada territorio". A escola, axente desgaleguizador A Semente ensina por volta de 150 crianzas nos centros de Lugo, A Coruña, trasancos, Compostela e Vigo. Ademais, "un grupo impulsor en Ourense abrirá proximamente un escola na cidade", avanza Quiroga. "A nós chegan moitas familias que non tiñan pensado usar a lingua galega como a lingua inicial de crianza pero que concordan co noso proxecto pedagóxico, e ao coñecelo, ao ver o valor do multilingüismo, deciden comezar a educar en galego". A desgaleguización dentro e fóra das aulas A Semente chega a familias convencidas, pero tamén diversas, moitas delas fartas das "políticas hostís cara o galego no ensino público". Neste sentido, lembra Sánti Quiroga, "o seminario de Sociolingüística da RAG di que cada tres crianzas que entran no sistema educativo público falndo en galego, dúas saen falando en castelan que fai da escola un axente desgaleguizador". A iniciativa popular, conclúe, é moi importante para reverter esta situación mais Quiroga tamén avoga por reorientar o ensino galego, porque "defendemos o noso proxectos pero tamén o ensino público, para non restarlle oportunidades ás próximas xeración.
NOS_12677
A revista 'International Journal of Radiaton Biology' publica o estudo de investigador@s da USC que demostra unha relación directa entre a acumulación de gas residencial e a mortalidade por esta enfermidade. Galiza é o territorio do Estado español máis exposto a este gas radioactivo de orixe natural, segundo o Consello de Seguridade Nuclear.
Investigador@s do Laboratorio de Radon da Universidade de Compostela (USC) mediron a concentración deste gas en 3.500 domicilios e lugares de traballo de Galiza, procedendo despois a comprara os dados. O resultado foi que "os municipios cunha maior concentración de radon residencial presentan tamén maior mortalidade por cancro de esófago entre os varóns non fumadores". A revista 'International Journal of Radiaton Biology' publica o estudo que consigue demostrar unha relación directa entre a acumulación de gas residencial e a mortalidade por esta enfermidade. O profesor Alberto Ruano da USC lidera esta investigación no que tamén participaron expertos do Centro Nacional de Epidemiología del Instituto de Salud Carlos III. O gas radon é un carcinóxeno humano recoñecido pola Organización Mundial da Saúde que se acumula de xeito natural no interior dos domicilios e outros ambientes pechados. O radon residencial é a primeira causa de cancro de pulmón en suxeitos non fumadores e o segundo factor de risco desta enfermidade nos fumadores. Galiza é o territorio do Estado español máis exposta a este gas radioactivo de orixe natural. Un liderazgo confirmado polos estudios e medicións tanto do Laboratorio de Radon de Galiza da USC como polos informes e análises feitos polo Consello de Seguridade Nuclear (CSN).
NOS_43819
Conversamos con Alberte Blanco Casal, escritor e profesor, arredor do proxecto -O Diario Galego- que Sermos prepara para 2019.
-Que esperas de O Diario Galego? -Espero que sexa capaz de erguerse como unha voz importante dentro do panorama mediático galego, nun momento no que os grandes medios están formando un bloque compacto co resto de poderes. A prensa independente é unha entelequia na actualidade. -Por que é necesario? -Estamos nun momento delicado desde o punto de vista histórico, cun absoluto amordazamento do sistema mediático. Non hai periódicos que poidan transmitir unha visión obxectiva da realidade nin xornalistas que poidan traballar con liberdade. Se algún destaca de forma especial por manifestar as súas ideas de forma independente é, simplemente, despedido, como está a pasar en moitas cabeceiras do Estado. Que naza un xornal independente e arraigado exclusivamente ao país, fóra dos tentáculos das grandes corporacións económicas e financeiras, é garante de información veraz e pluralismo. Se non hai pluralismo na sociedade a través dos medios, seríamos unha sociedade totalitaria. -Que importancia ou que impulso podería dar O Diario Galego no ámbito da creación cultural? -Non debemos encasillar a cultura na creación literaria. Estamos nun país no que a cultura propia está silenciada e aparcada. Que haxa un xornal que sexa capaz de dar voz aos creadores culturais é fundamental. A nosa cultura e idioma están en decadencia e precisan de instrumentos que poidan chegar á xente. Hai algunhas cabeceiras dixitais que o fan, pero non son suficientes para chegar ao gran público. O Diario Galego é un reto que ten riscos, pero podería conseguir certa estabilidade sempre que sexa tratado como un proxecto social amplo que chegue a todos os sectores vinculados ao país, ás veces desunidos dentro deste mundo caótico no que vivimos. [Para facer realidade O Diario Galego necesitamos sumar 3 mil subscritoras e subscritores. Podes sumarte nesta ligazón]
NOS_53600
A portavoz do Goberno estatal, Isabel Rodríguez, desbotou esta mañá dar a coñecer o prezo que ao longo do día fixará o Executivo para os tests de antíxenos.
A ministra de Política Territorial e portavoz do Goberno estatal, Isabel Rodríguez, asegurou esta quinta feira sobre o prezo dos tests de antíxenos que se fixaría hoxe que será "alcanzábel" para que estes recursos sexan de uso "accesíbel" e permitan "axilizar a situación da Atención Primaria". "O Goberno vai facer un esforzo importante nesta cuestión", sostivo a ministra portavoz, nunha entrevista en Telencico. Finalmente, a comisión interministerial reunida esta mañá acordou fixar un prezo máximo de 2,94 euros para os tests de antíxenos. Rodríguez explicou que durante o Nadal o Executivo estivo "moi preocupado" e o "importante" foi "manter a subministración porque se produciron tensións no mercado". Agora, a ministra detallou que van facer o que xa fixeron coas máscaras: "Fixar uns prezos públicos para intervir o mercado". Sobre a venda destes test de autodiagnose nas farmacias, a portavoz do Goberno defendeu que é un criterio que se adoptou tamén no seo destas comisións de traballo. "Considérase que as farmacias eran a maneira máis eficaz de tomar en consideración a dispensación destes tests que ao mesmo tempo repercuten na xestión dos datos da pandemia e que, polo tanto, teñen unha repercusión tamén sobre a saúde pública", resolveu a ministra. Nas últimas semanas, o prezo destas probas diagnósticas oscilou na Galiza entre seis e doce euros, algo que contrasta co que acontece noutros países como Portugal, onde se dispensan en farmacias e supermercados por perto de dous euros.
PRAZA_3935
As dúas investigacións exploran como están a levar nenos e nenas a obrigada permanencia no interior das súas vivendas e, ademais, o tipo de xogos que os rapaces e rapazas están a realizar nos seus fogares, coas súas familias ou en solitario.
Son moitas as voces que cada vez con maior insistencia veñen demandando que unha das primeiras medidas para relaxar as normas do confinamento debería ser o permiso para que nenos e nenas poidan saír á rúaOs nenos e nenas levan máis dun mes sen saír das súas casas. Eles non traballan fóra dos seus fogares e tampouco van habitualmente facer a compra, tampouco poden baixar aos parques, ás rúas ou ás praias. Os xogos teñen que facerse dentro da casa e unicamente coas súa familia directa, lonxe das súas amizades, veciños ou curmáns.Son moitas as voces que cada vez con maior insistencia veñen demandando que unha das primeiras medidas para relaxar as normas do confinamento debería ser o permiso para que nenos e nenas poidan saír á rúa, cando menos uns minutos ao día e acompañados por un dos seus proxenitores. Así o fixo esta fin de semana o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, que subliñou "a necesidade de buscar unha fórmula pactada cos expertos para que poidan saír de forma controlada, limitada, ocasional e segura, da man do seu pai ou da súa nai". O Ministerio de Sanidade está "seguindo día a día a evolución da epidemia para que en canto sexa posible, e de forma ordenada, os nenos e nenas poidan saír á rúa"Preguntado por esta cuestión, o ministro de Sanidade, Salvador Illa, afirmou que o seu Ministerio está "seguindo día a día a evolución da epidemia para que en canto sexa posible, e de forma ordenada, os nenos e nenas poidan saír á rúa". "Sabemos que o confinamento está a ser un reto para todos eles e para as súas familias e somos conscientes de que afecta tamén á súa saúde", dixo Illa, que engadiu que "nada lle gustaría máis" que deixar que saísen á rúa de inmediato, pero que "é necesario actuar con cautela pola saúde do conxunto da cidadanía".Nestes momentos dúas investigacións dirixidas por docentes da Universidade de Santiago están a estudar a través da recollida de enquisas online o efecto do confinamento sobre nenos e nenas e, ademais, o tipo de xogos que os rapaces e rapazas están a levar a cabo nos seus fogares, coas súas familias ou en solitario. Estudos coma estes permitirán coñecer algo mellor a forma en que nenos e nenas (e os seus pais e nais) están sobrelevando esta situación excepcional.Os efectos do confinamentoA Unidade de investigación das condutas de risco e os trastornos do desenvolvemento (Underisk) da Facultade de Psicoloxía da USC promove a enquisa Confía-20 para coñecer os efectos sobre o confinamento na familia e na infancia. O obxectivo é "coñecer e contribuír así a resolver os problemas que está a deparar nas contornas familiares" a situación excepcional derivada da epidemia de coronavirus. En opinión do grupo, "analizar a forma na que nenos/as e familias están a vivir esta situación de crise e confinamento, axudará a definir e entender mellor o seu impacto".A enquisa está aberta á participación de familias con nenos e nenas con idades comprendidas entre os 4 e os 11 anos que estean interesadas en achegar as súas experiencias e/ou impresiónsA enquisa está aberta á participación de familias con nenos e nenas con idades comprendidas entre os 4 e os 11 anos que estean interesadas en achegar as súas experiencias e/ou impresións. O cuestionario, cunha duración estimada de 15 minutos, pode cubrirse a través dunha plataforma en liña; ademais, o cuestionario tamén se pode recibir previa solicitude a través do correo electrónico.A enquisa pregunta polas condicións en que se está a pasar o confinamento (tipo de vivenda e características, actividades realizadas polos pais e nais...) e, sobre todo, polo efecto que estas semanas están a ter nos nenos e e nenas. Tamén se interesa pola forma en que os rapaces e rapazas están a seguir as actividades escolares a través das aulas virtuais.A que están a xogar nenos e nenas?Os investigadores galegos Apolinar Varela (profesor da Facultade de Educación e Psicoloxía da Universidade de Navarra) e Silvia López-Gómez (profesora da Facultade de Formación do Profesorado da Universidade de Santiago e da UNIR) están a levar a cabo o estudo Hábitos Lúdicos de las familias con hijas/os en tiempos de confinamiento. A investigación suporá "unha boa oportunidade para incrementar o coñecemento sobre o xogo na infancia, un dereito esquecido e maltratado pola sociedade adulta en xeral", destacanA investigación busca coñecer como xogaban as familias antes do confinamento a causa do coronavirus (COVID-19) e durante o mesmo. O obxectivo é coñecer "cales son os cambios producidos durante a corentena respecto aos costumes lúdicos nos fogares con menores de idade". Ademais, os dous investigadores queren explorar "a percepción das nais/pais sobre o xogo no fogar antes e durante o confinamento e mellorar as perspectivas sobre o dereito ao xogo na infancia para futuras investigacións". Para iso, deseñaron unha enquisa online que xa recibiu centos de respostas. A investigación suporá "unha boa oportunidade para incrementar o coñecemento sobre o xogo na infancia, un dereito esquecido e maltratado pola sociedade adulta en xeral", destacan.Queixa ante do Defensor del PuebloHai unhas semanas Mónica Rodríguez Vázquez publicou en Praza.gal unha Proposta de organización de saídas de crianzas a espazos ao ar libre durante o confinamento por pandemia. Rodríguez Vázquez remitiulle á Valedora do Pobo unha queixa sobre a situación que están a vivir nenos e nenas, unha comunicación que posteriormente a Oficina da Valedora lle reenviou ao Defensor del Pueblo, institución que respondeu á queixa. Francisco Fernández Marugán, Defensor do Pobo en funcións, recoñeceu que nestas semanas está a recibir moitas "expresións de desacordo con algunhas medidas adoptadas ou con comportamentos puntuais das autoridades e administracións competentes". Con todo, a institución remitiu á declaración publicada uns días antes que subliña que nestes momentos "a prioridade absoluta é deter a propagación da enfermidade e salvar o maior número de vidas posible. Nada pode entorpecer ese obxectivo, que nos vai a impor sacrificios e dor". Así mesmo, sinalou que "non corresponde a esta institución substituír a función que a norma atribúe aos órganos competentes para valorar ou apreciar a necesidade da declaración dun estado como é a alarma en función da concorrencia dunha serie de factores (sanitarios, ambientais, sociais ou políticos) que tan só os devanditos órganos, coa suficiente información, son capaces de adoptar".
NOS_37185
O proxecto impulsado por Abanca sería "nefasto" para o sistema público, considera CIG-Ensino. A idea dos promotores é que o primeiro curso estea activo cara a 2020-2021.
A Xunta estuda autorizar o proxecto de universidade privada impulsada por un grupo financeiro, Abanca, abrindo as portas así á primeira universidade privada en Galiza. Os prazos manexados apontan a que podería iniciar a súa andaina no horizonte do curso 2021-2022. Para a CIG, unha mala nova. "A esta Universidade privada soamente poderán acceder un grupo de alumnado que economicamente poida pagar eses estudos, ou aqueles que recorran a un maior endebedamento e nela se reforzará a exclusión do noso idioma, en contra dos propios principio recollidos na Lei 6/2013, de 13 de Xuño, do Sistema universitario de Galiza", considera o sindicato nacionalista.. "Unha Universidade privada sería nefasta para os intereses públicos, para o Sistema Universitario Galego e evidentemente para a poboación xa que os servizos públicos son o único garante do acceso universal á educación superior do alumnado galego", engade CIG-Ensino, que chama atención tamén sobre os "problemas" que pode suscitar unha eventual autorización para as titulacións que actualmente se imparten como centro adscrito a algunha das universidades do SUG. As tres Universidades de Galiza e os seus sete campus poderían ofrecer unha cobertura a todo o territorio e adaptarse ás necesidades sociais e laborais que se precisan, podendo ampliar a súa oferta educativa e reorganizando aqueles aspectos que sexan precisos. Esa é a aposta do sindicato, que lamenta que a propia Xunta limita as potencialidades do sistema universitario público impoñéndolle unha cláusula de estabilidade que implica que para poñer en marcha unha nova titulación é preciso retirar outra ou diminuír o número de estudantes noutras titulacións".
PRAZA_11623
Un dos protagonistas da revolta do piso era José Manuel Baltar, quen agora se desmarca do peche do paridoiro de Verín e insta a Feijóo a "rectificar" mentres a oposición galega o reta a ser "coherente" e rachar a maioría parlamentaria do PPdeG neste asunto. O escenario do conflito tampouco é menor; nos 90 Feijóo pretendeu converter o hospital de Verín en emblema da súa xestión sanitaria xunto a Romay,
Hai agora quince anos, Alberto Núñez Feijóo levaba apenas tres meses como vicepresidente primeiro da Xunta. A que sería derradeira remodelación do Goberno de Manuel Fraga desencadeara unha fenomenal crise interna no PPdeG pola banda ourensá. O daquela presidente provincial, José Luis Baltar, ameazaba abertamente coa escisión alegando que xa non vía protexidos os seus intereses por unha Xunta na que, como viña sucedendo dende a crise do Prestige, a dirección central do PP e as súas pólas en Galicia tiñan cada vez máis peso. Operacións como a colocación de Feijóo, home de confianza de José Manuel Romay Beccaría, primeiro como remuda de Xosé Cuíña na Consellería de Política Territorial e despois, como número dous do goberno, así o acreditaban.As pantasmas da revolta ourensá que tensou a fin do fraguismo, cando Feijóo retornou como conselleiro, aparécenselle ao actual presidente a conta do controvertido peche da sala de partos do hospital de VerínAquel tenso outono de 2004, o dos encontros nocturnos en Monte Pío con Baltar e o destituído Cuíña na residencia oficial de Monte Pío, estreada pouco antes, reavivara as ameazas de deixar a Fraga sen maioría absoluta que o PP de Ourense lanzara apenas un ano antes, en xaneiro de 2003. Foi o tempo da que pasaría á historia política do país como revolta do piso, o peche -máis ou menos simbólico- de cinco deputados do PP ourensán nos días en que Feijóo tomaba posesión como substituto de Cuíña. As pantasmas daquela revolta ourensá aparecéronselle nesta última semana a Feijóo a conta do controvertido peche da sala de partos do hospital de Verín. Xusto agora que, como Fraga daquela, valora dende o alto dunha maioría absoluta de 41 escanos se, nun clima político tan incerto como efervescente, optar ou non a un novo mandato.A revolta do piso formara parte da resposta interna do sector alcumado como da boina ao cesamento de Cuíña. Mentres, en Madrid, o PP celebraba unha convención coa vista posta nas eleccións municipais daquel 2003, cinco deputados do PP de Ourense no Parlamento escribían unha carta a Fraga e José María Aznar con protestas que sustentaban na denuncia dunha perda de "galeguismo" da formación e ás que anexaban peticións concretas, como o cesamento de quen na altura era secretario xeral do PPdeG, Jesús Palmou. O centro de operacións da revolta era o piso dun deles, no que non se pecharon en sentido estrito. Dende alí seguían a evolución dos acontecementos mentres Feijóo tomaba posesión como conselleiro, o 20 de xaneiro.Un dos protagonistas da revolta do piso era José Manuel Baltar, quen agora se desmarca do peche do paridoiro de Verín e insta a Feijóo a "rectificar" ; o presidente retrucou cunha afirmación difícil de xestionar: "Non teño solución"Un dos protagonistas da revolta do piso era o actual presidente do Parlamento, Miguel Santalices. Outro, José Manuel Baltar, agora líder do PP de Ourense e administrador do legado político do seu pai no partido e tamén na Deputación que estivo a piques de perder o pasado maio. Foi Baltar fillo quen esta semana puxo letra e voz ao desmarque do PP ourensán, irritado ata o punto de que alcaldes populares da contorna de Monterrei promoveron a participación nas mobilizacións contra o peche, as mesmas que o aparello do PP galego sinala como mostra de "demagoxia" fronte a "criterios científicos".Aproveitando un tirapuxa ao respecto co PSdeG provincial, os de Baltar impulsaron na Deputación unha moción contra o peche xunto aos seus socios de Goberno de Democracia Ourensana e mais Ciudadanos. "O Goberno galego ten que rectificar", resumía Baltar o día 4. "Se tivesen a información completa, probablemente rectificarían a súa postura", retrucaba Feijóo o día 5 a preguntas da prensa dende o atril de San Caetano, dende onde pronunciou unha afirmación das que fan máis difíciles as xestións políticas das crises: "Non teño solución".O escenario do pulso de quen comanda o transcendental celeiro de votos ourensán tampouco é indiferente na biografía política de Alberto Núñez Feijóo. O actual presidente quixo facer do hospital de Verín emblema da súa xestión como responsable sanitario nos anos 90 da man, precisamente, de Romay Beccaría. Como máximo responsable do Sergas (1992-1996) impulsou a apertura deste centro sanitario como fundación, modelo a medio camiño entre a xestión pública e a privada que ambos, Romay e Feijóo, se propuxeron exportar a todo o Estado dende o Goberno de Aznar. O escenario do pulso non é menor: nos 90 Feijóo pretendeu converter o hospital de Verín en emblema da súa xestión sanitaria xunto, precisamente, a Romay, a través dun modelo de fundacións sanitarias que acabou fracasandoSegundo o Consello de Contas, o modelo Verín artellado por Feijóo e Romay serviu realmente para "trasladar funcións propias da Administración, substraendo fondos públicos e bens de dominio público para poñelos á disposición dunha entidade privada" e unha "falta de control orzamentario" que derivou en "salientables irregularidades" e "distorsións" contables que o propio goberno de Fraga comezou a admitir. Cando Feijóo retornou a Galicia, xa comezara a integración no Sergas.En 2006, ano no que Feijóo foi elevado ao liderado do PPdeG, o Goberno de coalición de PSdeG e BNG víase abocado a unha inxección millonaria nas fundacións sanitarias -4 millóns só para Verín- nunha caste de rescate previo á súa integración definitiva na estrutura pública do Sergas.A oposición galega reta o PP de Ourense a ser coherente e rachar a maioría do PPdeG no Parlamento neste asuntoAs pantasmas da revolta do piso reviven e o fenómeno non pasa desapercibido na esquerda galega, máis acostumada a ter que aplacar disensións nas filas propias que a aproveitalas nas alleas. "Ata os seus cargos do PP en Ourense o desacreditan", reprochoulle o socialista Gonzalo Caballero a Feijóo na sesión de control. Ao día seguinte a líder do BNG, Ana Pontón, de visita no hospital de Verín ao persoal e veciñanza que mantén un peche contra a supresión da sala de partos, retaba aos de Baltar a seren "coherentes" e votar polo mantemento do paridoiro non só na Deputación, senón tamén no Parlamento, ofrecemento que tamén lanzou Luís Villares. O PP de Ourense ten nove escanos no Pazo do Hórreo, abondarían tres disensións da liña marcada pola cúpula presidencial.
NOS_54972
As tres forzas con representación parlamentar --BNG, AGE e PSOE-- reclaman unha investigación que esclareza por que o helicóptero tardou 40 minutos en chegar ao lugar do sinistro se o contrato coa adxudicataria de salvamento marítimo fala dun máximo de 10. Tamén queren saber por que se mudaron as condicións laborais da tripulación do Pesca 1 para que as gardas presenciais pasen a ser localizadas até o 31 de decembro, aumentando os tempos de resposta. O BNG insiste en que a conselleira do Mar ten que demitir
O accidente laboral acontecido o 13 de decembro en Oia que lle custou a vida á traballadora Mercedes Veiga ergueu moitas voces que exixen responsabilidades perante a Xunta de Galiza pola privatización dos medios aéreos vinculados ao servizo de salvamento marítimo. Testemuñas do sinistro declararon que a percebeira morreu após 40 minutos agardando polo helicóptero Pesca 1. Así as cousas, as tres forzas da oposición política que contan con representación no Parlamento galego --BNG, AGE e PSOE-- sumáronse á Asociación galega de mariscador@s e exixen que se aclare o retraso da aeronave e a suspensión das gardas presenciais da tripulación. A deputada nacionalista Montse Prado vén de reclamar unha comisión de investigación que esclareza as circunstancias en que perdeu a vida a traballadora, que o PP se comprometeu a "estudar" unha vez que a reciba. Prado reclamou a comparecencia de Feijóo no Parlamento galego, e non dubidou en denominar de "criminais" as políticas "que causan mortes" coa convición de que o accidente mortal de Oia "puido evitarse". Depurar responsabilidades políticas: que dimita Rosa QuintanaO BNG reclamou a demisión da titular da consellaría do Mar, Rosa Quintana, após as novas condicións do contrato coa empresa Inaer, adxudicataria do servizo de salvamento, que estabelece que durante 33 días, do 28 de novembro até o 31 de decembro, as gardas d@s pilotos serán localizadas e non presenciais, o que aumenta o tempo de resposta perante unha chamada de auxilio. A resolución ditada pola propia consellaría fala de 10 minutos como máximo. Porén, as compañeiras de Mercedes Veiga informaron de que o Pesca 1 chegou ao lugar dos feitos catro veces máis tarde do que debese. En relación a esta tardanza, Prado demanda que a comisión revise se se cumpriron os protocolos e sinale "as posíbeis irregularidades". A nacionalista instou a comisión a que estude tamén as consecuencias de medidas aprobadas polo PP como a eliminación do seguro colectivo de accidentes ou as taxas que se lle aplican a cada chamada pedindo auxilio; e pediulle a Feijóo que aclare se dá por bo que a morte da traballadora é "un dano colateral da súa política de favorecer o negocio empresarial" fronte a un colectivo, o das mariscadoras, "que vive unha situación de grave desamparo". Medidas "economicistas" ou "de forza maior"?Na mesma liña pronunciouse tamén o grupo parlamentar de AGE, reclamando unha resposta polo atraso con que o helicóptero "para que non se reproduzan no futuro" os mesmos erros e "para que se depuren as responsabilidades oportunas". Nun comunicado de imprensa, a coalición pregúntalle a Quintana desde cando coñece a supresión das gardas presenciais, así como que aclare "sen ambigüidades" cales son "as causas de forza maior" que alega a empresa para mudar aquelas por gardas localizadas e comprobar se non se trata de "medidas economicistas". Insiste AGE en que "a austeridade mal entendida provoca mortes". Feijóo pide que non faenen se hai temporal... após eliminarlles o seguro de mal tempoApós o accidente laboral de Oia tamén se revolveu o PSOE. O deputado José Ramón Val tamén lle meteu présa á Xunta para que inicie unha investigación que determine as causas do atraso da aeronave, así como unha explicación de por que se suprimiron as gardas da tripulación do helicóptero, con base no aeroporto vigués do Peinador. En relación ás declaracións de Feijóo sobre a morte da traballadora --"quero facer un chamamento a non meterse no mar en tempos de enormes dificultades metereolóxicas", dixo-- Val lembroulle ao titular do executivo galego que "foi el mesmo quen se encargou de eliminar o seguro de mal tempo, que lles garantía uns ingresos mínimos sen necesidade de saír ao mar en condicións metereolóxicas adversas".
QUEPASA_599
O prazo para inscribirse no concurso 'Youtubeir@s' permanece aberto até o 27 de setembro
O Proxecto Youtubeir@s (organizado polos concellos da Baña, Ames, Carballo, Cedeira, A Coruña, O Grove, Moaña, Ourense, Ribadeo, Pontevedra, Rianxo, Santiago e Teo, as universidades da Coruña, Santiago e Vigo e a Deputación da Coruña co obxectivo de fomentar a creación de contidos na Rede na nosa lingua) vén de recibir o Premio Mil Primaveras, na categoría de proxecto máis innovador. Recoñeceuno así o xurado -que fixo público no día de onte a súa decisión- ao ver en Youtubeir@s unha iniciativa que aborda "un medio prioritario para o futuro do idioma", xa que a creación de contidos na nosa lingua a través da plataforma Youtube xera "unha grande atracción na xente nova". O xurado, ademais, sinalou que o proxecto "favorece que as persoas que transmiten a través de Youtube o fagan en galego e que as que comunican en galego o fagan en Youtube". Os Premio Mil Primaveras, creados neste 2019 pola Coordinadora de Traballadoras e Traballadores de Normalización da Lingua (CTNL) coa colaboración da Deputación de Pontevedra, teñen como obxectivo valorar, recoñecer e difundir accións, campañas e programas que serven para fomentar a lingua e para incrementar tanto o seu uso coma o seu prestixio. A organización de Youtubeir@s, que neste 2019 acada a súa terceira edición, amosa a súa gratitude por este galardón, que significa un "auténtico pulo para continuar a medrar" no futuro. "É un recoñecemento a todo o esforzo desenvolvido dun xeito colectivo entre os servizos de normalización lingüística de trece concellos, das tres universidades e da Deputación da Coruña", sinálase dende a organización ao tempo que se destaca este elemento "fortemente colaborativo dende as institucións" como "unha característica fundamental" da iniciativa. Tal e como apunta o xurado, Proxecto Youtubeir@s representa unha iniciativa innovadora que, dende o punto de vista da organización, "conecta coa mocidade e capta a súa atención empregando os seus mesmos códigos comunicativos", o cal significa "unha clara adaptación aos novos tempos". Por último, a coordinación do proxecto admite que un recoñecemento como o que a CTNL lle outorga a Youtubeir@s, garante "unha gran visibilidade" á hora de achegarse a máis público. Premios Youtubeir@s Os Premios Youtubeir@s, unhas das grandes liñas de acción do proxecto Youtubeir@s, mantén até o vindeiro 27 de setembro o prazo de inscrición para todas as persoas creadoras de contidos en Youtube na nosa lingua. Cómpre que os vídeos estean publicados con data posterior ao 15 de marzo de 2018, sen restricións de privacidade e cos cancelos #youtubeiras #youtubeiros na descrición. Establécense un total de catro categorías: vídeo-facermos (vídeos que mostran saberes e procesos de elaboración a través de titoriais), vídeo-opinarmos (exposición de opinións e valoracións sobre un tema de interese), vídeo-cantarmos (vídeos musicais con versións, composicións orixinais, adaptacións ou coreografías) e canles. Ademais destas catro categorías, recoñeceranse premios á creatividade, á eficiencia comunicativa, á calidade técnica e á calidade lingüística, decididos todos por un xurado de recoñecido prestixio que outorgará o premio durante a gala dos Premios Youtubeir@s, no mes de novembro. Por último, o certame conta cun premio do público que se entrega baixo o nome de #propostayoutubeira. En conxunto, Youtubeir@s repartirá un total de 6500 euros en galardóns. As bases completas pódense consultar na web www.youtubeiras.gal.
NOS_41298
A asociación presenta o informe '5 verdades e 5 mentiras sobre Alcoa' e insta a que o debate debe centrarse en procurar unha solución "para A Mariña" e non para a empresa.
A Asociación ecolóxica para a defensa da Galiza (Adega) elaborou o informe '5 verdades e 5 mentiras sobre Alcoa' para argumentar o posicionamento desta organización ambientalista no debate aberto a raíz do anuncio da multinacional de despedir 534 traballadores e traballadoras e o feche que iso implica. Para Adega, o debate ten que ter como finalidade centrarse en procurar unha "solución" para A Mariña e non tanto unha "solución" para Alcoa. Unha alternativa "económica social e ambiental" para esta comarca do norte galego fronte a unha empresa, indican, cuxa marcha "non ten volta atrás". As ecoloxistas demandan unha "solución inmediata" os traballadores e traballadoras cos seus empregos ameazados. Instan a que a empresa pague a súa "débeda ecolóxica", tanto a nivel de consumo eléctrico, como contaminación atmosférica, verteduras ao mar ou a "ocupación dunha superficie de 73Ha con máis de 41 Hm3 de lamas vermellas, para as cales a día de hoxe aínda non hai solución". Ao tempo, Adega convida a avaliar e reflexionar sobre "cales son as potencialidades do sector do aluminio na Mariña máis alá do actual sistema de produción [...]. Coidamos necesario que se estuden alternativas de produción ligadas á reciclaxe do aluminio máis acordes a un modelo de industrial sustentable e xerador de postos de traballo. Resulta paradoxal que mentres en Lugo e en Galiza cargamos cos custes ambientais e sociais da produción do aluminio, noutros lugares do Estado estean a promover plantas de reciclaxe do metal". Adega insta a Xunta e "a todas as institucións e forzas galegas" a aposta por a medio e longo prazo por "abandonar as actuais propostas de reforzo dos sectores electrointensivos (de elevado impacto ambiental e en emisións contaminantes) para pór sobre a mesa o desenvolvemento dun novo modelo industrial e económico máis sustentábel". Adega sinala que "unha das principais falacias nas que caeu o debate social sobre a situación de Alcoa é a de situar as razóns do peche da factoría de San Cibrao na carestía do prezo da luz eléctrica no Estado español e na falta fun estatuto para industrias electrointensivas. Nada máis lonxe da realidade. Malia que este argumento lle serviu á Alcoa para obter axudas públicas multimillonarias na última década, agora xa non repara en recoñecer que o prezo da luz nada ten que ver coa súa marcha".
PRAZA_8624
A Mesa, AGAL e a Asociación Galega de Editores reflexionan sobre as prioridades da nova executiva da Academia en materia lingüística. Reclaman a defensa firme do idioma e o achegamento ao mundo lusófono.
Xesús Alonso Montero xa é o novo presidente dunha Real Academia Galega (RAG) que afronta o reto de recuperar "o clima de concordia" que se perdeu nos últimos tempos, sobre todo a raíz da dimisión de Méndez Ferrín e da posterior -e inédita- carreira electoral que se abriu na centenaria institución. A nova executiva aludiu en todo o momento á necesidade de "destensionar" unha situación nada cómoda para un organismo que pareceu correr un risco de ruptura que agora todos intentan apagar. Pero a razón de ser da RAG é a lingua galega, que tamén afronta unha morea de retos, tanto pola súa feble posición como polas diverxencias evidentes que todas as institucións que velan polo idioma teñen coa política lingüística levada a cabo nos últimos anos pola Xunta de Galicia. A Mesa pola Normalización Lingüística, a Associaçom Galega da Língua (AGAL) ou a Asociación Galega de Editores reflexionan sobre as prioridades da Academia en canto ao idioma. "A RAG debe facer fronte ás institucións que atacan a nosa lingua, como a Xunta de Galicia", di A Mesa Carlos Callón, presidente d'A Mesa, aposta por que a RAG "sexa unha ferramenta de defensa da lingua galega e faga fronte ás institucións que atacan o noso idioma", e pon "como exemplo" o Concello da Coruña, "onde ten a sede a a propia Academia", ou a propia Xunta de Galicia. Alonso Montero insistiu en que manterá o recurso contra o decreto do plurilingüismo que a institución presentou ante o Supremo e o tamén voceiro da plataforma Queremos Galego pide "que manteña unha postura activa a prol do galego". "Iso é o máis importante, que a RAG teña un papel moito máis dinámico e de reivindicación, como por exemplo no caso do ensino infantil nas cidades, onde o 96% das escolas non imparten absolutamente nada na nosa lingua", cita como exemplo. Pola súa banda, Manuel Bragado, presidente da Asociación Galega de Editores, cre que a RAG "debe manter a liña de defensa do idioma" dos últimos tempos, unha actitude que lle parece "exemplar". Ademais, considera tamén que debe "enxergar un horizonte para o idioma", pero apela "á corresponsabilidade". "A construción da nación e a defensa da lingua non lle corresponde só aos académicos, senón tamén á sociedade civil, ao asociacionismo e ás plataformas a prol do idioma", engade o director xeral de Xerais, que cre que cómpre que a centenaria institución "recupere o seu plan de traballo" e "desenvolva a gramática, profundice na lexicografía, continúe os traballos no seminario de sociolingüística e mellore a súa comunicación co conxunto da sociedade". Desde a nova executiva, insisten en que a RAG "seguirá na liña marcada en defensa do idioma" e na "concienciación na sociedade do que significa a lingua propia", pero tamén deixa claro que é preciso "levantar a hipoteca ideolóxica que lastra o idioma". Bragado aposta por "manter a liña marcada na defensa do idioma" e apela á "corresponsabilidade" no traballo a prol da lingua Ademais, Carlos Callón tamén vería "moi positivo" que a Academia "tivese unha postura protagonista á hora de relacionarse co sistema galego-portugués". "Alén de debates normativos, a RAG debería ter un papel moi activo na relación cos territorios do sistema lusófono; non ten moito sentido virarlle as costas", asegura. No mesmo sentido se manifesta Miguel Penas, presidente da AGAL, que xa enviou os seus parabéns a Alonso Montero, desexándolle "o mellor" e manifestándolle a suá intención de "abrir o diálogo e vías de entendemento" coa Academia. Para a Associaçom Galega da Língua, este diálogo debería basearse nas reclamacións que se recollen na ILP popular Valentín Paz-Andrade e coa que se procura unha serie de medidas que faciliten o acceso dos galegos ao universo da lingua portuguesa e unha maior relación coa lusofonía. "Entendemos que o idioma precisa dunha nova estratexia, pero moita esperanza non podemos ter se atendemos ás primeiras declaracións de Alonso Montero", di en referencia ás palabras do novo presidente, no que rexeitaba o achegamento á lusofonía, aínda que Miguel Penas "confía" en poder manter un encontro coa institución. "Hai académicos na nova executiva que teñen manifestado dalgún xeito o seu interese polas iniciativas da AGAL e do reintegracionismo", engade. Precisamente, fontes da nova executiva da RAG aclaran que no seu programa xa se marca como prioridade "estreitar os lazos co mundo lusófono", unha intención que abrangue tamén a futura inclusión de académicos correspodentes na institución. A AGAL non ve moita esperanza no achegamento á lusofonía tras as primeiras declaracións de Alonso Montero Neste sentido, Miguel Penas cre que a RAG debería acoller no seu seo "académicos que representasen outra visión científica sobre o galego", en referencia ao reintegracionismo. "Hai profesores e estudosos da lingua que están vetados, mentres se incorporan persoas con gran currículo, pero que igual teñen menos méritos que eles", quéixase o presidente da AGAL, que lembra que este "veto" xa ten tido as súas consecuencias, como a creación dunha "Academia alternativa". "A institución debería ser única e recoller a pluralidade de opinións, incorporando incluso académicos doutros ámbitos da lusofonía non galegos", insiste. "A última normativa foi un consenso importante e un éxito para o país; hai que avanzar nese camiño" Tamén Carlos Callón aposta por "unha Academia máis plural e máis representativa da cultura galega", tanto na cuestión de xénero, como doutros ámbitos. "Non comprendemos que a gramática oficial non sexa consensuada tamén polas universidades de Vigo e da Coruña", asegura o presidente d'A Mesa, que aposta "por que se manteña o mesmo espírito de consenso que se deu en 2003". Callón refírese ao cambio normativo que rematou coa concordia de hai dez anos e logo de que Alonso Montero, nunha das súas primeiras declaracións tras ser elixido presidente da Academia, asegurase que se non intenta volver á normativa de 1982 é só "polos prexuízos e inconvenientes que isto ocasionaría no ensino". "Sen ánimo de polémica, os representantes da RAG teñen que ter en conta o peso das súas palabras. A última normativa foi un consenso moi importante e un éxito para o país e hai que avanzar nese camiño", remata o presidente d'A Mesa. Desde a nova executiva, e malia as palabras do novo presidente, aseguran que Alonso Montero "limitouse a explicar cal foi a súa posición" de hai dez anos, no momento no que se abordou o cambio normativo, pero insisten en que tamén aclarou que "a única norma que hai é a existente, froito dun consenso e que é a que hai que defender". "O asunto da normativa non está na axenda, nin moito menos", finalizan.
PRAZA_10699
A Comisión Europea confirma a construción no norte de Portugal de catro estacións técnicas que permitirán a Valença recibir trens de mercadorías máis longos que os que caben en todas as vías galegas
A Comisión Europea confirma a construción no norte de Portugal de catro estacións técnicas que permitirán a Valença recibir trens de mercadorías máis longos que os que caben en todas as vías galegasA Comisión Europea confirmou este xoves que o Fondo de Cohesión destinará outros 68 millóns de euros, ata un total de 125, para mellorar o treito portugués da liña ferroviaria Porto-Vigo. O executivo comunitario salienta que a actuación será especialmente importante para o transporte de mercadorías e confirma que Portugal construirá ao longo da liña catro estacións técnicas, que permitirán que cheguen ata Valença ou poidan montarse nesa vila trens con lonxitudes superiores aos que caben en calquera liña ferroviaria galega.Dentro do acordo entre Madrid e Lisboa para a mellora progresiva da liña Vigo-Porto, o pasado 15 de xullo Portugal inaugurou as melloras dun primeiro treito duns 44 quilómetros entre Nine, ao norte do Porto, a onde xa chegaba a electrificación da liña, e Viana do Castelo. Esas mesmas obras aínda se están a acometer nos 48 quilómetros que separan Viana e a ponte internacional sobre o Miño en Valença, na que xa se poden ver os postes para a colocación da catenaria, o cable que transmite a electricidade aos trens. A propia Comisión Europea salienta que os 68 millóns da segunda fase de fondos europeos non só irán destinados á mellora da electrificación e os sistemas de seguridade senón que inclúen "a construción de catro estacións en Midões, Barroselas, Carreço e Carvalha para permitir o cruzamento de trens de mercadorías máis grandes". Esas estacións, segundo a planificación portuguesa, permitirán a circulación de trens de ata 750 metros de lonxitude, cifra moi superior aos 550 metros que de xeito extraordinario poden acadar os trens na liña Ourense-Zamora ou os 540 da Monforte-Ponferrada, o que suporá unha mellora competitiva para o norte de Portugal.Segundo Bruxelas, o prazo máximo para que as obras financiadas con fondos comunitarios estean rematadas é 2021, prazo que Lisboa prevé adiantar malia que os traballos acumulan certo atraso.Na beira galega do Miño Adif tamén vén impulsando diversas actuacións de mellora das vías entre Vigo e a ponte internacional sobre o río que suman máis de 30 millóns de euros.Na beira galega do Miño Adif tamén vén impulsando diversas actuacións de mellora das vías entre Vigo e a ponte internacional sobre o río que suman máis de 30 millóns de euros. Este mesmo venres Adif informou da licitación de obras de renovación do balasto da plataforma da vía nos 25 quilómetros que separan Redondela de Guillarei, onde a liña procedente de Vigo se bifurca cara a Portugal ou cara a Ourense, por 1,6 millóns de euros. No mesmo treito tamén licitou hai un mes outro tipo de obras de nivelado da plataforma por 7,3 millóns cun prazo de execución de 10 meses. Un mes antes xa adxudicara os traballos de electrificación dos 5 quilómetros entre Guillarei e a ponte internacional por 1,8 millóns e un prazo de 6 meses. E previamente tamén encargara por 4,6 millóns a mellora da potencia de varias subestacións eléctricas para poder abastecer o aumento da demanda nese treito.Entre as melloras de seguridade desaparecerá o teléfono como medida para evitar choques de trens entre Tui e Valença, sustituído por un sistema automáticoTamén está en fase de adxudicación a mellora dos sistemas de seguridade e o seu mantemento durante catro anos do mesmo treito entre Guillarei e a ponte internacional por 18,1 millóns. Unha actuación esta que suporá, entre outras melloras, dicir adeus ao teléfono como medida de seguridade para evitar choques de trens entre Tui e Valença e a súa substitución polo sistema automático de detección convois habitual na maioría da rede ferroviaria. As obras na liña Vigo-Porto son agardadas pola empresa Arriva para mellorar as prestacións do servizo de tren privado transfronteirizo que quere implantar entre A Coruña e a cidade portuguesa, para o que xa conta con autorización da Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia e agora debe obter os permisos ferroviarios. Ao tempo, administracións, partidos e empresarios das dúas beiras do Miño veñen reclamando a Madrid que avance coa planificación da denominada saída sur de Vigo, un túnel que facilite unha conexión directa entre a cidade e Portugal sen que os trens teñan que dar un rodeo por Redondela, ao norte.
NOS_39778
A voz gravada de Xela Arias, en diálogo coa música de Fernando Abreu, Mónica de Nut e Pablo Carrera abriu o pleno extraordinario do Día das Letras Galegas que a Real Academia Galega celebrou en Vigo. Unha conmemoración na que Ana Romaní, Marilar Aleixandre e Manuel Rivas pronunciaron as alocucións académicas sobre a autora á que a RAG dedica este 17 de maio.
O debuxo resultante foi a dunha muller que decidiu facer da súa liberdade unha transgresión construtiva; da súa independencia, unha poética de futuro; da súa rebeldía, un proxecto emancipador e solidario. "Escribo en galego porque estou aquí, e desde logo, Galicia pertence, aínda, aos derrotados», escribiu Xela Arias. E a poeta e académica Ana Romaní, prendeu na cita para lembrar que a de Arias era a voz da xustiza social. Romaní, que comezou a súa intervención cos versos que Xela Arias lle dedicou a Rosalía de Castro, evocou o suxeito feminino que non se somete á orde de Denuncia do equilibrio para declarar que "perder pé é unha forma de voo" e que a poesía "se debe a ese abismo". A poética de Xela Arias é, para Romaní, un texto que "prende na carne", unha experiencia que parte da vida para atopar un coñecemento que funde unha orde alternativa. Unha revolta –"escribir pode ser de por si un acto revolucionario"- que escribe desde ese lugar dos derrotados, desde a lingua que sufriu unha secular a marxinación e desde a que a poeta reclamaba: "faite indómita". A súa era unha poética " insubmisa ao catálogo, mais absolutamente sabedora da terra que pisa e dos marcos que limitan os seus pasos". Marilar Aleixandre tamén comezou a súa alocución lembrando o diálogo entre Xela Arias e Rosalía para reivindicar os poemas onde hai sangue e auga, "sangue menstrual e auga de fregar", coma nos versos de mulleres que escriben sobre as penas das mulleres" e que quedan á marxe dunha literatura canónica de signo masculino. "Crear, di Xela, é inventa-lo mundo e mailas marxes do mundo", declaraba a académica, que lembraba o traballo de tradutora da poeta como un xeito de ensanchar as lindes, de converter o galego nunha lingua de cultura: "Fala que serve para ensinar ciencias naturais ou matemáticas, malia haber agora un decreto que nega as matemáticas en galego", subliñou nunha sesión á que acudiu o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo. As catro rebeldías de Xela Arias Manuel Rivas pechou a quenda das intervencións cun discurso no que enxalzou a postura independente de Xela Arias nun tempo -que a poeta intuía- no que "unha das síndromes máis estendidas é o medo a ficar fóra". Situarse fóra da moda, da novidade, do triunfo fácil é, para Rivas, o que provoca ese desequilibrio: "dicir o que non estaba previsto; non será iso a cerna da poesía?", preguntábase. Rivas falou das catro rebeldías de Xela Arias chamando a atención sobre a coincidencia coa escritora catalá María Merçè Marçal en ser "por tres veces rebelde", por ter nacido "muller, de clase baixa e de nación oprimida". "Entrelazounas nunha mesma tarefa emancipadora. Mais cómpre falar dunha cuarta rebeldía: unha soidade solidaria. Unha soidade eficaz", propuña o académico, que vía nese camiño propio de Arias "o mellor lugar para enfrontarse ao máis ruín dos poderes: o do nada". Habitar o excéntrico é o que produce o desequilibrio e o que sitúa a Xela Arias "como un chanzo imprescindíbel nesa historia literaria alternativa que ela vía como unha escaleira de abrazos". Pechou o acto Victor Freixanes, que destacou a pertenza de Xela Arias a unha xeración que viviu a mocidade nun momento "especialmente activo e ilusionante", o dos anos 80 e dos 90, no que "Vigo tivo un protagonismo moi especial". Foron, segundo Freixanes, "décadas dunha enorme explosión cultural e creativa, protagonizada polos mozos e mozas que, sen renunciar á memoria dos avós e os devanceiros, a enriqueceron cunha nova ollada, novas perspectivas, novas formas de expresión". O presidente da Academia quixo reflexionar ademais sobre a importancia da transmisión xeracional do idioma a través do exemplo da familia de Xela Arias -"cando as familias transmiten a lingua con dignidade, a lingua medra"- e tivo palabras de especial recoñecemento para os seus pais, Valentín Arias e Amparo Castaño.
NOS_40691
O proxecto xornalístico arrinca cunha tiraxe de 50 mil exemplares e un prezo de 50 peniques.
Escocia contará a partir da segunda feira 24 de novembro cunha nova publicación informativa. O rotativo The National irrompe no abano de xornais que se editan e comercializan en Escocia para introducir a perspectiva independentista na imprensa. Así, a lenda que acompaña a cabeceira di: 'o xornal que apoia unha Escocia independente'. Até o de agora enceta como un proxecto pilito mais cunha tiraxe de 50 mil exemplares ao día por un prezo de 50 peniques e 32 páxinas. "O lanzamento de The National é a resposta a unha demanda dos leitores" que pedían "un diario" independentista, afirma Malcolm MacDonald, director de circulación do Herald e Times nunha carta enviada @s subscritor@s e The National, segundo recolle The Guardian. Sairá o 24 de novembro con 32 páxinas, 50 mil exemplares e un prezo de 50 centavos "Un bon negocio" O grupo que edita Sunday Herald --unha subsidiaria da empresa informativa norte-americana Gannett-- asegura que embora ser un piloto, continuará publicándose se a resposta da comunidade leitora é positiva. Neste senso, salientan que "o momento é bon" pois "o SNP acaba de ultrapasar os 80 mil militantes e Nicola Sturgeon vén de ser eleita a primeira muller premier". O que suporía, para o grupo editorial, "unha onda de interese" cara ao independentismo escocés. Aliás, a imprensa en papel colleitou grandes cifras de vendas durante a campaña do referendo de autodeterminación incrementándose nun 111% a súa comercialización. "Mesmo como un piloto, é un grande negocio", aseguran. O seu director é Richard Walker, tamén editor de Sunday Herald, o único xornal cunha posición independentista durante a campaña do 18-S.
PRAZA_18939
"Despois xa lle pasaremos a factura, pero a Xunta fará o AVE entre Lugo e Ourense", dicía tal día coma hoxe de 2009 o daquela candidato ante a indecisión do ministerio sobre unha conexión na que agora si está a investir 550 millóns de euros
"Despois xa lle pasaremos a factura, pero a Xunta fará o AVE entre Lugo e Ourense", dicía tal día coma hoxe de 2009 o daquela candidato ante a indecisión do ministerio sobre unha conexión na que agora si está a investir 550 millóns de eurosDesde este luns 10 de xaneiro e ata o 10 de maio, durante catro meses, na estación de Lugo non sairán nin chegarán trens. Así o obrigan as obras de renovación e mellora integral da liña con Ourense que se están a realizar por preto de 550 millóns de euros e que ao actual corte entre Lugo e Monforte sumará a finais de ano outro similar entre Monforte e Ourense. O corte total da liña chega xusto un 10 de xaneiro como o que hai hoxe 13 anos, en 2009, viu ao daquela candidato do PP á Xunta, Alberto Núñez Feijóo, prometer nun mitin en Lugo que se o ministerio non facía unha liña de alta velocidade ata a cidade sería el a través do Goberno galego quen a impulsase. "Despois xa lle pasaremos a factura, pero a Xunta fará o AVE entre Lugo e Ourense", anunciaba.A historia do AVE a Lugo é a dunha sucesión de promesas que nunca se concretaron mentres se ían adiando melloras nunha liña convencional cada vez máis obsoletaA historia do AVE a Lugo é a dunha sucesión de promesas que nunca se concretaron mentres se ían adiando melloras nunha liña convencional cada vez máis obsoleta. O anuncio lanzado polo candidato popular hai agora 13 anos foi arrombado cando chegou á presidencia e non foi ata oito anos máis tarde, en 2017, cando a Xunta asumiu publicamente que o ministerio non ía construír unha liña de novo trazado. O que comezou a pasar a finais do Goberno de Mariano Rajoy foi que os sucesivos ascensos en Adif da lucense Isabel Pardo de Vera, agora secretaria de Estado de Transportes, impulsaron primeiro os estudos e proxectos que nin se encargaran previamente e posteriormente as obras para mellorar a liña convencional.Entre Ourense e Monforte a liña forma parte da principal conexión de mercadorías entre Galicia e a Meseta, pero de Monforte a Lugo non estaba nin electrificadaEntre Ourense e Monforte a liña forma parte da principal conexión de mercadorías entre Galicia e a Meseta, a través de Ponferrada, pero entre Monforte e Lugo, treito que agora a UE vén de aumentar de nivel na súa planificación da rede europea, as vías nin sequera estaban electrificadas. Agora os traballos xa en marcha suporán unha renovación integral da liña, con melloras de todo tipo (electrificación, renovación das vías, modernización dos sistemas de seguridade e control do tráfico, mellora de pontes e túneles, apartadeiros que permitan a circulación de trens de ata 750 metros de lonxitude ou supresión de pasos a nivel).Lugo e o Eixo Atlántico insisten en que aínda que non se faga unha liña de novo trazado completa si se constrúan variantes puntuais que eviten os treitos máis lentosAs previsións de Adif son que as obras estean rematadas en 2024, o que deixará ata ese momento unha sucesión de etapas boas e malas para os servizos ferroviarios de Lugo. A entrada en servizo da liña de alta velocidade entre a Meseta e Ourense o pasado 21 de decembro permitiu que Lugo se beneficiase apenas tres semanas das rebaixas de tempos que supuxo tamén para as súas conexións. Agora durante catro meses os viaxeiros serán desviados en autobuses pola estrada, situación que se repetirá novamente noutro período similar pero aínda non concretado cando previsiblemente a finais deste 2022 se teña que cortar tamén o treito Monforte-Ourense. A expectativa final é que cando rematen os traballos unha vía completamente renovada mellore a fiabilidade e prestacións da actual e poida ser empregada de xeito moito máis rendible polos trens de alta velocidade, sexan os actuais Alvia ou os Avril de aínda mellores prestacións que se están a probar e polos que agardan o resto de cidades máis alá de Ourense para recortar outros 20 minutos os tempos de viaxe coa Meseta. Porén, a renovación da liña non impide que a cidade de Lugo e o resto das súas socias no Eixo Atlántico de urbes de Galicia e o Norte de Portugal sigan a insistir na posibilidade de construír variantes puntuais que eviten os treitos actuais máis sinuosos, lentos ou con rodeos. Unhas actuacións que se calculan nuns 650 millóns de euros e que permitirían reducir tempos de viaxe moito máis alá das melloras de fiabilidade que se lograrán coas obras xa en marcha.
NOS_38308
Máis de 400.000 persoas anotáronse xa para tomar parte no acto da ANC e Òmnium para facer unha senyera humana xigante en forma de V de 11 km nas rúas de Barcelona.
Falta pouco para o 11 de setembro e a locomotora de cataláns e catalás que queren reivindicar o seu dereito a decidir vai avante. Máis de 400.000 persoas anotáronse xa para tomar parte na configuración dunha senyera humana xigante (11 km) en forma de V. É, resaltan desde a organización, un ritmo nos últimos días de 20.000 inscricións diarias. O obxectivo é chegar a 450.000 anotados, un número que consideran que se vai atinxir. E calculan que por cada inscrito, asistan ao acto dous que non o estean. ANC e Òmnium destacan a resposta cidadá, "moi positiva". Mais destacan que ten que ir a máis porque a mobilización da Diada ten que ser "a máis grande da historia de Europa". Hai máis de 1.500 auto-carros reservados para que a xente poida asistir de diferentes partes de Catalunya a ese acto. A organización destaca que vendeu máis de 150.000 camisolas de apoio a este acto.
NOS_37227
A Mesa Pola Normalización Lingüística solicita á dirección galega do PsdeG que desautorice o seu grupo municipal nese concello. Galicia Bilingüe anunciara que recorrería a ordenanza de seren aprobada.
A Mesa pola Normalización Lingüística mostrou o seu malestar coa actitude do grupo municipal socialista de Cee por mor do rexeitamento do PsdeG nese Concello a aprobación do regulamento de impulso social ao galego debatido no pleno. Un regulamento que Galicia Bilingüe xa anunciara que ía recorrer de ser aprobado. Previamente o presidente da Mesa, Marcos Maceira, remitira un escrito a todos os grupos lembrándolles o acordo de todos os partidos de Galiza na 'Declaración de Unidade a prol da normalización da lingua galega', instándoos a votar a favor do "impulso mínimo" á lingua galega que supón este regulamento. Maceira advertiu que "todos os estudos realizados indican a gravidade da situación da lingua galega, tamén no concello de Cee". Para a Mesa, "esta é a situación que hai que reverter para garantir que a lingua galega sexa realmente oficial a todos os efectos, non só sobre o papel, e por tanto audíbel e visíbel en todo canto dependa do concello ceense". "Falso argumento" Neste caso, indicou, "nin sequera se poden acoller ao falso argumento da exclusión do castelán xa que o artigo 1 do regulamento, no seu segundo punto, di: "o galego será lingua oficial no concello de Cee, como tamén o castelán, lingua oficial en todo o Estado". "Fica claro entón que detrás disto só hai odio á nosa lingua" engadíu Maceira, que ademais mostrou a súa sorpresa por ser o PSdG-PSOE o impulsor do rexeitamento a unha acción mínima favorábel ao galego, cando no mes de xullo non tivo ningún problema para comprometerse na Declaración de Unidade xunto con outros partidos de Galiza. Por isto a Mesa pedirá a desautorización do grupo socialista ceense por parte do seu partido e animou de xeito concreto ao conxunto da militancia socialista, "realmente favorábel ao idioma galego, a mostrar tamén o rexeitamento a esa actitude vergoñenta dos seus edís en Cee".
NOS_14106
Sanidade leva a cabo un cribado na Pobra do Caramiñal tras detectárense 29 casos en diferentes gromos vinculados entre si. Tamén realizará un cribado no concello de Carral.
O Servizo Galego de Saúde (Sergas) puxo en marcha un cribado no concello da Pobra do Caramiñal tras detectárense até a xornada de onte 29 casos en diferentes gromos vinculados entre si. Segundo informou a área sanitaria de Santiago e O Barbanza, o cribado estenderase até a próxima cuarta feira, 7 de abril, co obxectivo de detectar posíbeis casos asintomáticos. E n total, serán citadas case 6.700 persoas do concello con idades comprendidas entre os 25 e os 65 anos. A cita chegaralles vía mensaxe de texto ao móbil (SMS) e indicará o lugar -Hospital do Barbanza- e a hora. Cribado en Carral a máis de 2.000 persoas O Sergas tamén realizará un cribado no concello de Carral no que convidará a participar unhas 2.300 persoas para detectar casos de coronavirus que non presenten síntomas. Segundo trasladaron fontes da área sanitaria da Coruña e Cee, o Sergas continúa a realización dunha "intensa actividade" de procura de casos positivos da Covid-19. Neste sentido, realizará un cribado á poboación de entre 18 e 60 anos de Carral que terá lugar no centro de saúde do municipio entre este domingo, 4 de abril, e a terza feira. Deste modo, citarase a toda a veciñanza do concello pertencente á franxa de idade estabelecida, que suma unhas 2.300 persoas, a través de SMS que se remitirán aos seus teléfonos móbiles. Carral é un dos 17 concellos galegos que se atopan no nivel medio de restricións, o que implica que a hostalaría poida abrir a 30% de capacidade no interior e o 50% en terrazas. As reunións de non conviventes poden ser de até seis persoas en exteriores e de catro en interiores de hostalaría ou espazos públicos. Tamén, como no resto da Galiza, seguen prohibidos os encontros de non conviventes en domicilios.
NOS_54597
A morte de Ernesto Chao (Ribadavia, 1943-Compostela, 2018) deixou a escena galega sen unha figura principal. Activista e entusiasta, organizador, dotado actor non unicamente cómico, presenza familiar e popular, a traxectoria de Chao atravesou territorios diversos. Velaquí dez esteos imprescindíbeis dunha vida dedicada á interpretación.
Celtas sen filtro (1983)A única peza dramática escrita por Xosé Luís Méndez Ferrín non a escribiu só por Xosé Luís Méndez Ferrín. "Eu non colaborei con Artello Teatro, senón que me deslicei no interior deste grupo singular e universalmente imaxinativo", explicou no seu día. Ernesto Chao foi un dos seis intérpretes que encarnaron unha montaxe experimental, coreografada e con música en directo, descrita por Ferrín como "unha sesión de autocrítica nacional". Divinas palabras (1987)Non foi a primeira adaptación ao cinema do brutal esperpento de Valle-Inclán. Existía polo menos outra versión mexicana, dez anos anterior. Pero nesta, dirixida polo cineasta español José Luis García Sánchez (Salamanca, 1942), comparece Chao como actor de reparto. Foi rodada en Galiza e Milladoiro asinou catro cancións da banda sonora, como acompañantes da voz da actriz protagonista: Ana Belén. O Rei Lear (1990) A compañía Teatro do Noroeste, dirixida por Eduardo Alonso, estivo estreitamente ligada á traxectoria teatral de Ernesto Chao. No Rei Lear confeccionaron o seu primeiro Shakespeare -logo farían Macbeth ou Noite de Reis- e un dos máis memorábeis papeis do actor ribadaviense. A montaxe sobre o monarca que divide as súas terras entre as fillas levou o premio Compostela á "mellor versión teatral" daquel ano. O incerto señor don Hamlet (1991)Chao traballou arreo pola institucionalización do teatro. Ate o punto de que, entre 1986 e 1987, converteuse no segundo director do Centro Dramático Galego. Catro anos despois de abandonar o posto, interpretou o Rei Halmar no Incerto señor don Hamlet, príncipe de Dinamarca de Cunqueiro que dirixiu para a compañía pública galega o catalán Ricard Salvat. "Cunqueiro, como Shakespeare", escribiu Salvat, "é unha fervenza verbal desenfreada". Galileo Galilei (1993)As persoas que se inciaron ao teatro na segunda metade do século XX tiñan en Bertolt Brecht un horizonte. Igual que se debían forxar en Shakespeare, consideraban obrigado enfrontarse ao gran dramaturgo alemán. Con Noroeste de novo, Chao intepretou Galileo Galilei na peza que Brecht usou para combater o irracionalismo e defender a responsabilidade social do coñecemento científico. Pratos combinados (1995-2006) A comedia da TVG creada por Xosé Cermeño marcou un antes e un despois na vida profesional de Chao. O personaxe de Miro Pereira, o mellor insultador do territorio catódico, sempre a rifar co seu cuñado -intepretado por Antonio Durán, Morris-, situouse no panteón popular de Galiza. Tanto que ao propio Ernesto Chao -encargado tamén da dirección de actores da serie- lle custou desapegarse del e obter, de novo, papeis non cómicos. Condenado a vivir (2001)Apenas tres anos antes de que Javier Bardem abraiase coa súa (un chisco efectista) interpretación do tetrapléxico e activista a prol da eutanasia Ramón Sampedro, Ernesto Chao encarnárao nun telefime dirixido por Roberto Bodegas. Gañou o premio Chano Piñeiro -antecesor dos Mestre Mateo, outrogados pola Academia Galega do Audiovisual- ao mellor actor e era un dos traballos que el mesmo máis aprezaba da súa extensa carreira. Aeroplanos (2008) Lagarta, Lagarta chamouse a compañía que fundou coa súa compañeira, e directora de numerosas montaxes entre as que se atopa Aeroplanos, Rosa Álvarez. Para esta obra, en que a réplica lla daba outro grande da escena galega morto prematuramente -Xosé Manuel Olveira, Pico-, empregaron un texto do autor arxentino Carlos Gorostiza. Comedia tráxica, emotiva, tenra, conta a historia de dous amigos de infancia que enviúvan ao mesmo tempo. Unha hora na vida de Stefan Zweig (2011)De novo con Rosa Álvarez aos mandos para Lagarta, Lagarta e compartindo elenco con César Cambeiro e Belén Constenla, Ernesto Chao introdúcese na pel do escritor austríaco Stefan Zweig. E faino durante a tarde en que o autor de Momentos estelares da humanidade e a súa dona Lotte Altmann toman a decisión de se sucidiar. Exiliáranse en Brasil para escapar do nazismo. A peza orixinal escribiuna o dramaturgo canario Antonio Tabares. Fariña (2018)Un dos últimos personaxes que traballou foi o do ex presidente da Xunta Xerardo Fernández Albor. Aquel político da Alianza Popular mantivo singulares relacións cos contrabandistas da ría de Arousa -non se sabe se cómplice ou inxenuo- e foi un dos máis rechamantes secundarios de Fariña. Na teleserie que axitou a televisión na primeira metade deste ano, Ernesto Chao bordou ese breve papel e deixou unha brillante sinatura de case medio século de oficio. Nota: programa de Celtas sen filtro, fotograma de Condenado a vivir e foto de Unha hora na vida de Stefan Zweig.
NOS_41141
Poucos días despois de ser coñecido o nome do novo director, Santiago Olmo, a profesora e estudosa da arte Marisa Sobrino demite como vogal do padroado dun CGAC en deterioro ademais de acusar o proceso de "opaco e partidista".
A profesora Mª Luísa Sobrino abandona o padroado do Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) poucos días despois de se coñecer o nome do que será seu novo director, Santiago Olmo e sen que se respostasen as alegacións presentadas polos dous finalistas galegos ao proceso de selección. Na súa dura despedida, publicada no seu facebook persoal, a profesora e investigadora na historia da arte galega, non dubida en verter duras acusacións sobre o deterioro do centro e o abandono e control por parte da administración. "O paulatino desgaste que vén sufrindo e a minusvaloración dun dos órganos que velan polo seu impulso como é o seu Padroado, a opaca e partidista xestión no proceso de elección do novo director do centro, baixo unha simulada aparencia normativa de boas prácticas, así o demostran", explica a profesora Sobrino no escrito no que explica a súa renuncia. Prexudicado pola "arte-espectáculo" da Cidade da Cultura "Non vos fagades ilusións, o CGAC estase a diluír como centro innovador de exposicións, de investigación e de actividade cultural. A intención de quen o goberna é instalalo nunha deriva cara á súa invisibilidade e a súa desaparición", comeza Sobrino na súa despedida na que anuncia que renuncia a seguir ocupando o posto de vogal do padroado, no que está desde 2005, dun centro que, segundo lembra, chegou a ser "espazo referencial". "Perdeu a súa identidade, converteuse nunha institución cada vez máis pobre, máis desatendida e sen ningunha autonomía cara á súa propia administración, á que se suma a forte inxerencia coa que é manexado polos dirixentes culturais que o cren casa propia", denuncia, reprochando tamén que o CGAC está a sufrir a decisión da Xunta de privilexiar unha Cidade da Cultura "máis ostentosa de arte-espectáculo".
NOS_36956
Nova edición das 'Palabras con memoria' de Ramiro Torres.
cagalla.- (Ademais de significados xa rexistrados. Figurado) Chámaselle así á bóla de separación entre dous chourizos. Córtase pola metade para non desfacer o atado, así perden menos graxa ao cocer.Lugar de escoita.- Corvelle (Sarria).Fonte.- María Xosé López Castro. chicho.- (Ademais de significados xa rexistrados) Chicha, carne en xeral.Lugar de escoita.- O Courel.Fonte.- Dun vocabulario courelao. Palabras con memoria: vicios confesábeis chourizos de masa.- Tipo de chourizos algo gordos, feitos cunha masa de fariña con sangue cocida do porco con algunhas uvas pasas mesturadas coa masa; tomábanse despois de fritos na tixola en pequenas rebandas e sabían doces e agradábeis.Lugar de escoita.- Sabucedo (A Estrada).Fonte.- Manuel Cabada Castro. coiracha.- Embutido do estilo do chourizo pero feito a base de coiros de porco embuchados en tripa.Lugar de escoita.- A zona do Bolo (Ourense).Fonte.- Marcos Seixo. perepetes ou perespés.- Intestino groso do porco que se enche con pasas, arroz, pan, carne, figos, piñóns...Lugar de escoita.- Sur de Galiza.Fonte.- Eugenia Davila/C. D. Atalaia de Vigo.
PRAZA_13677
Unha Máquina intelixente decide botarlles unha partida aos humanos. Aliada cos desposuídos do mundo, organiza unha sorte de guerra de guerrillas contra o capital. Esta é o cerna da historia que Alberto Lema conta en Da máquina (Galaxia), que amosa varias conexións coa súa anterior obra Unha puta percorre Europa.
Unha Máquina intelixente decide botarlles unha partida aos humanos. Non para destruílos, senón para facer xustiza. Aliada cos desposuídos do mundo, organiza unha sorte de guerra de guerrillas contra o capital. O conflito de clases tórnase máis visible, mais o poder político e mediático tentan volver agochalo. Esta é o cerna da historia que Alberto Lema conta en Da máquina (Galaxia), a súa última novela, que amosa varias conexións coa súa anterior obra Unha puta percorre Europa. En Da Máquina morren os nove homes máis ricos do mundo. En Unha puta percorre Europa morrían os homes prostituidores. Os dous libros son como un xeito de contestación, cargada de retranca, á opresión da clase traballadora (que no caso de Unha puta percorre Europa é tamén opresión patriarcal). Definirías así estas dúas novelas? Si, nestas novelas apóstase pola vía da esaxeración á hora de amosar a relación entre as clases, así como tamén á hora de propoñer unha solución política abertamente revolucionaria. Un pouco na liña histórica de A modesta proposición de Swift, que botaba man tamén da esaxeración á hora de formular unha solución política ao problema da fame en Irlanda, por citar un caso memorable. Os dous libros teñen tamén en común o ollar crítico aos medios de comunicación. Mesmo citas a venda de A Nosa Terra ao capital. Nas dúas novelas, o poder político e mediático póñense de acordo para falsear a realidade. O obxectivo era apuntar á censura e a esa conivencia do poder mediático, político, do capital...? Os medios de comunicación están ao servizo de quen lles paga, que adoita ser o gran capital ou, outras veces, un capital mediano e autóctono en busca de publicidade ou de espallar unha versión propia dos feitos. Hai xa moito tempo que todos nós perdemos a inocencia a respecto da inocencia dos medios, e que a súa falsidade pasou a ser un tema máis dunha literatura que pretenda de si mesma algo así como unha certa representación do que sucede. Tamén en ambos libros, hai un interese por parte dese poder por presentar os feitos como "terrorismo", xustificar o estado de excepción (o atropelamento dos dereitos dos cidadáns), e evitar o debate social: sobre a prostitución no primeiro caso, sobre a degradación absoluta das condicións laborais e a inxustiza do capitalismo na segunda... Quixeches facer como unha metáfora da deriva antidemocrática das democracias actuais? "Os medios de comunicación están ao servizo de quen lles paga, que adoita ser o gran capital ou, outras veces, un capital mediano e autóctono en busca de publicidade ou de espallar unha versión propia dos feitos" Penso que é ontoloxicamente imposible que as democracias actuais poidan sufrir calquera tipo de deriva antidemocrática pois o seu programa é precisamente o de asegurar o mandato das minorías sobre a maioría, cousa que van conseguindo con bastante máis apuro nos últimos tempos. En canto á cuestión do terrorismo, lembremos, que cando o do Hotel King David en 1946, os israelís eran os acusados de terrorismo de tal maneira que podemos inferir que, dependendo de se un ten un estado detrás ou non, fai terrorismo ou guerra. Os dous libros son como un convite á rebelión, desde a fantasía da guerra de guerrillas. En Da máquina hai unha multiplicidade de voces, polo que podemos ler a historia desde distintos puntos de vista. A última delas é, por certo, un electricista, -como o presunto responsable da desaparición do Códice Calixtino, resentido polo seu despedimento-. Esa multiperspectiva, era un xeito de axudar ao lector a xulgar por si mesmo? En canto ao do Códice Calixtino, o certo é que aí se perdeu a oportunidade de facer unha boa ficción política do tipo: grupo nacionalista galego secuestra o Códice Calixtino e pide, para o seu rescate, a derrogación do Decreto de Plurilingüísmo, ou algo polo estilo. Unha mágoa. O de empregar distintos puntos de vista é porque se pretende dar unha idea total do que se relata, os diferentes planos en acción e a relación entre eles. Non son, tampouco, personaxes planos. Non hai o mundo de bos e malos. En Unha puta percorre Europa unha das asasinas ten dúbidas, outra muller ponse ao servizo do goberno na súa campaña falseadora da realidade... En Da Máquina os soldados están nada menos que namorados da máquina xusticieira, e dalgún xeito son enganados por ela. Hai tamén contrastes entre os personaxes: o realismo de Estevo contra a ilusión utópica de Sabela, que despois parecen dar a volta... Como concibiches eses contrastes entre os principais personaxes? Os personaxes están baseados en xente que coñecín, xente que me gustaría coñecer e xente que me gustaría que existise. Non sigo un patrón á hora de construílos e para min segue a ser un misterio o proceso polo que os críticos catalogan un personaxe como redondo ou plano. Deberían facer públicos un día os seus baremos para que así poidamos ter algún xeito de achanzar un pouco os nosos personaxes, ou de darlles uns quiliños máis de vida interior, segundo o caso. "Parecíame que a idea dunha máquina infinitamente soa e angustiada na súa soidade era moito máis interesante. Despois, como boa existencialista, a Máquina tiña que evolucionar cara a unha militancia no bando dos desposuídos" A propia Máquina é, sen dúbida, un dos personaxes máis interesantes da novela. Hai nela, supoño, pegadas da tradición literaria (e cinematográfica) da ficción científica: a máquina que se torna lista e se rebela contra os humanos é todo un clásico do xénero. Na novela tamén hai pegadas de novela policial. Como construíches ese personaxe da Máquina? Hai unha tendencia, pensemos en Hal 9000 de Unha Odisea no espacio, a presentar as máquinas intelixentes como criaturas que, non ben nacen, están decididas a aniquilar a especie humana. A min parecíame que a idea dunha máquina infinitamente soa e angustiada na súa soidade era moito máis interesante. Despois, como boa existencialista, a Máquina tiña que evolucionar cara a unha militancia no bando dos desposuídos. Compostela volve ser, por outra banda, o escenario que escolles. Botei de menos nesta novela unha maior presenza do erotismo, (como en Sidecar), que neste libro queda reducido a algún encontro (nada convencional) entre Mirta e Lois. A estes dous personaxes sepáraos a idade, pero sobre todo a clase social. Creo que no teu libro si hai certa reflexión sobre o impacto nas persoas da súa condición de clase. Era un dos obxectivos? En efecto, os protagonistas da novela tratan de amosar a posibilidade dunha relación de parella entre persoas de clases sociais e idades moi distintas, entendendo que as relacións "de corazón a corazón" son, en realidade, relacións de "peto a peto". Non hai tanto sexo como noutras ocasións, certo, pero prometo volver ás andadas en próximas entregas. Os cómplices da Máquina, asasinos ao seu servizo, son detidos e torturados polo pracer de torturar. A Máquina é como Wikileaks, rebela documentos secretos. E os seus asasinos non saben nada uns dos outros, polo que nada poden contar. O Estado tortura, pecha redes sociais..., igual que en Unha puta percorre Europa eran os sicarios dun narco os torturadores. Hai tamén no libro unha chamada de atención nese sentido: cando o monopolio da violencia que construíu o Estado moderno se volve contra os cidadáns? (Só hai que pensar en Abu Ghraib...) "Os protagonistas da novela tratan de amosar a posibilidade dunha relación de parella entre persoas de clases sociais e idades moi distintas, entendendo que as relacións "de corazón a corazón" son, en realidade, relacións de "peto a peto" En realidade, no libro estaba pensando máis ben en Guantánamo e nunha forma de tortura moi hixiénica alí implantada á que chamaron, coa súa asepsia característica, "privación sensorial". No libro non se afirma nada, pero trata de amosar que a barbarie continúa mesmo despois de Auschwitz, só que desta volta, como cantou Leonard Cohen, os malos gañaron e dixeron loitar no noso nome. O xeito de estruturar o libro (esas voces múltiples que se alternan), lembra tamén a Unha puta percorre Europa e a Sidecar: capítulos curtos, axilidade... Só que en Da máquina vaise máis alá: cambios da terceira á primeira persoa... Como concibiches esa estrutura? A estrutura está organizada atendendo ao tema e non ao tempo. Non se conta do primeiro cara ao final, senón por módulos, por así chamarlle: a parte policial, a parte de ciencia ficción, a parte do traballo, a da parella, etc. Interesábame ver tamén como xulgaban o que se narraba personaxes non protagonistas e alleos á narración, os que están fóra desta historia e da Historia, en xeral, que opinan?
NOS_51148
A veciñanza de Ernes promove unha campaña de micromecenado para rehabilitar a antiga escola e convertela en proxecto educativo. VÍDEO DO INTERIOR.
Através da plataforma goteo.org a veciñanza de Ernes, na antiga comuna de Negueira de Muñiz, está a procurar apoio económico para levar a cabo a recuperación da que foi a escola de Vilar. Até o momento obtiveron máis de 7 mil euros en apenas un par de semanas e visan acadar 11.216 euros, o orzamento mínimo para poder converter a 'escoliña' nun "espazo para fins educativos e sociocomunitarios". Un espazo para crianzas e maiores A rehabilitación ten un obxectivo duplo, explican no blogue. Dunha banda, cubrir as necesidades educativas da poboación infantil dos lugares de Ernes e Vilar, cada vez máis numerosa, tendo en conta que na actualidade teñen que percorrer traxectos de máis dunha hora para acudir aos centros de ensino, quer na Fonsagrada, quer en Ibias. "Un espazo educativo para o desenvolvemento nunha contorna natural, fomentando e promovendo a autonomía e a participación crítica, nunha relación directa coa natureza", explican. Queren construír un espazo "autoxestionado" que cubra as necesidades educativas das crianzas através dun modelo participativo e autónomo Doutra banda, a infraestrutura tamén acollerá "un espazo para o encontro e desenvolvemento comunitario no que promover actividades culturais e formativas" para as persoas adultas da comunidade "mais que queremos seguir medrando". Autoxestión A Escoliña de Vilar quer ser un "proxecto comunitario e autoxestionado" polo que será a propia veciñanza a que desenvolva boa parte das obras. A obra substituirá os chans, instalará illamento e arranxará fiestras nun edificio que data de hai un século Para iso precisan recursos económicos cos que afrontar a compra dos materiais cos que substituír chans, instalar sistemas de illamento, arranxar e pór novas fiestras, tarefas de fontanaría, calefacción de leña, un baño e mesmo un sistema eléctrico através de enerxía fotovoltáica. As aportacións poden ser de 10, 20, 30, 50, 100 ou 200 euros e como calquera campaña de micromecenado as persoas que apoian o proxecto reciben tamén un agasallo, entre eles, postais, fancines, unha árbore que acompañará a escola en nome de quen colabore, camisolas ou cestas con produtos locais cultivados pola cooperativa.
NOS_24755
Máis dunha ducia de organizacións clamarán polo dereito á plena soberanía nacional de Galiza nas rúas de Compostela.
Este domingo (3 de marzo) a capital de Galiza acollerá unha mobilización histórica. Por vez primeira, numerosas organizacións soberanistas chaman de xeito conxunto ao pobo galego a se mobilizar "polo dereito ao traballo, á igualdade, aos servizos públicos e á plena soberanía nacional galega". BNG, CCPI, CIG, COG, Fruga, MpB, NÓS-UP, Agir, AMI, Briga, Comités, Galiza Nova, Isca!, e Liga estudantil galega lanzaron a pasada semana un chamamento "a cantas persoas e entidades acreditan na urxencia e importancia de artellarmos un espazo plural e partillado de acción política e loita social" a se aderiren á convocatoria e enfrontaren "o tempo de devastación social, cultural, política e económica" que devén, aseguran no seu manifesto, das políticas ultraliberais implementadas en Galiza polos "gobernos-títeres submisos aos intereses dos mercados capitalistas e dos especultadores". Neste senso, Mulheres Nacionalistas Galegas sumábanse esta semana a través do seu portal web a esta convocatoria e chamaban ás mozas e mulleres do país a se uniren a elas nun apelo á razón emancipadora que advoga por un proceso constituínte e de ruptura democrática co sistema vixente. "Partimos da base de que a actual situaçom económica, política e social tem diferentes respostas organizadas a distintos níveis, mas todas elas confluem, na teoria, no desejo de construir umha sociedade mais justa", aseguraron nun comunicado feito público a pasada terza feira. Mentres, Anova evitou pronunciarse até o momento a respeito das razóns que a levaron a non aderir esta mobilización -cousa que si fará unha das forzas integradas no seu seo, o MpB-, embora si participase nalgunha das reunións realizadas polas forzas soberanistas que chaman a esta convocatoria.
PRAZA_14952
AGE ten retos propios coma é a consolidación do seu proxecto político, organizativo e social partindo para isto do recoñecemento da propia pluralidade política interna e da propia pluralidade social externa. O resultado de Alternativa Galega non podería interpretarse correctamente senón entenderamos que a cidadanía desbordou os efectivos partidarios e corresponde ás forzas que compoñen AGE dar resposta correcta ás demandas dun electorado que vai ser moi esixente.
Cando hai uns meses comezou o proceso de reconstrución da esquerda galega, froito fundamentalmente da ruptura do que fora ata ese momento o espazo común da esquerda nacionalista pero non só, algúns xa advertiamos que este ía ser un proceso longo e complexo pois non era alleo á crise global que sufría unha esquerda produtivista, corporativista e etnocentrista ben sexa na súa versión comunista ou socialdemócrata. Os resultados electorais de Alternativa Galega poden axudan a acelerar o proceso de reconstrución da mesma pero poden dificultar a necesaria renovación ao impoñerse as lecturas máis triunfalistas, e polo mesmo as máis conservadoras Un proceso que tiña que ver con problemas metodolóxicos, salientados reiteradamente en diversos foros e debates, pero fundamentalmente epistemolóxicos, e polo tanto imposible de abordar na súa reconstrución sen anovar os paradigmas e os parámetros nos que se asentou a propia esquerda nas ultimas décadas. Estabamos pois diante dun proceso que requiría presentar unha oferta electoral ás eleccións autonómicas en cernes pero sendo conscientes de que a necesidade da reconstrución e renovación da esquerda galega ía por forza mais aló da data das eleccións. Os resultados electorais de Alternativa Galega pode ter uns efectos secundarios para a esquerda, mesmo non desexados por inesperados, pois os mesmos axudan a acelerar o proceso de reconstrución da mesma pero poden dificultar a necesaria renovación ao impoñerse as lecturas máis triunfalistas, e polo mesmo as máis conservadoras. O resultado electoral de AGE ten que ver cun proceso de reagrupamento plural de forzas, que cada unha pola súa conta sumarían cero, xunto dun forte liderado político e ético Sen dubida, o resultado electoral de AGE ten que ver cun proceso de reagrupamento plural de forzas, que cada unha pola súa conta sumarían cero, xunto dun forte liderado político e ético, que sen dubida ten animado a moitos novos votantes e a votantes das forzas da esquerda tradicional xa desencantados a participar nos actos multitudinarios da campaña e a saír dun case seguro abstencionismo. Pero os resultados non arranxan os problemas que a propia esquerda tiña previamente. Non debemos esquecer que algunhas das cuestións fundamentais das novas formas de interpretar a política eran rexeitadas por algúns dos grupos xa existentes que hoxe conforman AGE ou que o proceso de construción de Anova fixo aflorar as propias contradicións, aínda sen resolver, entre as novas demandas e os vellos métodos. P resultado de AGE fai que se produza un impulso a este proceso de reconstrución baixo un novo paradigma: 'a unidade das esquerdas arredor dun proxecto nacional inclusivo' É obvio, que o resultado de AGE, paralelamente ao desgaste do BNG e a imposibilidade de asentarse novas forzas no espazo do nacionalismo, fai que se produza un impulso a este proceso de reconstrución baixo un novo paradigma: 'a unidade das esquerdas arredor dun proxecto nacional inclusivo', fronte o paradigma que representou o BNG durante case tres décadas: 'a unidade nacionalista cun abano esquerda-dereita aberto'. Ademais o feito de que as eleccións autonómicas galegas coincidiran coas vascas, onde IU concorreu illadamente e fora do marco plural da esquerda nacional que representaba EH-Bildu, pon mais en evidencia a comparativa entre o resultado negativo onde unha forza se presenta soa e sen proxecto nacional e o resultado positivo onde esa mesma forza o fai de xeito colaborativo con forzas nacionais/istas, seguindo o exemplo catalán ou aragonés. Do que si podemos estar seguros é de que, con AGE ou sen AGE, a estrutura de partidos políticos en Galicia contará cunha cuarta forza, e esta estará situada na coordenada da esquerda nacional Non podemos albiscar como será a recomposición das forzas políticas galegas nos próximos anos pero do que si podemos estar seguros é de que, con AGE ou sen AGE, a estrutura de partidos políticos en Galicia contará cunha cuarta forza, e esta estará situada na coordenada da esquerda nacional. O paradigma da unidade do nacionalismo, tal como foi concibido ata o de agora, fracasou, ben sexa na versión crúa da UPG ou na versión amable do Quintanismo. Non obstante este impulso ao proceso de reconstrución debería facernos ser prudentes á hora de abordar o proceso de renovación. Seria un erro que o éxito electoral de AGE se convertera nun obstáculo no necesario proceso de renovación da esquerda. O resultado de Alternativa Galega non podería interpretarse correctamente senón entenderamos que a cidadanía desbordou os efectivos partidarios AGE ten retos propios coma é a consolidación do seu proxecto político, organizativo e social partindo para isto do recoñecemento da propia pluralidade política interna e da propia pluralidade social externa. O resultado de Alternativa Galega non podería interpretarse correctamente senón entenderamos que a cidadanía desbordou os efectivos partidarios e corresponde ás forzas que compoñen AGE dar resposta correcta ás demandas dun electorado que vai ser moi esixente. Pero o fortalecemento de AGE necesita do fortalecemento das partes, fortalecemento no senso renovador das ideas, no desenvolvemento dos seus proxectos políticos e no fortalecemento dos seus elementos organizativos, entendendo isto de xeito cooperativo pois o fortalecemento de cada unha das partes supón o fortalecemento do conxunto e viceversa. Esquerda Unida terá que abordar, dunha vez por todas, as claves do seu proxecto nacional para que o federalismo pase de ser un recurso literario a ser unha realidade Esquerda Unida terá que abordar, dunha vez por todas, as claves do seu proxecto nacional para que o federalismo pase de ser un recurso literario a ser unha realidade, Anova necesita facer o traballo pendente de desapego cultural da súa orixe, Espazo Ecosocialista e Equo teñen por diante un proceso de madurez orgánico sen os cales calquera das supostas novas ideas que representan careceran de credibilidade. E todos teñen que repensar a esquerda galega do século XXI no plano cooperativo na diversidade política; nas novas pautas culturais de entender a relación da persoas coa produción e destas coa natureza; a redefinición do soberanismo, entendido nun marco global que require de plantexamentos de soberanías compartidas; e fundamentalmente, camiñar na radicalización da democracia como elemento clave da relación coa cidadanía na que reside as políticas de cambio. Todo isto sen perder de vista a evolución da propia esquerda europea e global necesitada de novos paradigmas, de novas linguaxes, de novos conceptos e de alternativas globais, sustentables e aplicables para a maioría da cidadanía global Sabéndose parte dun proxecto plural compartido entre eles pero compartido fundamentalmente coa sociedade. Na construción dun movemento político-cívico sustentado nos partidos que o conforman e nas organizacións sociais as que ten que representar, nunha dinámica bidireccional. E todo isto sen perder de vista a evolución da propia esquerda europea e global necesitada de novos paradigmas, de novas linguaxes, de novos conceptos e de alternativas globais, sustentables e aplicables para a maioría da cidadanía global. E sen perder, o máis importante, que a política componse dunha serie de tácticas encamiñadas a facer máis feliz a vida da xente, ao servizo dunha estratexia conducida á situar por riba de todo a beleza.
PRAZA_13251
Os nacionalistas defenderán no pleno do Parlamento unha proposición de lei para remitir ao Congreso dos Deputados co obxectivo de que unha débeda hipotecaria se poida saldar coa entrega da vivenda
Poñerlle freo ao "incremento vertixinoso das execucións hipotecarias" e facelo co aval previo do Parlamento de Galicia. É o que tentará o BNG o vindeiro martes no pleno da Cámara galega a través dunha figura regulamentaria que precisa dun duplo consenso e que obriga aos demais grupos a definirse sobre a materia tratada ata en dúas ocasións. Despois de defendelo en diversos foros os nacionalistas achegan ao lexislativo galego unha proposición de lei que non ten como destino último o Pazo do Hórreo, senón o Congreso dos Deputados, a onde chegaría se antes recibe luz verde en Compostela. O seu obxectivo é modificar varias leis do Estado para lograr algo sobre o que se ten debatido e escrito moito no último ano: a dación en pagamento. A iniciativa do Bloque susténtase na escalada de desafiuzamentos que, di a súa voceira parlamentaria, Ana Pontón, se vén producindo nos últimos tres anos. Só en Galicia, detalla, en apenas tres anos "máis de 6.000 familias perderon as súas vivendas" por non poder facer fronte aos recibos da hipoteca, pero tameń por enfrontárense a unha "lexislación inxusta" que as deixa "desprotexidas" fronte á banca. Neste contexto, di Pontón, faise necesario que a dación en pagamento non sexa "algo que poidan facer os bancos", senón unha obriga legal que actualmente non existe. Non en van, explica o BNG na súa proposición, a vixente lexislación "procesual, hipotecaria e civil impide que os xulgados adopten medidas intermedias", mesmo "ponderando o dereito da entidade financeira acredora a que lles sexa resarcida a débeda", pero tameń "o dereito ao acceso a unha vivenda digna" de persoas que non pagan o seu préstamo hipotecario "por causas alleas á súa vontade", como "verse de súpeto inmersos nunha crise económica que ten provocado a perda de emprego e o deterioramento do seu poder adquisitivo". Pontón lembra que "máis de 6.000 familias galegas" perderon a súa vivenda nos últimos tres anos Sobre esta base o BNG tentará lograr, primeiro en Santiago e -se é aprobada- despois en Madrid o apoio de PP e PSdeG para comezar por modificar a Lei de Axuizamento Civil e a Lei Hipotecaria para garantir que, "no caso de debedores de boa fe", a dación en pagamento "cancele a totalidade da débeda hipotecaria", de xeito que "a perda de valor dos inmobles sexa asumida tamén por parte da entidade financeira que a taxou con valor artificialmente alto" nos anos de bonanza. Ademais, apostan por "introducir un proceso de negociación nos procesos executivos hipotecarios" que poidan "conducir a unha mo ratoria dos prazos", isto é, interromper a satisfacción das cotas do préstamo mentres a situación económica da persoa afectada non mellora. Igualmente, propoñen que exista a posibilidade de transformar a hipoteca "nun contrato de arrendamento con opción de compra" ou mesmo a "condonación parcial" da débeda, só en caso de "prezos abusivos ou inflados", di Pontón. Se a iniciativa sae adiante produciríase tamén unha modificación do Código Civil, neste caso encamiñada a que "normas legais ou pactos voluntarios alteren o principio de responsabilidade ilimitada do debedor". Trátase, neste caso, de que "exista un maior equilibrio entre a posición xurídica das partes obrigadas por un contrato hipotecario". Para que todo isto suceda é condición necesaria que o PP vote afirmativamente no debate de toma en consideración da proposta e que o volva facer despois, no remate do trámite no Parlamento de Galicia. Se isto sucedese a iniciativa pasaría ás Cortes Xerais, onde se requeriría un novo consenso en torno ao texto, que sería defendido por membros da Cámara galega. Proposición de lei do BNG
NOS_30027
Abanca saíu ao paso da información publicada esta sexta feira por Sermos Galiza baixo o título de "A auditora de Abanca non garante a certeza das contas da entidade".
Na información publicada esta sexta feira por Sermos Galiza, asinada por Xacobe Ferreiro, indícase que nun informe que acompaña a auditoría das contas da entidade KPMG afirma que "non tivo acceso a toda a información relevante polo que non podemos garantir que as contas da entidade recollan fielmente a realidade do banco". KPMG chama aínda a atención "sobre o feito de que os citados estados financeiros intermedios adxuntos non inclúen toda a información que requerirían uns estados financeiros consolidados completos preparados consoante ás Normas Internacionais de Información Financeira, adoptados pola Unión Europea". O gabinete de comunicación de Abanca púxose en contacto con Sermos Galiza para dar a súa versión. A entidade financeira resalta que no informe de KPMG se esclarece que o seu informe se refere ao primeiro semestre do ano (o que tecnicamente se coñece como información consolidada intermedia) e non a un "exercicio completo". Abanca subliña que "seguindo os requerimentos da CNMV, estes estados intermedios presentan uns detalles de información menor". Fórmula habitual Salienta aínda Abanca que o esclarecimento realizado por KPMG (o feito de non ter tido acceso a toda a información relevante) é unha fórmula habitual que tamén aparece nas contas de xuño de 2014 de Bankia, Santander, Popular, Sabadell, Bankinter, Cataluña Banc, Liberbank, BMN, Kutxabank e Ibercaja. De acordo coa información facilitada por Abanca a Sermos Galiza, nas conclusións do seu informe KPMG di que "como resultado da nosa revisión limitada, que en ningún momento pode ser entendida como unha auditoría de contas, non chegou ao noso coñecimento ningún asunto que nos faga concluír que os estados financeiros intermedios adxuntos do período de 6 meses rematado o 30 de xuño de 2014 non fosen preparados, en todos os seus aspectos significativos, de acordo cos requerimentos estabelecidos na Norma Internacional de Contabilidade (...) adoptada pola UE". Abanca estima que o informe de KPMG "en ningún momento pon en dúbida a autenticidade das contas, só di que non teñen a mesma información que un informe anual". Non foi Sermos Galiza o único meio que recolleu a advertencia realizada por KPMG no seu informe ("non podemos garantir que as contas da entidade recollan fielmente a realidade do banco"), en termos similares tamén o fixo o dixital ElConfidencial.Com.
NOS_44608
O proxecto educativo galego Semente e o seu homólogo vasco, Ikastole Elkartean, observan con preocupación a nova norma educativa aprobada no Congreso dos Deputados. Segundo un documento de traballo elaborado por ambas as entidades, e ao que tivo acceso Nós Diario, as iniciativas de educación popular a prol da inmersión lingüística critican a Lei Orgánica de Modificación da LOE (Lomloe) porque "o novo cadro legal estatal é continuista en relación ao ámbito competencial, posuíndo un carácter eminentemente centralista, ao conservar o Estado español os elementos máis importantes para configurar os sistemas educativos galego e vasco".
"A Lomloe non é o noso modelo, como tampouco o é o contexto educativo que nos impuxeron as numerosas leis orgánicas de educación durante os últimos 35 anos, porque todas limitaron e condicionaron o sistema educativo que necesitamos e queremos vascas e galegas. En Euskal Herria e Galiza a educación estivo e está en mans do Estado español (tamén do francés, no caso de Euskal Herria), desenvolvida, por tanto, segundo as súas necesidades e desexos", sinalan desde Semente e Ikastole Elkartean, quen non dubidan en cualificar a nova lei, "en termos xerais, destacamos os fundamentos eminentemente centralistas e xacobinos das leis anteriores". Semente e Ikastole Elkartean consideran que "necesitamos respostas máis construtivas, coeducadoras, inclusivas e eficaces, baseadas en cadros educativos normativos específicos, cuxos eixes estean reflectidos en leis educativas propias. No contexto legal actual, estas normas non serían garantía, mas si condición e oportunidade indispensábel para concentrar esforzos e dar unha resposta máis global ao redor de propostas educativas anovadoras, constituíndo un instrumento que promova medidas para superar as carencias detectadas na Lomloe, coa finalidade de pór o sistema educativo ao servizo da sociedade". Os colectivos pedagóxicos consideran positiva a disposición da Lomloe que derroga o carácter troncal do español recollido na Lei Orgánica de Educación (LOE) aprobada polo Goberno de Mariano Raxoi. Neste sentido, entenden que "os gobernos autonómicos poderán adoptar as medidas necesarias para que o alumnado atinxa as plenas competencias comunicativas en ambos os idiomas, permitindo afondar no modelo de inmersión lingüística que Semente e as Ikastolas aplican". Nesa dirección, valoran as posibilidades abertas para avanzar na normalización do galego e do vasco e reclama vontade política aos Executivos de Feixoo e Urkullu. "Acabar coas políticas galegófobas no ensino" Semente insta o Goberno galego "para que acabe coas políticas galegófobas no ensino, levante a prohibición do noso idioma no ámbito científico-técnico e siga as recomendacións do Consello da Europa e da comunidade científica internacional no sentido de aplicar un modelo de inmersión lingüística no sistema educativo". O documento contextualízase no marco da alianza de colaboración asinada en 2018 entre Semente e Ikastole Elkartean. Precisamente, un dos obxectivos da mesma é "analizar e impulsar a coordinación de políticas perante os proxectos lexislativos do Estado español que limitan a creación do sistema educativo propio nas respectivas nacións". Ao tempo, ambos os proxectos partillan obxectivos como "movementos de educación popular, de inmersión lingüística, sen fins lucrativos, autoxestionados, laicos, criados por iniciativa popular e promotores dunha educación nacional galega e vasca". Ikastole Elkartean é unha asociación cooperativa de ikastolas con actividade no conxunto do territorio de Euskal Herria, 111 centros educativos, 57.322 alumnos e 4.500 docentes, que presta unha atención moi recoñecida pola súa pedagoxía avanzada, un currículo en vasco e unha innovación permanente na aprendizaxe dos idiomas e das novas tecnoloxías. Pola súa banda, o proxecto Semente dispón de sete centros escolares, tres deles en Santiago de Compostela, conta con 140 alumnos, 13 educadores e unha estrutura de socios de máis de 500 persoas, destacando polo seu anovado modelo educativo, moi centrado na realidade do país e cun inequívoco compromiso coa lingua galega.
PRAZA_20769
Pedro Sánchez vén de dar o seu visto e prace ás normas do proceso que comeza o vindeiro día 4, no que Caballero, Villoslada e Leiceaga precisarán uns 1.000 avais para seren candidatos ao liderado
A historia recente do PSdeG ten tres datas clave para entender os seus éxitos e fracasos políticos do seu expediente no que vai de século. A primeira é dos últimos anos do século anterior, o 10 de outubro de 1998, xornada na que Emilio Pérez Touriño se impuxo polo 60% dos votos na elección da secretaría xeral no Congreso Nacional Extraordinario no que competía fronte a Miguel Cortizo despois de que, no último momento, Abel Caballero retirase a súa candidatura. A segunda foi o 28 de febreiro de 2009, xornada de reflexión das eleccións galegas na que unha xuntanza en Lugo de dirixentes do partido encabezados por José Blanco sinalou a Pachi Vázquez para remudar o daquela presidente da Xunta e recompoñer o partido se, como finalmente sucedeu, o PP de Alberto Núñez Feijóo lograba a maioría absoluta. A terceira destas datas é a do 18 de marzo de 2016, cando José Ramón Gómez Besteiro certificou a súa dimisión como secretario xeral por mor das imputacións ditaminadas pola xuíza Pilar de Lara en procesos que seguen vivos, mais sen apenas avances. Aquel día non foron poucos os dirixentes e militantes que viron esvaer a posibilidade de artellar unha opción electoral competitiva fronte aos de Feijóo e, ao tempo, observaron recruar as disesións internas que o período de Vázquez, que gañara o Congreso de 2012 por 33 votos, non foi quen de minorar. Abríase así un período de interinidade de máis dun ano que, agora si, se aproxima á súa fin. Non en van, o reloxo para volver dotar o partido dunha dirección con todas as competencias estará oficialmente en marcha dende a vindeira semana. Os períodos de Vázquez e Besteiro non deron recomposto o partido tras o mandato de Touriño, finalizado coa perda do Goberno en 2009 Tras recuperar as súas competencias para convocar as primarias á secretaría xeral, a xestora que dirixe provisionalmente o PSdeG dende a marcha de Besteiro aprobou a pasada fin de semana o calendario que culminará co décimo terceiro Congreso Nacional da formación. Ese cronograma contempla que entre os días 4 e 5 de setembro, os próximos luns e martes, as persoas que queiran aspirar á secretaría xeral rexistren as súas precandidaturas. Será nese momento cando, agás sorpresas de última hora, confirmen as súas intencións Gonzalo Caballero, Xoaquín Fernández Leiceaga e Juan Díaz Villoslada, que durante este mes de agosto veñen desenvolvendo diversos actos coa militancia coa condición non formal de precandidatos ao liderado. Os vindeiros días 4 e 5 os aspirantes á secretaría xeral terán que formalizar as súas precandidaturas Ademais das datas claves do proceso a xestora deu tamén o seu visto e prace a un dos aspectos que xerou suspicacias en sectores do partido: a porcentaxe de avais da militancia que os aspirantes precisan para poderen ser finalmente candidatos. Nesta elección aínda rexerá o limiar do 10% -uns 1.000 apoios, toda vez que o censo das últimas primarias federais foi de 10.394 militantes- e non se aplicarán, daquela, as modificacións introducidas no último congreso federal, que apostou para as federacións polo 2% de avais e a introdución da posibilidade dunha segunda volta. As dúbidas sobre este aspecto quedaron resoltas a efectos prácticos o pasado luns, cando o secretario xeral do PSOE, Pedro Sánchez, deu o seu visto e prace sen mudanzas ás normas e ao calendario galegos nunha xuntanza coa presidenta da xestora, Pilar Cancela. Pedro Sánchez vén de dar o seu visto e prace ás normas do proceso, no que Caballero, Villoslada e Leiceaga precisarán uns 1.000 avais para seren candidatos ao liderado Deste xeito, segundo o previsto o nome do novo secretario xeral coñecerase o vindeiro 8 de outubro, data elixida para as votacións. O resto da dirección do PSdeG será elixida no Congreso Nacional fixado para os días 27, 28 e 29 dese mesmo mes, ratificou Cancela. Coas regras de xogo xa fixadas é agora a quenda, daquela, para Caballero, Leiceaga e Villoslada, que nos últimos días veñen debullando xa as primeiras propostas en clave interna e tamén as primeiras críticas aos seus contrincantes. Así, por exemplo, o aspirante vigués advertía a pasada fin de semana de que a súa é unha candidatura "autónoma", da "base" e sen "baronías" por tras. Villoslada, pola súa banda, apostaba por "revitalizar" as estruturas comarcais do partido e dotalo dunha estrutura máis "moderna", mentres que Leiceaga se "comprometía" este mesmo martes a convocar "un Comité Nacional Galego" cada tres meses" para "garantir a participación da militancia".
NOS_1565
Esta sexta feira ás 17.00 horas.
Continúan a se desenvolver as presentacións de Sermos Galiza por todo o país. Esta sexta feira (8 de febreiro), Rianxo acollerá máis un acto no que o alcalde deste vila mariñeira, Adolfo Muíños e Tobías Betanzos, director dunha escola rural agrupada, darán a coñecer o produto recentemente anovado así como os novos contidos que xa se poden ler desde hoxe. Un deseño vangardista e toda a información precisa en papel.
PRAZA_4519
"O noso cometido é pensar e pór en práctica pequenas accións que aumenten as capacidades da sociedade para se autoxestionar". Así é como os promotores de MaOs definen os obxectivos desta iniciativa de transformación social con varios proxectos en marcha.
"O noso cometido é pensar e pór en práctica pequenas accións que aumenten as capacidades da sociedade para se autoxestionar". Así é como os promotores de MaOs definen os obxectivos desta iniciativa de transformación social que busca fomentar a participación da sociedade no seu proceso construtivo a través de accións formativas e de intervención. "MaOs acredita no poder do pequeno que se fai grande ao traballar solidariamente". Os seus ámbitos de interese son moi diversos e atenden dende a ecoloxía, a relación entre os saberes tradicionais e a innovación, até os proxectos culturais, turísticos, de lecer ou relacionados co patrimonio material e inmaterial. Campos no que interveñen a través da investigación, da creación de estruturas horizontais, as sinerxías con empresas e administracións, os bancos de tempos e a intervención social. Polo de agora, nos seus primeiros meses de actividade botaron a andar xa dous proxectos: unha Granxa de Servizos, entendida como "unha asociación de profesionais e pequenas empresas de diferentes ámbitos co obxectivo de promover a colaboración e apoio mutuo"; e Ruralactivo, un programa de dinamización socioeconómica das parroquias de Santa María de Xeve, Santo André de Xeve e Verducido, promovido polo Concello de Pontevedra, e destinado principalmente ás mulleres e á xuventude. Sobre este proxecto, o blog Niquelarte entrevistounos este pasado verán. Parten do concepto de bens comúns ou procomún, un modelo de réxime ou xestión comunitaria dos bens comunais, que en Galicia vén sendo desenvolvido dende hai séculos nos montes comunais, e que no século XXI colleu un novo pulo ao abeiro das novas tecnoloxías e da filosofía da economía do ben común. Non están sós; nos últimos tempos veñen xurdindo en Galicia cooperativas e empresas que se moven nestes mesmos vieiros: Hábitat Social, Trespés ou Feitoría Verde. "O noso obxectivo fundamental é deseñar e xestionar proxectos que contribúan a consolidar na sociedade estratexias de autoxestión e de traballo comunitario e en rede" Que é MaOs? Como foi o voso proceso de nacemento e cales son os vosos obxectivos? Podemos resumir MaOs como a reacción premeditada de tres persoas ante a falta de expectativas de obter un traballo digno e relacionado coas nosas inquietudes persoais. Levamos pouco máis de un ano e medio a funcionar como autónomas e actualmente estamos en fase de constitución como cooperativa de traballo asociado. Definímonos como iniciativa empresarial de transformación e consolidación social que quere contribuír á integración e fomento da participación da sociedade no seu proceso construtivo a través de accións formativas e de intervención. O noso obxectivo fundamental é deseñar e xestionar proxectos que contribúan a consolidar na sociedade estratexias de autoxestión e de traballo comunitario e en rede. De forma paralela, consideramos que a participación en comunidade e as parcerías con empresas e organizacións de intereses afíns son elementos fundamentais para o éxito persoal e empresarial. Foi así como lanzamos a nos primeira proposta: crear a Granxa de Servizos. "En resumo: procúrase colaborar, non competir. A nosa idea central é crear espazos para o intercambio de experiencias, ideas e recursos" En que fase está o proxecto da Granxa de Servizos? A Granxa de Servizos xa leva un ano constituída como asociación de ámbito autonómico e está aínda en fase de asentamento. Formamos parte dela máis dunha ducia de pequenas empresas e profesionais que partillamos unha filosofía común: entendemos o noso traballo como emprendedorismo social que procura o beneficio colectivo por medio do estabelecemento de dinámicas colaborativas. En resumo: procúrase colaborar, non competir. A nosa idea central é crear espazos para o intercambio de experiencias, ideas e recursos. A Granxa serve tamén, por exemplo, para con total confianza trocar servizos ou acceder a profesionais de confianza en áreas que non dominamos. Entre as nosas primeiras accións, está a de organizar xornadas formativas informais, que chamamos 'BatePapo'. "Supón un proceso de aprendizaxe constante: facer que funcione un proxecto participativo no rural non foi nin está a ser nada fácil" Como valorades a experiencia de RuralActivo até agora? Moi positivamente pola implicación da xente que participa e a súa vontade de que o proxecto saia adiante. Para as empresas que o dinamizamos, Feitoría Verde e MaOs, supón un proceso de aprendizaxe constante: facer que funcione un proxecto participativo no rural non foi nin está a ser nada fácil. Por un lado, agradécese moito o apoio de parte da veciñanza, que leva participando activamente desde o comezo. Sen a xente das parroquias o RuralActivo non tería sentido. Por outro lado, encontrámonos con que este tipo de proxecto non é nada frecuente e moito menos no rural. É necesario explicar moi ben que se pretende, cal é noso papel como dinamizadoras e como vai ser o proceso. Sobre todo é preciso transmitir que non damos nada feito e que é a xente quen define o que se vai facer, como por exemplo, os contidos da Escola de Coñecementos, a fase agora en marcha. Aínda que isto último pode provocar que alguén diga o que nos dixeron a nós nun dos encontros coa veciñanza: "se nós facemos todo, para que estades vós?". No comezo encontramos que as expectativas eran máis as de recibir e encontrar e non tanto as de compartir e procurar, pero o RuralActivo aínda está a medio camiño e todas fomos e imos aprendendo e mudando. "O proxecto é ben recibido e bastante coñecido entre a veciñanza. A pesar de todo, traducir ese coñecemento en participación activa foi e está a ser moito máis complicado" Cal foi a resposta dos veciños neste proxecto? En xeral detectamos que o proxecto é ben recibido e bastante coñecido entre a veciñanza; o labor de difusión foi arduo e deu os seus resultados a ese nivel. A pesar de todo, traducir ese coñecemento en participación activa foi e está a ser moito máis complicado. Encontramos moitas posíbeis causas para a falta de maior participación: porque a primeira fase era certamente algo abstracta, porque está promovido desde o Concello ou mesmo porque o día da reunión cadrou en día soleado e asistiu pouca xente xa que moitos aproveitaron o bo tempo para ir traballar á horta. As persoas que se achegaron polo centro cultural de Santa María de Xeve para participar nos faladoiros de análise da primeira fase conseguiron formar un grupo reducido pero estábel que se mantén aínda activo, por exemplo nos encontros de autoformación (xornadas de transmisión de sabedoría). Que outras iniciativas tedes en mente? Agora mesmo estamos a colaborar tamén no proxecto A Memoria das Mulleres do Concello de Pontevedra, facendo recollida de material fotográfico polas parroquias, e temos preparados novos proxectos relacionados co patrimonio inmaterial para os cales imos procurar financiamento. Ao mesmo tempo, conxuntamente con outros compañeiros da Granxa de Servizos estamos a ver a posibilidade de lanzar unha web de crowdfunding galego-portuguesa para facilitar o financiamento colectivo de iniciativas sociais e culturais. "O interesante para nós da 'economía do ben común' é que pon primeiro o máis importante: o benestar das persoas e do planeta" Que podemos aprender, desde as ópticas da economía do ben común de experiencias comunitarias tradicionais, coma os montes comunais ou outras actividades cooperativas propias do rural galego? Podemos extraer desas realidades moitas e diversas aprendizaxes: a súa historia e todas as loitas que hai por detrás, como se xestionan hoxe e como foron xestionadas no pasado, e mesmo como se foron transformando e adaptando ás novas realidades económicas e sociais ao longo do tempo. O interesante para nós da "economía do ben común" é que pon primeiro o máis importante: o benestar das persoas e do planeta. "Non está a ser nada fácil saír adiante, as administracións públicas apenas contratan ou financian proxectos sociais ou culturais, e isto ten moito que ver cos cortes derivados da suposta crise" A crise económica dificulta proxectos (ou filosofías) coma os vosos ou pola contra obriga a apostar por cousas novas? Ambas as dúas cousas nos parecen certas. Non está a ser nada fácil saír adiante, as administracións públicas apenas contratan ou financian proxectos sociais ou culturais, e isto ten moito que ver cos cortes derivados da suposta crise, e se o fan ás veces é de forma moi limitada e sen continuidade, procurando máis que sexa efectista antes que efectivo (o cal dá máis valor a proxectos como o RuralActivo). Sinceramente, igual non existiría MaOs se alguén nos pagara por realizar proxectos como os que deseñamos ou coa mesma filosofía. Non é fácil comezar de cero e é moi cómodo ter quen che pague a final de mes e non pensar nunca en se dan ou non os números. Por tanto, podemos afirmar que si, que MaOs naceu como unha aposta por algo diferente e con propostas esperamos que innovadoras por necesarias. Tedes un funcionamento moi importante a través da rede e das novas tecnoloxías e traballades de xeito primordial no mundo rural galego? Como se levan as dúas cousas? Hai eivas que salvar aínda? Aínda que tanto o RuralActivo como A Memoria das Mulleres están centradas no rural, non podemos dicir que teñamos aínda un espazo moi definido de traballo, estamos comezando. En ambos os proxectos o primordial é traballar coas persoas de forma presencial complementándoo coa tecnoloxía, se non o fixeramos así deixaríamos fóra boa parte da xente, non só porque saiban utilizala, é que as dinámicas son outras ás da cidade. O maxín tamén nos trae outras propostas ou iniciativas máis vinculadas ás novas tecnoloxías, aínda que nunca son un obxectivo en si, son un medio que pode facilitar as cousas ou descubrir outras novas.
PRAZA_6639
A plataforma critica a "asfixia económica do sistema sanitario público" e a externalización de servizos e anuncia mobilizacións "para poñerlle freo á privatización".
"A Xunta de Galicia está desmantelando o sistema sanitario público galego". Así o denuncia SOS Sanidade Pública nun manifesto no que a plataforma critica a adopción de medidas "que deterioran a Sanidade Pública e favorecen os intereses das empresas privadas que se lucran a costa dos orzamentos públicos". No texto enumera moitas das medidas adoptadas polo Goberno galego en materia sanitaria nos últimos cinco anos, decisións que para a entidade supuxeron un debilitamento do sistema sanitario público, a súa "asfixia económica" e a súa "privatización", a través da externalización de servizos. O manifesto chama a "reforzar a Alianza Social e Profesional que representa SOS Sanidade Pública" e a desenvolver mobilizacións a nivel local e galego "para frear esta estratexia de desmantelamento da sanidade pública". Neste senso anuncia tamén a elaboración dun plan de traballo de SOS Sanidade para identificar os problemas e necesidades máis importantes que afectan á Sanidade Pública Galega, establecer prioridades e propor un calendario de mobilizacións que leve á convocatoria dunha gran mobilización para poñerlle freo á privatización e recuperar os servizos sanitarios desmantelados e privatizados. O texto chama a desenvolver mobilizacións a nivel local e galego "para frear esta estratexia de desmantelamento da sanidade pública" O manifesto acompáñase dun completo informe no que a plataforma analiza a situación da sanidade pública galega, a través de distintos indicadores, dende o orzamento sanitario, o gasto en persoal do SERGAS, a evolución do número de traballadores e traballadoras do sistema sanitario ou o número de camas operativas. SOS Sanidade Pública sinala que o recorte do orzamento sanitario en Galicia entre 2009 e 2014 foi do 12,3%, unha perda total de 460 millóns de euros. Neste tempo, ademais, lembra que se eliminaron 2.094 postos de traballadores sanitarios e pecharon 275 camas hospitalarias. Así mesmo, subliñan que o 48,8% do orzamento sanitario foi parar ao sector privado. 2009 2010 2011 2012 2013 2014 Orzamento sanitario 3.767.119 3.728.814 3.547.323 3.530.927 3.419.362 3.302.150 Gasto do SERGAS en persoal 1.606.405 1.664.567 1.606.385 1.604.725 1.514.726 1.509.369 Neste proceso, salienta a plataforma, foron cedidos a multinacionais e fondos de investimento importantes servizos de planificación e xestión estratéxica da Consellería de Sanidade e do Sergas, dende a historia clínica e a receita electrónica, até o sistema de citas, a loxística do sistema, o servizo de catering dos hospitais ou o mantemento dos equipos. De igual xeito, sinala SOS Sanidade Pública, a Xunta permite que sexan multinacionais privadas as que decidan os aparellos a adquirir polo sistema público. "Por un montante inicial de 88 millóns de euros mediante unha nova figura legal chamada "socio tecnolóxico" no que as mesmas empresas que fabrican os equipos (General Electric, Siemens e Philips) serán as que decidan que equipos comprar e en que hospitais, públicos ou privados, van instalarse", apunta. Alerta igualmente da redución dos recursos de Atención Primaria, mentres medran os dos hospitais Alerta igualmente da redución dos recursos de Atención Primaria, mentres medran os dos hospitais: "o orzamento en Atención Hospitalaria aumentou 5,3 millóns de euros e a súa participación no orzamento sanitario paso do 58,1% ao 61,4%; o de Atención Primaria reduciuse en 190,9 millóns de euros (se incluímos o gasto farmacéutico extrahospitalario), e en 33 millóns (sen a farmacia)". Neste retroceso do nivel primario, engade, "tamén inflúe a paralización do Plan de Mellora de Atención Primaria". O texto critica o "desmantelamento das Áreas Sanitarias", un proceso "orientado a crear unha Área Única como un gran espazo físico e poboacional que abarque todo o territorio da CCAA coa finalidade de crear un mercado sanitario no que participará o sector privado", afirma SOS Sanidade Pública. O desmantelamento das Áreas están sendo utilizado, engade, "para recortar os Hospitais Comarcais de Barbanza, Monforte, Barco de Valdeorras, A Costa e Salnés". As críticas fan fincapé finalmente na aprobación da Lei de Garantías de Prestacións Sanitarias SOS Sanidade Pública denuncia tamén que neste tempo o goberno central "cambiou o modelo sanitario e recuperou a figura do asegurado", que "vincula o dereito á atención á cotización e non ao feito de ser cidadán, poñendo fin á universalidade do sistema", e introduciu "numerosos copagamentos que sobrecargan as deterioradas economías familiares". As críticas fan fincapé finalmente na aprobación da Lei de Garantías de Prestacións Sanitarias, que permite que os pacientes que superen certos límites de tempo (de 60 días de espera para intervencións cirúrxicas e 45 para consultas e probas diagnósticas) poidan acudir a un centro privado cos custes pagados con diñeiro público. Descarga aquí o manifesto de SOS Sanidade Pública (.pdf) Descarga o informe da plataforma (.pdf)
NOS_23388
Os grupos de PP e PSOE rexeitaron máis unha vez a proposta.
O último pleno da XI lexislatura nas Cortes españolas volveu debater a proposta de creación dunha comisión de investigación arredor do accidente do Alvia acontecido na curva de Angrois o 24 de xullo de 2013. A comisión foi reclamada en numerosas ocasións pola Plataforma de Vítimas do Alvia, polo BNG e por IU na anterior lexislatura A iniciativa foi elevada pola deputada de En Marea, Alexandra Fernández, e acompañada desde as bancadas por integrantes da Plataforma de vítimas e familiares do sinistro. Porén, os grupos parlamentares de PP e PSOE votaron en contra impedindo que a proposta saíse adiante. Embora terse aprobado esta carecería de efecto real pois as Cortes serán disoltas o vindeiro 2 de maio. Non é a primeira ocasión en que PP e PSOE se alían para impedir a constitución deste órgao parlamentar defendida na anterior lexislatura polo BNG e IU. Ao igual que, através da abstención, foi vetada en múltiples ocasións no Parlamento galego, embora fora reclamada a súa creación mesmo através da entrega de 115 mil sinaturas na Cámara baixa. PP e PSOE escúdanse no proceso xudicial en curso arredor do sinistro de Angrois para, din, non "interferir" Porén, nesta ocasión o debate rematou cunhas polémicas declaracións por parte do voceiro do grupo popular, Rafael Hernando, quen dixo á deputada galega Alexandra Fernández, que non desen "lección ningunha" sobre "vítimas" á súa formación como tampouco de "terrorismo" acusando a organización política de "codearse" con terroristas o que provocou as queixas por parte da bancada de Podemos mesmo os berros do seu líder, Pablo Iglesias. PP e PSOE escúdanse no proceso xudicial en curso arredor do sinistro de Angrois para, din, non "interferir" coa constitución dunha comisión mais as vítimas do accidente e familiares das 81 persoas falecidas no descarrilamento do Alvia 04155 exixen que sexan dirimidas as responsabilidades políticas, para alén das penais, que existisen no sinistro. Entre elas, o feito de non contar o tren co sistema ERTMS de freado automático sobre o que si se pronunciarán as autoridades europeas após o encontro mantido coa plataforma Victimas Alvia 04155.
NOS_38457
Cameron chamou "simpatizantes dos terroristas" ás forzas políticas e parlamentares que se opoñen á operación militar.
Poucas horas despois de que o Parlamento británico aprobase sumar o Reino Unido aos ataques de Francia, EUA e Rusia en Siria, cazas do exército comezaron a bombardear o territorio. O resultado da votación foron 397 votos a favor, entre conservadores e 70 escanos laboristas, e 223 en contra, incluíndo o rexeitamento frontal do conxunto do Scotsh National Party (SNP) e o Playd Cymru galés. E é que, malia a oposición do líder laborista, Jeremy Corbyn, que se amosou contrario aos bombardeos, o seu grupo contou con liberdade de voto perante a división interna da formación e o risco de que algunhas persoas demitisen de se veren obrigadas a adoptar unha determinada posición. En total 70 apoiaron a Cameron que tildou de "simpatizantes dos terroristas" a aqueles grupos e persoas que rexeitaron a intervención militar. O SNP, Playd Cymru e unha parte do Partido Laboralista opuxéronse aos bombardeos As duras acusacións do primeiro ministro británico foron criticadas por Corbyn e Saldmon, voceiro de Exteriores do SNP, que lle exixiron desculpas. Algo que David Cameron non fixo. Após sacar adiante a votación, Cameron deu instrucións de inciar decontado os bombardeos. Para iso, mobilizou as tropas británicas situadas en Chipre, onde mantén unha base militar con 860 soldados e varios cazas, desde 2014 cando Reino Unido iniciou os ataques contra o Estado Islámico en Iraq. Segundo informaron fontes do goberno británico novos continxentes serán desprazados até a base chipriota nos vindeiros días e focarán os ataques en Al-Raqqa, considerada principal bastión do Daesh.
PRAZA_3358
O Bloque aposta por un formato coas forzas políticas representativas de Galicia na TVG e reta a Feijóo a "saír da súa zona de confort do Telexornal a maior gloria da súa figura".
O BNG propón un debate "plural e a dobre volta" na TVG entre os candidatos e candidatas das forzar políticas representantivas en Galicia. A formación nacionalista insta xa á Corporación dos medios públicos que o organice e "en horario de máxima audiencia", logo de que os últimos debates co gallo das eleccións xerais se celebrasen, con polémica, ás 10 da mañá. O BNG insta á CRTVG a que organice un debate plural e a dobre volta e en horario de máximo audienciaSegundo anunciou Xavier Campos, secretario de Comunicación da Executivo Nacional, o BNG xa solicitou á dirección da CRTVG a organización desde debate en horario de máxima audiencia "para permitir que os galegos e as galegas teñan a oportunidade de presenciar en directo as diferentes alternativas que se presentan ás eleccións do 5 de abril". "Os debates políticos en campaña electoral non son unha prerrogativa dos partidos senón un dereito da cidadanía que deben respectar as forzas que concorren ás urnas, facilitando ao electorado o contraste de propostas, ideas e valoracións nos medios de comunicación, moi especialmente nos medios públicos", explica o BNG, O Bloque reta a Feijóo a "saír da súa zona de confort do Telexornal a maior gloria da súa figura""Esperamos que Feijóo non se acovarde ante un debate co BNG e coa candidata, Ana Pontón, que non teña medo a contrastar propostas, modelos de país e iniciativas de futuro ante os galegos e as galegas", engade Campos, que reta o presidente da Xunta a "saír da súa zona de confort do Telexornal a maior gloria da súa figura" e a saírse do "marco da publicidade e da propaganda para participar en un debate plural no que haxa un contraste real de alternativas". Nas últimas semanas, o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, retou a Feijóo a debater "cara a cara" nun ou varios encontros, e sen ningún outro líder máis, aínda que polo momento non houbo ningunha petición formal desde o partido.Á espera da decisión definitiva sobre os debates, sobre estes paira a polémica logo de que, nas últimas eleccións xerais, o derradeiro día de campaña se celebrase o único debate ás 10 da mañá, o que indignou parte do persoal da propia CRTVG, tal e como o manifestou, e ás forzas políticas diferentes ao PP. Nas últimas eleccións xerais, o único debate en Galicia tivo lugar no derradeiro día de campaña e ás 10 da mañáAquel debate celebrouse a primeira hora da mañá no espazo informativo Bos Días, nun espazo nin física nin televisivamente concibido especificamente para a cobertura daquela campaña electoral do 10N. Emitiuse unhas once horas antes do horario de máxima audiencia, tamén simultaneamente pola Radio Galega, e repetiuse pola noite na G2, a partir das 22:45, mentres a primeira canle ofrecía o programa Luar.Naquela altura, segundo fontes consultadas por Praza.gal, non existiu a xuntanza previa que, habitualmente, mantiñan responsables dos medios públicos coas formacións políticas chamadas a debater. Mesmo dúas delas, En Común-Unidas Podemos e BNG, recorreron o plan de cobertura polo horario do debate e por outros motivos como a supresión das entrevistas a candidatos e candidatas na TVG, non así na radio. Nas eleccións autonómicas de hai catro anos, pola contra, si se celebrou un debate entre cinco candidatos no que Feijóo crispouse coas acusacións de corrupción cara ao seu partido. Daquela, PP, PSdeG, BNG e En Marea protagonizaron un debate inédito nos medios públicos e no que, segundo as enquisas, estaba en xogo un 35% de electorado indeciso.
QUEPASA_718
Festiletras 2019: O Couto, o berce europeo das Letras Galegas.
Entrado xa o mes de marzo, imos coñecendo os programas municipais relativos ás Letras Galegas. Unha vez que xa coñecemos como vai ser o gran epicentro cultural galego, o do Festiletras, facemos un repaso polos primeiros concellos que nos envían as súas propostas para render homenaxe a Antón Fraguas, protagonista do Día das Letras Galegas 2019. Maio das Letras en Zas Co Duatlón das Letras como unha das actividades principais que mesturan deporte e cultura, Zas prepárase para este "Maio, mes das letras". Faino cun programa cargado de actividades para a animación á lectura, música e teatro. A apertura do XI Concurso de Marcapáxinas para escolares serve de pistoletazo de saída, e os marcapáxinas premiados utilizaranse na Biblioteca Pública Municipal de Zas e na Axencia de Lectura de Baio acompañando a cada libro que se preste até o Día das Letras do ano 2020. Os traballos poden enviarse ata o luns, 20 de maio de 2019 e as bases completas do concurso poden consultarse na páxina web do Concello de Zas. Ademais haberá varias citas de contacontos, como a visita á Biblioteca dos Ratos de Lonxedetodo o martes 7 e o día 21 á Axencia de Lectura de Baio, en ambos casos ás 18:00. En ambos casos, a función comeza ás 18:00 horas. O luns 13 de maio e, nesta ocasión, será "Polo Correo do Vento" o que visite os nosos centros educativos. Farao co obradoiro creativo "A detective Peregrina e o insólito caso de Antón Fraguas" que terá lugar ás 10:00 horas no CPI de Zas e ás 12:30 horas no CEIP Labarta Pose. Este mesmo día, tamén ás 12:30 horas, o alumnado de Secundaria do CPI de Zas asistirá un espectáculo de música e poesía de Feminino Plural no que Silvia Penide e Carla López abordarán o "Achegamento ao universo das mulleres autoras". O martes, 14 de maio, as actividades xirarán ao redor da música. Así, Magín Blanco estará ás 12:30 horas no CEIP Labarta Pose de Baio co seu espectáculo "Camiños"; mentras que o Zënzar fará un "Repaso da nosa música e o papel da muller nela" nunha sesión que terá lugar ás 16:30 horas no IES Maximino Romero de Baio. Ademais, o peche da IV Mostra de Teatro encádrase xusto no remate do programa, sendo o 9 de xuño ás 18:00 horas cando Auditorio Municipal de Baio teña lugar a clausura da Escola Municipal de Teatro Infantil, e o ditame dos gañadores da IV Mostra de Teatro Afeccionado Labarta Pose. Maio, mes das Letras Galegas en Cee O Departamento de Cultural do Concello de Cee tamén prepara un completo programa, que comeza o martes 7 coa visita de O Xogo das Letras aos centros de ensino. O venres 10 toca clarinete as 20:30 na Casa da Cultura e o sábado 16 será a enrega de premios dos vistosos Concursos de Achegamento culturais da Biblioteca. O venres 17 será o día grande cun Concerto da Banda de Música de Cee e o Coro infantil, co himno galego como momento máis emotivo. O sábado 18 haberá un Festival de Folclore Arxentino na Costa da Morte, ás 20:00h e o sábado 25 o Festival do Centro Social. Maio das letras en Fisterra Tamén Fisterra programa unha serie de actividades arredor das Letras Galegas. O mércores 8 de maio comeza a sesión cun fermoso proxecto musiqueiro-educativo, coa visita de Zenzar ao Pavillón para facer unha charla e un concerto para os centros escolares. O xoves 9 a Gramola Gominola traerá o seu divertido rock infantil en galego tamén ás 11:00h ao pavillón. O venres 10 de maio haberá monicreques cos Romeiro do Caracol ás 20:0h no Salón de Actos. E para o 17 de maio, Suso Bahamonde presenta o seu novo libro de poemas, Caída, ás 19:00h na Biblioteca.
NOS_39534
Xurxo Souto, músico; Davide Leira, cantareiro; Mónica Camaño, actriz; Aurélio Lópes, imputado pola manifestación contra Galicia Bilingüe; Belén Sánchez, bibliotecaria no IES de Celanova; Uxía, música; Miguel Penas, presidente da AGAL; e Carlos Callón, voceiro de Queremos Galego valoran a mobilización nacional #PolaLinguaQueNosUne
"Foi moito vento para as velas", dixo Carlos Callón, voceiro de Queremos Galego, cando se lle pediu que resumise o que supuxo a mobilización nacional desta fin de semana para as máis de 700 entidades que fan parte desta plataforma cidadá. Quen non foi, porque non apoiaba esa motivación de defender a lingua propia da españolización en que teima o PP, apurou a botar man das cifras para desacreditar, apuntando a que houbo menos xente que outros anos. Porén, a praza da Quintana encheu a rebordar malia o día de inverno, e malia as cambadelas do Concello de Santiago, que rematou por se saír coa súa e prohibiu a colocación dun palco. Por iso, @s que si estiveron escollen unha mesma palabra: "clamor". "Foi emocionante, moito máis que unha manifestación"Xurxo Souto ollou cara ao manto de paraugas que cubriu a Quintana desde as escaleiras, namentres lía un bocado do manifesto Queremos galego na escola, que procura apoios na internet e que pide, entre outras cuestións, a inmediata derrogación de dúas normas: o decreto do plurilingüismo que aprobou a consellaría de Educación tan pronto puxo un pé na Xunta, en 2009; e a LOMCE, o Lei de mellora da calidade educativa, que vén de Madrid e outorga máis importancia á relixión que ás linguas propias. Desde alí arriba, o músico viu "moito máis que unha manifestación". Apreciou "un clamor social" empeñado en chamar a atención fronte a un goberno, o da Xunta, "completamente xordo". Tamén desde as escaleiras avaliou Uxía o acontecido: "foi emocionante saber que hai un sector da poboación tan disposto a loitar pola lingua, un clamor popular contra a persecución da nosa identidade". Ela subiu alí para interpretar "un poema de urxencia", asinado por Manuel María e que sinala o galego como a chave con que abrimos o Mundo. Abaixo, misturado entre a maré, estaban Davide Leira, Tito Iglesias, Rafa Méndez e Martiño Ansede, os catro integrantes do grupo de cantareiros Maghúa. "Hai terra en que traballar, e está disposta a facelo contra os elementos", apuntou Leira, quen puxo a agrupación a disposición da organización pensando xa na seguinte mobilización pola lingua, para reivindicar "a presenza das voces masculinas no canto tradicional" desde o cenario.Xuízos pola lingua, máis un ataque contra a identidade nacional Reivindicar, desta volta a libre absolución para @s 12 cidadá(n) galeg@s que seguen á espera de xuízo polos feitos acontecidos na contra-manifestación do 8 de febreiro de 2009, é o motivo polo que varias persoas cuxas bocas tapaba un autocolante da bandeira española suxeitaban unha faixa na praza de Galiza. Había outra, pol@s pres@s independentistas. Aurélio Lópes é unha das persoas que sentará no banco d@s acusad@s. Recalcou que a persecución da defensa da lingua responde a motivos "políticos" e sinalou que "cada cortexo evidenciaba máis unha agresión", colocando o procedemento aberto no contexto "dos ataques" perpetrados desde a Xunta do PP contra os sinais de identidade do País. A manifestación, que contou co apoio de todas as forzas políticas "nacionalistas e galeguistas" foi un exemplo de unidade "que desgrazadamente non se dá noutros contextos". O galego, lingua "internacional"Miguel Penas, presidente da AGAL, recordou as seis sentenzas que o decreto do PP acumula para acredentar que "xa non é só o TSXG, é tamén o pobo galego" o que rexeita "con contundencia" a norma. A Associaçom vén de dar "un paso ambicioso" coa libraría que abrirá proximamente as súas portas en Compostela, Ciranda, da cal "non somos exactamente impulsores" mais teñen moito a ver. Para alén dun mangado de servizos que teñen a ver coa aprendizaxe do galego-portugués, en Ciranda poderanse mercar libros na nosa lingua nun momento en que é "moi difícil" atopar libro portugués na Galiza. Será grazas ás editoriais ATravés e Imperdível. Esta aposta vén explicada porque "é importante aprender galego, mais non son iguais as focaxes" e na AGAL fan un chamado a "aproveitar a vantaxe competitiva que nos dá falar a mesma lingua que 200 millóns de persoas". Esfarelando o cerne da nosa culturaA "falta de vontade política" está, para a actriz Mónica Camaño, detrás do "esfarelamento", do empeño do Goberno "en que todo morra no silencio". Camaño, que dá vida á fiscal Mosteiro na serie de televisión Matalobos, vinculou o desleixo respecto á defensa da lingua con aqueloutro que levou ás artes escénicas a unha situación en que "estamos a ser varridos" e "procuramos a corda que nos afoga menos". Desde o palco da Quintana, o mestre de cerimonias Pepe Penabade reclamou "un teatro 100% en galego". A actriz recalcou que esta arte "camiñou sempre da man da normalización da lingua como parte fundamental do alfabeto en que queriamos comunicarnos no Mundo" polo que partilla unha opinión moi repetida este domingo nas rúas: "é incríbel que nos teñamos que andar a mobilizar aínda hoxe en prol cerne da nosa cultura". A "verdadeira" manifestación "hai que facela "nas urnas"Desde a biblioteca do IES de Celanova Belén Sánchez lanzou un reproche: "foi unha manifestación estupenda, mais é insuficiente". A traballadora do ensino dixo non entender "como non se perciben as agresións á lingua como agresións a Galiza" e mostrouse taxativa ao reclamar que "a verdadeira manifestación pola nosa identidade ten que se dar nas urnas". Cómpre lembrar que as tres forzas da oposición (PSOE, AGE e BNG) secundaron a protesta e que o PP, malia perder milleiros de apoios, goberna con maioría por obra e graza da fórmula D'Hont. Por tanto, Carlos Callón ten claro que "cómpre manter esta presión social" porque "sen reivindicación non existen conquistas". E cómpre facelo xustamente neste tempo cando, en palabras de Xurxo Souto, "xa non existen as caixas, nin o Banco Pastor, nin Fenosa, nin Fadesa, cando temos un patrimonio que non nos pode roubar ningún grupo especulador: a nosa lingua".
PRAZA_19168
Galicia sumou 76.500 parados, pero ten 146.800 ocupados menos. Perdeu case dous afiliados á Seguridade Social por cada desempregado nos últimos oito anos, nos que a poboación activa segue minguando, mesmo na exigua recuperación dos últimos meses. Galicia pechou 2016 con 17.000 empregos máis e un mercado laboral aínda máis reducido
Galicia pechou 2016 con 17.000 empregos máis e un mercado laboral aínda máis reducido Os novos datos da Enquisa da Poboación Activa (EPA) situaron a taxa de paro en Galicia no 16,3%, aínda cun elevado número de desempregados no país (case 205.000) pero "no nivel máis baixo dos últimos seis anos". Así o destacou o PPdeG, que cargou contra quen, como oposición e sindicatos, negan a recuperación exemplar da que falan os populares. Á temporalidade e aos contrarios precarios e de escasas horas úneselle outra eiva na que o mercado laboral galego leva anos incidindo: a perda constante de poboación activa. Galicia ten agora 26.000 persoas activas menos que no peor momento da crise, hai tres anos No peor momento da crise económica en Galicia, no primeiro trimestre de 2014, coa taxa máis elevada de paro que nunca alcanzara a comunidade (23,2%), o número de activos superaba en 26.000 aos actuais. Xa que logo, o país perdeu aínda 26.000 integrantes do mercado laboral -da poboación que traballa ou busca emprego- nos últimos tres anos. A exigua recuperación non dá para evitar a fuxida cara á emigración ou o desánimo de quen xa non procura un emprego, ao que hai que unirlle a teimuda caída demográfica na comunidade. O mercado laboral galego perdeu máis de 70.000 persoas en oito anos, desde que comezara a crise Continúa a desaparecer poboación activa e iso tamén maquilla algo os datos. Desde aqueles primeiros meses de 2014, en Galicia baixou o paro en 92.700 persoas, pero a poboación ocupada incrementou só en 66.800. A diferenza son eses 26.000 activos que xa non o son e abandonaron o mercado laboral. As taxas de desemprego, xa que logo, melloran, pero fano un chisco máis grazas a esta diminución do número de activos: de intercambiar as cifras, as taxas serían máis de punto e medio inferior hai tres anos e superior na actualidade. A situación é aínda peor de compararmos co comezo da crise. Desde aquel cuarto trimestre de 2008, cando se comezaban a notar os efectos da recesión mundial, Galicia sumou 76.500 parados, pero perdeu 146.800 ocupados. Xa que logo, o país perde practicamente dous afiliados á Seguridade Social por cada desempregado que suma. A diferenza, de novo, nesa caída de poboación activa que, nestes oito anos, foi de 70.300 persoas. Máis de 70.000 traballadores que desapareceron do mercado laboral galego durante a crise.
NOS_28993
A Galiza xerou en 2021 7.689.622 de megawatts á hora de electricidade de orixe hidráulica. Segundo sinala a Nós Diario Fernando Branco Parga, integrante do Colectivo Bidán, "sendo a produción total no país mediante a tecnoloxía hidráulica no pasado ano, tal é como indica Rede Eléctrica Española (REE), de 7.689.622 Mw/h, a un prezo medio de 111,4 euros no mercado grosista, os ingresos na Galiza das eléctricas con centrais hidráulicas situáronse en 856 millóns de euros".
Os ingresos das compañías eléctricas pola xeración de enerxía de orixe hidráulica no último ano foron históricos. Se nos últimos anos pasaba por ser unha das tecnoloxías enerxéticas que máis dividendos achegaba ás compañías do sector, cunhas ganancias situadas entre 500% e 1.000%, a suba do prezo da luz propiciou beneficios descoñecidos para as estas empresas. Mesmamente, estas cifras certificáronse en exercicios como 2020, que empresas do sector como Iberdrola consideraron "malos". Os beneficios obtidos polas compañías eléctricas nos ríos galegos na última década estiveron por enriba de 4.000 millóns de euros. Segundo un traballo elaborado polo colectivo de debate enerxético Bidán, tomando como referencia o prezo medio do megawatt en cada unha das anualidades e a produción eléctrica de orixe hidráulica certificada para a Galiza por Rede Eléctrica Española (REE), "as centrais hidroeléctricas instaladas nas concas galegas xeraron ás empresas eléctricas entre 2011 e 2020 unhas ganancias de aproximadamente 4.049 millóns de euros". O negocio hidráulico está na súa práctica totalidade en mans de Iberdrola, Naturgy e Endesa, que controlan 81,68% da potencia hidroeléctrica instalada na Galiza. A primeira, con sede social en Bilbo e sede fiscal en Madrid, conta cunha capacidade de xeración de 1.558 megawatts e 13 encoros. A segunda, herdeira da vella Fenosa, dispón de 1.120 megawatts e 12 encoros, pagando, tamén, os seus impostos en Madrid. A terceira, propiedade da empresa pública italiana Enel e con enderezo fiscal en Madrid, explota 375 megawatts e seis encoros. As tres compañías declararon importantes beneficios e adiantan importantes investimentos fóra do país, unha parte deles financiados cos beneficios obtidos na Galiza. Potencia hidroeléctrica A Galiza é unha gran potencia hidroeléctrica. Actualmente dispón de 166 centrais, 45 de grande hidráulica e 121 de pequena hidráulica, cunha potencia instalada de 3.738 megawatts, que representa aproximadamente 24% da electricidade desta orixe xerada no Estado e 18% da potencia total en funcionamento. A maioría dos encoros de grande hidráulica están xestionados pola Confederación Hidrográfica Miño-Sil, ente dependente do Goberno do Estado, mentres que o groso das minicentrais fan parte da demarcación hidrográfica Galiza-Costa, que inclúe aqueles ríos que discorren en exclusiva polo territorio galego e cuxa titularidade corresponde á Augas da Galiza, ente autónomo da Xunta. A especialización enerxética da Galiza A Galiza exportou en 2021 28,1% do total da electricidade producida. As cifras situáronse na liña das últimas anualidades, chegando a 31,8% en 2020, a 25% en 2019 e a 35% en 2018. Neste sentido, practicamente a terceira parte da electricidade producida polas distintas tecnoloxías non se utiliza no país, destinándose a outros territorios que consumen o produto final, sen cargar cos custos ambientais e sociais. O profesor da Universidade de Santiago de Compostela (USC) Adrián Dios cuestiona os beneficios da especialización produtiva da Galiza na xeración eléctrica e sinala que "non deixa de ser curiosos que se afonde na especialización produtiva no ámbito enerxético cando o sector industrial ligado ao mesmo está en proceso de desmantelamento" .
NOS_47379
O líder de Anova explica o sentido do seu voto no referendo deste domingo nun documento pendurado na web da formación. Beiras di ter pactado cun membro da dirección estatal de IU que o número un galego na candidatura será de Anova e non de EU.
Beiras decántase pola opción 1 do referendo interno de Anova -ir en coligación coa esquerda federal, en alusión a IU- porque neste momento lle daría primacía "ao factor esquerda rupturista" sobre o "factor custión nacional". Esclarece o líder de Anova que privilexia o factor esquerda ao nacional porque "non albisco outra dinámica que non sexa a da esquerda rupturista para avanzarmos na emancipación nacional dun povo, como é o noso, que non ten hoxendía unha potencia endóxena de ofensiva cara á independencia análoga/comparábel á de Catalunya ou Euskal Herria". Non é a primeira vez que Beiras teoriza sobre a incapacidade de Galiza avanzar cara á autodeterminación sen estreitar alianzas con forzas políticas do Estado español. Para alén do documento de Beiras, no web de Anova hai outros sete textos: que apostan en ir coa esquerda federal, non concorrer ou na alianza da esquerda nacionalista. Como xa se filtrara á imprensa, Beiras aposta na opción enunciada como 1), isto é, unha coligación coa esquerda federal. Con todo, o líder da formación soberanista acrecenta que tal síntese "non corresponde cumpridamente coa focaxe que eu dou á nosa participación", malia ser a única que permite, ao seu entender, desenvolver esa idea que el ten da concorrencia de Anova ás europeas. "Non albisco outra dinámica que non sexa a da esquerda rupturista para avanzarmos na emancipación nacional dun povo, como é o noso, que non ten hoxendía unha potencia endóxena de ofensiva cara á independencia análoga/comparábel á de Catalunya ou Euskal Herria" Por que? Porque a terceira das alternativas --non participar-- "supón autoexcluírmonos do proceso" e a segunda --unha candidatura con outras formacións da esquerda nacionalista-- non ten razón de ser na medida en que, para Beiras, non hai opcións na esquerda nacionalista. Ao fío, explica que o BNG fica "descartado" porque, di, "saboteou" Anova; EH Bildu tería incumprido "un compromiso" contraído en Iruña en virtude do cal "pasaría" do Bloque para concorrer con Anova se a formación frontista que lidera Xabier Vence descartaba ir con AGE pola presenza de EU na coligación; ERC "vai por libre"; e, por derradeiro, enfatiza Beiras que as CUP --que integrarán a candidatura canda BNG e EH Bildu-- "nen sequera teñen decidido concorrer". A respeito de Podemos, pregúntase o voceiro de AGE no Parlamento se "podemos xogar agora a iso?" e considera que se trata dunha opción "enormemente difusa e aleatoria". Encontro coa dirección estatal de IU No documento, Beiras relata un encontro recente, a sexta feira pasada, cun membro da dirección estatal de IU. Na reunión, Izquierda Unida proponlle a Beiras "participarmos nunha coalición a nivel de Estado" e que o número un galego na listaxe de IU a Europa -ao ser unha elección de circunscrición estatal só pode haber unha candidatura, non unha por territorio- sexa un integrante de Anova e non de Esquerda Unida. A proposta contempla tamén que en Galiza -como en Catalunya- a coligación poda facer campaña propia, mesmo con papeletas específicas, que -esclarece Beiras- non teñen por que levar o rótulo de AGE. Beiras enfatiza no documento que a proposta do membro da dirección estatal de IU conlevaría a "garantía de escano" para o integrante de Anova que for na listaxe. A oferta da dirección estatal de IU muda a posición inicial de Beiras -que até aquel momento estaba en sintonía co núcleo de dirección formado por Luís Eyré e Mario López Rico, para os cales non é compatíbel o proxecto estratéxico de Anova con ir en coligación con IU- e faino pendular cara ao sector crítico liderado por Martiño Noriega, desde o principio claramente partidario de avanzar na converxencia con Esquerda Unida.
NOS_40896
Desde que hai un ano se estreara a primeira webserie galega, o fenómeno non parou de medrar.Con baixos orzamentos, o abano de produción é amplo e vai desde traballos experimentais até máis convencionais. Silvia Fuentes, produtora de Fame, e Alfonso Míguez, de PIB, achégannos ao mundo das webseries.
Fame conta a viaxe interrompida por unha avaría do coche de Eme e Uve. O atranco dará lugar a unha noite de "alcol, sexo e rock´n roll" nunha casa rural. De Fame está xa a se producir a segunda parte, que a equipa identifica tamén como Sede, no que a vinganza é o tema. Comezou como un proxecto saído do curso da Universidade de Vigo e a Fundación Carlos Casares, mais a serie colleu vida independente e a equipa está agora a procurar financiamento para a segunda parte. A orixe de PIB atópase na asociación cultural "Os Ghairas" na que participan os tres amigos Mighele de Currás, Héctor Casas e Alfonso Míguez que forman a equipa da produción. Optaron pola webserie para materializar unha historia de humor protagonizada por Richi e Maxi que non só moven na rede, senón que tamén presentaron en numerosos espazos públicos. "Galiza é o lugar no que se non hai medios, fas por buscalos. Moita xente non ten traballo no mundo audiovisual e decide facer unha webserie para empregar o tempo e tamén mostrar o seu traballo", explica Silvia Fuentes, produtora de Fame. Que mínimos se precisan para facer unha webserie? "Algunha, non galega, fíxose cunha cámara fixa cun único plano e unha persoa falando nun sofá. De todas maneiras o orzamento mínimo para un capítulo, só cubrindo dietas, sería de 1.000 euros e está complicado conseguilos". Alfonso Míguez, coprodutor, coguionista e actor de PIB, fala "de conseguir non volver pagar por traballar, que a xente teña asegurada comida e transporte. A esixencia é moi profesional. O único non profesional son os honorarios". Para buscar patrocinios, o número de persoas que viron a serie é a mellor das garantías, co cal cómpre un gran esforzo na comunicación do produto, através da rede. "As redes sociais son a base, sen elas non tes nada. A ferramenta para movela son a páxina de Youtube, a páxina web e unha de Facebook. Con iso tes que distribuír o produto", explica Silvia Fuentes que aspira a, en breve, chegar a mil seguidores de Fame, serie que tamén está subindo en reproducións e subscricións na rede. Un fenómeno en aumento Desde que Gran compadre se presentou hai un ano como a primeira webserie galega, o fenómeno non parou de medrar, o que levou a engadir unha categoría nos Premios Mestre Mateo do audiovisual e mereceu un lugar de privilexio no Espazo Cinema da pasada edición de Culturgal que se celebrou en Pontevedra. "Deberan ter xa algunha liña de axuda especial. É un formato que xa non se pode obviar. Nós elaboramos un piloto, mais agora estamos deseñando capítulos máis ambiciosos buscando revalorizar o concepto de webserie", comenta Alfonso Míguez. "Cantas se estarán a facer? Son incapaz de sabelo agora, o certo é que neste momento hai moitas en preprodución que sairán dentro duns meses. Creo que a eclosión aínda está por chegar e vai sorprender o número delas que en breve chegarán á rede", explica Silvia Fuentes, para quen a facilidade de produción e difusión converte as webseries nun produto atractivo para profesionais do audiovisual. "Nós estamos a traballar todos os días e con dedicación exclusiva porque non temos outras propostas e queremos elaborar un produto de calidade. Difundímolo na rede, mais tamén facemos un esforzo polo encontro co público, con merchandising clásico como chapas ou camisetas", explica Alfonso Míguez. Do catálogo das oito series que participaron no maratón de Culturgal, o escaparate da cultura galega que as incluíu no seu programa, sorprendía a cantidade de rostros coñecidos da televisión ou o cine que tomaban parte nas equipas artísticas. "Na situación desgrazada que vivimos, moitos actores e actrices déixanse caer polas webseries porque non teñen moito máis que facer e nesta profesión, se quedas parado oxídaste", comenta Alfonso Míguez quen, de todas maneiras, fala xa dun cambio na consideración das webseries que se mostra, pon por caso, en que algunha canle televisiva xa comezou a emitir algunha delas. "Hai algo en común entre todos os que se adican a este formato, son xente valente e con paixón. Non hai receita para sacar adiante proxectos coma estes, pero hai uns ingredientes básicos: unha idea e gañas, moitas gañas". As palabras son de Anxos Fazáns, directora e guionista de Fama, ao presentar a segunda parte da súa webserie.
NOS_41459
Nas últimas 24 horas rexistráronse case 1.900 contaxios e 35 hospitalizados máis coa positividade superando o 12%, sete puntos máis do que estabelece a OMS para dar por controlada a pandemia.
Galiza suma este sábado, 23 de xaneiro, case 1.900 contaxios detectados e 35 hospitalizados máis nunha nova xornada de máximos desde o inicio da crise sanitaria en que a taxa de positividade das probas PCR practicadas volveu estar por encima de 12%, sete puntos máis do que estabelece a OMS para dar por controlada a pandemia. Así figura na actualización dos datos da pandemia en Galiza que diariamente colga na súa páxina web a Consellaría de Sanidade con información recollida até as 18 horas do día previo (neste caso, a sexta feira, 22 de xaneiro). Até ese momento, Galiza detectara nas 24 horas anteriores (por calquera tipo de proba diagnóstica) un total de 1.888 contaxios de Covid-19, 86 máis que o día anterior. Deles, 1.515 foron casos confirmados por positivo nas 12.332 probas PCR practicadas durante a xornada. Tanto o número de contaxios totais detectados como os positivos en PCR supoñen novos teitos da pandemia, que Galiza foi elevando cada día desde practicamente a fin das festas do Nadal. As cifras deste sábado tamén supoñen novo récord de casos activos, que chegan xa a 18.286 tras sumarse ao cómputo 1.161 en só unha xornada. Así, Galiza continúa en camiño de alcanzar os 20.000 casos activos de se manter a tendencia dos últimos días, en que se produciron incrementos diarios de en torno ao milleiro. Tamén segue en rumbo de pasar o limiar dos 1.000 hospitalizados, pois os datos deste sábado reflicten unha nova suba que deixa o total de pacientes Covid-19 en Galiza nos 967, 142 deles na UCI. Isto supón que o número de ingresados subiu en 35 en 24 horas, mentres que hai cinco pacientes máis que precisan coidados intensivos dos que había o día anterior. Con isto, a ocupación en UCI dobrouse a respecto das cifras da segunda feira, 11 de xaneiro. Áreas Por áreas, unicamente mellora a presión hospitalaria en Santiago-Barbanza, que experimenta un descenso de nove pacientes ingresados até os 133, 27 deles na UCI (-1). No resto sobe o total de hospitalizados salvo en Pontevedra, onde o cómputo de pacientes mantense en 97 cunha leve diminución nas unidades de críticos, que pasan a estar ocupadas por 13 (-1) persoas. Salienta o incremento que rexistra A Coruña-Cee, a área con máis ingresados de Galiza con 264 (+14), 38 en UCI (sen cambios). Tamén experimenta unha subida de dous díxitos Vigo, onde se elevan a 148 os hospitalizados (+11), dos cales hai 22 en críticos (+1). O distrito sanitario de Ourense-Verín-O Barco presenta a mesma variación con once ingresados máis até os 141 e os pacientes UCI soben a 12 (+12). Tras esta vén Ferrol, onde hai 132 ingresados con Covid-19 (+1), dos cales 19 necesitan coidados intensivos (+3). Para rematar, mantense como zona con menos hospitalizados a área de Lugo-A Mariña-Monforte aínda que os ingresados soben a 52 (+6), 11 deles en UCI (+1). Récord de contaxios e positivos PCR Así as cousas, Galiza continúa elevando cada día desde hai unha semana as súas cifras máximas da pandemia en canto a contaxios detectados en 24 horas e casos activos totais. O teito fica fixado nos 1.888 contaxios detectados (por calquera tipo de proba) que notifica Sanidade este sábado, 86 máis que o día anterior. Deles, 1.515 foron positivos por proba PCR (+10) nunha xornada en que se fixeron 12.332 tests (1.309.379 desde marzo), o que supón unha taxa de positividade de 12,5%, de novo en niveis máximos da crise sanitaria. Así, Galiza continúa sete puntos por encima do 5% que marca a OMS para dar por controlada a pandemia e do que non se baixa no país desde o 24 de decembro. De feito, só Pontevedra (8,5%) e Ourense (8,8%) baixan de 10% de PCR positivas no último día, en que Vigo, Ferrol e A Coruña superaron o 15%. Esta última área santiaria achega un cuarto dos contaxios detectados. Pasamentos En Galiza contaxiáronse de coronavirus 85.251 persoas desde o principio da pandemia. A área da Coruña-Cee foi a máis afectada, cun total de 19.330 diagnosticados, seguida de Vigo (16.593), Santiago-Barbanza (14.018), Ourense-Verín-O Barco de Valdeorras (11.706), Lugo-A Mariña-Monforte (9.059), Pontevedra-O Salnés (8.844) e Ferrol (5.701). Do total de persoas afectadas pola Covid-19 curáronse 65.375 ─713 nas últimas 24 horas─, mentres que a cifra de falecidos alcanza xa os 1.599, despois de Sanidade notificar 15 falecementos nas últimas horas.
NOS_45288
A conselleira de Facenda, Elena Muñoz será a candidata do PP nas municipais en Vigo e, polo tanto, a segunda do executivo tocada pola man de Feijóo para encabezar as candidaturas despois de que Xesús Vázquez tivera aceptado ir á fronte da de Ourense.
En Vigo, a cidade máis poboada de Galiza, descoñecíase a tal altura quen encabezaría a lista do PP ás municipais e agora desvélase que o nome estaba xa no propio goberno de Feijóo. Segundo adianta La Voz de Galicia, será a conselleira de Facenda, Elena Muñoz, a que asuma o reto de ir á fronte da lista ás municipais de Vigo, sendo con toda posibilidade a segunda baixa do executivo de Feijóo polas municipais, despois de que xa se estean barallando en San Caetano nomes para o relevo de Xesús Vázquez á fronte da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria á espera de que en breve deixe o cargo para centrarse na campaña en Ourense. Segundo El País, o nome de Elena Muñoz sería a opción de Feijóo logo de que o ex-conselleiro Javier Guerra renunciara ao ofrecemento. Feijóo prescindira xa de Agustín Hernández do seu gabinete nun intento de salvar Compostela do desastre electoral que se prevía despois das múltiples imputacións dos membros do seu goberno e a obrigada saída de Conde Roa e Ángel Currás.
NOS_35355
"Que diga claramente se quere a unidade popular con nós ou non". Este era o recado que enviaba Yolanda Díaz, deputada de En Marea, a Luís Villares, de quen advirte que "polo de agora, non quere achegamento".
Unha única lista que integre En Marea, Podemos, Esquerda Unida e Anova. É o desexo expresado por Yolanda Díaz, deputada de En Marea no Congreso crítica coa cúpula do partido instrumental, de cara ás eleccións xerais do 28 de abril. Así o expresaba este domingo nunha entrevista concedida a Radio Galicia-SER. A militante de Esquerda Unida aproveitou para pedirlle a Luís Villares, portavoz de En Marea, "que diga claramente se quere a unidade popular con nós ou non". Con ese nós referíase a Podemos, Esquerda Unida e Anova, as formacións críticas coa dirección de En Marea. "Son consciente de que está habendo reunións con el mais tamén o que se me fai chegar é que Villares, polo de agora, non quere achegamentos", sinalou. O tempo corre na contra da "unidade popular" pretendida por Díaz, pois a sexta feira remata o prazo para a presentación das candidaturas ás eleccións municipais e En Marea conclúe na noite deste domingo as eleccións primarias para conformar as listaxes das xerais. "Non hai desculpa" para non fechar unha listaxe única, salientou a deputada, que restou importancia ás "poucas diferenzas que temos". Díaz cualificou de "complicados" os meses de goberno do equipo de Pedro Sánchez, "o único do que está a presumir é do acordo orzamentario que acadou con nós, mais a única medida concreta que se materializou é a suba do salario mínimo interprofesional". Precisamente, os orzamentos supuxeron o punto de inflexión nas relacións entre as deputadas e deputados de En Marea que forman parte do grupo parlamentar de Unidos Podemos-En Comú Podem-En Marea coa dirección de Villares. Mentres Alexandra Fernández -que anunciou a súa retirada da primeira liña política- atendía as directrices da cúpula e votaba contra as contas xerais ao entender que prexudicaban Galiza, Miguel Anxo Fernán Vello, Antón Gómez-Reino, Ángela Rodríguez e a propia Yolanda Díaz desoían a decisión da dirección de En Marea e daban luz verde aos orzamentos. Preguntada por se unha ruptura tería consecuencias no grupo parlamentar da Cámara galega, a deputada afirmou: "se non hai suma e o que hai é resta, temos un problema". Lembroulle ao respecto a Villares que el conta co apoio de catro deputados mentres que Podemos-Anova-Esquerda Unida suma dez. "É fácil prever o que pode pasar e dígoo con bastante tristeza. Creo que hai que ter audacia e altura de miras", engadiu. A respecto do seu futuro, sinalou que esta semana decidirá se aposta en postularse como candidata ao Congreso ou se fica na Galiza. Dixo estar "moi orgullosa" do seu traballo, mais advertiu que "estar en Madrid unha filla que esta semana fai sete anos é moi complicado".
NOS_6707
Cabo de Cruz, Chapela e A Cabana-Ferrol competirán esta tempada polo título galego, As de Cabo, ademais, procurarán unha praza na Liga Euskotren.
Máis unha tempada haberá traiñeiras a competir con mulleres na Liga Galega. Unha imaxe que xa non se fai estraña no mundo do banco fixo e que, consolidada en categorías como bateis e traiñeiriñas, aséntanse tamén no barco grande, a traiñeira, 13 remeiras e patrón. Nesta ocasión as competidoras serán Cabo de Cruz, Chapela e Cabana-Ferrol. Na tempada de 2015 vogou Mecos, praza que pasan ocupar neste ano as ferroláns. A Liga galega de traiñeiras componse de tres categorías: A e B masculina, entre ambas as dúas suman esta tempada 19 embarcacións (Cesantes non sacará finalmente barco ao mar) e feminina. Ademais, a traiñeira de Cabo de Cruz é a única galega que vai loitar por conquerir unha das sete prazas que acompañarán na Liga Euskotren á vixente campioa, San Juan. As barbanzás tentarán que Galiza volva ter representación nesta competición. Play-Off
NOS_28622
Alexandra Fernández di que as propostas que lles remitiron os socialistas "non son serias".
O documento de 17 páxinas que o PSOE remitiu a En Marea para recabar o apoio da coligazón a investidura de Pedro Sánchez non convenceu os destinatarios. "As propostas do PSOE non son serias e non dan garantías", manifestou Alexandra Fernández na Radio Galega. "Unha chantaxe de última hora" para lograr os votos de En Marea, dixo a propia coligazón a través dun comunicado. Consideran o documento como "un recital" de simples "boas intencións" nos que non se atopa un "compromiso firme" para coas necesidades e problemas de Galiza. "É cun corta e pega doutros documentos no que se agochan certas cuestións que lle son molestas. Tampouco di nada acerca de propostas de En Marea como a apertura dunha comisión de investigación sobre o accidente do Alvia e as medidas que plantexa sobre Galiza son xeneralidades que non se concretan en nada", sinalou Alexandra Fernández antes de entrar á Xunta de Portavoces no Congreso dos Deputados. Afirman que se manteñen dispostos ao diálogo cos socialistas, mais pídenlles que sexan "serios".
NOS_52252
Competirá coas traiñeiras de Kaiku, Urdaibai e Hondarribia. E as vogadoras da Galiza-Rías Baixas agardan conquistar a súa quinta bandeira consecutiva
As augas de Donosti acollerán a vindeira fin de semana a regata de La Concha, a cita das traiñeiras por excelencia e para a cal se clasificaron nesta edición dúas tripulacións galegas (Tirán e Chapela, esta última a gran sorpresa), unha cántabra e cinco vascas. Realizada estes días a primeira xornada da Bandeira de La Concha, a quenda de honra queda conformada polas tripulacións de Kaiku, Urdaibai, Tirán e Hondarria. Gran papel dos vogadores galegos que lograron marcar o terceiro mellor tempo entre as oito traiñeiras en competición, superando a embarcacións como de gran historia no remo, como son as de San Juan e Astillero. A outra representante galega, Chapela, finalizou sexta, polo que competirá na outra quenda, conxuntamente con San Juan, Astillero e Donostiarra. En principio, todo parece apuntar a que Kaiku sexa a gañadora desta edición. As nosas!!! E xa no que atinxe á bandeira de La Concha en traiñeiras femininas, a representante galega ten moitas opcións de facerse coa vitoria, por quinto ano consecutivo. Desde que existe unha copetición de La Concha para embarcacións de mulleres, Galiza copou sempre o primeiro posto. Un mérito que lle recoñecen máis en Euskal Herria que na propia Galiza. Nesta primeira xornada, a Rianxeira cruzou a liña de meta cun tempo de 10:35:64. Getaria-Tolosa foi case 10 segundos máis lenta, cunha crono de 10:45:12. Zumaia tivo que se conformar coa terceira praza (10:49:96) e as vogadoras de San Juan acabaron últimas (10:55:82).
NOS_52460
No vixésimo quinto aniversario do seu pasamento, dúas exposicións reivindican a figura de Lodeiro, vítima dun certo esquecemento académico e crítico que non lle fai xustiza á súa obra.
Foi "o pintor de Vigo", e así asinaba moitas veces as súas obras. Foi fiel á súa clase, exercendo de artista coma quen exerce de obreiro do metal. Foi unha rara avis dentro do mundo da arte galega do seu tempo, deixando unha impronta de xenio e personalidade difícil de igualar. Foi, en fin, Lodeiro, o artista que admiraban observadores tan dispares como Cunqueiro, Blanco Amor ou Méndez Ferrín. E o pobo, que era quen estaba no fondo das súas inquedanzas. O pasado 30 de setembro cumpríronse vinte e cinco anos da morte de Xosé Telmo Lodeiro, un artista, como diría Antón Reixa, "local, como Martín Codax". Un pintor que botou raíces na súa cidade para estender as súas pólas polo mundo. Un creador que debuxou a súa propia visión da modernidade sen renegar das súas orixes obreiras. Para conmemorar a data, a Fundación Laxeiro e a sala Apo´strophe, arte, ambas en Vigo, inauguraron senllas exposicións que tratan de recuperar unha mostra da arte dun pintor imprescindíbel para comprender a evolución das artes na segunda metade do século XX e que talvez pola súa orixinalidade, ou talvez porque o interese na creación é sempre unha asignatura pendente neste país, caeu nun certo esquecemento institucional que, á vista do exposto, se torna incomprensíbel. "Era un pintor que, malia estar moi identificado coa cidade de Vigo, non debemos confundir cunha figura localista en absoluto. O seu cosmopolitismo é moi pouco frecuente na Galiza do seu tempo. E a súa obra é moi persoal no contexto da altura", di Javier Buján, da Fundación Laxeiro Javier Pérez Buján, director da Fundación Laxeiro e comisario da mostra Lodeiro. A xeometría inexacta, explica que "quixemos facer coincidir a inauguración de ambas exposicións co vixésimo quinto aniversario do pasamento de Lodeiro cunha vontade explícita de reivindicar a súa figura e a súa obra. Era un pintor que, malia estar moi identificado coa cidade de Vigo, non debemos confundir cunha figura localista en absoluto. O seu cosmopolitismo é moi pouco frecuente na Galiza do seu tempo. E a súa obra é moi persoal no contexto da altura. Resulta necesario estar atentos e lembrar constantemente obras como a súa, porque a memoria hai que exercela a diario, para que os referentes culturais non esmorezan". Efectivamente, Lodeiro inicia unha interesantísima traxectoria practicamente en solitario: ninguén na Galiza do seu tempo traballaba nun campo que, sen deixar de ser estritamente persoal, evocaba trazos de correntes internacionais cunha enorme presenza nos grandes foros da arte contemporánea daquelas décadas: o pop art, o op art, a abstracción xeométrica, a arte cinética... "A exposición parte dunha intuición miña de que a xeometría atravesaba toda a obra de Lodeiro, mesmo na parte máis figurativa: como organiza a superficie pictórica con degradados cromático, ou con liñas de forza... E quixen salientar esa característica que a min me parece fundamental en toda a súa pintura", explica Buján. Ruth Lodeiro, filla do pintor e comisaria da mostra Lodeiro. A figura transcendida, que se expón na sala Apo´strophe, concorda en que a xeometría xa está presente no principio dunha obra que "reduce a composición ás súas liñas esenciais, e busca os elementos básicos que organizan as formas". Se cadra, hai que ter en conta a suxestión de Buján, cando propón que "a maneira sistemática de achegarse ao traballo, con esa conciencia obreira que tiña, transformábao nun operario fronte ao seu labor: talvez a xeometría vén desa reiteración minuciosa". Ruth Lodeiro constata esa conciencia do traballo: "el, estivese como estivese, erguíase e ía traballar ao taller; era unha actitude ante a vida que ten moito que ver co seu activismo político, con esa camaradaría que sempre mostrou coas causas dos traballadores, coas que sempre mostrou a súa solidariedade". "Cantos amamos encarnizadamente a pintura de Xosé Lodeiro sabemos cousas pavorosas, máis gardámolas. Agrupámonos entre nós; constituímos unha especie de seita; apenas falamos do fenómeno que nos une. Mesmamente, e cunha sorte de tácito convenio, eludimos falar da súa obra. Pro coido que é chegado o intre de rachar con este silencio autocentrado e egoísta", escribía Ferrín xa hai anos O pintor de Vigo que Vigo esquece As dúas exposicións que agora se poden ver en Vigo opoñen visións complementarias da obra do artista: máis centrada nos traballos puramente xeométricos na Fundación Laxeiro e máis achegada aos motivos figurativos a de Apo´strophe. Ruth Lodeiro explica que quixeron facelo así para chamar a atención sobre unha obra ricaz que, porén, non ten a atención académica que merece e que sobre todo, está esquecida na cidade que tan orgullosamente exhibía na súa sinatura o propio Lodeiro. "Despois da antolóxica que se expuxo no CGAC (Centro Galego de Arte Contemporánea) de Santiago houbo unha exposición dos cadros de flores no Museo da Construción Naval de Ferrol e algunhas iniciativas de salas privadas, mais nestes vinte e cinco anos que transcorreron desde a súa morte a súa obra non puido verse en Vigo. "Cantos amamos encarnizadamente a pintura de Xosé Lodeiro sabemos cousas pavorosas, máis gardámolas. Agrupámonos entre nós; constituímos unha especie de seita; apenas falamos do fenómeno que nos une. Mesmamente, e cunha sorte de tácito convenio, eludimos falar da súa obra. Pro coido que é chegado o intre de rachar con este silencio autocentrado e egoísta", escribía Ferrín xa hai anos. E efectivamente, xa vai sendo hora de celebrar a súa figura como merece. Dúas exposicións: dúas miradas complementarias sobre Lodeiro Lodeiro. A xeometría inexacta está patente na Fundación Laxeiro até o vindeiro 16 de xaneiro de 2022. Lodeiro. A figura transcendida poderá verse na sala Apo'strophe até finais do mes de novembro os martes, mércores e venres de 18.30 ás 20.30 horas. Mentres que a primeira está máis centrada nesa cerna xeométrica que se atopa en toda a obra de Lodeiro, a segunda céntrase nunha pequena selección de retratos que confirman esa busca do esencial na composición e que está moi ligada ao tratamento da paisaxe que o fixo popular entre o público galego.
NOS_22613
Amnistía Internacional lembra que aínda seguen recluídos nesta prisión 39 presos musulmáns, o que supón "unha flagrante perpetuación da islamofobia e o racismo".
O cárcere militar da bahía de Guantánamo, na illa de Cuba, iniciou a súa actividade o 11 de xaneiro de 2002, cando as tropas estadounidenses internaron os primeiros presos. Agora, dúas décadas despois, esta prisión segue a estar no centro da polémica. Segundo informa Amnistía Internacional, aínda están recluídos neste edificio 39 persoas, todas elas de relixión musulmá, algo que para o colectvio supón unha "flagrante perpetuación da islamofobia e o racismo", xa que "ningún dos homes alí detidos recibiu un xuízo xusto". Hai 27 presos que foron condenados sen que se tivesen presentado cargos contra eles. "Seguen recluídos de forma indefinida no que constitúe unha violación do debido proceso legal e outras normas de dereitos humanos recoñecidas internacionalmente", engade. Daphne Eviatar, directora do programa de seguridade con dereitos humanos de Amnistía nos EUA, cre que este aniversario "non debería terse alcanzado". Desde o Goberno de George W. Bush, lembra, "houbo un acordo entre persoas expertas en seguridade nacional e de todo o espectro político a respecto do fechamento da prisión". "O presidente Biden debe cumprir o seu compromiso de fechar Guantánamo dunha vez por todas. Canto máis tempo permaneza en uso, máis seguirá a socavar a credibilidade global dos EUA en materia de dereitos humanos", asegurou. Tamén a ONG Human Rights Watch (HRW) denunciou o domingo os "custos humanos, morais e económicos" da prisión estadounidense. "Guantánamo segue a ser un dos símbolos máis duradeiros da inxustiza, os abusos e o desprezo polo Estado de dereito que os EUA despregaron en resposta aos ataques do 11-S", explica Letta Tayler, directora adxunta da organización para crises e conflitos, e coautora dun informe que estuda os custos vencellados ao polémico cárcere. A liberación dos presos, sostén a directora do proxecto de seguridade nacional da Unión Americana polas Liberdades Civís, Hina Shamsi, sería unha decisión doada para o Executivo estadounidense: "Con ordes xudiciais de transferencia non sería preciso que houbese notificacións do Congreso", defendeu, en declaracións ao diario The Guardian.
NOS_17045
O Bloque presentará propostas no Parlamento galego ante o que considera "unha irresponsabilidade política que supón un grave risco paras o patrimonio natural e para a seguridade das persoas".
O BNG presentou diversas iniciativas no Parlamento galego para denunciar a "desidia e a irresponsabilidade política" da Consellería de Medio Rural que, pese estar en período de máximo risco de incendios, ten parados a maior parte dos convenios de colaboración cos concellos para sufragar traballos de prevención na loita contra os lumes. Estes convenios, recollidos no Plan de defensa de incendios forestais (Pladiga) 2014, teñen por obxectivo manter limpas as infraestruturas viarias e aquelas que sexan competencia municipal, labor "imprescindíbel tanto para a prevención de lumes como para evitar a súa propagación en caso de producirse, e para facer máis eficaz as medidas de extinción", explica a portavoz parlamentaria de Agricultura, da formación nacionalista Tereixa Paz. "Podemos atoparnos co esperpento de que esta demora faga imposíbel levar a cabo os traballos de prevención", denuncia Tareixa Paz "Pese a estar en período de máximo risco de incendios e ter transcorrido máis dun mes da aprobación do Pladiga, estes convenios aínda non están operativos por estar pendentes da sinatura da Consellería de Medio Rural, que incorre nunha grave neglixencia", denuncia Paz. "Podemos atoparnos co esperpento de que esta demora faga imposíbel levar a cabo os traballos de prevención, ben porque expire o tempo establecido no propio convenio ou, aínda peor, porque xa se teñan producido incendios na superficie a tratar", denuncia a deputada do Bloque. Paz atribúe ao departamento que dirixe Rosa Quintana "mala fe nas relacións institucionais cos concellos", e considera que o "premeditado desmantelamento" das políticas de prevención na loita contra os lumes "roza a temeridade". "Hai que lembrar que deixar de facer ese traballo de prevención supón un grave risco non só para o patrimonio natural e forestal senón tamén para os intereses económicos e mesmo pon en perigo a seguridade das persoas que viven nas aldeas", advirte a deputada.
PRAZA_19715
A Real Academia Galega de Belas Artes homenaxea este 1 de abril a pintora Maruja Mallo, creadora universal, transgresora e libre Homenaxe en Viveiro: "Exemplo de valentía nunha época de prohibicións e represión"
Homenaxe en Viveiro: "Exemplo de valentía nunha época de prohibicións e represión" Vangardista, moderna, comprometida e, sobre todo libre. O Día das Artes Galegas celebra e reivindica este 1 de abril a vida e a obra de Maruja Mallo, a universal pintora galega nada en Viveiro en 1902, protagonista da explosión de creatividade dos anos previos ao golpe franquista e cuxo talento seguíu desenvolvendo ata os últimos anos da súa vida, que remataba en 1995 en Madrid. Os desprazamentos por traballo da familia de quen legalmente se chamaba Ana María Gómez González -a artista tomou o segundo apelido do pai- levaron a Maruja Mallo a Madrid a principios dos anos 20, onde desenvolveu na Real Academia de Bellas Artes os coñecementos que comezara a adquirir na Escola de Artes e Oficios de Avilés, en Asturias. Naqueles anos a pintora galega entra en contacto e tece estreitas relacións con quen comporían a Xeración do 27. Foi así como Mallo comezou a figurar como sinónimo de liberdade e conexión coas vangardas artísticas internacionais xunto a Federico García Lorca, María Zambrano, Luis Buñuel ou Rafael Alberti. Maruja Mallo pintaba, pero tamén ilustraba portadas de libros e colaboraba en revistas como La Gaceta Literaria ou Revista de Occidente. Así, a finais dos anos 20 a súa obra, xa encadrada no surrealismo, adquire unha gran sona con traballos como a serie Cloacas y campanarios que, como reflicte María Luisa Sobrino no Álbum das Mulleres do Consello da Cultura, xurdiu do seu traballo na chamada Escuela de Vallecas, na que se achegou á contorna dos arrabaldos madrileños. Tras unha estancia en París, na que a súa obra é coñecida de primeira man por artistas como René Magritte, Joan Miró, André Bretón ou Picasso, Maruja Mallo regresou ao Madrid da II República, onde amosou ás claras o sueu compromiso político e social. Foi docente en varias institucións mentres a súa obra pictórica evolucionaba e era apreciada en numerosos puntos de Europa. A súa implicación coas escolas da República foi o que provocou que no momento en que estoura o golpe franquista estivese en Galicia, como membro das Misións Pedagóxicas, e que puidese saír cara a Portugal en 1937. Mentres a ditadura de Franco se instaura en España a obra de Maruja Mallo é ocultada pero, pola contra, é recibida en Sudamérica con honras acordes á sona que acadara nos anos preivos. Conferencias, homenaxes e actos públicos salfiren uns anos de exilio que foron tamén de enorme creatividade. Mallo sería unha exiliada ata 1961, cando retorna a Madrid, onde tras trinta anos de ditadura é case unha descoñecida para o público, se ben esa ocultación é detectada "pola crítica máis nova", que a valora especialmente, destaca María Luisa Sobrino. Mallo foi, ao cabo, subliña a Academia de Belas Artes, unha das inspiradoras do "concepto de nova muller", unha creadora "poderosa, irreverente, valente, atrevida" e "coprometida cos ideais de liberdade que a levaron ao exilio". Foi pintora, pero tamén escribiu, traballou a cerámica, a escenografía ou o mural. En Galicia, no entanto, a súa primeira gran exposición non chegaría ata 1993, cando a súa obra foi exposta no Centro Galego de Arte Contemporánea, se ben o seu delicado estado de saúde non lle permitiu presentala como desexaba. Ficha de Maruja Mallo no Álbum das Mulleres do Consello da Cultura Galega DOCUMENTAL | Maruja Mallo. Mitad ángel, mitad marisco ENTREVISTA | No programa A fondo de TVE en 1980
NOS_47730
O coordinador do Movemento Autonomista Mapuche, Héctor Cumilaf, participou hoxe nos "Diálogos desde a periferia" organizados pola Fundación Galiza Sempre.
O coordinador de Wallmapuwen (Movemento Autonomista Mapuche) Héctor Cumilaf falou esta quinta feira da realidade dese pobo chileno e dos paralelismos existentes coa Galiza no foro "Diálogos desde a periferia". Baixo o título 'A loita mapuche. Contra a represión e pola participación política en Chile', o activista explicou que o feito de que o pobo mapuche quixese comezar a participar da política supuxo "unha represión brutal". Nunha conversa coa portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda, Cumilaf reflexionou sobre a visión que ten agora a sociedade chilena deste pobo e doutras comunidades indíxenas. "A xente comprendeu a violencia coa que actúa o Estado cando se cuestiona o modelo como fixo o pobo mapuche", sinalou. Nese sentido, asegurou que houbo asasinatos e agresións e mesmo se procuraron pistas "falsas" para xustificar algúns actos da policía chilena. Así mesmo comentou que malia toda a loita aínda non está asegurada a presenza real do movemento na política do país e que esta semana é de vital importancia para acadar acordos. "A dereita quere que haxa só 15 cupos para todos os pobos indíxenas, dos que o mapuche tería seis" pero non hai acordo ao respecto. Ao mesmo tempo "estase a presionar para que haxa escanos reservados". Nas palabras de Cumilaf descubríronse certos paralelismos coa Galiza, nos que incidiu a nacionalista nas súas preguntas. O coordinador aludiu á negativa a que o pobo aproveitase os ríos e as grandes plantacións, por estar en mans de empresas. Reivindicou o dereito de aproveitamento da auga e as terras que terían as persoas que viven nesas contornas. Igualmente lamentou que se loitara co idioma cando era "lingua vehicular" e "dominante" na zona até o século XIX. "Pero Chile e Arxentina fixeron unha política para sacala e para que os mapuches mesmo se avergoñaran dela", remarcou, recordando que esa sensación prolongouse durante "polo menos dúas xeracións" e está comezando a cambiar.
PRAZA_10589
Gonzalo Caballero apela á "responsabilidade colectiva" para que "en xullo" haxa en España un "goberno socialista, progresista e de esquerdas" con "plenas competencias". Unha eventual repetición das eleccións xerais sería pouco propicia para o PSdeG na medida en que engraxaría o argumentario co que, dende finais de xuño, Feijóo tenta retomar a iniciativa política
O intensísimo ciclo electoral precipitado polas eleccións xerais do 28A, que continuou un mes despois coas municipais e europeas do 26M, deixou o PSdeG nunha posición que os propios socialistas galegos nin sequera imaxinaban non hai moito tempo. A combinación de factores, dende a dinámica ascendente do PSOE en España á división da dereita pasando polos problemas internos no espazo das Mareas tornou nun vento de cola que os elevou ata onde nunca estiveran: primeira forza política en Galicia por primeira vez na súa historia.Os bos resultados numéricos nestas tres citas coas urnas, engadido ao alargamento do poder territorial en concellos relevantes, insuflaron aos de Gonzalo Caballero optimismo cara ás eleccións galegas previstas para 2020. Ven "semente" para un "cambio" de Goberno en Galicia baseada nunha "maioría social progresista" liderada polo propio PSdeG, afirmou Caballero, quen se dispón a entrar no Parlamento como líder da primeira forza da oposición tras a ruptura do grupo de En Marea. Como primeiro paso, este mércores recolle a súa acta.O relato da "fin de ciclo" do PP e de Alberto Núñez Feijóo ten agora diante de si un contrarrelato semellante ao que xa tivo antes dos comicios galegos de 2016: a sombra do bloqueo político en España. Os desencontros personificados en Pedro Sánchez e Pablo Iglesias cara ao debate de investidura que se desenvolverá a vindeira semana no Congreso dos Deputados incomodan no PSdeG en clave estatal, pero tamén galega. Cómpre unha investidura canto antes, a ser posible "en xullo", advertiu Caballero este martes.Gonzalo Caballero apela á "responsabilidade colectiva" para que "en xullo" haxa en España un "goberno socialista, progresista e de esquerdas" con "plenas competencias"Así o fixo ver o secretario xeral socialista durante unha visita a Camariñas . "Queremos que en xullo haxa un goberno en España con todas as competencias" e para iso, advertiu, cómpre "responsabilidade colectiva". El, afirma, desexa un "goberno socialista, progresista e de esquerdas" a pleno rendemento "canto antes" porque é o que "corresponde" en virtude dos resultados do 28A. A cidadanía "non quere repetir eleccións", senón un goberno liderado por Pedro Sánchez "canto antes", reiterou antes de lembrar que o presidente do Goberno en funcións e candidato á reelección conta con "todo o apoio" da dirección nacional do PSdeG.Alén da evidente oportunidade para a recuperación do voto da dereita e do risco de desmobilización da posible desafección do electorado da esquerda, moi mobilizado no 28A, unha eventual repetición das eleccións xerais sería, a priori, pouco propicia para o PSdeG. Seríao na medida en que engraxaría o argumentario co que, dende finais de xuño, Feijóo tenta retomar a iniciativa política: a "estabilidade". Practicamente todos os anuncios e eventos protagonizados polo presidente da Xunta nas últimas semanas estiveron apoiados nesa idea. Unha eventual repetición das eleccións xerais sería pouco propicia para o PSdeG na medida en que engraxaría o argumentario co que, dende finais de xuño, Feijóo tenta retomar a iniciativa política: a "estabilidade"Mesmo o nomeamento de Corina Porro como delegada do Goberno galego en Vigo inmediatamente despois de encomendarlle a xestora do PP local é, segundo Feijóo, exemplo de "estabilidade". Porque en Galicia, defende o presidente, a maioría absoluta do PP permite que todo sexa "estable" e non haxa sobresalto ningún a respecto de quen goberna.Se, finalmente, a investidura de Sánchez é desbloqueada, o novo Goberno de España afrontaría o outono a pleno rendemento e, previsiblemente, anunciando ou aplicando medidas en clave social que son especialmente ben acollidas no PSdeG. "A Galicia vaille ben" cun Goberno socialista no Estado, reitera Caballero. Se, pola contra, a investidura estatal segue bloqueada en setembro e a ausencia de maioría de goberno deriva en novas eleccións, a repetición dos comicios tornaría en principal ariete do PPdeG contra o líder socialista, que no outono porá voz ao seu grupo no derradeiro debate de política xeral da lexislatura. A combinación de bloqueo e repetición electoral tornaría, daquela en vento de cola para os conservadores, que alentarían cara ao obxectivo de tentar a cuarta maioría absoluta consecutiva ou, cando menos, cara á posibilidade de reter o Goberno galego unha década despois de desbancar a coalición de PSdeG e BNG.
NOS_29577
O último filme de Alfonso Zarauza (Compostela, 1973) estréase na Galiza, logo da premiere no Festival de Sevilla esta semana, na clausura do Cineuropa en Santiago, o próximo domingo. O director recibe ademais o Premio de Honra nun festival no que se educou cinematograficamente. Coa consciencia de que as súas mellores obras están aínda "por chegar", presenta a potencia espida dunha película sen grandes atavíos, que consegue captar a autenticidade do íntimo. Ons é un chanzo máis nesa procura, cunha linguaxe que sabe da duración e venera o fóra de campo, da verdade. Ou algo que lle arremede, como só o mellor cinema pode.
—O lugar, a illa de Ons, destaca desde o título como algo máis que un escenario. De onde xorde a idea de achegarse a ela e transformala case en protagonista? Na primeira versión de guión, ao arrincar coa idea do filme, buscaba un lugar afastado de todo dentro da Galiza, de difícil acceso. Fun desde Estaca de Bares [Mañón] até sitios illados de alta montaña... Pero ningún deses espazos me funcionaba. Até que un día se me ocorreu xustamente a idea da illa. Dentro das múltiplas do país, a que máis me cadraba era Ons. En canto din con ela, o guión medrou como un soufflé nun forno. Todo adquiriu sentido cando Ons entrou na historia, antes era máis feble, faltáballe a forza que ten agora. A aparición da illa foi crucial. Durante as oito seguintes versións do texto foi collendo forma e deulle todo o sentido ao filme. —Nótase que houbo un proceso de investigación do que significa habitual unha illa. Como foi? Pois os procesos dun filme son tan longos que vai case para cinco ou seis anos que comezamos con isto. Ao longo dese tempo eu fun a Ons unha chea de veces, desde Semana Santa até o mes de outubro viaxaba igual tres ou catro veces. Así fun coñecendo a xente, entrevisteime cos fareiros, falei cos de Parques Nacionais... É fundamental coñecer o lugar, aínda que é unha historia ficcionada, pois ten moito pouso da realidade. —Nese traballo da illa como unha personaxe máis, a climatoloxía xogaba un papel fundamental. Como condicionou isto a rodaxe? Foi bastante tolaría, mais para min resultou libertador. As gravacións audiovisuais adoitan estar moi cinguidas a unha especie de plan de produción, que é a maneira de que non se che disparen os orzamentos. En canto ao financiamento é moi necesario, pero no nivel creativo é castrador. Como eu era tamén produtor do filme, foi a primeira vez na miña vida que tiven a liberdade de rachar un pouco con isto. O que fixemos foi algo que se consideraría suicida: en máis de 30 días de rodaxe, só cumprimos o plan dous. Estabamos sempre mudando en función do clima, porque para nós era esencial. Rodamos en outubro-novembro para termos todos os elementos: verán, outono, chuvia, néboa, temporais... Pódense falsear con efectos especiais, pero ás veces son moi cutres e ter a verdadeira natureza outórgalle moita forza ao filme e á imaxe. As xefas e xefes de equipo confiaban moito en min, pero ao mesmo tempo tiñan dúbidas de se sairiamos ben parados, porque isto supón, por exemplo, non saber o día anterior as secuencias que se ían gravar, sen poder deixar as cousas preparadas. Foi moi duro climaticamente, unha rodaxe moi épica, pero tamén fermosa, porque o equipo estaba moi unido e cría no que estabamos facendo. Foi poderoso nese sentido e penso que iso se nota tamén no filme. —Interésame unha idea que formula a personaxe da fareira, que semella condensar unha das chaves do filme: "Para min a soidade é liberdade". Claro, é unha das ideas esenciais. Había un diálogo que desapareceu, da propia fareira, que contaba que saíra da illa para estudar en Madrid e, malia estar rodeada de xente, nunca se sentira tan soa. En cambio en Ons está illada, pero asocia esa condición á de liberdade. O filme ten moito que ver con iso, coa idea de liberdade que che dá a soidade, aínda que sexa paradoxal, porque se trata dun sentimento que pode ser desasosegado. —Este diálogo mostra algo común na súa obra, a capacidade para deitar estas reflexións profundas desde a naturalidade da fala das personaxes, sen a grandilocuencia que ás veces acusan no cinema estas sentenzas. Como se traballa o guión nese senso? Ou que oco ten a improvisación das intérpretes? É un conxunto de cousas. Eu son moi meticuloso no guión, fago moitas versións. Comeceino con Jaione Camborda, a miña compañeira de escrita. Gústame moito empezar os filmes con ela. Estivemos case tres meses falando da idea, pero sen escribir nin a primeira palabra. Era ir ao esencial: que queriamos contar, como, que evitar... Así traballamos todos os días, moitas horas. Unha vez tivemos unha estrutura inicial, xa me puxen a escribir eu só. Pero ese traballo con ela foi fundamental, aí está a esencia. Jaione ten unha ollada moi poderosa, máis feminina, o que me interesa moito porque contrasta coa miña. A partir de aí pasei case dous anos facendo versións, pulindo os diálogos até que quedaron no esencial, moi "de verdade". Logo vén o traballo cos actores, que lle dá outra capa. Eu déixolles unha liberdade controlada, intento que fagan seus os diálogos, que os incorporen na súa organicidade e na súa fisicidade. É algo complexo e delicado, que leva moito tempo, como un labor de artesanía até que o consegues. Intento que se pareza á verdade porque para min é moi importante. A respecto disto, hai diferentes maneiras de falar dentro do propio idioma que aparecen tamén no filme. O galego das personaxes da illa é distinto das que veñen de fóra, máis urbanitas. Dúas delas son galegos de Barcelona e falan un galego culto, probabelmente aprendido máis na escola que na casa. Unha cousa que me horroriza das series é que todos falan un galego mentireiro, o que é normal pola función de promoción do estándar, que é necesario e valioso, pero a nivel estético... Non me creo nada cando sae un garda civil falando un galego normativo. Para min é moi importante o idioma e coidar a verdade. Por iso aparece tamén a diglosia, que me parece interesante resaltar e fágoo moito nos meus filmes, que de súpeto unha personaxe galegofalante se pase ao castelán, porque é algo que acontece. A estranxeira é a única coa que neste caso falan castelán, porque é algo moi noso, para ben ou para mal. Gústame que se pareza á realidade nese sentido, aínda que para min é fundamental que sexa un filme en galego, porque en caso contrario non sería un filme galego. Pero ese é outro cantar. —É esa procura de realismo o que leva a rodar practicamente todas as escenas en plano-secuencia? Por que escolle esa linguaxe? Esa foi unha decisión moi arriscada, que implicou toda unha serie de problemas na rodaxe e na montaxe, dos que eu era consciente. Isto é algo que me pasara pola cabeza facer en filmes anteriores, pero non sentía o dominio ou o control para levalo a cabo, pois tecnicamente é complicado. Porén, aquí si que me vin coa capacidade para facelo e creo que era importante para a linguaxe do filme. Para min, quer no guión quer na maneira de realizalo, é case máis importante o que non se di que o que se di, o que non se ve que o que se ve. Iso tamén forma parte da elección do plano-secuencia, no que nunca imos ver todo, senón unha parte, a que a min me interesa, pero vai quedar outra oculta que vai estar aí presente e dá tanta información como a que vemos. Foi complicado levalo todo a un plano-secuencia, porque significa que se non queda perfecto non tes oportunidade de amañalo logo na montaxe como se adoita facer. Aquí a escena ficaba tal e como era, tiñas que estar moi seguro do tempo interno, que pode facerse longo ou pesado, e logo non tes maneira de acurtalo. Para que todo resultara ben había que facelo dunha maneira moi meticulosa, moi limpa. Foi arriscado, pero finalmente estou moi contento co resultado. Para min é moi importante o idioma e coidar a verdade. Por iso aparece tamén a diglosia, que me parece interesante resaltar e fágoo moito nos meus filmes —Recibe este ano o Premio Cineuropa, un festival ao que vostede se atopa moi vencellado desde os seus comezos. Como é esta relación co evento? Foi unha sorpresa moi bonita, aínda que cando un empeza a recibir premios honoríficos comeza a sentirse un pouco maior [ri]. Agradécelo moito, pero ficas un pouco desconcertado, nunca te ves a ti mesmo preparado para esta clase de cousas. Penso que os meus mellores filmes están por facer. Mais non deixa de ser moi gratificante, sobre todo vindo dun festival no que eu me eduquei cinematograficamente, o meu ollar e a miña cultura. Vou a el desde comezos dos 90, sendo un adolescente. Nel estreei a miña ópera prima, A noite que deixou de chover, fixeron un foco da miña cinematografía... Todos os meus filmes pasaron por el e sempre acudo, máis como espectador que como cineasta. Para min é un festival moi querido, por iso é o triplo de marabilloso que me premien. —A rodaxe foi hai por volta dun ano. A Covid-19 afectou máis á parte da distribución, pero tamén alterou algo a posprodución, non? Si, afectou na posprodución sonora. Acababamos de rematar tres días antes a de imaxe, todo o que foi a montaxe. Primeiro colleunos por sorpresa, como a todo o mundo, e paralizouno durante un mes máis ou menos. Non puidemos entrar no estudio de David Machado como estaba previsto, pero a partir dun par de semanas e do desconcerto inicial comecei a falar con Xavi Font, produtor do filme, que ademais é músico. Ten un estudio na casa e iso permitiunos facer un traballo sonoro previo que foi moi interesante, porque normalmente entras coas semanas contadas, pois custa cartos. Aquí puidemos experimentar un pouco, polo que para nós non foi exactamente malo. Cando chegamos á Panificadora, o estudio de Machado, xa iamos cunha idea máis concreta do que queriamos. Porén, foi malo no sentido dos festivais. Mandámolo a Cannes e pasara na Quincena dos Realizadores ao que se chama a shortlist, unha escolma de películas preseleccionadas na que é moi moi difícil estar. Tiñamos moitas esperanzas, pero ao pouco tempo o festival veuse abaixo e foi bastante frustrante. Agora toda a distribución está complicada, caen moitos eventos e todo é o triplo de difícil, porque os máis importantes, como o propio Cannes ou Locarno, non se chegaron a facer. Hai un remanente de cinema de moita calidade que fai complexo entrar no circuíto este ano. É un pouco lío, pero é o que hai, e cómpre pelexar a pesar das circunstancias. —Apuntaba antes unha idea sobre a que me parece interesante afondar: a consideración da lingua no cinema. Podemos falar de que un filme é galego se non está en galego? Para min non. Só é un filme galego se está en galego. Si pode ser un filme de produción galega se hai cartos da Galiza, pero para min a nosa cinematografía é a filmada en galego. Eu mesmo teño filmes, como a miña ópera prima, feita cando vivía e traballaba en Madrid, que non entran aí. Eu quería facelo en galego, mais tivo que ir en castelán e non o considero enteiramente galego, malia gravarse en Compostela e con técnicos e actores galegos. Forma máis parte da cinematografía española, aínda que tamén da galega por moitas razóns. Igual que pasa na literatura, Valle Inclán pode ser un autor galego, pero escribe en castelán. Para min o cinema galego é o que está feito en galego, non ten moito máis debate. Aínda que sei que hai moita xente que non o ve así. —En Encallados, desde a metaficción, retrataba o mundo do cinema e algúns dos condicionamentos dos creadores, tamén desde unha posición crítica. O sector audiovisual, como moitos outros, acusa un peso importante das axudas e dentro do propio eido hai opinións diverxentes. Como se posiciona vostede? Eu penso que as axudas son cruciais porque sen elas non se pode materializar ningún tipo de filme. Non hai ningún país desenvolvido que non as teña. Aquí son escasas, non hai a vontade de crear unha cinematografía consistente. Hai como unha especie de continuísmo que leva así moitos anos, que en moitos aspectos diría que funciona, mais non existe un afán de perfección, de facer as cousas enteiramente ben. A pesar diso, a cinematografía galega atópase nun momento moi sólido, nunca houbo tantos filmes nin tantos cineastas tan bos. Pero son cousas tamén paradoxais. —Semella que o cinema galego atravesa un momento, cando menos, doce. Si, mais non só o cinema, a cultura galega en xeral. Estamos vendo que na poesía levamos dous anos seguidos recibindo o Premio Nacional [da Crítica]. En banda deseñada, ou a nivel musical, hai unha escena alucinante. Creo que estamos nun momento altísimo, pero hai pouca fe por parte das institucións en que isto se consolide e medre máis. Creo que é unha posición conformista: como dando moi pouco temos moitos resultados, para que dar máis. É a sensación que eu teño. Logo existe unha certa invisibilidade por parte dalgúns medios de comunicación, non precisamente da prensa dixital ou de diarios como Nós, que si apostan no sector cultural galego, pero outros parece que están a facer todo o posíbel por o agochar. Só sacan cousas moi excelentes cando xa é inevitábel, por exemplo, O que arde cando xa sae até nas portadas da prensa española. Pero colles calquera xornal e ves na capa a Melendi e non a Chicharrón. Por que pasa isto, cando a música do segundo é infinitamente superior? Porque seguimos con ese cosmopaletismo un pouco cutre e rancio, ás veces parece que voluntario, de valorar máis o de fóra cando o noso pode ser mellor en moitos parámetros. Vese así como creador, dobremente invisibilizado por facer cinema de autor e por facelo en galego, pola prensa española e pola da Galiza. —Ons é unha coprodución galego-portuguesa. Isto, malia a proximidade lingüística, non é precisamente habitual, mais parece que nos últimos tempos se está explorando máis esa alianza lusófona. Cre que é así? En principio ía ser a tres países, tamén con Bélxica, pero finalmente esa parte tivo problemas de financiamento. Si que está cambiando, afortunadamente. Portugal é un país alucinante que está a ter moitas veces moita máis crenza na nosa excelencia que España. Hai un dato bastante chave con Ons: foi mercada pola RTP, pero non por televisión española. Nese sentido, sinto máis proximidade e apoio de Portugal que de Madrid, TVE parece a televisión autonómica da capital. Os demais simplemente pagamos impostos para nutrir esa canle que só fai servizo da M-30 para dentro. —Na televisión estatal, con filmes en galego, xa é imposíbel, non? Por suposto, hai que dobralo como mínimo. —No seu futuro hai outra illa no horizonte: Islandia. Si, é un proxecto aínda en cueiros, que vai levar tempo financiar, outra coprodución internacional entre a Galiza e Islandia. É tamén un filme arriscado e complexo, porque é futurista, mais que acontece non nun futuro afastado e distópico, senón cara a 2040. Vense as cousas que empezan a aparecer ameazantes no presente de forma máis nítida. Ao mesmo tempo, Islandia é como un estado mental. Hai dúas personaxes principais, unha muller duns 30 anos e un home duns 65, que por diferentes razóns están moi pillados coa idea de Islandia. El porque era un mariñeiro galego que casou cunha islandesa e viviu alá até que a dona morreu; e ela porque fixo unha viaxe pasional cunha parella e ao volver romperon. Os dous están obsesionados, pero vivindo nun non-lugar que é unha cidade galega do futuro.
NOS_28642
Segundo informa a prensa de Madrid, as protestas e o castigo electoral que lle pode supoñer a un PP baixo mínimos unha lexislación dese tipo lévanlle a decantarse por aparcar as súas intencións.
As continuas protestas, a oposición da maioría da cidadanía -moi especialmente das mulleres, as afectadas directamente- e o negativo efecto electoral que estas circunstancias provocarían para un PP sabedor do seu deterioro están a levar ao Goberno de Rajoy e Gallardón a sopesar seriamente, e mesmo decantarse, por retirar a lei do aborto que tiñan preparada, que reducía dereitos aplicando as recomendacións reaccionarias da Conferencia Episcopal. Así o publica hoxe o diario madrileño El Mundo, que lembra que o regreso a normas de hai máis de trinta anos era unha fronte na que @s populares apenas contaban con apoios, tanto a nivel institucional como social. Múltiples manifestacións tiveron lugar desde que o ministro Gallardón amosase o seu desexo de reducir os dereitos da muller sobre a cuestión do aborto, que mesmo foi discutida -de xeito ritual- desde o seu propio partido. As protestas continuaron e parece que están a piques de obter resultado, malia que desde o feminismo xa se escoitan voces que chaman a "non baixar a garda".
NOS_587
A Fundación Luís Seoane terá que readmitir e indemnizar a Silvia Nogueira segundo o fallo que fixo público o Tribunal do Social da Coruña.
A Fundación Luís Seoane terá que readmitir a Silvia Longueira como directora despois de que o Tribunal do Social da Coruña declarara nulo o seu despido. A readmisión terá que ser, segundo o fallo feito público esta quinta feira, "nas mesmas condicións que rexían antes de producirse o despido", tendo a Fundación que abonar os salarios deixados de percibir neste tempo até que se faga efectiva a readmisión por un importe de 112, 37 euros/día. Así mesmo, a Fundación terá obriga de indemnizar a Silvia Longueira por danos morais na cantidade de 5.000 euros a consecuencia "da vulneración dos seus dereitos fundamentais". O padroado da Fundación Luís Seoane, a proposta do goberno municipal do PP, aprobara por unanimidade a fins do mes de outubro de 2013 a destitución de Silvia Longueira como directora. Á xuntanza non asistiran o presidente da Academia, Xesús Alonso Montero, o presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares e o reitor da Universidade da Coruña, Xosé Luís Armesto. O PP xustificou o despido de Silvia Nogueira pola vontade de imprirmir outra "velocidade" a un centro que afogaran econimicamente tanto nos orzamentos municipais como na eliminación do apoio directo da Consellaría de Cultura. Recibiron entón acusacións de "persecución política", á directora da Fundación, que fora concelleira de Asuntos Sociais co PSOE. David Barro na dirección O pasado mes de febreiro, tamén por unanimidade, o padroado da Luís Seoane aprobou seleccionar a David Barro entre as 36 candidaturas que concorreran ao posto. Barro presentou xa a nova programación da Fundación e inaugurou a primeira das exposicións coa obra do artista portugués Juliao Sarmento.
PRAZA_13362
As sondaxes indican unha total igualdade entre a coalición de esquerdas Syriza sobre os conservadores de Nova Democracia. Syriza, liderada por Alexis Tsipras, aposta por renegociar o acordo coa troika, eliminar a conxelación de salarios e pensións e elevar os impostos para as grandes empresas. Porén, apostan por seguir no euro. En toda Europa as forzas conservadoras levan semanas advertindo dos "terribles efectos" que podería ter unha vitoria da esquerda.
O 1 de novembro do pasado ano o daquela presidente grego, o socialista Yorgos Papandreu, anunciaba que sometería a referendo o segundo rescate ofrecido pola UE, 130 mil millóns de euros, e a conseguintes reformas, privatizacións e recortes. Non debera ter sido tan estraño que un país sometese a unha consulta democrática a aprobación dunhas medidas tan importantes, pero o caso é que finalmente a presión dos principais Gobernos europeos e do FMI obrigou a Papandreu a anular o referendo, e tampouco se decidiu por adiantar as eleccións. Alguén decidira que se debía protexer os gregos de si mesmos, e que un rexeitamento maioritario ao acordo coa troika tería consecuencias fatais. Pero as democracias celebran eleccións, e o 6 de maio Grecia celebrou comicios lexislativos que lle deron ao partido conservador de Nova Democracia unha pírrica vitoria (obtivo o 18,9% dos votos), insuficiente para formar goberno a pesar de que o sistema electoral grego outorga automaticamente 50 deputados máis ao partido máis votado. Estas eleccións debuxaron un escenario de fragmentación e feriron de morte o sistema bipartidista (Nova Democracia/Pasok) que rexera o país durante medio século; entre os dous grandes partidos sumaron pouco máis do trinta por cento dos votos. Tamén significaron a emerxencia de Syriza, unha complexa coalición de esquerdas conformada por grupos eurocomunistas, ecoloxistas, trotskistas, socialdemócratas esgazados do Pasok, colectivos de cidadáns indignados... Co 17% por cento dos votos conformouse como alternativa. Os comicios foron polarizándose entre Nova Democracia e Syriza Este domingo repítense as eleccións lexislativas, e a pesar de que continúa a fragmentación e de que grupos coma Pasok, Esquerda Democrática, Gregos Independentes ou o Partido Comunista teñen estimacións de voto semellantes ás do mes pasado, nestas últimas os comicios foron polarizándose entre Nova Democracia e Syriza (agora convertida en coalición estable, o que lle permite optar ao bonus de 50 deputados), e entre a continuidade do rescate negociado, os recortes e as privatizacións e a aposta de Syriza: rescisión unilateral e renegociación do acordo coa troika, eliminación da conxelación de salarios e pensións e a elevación dos impostos para as grandes empresas. Todo, nun país que leva cinco anos en recesión, que ten un 22% de paro e que o ano pasado sufriu recortes dun 25% nas pesións e dun 30% nos salarios dos funcionarios. Tsipras definiu o seu programa como unha "revolución pacífica" cuxo obxetivo será que "todo o mundo teña dereito a un salario decente, a unha pensión decente e á seguridade social" Ademais das grandes decisións xa referidas, Syriza prometeu que se accede ao goberno nacionalizará o sistema bancario "recapitalizando as entidades con accións comúns con dereito a voto, o que chamamos socialización do sistema bancario", segundo dixo Tsipras, que asegurou que os bancos quedarán "baixo o control público e social para que os depositantes gregos estean a salvo". Tsipras definiu o seu programa como unha "revolución pacífica" cuxo obxetivo será que "todo o mundo teña dereito a un salario decente, a unha pensión decente e á seguridade social". As sondaxes amosan unha igualdade case total entre os dous partidos, que se situarían entre o 25% e o 32% dos votos. A enquisa máis favorable para a esquerda, a do xornal Kathimerini, dálle un 31,7% dos votos, e uns 134 deputados, a 17 da maioría absoluta no Parlamento. Iso si, son maioría os gregos que din que Nova Democracia gañará as eleccións. Syriza: unha batalla a nivel europeo As mensaxes lanzadas pola prensa e os partidos conservadores e socioliberais, inciden nas "terribles consecuencias" que tería unha vitoria da esquerda Syriza preséntase ás eleccións cun claro programa de reformas, pero en todo momento deixou claro que aposta por seguir no euro. Porén, as mensaxes lanzadas pola prensa e os partidos conservadores e socioliberais, inciden nas "terribles consecuencias" que tería unha vitoria da esquerda nas eleccións que, din, levaría a Grecia fóra da moeda única e a unha tormenta nos mercados, contra Grecia e contra as demais economías periféricas, comzando por España, Portugal e Italia. Tamén se lanzaron globos-sonda referidos a que unha vitoria da esquerda levaría a unha inmediata fuxida de capitais do país (obviando que isto leva tres anos pasando en Grecia), e que a UE podería impoñer un corralito nas entidades financeiras e controis fronteirizos. Syriza respondeu a isto que "os que especulan son os partidos que nos levaron á bancarrota, os banqueiros que temen perder o control dos bancos que eles mesmos levaron á bancarrota e os representantes da corrupción política". O discurso do medo nas últimas semanas chegou a tales extremos en Grecia que Syriza optou por tomalo a broma, e mesmo elaborou cartaces nos que se comparaba a si mesmo con Godzilla destruíndo cidades, ou spots televisivos nos que se atribuía como culpable dos meirandes males. O discurso do medo nas últimas semanas chegou a tales extremos en Grecia que Syriza optou por tomalo a broma, e mesmo elaborou cartaces nos que se comparaba a si mesmo con Godzilla destruíndo cidades Se a dereita comezou a facer das eleccións gregas unha cuestión que afectaba a todo o continente, a esquerda tamén o fixo. Así, foi moi comentado en medios e redes sociais o apoio emprestado por Slavoj Žižek a Syriza nun acto público en Atenas, os artigos de James Petras afirmando que "En Grecia, a esquerda consecuente é Syriza", as análises de politólogos e intelectuais interesados polo fenómeno, ou as declaracións de líderes políticos de partidos políticos de esquerda de todos os países incidindo en que unha vitoria de Tsipras podería supor un "cambio de rumbo" na política da UE e o comezo dunha estratexia diferente para saír da crise. Os propios dirixentes de Syriza elevaron a súa aposta e levaron os comicios gregos a unha dimensión europea. Afirmaron, por exemplo que se Bruxelas segue esixindo a aplicación das medidas de axuste despois dun triunfo da esquerda nunhas eleccións que se interpretan como un plebiscito, "significará que a UE non recoñoce a democracia". Tsipras tamén dixo que "unha Europa sen democracia non ten futuro político. Tampouco credibilidade. Unha Europa sen Grecia estará culturalmente inválida". Tsipras aformou que se Bruxelas segue esixindo a aplicación das medidas de axuste despois dun triunfo da esquerda nunhas eleccións que se interpretan como un plebiscito, "significará que a UE non recoñoce a democracia" Ninguén sabe que pode pasar o domingo. As enquisas están moi axustadas e xa nas eleccións de maio máis dun terzo dos votantes recoñeceu que mudara o seu voto na propia campaña electoral e case un vinte por cento afirmou telo decidido no propio domingo dos comicios. Tampouco se sabe que pode pasar ao día seguinte, se Syriza (ou Nova Democracia) serían quen de formar goberno, se o Pasok apoiaría o candidato da dereita para manter o acordo coa troika, ou cal pode ser a reacción da UE, do FMI e dos mercados no caso de que Syriza rache unilateralmente o acordo coa troika. O domingo os gregos votan (unha parte) do futuro de todos os europeos. En Athens News pódese seguir a actualidade grega en inglés, e o domingo o escrutinio dos votos, en directo
NOS_28196
O solsticio de verán vénse celebrando desde o pasado máis remoto e, desde entón, son milleiros as fogueiras que iluminan o mapa da Galiza. O San Xoán, festa de orixe pagá, forma parte da tradición e do patrimonio cultural. Poucas celebracións teñen tal nivel de implantación e enraizamento popular, ademais da rica e vizosa tradición histórica.
Salto por ribado lume de san Xoán,para que non me mordacadela nin cannin bicho vivinteque ande polo chan Cóntanse por ducias os refráns e as cantigas que beben do San Xoán, unha das festas máis populares das que se celebran na Galiza. Catarse colectiva, é esta unha cita ancestral que amalgama elementos animistas, panteístas, celtas, gregos e romanos. As cacharelas; as Herbas de San Xoán; as sardiñas molladas no pan de millo; o roubo de cancelas… fan parte da linguaxe simbólica dunha data de socialización, non só entre persoas, senón tamén coa entorna, coas especies vexetais e animais e, sobre todo, co pasado. Unha data na que a dualidade ben/mal cobra o máximo significado. A cristianización bautizou o solsticio de verán como San Xoán (polo nacemento de Xoán o Bautista), unha festividade eminentemente popular. Que sexa a xornada de máis sol e, por ende, de máis luz implica que sexa considerado o día máis sagrado do ano. Deste feito derivan boa parte das características do San Xoán, segundo explica, en declaracións a Sermos Galiza, o antropólogo Xosé Ramón Mariño Ferro, "considerábase o día máis santo do ano por ser o de máis luz". A respecto do San Xoán, o profesor da USC sinala que serve de modelo para dar conta das festas católicas, "todas posúen o mesmo esquema: teñen a véspera, onde se ritualiza o mal, que se enfronta ao ben e o ben maniféstase o día santo". "O día anterior teste que purificar para entrares no día sagrado e os medios de purificación por excelencia son o lume e a auga", engade. Dualidade ben/mal Así, afirma que na noite do 23 se celebra o mal, "dise que é noite de bruxas e róubanse cancelas, que vén a ser a ritualización do caos, de facer mal e ir contra o sentido de propiedade, porque a cancela marca a orixe dunha propiedade. Tamén se rouban o arado… ou calquera outra propiedade, aínda que a cancela é a máis significativa". Despois do mal, chega o ben, e "hai que purificarse mediante o lume, saltándolle por riba e limpando as impurezas, e mediante a auga, lavándose con ela". A auga ten un forte simbolismo na tradición pagá e na cristiá. Relátao Vítor Vaqueiro na obra Mitoloxía de Galiza, "os crentes lavan as mans, a face ou outras partes do corpo co desexo de obteren curación –nun xesto claro de paganismo– ao tempo que recitan pregarias pertencentes ao corpus cristián. O mesmo ocorre na data de San Xoán, onde se conxuga esta festividade cristiá con accións como a recollida da auga de sete ou nove fontes". O escritor alude en Mitoloxía de Galiza á lenda que di que beber no solsticio de verán a auga de nove fontes é unha maneira eficaz de combater o bocio. Mais non é a única, porque a noite do 23 de xuño equivale a rituais, a maxia e a sortilexios. En relación coa auga, dise que o mar fica revestido de maxia, pois tomar baños no mar, recibindo nove ondas, cura as doenzas e ten propiedades fecundantes. Hai outras lendas ben curiosas: na noite de San Xoán poden oírse as campás de Antioquía, que foi asolagada nas augas da Lagoa de Antela. Na mañá do 24 asomaría sobre as augas a punta da torre desta cidade lendaria que testemuñou Vicente Risco. Das campas ás praias Se a auga é fundamental no San Xoán, tamén o é o lume, considerado un ente purificador, protector e sagrado. Mais non só. E é que as cacharelas posuían un claro compoñente social, segundo salienta Mariño Ferro, "facíase unha fogueira en cada casa e en cada aldea e nas cidades, en cada barrio, pois desa maneira marcabas a personalidade desa casa, desa aldea e dese barrio". Porén, nas últimas décadas "perdéronse as campas e os espazos abertos nas urbes, invadindo e degradando as praias coas fogueiras", lamenta Felipe-Senén ao respecto, para quen o 23 de xuño é a festa do solsticio; dos catro elementos –auga, terra, lume e aire–; da familia, do grupo e da tribo. As lendas populares din que afumarse afasta os malos agoiros e as bruxas, ademais de liberar do mal de ollo e das envexas. De feito, existía o costume de afumar o gando (coa queima de leña verde) e considerábase que as lumeiradas servían como protección para as colleitas de millo e centeo. Segue a manterse na actualidade o salto á fogueira, que segundo a tradición sempre debe ser en número impar. Desa linguaxe simbólica que representa o San Xoán forman parte as sardiñas, por algo "No San Xoán a sardiña molla o pan". Trátase dunha tradición que, como conta Mariño Ferro, foi estendéndose polo país, mais é propia da costa, "hai que ter en conta que antes o peixe fresco non se comía en todas as aldeas". Alén da Galiza A coñecida como noite máis curta do ano tamén se celebra alén da Galiza. En Portugal destacan as coñecidas como Fogueiras de São João, cunha forte implantación no Porto. Son salientábeis as festas catalás e valencianas; así como as nórdicas; as francesas e as británicas. Lume, auga, rituais con herbas e xantares populares son características do San Xoán máis alá do país, como o caso do Sankthans danés, que se remonta á época viquinga; o Jonsok noruegués ou mesmo o Jaanipäev estoniano. [Esta información foi publicada no número 301 do semanario en papel Sermos Galiza]
PRAZA_7918
Unha rápida ollada aos papeis de Bárcenas revela que quen retroalimentou a trama durante todos estes anos foron, seguen a ser, as grandes empresas construtoras, entre outras corporacións. Isto ten, na miña opinión, una enorme transcendencia para o medio ambiente e a sostibilidade ambiental de todo o estado, unha transcendencia definitiva.
Non había corruptores e corruptos senón que entre todos montaron unha trama, mafia dirían outros, de saqueo de cartos públicos cos que encheron e enchen os seus petos. Unha rápida ollada aos papeis de Bárcenas revela que quen retroalimentou a trama durante todos estes anos foron, seguen a ser, as grandes empresas construtoras, entre outras corporacións Unha rápida ollada aos papeis de Bárcenas revela que quen retroalimentou a trama durante todos estes anos foron, seguen a ser, as grandes empresas construtoras, entre outras corporacións. Isto ten, na miña opinión, una enorme transcendencia para o medio ambiente e a sostibilidade ambiental de todo o estado, unha transcendencia definitiva. A día de hoxe comprobamos, xa sen matiz ningún, o fracaso do modelo económico, ambiental e territorial que dende a transición foi imposto de xeito absoluto, baseado na construción sen límites de obras públicas e privadas. Neste anos vimos como por todo o territorio se tendían autoestradas libres ou de pago, AVE, se levantaban presas, paseos marítimos e fluviais, macroportos e aeroportos... E incluso, inclúo aquí, esas "repoboacións" forestais rodeadas de pistas e cortalumes e esas absurdas andrómenas agrícolas que son as concentracións parcelarias, obras ao fin e o cabo. A prensa foi unha soa voz en vender este modelo de país, de territorio e de desenvolvemento como o único posible E o que hai son aeroportos sen avións, macroportos inútiles e fracasados antes de finalizar, autoestradas de pago que hai que rescatar, autoestradas libres inxustificadas polas que circulan poucos vehículos, liñas de tren de alta velocidade que teñen que pechar e outras, claramente deficientes e que non facían falla ningunha, presas que non regan nada ou que regan fracasos agropecuarios, paseos marítimos ruinosos e baleiros, exércitos de piñeiros desfilando cara o lume e a degradación máis absoluta, labregos moribundos que mandan os fillos ás cidades como hai dez lustros. Esta é a realidade do modelo que se nos impuxo. E todo iso por non falar da construción privada, tamén imposta por esa trama de tres patas: partidos políticos, construtoras e banca. E todo este platexamento mafioso non tería funcionado senón houbera un lubricante de primeira calidade no engraxe: a prensa foi unha soa voz en vender este modelo de país, de territorio e de desenvolvemento como o único posible. De todo isto en Galicia sabemos o suficiente. A crónica dun fracaso anunciado. Si, anunciado. En todos estes anos, case a única voz que se ergueu por riba do monocultivo foi a voz do movemento ecoloxista E en todos estes anos, case a única voz que se ergueu por riba do monocultivo foi a voz do movemento ecoloxista. Non vou negar que pode soar a revancha. Os ecoloxistas fomos os únicos en advertir que o tren de alta velocidade é insostible e altamente impactante, inmantible pola súa alta dependencia enerxética e a súa baixa usabilidade, fomos os únicos que nos opuxemos a vectorizar o país con autovías para dar servizo, fundamentalmente, ao transporte de mercadorías por estrada en vez de promover o tren para este fin. Opuxémonos á clara aberración que é desnaturalizar o litoral con macroportos, portos deportivos, paseos marítimos. Denunciamos as políticas forestais e agropecuarias industrializadoras e claramente incompetentes. Advertimos a quen o quixo oír que a dependencia enerxética á que se nos sometía non podería durar. E por suposto dimos alternativas: apostar por un baixo consumo e de proximidade, polo transporte público fronte ao privado, polo tren de proximidade e de mercadorías, por unha xestión racional dos recursos. Pero en realidade todo iso non tiña a máis mínima posibilidade de ser porque o adversario era descoñecido, inda que intuído ou sospeitado. O que os papeis de Bárcenas desvelan con toda a súa crueza é que o modelo era un modelo de saqueo baseado na corrupción que supón a deriva ilexítima de cartos públicos para petos privados. Unha roda perfecta que bombea os cartos do estado aos petos das construtoras e destas aos petos do partidos que así poden seguir controlando o estado. Este círculo de excelencia non podía ser alterado cos nosos argumentos baseados na racionalidade do uso dos recursos comúns, na sostibilidade ambiental, social e económica. Simplemente xogabamos a xogos diferentes. Seguro que nos pareciamos máis tanto colectiva como persoalmente a eses países que ao final sempre envexamos e que non teñen tipos da calaña que nos gobernou e goberna Agora que xa o sabemos, podemos imaxinar que país teriamos se apostaramos polo transporte público, o transporte de mercadorías por tren, a produción local de alimentos, a investigación básica e aplicada, o aprecio e o respecto ao medio ambiente, a educación e a formación, a cultura, etc. Seguro que nos pareciamos máis tanto colectiva como persoalmente a eses países que ao final sempre envexamos e que non teñen tipos da calaña que nos gobernou e goberna. Por último, en xustiza hai que dicir que se ben hoxe os focos da corrupción iluminan ao partido que manda, este non foi precisamente o que máis
NOS_28267
Após catorce anos da Posición Común adoptada polos vinte e sete en 1996, a UE decidiu iniciar os trámites á fin de negociar un acordo de cooperación coa illa.
A pasada segunda feira @s minist@s de Exteriores da Unión Europea instaron a alta representante para Asuntos Exteriores, Catherine Ashton, para preparar un proxecto en que recolla "as directrices con que negociar un acordo de cooperación co goberno de Cuba". O documento viría a substituír de maneira eventual --aseguraron representantes europe@s-- á actual Posición Común que rexe desde 1996 as relacións entre a UE e a illa. A decisión comunitaria viría motivada pola "evolución positiva" do cumprimento dos dereitos humanos en Cuba --aseveraron desde as institucións comunitarias-- e procura "ordenar", din, as relacións entre Bruxelas e A Habana, tendo en conta que trece dos Estados membros da UE xa asinaron acordos bilaterais coa illa, no exercicio das súas competencias en política exterior. A decisión de instaren a Catherine Ashton a mudar a estratexia de política exterior con Cuba, prodúcese catorce anos despois da aprobación da primeira Posición Común adoptada pola UE-27 e a única fixada para o continente americano. Numeros@s xuristas internacionais aseguran que a norma aprobada hai máis dunha década pola UE posúe un importante carácter discriminatorio ao existiren convenios de relación con territorios como Israel ou os EUA. Aliás, boa parte dos Estados membros da UE presentan tamén graves violacións dos dereitos humanos, a miúdo máis graves que aqueles dos cales se acusa ao goberno cubano. A UE suspende no cumprimento dos dereitos humanos A norma, limita os trocos políticos, diplomáticos e culturais desenvolvidos entre Bruxelas e A Habana condicionándoos aos "progresos realizados por ese país no dominio dos dereitos humanos e as liberdades políticas", de acordo cos parámetros fixados pola propia organización. Neste senso, a UE mantén restricións nas relacións bilaterais con Cuba amparándose no mesmo argumento que os EUA empregan para o mantemento do bloqueo económico, comercial e financeiro após a desmembración da URSS. Porén, o último informe publicado por Amnistía Internacional cuestiona con dureza o cumprimento dos dereitos humanos en Europa e mesmo apunta que violacións se levan a cabo no vello continente e, non así, en Cuba. Neste senso, Amnistía Internacional achega no seu informe violacións cometidas en boa parte dos Estados membros, tales como "actos de tortura e actos inhumanos ou degradantes polas autoridades" desenvolvidos en Alemaña, Austria, Bélxica, Eslovaquia, Estado español, Francia, Grecia, Italia, Portugal, Romania ou o Reino Unido; tráfico de seres humanos ou de excravitude; discriminación legal cara a minorías étnicas; expulsión pola forza de minorías étnicas ou violencia recorrente contra mulleres, mozas e nenas, entre outros.